Amosando publicacións coa etiqueta BNG - Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta BNG - Ferrol. Amosar todas as publicacións

mércores, novembro 30, 2022

Acto público do BNG en Ferrol, coa presencia de Ana Pontón: 'medidas contra a crise...' - Hoxe mércores 30 de novembro, ás 8 da tarde, no salón de actos do Antigo Hospicio - Tamén intervirá o portavoz municipal Iván Rivas


Acto público, medidas contra a crise.

A grave situación económica que estamos a vivir provoca que as súas consecuencias incidan de xeito directo sobre as costas das maiorías sociais deste país.

O custe da vida incrementouse nun 11% no último ano, especialmente nos produtos básicos coma o pan, leite, carne, cereais, peixe, verduras e hortalizas frescas…; mais tamén o custe da vivenda e transporte, cun encarecemento que empeora aínda máis as condicións de vida da poboación e a desbocada suba da electricidade.

O nacionalismo galego da man do BNG ten propostas para superar está crise de prezos e para presentar estas propostas, organizamos un acto público o mércores 30 de novembro ás 20 horas no salón de actos do Antigo Hospicio en Ferrol.

Neste acto público no que contaremos coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Bloque Nacionalista Galego


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG de Ferrol
-bng@ferrol.es-
25 de novembro de 2022 14:14

_______

martes, xuño 21, 2022

Conversas abertas con Ana Pontón en Ferrol, hoxe 21 de xuño, ás 8 da tarde, no Centro Cívico de Canido, tamén coa participación de Iván Rivas


A situación económica que estamos a vivir provoca que as súas consecuencias incidan de xeito directo sobre as costas das maiorías sociais polo que cómpre, máis que nunca, pensar e erguer alternativas.

Son destas propostas e das alternativas do nacionalismo para superar está crise das que queremos falar este martes 21 ás 20 horas no Centro Cívico de Canido xunto a Ana Pontón e Iván Rivas.

Ferrol, a 16 de xuño, de 2022

Bloque Nacionalista Galego


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
16 de junho de 2022 12:56

_______

mércores, xuño 08, 2022

Acto reivindicativo: Visita guiada ao parque do Montón - sábado, 11 de xuño,ás 12 do mediodía, punto de encontro antiga gasolineira d'As Pias


O vindeiro sábado, 11 de xuño, temos organizada unha visita guiada ao parque do Montón co obxectivo de dar a coñecer esta zona verde e reivindicar a súa posta en valor e recuperación para goce de toda a veciñanza da cidade.

A recuperación desta zona verde situada nun dos barrios cruciais desta cidade como é o barrio de Caranza foi un dos compromisos adquiridos polo goberno local co BNG para a aprobación dos orzamentos municipais do ano 2021 que segue agardando pola súa execución.

O BNG considera que esta zona da cidade é unha auténtica descoñecida para moitos veciños e veciñas debido precisamente a escasa atención que se lle presta por parte dos distintos gobernos locais que desaproveitan as oportunidades que esta parcela ofrece tanto como lugar de recreo como para poder albergar un centro de educación medioambiental.

O BNG desenvolver este sábado esta visita guiada por persoal técinco para que as persoas interesadas poidan coñecer de primeira man unha parcela que alberga unha grande variedade de especies botánicas de até 58 especies diferentes que se están a perder polo abandono municipal e como xeito de poñer en valor as propostas que o BNG trata de impulsar no concello.

É por isto que queremos invitarte a participar nesta actividade que terá lugar o vindeiro sábado 11 de xuño ás 12 horas con saída da antiga gasolineira das Pías.

Ferrol, a 7 de xuño, de 2022

Bloque Nacionalista Galego

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
7 de junho de 2022 13:57

_______

domingo, abril 17, 2022

O BNG pídelle ao Alcalde, Ángel Mato, honestidade en relación coa retirada dos simbolos franquistas


O BNG PÍDELLE A MATO HONESTIDADE EN RELACIÓN COA RETIRADA DOS SIMBOLOS FRANQUISTAS

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol pide ao alcalde da cidade, Angel Mato, que actúe con honestidade e asuma os acordos que el mesmo ten votado favorablemente no pleno de Ferrol en relación coa retirada dos símbolos, distincións e recordos que perduran na cidade do réxime franquista. Votar a favor dun acordo cando nin se asume nin se comparte é enganar á cidadanía.

O Bloque Nacionalista Galego lembra que hai 40 anos, en marzo de 1981, esta cidade xa retirou do nomenclator municipal o nome de González Llanos pola súa vinculación co réxime franquista, polo tanto o debate que ten xurdido respecto do acordo adoptado no pleno municipal é un debate extemporáneo.

O cambio de nome da rúa “González llanos” (actual estrada de circunvalación) promovida polo alcalde Xaime Quintanilla, en pleno postfranquismo e cando nin sequera existía unha Lei de Memoria Democrática, demostra que nesta cidade non só nada temos avanzado senón máis ben retrocedido en temas como este, a eliminación dos espazos públicos dos restos da ditadura franquista.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que o alcalde desta cidade debe ser honesto e se pensa que a súa postura é diverxente á do goberno socialista desta cidade de hai 40 anos, debería votar en contra da proposta máis posicionarse a favor para despois anunciar a negativa a dar cumprimento ao acordo dista moito do que se agarda do alcalde de Ferrol.

Así mesmo a postura do Partido Popular de Ferrol quen nun exercicio de cinismo político se abstivo nunha moción que, á vista das súas opinións, non comparten en absoluto, xunto co anuncio da presentación dunha moción para lembrar e honrar á figura dun destacado membro do réxime franquista retrata ben as claras quen é o Partido Popular, a ideoloxía que representa e non ten reparos en votar unha cousa e publicamente asumir outra.

Ferrol, 12 de abril, de 2022.

Bloque Nacionalista Galego

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
12 de abril de 2022 19:26

_______

mércores, marzo 16, 2022

A importancia de termos voz propia - Encontro en Ferrol, con Néstor Rego (Deputado do BNG no Congreso), este venres 18 de marzo, ás 8 da tarde no Antigo Hospicio, coa participación do portavoz municipal Iván Rivas


O vindeiro venres 18 de marzo, às 20 horas, no Antigo Hospicio de Ferrol imos desenvolver un acto público no que contaremos coa presenza de Néstor Rego, Deputado no Congreso.

Este encontro ten como obxectivo facer unha análise da dependencia e das repercusións que a política do Estado ten na nosa cidade e explicar as alternativas que desenvolve o BNG en Madrid con esta fin.

Coa participación de Iván Rivas, concelleiro e portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Ferrol

Ferrol 14 de marzo de 2022.

Consello Local do BNG de Ferrol.

