xoves, xuño 25, 2009

O BNG advirte que o Museo da Natureza carece dun informe que garanta a súa seguridade

O grupo Municipal do BNG no Concello de Ferrol advertiu esta mañá que o Concello de Ferrol non ten elaborado o informe que certifique a seguridade das instalacións do Museo da Natureza que a S.G.H.N. ten aberto no edificio do antigo Hospicio.

A edil nacionalista, Elia Rico, censurou a irresponsabilidade do goberno municipal por permitir que se abran ao público unhas instalacións que non cumpren os mínimos requisitos de seguridade e que estan a poñer en perigo aos visitantes desta instalación. Así mesmo se preguntou quen será o responsábel de se producir un novo desprendemento.

O BNG constatou que a negativa do edil de urbanismo Angel Mato a facilitar unha copia deste informe ao noso grupo se debe a que o único informe existente sobre esta instalación é da data na que se produciu o derrumbamento que obrigou a pechar o Museo ao público hai máis dun ano.

Elia Rico, indicou que logo do ano tan chuvioso que tivemos, o que indubidabelmente pode afectar a estructura do edificio, como é posíbel que o goberno municipal permita a apertura sen garantir cun informe dos técnicos municipais que non existe ningún tipo de perigo. Asi mesmo, se pregunta que técnico foi o que valorou que sexa de 6 persoas o número máixmo de persoas que pode estar na sala e a que razóns obedece.

O BNG considera que o goberno municipal non cumpriu o seu compromiso de habilitar a Casa do Coronel para albergar o Museo da Natureza o que obriga a entidade naturalista a retomar a súa actividade nunhas condicións precarias.

Elia Rico, criticou que o Goberno Local sendo coñecedor do aparente perigo existente nas instalacións do antigo hospicio mire cara outro lado e aínda así siga desviando visitantes a esta instalación en precario desde as súas oficinas de información turística.

Grupo Municipal do BNG.

Enviado por:
Correo electronico BNG
-bng@ferrol.es-
24 de junho de 2009 13:30

__________________

400 persoas concéntranse diante do Parlamento en contra da modificación da Lei da Función Pública

Para a CIG a medida supón “un golpe de morte” para o noso idioma

Coincidindo co debate na Cámara galega da modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública, máis de 400 persoas participaron na concentración desenvolta diante do Parlamento para rexeitar “o golpe de morte ao noso idioma” que vai supor a aprobación desta medida. O PP da así un paso adiante na súa obsesión por “exterminar e desprestixiar” o noso idioma, vulnerando os dereitos de todos os galegos e as galegas, que coa modificación da Lei da Función Pública nin sequera poderán exixir ser atendidos na nosa lingua diante da administración.

Arredor duns 400 delegados e delegadas de CIG, CCOO e UGT, participaron na concentración desenvolta diante do Parlamento Galego esta mañá, para rexeitar o atropelo contra o galego que vai supor a modificación da Lei da Función Pública. A protesta contou coa presenza do Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, e coa participación de A Mesa pola Normalización Lingüística e varios deputados nacionalistas, que tamén quixeron amosar o seu rexeitamento a esta medida.

A modificación do artigo 35 desta norma pretende a eliminación da obriga de realizar en galego, como mínimo, unha das probas das oposicións, de xeito que se está a furtando aos galegos e galegas o dereito a poder ser atendidos no seu idioma nas administracións públicas. “É un retroceso preautonómico”, lamentou o secretario da CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen asegurou que “esta é a suma doutras medidas contra o noso idioma. O PP ten unha obsesión co galego e todas as decisións que está a tomar van encamiñadas a exterminar, infravalorar e desprestixiar a nosa lingua”.


Obriga dos gobernos

Dende a CIG lémbrase que a obriga de calquera goberno pasa por valorar os dereitos dos cidadáns e do seu patrimonio, polo que xa se advertiu ao goberno do PP que vai ter enfronte á central, porque “non estamos dispostos a que se lexisle en contra do noso idioma”. “As decisión do PP están cargadas dun españolismo a ultranza destinado a pór en tea de xuízo o noso idioma e acabar co noso sinal de identidade máis importante”, lamentou Louzao.

Por esta razón, a central reclama á Xunta de Galiza que asuma políticas de protección e promoción do noso idioma, en lugar de deseñar estratexias cuxo único obxectivo consiste na involución lingüística e na supresión dos escasos avances neste eido acadados nos últimos anos. “A única preocupación do PP é lexislar en contra do galego”, sentenciou o secretario nacional da CIG-Ensino.

A modificación do artigo 35 é contraria tanto á Lei de Normalización Lingüística como ao Plan Xeral de Normalización, así como ao Estatuto Básico do Empregado Público. A CIG non aceptará ningún paso atrás na normalización lingüística, polo que continuará opóndose frontalmente a calquera medida destinada a tal finalidade.


Recurso contra o Decreto de Educación Infantil

Dentro das medidas que a central vai levar a cabo en contra das políticas de ataque ao galego, a CIG-Ensino vai presentar recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o Decreto de Educación Infantil, publicado no DOG do 23 de xuño.

Tal e como se denunciou na Mesa Sectorial en que se debatía a Orde de avaliación de Educación Infantil, a única modificación introducida polo actual goberno do PP neste Decreto elaborado pola anterior Consellaría de Educación, é precisamente un ataque máis a nosa lingua, pois non recolle o que establece a actual lexislación en vigor, ou sexa o Decreto 124/2007, que si recollía o borrador modificado polo Consello da Xunta.

O borrador do Decreto de Educación Infantil que pasara pola Mesa Sectorial no seu día dicía que: “Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado progrese no coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá.”

Fronte a isto o Consello da Xunta do actual goberno do PP, en que foi aprobado, modificou este apartado que segundo o publicado hoxe di soamente: “Na etapa de Educación infantil o profesorado utilizará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.”


Infracción do actual Decreto de Normalización


A CIG considera que esta modificación infrinxe o actual Decreto de Normalización Lingüística, que continúa en vixencia e que emana do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado por unanimidade no Parlamento Galego en setembro de 2004. Esta é unha involución máis das moitas que o novo goberno está a perpetrar contra o noso idioma, cunha urxencia esaxerada, que non practican para pór en marcha medidas que no seu programa electoral figuraban como prioritarias, por exemplo a redución das rateos a 15 alumnos por aula. Ou que supriman as axudas aos programas de inmersión en galego, que cumpren con todos os requisitos establecidos, mentres gastan cantidades moito maiores nunha enquisa ilexítima e amañada para reducir a presenza do noso idioma no ensino.

Noticia nos xornais

Aprobada a libre elección de idioma nas oposicións con duras críticas de PSOE e BNG

A aprobación da reforma da Lei de Función Pública mereceu duros reproches de PSOE e BNG, que ven na medida un «18 de xullo» ou un intento de «exterminio» do idioma.

En defensa da reforma, a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, apuntou no pleno do Parlamento que con este cambio búscase salvagardar o dereito dos cidadáns a empregar calquera dos idiomas oficiais, «sen ningún tipo de discriminación».

Segundo a conselleira, non se trata de «desproteger» o galego, senón de «escoller aos mellores» nas oposicións e tampouco persegue, como argumenta o BNG, «abrir as portas aos de fóra», senón de garantir a seguridade xurídica dos procesos de selección.

«Todos queremos os mellores médicos, e non ten sentido que un excelente médico non pase un exame non polos seus coñecementos técnicos, senón por un deficiente manexo da lingua galega»,apuntou a conselleira.

