mércores, maio 09, 2018

Multitudinaria asemblea de delegados/as co rumbo posto na Folga Xeral - Saíron en manifestación desde o Pazo de Congresos até a Xunta de Galiza - A CIG celebrou este mércores unha multitudinaria asemblea de delegadas e delegados na que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo un chamamento á Folga Xeral e apelou a actuar, intensificando as mobilizacións pola recuperación dos direitos roubados - Vídeo completo da intervención e Galería Fotográfica do Acto e da Manifestacióm


A CIG celebrou este mércores unha multitudinaria asemblea de delegadas e delegados na que o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo un chamamento á Folga Xeral e apelou a “actuar, intensificando as mobilizacións pola recuperación dos direitos laborais e sociais roubados, pola recuperación dos salarios, pola derrogación da reforma laboral, da negociación colectiva, das pensións, dos recortes nos servizos públicos, dos retrocesos das liberdades e porque queremos ter máis capacidade de combate para acabar cos ataques aos dereitos das mulleres”.


https://youtu.be/ghlX6WEEwu8


Recuperación económica “para os ricos”

Carril arrincou a súa intervención denunciando que a “tan cacarexada” recuperación económica “é só para os ricos, que aumentan a sua riqueza a conta da nosa pobreza” e que, como demostran todos os indicadores, hoxe nin “ter un traballo permite vivir en condicións dignas”nin ter unha pensión garante ter un mínimo poder adquisitivo. E menos en Galiza onde, afirmou, temos as máis baixas do Estado español, o 65% están por debaixo da mínima e as das mulleres galegas teñen unha fenda superior ao 37%.

Un empobrecemento xeralizado que, tal e como denunciou, afecta especialmente ás persoas en desemprego, porque son xa máis do 50% as que non perciben ningún tipo de prestación e non teñen ningún tipo de ingresos.

Indolencia do goberno fronte unha situación de emerxencia

Alertou de que “corremos o perigo da consolidación dunha situación social e nacional sen saída, á que se lle suma o imparábel avellentamento da poboación, unha emigración interminábel que nos está a deixar sen xente nova, sen futuro, e unha destrución diaria dos nosos sectores produtivos e do cativo tecido industrial”.

Xunto a isto denunciou a “indolencia”, o “papel servil” e a cada día maior “vergonza” de ser galegos que demostra o goberno galego e o seu Presidente, ao que acusou de ser “criado das políticas antisociais e antigalegas que veñen de Madrid e Bruxelas” pola súa incapacidade para ter ningunha iniciativa en favor dun desenvolvemento económico e social digno en Galiza.

Crise económica, política e institucional

Por iso considerou que “non esaxeramos se afirmamos que estamos nuns tempos de auténtica emerxencia, agravada polas actuacións do Goberno de Feixoo, máis preocupado do seu futuro como sucesor de Raxoi, que de tomar algunha iniciativa para afrontar esta situación”.

O secretario xeral da CIG advertiu de que o capital utiliza a “crise económica”, que tamén é política e institucional, para incrementar máis a sua taxa de gañancia, “baseada na negación dos dereitos das nacións que integramos o Estado español e na sobrexplotación da clase traballadora”.

Alertou de que pretenden perpetuar esta escalada de ataques da última década aos dereitos laborais e aos dereitos sociais coas sucesivas reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións, de privatizacións no ensino, na sanidade pública e nos servizos sociais. Todo un “rosario de interminábeis decisións políticas”, dixo, “perfectamente executadas, primeiro polo PSOE, despois contínuado de forma intensa polo PP, e sempre acompañados en maior ou menor medida, por acción ou por omisión, de UGT e CCOO”.

“Man de ferro” coa clase traballadora e “impunidade” coa corrupción

Clamou ademais contra un PP que impón, en minoría, con “man de ferro”, estas políticas de reformas mesmo reforzándoas a través dos Orzamentos do Estado con novos recortes sociais, mentres protagoniza, “con total impunidade escándalos diarios de corrupción” actuando “coa tiranía propia do franquismo” e “criminalizando a resposta social contra as súas políticas” para as que o acusou de utilizar “ao seu antollo o aparello do Estado”, “sexa a policía, sexa o poder xudicial”.

Por iso denunciou a incapacidade da “teórica” esquerda española para ponerse de acordo e facerlle fronte, quer cunha Moción de Censura, quer impedindo que saian adiante os Orzamentos do Estado, quer tirando abaixo todas estas políticas e contra- reformas laborais e sociais que tanto dano fan a clase traballadora.

Toca actuar Considerou que un sindicato merecedor de tal nome, está na obriga de dar unha resposta, e afirmou que “nós desde a CIG optamos por dala, convocando unha folga xeral, sendo atrevidos e atrevidas, preferindo que se nos critique por facela, por actuar que por ser cómplices e inutiles coa nosa pasividade e inacción”.

Por iso chamou a “actuar sen medos, coa única preocupación de facer ben as cousas, debatendo moito, como fixemos sempre, porque os resultados das Folgas teñen sempre efectos positivos, máis cedo ou máis tarde”. Nese sentido lembrou que “o que hoxe somos o sindicalismo nacionalista, a CIG, é resultado tamén de convocatorias de Xornadas de Loita e Folgas Xerais en solitario” e proclamou que “as folgas que fracasan e teñen peores resultados son as que nunca se fan”.

Apostou por dar pasos adiante e “non quedar de brazos cruzados mentres nos rouban a dignidade e o dereito a protestar, mentres se asenta como alternativa a lacra social que representa para o avance da clase traballadora o modelo sindical do chamado Pacto Social” e lamentou ver as críticas de CCOO e UGT por convocar folga xeral “negándose a traballar conxuntamente con nós para dar unha resposta contundente, mentres fan chamamentos entusiastas ao diálogo social para afrontar esta arrepiante situación laboral e social apostando pola unión de intereses coa patronal e o goberno que pola unidade da clase traballadora, a costa de desmantelar a loita sindical e a confrontación de clase”.

“Non nos resignamos”

O secretario xeral chamou pois a “non resignarnos” e como sindicato “firme, coherente, de confronto co poder, que cremos na inmensa forza que ten a mobilización, que apostamos polo sindicalismo de base, asembleario, do compromiso, da solidariedade” pasar a ofensiva utilizando as mellores armas da clase traballadora “fronte os abusos da patronal e contra as alianzas do poder económico e do poder político por anular o que representamos como sindicato e movimento socio-político”.

Apelou para iso ao compromiso da “militancia heróica” da CIG que fixo posíbel que hoxe a central sindical sexa a primeira en afiliación e en representación sindical a que agora “demostremos que tamén somos a primeira en mobilización social”, vencendo todas as resistencias, silenciamentos e censuras mediáticas. Convencendo “con toda a inmensidade de razóns que temos, axudando a sumar todas as forzas que temos acumuladas, axitando nos centros de traballo e nas rúas a folga xeral”.

Sobran razóns para a folga xeral

O secretario xeral da CIG foi debullando, unha tras outra, as moitas razóns para ir á folga xeral. Así sinalou que “é agora o momento de desafiar ao poder económico e ao poder políco para demostrarlles a nosa disposición de loitar polos nosos dereitos e por un futuro digno” convocando unha folga xeral que obrigue ao PP e á patronal a retroceder nas súas posicións antisociais, antogalegas e antiobreiras.

Unha folga xeral para que o PP non siga facendo “ouvidos xordos” ao clamor social que demanda pensións dignas, mais tamén “como a mellor defensa ante a próxima reforma das pensións que están a preparar no chamado Pacto de Toledo; para facerlle fronte aos abusos da patronal, que paraliza a negociación colectiva e ataca as nosas condicións laborais e salariais, impoñendo convenios e acordos marcos estatais que “non dan cabida ás nosas necesidades”.

