sábado, xaneiro 10, 2015

Charlie Hebdo e o debate sobre a liberdade de expresión, ... Por Santiago Mayor


Santiago Mayor [*]
10.01.2015


De entrada é bo aclarar que o título é un pouco enganoso. A idea deste artigo non é falar sobre a revista humorística francesa Charlie Hebdo, pero si tomar un debate que emerxeu a partir do brutal ataque sufrido pola súa redacción o mércores 7 de xaneiro: o da suposta liberdade de expresión.

A masacre perpetrada por tres cidadáns franceses de ascendencia árabe e de relixión musulmá é sen dúbida depreciábel. Partindo desa base e deixando de lado calquera debate respecto diso, resulta interesante abordar a problemática da liberdade de expresión.

Non é unha tarefa sinxela, máis no mundo do xornalismo que, ao marxe de ideoloxías tende a abroquelarse detrás deste concepto practicamente sen matices e considera calquera posta en dúbida da súa profesión como un "ataque" a esa suposta liberdade.

Que é a liberdade de expresión?

Como bo concepto liberal, a liberdade de expresión baséase na igualdade ante a lei. Todos os cidadáns e cidadás son igualmente libres de emitir as súas opinións. Agora ben, non hai que ser Karl Marx para saber que isto non é tan así.

Non calquera, neste mundo, pode e ten acceso a difundir as súas ideas masivamente na televisión, a radio ou os diarios. Ese é un atributo de poucas persoas, maioritariamente empresarios ou, de mínima, xente cun capital cultural e económico importante.

(Si, existen medios alternativos e populares, pero cal é o seu alcance? A propia dinámica nalgúns casos e a escaseza de recursos financeiros -como pasa con Notas- noutros, convértese nun enorme limitante á hora de inserirse nunha disputa pola masividade).

Entón xa logramos delimitar un primeiro espazo da liberdade de expresión. Son libres de expresarse quen teñen as condicións materiais para facelo.

Este primeiro punto está asociado con outra restrición que, aínda que non é lineal, achégase moito e ten que ver co poder nunha sociedade determinada. Os sectores oprimidos, marxinados e excluídos adoitan carecer de voz propia onde expresarse. En xeral, os medios de comunicación non reflicten a súa realidade, as súas necesidades e, pola contra, os estigmatizan e reforzan a dinámica de dominación.

Acá é onde aparece o eixe central do debate quen exerce a liberdade de expresión? E, máis importante aínda sobre quen a exercen?

José Antonio Gutiérrez, no seu artigo Je ne suis pas Charlie (Eu non son Charlie) faise eco disto e sostén: "Non me esquezo da carátula do Nº 1099 de Charlie Hebdo, na cal se trivializaba a masacre de máis de mil exipcios por unha brutal ditadura militar, que ten o beneplácito de Francia e de EEUU, mediante unha portada que di algo así como Matanza en Egipto. O Corán é unha merda: non detén as balas".

E acto seguido preguntábase que pasaría si publicase "unha revista cuxa portada tivese o seguinte lema: Matanza en Parides. Charlie Hebdo é unha merda: non detén as balas e fixese unha caricatura do falecido Jean Cabut cribado cunha copia da revista nas súas mans". Sen dúbidas sería un escándalo mundial, reproducido até a fartura en todos os medios internacionais e que chegaría a gran parte dos fogares do mundo.

Con todo da tapa 1099 de Charlie Hebdo ninguén, máis que quen compraron a revista, se acorda.

Dereito á información e responsabilidade social do xornalismo

Ao concepto de liberdade de expresión preferimos substituílo por outros dous, presentes no Código Internacional de Ética Xornalística da UNESCO: o dereito á información e o de responsabilidade social do xornalismo e os xornalistas.

"No xornalismo, a información compréndese como un ben social, e non como un simple produto. Isto significa que o xornalista comparte a responsabilidade da información transmitida", sostén o Código da UNESCO aprobado en 1983. E aquí é onde máis se mete o dedo na chaga desta profesión tan egocéntrica e individualista.

Non dá o mesmo dicir tal ou cal cousa. Non se pode dicir sempre o que a un se lle canta. O xornalismo supón unha responsabilidade, e como dicimos en Notas, unha responsabilidade histórica. Un compromiso co noso tempo e o noso lugar.

Prosegue o Código de Ética: "O verdadeiro xornalista defende os valores universais do humanismo, en particular a paz, a democracia, os dereitos do home, o progreso social e a liberación nacional, e respectando o carácter distintivo, o valor e a dignidade de cada cultura, así como o dereito de cada pobo a escoller libremente e desenvolver os seus sistemas políticos, social, económico ou cultural" [o resaltado é do autor].

A indignación que suscitou o ataque á redacción de Charlie Hebdo está a anos luz da que produciu, na prensa occidental polo menos, o bombardeo sistemático durante máis de 50 días por parte de Israel á Franxa de Gaza. Máis de dous mil palestinos morreron, entre eles máis de 500 nenos e nenas. Esas vidas valen menos que as dos 12 xornalistas franceses? Para nada. E iso vai dicir todo o mundo. Pero unha cousa é o que se di e outra o que se fai.

Ou como tomariamos na nosa sociedade occidental e cristiá que unha revista dun país musulmán como Irán ou Exipto fixese recurrentemente caricaturas ofensivas sobre Xesucristo ou a Virxe María? Seriamos tan tolerantes e gritariamos aos catro ventos o dereito dos humoristas islámicos a expresarse? Eu creo que non, porque a burla é sempre máis sinxela sobre un outro subordinado ou, en última instancia, sobre un mesmo. Eu pódome criticar, pero outros?

En Europa, continente colonialista que durante décadas oprimiu e aínda hoxe oprime a países do terceiro mundo (moitos deles de crenza musulmá) está crecendo unha ola de islamófobia que identifica a calquera crente do Islam cun potencial terrorista.

Desde o xornalismo e desde o humor hai que asumir unha responsabilidade neste contexto (que non é o mesmo que o de Arxentina, vale aclarar). En nome da liberdade de expresión non se pode reproducir a estigmatización e a lóxica de opresión sobre os sectores marxinados e excluídos. Sobre un outro do que vale dicir calquera cousa.

En nome de reivindicar o meu dereito a opinar non podo apontoar esa lóxica que somete e condena a comunidades enteiras.

Como sabiamente publicou na tapa do seu último número a Revista Barcelona "o mundo occidental" condenou o ataque e "reivindicou un sistema de valores, crenzas e negocios que case nunca comete xenocidios, que poucas veces financia grupos terroristas, que estigmatiza unicamente a quen o merecen".

A hipocresía é unha práctica que debemos desterrar da nosa profesión. A liberdade de expresión é, quizais, a súa manifestación máis importante.

[*] Santiago Mayor,  @SantiMayor, Xornalista. Membro do equipo de redacción de @Notas_arg (Notas - Periodismo Popular),  @PatriaGrandeArg. Ezpeleta, Quilmes, Argentina. notas.org.ar, outros artigos de do autor en Rebelión.

Publicado en Rebelión o 10 de Xaneiro de 2015, mediante unha licenza de Creative Commons, respectando a súa liberdade para publicalo, co permiso do autor, noutras fontes.
____________________

venres, xaneiro 09, 2015

Gañarmos consistencia face novos e vellos espellismos, ... Por Xabier P. Igrexas - Cómpre fuxirmos da abstracción puramente identitarista, e en coherencia coa histórica análise que o nacionalismo popular ten feito da dependencia do noso país

Por Xabier P. Igrexas [*]
09.01.2015


Encetamos novo ano. Temos por diante 365 novos días para facermos avantar o proxecto de radical transformación política, económica e social que para o noso povo propoñemos desde o nacionalismo galego. Porén, facelo exixe antes de máis nada botar un intre a ollada atrás.

Vén de comezar o sétimo ano da vixente crise sistémica do capitalismo. Unha crise mundial, violenta como poucas sobre todo na inmediatez dos seus efectos económicos e sociais. Unha crise sistémica que puxo en evidencia ao capitalismo como un sistema irreversibelmente fallido. De facermos caso das prognoses máis estritas no campo da economía marxista a actual recesión como pouco será moi longa e demorada no tempo, malia poder presentar picos de serra con sinais conxunturais de recuperación. Outras análises apuntan a que o sistema, que non vai implosionar por si propio como algúns inxenuamente parecen agardar, podería agudizar a súa metástase estrutural, radicalizando inda máis a loita de clases e os desequilibrios territoriais desbocando o Imperialismo galopante.