Tamén hai que garantir, apuntou Marta Fernández, que a mobilidade da cidadanía por todo o territorio nacional «non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas; as barreiras, nin sequera as idiomáticas, non son boas», manifestou.

Finalmente, insistiu en que se trata de fomentar a competencia lingüística e garantir a liberdade de elección, lonxe do «enfrontamento e o victimismo lingüístico».


Duras críticas da oposición

A oposición foi especialmente dura nos seus argumentos contra este texto lexislativo, que supón, para o socialista José Manuel Lage, un «ataque directo ao corazón do país e aos nosos acenos de identidade». Os populares, manifestou, intentan «en nome da liberdade, un 18 de xullo contra a lingua galega».

O deputado socialista sostivo que é a primeira vez que desde o Parlamento galego tómase unha decisión «contra o noso idioma», unha medida que cualificou de «involución», que retrotrae aos populares a cando o PP nin se constituíu.
«Van ser cómplices e vailles a pesar sobre a súa conciencia», argumentou José Manuel Lage, que insistiu na »tropelía« que supón a reforma lexislativa, para a que o PP «en nome da liberdade, falsea a realidade» e emprega a demagoxia.

Ademais, reprochou ao Goberno que chegue a falar de «barreiras», coma se o galego fose «un idioma estraño», á vez que considerou que, con esta medida, »tiran ao lixo« a lei de normalización lingüística.

Tamén o nacionalista Bieito Lobeira cualificou a reforma de «atentado» contra a lingua galega, e dixo dos populares que son «mercenarios ao servizo dunha causa que non se merece este país», pois os populares perseguen «o exterminio» do galego.

Delegados de UXT, CIG e CCOO concentráronse hoxe fronte ás portas do Parlamento de Galicia para mostrar a súa oposición á modificación do artigo da Lei de Función Pública que obriga a unha realizar unha proba en galego nas oposicións.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, manifestou a Efe que «a eliminación da proba de galego é un paso máis na escalada contra o idioma» do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, quen puntualizou que «non coñezo ningún país en que os seus dirixentes non defendan o seu propio idioma».

«Só na mentalidade de país colonizado que ten o PP pódese facer esta proposta, considerar que o idioma propio é algo de paletos e que o importante é falar inglés, coma se os galegos non tivésemos a capacidade para falar calquera lingua», engadiu Seixo.

Tamén estivo presente na manifestación membros da Mesa pola Normalización Lingüística, cuxo presidente, Carlos Callón, resaltou que «estamos aquí para recoñecer o labor de convocatoria das tres centrais sindicais maioritarias galegas, que se reúnen para defender o dereito dos traballadores da administración».

Callón denunciou que «hoxe o PP vai escribir a páxina máis negra na historia da lingua», e resaltou que se trata dun caso «de racismo lingüístico» que ten como obxectivo «converter aos galego falantes en cidadáns de segunda».
Pola súa banda, a responsable da federación de Ensino de CCOO, María Jesús Fernández, en declaracións a Efe, considerou que coa eliminación do artigo 35 de devandita lei «está en xogo o dereito dos cidadáns a ser atendidos en calquera dos dous idiomas de Galicia».

Así mesmo, o responsable de Administración Autonómica de UXT, Francisco Nuñez, criticou ao PPdeG «por facer as cousas deste xeito»e matizou que o artigo en cuestión «non debería molestar a ninguén», polo que denunciou a «falta de responsabilidade dos dirixentes políticos por darnos problemas no canto de solucións».


As centrais asinaron un manifesto conxunto no que esixen que non se modifique o artigo 35 da Lei de Función Pública e mantéñase a obrigatoriedade» de realizar unha proba en galego nos procesos selectivos.

O comunicado resalta tamén que a proposta de modificación exposta pola Consellería de Presidencia, pola que os examinandos poderán realizar a proba en calquera dos dous idiomas, para acreditar posteriormente o seu dominio do galego, «é un grave retroceso no proceso de normalización lingüística.

Imaxens da concentración nos blogs de: O´Barco é Vigo

--
CIG-Saúde Ferrol
981334566
www.cigsaudeferrol.blogspot.com

________________

O Instituto Galego de Estatística facilita os datos provisionais de nacementos, defuncións e matrimonios - Ano 2008

O IGE publica hoxe na súa páxina web os datos provisionais de nacementos, defuncións e matrimonios correspondentes ao ano 2008. Os datos publícanse por lugar de residencia da nai, do falecido e do matrimonio. Os datos base para a elaboración desta estatística proceden do Instituto Nacional de Estatística (INE)

Poden atopar máis información en:
Un saúdo


Enviado por:
IGE Novidades -ige.novidades@ige.eu- 24 de junho de 2009 14:36


Servizo de Difusión e Información Estatística
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
Instituto Galego de Estatística
15703 Santiago de Compostela
Telf: 981 541589 de 9 a 14 horas, Fax: 981 541323
contacto: http://www.ige.eu/catalogo/peticioninfo.jsp
web: http://www.ige.eu

__________________

Segunda Asemblea contra a censura e a marxinación da música galega na CRTVG

http://www.komunikando.net/komunikajoomla/templates/rhuk_solarflare_ii/images/header_short.jpg

Convocada a 2ª Asemblea contra a censura e a marxinación da música galega na CRTVG
[+info]

Houbo um cambio de plans de última hora, e mudou o lugar de encontro acordado na anterior asamblea, a data segue a ser o Sábado 27 de Xunho e a hora também é a mesma, às 12:30hs.

O que cambiou foi o lugar, que agora é na Gentalha do Pichel, Compostela.

Na asemblea, falarase das posibles reivindicazons e a forma que terán, e de como vam as propostas feitas na anterior asemblea, etc.

Asembleia Aberta

Quant@s mais melhor!!!!

http://www.komunikando.net/komunikajoomla/images/galeria_img/novas/charla.gif

Podes seguir as actas no ForoKomunika


Enviado por:
Komunikando.net
-aperloca@komunikando.net-
25 de junho de 2009 12:54


--
Komunikando.net
Musica da Galiza
aperloca@komunikando.net
__________________

A Plaforma pola Verdade na Fragata Extremadura reune-se en Esteiro

XUNTANZA DA PLATAFORMA POLA VERDADE NA FRAGATA EXTREMADURA

Mañá venres 26 de Xuño ás 19 horas no Local da Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga" terá lugar unha Xuntanza da Plataforma pola Verdade na Fragata Extremadura (Antes Plataforma Cabo Gago).

Nesa xuntanza se planificarán as mobilizacións de cara a que non sexa arquivada a denuncia e se celebre un xuizo no que se depuren as responsabilidades, caso de que as houbese.