Unha folga xeral para frear as políticas do PP, que “fai aos ricos máis ricos e aos pobres máis pobres”, como proba o novo recorte que están preparando ao sistema de protección por desemprego, unificando as prestacións asistenciais, que sendo competencia das comunidades autónomas, pretende reformar por Decreto desde Madrid para reducir o tempo e as contías do subsidio de desemprego.

Unha folga xeral como resposta aos recortes sociais e ás privatizacións dos servizos públicos, porque medran os sectores sociais desatendidos e sen ningún tipo de cobertura social; fronte o recorte de liberdades democráticas e ao retroceso dos dereitos fundamentais a través da Lei Mordaza, da última Reforma do Código Penal e da represión contra quen defende os direitos da clase traballadora.

Unha folga xeral porque a do 8M non pode quedar nun episodio perdido no tempo, sen conseguir avances reais nos dereitos das mulleres; como demostración de solidariedade de clase contra a explotación e sobreexplotación laboral e porque “temos a obriga de responder ante o perigo de que a pobreza laboral se faga imparábel e se asente de forma defintiva”.

En todo caso Carril considerou que esta convocatoria de folga transcende o ámbito estritamente laboral porque “é a nosa moción de censura a estas políticas, a estes gobernos, á corrupción do PP, á podremia do réxime do1978, que pretenden manter a toda costa sen importarlles as consecuencias”.

O secretario xeral da CIG concluíu que “facemos este chamamento á folga, convencidos e convencidas de que estas políticas podémolas cambiar, debémolas cambiar, tendo moi presente que os dereitos non se regalan, non se compran, non veñen do dialogo social. Os dereitos conquístanse coa mobilización e coa loita, que é a vía para alcanzar políticas alternativas coas que facer real o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra, para que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas”.

Voces en denuncia das novas formas de explotación

No encontro no que foron numerosas as voces que denunciaron a instalación de novas formas de explotación laboral e o medre da pobreza, da exclusión social e da precariedade e que chamaron a loitar por un outro futuro para a clase traballadora galega.

Desde Xesús Sánchez, responsábel do sector de Xustiza, que denunciou a actitude da Xunta de Galiza en xeral e de Rueda, en particular -e que apostou por un laudo arbitral para darlle saída ao conflito-, até María Xose Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, que denunciou o deterioro e desmantelamento da sanidade pública galega.

Desde Xosé Carlos de la Fuente representante do colectivo de xubilados e pensionistas da CIG, que proclamou que non vale a suba das pensións comprometida polo goberno, só a derrogación das reformas que pretenden desmantelar o sistema público, até Berto Gonçalves, secretario comarcal de Vigo, desde onde se enfrontan unha e outra vez á represión e a persecución contra as voces disidente, como as de Carlos e Serafín.

Desde Dores Martínez, que explicou polo miúdo as fórmulas escravistas de contratación que padecen as/os falsos autónomos, até Francisco González Sío, secretario confederal de Negociación Colectiva, que fixo un percorrido pola precariedade campante en Galiza, pasando por Margarida Corral, que denunciou os acosos e discriminacións que sofren as mulleres polo feito de o seren ou Xosé Manuel Ribadomar que falou en representación do sector de ambulancias, que hoxe mesmo comezou cunha folga que podería ser indefinida a partir de setembro se non se negocia o seu convenio.

Ao remate do encontro as e os delegados, entre eles as traballadoras e traballadores do sector de ambulancias en folga, saíron en manifestación até o edificio administrativo da Xunta de Galiza.

Fonte: Avantar. 09.05.2019 . Baixo licenza Creative Commons. | Ir á Web.

Albúm Fotográfico da asemblea e a Manifestación. | Ir ao Álbum.
__________

Eliximos propón un acordo Concello-Xunta para a construción dunha residencia de maiores en Narón - Un informe do IMSERSO para o ano 2016 mostra que en Galicia o 33% das prazas de residencias de maiores son públicas, mentres a media española é do 56%, sendo a Comunidade Autónoma con menor porcentaxe de oferta pública

Residencia privada para Maiores en Narón DomusVi (Un case monopolio no sector)

Eliximos propón un acordo Concello-Xunta para a construción dunha residencia de maiores.


Galicia necesita en torno a 7.600 prazas máis para acadar a oferta de prazas en residencias de maiores similar á media española, cantidade que ascendería a unhas 12.300 prazas para chegar á recomendación da OMS.

Un informe do IMSERSO para o ano 2016 mostra que en Galicia o 33% das prazas de residencias de maiores son públicas, mentres a media española é do 56%, sendo a Comunidade Autónoma con menor porcentaxe de oferta pública.

A Xunta opta pola vía de concertos coa empresa privada para aliviar as listas de espera. Con todo, o informe do IMSERSO mostra que, no caso galego, optar polas residencias privadas resulta un mal negocio en termos económicos para a Administración xa que cada praza nunha residencia pública de maiores custa en Galicia, de media, uns 17.998 euros ao ano, e deles algo menos do 35% do importe é achegado polas persoas usuarias, mentres, a mesma praza nun centro concertado custa uns 18.250 euros anuais e as persoas maiores que fan uso delas pagan do seu peto en torno ao 30% do importe. Así, cada praza pública supón uns 11.780 euros públicos anuais de media e cada unha das concertadas, unha media de 12.716 euros cada ano. A diferenza media rolda, así, o 8%.

En febreiro de 2017 a Xunta anunciaba a construción, dunhas 900 prazas residenciais, 120 delas en Ferrol, pero esta oferta apenas podería cubrir a metade da lista de espera polo que se espera que a oferta de prazas privadas irase incrementando, pero os seus prezos, de uns 1.500 euros mensuais de media, están lonxe de corresponderse cos ingresos da poboación galega maior de 65 anos, cuxa pensión media non supera os 840 euros ao mes.

Pódese concluír que as prazas dispoñibles son insuficientes, que os prezos das prazas privadas resultan moi elevados para os pensionistas galegos, e que o custo das prazas concertadas sáenlle máis caras á Xunta que as públicas. Todo isto lévanos a pensar que a mellor opción, tanto para os galegos como para a Xunta, é apostar pola construción de novos centros públicos para cubrir a demanda.

Desde Eliximos propoñemos, dado que o Concello dispón de importantes bolsas de terreo que poden servir para acoller este tipo de residencias, que o Goberno lle ofreza á Xunta un convenio para poñer á súa disposición os terreos urbanizados necesarios para que a mesma acometa a construción dunha residencia para persoas maiores en Narón.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
9 de maio de 2018 08:07

_____________

martes, maio 08, 2018

Proxección do documentario 'Vieiros de Esperanza' sobre Ricardo Carvalho Calero - Este xoves 10 de maio ás 8 da tarde na capela do Torrente Ballester proxectarase a obra, documentario dirixido polo ferrolán Antón Rodríguez Fernández, no marco das xornadas: 'Homenaxe a Carvalho Calero' - Tráiler do documentario


Proxección documental
"Vieiros de Esperanza" sobre Carvalho Calero

Este xoves 10 de maio ás 20 horas na capela do Torrente Ballester proxectarase o documental "Vieiros de Esperanza", dirixido polo ferrolán Antón Rodríguez Fernández, no marco das xornadas homenaxe a Carvalho Calero.

