xoves, abril 15, 2010

Entidades ecoloxistas denuncian irregularidades na tramitación da solicitude de dereitos mineiros na Mina de Andalucita de Goente

As entidades Agrupaçom de Montanha Águas Limpas [AMAL], Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza [ADEGA], Clube Montaña Ferrol, Colectivo Ártabra 21, DROSERA, Federación Ecoloxista Galega, Fusquenlla, G.N.Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Lapis Verdes, O Rabo do Galo, Saramaganta, Sociedade Galega de Historia Natural [SGHN] e VERDEGAIA presentan unha denuncia diante da Fiscalía por atopar irregularidades no proceso de tramitación da solicitude de concesións mineiras na mina de andalucita nas Pontes de García Rodríguez, baseándose para elo en varios puntos:

1. Que non se respectaron os prazos establecidos pola lexislación para o outorgamento de licenzas. De terse respectado, teríase asumido a denegación, por silenzo administrativo, por parte do anterior goberno da Xunta, xa que a decisión da autorización deberíase ter tomado no prazo de doce meses. Pasado este tempo, e ao non terse notificado resolución, enténdese que a solicitude foi denegada.

2. Denuncian tamén á Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, polas irregularidades que se atopan no contido do seu informe de impacto ambiental, comezando polo feito de que non se fai valoración das repercusións negativas sobre o Río Belelle. Chégase ao extremo de encadrar o Rego Cernada, que xurde e atravesa a área na que se ubica o xacemento, na cunca do Río Eume. Como sexa que o Cernada é un dos dous regos máis importantes que forman a cabeceira do Río Belelle, pódese comprender o gravísimo erro no que se incurriu con esta omisión, pois as afeccións de maior alcance recaen sobre este rego, xa que literalmente desaparecería do mapa, levándose con el unha porcentaxe considerable de volume de auga do Río Belelle que está proposto, na súa integridade, para formar parte da Rede Natura.

3. No informe de avaliación ambiental non se detallan os impactos que a explotación mineira provocaría sobre o Parque Natural Fragas do Eume, ao que están obrigados pola Lei de Avaliación de Impacto Ambiental de Proxectos: “A avaliación dos proxectos que, sen ter relación directa coa xestión do lugar de que se trate da Rede Natura 2000 ou sen ser necesario para a mesma, poida afectar de forma apreciable aos citados lugares xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, someterase a unha adecuada avaliación das súas repercusións no lugar tendo en conta os obxectivos de conservación de devandito lugar ...

Por todos estes motivos, entre outros, como afectar a Hábitats Prioritarios da UE, demandan a paralización definitiva da tramitación do proxecto e que se anule, por “contido imposible”, o informe de avaliación ambiental, emitido pola Secretaría Xeral de Calidade Ambiental, pedindo que se tomen medidas contra os responsables das irregularidades cometidas.

Todas estas asociacións preparan un roteiro polas fragas ameazadas para o día 15 de maio, coa finalidade de expresar o seu desacordo con esta iniciativa. No momento darase información máis detallada.

Envido por:
SGHN-FERROL
-ferrol@sghn.org-
15 de abril de 2010 17:37
_____________________

Enlaces relacionados:

Blogue O Pico Vello
http://picovello.blogspot.com/

No facebook
NON á mina de andalucita nas Fragas do Eume
______________________

Conmemoración, en Ferrol, do 79 Aniversario da proclamación da Segunda República

Dentro da Semana dá República, en comemoración do 79° Aniversario da proclamación da II República, que organiza a Asociación Memoria Histórica Democrática, celebrouse no antigo cemiterio de Canido unha emotiva homenaxe ás vítimas da ditadura franquista que tivo lugar onte, 14 de Abril de 2010, ás sete da tarde.

Lembrar que no Ateneo Ferrolán está aberta a Exposición “A MEMORIA DA TERRA” do fotoperiodista e colaborador de A.R.M.H. Eloy Alonso. Dita exposición está aberta a todo o público do 12 até o 24 de Abril ambos inclusive.

E que o Sábado 17 de Abril, terá lugar unha Cea Conmemorativa, desde as 21,30 horas a celebrar no restaurante O GALO. As entradas pódense mercar na Galería Sargadelos ate o 16 de abril.

Vídeos do Acto no Cemiterio de Canido:

Conmemoración, en Ferrol, do 79 Aniversario da proclamación da Segunda República - 1 de 7


Conmemoración, en Ferrol, do 79 Aniversario da proclamación da Segunda República - 2 de 7


Conmemoración, en Ferrol, do 79 Aniversario da proclamación da Segunda República - 3 de 7


Conmemoración, en Ferrol, do 79 Aniversario da proclamación da Segunda República - 4 de 7


Conmemoración, en Ferrol, do 79 Aniversario da proclamación da Segunda República - 5 de 7


Conmemoración, en Ferrol, do 79 Aniversario da proclamación da Segunda República - 6 de 7


Conmemoración, en Ferrol, do 79 Aniversario da proclamación da Segunda República - 7 de 7

__________________

Enlace relacionado:

http://memoriahistoricademocratica.org/
_____________________

Reunión en réxime de autoconvocatoria, este Xoves 15 de Abril, para preparar unha mobilización contra o xulgamento do xuíz Garzón


"Desde Setembro de 2008 o xuíz Baltasar Garzón estaba solicitando información do Goberno, a Conferencia Episcopal e varios concellos co fin de elaborar un censo de fusilados, desaparecidos e enterrados en fosas comúns a partir da vitoria franquista na Guerra Civil Española. O 16 de Outubro do 2008, Garzón emite o primeiro auto xustificando a súa intención de investigar as desaparicións rexistradas durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura de Francisco Franco, e instruíu a apertura de 19 fosas comúns diseminadas en todo o país, entre elas na que se supón atopa-se enterrado o poeta Federico García Lorca." [1]

O Tribunal Supremo considerou procedente un pedido de organizacións de fascistas e da ultradereita española: Manos Limpias -presidida por Miguel Bernard, ex dirigente de Fuerza Nueva- e Falange Española de las JONS, todo aplaudido polo Partido Popular, para que o xuíz Baltasar Garzón sexa xulgado por facer unha investigacción sobre a Guerra Civil Española e os crimes do franquismo. Acusa-se-lle de prevaricación, delito segundo o cal un funcionário público conscientemente toma unha decisción ilegal. No caso de ser xulgado, Garzón pode ser condenado con suspensión das súas funcións por varios anos, colocando-o deste xeito fóra da xudicatura e da Audiencia Nacional onde exerce como titular dun dos xulgados centrais de instrucción.

Desde certas posicións de esquerdas [2] e moi difícil defender -e non se defende- a Baltasar Garzón, como persoa e como xuíz, dado a manga ancha que se lle deu por parte de dereitas e "esquerdas" na persecución da esquerda basca baixo o falso axioma de que todo era "terrorismo" e outras dudosas actuacións en diferentes intruccións. É por iso que non se trata de defender a Garzón e as súas instruccións na AN, senón polo agravio e a "vergoña histórica" ao permitir o xulgamento contra o magistrado, por non querer deixar impunes os crimes da Ditadura Franquista (1939-1975), que tentou investigar ao considerá-los de lesa-humanidade.