Enviado por:
Asociacion Veciñal Fontelonga
-avvfontelonga@mundo-r.com-
25 de junho de 2009 18:50

_______________

http://plataformaporlaverdad.blogspot.com/
__________________________

Fotos do desastre despois da explosión da caldeira na Fragata Extremadura
20 de Decembro de 2005


Fonte: Canal de Maragatabriga

Enlaces relacionados:
  • [07.04.2009 Terra Noticias] - O fiscal militar pide o procesamiento do tenente da Fragata Estremadura por un delito 'contra a eficacia do servizo' - O fiscal xurídico militar solicitou hoxe, ante o Xulgado Togado Militar 41 da Coruña, o procesamiento, por un suposto delito contra a 'eficacia do servizo', o teniente de navío Pablo Varela Sánchez da Fragata Estremadura, que ocupaba o cargo de xefe de máquinas a noite do 19 de decembro de 2005, na que a explosión da caldeira do buque provocou a morte de dous militares. [+info]
  • [12.06.2009 El País] O xuíz togado militar número 41, o da Coruña, non ve delito na explosión da fragata Estremadura, o 19 de decembro de 2005, cando estaba atracada no arsenal de Ferrol, e na que perderon a vida o cabo primeiro Francisco Javier Pérez Castillón e o mariñeiro Erik Noval Gómez. Nun auto ditado o pasado 26 de maio, o xuíz propón o sobresemento definitivo do caso. [+info]
_______________________________

Estudos para a revisión da Directiva Europea "Seveso II" relativa ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves con sustancias perigosas

Estudos para a revisión da Directiva Europea - Seveso II - relativa ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan sustancias perigosas


"Estudo da eficacia da Directiva Seveso II»

Segundo European Civil Protectión:
http://ec.europa.eu/environment/seveso/index.htm

Visitar a páxina traducida ao galego con "Google Translate".

"Dado que a estrutura básica e os principais requisitos da Directiva mantivéronse sen cambios durante máis de 10 anos, chegou o momento dunha revisión da Directiva. Para informar a devandito proceso de revisión, a Comisión realizou varios estudos para avaliar o nivel e a calidade da aplicación práctica da Directiva".

O estudo foi dirixido polo Instituto Virtual Europeo para a Xestión Integral de Riscos [http://www.eu-vri.eu/].

Visitar a páxina traducida ao galego con "Google Translate".

Informe final e anexos:
Saúdos.

Enviado por:
santiago diaz-garzón morillo -xantia@mundo-r.com- 25 de junho de 2009 02:55

_________________

O metal de Pontevedra segue en Folga por un convenio digno

A CIG rexeita a proposta dos mediadores do Convenio do Metal e continúa coa convocatoria de folga xeral do sector en solitario.

[Clicar acima da imaxe para ampliar]

A decimosexta xornada de folga estivo marcada de novo polas marchas mais tamén por unha proposta realizada polos mediadores para poñer fin ao conflito. Unha proposta insuficiente e que coa vontade de desactivar a mobilización e a convocatoria de folga xeral do xoves 25 foi presentada o martes 23 de xuño, reclamando que se desconvoque calquera mobilización até o 30 de xuño. A CIG, diante da asemblea realizada na Praza do Concello, nesta nova xornada de folga rexeitaba esta proposta, xa que "non é o acordo polo que levamos a pelexar tantos e tantos dias, e pola que imos continuar a pelexar. Porque nós non nos rendemos, que se saiba".
[+ Info en Avante]

"Este non é o acordo polo que estivemos a pelexar e polo que continuaremos a pelexar. Nós non nos rendemos".

Documentario do 15º Día de Folga.
Unha vez máis as forzas represivas ao servizo da burguesía, as imaxens falan por si só.
Cumpre un movimento solidario por toda a Nación
.


24/6/2009

A folga do Metal continúa a ser un referente de loita e dignidade, que cada dia colle unha forma e cor distinta, e que se visibiliza masivamente polas rúas de Vigo.

Fonte: Avante

_________

luns, xuño 22, 2009

Sobre a próxima subida da tarifa electrica e a liberación do mercado da electricidade

PRÓXIMA SUBIDA DA TARIFA ELÉCTRICA

As empresas eléctricas están enviando un comunicado informando de que, a partir do 1º de xullo, se liberalizará o mercado da electricidade en España e cada consumidor pode elixir tanto a compañía eléctrica como a tarifa que máis lle conveña.

Tal como informamos no noso anterior comunicado o goberno equivocouse na forma e no momento de levar a cabo este "cambio" na facturación eléctrica.

Primeiro, porque empezou creando unha confusión grande ao aceptar unha facturación mensual xa que ao ser provisional e estimativa xerou desconfianza e receos nos consumidores.

Segundo, porque non obrigou ás eléctricas a aumentar a eficiencia na xeración eléctrica pois, por exemplo e como todos sabemos, xérase electricidade en Galicia para logo distribuíla a outras comunidades, algunhas tan afastadas como é o caso de Valencia, Murcia e Andalucía coa consecuente perda enerxética por transporte. Ademais unha importante parte do mix enerxético realízase en Centrais de Ciclo Combinado que consomen gas natural un combustible moi caro en España xa que máis do 70 % do mesmo compra en estado líquido (Gas Natural Licuado - GNL) nun mercado moi especulativo e que en ocasións duplica o prezo normal de tarifa por gasoduto.

Terceiro, porque estamos nun momento de crise que afecta seriamente ás economías máis débiles da nosa sociedade e supomos que "liberalizando" o mercado, as tarifas van subir substancialmente pois o Déficit de Tarifa está aí cun 30% de desfasamento. Recordamos as palabras de María Teresa Costa (presidenta da Comisión Nacional de Enerxía) pronunciadas hai unha semana á saída da reunión anual de SEDIGAS no recinto feiral de IFEMA: as novas tarifas enerxéticas "non deberían estar por baixo do prezo de mercado", como ocorría coas anteriores tarifas integrais, co que se evitará que os prezos regulados entren "en competencia" cos do modelo liberalizado.

Tamén o Director Xeral de Política Enerxética e Minas, Jorge Sanz Oliva informou nese mesmo foro que o Ministerio de Industria comunicará o próximo 29 de xuño, dous días antes da súa entrada en vigor, a Tarifa de Último Recurso (TUR) de electricidade, que será o resultado da aplicación dunha nova metodoloxía de cálculo. Sanz Oliva indicou ademais que as tarifas, tanto de gas como de electricidade, serán "aditivas" (subidas en cadea?), de modo que reflictan "o custo real da enerxía".

Entendemos que está liberalización habería que facela. Mais insistimos, non agora e sempre a través dun estudo eficiente de custo de produción. Non de malgasto. Os consumidores teremos que apertar de novo o cinto. E as eléctricas?. De onde saen esas cuantiosas ganancias que tanto publican os medios de comunicación ante o asombro dos consumidores?

Achegamos unha nota aclaratoria [Transcrita máis abaixo] sobre o comunicado que están enviando as compañías eléctricas aos consumidores.

Máis información en : publico.es

Saúdos,
www.f-cape.org
Colectivo Universitario Opositor á Planta de Gas (GNL) dá Ría de Ferrol (Galicia)

Anexo.-

Nota aclaratoria sobre o comunicado que están enviando as compañías eléctricas aos consumidores

As empresas eléctricas están enviando un comunicado informando de que, a partir do 1º de xullo, se liberalizará o mercado e cada consumidor pode elixir tanto a compañía eléctrica como a tarifa que máis lle conveña.

O escrito aínda que claro, pero conciso, non é comprensible para moitos cidadáns pois non explica as "regras de xogo". O máis importante é que o consumidor pode elixir entre a tarifa regulada polo Ministerio de Industria ou optar por un prezo "libremente pactado" cunha empresa comercializadora.

A decisión non é fácil se non se coñece a situación do mercado en España. Analizámolo como segue:
  • Déficit de tarifa: É a diferenza entre o custo de producir a electricidade e o prezo regulado que se está cobrando na actualidade. Esta diferenza está estimada nun 30 % segundo a Comisión Nacional da Enerxía (CNE). Ver en europapress.es

    Isto significa que as eléctricas teñen que subir os prezos pois nun mercado liberalizado os custos (gastos) débense cubrir coa facturación (ingresos).