PRESENTACIÓN DOCUMENTAL:
"VIEIROS DE ESPERANZA. RICARDO CARVALHO CALERO"

O vindeiro xoves 10 de maio ás 20:00 horas proxectarase na capela do Torrente Ballester o documental Vieiros de Esperanza (2014), sobre a figura do escritor, profesor e lingüista ferrolán don Ricardo Carvalho Calero. A película estivo dirixida polo ferrolán Antón Rodríguez Fernández e percorre toda a traxectoria vital e profesional do escritor.

Algunhas das persoas que participaron no documental foron: Darío Villanueva (presidente da RAE), Víctor Freixanes (presidente da RAG), Xesús Alonso Montero, Pilar García Negro, Araceli Herrero, Francisco Rodríguez e Xosé María Dobarro Paz, entre outros.

Hai que destacar o inmenso legado cultural que nos deixou o profesor, cultivando todos os xéneros literarios e sendo unha das máis importantes figuras literarias na literatura galega de todos os tempos.

Unha vez máis, homenaxearemos a Carvalho Calero na súa cidade natal, reivindicando a súa figura con esta proxección audiovisual, e esperando que algún día se faga xustiza co galardón do Día das Letras Galegas.

O acto contará coa presenza do director e está enmarcado dentro das xornadas de homenaxe ao autor ferrolán que concluirán o vindeiro venres 18 de maio no teatro Jofre, cun recital de poesía e concertos na súa honra.

Antón Rodríguez Fernández (Ferrol, 1991), graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña e cun Máster en Documental e Reportaxe xornalístico. Director e guionista do documental 'Vieiros de Esperanza' e produtor da curta documental ¡Aúpa, Delibes!.”

Tráiler do documentario "Vieiros de Esperanza", obra biográfica sobre o escritor, lingüista e profesor Ricardo Carvalho Calero.


https://youtu.be/JZZ-_xjPoHA

Canle de Antón Rodríguez Fernández. | Ir á canle.

Buscador libre DuckDuckGo sobre Ricardo Carvalho Calero.

Enviado por:
Antón Rodríguez Fernández
-anton.rodriguezf@gmail.com
8 de maio de 2018 14:36
____________________

Palestra e debate aberto sobre o tren de proximidade, na Casa da Cultura de Pontedeume: #QueremnosTren - Venres 11 de maio ás 8 da tarde - Manifesto da Plataforma en Defensa do Tren - Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol...


Palestra_debate sobre o tren de proximidade

O tren é un medio de transporte vital para o noso concello e comarca. No Colectivo Terra somos conscientes da súa importancia para o desenvolvemento  social e económico. O Plan de Racionalización de servizos ferroviarios supón unha seria ameaza para o raquítico servizo que ven prestando Renfe.

O próximo venres 11 de maio visitarannos membros da Plataforma en defensa do tren para informar e debater sobre o futuro deste sistema de transporte. A cita será na Casa da Cultura ás 20:00.

A continuación deixámosvos o manifesto de dita plataforma.

MANIFESTO

A chegada do tren a Galiza foi recibida pola sociedade de finais do século XIX como un símbolo de progreso e modernización fronte ao atraso, marxinación e illamento no que estaba sumido o país. Durante o século XX, con moito atraso sobre outras zonas do estado español, fóronse construíndo novas liñas de ferrocarril que ampliaban a rede e servían para paliar a precariedade que presentaban outras vías de comunicación. Con todo, o trazado presentaba unha eiva aínda existente: o deseño do camiño de ferro primou a comunicación con Madrid e non a articulación da comunicación interna entre as poboacións e comarcas do país.

A pesar da súa importancia, durante as últimas décadas o tren convencional deixou de estar nas prioridades dos sucesivos gobernos autonómicos e do estado. Non se investiu en mellorar os servizos e as infraestruturas ata que foron deixando de ser operativas. A existencia do tren en Galiza desenvólvese nun círculo vicioso onde a redución de frecuencias e o desmantelamento de liñas e estacións ven provocando unha paulatina perda de viaxeiros/as que se utiliza como argumento para xustificar a eliminación de máis servizos no canto do investimento en melloras que o farían perfectamente viábel, como acontece coas melloras -aínda que matizábeis pola redución de servizos para poboacións intermedias- realizadas na liña A Coruña-Santiago, reformada tras unha intensa demanda social.

Así as cousas, o Ministerio de Fomento ven de presentar o Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia. Este plan é un ataque que ameaza gravemente o noso sistema ferroviario. Contempla a desaparición de estacións con baixos índices de utilización e a redución de servizos noutras ata o punto de facer inviábel a súa utilización práctica. No caso do servizo entre A Coruña e Ferrol pon en cuestión a propia existencia futura do servizo. A medición da rendibilidade do tren con criterios exclusivamente económicos -e metodoloxicamente discutíbeis- e as progresivas actuacións que apuntan a unha intención privatizadora do ferrocarril significarán, de non haber un posicionamento e unha resposta popular contundente, a desaparición do ferrocarril público e social.

>>> Por este motivo, as persoas e colectivos asinantes deste manifesto DICIMOS:

>>> O ferrocarril debe seguir sendo un servizo público de propiedade pública, no que debe primar, por riba doutras consideracións económicas ou de intereses particulares, o beneficio social que este medio de transporte supón para o conxunto da comunidade.

>>> A planificación e o servizo ferroviario deben ser unha unidade integrada que responda da infraestrutura, do transporte, do mantemento e do seu patrimonio de xeito que permita a súa viabilidade e a súa vocación de servizo público.

>>> O ferrocarril convencional é o medio de transporte social por excelencia, que presta un servizo ao alcance de toda a sociedade. É respectuoso co medio natural e favorece a integración e vertebración territorial.

>>> Débense realizar investimentos no ferrocarril convencional para recuperalo do seu prolongado abandono, con actuacións dirixidas á mellora das liñas (electrificación, duplicación de vías e mellora de trazados), modernización dos sistemas de seguridade e sinalización, aumento de frecuencias e recuperación de servizos e infraestruturas; rexeitando a política que impón o modelo AVE en detrimento do ferrocarril convencional -de maior potencialidade, funcionalidade e utilidade para as maiorías sociais e factor de desenvolvemento social e económico.

>>> Esiximos que os gobernos central e autonómico fagan forza ante a Unión Europea para que proceda ao desenvolvemento das nosas conexións por ferrocarril no marco do eixo atlántico de transportes que nos vincula con Europa e Lisboa, ao mesmo nivel que os eixos central e mediterráneo.

>>> O traspaso ao ferrocarril das mercadorías transportadas por estrada alí onde é posíbel posibilitaría o desbloqueo do colapso físico, de consumo enerxético e degradación ambiental que provoca, así como un aforro que non se adoita computar cando se fala da rendibilidade do tren.

>>> É necesario favorecer a intermodalidade do transporte público, principalmente a complementariedade entre o ferrocarril e o transporte público colectivo por estrada a todos os niveis (compatibilidade horaria, percorridos complementares, estacións ou billete único).

>>> O uso do tren e do transporte público é a mellor alternativa á saturación das infraestruturas propias e o alto impacto ambiental negativo que provoca a promoción do vehículo privado como principal medio de desprazamento entre os concellos da comarca da Coruña e das Mariñas.

Por todas estas razóns, declarámonos firmemente contrarios e reclamamos a anulación das medidas adoptadas polo goberno no Plan de Racionalización de servizos ferroviarios de media distancia conducentes á eliminación total de servizos nalgunhas estacións (p.ex. Franza) ou a súa drástica redución ata o punto de supor a súa inutilidade práctica nas liñas A Coruña-Ferrol e A Coruña-Lugo.