Bloque Nacionalista Galego

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
15 de março de 2022 10:48

_______

luns, febreiro 21, 2022

BNG reclama compensacións para Ferrol pola exención do pago do IBI dos inmobles titularidade de Defensa - Néstor Rego urxe modificar a normativa para estabelecer a obrigatoriedade do Estado de compensar economicamente a perda de ingresos tributarios pola exencións fiscais - Propón tamén a elaboración dun informe sobre o impacto da exención do IBI polo bens afectados á Defensa na financiación do Concello de Ferrol


O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas para que o Goberno do Estado estabeleza compensacións ao Concello de Ferrol pola redución de ingresos que supón a exención no pagamento do Imposto sobre bens inmóbeis afectos a fins de Defensa. Reclama así mesmo que se cuantifique o impacto económico da exención presentando un informe e que se modifique a normativa para fixar a obrigatoriedade de compensar economicamente aos concellos que padecen a perda de ingreso por ter afectado unha grande parte do seu territorio con inmóbeis exentos, como é o caso de Ferrol.

O imposto sobre a propiedade é un dos principais ingresos nas Facendas Locais, gravando o valor dos bens inmóbeis situados en cada municipio. Mais dentro da norma que o regulan existen excepcións que os concellos deben aplicar de maneira obrigatoria sobre bens radicados no termo municipal. En concreto, estabelecese que os bens afectos á defensa nacional están amparados por unha exención, sen que se contemple algunha compensación aos municipios afectados pola previsión legal.

Esta exención do IBI supón un forte impacto na facenda local do Concello de Ferrol xa que preto de 20% do chan urbano está ocupado por edificios vinculados ao Ministerio de Defensa” explica o deputado nacionalista. Néstor Rego indica que, en termos comparativos, supón máis de 8.000 unidades catastrais o que supón “unha redución importante de ingresos”.

A formación nacionalista reclama elaborar, no prazo de tres meses, un informe sobre “o impacto da exención do Imposto sobre Bens Inmóbeis no financiamento no Concello de Ferrol”. Así mesmo, após o estudo, cabe realizar as compensacións oportunas ao municipio pola redución de ingresos que supón esa exención do pago do imposto e mesmo que esas “compensacións se estabelezan con carácter periódico”.

Hai que modificar a normativa para estabelecer a obrigatoriedade do Estado de compensar de maneira económica a perda de ingresos tributarios que sofren os concellos que contan con importantes zonas ocupadas por bens declarados exentos do Imposto sobre Bens Inmobles, como é o caso de Ferrol pola grande ocupación de terreos por Defensa” subliña Rego.

Por outra banda, debe destacarse que esa exención legal outorgada no IBI aos bens  afectos á defensa do Estado tampouco supón na actualidade outro tipo de vantaxes, como a de poder recibir cesión ou adquisición de terreos con maior facilidade cando os bens militares son desafectados e deixan de destinarse á defensa do Estado. “É unha reclamación da cidade de Ferrol que xa vén de vello” conclúe o deputado do BNG, Néstor Rego, “o concello debe soportar e asumir en grande medida custos e dificultades derivadas de albergar as instalacións de Defensa, porén, non reciben ningún tipo de compensación. É o momento de que o Goberno do Estado asuma as súas responsabilidades por esta situación, e dea un trato xusto a Ferrol e ao resto de concellos cunha situación semellante”.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
18 de fevereiro de 2022 12:37

_______

xoves, febreiro 17, 2022

Reclaman o libre aceso da cidadanía ao pazo municipal e a apertura ao público de todas as dependencias municipais - Presentouse publicamente un documento no que se recollen as demandas para recuperar o libre aceso da cidadanía ao pazo municipal de Ferrol e a apertura ao público de todas as dependencias municipais que a día de hoxe se atopan pechadas


O mércores 16 de febreiro, representantes veciñais de Ferrol xunto ao portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, presentaron publicamente un documento no que se recollen as demandas para recuperar o libre aceso da cidadanía ao pazo municipal de Ferrol e a apertura ao público de todas as dependencias municipais que a día de hoxe se atopan pechadas.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, que co documento apresentado esta mañá ao alcalde trátase de ir recuperando os dereitos que os veciños e veciñas desta cidade teñen perdido ao longo dos últimos anos. No contexto sanitario que padecimos era comprensíbel adoptar medidas de restricións de acceso a edificios e a ámbitos da administración pública mais ese contexto, a día de hoxe, está nunha situación moi diferente ao do inicio da pandemia sanitaria.

O documento asinado polo BNG e as entidades: A.VV. A Magdalena, A.V.V., Covas, A.V. Canido, A.V.V. “Castelao” de Brión, A.V.V. “Rosalía” A Graña, A.V.V. Ultramar, Agrupación de A.V.V. da Zona Rural; A.V.V. San San-Bertón ; A.V.V Ferrol Vello A.V.V. Recimil, A.V.V. Santa Mariña, A.V.V “O Cruceiro” Santa Icía, A.V.V San Pablo-Catabois, Dignidad e Asoc. Xeración; recolle 5 medidas concretas en relación coa mellora da accesibilidade dos veciños e veciñas de Ferrol nas súas relacións coa administración local.

Iván Rivas, defendeu que se algo se ten demostrado é a responsabilidade dos veciños e veciñas desta cidade a respecto do seu comportamento individual co obxecto de garantir a seguridade colectiva de todos os veciños e veciñas de Ferrol. É por isto que despois de escoitar as queixas reiteradas que se teñen producido polas dificultades de aceso a administración local vai sendo hora que se revertan estas limitacións.

Así mesmo produto da experiencia destes tempos consideramos que a administración electrónica pode ser positiva e solucionar, en moitos casos, a tramitación de expedientes, pero ten moitas eivas ademais de limitar o aceso ao conxunto da cidadanía. Así que neste documento piden avanzar nunha administración electrónica que non deixe a ninguén descolgado e esta sexa de aceso universal mellorando as ferramentas e facéndoas moito máis intuitivas.

Ademais coa supresión das limitacións de aceso ao pazo municipal trátase restaurar os dereitos dos veciños e veciñas desta cidade non só para realizar calquera tipo de solicitude ou trámite administrativo senón tamén para poder dirixirse e facer calquera tipo de suxerencia ou aporte aos responsábeis políticos municipais.

Ferrol 16 de febreiro de 2022.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
inacio GZ
inaciogz@gmail.com
17 de fevereiro de 2022 12:01

_______

mércores, decembro 01, 2021

Iniciativas municipais do BNG: reiterar a necesidade de dotar dun local á entidade veciñal de RecimilL e propñer transformar o antigo vertedoiro de Mougá nunha grande zona verde

Foto: representantes da asociación veciñal co concelleiro Iván Ribas


Iván Rivas, portavoz nacionalista, recorda que en febreiro do ano pasado o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG cunha serie de medidas específicas para o barrio de Recimil e encarar a súa recuperación tanto social como urbana sen que até o de agora o goberno de Angel Mato as poña en práctica.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, mantivo un encontro con representantes da asociación veciñal de Recimil para abordar a situación do barrio e o cumprimento dos acordos plenarios sobre o mesmo é a necesidade de poñer a disposición desta entidade un local para que poidan desenvolver as súas actividade.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, recorda que en febreiro do ano pasado o pleno aprobou por unanimidade unha moción do BNG cunha serie de medidas específicas para o barrio de Recimil e encarar a súa recuperación tanto social como urbana sen que até o de agora o goberno de Angel Mato as poña en prática.