  • Tarifa de Último Recurso (TUR): É o novo nome que terá a tarifa regulada polo goberno e que non foi revelada aínda. Xa que logo non podemos elixir aínda nestas circunstancias.
  • Tarifa Social: A este contrato poden optar os consumidores de vivendas habituais cunha potencia contratada inferior a tres (3) quilovatios, a condición de que a instalación dispoña dun interruptor de control de potencia. Tamén se contemplan outras circunstancias sociais de colectivos máis desfavorecidos.
Tarifa máis vantaxosa para o consumidor: Non se sabe nestes momentos polas seguintes razóns:
  • As eléctricas que operen no mercado libre non deron a tarifa que ofertarán por quilovatio/hora. Algúns analistas informan que as eléctricas ofertarán un desconto dun 2% con respecto á tarifa regulada polo Goberno (non se explica xa que segundo eles a tarifa regulada actual é inferior nun 30% con respecto ao custo de xeración).
  • Por outra banda o Ministerio de Industria ten previsto levar a cabo outra subida na tarifa regulada a primeiros do mes de xullo. Algúns analistas sospeitan que poderías ser un incremento algo avultado para "animar" aos consumidores a optar polo mercado libre.
Conclusión: A falta de datos por parte do Ministerio de Industria a opción máis lóxica (e conservadora) é a de continuar coa Tarifa de Último Recurso (TUR) regulada polo goberno tal como informan as asociacións de consumidores. No suposto de non querer cambiar de empresa eléctrica, entón, NON SE FARÍA NADA. A empresa actual entendería que se opta pola tarifa TUR e pasaría a facturación á súa empresa filial comercializadora.

Os consumidores actuais que teñan un contrato cunha compañía eléctrica "pequena" deberán estar atentos por se esta empresa transfire o contrato a unha regulada polo goberno pero en base a "tarifa de mercado libre" e non de tipo TUR.

No entanto, sempre se podería cambiar de tarifa e de comercializadora cando se considere oportuno. Ata ao día seguinte do 1 de xullo. O mellor é ter paciencia e esperar que o mercado comece a ensinar as súas "cartas". Unha vez que se coñezan as tarifas ofertadas polas comercializadoras do mercado libre, poderá realizarse a comparativa e optar pola que interesa.

Enviado por:
Ferrol CAPE -ferrol.cape@gmail.com-
21 de junho de 2009 22:45

___________________

Máis Información na Rede
_________________________

domingo, xuño 21, 2009

Roteiro polo Barrio de Esteiro, nos actos da Noite meiga de San Xoán, este 23 de Xuño

Noite meiga de San Xoán

Enviamosvos información dos actos do día 23 de Xuño, ós/ás que estades convidados/as.

Queremos recomendar o roteiro polo Barrio de Esteiro, guiado por unha técnica de turismo do Concello de Ferrol, que ten unha hora de duración aproximada e que pate ás 18 horas da Praza de San Amaro xunto á escultura de Leiro e remata no conxunto monumental de Fontelonga.

Dámosvos as grazas pola vosa asistencia e pola difusión dos actos.

Ferrol 19 de xuño de 2009.

Asdo./Xosé Miguel López, presidente

Enviado por:
Asociacion Veciñal Fontelonga
avvfontelonga@mundo-r.com
19 de junho de 2009 20:01


ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Web veciñal
Blog veciñal

________________

A.V. Fontelonga de Esteiro convida a unha conferencia, o 25 de Xuño, de Antoni Domenech: Darwin e as ciencias sociais

Estimada/o amiga/o:

A Xunta Directiva da Asociación Veciñal de Esteiro “ Fontelonga” convidaa/o a participar na Conferencia que, como acto académico institucional do ano Darwin, impartirá Don Antoni Domenech catedrático de Filosofía e das Ciencias Sociais e Morais na Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Barcelona, co título de : Darwin e as ciencias sociais, o vindeiro xoves día 25 de xuño ás 20 horas no Salón de Actos do Vicerrectorado da Universidade en Esteiro.

Con grazas anticipadas saúdao cordialmente,

Asdo./Xosé Miguel López Pérez.
PRESIDENTE


ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Web veciñal
Blog veciñal

________________

Cando Flaubert falou de 'merde'

Por Manuel Rivas Barrós

Imaxinemos un lugar no mundo onde as universidades teñan que advertir a un goberno que está lexislando en contra dos intereses do país que goberna. Imaxinemos un lugar no mundo onde a Academia da Lingua teña de tomar a excepcional decisión de manifestar en público a inquietude pola perigosa deriva dun goberno entregado a desprotexer o mellor tesouro do patrimonio cultural dese país. Imaxinemos un lugar no mundo onde os científicos, e máis aínda os que traballan en organizacións internacionais, se vexan obrigados a defender, fronte á desvalorización fomentada polo goberno, a competencia científica da propia lingua do país. Imaxinemos un lugar, en fin, onde os estudosos estranxeiros desa lingua constaten que está tan ameazada polo goberno que ten o deber de promovela que eles mesmos, os alófonos, decidan amparar con afouteza esa lingua fanada, empuxada camiño do exilio no propio país.

Non estamos a falar dun lugar imaxinario, por máis que se atopen semellanzas, como Liliput ou a illa dos Papafigos. Tampouco é unha forzada caricatura dun lugar real. A narración do que está a suceder podería ser aínda máis penosa. Está a pasar diante nosa. Neste escenario e neste tempo. Dise que a boa literatura fala dende un presente lembrado. Mesmo dun pretérito de futuro, cando se trata da ciencia-fición. Xa sabemos o tempo da mala política. O futuro pretérito. A Galicia do desandar. A Galicia do recú. A Galicia provinciana que se ri da ecoloxía das linguas, incapaz de comprender que é unha compoñente fundamental dun emerxente cosmopolitismo racional.

Para unha parte da poboación galega, o estatus do galego é unha cuestión secundaria, que implicaría soamente de xeito dramático a quen traballe coas palabras. Mais, á fin, todos traballamos coas palabras. Os silencios, como ben dicía Samuel Beckett, tamén forman parte da linguaxe. Seguramente, este Goberno, para o seu Programa do Desandar lingüístico, contaba con ter da súa parte unha chea de silencios. Ese era o cálculo na partida que se puxo en marcha meses antes das eleccións. Por unha banda, un activismo que conseguiu espallar a idea da falsa "imposición" co concurso de poderosos altofalantes. En fronte, outro tipo de activismo, máis ou menos excitado, a quen se tentaría identificar cun nacionalismo maximalista. O defensor do galego como sinónimo de bloqueiro. O típico profeta do non. E o resto? O resto sería silencio. Un país habitado por silencios a rumiar.

Mais estamos a ver como ese país dos Caladiños xa non existe. Xa non leva tanta xente a procesión da Suspensión das Conciencias. Aquí, a cada vez máis persoas, e ante ese estado do Recuar, estalle a pasar o que Gustave Flaubert contaba en carta ao colega Turguenev: "Sempre intentei vivir nunha torre de marfil, mais unha marea de merda non deixa de golpear os muros, e ameaza con tirala abaixo...".

Cal é a forma que adopta aquí o que Flaubert, o da mot juste, o da palabra exacta, chamaba "marea de merda"? O doente que estaba en proceso de curación é, de súpeto, desposuído de gran parte do tratamento e, ademais, sometido a unha mala práctica médica. Ao tempo, vense a dicir de novo á sociedade, esa é a mensaxe subxacente, que este doente o mellor que pode facer é morrer dunha vez porque non serve. Non é un ser útil. Isto é o que están a facer coa lingua galega. Esta é a marea de lixo do momento.