Reclamamos a creación dun servizo de proximidade entre A Coruña-Ferrol mediante a implantación dun tren de cadencia que aumente os horarios e as frecuencias para facelo socialmente rendíbel e economicamente viábel como único xeito de consolidar unha liña actualmente ameazada e que deberá dar servizo de calidade a zonas densamente poboadas como O Burgo, Cambre, Betanzos, Pontedeume, etc. Este tipo de servizos veñen funcionando perfectamente en áreas incluso menos poboadas noutras zonas do estado como Santander, Cádiz, ou Donostia.

Pedimos que se acometan melloras no servizo A Coruña-Lugo de xeito que dea servizo e conexión das cidades coas localidades interiores para acadar a máxima vertebración posíbel e rendemento económico e social para localidades como Oza, Cesuras, Piñoi, Curtis, Teixeiro, Guitiriz, Parga, Baamonde, Begonte, Rábade, Lugo, etc., e non un modelo no que só se contemple a conexión entre as cidades.

É necesario dotar de conexión ferroviaria puntos como o aeroporto de Alvedro, Campus, zona sanitaria e, xeito especial e urxente, o porto exterior de Punta Langosteira.

Débese proceder á construción de novas estacións naquelas poboacións da comarca onde o crecemento demográfico que se produciu o xustifica para seren utilizadas como servizo de proximidade (A Barcala, As Xubias, Guísamo).

Solicitamos unha política de prezos que favoreza a utilización do servizo por parte de persoas con diversidade funcional, en situación de desemprego, pensionistas ou estudantes.

Débense acometer nun futuro próximo a construción de novas infraestruturas que completen o mapa do ferrocarril galego como, na nosa zona, a liña A Coruña-Arteixo-Carballo.

Ademais, rexeitamos que os recortes en materia ferroviaria, así como a precarización e destrución de empregos no sector van ter como consecuencia directa o deterioro do servizo e a diminución da seguridade, polo que consideramos de interese xeral a existencia dun marco laboral común e cohesionado que garanta as condicións e postos de traballo dos traballadores e traballadoras.

QUEREMOS UN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL E DE CALIDADE. O TREN É DO POBO PORQUE FOMOS NÓS OS QUE O CREAMOS E MANTIVEMOS, E NINGUÉN TEN DEREITO A ARREBATARNOS O QUE NOS PERTENCE.

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
8 de maio de 2018 08:45

______________

luns, maio 07, 2018

Conferencia-coloquio feminista en Ferrol, de Ximena González, representante galega no Secretariado Europeo da Marcha Mundial das Mulleres: 8M2018 unha nova etapa para o feminismo galego? - Sábado 12 de maio, ás 6 da tarde no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño


Conferencia-coloquio feminista en Ferrol, de Ximena González, representante galega no Secretariado Europeo da Marcha Mundial das Mulleres: "8M2018 unha nova etapa para o feminismo galego?".

Celebrara-se na tarde do Sábado 12 de maio, ás 18.00hs no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño. O acto está organizado pola coordenadora local de Ferrolterra e estará presentado pola activista da Marcha: Loreto Primo.

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
7 de maio de 2018 17:12

________________

Animamos á veciñanza a participar e colaborar nos actos solidarios có pobo saharauí - No Concello de Narón estanse a levar a cabo unha serie de actos solidarios có pobo saharauí - A intención é conseguir apoio económico para o programa 'Vacacións en Paz' e mercar material necesario para paliar as difíciles condicións de vida nos campamentos


Animamos á veciñanza a participar e colaborar nos actos solidarios có pobo saharauí.

No Concello de Narón estanse a levar a cabo unha serie de actos solidarios có pobo saharauí.

André Abeledo indica que estes actos son unha mostra máis da solidariedade das naronesas e naroneses que sempre están a altura cando é preciso.

A intención é conseguir apoio económico para o programa "Vacacións en Paz” e mercar material necesario para paliar as difíciles condicións de vida nos campamentos.

Actos solidarios como a “masterclass” que se vai a celebrar o próximo día 12 de Maio no Pavillón de a Gándara as 18:00hs coa colaboración do ximnasio Beni Gym de Narón.

Abeledo quixo agradecer ao ximnasio onde tenta manterse en forma polo seu compromiso solidario, persoas como Tamara, Margaret, Juan o Vicente son un exemplo desa innata capacidade solidaria da nosa cidadanía.

Tamén lembrábamos e animamos a participar no resto das actividades como por exemplo a o "Mercadillo Solidario" do próximo 19 de Maio no Alto do Castaño.

Ou no “Partido de Fútbol Sala Solidario” que o próximo 20 de Maio terá lugar no Pavillón de A Gándara e no que participaran Concelleiros, Alcaldes, e políticos de Narón, Comarca, e toda a Galiza. Reeditando así o partido proposto por EU Narón o ano pasado.

André Abeledo promoverá tamén a "visita oficial do novo Delegado do Pobo Saharauí ao Concello de Narón", cumprindo así con un dos puntos acordados en Pleno a proposta de EU Narón.

Abeledo explica que precisamos tamén de accións políticas que tenten  sacar a luz a realidade e dan un recoñecemento ao Sáhara Occidental como nación ocupada ilegalmente por Marrocos.

En relación ao Sáhara Occidental faise necesario ter memoria, a mesma memoria histórica que aínda precisamos no Estado español.

Recuperando a memoria sobre a nosa historia entenderemos ata onde chega a nosa responsabilidade có Sáhara Occidental, este non é un conflito alleo ao Estado español, foi creado por España e temos o deber moral de non esquecer a un pobo irmá.

O Estado español ten unha débeda histórica có pobo saharauí, os deixamos tirados, os entregamos a Marrocos, o pobo español ten a obrigación moral de denunciar a situación da poboación saharauí que vive nos Territorios Ocupados por Marrocos, que sufre, sistematicamente, a violación dos seus dereitos máis elementais.

Narón, 7 de maio de 2018

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
7 de maio de 2018 14:04

_______________

Presentación do libro de Manuel Rivas 'Un manifesto rebelde - Contra todo isto' - O xoves 10 de maio, ás 19:30hs no Ateneo Ferrolán - Vivimos un tempo de retroceso, de aumento das desigualdades, de subtracción das liberdades; un réxime mundial de pensamento groseiro, de rearmamento bélico e abaratamento humano, de desfeita ecolóxica, da fin do mito da 'globalización feliz' - Vivimos nun Estado de Vergoña - O libro tamén se pode conseguir en Galego na editorial Xerais


Presentación do libro de Manuel Rivas "Un manifesto rebelde - Contra todo isto", organizado pola A. C. Fuco Buxán, dentro do Ciclo democracia e Compromiso. Conta coa colaboración do Anteneo Ferrolán e o Concello de Ferrol. O acto terá lugar este xoves 10 de maio, ás 19:30hs, no Ateneo Ferrolán.

O libro tamén está editado en Galego, pola editorial Xerais.

Contra todo isto

Un manifesto rebelde
de Manuel Rivas

Vivimos un tempo de retroceso, de aumento das desigualdades, de subtracción das liberdades; un réxime mundial de pensamento groseiro, de rearmamento bélico e abaratamento humano, de desfeita ecolóxica, da fin do mito da "globalización feliz". Vivimos nun Estado de Vergoña.

Este libro está escrito contra Todo Isto.

Todo Isto é descivilización.

Todo Isto é produción de medo para achicar a liberdade. E a produción de odio contra o diferente.

Todo Isto é subtracción do benestar e dos dereitos democráticos.

Todo Isto é a multiplicación de muros e fendas de desigualdades.

Todo Isto é o machismo como sistema.

Todo Isto é a guerra contra a natureza.

Todo Isto é domesticación intelectual.

Todo Isto é corrupción sistémica, paraísos fiscais, unha mestura de economía gris e criminal.

