Amosando publicacións coa etiqueta Rafael Pillado. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rafael Pillado. Amosar todas as publicacións

sábado, marzo 28, 2015

O 'basta xa', insoportable, ... Por Rafael Pillado


Por Rafael Pillado [*]

28.03.2015

Cando pensaba que esgotara a miña capacidade de asombro, chega a noticia de que Navantia nomea a José Antonio Oliva xefe de persoal nos estaleiros da ría de Cádiz. Nada menos. Analizar por que se chegou a esta situación, require percorrer os pasos dados na negociación do último convenio. Incluso analizar o comportamento dos comités, cando a empresa reduciu o incremento salarial dos prexubilados no ano 2008, aínda sen cobrar. Pois ben, despois de moito tempo de prórroga do anterior convenio, e cando só faltaban meses para concluír aquel, a empresa tivo moita présa para que se negociase un novo.

No mes de xullo de 2013 asinouse un preacordo por parte da comisión negociadora. Inmediatamente, no que toca a CCOO, a federación decidiu apoiar a firma definitiva dese “convenio”. Pouco importaba se con elo se liquidaban conquistas históricas; importaba saír da situación para logo negociar outro e o plan de empresa. Con ese obxectivo se desprazou por todas as factorías, conminando ás seccións sindicais, para que asinasen mesmo sen consultar aos traballadores. Tiñan presa, tiñan moita présa por contentar a Navantia. Incluso, na factoría de Puerto Real, o comité invitou ao xefe de persoal para que na asemblea convencera aos traballadores. E logrouno.

En plena negociación do convenio, alá polo mes de xullo, un antigo dirixente da empresa preguntoume: “... de onde sacou Comisións Obreiras a este personaxe?”, referíase a Oliva. Non tiven resposta. Agora, si a teño. Este individuo era presidente do comité intercentros de Navantia, nomeado por CCOO. E esa designación modificou a tradicional elección dun representante de Ferrol, dada a maioría da plantilla nesta comarca. E agora, cando a Audiencia Nacional anula o “convenio asinado, aparece a decisión empresarial de nomear a Oliva xefe de Recursos Humanos. Este personaxe manipulou todo o proceso. Postulouse para o intercentros, dirixiu a negociación do convenio e tamén o pretendido plan de empresa. Intimidou aos traballadores para que aceptasen o preacordo, incluso acudiu á chamada da empresa en contra da opinión do sindicato, arrastrando a outros representantes para firmar, e logo deixou a todos plantados, salvo a Navantia. Todo unha burda maniobra.

Claro que, quen a fixeron fracasar foron as asembleas de Bazán e Astano. Non contaban cos cadros de persoal, coa súa experiencia. Pensaron que “todo o monte era orégano”. Equivocáronse. E iso despois de que os dirixentes das seccións sindicais de Fene e Ferrol manifestaran publicamente a súa aceptación. Foi a recollida de firmas, o debate interno, tamén a acción dos xubilados, que obrigaron a consultar e por absoluta maioría os traballadores rexeitaron a firma. Aqueles quedaron desautorizados.

Dende o punto de vista sindical temos antecedentes de comportamentos semellantes. Recordamos que non hai moito tempo, Xosé Manuel Lado Lestón, secretrario xeral de A Coruña, dun día para outro, pasou a ser xefe de persoal de Monbus, por certo que o seu patrono Raúl López acaba de ser detido na operación condor. Son os dirixentes de CCOO intercambiables coa patronal? ¡Ten moito que ver coa selección dos cadros sindicais e a concepción dos órganos de dirección!

Ninguén se decatou da actuación de Oliva? Porque con ser grave descubrir que un dirixente do sindicato estivo traballando para Navantia, o verdadeiramente grave é que os responsables das seccións sindicais de cada factoría e da federación, tragaran aquel enxendro de convenio. Estaban máis atentos ás indicacións do sindicato que á opinión dos traballadores. Todos eles están desautorizados para a función representativa. Se foron incapaces de ver o que era visible a todas luces, en futuras negociacións poden asumir “gato por lebre”.

E temos a actuación da empresa: compra ao máximo representante sindical que negociou o convenio recompensando os servizos prestados. Non tería sentido, si este tivera defendido os intereses das traballadoras e traballadores. Polo tanto, ese acto, con nocturnidade e aleivosía, convértese nun feito de corrupción política. E con iso Navantia, empresa pública, actúa como o corruptor necesario, que paga con diñeiros públicos. Estamos diante dun feito moi grave, que os sindicatos e ata os partidos políticos deben levar ao Parlamento, para esixir ao Goberno responsabilidades e rexeitar a acción corruptora. Non pode quedar sen consecuencias esa actuación. Ten que ser cesado o corrupto e destituído o corruptor. Esa dirección que, dende a chegada do PP o goberno, non acadou nin un só contrato, vende fume, sobre todo cando chegan as eleccións, e favorece a perda de potencial industrial. ¡E xa pasaron catro anos! Lonxe de traballar polo futuro da empresa, e mentres despedía a miles de traballadores, favoreceu a privatización de áreas específicas, a entrada de amiguetes, á vez que se esforzou por debilitar a acción sindical, enfrontando ás factorías dende o autoritarismo. Buscou que a tradicional combatividade do naval, se convertera nunha renuncia de dereitos históricos, como exemplo para outros sectores. ¡Precisamente, cando máis falta fai a acción sindical de clase!

Si, hai que aprender desta experiencia. E de forma urxente, recuperar a vixencia do convenio anterior, que é obrigado para a empresa dende a sentenza. Na mesma liña, recompoñer a unidade e o acordo entre sindicatos e centros de traballo, relevando a cantos personaxes están involucrados nesta operación. A clave está tamén en que sexan os traballadores os que deben elixir os mellores compañeiros, ou non haberá recuperación posible.

O anuncio de novas mobilizacións parece indicar un novo impulso. A ver se é así. A esa tarefa debe contribuír todo traballador consciente, porque non está so en cuestión Navantia, senón toda a comarca. É hora de saír da contemplación con que se actuou nos últimos tempos. Para defendermos todos, contade tamén comigo.

Publicado polo en Diario de Ferrol, 27.03.2015

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942, xubilado de BAZAN,  é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Agora fai-no nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)".

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
27 de março de 2015 21:32
http://www.fucobuxan.net
__________

mércores, marzo 18, 2015

Sair desta agonía, ... Por Rafael Pillado

Por Rafael Pillado [*]
18.03.2015

A despoboación de Ferrol era motivo do debate público, estes días. O alcalde negaba que os habitantes da cidade fosen 69.300 como di o Instituto Galego de Estadística, afirmando que son 70.549. Sorprendido, ó parecer, afirmaba que “algo hai que cambiar”, e suxería recuperar o sector naval, aproveitar o porto e potenciar a produción da ría. ¡Que magoa que se de conta agora, despois  de catro anos!

Francamente, o debate é, por que a poboación ven diminuíndo dende hai anos, sen que os diferentes gobernos puxesen remedio? Por que, en estes perto de catro anos, a caída é dunhas 4.000 persoas? Por que, a perda de valor do patrimonio de tódolos ferroláns, individual e colectivo? Por que non quixeron darse conta antes, do empobrecemento xeneralizado?.

Como di algún dos expertos, pode influír que algúns fosen a Narón, na procura de vivenda máis barata, ou que emigrase un número significativo de militares. Incluso, que non se atendera a política demográfica, para chegar agora o número de habitantes máis baixo da historia. Algúns fóronse e manteñen o empadroamento. Exemplos familiares teño.

