martes, maio 28, 2019

XIII Marcha a pé entre Ferrol e Mugardos - Venres 7 de xuño: Para salvar a Ría e a Vida, Reganosa ten que estar fora

Clicar na imaxe para ampliar

A Ría de Ferrol é un conxunto biolóxico, histórico, produtivo e de lecer, que debe ser protexido, conservado e potenciado xa que isto se traduce nunha mellora na calidade de vida dos habitantes e nun incremento da riqueza sostible para o Pais.

A Ría de Ferrol, posuía unha alta produtividade marisqueira. Ata hai pouco, máis de 700 persoas vivían desta actividade extractiva. Produtividade que se veu minguada de xeito drástico pola destrución sistemática do seu ecosistema.

As agresións medioambientais á nosa Ria tiveron lugar sobre todo a partir da segunda metade do século pasado (recheos, pontes en escollera, vertidos urbanos e industriais, etc.)

A posta en marcha dos sistemas depurativos da banda sur no 2014 e da banda norte no 2017, son básicos para a recuperación do ecosistema, pero aínda están inconclusos e incompletos pois os vertidos industriais seguen a producirse coa autorización de Augas de Galicia (Xunta de Galicia) de tal xeito que, o Complexo de Forestal del Atlántico ten autorizado verter á Ria máis de 27 millóns de Tons/ano procedentes dos seus procesos industriais, Megasa mais de 100.000 Tons/ano. Centos de veces máis que o volume de todos os emisarios urbanos da Ría.

A planta de gas de Reganosa, unha instalación ilegal e perigosa, constitúe outro factor de agresión medioambiental ao ter permitido esterilizar a base de hipoclorito sódico, 13.200 Tons/hora de auga do mar no proceso de regasificación , que logo devolve á Ria mais fría, o que supón a morte das larvas, ovos, plancto, especies, e a rotura da cadea trófica.

Ningunha das dúas empresas paga un só euro polo volume de residuos xerado, como así o facemos todos @s cidadáns.

Unha situación que pode facer irreversible a posibilidade de recuperación da Ria. Hai que rematar coas agresións xa.

Por iso coincidindo co Día Mundial do Medioambiente,o próximo 7 de xuño, o Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, convoca a 13ª Marcha a Pé a Mugardos, para exixir o cese da actividade da planta de gas de Reganosa, o cese de calquera vertido á Ria, obrigando ás empresas a establecer un sistema depurativo e dirixilos ao colector xeral. É dicir vertidos cero á Ría, e a súa restauración medioambiental, que fai necesario entre outras, nas pontes (do ferrocarril e As Pías), ou no espigón da enseada de Caranza, substituír as escolleras, por pilotes, ou pasos grandes para facilitar o varrido das mareas.

Figura 1. Vista Forestal e Reganosa. Fonte: enHaut
Figura 2. .- Exemplo de buracos no peirao de Maniños
@ComitCEmerxenc

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
27 de maio de 2019 22:53

_________

LiGanDo e a valoración dos resultados electorais deste 26M


VALORACIÓN DOS RESULTADOS ELECTORAIS

LiGanDo - LGD fai unha valoración negativa dos resultados obtidos na cidade de Ferrol así como os da coalición electoral Xuntos por Miño. Entendemos que na cidade de Ferrol non fomos capaces de converter a simpatía pola nosa organización en votos e sendo certo que parte da prensa ocultou a nosa existencia, tamén o é que esa ocultación foi amplamente contrarrestada nos debates, charlas, mitins e no porta a porta. a pesar dos resultados non pensamos que a nosa participación teña sido un erro, mais ben todo o contrario xa que foron centos, cicais varios miles de persoas os que por primeira vez souberon da existencia da nosa organización así como dos principios ideolóxicos polos que nos movemos no nos traballo diario: Decrecemento e Arredismo.

En Miño pagamos con creces o desexo manifesto da maioría de electores de mandar á oposición ao PP. O acordo de goberno con este partido non foi entendido aínda que durante estes 4 anos se fixo unha moi boa xestión. Este desexo de mandar á oposición ao PP non é exclusivo de Miño senón que é un fenómeno de ámbito galego do que se está beneficiando de xeito moi importante o PSOE. A negativa do PSOE a falar de acordos en pé de igualdade con outras candidaturas deulle en Miño os seus mellores resultados da democracia. Este fenómeno que empezou nas últimas eleccións xerais indica un cambio de goberno na Xunta, mais non debemos esquecer os fortes cambios electorais que se producen en poucos meses.

Outro elemento que xogou a nosa contra en Ferrol foi basear a centralidade do noso discurso en aspectos (medio-ambiente -cambio climático e contaminación-, política dos coidados, crise enerxética mundial, feminismo, R do Decrecemento ...) que non forman parte do discurso dos grandes partidos porque as liñas do seu pensamento e discurso (o crecemento e a solución) seguen a ser as mesmas que as do século XX. Este feito de ter axendas de debate diferente as dos grandes partidos ocultou as nosas propostas nos debates que participamos e nas entrevistas que nos realizaron.