Iván Rivas indicou que a recuperación de Recimil pasa pola súa recuperación económica e social. Destaca neste sentido o traballo da entidade veciñal que ten a vontade e quere traballar polo barrio, pero para iso precisan un lugar onde facelo. A solución é sinxela, Recimil é un barrio municipal, polo que só é preciso a vontade política do goberno local para ceder a esta entidade un baixo onde poder realizar o seu traballo.

Iván Rivas, afirmou, que outro dos obxectivos é a recuperación do mercado de Recimil que debe xogar un papel destacado na recuperación económica e social da barriada. Neste sentido indicou que é preciso axilizar ao máximo o proxecto de rehabilitación deste mercado, negociado co BNG na aprobación dos orzamentos municipais de 2021, co obxectivo de que sexa unha realidade o antes posíbel.

O BNG considera que ademais destas medidas non podemos esquecer que debemos traballar para acadar a diversidade social e conseguir un barrio cohesionado polo que se deberían adxudicar as vivendas baleiras e ir rehabilitando ás vivendas, tanto nos interiores como nas envolventes.

Ferrol 29 de novembro de 2021.


Iván Rivas afirmou que este proxecto debe formar parte dunha estratexia municipal baseada na necesidade de recuperar o abundante e rico patrimonio paisaxístico existente na cidade e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono e deterioro

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol propón ao goberno local a recuperación para o uso público dos terreos que ocupa o antigo vertedoiro de Mougá e acometer a transformación desta zona da cidade para convertela nunha grande zona verde.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, lembra que pasaron case vinte anos desde que o antigo vertedoiro foi clausurado, tempo máis que de sobra para que sobre o mesmo se poida desenvolver un proxecto que recupere para o goce da veciñanza de Ferrol dunha zona que a día de hoxe se atopa en estado de abandono total, gañando para a cidade espazos recreativos e de lecer e pondo en valor unha zona de grande valor paisaxístico.

O BNG lembra que o proxecto de selado do antigo vertedoiro de Mougá supuxo unha intervención sobre unha zona de 93.000 m2 onde se asentaba o que fora un dos vertedoiros máis grandes de Galiza, que máis tarde completaríase a recuperación desta zona coa clausura da antiga planta de compostaxe da Mancomunidade.

Ivan Rivas, portavoz nacionalista, indicou que o obxectivo é converter este lugar, hoxe abandonado, nunha nova zona verde, de ocio e paseo recuperando un espazo degradado para a cidade do mesmo xeito que se teñen recuperado zonas similares noutros concellos do noso país.

Iván Rivas vai máis alá e considera que ao mesmo tempo que se transforma o antigo vertedoiro nun grande parque público deberíase recuperar outras instalacións como a Aula Reciclaterra e implementar, actualizando o proxecto, da posta en marcha do centro integral da enerxía e residuos que recollía o plan de acción da Axenda 21 para a nosa cidade. Un proxecto que buscaba servir de punto de referencia para a divulgación e formación sobre as enerxías renovábeis e os residuos.

Desde o BNG sinálase que na actualidade as instalacións que se asentaran neste espazo como parte do proxecto de selado e recuperación, como foron os sistemas de drenaxe para os lixiviados e os sistemas de combustión para os gases que xeran os residuos enterrados están totalmente inutilizados produto do saqueo destas instalacións. Cómpre aproveitar este proxecto para recuperalas e tratar de controlar os gases e tamén os lixiviados co fin de evitar que cheguen aos acuíferos da zona.

Iván Rivas afirmou que este proxecto debe formar parte dunha estratexia municipal baseada na necesidade de recuperar o abundante e rico patrimonio paisaxístico existente na cidade e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono e deterioro.

Ferrol 30 de novembro de 2021.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
inacio GZ
inaciogz@gmail.com
30 de novembro de 2021 13:57

_______

luns, novembro 29, 2021

ADEGA presentou a través do grupo municipal do BNG unha moción relativa ao consumo alimentario que foi aprobada por unanimidade polo Pleno Municipal do Concello de Ferrol - Agora falta que o acordado se leve a cabo


Esta moción foi aprobada por unanimidade no pleno municipal celebrado o xoves 25 de novembro de 2021, agora falta que se leve a cabo.

Nesta iniciativa proponse que o concello de Ferrol desenvolva unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria. Que se dirixa aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector. E promova que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

MOCIÓN DO BNG RELATIVA AO CONSUMO ALIMENTARIO E ACORDOS COMPLEMENTARIOS

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego, ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte moción, para o seu debate no Pleno da Corporación

Exposición de Motivos

A delegación comarcal da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA-Trasancos queremos trasladar ao pleno municipal de Ferrol as seguintes propostas diante da situación actual en relación coa problemática alimentaria.

O informe de “Unidos Na Ciencia 2021” elaborado pola comunidade científica conclúe, que A Covid-19 non foi quen de diminuír o cambio climático, senón pola contra, tras unha baixada provocada pola paralización da economía, o cambio climático está a crecer, debido ao aumento de novo das emisións de GEI. A ecoloxía segue a estar case desaparecida do noso sistema de vida e da nosa economía e xunto coas concentracións cada vez maiores de gases de efecto invernadoiro, están condenando ao planeta e as súas moradoras a un escuro futuro, aínda que, en moitas partes do mundo esta escuridade xa é palpábel desde fai tempo.

Hai uns días a ONU por medio das súas axencias facía público un informe “O estado da seguridade alimentaria e a nutrición no mundo" elaborado polas FAO-OMS-FIDA-UNICEF-PMA, que concluía, que 1/3 dos alimentos que producimos van parar ao lixo. Isto significa 1.300 millóns de Tm de comida ao ano. Por facernos unha idea isto ven a supor, perto do 30% dos cereais, o que equivale a 763 millóns de paquetes de pasta, ou o 20% da carne vermella que equivale a 75 millóns de vacas. Tamèn a estudo concluía que se tira o 45% das froitas e vexetais que se colleita, unha cantidade equivalente a 3.700 millóns de mazás.