Si, é certo, ¡estamos coa poboación máis baixa da historia! Pero isto non caeu do ceo. Vexamos: Os partidos que gobernaron no Estado o longo da transición, adicáronse a dicir unhas cousas mentres estaban na oposición e o contrario cando tiñan nas súas mans o goberno, utilizando subterfuxios. O desenvolvemento económico necesario, pasaba por promesas case sempre incumpridas. Incluso, cando cargamos coa maioría dos custes por catástrofes no mar, outros sacaron rendibilidade, construíndo enormes infraestruturas, e os nosos prebostes mirando para outro lado.

As comunicacións por autovía, chegaron cando o consideraron útiles para eles, e incluso, se desviou a do Cantábrico, para favorecer a outros e impedir que conectásemos coa costa de Lugo. O tren a Prioriño, é utilizado unha vez tras outra, cando chegan as eleccións.

Desprazouse parte importante da Armada, sen que se puxesen en marcha iniciativas que paliasen as consecuencias.

Calquera podía prever que, con actuacións así, acabariamos onde estamos. ¿E onde estamos hoxe?

En primeiro lugar,  con un sector naval paralizado e no camiño da desaparición. Primeiro, renunciando a el, na negociación con Europa, que paralizou Astano e deixou enferruxar a súa maquinaria. Incluso, agora que se podería construír para o sector civil, carecemos de proxectos, cumpríndose  a sospeita de que ó PP non lle interesa o sector naval público. Segundo, deixando que a Bazán fose perdendo boa parte das súas capacidades, en un proceso de privatización da súa tecnoloxía, prescindindo de capacidade profesional, para privatizar beneficios a traveso da subcontratación. E na práctica, deixándoa que se fose descompoñendo, carente de proxectos, sen contribución do Goberno de novos contratos, e deixando que algúns pertencentes a empresas españolas, fosen a Asia. O que pasa con Pemex, e a demostración de que nos últimos anos, xogaron con nos, coma unha buxaina.

En segundo lugar, a ría de Ferrol. Sábese que os dous grandes partidos estaban de acordo en facilitar que a ría fose lugar de emprazamento de industrias porcas.

Por iso, instalouse a planta de gas, na que estaban involucrados varios partidos, coa excepción de Esquerda Unida. Así o recolle un libro dun conselleiro de Pesca do PP. Pero aínda máis, non se fixo nada por saneala, senón que, se pretendía ocupar aínda máis espacio para novas instalacións industriais. O aproveitamento marisqueiro é moi limitado.

E en terceiro, o porto. Máis atentos á perspectiva de privatizalo que a construír unha plataforma para o transporte internacional de mercadorías. A construción do porto de A Coruña, foi outra iniciativa de competencia co que aquí xa estaba en marcha, acordado entre os dous partidos alternantes no goberno do Estado.

Incluso, na actualidade, os recursos que deberan atender ás necesidades da poboación, son adicados a “hermosear” a cidade, en tanto, cerran cada día comercios, un tras outro, expulsando ó paro a traballadores que levan toda a súa vida aí. Nas calles aparecen por todas partes pobres de pedir, sen que se promovan medidas que dean solución á súa situación desesperada. Claro que tamén se alimentou a proliferación de areas comerciais, acabando con produtores e comerciantes. E seguimos no mesmo camiño.

Si, algo hai que facer. O primeiro consiste en cambiar o goberno municipal, ensimesmado nos cantos de sirena e ausente da realidade. Porque este goberno é subsidiario e da soporte a quen aplican as políticas de recortes na sanidade, ensino, pensións, dereitos e liberdades; cómplice da banca no roubo de preferentes, acribillado por casos de corrupción.

Temos que conseguir concellos ao servizo dos cidadáns, que garanten os dereitos básicos como a alimentación, auga, vivenda, sanidade, ensino, electricidade … Que recuperen para todos os servizos básicos hoxe privatizados para beneficio de uns poucos. Que tomen medidas urxentes cara ó paro galopante, xerando alternativas adquiribles aos concellos, ademais da promoción económica e industrial.

Claro que isto só pode vir da man de quen, comprometidos co a maioría da sociedade, veñen promovendo os movementos sociais, xunto coas forzas políticas progresistas. E non cabe enganarse, sen o compromiso directo dos cidadáns, non hai saída.

Non vai ser posible da man dos vellos aparatos, precisamos candidatura e programa elaborados de forma aberta en contacto directo coa inmensa maioría que padece esta situación. Unidade e compromiso cidadán, son indispensables para producir un cambio político de fondo. Non actuar así, conduce o fracaso colectivo.

Si, algo hai que facer, cambiar de verdade, contar con todos. E é urxente.

Publicado polo en Diario de Ferrol, 15.03.2015

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942,  é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Agora fai-no nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)".

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
16 de março de 2015 07:30
http://www.fucobuxan.net
__________

domingo, novembro 23, 2014

Brutalidade e inxustiza: a noite do mariscador, ... Por Rafael Pillado


Por Rafael Pillado [*]
24.11.2014


Outubro, oito e media p.m., noite pechada; unha hora máis tarde, baixamar. Antonio e os seus compañeiros aproxímanse á ribeira, tras asegurarse de que non hai "mouros" na costa. Antonio, enfundado no seu traxe de neopreno e provisto dos instrumentos propios do mariscador "a pé", sentíase nervioso, tenso. O día anterior foran acosados e perseguidos, cunha saña que xa quixese para os grandes corruptos que arruínan o país impunemente. Cada día era unha aventura, un risco certo de acabar detidos e tratados como perigosos delincuentes. "Que pasará hoxe?", preguntábase.

Pese a todo, cos outros mariscadores sen carné -pero con familias ao seu cargo, decidiu introducirse no mar, pendente de pisar chan firme, afastado das trampas de lodo que axexaban como minas sementadas nun campo cheo. Calquera pisada en falso podería supoñer quedarse cravado nese lodo pestilente e opresivo e regresar a casa coas mans baleiras.

Observaba tamén aos seus compañeiros que como el, afanábanse no esforzo de recolección marisqueira, descoidando incluso a vixilancia preventiva. As lanternas necesarias para distinguir as ameixas, titilaban aquí e alá como vagalumes, delatando a súa presenza no deserto húmido da baixamar entre tebras.

Cando xa levaban unha hora de tarefa, de improviso, sen case decatarse, apareceu veloz unha embarcación que case llo leva por diante. Non lle pasou por encima de casualidade, co risco de morte que iso supoñía.

Apagáronse as lanternas, de súpeto. Produciuse unha marea humana en desbandada.

Antonio intentou escapar, protexendo o seu raño, capazo, flotador e ameixas arrancadas ao chan pantanoso; sen instrumentos de traballo, o gañarse o pan convértese nun "máis difícil aínda". Por desgraza, reaccionara demasiado tarde. A súa axitada respiración cortouse bruscamente. O seu pescozo estaba prisioneiro dun longo bicheiro que, tras darlle un forte golpe que case lle arrinca a cabeza de raíz, inmobilízalle e deixa sen alento.

Cinco minutos despois atópase subido á zodiac policial. Ameázanlle con golpes si pretende escapar. Logo, alí pasa o de sempre: a requisa das súas ferramentas de traballo. Pero non só iso: como se ve nas reportaxes da tele sobre os métodos empregados pola CIA nos seus cárceres secretos, será obrigado a espirse, antes de proceder aos interrogatorios, para abrandar a súa resistencia. Este método, practicóuselles indistintamente a homes e mulleres, e até, en ocasións, a uns e outras xuntos, por "mellorar" o efecto disuasorio.

