Amosando publicacións coa etiqueta Colectivo Ártabra 21. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Colectivo Ártabra 21. Amosar todas as publicacións

sábado, maio 15, 2021

Aviso Importante: Ártabra 21 está sendo atacada


Ártabra 21 está sendo atacada

Ártabra 21 está recibindo denuncias falsas ante a Comunidade Blogger (cuxa propietaria é Google), desde a madrugada de hoxe 15 de maio ás 00:46. Polo de agora non parece que se utilice un robot para as falsas denuncias, pois en todo caso serían moito máis numerosas, mais para que Google tome cartas no asunto teñen que ser por cada post un número significativo de denuncias, o que obriga á Comunidade Blogger a revisar cada post denunciado, polo que se pode tratar dun grupo organizado. Denuncian posíbel malware e virus. Mais logo de revisar, o servizo de seguridade de Blogger, os post denunciados de Ártabra 21, este reavalida cada un dos post de acordo coas directrices da Comunidade de Blogger. Após a revisión de seguridade de Blogger, este restablecen-no. Mais o dano, en certa medida, xa está feito. Podía ser peor, pois o que buscan os atacantes é o peche de Ártabra 21, ou o seu desprestixio. Mais agardemos que isto non suceda. Podemos intuír a orixe das falsas denuncias que teñen que ver co defensa que facemos da Ría de Ferrol, mais non temos probas polo que non o imos mencionar. Só dicir que seguiremos, desde as nosas posibilidades, escribindo e difundido a nosa mensaxe e o que consideremos de interese para o ben común e a salvagarda do medio ambiente. Desculpar as molestias e agardemos que sigades confiando en Ártabra 21 un modesto medio local sen ánimo de lucro.

Equipa de Ártabra 21

---
Nota.- A 16 de maio de 2021, após a súa revisión, xa foran restablecidos pola Comunidade Blogger todos os post denunciados, sen atopar causa que violara as directrices da Comunidade. Só foron falsas denuncias co ánimo de facer dano pola actividade que desenvolvemos.
_______

luns, maio 07, 2018

Xosé Manuel Sanxoán Caamaño (Mel), ... Por Amadeo Varela - No noso corazón quedará para sempre, porque era 'dos de sempre' - E alí onde estea, nós queremos estar con el - Ata sempre, amigo


Intervención do compañeiro Amadeo Varela, no nome do Colectivo Ártabra 21, no acto de Homenaxe a Mel, na contorna do Inferniñofolk, celebrado o pasado venres 4 de maio, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño (Ferrol).

Por Amadeo Varela [*]
07.05.2018


XOSÉ MANUEL SANXOÁN  (MEL)

Os integrantes do Colectivo Artabra 21, do que Mel foi fundador e colaborador activo, unímonos á súa dona, os seus fillos e demais familia, na dor por esta irreparable perda. E queremos participar neste homenaxe á súa persoa, como un intento de acompañar a Mel, na súa derradeira viaxe.

Fóisenos MEL, con só 63 anos escasos. Como é lóxico supoñer, para a súa familia significa unha perda irreparable, pero tamén para nós, os deste Colectivo, a súa ausencia é un duro golpe, pois que era un verdadeiro “compañeiro de fatigas”; desas fatigas diarias que da a vida, nunha cidade tan abandonada e maltratada como é a nosa.

Sen pretender facer un relatorio dos seus méritos, que todos coñecemos, queremos lembrar a Xosé Manuel Sanxoán, como un deses inesquecibles compañeiros, dedicados a unha loita solidaria e continua, na defensa dos dereitos de todos. Activista consagrado, sempre estaba disposto a aportar traballo e ideas, alí onde podía axudar.

Mel era activista por convencemento; el sabía que tanto nas pequenas aldeas, como nos pobos ou nos barrios das cidades, a loita continua da veciñanza é, a única posibilidade para acadar unhas melloras indispensables, na educación, na cultura e na sanidade, aspectos nos que el participaba decididamente.

Firme defensor do asociacionismo, participou nun feixe de agrupacións, asociacións e plataformas, tratando de axudar na solución de problemas e mellorar esta sociedade egoísta e insolidaria.

Pola súa incesante actividade era sinalado como “un dos de sempre”, deses que “sempre están metidos en todo”, deses que tanto molestan aos que, desde o poder, non aturan que os veciños os critiquen e lles pidan contas.