Ao mesmo tempo perto de 820 millóns de persoas pasan fame, case 3 mil millóns de persoas no mundo non poden acceder a dietas saudábeis moitas delas na Galiza e millóns de crianzas sofren atraso no crecemento por falta de alimentos. Coa Covid-19 isto agravouse, xa que, perto de 140 millóns de persoas sumáronse aos conxunto de persoas que pasan fame e teñen carencias nutricionais.

Un informe sobre a Galiza concluía, que perto da metade das familias galegas teñen problemas para chegar a fin de mes, o que con certeza está a influír na súa alimentación imposibilitándoas a levar unha dieta saudábel e o acceso a alimentos de calidade. O acceso a alimentos de calidade frescos e locais, está a ser unha das novas desigualdades na nosa sociedade, nas que por un lado temos un grupo de xente que pode levar unha alimentación saudábel e de alto valor, mentres outro grupo, este cada vez máis numeroso, non pode acceder a este tipo de alimentación. Cabe sinalar que este estudo demostra, que é un 10% máis alto a inseguridade alimentaria moderada nas mulleres que nos homes, aumentando en comparación co 2019 en case 4 puntos a nivel global.

Ao mesmo tempo o desperdicio de alimentos nas súas diferentes etapas (produción - transporte - almacenamento - venda e consumo) está a ser un factor decisivo no cambio climático. O informe constata que este desperdicio de alimentos supón, case o 10% das emisións de GEI a atmosfera, ademais de aumentar a contaminación de augas e terras, por uso dos agro-tóxicos e outros insumos e tamén está a aumentar o estrés hídrico en moitas partes do planeta, xa que, en moitas zonas onde se producen alimentos, xa por natureza sofren de este estrés, mais co cultivo de alimentos estase a agravar o problema. Segundo o informe na UE e na América do Norte, desperdiciase por persoa aproximadamente entre 100-120 Kg de alimentos ao ano. Na Africa Subsahariana e Asia, pérdense por persoa non máis de 13 Kg ao ano de alimentos. No estado Español a media é que cada habitante tira ao lixo uns 80 Kg de alimentos por ano. Segundo as axencias da ONU o custe económico deste desperdicio supera os 400 mil millóns de dólares.

Segundo lnger Andersen, directora executiva do PNUMA "Diminuír o desperdicio de alimentos reduciría as emisións de gases de efecto invernadoiro e a velocidade de destrución da natureza que resulta da conversión da terra e a contaminación. Ao mesmo tempo, melloraría a dispoñibilidade de alimentos e, polo tanto, reduciría a fame e aforraría diñeiro nun momento de recesión mundial".

Cómpre sinalar que este desperdicio de alimentos está a causar na maioría dos concellos, sobre todo na Galiza e máis concretamente no noso, o encarecemento da factura polo tratamento e recollida deste lixo, xa que a fracción orgánica ven a supor o 40% do peso da bolsa que xeramos diariamente co cal, ven a supor o 40% da factura que o concello de Ferrol paga pola recollida e tratamento do lixo cada ano.

Por todo isto solicitamos ao Concello de Ferrol a adopción dos seguintes acordos:

1.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a desenvolver unha campaña de concienciación sobre a problemática alimentaria que contemple:

1.1- Dirixirse aos centros de distribución de comida ou alimentos (grandes superficies, cadeas de supermercados, restaurantes, entre outros) instándoos a doar os alimentos acumulados, antes de que caduquen, en vez de tira-los ao colector.

1.2- Promover que isto se faga a través dun servizo local e público ou ben por medio de entidades que, desde fai anos, desenvolven entre as súas actividades o reparto de alimentos.

1.3- Actividades de concienciación dirixidas á: centros de ensino, entidades veciñais, e movemento asociativo e veciñanza en xeral sobre a problemática alimentaria, a importancia de planificar as compras e as comidas, para deste xeito evitar o desperdicio de alimentos e o que isto supón.

2. O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a promover e favorecer o estabelecemento de cadeas agro alimentarias curtas que eliminan intermediarios e, polo tanto, reducen a perda e o desperdicio de alimentos durante a colleita, o transporte e a venda,

3.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a potenciar os mercados municipais de Recimil, Caranza e A Madalena como centros de venda de produtos locais, frescos e de tempada.

4.- O Pleno do Concello de Ferrol insta ao goberno local a implantar na cidade o sistema de compostaxe comunitaria tanto na zona urbana como na rural, xunto con campañas de concienciación dos beneficios, económicos, sociais e medio ambientais desta forma de tratar o lixo.

Ferro1, 22 de novembro de 2021

Iván Rivas Rico
Portavoz municipal do BNG

SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL

https://ferrol.bng.gal/

https://adega.gal/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
29 de novembro de 2021 12:05

_______

venres, novembro 05, 2021

O BNG censura o pacto de silencio de FeC, PP e PSOE sobre o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 72


O BNG CENSURA O PACTO DE SILENCIO DE FeC, PP e PSOE SOBRE O 50 ANIVERSARIO DOS SUCESOS DO 10 DE MARZO DO 72

Iván Rivas portavoz municipal do BNG no concello de Ferrol, lamenta o voto en contra de Ferrol en Común, do Partido Popular e do Partido Socialista á proposta nacionalista para que o concello de Ferrol conmemorase o 50 aniversario da loita obreira de marzo do 72 en Ferrol e a negativa a declarar o vindeiro ano com “Ano do Día da Clase Obreira Galega”.

Iván Rivas, portavoz nacionalista, salientou que resulta curiosa a coincidencia ideolóxica das tres organizacións políticas que se situaron en contra desta proposta. É unha pena que co seu voto impidan que o concello de Ferrol lembre os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

Para o BNG, FeC, PP e PSOE pretenden dulcificar o acontecido e consideran que o concello non debe asumir un papel significativo co obxecto de lembrar aquela loita igual que se negan a censurar o papel que o Estado decidiu atribuírlle á nosa cidade. Unha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Rivas censurou o pacto de silencio entre as tres forzas estatais que teñen presenza no pleno municipal e a súa oposición a proposta do BNG sen presentar unha so alternativa por parte de ningún deles a piques de comezar o ano 2022.

É significativo que diante dunha proposta inclusiva como a do BNG o resto de grupos non optasen pola abstención e se situasen en conxunto en contra desta proposta sen propoñer nada.

Iván Rivas, portavoz do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas. E non dubidou en afirmar que o que aconteceu onte no pleno coa proposta do BNG é moi triste.

O BNG considera que terán que ser estas tres organizacións políticas quen expliquen o seu voto en contra a unha iniciativa que ademais de buscar o recoñecemento oficial do concello a esta efeméride durante o vindeiro ano procuraba espallala entre a cidadanía propondo a elaboración e desenvolvemento dun calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022. Estabelecer un galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos, ou a elaboración dunha unidade didáctica sobre o 10 de marzo de 1972 e o “Día da Clase Obreira Galega” para a súa distribución nos centros de ensino da cidade e da comarca.