Entregáronlle logo unha roupa de augas como medio para cubrir o seu corpo, cando xa lle arrebataron a dignidade, o pudor, o sentirse suxeito de dereito, amparado polas leis dunha Constitución que tanto nomean os mesmos que agora a vulneran aplicando aos detidos semellantes torturas psicolóxicas.

Ao final, deixáronlle marchar. Librouse, por unha vez, da longa porra de antidisturbios e das pelotas de goma como aquelas que en Melilla disparáronse no mar, causando mortes. Pensaba que hoxe había ter sorte e librouse das hélices da embarcación que lle abordara. Até, o traballar só unha hora (chégase a estar no mar tres e máis horas), facía que estivese de bo humor e superase o intenso frío que cada día acompáñalles. En todo caso, carcomía-lle a idea de chegar a casa sen os recursos que a súa familia necesita. E si multan-lle? Entón aínda peor ... Como reunir o diñeiro necesario sen quitarlle aos seus fillos o prato da mesa ...?

Con só o peso da súa pel de plástico, atopouse cos mariscadores dispersos trala persecución por parte da policía. Xuntos camiñaron cara a Caranza, mentres outros o facían en distintas direccións. Durante a viaxe de regreso ao fogar, tivo tempo para pensar na súa propia situación, non moi diferente da do resto dos seus compañeiros: en paro durante anos, el e toda a familia (máis do 30% de paro na comarca), coa construción naval en proceso de liquidación, sen saídas de ningunha clase, cando intentaban escapar do fame e a miseria, víanse criminalizados, presentados co nome infamante de "furtivos".

Afirmábase paso a paso na idea de ser un traballador do mar, mariscador sen carné, que esixe recoñecemento e vida digna. E xurábase entre dentes que nunca lle empuxarían a roubar; pero que non o sacarán do mar, onde atopou o que pode ser a súa última e lexítima esperanza dunha vida digna.

Mentres isto sucede e é coñecido, os titulares das institucións miran a outro lado, escapando á súa responsabilidade de solucionar problemas colectivos e individuais.

Estes mariscadores son conscientes da súa situación; non pretenden danar os non menos lexítimos dereitos dos seus compañeiros á boia, pero teñen o dereito (e o deber) de vivir e loitar nunha sociedade que os respecte e busque unha saída á súa traxedia.

Existen máis de 900.000 metros cadrados de ribeira para o marisqueo a pé, cun só carné tramitado. A Cofradía ten dificultades para subsistir economicamente; Antonio e os seus compañeiros poden contribuír a solucionar o problema, aportando o seu traballo diario. Saben, ademais, que o seu esforzo contribúe a rexenerar zonas mortas.

E evidencian que, co seu traballo legalizado, garántese plenamente un produto saneado. Rexeitan e denuncian o brutal tratamento policial, un insensato cúmulo de ilegalidades manifestas.

A sociedade ten que protexelos, coa mesma forza e convicción que ao resto de parados da nosa contorna.

Artigo Publicado no xornal comarcal 'Diario de Ferrol'.

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942,  é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Agora fai-no nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)".

Enviado por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan@gmail.com-
23 de novembro de 2014 10:34

http://www.fucobuxan.net

__________________

Enlace de interese:

"Furtivos" - Reunid@s en Asemblea a xente sen regularizar que vai a mariscar ás praias da Ría de Ferrol, acordaron unha serie de accións para conseguir 80 permisos para mariscar a pé - Unha moi interesante entrevista no programa Escarnio de rádio FilispiM, onde @s traballador@s irregulares da ría de Ferrol denuncian a súa criminalización.
____________________________

luns, novembro 17, 2014

'Furtivos' - Reunid@s en Asemblea a xente sen regularizar que vai a mariscar ás praias da Ría de Ferrol, acordaron unha serie de accións para conseguir 80 permisos para mariscar a pé - Unha moi interesante entrevista no programa Escarnio de rádio FilispiM, onde @s traballador@s irregulares da ría de Ferrol denuncian a súa criminalización


Desde hai días xente sen regularizar que vai a mariscar ás praias da Ría de Ferrol, "furtivos", veñen denunciando vexacións e malos tratos por parte da policía que os persegue e reprime. O cariz violento e vexatorio que tomaron as últimas redadas contra estes traballadores e traballadoras que reivindican un medio de vida, conseguiron que se organizaran e comezaran a mobilizar-se para facer visíbel a súa inxusta situación.  Familias sen recursos van á marea porque é onde poden tirar un pouco de diñeiro para poder facer fronte aos gastos máis elementais do día a día. As mariscadoras e mariscadores sen regularizar, puxeron-lle cara ao desemprego que está oculto en frías estatísticas. Pediron axuda que alguén lles botara unha man, xa non podían soportar sós por máis tempo a inxustiza que se estaba cometendo con eles e as súas familias. Chamaron á Columna Caranceira das Marchas da Dignidade, contactaron coa prensa, cos grupos municipais e partidos políticos, ... despois de mobilizar-se diante do Palacio municipal, na Praza do Concello de Ferrol, o Alcalde, José Manuel Rey Varela, prometeulles mediar e elevar a súa reivindicacións á Xunta de Galicia, pediulles a  cambio paz social, non quere ver xente na rúa pedindo Pan, Traballo e Teito. Os medios convencionais fixeron-se eco da súa situación. Comezaron a loita pola súa regularización.

Este fin de semana, o sábado 15 de novembro, centraron as súas reivindicacións, nunha Asemblea celebrada, ás 11 da mañá, no Centro Cívico de Caranza, apoiados polos nosos, moi veteranos, compañeiros Bernardo Bastida (Activista Social e ExPatrón Maior da Cofradia de Pescadores de Ferrol) e Rafael Pillado (Activista Social e histórico sindicalista e político, autor do libro de memorias "Latexo da Vida e da Conciencia").

J. Gómez do xornal comarcal 'Diario de Ferrol', dá conta hoxe, tanto na edición dixital como na impresa, de como se desenvolveu a citada Asemblea. Nova que ven recoller dalgún xeito as análise e acordos que se tomaron. Que polo seu interese, desde Ártabra 21, decidimos a transcribir a continuación. Maís antes tamén queremos dicir que facilitamos unha moi interesante entrevista que os compañeiros e compañeira do programa Escarnio da Rádio FilispiM, lle fixeron a tres representantes do colectivo da xente das praias.

---

Os mariscadores furtivos pedirán á cofradía e a Mar 80 permisos a pé
A asemblea reuniu no Centro Cívico de Caranza a preto dun centenar de persoas


Os mariscadores furtivos da zona d'O Couto acordaron onte nunha asemblea celebrada no Centro Cívico de Caranza e conducida polo expatrón maior da Cofradía de Pescadores de Ferrol, Bernardo Bastida, solicitar senllas reunións cos responsábeis do pósito local e da Consellería do Medio Rural e do Mar para esixir a creación de oitenta permisos de explotación a pé nas denominadas "zonas improductivas" da ría, é dicir, Montón-Caranza, A Cabana-A Malata e San Felipe.

Estas tres áreas, recordou Bastida, suman case 900.000 metros cadrados e, pese á súa extensión, só hai unha persoa que teña a habilitación para poder faenar nelas. "Pódese e débense dar permisos a pé", insistiu o expatrón, que, ante as preguntas dos asistentes sobre a calidade das augas, engadiu que "o que se saque das zonas C tería que completar o mesmo proceso que o que se colle nas Pías".

Bastida tamén se referiu á obrigatoriedade que fixa a lexislación autonómica de presentar uns estudos de viabilidade e substentabilidade das autorizacións nas que se quere traballar. "En primeiro lugar", apuntou, "si hai furtivismo significa que hai marisco; e, en segundo, pregúntome con que se compararían as mostras que se fagan agora si fai sete anos que non se mostrea neles? "

Non afecta ao de á boia

O expatrón insistiu en que a expedición de novos permisos de explotación a pé "non lle vai a comer o pan a ningún mariscador con permiso" porque, explicou, nesas zonas só traballa unha persoa.