Todo Isto é desmemoria, ou peor aínda, contramemoria.

Este é un libro que non invita á fuxida, senón a correr cos brazos abertos cara ao mundo, cando o sentimento de vergoña abre paso a unha saudade rebelde, a unha loita para arrincar a esperanza dos brazos do conformismo. Este é un libro do sentir e do pensar, unha literatura na beira, que quere pór a liberdade no corpo da linguaxe.

Editorial Xerais. | EDICIÓN LITERARIA>CRÓNICA>Xornalismo. | Papel 14,50 x 22,00 cm - Rústica cosido a fío - 264 Páxinas. | I.S.B.N.: 978-84-9121-396-3 | Código: 1345160 | 16,83€ IVE non incluído - 17,50€ IVE incluído. | Maio 2018 | Contra todo isto - Un manifesto rebelde - Manuel Rivas.
__________

Presentación en Ferrolterra do libro ‘O feminismo, imprescindible para construír outra Europa’, o venres 11 de maio, no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas, coa eurodeputada Lídia Senra e con Estrela Gómez Viñas, activista de Agamme - A eurodeputada galega chama a rebelarse contra o machismo que campa na xustiza, que castiga ás mulleres e que segue provocando dor e sufrimento


Presentación en Ferrolterra do libro ‘O feminismo, imprescindible para construír outra Europa’, o venres 11 de maio, no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas, coa eurodeputada Lídia Senra.      

Lídia Senra chama a rebelarse contra o machismo que campa na xustiza, que castiga ás mulleres e que segue provocando dor e sufrimento.
Despois de ser presentado noutras cidades e vilas da Galiza, chega a ferrolterra a presentación do libro “O feminismo, imprescindible para construír outra Europa” coordinado pola eurodeputada Lídia Senra. No acto público, que dará comezo ás 19:30 horas, intervirán ademais da propia europarlamentaria e Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).

Continúa deste xeito a rolda de presentacións do libro que a eurodeputada está a facer por varias localidades galegas. Así, despois de que a mediados de abril tivera lugar a presentación en Chantada, e a semana pasada en Vigo, este último sábado 5 de maio na Estrada e agora, o venres 11 de maio, presentarase tamén no Ateneo Ferrolán ás 19:30 horas.

Lídia Senra pretende con estes actos dar a coñecer a publicación, que se distribúe ademais de xeito gratuíto, e poñer a énfase no debate para lograr acabar co patriarcado que a día de hoxe continúa a imperar na sociedade, na xustiza e tamén nas organizacións políticas e sindicais. A eurodeputada critica “como se inventan todo tipo de argucias para castigar ás mulleres e seguir provocando dor e sufrimento e como esas argucias son aplicadas, en demasiadas ocasións, pola xustiza sen ningún tipo de base”. Así, chama a rebelarse contra o nesgo machista na xustiza e tamén a reflexionar sobre a necesidade de combater as resistencias que sigue habendo nas organizacións para que as mulleres feministas teñan voz.

Ademais da versión impresa, que conta cunha tirada inicial de 1.500 exemplares, o libro está dispoñible tamén en aberto na súa versión dixital na propia web de Lídia Senra. A publicación recolle textos de mulleres que participaron na xornada organizada por Senra en novembro do 2016 en Ourense co mesmo título que o libro e na visita realizada ao Parlamento Europeo en novembro do 2015 para participar na xornada “O nesgo machista na aplicación das políticas: o caso da Xustiza”. Así, na primeira parte recóllense artigos da feminista e profesora da Universidade de Valladolid Alicia H. Puleo, sobre o ecofeminismo; da brasileira doutoranda en socioloxía Eliane de Moura Martins, sobre o feminismo popular para facerlle fronte á colonialidade, ao capitalismo depredador e a todas as formas de machismos; de Fiadeiras, o Grupo de Traballo en Igualdade do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), sobre a acción social desde o feminismo e a súa experiencia de traballo; das membros de Anova Ourense, Nerea Conde e Tania Bouzo, sobre participación política e liderado feminino; da deputada Paula Verao, sobre a loita contra a precariedade e pobreza laboral feminina; e da Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez, sobre como os micromachismos cimentan o patriarcado.

Na segunda parte do libro, recóllense artigos da eurodeputada do GUE/NGL Ángela Vallina, sobre a figura da Síndrome de Alienación Parental (SAP) como reforzo do heteropatriarcado nas sociedades europeas; da concelleira de Marea de Vigo Marga López Barreiro, sobre o nesgo machista na xustiza; da psicóloga clínica forense e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonia Vaccaro, sobre a utilización do SAP como unha forma de violencia machista máis; da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, sobre as dificultades da violencia machista nos procesos xudiciais; de Estrela Gómez Viñas, coordinadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), sobre por que se debe incluír a cuestión dos dereitos da infancia no debate sobre o nesgo de xénero presente nas institucións; da coordinadora da Área de Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, sobre a realidade das mulleres labregas; e de Rosa Álvarez novamente, desta vez cunha ollada desde a psicoloxía á violencia contras as mulleres para unha abordaxe integral do problema.

Versión dixital completa do libro de 140 páxinas en formato pdf.. | Acceder/Baixar.

Sitio web da Eurudiputada:
http://ageuropa.gal/

Sitio Web de Agamme:
http://agamme.org/

__________________

Xosé Manuel Sanxoán Caamaño (Mel), ... Por Amadeo Varela - No noso corazón quedará para sempre, porque era 'dos de sempre' - E alí onde estea, nós queremos estar con el - Ata sempre, amigo


Intervención do compañeiro Amadeo Varela, no nome do Colectivo Ártabra 21, no acto de Homenaxe a Mel, na contorna do Inferniñofolk, celebrado o pasado venres 4 de maio, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño (Ferrol).

Por Amadeo Varela [*]
07.05.2018


XOSÉ MANUEL SANXOÁN  (MEL)

Os integrantes do Colectivo Artabra 21, do que Mel foi fundador e colaborador activo, unímonos á súa dona, os seus fillos e demais familia, na dor por esta irreparable perda. E queremos participar neste homenaxe á súa persoa, como un intento de acompañar a Mel, na súa derradeira viaxe.

Fóisenos MEL, con só 63 anos escasos. Como é lóxico supoñer, para a súa familia significa unha perda irreparable, pero tamén para nós, os deste Colectivo, a súa ausencia é un duro golpe, pois que era un verdadeiro “compañeiro de fatigas”; desas fatigas diarias que da a vida, nunha cidade tan abandonada e maltratada como é a nosa.

Sen pretender facer un relatorio dos seus méritos, que todos coñecemos, queremos lembrar a Xosé Manuel Sanxoán, como un deses inesquecibles compañeiros, dedicados a unha loita solidaria e continua, na defensa dos dereitos de todos. Activista consagrado, sempre estaba disposto a aportar traballo e ideas, alí onde podía axudar.

Mel era activista por convencemento; el sabía que tanto nas pequenas aldeas, como nos pobos ou nos barrios das cidades, a loita continua da veciñanza é, a única posibilidade para acadar unhas melloras indispensables, na educación, na cultura e na sanidade, aspectos nos que el participaba decididamente.

Firme defensor do asociacionismo, participou nun feixe de agrupacións, asociacións e plataformas, tratando de axudar na solución de problemas e mellorar esta sociedade egoísta e insolidaria.

Pola súa incesante actividade era sinalado como “un dos de sempre”, deses que “sempre están metidos en todo”, deses que tanto molestan aos que, desde o poder, non aturan que os veciños os critiquen e lles pidan contas.

