Entre as primeiras obras máis vendidas no vello continente durante o ano 2012, aparece o vello título do Manifesto comunista. Un rexurdir exitoso relacionado inequivocamente co impacto da convulsión económica (o triunfo da tese neoliberal) e o aumento das inquedanzas por parte dunha cidadanía europea agredida nos órganos vitais do seu cotián. O sólido golpe dun deseño previo no rostro desprotexido dos pobos.
A emenda á totalidade proposta por Marx e Engels en 1848 comeza coa soada sentenza: “Unha estadea percorre Europa: a estadea do comunismo”. Hoxe, con certeza, a esquerda aproxímase máis á figura da estadea non tanxíbel do que á alternativa concreta dunha política rupturista cos esquemas dos xestores do sistema. A emenda non acaba de prosperar.
En 1995 Perry Anderson escribiu que, desde os anos oitenta do século XX, a amálgama de acordos e arranxos, feitos dende a provisionalidade e a improvisación cando non dende a premeditación criminal, que deron lugar ao que arestora é o edificio institucional da Unión Europea adquiriran a “respectable aura da inercia”. Esta confrontaríase, a partir dos anos noventa, con tres eventos: a desaparición do bloque soviético, a reunificación de Alemaña e o Tratado de Maastricht, que desencadearían “procesos cuxas magnitudes só poden compararse coa fin da guerra”.
Ante os efectos no continente europeo da crise financeira internacional, iniciada nos Estados Unidos a finais do 2007, eses tres eventos comezan a dar conta da auténtica magnitude intuída por Anderson.
A desaparición do bloque soviético
O primeiro deles, a desaparición do bloque soviético, actúa como acelerador do proceso globalizador capitalista e como desestabilizador dunha esquerda que, logo un período no que a correlación de forzas permitira unha considerable conquista de dereitos sociais e económicos para as clases traballadoras, recoñecidos no chamado occidente na fórmula do Welfarestate, agora é incapaz de trazar unha vía practicable xa non só para pasar á ofensiva, senón mesmo para a mera resistencia. Unha incapacidade da esquerda que afecta aos que foran os antigos partidos comunistas pero que, sobre todo, afecta a unha socialdemocracia para a que a falta de contrapeso xeopolítico ao capitalismo globalizado e a falta dun movemento obreiro potente e organizado está a segar a condición de posibilidade da súa estratexia política.
A reunificación de Alemaña
A segunda, a reunificación de Alemaña, porque nunca como agora é tan clara a vontade hexemonista dunha Alemaña que parece considerar o sur Europeo coma o seu Lebensraum do mesmo xeito que o proceso unificador dos felices anos 90 -que á vista dos resultados electorais favorables á esquerda no leste alemán dos nosos días máis semella ser percibido coma unha Anschluss que como a orxía de abrazos e benestar prometida- considerou a antiga RDA primeiro, e despois os países do leste europeo, coma o Lebensraum da antiga RFA.
A sinatura do Tratado de Maastricht e a reforma do artigo 135 da Constitución
A terceira, a sinatura do Tratado de Maastricht -e xa antes o acordo de libre comercio de facto que era a Acta Única-, porque, a asunción dese tratado -que no seu artigo 104 prohibe que os bancos centrais financien aos gobernos- e os que o seguirían -o 123 do Tratado de Lisboa ratifica o dito polo 104 de Maastricht-, até chegar á infame reforma express do artigo 135 da Constitución española, impulsada polo bipartidismo do réxime -que sacraliza a prioridade do pagamento dunha débeda que nunca poderá pagarse sobre os dereitos das persoas- semella cada vez máis evidente a identificación da UE, en tanto que estrutura institucional positiva produtora de legalidade, coa ideoloxía neoliberal.
Tres eventos que pechan definitivamente o ciclo keynesiano dos chamados 30 gloriosos e inauguran unha nova orde, que emerxe entre os cascallos do TINA thatcheriano do finais do século XX, ao servizo de institucións, coma o FMI, o BM ou a Unión Europea, orixinariamente pensadas para outros fins pero que hoxe encarnan procesos de baleiramento da soberanía popular nas democracias liberais. Velaquí un escenario óptimo para a arelada terapia de choque do neoliberalismo.
Con este contexto como pano de fondo a esquerda debátese entre dúas estratexias, a da reforma ou a da ruptura, para superar esta etapa de mercantilismo desenfreado que revoga referendos ou executa directrices de desmantelamento do estado de “medioestar”.
A reivindicación da Fronte Ampla
Para practicamente toda a esquerda europea semella cada vez máis clara a necesidade de unir forzas ante o desafío de proporcións xigantescas que representa o dogma da austeridade imposto pola chamada Troika (Comisión Europea, Banco Central Europeo e FMI). Cómpre, se cadra, cavilarmos arredor da construción dunha nova internacional non sectaria -que recolla o espírito da vella Primeira Internacional- ou dunha unidade de acción, como a reclamada en 2012 polos líderes Jean-Luc Mélenchon e Oskar Lanfontaine nun artigo conxunto dirixido aos pobos francés e alemán. Trátase de artellar a solidariedade europea dos de abaixo fronte ao reparto oligárquico dos de arriba. No noso país esta idea está sendo formulada explicitamente, na reivindicación da Fronte Ampla, polas forzas que compoñen AGE.