Ao fío disto último, ollamos o pasado ano e os anteriores como o escenario mundial está sometido a enormes tensións. O rearme belicista dos polos imperialistas, as pugnas entre as principais potencias e un incipiente confronto entre bloques económicos (que nada ten a ver co contraste da chamada guerra fría entre o mundo socialista e o eixo capitalista), permiten albiscar un cenario tremendamente inestábel, onde as fronteiras do posíbel e do imposíbel, do que criamos que podía pasar ou non, vanse desdebuxando. Liñas nos mapas aparentemente consolidades son agora discutidas con milleiros de mortos. O fascismo pasou dun estado latente a un paulatino espertar, espoleado coma sempre pola incerteza da crise e polos intereses da clase dominante. Ucraína, Siria, a rexión Asia-Pacífico, a bomba de reloxería do oriente próximo e a ameaza do retorno da dereita proimperialista ao poder na América Latina, son algúns dos focos desta tensión.

Neste senso, a correlación de forzas a nivel mundial continúa a nos ser desfavorábel. E os bloques alternativos como o ALBA ou as novas alianzas que de feito puxeron fin ao mundo unipolar (BRICS) non acaban de se configurar como alternativas ao occidente capitalista nucleado arredor dos EUA-UE e os seus aliados. A nosa realidade non está isolada deses fenómenos, por distantes que nos puideran parecer. Moi ao contrario, as tendencias internacionais son un factor de grande importancia para compredermos que acontece nos ámbitos inmediatamente máis próximos. A principiar por unha Unión Europea que ten recruecido o seu papel imperialista e a súa concepción como instrumento ao servizo do grande capital monopolista, até chegarmos ao propio Estado español, que movido pola inercia europea ten producido unha notábel recentralización política e económica ao servizo da mellor e maior concentración de riqueza.

Patria e clase, soberanía e socialismo

Galiza carente de soberanía política, e sometida por iso ao seu rol forzosamente periférico no marco do Estado e da UE, fica dirixida institucionalmente por un goberno autonómico que fixo enfraquecer até a máis grave das anemias o xa ultralimitado marco competencial. Omisión. Ese é o termo que define a nula acción de goberno da Xunta de Feijóo, que ten convertido a adminsitración galega nunha mera aparataxe burocrática para a xestión ao ditado -e máis ao servizo- dos intereses fixados desde a metrópole española. Nunca en tempos recentes significamos tan pouco politicamente. Nunca como agora o autogoberno foi menos efectivo. Demostración de que o modelo autonómico, en tanto que “concesión” dun Estado que mantén ao servizo da sacrosanta unidade de mercado un férreo control e tutela sobre a capacidade de decidir -de verdade-  sobre os principais aspectos que rexen a realidade do noso país,   foi un efémero espellismo. Demostra tamén que ao marxe do anterior, a correlación de forzas non é baladí nin cando falamos de institucións cun cativo alcance na toma de decisións. A maioría absoluta do PP no Pazo do Hórreo fixo empequenecer até a caricatura o Parlamento galego.

Mais con todo, non é o devalar da figurada institucionalidade autonómica o máis grave dos problemas que aqueixan ao noso povo. Resultado dos efectos da crise e das políticas de saqueo social que padecemos (ditadas polo grande capital a través da Troika, executadas sen remorsos polo Executivo español e asumidas sen chistar pola Xunta de Feijóo), a situación dos e das galegas roza sen esaxeramos a emerxencia social. O brutal desemprego e o empobrecemento de amplas capas -consecuencia do retallamento en salarios, pensións e prestacións, ameazan a mesma subsistencia material de un cada vez maior número de compatriotas.

Os efectos da loita de clases, onde o capital vigorou a súa vantaxe histórica face o proletariado, son tan evidentes que baten con puño de ferro no noso nariz. É por iso que cómpre fuxirmos da abstracción puramente identitarista, e en coherencia coa histórica análise que o nacionalismo popular ten feito da dependencia do noso país, enraizar o noso reclamo soberanista como peza indispensábel para facer viábel a radical transformación que o noso povo precisa, e que inexorabelmente só pode transitar polo vieiro da ruptura co Estado español, coa Unión Europea e co paradigma capitalista, rumo a construción de noso e para nós dunha sociedade nova, xusta e igualitaria, libre de explotación. Cara a Galiza ceive que para o ser de verdade só poderá ser socialista. O que veño de apuntar non é apenas unha proclama. É o enunciado sintético, ou se se quixer esquemático, dun horizonte estratéxico que cómpre definirmos de vez nunha proposta política tamén de longo alcance, que precisa substanciarse tamén nunha folla de rota para o inmediato. Sen dogmatismos infantís, mais sen medos paternalistas. Con honestidade revolucionaria e con vocación de masas.

Gañarmos consistencia

Ninguén descoñece que vivimos nun contexto tremendamente cambiante, inestábel, sometido a enormes tensións en todos os eidos, como antes se describiu de maneira sucinta. Unhas condicións obxectivas que inciden, coma sempre, na subxectividade social, na percepción, nas tendencias, nos procesos. Pasamos de nos laiar da despolitización a padecermos unha nova caste de hiperpolitización aparente e oca, onde a política mutou nun talk show televisivo. Onde o debate se reduciu ao curral das tertulias dos mass media. Co povo convertido no relato informativo nunha masa deforme e invertebrada,  representada a golpe da demoscopia, coa que se fixan representatividades en función da cotización electoral (prevista ou simulada) nun novo e delirante mercado de futuros, onde as audiencias dos “novos líderes”  entronizados pesan máis que os votos.

Incertezas, confusión, medos, carraxe, fartura, indignación, desafección... Son moitos e variados os ingredientes deste explosivo maremágnum social, que non apunta a se resolver nun estalido social senón a se frustrar, unha vez tras outra, en novos e vellos espellismos. Poñer a orella para escoitar o ruxe ruxe na rúa confirma, lamentabelmente, esa radiografía.

Precisamente neste panorama a nosa aposta debe ser por gañarmos consistencia, en troca de nos limitar a “competir” con novos e vellos fenómenos. Consistencia non apenas para salvar os mobles, senón para afianzar a misión histórica da alternativa política que o nacionalismo galego pretende representar. Non se trata xa que logo de darmos nervosos golpes de leme en función de itinerarios e percorridos alleos. Non se trata de mimetizar, nin moito menos de simular mímese. Hai que se arrepor á tendencia dominante que dita a preeminencia das formas, do aparente, sobre o fondo. Dos significantes sobre os significados. Do como sobre o que. Hai que rachar co desprezo ao discurso que latexa en todas as fórmulas de oportunismo escénico.

Consistencia significa non subscribir en ningún grao o engano das saídas máxicas, das receitas que valen para todo, do mesianismo adanista de quen inventa cada día a roda da política cunha fórmula máis simplista (e alienante) que o anterior. Consistencia exixe como xa se apuntou definir horizontes estratéxicos, concretos, e tracexar a rota cara a súa consecución nunha proposta política a curto, medio e longo, tendo claros os principios e máis, sobre todo, o suxeito social, o que é incompatíbel con facer do calendario electoral o marco cronolóxico que determina a nosa acción política. Sen negar a importancia dos comicios deste ano e dos que virán nos seguintes, é imprescindíbel erguermos a nosa ollada para alén da conxuntura, do inmediato.
A consistencia pasa por nos sacudir de modas impostas e comprender que o que o noso povo agarda de nós non é () preguntas, nun diálogo franco, senón sobre todo algunha certeza, en forma de propostas e respostas. Consistencia é conceptuar a correlación de forzas no seu sentido máis amplo e concretizar en termos obxectivábeis as chaves que definan a acumulación (para alén dos resultados electorais), como apuntei nun artigo anterior ao fío das experiencias latinoamericanas. [Ir a web]
Consistencia que só lograremos cunha maior solidez e alcance nas propostas, co reforzo das nosas estruturas organizativas (concibidas como instrumento ao servizo do povo para a transformación da realidade) e cunha maior axitación e proselitismo que nos permitan incidir na conciencia social. Consistencia para enfrontar todos e cada un dos reptos que esta complexa etapa histórica nos vai poñer no camiño.

[*] Xabier Pérez Igrexas (Vigo 1984), activista sindical, político e social. Membro da CIG e do BNG, ocupando responsabilidades no ámbito comarcal. Participa en Sermos Galiza. Publica artigos de opinión en diferentes medios. Autor do blogue www.contradiscurso.net, en twitter @contradiscurso e no facebook.com/contradiscurso.

Publicado no Terra e Tempo | 09.01.2015 | Onde se poden ler os comentarios.

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
9 de janeiro de 2015 10:31

_______________

Hepatitis C: historia dun atraco anunciado - Queren cobrar 25.000 euros por un medicamento que só custa 115 - Multinacionais farmaceuticas que especulan coa nosa saúde


Hepatitis C: historia dun atraco anunciado. | Queren cobrar 25.000 euros por un medicamento que só custa 115.


A loita dos pacientes de hepatitis C está permitindo descubrir o inmenso negocio que as multinacionais de farmacia (apenas unhas decenas a nivel mundial) están facendo con nosa saúde.

