luns, outubro 15, 2012

A Marcha Mundial das Mulleres convoca roteiro na campaña internacional do 17-O

O pasado 4 de outubro, ficou iniciada a campaña europea da Marcha Mundial das Mulleres, co lema "A DÉBEDA DOS GOBERNOS É COAS MULLERES, NON COS BANCOS". Asi, en varios países europeos, o próximo mércores 17 de outubro, organizaranse accións por unha vida digna e sostíbel. A Coordenadora Local da Marcha Mundial das Mulleres, convoca á sociedade de Ferrolterra, a estar coa MMM, nunha acción reivindicativa en defensa dos dereitos das mulleres, que coa escusa da crise económica, están en perigo, nun contexto de retroceso social e avanzo dos modelos patriarcais. Con esta acción, dirase NON ao capitalismo cruel que acumula as riquezas en mans dos poderosos. Farase a través dun ROTEIRO, polo centro de Ferrol, parándose nas principais entidades financeiras da cidade e berrando consignas como "os bancos saquean as nosas vidas e rouban os nosos dereitos". Este roteiro comezará ás 17:30 horas, na rúa Rubalcava, diante do Banesto.

Xoves 18 ás 12 horas, concentración diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza contra a represión exercida contra o compañeiro Pintos, portavoz comarcal da CIG, durante unha acción protesta convocada polo Comité de Empresa de Navantia



CONVOCADA CONCENTRACIÓN PROTESTA UNITARIA

O VINDEIRO XOVES DÍA 18 DE OUTUBRO ÁS 12 HORAS  

DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALIZA EN FERROL



Reproducimos a continuación o artigo publicado uns díás atrás en Artabra21:

A CIG repulsa a represión e torturas da policía contra o compañeiro Pintos e os intentos do PP de criminalizar a loita sindical - Ante o anuncio do Partido Popular de que denunciará á central, o Secretario Xeral advirte que se lle dará a resposta acaída - Vídeo de interese onde Pintos fala da súa detención e do maltrato policial recibido na comisaría de Ferrol



A CIG denuncia a carga policial e a detención e torturas padecidas polo compañeiro Xesús A. López Pintos, responsábel da central sindical na comarca de Ferrol. A este respecto, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, manifestaba ás portas dos xulgados de Ferrol que estas actitudes, veñen demostrar a política represiva da que se vale o PP para acalar e reprimir todas aquelas voces que se levantan contra as súas medidas antisociais e antiobreiras.



Para conseguir este obxectivo, denunciou, “o Partido Popular recorre a todos os medios: criminalización da mobilización social, uso da represión e brutalidade dos elementos máis fascistas da policía, manipulación na prensa ou a utilización dos xuíces afíns para tentar desprestixiar calquera oposición activa”.

O secretario xeral da CIG foi especialmente contundente denunciando a detención de Pintos e as torturas ás que foi sometido na comisaría. “Esta situación empeza a lembrar a épocas do franquismo” advertiu.

O compañeiro Pintos permaneceu esposado máis de dúas horas. Tempo no que, a cada pouco, padeceu os golpes dun policía cunha luva de coiro, na cara e no corpo, mentres o insultaba e ameazaba, tanto a el como á central sindical. Estes feitos xa foron todos denunciados diante do xuíz, ao que se lle reclamou que abra unha investigación para depurar responsabilidades.

Ante o anuncio do Partido Popular de que denunciará á CIG diante da Xunta electoral, Seixo explicou que a asesoría xurídica da central estudará os termos de dita demanda e dará todas as respostas necesarias contra este novo intento de criminalización do sindicalismo nacionalista. Matizou ademais, que a protesta realizada en Ferrol non foi convocada pola CIG, senón que estaba convocada polo Comité de Navantia, no marco do calendario de mobilizacións que dende hai máis de un ano veñen desenvolvendo para reclamar carga de traballo para o sector e a construción do dique flotante.

Na CIG xa estamos afeitos ás persecucións e ás represións por parte do PP. Por iso tampouco nos estraña que intente agora culpabilizar á CIG. Pero isto non nos vai facer calar nin nos vai atemorizar. A CIG seguirá dando a batalla en todas as frontes e contra o conxunto de políticas antisociais e de recortes do PP”.

6 de Outubro de 2012

Fonte: Avantar

As organizacións sindicais de Ferrol convocan unha manifestación o 17 de outubro polo futuro da comarca e o sector naval



As organizacións sindicais de Ferrol convocan unha manifestación o 17 de outubro polo futuro da comarca e o sector naval 
 
Os Comités de Navantia abandonan, tras cumprirse un mes, o peche no Concello ao convocarse a comisión do Dique para o 24 de outubro.

Os comités de Navantia e os delegados/as das industrias auxiliares abandonaban o pasado xoves, e logo de transcorrido un mes do inicio da protesta, o peche no interior do Concello de Ferrol tras confirmarse a data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique Flotante. Non obstante, advertiron que a mobilización continuará na rúa e as organizacións sindicais xa teñen convocada unha gran manifestación comarcal para este mércores 17 de outubro con saída ás 20:00 horas dende o Inferniño.


Coa marcha, convocada pola CIG, CCOO, UGT e USTG, as organizacións sindicais queren denunciar tanto os recortes e medidas contra a maioría social que están a aplicar os gobernos do PP como a situación de abandono na que teñen deixado á comarca e a un dos seus principais sectores industriais: o naval. A maiores, lembran que nos últimos anos unha boa parte das empresas máis grandes teñen pechado, aplicado EREs ou despedimentos, mentres os compromisos con Ferrolterra continúan sendo papel mollado.


A manifestación desenvolverase baixo o lema “Queren afundir a comarca. Impidámolo!”, sairá ás 20:00 horas dende o Inferniño para finalizar na Praza de Armas.

Continúan as protestas no naval

Pola súa banda, o pasado xoves os membros do Comité de Navantia e as industrias auxiliares que dende o pasado 11 de setembro permanecían pechados no Concello de Ferrol, acordaron abandonar a medida de presión tras concretarse a data de reunión da Comisión de Seguimento do Dique, para o 24 de outubro.

Os traballadores/as tamén están chamados a secundar este luns día 15 un peche nos estaleiros até as seis e medida da tarde, cando sairán das instalacións para se sumar á mobilización que ten convocada a Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos. 


Fonte: CIG
_______

sábado, outubro 13, 2012

Alternativa, ... Por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
13.10.2011


Hai tempo que a xente da rúa viña esperando unha unión das forzas progresistas, para rematar coa hexemonía da que disfruta o Partido Popular.

E velaí que xurde agora unha concentración de grupos políticos,  que pretenden disputarlle á dereita, o manexo do timón para tentar de levar a bo porto a nave galega, antes de que se afunda ou se vaia estrelar contra os arrecifes económicos.
A min paréceme unha boa idea, se esa alianza, coalición ou como queira chamarse, está feita con idea de continuidade.

É dicir, se ese entendemento baseado en certa coincidencia das ideoloxías vai servir para continuar loitando xuntos, para tentar acadar maiores cotas de liberdade para todos, de igualdade entre mulleres e homes, dun mellor futuro para os máis novos e dunha vida mellor para os menos favorecidos.