O argumentario contra a instrucción de Garzón, é que ele sabía que eses crimes estaban amnistiados por unha Lei estatal de 1977, portanto non podería xulgá-los, pois din que hai fundamentos xurídicos para que no se poida iniciar un proceso contra os crimes da dictadura. Mesmo desde as vocerías do Partido Popular, consideran prevaricación a citada instrucción de Garzón. María Dolores de Cospedal, Secretaria Xeral do PP, deita máis leña no lume apoiando o xulgamento de Garzón e anda contenta porque o procesamento de Garzón e o efecto mediático que desencadea, tapa o Caso Gürtel que o mesmo xuíz iniciou. Un escándalo de corrupción nas entrañas do propio Partido Popular que co diñeiro público, de tod@s nós, enriqueceron-se os propios dirixentes e se pagaron campañas electorais e "merendas" por to o Estado.

Desde as asociacións da recuperación da memoria histórica e de vítimas da represión da ditadura franquista, demandan unha mobilización social contra o intento do xulgamento do xuíz por instruir un proceso contra os crimes do franquismo, varios sindicatos e organizacións da esquerda social acudiron ao chamado destas organizacións. A Ártabra 21, onte, chegaron por varias vías [Asociación Veciñal de Esteiro e Fuco Buxán A.C.] unha nota dunha reunión en réxime de autoconvocatoria, para celebra-se este Xoves 15 de Abril, ás 7 da Tarde, nos locais da Asociación Veciñal de Esteiro, na rúa Fernando VI, Bloque I baixo, para falar dos actos que se van organizar en todo o Estado Español o día 24 de abril e da súa concreción en Ferrol.

[1] Wikipedia
[2]Para coñecer unha postura desde outra esquerda: Interesante artigo de M. Urkijo, D. Paredes, L. Garcia e S. Santaquiteria, pertencentes a asociación Ahaztuak 1936-1977 - Ante o enjuiciamiento do xuíz Baltasar Garzón - É sumamente rechamante ver como personalidades e personaxes da máis diversa adscrición, partidos, sindicatos e asociacións, dos cales moitos foron promotores e sostenedores desde 1977 deste modelo de impunidade, préstanse agora a mobilizarse e convócannos a facelo, pero non contra o modelo no seu conxunto e contra todo o que este significa, senón exclusivamente en defensa do xuíz Garzón ... [Máis en Kaos na Rede].

______________________

Nunha conferencia, na Universidade, sobre as excelencias de Reganosa



Ferrol, 14 de Abril de 2010, chegamos, sobre as oito menos vinte da tarde a Escola Universitaria Politécnica, Naval e Industrial, da Universidade d'A Coruña, no Campus de Ferrol - Serantes. Nada máis entrar observamos que a "Coca-Cola" o invade todo. Enormes letreiros postos no hall de entrada e noutras salas, grande botellón incluído, dan a medida dunha universidade acrítica imbuída polo sistema non só polo modelo productivista, baseado no crecimento, senón que o modelo consumista quedaba patente. As poucas persoas que entraban na sala ían recibindo o Boletín nº16 do Comité Cidadán, ao comezar pouco máis dunha trintena de persoas ocupaban asento.

Jesús Losada Maseda, daba unha conferencia titulada “Operación dunha planta regasificadora de gas natural licuado”, mais non se ía falar dunha planta regasificadora calquer, senón que o modelo a expor era nin nada máis nin nada menos que Reganosa.



Unha representación do Comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, asistiu á conferencia que o Xefe de Mantenimento de Reganosa, Jesús Losada Maseda, ofreceu, hai unhas horas, na Escola Universitaria Politécnica de Serantes. Unha conferencia que trataba de explicar o funcionamento dunha planta de GNL, exemplificada no caso Reganosa. Jesús Losada Maseda foi describindo o itinerario do gas, desde os pozos de extracción até os puntos de consumo, obviando e mesmo ocultando deliberadamente todos os aspectos conflitivos derivados do funcionamento e localización da planta regasificadora. Ocultou as dificultades que teñen os gaseiros para chegar até a planta, o perigo que supón as instalacións de Forestal do Atlántico e Imegasa achegadas á mesma. Non mencionou o tratamento con hipoclorito sódico das 5.500 toneladas/hora de auga do mar da Ría que esteriliza e enfría. Na descrición do sistema gasístico non mencionou o gasoduto de Tui, fechado para beneficiar a Reganosa. ...  Toda a charla foi un canto á excelencia da planta e o seu altísimo nivel de seguridade e transparencia. Por parte do CCE, desde o público, se lle recriminou esa manipulación. Lembrou-se-lle a inadecuada localización da planta xunto a importantes núcleos de poboación e nunha Ría cun canal de navegación estreito e sinuoso que nunca vai permitir evacuar un gaseiro en caso de emerxencia. Ademais de que máis do 20% dos gaseiros, desde que entrou en funcionamento a planta, tiveron que abortar a súa entrada polas condicións meteorolóxicas. Tamén se lle recordou que a planta entrou en funcionamento sen Plan de Emerxencia Exterior e que o que agora existe é inoperativo en caso de accidente. O coloquio gañou intensidade cando se lle pediu que explicase como é que xa por dúas ocasións, Reganosa fai saltar as alarmas do sistema gasístico, ou as mentiras que contén o proxecto presentado polos promotores en canto a demanda de gas ... Jesús Losada Maseda, dixo manter unha reunión de coordinación na planta -de dúas horas de duración- cada vez que se realiza unha operación de descarga, desde o público se lle dixo "lembrade en cada unha desas reunións que estades xogando coa vida de miles de persoas nesta comarca". Moitas foron as preguntas, denuncias e reflexións das persoas que asistiron á conferencia, coas que quedou patente o despropósito gasístico que representa Reganosa. Unha charla que pretendía ser técnica, que pretendía vender a Reganosa como un modelo de empresa e xestión de calidade, quedou combertida nunha denuncia cidadá contra a planta de gas.

A representación da comunidade universitaria, asistía atónita a como discorría o debate, só unha pregunta saíu das bocas estudantís: " ... se pude visitar Reganosa ...". O debate continuou na propia sala despois da conferencia, mentres unha vintena de estudantes asinaban nunha folla para que se lle recoñeceran os "créditos" por asistir á conferencia.

Cantas persoas van reflexionar sobre o que se debateu nesa sala é unha incógnita, mais o traballo do Comité Cidadán quedou feito.
_________________________

mércores, abril 14, 2010

O "Galicia Spirit" na memoria: posíbel procesamento de 60 persoas no transcurso da loita contra Reganosa

A edición de Ferrol do xornal "La Voz de Galicia", publica hoxe -14.04.2010-, unha noticia asinada por Francisco Varela, onde afirma que a titular do Xulgado de Primeira Instancia nº 3 de Ferrol, a Maxistrada-Xuíz Mónica Ramírez Encinas, "procesou por desordes públicas a 60 mariscadores da ría de Ferrol polo corte do paso de buques gaseiros que se dirixían á planta de Reganosa en Mugardos no 2007". Segundo recolle a noticia citada, a xuíz "considera que os procesados poden ser imputados de delitos de desordes públicas, desobediencia grave á autoridade e coaccións graves".

Di-se na noticia de referencia que "... O fiscal aínda non se pronunciou en canto aos cargos, pero de prosperar a causa, como se supón que ocorrerá, ..."