Mel nos deixa un oco imposible de encher, pois como dixo o poeta, “cando un amigo se vai, queda un espazo baleiro, que non se pode ocupar, con un novo compañeiro”. El era un máis deses “bos e xenerosos”, que na nosa terra loitan día a día por unha sociedade mellor.

No noso corazón quedará para sempre, porque era “dos de  sempre”. E alí onde estea, nós queremos estar con el.

Ata sempre, amigo.




[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

_______________

martes, xaneiro 09, 2018

Foi-se o compañeiro Bernardo Bastida - Na mañá do martes, 9 de xaneiro de 2018, finaba o compañeiro por mor dunha enfermidade pulmonar que levaba padecendo desde había tempo - Desde Ártabra 21 queremos lembralo e reivindica-lo como un activista social, defensor da Ría e da Xente do Mar - Nota de pesame e solidariedade de Fuco Buxán do que era membro - Comité Cidadán de Emerxencia: Bernardo Bastida, sempre na nosa memoria, descanse en paz - Vídeo da manifestación do 3 de xuño de 2007 pedindo a súa liberdade


Foi-se o compañeiro Bernardo Bastida, mais fica na memoria de tod@s nós.

A mañá, deste martes 9 de xaneiro de 2018, finaba Bernardo Bastida Sixto por mor dunha enfermidade pulmonar que levaba padecendo desde había tempo. Desde Ártabra 21 queremos lembra-lo e reivindica-lo como un activista social defensor da Ría e da Xente do Mar.


En 4 de maio de 2007 se lle concedía acta de autorización de funcionamento provisional a Reganosa, de xeito ilegal como logo quedou probado polo Tribunal Supremo en sentenzas firmes. Sentenzas que o Goberno Español do PP burlou, excluíndo a Reganosa da obriga de someterse a avaliación de impacto ambiental. Asunto que xa está recorrido.

En maio de 2007 a imaxe dun gaseiro bloqueado na entrada da Ría de Ferrol foi portada de todos os medios de comunicación. A acción que durou varios días, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, na que participaban centos de cidadáns e cidadás, incluída a "xente do mar" -palabras que utilizaba Bastida para incluír a todas as mariscadoras, mariscadores e demais traballadoras que viven do mar- coas súas lanchas, verdadeira protagonista da acción que impediu a entrada ilegal do primeiro gaseiro cargado con GNL na Ría de Ferrol. Rachábanse, deste xeito, os muros de silencio construídos, para silenciar o despropósito de Reganosa, unha planta de gas construída no corazón da nosa Ría que nos ameaza todos os días.

A resultas daquela acción e doutra posterior do 29 do mesmo mes, Bernardo Bastida, entón patrón maior da Confraría de Ferrol, foi encadeado e procesado. Xulgado varios anos despois, xunto a outros mariscadores. A acción solidaria impediu que Bernardo ingresara de novo en prisión.

Os feitos de maio e xuño de 2007, incluída a detención e prisión de Bastida perante 15 días en Teixeiro, desencadeou unha grande mobilización solidaria co Patrón Maior e de denuncia da Planta de Gas. Miles de persoas nunha grande manifestación, máis de 1.000 auto-inculpacións, e unha marcha a pé da xente do mar até Teixeiro esixindo a liberdade do seu Patrón Maior. Pasados 15 días desde a súa detención, o fiscal une-se á petición de liberdade feita pola defensa, queda en liberdade o compañeiro Bernardo.

Mais Bernardo Bastida, ten o mérito, recoñecido, de facer da Cofradía de Pescadores de Ferrol, unha importante empresa, onde un sector da xuventude conseguiu unha profesión nas artes pesqueiras e marisqueiras, con moitos postos de traballo e unha considerábel facturación, foron anos de logros, mais non exentos de loitas reivindicativas, onde os intereses económicos e asociativos da xente do mar estiveron ben defendidos, concienciando na necesidade da defensa da Ría e do seu saneamento. E conseguindo elevar a autoestima das traballadoras e traballadores do sector.

Bastida, tiña unha dilatada historia de activista, desde a mocidade na loita na clandestinidade nos anos 70, nas filas comunistas contra a ditadura, onde foi represaliado e padeceu prisión; na implantación do sindicalismo en BAZAN até as folgas comarcais contra a mal chamada reconversión e as folgas xerais da Galiza, da primeira metade dos 80, onde foi un destacado activista nos piquetes, pasando pola xa mencionada recuperación do traballo no mar desde a segunda metade dos 80, perante 20 anos de actividade na defensa do sector. Na loita contra Reganosa e a súa colaboración nas Marchas da Dignidade e en Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra.