Ademais, defendeu que o único xeito de mellorar a produtividade dos bancos máis afectados pola contaminación e a falta de saneamento é "traballándoos, porque só removendo o fondo se oxixena e evítase que se compacte".

Fonte: Diario de Ferrol. | Foto: Luís Polo. | 16.11.2014

Foto de Daniel Alexandre no 'Diario de Ferrol.

@s traballador@s irregulares da ría de Ferrol denuncian a súa criminalización.

"Isto vai a pior, non hai ningúen que se sente e que poña unha solución riba da mesa, cada vez hai máis xente no paro, na ría, sen recursos. Estamos abocados a isto, ao paro. Nin clases altas, nen clases medias... todo para abaixo". Con ista claridade expresábase unha pequena representación do cada vez máis numeroso grupo de traballador@s irregulares da ría de Ferrol, no descorrer da emisión do programa Escarnio da Rádio FilispiM. Entre trescentas e catrocentas persoas recorren aos froitos da ría, coma último recurso, ante a falla de perspectivas laborais ou prestacións das Admóns, co telón de fondo da realidade cotiá da cidade con maior taxa de paro do país, Ferrol.

No transcorrer da longa e intensa charla, os traballadores irregulares da ría, denunciaron trato denigrante por parte da policía, nos cada vez máis frecuentes operativos da Xunta e "forzas do orde". "Danche un chuvasqueiro do 'Capitán Pescanova' ou vas nú para casa", denuncian. Ademáis falan de atribucións de incautacións que non se corresponden coa realidade e que non se lles da recibo do incautado, entre o que se atopa útis de traballo e roupa de mar. Conclúen que as Autoridades (Xunta e policía) están interesadas en crear unha alarma social para lograr que o agora mesmo considerado coma falta administrativa pase a "resoverse" coma ser fór un delicto, pola vía penal. Ante esta situación, veñen de organizarse en Asembleas para chamar a atención sobre o que está a acontecer.


Fonte: Colectivo Opaíí ! de Rádio FilispiM, nas onda no 93.9 da FM e na rede.

Pode-se escoitar un estrato da entrevista elaborado pola  Redacción de Informativos, Rádio FilispiM,  no posto orixinal.

Recomendamos entrar no sitio-e de Rádio FilispiM, para poder observar a riqueza e creatividade que emana do Colectivo Opaíí !, cun grande número de programas propios e unha completa e atractiva grella de programación. Únete a Radio FilispiM, sintoniza o 93.9 da FM no teu dial. Escoita-a na rede en directo ou os teus programas favoritos, en diferido, a través dos Podcast que publica cada programa.
______________

mércores, xullo 30, 2014

Regino Varela, ... por Rafael Pillado Lista


Por Rafael Pillado Lista [*]
30.07.2014


Regino Varela Martínez

Fóisenos na madrugada do 25 de xullo, Regino Varela. Desaparece así o irmán, amigo e camarada, con quen compartimos ideas, angurias e esperanzas, durante o franquismo e na democracia.

Regino nace en Ares no 1942, no mes de xuño. Comparto con él esas datas. Ingresa na Bazán aos 14, será aprendiz de Fundición, onde vivirá diversos acontecementos. Terá ocasión de ser protagonista dunha anécdota: Na elaboración da estatua ecuestre de Franco, tras a súa fundición por pezas, ten que trasladar, para a súa limpeza o tronco e a cabeza, que van unidas. Regino aplica a normativa de seguridade, amarrouna polo pescozo. ¡Había que ver aquela estampa, co dictador colgado da grúa polo pescozo!. O enxeñeiro que se decatou do feito, correu berrando para que se descolgara a “peza”. Regino respostou: “Amarreina por onde non podía zafarse ...”.

Militante do PCG e fundador das CCOO de Bazán. Aquela “Comisión de Obreiros e Enlaces” do 1966, na asemblea do Paralelo, antes de ser elixido enlace sindical. Foi detido, encadeado e procesado en diversas ocasións, una delas aquel 13 de abril de 1967, por impedir o despido de 250 traballadoras de PYSBE. A policía franquista acusábanos de celebrar o aniversario da República.

En marzo do 72 foi detido, despedido e procesado, levado á prisión da Coruña e xulgado po Tribunal de Orde Público. Mantivo sempre o compromiso sindical, político e social. Fixo gala das ideas galeguistas, na defensa da nosa terra. Recitaba de memoria a Curros Enríquez: “Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve ...” poñía Curros na boca de Deus.

Retornou a Bazán coa amnistía do 77, para seguir sendo traballador exemplar, profesional e socialmente. Recordo, cando en maio do 69, trala mobilización na defensa dos traballadores da Maderera, tiven toda a noite á policía na porta dos meus sogros. Mandei recado a Regino e cando, unha hora despois, abrín a porta para entregarme, xa estaba parada toda a Bazán, exixindo a miña liberdade. Amizade tamén, pero sobre todo compromiso con aquela loita colectiva. Hoxe era socio de “Fuco Buxán”.

Regino permanecerá na nosa memoria, pola súa calidade humana, honestidade, xenerosidade e defensa de principios y valores democráticos.

Dende estas liñas, queremos transmitir a toda a súa familia e a tantos amigos o noso cariño e solidariedade, cando despedimos a un gran ser humano. Terémolo sempre presente, como exemplo inesquecible.

Artigo Publicado no xornal comarcal 'Diario de Ferrol'.

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942,  é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Participa no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)".

A nosa web:
www.fucobuxan.net
Os nosos blogues:
Escolma das Razóns
http://escolmadasrazons.blogspot.com.es/
Pensamento Crítico
http://opinionsfuco.blogspot.com.es/
Nas redes sociais:
Facebook
http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749
Twitter
http://twitter.com/FucoBuxan
Google+
https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts
Albúns fotográficos en Picasa:
https://picasaweb.google.com/106726281086842107689
Canle e Youtube:
http://www.youtube.com/user/fucobuxan

---
Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
29 de julho de 2014 15:52

______________

xoves, decembro 12, 2013

Era visto, ... Por Rafael Pillado Lista

Por Rafael Pillado [*]
12.12.2013


Era previsible que Navantia chegase a esta situación. O goberno do PP acaba de recordarnos que leva dous anos no goberno. Dous anos nos que non moveu un dedo para dotar de carga de traballo ao naval. Esa é a súa responsabilidade. En troques, o seu "ministro de industria" foi a Arxentina a resolver os problemas de Repsol. Varas de medir, distintas. Para quen gobernan?

Mentres tanto, e tras a marcha do último buque australiano, Navantia se queda sen traballo, despois dun goteo de despedimentos dos compañeiros de CC. AA. Nin se molestaron os nosos gobernantes. É certo que non faltaron promesas de solución, sobre todo, durante pasadas campañas electorais. Promesas que veñen “mareando a perdiz” cos traídos, levados e de novo traídos floteis de Pemex. Incluso xogaron falsamente con Reganosa, e coa idea de que os gaseiros poderían ser unha solución, cando xa foran contratados por estaleiros asiáticos. Sen a intervención do goberno e sen que Navantia presentara unha proposta elaborada.

E repito que esta situación era previsible. Porque, non hai mellor camiño para afundir os estaleiros que deixalos caer e así xustificar o seu desmantelamento por perdas. E non só en Ferrolterra. Cansáronse os dirixentes do PP de recordarnos que as empresas públicas son chiringuitos que hai que desfacer. E por outra banda, un eixo central da súa política é a privatización do público que sexa rendible a empresarios privados. Os amigos, claro. Xa se ve como tratan os servizos públicos esenciais.