Estamos seguros que todas as persoas que repararon en nós e que non chegaron a comprender os fundamentos da nosa mensaxe se van atopar nos próximos meses, como moito anos cunha realidade climática (mudanza climática) e enerxética (prezo da electricidade e o petróleo) mundial que os vai facer despertar da falsa realidade na que vivimos que non é outra que a falacia do crecemento continuo nun planeta de recursos limitados como o xeito de solucionar os problemas.

Con respecto ao futuro dicir que a campaña nos permitiu fortalecer a nosa organización, o cal valoramos moi positivamente. Imos seguir traballando en Ferrolterra con mais forza que o viñemos facendo ate o de agora con propostas, comunicados, conferencias, ... O noso obxectivo non son, estritamente as eleccións, mais entendemos que son un bon campo de xogo para facer chegar a nosa mensaxe a un número moi importante de persoas. É por isto que para dentro de catro anos a nosa pretensión, actual, non é só repetir nos concellos que participamos neste proceso electorais, senón incrementar o número de candidaturas xa que entendemos que a situación política, enerxética e medio ambiental global que se vai producir durante os 4 anos desta lexislatura vai facilitar a comprensión do noso discurso.

Miguel Anxo Abraira

Voceiro Nacional de LiGanDo.

Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
27 de maio de 2019 19:15

____________

luns, maio 27, 2019

O BNG de Ferrol extrae cando menos tres conclusións ou ideas do resultado das pasadas Eleccións Locais


Do resultado das últimas eleccións municipais, o BNG de Ferrol extrae cando menos tres conclusións ou ideas. A primeira é que pese á tan comentada disgregación e atomización da política ferrolá, supostamente sumida no caos, a realidade difire moito das análises que de maneira reiterada se teñen feito nas semanas e meses previos á cita electoral e Ferrol contará na próxima corporación municipal, co panorama político máis simplificado das últimas décadas.

A segunda ten que ver co feito de que neste contexto, o BNG de Ferrol afianzou un proxecto político que, compartido ou non, é único e claramente diferenciado do resto de opcións que estarán presentes na próxima corporación municipal e que, pese as dificultades, é preciso que nos próximos anos avance de maneira substancial.

A terceira idea ten que ver coa distribución de concelleiros e concelleiras na próxima corporación. Neste senso é evidente que debe ser o PSOE o que estableza primeiro cales son as liñas estratéxicas para o futuro político desta cidade resepcto de temas que son transcendentais desde todos os puntos de vista, económicos, urbanos e sociais. E, tendo definido os trazos do que debe ser o futuro da cidade, constrúa o vindeiro goberno local do mellor xeito posible para adaptalo e levar adiante os obxectivos marcados, tendo en conta as liñas estratéxicas definidas.

Ferrol, 27 de maio de 2019.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
Local Electoral BNG
Rúa Galiano, 66 Baixo.





Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
27 de maio de 2019 17:41

________________

Manuel Lourenzo traz Hécuba à Fundaçom Artábria, esta sexta-feira, 30 de maio 'Elsinor Teatro', apresenta a obra 'Hécuba' de Eurípides


Manuel Lourenzo traz Hécuba à Fundaçom Artábria


Esta sexta-feira, 30 de maio Elsinor Teatro, apresenta a obra "Hécuba" de Eurípides.

"Hécuba, rainha de Troia, terá que se enfrontar à maior das desgraças que causa umha guerra".

Adaptaçom e direçom de Manuel Lourenzo prémio nacional de Teatro, com poemas de Rosa Puga e o próprio Lourenzo.

Será às 22.00hs e a entrada de graça.

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
27 de maio de 2019 15:02

______________

André Abeledo candidato de Narón por Diante: 'Valoración do resultado do 26M'


Valoración do resultado do 26M


Gustaríame dar as grazas a tod@s @s compañeir@s que entregaron o seu traballo e o seu esforzo por unha idea, por un proxecto político dende a esquerda para Narón. Como candidato asumo toda a responsabilidade deste mal resultado.

É de xustiza felicitar aos gañadores nestas eleccións municipais en Narón, a TEGA de Marián Ferreiro conseguiu unha ampla vitoria e o apoio de gran parte da veciñanza. Un resultado incontestable froito da decisión da cidadanía.

Tamén felicitar a o PSOE de Narón por ter mellorado o seu resultado tanto en votos como pasando de 2 a 3 concelleiros, e a o BNG por ter aumentando en votos con respecto as eleccións municipais do 2015.

O PP tamén mellorou o seu resultado pasando de 5 a 6 concelleiros.

Podería analizar o resultado e buscar escusas no contexto, ou mellor facendo autocrítica dos erros propios. Pero ese análise debe saír da nosa asemblea e dun análise conxunto.

André Abeledo

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
27 de maio de 2019 14:06

___________

Proxeción no Ateneo Ferrolán de 'O lapis do carpinteiro', este martes 28 de maio, ás 7 da tarde, dentro do cicño 'Literatura e Cinema'


Martes de Cine 2019. Ciclo “Literatura e Cinemaás 19 h.