As compañeiras e compañeiros da asociación Fuco Buxán e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol envían unhas notas de pesar e recoñecemento, ante o falecemento de Bernardo que a continuación reproducimos.

Ante o falecemento de Bernardo Bastida Sixto

Fuco Buxán A.C. quere manifestar o seu profundo pesar polo falecemento no día de hoxe de Bernardo Bastida Sixto, compañeiro e socio da nosa asociación. Transmitirlle a súa compañeira Analuz , fillos Anuska e Pedro e familia o noso pesar e solidariedade.

Bernardo Bastida, nacera  en 1949, entrando de aprendiz na Bazán, onde traballou, ate ser despedido a consecuencia dos feitos do 1972 (foi detido e encadeado na prisión d'A Coruña), e readmitido coa amnistía de 1977.

Militante activo, desde a clandestinidade, do PCG e das CCOO, foi enlace sindical, detido e procesado polo TOP. Durante anos foi o Patrón Maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol donde realizou unha defensa activa deste colectivo, así como da Ria, sendo detido e procesado pola acción de bloqueo da entrada dos primeiros gaseiros cargados con GNL para Reganosa

Lembraremos sempre del a súa entrañable amizade e o seu compromiso, sindical, político e social. Descanse en Paz

Tanatorio Artabria  Sala Nro 9, sendo incinerado este mércores 10 de xaneiro, ás 18 horas.

---

O Comité Cidadán de Emerxencia lamenta profundamente o falecemento do amigo e compañeiro Bernardo Bastida, ExPatrón Maior da Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, que tivo lugar esta tarde, tras longa enfermidade, no Hospital Xeral de Caranza.

O lembraremos sempre como un dos principais colaboradores deste CCE na defensa da legalidade, da Ría e da Vida contra a ilegal e perigosa Planta de Gas, aínda a costa da súa liberdade.

Bernardo Bastida Sixto, naceu en Ferrol en 1949, e entrou de aprendiz en BAZÁN, ao tempo que militaba activamente, na clandestinidade, no PCG e nas CCOO. Como consecuencia dos sucesos do 10 de marzo do 72, foi despedido da Empresa, detido, torturado na Prisión Naval de Caranza, sometido a Consello de Guerra, encarcerado en A Coruña e procesado polo T.O.P. no Xuizo dos 23.

Coa amnistía de 1977 retornou a BAZÁN continuando a súa militancia política e sindical, como membro do Comité de Empresa.

Foi durante varios anos Patrón Maior da Confraría Ferrolá, onde encabezou una eficaz defensa dos intereses deste colectivo que lle custou numerosas sancións.

Tivo unha participación destacada na loita contra a instalación de REGANOSA no interior da Ría e no bloqueo a entrada dos primeiros Gaseiros cargados con GNL, en maio de 2007, sendo detido e confinado vinte días na Cárcere de Teixeiro, o que motivou numerosas e multitudinarias manifestacións e unha Marcha a pé dos Mariscadores ate aquela Prisión, para exixir a súa liberdade. Por tales feitos foi procesado con outros mariscadores e multado en 2014.

A pesar dos seus graves problemas de saúde estivo sempre presente nos actos reivindicativos, amosando o seu compromiso político e social de toda a vida.

Bernardo Bastida, sempre na nosa memoria, descanse en paz.

Mañá mércores, día 10 de xaneiro, unha vez realizada a autopsia, será trasladado ao Tanatorio Artabria, na Gándara, onde será incinerado ás 18 hs.

Álbum fotográfico. | Acceder/Baixar.
---

Manifestación en Ferrol, pola Liberdade de Bernardo Bastida, o domingo 3 de xuño do 2007.


https://youtu.be/R2pL7IDlIus

luns, setembro 15, 2014

Tres consideracións e dúas preguntas sobre o Ateneo Ferrolán

Reunido o Colectivo Ártabra 21 e informado da situación que está sufrindo o Ateneo Ferrolán na nosa cidade, quere manifestar publicamente o apoio a esta entidade nos seguintes termos:
1º O PP, no seu día, cos seus votos no Pleno aprobou e promoveu a rehabilitación do edificio do Ateneo. Para levar a termo esta rehabilitación se lle esixiu ao Ateneo o traslado do seu patrimonio. Este traslado e almacenamento realizouno unha empresa privada (Mudanzas Félix), no lugar de utilizar recursos municipais, e o Ateneo asinou o contrato de arrendamento dos contedores coa seguridade de que os custes estaban incluídos nos orzamentos da rehabilitación.