A tráxica data, o 10 de Marzo, as folgas de Vigo desde o mesmo mes e o asasinato posterior de Moncho Reboiras en Ferrol, foron o xerme doloroso do sindicalismo galego actual e demostran a dignidade e loita do pobo galego contra o réxime franquista que foi fortemente represor desde os seus inicios até o seu fin. A conmemoración deste feito, non debe converterse nun muro das lamentacións e debera ser máis ben uns actos de recoñecemento e posta en valor da loita dos traballadores e traballadoras galegas para combater a precariedade e a pobreza.

Ferrol, a 5 de novembro, de 2021.
Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
5 de novembro de 2021 15:54

_______

Relacionada:

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas. | Ir Ártabra 21.
_______

xoves, novembro 04, 2021

BNG propón no Parlamento medidas para resolver o conflito de Electro Rayma con Navantia e que esta cumpra coas subcontratas - O deputado Mon Fernández defende un conxunto de propostas para promover e consolidar un tecido industrial na comarca de Ferrol ao abeiro de Navantia


BNG instou á Xunta no Parlamento galego a demandar do Goberno central explicacións sobre as negociacións entre Navantia e Electro Rayma para resolver as discrepancias económicas sobre a execución dos últimos contratos dos buques de tipo AOR para a armada australiana, logo de que a empresa comarcal -especializada na montaxe eléctrica e de compoñentes electrónicos- denunciara que mantén un contencioso económico (por sobre-custos que cifra en 4,7 millóns) coa empresa pública e que, despois da negativa desta última a facilitar unha solución áxil e negociada, derivou na presentación dunha demanda xudicial por parte da empresa localizada en Narón e que ocupa a arredor de 150 traballadores e traballadoras.

Logo de recalcar que Electro Rayma acusa a Navantia de aproveitarse da súa delicada situación económica para conseguir un acordo á baixa e de discriminala nas distintas licitacións, o portavoz nacionalista de Industria, Mon Fernández, reclamou tamén o estudo de solucións no ámbito da financiación e coa participación do Igape para evitar que a demora na solución do contencioso poida significar a perda de emprego na empresa subcontratista ou mesmo o seu peche.

Fernández enmarcou esta situación na falta de mecanismos que garanten a correcta relación entre a empresa pública e a súa industria auxiliar, polo que, ademais de propor medidas concretas para solucionar o grave problema que sofre Electro Rayma, defendeu nunha proposición de lei, propostas concretas para promover e consolidar un tecido industrial na comarca de Ferrol ao abeiro de Navantia.

Neste sentido, considerou de capital importancia aproveitar plenamente todas as posibilidades da contratación pública para a consecución de obxectivos estratéxicos, entre os que citou a protección do emprego, a participación das Pemes ou a reactivación de comarcas en crise como é o caso de Ferrolterra, para o que defendeu a discriminación positiva das empresas comarcais, a incorporación aos pregos de contratación de Navantia de mecanismos áxiles e negociados para a resolución das discrepancias económicas que eviten tensións de liquidez nas empresas subcontratistas e a incorporación do persoal da industria auxiliar aos plans de prexubilación do persoal da empresa principal.

O PP prefire queixarse dende a distancia que entrar no consello de Navantia

Por último, Fernández reiterou unha última proposta do BNG xa coñecida: que a Xunta entre no consello de administración de Navantia. “Unha posibilidade, non nos cansaremos de insistir, contemplada no propio Estatuto de Autonomía de Galiza, incluída tamén na Lei de fomento do sector naval de Galiza, aprobada por unanimidade neste Parlamento, e aprobada tamén, non se sabe xa cantas veces, en diferentes iniciativas traídas polo noso grupo parlamentar a esta Cámara, mais nunca, e isto é o relevante, nunca executada polo PP”, reprobou.

Así, recriminou ao Goberno do PP que un Executivo, o Executivo Feixóo, “que prefire criticar e queixarse desde a distancia, facendo como se non tivese responsabilidades de goberno, como se non tivese competencias ou capacidade para actuar e intervir, en xeral na economía do País, e en Navantia e na comarca de Ferrol, en particular”. Nesta liña, acusou ao PP de, “iso si, non se esquecer de pasar por Ferrol cando chegan as campañas electorais para facer a consabida promesa de carga de traballo para Navantia ou mesmo a constitución dun centro de reparacións na ría de Ferrol”. “Agora ben, xa forma parte da mesma tradición, que unha vez remata a campaña electoral, Navantia volve ser competencia exclusiva do Goberno do Estado e a Xunta, o Goberno de Feixóo, non pode facer máis que acusar co dedo”, recriminou con severidade.

Para o portavoz nacionalista de Industria, ter a posibilidade de estar no consello de administración de Navantia “e non estar, non querer estar, é ser cómplice, por omisión de todas as decisións que toma ou poida tomar a empresa discriminatorias con Galiza e coa ría de Ferrol; é poñerse de perfil diante dos problemas e da crise xa permanente da comarca de Ferrol”.

Porque un goberno que non se implica con Navantia é un goberno que non se implica con Ferrol. E iso é o que están facendo a día de hoxe os dous gobernos, o do Estado e o galego, os dous por igual”, concluíu na defensa dunha iniciativa que, na súa votación en comisión parlamentaria, foi rexeitada polo PP e contou coa abstención do PSdeG.

2 de novembro 2021

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
Inacio GZ
inaciogz@gmail.com
4 de novembro de 2021 07:10

_______ _______

martes, setembro 28, 2021

O BNG propón que Ferrol adique o ano 2022 ao 50 aniversario dos sucesos de marzo do 72 - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na dedensa dos dereitos de todos e de todas


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol ven de rexistrar unha moción, que será debatida o xoves 30 de setembro, na que propón que o vindeiro ano 2022 sexa declarado en Ferrol como o “Ano do Dia da Clase Obreira Galega” como xeito de comemorar o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Asi mesmo propón desenvolver un calendario de actividades: exposicións, conferencias, cursos ao longo do ano 2022 co obxecto de lembrar o esforzo desenvolvido en defensa da democracia e emancipación da Clase Obreira Galega así como o estabelecemento dun galardón: “Premio Día da Clase Obreira Galega”co que premiar a persoas ou colectivos significados na defensa dos traballadores e traballadoras galegas e os seus dereitos.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que non pode pasar desapercibido que hai 50 anos aconteceu nesta cidade a loita de traballadores e traballadoras, que foi reprimida por un estado antidemocrático, na defensa dos dereitos de todos e de todas.

Unha loita que cómpre lembrar máis que nunca nunha cidade que sofre desde hai anos a actitude indolente de gobernos dese mesmo estado que teñen desmantelado os nosos sectores produtivos sen ofrecer unha mínima e pequena alternativa para a situación que estamos a vivir nesta cidade desde hai décadas.