Mais o que pretenden encausar é unha a acción emprendida polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol coa colaboración especial dun dos seus compoñentes, a Cofradía de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, que impediu, ás 8 da mañá do Luns 7 de Maio de 2007 un acto ilegal e perigoso, que ao día de hoxe aínda segue poñendo en perigo as nosas vidas, a Ría e a nosa seguridade. Trata-se da entrada na Ría de Ferrol de buques gaseiros cargados con GNL-LNG, para a perigosa e ilegal Reganosa. E xa son 64 os buques que entraron na Ría de Ferrol, para atracar no peirao de Punta Promontorio no Concello de Mugardos, en pleno corazón da Ría, moi próxima aos núcleos de poboación e mesmo á beira dun complexo petroquímico [Forestal del Atlántico, SA e Imegasa] onde se almacenan miles de litros de fluídos tóxicos e altamente perigosos [Potencial Efecto Dominó]. A xente do mar, puxo á disposición do Comité Cidadán as súas embarcacións, onde subiron máis persoas polo que non eran só mariscadores, para saír-lle ao encontro do buque gaseiro que ía entrar na Ría, para descargar nunha Planta de Gas que nen tan sequera contaba cos permisos de funcionamento, senón que ademais eran outras persoas ligadas ao Comité, membros de asociacións veciñais, ecoloxistas, políticos, sindicalistas, ... e mesmo xornalistas. O buque era o "Galicia Spirit" que tardou tres días en poder entrar, dado que abortou por dúas veces a entrada na Ría.

Desde o Comité Cidadán de Emerxencia, fixera-se un chamamento á cidadanía de Ferrol e Comarca, para que se mobilizara contra o despropósito gasístico de Reganosa e a ilegal entrada de buques gaseiros cargados na nosa Ría. E iso foi o que fixemos en lanchas na Ría e manifestando-nos a pé, no Peirao Curuxeiras de Ferrol.

Compre pois, non só os recursos correspondentes de reforma ou apelación ao auto xudicial de procesamento, senón que é necesaria unha resposta cidadán a semellante atropelo a un dereito inalienábel como é o dereito a loitar contra a inxustiza.

O que pasou en 7 de Maio de 2007, e días posteriores non foi cometer un delito, foi unha protesta cidadá lexítima contra decisións empresariais e administrativas ilegais, inxustas e perigosas.

No 2007, cando detiveran a Bernardo Bastida, daquela Patrón Maior da Cofradía de Pescadores de Ferrol, o Comité Cidadán promovera unha campaña de autoinculpacións, presentando-se no xulgado máis de 1000. Pensamos que cumpre, no caso de prosperar a causa, facer unha nova campaña de Autoinculpacións para este novo procedemento xudicial.

Enlace nos Arquivos Ártabros co escrito que se utilizara doutra vez para as autoinculpacións:

Escrito de autoinculplación
AO XULGADO DE INSTRUCCIÓN Nº 3 DE FERROL
Procedemento abreviado nº 443/2007


Secuencia, ao encontro do "Galicia Spirit", do documentario "O Salario do Silencio", realizado por: Mabel Rivera e Enrique Banet.



Fonte: http://www.youtube.com/user/Tximbalee

Enlace coa Galería Fotográfica nos Arquivos Ártabros
[38 fotos]
__________________

martes, abril 13, 2010

Esquerda Unida crítica, de novo, o atraso na aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil, e noutro asunto saúda a nova edición da Poesía Salvaxe.

Informacións do Grupo Municipal Esquerda Unida

  • ESQUERDA UNIDA CRITICA O NOVO ATRASO NA APROBACIÓN DO REGULAMENTO DAS VIVENDAS DE RECIMIL
  • A VOCEIRA DO GRUPO MUNICIPAL, YOLANDA DÍAZ, ESIXE CELERIDADE DO GOBERNO MUNICIPAL PARA PÓR EN VIGOR A INICIATIVA DO NOSO GRUPO

O Grupo Municipal de Esquerda Unida ten que criticar o novo atraso na aprobación do regulamento das vivendas de Recimil. Na convocatoria da Comisión de Benestar para o vindeiro xoves, 15 de abril, non se contempla na orde do día a aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil. Morren semanas e meses sen que se produzan resultados positivos neste campo.

Foi unha proposta do noso Grupo Municipal a elaboración dun regulamento para a adxudicación das vivendas municipais. Con esta medida pretendemos garantir a meirande transparencia e obxectividade na concesión duns bens públicos de propiedade municipal. Esquerda Unida está certa do enorme potencial social que posúe o parque de vivenda municipal de Recimil e considera indispensable a súa ordenación e regulamento.

Lamentamos que unha vez máis se adíe levar a Comisión o texto do regulamento. Lamentamos a tardanza e lle preguntamos ao Goberno acerca das razóns da mesma. O Noso Grupo considera que o Goberno Municipal está a desatender esta fronte social e a deixar que a situación no barrio se degrade a causa da súa inacción e tardanza.

O noso Grupo Municipal achegou a proposta de elaboración dun novo regulamento e ten presentado no proceso unha serie de emendas para mellorar o contido final da proposta. Non entendemos que na actual situación de crise económica e social, este Goberno non acelere o remate do documento e a súa entrada en vigor.

Son moitas as necesidades sociais, demasiados os anos de abandono por parte do Goberno Municipal neste eido, e para Esquerda Unida é unha cuestión urxente e importante, que merece un tratamento prioritario polo Goberno Municipal. Xa que logo, a Voceira do Grupo Municipal de EU, Yolanda Díaz, reclama do Goberno celeridade para pór en vigor esta iniciativa.


  • O GRUPO MUNICIPAL DE EU SÁUDA UNHA NOVA EDICIÓN DA POESÍA SALVAXE
  • ESTA ANOVADORA FÓRMULA CULTURAL CHEGOU DA MAN DE ESQUERDA UNIDA ÁS RÚAS DE FERROL NO ANO 2008

O Grupo Municipal de EU quere manifestar a súa ledicia pola nova edición, a terceira xa, da poesía salvaxe, que se vai celebrar esta semana nas rúas da nosa cidade. Esta iniciativa anovadora no eido cultural comezou no 2008 da man da anterior responsable da concellería de cultura, Yolanda Díaz, en consonancia co programa de renovación do panorama de actividades culturais do noso concello emprendido entón.

Achegar á rúa as expresións da cultura, erguer voces veraces e ceibes no espazo onde vivimos as persoas, sacar á poesía dos redutos pechados, foron a motivación central para comezar esta xeira, que felizmente se mantén e consolida co paso das edicións, poética que imos gozar nestas datas.

Esta semana vanse misturar nas rúas de Ferrol a celebración insubmisa da palabra poética coa evocación dun porvir republicano ao redor do 14 de abril. Para Esquerda Unida non é casual aventurar poesía e república no abril ferrolá, senón que ambos elementos conxugan a determinación e esperanza nun abrente creador de liberdade e igualdade.

Esquerda Unida anima á cidadanía a gozar dos encontros súbitos coas palabras feraces, nun abril poético e republicano, porque lingua e pobo conforman un todo creador invencible. Máis que nunca a poesía semella necesaria para resistir aos bárbaros que agreden, parapetados nas institucións da Xunta de Galicia, a nosa cultura, cultura universal a pesares da ollada prexuízosa coa que é maltratada polo PP.

Ferrol, 13 de Abril de 2010
Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/



Enviado por:
Grupo Municipal Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
13 de abril de 2010 15:11
Benquerid@s amig@s: achegamos dous Informacións do Grupo Municipal de EU. Nun primeiro Informacións facemos a crítica do novo atraso na aprobación do regulamento para a adxudicación das vivendas de Recimil, que se está a elaborar a proposta de EU e que acumula un retraso
inaceptable. O segundo Informacións saúda a nova edición, xa a terceira, da Poesía Salvaxe, anovadora iniciativa cultural que naceu no ano 2008 coa anterior responsable de cultura, Yolanda Díaz. Esquerda Unida vos anima a participar nela nestes días tinguidos de palabras veraces e ceos de tres cores, na conxunción afortunada que xungue Poesía e República, abrentes dun porvir emancipado. Un saúdo, Ramiro Marier
_____________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Os días 14,15,16 e 17 Abril 2010: Terceira Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol
_______________

Os días 14,15,16 e 17 Abril 2010: Terceira Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol


III Semana da Poesía Salvaxe de Ferrol

Os días 14,15,16 e 17 de Abril de 2010

A palabra encarnada

Programa da 3ª edición da POESÍA ENCARNADA - SEMANA DÁ POESÍA SALVAXE

Poemas de Emma Couceiro

Tiago Gomes - Autor de varios libros de poesía en portugués e castelán. Letrista do grupo A Naifa e Liña da Fronte -
Vocalista e letrista do grupo Os Inspectores. Editor e produtor da revista a Biblia. Fundador da Galería ZDB.

