luns, decembro 17, 2018

O sábado 15 de decembro, inaugurou-se a exposición 'Galicia en Foco', no Ateneo Ferrolán que estará aberta ao público até o vindeiro 15 de xaneiro, organizada polo Club de Prensa de Ferrol - Tamén foi a a entrega do premio Foto do Ano de Galicia en Foco, foi para a foto 'Bágoas dos que non apagan lumes', tomada por Javier Cervera foi a que obtivo o premio de fotoxornalismo


Exposición “Galicia en Foco”
Do 15 de decembro de 2018 ao 15 de xaneiro de 2019


Organizada polo Clube de Prensa de Ferrol

Este sábado 15 de decembro no Ateneo Ferrolán, foi a a entrega do premio Foto do Ano de Galicia en Foco, foi para a foto "Bágoas dos que non apagan lumes", tomada por Javier Cervera foi a que obtivo o premio de fotoxornalismo "Galicia en Foco" que otorga o Club de Prensa de Ferrol na súa XXVII edición e que por primeira vez ten unha dotación económica de 1.000 euros.

Ademais o xurado do certame acordou conceder unha “mención especial” á serie “Rapa dás Bestas” de Javier Arcenillas, publicada non “Magazine Papel- El Mundo”, o 5 de Xullo de 2017.

O xurado que estivo composto por Anna Turbau, Pepe Tejero e Julia Díaz Sixto, actuando como secretario, Miguel García Corral, referiu á imaxe premiada como “Madonna da desolación”, sinalando que era unha toma “desas que só podes facer unha vez na vida”, e destacou “a súa achega complementaria e enriquecedora dá peza narrativa”.

A Exposición permanecerá aberta ata o 15 de Xaneiro, para iniciar despois o percorrido por outros lugares de Galicia.

--
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)


Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/Ateneo-Ferrol%C3%A1n-1430118530577463/
Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
14 de dezembro de 2018 13:19

_________________

Multiplicación de obras de precampaña en Narón, construidas para 'arranxar' - 'Outro clásico das obras municipais é a falta de planificación, de criterio ou de coherencia', din desde Eliximos Narón


Cando se cambiou a normativa para evitar a multiplicación de inauguracións en campaña electoral xa se intuía que a picaresca española atoparía outra forma para que os políticos se “luzan” en campaña e precampaña.

Entre formulas xa empregadas e seguida polo Tripartito de Narón é deixar o groso das obras e investimentos para o ano preelectoral. O diñeiro que non se foi investindo en anos anteriores foise acumulando e agora en precampaña desbórdanse de investimentos e obras.

O de “desbordan” tamén vén a conto porque se desborda a capacidade de xestión do Concello cos servizos técnicos, os de intervención e sobre todo o de contratación desbordados e sen capacidade para dar saída ao traballo acumulado. Aínda que isto xa non é algo novo, pois xa vimos que moitas das obras aprobadas o pasado ano, e que deberían terse licitado en 2017, pasáronse a este ano, e bastantes aínda están en proceso de licitación en decembro de 2018.

Outro clásico das obras municipais é a falta de planificación, de criterio ou de coherencia. Así nos atopamos con casos curiosos dos que imos citar algúns como exemplo:

Falta de accesibilidade. Levamos dende o 2015 pelexando pola accesibilidade en Narón, e xa sabemos que é difícil e custoso emendar ou mellorar a realidade xa presente, pero o que non ten desculpa é que as novas obras fáganse con deficiencias de accesibilidade. Conseguimos que se refixesen algúns proxectos para emendar as deficiencias antes de comezar as obras, e noutros conseguimos melloras a posteriori, aínda que noutros non se nos fixo caso, e seguen propoñendo novas obras nas que non se teñen en conta todos os requirimentos legais, aínda que si afirmen o contrario; así que a situación é que se están empezando a facer accesibles algúns espazos mentres que, doutra banda, fanse novas obras sen accesibilidade.

Parques infantís. Aprobouse algún novo parque con chan de cortiza de piñeiro, cando xa se estaban adaptando os existentes con lousas de caucho, e constrúese agora estando aprobada a renovación dos chans para substituír as lousas por un chan continuo de caucho en 10 parques, xa que as lousas non deron o resultado esperado porque se despegan levantándose polas beiras e provocando caídas. Sen embargo, con gran bombo tamén están a anunciar a renovación do parque infantil da Gándara, cun investimento de preto de 154.000 euros e a renovación xeral das súas instalacións, mentres se reutilizan as lousas no lugar de aproveitar a obra para substituílas tamén por un chan continuo, a pesar de que segundo a alcaldesa “Esta praza é un dos espazos máis concorridos da nosa cidade polos nenos e nenas e precisa dun cambio, con novos elementos de xogo e melloras de seguridade”.