Mel nos deixa un oco imposible de encher, pois como dixo o poeta, “cando un amigo se vai, queda un espazo baleiro, que non se pode ocupar, con un novo compañeiro”. El era un máis deses “bos e xenerosos”, que na nosa terra loitan día a día por unha sociedade mellor.

No noso corazón quedará para sempre, porque era “dos de  sempre”. E alí onde estea, nós queremos estar con el.

Ata sempre, amigo.




[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

_______________

Solidariedade con Xustiza en Folga desde hai 90 días - Concentración en Ferrol, como noutras cidades da Galiza, o luns 7 de maio, ás 11 da mañá, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta


Concentración en Ferrol, en Solidariedade coa #FolgaXustiza. Van 90 días de paro indefinido. O acción terá lugar este luns 7 de maio, ás 11 da mañá, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia ás 11 da mañá.

Concentracións simultáneas, están convocadas en todos os distritos xudiciais, ademais de en Ferrol que xa tivo lugar outra o pasado luns 30 de abril, está vez tamén terán lugar mobilizacións en Vigo, Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo. Convocadas pola federación de Administración da CIG.

No día 90 da folga indefinida, convocan-se as accións de solidariedade, cando se cumpren tres meses de mobilización. Xabier Picón, da CIG-Administración, responsabiliza Alfonso Rueda (Vicepresidente da Xunta de Galicia), pola actitude que mantivo desde o inicio do conflito. Con falsidades e unha elaborada política desinformativa, onde medios públicos e privados, foron instrumentos necesarios para efectiva-la. División sindical e intento de criminalización do dereito á folga. Negociando ao marxe do Comité de Folga e logo chibando-se do feito, promovendo unha votación desigual, mais non contaba co elevado grado de conciencia acadada neste longo período de folga.

@alternativaxus @ComitedeFolga @folgadexustiza #FolgaXustiza

________________________

domingo, maio 06, 2018

Na defensa do sistema público de pensións, tivo lugar unha nova manifestación este sábado 5 de maio en Ferrol, convocada pola Plataforma de Ferrolterra en Defensa das Pensións Públicas - Unha mobilización coordenada e simultánea ás que tiveron lugar o mesmo día en toda Galiza e en máis de 150 cidades e vilas do resto do territorio do Estado - Vídeo da mobilización


Este sábado 5 de maio, pouco antes do mediodía comezaba a Manifestación convocada pola Plataforma de Ferrolterra en Defensa das Pensións Públicas. Como en toda Galiza e resto dos territorios do Estado, tiveron lugar máis de 150 mobilizacións na defensa do sistema público de pensións, o poder adquisitivo das pensionistas e parar as políticas de precarización e empobrecemento das persoas xubiladas.

A manifestación de Ferrol, onde participaron varios centos de persoas, partiu desde a Praza Amada Garcia e rematou no Cantón, onde tiveron lugar varias intervencións.


https://youtu.be/GG5QbyZf6I0

PLATAFORMA DE FERROLTERRA,
PARA A DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS


@DefensaPensionsFerrolterra

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/ v
_________

É urxente rematar ca ‘cultura da violación’ e garantir a perspectiva de xénero nos profesionais da xustiza - Senra denunciou no pleno do PE o nesgo machista da sentenza referida á violación en grupo cometida por cinco homes en 'sanfermines' 2016 - Reiterou á Comisión Europea a demanda de pór en marcha unha Directiva Comunitaria para facer fronte á violencia machista


“É urxente rematar ca ‘cultura da violación’ e garantir a perspectiva de xénero nos profesionais da xustiza”. | Senra denunciou no pleno do PE o nesgo machista da sentenza referida á violación en grupo cometida por cinco homes en “sanfermines” 2016.| Reiterou á Comisión Europea a demanda de pór en marcha unha Directiva Comunitaria para facer fronte á violencia machista.


Lídia Senra, eurodeputada galega integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), aproveitou unha das súas quendas de intervención durante a sesión plenaria do Parlamento Europeo para chamar a atención sobre a grande indignación social que espertou a sentenza que reduce a abuso o brutal ataque sexual realizado durante as Festas de San Fermín (2016) por cinco homes que se autodenominan “manada”. “Non foi abuso. Foi violación”, reiterou na Eurocámara. Cualificou a sentenza de “machista” e alertou do “duro golpe” que asesta ás mulleres, “ao noso dereito a sentirnos libres, ao noso dereito a non ser violadas nin atacadas sexualmente”.

É urxente rematar ca ‘cultura da violación’ e garantir a perspectiva de xénero en tódalas persoas que teñen que aplicar as leis”. Senra, responsábel a nivel de todo o Parlamento Europeo da transversalización da perspectiva de xénero  na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural apelou a “non permitir que haxa profesionais na xustiza sen formación en perspectiva de xénero para abordar as cuestións que están directamente relacionadas cas mulleres”.

Por último, como xa ten reiterado ao longo desta lexislatura, a eurodeputada galega exhortou unha vez máis á Comisión Europea a pór en marcha unha Directiva para loitar contra a violencia machista e adoptar esta liña de traballo como unha prioridade das institucións comunitarias.

Lídia Senra ten abordado en varias ocasións a necesidade estratéxica de garantir que as persoas responsábeis da elaboración e desenvolvemento das distintas políticas e leis conten con unha formación sólida en perspectiva de xénero. Xa no ano 2015 desenvolveu no Parlamento Europeo a xornada “O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza”, onde seis poñentes especializadas subliñaron as claves para detectar e afrontar a violencia machista presente nos procesos xudiciais.

Actualmente atópase inmersa tamén na rolda de presentacións na Galiza da publicación “O feminismo, imprescindíbel para construír outra Europa”, no que se recollen tanto intervencións realizadas durante a xornada celebrada en Bruxelas, como na xornada internacional sobre feminismo realizado no ano 2016 en Ourense baixo o mesmo título da publicación editada este ano.

A próxima presentación terá lugar este sábado 5 na Sala Abanca de A Estrada, onde Lídia Senra estará acompañada por Eva Bastión, integrante do Grupo de Traballo en Igualdade Fiadeiras, do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais; e Mar Blanco Casais, edil de Móvete. A seguinte cita será o venres 11 de maio no Ateneo Ferrolán, contando ca participación de Estrela Gómez, coordinadora de Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME).

Bruxelas, 03 de Maio de 2018.

Sesión Plenaria [02_03/05/2017]

TEMA DA INTERVENCIÓN: “É urxente rematar ca ‘cultura da violación’ e garantir perspectiva de xénero nos profesionais da xustiza” | Escoitar/ver.

INFORMACIÓN E CONTACTO. | Oficina de Lídia Senra Eurodeputada Galega Grupo da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Comisión de Agricultura - Comisión de Pesca - Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE | 0034 609 845 861 - Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas) - Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | twitter  - facebook.

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
3 de maio de 2018 12:27

_________

xoves, maio 03, 2018

Este sábado 5 de maio, convocada en Ferrol como en toda Galiza e resto dos territorios do estado, unha mobilización na defensa do sistema público de pensións - Manifestación ás 11:30hs desde a Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta de Galicia até o Cantón - Vídeos da concentración que se realizou o luns 16 de abril


Este sábado 5 de maio, convocada en Ferrol como en toda Galiza e resto dos territorios do Estado, unha mobilización na defensa do sistema público de pensións, o poder adquisitivo das pensionistas e parar as políticas de precarización e empobrecemento das persoas xubiladas.

Manifestación ás 11:30hs desde a Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta de Galicia. A manifestación rematará no cantón.