2º Hai máis dun ano que o Ateneo ven demandando ao Concello que asuma responsablemente a débeda adquirida polo traslado e custodia do patrimonio do Ateneo. Esta débeda non parou de medrar desde que finalizaron as obras de rehabilitación. Ante a denuncia presentada no xulgado por Mudanzas Félix, para esixir do Ateneo o pago de 39.000 euros en concepto de aluguer de contedores, cumpre que o Concello, como responsábel e promotor da rehabilitación do edificio, asuma a súa responsabilidade e poña fin a esta situación.

3º A actuación por parte do PP até este momento, só se pode clasificar como de acoso á entidade Ateneo Ferrolán. A rehabilitación do edificio realizouse sen local alternativo onde desenvolver as súas actividades; se lle reclúe na parte alta do edificio, agora rehabilitado, que levaba sendo a sede da entidade desde case 30 anos, e agora se pretende, mediante á privatización da xestión, outorgada á multinacional EULEN, acabar cun modelo de autoxestión cultural, que permitía un espazo de liberdade e independencia aberto a toda a cidadanía e ao tecido asociativo da nosa cidade, e non supoñía custe nas arcas municipais.
O Colectivo Ártabra 21 estaría moi interesado en que o Sr. Alcalde respondera a estas dúas preguntas:
As entidades de Ferrol, teñen que, a partir de agora, estar alerta e  sospeitar que as melloras que se leven a cabo por parte do concello, nos edificios de propiedade municipal que utilizan, vanlles supoñer prexuízos económicos e xudiciais como lle ocorre ao Ateneo Ferrolán?

En que parte do programa electoral se recollen todas estas actuacións, incluíndo o acordo coa empresa EULEN, que no nome da austeridade, privatizan servizos que resultan máis caros para a cidadanía que a xestión pública e as iniciativas sociais de autoxestión?
Reiterar o noso apoio à concentración que convoca o Ateneo Ferrolán, co apoio dunha parte moi importante do tecido asociativo e cultural da cidade, para este martes 16 de setembro na Praza do Concello, ás 8 da tarde, para esixirlle ao goberno municipal que asuma as responsabilidades contraidas e se encargue dos gastos do traslado e almacenamento do patrimonio da entidade por mor das obras de rehabilitación do edificio que realizou o Concello.

Ferrol, 14 de setembro, de 2014

Colectivo Ártabra 21

Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Ferrol Terra de Trasancos e Bezoucos
  
Correo-e: artabra21@gmail.com
Sitio-e: http://artabra21.blogspot.com/
___________________

venres, setembro 27, 2013

"Mala gente que caminha e vai apestando à terra" (Antonio Machado)

Estimadas amig@s e pessoas que seguides Ártabra 21:

O Administrador deste blogue, nom tivo mais remédio que excluir 230 comentários. Mais de 200 deles, tóxicos ou moi tóxicos. Alguns dos comentários eliminados, seguro que eram bem intencionados e outros non eram anónimos (moi poucos), mais fixemos o corte nos últimos 230, para sanear o blogue.

Desde hai um tempo, neste blogue, algumha gente anda comentando, detrás do anonimato (eles cren-no así), insultando, mentindo e difamando. Até agora, a publicaçom destes comentários, em Ártabra 21, era anecdótica, desde hai um tempo é unha prática habitual. Estes comentários estám feitos por apenas media duzia de pessoas, unhas com bastante mais actividade que outras.

O motivo, podemo-lo intuir, mas non o sabemos, mas a intençom está clara, desprestigiar e pôr em dúvida a honorabilidade de pessoas que formamos parte de Ártabra 21, do Encontro Social de Ferrol Terra e mesmo doutras organizaçons do movimento social organizado desta Comarca.

Os comentários anónimos que continham difamaçons, insultos e mentiras, já ocupavam um importante espaço deste blogue. Neste verám fixeron-se no blogue mais de 200 comentários tóxicos, intensificando-se nos últimos dias. Todos estes comentários estavam feitos desde o anonimato com clara vontade mal intencionada e destrutiva.

Mesmo desde o anonimato podem-se fazer as críticas com respeito, mais non é o caso, aqui o anonimato em moitos casos é sinónimo de covardia e perversom.