Martes día 28 de maio– "El lápiz del carpintero" (Novela: Manuel Rivas)

Ano: 2003 | Duración: 109 min.  | País España | Director: Antón Reixa | Xénero: Drama.

Reparto: Tristán Ulloa, Luis Tosar, María Adánez, Nancho Novo, María Pujalte, Manuel Manquiña, Anne Igartiburu, Maxo Barjas, Carlos Sobera, Sergio Pazos, Monti Castiñeira, Miguel de Lira

Sinopse: Galicia, 1936. Daniel Dá Barca é un mozo médico e intelectual republicano encarcerado polas súas ideas. A súa noiva, Marisa Mallo, filla dun coñecido reaccionario, loita por devolverlle a liberdade. A testemuña do seu amor é Herbal, un apocado carcelero que asiste entre atónito e furioso ás conversacións que manteñen os presos para facer máis levadía a súa condena. En plena Guerra Civil (1936-1939), cométense toda clase de desmáns: moitos presos son fusilados clandestinamente e de maneira aleatoria. Cando lle chega a quenda a Daniel, Herbal, dominado polo medo debaterase entre a violencia e a conciencia.

#Ferrol

--
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK:
Faite soci@ on line! Colabora con nos!

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
27 de maio de 2019 11:56
____________________

Xornada voluntariado deseucaliptización, convocada pola Asociación Custodia Bosque Atlántico Betula, o 1 de xuño na parcela de Betula nas Fragas do Eume - Hai que anotar-se con antelación


Xornada voluntariado deseucaliptización


Dende que Betula accedeu por doazón á titularidade de dúas parcelas nas Fragas do Eume hai máis  de dous anos, estableceu como prioridade a eliminación dos 350 pés de eucalipto que invadían este fermoso espazo de bosque atlántico. Conseguiuse a tala, non sen dificultades, tratando de non danar a vexetación orixinal. A segunda tarefa era eliminar os rebrotes sen sermos agresivos nun terreo con  forte pendente e un alto grao de humidade. Tamén se conseguiu coas orientacións técnicas do socio Jorge que recomendou a cubrición dos cepos con plástico negro para evitar a luz e favorecer os fungos saprófitos. Feita a correspondente comprobación, xa é hora da retirada definitiva dos plásticos, que cumpriron a función agardada.

É polo que Betula convoca para o día 1/06/2019 a derradeira xornada de deseucaliptización nestas parcelas, sumándose así á convocada para o 8/06/19 a nivel xeral e agardando unha boa participación de voluntariado.

Concentrarémonos ás 10:00 h. no Centro de Acollida de Visitantes de Ombre (Pontedeume) e remateremos a actividade ás 13:30 h. Para participar é necesario inscribirse, achegando os datos persoais (nome completo e DNI) a Lan, tel. 605355650 antes do 31/05/19. Precísase calzado axeitado e luvas.

Asociación Custodia Bosque Atlántico 'Betula'custodia.betula@gmail.com
http://betula-atlantico.eu/

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
26 de maio de 2019 13:08
________________

Resultados Eleccións Europeas do 26 de maio de 2019 - Na Galiza e no conxunto do territorio do polo de agora reino de España

No polo de agora Reino de España

Resultados Eleccións Europeas do 26 de maio de 2019 - Na Galiza e no conxunto do territorio do polo de agora reino de España

En Ferrol. | Acceder.
En Narón. | Acceder.
En Fene. | Acceder.

Resto de Concellos das Comarcas. | Acceder.

Na Galiza. | Acceder.

No polo de agora Reino de España. | Acceder.
______________

Resultados Eleccións Locais do 26 de maio de 2019 - Ferrol e Comarcas (Ferrolterra, Eume e Ortegal)

Resultados en Ferrol

Resultados en Narón
Resultados en Fene

Resultados Eleccións Locais do 26 de maio de 2019 - Ferrol e Comarcas

Enlace á Web do ministerio de Interior.


FERROLTERRA

ARES

CEDEIRA

FENE

FERROL

MOECHE

MUGARDOS

NARÓN

NEDA

SAN SADURNIÑO

AS SOMOZAS

VALDOVIÑO


EUME

CABANAS

A CAPELA

MONFERO

PONTEDEUME

AS PONTES

ORTEGAL

CERDIDO

MAÑÓN

ORTIGUEIRA

CARIÑO

Resultados na Galiza. Acceder.

___________

domingo, maio 26, 2019

Estados Unidos e Venezuela: Contexto histórico, ... Por James Petras


James Petras [*]
26.05.2019


Estados Unidos e Venezuela: Contexto histórico


Latinoamérica sufriu décadas de explotación e dominación por parte de Estados Unidos, pero tamén conta cunha historia de resistencia popular exitosa, incluíndo as revolucións de México, Bolivia e Cuba, e os movementos sociais e triunfos electorais posteriores en Brasil, Arxentina, Ecuador e Venezuela

Introdución

A hostilidade cara a Venezuela e as iniciativas estadounidenses para derrocar o seu goberno forman parte da longa e ignominiosa historia de intervencións de EUA en América Latina que se remonta á segunda década do século XIX.