PLATAFORMA DE FERROLTERRA,
PARA A DEFENSA DO SISTEMA PÚBLICO DE PENSIÓNS


@DefensaPensionsFerrolterra

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Evento e páxina no facebook.

https://www.facebook.com/events/222519418504806/

https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/


Vídeos da pasada concentración que se realizou o luns 16 de abril


https://youtu.be/47U5Y4yRh9E


https://youtu.be/E-OufGgGzTQ


https://youtu.be/MxUqGb64Yks


https://youtu.be/BsUkawWQkCM


https://youtu.be/e3KUUE9JcW4

______

Brais Morán apresenta esta sexta-feira 'No mato do desespero' en Ferrol, na Fundaçom Artábria - O sábado 5 de maio Ataque Escampe + Oh Ayatollah subirám ao cenário para apresentar 'Primeiros bicos' - E este domingo vam a Canido a fazer o maio na praça da Tafona, mas o dia antes, sábado 5, combinam no Centro Social para ir apanhar flores


O músico Brais Morán apresenta esta sexta-feira, 4 de maio, às 22.30hs, e com entrada de graça o seu último trabalho "No mato do desespero". Album que é umha dupla homenagem. Por um lado ao poeta moçambicano José Craveirinha e por umha oura, seguindo a mesma linha, ao grande músico Frán Pérez Narf (infelizmente desaparecido já vai mais dum ano), quem tempo atrás tinha musicado o seu poema "Quero ser tambor".

As influências de Brais Morán som muitas e variadas, questom que se fai especialmente evidente neste trabalho: "O citado Narf, tanto na maneira de entender a música e no que el me sugeria na vida. Muito presente está sempre o mundo brasileiro que sempre me acompanhou no geito de abordar os guinhos a Lenine, Toquinho, ou a pegada africana que está tam viva na admiraçom por Dobet Gnahoré ou Salif Keita"

A "banda do desespero" completa-a junto a Fram Sanz no baixo (e que também se encarregou da produçom), Manu Seoane nas guitarras e Marcos Pazo na bateria.

Ademais, no disco contou com as colaboraçons de Patri Gamallo, as Tanxugueiras e Ugia Pedreira.

mais info em: www.braismoran.gal


Brais Morán apresenta esta sexta-feira "No mato do desespero"

Ataque Escampe + Oh Ayatollah
Sábado 5 às 22.30hs. Entrada de graça

Ataque Escampe som, sen lugar a dúbidas, um dos melhores grupos de pop do nosso país. Subirám ao cenário da Fundaçom Artábria para apresentar "Primeiros bicos". No caminho que eles seguirom, adoptarom há nom muito aos oh! Ayatollah, que apresentam o seu "Volve a canción protesta".

Cita para nom perder!

https://ataqueescampe.bandcamp.com/album/primeiros-bicos

https://ohayatollah.bandcamp.com/a…/volve-a-canci-n-protesta


Este domingo vamos a Canido a fazer o nosso maio!


Este domingo 6 de maio a partir das 11.10h voltamos à praça da Tafona, no popular bairro de Canido, para festejar a despedida do Inverno e a chegada da Primavera com a apariçom das primeiras flores e frutos elaborando os Maios. Cobriremos a nossa estrutura , seguindo a tradiçom da na nossa comarca, com fiuncho, laranjas, flores...

Mas o dia antes, sábado 5, combinamos no Centro Social para ir apanhar flores (981 35 29 86).

Também Podes trazer o próprio domingo as túas flores, verde e frutas para ajudar a enfeitá-lo. Esperamos-te!

Cúbre-te de verde e canta

Fiuncho, carriza, laranjas, ovos, milho, flores, carqueixas, urces, carrabouxos e muita imaginaçom. Estes som os principais ingredientes dos "Maios", as construçons vegetais que a primeiros de Maio enchem as praças de toda Galiza para arredar de pestes, virus e males as colheitas. E, de passo, fazernos rir coas suas coplas.

A primeiros de maio a vegetaçom sae à rua em forma de "maio", umha construçom de diferentes formas feita com elementos vegetais em funçom da zona na que se elabora e que pode ser enxebre ou artístico. Os "maios" gestáronse para invocar o crecemento das plantas cultivadas e para protegelas de possíveis ameazas naturais, coma os ratos, toupas... ou os sobrenaturais, as sempre temidas meigas que cos seus poderes podem botar um "mal de olho" à colheita.

A Festa dos Maios tem a sua origem na prehistória quando os primeros habitantes preguntabam-se sobre essa força renovadora que cada ano, trás a época das chuvias e o frio fazia brotar a semente e revestia os campos de moitas cores.

---
A morte do inverno
está sentenciada
fugírom as neves,
morreu a geada,

Parárom as choivas
já tempo lhes era !
pois fartas de água
estavam as terras.

Borrarom-se as néboas,
O ceio está claro...
axota a perguiza,
desperta-te Maio!,

Estende as orelhas,
escoita os falares
de velhos e velhas
em feiras e bares.

---
Levamta-te Maio
que tanto dormiches,
passou o inverno
e nom o sentiches.

O maio maiado,
o maio do sol,
o maio das flores,
o maio do amor.

E venhem os maios
um ano tras outro
e as árvores todas
cheínhas de froito.

Ehi vem o Maio
Mainho é
Ehi vem o Maio
Coa festa em pé.

---
Para fazer os Maios
temos que colher
um feixe de flores
e algo que dizer.

Para fazer o Maio
tivemos que roubar
flores e fiunchos
na horta do S.Blas.

Para fazer o Maio
tivemos que roubar
flores e fiunchos
na beira do mar.

Traemos fiunchos
ovos e mais flores
para este Maio
ter mil amores.

---
Maio romeiro
bicou as campinhas
i en cada bicada
naceron florinhas.

Perfume de flores
pregom da gram festa
cançom que nos fala
da Nai Primavera.

Quando o papo seca
hai-no que molhar
cum grolo de vinho
e volver a cantar.

Já chegou o Maio
florido e galám
chegou tra-lo inverno
e antes do verám.

(Texto tirado do Blogue do Colectivo Sociocultural "A Revolta de Trasancos)

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!
 ....
 A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
2 de maio de 2018 13:03
2 de maio de 2018 17:05
2 de maio de 2018 17:11
______________

martes, maio 01, 2018

Manel Grandal Secretario Comarcal da CIG, anuncia a convocatoria de Folga Xeral, para o 19 de Xuño, na intervención deste 1 de Maio de 2018 en Ferrol - Pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas - Vídeos


O Secretario Comarcal da CIG, Manel Grandal, anuncia a convocatoria de Folga Xeral, para o 19 de Xuño, na intervención deste 1 de Maio en Ferrol.

Un primeiro de maio, onde as traballadoras e traballadores de Xustiza en Folga desde hai 84 días, foron protagonistas, polo seu exemplo e dignidade. O poder, desde a Xunta de Galicia, puxo en evidencia o que xa sabíamos intentar quebrar a unidade sindical pola parte mais débil, os sindicatos do réxime. Recompoñer a unidade vai ser difícil, mais gañara-se se funciona a solidariedade, nestes momentos tan necesaria.

A outra protagonista foi o anuncio da convocatoria da Folga Xeral que a CIG, prevé para o 19 de xuño e chama as outras centrais sindicais a somar-se na unidade de clase contra as políticas neoliberais e contra a pobreza: "Pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas".