Porque ese intento non pode rematar o día 21. Pase o que pase ese día, esa unión debe seguir adiante.
Publicado o 8 de Outubro de 2012 no "Diario de Ferrol"

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
______________________

Tres interesantes artigos de José María Villot: "A eses nin auga", ... "Que nos rescaten", ... "Tres en un"


A eses nin auga
Por José María Villot
13.10.2012


Ademais do bochorno que produce escoitalo ou lelo, está a indignación por ter un Goberno que se nutre desa clase de tropa. O que foi parlamentario por Galicia e aparece nas fotos ben con Fraga ou con Beatriz Mato, e a quen pagamos os cidadáns e a quen destaca o PP nomeándoo presidente do Consello da Cidadanía no Exterior vénse a unir á parlamentaria do “joderos” ou ao ex que confesou estar na política para forrarse ou ao propio Fraga, a quen lle recordaban na tele outra frase altisonante e brutana a unha manifestante en Pontevedra que lle reprochaba o papelón que xogou a  Xunta no caso “Prestige”.

Vaia tropa, compañeiros…

Como eu sé que hai moitos cargos e militantes do PP que teñen nai, fillas, esposas ou noivas… e que hai, tamén, cargos e militantes que son noivas, esposas, fillas ou nais, creo que a conta de José Manuel C. (non me dá a gana de poñer completo o seu primeiro apelido) Bragaña, non se salda coa dimisión. É necesaria a expulsión, a golpe de trompetas e timbales, para resarcir o honor, o bo nome do partido, os seus militantes e os seus votantes.

¡E falan de chiringuitos…! Que cona é iso do Consello da Cidadanía no Exterior, cando aquí –no interior– se cercenan as liberdades dos nacionais, se arrincona o regulamento de participación cidadá e póñense límites ao exercicio da democracia á que reducen ao acto de votar… e, aí, de pedir o voto? Imaxino que visto, oído ou lido o que di,  o expresidente da cousa esa non pedirá nin auga.

Pero é que hai máis: segundo a referencia deste xornal, a frase final de que as leis e as mulleres están para violala, vén precedida doutra lindeza que copio literalmente: cando este individuo reclamaba a acta de reunión da mesa de educación do consello no que participan emigrantes, ao faltar un voto para formalizar o documento, dixo: “Non pasa nada. Hai nove votos? Poñede dez. As leis son como as mulleres, están para violalas”.

Cantas leis violou este cargo do Goberno de Mariano e parlamentario polo PP galego? Cantas normas saltouse á torera, pasouse polo arco do triunfo, pois as leis están para violalas?

Que tropa. A esa xente nin auga.


Que nos rescaten

Por José María Villot
13.10.2012


Apártese do ruído dos anuncios e dedique uns minutos a pensar no que pasa ao seu ao redor. Mentres vostede aquí ráscase o peto á hora do “repago” das medicinas, un dos nosos políticos viaxa en avión para explicar aos galegos –que nunca pagaron aquí os seus impostos– que el promete gratis a sanidade.

Mentres a propaganda oficial anuncia en “a radio” que toda a educación aquí é orégano, sesenta mil moz@s altamente cualificados marcháronse a buscar traballo ao estranxeiro.

Mentres Mato, unha ministra de Sanidade altamente perigosa para a saúde, espera a que pasen as eleccións para outro “subidón” no traslado de enfermos, as prótesis, etc.
O Consello de Contas dille ao señor Feijóo que se deixe de contos. O Consello, di don Alberto, é un reducto de bolcheviques e aí estamos de novo no debate quen mente, mete a pata ou mete a man? Beneficiou a Xunta a unha empresa da que a súa irmá e xerente?

Talvez sería bo reflexionar por que entre as vintetantas candidaturas que se presentan en Galicia, nin unha ofrécese, ou postula, para pactar cos populares, o que podería o PP facerse mirar por que ninguén quere ir con eles.

E alguén entende como, co que aquí está caendo, os nosos líderes (Rajoy, De Guindos, a Casa Real) vanse de paseo con grandes empresarios animándoos a que invistan en Marruecos, Panamá ou o quinto pino, cando tiñan que ser ao revés. É que non creen no seu país, nos seus nacionais?

Non é para pensarllo que tras catro, cinco anos, con duros recortes en Grecia, Portugal e España o paro aumentou do mesmo xeito que a miseria e que o aumento de impostos ás clases medias coincidiu coa amnistía aos ricos que se levaron a Suiza miles de millóns?

Pódese confiar nun partido ao que a xustiza amonestou até oito veces por violar as normas electorais?

É certo que ao candidato da Xunta, pola dereita, recibíronlle ao baixar do avión o embaixador de España en Arxentina, o delegado do goberno galego na capital daquel país e o secretario xeral de Emigración? ¡E eles falaban de embaixadores, viaxes en “falcon”, malgasto!

Necesitamos que nos rescaten ¡e xa!
Este mes, por exemplo e en domingo.


Tres en un

Por José María Villot
13.10.2012


Troliñas, trampas e escapismo. Resulta que Rajoy conta aos que se quedan en casa nas manifestacións e os españois –os que se tiran á rúa e os que se quedan no salón da súa casa– dinlle (¡o 78 por cento!!) que non lle queren, que lles defrauda, que non funciona a súa política e que cada vez están peor e máis indignados.

Aquí Feijóo cóntanos que a ingeniería contable permite facer trampa no solitario dos orzamentos e rebaixa a nivel de anécdota que o señor Orza pertenceu á Nova Garda Vermella ou era o home forte do goberno de Fraga? repróchelle que faga trampa. Pois  unha son as contas e outra os contos…

Feijóo, que presidindo o país das marabillas, adiantou as eleccións pois isto vénse abaixo e rompen todas as costuras, recoñeceu nos almorzos de TVE (logo de presumir de non pedir nin un euro ao estado) que pide os cuartos a bancos españois e europeos… o que significa engordar a débeda.

Cando o candidato do Partido Popular pinta un país marabilloso (é que sae moito ao estranxeiro, voa moi alto, e pouco por aquí) oculta que en 2008 Galicia alcanzou un crecemento do 1,8 o dobre da media española e ocupaba o terceiro posto entre as autonomías para descender ao posto número doce en 2011 con el de presidente…

Nos tres anos Feijóo multiplicou por catro  o déficit da Xunta; os investimentos reducíronse á metade e os gastos de persoal e compra de bens e servizos incrementouse en setenta millóns de euros…

Nos anos de Feijóo perdéronse ao redor de douscentos mil empregos: entre finais do 2009 e o verán deste ano, exactamente 113.700 parados máis…

Estes datos, señor Feijóo, non aparecen no “manifesto comunista”, no anuario do “movemento bolchevique” aínda que si no chamamento da  Cruz Vermella que pide para  repartir comida entre os nosos conciudadanos ¡por primeira vez na historia!…

Estes son datos que poden consultarse na contabilidad xeral do Estado, nos estudos e estatísticas que manexan empresarios, banqueiros e estudantes de economía…

Claro que, ao peor, as leis, as mulleres e os números, están –como dixo un dos seus– para cambialos, violalos…

Pero xa son moitos os que seguiremos o consello de Jenaro pois ¡non somos parvos!

Publicados no xornal comarcal Diario de Ferrol, baixo  a sección "Balcon do Pobo"


[*] José María Villot y Villot, xornalista e escritor, foi Director do Centro Territorial de Televisión Española en Galicia entre o 1 de xaneiro de 1988 e o 30 de Abril de 1989. Director das Xornadas de Análise con motivo do 50 aniversario da TVE e o 20 aniversario da TVG celebradas n'A Coruña en Outubro de 2006.
_________________

Este Domingo 14 de Outubro, Galiza Non se Vende, convoca, en Compostela, Xuizo Popular contra o saqueo da Nosa Terra

Quen...?