Antonio Gómez - poemas e poemas

Ada Salgas - a escoitar o silencio

María Couceiro - inevitablemente poeta

Tres Gatos Swing - para o último día, musica e voces. Fusión: Jazz, ritmos africanos, balcánicos, rueiros - Músicos moi curtidos tamén, estarían dispoñibles para levar a cabo "acciones" na rúa durante as incursións salvaxemente poéticas.

MadameCell - piano só en campo aberto. Madame Cell, alter ego do pianista Nacho Muñoz, actúa no parque de Belvís, nunha perspectiva diferente para observar a cidade desde o alto. Presenta unha serie de pezas "compostas como células ou obxectos sonoros, libres para a improvisación, a deconstrucción, a poesía, a fonética e a ópera".

Javier Semprún -  con El Cuervo de Poe

Nós: Guillermo, Karlotti, Víctor M. Gómez e Marcos Lorenzo

IMAXENS

Subpáginas (1): poesia encarnada

www.poesiasalvaxe.com

--
fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es

Información baseada na enviada por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
13 de abril de 2010 09:11
______________________

O Domingo 25 de Abril, Manifestación Nacional en Compostela: “En defensa dos Servizos Públicos”

Manifestación Nacional “En defensa dos Servizos Públicos”, o vindeiro 25 de abril

As organizacións convocantes denunciaron a política de privatización e desmantelamento dos servizos públicos e exixiron un incremento do gasto público

CIG, BNG, IU, SLG, FRUGA, Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais Públicos, AS-PG e Nova Escola Galega veñen de anunciar a convocatoria dunha manifestación nacional “En defensa dos Servizos Públicos”, que terá lugar o vindeiro 25 de abril en Compostela. As organizacións convocantes denunciaron, na rolda de prensa celebrada o pasado 9 de Abril, “as políticas económicas e sociais deseñadas e aplicadas polo sistema económico neoliberal, que procuran a privatización e mercantilización de todo o que é público e aproveitan a actual crise económica para acelerar o desmantelamento ou privatizar, aínda máis, os servizos públicos”.

Máis información en Avante e un interesante Manifesto "En defensa dos Servizos Públicos" .
____________________

Caso Egunkaria: Absolven aos cinco directivos do diario -Martxelo Otamendi, Xabier Oleaga, Txema Auzmendi, Iñaki Uria e Joan Mari Torrealdai- poñendo en cuestión o peche do xornal basco e afirmando que "non tiñan a máis mínima relación con ETA"

Absolveron aos cinco, mais ainda non se fixo xustiza, para que se faga xustiza hai que reparar o dano causado, ...  e o proceso ainda está sen rematar [O ex director do xornal cre que "os perdedores" no xuízo presentarán un recurso contra a sentenza, e advirte que queda a parte económica do caso], no seu momento Director, Martxelo Otamendi, foi torturado, calquera que se atrevera a defender Egunkaria era tildado de terrorista, a liberdade de expresión foi secuestrada, ... o resto dos medios de comunicación, os que non aplaudiron a medida, gardaron un cúmplice silencio, ... Os cinco realizarán hoxe pola mañá unha Rolda de Prensa no Parque da Cultura, en Andoain.

O 20 de febreiro de 2003,
Euskaldunon Egunkaria [*], o único diario publicado integramente en lingua basca en todo o mundo, foi clausurado polo xuíz da Audiencia Nacional Juan do Olmo que decretou o seu peche "temporal", e dez membros do seu persoal ou que formaron parte del no pasado foron arrestados baixo a acusación de "colaboración con banda armada". A Garda Civil española levou a cabo unha redada a gran escala tanto nas oficinas centrais do xornal en Andoain como nas súas delegacións de Iruñea (Pamplona), Bilbao e Gasteiz (Vitoria), que quedaron precintadas.

A Audiencia Nacional española absolve aos cinco directivos de "Egunkaria" que foron xulgados

A Audiencia Nacional española absolveu a Martxelo Otamendi, Xabier Oleaga, Txema Auzmendi, Iñaki Uria e Joan Mari Torrealdai, que foron xulgados na causa contra "Egunkaria" a pesar de que a propia Fiscalía pedira o arquivo do proceso. O fallo pon en cuestión o peche do diario en euskara e afirma que os procesados e o xornal "non tiñan a máis mínima relación con ETA".


[Joan Mari Torrealdai, Iñaki Uria, Txema Auzmendi, Martxelo Otamendi and Xabier Oleaga]

Fontes: xornal basco "Gara" [Máis Información] e ideasapiens [2003]

Web de Egunkaria:
http://egunkaria.info/

[*] EUSKALDUNON EGUNKARIA [o xornal dos basco-falantes] naceu o 6 de decembro de 1990. Era o único xornal publicado en basco, e estaba á venda en todo o País Basco, tanto en Iparralde como en Hegoalde [é dicir, tanto na zona norte como na zona sur do País Basco a ambos os dous lados da fronteira franco-española]. Publicaba-se seis días á semana de martes a domingo. Tiña unha versión on-line en basco que contiña tamén unha sección en inglés.

EUSKALDUNON EGUNKARIA desenvolveuse de xeito considerable desde o inicio da súa andaina, cando contaba con só 32 páxinas. No momento do seu peche tiña xa 60 páxinas na súa edición diaria, e tendo en conta todos os seus diferentes produtos, publicaba unha media de 76 páxinas diariamente.

EUSKALDUNON EGUNKARIA era un xornal corrente, e ofrecía as seccións habituais en calquera diario: opinión, política do País Vasco, sociedade do País Basco, economía, deportes, artigos, servizos, cultura, sucesos e televisión.

EUSKALDUNON EGUNKARIA tiña a súa sede central en Andoain (Gipuzkoa) e delegacións en Iruñea (Pamplona), Baiona (Bayonne), Bilbao e Gasteiz (Vitoria). Contaba cunha plantilla de 150 persoas.











Enviado por:
Imorero
-inaciogz@gmail.com-
13 de abril de 2010 07:00
__________________

luns, abril 12, 2010

O caso Gürtel: "Todo pola Patria"

Por José María Villot [*]
10.04.2010

Agora a mensaxe desde a dereita é: detrás de Gürtel non había unha banda coa camiseta do PP senón ducias de chourizos que eran do partido ...

Ten graza que nos conten agora eses "segredos" que todos coñeciamos pois eran a voces ... e corais.

Din: non hai sobresaltos en Xénova pois (os ladróns son xente honrada?) pois se demostrou (cando, onde, como, se o sumario fala de pagos para os mitins en Valencia e no Monte do Gozo?) que non hai novos imputados nin novos delitos ... Xa comprendo que é molesto lerse os cincuenta mil folios e que ademais de ler hai que atender, entender e comprender.

Pero parece claro que setenta e tantos militantes do Partido Popular (todos con cargos orgánicos ou de representación populares; ás veces as dúas cousas) están imputados por unha serie de pistas e datos que van do esperpéntico ao cómico pero pasando sempre -iso se, eh?- polo banco dos acusados ...