En 1823, o presidente Monroe declarou na doutrina que leva o seu nome o dereito de EUA a manter afastados da rexión aos europeos, xunto co dereito de EUA a intervir para favorecer os seus intereses económicos, políticos e militares.

Imos resumir neste artigo as fases históricas da intervención política e militar de Estados Unidos na rexión co fin de favorecer os intereses das empresas e os bancos dese país, así como os movementos sociais e políticos latinoamericanos que se lle opuxeron ao longo do tempo.

 O primeiro período comprende desde finais do século XIX á década dos trinta, e inclúe intervencións dos marine, a implementación de ditaduras clientelares e a resistencia popular liderada por figuras revolucionarias no Salvador (Farabundo Martí), Nicaragua (Augusto Sandino), Cuba (José Martí) e México (Lázaro Cárdenas).

Despois resumiremos as intervencións posteriores á Segunda Guerra Mundial, o derrubamento de gobernos populares e a represión dos movementos sociais en Guatemala (1954), o golpe de Estado de Chile (1973) e a invasión de República Dominicana (1965), Granada (1982) e Panamá (1989).

Terminaremos examinando as iniciativas estadounidenses para derrocar o goberno venezolano (desde 1998 até a actualidade).

Política de Estados Unidos en América Latina: Democracia, ditaduras e movementos sociais


O xeneral estadounidense Smedley Butler resumía os seus 33 anos no exército afirmando que “[fun] un músculo que traballaba a favor das grandes empresas, Wall Street e os banqueiros [...] Contribuín a manter a salvo os intereses petroleiros en México en 1914. Axudei a que Cuba e Haití se convertesen en lugares decentes para que o National City Bank puidese recoller beneficios [...] Colaborei no saqueo de media ducia de repúblicas centroamericanas en beneficio de Wall Street. Axudei a purificar Nicaragua para o Banco de Brown Brothers entre 1902 e 1912. Favorecín os intereses da industria azucreira estadounidense en República Dominicana en 2016. Contribuín a que Honduras aceptase as compañías froiteiras en 1903 [...] Cando miro cara a atrás, penso que podería dar algúns bos consellos a Al Capone!”.

Nos primeiros 40 anos do século XX, Estados Unidos invadiu Cuba converténdoa nunha case colonia e repudiando o heroe da súa independencia José Martí; proporcionou asistencia militar e asesoría ao ditador do Salvador, asasinou o seu dirixente revolucionario Farabundo Martí e a 30.000 campesiños sen terra que pretendían a reforma agraria. Interveu en Nicaragua, combatendo o seu líder patriótico Augusto Sandino e instalou unha dinastía ditatorial dirixida polos Somoza, que se mantivo no poder até 1979. Tamén interveu en Cuba en 1933 para instaurar unha ditadura militar que reprimise o alzamento dos traballadores do azucre. Entre 1952 e 1958, Washington armou a Batista na súa loita contra o movemento revolucionario 26 de Julio, liderado por Fidel Castro. A finais dos trinta, EUA ameazou con invadir México cando o seu presidente, Lázaro Cárdenas, nacionalizou as compañías petroleiras estadounidenses e redistribuíu a terra entre millóns de campesiños sen acceso a ela.

Tras a derrota do fascismo (1941-1945), produciuse un crecemento significativo de gobernos socialdemócratas en América Latina, aos que EUA se opuña. En 1954, derrocou o presidente electo de Guatemala, Jacobo Arbenz, que expropiara as plantacións bananeiras da United Fruit Company. Apoiou un golpe militar en Brasil en 1964, que mantivo o poder vinte anos. En 1963, derrocou o goberno de Juan Bosch, elixido democraticamente, e invadiu República Dominicana para evitar un levantamento popular. En 1973 apoiou o golpe militar chileno que derrocou o presidente socialista Salvador Allende e sostivo o réxime militar do ditador Augusto Pinochet durante case vinte anos. Posteriormente, EUA ocupou Granada en 1983 e Panamá en 1989.

Estados Unidos sostivo os réximes dereitistas da rexión que apoiaban os oligarcas da banca e as grandes compañías estadounidenses, os mesmos que explotaban os recursos, os traballadores e os campesiños.

Mais a comezos dos noventa, poderosos movementos sociais encabezados por traballadores, campesiños, funcionarios de clase media, médicos e profesores desafiaron a alianza entre as elites gobernantes de EUA e as distintas nacións. En Brasil, o Movemento dos Sen Terra, que agrupaba a 300.000 campesiños, conseguiu a expropiación de grandes latifundios improdutivos; en Bolivia, os mineiros e campesiños indíxenas, incluíndo aos cocaleiros, fixeron caer a oligarquía. En Arxentina, as folgas xerais e os movementos masivos de desempregados conseguiron botar os gobernantes corruptos aliados do City Bank. O éxito dos movementos nacionalistas e populistas levou á convocatoria de eleccións libres que gañaron presidentes progresistas de esquerdas en toda América Latina, especialmente en Venezuela.