Mentres tanto, a dirección de Navantia buscaba aplicar un “novo convenio”, a dous meses de rematar o anterior. Non supoñía ningún avance, pero iso si, o camiño corto para acabar con dereitos alcanzados con sacrificio, que afectaban non só aos traballadores en activo, senón tamén a miles de prexubilados, xubilados, viudas, etc., desta comarca. Buscaba ademais que fora firmado polos sindicatos. Un desatino interesado, rexeitado pola maioría dos traballadores/as da empresa, concretamente en Ferrol-Fene.

E chegamos á data prevista, catro de decembro, de presentación dun plan de empresa, no que a dirección xa anunciara que non sería negociado, e do que algunhas fontes adiantaban que traería despidos e recortes salariais. Ese era o plan, son insaciables. En datas posteriores, anuncian que non se presentará aínda, en espera de carga de traballo. ¿Cando?

¿Que motivou ese freado? Navantia tiña previsto chegar até aquí co convenio firmado co aval dos sindicatos, e en harmonía social. Pola contra, non se firmou pola acción dos traballadores e ademais producíronse importantes mobilizacións de rexeitamento. Incluso, os alcaldes do PP desta comarca, fóronse a Madrid, aínda que en lugar de ir á presidencia do goberno, “equivocáronse” e foron a SEPI. Aquí todos, incluso as bases do PP son desfeitas en este “festival” de recortes e liquidacións.

Pero hai outro factor que non debemos menosprezar, tratase das eleccións europeas, no mes de maio, nas que as enquisas prognostican unha caída electoral moi pronunciada do partido do goberno, e temen un conflito continuado no tempo. ¿Esperan tempos mellores? Isto só é un alto no camiño.

Por esta razón, e sen perda de tempo, convén cambiar de paso e incrementar tódalas medidas de mobilización e presión, que nos leven a elevar as accións.

Navantia é un elemento central na actividade económica e social da comarca, pero non está soia. Os problemas da comarca son moitos e de variada condición. Poño un exemplo, referido ao comercio. A cantidade de pequenos e medios negocios que veñen pechando día tras día, e deixan na rúa a traballadores e empresarios. Están determinados pola parálise económica e polas políticas desenvolvidas. A falta de crédito, a instalación de áreas comerciais, co aplauso dos gobernos locais, etc. Por iso, é necesario que cada sector defina os seus problemas e se mova por eles.

Para asegurar a defensa da comarca, é imprescindible facer converxer a todos os sectores, en unha mobilización potente e sostida, esixindo resposta dos gobernos correspondentes. E iso só é posible coa unidade de todos, porque todos somos afectados, en torno a unha plataforma unitaria, sen exclusións, a nivel comarcal.

É posible e necesario vencer, polo ven de cantos vivimos e traballamos en Ferrolterra. Unidade na acción e nas esixencias. Imprescindible, cambiar de paso.

Rafael Pillado, 8.12.1

Artigo Publicado no xornal comarcal 'Diario de Ferrol'.

[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942,  é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Participa no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)".

A nosa web:
www.fucobuxan.net
Os nosos blogues:
Escolma das Razóns
http://escolmadasrazons.blogspot.com.es/
Pensamento Crítico
http://opinionsfuco.blogspot.com.es/
Nas redes sociais:
Facebook
http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749
Twitter
http://twitter.com/FucoBuxan
Google+
https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts
Albúns fotográficos en Picasa:
https://picasaweb.google.com/106726281086842107689
Canle e Youtube:
http://www.youtube.com/user/fucobuxan

---
Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
12 de dezembro de 2013 11:35

______________

domingo, febreiro 17, 2013

Unha entrevista a Rafael Pillado Lista, ... Por Esperanza Vázquez Dopico



Por Esperanza Vázquez Dopico [*]
19.02.2013


10 DE MARZO: O CRIME FOI EN FERROL.

O CRIME

Víuse, camiñando entre fusís,
por unha rúa longa, saír ao campo frío,
aínda coas estrelas, da madrugada.

Mataron a Federico
cando a luz asomaba.

O pelotón de verdugos
non ousou mirarlle a cara.

(Antonio Machado, O Crime foi en Granada)


A estirpe obriera de Ferrolterra, homes e mulleres, ocupa un lugar senlleiro no que poderíamos denominar a Historia da Esperanza. Xente feita coa mellor madeir da humanidade, nos obradoiros do mar.”
Manuel Rivas.

Rafael Pillado Lista (San Cibrao- Cervo 1942). Reside en Ferrol desde os dous anos, seguindo ao seu pai, preso no Castelo de San Felipe, pola súa militancia antifranquista.

Aos; 15 anos incorpórase á Escola de Aprendices da E.N.BAZÁN, empresa onde transcorre  a súa vida laboral até a xubilación. En 1960 afíliase ao PCE, desenvolvendo unha intensa actividade política e sindical. Participa na fundación das CCOO (o seu carnet foi o nº2 de Galicia; Xulio Aneiros tiña o nº1). Detido e encarcerado en varias ocasións, por mor dos sucesos do 10 de marzo de 1972 é procesado polo TOP no coñecido como Xuízo dos 23, sendo condenado a 7 anos de cárcere, dos que cumpre 4, até ser amnistiado na transición. Cofundador do PCG, militou despois na Asamblea para a Universidade dos Comunistas, Partido dos Traballadores e PSOE.

Na actualidade é membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e Vicepresidente da Asociación Cultural Fuco Buxán.

 É o personaxe elixido para narrar,en primeira persoa, os sucesos acontecidos no movemento obreiro de Ferrol no ano 72.

A mellor maneira de coñecer e valorar esta revolución,que afectou tanto á nosa cidade e cuxa factura se pagou coa vida de dous traballadores de Bazán, é escoitando  a entrevista que lle fixen a Pillado, na asociación cultural Fuco Buxán  o pasado sábado, 26 de xaneiro.


http://youtu.be/4_ENl7zNZxM


http://youtu.be/Tdez2iWUWYc

Despois de facer esta entrevista dinme conta de que teño moito que aprender da persoa de Pillado, alguén que ten moi claro o concepto de saír adiante na vida a pesar de atopar obstáculos no medio do camiño e, sobre todo, que claras ten as súas ideas e como fai todo o posible para poder conseguir o que quere, saíndo á rúa para loitar ou poñer todo de seu para axudar aos seus compañeiros cando o necesitan.

Por outra banda hai que destacar a amabilidade que tivo á hora de empregar o seu tempo para responderme a estas cuestións,  tempo moi apreciado debido á grave enfermidade que padece na actualidade, tal e como me dixo: “ case morro o 22 de novembro, e aínda así estamos aquí”.

É de destacar o seu compromiso coas diferentes mobilizacións que atopamos  na comarca para poder axudar a conservar; a súa existencia, como por exemplo estar a apoiar o movemento que está en contra da planta de gas, coñecido polo seu lema “Planta de gas fora da ría”,  do cal forma parte.

Segundo a recente obra que escribiu, titulada “ O latexo da vida e da conciencia”, caben destacar as numerosas presentacións que se están a realizar por diferentes lugares (Ferrol, Valdoviño, Madrid ou Barcelona). Son de admirar as intensas ganas que ten  de seguir a escribir a segunda parte deste libro, o cal vai; tratar sobre a súa vida, unha vez que saíu do cárcere.