Ante esta situaçom, e para salvar o trabalho realizado nestes últimos anos desde Ártabra 21, imos proteger o blogue, eliminando o anonimato nos comentários e se isto non chegara, e non fora o suficientemente dissuasório, faremos que os comentários passem por um processo de moderaçom, cousa que lamentaríamos, pois estes nom se publicariam no momento.

Desde Ártabra 21, excluiremos os comentários insultantes, com ataques pessoais ou que nom tenhan nengumha relaçom co expressado na correspondente publicaçom ou artigo. A discrepância será bem-vida sempre que se faga com respeito.

Inácio M.
inaciogz@gmail.com
Administrador do blogue.
________________

martes, xaneiro 01, 2013

Declaracións de Rosalia de Castro ante a utilización da súa imaxen por Nuñez Feijoo.


O pasado 31 de decembro, na TVG, o presidente Alberto Nuñez Feijóo facía o seu mensaxe de fin de ano utilizando unha fotografía moi popular da escritora e precursora feminista Rosalía de Castro. Esa noite, un amplo sentimento popular cualificaba o feito como unha grande manipulación. Utilizar un símbolo dos desexos de xustiza, igualdade e liberdade do pobo traballador galego; unha vida e obra dedicada á denuncia dos poderosos, por parte de quen, coas súas políticas, está a defender os seus privilexios, non pode ter outra cualificación que un novo aldraxe a sumar a todos os que ven sufrindo Rosalía de Castro, por parte de moitas instancias políticas e relixiosas. A escritora fixo as seguintes declaracións para Ártabra 21:
Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―――

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
―Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira.

"A xustiza pola man"
Rosalia de Castro. Follas Novas.
____________

martes, agosto 07, 2012

Viva a Cultura, Viva o Ateneo Ferrolán !!


Desde o Colectivo Ártabra 21 queremos expresar o noso apoio ao Ateneo Ferrolán na loita por manter a súa integridade como entidade cultural, ameazada pola decisión do goberno municipal co intento de diluír ao Ateneo nun Centro Cívico Cultural (probablemente prevexan que sexa xestionado pola corporación multinacional Eulen), privando-lle da súa sede social que ven ocupando desde hai máis de 30 anos. O Ateneo Ferrolán non só é un "punto de referencia e consulta imprescindíbel dentro do mundo cultural de Ferrol e en xeral de Galiza; non só polos centos de actividades culturais (debates, cine, conferencias, mesas redondas, exposicións, concertos, etc...) que organiza,..." non só é unha asociación recoñecida "pola súa capacidade crecente de convocatoria na realización das distintas e plurais actividades programadas, ...", polo seu compromiso social coa xustiza e a igualdade, ou por ser "unha entidade que ofrece o seu espazo a outras entidades e asociacións que queiran dispoñer das súas instalacións", senón que, o Ateneo, tamén é a súa sede que lle dá singularidade e identidade, un "edificio histórico so século XVIII, enclavado no tamén histórico Barrio da Magdalena".

No mundo occidental, ao abeiro da Estafa chamada Crise, esta-se producindo unha revolución neoliberal no económico, acompañada dunha revolución neoconservadora no social. A situación de Ferrol temos que entendela desde esta perspectiva. O actual Alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela e dous dos seus máis destacados colaboradores, José Manuel Vilariño Anca e Guillermo Evia Pérez, como o resto dos concelleiros e concelleiras do dereitista Partido Popular, entre os que está Manuel Reyes García Hurtado, non son máis que peóns fieis cumpridores das políticas dereitistas e antidemocráticas que emanan da dereita política e ideolóxica que conciben só un mundo de ricos e pobres, dos que teñen e os parias, do amo e o escravo. Consideran unha vontade de Deus os privilexios e as desigualdades, que é "natural" a inxustiza. Non hai dubida de que o concelleiro Manuel Reyes García é o prototipo do político afastado do servizo á comunidade, e fai honor á política do seu partido. Prometeu acabar coa cultura en Ferrol e non dubida en dar os pasos necesarios.

Non hai moito tempo que unha parte moi importante do tecido cultural de Ferrol criticaba as actitudes do citado concelleiro e asinaba un manifesto público, para denunciar a política cultural e a prepotencia e soberbia do edil responsábel da área. Mais está á luz que só un manifesto non chegaba, faltaba e falta a acción. Manuel Reyes García non dubida tampouco en utilizar argumentos camaleónicos esgrimidos para despistar (aforro, Concepción Arenal, ...) e fan desviar a atención do verdadeiro obxectivo que queren conseguir: deixar ao Ateneo sen a súa sede, para diminuír a súa influencia social e cultural na cidade.