Venezuela: eleccións democráticas, reformas sociais e triunfo do presidente Chávez

En 1989, os programas de austeridade impostos polo presidente de Venezuela, co respaldo de EUA deron paso a manifestacións de protesta (o Caracazo) fortemente reprimidas pola policía e o exército, que causaron centos de mortos e feridos. Hugo Chávez, un oficial do exército, rebelouse e apoiou a revolta popular. Foi detido, encarcerado, posteriormente liberado e presentouse como candidato á presidencia. En 1999 resultou elixido por unha ampla marxe sobre a base dun programa de reformas sociais, nacionalismo económico, fin da corrupción e independencia política.

Washington iniciou entón unha campaña de hostilidades para que Chávez se unise á guerra global do presidente Bush en Afganistán e o resto do mundo. Pero Chávez negouse a someterse, afirmando: “Non se combate o terror co terror”. A finais de 2001, o embaixador de EUA reuniuse coa elite empresarial e un sector do exército para destituír a Chávez mediante un golpe de Estado que se produciría en abril de 2002. O golpe apenas durou 24 horas. Máis dun millón de persoas, a meirande parte residentes dos barrios de chabolas, marcharon cara ao palacio presidencial co apoio dos militares leais. Derrotaron o golpe e restituíron a Chávez. A partir de aí, Chávez gañou unha ducia de eleccións democráticas e referendos ao longo da década seguinte. O presidente Chávez triunfou, en boa medida, grazas ao seu amplo programa de reformas socioeconómicas a favor dos traballadores, desempregados e clase media.

Construíu máis de dous millóns de casas e apartamentos, que se distribuíron de forma gratuíta entre as clases populares; centos de clínicas e hospitais que ofrecían sanidade gratuíta nos barrios máis pobres; universidades, escolas de formación e centros médicos para estudantes de baixa renda con acceso libre.

[*] James PetrasJames Petras, analista político escritor, activista e sociólogo USAméricano. .

Fonte: Avantar - 21.05.2019 | Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 18 de maio de 2019. | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5/.

Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 18 de maio de 2019.
____________

venres, maio 24, 2019

O BNG de Ferrol rematou hoxe a campaña electoral nun acto público en Caranza no que interviu o candidato á alcaldía, Iván Rivas, e no que estivo acompañado por membros da súa lista así como por simpatizantes e veciñas e veciños da cidade

Foto do Acto Central do pasado 22 de maio no Teatro Jofre de Ferrol
Ana Pontón, Iván Rivas, Ana Miranda e María do Mar López
O BNG DE FERROL PECHOU HOXE A CAMPAÑA ELECTORAL CUN ACTO PÚBLICO NO BARRIO DE CARANZA

O BNG de Ferrol rematou hoxe a campaña electoral nun acto público en Caranza no que interviu o candidato á alcaldía, Iván Rivas, e no que estivo acompañado por membros da súa lista así como por simpatizantes e veciñas e veciños da cidade.

Rivas incidiu durante a súa intervención na importancia de acudir este domingo ás urnas e confiar no BNG, a única alternativa real para mudar a cidade. Neste senso, o nacionalista afirmou que moitos dos candidatos que se presentan e que afirman que na política local importan máis as persoas que os partidos xa tiveron a oportunidade de gobernar a cidade e o resultado está á vista. “O Sr. Suárez e o Sr. Rey Varela son os dous últimos alcaldes da cidade a e o Sr. Mato foi concelleiro de urbanismo no anterior goberno socialista. Inclusive o Sr. Langtry tivo as competencias da concellería de Facenda durante o mandato do señor Varela, polo que o que poden agardar xa o sabedes”, indicou Rivas.

O candidato á alcaldía afirmou que xa é hora de rematar cos privilexios que teñen uns poucos a costa do esforzo da maioría dos veciños e veciñas da cidade. “En Ferrol non somos todos iguais, administracións públicas como o Mº de Defensa, a Autoridade Portuaria e Navantia non pagan os tributos que pagamos os demais, as transnacionais enchen o seu bandullo cos nosos cartos xestionando os servizos básicos privatizados como a auga ou o lixo e o resto do noso aforro vai directo aos bancos mentres a cidade cae”, apuntou Rivas.

O candidato a Alcaldía insistiu ademais na necesidade de gastar o diñeiro dos e das ferrolás, nos e nas ferrolás, en investimentos e prestación de servizos abandonando a dinámica económica dos últimos anos nos que os diferentes gobernos locais decidiron acumular inxentes cantidades de diñeiro nas arcas municipais en forma de superávit que despois tivo como destino aos bancos mentres a cidade se derrubaba.