Como se pode apreciar neste estudo (páxina 25 en inglés) [*], o custo de produción do Sofosbuvir para un tratamento de 12 semanas, é de entre 68 e 136 $, é dicir entre 57 e 115 euros, mentres que a multinacional Gilead (a mesma que se lucró co negocio do Tamiflu), esixe ¡¡¡¡ 25.000 euros por tratamento !!!

Hai que recordar que Gilead adquiriu Pharmasset (a empresa que comprara á súa vez a patente do medicamento) por uns 9.200 millóns de euros, e agora parece claro que o importante é rendibilizar o negocio.

Ante esta situación, que con toda seguridade repetirase nun futuro quizais non moi afastado con outras enfermidades e outros fármacos, só queda unha saída razoable: loitar por crear un sistema farmacéutico público de investigación e produción, que permita fabricar directamente os medicamentos que perderon a patente, así como aqueles que sen habela perdido, sexan necesarios por motivos de saúde pública. Vainos a vida niso.

CAS Madrid | 2015.01.06

Coordinadora Antiprivatización da Sanidade - Cas Madrid
http://www.casmadrid.org
info@casmadrid.org
Twitter:
http://twitter.com/CAS_madrid
Facebook:
http://www.facebook.com/profile.php?id=100000750273195&sk=info

[*] Os custos mínimos para producir antivirais de acción directa contra a Hepatite C. | Minimum costs to produce Hepatitis C Direct Acting Antivirals | Andrew Hill and Saye Khoo, Department of Pharmacology and Therapeutics, Liverpool University, UK Bryony Simmons, Imperial College, London, UK Nathan Ford, University of Cape Town, South Africa 64th Annual Meeting of AASLD, Washington DC, United States of America, November 2013 [Poster 1097]. | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
8 de janeiro de 2015 23:01

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/

______________

mércores, decembro 31, 2014

Traballadores de Megasa contra o plano de axuste imposto polo grupo empresarial


Onte, 30 de Decembro de 2014, tivo lugar en Narón a multitudinaria manifestación en solidariedade cos traballadores e traballadoras de Megasa, en loita contra o plano de axuste imposto polo grupo empresarial que pretendede despedir a 47 dun total de 168 que compoñen na actualidade o cadro de persoal. Desde Ártabra 21 queremos amosar a nosa solidariedade coas compañeiras e compañeiros en loita.

A manifestación partiu da praza que leva o nome dos fundadores da siderúrxica de Narón, "Hermanos Freire" e rematou fronte a porta de entrada da empresa. A marcha contou con traballadores de Alcoa chegados da Coruña, así como numerosas traballadoras e traballadores da contorna que amosaron a súa solidariedade coa loita metalúrxica.

O Comité de Empresa segue denunciando a falta de información por parte da empresa -que sempre repartiu dividendos anuais millonarios entre os seus accionistas- que acredite o axuste formulado de redución de case un terzo do persoal que corresponde cunha das liñas de produción. Como moitas empresas Megasa pretende a precarización do traballo coa escusa da crise. Segundo o publicado no Diario de Ferrol, ao final da manifestación "o presidente do comité, Carlos Bascoy, tomou a palabra para denunciar que a empresa, que leva máis de cinco décadas no municipio, dedicouse a reinvertir nas súas dúas plantas de Portugal e que cando toca facer axustes no grupo estes diríxense unicamente á fábrica de Narón, onde tanto apoio atoparon ao longo da súa historia. A intención da compañía é reducir a súa produción librándose das 200.000 toneladas menos rendibles e estas, segundo asegura, saen de Xuvia." Anuncio-se unha folga para os días 2 e 3 de xaneiro deste 2015 que comeza.

En xuño do pasado 2013, o xornal economía dixital (ED), publicaba un artigo titulado "Os Freire planean levarse a produción de Megasa ás súas plantas de Portugal", daquela barallaba-se como unha táctica empresarial fronte aos problemas para conseguir unha enerxía máis barata a través da "subvención" (agora disfrazada de puxa) para grandes consumidores, segundo os MW/h a disposición, polo sistema de asignación do servizo de xestión da demanda de interrumpibilidade segundo o disposto na Orde IET/2013/2013, de 31 de outubro, que foi publicada con posterioridade, todo "para renegociar mellores condicións para a súa factura eléctrica como grande consumidor, coa ameaza de peche da planta de Narón, ten un soporte empresarial a uns cantos quilómetros de Galicia. E está en Portugal. ..." di-se no artigo mencionado.

O texto do cartaz da convocatoria é ilustrativo de parte do que acontece: "MEGASA | pola defensa do emprego digno que nos garanta un presente e un futuro na nosa comarca. | Unha vez máis Megasa, a familia freire, non cumpre coas débedas que teñen. Despois de recibir abundantes privilexios: recheos, accesos, subvencións, modificacións no plan xeral de urbanismo ... Agora , a familia Freire decide despedir ao 30% da plantilla de Megasa Siderurxica S.L.".

Artigo relacionado moi interesante, en tomalaprensa.es que explica moitas cousas: "A gran industria se embolsa 2.500 millóns en subvencións eléctricas por un servizo non prestado" | Ir á web. || Outro artigo titulado "O ano 2014 foi o máis oneroso en pagos por interrumpibilidad á industria intensiva", publicado o pasado 29.12.2014 en EnergyNews . | Ir á Web.|| E un máis baixo o titulo de "Estafa enerxética. Interrumpibilidade: cortarse as venas ou deixa-las longas", Paco Bello en Iniciativa Debate o 17.02.2014 | Ir á web.
_________________

Megasa incumpre, ... por Manuel Cendán

Por Manuel Cendán [*]
31.12.2012

Esperábamos un nadal en paz, crendo que o peor xa pasara. Pero Megasa quere deixar un mal regalo de reis. Desde a xerencia din que lle “sobran” 47 empregos. Que todos os esforzos destes anos dos seus traballadores, Concello e da propia veciñanza non serven para nada.

A dirección pretende sacar fóra de Xuvia as negociacións sobre o despedimento colectivo e da modificación das condicións de traballo. Os motivos: evitar a presión social. Non queren nin luz nin taquígrafos. Non queren que se lles lembren as súas débedas cos traballadores e co propio Concello de Narón.

Megasa incumpre. Onde queda a promoción económica de Narón? E para cando o reparto dos longos beneficios, habidos incluso en plena crise económica? Defender o emprego contra á precarización. Estes son os obxectivos, hoxe pola mañá, dos traballadores diante da Casa do Concello de Narón.

Publicado no 'Diario de Ferrol' | 18.12.2014.

[*] Manuel Anxo Cendán Dopico (Manuel Cendán), activista sindical, social e político de Ferrolterra. Analista político e articulista en diferentes medios de comunicación. Traballador de Megasa. Para máis información pode-se acceder aos seus interesantes sitios-e: bitácora, facebook e twitter.

Bitácora:
http://nordes.wordpress.com/.
Conta no facebook:
https://www.facebook.com/letrasdecambio .
Conta no twitter:
@mcendan1967 .
____________

Resposta ao Sr. Couce Pereiro "Debe acabar a ameaza Reganosa"


Resposta ao Sr. Couce Pereiro "Debe acabar a ameaza Reganosa"

DEBE ACABAR A AMEAZA REGANOSA (TORRES MÁIS ALTAS CAERON...) | RESPOSTA A DON MANUEL COUCE PEREIRO, EX ALCALDE DE FERROL

Nunca las gentes de estas tierras se opusieron a que Reganosa se instalase en esta zona; es más, el Ayuntamiento de Ferrol, ofreció terrenos en Prioriño a esa planta regasificadora.”, afirma o devandito, nun artigo de opinión publicado pola Voz de Galicia.

Sr. Couce, vostede debera saber que a localización da planta en Caneliñas (Porto Exterior) decidiuse unha vez realizado o correspondente estudo de riscos -que descartou precisamente o interior da Ría- o emprazamento someteuse á preceptiva "Declaración de Impacto Ambiental".

Primeira precisión: os terreos en Caneliñas-Prioriño Chico foron cedidos pola Mariña no ano 1993, non polo Concello.

Claro que ninguén se opuxo ao proxecto situado en Caneliñas; pero non como di vostede, con premeditada ambigüidade, “en esta zona”, dando a entender "interior da ría", ou, por qué non en plena praza de España ? Máis tarde, engade: “El señor Tojeiro y Fraga se llevaron el gato al agua, decidiendo relocalizar la planta en Punta Promontoiro

Efectivamente, o Sr. Tojeiro e Fraga, decidírono saltándose toda a legalidade vixente contemplada no RAMINP, sen facer a correspondente "Declaración de Impacto Ambiental", a diferenza do que se fixo nas plantas de Bilbao e de Sagunto.

Permitímonos lembrarlle ao Sr. Couce que, en sentenza inapelable do 12 de Maio de 2012, o Tribunal Supremo determinou a ilegalidade da planta, anulando a modificación puntual da PXOM que serviu de base para a súa construción.