Quen ía imaxinar hai 5 anos o que se nos viña enriba?

Quen podía supoñer este terrible ataque do poder globalizado contra as conquistas sociais e ambientais tan duramente conseguidas ao longo de décadas de loita?

Non poderíamos imaxinar un relato de medo máis arrepiante que todo o que está a acontecer.

A sinatura dun cargo público nun boletín oficial ten un poder maldito, como un rito de maxia maléfica. Unha simple sinatura basta para baixar soldos, eliminar pagas extras, degradar e poñer en perigo a sanidade e a educación públicas, subir o IRPF e o IVE, subir os servizos básicos, como a electricidade, a auga, a gasolina e o gas, meter man no intocable fondo da seguridade social, empobrecer o país, pechar empresas, xerar paro, xerar  fame, acabar co noso futuro e o dos nosos fillos e fillas, acabar con dereitos humanos tan elementais que están  recoñecidos na constitución que nos toca, dereitos como a sanidade, a educación, un traballo digno, unha vivenda digna e o propio dereito de manifestación, cada vez máis restrinxido e autoritariamente reprimido.

Pero este maleficio non só ataca os dereitos humanos e empobrece as economías débiles, senón que ataca á propia terra, ao mar e ao aire que respiramos. As sinaturas maléficas vomitan leis que desprotexen a costa, privatizan os montes, degradan o territorio, espolian a auga, soporte de toda vida, desmantelan a agricultura e a gandería tradicionais, desmantelan a pesca tradicional e o marisqueo, e impulsan un urbanismo, unha industria e un modo de transporte que contaminan o aire, a terra, os ríos, as rías, o mar.

A maxia das sinaturas maléficas decide cales son os “sectores estratéxicos” como a banca e, polo tanto, o seu rescate, a automoción, a desmesura dos grandes portos, das grandes estradas, do AVE, a acuicultura industrial, a minaría salvaxe, o negocio das telecomunicacións. O maleficio esquilma os recursos naturais, destrúe a terra e o mar, arruina o País e espolia aos seus habitantes, para entregar o recadado ao poder económico globalizado: as grandes multinacionais.

Non se consideran sectores estratéxicos a gandeiría nin a agricultura tradicionais, nin a pesca artesanal, nin o marisqueo, nin os montes e as rías que os sustentan. Non se considera estratéxica a soberanía alimentar, pese a que é a única garantía da nosa subsistencia nun futuro máis próximo do que imaxinamos. Non se considera sector estratéxico o transporte público, e desmantélase o tren convencional. Non se consideran sectores estratéxicos o noso territorio, a biodiversidade da nosa terra, a nosa paisaxe, o noso patrimonio histórico e cultural, a nosa identidade. Non se considera un sector estratéxico a defensa do aire, da terra, do mar, dos seres vivos, das persoas, da cultura, da fala, dos cabalos salvaxes, da paisaxe. Nós mesmos non somos un sector estratéxico.

Non se considera sector estratéxico ningunha forma de vivir que reparta a riqueza de todas e todos entre todas e todos. O feitizo da sinatura maléfica non permite que a riqueza sexa repartida, senón que a espolia e entrega aos bancos e ás multinacionais dos “sectores estratéxicos”, cuxa débeda privada o mesmo meigallo transforma en pública. O sortilexio maléfico serve a riqueza de todos en bandexa de ouro ao especulador para saciar a súa devastadora voracidade. Así rebente.

Débeda sobre débeda, miseria sobre miseria, riqueza sobre riqueza.

Maldita sinatura maléfica. Maldito maleficio.

E mentres:

Quen defende a terra e o mar?
Quen defende unha terra viva e unha vida digna?
Quen defende a utilización racional dos recursos naturais?
Quen defende o patrimonio natural e histórico?
Quen loita por unhas rías limpas?
Quen loita por uns ríos vivos?
Quen defende a nosa soberanía alimentar?
Quen defende un litoral público e natural?
Quen defende un urbanismo integrado na natureza e na nosa cultura?
Quen defende uns montes ben xestionados e con vexetación autóctona?
Quen defende a participación da cidadanía na xestión do noso?
Quen loita por unha xustiza incorruptible?
Quen loita polo respecto ás outras especies e a protección real da natureza?
Quen loita contra a minería salvaxe?
Quen defende un transporte colectivo eficaz?
Quen defende unhas alternativas enerxéticas públicas e conscientes?
Quen defende unha xestión responsable dos residuos?
Quen defende o fortalecemento do rural e a economía social na Galiza?
Quen defende a gandería?
Quen defende a riqueza forestal?
Quen defende a agricultura?
Quen loita contra a corrupción política e xudicial.?
Quen defende os dereitos socias?

Quen é quen de romper este maleficio?

Serán os políticos que din que nos representan? Os teóricos servidores públicos que traizoan ao pobo a quen se deben, e que actúan ao servizo do verdadeiro e espurio poder, o poder económico do capitalismo salvaxe?.
Será a xustiza a que nos defenda?
Serán as grandes empresas as que nos axuden?
Ou os bancos os que nos faciliten cartos para vivir?

O maleficio só podemos rompelo nós. As mulleres e homes desta terra...e posiblemente non precisa de grandes xestos, cada pequeno xesto ten o seu efecto. Tirémonos de enriba o meigallo, acreditemos en nós mesmos, xuntos podemos.

Outubro 2012

Rede Galiza Non Se Vende

fado
s.m.1. Forza sobrenatural que determina inevitablemente todo o que acontece. Ninguén pode burlar o seu fado. Sin. Destino,  fatalidade, fortuna.
2. Canción popular portuguesa de carácter triste. Unha cantante de fados.

feitizo
s.m.1. Práctica supersticiosa coa que se pretende influír sobre alguén, xeralmente para causarlle algún mal. Non cre nos feitizos. Sin. Maleficio , meigallo. cf. sortilexio.
2. fig. Cousa que fascina e cativa. Seduciuna co feitizo da súa beleza. Sin. Encanto .cf. maxia.

sortilexio
s.m.1. Acción máxica de carácter maléfico, propia de meigas ou bruxas. Mediante un sortilexio a bruxa encantou a doncela. cf. feitizo, maleficio, meigallo.
2. fig. Influencia moi forte exercida sobre alguén. A súa presenza era coma un sortilexio que o transformaba.

_____________

Hoxe Sábado 13 de Outubro, IX Xornada de Traballo Comunitario no Castelo de San Cristovo

IX xornada de traballo na Batería de San Cristovo

Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos.

O colectivo cidadán “Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos”, acometeremos mañá sábado, día 13 de outubro, a IX Xornada de traballo de recuperación da Batería de San Cristovo.

O horario será como ven sendo habitual de 09:00 a 14:00, (Aínda que a xornada de traballo é libre en función do tempo de que dispoña cada persoa).

Invitamos a toda a cidadanía de Ferrol a participar connosco nestas xornadas de recuperación de espazos públicos e denuncia social, coas que pretendemos que o Goberno de Ferrol recapacite na actuación prevista na praza de España por valor de 700.000 euros, e que ese diñeiro se destine á contratación de desempregad@s en contratos de media xornada, en función da carga familiar ou precariedade que poidan estar a pasar.