Ninguén pode entender que tantos roubasen tanto (millóns e máis millóns de euros) sen que os seus xefes e superiores notasen os coches, pisos, xoias e viaxes...

... Alguén tería que preguntar no mitin de Valencia; no de Compostela -con empanada e viño gratisQuen paga isto..? Como podemos gastar tanto...?

E de gastar controla o tesoureiro ... o mesmo que obrigou a Rajoy a asinar ese comunicado (faltoulle pór quéroche un ovo, como o outro) e, sobre todo, a conservarlle o cargo de senador (jo... como está a política) e pagarlle o avogado ...

Todo pola patria ... ? ¡Todo pola "pasta" ...!

E aínda que roubar é malo, queridos lectores, peor é para comparte caviar e un jaguar que para mellorar a vida dos teus aos que tanto amas ...

E falando de amor e cartos acórdome das "caixas" que parece outra novela de cobiza e diñeiro. Quen vai decidir o futuro, fano pola patria ou pola "pasta" ...?

Agora din que supeditan o seu apoio á fusión a que esta satisfaga as expectativas do Sur ... Iso: todo pola patria.

A patria pona sobre catro rúas esquecendo a xeografía dun país que observa hastiado (como no caso dos políticos corruptos) como se pelexan pola "pela" (polas súas "pelas") facendo crer aos demais que están loitando pola patria ...

E, oia, non picamos eh ...?

Publicado no Diario de Ferrol
[*] José María Villot y Villot, xornalista e escritor, foi Director do Centro Territorial de Televisión Española en Galicia  entre o 1 de xaneiro de 1988 e o 30 de abril de 1989.
_______________

Que tes na caldereta? Martes 13 de Abril de 2010, con María Manuela

Ola a todas e todos;

Dende Lefre de Caldereta queremos convidarvos o martes 13 de abril ás 20.30 horas no pub Borsalino, á charla-tertulia Q tes na caldereta?, con María Manuela (Manola). Falaranos da súa vida, da súa andaina, das súas grandes paixóns e como non do novo disco que en breve verá a luz.

Agardamos por todas e todos vós. Non podedes faltar.

Xuntamos cartel e agradecemos a difusión desta información.

saúde.

--
Asociación Cultural Lefre de Caldereta
www.lefredecaldereta.com
lefre@lefredecaldereta.com

Enviado por:
A.C Lefre de Caldereta
-lefre@lefredecaldereta.com-
11 de abril de 2010 21:02
_________________

Reportaxen sobre a Manifestación contra a privatización da Sanidade Pública que se celebrou o Domingo 11 de Abril de 2010 en Ferrol - Audio, Vídeo, Fotos, Artigos, ...


[Clicar acima da imaxe para entrar na Galería Fotográfica de Suso Pazos -Susete- en Fuco Buxán A.C.]

Miles de persoas secundaron a chamada da Plataforma contra a privatización da Sanidade Pública, baixo o lema "A Saúde non é un negocio - Non á privatización da Sanidade Pública".

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol -que a integran 44 entidades da comarca-, diante do grave deterioro ao que se está sometendo á Sanidade Pública, á falla de compromiso que con esta Área ten a Xunta de Galicia e ante as medidas privatizadoras do Partido Popular, realizou es Domingo 11 de Abril de 2010 unha manifestación, a cal reflexou na rúa o descontento e o rexeitamento destas medidas por parte da cidadanía da comarca.

Rádio Filispím, a radio libre e comunitaria da Comarca realizou unha reportaxen completa e en directo da mobilización realizada hoxe en Ferrol.

O Colectivo Opaii!, a entidade que promove e manten a radio, realizou unha extensa reportaxen sonora con música entrevistas e conexións en directo.

Documento sonoro de "Rádio Filispím" online:



Fonte: http://artabrix.blip.tv/


Vídeo de Ártabra 21 que se corresponde co momento da leitura do comunicado final da Manifestación, leido por un dos portavoces da Plataforma, Miguel López, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro.


Fonte: http://artabrix.blip.tv/

Contra a privatización da Sanidade Pública
Lois Méndez Pérez [*]
11.04.2010

As Iniciativas de Financiamento Privado (PFI) son unha ferramenta para privatizar a Sanidade Pública, poñendo os seus activos e o seu financiamento nas mans do sector privado e os seus accionistas

Con estas ferramentas de privatización increméntanse os custes finais de construción dos hospitais e dos centros de saúde moi por riba dos construídos polo sistema público tradicional

Estes custos tan elevados e progresivos hipotecan os orzamentos, de investimento e de gasto corrente do sistema sanitario público, durante moitos anos e trasladan ás xeracións futuras o pago dos actuais centros. Conleva ceder as empresas á construción do edificio, adquisición do equipamento, mantemento e contratación do persoal non sanitario, ademáis de explotar tódolos servizos (cafetería, aparcamento, subministros, almacén ….), O Sergas pagará un aluguer como inquilino durante máis de 20 anos, o custe final será seis veces superior ao que custaría o hospital de terse construído con financiamento totalmente público. Cando o Sergas, pasados máis de 20 anos, sexa o propietario do hospital ou dos centros de saúde, xa estarán obsoletos e necesitaran grandes investimentos para poñelos en valor. Este modelo de xestión xa fracasou no Reino Unido, Valencia, Madrid, pois deteriora a calidade asistencial, con peor atención ao usuario, ademáis este modelo privado sae máis caro, desviando recursos a favor da empresa privada que só busca beneficios. Para compensar os maiores custes, as infraestruturas son de peor calidade, redúcese o número de camas e de persoal, co que se deteriora a calidade da asistencia sanitaria. A experiencia inglesa demostrou que os maiores custos condicionan problemas de infraestruturas e reducións en camas, persoal e en calidade da asistencia sanitaria:
  • Por cada 200 millóns de libras de incremento de custos perdéronse 1.000 postos de traballo, polo que o persoal reduciuse nun 25% desde a posta en marcha da PFI. Perdéronse 13.000 camas entre 1997 e 2001. Estes hospitais teñen unhas listas de espera moi elevadas (en áreas esenciais que pon en perigo a saúde dos pacientes).
  • Construtoras deseñan e constrúen.
  • Proporcionan e repoñen mobiliario e resto do equipamento básico.
  • Xestionan persoal e servizos non sanitarios. As empresas concesionarias son as responsables de:
    • Mantemento integral del edificio, Xestión de residuos Seguridade, Lavandería.
    • Transporte exterior e interior, desinfectación e Xestión do arquivo de documentación clínica e administrativa.
    • Conservación de vías e xardinería, limpeza, esterilización, almacenaxe, distribución é restauración

Estes centros sanitarios teñen un 68% menos camas, 0,95 fronte a 3 camas por mil habitantes dos públicos da comunidade. Teñen externalizada a radioloxía e laboratorio, que quedan fóra dos centros impedindo contacto con profesionais clínicos. Poñen en perigo a confidencialidade dos datos clínicos dos pacientes, que están en poder de empresas privadas. Teñen menos médicas/os por mil habitantes: Centros con xestión privada (PFI) oscilan entre 0,46 e 0,73 por mil habitantes. Centros Públicos entre 1,3 e 2,4 por mil habitantes. Teñen menos persoal de enfermaría por mil habitantes:

Centros con xestión privada (PFI) oscilan entre 1,07 e 2,47 por mil habitantes. Centros Públicos 4,5 por mil habitantes. As fórmulas de financiamento das que se está a falar non son novas nin teñen dous anos de vida, non se orixinan nin son produto da crise, senón que son fórmulas que viron a luz hai máis de dez anos, en plena fase expansiva da economía, e que xa dende o ano 2000 nas comunidades de Valencia e Madrid, gobernadas polo Partido Popular, e en Galicia co goberno Fraga, con Romay Becaría na Consellería de Sanidade e con Alberto Nuñez Feijóo no Sergas liderou no seu día a experimentación sobre novas formas de xestión do sector sanitario, as fundacións: hospital de Verín, Barbanza e Cee (xa restituídas ao Sergas, que constituíron un rotundo fracaso de xestión: economica e asistencial) ou a asignación a un centro privado da atención sanitaria dunha área de poboación (Povisa, aínda en vigor e polo que o Sergas paga un canon anual superior aos 74 millóns de euros). Nesta área sanitaria, a unión do centro de especialidades co hospital A. Marcide (a entrada actual ao hospital: citas) foi financiada pola empresa privada, como contraprestación da explotación do aparcadoiro construido en chan público, por un período de 50 anos.