O problema non é só que se lexisle de recú para achaparrar o galego e, de paso, estragar a propia industria cultural. Como se as editoras galegas, que fan libros, fosen empresas de menor valor que outras que fan camisolas deslocalizadas. Se cadra ese é o futuro. Velaí outro paradoxo esperpéntico. Disque o conselleiro de Industria é un experto nisto de deslocalizar. Se cadra ese é o futuro. Deslocalizarmos todo e todos. Galicia sen local. Sen razón social. Non, o problema xa non é só xurídico, senón todo o lixo, consciente e inconsciente, que se ciscou sobre a lingua e o universo da cultura galega. A pobriña. Esa carga familiar. A metáfora da Galicia hindú dos intocábeis. Rajoy gusta da palabra malleira ou palleira. Grazas pola malleira, don Mariano!

Le mot juste, a palabra exacta do gran creador de Madame Bovary, ten aquí, e verbo deste esperpento, unha versión perfecta no escrito dos departamentos de Filoloxía das universidades galegas cando se refire ao desandar deste Executivo: "O primeiro da historia da democracia que lexisla en contra da lingua do país e que goberna e actúa segundo intereses alleos a Galicia".

O idioma galego é unha pertenza de todos, tamén dos que non o falan. Como o parque do Xurés, ou as fragas do Eume ou as illas Atlánticas ou as Insuas do Miño son valores de todos, aínda que haxa xente que non saiba deles. Que pensariamos se un Goberno lexislase para achicalos? Pero, ademais, eses tesouros naturais non só pertencen a Galicia. Son valores da bioesfera. Pertencen á humanidade. E o mesmo ocorre cos valores culturais, a principiar pola lingua que naceu en Galicia. Non todos os días nace unha lingua nun lugar do mundo! Non é un asunto só persoal. Podemos pasar delas, mais temos unhas obrigas como parte da humanidade. E o idioma galego é unha pertenza da humanidade, aínda que haxa conselleiros que non pasaran o exame actualizado do imperativo categórico de Kant.

Si. O que vén de pasar foi unha marea de lixo disfrazada de grandilocuencias. Resúmese moi ben neste parágrafo da carta que dez brillantes científicos galegos, traballando en organismos internacionais, en Xenebra, Londres e Montreal, enviaron a Vieiros para saír ao paso do ousado provincianismo: "En declaracións ao Faro de Vigo, o voceiro das Asociacións de Pais de Colexios Concertados dicía: "Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder". (...) Declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. (...) E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero tampouco o é o castelán. A lingua franca é dende hai moitos anos o inglés (...) O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este (...)".

A historia da lingua galega é como a da Sepharad das mil e unha noites. Sempre atopou o xeito de salvarse de certo tipo de perigosas mareas. Non sei o que pasará cos políticos, pero si sei que a Galicia creativa, a Galicia do desexo, vai sobrevivir no seu andar ás ceibas fronte a este tempo de enxurrada retrógrada. Se non é aquí, será, por exemplo, na universidade de Cardiff de Gales. Alí onde Craig Patterson supervisa con paixón e intelixencia a Rosa dos Ventos, nome da candidatura para Asociación Internacional de Estudos Galegos. De acordo, señor Flaubert. Contra a marea de merda, a rosa dos ventos.

Publicado en "El Pais" 19.06.2009

Enviado por:
jefernandez@navantia.es
19 de junho de 2009 14:07

______________

De novo hoxe o Mercadiño de Troco en Ferrol

Hoxe Domingo 21 de Xuño, Mercadiño de Troco en Ferrol, cada dous meses coincidindo coa tradicional Feira do Terceiro Domingo de Mes, organiza-se o Mercadiño de Troco, na Praza Vella entre as 10:00 e as 13:30 hras.

Esta actividade é un espazo de encontro no que as persoas participantes poderán expoñer os seus obxectos nas mesas habilitadas para troco ou cesión. Para evitar os intermediarios (ben sexan outras persoas ou moedas) cada participante negociará coas outras o troco de obxectos, a cesión ou aquelo que considere máis axeitado. Aquelas persoas que non vaian a estar permanentemente no mercadiño poderán deixar un teléfono de contacto ou hora para que as poidan atopar.

Ao remate do mercadiño cada participante deberá recoller os obxectos que non fosen trocados ou cedidos, responsabilizándose dos mesmos.

Trocaranse: -Libros -Menaxe de cociña -Artesanía -Audiovisuais -Xogos e xoguetes -Roupa -Aquelas cousas que podan ser de interese para outras persoas.

Fonte: trocaferrol.org
_________________




O Mercadiño de Troco
______________

sábado, xuño 20, 2009

Os riscos da Planta de Gas

Polo seu interese e actualidade publicamos un informe editado polo Colectivo Universitario Opositor á Planta de Gas da Ría de Ferrol na sua web [www.f-cape.org] o 1 de Abril do ano 2007.

Paga a pena parar-se a ler e analisar este documento. Pois moitas veces compañeiras e compañeiros dedican o seu tempo e esforzo en traballar os argumentos contra o desproposito gasístico de REGANOSA que merecen a nosa atención en máis dunha ocasión. O pasado mes de Maio tivemos oportunidade de coñecer estes traballos na Xornada de Formación Cidadá, onde vimos a importante actividade que realizamos no transcurso da loita, para reforzar a nosa formación e difundir as nosas razóns de oposición á Planta de Gas. Na maioria das veces, actividade silenciada ou manipulada polos medios de comunicación convencionais. Desde a nosa opinión o documento que presentamos é un dos que paga apena voltar a publicar e difundir.


Resumo de riscos da Planta de GAS

EVALUACIÓN DAS CONSECUENCIAS DE POSIBLES ACCIDENTES NA TERMINAL DE ALMACENAXE E REGASIFICACION DE GAS NATURAL LICUADO SITUADA NA RÍA DE FERROL

- RESUMO -

Nota dos autores: Este informe recolle as conclusións dos estudos de risco realizados para as administracións públicas de EE.UU, seguindo as normas en vigor na Unión Europea e naquel país. Debemos ter en conta que os estudos privados son moi caros, non dispoñibles ao público e son celosamente gardados polas empresas que os encargaron e/ou elaboraron.

Consideraremos tamén de interese a ordenanza que o Concello de Barcelona redactou para as posibles intervencións suxeitas ao R.D. 1254/1999 (coñecido por Lei Sevesso II/III) de nome OMAIA (Ordenanza Municipal de Actividades e de Intervención Integral da Administración Ambiental de Barcelona) por ser punteira nesta materia (Ferrol non a ten a pesar da ameaza que supón Reganosa).

1.-) Regulamentación e leis aplicables: No que concierne á Avaliación de Riscos deste tipo de instalación industrial son de aplicación as seguintes normas e leis: R.D.1254 / 1999 e modificacións posteriores (Directiva 96/82/EC ... Lei Seveso II), Norma UNE-EN 1473 "Instalacións e equipos para Gas Natural Licuado (GNL). Deseño de instalacións terrestres", Norma UNE-EN 1532 "Instalacións e equipos para GNL. Interfaz entre buque e terra", Norma NFPA 59 A "Norma para a produción almacenamento e manipulación de GNL" e R.D. 1196/2003 "Directriz básica de protección civil para o control e planificación ante o risco de accidentes graves nos que interveñen sustancias perigosas".