Todo está relacionado, unha aposta ideolóxica de dominación e alienación, con políticas sociais e culturais concretas, desde as medidas económicas e sociais antiobreiras, de Rajoy e Feijóo, até a redución antidemocrática de parlamentarios a elixir, mesmo a ameaza de retrocesos en dereitos fundamentais para as mulleres, pasando polo malgasto na Praza de España, ou unhas festas de Ferrol onde predomina o divertimento alienante, mentres o Social, o Galego e Galiza non existen.

Non podemos permitir que unha minoría, impoña as súas políticas reaccionarias á maioría social. Lembrar que gobernan con maioría absoluta, máis só co 24,44% dos votos (14.974) do censo electoral (61.259). O tecido cultural e social desta cidade temos que buscar fórmulas organizativas e de unidade de acción, para facer frente a estas políticas dereitistas e antidemocráticas e denunciar pública e socialmente o malgasto, as inxustizas e os despropósitos.

Viva o Ateneo Ferrolán !!

Viva a Cultura !!

Ferrol, a 7 de Agosto de 2012



Colectivo Ártabra 21
artabra21@gmail.com
artabra21.blogspot.com

___

venres, maio 20, 2011

Comunicado Público do Colectivo Ártabra 21 diante da Eleccións Municipais do 22 de Maio de 2011