Ivan Rivas sinalou que o pasado debe servir de lembranza e recoñecimento para enfrontar o futuro e por iso desde o BNG consideramos oportuno que o próximo ano 2022 sexa declarado ano da Clase Obreira Galega, que desenvolvamos un premio que recoñeza o esforzo de persoas e colectivos na defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras galegas e que ao longo de todo o ano 2022 se poidan desenvolver actividades relacionadas cos dereitos dos traballadores e traballadoras e das persoas que teñen e que están a buscar traballo nunha cidade que precisa de maneira clara e contundente un proxecto de futuro que debe pasar por desenvolver o noso principal sector produtivo que non é outro que os estaleiros da ría de Ferrol.

O BNG quer lembrar que o vindeiro ano conmemorase o 50 aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 1972 na nosa cidade que teñen o seu desencadeamento na loita dos traballadores/as da Bazán durante a negociación do seu Convenio Colectivo e que deu lugar a que se recoñeza esta data como o Dia da Clase Obreira Galega. No percorrido deste conflito sucedéronse despedimentos de enlaces sindicais, detencións, torturas nas comisarías, numerosos feridos e dous mortos: Amador Rey e Daniel Niebla.

Esa tráxica data, o 10 de Marzo, pasou a historia do sindicalismo galego como "Día da clase obreira galega", e significou un novo e importante pulo de resposta á ditadura e o xermolo dun importante movemento sindical.

Igual que noutros países procúrase significar no calendario aquelas datas que lembran un fito importante da súa historia, o 10 de Marzo cumpre con estas características para a clase traballadora galega, para as súas organizacións é a referencia explícita da loita polas liberdades e polos dereitos laborais.

Consideramos que o Concello de Ferrol non debe deixar pasar a efeméride de conmemorar o 50 aniversario do Dia da Clase Obreira Galega, lembrando cunha serie de actividades os feitos do 10 de Marzo en Ferrol e o seu significado colectivo na Galiza de defensa da democracia e de emancipación da clase traballadora galega.

#diadaclaseobreiragalega

Ferrol a, 27 de setembro, de 2021

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
28 de setembro de 2021 22:33

_______

martes, xullo 20, 2021

A Ruada 'Día da Patria' percorrerá as rúas de Ferrol o vindeiro venres 23 de xullo, con saída às 8 da tarde da praza do Hino Galego e rematando na Praza de Armas - O 25 de Xullo, Manifestación Nacional em Compostela - Construíndo a República Galega

Ruada Día da Patria en Ferrol e Manifestación Nacional en Compostela

Construíndo a República Galega

Como ven sendo habitual nos últimos anos a nosa organización participa na convocatoria da “Ruada do Día da Patria” que percorrerá as rúas de Ferrol o vindeiro venres 23 de xullo con saída às 20 horas da praza do Hino Galego e rematando na Praza de Armas.

Este acto ten como obxectivo visibilizar a nosa identidade nacional e os nosos símbolos nun ambiente distendido pero cargado de reivindicación polo dereito do noso país á ter plena soberanía.

DÍA DA PATRIA EN COMPOSTELA

Queremos lembrar que este ano haberá manifestación nacional do Día da Patria en Compostela, con saída ás 12.00 horas da mañá da Alameda, como viña sendo habitual.

Desprazamento

Nese sentido, desde a comarca imos articular un servizo de transporte colectivo -coas quedadas que facemos tradicionalmente- coa previsión de regreso ao remate da manifestación; así que a xente que decida quedar a xantar en Compostela debe, xa que logo, organizar pola súa conta o xantar e tamén a volta en autos particulares. Para facer a inscrición no servizo de transporte colectivo hai que facer a oportuna reserva antes do día 24 no correo do local comarcal (ferrolterra@bng.gal) ou chamando ao teléfono 981364058, entre as 8 e 14 horas.

Indicar que este ano non haberá Festigal. Nin na noite do 24, nin no 25 despois da manifestación. Asi como tampouco vai existir planificación nin espazo nacional reservado para o xantar.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
19 de julho de 2021 14:05

_______

martes, xullo 06, 2021

Acto informativo do BNG sobre o impacto dos proxectos eólicos en Ferrol, este mércores 7 de xullo, ás 8 da tarde, no Galicia de Caranza


Acto informativo do BNG sobre o impacto dos proxectos eólicos en Ferrol, este mércores 7 de xullo, ás 20:00hs, no Galicia de caranza. Un encontro coa veciñanza sobre os parques eólicos que pretenden instalar en Ferrol e a súa repercusión.

#EolicaAsiNon.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.

Enviado por:
Inacio GZ
inaciogz@gmail.com
06 de julho de 2021 15:10

_______

luns, xuño 28, 2021

Acto informativo do BNG sobre o impacto dos proxectos eólicos en Ferrol, este martes 29 de xuño, ás 8 da tarde, no Centro Cívico de Canido


Acto informativo do BNG sobre o impacto dos proxectos eólicos en Ferrol, este martes 29 de xuño, ás 20:00hs, no Centro Cívico de Canido. Un encontro coa veciñanza sobre os parques eólicos que pretenden instalar en Ferrol e a súa repercusión.

#EolicaAsiNon.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.




Enviado por:
Inacio GZ
inaciogz@gmail.com
28 de junho de 2021 14:15

_______

venres, xuño 25, 2021

O BNG alcanza un acordo para apoiar os orzamentos municipais de Ferrol para o 2021 - Iván Rivas destacou que este acordo está baseado en criterios de carácter político que teñen que servir de punto de inflexión para o futuro da cidade


Ivan Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, compareceu esta mañá xunto ao alcalde da cidade, o socialista Angel Mato, para dar conta do acordo alcanzado entre as dúas organizacións políticas que permitirá sacar adiante o proxecto de orzamentos municipais para este ano 2021 e que irá a pleno a comezos da semana do 5 de xullo.

Iván Rivas sinalou que unha das necesidades que ten esta cidade é poder contar cuns orzamentos municipais. Esta é unha demanda que desde o BNG levamos insistindo desde o inicio deste mandato, é fundamental contar con orzamentos municipais xa que o feito de non contar con eles limita a capacidade de desenvolver os orzamentos dos anos seguintes debido ás restricións de gasto que estabelece a normativa estatal.

A dia de hoxe, hai unha situación excepcional porque as regras de gasto están suspendidas e polo tanto é crucial que no ano 2021 a cidade de Ferrol conte cuns orzamentos que permitan que en anos posteriores cando se volvan impoñer as restricións de gasto poidamos ter uns limites económicos que nos permitan abordar os grandes problemas que temos na cidade.

Rivas sinalou que o acordo ao que chegou o BNG e o PSOE permite que poidamos convocar o pleno para a aprobación destes orzamentos municipais nunha semana, tempo necesario para resolver os trámites administrativos que nos permitan chegar con toda a documentación en regra e conformada, tendo en conta os acordos aos que vimos de chegar e poder abordar a aprobación do orzamento municipal.