Para o BNG, o futuro da cidade debe ir encamiñado á rehabilitación e recuperación de espazos fronte a proxectos e políticas especulativas como as que se pretenden desenvolver no Sánchez Aguilera. “Cómpre derrubar os muros físicos pero tamén mentais que nos impiden ver a realidade do que necesita esta cidade. Ferrol ten o 20% de vivendas baleiras, polo que o prioritario é rehabilitar mellorando a habitabilidade e illamento das vivendas así como recuperar a cidade para a xente. Os peóns deben tomar as rúas para camiñar polas zonas céntricas e evitar o uso de automóbiles particulares”, afirmou.

Ferrol, 24 de maio de 2019.

En Europa:

#AgoraRepublicas #AgoraBNG #AgoraAnaMiranda

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
Local Electoral BNG Ferrol
Rúa Galiano, 66 Baixo.
BNG

Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
24 de maio de 2019 16:23

_______________

Histórico resultado da CIG-Saúde nas eleccións sindicais do SERGAS consolidándose como primeira forza - Incrementa a súa representación pasando de 57 a 66 delegadas/os


A CIG-Saúde vén de reforzar a súa posición como primeira forza nas eleccións sindicais celebradas este xoves no SERGAS, aumentando en votos en todas as áreas sanitarias e incrementando a súa representación ao pasar de 57 a 66 delegadas e delegados. Un resultado histórico co que a central sindical consolida a súa hexemonía na mesa sectorial da que, ademais, quedan fóra os sindicatos médicos corporativos.

A secretaria nacional, María Xosé Abuín, valora moi positivamente os resultados que considera consecuencia do traballo desenvolvido durante estes anos; da súa defensa inquebrantábel da sanidade pública; do seu combate constante contra as políticas do Partido Popular, que recortou os orzamentos provocando un grave deterioro non só das condicións laborais, senón tamén do propio servizo e impuxo unhas taxas de reposición que derivaron nunha grave falta de persoal. Unha situación que foron paliando as e os profesionais a custo de incrementar a súa carga de traballo para garantir a maior calidade na atención das e dos doentes.

Enfrontar a precariedade na sanidade pública

A CIG-Saúde leva anos alertando das graves consecuencias que a precariedade laboral ten na sanidade pública. Afecta directamente ao persoal que a sofre, porque se ve obrigado a sobrevivir con contratos por días ou por horas, cunha mobilidade e rotación constante por distintos servizos. Unhas condicións laborais que impiden ter un proxecto de vida, porque están a expensas de ser chamados para unha nova contratación.

Mais esta precariedade laboral tamén ten consecuencias no persoal fixo, porque ao non se dar cobertura a todas as ausencias aumenta a súa carga de traballo, provoca desprazamentos dentro dos hospitais, dun servizo a outro, e dificulta o seu traballo.

Tanto a rotación do persoal eventual, como os desprazamentos do persoal fixo teñen tamén consecuencias para o conxunto da poboación, usuarios e usuarias da sanidade pública. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, denuncia que se racha a continuidade asistencial “porque te atende persoal de atención primaria, facultativos de familia ou persoal de enfermería diferentes cada día” e matiza que “afecta especialmente á atención primaria onde a falta de persoal provoca non só sobresaturación e listas de agarda, senón tamén impide que se realicen tarefas propias como atención domiciliaria ou traballos na comunidade importantes”.

Por todo iso a CIG-Saúde avoga por un sindicalismo forte que defenda non só os dereitos das traballadoras e traballadores, senón tamén os intereses das galegas e galegos e, para iso, comprométese a seguir combatendo a precariedade, as taxas de reposición, os recortes impostos polo PP e a súa política de privatizacións. Unha loita que continuará, agora co respaldo reforzado do persoal, ao que agradece que teña depositado novamente a súa confianza na organización sindical.
Fonte: Avantar  24.05.2019 | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5.
___________________

As traballadores e traballadores de Poligal volven saír en manifestación ao berro de 'peche non' - A marcha partiu do polígono da Gándara en Narón e rematou no edificio da Xunta en Ferrol


Traballadores/as de Poligal volven saír en manifestación ao berro de "peche non" A marcha partiu do polígono da Gándara en Narón e rematou no edificio da Xunta en Ferrol

Os traballadores e as traballadoras de Poligal, arroupados/as por familiares e veciños/as da comarca, manifestáronse na tarde deste xoves dende as instalación da fábrica no Polígono da Gándara até o edificio da Xunta en Ferrol en defensa do mantemento dos empregos e a actividade produtiva. Con esta mobilización queren presionar ao Goberno galego para que axilice ao máximo posíbel o proceso de busca de inversores para a fábrica e que os proxectos formulados no marco da mesa técnica creada no IGAPE "se transformen en alternativas reais e viábeis de futuro".