Na convicción de que non todos os partidos políticos son iguais, o Colectivo Ártabra 21 chama a votar, para frear o avance das forzas da dereita, para impedir que acaden o poder municipal O Colectivo Ártabra 21, chamamos a todas as persoas da esquerda ferrolá e do resto da Comarca que podan votar, que reflexionen e se mobilicen, que voten este 22 de Maio, que voten e o fagan en consciencia, pedimos a todas as persoas de esquerda un esforzo para apoiar ás distintas forzas e partidos políticos de esquerda, que concorren nestas eleccións municipais.
Aínda que como Colectivo non nos satisfai, en parte, as políticas do actual goberno municipal, se hai que recoñecer-lle certo avance nas políticas sociais, no da participación cidadá e na disposición ao diálogo co movemento social. Aínda que, non nos satisfai a proposta de construción de novos centros comerciais, os estacionamentos no barrio da Madalena, e a proposta polo crecemento da cidade cando esta decrece en poboación, si supuxo un grande avance no tema urbanístico a paralización da urbanización de Menáncaro, a aposta pola rehabilitación de Recimil, A Madalena, Esteiro e Ferrol Vello, e o freo á privatización dos espazos públicos. É por iso polo que amosamos a nosa preocupación, ante as previsións e sondaxes electorais para as vindeiras eleccións municipais, onde estiman que a dereita ferrolá pode chegar á maioría absoluta. Nós pensamos que esta maioría absoluta sería un paso atrás nas políticas sociais e urbanísticas da cidade. O Colectivo Ártabra 21 é o herdeiro da antiga Plataforma Ártabra 21 que tivo como principal misión obrigada, a mobilización social en defensa dos espazos públicos, o patrimonio urbanístico e os espazos naturais, motivada polas políticas especulativas e favorecedoras dos amigos e privilexiados da dereita ferrolá. Temos, na memoria recente, as nefastas políticas privatizadoras do Goberno PP-IF contra as prazas públicas da nosa cidade. Obstinaban-se en construír un macro-edificio en plena Porta Nova [Praza de España] con finalidade privada. Tamén un complexo de hostalería e "piscina" privada na Praza de Sartaña. Querían demoler o barrio de Recimil para especular co seu chan, ou consentir unha urbanización e hotel de luxo na Fraga de Menáncaro, sendo un tenente-alcalde o grande beneficiado. O que se nos anuncia desde as propostas da dereita, é máis do mesmo, construción desmesurada, ... e xestionar a cidade como se fose unha empresa privada, con marca incluída e todo, é dicir negocio, lucro, desinterese polo benestar e felicidade da cidadanía. Totalmente incompatíbel coa sustentabilidade; cos coidados das crianzas, maiores e dependentes; cos necesarios servizos sociais públicos, plenos, de xestión pública e de calidade; coa complementariedade das actuacións municipais fronte a competitividade; cunhas traballadoras e traballadores satisfeitos, con benestar e con saúde; cunhas actuacións municipais transparentes; coa participación cidadá na xestión e nos orzamentos; ... O que se presenta agora como líder da dereita ferrolá renovada, de “novo” no municipalismo non ten nada. Foi membro destacado do grupo de goberno dereitista PP-IF, con responsabilidades moi concretas na facenda pública do Concello e na toma de decisións contra a maioría social e o patrimonio da cidade [natural e urbanístico]. Todas as actuacións políticas, en parágrafos anteriores, foron impulsadas, apoiadas e votadas por moitos dos actuais candidatos dos partidos dereitista PP e IF que lembramos tiveron un alto prezo de diñeiro público. É dicir, pagado cos nosos impostos, onde o goberno galego e goberno local tiveron que facer fronte a duras indemnizacións de case 8 millóns de euros á empresa construtora. Todo por facer unha desfeita na "Praza de España" e un túnel que levou o "premio do peor construído na historia da enxeñería" [aos tres días da súa inauguración tivo que ser pechado para a súa reforma e aínda hoxe se chove un pouco de máis inunda-se]. E aínda quedan os millóns que piden por un nefasto proxecto privatizador da Praza Sartaña e outros máis que queren cobrar polas irresponsábeis actuacións da dereita ferrolá cando estivo no goberno municipal. Pensamos que estas forzas da dereita non cren nin fan unha aposta decidida por unhas políticas públicas, sociais e universais como o ensino público, a sanidade pública, os servizos socias, ... ou a normalización lingüística, a participación cidadá, os comedores escolares e actividades nos centros públicos, as escolas infantís, a integración social d@s inmigrantes,... Peor aínda, pois fan políticas herdadas do franquismo en diversas areas sociais a xeito da antiga beneficencia, potenciando o favoritismo, o clientelismo e a dependencia. A dereita ferrolá esforza-se, e moito, por desprezar a nosa cultura e lingua galegas, prefire promover o asimilacionismo máis rancio do españolismo e señoritismo; e o integrismo relixioso, na súa “expresión cultural" máis singular na chamada "Semana Santa Ferrolá". Aínda que non nos compracen plenamente as forzas políticas progresistas que se presentan nesta contenda electoral, pois somos conscientes dos erros cometidos e na persistencia de certas políticas de crecemento sen ser conscientes das súas perniciosas consecuencias, ou certos posicionamentos con respecto a Reganosa, vemos necesario un entendemento e compromiso político a través do diálogo sincero, polo interese común da cidadanía, pola defensa dos servizos públicos, polos dereitos civís, pola democracia participativa, pola sustentabilidade, pola defensa do medio, polo dereito á vivenda, polo dereito ao emprego ou unha renda básica universal; pola práctica das catro “erres”: Rehabilitación, Reciclaxe, Reutilización, Redución; pola promoción do consumo responsábel; polo saneamento da Ría; pola vida saudábel, polo lecer e a festa participativa. A dereita ten claro o que quere, por iso sempre vota. As actitudes abstencionistas favorecen o seu aceso ao poder, tratan sempre de descualificar ou desfavorecer a participación política da cidadanía mais alá de pedir o voto cada catro anos. Para eles, as institucións son cousa duns poucos para poder mangonear e aproveitar-se das mesmas, para favorecer aos seus intereses, polo que non cren na participación cidadán, moven-se polos seus intereses individuais e económicos, acaparando o poder a calquera prezo e medio, por iso menten, disfrazan o seu discurso ou actúan con hipocrisía. Por todo isto desde o Colectivo Ártabra 21, chamamos a todas as persoas da esquerda ferrolá e do resto da Comarca que podan votar, que reflexionen e se mobilicen, que voten este 22 de Maio, que voten e o fagan en consciencia, pedimos a todas as persoas de esquerda un esforzo para apoiar ás distintas forzas e partidos políticos de esquerda, desde a socialdemocracia ao nacionalismo de esquerdas, que concorren nestas eleccións municipais. Ferrol, a 18 de Maio de 2011
Colectivo Ártabra 21
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Ferrol, Terra de Trasancos e Bezoucos
Blogue do Colectivo Ártabra 21 http://artabra21.blogspot.com/ artabra21@gmail.com __________________

sábado, maio 14, 2011

Ártabra 21 soma-se ao Acto Unitario pola Nosa Lingua da Praza Rosalía do Luns 16 de Maio


O Colectivo Ártabra 21 suma-se ao convite que diversas asociacións da nosa comarca, lanzan a toda a cidadanía para participar no Acto Unitario da Praza Rosalía de Castro, no barrio de San Xoán, para celebrarmos a nosa Lingua e as Nosas Letras. Un acto no que se escoitarán, desde distintas sensibilidades, valoracións e reivindicacións referentes á situación da Lingua e Cultura galegas, e unha expresión artística e popular que tamén vai reivindicar a figura de Lois Pereiro.