2.-) Xeneralidades: Enténdese por Zona de Intervención aquela na que as consecuencias dun accidente producen danos que xustifica a aplicación inmediata de medidas de protección e Zona de Alerta aquela na que as consecuencias dun accidente provocan efectos que aínda que son perceptibles para a poboación non xustifican a intervención.

A OMAIA establece no capítulo 33, sobre riscos admisibles, que: as Zonas de Intervención e Alerta que se determinan mediante unha Análise de Riscos Determinista (ARd) non deben afectar en ningún caso a áreas de poboación permanente ou liñas vitais da cidade.

Enténdese por Nube de Gas inflamable, a nube formada pola vaporización do GNL logo dunha fuga masiva do mesmo. En tanto o gas non alcance unha densidade determinada esténdese pola zona a rentes do chan ou do mar con posibilidade de ignición. Se se sucede esta ignición do gas, prodúcese unha Radiación Térmica que causarían queimaduras a persoas cunha gravidade dependendo da intensidade e tempo de exposición. Tamén poden suceder os anteriores fenómenos se o gaseiro verte gas licuado ao mar e que se arde o gas regasificado produce o que se coñece como Charco de lume.

Enténdese por Zonas de Exclusión dous tipos de áreas situadas na periferia da instalación de GNL, e que se establecen debido aos efectos catastróficos derivados polos fenómenos descritos no parágrafo anterior: a) por radiación térmica e b) por dispersión da nube de gas inflamable (UNE-EN 1473 e NFPA 49 A).

3.-) Escenarios de riscos: Para coñecer as zonas afectadas por un accidente nunha planta de GNL ou buque gaseiro determínanse uns escenarios de fallos, accidentes probables, ... por tipo de planta de GNL e situación xeográfica da mesma. Os escenarios de regas manexadas nos modelos de Análises Cuantitativas de Riscos deste tipo de planta son xa comúns no sector do gas, aínda que de difícil acceso á poboación tal como dixemos máis arriba.

Na actualidade e debido aos atentados terroristas de Nova York, Madrid, Londres, India, ... e pola inconmensurable cantidade de enerxía almacenada nos tanques e buques gaseiros, estanse demandando pola sociedade nos países de occidente, análises para coñecer as consecuencias de accidentes por fugas masiva de gas, moito maiores que as manexadas anteriormente nas análises de riscos.

Resumimos a continuación algunhas conclusións de estudos de risco.

Nota: Na planta de Ferrol xustifícase moito máis este tipo de análise polo difícil acceso que presenta a canle de entrada á ría para os grandes buques gaseiros tal como se describe no capítulo 5 deste informe.

4.-) Resultados: Tendo en conta o anterior resumimos os resultados de Dispersión de gas natural e de Radiacións térmicas elaborados con programas de prestixio internacional (DEGADIS, LNGFIRE, EFFECTS 5.5, CANARY, FEM3A, PHAST 6.42, ..., seguintes:
  • James Fay:
    • Zona Límite Inflamabilidade = 2.900 metros.
    • Zona Exclusión térmica = 1.800 metros.

  • Quest Consultans:
    • Zona Límite Inflamabilidade = 3.200 metros.
    • Zona Exclusión térmica = 600 metros.

  • Sandia National Lab.:
    • Zona Límite Inflamabilidade = 2.450 metros.
    • Zona Exclusión térmica = 1.305 metros.

  • ABS Consulting:
    • Zona Límite Inflamabilidade = 4.000 metros.
    • Zona Exclusión térmica = 1.400 metros.

  • Universidade d'As Palmas:
    • Zona Límite Inflamabilidade = NON INDICA.
    • Zona Exclusión térmica = 2.230 metros.
[Clicar acima da imaxe para ampliar]

No noso caso, a distancia debe ser da orde dos 3.000 a 4.000 metros, como mínimo, segundo os resultados obtidos polos organismos citados na táboa comparativa de riscos. Segundo a Universidade das Palmas o impacto dun avión sobre un tanque almacén provocaría unha dispersión de gas que alcanzaría os 10 km de distancia (A ría de Ferrol é ruta de aproximación do aeroporto de Alvedro - A Coruña).

Non debemos esquecer que a peculiaridade da nosa canle de acceso á Ría foi citada na autorización da construción da planta onde se listaron unhas actuacións mínimas que se deberán realizar antes de recibir a autorización de inicio de operación da planta de gas.

Lembramos que o mesmo Ministerio de Fomento emitiu unha Orde Ministerial de data 10 de Maio de 2.001, onde se expón que "por razóns de seguridade procederase á ocupación urxente de terreos para iniciar a construción do porto exterior de Ferrol porque os buques teñen que navegar ao longo da canle de entrada en condicións de seguridade, e xa se sucederon casos puntuais de accidentes na canle, por fortuna sen consecuencias".

Nota dos autores: Estes accidentes rexistráronse en buques de tamaño moi inferior aos buques gaseiros que visitarán a planta de GNL de Ferrol (135.000 m3 de capacidade ... case 300 metros de eslora).

Cremos que polo exposto anteriormente, a localización da planta regasificadora de GNL na Ría de Ferrol supón un ALTO RISCO para a poboación, polo que se debería analizar con maior rigor e non permitir a súa posta en funcionamento [A planta regasificadora leva funcionando desde Maio de 2007 e con autorización administrativa desde Outubro do mesmo ano], para evitar danos de consecuencias inimaxinables.

Fonte: Ferrol-CAPE
___________________

Lembrar:

SÁBADO 20 DE XUÑO DE 2009, ACCIÓN DE PROTESTA DO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA, ANTE A ENTRADA NA RÍA DE FERROL DUN NOVO BUQUE GASEIRO CARGADO CON GNL-LNG PARA A ILEGAL E PERIGOSA REGANOSA, CONCENTRACIÓN DIANTE DO EDIFICIO DA XUNTA
______________________

venres, xuño 19, 2009

Sábado 20 de Xuño nova acción de protesta diante do anuncio de entrada na Ría do 47 buque gaseiro cargado con GNL para REGANOSA

[Para ampliar clicar acima da imaxe]

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha nova concentración en sinal de protesta polo anuncio da entrada na Ría do que sería o gaseiro nº 47, o "Hispania Spirit", cargado con GNL, desde que en Maio de 2007 entrara o primeiro buque para a ilegal e perigosa REGANOSA. Poñendo en perigo, máis unha vez, ás miles de persoas que moramos na contorna da Ría. Pois REGANOSA, entre outros, non cumpre o Artigo 12 da Directiva 96/82/CE relativa ao control dos riscos inherentes aos accidentes graves nos que interveñan sustancias perigosas.

"A razón pola cal estas industrias teñen que estar afastadas de núcleos poboacionais é que existe risco de fallos. E un fallo nunha Planta de Gas, non ten as mesmas consecuencias que un fallo nos astaleiros. Unha Planta de Gas e os grandes buques que a abastecen son un grande perigo potencial, é por iso polo que teñen que estar localizadas lonxe de núcleos de poboación, xa non digamos dentro dunha ría densamente poboada como é a de Ferrol.

O Dereito á Seguridade, á Saúde e á Proteción do medio Ambiente é un dereito inherente á cidadanía e o Estado debe ser o garante deste dereito ante os riscos innecesarios aos que nos someten coa presencia da planta de gas no corazón da nosa Ría, máis ainda elevados a un maior exponente "n" coa entrada de cada buque cargado con GNL-LNG na nosa angosta Ría, só para que uns cantos ricos e corruptos den renda solta a súa cobiza
.