Eses 700.000 euros investidos na creación destes postos de traballo repercutirían na recuperación da natureza, paraxes e patrimonio da cidade, aparte de xerar un beneficio adicional para o comercio da nosa cidade.

As persoas interesadas poden acudir directamente á zona de traballo ou ao aparcadoiro dá Feira de Mostras ás 8.45 horas, de onde sairemos no menor número de coches posibles.

Para calquera información adicional, facilitamos o noso correo electrónico:
recuperaciondeespazospublicos@gmail.com,
e os teléfonos: 620 312 992 - 637 567 497

Ferrol, 13 de octubre de 2012

Grazas a tod@s

Para máis información, pode-se visitar o Blogue ou as contas nas redes sociais, tamén facilitamos os teléfonos e correo-e.

Calquera cidadán ou cidadá que queira sumarse a estas tarefas solidarias só ten que comunica-lo.

--
e-mail: recuperacióndeespazospúblicos@gmail.com

Teléfonos: 620 312 992 - 637 567 497

O noso blogue: http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/   é un Diario que recolle a nosa traxectoria, serve de difusión de próximas accións e faise eco doutros exemplos solidarios e comunitarios que están a suceder na bisbarra.

Facebook: https://www.facebook.com/groups/444525015569821/

Enlaces relacionados:
_______________

martes, outubro 09, 2012

Madrugada de barricadas en Ferrol, no naval están fart@s das mentiras de Feijóo'2012 e de todo o coro do Partido Popular


O naval reactiva as accións cunha madrugada de barricadas en Ferrol fart@s das mentiras de Feijóo'2012 e de todo o coro do Partido Popular.

Fotos de Susete'70 .
______________________

Así foi en Ferrol a Manifestación contra a política antieconómica e antisocial que levan a cabo os gobernos do dereitista Partido Popular, de Mariano Rajoy e Feijóo'2012


Crónica de M. Mayoral no xornal comarcal "Diario de Ferrol"

Preto de 6.000 persoas secundaron onte en Ferrol a convocatoria de UGT, CCOO e USTG en defensa da industria e o emprego. A manifestación, que recordou ás protestas multitudinarias desenvolvidas antes do verán, serviu para volver tomar o pulso á capacidade de mobilización das centrais e ao espírito de contestación da comarca, que está chamada de novo o próximo 17 a saír á rúa, esta vez tamén coa CIG, en defensa do sector naval e en contra dos recortes.

Na cabeza da mobilización, ademais dos dirixentes comarcais, estaba onte o secretario xeral da Federación de Industria de CCOO, Felipe López, que se reuniu previamente cos membros do comité de Navantia no Concello, onde manteñen o seu encerro, para transmitirlles o seu apoio. Hoxe as federacións de Industria dos sindicatos estatais están chamadas a unha reunión coa SEPI na que, segundo indicou López, vaise a reclamar a convocatoria da reunión de seguimento do dique flotante. Segundo comentou o responsable de CCOO, no mesmo encontro abordarase a principal preocupación dos traballadores, que é a ocupación.

O escritor Guillermo Ferrández deu lectura na praza de Armas ao manifesto conxunto, no que se criticou a política antieconómica e antisocial que leva a cabo o Goberno e a fraude que significa o incumprimento sistemático do programa electoral, e reivindicouse novamente un referendo. Os sindicatos referíronse tamén ao proceso electoral que está en marcha en Galicia, para recordar que “temos a oportunidade de expresar a nosa opinión e de contribuír ao cambio desas políticas tanto en Galicia como non resto de España”. Os sindicatos subliñaron que o descontento “expresar votando opcións políticas alternativas, comprometidas cos dereitos laborais e cívicos dá xente” e chamaron á participación, porque “a abstención favorece ao Partido Popular”.

No mesmo manifesto, CCOO e UGT reiteraron a súa condena á “brutal” carga policial que se produciu en Ferrol, durante a protesta que traballadores do naval e de Poligal levaron a cabo fronte ao hotel onde o PP celebraba a súa pegada de carteis, e expresaron a súa preocupación “ante a deriva autoritaria que está adoptando ou Goberno”.

Fotos de Susete'70 .
____________

Xoves 11 de Outubro en Ferrol: Mesa-debate: "A crise que discrimina en Sanidade"



A Área da Muller da Asoc. Cultural Fuco Buxán, convida a participar na Mesa-Debate:

“A CRISE QUE DISCRIMINA EN SANIDADE”

Xoves, 11 de Outubro, ás 19,00 hs,

Local de Fuco Buxán

(Rúa Armada Española, 32 – Caranza - Ferrol)

Ponentes:
  • María T. Bustamante (avogada)
  • Carlos Piñeiro (Médico, obxetor de conciencia)
  • Miguel Fernández (Foro de Inmigración)
Presentan:

Susana Alaniz e Teresa Vilariño, da A.C. Fuco Buxán

Esta Mesa -Debate, tan importante polos criminais recortes á Sanidade, é ABERTA A MULLERES E HOMES, porque somos todos e todas quen vivimos a incerteza destas crueis reformas que atacan aos sectores máis vulnerables .


--
Visita a nosa web: www.fucobuxan.net
facebook: Fuco Buxán
Twitter:    @FucoBuxan
-------------
fuco buxán, a.c.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
9 de outubro de 2012 01:18
___________

luns, outubro 08, 2012

Feijoo apoupado polas vítimas das preferentes no Grove.


"Ogallá se atopara con isto cada vez que saen á rua, @s das preferentes, @s parados, @s dependentes, @s bombeiros, @s funcionarios, todos e todas dicíndolles á cara o que pensamos deles" ,

Así se expresaba a Plataforma de afectados polas preferentes nun comunicado onde rechazaba a presencia de Feijóo na Festa do Marisco no Grove. O Morrazo, O Grove, e O Val Miñor son tres das comarcas que máis sofren as consecuencias destes produtos tóxicos.


http://youtu.be/06y-88MMmIw


Máis info:

http://www.facebook.com/CAIXAROUBADO

http://galiciaconfidencial.com/nova/11774.html

______________

sábado, outubro 06, 2012

A CIG repulsa a represión e torturas da policía contra o compañeiro Pintos e os intentos do PP de criminalizar a loita sindical - Ante o anuncio do Partido Popular de que denunciará á central, o Secretario Xeral advirte que se lle dará a resposta acaída - Vídeo de interese onde Pintos fala da súa detención e do maltrato policial recibido na comisaría de Ferrol


A CIG denuncia a carga policial e a detención e torturas padecidas polo compañeiro Xesús A. López Pintos, responsábel da central sindical na comarca de Ferrol. A este respecto, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, manifestaba ás portas dos xulgados de Ferrol que estas actitudes, veñen demostrar a política represiva da que se vale o PP para acalar e reprimir todas aquelas voces que se levantan contra as súas medidas antisociais e antiobreiras.



http://youtu.be/trevoCwJXSI

Para conseguir este obxectivo, denunciou, “o Partido Popular recorre a todos os medios: criminalización da mobilización social, uso da represión e brutalidade dos elementos máis fascistas da policía, manipulación na prensa ou a utilización dos xuíces afíns para tentar desprestixiar calquera oposición activa”.