Neste senso, a CIG-Industria apuntan á oportunidade que supón a decisión de xuíz do mercantil de Barcelona de suspender de maneira temporal o ERE de extinción, mentres resolve a demanda trasladada pola central sindical reivindicando a presenza na mesa de negociación dunha representación das fábricas de Portugal e Polonia, "xa que entendemos que constitúen un grupo laboral". A este respecto, dende a representación da CIG en Poligal "agardamos que o xuíz nos dea a razón e que se resolva o concurso no ámbito das tres empresas".

Sobre esta cuestión, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, puxo en valor durante a súa intervención ao remate da manifestación, a pelexa dos traballadores e as traballadoras “quen están a facer un labor que lle corresponde á Administración. Se o ERE hoxe está paralizado é porque eles e elas coa súas actuacións conseguiron que o xuíz tomara esta decisión”.

Apuntou á ausencia de lexislación no Estado español que impida que unha empresa como Poligal, que naceu ao abeiro dos programas e axudas públicas, se serva da ‘enxeñaría financeira’ para xustificar a súa deslocalización. “Pero como van actuar estes gobernos, se son quen lexisla para estes especuladores que actúan desta maneira”, preguntou.

Denunciou que foron estes mesmos gobernos os que aprobaron as reformas laborais "cuxas consecuencias hoxe padecen non só os compañeiros e compañeiras de Poligal, senón o 80% dos traballadores e traballadoras da nosa comarca".

Falta de actuacións das Administracións

O secretario comarcal da CIG criticou con dureza a falta de actuacións e o desinterese do Ministerio de Industria neste conflito, xa que dende a reunión que a representación do persoal mantivo co director xeral de Industria, Galo Gutiérrez, o pasado mes de marzo, non volveu pórse en contacto co persoal para informar se está a realizar ou non as xestións ás que se comprometera, entre elas, buscar alternativas ao peche.

Tampouco faltaron palabras de reproche para a Xunta de Galiza, "verdadeira responsábel da política industrial do noso país, que se comprometeu a buscar saídas e único que temos son reunións e máis reunións, pero sen unha solución enriba da mesa", afirmou.

A este respecto, chamou a atención sobre o desembarco político na comarca con motivo da campaña electoral, cualificando de "ter pouca vergoña a quen nos ven prometer que vai crear emprego e non fai nada para evitar a deslocalización e peche desta fábrica e a destrución de máis postos de traballo". "Nin a ministra de Traballo nin o presidente da Xunta fixeron unha soa mención a Poligal na súa visita á Ferrol e estas mesmas persoas son as que din que veñen crear postos de traballo e a salvar a comarca".

Por iso, insistiu en que hai que seguir na mobilización para esixirlles ao goberno español e ao galego que dean a cara e "porque xa é tempo de dar solucións. Que saiban que Ferrolterra está en disposición de combater con unllas e dentes o peche de Poligal, que non o imos permitir, que vexan claramente que esta loita é a loita de toda a comarca. E dende a CIG imos deixarnos a pel na defensa de Poligal e na defensa desta comarca", concluíu.

Poligal é viábel e ten futuro


A central reitera que a fábrica de Narón é viábel, pero Poligal está apostando polas outras plantas que ten en Portugal e Polonia, nas que fixo investimentos millonarios nos últimos anos, mentres deslocalizaba a produción e incumpría o compromiso de investir cinco millóns de euros as instalacións galegas. Nesta liña, os delegados da CIG teñen denunciado en numerosas ocasións a maraña empresarial creada polo Grupo Peralada (propietario das instalacións), a través da que descapitaliza Poligal Narón para xustificar o peche e levar a produción fóra.

De feito, un 70% da débeda alegada por Poligal para xustificar o peche son con outras plantas do grupo que á súa vez teñen pendente de abonarlle á fábrica de Narón contías por valor de case oito millóns de euros.

Nesta liña, a CIG segue a reivindicar a necesidade de que, dentro do proceso concursal, se dea o tempo suficiente para atopar unha saída na mesa técnica aos despedimentos e ao peche que busca o Grupo Peralada. Por iso, xa se lle demandou ao administrador concursal que o período de consultas do expediente (agora paralizado) non se limite aos 30 días que marca a normativa de aplicación, de cara a facilitar a continuidade dos empregos e a actividade produtiva.

Por esta mesma razón tamén se pediu incorporar o administrador concursal na mesa técnica e viceversa, que unha representación da Administración participe nas negociacións do ERE, "porque todo o que pasa neste ámbito inflúe de maneira directa no traballo da mesa técnica".

Fonte: Avantar - 24.05.2019 | Baixo Licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5.
___________________________

xoves, maio 23, 2019

Esta sexta-feira, 24 de maio 'De perdidos al trío' apresentam 'Jan Ñan' na Fundaçom Artábria, grupo que chegam desde Valhadolid para apresentar o seu primeiro LP em Ferrol


De perdidos al trío apresentam Jan Ñan na Fundaçom Artábria


Esta sexta-feira, 24 de maio, contaremos na Fundaçom Artábria com o grupo De perdidos al trío que chegam desde Valhadolid para apresentar o seu primeiro LP “Jam Ñam”.