En caso de fuga o gas seguiría o seguinte proceso:
  • Sairía á atmosfera unha NUBE TÓXICA, moi fría, que se derramaría por toda a Ría como unha "néboa" matinal baixa.
  • Estendería-se a nivel de chan, durante tanto tempo e espazo como dure a fuga...
  • Mentres... iría ASFIXIANDO A Todo SER VIVO.
  • Paulatinamente a nube de gas iría-se quentando e diluíndo no aire, sendo arrastrada polo vento (o cal sopra xeralmente cara a Ferrol)"...
  • Chegan un punto no que o gas misturado co aire nunha proporción determinada converte-se nunha enorme bomba inflamábel que explota ante calquer un frouxo punto de ignición.
Non nos queda outra que seguir coas accións de protesta cada vez que un buque gaseiro pon en perigo a seguridade e a vida das miles de persoas da bisbarra, é por iso que o Comité Cidadán fai un novo chamanento a concentrar-se este Sábado 20 de Xuño, ás 7 da Tarde na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

Fóra REGANOSA da nosa Ría !

Que desmantelen a Planta de Gas Xa !

Planta de Gas Fora da Ría !

Acude á CONCENTRACIÓN este Sábado 20 de xuño, ás 7 da tarde no Edificio da Xunta - Praza Amada García


Características do buque:

Nome.- Hispania Spirit - Bandeira.- España - Eslora.- 279 m - Manga.- 43,4 m
Calado máximo.- 12,12 m - Capacidade .- 140.000 m3 (*)

(*) A capacidade máxima autorizada é de menos de 140.000 m3



Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia -comitecidadan@gmail.com- 19 de junho de 2009 13:20

--
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
http://comitecidadan.org

...........

Concentración diante do Parlamento de Galicia en defensa do Galego contra a modificación da Lei da Función Pública Galega: 23 de Xuño

CONCENTRACIÓN DIANTE DO PARLAMENTO DE GALIZA O DÍA 23 DE XUÑO, ÁS 10HS.

A LINGUA, A NOSA CULTURA, O NOSO PATRIMONIO

Todas as culturas entenden a lingua como un patrimonio, que hai que protexer e do que sentirse orgulloso. (Mesa pola normalización)

Porque despois de máis de catro séculos de políticas asimilistas, exercidas con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma segue vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados".
Castelao. "Sempre en Galiza".

CIG- Saúde defende que se manteña a convocatoria de OPE nos termos nos que foi aprobada na Mesa Sectorial en decembro de 2008.

O goberno do PP pretende modificar pola vía de urxencia a modificación da Lei de Función Pública Galega, para suprimir das probas selectivas o coñecemento do noso idioma; co argumento de que isto impide que profesionais do resto do territorio do estado español acedan ao emprego no noso pais. Isto é totalmente falso e non se pode seguir enganando e manipulando.

Este é o cronograma da convocatoria de OPE, polo que o persoal que vai participar neste proceso selectivo, de dentro ou de fora de Galiza, xa coñecía os requisitos da convocatoria.

Convocatoria OPE - FACULTATIVOS 2008
  • Decreto de oferta de emprego publicado no DOG do 01-09-2008
  • Resolución da convocatoria publicado no DOG do 22-12-2008.
  • Inicio do prazo de presentación de solicitudes 23-12-08.
  • Prazo fin de presentación de solicitudes 31-01-09.
Convocatoria OPE Resto de categorías 2009
  • Decreto de oferta de emprego publicado no DOG do 13-02-09.
  • Resolución da convocatoria publicado no DOG do 26-02-09.
  • Inicio do prazo de presentación de solicitudes 27-02-09.
  • Prazo fin de presentación de solicitudes 31-03-09.
Ademais disto, é falso que a proba do galego determine a superación do proceso selectivo, xa que o baremo ten a seguinte composición.

BAREMO OPE 100% DA PUNTUACIÓN
  • Concurso de méritos 40% do proceso selectivo.
  • Nesta apartado valóranse os servizos prestados nos países da Unión Europea, nos centros públicos e privados. O resto de méritos (publicacións, formación...) son de carácter internacional.
  • Fase de oposición 60% do proceso selectivo.
  • 90% Exame da parte específica . Os test están feitos integramente en español.
  • 10% coñecemento do galego. Non eliminatorio, só serve para para subir nota .
A política de emprego exercida no SERGAS polo anterior goberno do PP e corrixida no plano de estabilidade do goberno bipartido coa OPE 2006, traducíase nunha permanente fuxida dos nosos profesionais ao pais veciño Portugal, onde todas/os as/os profesionais, galegas/os e do resto do territorio do estado español, teñen que superar unha proba de coñecemento do idioma portugués.

As precarias condicións das contratacións utilizadas nos últimos anos polo goberno do PP traducíanse en:
  • Para os profesionais: a formalización de sucesivos contratos, sen vacacións, sen cobertura de I.T, Provocando desmotivación, incerteza para os proxectos persoais e a dificultade en conciliar a vida laboral familiar.
  • Para a Administración sanitaria: a dificultade de captar e reter profesionais nun mercado competitivo; xerando incerteza na continuidade dos servizos.
Estas políticas de emprego son as que non se poden aplicar. O goberno debe garantir unhas boas condicións laborais para garantir, non só que veñan profesionais de fora de Galiza, senón para evitar que fuxan os nosos.

O galego non é unha limitación, é un dereito; as usuarias e usuarios teñen o dereito a usalo na súa relación co Sistema Sanitario Público; a Administración ten a obriga de garantilo.

Concentración o martes 23 de xuño en contra da modificación do artigo 35 da Lei da Función Pública

A CIG volve rexeitar a eliminación de realizar unha ou máis probas en galego

As organizacións sindicais reiteraron unha vez máis a petición á Xunta para que non modifique o artigo 35 da Lei da Función Pública, mantendo deste xeito a obrigatoriedade de realizar unha ou máis probas dos procesos selectivos exclusivamente en lingua galega.

Para apoiar esta reivindicación, CIG, UGT e CCOO teñen convocado unha concentración ante o Parlamento de Galiza o vindeiro 23 de xuño ás 10h, data na que se debaterá esta modificación na Cámara galega.

Ligazón: Folla informativa CIG-SAÚDE
--
CIG-Saúde Ferrol
981334566
www.cigsaudeferrol.blogspot.com


Enviado por:
Cig Saúde Ferrol
-cigsaudeferrol@gmail.com-

18 de junho de 2009 07:56

________________________

xoves, xuño 18, 2009

Sábado 20 de Xuño Manifestación en cangas na defensa do Salgueirón: Non ao Porto deportivo de Massó



O vindeiro Sábado 20 de Xuño, ás 8 da Tarde manifestación desde a Alameda Vella de Cangas até o Salgueirón.

SOS Massó non á construción do Porto Deportivo, na defensa do Salgueirón

Na zona mariña de Massó que pretende estragarse coa construción do porto deportivo faenan arredor de 500 persoas. Dela tense sacado máis dunha tonelada de ameixa nun só día. Pero tamén polbo, camarón, ostra, navalla... Os seus fondos de maërl son especialmente ricos en biodiversidade, dos máis ricos da ría, e constitúen unha zona de alevinaxe de moitas especies.

En terra este proxecto busca especular con 200.000 m2 para a construción de vivendas de luxo, hoteis e un centro comercial. Moitos deses metros cadrados son de dominio público, outros zona industrial e unha boa parte está cualificada como espazo natural protexido: Espazo Natural Barra–Cabo home.