Por último, quero engadir que a entrevista a Rafael me gustou especialmente porque me transmitiu; a súa ilusión por poder escribir, nun futuro, unha terceira obra para completar a triloxía onde se conte a súa vida e a do seu pai, nos anos nos que os dous coincidiron na historia, unha homenaxe moi emotiva por todos os sentimentos que a acompañan.


Foi para min todo un pracer e un privilexio poder compartir este tempo con Rafael Pillado Lista, modelo de vida a imitar polo seu compromiso, a súa loita pola causa obreira e, sobre todo, por ser boa xente.

Fonte: http://novaseretrancas.blogspot.com.es/2013/01/10-de-marzo-o-crime-foi-en-ferrol.html

[*] Por Esperanza Vázquez Dopico, Ferrol, Estudante de 2º de bacharelato no IES Concepción Arenal, escrebe e fai fotografía, participa no Obradoiro de Xornalismo e na Equipa de Normalización Lingüística do seu Instituto, en Ferrol.
______________

mércores, xaneiro 23, 2013

Presentación en Valdoviño das Memorias Colectivas de Rafael Pillado - Este Venres, 25 de Xaneiro de 2013


Organizado pola Concellería de Cultura de Valdoviño e a Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol

Presentación do libro:

O latexo da vida e da conciencia” -
Memorias Colectivas de Rafael Pillado – I

Venres, 25 de xaneiro, ás 20 hs.
Auditorio da Casa da Cultura, VALDOVIÑO

Intervirán:
  • Víctor G. Novás, Directivo da A.C. Fuco Buxán
  • José Antonio Vigo Lago, Alcalde de Valdoviño
  • Rafael Pillado Lista, autor do libro.

O libro, editado por Fuco Buxán, A.C., prologado por Santiago Carrillo e Manuel Rivas, é un volume de 480 páxinas, con máis de 80 fotografías, no que Rafael Pillado narra as súas experiencias na loita política e sindical, desde o seu nacemento en 1942 ate o ano 1976, cando sae en liberdade tras catro anos na cadea. Pero o libro é tamén as memorias colectivas dunha xeneración, as memorias da clase obreira enfrontada a unha ditadura, é un instrumento de verdade e de conciencia activa; un camiño aberto ao futuro; o exemplo dunha forma de ser e de estar no mundo para transformalo, facéndoo mellor, desde o compromiso, a xenerosidade e o sacrificio. Está escrito, co corazón e a cabeza, desde e para as masas - o colectivo, o social, o unitario... - como referencia e como guía para os novos protagonistas dun mañá ameazado, otra vez, polos "tempos sombríos"...

Rafael Pillado Lista (San Cibrao -Cervo, 1942). Reside en Ferrol desde os dous anos, seguindo ao seu pai, preso no Castelo de San Felipe, pola súa militancia antifranquista.

Aos 15 anos incorpórase á Escola de Aprendices da E.N.BAZÁN, empresa onde transcorre a súa vida laboral até a xubilación. En 1960 afíliase ao PCE, desenvolvendo unha intensa actividade política e sindical. Participa na fundación das CCOO, (o seu carnet é o nº 2 de Galicia). Detido e encarcerado en varias ocasións, por mor dos sucesos do 10 de marzo de 1972 é procesado polo TOP no coñecido como Xuízo dos 23, sendo condenado a 7 anos de cárcere, dos que cumpre 4, até ser amnistiado na transición. Cofundador do PCG, militou despois na Asemblea para a Unidade dos Comunistas, Partido dos Traballadores e PSOE.

Na actualidade é membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e Vicepresidente da Asociación Cultural Fuco Buxán.

Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
23 de janeiro de 2013 13:59

____________

mércores, marzo 28, 2012

Un escándalo previsible, ... Por Rafael Pillado

Por Rafael Pillado [*]
28.03.2012

Refírome, está claro, ao que vén sucedendo coa ría e con aqueles que viven dela: mariscadores e pescadores.

En marzo do 2007 escribía, neste mesmo medio, un artigo titulado: “En defensa dos mariscadores”. Nel, valoraba que, “Bastida e cuantos con el colaboran, converteron á Confraría nunha das empresas importantes da comarca”. Non era tarefa fácil e para iso houberon de enfrontarse con múltiples problemas, de difícil solución. E sei de que falo, porque o meu pai foi Patrón Maior nunha época moi difícil, alá polos anos 70.

Un bon día, no mes de abril de 2009, os medios de comunicación recollían titulares como estes: “Imputado o ex patrón de Ferrol por malversación”, “O ex patrón maior de Ferrol declara como imputado por malversación de capitais”, etc. Días antes, dicíase: “A Xunta intervén a Confraría de Ferrol por falta de liquidez económica e por non entregar as contas dos anos 2005 e 2006”. O escándalo estaba servido e calculado.

Ao día de hoxe, a noticia é, mais ou menos, a que segue: “O fiscal pide o, arquivo da causa contra Bastida por malversación”.

Durante ese período, producíronse acontecementos importantes: se denigrou a Bastida, colocándoo aos pés dos cabalos, xeróuselle toda clase de problemas, a el e á Confraría. Dividiuse aos mariscadores e vénse abrindo un proceso de “expulsión” destes profesionais, na medida que avanza a contaminación e négaselles o cobro por traballos de limpeza.

En xaneiro de 2006 a Confraría comunica á Consellería de Pesca que tiña unha débeda de 200.000 €. Correspondente fundamentalmente a multas pola talla das ameixas, máis o IVE. (Hoxe, en 2012 foi a Consellería quen cambiou a talla, asumindo aquela formulación).

Por outra banda, á Confraría de Ferrol correspondíanlle 118.000 € polos traballos de limpeza do Prestige, que a Federación de Confrarías lle escamoteou, coa complicidade da Consellería. Mesmo, unha rede para colocar entre castelos, que correspondía a Fomento, valorada en 48.000 €, cargóuselle á Confraría.

E por fin, en outubro de 2006, por documento oficial dirixido ao banco, concede a Consellería á Confraría 60.000 €, que esta retira e que logo son negados, cargando a entidade local co crédito.

É claro, tomáronse decisións políticas, mesmo ilegais, para conducir á entidade a un canellón sen saída, co obxectivo de desfacerse de Bastida e dos mariscadores. Tiñan un mandato, “sacrificar a ría de Ferrol”, tal e como o sinala Ernesto Penas nun libro prologado polo Conselleiro de Pesca Amancio Landín en 1997. Hoxe a propia Xunta admite que a nosa ría é a mais contaminada de Galicia.

Naquel momento a Conselleira de Pesca era Carmen Gallego, o seu segundo Miguel Sieiro. Son os verdadeiros responsables daquel desaguisado, cuxo obxectivo último era impedir que houbese oposición organizada a Reganosa na ría de Ferrol.  Como pagarán a súa responsabilidade? Espero que así sexa.

E non satisfeitos con este proceder, deciden procesar a aqueles mariscadores que defenden o seu posto de traballo e con iso a ría de todos.

¡Un verdadeiro escándalo!

[*] Rafael Pillado é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

--
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
28 de março de 2012 11:55
________________

domingo, marzo 11, 2012

Algunhas fotos do acto de presentación do libro "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado"


O pasado Venres 9 de Marzo de 2012, véspera do 40 aniversario dos sucesos do 72, que quesaron gravados na Historia da Galiza e do Movimento Obreiro, foi presentado o libro "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)", no que interviñeron xunto co propio autor, outras persoas presentes na vida política e social. O acto foi organizado pola A. C. Fuco Buxán.

A presentación deste primeiro volume das Memorias Colectivas, está acompañada coa exposición fotográfica e documental que se inaugurou o mesmo día e que permanecerá aberta ao público até o próximo 23 de Marzo, na Sala de Cristal próxima ao Salón de actos do vicerreitorado da Universidade da Coruña, Campus Esteiro-Ferrol.

