Manifesto sobre a imposición do modelo de Xerencia Integrada da Atención Primaria de Galicia
En defensa da Atención Primaria de Galicia
O sistema sanitario público en España está organizado en dous niveis asistenciais: Atención Primaria (AP) e Atención Hospitalaria (AH). Nas últimas tres décadas a Atención Primaria experimentou unha mellora notable, seguindo as estratexias da OMS para transformar este nivel de atención, coa creación da especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e das Escolas Universitarias de Enfermaría con novos contidos formativos, a regulación normativa (RD 137/84) que promoveu a creación de Centros de Saúde coa incorporación de equipos multidisciplinarios e coa mellora da dotación tecnolóxica. Todos estes elementos situaron a AP como un dos piares básicos do sistema sanitario.
Diversos estudos confirman que os sistemas sanitarios deseñados en dous niveis (
un primeiro nivel que actúa como porta de entrada e coordenador da atención, e un nivel hospitalario que atende aos pacientes máis complexos que requiren de medios non dispoñibles en AP) son os que prestan unha mellor atención e son máis eficientes.
Barbara Starfield dixo que “
un sistema sanitario forte precisa unha AP forte”. Neste tempo de crise, que leva aos gobernos a reducir os orzamentos adicados a sanidade, habería que procurar un maior protagonismo deste nivel asistencial, pois é a maneira de garantir unha boa asistencia con menor custe.
A reforma da AP en Galicia realizouse con moita demora, pois os gobernos do PP apoiaron na década dos oitenta as posicións profesionais máis inmobilistas. O Decreto 200/1993 é a norma que regula o desenvolvemento deste nivel asistencial, con dez anos de atraso. O goberno progresista (
2005-2009) impulsou de forma decidida a AP e puxo en marcha un Plan de Mellora que foi posteriormente anulado polo goberno de
Núñez Feijóo. Mais o golpe decisivo contra estes avances é a posta en marcha das Xerencias de Xestión Integrada que eliminan a autonomía organizativa e orzamentaria da AP.
A primeiros de 2005 o PP puxo en marcha a “
xerencia única” de Ferrol, e o conselleiro expresou a súa pretensión de extender ese modelo a toda a comunidade. O cambio de goberno frustrou eses plans, que agora retomaron: xa puxeron en marcha as xerencias de A Coruña-Cee, Ourense, Santiago e Pontevedra-Salnés; en breve prazo teñen previsto constituir as Xerencias de Xestión Integrada de Vigo e Lugo-A Mariña. Daquela expuxemos o noso criterio sobre esta estrutura organizativa. Podemos recuperar os mesmos argumentos:
1. Non existe ningunha experiencia previa adecuadamente avaliada que permita predicir que este novo modelo vai mellorar a xestión e a eficiencia do sistema sanitario público (
a experiencia de Ferrol, a día de hoxe, tampouco foi avaliada).
2. O modelo de AP implantado en España nas últimas décadas ten demostrado ofrecer claros beneficios para a saúde das persoas e da comunidade. Este modelo, baseado nos Servizos de Atención Primaria, está pouco desenvolvido en Galicia; precisa de maior impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos e potenciar a súa carteira de servizos.
3. A creación dun único centro de xestión condiciona de xeito negativo o futuro desenvolvemento da AP, que perde autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos e queda funcionalmente subordinada ás extratexias de xestión da xerencia única. Neste modelo os hospitais volven ser o centro e precisan dunha AP que seleccione os pacientes con criterios de rendibilidade económica.
4. A creación desta estrutura tampouco garante que a coordinación de AP e AH sexa mellor. En vez de coordinación hai subordinación. Atención Primaria perde todo o control do proceso asistencial e refórzase o “
hospitalocentrismo”. Esta orientación vai contra da eficiencia: a atención hospitalaria utiliza máis tecnoloxía, provoca máis iatroxenia e resulta máis cara.
5. A creación dun centro único de xestión, xunto coa marxinación da AP, favorece que os recursos deriven,
aínda máis, cara os hospitais. A reducción das inversións en AP frea o seu desenvolvemento, o que levará ao deterioro da calidade asistencial. A AP, que xa xestionaba un escaso 10% dos orzamentos da sanidade (cando os expertos aconsellan o 25%), queda sen estrutura organizativa nin capacidade de decisión.
Os impulsores deste modelo afirman que reducen gastos en persoal e que suprimen cargos directivos. Non é certo. Os membros das Xerencias de AP integráronse no novo organigrama na súa totalidade, se ben agora ocupan cargos irrelevantes, con escasa función directiva. Tamén afirman que se mellora a continuidade da asistencia. Mais non é así: a supresión das Xerencias de AP non mellora a coordinación e o uso eficiente de ambos niveis asistenciais.
O PP está aplicando unha estratexia dirixida a externalizar e privatizar progresivamente a sanidade pública. Utilizan o modelo da concesión administrativa ou PFI para entregar a mans privadas a xestión de parcelas cada vez máis amplas da nosa sanidade. Nas comunidades de Madrid e Valencia, onde xa existen as Xerencias Integradas, están a ofertar a empresas privadas a xestión non só dos hospitais senón das áreas sanitarias, incluíndo os Centros de Saúde. Este será, probablemente, o seguinte paso que tenten dar en Galicia. Como o obxectivo das empresas é conseguir beneficio económico xa podemos enxergar cal será o papel a desenvolver pola AP: será a porteira do sistema, mais verá limitado o seu acceso a probas e terá incentivos para reducir as derivacións ao nivel hospitalario e para realizar selección adversa de pacientes co fin de reducir os custes.
Por todo o descrito consideramos que as Xerencias de Xestión Integrada veñen ser o certificado de defunción da AP, representan un paso atrás na mellora da xestión sanitaria e supoñen un perigo certo para o futuro da sanidade pública, á vista da evolución seguida noutras autonomías. Reclamamos que se poña freo á implantación deste modelo de xestión e que se recuperen as Xerencias de AP, con capacidade decisoria e orzamento propio. Tamén solicitamos un incremento dos orzamentos de AP e o inicio dun proceso co fin de potenciar o sistema sanitario público, sen poñer en risco os avances e melloras acadados ata o momento.
Galicia, 28 de Febreiro de 2013.
Asinantes:
-Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).
-Jesús Rey García. Coordinador do Plan de Mellora de Atención Primaria do Sergas (2006-2009).
-Jesús Sueiro Justel. Presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC).
-Manuel-V. Fernández Fernández. Presidente da Asociación Galega de Enfermería Familiar e Comunitaria (AGEFEC).
-Pablo Vaamonde García. Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas (2005-2006).
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com
SOS - Sanidade Pública
http://www.sos-sanidadepublica.org/
Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
6 de março de 2013 22:41
_________________