O secretario xeral da CIG foi especialmente contundente denunciando a detención de Pintos e as torturas ás que foi sometido na comisaría. “Esta situación empeza a lembrar a épocas do franquismo” advertiu.

O compañeiro Pintos permaneceu esposado máis de dúas horas. Tempo no que, a cada pouco, padeceu os golpes dun policía cunha luva de coiro, na cara e no corpo, mentres o insultaba e ameazaba, tanto a el como á central sindical. Estes feitos xa foron todos denunciados diante do xuíz, ao que se lle reclamou que abra unha investigación para depurar responsabilidades.

Ante o anuncio do Partido Popular de que denunciará á CIG diante da Xunta electoral, Seixo explicou que a asesoría xurídica da central estudará os termos de dita demanda e dará todas as respostas necesarias contra este novo intento de criminalización do sindicalismo nacionalista. Matizou ademais, que a protesta realizada en Ferrol non foi convocada pola CIG, senón que estaba convocada polo Comité de Navantia, no marco do calendario de mobilizacións que dende hai máis de un ano veñen desenvolvendo para reclamar carga de traballo para o sector e a construción do dique flotante.

Na CIG xa estamos afeitos ás persecucións e ás represións por parte do PP. Por iso tampouco nos estraña que intente agora culpabilizar á CIG. Pero isto non nos vai facer calar nin nos vai atemorizar. A CIG seguirá dando a batalla en todas as frontes e contra o conxunto de políticas antisociais e de recortes do PP”.

6 de Outubro de 2012

Fonte: Avantar
______________

venres, outubro 05, 2012

Cacerolada do naval diante da apertura de campaña electoral do PP - A represión e maltrato contra o Secretario Comarcal da CIG, o compañeiro "Pintos" - Reportaxe de Susete'70

Reportaxe de Susete'70 sobre a cacerolada do naval diante do hotel onde o PP trasladou o seu acto de inincio de campaña electoral; a represión político-policial sobre o Secretario Comarcal da CIG, Anxo López Pintos; e a posterior rolda de prensa das centrais sindicais comarcais (CCOO, CIG, UGT e USTG.


Altercados en Ferrol no inicio de Campaña Electoral

Onte tivo lugar a manifestación convocada pola CIG baixo o lema "Contra ás nefastas consecuencias do goberno Feijoo". Esta transcorreu con total normalidade sen ningún tipo de incidentes. Ao finalizar a manifestación e de forma ESPONTÁNEA, sen ningún tipo de convocatoria previa, unhas 400 persoas, entre as que se distinguían; traballadores do Naval, Poligal, desempregados, funcionarios etc. encamiñáronse cara ao Hotel Almirante, lugar no que o PP daba inicio á Campaña Electoral. (Segundo me acaban de comunicar, si que existía convocatoria, esta foi feita por parte dos comités de empresa de Navantia e Poligal)

Nun principio o acto do PP estaba previsto realizalo na Praza de Amboaxe, pero por motivos que descoñezo trasladouse ao citado hotel, neste dábanse cita militantes do partido, entre os que destacaban; José Manuel Rey Varela (Alcalde de Ferrol); Diego Calvo (Secretario xeral do PP da Coruña); Miguel Tellado (número catro por Coruña); Germán Castrillón (Alcalde de Cabanas) etc.

Os ánimos caldeábanse segundo ían pasando os minutos, e máis cando membros do PP se puxeron a mirar a través das cortinas e realizar fotos e aplaudir aos alí presentes. Neses momentos algunhas persoas botaron algunha pedra e ovos ás ventás, dous bolardos eran arrancados e lanzados ás portas da entrada principal do hotel.

En Ferrol estaban os "Homes de negro"
Entre os manifestantes estaban membros da policía secreta, un deles mesmo levaba posta a camiseta en defensa dos servizos públicos. Non citaría este detalle se non fose porque 20 minutos antes, na presentación de campaña de Alternativa Galega de Esquerdas, apareceron tres membros (dous homes e unha muller) da "Brigada político social" e puxéronse a realizar fotos da xente alí congregada. Estas persoas non eran de Ferrol, e tampouco eran os clásicos policías camuflados que realizan as comprobacións ordinarias de visualización de que todo vai ben. Esta actitude é antidemocrática cando este acto si que é democrático  A xente que traballa na política local non se esconde, pois funcionan democráticamente cumprindo as normas do estado de dereito. É máis, estas fotos saen logo á luz e son de dominio público, NINGUÉN DE NÓS TEN PORQUE ESCONDERSE.

Os minutos convertéronse nun par de horas, e apareceu un pequeno grupo de antedisturbios aos que se lles sumaron membros da Policía Local preparados con equipos similares.

A carga e a detención de Xesús Anxo López Pintos
A saída do hotel foi a parte quente, Diego Calvo e José Manuel Rey Varela, saían pola parte traseira do hotel, concretamente pola cociña, protexidos por escudos da policía, nese momento foron increpados polos concentrados que proferían insultos. Ao dar a curva á mazá, na Rúa Lugo, Diego Calvo e José Manuel Rey Varela escaparon rúa abaixo á carreira. A insistencia dos concentrados por querer ir detrás obrigou en certo modo a policía nacional e local a efectuar unha carga contra estes.

Da carga só podo dicir que cada un "xogaba o seu papel", ata o momento da detención de Xesús Anxo López Pintos, pois este non agrediu en ningún momento a ninguén, permaneceu coas mans nos petos ou cubríndose o corpo cando lle zurraban, e en ningún intre deixaba de intentar tranquilizar os ánimos, pero infrutuosamente, un dos golpes alcanzáballe a cabeza e producíalle unha brecha, foi o momento en que tres policías nacionais foron directamente a por el e esposárono.

É de salientar a agresividade dun axente da policía nacional que non baixou a porra en ningún momento nin cando a cousa estaba en calma, un dos seus compañeiros chegou a dicirlle "Baixa xa iso".

Xesús Anxo López Pintos, foi trasladado a comisaría da Avd. de Vigo, e incomunicado á espera de prestar declaración no día de hoxe.

[Continua]

CIG, CC.OO, UXT e USTG, denuncian supostas torturas a Xesús Anxo López Pintos

As centrais sindicais, deron hoxe unha rolda de prensa para denunciar o acontecido durante a madrugada de hoxe en Ferrol.


O voceiro comarcal da CIG, Manuel Grandal, sinalou a José Manuel Rey Varela (alcalde de Ferrol), e a  Diego Calvo (presidente da Deputación da Coruña) de provocar os incidentes acontecidos nas inmediacións do hotel Almirante. Segundo un informe facilitado polo citado hotel, tódolos asistentes puideron abandonar o edificio pola porta principal sen que se producisen altercados. A decisión de José Manuel Rey e Diego Calvo, de saír a escondidas e escoltados pola porta traseira (cociña) provocou aos alí presentes para incrépalos con forza.

Os catro sindicatos sinalan á policía nacional e local, de brazo executor das políticas represivas do PP, pois cando José Manuel Rey e Diego Calvo, xa abandonaran as inmediacións a policía deu volta sobre os seus pasos e cargou brutalmente contra os alí presentes.

O asañamento e persecución de Xesús Anxo López Pintos quedou patente en probas gráficas amosadas neste vídeo da 6 TV.


http://youtu.be/xfYVom2nvZA


Nel pódense apreciar as ameazas proferidas cando o teñen retido no chan, así como as que ten que escoitar o cámara de TV que efectúa a gravación.