Umha proposta musical que a primeira vista pode-se encasilhar no Jazz mas que trascende sonoridades, géneros e ritmos. Umha cadência funky guia grande parte do seu repertório, fusionándose inclusso com sons sefardíes, ou acercando-se ao jazz mas na sua vertente mais latina.

Este tótum revolútum musical que nom deixará indiferente a ninguém.

A banda está composta por Rocío Torío à voz, Nacho Tomillo ao Saxofóm, Inês Velázquez ao baixo, Rebeca Panedas aos teclados e vozes e Olvo Vera à batería.

O concerto dará início às 22.00hs e a entrada é gratuita.

https://www.youtube.com/watch?v=7lEQAbnY9hk

https://www.youtube.com/watch?v=y-WvPN4u-0A 

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
22 de maio de 2019 18:26

_______________

O BNG de Ferrol desenvolveu un acto público na asociación veciñal de Mandiá, un acto no que interviron Tania Rei, Roberto Montero e Iván Rivas - E o venres 24 de maio, terá lugar o Acto público de peche de campaña no 'Galicia de Caranza', coa participación de Iván Rivas


AXENDA DO BNG DE FERROL PARA O 24 DE MAIO

Ás 20:00 horas do venres 24 de maio, terá lugar o Acto público de peche de campaña no "Galicia de Caranza" coa participación de Iván Rivas.


O BNG DE FERROL INCIDIU NA IMPORTANCIA DO RURAL NO ACTO PÚBLICO DE MANDIÁ

O BNG de Ferrol desenvolveu hoxe un acto público na asociación de veciños e veciñas de Mandiá, un acto no que interviron Tania Rei, Roberto Montero e Iván Rivas.

O candidato á alcaldía fixo referencia durante a súa intervención á importancia do medio rural en Ferrol. Para o BNG é fundamental recuperar os terreos en desuso que existen no concello para desenvolver o sector primario na cidade con hortas e espazos de cultivo que ademais permitirán o acceso a produtos alimentarios de calidade.

Nesta cidade temos espazos abandonados cun alto valor produtivo que compre recuperar, coma o Val de Esmelle, que poderían servir de base para desenvolver unha agricultura a pequena escala que fornecese aos veciños e veciñas de produtos alimentarios de calidade, así como as hortas urbanas, que xa agora mesmo se están a desenvolver pero con ningún apoio público. O concello debe servir de intermediario entre os propietarios e propietarias dos terreos e as persoas dispostas a traballar nestes espazos da zona rural e dispoñendo ademais unha mínima infraestrutura e os medios e ferramentas necesarias para desenvolver entres traballos.

Todo isto contribuiría ademais á xeración de emprego, unha das grandes necesidades de Ferrol.

Rivas incidiu ademáis na importancia de contar cun plan forestal para converter Ferrol nun Concello libre de eucaliptos. Cómpre asumir como necesidade e como prioridade básica o desenvolvemento dun plan forestal que teña como obxectivo a recuperación dos montes de carácter municipal con especies autóctonas, a protección de espazos singulares como Menáncaro e axudas a particulares para a substitución do eucalipto.

Ferrol, 23 de maio de 2019.

#AgoraEuropa #AgoraRepublicas #AgoraBNG
Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Agora Ferrol
Local Electoral BNG Ferrol
Rúa Galiano, 66 Baixo.
BNG

Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
23 de maio de 2019 17:27
__________

Marea de Ferrol reuniuse coa A.VV. de Ultramar, para escoitar demandas e dar a coñecer as propostas programáticas e tamén tiveron ocasión de manter unha xuntanza coa directiva da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística


MAREA DE FERROL REÚNESE COA A.VV. ULTRAMAR E A COORDINADORA DE EQUIPAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA


Na mañá do xoves 23 de maio, Marea de Ferrol reuniuse coa A.VV. de Ultramar, para escoitar demandas e dar a coñecer as nosas propostas programáticas.
No transcurso da xuntanza, foron moi ben acollidas as nosas propostas en torno á dinamización da participación cidadá e a planificación das accións de goberno.

Pola tarde, tivemos ocasión de manter unha xuntanza coa directiva da Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística, cuxas principais demandas están relacionadas coa axilización da execución do convenio asinado co Concello, e a necesidade de ter un local para centralizar a xestión e documentación da organización. Esta última é unha demanda histórica da Coordinadora, que unha vez máis durante este mandato non foi axeitadamente atendida polo goberno municipal. Desde Marea de Ferrol felicitamos o labor dunha oragnización con máis de 30 anos de traballo na cidade, e coincidimos na necesidade de cumprir a Ordenanza de Normalización Lingüística e de abrir os campos de acción máis aló da escola.

Marea de Ferol
Local: Rúa Dores, 20 Baixo.
Correo-e: mareadeferrol@gmail.com
http://mareadeferrol.gal/
Twitter | Facebook
Enviado por:
Marea de Ferrol
-mareadeferrol@gmail.com-
23 de maio de 2019 19:15
__________________