Por qué decidiron os seus responsables relocalizala no interior da Ría? Moi sinxelo: porque iso -riscos aparte, para eles mínimos: non vivían alí nin arriscaban as súas vidas ou as das súas familias - permitíalles dar un pelotazo de 30 millóns de euros, coa transferencia da parcela e a transmisión da concesión portuaria entre Forestal e Reganosa (casualmente cun mesmo promotor). Todo queda reflectido puntualmente no libro "Muros de Silencio. Corrupción e ameaza na Ría de Ferrol", publicado en 2007 pola Asociación Fuco Buxán.

Di vostede que, “unos idealistas mitológicos, nos anuncian que una explosión nos haría saltar por los aires, pero los estudios serios no acreditan ese drama. Es el mensaje a transmitir………. Me cuentan que Reganosa con la nueva tecnología es un reloj suizo…”

A estas alturas, Sr. Exalcalde, xa contan os Reganosa boys cun novo converso: vostede, que corea, alegremente aquilo que os promotores de Reganosa afirmaban no seu día: segundo eles, o gas natural non arde nin estoupa...

Sexamos serios: se non existise ningún risco, pode explicar por qué Reganosa é unha das 11 empresas - entre máis de 1.900 do sector industrial galego- que están obrigadas a realizar un Plan de Emerxencia Exterior, como esixencia da Directiva Europea 96/82/CE? Esqueceuse seica, Sr. Couce, que outras dúas desas 11 empresas clasificadas como perigosas están no polígono de Punta Promontorio nun radio de 500 m ao redor da planta de regasificación? A razón de estar obrigadas a presentar plan de emerxencia é porque un posible accidente pode provocar danos no exterior do recinto propio de cada unha.

A conclusión evidente é que, nesa zona, a menos de 2.000 m da Praza de Armas, concéntrase unha insensata acumulación de riscos, agravada polo posible efecto dominó entre elas.

A planta de Reganosa alberga 150.000 toneladas de GNL, xusto á beira dun complexo petroquímico de 300.000 m³ de combustibles e produtos químicos. Todo iso, atópase situado a pouco máis de 100 m das casas do núcleo de Mehá, a 800 m do Arsenal Militar, a 900 m do núcleo urbano de Mugardos e as consecuencias dun accidente poderían ser dantescas. Cando un camión cisterna de 25 Tons. de GNL envorca nunha estrada, o primeiro que fan os servizos de emerxencia é establecer un perímetro de seguridade de 600 m... Nós falamos de riscos para a poboación; aos seus "responsables" só parece importarlles o beneficio puro e duro...

Sr Couce: a planta de gas de Reganosa en Punta Promontoiro non só é unha instalación ilegal. É perigosa; unha ameaza letal para a poboación de Ferrolterra. Unha fuga ou unha explosión causaría unha traxedia de miles de vítimas, porque non hai plan de emerxencia capaz de impedilo.

A planta de Reganosa constitúe, de forma flagrante, un caso de corrupción político-financeira só posible pola complicidade de institucións como a Xunta de Galicia, Autoridade Portuaria, Concello de Mugardos, Concello. de Ferrol, etc.

A planta de Reganosa, cuxo funcionamento non pasa do 35 % da súa capacidade, demostrouse deficitaria. Custounos preto de 500 millóns de euros que levamos pagados á cobiza allea, nun marco de crise desoladora para a poboación. Forma parte da estafa denominada “déficit enerxético”, aprobado polos gobernos PP-PSOE, que fai que os cidadáns paguemos a enerxía máis alta de Europa para que as empresas enerxéticas e a banca se forren á nosa costa.

Por qué se mantén pechada a entrada de gas por gasoduto a Galicia, tal como se facía antes do 2007, gasodutos que teñen a capacidade suficiente e que permanecen pechados desde entón?.

Por qué os ciclos combinados (700 millóns de euros) ,”xustificados” para que se aprobase a construción da planta, non pasan de producir o 10% da súa capacidade?.

Por qué os promotores de Reganosa se comprometeron a fornecer o 80% da súa capacidade aos ciclos combinados e ao grupo industrial que Tojeiro crearía, tendo en conta que o devandito grupo non consume nada e os ciclos o 4%?

Todo resultou ser unha xigantesca mentira, Sr. Couce Pereiro, co único fin de obter a preceptiva autorización.

Por qué Reganosa usa un sistema de regasificación -non autorizado no proxecto de construción aprobado- que esteriliza e arrefría miles de toneladas de auga da ría, pondo en perigo flora e fauna mariña, pan até agora de moitas familias da zona?

Por qué o mesmo grupo industrial Tojeiro (Forestal) ten autorizado seguir vertendo á Ría 27 millóns de toneladas/ano de residuos altamente contaminantes, sen depuración previa algunha? Por qué non se tivo en conta semellante volume de vertedura no Plan de Saneamento Integral da Ría?

E xa postos ás preguntas incómodas, Sr Couce Pereiro: por qué o exdirector de Caixa Galicia, responsable da súa bancarrota e que levou 18 millóns de euros a casiña, pertence ao seu Consello de Administración?

Vostede, por motivos facilmente adivinables, prefire esconder esta sanguenta realidade da Ría de Ferrol, consecuencia da ambición duns poucos e, ao facelo, ingresa, por propia vontade, nun pelotón pouco recomendable. Sr. Couce Pereiro, vostede elixiu formar parte dese grupo de individuos responsables da política corrupta das últimas décadas, da que a planta de Reganosa supón o caso máis paradigmático nesta comarca. Vostede figura xa na triste relación de defensores da política de desmantelamento industrial que conduciu a que esta sexa a comarca de máis paro de Galicia; daqueles que perpetraron a reconversión do sector naval para “modernizarnos e diversificarnos”; dos responsables da destrución ambiental da nosa Ría; das voces cantantes dunha política que autoriza a ese mesmo grupo industrial a seguir envelenando a nosa Ría con decenas de miles de toneladas de verteduras sen depurar; dos mesmos que permitiron asaltar a lei para meternos unha bomba debaixo da cama: esa planta na Ría que ía relanzar a comarca: "traballo para todos", era a cantilena das catro estacións.

A loita do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol contra a ameaza da planta de Reganosa continúa, e non cexará ata que cese a súa actividade e sexa desmantelada coa Lei na man.

Afortunadamente, a conciencia da cidadanía en contra da corrupción en xeral e do caso Reganosa en particular, tamén avanza e fainos máis fortes.

Estamos seguros de que conseguiremos levar diante dos tribunais a esta caste de corruptos para que sexan xulgados, e, no seu caso ingresen en prisión e devolvan o roubado.

Ferrol a 24 de Decembro de 2014

Fdo. Manuel A. Rguez. Carballeira (Cordinador do CCE)  e Luz Mariña Torrente López (Pdta. Plataf. Veciñal O Cruceiro – Mehá).

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
30 de dezembro de 2014 15:08

___________

Pancho na Memoria - 60 cabodano de Francisco Martínez Leira - Programa de Actos


Pancho na Memoria
60 cabodano de Francisco Martínez Leira


   PROGRAMA DE ACTOS  

31 DE DECEMBRO, MÉRCORES, 12:00
NO CEMITERIO DE MEÁ, MUGARDOS
-- Ofrenda floral no día do 60 aniversario da
morte de Francisco Martínez Leira, “Pancho
_____________________________________________
16 DE XANEIRO, VENRES, 19:30
NO LOCAL SOCIAL DO COLECTIVO TERRA (BOAVISTA, 6, PONTEDEUME)
-- “Pancho, o último guerrilleiro” (tertulia con Bernardo Máiz)
-- Concerto de Mino Mero
_____________________________________________
23 DE XANEIRO, VENRES, 19:30
NO SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO DE MUGARDOS
-- “Pancho en primeira persoa
(charla con Bernardo Máiz e testemuños)
_____________________________________________
VENRES, 13 DE FEBREIRO, 19:30
NO LOCAL SOCIAL DO COLECTIVO TERRA (BOAVISTA, 6, PONTEDEUME)
-- Proxección do documental “A cidade da selva”,
de Helena Villares e Pilar Faxil e tertulia
con Carlos Méixome.
_____________________________________________
VENRES, 20 DE FEBREIRO, 19:30
NO SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO DE MUGARDOS
-- Proxección do documental “As silenciadas”,
de Pablo Ces Marco e tertulia con Aurora Marco.

Organizan: Ateneo Eumés Fernán Martíns e Colectivo Terra.