Consecuencias para os usuarios, cada vez que teñen que acudir a consultas externas, facer probas ou visitar algún familiar, pagan as tarifas máis caras por usar o aparcadoiro de toda a cidade: a necesidade convírtese nun negocio.

As consecuencias da privatización son catastróficas: abandono de valores fundamentais; universalidade, equidade, gratuidade, carácter redistributivo, planificado por necesidades e participativo. Incrementa a irracionalidade e a desigualdade sanitaria (acceso servizos). Aumenta o gasto sanitario sen mellorar resultados.

Os efectos dos orzamentos destinados pola Xunta de Galicia no ano 2010 nesta Área Sanitaria son:
  • A falla de orzamento para adicar á alta tecnoloxía: nin un só euro.
  • A escasa dotación de 100.000 euros ao plano director.
  • Aumento alarmante das listas de espera.
  • Aumento de derivacións de usuarios a outras Áreas Sanitarias e a centros privados concertados.
  • Conxelación dos cadros de persoal, anulación do plan mellora de atención primaria e redución drástica de contratacións temporais: peor calidade asistencial.
  • A construción dos centros de saúde de Ares, A Capela, Cedeira e Narón pola iniciativa privada.
  • O nulo investimento na adaptación do Hospital de Defensa, coa conseguinte paralización de novos servizos e a plena utilización desta infraestrutura.

Por todo isto temos que dar a batalla en defensa da Sanidade Pública.

Contra a Privatización da Sanidade Pública, contra o deterioro dun servizo público esencial, contra a perda e precarización dos postos de traballo. Por unha sanidade pública, gratuíta e de calidade.

Hoxe dende o ambulatorio Fontenla Maristany na praza de España, convido a participar a tódolos traballadores e traballadoras da sanidade e a todos/as os/as usuarios/as na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, porque aínda estamos a tempo de parar esta agresión a un dos pilares básicos do estado de benestar, o que non defendamos agora, no futuro ímolo lamentar, pero daquela xa será demasiado tarde.

[*] Lois Méndez Pérez é membro da Executiva Nacional da Federación da Sanidade da CIG -Cig-Saúde-
__________________

A Manifestación en medios na rede:

Vieiros - Milleiros de persoas piden a dimisión de Farjas - Convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, a manifestación denunciou os “intentos da Xunta de privatizar a sanidade pública”.

A nosa Terra - Publica noticia de Axencia -Milleiros de persoas contra a privatización da sanidade Europa Press . Unhas 10.000 persoas, segundo a organización, e perto de 5.000, de acordo coa Policía Local, manifestáronse este domingo en Ferrol, convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, para reclamarlle á Xunta que non converta a saúde nun negocio.

Diario Liberdade - Polo de agora non publicou a noticia [12.04.2010 -11:50]

GalizaLivre - Polo de agora non publicou a noticia [12.04.2010 -11:55]

A Peneira - Polo de agora non publicou a noticia [12.04.2010 -12:05]

GZNación - Polo de agora non publicou a noticia [12.04.2010 -12:15]

MundoGaliza - Polo de agora non publicou a noticia [12.04.2010 -12:20]

Galicia-Hoxe - Milleiros de galegos rexeitan converter a sanidade nun negocio
"A saúde non é un negocio", berro unánime das miles de persoas, 10.000 para a organización e unhas 5.000 segundo a Policía local, que tomaron onte as rúas de Ferrol
____________

Dentro dunhas horas publicaremos unha galería fotográfica de Mel da Asociación Veciñal "O Rosario" d'O Inferniño.
_________________

domingo, abril 11, 2010

Mercedes Sosa - Todo cambia

Mercedes Sosa "La Negra" e unha bela poesía do chileno Julio Numhauser cofundador de Quilapayun. Temos que aceptar os cambios como parte da vida, tamén os que non son do noso agrado, mais Julio Numhauser, exiliado en Suecia pola dictadura de Pinochet, nos apremiou a conservar os sentimentos e os valores que dan sentido á nosa existencia e a agardar tamén, en tempos difíciles, que os cambios, de novo nos favorezan.




Todo cambia


Cambia o superficial
Cambia tamén o profundo
Cambia o modo de pensar
Cambia todo neste mundo

Cambia o clima cos anos
Cambia o pastor o seu rabaño
E así como todo cambia
Que eu cambie non é estraño

Cambia o mais fino brillante
De man en man o seu brillo
Cambia o niño o paxariño
Cambia o sentir un amante

Cambia o rumbo o camiñante
Aúnque isto lle cause dano
E así como todo cambia
Que eu cambie non é estraño

Cambia todo cambia
Cambia todo cambia
Cambia todo cambia
Cambia todo cambia

Cambia o sol na súa carreira
Cando a noite subsiste
Cambia a planta e vístese
De verde na primavera

Cambia a pelame a fera
Cambia o cabelo o ancián
E así como todo cambia
Que eu cambie non é estraño

Pero non cambia o meu amor
Por mais lonxe que me atope
Nin o recordo nin a dor
Do meu pobo e da miña xente

O que cambiou onte
Terá que cambiar mañá
Así como cambio eu
Nesta terra afastada

Cambia todo cambia
Cambia todo cambia
Cambia todo cambia
Cambia todo cambia

Pero non cambia o meu amor...
_______________________

sábado, abril 10, 2010

No Primeiro aniversario do pasamento de Santiago Torrente López, "Tito", que se cumpreu o pasado 28 de Marzo de 2010

Por Miguel Ángel Gago Pedreira [*]

Agradecemento a Torrente

Hai persoas que pola súa loita nobre na vida, pola súa entrega á sociedade, por rebelarse ante a inxustiza merecen un monumento na súa cidade. Un recoñecemento ao seu labor, á súa humanidade. Hai persoas que aínda que xa non están neste mundo non merecen ser esquecidas. Merecen ser incluídas no ADN da cidade que lles viu loitar, para dar exemplo ás xeracións futuras e tomar boa nota de como debe comportarse unha persoa de ben. Santiago Torrente López. Demócrata, loitador infatigable, políglota recoñecido. Intermediario sindical, amante da súa terra e da súa cultura, comprometido cos perseguidos e os desfavorecidos. Así quedou reflectido nos seus escritos:

"Da nazón de Breogán, a nazón dos poderosos, deixando aos probes sen chan ..."

Como relata o seu irmán Xosé: Se charlabas dez minutos con Santiago xa che sentías o seu amigo de sempre, convertía algo que parecía dramático en alegría, insuflando optimismo, atopando sempre unha historia ou unha anécdota, que ilustraba a súa exposición para facela amena.