Porén, canda este consenso máis ou menos claro, unha contradición atravesa toda a esquerda europea á hora de deseñar a súa estratexia. Contradición que, sen dúbida, será crucial tamén á hora de facer viable a unión de forzas. Xa sexa internamente, coma no caso de Syriza, Die Linke, Parti de Gauche ou Izquierda Unida, xa sexa por separado, coma no caso do Bloco de Esquerdas e o PCP, ou de Syriza e o KKE, ou de ICV e ERC e as CUP, as esquerdas europeas viven no seu interior a pugna entre os que avogan por rachar co euro e recuperar dunha maneira ou doutra a política monetaria como primeiro paso estratéxico e sine qua non para conquistar a capacidade de decisión sobre as políticas económicas, e os que consideran que isto non é prioritario e que aínda hai marxe de manobra para unha reforma das institucións europeas que posibilite tamén a ansiada democratización das decisións económicas.
O programa
O programa reformista pasaría pola unión bancaria, a condonación ou o alivio da débeda dos países do sur por parte dos países do norte, a habilitación do Banco Central Europeo para financiar os países da zona euro, o cesamento da asasina política de apartheid fronteiriza cos cidadáns do sur do mediterráneo que se achegan en busca dunha mellora nas súas vidas, a profundización democrática das institucións europeas para faceren delas auténticos reflexos das arelas sociais do continente e non un selecto club de ricos onde as decisións non pasan por peneira ningunha da soberanía popular e, no caso español, tamén pola abolición do artigo 135 da Constitución.
Que a esquerda queira usar o seu dereito a disparar o último cartucho arredor deste programa non debería ser óbice para que esa mesma esquerda lles fale claramente aos seus cidadáns da dificultade que entraña esta empresa. Como sinalan Leo Panitch e Sam Gindin no seu libro de recente aparición The Making of Global Capitalism: The Political Economy Of American Empire, os estados nación -falamos obviamente dos poderosos coma EEUU ou Alemaña- xogan aínda un papel máis importante, na xestión do capitalismo globalizado, do que se acostuma pensar. E a lóxica dos estados nación segue a imperar na intrapolítica da UE. As probabilidades de que o electorado alemán acceda a asumir un programa como o sinalado máis arriba son ben remotas. E os países do sur, de tanto agardar a que a situación estea madura para que ese programa se leve a cabo, poden ficar tan desangrados que a chegada daquel será completamente inútil. É así que á esquerda se lle debe esixir honestidade e veracidade. De optar pola vía da permanencia no euro, cómpre informar aos cidadáns de cales poden ser os custos, en termos de destrución das economías dos países do sur. E nunca debe negárselles aos cidadáns do sur a posibilidade do impago da débeda e da saída voluntaria do euro como método para conquistar soberanía popular sobre as decisións económicas. En primeiro lugar porque a implosión do euro, tal e como sinalan numerosos autores, non é algo descartable no medio prazo. En segundo lugar porque deixar ese discurso en mans unicamente da ultradereita, como xa está a suceder en Francia e no Reino Unido (neste caso o discurso é anti-UE), é moi perigoso.
O reformismo non-reformista - Unha vía de unidade e ruptura
Do punto de vista do europeísmo tradicional no discurso galeguista cómpre reconsiderar se a UE realmente existente encarna hoxe algún tipo de vía para que o noso país poida ser máis dono de seu. Hoxe, o noso país, o mesmo que todo o sur europeo, é unha reserva de man de obra desindustrializada e terciarizada e unha economía destinada unicamente ao cumprimento co pagamento da décima imposta pola banca do norte. Ningunha liberación, nin sequera cultural, poderá chegar partindo desta situación de vasalaxe.
Na actualidade, cando se fala da UE, cómpre interiorizar que esta se converteu, nesta parte do mundo, no máis prezado dispositivo ideolóxico dos espallados polo Partido da Orde; na vaselina discursiva -cos seus valores asociados de fraternidade, antibelicismo, economía do coñecemento, etc.- con que se revisten as crúas políticas do capitalismo globalizado en Europa. Unha tarefa primordial para a esquerda galega e europea actual é non atender, e sobre todo non reproducir, estes cantos de serea. Coma o lúcido Ulises, tamén nós debemos pór a cera nas orellas para calibrar friamente que significa ser “un novo estado da UE” no momento actual.
A Europa sen fronteiras dos anos de bonanza derivou na Europa das expulsións do excedente da man de obra que antes creara parte da riqueza dos estados membros. Repítense os mesmos conflitos sociais e a mesma falta de organización ou mobilización social para deter as políticas suicidas dos gobernos. A Europa pretendidamente ergueita sobre os piares da cultura clásica volve ser hoxe a Europa caldo do fascismo.
Nós estamos convencidos da necesidade de apostar por unha vía de unidade e ruptura nunha paisaxe de afundimento onde a soberanía dos estados do sur se merca en poxa privada. Un vieiro sólido que, sen descartar conxunturalmente o que Andre Gorz chamaba “reformismo non-reformista”, non teña medo a falarlle claro á cidadanía poñendo a saída do euro e a recuperación estatal da política monetaria sobre o tapete.
Somos Ninguén é un proxecto en construción. No ano V da última crise sistémica do capitalismo globalizado queremos chantar estes alicerces sen saber moi ben -e sen preocuparnos demasiado- como serán as paredes, as fiestras nin o teito [Quen Somos].
Fonte: http://www.somosninguen.org/
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
6 de dezembro de 2013 13:52
________________________