Moi interesante díptico | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Suso Piñeiro
-pinheirosuso@gmail.com-
30 de dezembro de 2014 17:34
Remésovos díptico da comisión pro-homenaxe do guerrilleiro Pancho. Mañá cúmprense 60 anos da súa morte. Prégovos non fagades público o local das charlas en Mugardos até a semana por que non o temos inda concedido. MAÑA AS 12 NO CEMITERIO DE MEA - Mugardos- FAREMOS UNHA OFRENDA FLORAL. Piñeiro
____________

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública ante a aprobación pola Xunta de Galicia dun Decreto sobre tempos de espera para garantidos para patoloxías importantes


A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública ante a aprobación pola Xunta de Galicia dun Decreto sobre tempos de espera para garantidos para patoloxías importantes: Esixen que se derrogue a medida e que se abran os hospitais pola tarde para poder utilizar todos os recursos dispoñibles instalados nos centros públicos.


AGDSP tempos espera preferentes


Ante a aprobación pola Xunta de Galicia dun Decreto sobre tempos de espera para garantidos para patoloxías importantes, desde a Asociación Galega para a Defensa dá Sanidade Pública queremos comunicar:
  1. Que esta medida supón un novo intento de maquillar a desastrosa situación da Sanidade Pública Galega (sometida a recortes e privatizacións que están deteriorando a súa calidade e dificultando o acceso da poboación aos servizos) cunha medida enganosa.
  2. Preténdese confundir á publicación dunha lexislación- trampa que establece un máximo de 60 días de lista de espera quirúrxica e de 45 para probas diagnósticas destinadas a patoloxías importantes. Esa medida incrementa os tempos de espera garantidos para enfermos graves xa que a Lei de Garantías establecía as mesmas demoras para todas as patoloxías (foran ou non importantes para a saúde).
  3. Estes tempos de espera aumentan substancialmente os establecidos pola propia administración para enfermidades graves en Galicia: 5,4 días para cancro de mama, 4,5 para o de pulmón, 11,8 para o de colon, etc, ou en probas diagnósticas: 4,3 para oncoloxía, 8,4 para ciruxía cardíaca ou 10 para a torácica. En resumo os tempos para patoloxías de prioridade 1 eran de 16 días e para prioridade 2 de 49,6.
  4. A finalidade última é derivar pacientes aos centros privados, pese a que non están preparados para iso. Hai que recordar que os tempos de espera quirúrxica nos hospitais públicos é de 61 dias fronte aos 200 do hospital privado POVISA (o maior de Galicia e recentemente beneficiado cunha prolongación do seu Concerto Singular por dez anos).
Desde a nosa Asociación esiximos que se derrogue a medida e que se abran os hospitais pola tarde para poder utilizar todos os recursos dispoñibles instalados nos centros públicos (que explican unha parte substancial das lista de espera).

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

26 de decembro de 2014

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
30 de dezembro de 2014 13:10

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/

____________________

O Foro Galego de Inmigración e a Campaña polo Peche dos CIE (Centro de Internamento de Extranxeiros) se solidariza con Sandra


O FOR0 GALEGO DE INMIGRACIÓN SOLIDARIZASE CON SANDRA E REMITE A SEGUINTE NOTA DE PRENSA QUE SE DIFUNDE HOXE EN  TODO O ESTADO ESPAÑOL. | CONDENADA UNHA MULLER MIGRANTE POR RESISTIRSE Á SÚA DEPORTACIÓN.


Sandra, que asegura ser vítima de trata e estar ameazada no seu país de orixe, foi acusada por resistencia á autoridade e unha falta de lesións. | O xuíz dá a razón aos axentes, que aseguran que a muller "propinou unha patada" e rabuñou a un deles. | Ela afirma que, mentres estaba atada de pés e mans, foi golpeada polos policías ao resistirse a ser trasladada ao aeroporto. | Aínda que xa ten a residencia en España, o seu defensa teme que os antecedentes obstaculicen a súa futura renovación, co risco que pode supoñer para a súa vida si é vítima de trata

A Campaña Estatal polo Peche dos CIE se solidariza con Sandra e denuncia que foron os policías quen a golpearon e insultaron.

O pasado 28 de novembro, a Campaña Estatal polo Peche dos CIE, formada por colectivos de múltiples territorios do Estado español, facía un chamamento para acudir ao Xulgado do Penal de Madrid en solidariedade con Sandra, migrante latinoamericana acusada de atentado e lesións durante o operativo de deportación que tiña como obxectivo expulsala do país.

A sala do xuízo encheuse, quedando ata bastante xente fóra. As persoas que asistiron ao xuízo, presenciaron aquel día o testemuño de Sandra, que relatou como un dos dous policías que a ía a trasladar ao aeroporto golpeouna mentres ela permanecía engrilletada de pés e mans. Con todo para a Campaña Estatal polo peche dos CIE, a violenta actuación policial non é un feito illado. "Son constantes os testemuños de migrantes que, no seu deportación, sofren os golpes e os insultos da policía. Tamén existen vídeos, tanto en estancias do CIE como no aeroporto, nos que se observa o que é xa práctica habitual dos escoltas. O Protocolo para as deportaciones, aprobado en 2007 trala morte por asfixia de Osamuyi Aikpitanyi -amordazado polos seus escoltas, alenta a violencia e a impunidade policial ao legalizar un sinfín de instrumentos represivos", afirman.

Malia que este é o contexto no que se dan os operativos de deportación, e concretamente os traslados desde o CIE de Aluche a Barajas, segundo indica a Campaña Estatal, o xuíz Ignacio Ubaldo González Veiga, maxistrado do Xulgado do Penal nº 20 de Madrid, acaba de condenar a Sandra a 6 meses de prisión por resistencia á autoridade e a unha pena-multa por lesións. A súa decisión xustifícase principalmente no testemuño policial. A propia Campaña denuncia que durante o proceso previo á vista oral, o xuíz non tomou ningunha iniciativa -tal e como solicitou o equipo de avogadas de Women´s Link, responsable da defensa de Sandra, para acceder ás posibles grabacións do sucedido. Tampouco para pescudar por que só hai parte médico dun dos policías e por que non existe ningún que refira as atencións médicas que se lle practicaron a Sandra no CIE de Aluche.

Mentres o proceso contra Sandra avanzou ata esta sentenza condenatoria, a denuncia que ela presentou contra os policías aínda está en trámite, e até o xulgado intentou arquivala en dúas ocasións. Fronte á petición por parte da defensa de Sandra de que ambos procesos se acumulasen, esta foi denegada. Para a Campaña estatal todo iso non é senón mostra da parcialidade do sistema xudicial.

Sandra declarara, tralo seu primeiro intento de expulsión, ser vítima de trata no seu país de orixe e estar ameazada de morte. Malia iso, non lle foi recoñecida a protección por parte das autoridades españolas. Esta sentenza pon en perigo a súa presenza en España, ao dificultarlle a renovación do permiso de residencia e traballo, xa que este tipo de antecedentes penais e "policiais" son utilizados o Ministerio do Interior para impedir a renovación das tarxetas de residencia. Esta sentenza pon en risco, xa que logo, unha vez máis, a vida dunha muller vítima de trata e da súa familia no país de orixe.

É por iso de que desde a Campaña polo Peche dos CIE conclúen mostrando a súa indignación pola sentenza asinada polo xuíz Ignacio Ubaldo González Veiga. "A connivencia de xuíces e fiscais é condición necesaria para manter engrasada a maquinaria dos internamientos e as deportaciones. Que xuíces que din representar valores democráticos e principios progresistas tomen estas decisións demostra até que punto esa complicidade do aparello xudicial está xeneralizada. Estas decisións facilitan que os policías, sistematicamente, se dediquen a denunciar ás persoas ás que previamente golpearon, a propósito de que na inmensa maioría dos casos os xuíces danlles a razón".

Así mesmo mostran o seu apoio a Sandra neste longo proceso xudicial, e afirman que a sentenza será inmediatamente recorrida. Ademais, esixen que se celebre dunha vez o xuízo contra os policías. A Campaña quere ademais estender a súa solidariedade a todas as persoas que sofren as deportaciones e a violencia policial, tanto en macrovoos ou voos especiais, como en voos comerciais (é o caso de Sandra), ou en barcos de deportación (con destino a Alxeria). Por iso fan un chamamento á mobilización co obxectivo de parar as deportaciones de diversos xeitos: boicoteando ao grupo Globalia (Air Europa, Viajes Ecuador, Halcón Viajes, Pepe Phone, Travelplan, Belive...) e a Swift Air, empresas que se lucran co sucio negocio das expulsións, sumándose ás accións da Campaña e solidarizándose activamente coas persoas que son deportadas en voos comerciais: "os e as pasaxeiras poden parar unha deportación si detéctana (adoitan levar ás persoas deportadas na parte traseira do avión) e néganse a que unha acode viaxe pola forza no voo. Simplemente negarse a sentarse ou a poñerse o cinto de seguridade pode ser suficiente para que se deteña a deportación", recordan.