A convocatoria unitaria desenvolvera-se a partir das seis da tarde, ao redor da pequena figura de Rosalía de Castro, que preside a praza no barrio de San Xoán de Ferrol, este Luns 16 de Maio, véspera do Día das Letras.


Exibir mapa ampliado


Nota.- Foto de Jesús Rodríguez Montero - Lois Pereiro nun acto celebrado en Monforte de Lemos en 1992 - Na presentación do seu libro "Poemas 1981-1991". tirado da Fotobiografía Sonora - Ouvirmos  edición 2010.
_______________

luns, decembro 01, 2008

Contribuíndo na construción do movimento social de esquerdas na Comarca de Ferrol Terra de Trasancos

O pasado 25 de Novembro tivo lugar unha Asemblea Xeral Extraordinaria da Plataforma Ártabra 21, nos locais do Ateneo Ferrolán. Na Asemblea participaron representantes das entidades "Colectivo Veciñal -Praza de Sartaña Sempre Pública-", "Comunidade Menáncaro", "NÓS-Unidade Popular", "Comisión Veciñal pola Recuperación de Ferrol Vello", "Asociación Veciñal O Rosario - Inferniño" e comunicaron o seu acordo coas resolucións tomadas, os representantes do "Ateneo Ferrolán" e "Colectivo Veciñal de Recimil".

No transcurso da Asemblea valorou-se o proceso, relativamente longo, de práctica, reflexión e debate, da situación da Plataforma, polo que como resultado desta valoración e ante a continuada falta de resposta e asistencia das distintas entidades que conformaban a PA21 ás convocatorias e dunha falta de capacidade operativa, chegouse á conclusión de que o modelo organizativo da PA21, non respostaba á actual situación, polo que os representantes presentes decidiron a reformulación e transformación da PA21.

Analizouse que a Plataforma Ártabra 21, no seu momento, cumpriu seu obxectivo na pasada etapa de goberno PP-IF, dando unha resposta social de mobilizacións e apoios a outras plataformas e colectivos; realizando pronunciamentos públicos, denuncias e apoio ás loitas populares; realizando asembleas e actos de información e debate; apoiando a loita contra a Planta de Gas; contra o proxecto de minipiscina e edificio que pretendía sacrificar a Praza Pública de Sartaña, para beneficios privados; o apoio á loita da veciñanza expropiada de Canido; a favor da loita pola rehabilitación do bairro de Recimil; da loita pola defensa da Fraga de Menáncaro; da loita da Comisión Cidadán pola Recuperación e Rehabilitación de Ferrol Vello; da loita pola defensa dos montes de Brión e Leixa; da loita unitaria na defensa dos espazos públicos, pola defensa da Praza da Porta Nova, contra a especulación e a usurpación dos espazos públicos para usos e lucros privados.

En coherencia con esta análise, a pesar do tempo transcorrido, desde que se realizou "O Paseo Urbano contra os Despropósitos Municipais" do goberno da dereita (PP-IF), o 20 de Maio de 2007, valorouse a necesidade de aproveitar esta sinerxia "filosófica" e reivindicativa da PA21, para continuar este proxecto popular, como un elemento máis do movimento social da comarca, onde se pensa confluír, reformulando e creando un COLECTIVO de filiación social a título persoal, continuador da PA21, REIVINDICANDO o compromiso contemplado no ideario do seu DOCUMENTO FUNDACIONAL, adaptando-o ás novas circunstancias.

Para o cal decidiuse facer unha CONVOCATORIA de ASEMBLEA CONSTITUINTE para o martes, día 9 de Decembro, ás 7 da tarde, nas instalacións do ATENEO FERROLÁN, convidando a participar ás persoas integrantes de cada unha das organizacións e colectivos que estiveron formando parte da PA21 até agora, e das persoas que teñan interese na participación.
_____________________