O máis grave tivo lugar logo nas dependencias da policía nacional, onde supostamente Xesús Anxo López Pintos, foi sometido a torturas, en especial por parte dun policía que xa foi identificado. Os avogados da CIG xa están a traballar para presentar a correspondente denuncia

Cesáreo Fraga, secretario comarcal de UXT, visiblemente emocionado fixo un chamamento a unidade de resposta pacifica e democrática por parte dos sindicatos da comarca.

Julio Abelleira, secretario comarcal de CC.OO, fixo fincapé nos plans do PP para prohibir as manifestacións durante a campaña electoral.

Andrés Rodríguez, voceiro da USTG, quixo deixar constancia de que a concentración foi convocada polos comités de empresa de Navantia e poligal.

Unha testemuña presencial dos feitos quixo deixar constancia na rolda de prensa, de que un membro da policía local de Ferrol, foi o incitador para a detención de Xesús Anxo López Pintos, parece ser que este axente (tamén identificado) dicíalles aos da policía nacional  "Ese é Pintos", intre no que estes foron a por el.

Fonte: http://ferrolsuso.blogspot.com.es/

___________________

mércores, outubro 03, 2012

[Galiza] Contra os novos recortes propostos por Wert - Agir, Comités e a Liga Estudantil Galega e outros colectivos convocan folga no Ensino o 11 de outubro - Os Comités Abertos convoncan folga estudantil o 17 de outubro - O Ensino en loita: Do 15 ao 19 semana de loita e folga estudantil convocada polo Sindicato de Estudantes os días 16, 17 e 18

 [Galiza] Contra os novos recortes propostos por Wert

O pasado 13 de setembro saia en todos os medios a nova proposta educativa do noso benquerido ministro de educación, José Ignacio Wert: unha serie de medidas que non poden designarse máis que de contrarreforma e de imposición ideolóxica, á medida do Partido Popular. No día de hoxe, o Consello de Ministros acaba de aprobar o anteproxecto desta reforma educativa.

Esta proposta é un novo intento de restar competencias ás autonomías, xa que ata o 75% dos contidos das materias virán impostos dende o goberno central. Dende a Liga Estudantil Galega opómonos a esta medida, posto que defendemos unha educación galega ao servizo do noso país, que teñan uns contidos que se adecúen a nosa realidade e permitan formar estudantes que melloren a nosa sociedade, non o que decidan dende Madrid ministros que nin coñecen a nosa historia nin as nosas problemáticas concretas.

Esta «contrarreforma» non é máis que un paso atrás na busca dunha España dirixida dende Madrid a imaxe e semellanza do Partido Popular, como se pode apreciar nas modificacións daqueles aspectos máis polémicos, xa descafeinados co anterior goberno, de materias como «Educación Cívica e Constitucional» (antes denominada Educación para a cidadanía) ou a blindaxe das subvencións que reciben os centros que segregan as súas alumnas por sexo.

Este proposta segue na liña de afirmar que hai demasiadas estudantes e que non todas merecemos chegar á universidade. Pretenden reforzar unha educación que basea as probas de avaliación nun raseiro para desbotar as «malas estudantes», e non para tratar de suplir e mellorar as súas deficiencias, como se aprecia no entramado de exames de avaliación de competencias e reválidas que se van implantar. Cada cambio de nivel educativo estará sometido a estas probas, e na maior parte dos casos a non superación suporá non poder avanzar nos estudos.

Por exemplo, ao remate de 6º de primaria haberá uns exames globais para a avaliación de competencias. Unhas probas que non contarán para nada, só para que as rapazas de 11 anos se vexan obrigadas a memorizar libros enteiros sen que isto sexa vinculante ao seu paso á educación secundaria. Dende logo, algo moito máis importante que tratar de reducir as ratios de estudante/profesora para permitir que as docentes poidan realizar clases máis dinámicas e personalizadas ou favorecer a participación das estudantes.

No tocante á educación secundaria, se o profesorado así o considera, pode proporlle ás nais e pais que a súa filla non remate a ESO e se desvíe cara Formación Profesional Básica, quedando sen graduado e sen poder acceder ao FP de grao medio. As alumnas terán que decantarse xa con 15 anos entre un FP ou continuar cara o bacharelato, escollendo entre vías diferenciadas, pero o acceso a estes estará suxeito a unha reválida ao finalizar a ESO.

O bacharelato verá reducidas a 5 as diferentes vías e aumentadas as esixencias para acadar o certificado académico. Será obrigatorio a superación dunha dobre avaliación (unha continua que contará o 60% e unha proba final do 40%) para poder obter o título. No caso de non superar a proba final, obterán un certificado para o acceso ao FP superior.

En resumo, un conxunto de medidas en consonancia aos recortes feitos ata o de agora para mermar a calidade do ensino público até destruílo mentres se fortalecen os centros concertados e privados, e para dificultar o acceso á educación ás estudantes. Sabemos que este decreto non será cuestionado dende o goberno da Xunta, que aplaude e venera todo o que chegue dende Madrid. Así, volve quedar nas nosas mans a defensa do que é noso, e non defraudaremos. Cada agresión por parte deles, terá unha resposta. Aínda na pasada semana a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público concentrouse para amosar o seu rexeitamento as políticas do PP, É hora de organizarse para defender o ensino galego, público e de calidade. O 11 de outubro, o estudantado saímos á rúa para defender os nosos dereitos.

[Galiza] Avanza a suma de forzas cara ao 11×12

O chamamento á folga xeral no ensino conseguiu recentemente máis unha organización estudantil entre as convocantes: os Comités Abertos. Esta adhesión prodúcese como froito do inevitábel entendemento entre o estudantado organizado que aposta pola liberación nacional e social do noso país. Conquírese pois a necesaria unidade de acción frente aos recortes por parte da totalidade de organizacións estudantís con carácter nacional do noso país: Agir, Comités Abertos e Liga Estudantil Galega.





11 de outubro, coa loita estudantil conseguirémolo! #11x12Gz

Diversas organizacións estudantís e xuvenís das nacións que conforman o Estado español, entre as que se atopa a Liga Estudantil Galega, convocamos para o vindeiro 11 de outubro o «Día Internacional de Loita Estudantil» para protestar contra as reformas e recortes levados a cabo nos últimos meses en Educación e reivindicar a soberanía dos pobos.

Recortes, reformas e diminución de dereitos sociais, políticos e culturais son o pan de cada día do estudantado. Coa escusa dunha crise, creada polos mesmos que están a xestionar o poder desde os diferentes marcos gobernantes, estannos levando a un sistema escravista, onde os ricos son máis ricos e os pobres son máis pobres; onde os novos faraóns teñen nomes de multinacionais, e onde, co acordo dos gobernantes e a patronal, teiman en reprimir ás masas populares e combativas deste País.

Non lles bastaba coa mala situación na que se atopan xa as linguas e culturas dos pobos, senón que agora buscan destruílas até a súa desaparición recortando os orzamentos en educación e cultura. Non perderon o tempo en tentar uniformar as nacións dentro do estado para que a súa estrutura poida seguir existindo.

Mentres, xustifican todo isto dicindo que non hai diñeiro, as ganancias nos mercados de alta gama aumentan, e tamén o gasto militar ou os soldos dos políticos. Nas escolas pódense atopar cada vez máis cámaras e persoal de seguridade privada, ao tempo que hai que aumentar o número de estudantes por aula ou as horas lectivos do profesorado. Xa non hai quen crea esa gran mentira de que non hai cartos.