Sitio-e da Campaña:
https://ciesno.wordpress.com/



FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
www.forogi.wordpress.com

En Ferrol:
Susana Beatriz Alaníz González
sual259[arroba]hotmail.com

Foto: http://www.eldiario.es/.

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
30 de dezembro de 2014 20:35
___________

Bos desexos para o 2015 - Vídeo fotográfico sobre as actividades realizadas pola Asociación Cultural FUCO BUXÁN, de Ferrol, no ano 2014


Actividades realizadas pola Asociación Cultural FUCO BUXÁN, de Ferrol, no ano 2014

A A.C. Fuco Buxán agradece a todas e todos a vosa atención neste ano que remata e desexa un 2015 cheo de forza e solidariedade para seguir traballando por conquerir unha sociedade máis xusta e igualitaria na que os dereitos da cidadanía sexan respectados.


http://vimeo.com/115663293

A todas e todos, moitas grazas, e un próximo ano máis xusto e solidario.

-------
Visita a nosa web:
www.fucobuxan.net
Os Noso Blogues: Escolma das Razóns
http://escolmadasrazons.blogspot.com.es/
Pensamento Crítico
http://opinionsfuco.blogspot.com.es/
Facebook:
http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749
Twitter:
http://twitter.com/FucoBuxan
Google+:
https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts
Vimeo:
http://vimeo.com/user18058474

Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
30 de dezembro de 2014 22:38

_________________ _

domingo, decembro 28, 2014

Que veñen os anarquistas, ... Por Puri Eisman

Por Puri Eisman [*]
28.12.2014


Existe un descoñecemento xeral ao redor do pensamento anarquista e só esta palabra produce certo pavor a quen a pronuncia, debido á escasa información que posúe sobre ela. Pero este descoñecemento non é reprochábel, porque durante moitos anos esta ideoloxía quedou secuestrada pola ditadura deste país e, xa que logo, invisíbel na historia e libros de texto.

A CNT (cun millón de afiliados no seu día) xunto coa esquerda formaron goberno neste país, até que a dereita dese un golpe de Estado o 18 de xullo de 1936. A nosa intención non é contar esa parte da historia, que sen dúbida coñecemos, pero si vemos necesario contar o que se ocultou durante moitos anos, para que non nos sigan enganando. E o que parece prudente é coñecer un pouco mellor o pensamento anarquista, ou polo menos, para que cando se refiran a alguén en particular, non se poña por diante a palabra "presunto" coma se dun crime tratásese, e o que é máis grave, que non se persiga a ninguén por iso.

Pero existen demasiados intereses por medio para que siga sendo a anarquía a gran temida e, polo tanto, descoñecida. Este verán dirixirnos nos á RAE pedíndolles que fixesen unha revisión da definición desta palabra, porque as acepcións que recolle o dicionario non corresponden á verdade e creemos que, como institución, debe ser honesta e rigorosa e, ademais de preservar a lingua, debería ensinar e non confundir. Pero contestáronnos que eles reflectían a historia e non a ían a cambiar.

Pois remitíndonos á historia, no século XIX, esa versión de anarquía, relacionada co caos e a desorde, viña dos gobernos corruptos e explotadores que, ante o auxe que espertaba esta ideoloxía, sobre todo entre intelectuais e a clase obreira, utilizaron de forma inxusta todo tipo de adxectivos despectivos, para desprestixiar e frear esa corrente. Durante ese século e o seguinte, foron vítimas de múltiples acusacións pagando ata coas súas vidas, atribuíndolles, moi habilmente, episodios violentos que xamais cometeron, como posteriormente quedou demostrado, así acababan cos seus líderes, transmitían o temor e lanzaban a mensaxe que os anarquistas eran xente perigosa.

Hoxe, desde a transición española, nos momentos máis difíciles, os gobernos tamén recorreron aos anarquistas como chivos expiatorios, para identificalos cos peores males e así distraer á cidadanía respecto de os verdadeiros problemas que eles mesmos xeran.

A Lei de Seguridade Cidadá (disfrazada con eufemismos) vai dirixida a perseguir, atemorizar e criminalizar a unha poboación cada vez máis empobrecida, para inhibir a súa rebeldía e presenza nas rúas, ante o Goberno con máis casos de corrupción coñecidos na historia da democracia. Tamén pretende perseguir ás ideas, como na madrugada do 16 de decembro, que coma se dunha película de acción tratásese, patrullas policiais entraron en domicilios e ateneos libertarios dos barrios de Barcelona, rompendo portas con cámaras en man, para vincular ao terrorismo, as accións culturais que se veñen desenvolvendo nestes centros, e atribuíndolles atentados con explosivos. Como debe ser a magnitude destes atentados que nin sequera nos decatamos. Tamén din atopar "libretas e libros". Con estas probas? vai ser que, efectivamente, eran anarquistas.

Outro exemplo: o pasado venres, nun barrio de Alacante, unha patrulla de 7 policías irrompeu nunha praza procedendo a identificar e cachear a 16 persoas que se atopaban charlando en pequenos grupos. Ao preguntar por que, un policía contestou: "Identificación aleatoria". E coma se de delincuentes se  tratase, estas persoas foron cacheadas, identificadas e sometidas a esta humillación en plena vía pública.

O Goberno sabe que a cidadanía demanda outra forma de facer política, non agresiva coas persoas e máis participativa en democracia directa. Que moita xente, vén organizándose en colectivos e cooperativas auto xestionadas para evitar que especuladores metan os seus partes e arruínen máis vidas. Pero este movemento soñador e libertario, alleo ao capitalismo non lles interesa que prospere, por iso, como en tempos pasados, non tardarán en crear algunha inventiva para frear este avance. Os instigadores iranse de rositas, e até, até recibirán algún solemne e distinguido premio por tal fazaña.

A represión pretende poñer á defensiva á coherencia, e vai ser que non. Como dixo Simone de Beauvoir "só é libre quen desexa a liberdade dos demais".

[*] Puri Eisman, é Secretaria de Comunicación CGT-PV. | @eismanpuri |

Fonte: Blanco y Rojo.

Enviado por:
André M. Ces
-andre.martinez.ces@gmail.com-
28 de dezembro de 2014 14:37
______

Arredor de "Galiza, um povo sentimental?" (e máis), ... Por David Rodríguez

Por David Rodríguez [*]
28.12.2014

En Galiza, um povo sentimental?, Helena Miguélez Carballeira analiza, dende unha perspectiva feminista e poscolonial, como os discursos arredor da nación galega resultaron máis ou menos mobilizadores en función de se naqueles abundaban os tropos asociados a unha certa idea tradicional do feminino (pasivo) ou do masculino (activo). Unha das teses sostidas pola autora é que a omnipresenza do discurso sentimental feminino no chamado nacionalismo cultural tivo unha funcionalidade colonial e desmobilizadora.

Esta recorrencia aos tropos femininos datará xa do primeiro rexionalismo do XIX e verase desafiada co xurdimento do nacionalismo galego, propiamente dito, cando o nacemento das Irmandades da Fala. Así, colíxese a convivencia no discurso sobre xénero e nación galega de dúas grandes pólas, unha culturalista desactivadora do político (o cal é á súa vez un xesto político), feminizante:
«Procurei identificar a filiação, raras vezes reconhecia, entre o nacionalismo cultural galego e esse peculiar regionalismo apolítico na Galiza. Esta relação torna-se evidente, se considerarmos, como fiz neste livro, o tropo do sentimentalismo galego como o seu canal condutor. »
E unha liña netamente politizadora da cuestión nacional, masculinizante:
«Os novos ideólogos do movimento começaram a perceber que, para neutralizarem esa entranhada lógica colonial, que ligava a identidade galega à feminidade, era fundamental uma estratégia discursiva que passava por recaracterizar masculinamente a identidade nacional galega e por reconstruir a capacidade do nacionalismo para a acção política, entendida esta como uma questão de virilidade. Esta transição está no cerne daquilo que se costuma descrever como a passagem do regionalismo “sentimental” para o nacionalismo “político” a partir de 1916» (p. 126)
Porén, a cousa non remata aquí. A autora mostra con gran pericia como estes dous discursos mantiveron historicamente unha relación dialéctica. Como exemplo, a reacción do rexionalismo á masculinización do novo nacionalismo post-1916 mediante un discurso de masculinidade apolínea (ideas de autocontrol e racionalidade) fronte os delírios paixonais e irracionais (novamente tropos femininos) do novo nacionalismo. Unha viraxe que terá a volta de porca case definitiva coa vitoria franquista tras a guerra civil onde a belicosidade testosterónica, desta volta do nacionalismo español, pasará directamente á acción. Por súa vez, a figura de Carvalho Calero é lida pola autora como un exemplo de hipermasculinidade en oposición ao culturalismo de Galaxia, toda vez que o primeiro quedará, entre outras cousas pola cuestión da norma lingüística, marxinado dese mundo.

