Un ano máis asistimos á efeméride da Convención dos dereitos do Neno e da Nena e un ano máis facemos reconto de todo o que queda por camiñar para acadar o horizonte lexislativo e ético que marca a Convención. Un horizonte que é como unha caste de sistema métrico da humanización (ou deshumanización) da sociedade á que pertencemos, unha fita reactiva que fai subir as cores a un sistema económico e político que o pobo xa non acepta máis porque vulnera os seus principios máis básicos.
Como no movemento clásico dunha onda mariña, dúas forzas opostas están a piques de entrar en colisión: a das grandes estruturas de poder por unha banda, a das persoas atacadas nos seus dereitos máis básicos, pola outra. O noso é un Estado cheo de vítimas: persoas sen vivenda, sen traballo nin posibilidade de atopalo, baixo a mirada escrutadora de institucións que, lonxe de dedicarse á protección perante o risco de exclusión, actúan a modo de medios de control e penalización das persoas. Pero incluso partindo desta idea non podemos obviar unha cousa, alí onde haxa vítimas as persoas menores de idade vano ser en maior medida: de forma máis severa, con menos posibilidades de remover a súa situación, con menos alternativas para actuar social e politicamente para promover un cambio, frecuentemente polivitimizados-as porque son o último escalón social, xunto con persoas discapacitadas e anciás (
produtividade?).
Vemos como van caendo as garantías no noso esquema político, social e económico.
Os nenos e as nenas de hoxe non teñen igual acceso á educación nin á sanidade; o seu dereito á vivenda estase pervertindo no “dereito” a ser ingresados-as en centros ou dados en acollemento se as súas familias non poden asumir a perda da vivenda (
desemprego prolongado, desafiuzamento realizado por entidades para a pura especulación);
O dereito a que se obre en base ao seu interese superior é a maior das falacias porque, tal e como se pon en práctica o seu interese superior non é o que asegura o goce dos seus dereitos, senón o que mellor lle parece a quen ten que tomar as decisións que atinxen aos nenos e nenas;
Os nenos, nenas e adolescentes seguen a ser silenciados-as, desautorizados-as, tratados-as de pouco veraces e fiables (
pensa o ladrón…, as persoas adultas mentimos nunha porcentaxe moitísimo superior, os nenos e as nenas non menten, sobre todo cando piden axuda porque son vítimas);
O seu acceso á xustiza segue a ser precario pola persistencia de prexuízos que impiden a defensa dos seus dereitos e intereses; pola escasa e incorrecta formación dos equipos profesionais que serven información aos xulgados para a toma de decisións (
puntos de encontro, equipos forenses, equipos técnicos de menores), todos eles sen formación específica na área de atención a vítimas ou testemuñas menores de idade e por suposto tampouco en canto á Convención dos Dereitos do Neno e da Nena; pola inexistencia dunha formación específica de profesionais do ámbito xurídico en canto aos dereitos dos nenos e das nenas nos procedementos xudiciais; pola pasividade dunha Fiscalía que en demasiadas ocasións vemos permanecer allea aos intereses das vítimas menores de idade nos procedementos civís.
Namentres, agardamos a chegada de reformas lexislativas que se anunciaron como clave para o avance da CDN, pero que levan encuberta a perpetuación e a xustificación xurídica dunha gran cantidade de prexuízos que impiden o goce de dereitos dos nenos e nenas en procedementos xudiciais. O outro proxecto de lei que vai modificar radicalmente o panorama de dereitos de infancia -
a lei de custodia compartida, coa súa aplicación de tábula rasa con salvedades en casos extremos- parte dunha contradición con dous dos que o Comité de Dereitos do Neno e da Nena considera dereitos básicos: o dereito a que se obre en base ao interese superior do neno e da nena (
de cada un-unha deles-as, non como algo xenérico) e o dereito a seren escoitados en calquera asunto que teña relevancia na súa vida (
recentemente, a sentenza STS 4233/2014 establece a obrigado cumprimento deste dereito).
Neste escenario non hai lugar para a celebración, senón para a reflexión: é perentorio paralizar o avance das macroestruturas que están a impoñer a perda de dereitos das masa populares, é preciso restaurar os dereitos dos nosos nenos e nenas non só porque teñen dereito a un futuro ou porque eles-as son o futuro, senon porque é hoxe cando son nenos e nenas, mañá xa non o serán máis. A perda do momento presente en espera dun futuro esperanzador pode significar que a futura persoa adulta sexa despoxada dunha fase esencial no seu desenvolvemento, a súa infancia. A persoa adulta vitimizada na súa infancia mantense en suspenso nese momento ao longo de toda a súa vida, sempre e cando a súa situación de vítima non fose correctamente resolta.
Os nosos nenos e as nosas nenas teñen dereito á infancia, a unha infancia digna, e é un deber de cada un e cada unha de nós, incluído o Estado e as súas institucións, lograr que isto sexa así.
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (
AGAMME),
Ferrol, a 20 de novembro de 2014
Web de AGAMME:
http://www.agamme.org/
Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
20 de novembro de 2014 21:34
________________________