"Amigos de Breogán: cando a nosa voz pregoa, os bos, ónde estarán?"

Todos os días desaparecen unha chea de xenios, e nós sequera dámonos conta dunha mínima parte do que ofreceron á humanidade. A figura de Torrente pode considerarse a dun xenio, a súa entrega á loita obreira, ás melloras na calidade de vida dos traballadores termo pasándolle factura no último tramo da súa vida, perecendo de Asbestosis tras a súa prolongada exposición ao perigoso axente patógeno que é o Amianto, durante moitos anos traballando en Bazán (totalmente contrastado polos informes médicos posteriores ao seu falecemento). Un xenio porque compaxinaba varias loitas á vez, e como amante da súa terra non podía evitar que a súa alma fose ferida pola destrución da contorna no que creceu.




"Se fuches pai Breogán, e miras desde o Penedo a enorme planta de gas ..."

Un xenio por defender a liberdade de expresión, pola súa loita ante a prepotencia e a hipocrisía, por estar aí ao pé do canón achegando os seus coñecementos e o seu "don" de figura mediática. Un xenio por ser persoa sen andrómenas.

"De verdade, quénes son? Se nosa voz non entenden, nin o noso rouco son"

O próximo día vinte e oito (28) de marzo cúmprese un ano da desaparición dun xenio, e algúns nos vemos na obrigación de proclamar o recoñecemento que merece, porque Santiago Torrente sementou amigos por medio mundo, e ata os seus inimigos souberon recoñecer o seu valía. Se algunha vez en Ferrolterra faise un monumento á humanidade, o nome de Santiago Torrente López debería estar plasmado e ben visible formando parte del. Se algunha vez en Ferrolterra, aparte de recoñecer aos poderosos, recoñecésese aos loitadores, entenderíase que o nome de Torrente sería un deles. Se algunha vez fixésese un monumento aos falecidos por Asbestosis, o seu nome debería estar aí. Un loitador que pereceu loitando, que para moitos de nós nunca morrerá pois sempre estará no noso recordo.

"Xa nos roubaran as pedras, as pedras da nosa infancia..."

Versos de Santiago Torrente López.

Como relata Ramón Paz en honra ao seu gran amigo: Bágoas caen polas fazulas de todos. Familia, irmáns, amigos... Bágoas que saen do teu corazón cando che acordas dos momentos vividos con el. Bágoas de añoranza do que foi para todos un heroe. Santiago Torrente, sempre amigo.

[*] Miguel Ángel Gago Pedreira é o portavoz da Plataforma Cidadá pola Verdade na Fragata Estremadura.
____________

Enlaces relacionados:
_______________________________

Absolta a xente do mar que coas súas accións contribuiron a romper o muro de silencio que existia sobre a loita cidadá contra Reganosa

En dúas xornadas que comezaron o pasado 22 de Febreiro tivo lugar o xuizo contra a xente do mar polos sucesos de maio do 2007 que permitiron romper o muro de silencio que existia sobre a loita cidadá contra Reganosa. No Xulgado do Penal de Ferrol, xúlgouse a 14 peresoas acusadas pola fiscalía do delito de desordes públicas e para os que se pediu nove meses de cárcere e unha indemnización á Autoridade Portuaria.

Os sucesos ocorreron o 30 de maio de 2007, cando un grupo de mariscadores entrou ao despacho do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Amable Dopico, solicitando un determinado documento relativo á entrada a Reganosa do gaseiro "Mourad Didouche", documento que Dopico se negaba a mostrar, alegando que non existía e que por fin “atopou” logo de tres horas de peche, tras o cal os mariscadores abandonaron o edificio.

Mentres isto ocorría, o Patron Maior da Confraría, Bernardo Bastida, estaba detido, e un gran número de persoas, convocadas polo Comité Cidadán de Emerxencia, ocupaban o porto, en protesta pola entrada ilegal de gaseiros ao interior da nosa Ría.

O Comité Cidadán de Emerxencia solidarizouse cos acusados, estivo presente no Xulgado, e pediu con comunicado público que a causa fose sobreseida, tendo en conta que estes mariscadores actuaron en defensa da legalidade, dos seus postos de traballo, e da vida e a seguridade dos habitantes da Ría de Ferrol.

[Información basea na publicada no Boletín nº 16 do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol]




Pola importancia da noticia desde Ártabra 21 transcribimos o publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol este Vernes 9 de Abril de 2010

Absoltos os mariscadores acusados de desordes no Porto de Ferrol

N.V.  FERROL

A titular do Xulgado do Penal número 2 de Ferrol absolveu aos 13 mariscadores e ao empregado da Confraría de Ferrol representados polo bufete Jesús Porta Dovalo e Asociados, aos que o Ministerio Fiscal e a acusación particular, exercida pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, imputaban un suposto delito de desordes públicas en progresión con outro simultáneo de violación de domicilio de persoas xurídicas e establecementos abertos ao público.

Os feitos que se lles imputaban a José Anxo Ríos Méndez, Xullo Pico, Xullo Jaime Gabarra, Víctor Javier Valencia, José Luís Estévez, Santiago Bouza, Vicente José Bouza, Juan Carlos Carballo, Juan Casteleiro, Jorge Juan Cendán, Francisco Javier Guerreiro, Anxo Manuel Santiago, Santiago Sendón e Xullo Videira, tiveron lugar o día 30 de maio de 2007, cando o grupo de mariscadores entrou no despacho do que por entón era presidente da Autoridade Portuaria, Amable Dopico, solicitando explicacións polo peche da ría -motivo polo cal non podían saír a faenar-. Logo dunhas tres horas, durante as cales "non se perturbou a normal actividade nas instalacións portuarias", segundo consta na sentenza, os mariscadores abandonaron o recinto co documento no que se expuñan as razóns polas cales non podían saír a faenar.

Fundamentos -  A sentenza emitida fundaméntase en que a pesar de haberse establecido un importante dispositivo policial en previsión de que a prohibición de faenar na ría puidese xerar algunha clase de conflito, este non se produciu na forma que esixe o delito de desordes públicas. Así mesmo sinálase que a súa presenza na contorna da instalación dispúxose con carácter previo ao acceso dos acusados e que o acceso, estancia e saída dos mesmos desenvolveuse de forma pacífica, "sen outros elementos de perturbación que algúns insultos e berros propios dun clima de tensión que afectaba á súa actividade laboral".

Así mesmo sinala que pese ao numeroso grupo de persoas que se dirixiron á sede da Autoridade Portuaria, en ningún momento interviñeron as forzas de seguridade, limitándose a un control preventivo.

O documento recolle tamén que "pódense discutir as formas, a maior ou menor cortesía ou respecto cara á persoa do presidente da Autoridade Portuaria ou o mobiliario da instalacións por parte dos acusados, pero non pode perderse de vista que estes acudiron á sede porque alí podían atopar resposta ás súas reivindicacións". Ademais engade que a reclamación pola prohibición de faenear "foi o único móbil da súa actuación sen que se demostrou que os inconvenientes que causaron fosen outros que os propios da reunión dun numeroso grupo de persoas nun espazo reducido e nun clima de tensión polo conflito laboral".