A seguir, a autora mostra como a irrupción da crítica feminista (especialmente daquelas mulleres sen dependencias emotivo-intelectuais cos “grandes homes” da nación) comezará a minar a representación patriarcal da muller e da nación tanto do culturalismo coma do nacionalismo. Miguélez chega así á conclusión de que a ideoloxía da Normalización -que ela vincula ao piñeirismo aínda que sinale que os discursos cuestionadores da ideoloxía da Normalización funcionan tamén «como desafios explícitos ao discurso nacionalista galego enquanto discurso patriarcal.» (p. 210)- constituirá unha sorte de pano de fondo implícito onde calquera proposta discursiva non homologada é percibida como unha ameaza e é, por tanto, minimizada.

Miguélez contra Carballeira

O libro de Miguélez Carballeira é útil porque nos recorda algo que, aínda que evidente, ás veces esquécese. Michael Billig, no seu O nacionalismo banal, púxoo así:
«A batalla pola nacionalidade é unha batalla pola hexemonía mediante a cal unha parte reivindica falar polo conxunto da nación e representar á esencia nacional.»
A ideoloxía política que enche de significado á nación reside nos contidos das diferentes “comunidades imaxinadas” en pugna. Esta batalla pola nacionalidade dase tanto nos estados xa constituídos, como -así o demostra Miguélez Carballeira- nos movementos nacionalistas que pretenden constituírse en estados. Entre esas ideoloxías políticas, tamén se inclúe, por suposto, aquela que ve no nacionalismo “en si” a doutrina política a primar. Quen propugna o nacionalismo como ideoloxía política tende a ter unha visión da nación estática (ou cando menos pouco amiga de problematizarse “en exceso”), na que o imaxinario se enche de vacas sagradas e tropos inamobibles e na que calquera cuestionamento destes marcos é interpretada como traición (e tanto máis furibundamente se considera herexía canto máis feble socialmente sexa ese nacionalismo ideolóxico); de aí, por exemplo, que o artigo de Helena Miguélez en El País sobre Carvalho Calero fose interpretado por parte de Pilar García Negro como unha afrenta a unha desas vacas sagradas, afrenta que basicamente se despacha cun ti-non-tes-puta-idea-porque-non-coñeceches-a-Carvalho, que é outra maneira de dicir: ti non estás (e nunca estarás porque iso é bioloxicamente imposible) no grupo con acceso directo ás esencias nacionais.

Fronte esta visión, hai outras que consideran que o da identidade nacional non é O conflito senón que é Un conflito. Quen considera que o nacional é un conflito entre outros acostuman, por motivos obvios, ter problemas de intercomprensión con quen considera o nacional como O Conflito. Cada vez que os que consideran que o nacional é un conflito entre outros se empeñan en traer á luz os conflitos diferentes do nacional -e que este por si só non resolve- o discurso do nacionalismo ideolóxico séntese -loxicamente, por outra banda- ameazado, pois este tende a procurar a unidade da comunidade nacional e aborrece os conflitos dentro da mesma. Por outra banda, tamén semella razoable que quen pensa que nunha sociedade dada existen múltiples conflitos pero que se existe algo así coma O conflito este é o que se produce entre clases sociais (o cal tampouco se pode converter nun absoluto simplificador, pois se parece evidente que a cuestión económica determina o resto de conflitos estes non se poden reducir automaticamente ao mecanicismo económico) quen así o considera, digo, é normal que tenda a pensar a táctica e a estratexia política en función da cuestión de clase.

Nun artigo recente, Helena Miguélez enunciaba a súa preocupación pola emerxencia do nacionalismo banal español como consecuencia da excesiva atención á cuestión de clase a raíz da crise económica. Vinculaba aos autores do libro Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política e a xente coma Amador Fernández-Savater ou Guillem Martínez baseándose en coincidencias na utilización dunha “gramática e vocabulario comúns”. A seguir, a autora sacaba as súas conclusións a partir de varios textos deses dous autores e máis dalgúns outros, pero non a partir de ningún texto de Entrementres (o cal resulta especialmente rechamante). Libro, por outra banda, colectivo e que, polo tanto, dificilmente podería ser reducido a unha única voz. Aquí, semellan revelarse  dúas cousas:

1. Un xeito de abordar esta cuestión, se cadra debedora do “xiro lingüístico", segundo o cal todo é texto e linguaxe e do que se trata é de interpretar como os diferentes chorros de significantes se relacionan entre si independentemente da súa relación co contexto e coas “cousas” non textuais. É por iso, digo eu, que a Helena Miguélez lle poida abondar o “aire de familia” gramatical para facer un totum revolutum e que non se pare a pormenorizar qué pode ter que ver o que se di en Entrementres con feitos concretos (ou interpretación deses feitos se se quere) acaecidos na política galega nos últimos anos.

[Exemplos: a forma de entender os partidos, a evidente desconexión do nacionalismo coa sociedade galega, a relación cos movementos sociais, as mudanzas na propia sociedade galega que desafían a narración do nacionalismo que vincula automaticamente nación e clase, as características do capitalismo globalizado existente hoxe en día e o papel das distintas institucións políticas, o papel do bipartito galego, a institucionalización e homologación do nacionalismo, etc.].

2. Cando a Helena Miguélez lle preocupa que a esquerda galega, prestando atención á cuestión de clase e ao papel de baleirado democrático que cumpren as macroinstitucións situadas por riba do estado-nación, estea propiciando o nacionalismo banal español semella estar dando como fundamental a contradición nacional. Pero, como xa se indicou máis arriba, quen sitúa o nacional coma un conflito máis e, en último caso, non coma o determinante neste momento, é probable que estea máis preocupado porque a polarización que se retroalimenta entre un, por exemplo, Francesc Homs, para quen a cuestión esquerda-dereita españoliza (sic) e un Mariano Rajoy, para quen o contubernio de bolivarianos e separatistas é unha ameaza para a estabilidade de España, poida propiciar unha -se se me permite a expresión- dereitización banal que sirva para que os que están a facer os maiores ataques aos dereitos das clases populares do E. Español en décadas surféen a crise cun sorriso na boca e que, unha parte deles -aínda por riba- conten co aplauso entusiasta do nacionalismo galego. Máis grave aínda, cando ningún deses dous personaxes, e os seus respectivos contornos, non só non problematiza cuestións como a existencia de superestruturas como a UE que están a centrifugar a vella idea de soberanía popular senón que mesmo apelan sistematicamente a elas ben sexa como cinto de seguridade de que España non rachará, ben sexa como lugar do que se agarda recoñecemento do proceso independentista. Como sempre na vida, todo é cuestión de posicionarse e tomar partido.

Helena Miguélez aplicou unha terapia de choque desnaturalizadora á cuestión de xénero e nación que se demostrou tremendamente fructífera. Mágoa que a autora non vexa a necesidade de aplicar ese mesmo método desnaturalizador aos discursos sobre o feito nacional en si. A primeira evidencia disto, presente no libro, ten que ver con que a autora se refira a Galicia como colonia sen explicar por que, ou segundo que definición de colonia o fai. Sen dúbida, se a autora se animase a facer o mesmo exercicio reflexivo que fai sobre os tropos de xénero sobre, poñamos por caso, o tropo celta non fixándose só en se o tropo pintaba aos celtas ora coma un pobo aguerrido e masculino ora sentimental e feminino (o cal está óptimo, claro) senón problematizando por que carallo falaban dos celtas todos eses señores? Que se quería dicir cando se dicía que entre esa mistificación chamada “os celtas” (aguerridos ou debiluchos) e os señores e señoras galegas contemporáneos deses discursos había algún tipo de vínculo que permitía que os primeiros servisen para simbolizar aos segundos?

[A  este respecto, e por falar en concreto do celtismo, a cousa non se pode despachar dicindo que aquilo era propio da historiografía romántica, en primeiro lugar porque o nacionalismo galego actual aínda está inzado de todo ese discurso étnico, imos chamalo...  "atlántico-céltico", aínda que hoxe se revista de curiosidade científica pola etimoloxía lingüística ou pola xenética histórica e en segundo lugar porque calquera que sexa o tropo mistificador este será usado para delimitar que é e que non é nin pode ser nunca autenticamente nacional].

Temos entón que a análise da dialéctica entre discursos demóstrase fértil para aflorar o oculto detrás de toda a retórica histórica arredor da nación a respecto da muller e que pode ser igualmente aplicado para analizar tamén a vinculación do discurso nacional co pobo de carne e óso que se pretende simbolizar con el e que non facelo aforra enfrontarse a conclusións que poderían ser esfarelantes da construción nacional, polo seu carácter mistificador, e/ou vergoñantes, polo seu carácter esencialista.