Van xa moitos anos desde que comezamos a falar sobre a privatización da universidade, e non son poucos os golpes que recibimos desde o comezo da loita contra o proceso de Boloña. Nestes momentos no hai reitor que poida rebater, por desgraza, o rumbo que tomou a universidade co beneplácito de cada un deles.Nós non temos nada que perder, e quédanos todo por gañar. É a hora de conquistar un modelo de sociedade xusto e equitativo, onde o poder resida de verdade no pobo.

Contra o endurecemento das probas de acceso á universidade. Contra a suba das taxas. Contra os prezos desorbitados dos mestrados. Contra a reducción das bosas para doctorados. Contra as reformas na organización das estruturas na universidade como a Estratexia Universidade 2015. Contra a Nova Lei de Infraccións e Sancións para a universidade. Contra o financiamento privado da universidade pública. Contra a devaluación das carreras universitarias. Contra as practicas en empresas precarias e non remuneradas. Contra o adiantamento da idade para entrar en Fps e Bacharelato. Contra a supresión de profesores substitutos. Contra o aumento do ratio de alumnos por aula. Contra a reducción dos orzamentos en educación e contra a súa centralización.

Contra todo isto, a única saída posíbel é exercer a soberanía de cada pobo. Esa soberanía que nos fai ser suxeitos en todos os procesos e non simples obxectos de compra e venda e estar condenados a ser espectadores sufridores dos desoladores acontecementos. Día a día, desde cada centro educativo, debemos loitar contra cada medida imposta desde o goberno e buscar as alternativas necesarias para acadar os nosos obxectivos. Unímonos á loita por unha educación pública e digna para todas, para poder construír a nova escola que nos eduque como persoas libres. Só sendo suxeitos activos dos procesos educativos seremos quen de construír outro modelo de escola e sociedade.

Nese camiño, a única alternativa posíbel é unha escola pública, laica, popular, antipatriarcal, digna e que cumpra con todas as necesidades lingüísticas e culturais de cada nación. Neste camiño, invitamos a todo o estudantado a que loite por este cambio. Somos donos do noso presente e ten que ser o noso compromiso, para construír o noso futuro.

E sabías que…
  • Se es de 1º ano: para poder acceder a bolsa (salario e compensatoria) tes que ter un 5’5 na selectividade, excluíndo a fase específica? A partir do curso 2013-2014 terá que ser de 6’5.
  • Se non aprobas máis do 50% dos créditos nos que te matriculaches estás na obriga de devolver o diñeiro da bolsa?
Para anovar unha bolsa·tes que:
  • Arquitectura e Enxeñarías: superar o 65% dos créditos (antes era o 60%).·
  • Artes, Humanidades e Ciencias Sociais: superar o 90% dos créditos (antes o 80%)·
  • Ciencias e Ciencias da Saúde: superar o 80% dos créditos.
A partir do curso 2013-2014·
  • Arquitectura e Enxeñarías: superar o 85% dos créditos e nota media de 6.·
  • Artes, Humanidades, Ciencias, Ciencias Sociais e Ciencias da Saúde: superar o 100% dos créditos, nota media de 6
É tempo de loitar! Coa loita estudantil conseguirémolo!
11 de outubro, todas e todos á rúa!


* Podes descargar a volantina da campaña aquí.


Fonte: Liga Estudantil Galega

Nom aos recurtes imposto polo BCE e os seus lacaios do Partido Popular!
A campanha 11×12 jurde por iniciativa de diferentes organizaçons estudantis e juvenis dos diferentes povos do Estado Espanhol. Estes coletivos temos umhas reinvindicaçons comuns devido a partilhar o marco administrativo imposto, assim como a condiçom de juventude da classe trabalhadora.
O nosso objetivo é impulsar umha mobilizaçom estudantil o 11 de outubro (X) de 2012, e que se desenvolva de punta a punta do Estado para denunciar os ataques do governo central ao ensino, umha das fontes de riqueza mais importantes da sociedade. Todo isto através do internacionalismo e a solidaridade entre os povos.
Nom aos recurtes imposto polo BCE e os seus lacaios do Partido Popular!
Os diferentes movimentos estudantis das naçons oprimidas do Estado Espanhol que firmamos este manifesto queremos dar a conhecer ao estudantado e à opiniom pública em geral o nosso total rejeitamento às reformas formuladas desde o governo de Mariano Rajoy, e especialmente aos recortes em educaçom elaborados polo ministro de educaçom Wert

Do mesmo modo, gostamos de incidir em que todas estas medidas estám a levar-se a cabo com a ajuda dos governos das comunidades autónomas e forais, eludindo as suas responsabilidades. Estám aplicar as decisons do governo central sem nemgum tipo de reparo, demonstrando umha vez mais que baixo o capitalismo e o autonomismo nom é possível a soberania e a independência dos povos que se atopam indefensos ante as reformas impostas desde a UE e o gran capital. 

Nesta conjuntura política, as organizaçons estudantis que emprazamos este comunicado figemos um esforço político para poder estar à altura dos acontecimentos e poder criar umha alternativa real ao capitalismo depredador imposto e apresentado como única soluçom. Desde cada um dos povos aos que representamos propomos umha alternativa socialista e independentista, onde o poder económico e político resida no povo e onde nom seja possível destruír fontes de riqueza coletiva como a educaçom

Recortes, reformas e diminuiçom de direitos sociais, políticos e culturais som o pam de cada dia do estudantado dos nossos povos. Com a excussa dumha crise, criada polos mesmos que estám a gestionar o poder desde os diferentes marcos governantesestám-nos levando a um sistema esclavagista, onde os ricos som mais ricos e os pobres som mais pobres; onde os novos faraons tenhem nomes de multinacionais, e onde, com o acordo dos governantes e o patronato, seguem fatigando essa classe oprimida mediante os novos opressores que som as forças repressivas do estado. 

Nom lhes bastava com a má situaçom na que se atopam já as línguas e culturas dos povos, senom que agora procuram destrui-las até a sua desapariçom cortando os orçamentos em educaçom e cultura. Aproveitarom a crise institucional e nom perderom o tempo em tentar uniformar as naçons dentro do estado para que a sua estrutura, sempre tambaleante, poda seguir existindo. 

No entanto, justificam todo isto dizendo que nom há dinheiro, os ganhos nos mercados de alta gama aumentam, e também o gasto militar ou os soldos dos políticos. Nas escolas podem-se atopar cada vez mais cámaras e pessoal de seguridade privada, ao tempo que há que aumentar o número de estudantes por aula ou as horas letivas do professorado. Já nom há quem acredite nessa grande mentira de que nom há dinheiro. 

Vám já muitos anos desde que começamos a falar sobre a privatizaçom da universidade, e nom som poucos os golpes que recebemos desde o começo da luita contra o processo de Bolonha. Antes, tachavam-nos de tolos e extremistas, agora nom há reitor que poda rebater, por desgraça, o rumbo que tomou a universidade com o beneplácito de cada um deles. Nom gostamos de ter que dizer isto, mas quem avisa nom é traidor. Nós nom temos nada que perder, e fica-nos todo por ganhar. É a hora de conquistar um modelo de sociedade justo e equitativo, onde o poder resida de verdade no povo. 