Información baseada na enviada por:
suso
-susopazos@yahoo.es-
10 de março de 2012 17:52
________________

mércores, marzo 07, 2012

'O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado', libro que vai ser presentado en Ferrol, este venres 9 de Marzo de 2012, no 40 aniversario dos sucesos de Marzo do 72

Fuco Buxán A. C. presenta o libro "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)", no que intervirán xunto co propio autor, outras persoas presentes na vida política e social.

A presentación deste primeiro volume das Memorias Colectivas, irá acompañada coa exposición fotográfica e documental que se inaugurará ás 19:30 no mesmo local e que permanecerá aberta ao público até o próximo 23 de Marzo.

Venres, 9 de marzo de 2012, ás 19:30 horas,
no salón de actos do vicerreitorado da Universidade da Coruña
Campus Esteiro-Ferrol

Fuco Buxán con estes actos - que contitúen unha homenaxe ao Movemento Obreiro- quere conmemorar o 40 aniversario dos sucesos do 10 de Marzo de 1972.

fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es

_____________

domingo, xullo 24, 2011

As memorias de Rafael Pillado

A Asociación Cultural Fuco Buxán, ten en proxecto publicar, para principios do vindeiro ano, coincidindo co 40º aniversario dos sucesos do 10 de marzo de 1972, as MEMORIAS de Rafael Pillado.

Esta visión personal dunha época e dun tempo de actividade sindical, política e social, será, sen dúbida, un interesante documento que dará testemuña dunha xeneración comprometida na consecución dun futuro máis xusto, máis humano para todos e todas.

Como adianto, engadimos dous documentos referidos a esta boa nova:

Artigo de José Torregrosa en Diario de Ferrol, titulado: "O AMARCORD DE RAFAEL PILLADO".

Entrevista a Rafael no programa nº 56 de  O RECUNCHO.

--
fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es




 


Enviado por:

Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
24 de julho de 2011 11:10

______________

O Amarcord de Rafael Pillado, ... Por José Torregrosa Rodríguez


Por José Torregrosa Rodríguez
24.07.2011

O que ignoro é de onde saca o tempo? Rafael anda ultimando as súas memorias, que son, en non pequena medida, as dun país e as dun Pobo. Un, que é amigo, ou discípulo, ou correlixionario seu (non se como chamalo?, a admiración e o afecto vaian por descontado), tivo acceso privilexiado ao seu actual estado de cuestión palpitante e quedouse, literalmente, fascinado pola dimensión humana (deixemos, por un instante, a política), a xenerosidade e, sobre todo, a sinceridade, que ata diría excesivas (querido compañeiro: nada che obriga a tanto?) do home que está tomando a palabra e cuxo canto é "o canto de todos" (e o seu propio), desde o pasado, proxectado ao futuro.

Si "Desde o Mar que Perdiches" (Ediciós do Castro 2003), libro de memorias de Manuel Pillado, pai de Rafael, cuxa fondura e coraxe chegan a deixarche sen alento, erixíase como un texto imprescindible para recuperar a memoria da Historia de boa parte do noso século XX, recordándonos a dureza dunha loita ata que todos puidemos vivir, ao final da mesma, en Democracia, non é menos certo -"de tal pau, tal navío"- que estoutras "crónicas do alba" dunhas liberdades arrincadas ao Fascismo volven situarnos fronte a un espello compartido e a un camiño por percorrer irrenunciable.

A súa estrea será ocasión segura de achegamento ao "factor humano" e os principios que sustentan a emocionante moral política de alguén, aínda hoxe, incansable, loitando, desde "Fuco Buxán" e as "Mesas de Converxencia de Ferrolterra", polo triunfo das "boas razóns".

Trátase dunha data 2012. pasarían corenta anos desde os sucesos 10 de marzo. A aparición do "amarcord" -aínda sen título definitivo- sobre a vida exemplar dun dos seus protagonistas esenciais vai resultar clarificadora e fehaciente.

Notas.-
_______________

xoves, febreiro 10, 2011

ONDE ESTAMOS ?, ... por Rafael Pillado

ONDE ESTAMOS?

Por Rafael Pillado Lista [*]
10.02.2011

Fai só uns días asinábase un acordo entre Goberno, empresarios e sindicatos. Un pacto que algúns asemellaban falsamente aos Pactos da Moncloa, establecidos para estabilizar a Transición democrática.

Nesta ocasión o obxectivo era a reforma das pensións, tras anunciar o Goberno unhas modificacións na idade de xubilación para conseguir o cento por cento da pensión, e o tempo de cómputo para calcular a súa contía. O resultado final dese acordo é a ampliación da idade de xubilación, aínda que matizada, e o período de quince a vinte e cinco anos para facer o cálculo da pensión, a máis diso outros flocos. Pero por que e para que se reforman as pensións públicas? Cabería pensar en certos axustes que mellorasen o sistema e as contías, ante a crise económica que padecemos. Pero non. A reforma é a escusa para rebaixalas.

E cales son os argumentos esgrimidos para o axuste? Os grupos financeiros e agora o goberno, basean esa proposta en aspectos diversos: 1.- Que pola evolución demográfica, haberá menos cotizantes que xubilados. 2.- Que se alarga a esperanza de vida. 3.- Outros argumentos semellantes. En definitiva, din que para garantir o sistema de pensións públicas.

Está demostrado que non están en cuestión as nosas pensións. Ademais de existir un amplo fondo de reserva, pretenden descoñecer que a produtividade tamén aumenta ao longo dos anos, que os orzamentos poden cubrir certos desequilibrios, etc. Por que é posible utilizar os recursos públicos para socorrer á banca e non para axudar ao fondo de pensións, se fose necesario?

Dicía Caldera, o exministro, que en 2014 o fondo de pensións tería déficit. É o que veñen dicindo os servidores do capitalismo salvaxe, e a realidade desmentiulles. Xa nolo anunciaba fai anos Piñera, o dereitista presidente de Chile, cando, desde o goberno de Pinochet, veu a España para mostrarnos as "bondades" das pensións privadas.

Pero todos sabemos que é unha esixencia dos grupos financeiros, "os mercados", a gran banca, coa complicidade de institucións europeas e gobernos. Porque o obxectivo é impulsar os fondos privados de pensións. Levar a parte do león á nosa costa.

Ao parecer, os responsables da crise non se conforman cos beneficios actuais, necesitan máis. Véxase: Botín anuncia que o Banco de Santander tivo en 2010, 8.181 millóns de euros de beneficio, 22,4 millóns ao día. E ameázanos con que comprará Caixas de Aforros. E a gran banca publicita que en 2010 gañou 15.300 millóns de euros. ¡Un escándalo!, mentres se esixe á maioría social apertarse o cinto.

Entre tanto, a señora Merkel visítanos para forzar ese proceso. Esixe unha redución salarial. E nesa liña preténdese a reforma laboral, o copago sanitario, a privatizacións de Aena e parte de Loterías, etc. E institucións que debían estar ao servizo da nosa sociedade, súmanse á campaña. É o caso do Banco de "España?", que defende o mesmo que a tal Merkel.

Estamos asistindo a unha campaña ideolóxica continuada dos medios de comunicación, de empresarios e políticos conservadores, destinada a convencernos de que somos responsables da crise e que temos que sacrificarnos. O que buscan é desmovilizarnos, cando o seu obxectivo é ir desmontando o modelo europeo de "Estado de Benestar". E pretenden facelo coa nosa complicidade e silencio.