A autora finaliza o seu libro contrapoñendo o sentimentalismo dos anuncios de Gadis á, sen dúbida, realidade brutal da vida dun preso independentista. Así, tras o longo periplo a través da lectura do libro, a autora parece dicir que hoxe quen encarna o nacionalismo non sentimental sería o independentismo (sen quedar tampouco moi claro a que sector do nacionalismo galego identifica como tal, cousa non menor dado que hoxe case que todo o nacionalismo galego semella definirse como independentista). Ao meu modo de ver Miguélez fai aquí unha pequena trampa xa que se ben dá por suposto que o independentismo sería ese non-sentimentalismo superador da visión patriarcal, en ningún momento procede á análise dos discursos e prácticas dese mesmo independentismo referido nos que sería fácil atopar numerosos tropos continuadores ben do sentimentalismo, ben do patriarcalismo, ben da idea Normalizadora e “enchedora de ocos” culturais que autora denunciou nas súas páxinas.

[Por mencionar algúns que se me ocorren sen ter feito unha investigación nen moito menos: os equipos de futbol gaélico, as olimpiadas rurais, os roteiros de montaña, todos equiparables ao vencello entre deporte e a idea de nación sa propia dos movementos políticos da Europa dos anos 30 que Miguélez menciona; paganismos varios tipo Samaín, rondallas-rituais con fachos de lume, igualmente relacionados cos movementos dos anos 30; o futbol gaélico de novo, a adopción de maneiras e instrumentos “célticas” na música folk, a obsesión coa toponimia prerromana na procura de non sei que esencia todos como remanentes do tropo céltico (ou calquera outro pobo antigo, venerable e non latino-sureño); o discurso da contabilidade capitalista, pragmático-gañador e hipernormalizador da lingua (lingua útil e extensa no espazo público mundial) propio do reintegracionismo, fronte a visión da norma oficial como sucedáneo bastardo que reclúe o idioma nas magras fronteiras da autonomía; a existencia, tamén, da lóxica de “enche ocos” culturais, pero desta volta en base a modelos alleos como poida ser o vasco: deportes rurais, Apalpador, montaña…; remanentes do vello romanticismo que vinculaba nación con paisaxe: querencia polos espazos naturais tidos por sublimes, espazos, por certo, adoito adornados por algunha pintadiña de expresiva emoción patriótica do tipo “Gz Ceibe”, ou similar…; contraposición rural-cidade no que o primeiro representa a autenticidade heideggeriana (nada menos que Heidegger, o filósofo Galaxiano por antonomasia!) e a segunda o espazo impuro e cosmopolita, no que a identidade nacional se dilúe e no que o castelán xa é asumido como lingua propia; etc.]

Pero un comprende perfectamente esta última trampiña.  A propia autora comeza o libro dicindo:
«A palavra “nação” nunca esteve muito longe duma referência aos sentimentos.» (p. 13).
O cal, por finalizar, nen ten por que ser sempre malo, pois tamén de emocións vive o home (e a muller).

O Funambulista Coxo

Publicado o 29 de Outubro de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.
_________________

sábado, decembro 27, 2014

Dignidade, ... por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
27.12.2014


Segundo o noso dicionario, dignidade é unha cualidade moral que infunde respecto. A día de hoxe estanse a producir no país unha serie de movementos de tipo social, tendentes a recuperar a dignidade da poboación, tanto de xeito individual como colectivo. Entendo eu que, de xeito xeral, todos somos posuidores desa cualidade moral que debe infundir respecto aos demais. E xa que logo, a pregunta é: Como e cando perdemos esa dignidade? Evidentemente, cando perdemos a cualidade moral; mais tamén a perderemos se, quen tería que nos respectar, non nos respecta. Esa parece ser a causa de que haxa que recuperar unha dignidade que foi roubada polos que manexan a economía e que non respectan os dereitos dos cidadáns, recortándoos ou suprimíndoos, levándose decote a dignidade das persoas, que se ven acosadas por situacións inxustas, tendo que mendigar un posto de traballo que lles permita acadar o pan e o teito para a familia.  E quen di que traballar é un dereito?

Publicado no Diario de Ferrol | 24.12.2014

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________

venres, decembro 26, 2014

Por que baixa o petróleo? (Análise I: Manuel Amigo)


Comezamos con este artigo de opinión do noso compañeiro Manuel Amigo unha serie de análises que iremos publicando nos vindeiros días acerca da actual baixada do prezo do cru.


Nestes días os peakoleiros somos obxecto mesmo de burla nos foros polos que nos movemos, por parte de optimistas, tecnoptimistas e habitantes varios da terra plana, debido á caída dos prezos do petróleo que estes atribúen a un aumento de oferta producido pola implementación en USA do fracking, o que segundo eles traslada o pico da extracción de petróleo un pouco máis adiante do infinito e máis alá.

Esta alegría só se ve empanada por un pequeno detalle que atenta contra toda lóxica económica: resulta que a caída dos prezos do petróleo e de todas as materias primas, no canto de catapultar as bolsas mundiais para arriba está a cadrar coas maiores caídas que se lembran nos mercados.

O mundo está a vivir as derradeiras fases dunha curta época de excepcional abundancia de recursos. Os que nos pastorean sábeno dende que llelo avisou o Clube de Roma no 1972, e dende a decada dos 80 veñen implementando un modelo económico baseado na abundancia de crédito barato orientado a preparar a transición a un mundo con escasos recursos.

Esta transición ciméntase na consecución dun obxectivo básico: reforzar o dominio das elites mundiais sobre a plebe no momento en que a posta en evidencia da escasez de recursos pode derivar en revolucións que alteren a orde estabelecida.

Este crédito barato xestionado con intelixencia actúa coma unha verdadeira arma de destrución masiva sobre a economía das clases humildes pois drena a súa riqueza cara ás elites impóndolles unha débeda odiosa que converte estas e as vindeiras xeracións en escravos de facto. Desprovistos de acceso aos recursos, aos medios de produción, e endebedados ata as cellas, quedan totalmente a mercede do que as elites decidan para eles nun futuro que xa teñen planificado.

Pero imos ao caso concreto do petróleo. A partir do 2005, e coincidindo co Peak Oil (o do petróleo cru, recoñecido anos máis tarde pola Axencia Internacional da Enerxía), as elites puxeron en marcha a derradeira e máis brutal campaña de crédito barato da historia da humanidade co mesmo obxectivo que vimos de explicar, pero co obxectivo engadido de daren viabilidade a unha economía mundial que cos prezos do petróleo por riba dos 100 dólares/barril sinxelamente había de colapsar.

O que interesa e unha demolición controlada, non o colapso do sistema. Así, cada repunte do prezo do petróleo foi acompañado pola saída dos helicópteros dos bancos centrais a botaren billetes… billetes que de ningunha maneira serven para reactivar a economía ou por en marcha recuperación algunha, xa que ao ser fisicamente imposíbel que a economía continúe a medrar, esta axústase mediante o peche de empresas, o aumento do paro, os axustes dos gobernos, aumento da morosidade, impagamentos, aumento exponencial da débeda e caída da calidade da mesma e, consecuentemente, unha caída brutal da demanda de petróleo.

Esta baixada da demanda é a verdadeira causa da baixada do prezo do petróleo. Non hai demanda porque a actividade económica nos países do chamado primeiro mundo está en mínimos, e se temos en conta que os prezos do petróleo son a futuro (para entrega en tal data), non semella que se enxergue sinal esperanzador algún.

Pero aínda cómpre dicir máis. Temo que, así como o petróleo chegou ao seu Teito no ano 2005, a capacidade de endebedamento neste mundo finito está total e absolutamente superada; é dicir, xa estamos no punto en que a débeda per capita é tal que xa abonda para asegurar a escravitude das vindeiras xeracións. Así e todo, estamos no punto de risco de que a poboación se percate de que está a ser timada, pois non se lle pode deber a alguén 100 veces o valor do planeta.

Así, o prezo do petróleo baixará, as inversións precisas para asegurar a produción non se farán (porque xa non hai máis crédito dispoñíbel), os países produtores non cubrirán os custes de extracción (polo que se deixarán de explotar pozos), o crédito preciso para os medios de explotación máis custosos non fluirá (a quebra de moitas empresas extractoras estará asegurada), as economías dos países produtores resentiranse reducindo de paso a demanda de petróleo e arrastrando para abaixo o prezo do mesmo (as caídas do prezo do barril poden ser brutais).

Sendo así as cousas, o que se presenta como unha boa noticia para as economías mundiais é en realidade o comezo dun colapso económico mundial: témese un default de Rusia, Venezuela semella ao borde do colapso, os países Árabes na corda frouxa e o fracking made in USA a punto de estoupar coma unha castaña.

O que está claro é que unha recuperación da economía xa é de facto imposíbel, xa que en canto a demanda de petróleo que iso requerería aumente, a escasez de oferta disparará os prezos a niveis inamisíbeis.

…Vivimos tempos interesantes, abofé que si.

Publicado en Véspera de Nada. | 24.12.2014
___________