Outro dos argumentos esgrimidos no fallo é que o feito de que a estancia nas instalacións prolongásese durante unhas tres horas "non pode supor por si soa que se cualifique a conduta dos acusados como unha perturbación grave da paz pública". A sentenza declara, así mesmo, as costas procesuais de oficio indicando que contra a mesma só cabería interpor un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial.
__________________________

Em Ferrol, como em Vigo, manifestaremo-nos em defensa da nossa saúde


Por Lupe Ces
09.04.2009

O próximo domingo dia 11, às 12 do meio-dia, desde o ambulatório do centro de Ferrol, sairemos em manifestaçom defendendo a sanidade pública, proclamando a saúde como um direito, mostrando a nossa oposiçom a convertê-la num negócio. Todo isto diremos-lho a Feijóo e ao seu governo, responsáveis diretos destas políticas que perseguem tirar negócio dos serviços públicos, criados para garantir ao conjunto da populaçom os seus direitos básicos.

Imos colher o relevo da cidadania que o 25 de Março, encheu coa mesma vontade as ruas da cidade de Vigo. Desde alí venhem informaçons que falam de actuaçons dos actuais responsáveis políticos para apropriar-se de conquistas sociais que garantem a cobertura universal da atençom sanitária, para entregar-lhas aos seus amigos mercaderes das grandes corporacións. A saúde, as pensons, a educaçom, os serviços sociais ... som vistos como grandes ocassons de negócio, umha ingente quantidade de recursos económicos, que hai que retirar do controlo público para ser colocados nas ambiciosas mans dos seus negócios. Só assim se explica, como um hospital projetado para Vigo por valor de 300 milhos de euros, pasará a custar 1000 milhos ao privatizar a sua construçom e gestom. Setecentos milhos que sairám das arcas públicas para engordar benefícios privados e precarizar o trabalho do pessoal sanitário e diminuir a qualidade da assistência.

Por desgraça nom é o único. A ameaça do sistema de copago, a reduçom de pessoal, o pago de medicamentos ... está presente nos projetos da Conselharia de Sanidade, onde a secta Opus Dei ocupa importantes postos de decissom. Esta secta actua coerentemente, pois tem a crença de que as nossas enfermidades e sofrimentos, nom som algo a combater e erradicar, senom que som provas que Deus nos pom para ser merecentes da sua eternidade. Esta secta anima a oferecer os sofrimentos das pessoas enfermas a um deus, que as aceita como demostraçom de amor incondicional, de despreço pola vida na Terra e desejo de estar com ele no Ceu. Toda esta perversom e utilizaçom ao redor do sofrimento humano derivado da falta de saúde, junta-se a umha búsqueda enfermiça do poder político e económico por médios nada transparentes nem democráticos.

O domingo 11 sairemos polas ruas de Ferrol para dizer que a saúde nom é um negócio, é um direito.

Umha grande mobilizaçom cidadá pode fazer de freio a esta loucura privatizadora e concienciar à cidadania na necessidade de afastar dos centros de poder a quem nom esté em disposiçom de garantir coas suas políticas os nossos direitos fundamentais.

Enviado por:
lupe ces
-lupeces@gmail.com-
9 de Abril de 2010 00:45
http://lupeces.blogspot.com/

___________________

Recordatorio da Manifestación Comarcal contra a privatización da Sanidade Pública que se vai celebrar o vindeiro Domingo 11 de Abril de 2010 en Ferrol

Convocatoria:

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da ärea Sanitaria de Ferrol, diante do grave deterioro ao que se está sometendo á Sanidade Pública, á falla de compromiso que con esta Área que ten a Xunta de Galicia e ante as medidas privatizadoras do Partido Popular respecto da Sanidade Pública, convoca para o vindeiro Domingo 11 de Abril de 2010 unha Manifestación Comarcal, a cal agardamos que reflexe na rúa o descontento e o rexeitamento destas medidas por parte do conxunto da cidadanía da comarca. A manifestación partirá ás 12 do mediodía  da Praza da Porta Nova [Praza de España] diante do Edificio do antigo Ambulatorio Fontenla Maristany.





A día de hoxe a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol esta composta por máis de 40 entidades e segue aberta a novas incorporacións.

Podedes ler o ideario da Plataforma:

MANIFESTO

Blogue oficial da Plataforma:
_______________

venres, abril 09, 2010

O caso Gürtel: Escandaloso e alucinante


Por Luís Álvarez Pousa [*]
09.04.2010

Hai un especial interés en desmontar a estratexia do caracol coa que a dirección do PP tenta sobrevoar o caso Gürtel. Para iso, ningún argumento máis certeiro que o de probar o financiamento irregular do partido. En efecto, se a trama de corrupción chegase ata as adegas da organización, o discurso victimista no que se moven as Cospedal, Aguirre e Barberá, ademais de Rajoy, Feijóo e González Pons, caería polo seu peso. Non é así. Por máis que sigan empeñados en negar a conexión entre o partido e a trama que capitaneaba Francisco Correa, a realidade en forma de sumario evidencia probas sobradas da súa existencia, cando menos en catro comunidades autónomas con gobernos conservadores: Valencia, Madrid, Castilla/León e Galicia. Recitando coma papagaios a guía de instrucións autoconmiserativas, para calmar a riada de alertas xeradas polo relato que convirte aos socialistas de Filesa -a gran corrupción política dos anos 80- en meros aprendices de bruxo, ensaian o seu propio harakiri.

Porén, aínda que non tivésemos esa confirmación, para nada diminuirían o alcance e a gravidade do sucedido. É todo tan escandaloso -polo estatus institucional e/ou organizacional dos imputados-, e tamén tan alucinante -como queda de manifesto no relato que o sumario ofrece en forma de folletón político/gangsteril- que, aínda non tendo como teñen os brazos autonómicos do PP unha directísima complicidade coa rede Gürtel, en nada cambiaría a natureza amoral e delitiva dos feitos. Cantos, imputados ou non, protagonizan esta comedia dramática están cortados por un mesmo patrón: creéndose escollidos polo destino uns, e especialmente dotados outros en razón dos xenes familiares e de clase -facendo boa a teoría de Fraga para xustificar as contratacións que sempre realizou Baltar para a Deputación entre as familias do PP ourensán para a Deputación-, buscan sen importar os medios niveis de riqueza que os convirtan, social e politicamente falando, en inmortais.

Non son francotiradores, como insisten en facernos crer os dirixentes do PP. Pola contra, son persoas instaladas no seu organigrama de poder, como é o caso do tesoreiro Bárcenas, e nas institucións das que se sirven para o seu proveito particular facilitándolle aos da trama que materialicen o súa ben planificada rede de corrupción. Perguntándonos, iso sí, como é posible que tantas persoas se lucrasen durante tantos anos delitivos sen que ninguén do seu entorno o advertira -por caso, Rajoy, malia pasar por diante do seus despacho as millonadas coas que segundo o sumario Correa premiaba a eficacia do seu tesoreiro; por caso, Fraga, que se beneficiou as campañas pagadas con diñeiro negro entre os anos 1996 e 1999-. Recramar contundencia, como fai Feijóo, é a futuro. Iso queda para os xuíces. Antes deberan el e Rajoy asumir o presente. Que é tanto como defenestrar aos que están xudicialmente acorralados, so pena de que pensemos que non o fai por medo, no caso de Rajoy, e abrir unha investigación sobre as finanzas do PPdG entre o 96 e o 99, no caso de Feijóo. Todo menos esconderse ambos baixo a coraza do caracol.

[*] Luís Álvarez Pousa -lapousa@temposnovos.net- é xornalista, profesor de universidade, escritor, ... e director da Revista Tempos Novos. O Autor na Galipedia - O Autor na web do Colexio profesional de Xornalistas .
__________________

Enlace de interese:

O xornal estatal "Publico", edita a Gürtelpedia - Os termos claves do maior escándalo de corrupción no PP, da A á Z. E un especial con toda a documentación sobre a trama corrupta do Partido Popular -PP-
___________________________