Iván Rivas destacou que este acordo está baseado en criterios de carácter político que teñen que servir de punto de inflexión para o futuro da cidade.

Isto vai permitir abordar dunha vez os procesos de municipalización de servizos públicos. Na actualidade danse na cidade oportunidades para poder comezar a abordar este problema. O servizo que se presta, fundamentalmente na zona rural, de rozas e limpeza de vías remata o seu contrato en agosto deste ano. Un servizo que basicamente ten custes de tipo laboral e a infraestrutura que se precisa é facilmente asequible. Este é o obxectivo que acordamos para acometer nos orzamentos deste ano 2021, municipalizaremos o servizo de rozas e limpeza de vías. Isto implica que o servizos publicos nesta cidade comezan a poñerse ao servizo dos intereses dos veciños e das veciñas e non das empresas concesionarias.

Outro dos criterios de carácter político deste acordo ten que ver coa necesidade de incrementar os ingresos municipais e fiscalizar as grandes empresas que prestan a dia de hoxe os contratos máis cuantiosos que desenvolve o concello de Ferrol. Imos a iniciar o expediente para reclamarlle a Urbaser os máis de 300.000€ que a auditoria do ano 2018 acredita que lle debe aos veciños e veciñas desta cidade, derivados dos pregos de condicións polos que presta o servizo de recollida de lixo e limpeza urbana da cidade e que até o día de hoxe ninguén lles quixo reclamar.

Rivas afirmou que isto ten que servir de punto e aparte para encamiñar unha actuación fiscalizadora e de control da prestación de servizos que se realizan no concello e orientar a prestación destes servizos cara a xestión pública en función dos veciños e veciñas da cidade.

O terceiro criterio é a necesidade de acometer investimentos que complementen os xa presentados por parte do goberno local en barrios cruciais e fundamentais para a cidade de Ferrol. No barrio de Recimil acometeremos a dotación de equipamentos abordando a recuperación e rehabilitación do mercado de Recimil o que permitirá mellorar a diversificación dun barrio que é crucial para esta cidade, porque o futuro urbano de Ferrol pasa por un barrio como este: público e situado no corazón do concello.

Acometeremos investimentos que se desenvolverán na zona rural en barrios como Santa Icía e Brión que serán os que reciban os importes acordados neste orzamento e complementarán ao POS como elemento básico para acometer investimentos na zona rural. Rivas indicou que vai sendo hora que asumamos que temos unha débeda coa zona rural e que empecemos a cumprir con ela.

O barrio do Inferniño será o destinatario de novos investimentos desenvolvendo un parque infantil cuberto que nos permitan ser conscientes da realidade que levamos vivindo ao longo do último ano no que vimos como era moi difícil desenvolver actividades de relación social e ademais facémolo en lugares onde necesitan o apoio por parte das Administracións publicas. Igual que actuacións contempladas no barrio de Santa Mariña.

Outro dos investimentos pactados están orientados a recuperación de espazos esplendorosos que ten esta cidade que se atopan nun estado de deterioro moi avanzado como é o parque do Montón, onde se niciará un proxecto para a recuperación desta zona verde situada nun dos barrios cruciais desta cidade como é o barrio de Caranza.

Xa por último abordamos outra das nosas motivacións e intereses que é poñer en valor aos nosos referentes locais, non só para a cidade senón para o resto do país e para iso imos a abordar a reorientación do proxecto da casa de Carvalho Calero destinando este conxunto de edificacións para usos culturais que permitan convertir este equipamento para o barrio nunha referencia para a cidade e unha referencia para todos os galegos e todas as galegas.

Esta é a proposta a que chegamos e que permite que poidamos abordar a aprobación destes orzamentos de maneira imediata e cobramos unha das grandes necesidades que este concello ten contar con orzamentos municipais este ano 2021.

Así mesmo Iván Rivas animou ao resto de organizacións políticas a que, cando menos, non bloqueen este acordo e permitan que este ano 2021 o concello de Ferrol conte cuns orzamentos municipais.

Ferrol 25 de xuño de 2021.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.




Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
25 de junho de 2021 15:26

_______

luns, xuño 21, 2021

As propostas do BNG para o futuro de Ferrolterra - Coa presencia de Ana Pontón - O xoves 24 de xuño, às 8 da tarde, na praza de Armas

Acto público do BNG en Ferrol coa intervención de Ana Pontón

Diante da situación socio-económica que esta a atravesar a nosa cidade, por todas coñecida, e diante da política de anuncios e máis anuncios, propostas de pactos de Estado que non levan aparellado ningún compromiso concreto e real, O BNG vai desenvolver un acto político co que poder trasladar o posicionamento da nosa organización, sobre o momento actual e o comportamento da Xunta e o goberno Central.

Interviran no acto público o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández, o portavoz do grupo municipal do BNG no Concello de Ferrol, Iván Rivas, a concelleira d'As Pontes Silvia Pardo, tamém este acto que contará coa presencia da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

O Acto Público terá lugar o vindeiro xoves 24 de xuño às 20 horas na praza de Armas de Ferrol.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.




Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
1 de junho de 2021 14:26

_______

luns, xuño 14, 2021

Acto informativo para analizar o impacto dos tres parques eólicos solicitados para construir na zona rural de Ferrol - O vindeiro mércores 16 de xuño, às 19.30 horas, no Local Social de Esmelle


Acto informativo en Esmelle sobre os proxectos eólicos


O vindeiro mércores 16 de xuño, ás 19.30 horas, no Local Social de Esmelle, desenvolvera-se un acto informativo para analizar o impacto dos tres parques eólicos que pretenden implantarse na nosa cidade.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.




Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
14 de junho de 2021 10:58

_______

mércores, abril 21, 2021

O BNG demanda melloras na sanidade e chama a secundar ás mobilizacións de SOS-Sanidade Pública - Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que é preciso implementar medidas que nos fagan saír da actual situación para o que é preciso reforzar a sanidade pública e deixar de insistir nun proceso de privatización e adelgazamento dese servizo básico ao que temos todas dereito


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol desenvolveu esta mañá un reparto informativo coa participación do portavoz municipal, Iván Rivas, e do Deputado, Mon Fernández, para dar a coñecer as súas propostas de cara a mellorar a sanidade pública e facer unha chamada á participación na mobilización convocada por SOS Sanidade Pública mañá mércores 21 de abril, ás 20 horas, diante do ambulatorio.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, considera que é preciso implementar medidas que nos fagan saír da actual situación para o que é preciso reforzar a sanidade pública e deixar de insistir nun proceso de privatización e adelgazamento dese servizo básico ao que temos todas dereito.