Para acadar isto, a única saida possível é exercer a soberania de cada povo. Essa soberania que nos fai ser sujeitos em todos os processos e nom simples objetos de compra e venda e estar condenados a ser espetadores sofredores dos desoladores acontecementos. Dia a dia, desde cada centro educativo, devemos luitar contra cada medida imposta desde o governo e procurar as alternativas necessárias para acadar os nossos objetivosJuntamo-nos à luita por umha educaçom pública e digna para todas, para poder construir a nova escola que nos eduque como pessoas livres. Só sendo sujeitos ativos dos processos educativos seremos quem de construir outro modelo de escola e sociedade. 

Nesse caminho, a única alternativa possível é umha escola pública, laica, popular, anti-patriarcal, digna, e que cumpra com todas as necessidades linguísticas e culturais de cada naçom. Neste caminho,convidamos a todo o estudantado das respetivas naçons a que luite por esta mudança junto com nós. Somos donos do nosso presente e tem que ser o nosso compromisso, para construir o nosso futuro. É tempo de luitar! Com a luita estudantil conseguiremo-lo
¡Até à vitória sempre!


Fonte: AGIR 



Cartaz da folga estudantil do 17 de outubroParémoslles os pés! Paremos os recortes no ensino!

17 de outubro, folga estudantil. O estudantado galego contra os recortes no ensino do Partido Popular!

Os Comités convocamos para o 17 de outubro unha xornada de folga contra os recortes no ensino do PP. Baixo o lema Parémoslles os pés! Paremos os recortes no ensino os Comités denunciaremos as consecuencias das políticas educativas do PP, contrarias ao dereito de igualdade de oportunidades do estudantado galego e que agreden, de maneira reiterada, o carácter público do ensino en todas as súas etapas.

Parémoslles os pés! Paremos os recortes no ensino

Pararémoslles os pés a un Partido Popular que quere impor un modelo educativo clasista, elitista e que ten unhas políticas que, en definitiva, só pretenden expulsar do ensino ás e aos estudantes con máis dificultades.

Mobilizarémonos nos institutos galegos para rexeitar a imposición dunha reforma do ensino que suporá un auténtico golpe de estado. O Partido Popular quere recuperar un modelo educativo fracasado hai máis de 40 anos coa recuperación dunhas reválidas en Primaria, na ESO e no Bacharelato. Ademais, o goberno central quere controlar o ensino cun modelo educativo absolutamente centralista, con menor calidade e cunha drástica redución da oferta educativa.

Mobilizarémonos no ensino universitario contra o desmantelamento da universidade pública e contra as medidas adoptadas nos últimos anos como as constantes subas das taxas universitarias, as reducións das prazas ou o afogamento económico do Sistema Universitario Galego que condena á universidade pública. Ademais, o Partido Popular quere unha Universidade pouco transparente e pouco democrática na que abran as portas á xestión privada.

O ensino é un dereito e o PP quéreo converter nun privilexio. Temos que pararlle os pés a un Partido Popular que quere destruír o ensino público galego!

17 de outubro, folga estudantil!

Fonte: Comités Abertos


Ó Ministerio de Educación non lle chegou cos máis de 4000 millóns de recortes salvaxes arrancados ata agora á educación pública que esta semana presentou unha nova contrarreforma educativa para seguir recortando e recortando o investimento en educación, desfalco que pretende aprobar se nada llo impide o próximo mes de decembro. Trátase dunha reforma cuxo último fin é rematar co dereito a un ensino público de calidade, digna e gratuíta. E cuxa verdadeira motivación é impedir o acceso á educación superior aos fillos dos traballadores, expulsándoos canto antes do sistema educativo para convertelos en man de obra barata e doada de explotar con salarios de miseria. O Partido Popular quere privatizar o ensino público, impoñer un modelo como o americano onde unicamente se podería acceder a un ensino de calidade se os teus pais puidesen custearlla mentres para o resto dos estudantes nos quedará o instituto público sen case profesores, nin medios materiais, masificado e totalmente degradado.

Por iso, ante este novo ataque sen precedentes os compañeiros do Sindicato de Estudantes queremos dar unha resposta masiva e contundente contra estas medidas antisociais para cos fillos dos traballadores e por iso convocamos unha Folga Xeral de Estudantes de 72 horas para os días 16,17 e 18 de Outubro encadrada nunha Semana de Loita do 15 ao 19 do mesmo mes.

Adxuntamos a nosa octavilla informativa e o enlace a nosa análise desta contrarreforma http://imagenes.publico.es/resources/archivos/2012/9/26/1348656356654documento%20sindicato.pdf

ASEMBLEAS NA UNIVERSIDADE
-A CORUÑA:
CAMPUS DE ELVIÑA
2 de Outubro, ás 18.00 horas na aula 1.A da Facultade de Dereito. 
3 de Outubro, ás 16.30 horas na aula 3.1 da Facultade de Ciencias da Educación.

CAMPUS DE ZAPATEIRA:
4 de Outubro, ás 18.00 horas no salón de actos da Facultade de Arquitectura Superior. 

CAMPUS DE BASTIAGUEIRO:
4 de Outubro ás 16.00 horas na aula 3 da Facultade de INEF.

-FERROL: 
 ASEMBLEA ABERTA 
 4 de Outubro, ás 18.30 horas na Libería Marxista, Rúa Pontevedra Nº 20 

SEMANA DE LOITA 

Luns 15: asembleas masivas de estudantes,pais e profesores nos institutos, ocupando os centros de estudo para debater e aprobar a plataforma reivindicativa, formar COMITÉS DE LOITA abertos a todos o estudantado, e organizar as tres xornadas de folga.

Martes 16: FOLGA XERAL EN TODOS OS CENTROS DE ESTUDO, realización de piquetes informativos nos centros neurálxicos das poboacións: mercados, centros de saúde, prazas, centros de transporte, polígonos industriais, etc., para dar a coñecer as reivindicacións do movemento estudantil ó conxunto da poboación e pedir o seu apoio en defensa da educación pública.

Mércores 17: FOLGA XERAL EN TODOS OS CENTROS DE ESTUDO e xornada de MANIFESTACIÓNS de estudantes durante a mañá en cidades de todo o Estado. 

MANIFESTACIÓN NA CORUÑA:  ÁS 12 Hrs na PRAZA DA PALLOZA marchando cara os NOVOS MINISTERIOS.
MANIFESTACIÓN FERROL: ÁS 12 Hrs 12:00 Hrs NO EDIFICIO da Xunta (praza de España) marchando cara á PRAZA DE ARMAS

Xoves 18: FOLGA XERAL EN TODOS OS CENTROS DE ESTUDO O e realización nas principais cidades de MANIFESTACIÓNS de estudantes, nais, pais e docentes pola tarde, cos sindicatos do profesorado e á principal organización de nais e pais, CEAPA. 

MANIFESTACIÓN NA CORUÑA ÁS 20.00 Hrs na PRAZA DA PALLOZA marchando cara á DELEGACIÓN DO GOBERNO (Praza Ourense)
MANIFESTACIÓN FERROL: ÁS 12 Hrs 12:00 Hrs NO EDIFICIO da Xunta (praza de España) marchando cara á PRAZA DE ARMAS

Organízate e loita!
Para máis info contacta: 
A Coruña: 656 457 257  
Ferrol: 678 420 888