Desde hai máis de tres anos a oposición veciñal artellada en torno ao Foro Social de Cangas evitou o inicio das obras coa súa presencia e vixianza diaria no lugar para impedir o paso das máquinas, resistindo sempre pacificamente. Tres anos. Tódolos días. Pacífica e pacientemente.

Desde o pasado luns día 25 de maio, seis furgóns da Garda Civil e máis de 20 axentes están a protexer o desenvolvemento dos traballos dunha obra manifestamente ilegal.

A loita de Cangas na defensa do espazo natural de Massó é un gran símbolo e a súa resistencia durante tres anos un exemplo.

CONVOCAN:

Enviado por:
foro social de Cangas
-forosocialpoladefensadopobo@yahoo.es-
18 de junho de 2009 13:17

________________

O Sindicato Labrego Galego a toda a cidadanía

O Sindicato Labrego Galego quere, primeiramente, agradecer a toda a cidadanía da Galiza, pero sobor de todo a aquelas persoas que viven nas vilas e cidades nas que tiveron lugar as tractoradas que se sucederon ao longo do día de onte (Santiago, A Coruña, Lugo, Ferrol, Vimianzo, Chantada, Ribadeo), o forte e decidido respaldo que amosado ao longo de toda a xornada reivindicativa.

Dende a máis fonda sinceridade, transmitir a grandísima importancia que para nós, produtoras e produtores de leite, e para as labregas e labregos en xeral, ten o feito de sentir o apoio da sociedade civil ás nosas reivindicacións, arroupamento expresado con numerosas mostras de apoio, amosando a clara comprensión que teñen da problemática que afecta ao sector, así como da importancia de acceder, coma consumidoras e consumidoras, ao leite producido coas garantías de calidade que gostamos de aportar as explotacións deste País.

Asemade, agradecer as iniciativas de apoio de multitude de organizacións sociais, despregando pancartas ao percorrido dos tractores, ideando ferramentas visibilizadoras coma a tractorada virtual secundada por un cento de organizacións e ideada pola Rede Anticapitalista, enviando comunicacións de apoio, etc.

Dende o SLG queremos mencionar, dun xeito moi especial, o fundamental apoio achegado polas compañeiras e compañeiros traballadores/as de Pascual, que se están a manter moi preto de nós, amosándonos o seu respaldo, ao igual que nós estamos cen por cen con eles e elas nas súas reivindicacións.

Por último, e non nos cansaremos de repetilo, grazas a todas as persoas que traballades nos medios de comunicación, que ao igual que o sector mobilizado en sete vilas e cidades da Galiza, amencíchedes hoxe coa pel queimada polo sol logo de facer o seguimento das nosas reivindicacións ao longo de moitas horas.

A loita continúa, as gandeiras e gandeiros coordinados dentro do Sindicato Labrego Galego non parará até conseguir que os gobernos galego, español e europeo asuman a responsabilidade de loitar políticamente pola consecución dun prezo xusto para o leite que nos permita acadar unha renda que nos permita vivir do noso traballo.

Moitas grazas pela vosa atención.
Saúdas do Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego
Carme Freire Cruces, Secretaria Xeral do SLG,
TLF: 619 348 426


sindicatolabrego.com
_____________________

Eventos e actividades de ADEGA para o 20 e 21 de Xuño de 2009

20 de xuño, sábado: V encontro do voluntariado ambiental do PROXECTO RÍOS

Este sábado día 20 no Museo do Pobo Galego de Compostrela realizaremos o V Encontro de Voluntariado do Proxecto Ríos. Este encontro pretende ser o espazo donde o voluntariado do Proxecto Ríos poida presentar os seus traballos, partillar experiencias, divulgar audiovisuais, etc. Este ano o encontro centrarase no valioso patrimonio cultural asociado aos ecosistemas fluviais para divulgalo e poñelo en valor como unha peza fundamental para a conservación dos nosos ríos.

Participa no roteiro polo río Sarela. [+info]

Para confirmar a asistenza contactade coa coordenación do Proxecto Ríos: info@proxectorios.org


20 de xuño, sábado: Feira do Sol en Compostela. A festa do verán

Durante mañá e a tarde deste sábado día 20, nao paseo central da Alameda de Compostela, desenvolveranse as actividades da FEIRA DO SOL 2009. Os actos comezarán ás 11:30 horas e prolongaranse durante todo o día até as 20:00 h.

Haberá cociña solar con degustación de produtos ecolóxicos, contacontos, obradoiros de fabricación de xoguetes solares, percorridos en bici e unha manchea de actividades lúdico-participativas. Dende ADEGA colaboraremos cun posto informativo e realizaremos un obradoiro de FOGARES VERDES para o aforro de auga e enerxía no fogar.

Baixa o cartaz da FEIRA DO SOL 2009 (PDF 0,2 MB)


21 de xuño, domingo: Roteiro de ADEGA-Lugo pola Serra do Invernadoiro

Para finalizar o actual curso de roteiros 2008-2009 de Adega Lugo sobre os Parques Naturais, iremos ao Parque Natural da Serra do Invernadoiro, na provincia de Ourense. A ruta da Acevada é de 8 km aprox. e de dificultade media. Comeza nas casas da Ribeira Pequena, ascendendo entre piñeirais e cunha boa vista do val do río Ribeira Pequena até chegar ao lugar coñecido como Caseta do Birlauto.

Despois de atravesar varias corgas que desembocan no río principal collemos unha senda á altura da Cabeza do Fuso que, entre un piñeiral, nos leva ata unha plantación de acivros xusto ao lado do actual viveiro do Parque Natural. A ruta da Acevada remata onde comeza, nas casas da Ribeira Pequena. Desde alí, e se nos queda tempo e folgos podemos coñecer tamén a ruta do Cercados, de 3 km máis e de dificultade media-alta.

A uns 200 metros do incio da ruta atopamos a estación meteorolóxica do espazo protexido, onde podemos visualizar os diferentes instrumentos que a compoñen; pasados uns 100 metros entramos en contacto co cercado dos cervos e corzos e, camiñando 500 metros máis chegamos ao punto inicial de observación do cercado. Dende este observatorio continuamos o ascenso ata a cota máis alta da ruta 1221 metros lugar onde se divisa unha boa panorámica de toda a Ribeira Pequena. Collendo un senda á esquerda a poucos metros chegamos ao miradoriro das cabras ibéricas, onde ademais do capturadeiro e comedeiros de dito peche, pódense contemplar individuos da especie Capra pyrenaica victoriae.

O regreso realízase pola mesma senda completando unha distancia total final de 3.200 metros. Importante: Desta volta, a hora de saída será ás 8 da mañá.

DOMINGO 21 de XUÑO de 2009
  • Normal................................................15 €
  • Estudantes, xubilad@s e no paro....12 €
  • Socios/as.............................................10 €
  • Até 17 anos............................................5 €

SAÍDA: diante da Escola de Maxisterio de LUGO ás 8 da mañá.

Imprescindible anotarse chamando ao 679113718 (Mari Luz), ou 982240299 (local de ADEGA Lugo).

Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño. O bo humor é cousa de tod@s

Máis información: Local nacional (981 570099) ou na nosa web:
www.adega.info

Enviado por:
ADEGA -adega@adega.info-
18 de junho de 2009 19:44

_______________
_____________________

Fogueira de San Xoan en Esteiro: 23 de Xuño

[Clicar acima do cartaz para ampliar]


Enviado por:
Asociacion Veciñal Fontelonga
-avvfontelonga@mundo-r.com-
18 de junho de 2009 19:43

ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Web veciñal
Blog veciñal

___________