Rivas indicou que a crise sanitaria da Covid 19, como en tantos outros aspectos da nosa vida cotiá, deixou ao descuberto as consecuencias de décadas de políticas de acoso e derribo da sanidade pública desenvolvidas tanto pola Xunta de Galiza como polo goberno do estado. A situación que vivimos ao longo destes meses é produto da falla de recursos económicos que a administración estatal asigna aos galegos e galegas para xestionar unha sanidade descentralizada na xestión, pero ferreamente controlada e centralizada na súa dotación económica. Por outra parte é produto dunha xestión deses recursos económicos por parte da Xunta de Galiza orientados cara o adelgazamento da sanidade pública e a promoción da sanidade privada.

En Ferrol vivimos esta realidade dunha maneira máis crúa, se cabe. Evidenciouse na salvagarda desa sanidade privada a cal non se lle derivou un só paciente con Covid 19, ao longo da última vaga deste ano 2021. Evidenciouse tamén na carencia de recursos humanos e que pese a existir os espazos para poder desenvolver a atención a eses pacientes tiveron que ser derivados a outras áreas sanitarias como a de Lugo e Pontevedra produto de non contarmos cos medios e os recursos humanos para poder atendelos e se evidenciou en que existen, a dia de hoxe, listas de espera de semanas para conseguir unha cita, situacións provocadas polo peche de centros de atención primaria ao longo dos últimos anos, como o exemplo do consultorio da Graña pechado no mandato do PP nesta cidade.

Iván Rivas afirmou que en Ferrol e nesta comarca o obxectivo pasa por dotar e mellorar a atención primaria, reabrindo os consultorios pechados como o da Graña, pasa por mellorar o cadro de persoal dotándoo dos recursos humanos que permitan poñer a funcionar areas hoxe clausuradas como as que existen no Hospital Naval. Pasa por acometer dunha vez os investimentos durante tanto tempo demandados para a renovación do complexo hospitalario da cidade e pasa por desenvolver un plan de choque para a reactivación das intervencións cirúrxicas, das probas e das consultas presenciais.

Para o BNG se algo debemos ter aprendido do que ten acontecido ao longo do último ano é que a sanidade pública é un dos nosos piares como sociedade e o obxectivo pasa por reforzala, mellorala e consolidala para o futuro. Por siso facemos unha chamada a secundar a mobilización convocada mañá na nosa cidade pola plataforma SOS Sanidade Pública.

Ferrol 20 de abril de 2021.


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
21 de abril de 2021 08:02

_______

venres, abril 02, 2021

O BNG pide ao goberno local que rexeite os parques eólicos nos montes do Chá - Iván Rivas solicitou hoxe ao Alcalde da cidade que negue a autorización, no monte de titularidade municipal para a instalación deste parque eólico - Así mesmo pídelle que esixa o estrito cumprimento dos requirimentos medioambientais e de protección nos terreos de titularidade privada que promovan este tipo de instalacións


O BNG pide ao goberno local que rexeite os parques eólicos nos montes do Chá

Iván Rivas solicitou hoxe ao Alcalde da cidade que negue a autorización, no monte de titularidade municipal para a instalación deste parque eólico.

Así mesmo pídelle que esixa o estrito cumprimento dos requirimentos medioambientais e de protección nos terreos de titularidade privada que promovan este tipo de instalacións.


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol sinala que existe unha proposta que prevé a instalación de dous parques eólicos no concello, concretamente un nos montes do Chá, en terreos que contan cun importante patrimonio arqueolóxico, no que se atopan 39 mámoas, ademais de elementos naturais que precisan da súa protección e conservación.

Os impactos sobre estes bens patrimoniais non só virán determinados polos aeroxeneradores en si senón que xunto a eles será preciso desenvolver escavacións, cimentacións, canalizacións e instalacións complementarias que suporán unha alteración substancial da contorna, e sobre todo tendo en conta as grandes dimensións dos elementos que integran a proposta presentada.

Iván Rivas solicitou hoxe ao Alcalde da cidade que negue a autorización, no monte de titularidade municipal para a instalación deste parque eólico. Así mesmo pídelle que esixa o estrito cumprimento dos requirimentos medioambientais e de protección nos terreos de titularidade privada que promovan este tipo de instalacións.

O portavoz municipal do BNG de Ferrol lembra que a Ordenanza municipal de aproveitamento dos Montes do Chá sinala que os aproveitamentos forestais dos mesmos teñen que adaptarse aos requisitos contemplados no proxecto de ordenación do monte e que os aproveitamentos de contraprestacións por terceiros deben ser autorizados polo concello expresamente.

Ademais, a ordenanza advirte que o Concello debe velar polo carácter social do monte, e este carácter social dista moito de estar xustificado nun proxecto que exclusivamente persegue a rendibilidade económica dunha instalación eólica de promoción privada.

O BNG lembra que os impactos destes elementos non se limitan as afección sobre os bens patrimoniais dos montes do Chá antes sinalados senón que implicarán afeccións de carácter paisaxístico, atmosférico e medioambiental.

Iván Rivas lembrou que estamos a falar de aeroxeneradores dunhas dimensións salientables, que superarán os 200 m. de altura, equivalente, por exemplo, á altura da cheminea da térmica de Meirama e que no caso dos montes de Brión terán un diámetro de rotor de 150m. e no caso de Monteventoso de 175 m.

Para o BNG é evidente que un conxunto de elementos destas dimensións suporá un alto impacto paisaxístico. Si temos en conta que a presenza destas instalacións nun radio menor aos 5km pode considerarse de impacto visual alto, o feito de que algúns destes elementos se sitúen a menos de 500m. de núcleos de poboación e a menos de 2,5 Km. do peirao de Curuxeiras deixa as claras o importante impacto que estes aeroxeneradores provocarán na contorna.

Esta proximidade aos núcleos de poboación pode provocar ademais un efecto de sombra titilante sobre estes contornos habitados e ruídos e molestias ambientais xeradas polo seu funcionamento.

As afeccións sobre a fauna e sobre as aves serán tamén importantes dado que os proxectos están próximos a Zonas de Especial Protección para as Aves e a zonas declaradas como de Especial Conservación e sobre todo tendo en conta que este tipo de instalacións tipo provocan un incremento da mortalidade entre as aves por colisións contra as palas dos aeroxeneradores.

Por tanto o BNG considera que tanto pola proximidade a núcleos de poboación, como por localizarse nun espazo con alto valor patrimonial, como pola proximidade a zonas de protección ambiental, como por non estar xustificado o seu carácter social a localización destes aeroxeneradores nos ámbitos propostos debe ser denegada por parte do concello de Ferrol.

Ferrol, a 31 de marzo, de 2021

#NonInvasionEolica

#GalizaContraAmezaEolica

#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration


Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

Ferrolterra | Web.



Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
1 de abril de 2021 08:32

_______