Os sindicatos, en situación complicada, optaron por ceder terreo. Pero se non se rearman para facer fronte a esta ofensiva, que se anuncia longa no tempo e no espazo, poida que asistamos a un proceso de deterioración das condicións sociais e políticas. Esperemos que reaccionen.

Polo menos, Cándido Méndez di que "nós non tachamos de éxito o pacto social". E, "non podo falar con satisfacción do acordo, senón de responsabilidade". A opción está clara. Optouse polo mal menor. E se as cousas seguisen así, poderiamos atoparnos con que a base de reformas "para garantir o sistema", acabásemos sen sistema. É un risco real.

En tanto os sectores financeiros, agreden á maioría da sociedade coas súas políticas, os sindicatos terán que arremangarse para defender os nosos dereitos. E nós, debésemos contribuír ao seu éxito, reforzando a militancia sindical e política. Esta é a situación na que estamos, que nos esixe reaccionar e pronto para defender os nosos dereitos, e ata as liberdades.

[*] Rafael Pillado Lista, é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán

Publicado en Diario de Ferrol

Enviado por:
Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
10 de fevereiro de 2011 12:14

_______________

mércores, marzo 10, 2010

Marzo na Memoria

Por Rafael Pillado [*]
09.03.2010

Pasaron xa 38 anos desde aquela madrugada do 72 no que o réxime de Franco quixo cobrar caro o atrevemento dos traballadores ferroláns de reclamar os seus dereitos económicos, sociais e políticos. E deixaron no chán unha morea de feridos e mortos a Amador e Daniel.

Repetíase así unha experiencia histórica do movemento obreiro mundial, nada se nos regala, temos que conquerilo coa nosa forza orgaizada e coa nosa intelixencia, pasando por retrocesos e avances, camiño da democracia plena, do socialismo.

O 10 de marzo, supoñía un momento álxido na loita pola Democracia e que albiscaba as movilizacións que durante ese ano recorreron Galicia, sobre todo en Vigo.

Foi o esforzo e dedicación para atender os mais pequenos problemas, orgaizar núcleos de traballadores desde a pequena á gran empresa; para desenrolar a solidaridade entre elas, diante de cada problema por pequeño que fose, e dos traballadores con outros sectores sociais. Foi, en definitiva, un esforzo por dotar aos traballadores de instrumentos políticos e sindicais capaces de conquerir triunfar sobre da ditadura. Entre elas, as CC.OO.

E tivo un coste alto, á morte de Daniel e Amador hai que engadir os moitos feridos, despedidos, detidos e encadeados.

Pero nada poido parar aqueles anceios de liberdade e Democracia.

É momento de recordar tamén a compañeiros e compañeiras como Xulio Aneiros, Paco Filgueiras, Xulio Perez de la Fuente, Balbina Valcarcel (A Carbonera), Bárez, Mourente, Manuel Pillado, etc. E tantos outros.

E hoxe, sobre todo, a Manolo Amor e Xosé María Riobó, con quenes compartín algúns anos de encerro.

Na actualidade, os problemas son de outras características. Máis, os problemas de fondo persisten. E son moitos os traballadores e traballadoras que padecen a precariedade no traballo, as longas xornadas e sobre de todo o paro. Época na que unha minoría pode provocar unha crise global do sistema, coa pretensión de que sexan os traballadores quenes a paguen.

Mesmo na nosa comarca afecta gravemente a moitos traballadores e pequenas empresas, a práctica totalidade da sociedade.

E por eso, as ensinanzas de marzo do 72 deben valer para potenciar a unidade de acción sindical, a solidaridade e a movilización de todos os asalariados.

En calquera caso, a Asociación Cultural “Fuco Buxán” a que pertenzo, chama a participar en cantas movilizacións sexan convocadas nesta comarca.

Ferrol, 9 marzo 2010

[*] Rafael Pillado (1942), Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán

fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es


Enviado por:

Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
9 de março de 2010 16:39
____________________

xoves, febreiro 12, 2009

Ría de Ferrol, no ollo do furacán

Por Rafael Pillado [*]
Mércores 11 de Febreiro de 2009


O Conselleiro de Medio Ambiente, no seu paso por Ferrol o 27 de Xaneiro, anunciou o seu compromiso coa Ría declarándoa “zona sensible”. Sinalando ademáis, que a “bocana da Ría é moi estreita e os riscos da deteriorización das augas son maiores”. Engadía que a partires do ano 2009 poñerá en marcha “un plan de controis de verquidos, inspección e análise da ría, que pretende diagnosticar os pequenos verquidos que poderían escaparse ós controles de maior envergadura”.

En outras circunstancias, poderiamos considerar esas declaracións como un paso positivo. Sen embargo, e paralelamente a esas declaracións, dous días despois, o 29 o Diario Oficial de Galicia recollía o anuncio de Reganosa para licitar a ampliación de capacidade de regasificación, multiplicando por dous e medio a actual capacidade.

Tal decisión supón varios e graves problemas:

1°.- Si a situación actual é de degradación, na que se utilizan 300.000 toneladas diarias de auga da ría para quentar o gas, e que volve ó mar moito máis fría, esterilizada e contaminada de cloro, con esa ampliación, pasaría a 600.000 toneladas por día.

2°.- O número de gaseiros que entrarían na ría, pasarían dos actuales 36 ó ano, a máis de 100, o que multiplicaría os riscos para toda a poboación. E ninguén sabe que licencia e que tramitación medioambiental se fixo para que se autorice esa ampliación, nin tampouco se sabe cal foi a postura dos conselleiros de Medio Ambiente e Pesca nesa decisión.

3.- Por outra banda, en clara contradición coas declaracións feitas, esa Consellería otorgou a Forestal do Atlántico a Autorización Ambiental Integrada, rexeitando as alegacións de varias asociacións que mostraban os datos fraudulentos aportados pola empresa. De tal xeito que se autorizou verter á ría 351.475 toneladas diarias de augas residuais. E vexamos ademáis que, o proxecto de depuración da banda sur da ría, que recorre dende Fene a Ares, deixa á marxe os verquidos de Forestal e Reganosa, que van sin depurar ó mar.

E aínda máis, o presidente da Xunta, Sr. Touriño, o día 30 de Xaneiro anunciou que “Antes do remate da próxima lexislatura, nos anos 2011-2012, estarán saneadas as rías na súa totalidade”.

Nas circunstancias actuais, tanto o anunciado polo conselleiro como polo presidente é imposible na ría de Ferrol. Ou descoñecen a realidade, ou simplemente a ocultan. En calquera dos casos, é grave.

A única forma de cumprir eses compromisos é sacando a planta de gas de Reganosa do interior da nosa ría. Si, nos gustaría que iso se fixera pola decisión dos dirixentes políticos galegos antes de que os tribunais e a presión cidadá o consigan.

O conselleiro terá que explicar esa contradición. E tamén ¿por que esa excepción con Ferrol? ¿En beneficio de quen?

Incluso, o anuncio da creación de emprego no marisqueo galego, choca frontalmente coas tendencias na nosa comarca.

Non nos cansaremos de repetir que, un sistema baseado na destrución do medio, como estamos a vivir, non ten futuro e se encamiña a un grande fracaso.

Por último, quixeramos saber onde quedou o argumento de que Reganosa é unha empresa estratéxica para Galicia. Porque é previsible que as decisións de Reganosa queden nas mans dunha empresa catalá ou aínda máis probable, dunha empresa italiana.

Ver para crer.

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol

[*]Nota.- Rafael Pillado Lista, é Vicepresidente da Asociación Cultural "Fuco Buxán" e membro desde hai oito anos do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
__________________

Enlaces Relacionados:
__________________