A Internacional (Detalle)


https://youtu.be/zBzsR1JlCXo


Intervención de Manel Grandal



https://youtu.be/4RCt5DXO2DM


Enlace relacionado:

1 de maio de 2018, Galiza no 'Día da loita e da solidariedade internacional da Clase Traballadora' - En Ferrol están convocadas dúas manifestacións - Convocatorias do movemento sindical. | Ir á Web.
___________

Rexistrada petición para que Bruxelas investigue os vertidos da antiga mina de Touro e o novo proxecto - Lídia Senra e a Plataforma Mina Touro-O Pino Non demandan que o Parlamento Europeo abra expediente e membros da CE visiten a zona - A eurodeputada respalda á veciñanza e insta a analizar as directivas da UE vulneradas na falta de restauración da vella explotación de cobre


Rexistrada petición para que Bruxelas investigue os vertidos da antiga mina de Touro e o novo proxecto. | Lídia Senra e a Plataforma Mina Touro-O Pino Non demandan que o Parlamento Europeo abra expediente e membros da CE visiten a zona. | A eurodeputada respalda á veciñanza e insta a analizar as directivas da UE vulneradas na falta de restauración da vella explotación de cobre.


Aurodeputada galega Lídia Senra, acompañada por Ana Parga e Maribel Cabana, membros da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, anunciaron este luns en rolda de prensa en Santiago a presentación por parte da citada Plataforma dunha petición que ven de ser rexistrada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. O obxectivo é que os entes comunitarios investiguen a vulneración de directivas europeas que supón a falta de restauración da antiga mina de cobre de Touro que estivo operativa entre 1973 e 1986 e o proxecto de nova mega explotación mineira de cobre a ceo aberto en Touro e O Pino.

A Plataforma Veciñal, arroupada por Lídia Senra, denuncia que trinta anos despois de cesar a actividade mineira en Touro por parte das empresas Sociedad Minera y Metalúrgica de Peñarroya e Río Tinto Patiño, os ríos que corren polas proximidades do antigo emprazamento da mina van totalmente contaminados e sofren continuos vertidos procedentes das balsas mineras e das escombreiras que hoxe se usan como vertedeiros de residuos sen aparente control. Na súa petición, a Plataforma Veciñal fíxolle chegar ao Parlamento Europeo varios vídeos e fotografías[1] que constatan que non se realizaron as actividades de restauración debidas para previr ou reducir na medida do posible os efectos adversos sobre o medio ambiente, en particular sobre as augas, o solo, a fauna, a flora, a saúde, a paisaxe eos riscos para as persoas derivados da xestión da actividade e dos residuos mineiros.

Vemos pois, que poderiamos estar ante unha clara vulneración no Estado español da Directiva 2006/21/CE do Parlamento Europeo e do Consello de 15 de marzo de 2006 sobre a xestión dos residuos de industrias extractivas”, indican na petición, xa que “os vertidos desa actividade abandonada seguen na actualidade drenando e contaminando cara ao río Ulla, un dos maiores ríos de Galiza e que desemboca na ría de Arousa, unha das maiores rías en importancia de marisqueo na Galiza”, argumentan.

Dita situación, que continúa a producirse sen que nin por parte do Estado español nin por parte da Xunta nin por parte da empresa se tomen medidas, parece a todas luces non ser compatible coa Directiva da Auga 2000/60/CE nin coa Directiva 2004/35/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 21 de abril de 2004, sobre responsabilidade medioambiental en relación coa prevención e reparación de danos medioambientais.

Así mesmo, poñen en aviso ao Parlamento Euorpeo de que a maiores diso, agora está en periodo de tramitación un novo proxecto mineiro, tamén de explotación a ceo aberto de cobre, presentado pola empresa Cobre San Rafael SL, na mesma zona, sobre terreos dos concellos de Touro e O Pino. “Estaríamos falando de 689 hectáreas para extraer 267 millóns de toneladas de cobre durante 16 anos e medio, nuns terreos nos que actualmente o 70% deles son fincas agrícolas e forestais en activo, o que tería un impacto social e económico brutal, pois estamos falando ademais dunha zona pola que pasa o Camiño de Santiago, que vive do turismo, e que conta con importantes explotacións gandeiras e agrícolas que verían comprometido o seu futuro, ademais de afectar tamén a zonas de protección arqueolóxica”, din.

A Plataforma informa de que o proxecto recibiu 1.500 alegacións solicitando que se paralice a súa tramitación e que se denunciou en repetidas ocasións a realización de sondaxes en vías públicas por parte da empresa sen a súa correspondente autorización. “Tendo en conta as consecuencias que sigue traendo para o medio ambiente a antiga mina, comprenderá a Comisión de Peticións do Parlamento Euorpeo que o pánico na zona e en toda Galiza ao novo proxecto sexa brutal ante unha situación que parece non acorde á Directiva 2014/52/UE sobre a avaliación das repercusións de proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente”, defenden. O proxecto afectaría ademais a áreas englobadas na Rede Natura, polo que podería estar ante unha vulneración da Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres e da Directiva 79/409/CEE do Consello, de 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres.

Por todo iso, co problema que sigue xerando a antiga mina e as carencias que implica o novo proxecto, solicítase que por parte da Comisión de Peticións Europea se estudie o proposto e se abra unha investigación para determinar se o Estado español, a Xunta, os Concelos afectados e as empresas poderían estar incorrendo na vulneración das normas de dereito europeo con respecto a esta contorna. Así mesmo, piden encarecidamente que membros da Comisión de Peticións e tamén responsables da Comisión Europea realicen unha visita á zona en persoa para que se lles poida amosar a aberrante situación e poidan comprobala cos seus propios ollos a maiores das investigacións que poidan realizar consultando ás diferentes institucións.

Lídia Senra asegurou que seguirá moi de preto a tramitación desta petición en Bruxelas e que fará todo o posible para que vaia adiante e se abra esa investigación tan necesaria. A eurodeputada leva presentado nos últimos meses varias iniciativas na Eurocámara e na CE encamiñada a denunciar a situación. De feito, ten intervido no pleno parlamentario europeo amosando fotografías e pedindo a paralización do proxecto novo e tamén ten presentado varias preguntas por escrito á Comisión Europea[2]. “Se se toma en serio a lexislación europea, as avaliacións de impacto ambiental deste proxecto non poderán ser positiva”, zanxou Lídia Senra.

Santiago, 30 de abril de 2017.

Petición rexistrada na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. | Acceder/Baixar.


Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu | https://ageuropa.gal/

Notas.-

[1] - Fotografía da balsa de Bama desbordada https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Balsa-de-Bama-desbordada.jpg

- Vídeo do desbordamento da balsa mineira de Bama https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/DESBORDAMIENTO-DE-BALSA-MINERA.mp4

- Restos de sondaxes tiradas no monte https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Restos-de-los-sondeos-tirados-en-el-monte.jpg

- Vertido na Fonte Díaz https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/Vertido-Fonte-Diaz-Mina-Touro.jpg

- Vertido no río Portapego https://ageuropa.gal/wp-content/uploads/2018/04/vertido-rio-Portapego-7-de-marzo-2018.mp4

[2] - Intervención de Lídia Senra no pleno do Parlamento Europeo en outubro do 2017 denunciando os vertidos en Touro e pregunta escrita á CE https://ageuropa.gal/lidia-senra-informa-a-ue-dun-posible-vertido-continuado-de-residuos-toxicos-na-antiga-mina-de-touro/

- Segunda pregunta escrita á CE presentada por Lídia Senra en febreiro do 2018 https://ageuropa.gal/lidia-senra-denuncia-ante-a-comision-europea-o-desbordamento-da-balsa-mineira-de-touro/

- Xornada organizada en Touro en xaneiro do 2018 por Lídia Senra en colaboración coa Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino non para debater sobre as consecuencias do proxecto mineiro https://ageuropa.gal/lidia-senra-chama-a-frear-o-proxecto-de-mega-mina-touro-o-pino-porque-vai-destruir-mais-que-beneficiar/

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
30 de abril de 2018 13:33

_______________