Iluminación deficiente. A iluminación é algo esencial en zonas públicas tanto por seguridade, ante posibles actos vandálicos ou fronte a accidentes, como para un uso e goce seguro. Con todo é un dos aspectos máis esquecidos polo Tripartito. Atopámonos con:
  • Iluminación mal distribuída, como no parque de Freixeiro ou na reformada praza do colexio de Xuvia, con zonas moi escuras (1 lux, fronte aos 20 requiridos) e moi preto outras moi claras (280 lux), e mesmo farois instalados entre as ramas das árbores que non cumpren a súa función.
  • Iluminación deficiente en novas instalacións, aínda que teñen algunha porque reciben a da contorna, como na pista multideporte de O Alto (Santa Tecla), algúns parques infantís, ou as escaleiras de acceso ao parque de Piñeiros, etc.
  • Ausencia de iluminación, como o caso do novo parque anexo ao local social de Sedes en cuxo proxecto non se contemplaba iluminación ningunha.
  • A sobreiluminación, incriblemente tamén se dá, chegando mesmo a multiplicala en máis de 2 veces. Por exemplo, o pavillón do colexio da Solaina na que se renovan as lámpadas para, supostamente, mellorar a eficiencia enerxética da instalación, e poñen unha iluminación de 480 lux cando son requiridos 200 para este tipo de instalacións. Está claro que substituír focos doutro tipo polos LED aforran enerxía pero aínda máis se aforraría se se poñen os necesarios e non o dobre, non só en enerxía senón tamén no material da instalación.
• Caldeiras de gasóleo (Viva a eficiencia enerxética !!). Cando as administracións española e europea están a apostar por retirar os combustibles fósiles das fontes enerxéticas e temos alternativas non só máis ecolóxicas senón máis viables economicamente, acaban de aprobar a instalación de caldeiras de gasóleo en para quentar a auga das duchas de instalacións deportivas como na Solaina e O Cadaval. Certo que uns quentadores solares non serían prácticos para este tipo de instalación (aínda que si poderían complementala) pero tendo canalización de gas natural próxima sería a opción para escoller por múltiples vantaxes:
  • Non require dun local específico para a súa instalación, como si require o depósito e a caldeira de gasóleo, e que obrigan a facer obra civil.
  • A caldeira é moito máis barata e con menores necesidades de mantemento e limpeza.
  • O combustible é menos contaminante e non vota fumes molestos para a veciñanza.
  • Ofrece auga quente con moita máis rapidez que a caldeira de gasóleo, etc.
Ademais, hai outros aspectos que non se teñen en conta como a eficiencia enerxética da instalación (caldeira, depósitos, tubaxes, etc.) que varía segundo o tamaño, a capacidade, o illamento, etc. de todos os elementos da instalación.
Pero os naroneses xa poden durmir tranquilos porque (para compensar) o Concello adheriuse á “Declaración de compromiso dos gobernos locais coa axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable”.

Estes son algúns exemplos sen querer entrar en moitos detalles, pero o tema daría para escribir un pequeno (o gran) libro.

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán
15570 Narón (A Coruña)

673141822 - eliximos@gmail.com

Narón, moito  por facer
...fagámolo, xuntos podemos.

Web:
http://eliximos.es/

twitter:
https://twitter.com/eliximosnaron

facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/

Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
14 de dezembro de 2018 13:59

__________

domingo, decembro 16, 2018

Lídia Senra: 'As mulleres temos que poder debater de todo para tomar as nosas propias decisións' - A eurodeputada abre a xornada Mulleres e Saúde no Café de Catro a Catro de Vigo, chamando a reaccionar fronte á mentira, manipulación e censura - Denuncian que os beneficios económicos están a condicionar a asistencia sanitaria, convertendo a tecnoloxía e os fármacos en obxectos de consumo


Lídia Senra: “As mulleres temos que poder debater de todo para tomar as nosas propias decisións”. |  A eurodeputada abre a xornada Mulleres e Saúde no Café de Catro a Catro de Vigo, chamando a reaccionar fronte á mentira, manipulación e censura. | Denuncian que os beneficios económicos están a condicionar a asistencia sanitaria, convertendo a tecnoloxía e os fármacos en obxectos de consumo.


As mulleres non podemos permitir que se nos vete o acceso a espazos públicos para reunirnos, falar e debater. Tampouco podemos consentir que se intente tutelarnos e dicirnos do que debemos ou non debemos tratar para poder tomar as nosas propias decisións con respecto á saúde. Debemos defender a liberdade de expresión”. Así o defendeu este sábado pola mañá a eurodeputada Lídia Senra, na apertura da xornada ‘Mulleres e saúde’ que se desenvolveu durante todo o día no Café de Catro a Catro de Vigo, despois de que o Concello decidira censurar este evento no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO), onde inicialmente ía ter lugar, e vetar tamén a posibilidade de celebralo en calquera espazo de titularidade municipal. A europarlamentaria asegurou non entender a polémica que se levantou na última semana ao respecto desta xornada. “A partir de manipulacións e de mentiras construíuse unha narrativa que nada ten que ver coa xornada e é lamentable que o Concello de Vigo decidira censurar esta xornada nun espazo público. Como deixemos avanzar este tipo de narrativas, como non reaccionemos comosociedade e como demócratas, chegarán novas censuras, e quen sabe se tamén ilegalizacións, e o futuro será moi triste. Estamos ante unha situación moi grave e lamentable”, dixo Senra.

A eurodeputada dixo non ter nada que ocultar, reiterou que esta non é unha xornada antivacinas e animou a facer debate e a non calar nada: “Aquí non se veta a liberdade de expresión de ninguén”, exclamou. Tamén agradeceu a todas as persoas que asistiron (ao redor dun cento durante todo o día), a pesar da polémica suscitada, e defendeu a necesidade de abordar a saúde das mulleres desde unha perspectiva de xénero, algo que non é habitual e sen embargo é fundamental. “A ciencia debe avanzar para mellorar a nosa saúde e benestar e isto só será posible se se realiza a través das fendas que introduce a dúbida", concluíu.

A primeira mesa da xornada, titulada ‘O tratamento médico das mulleres’, foi introducida pola concelleira de En Marea en Vigo, Margarida López Barreiro, quen aproveitou para animar “á loita pola liberdade das mulleres para poder expresarnos”. “Quero expresar o meu malestar e indignación porque estamos sendo vítimas dun abuso de poder do Concello de Vigo e iso non ten nome. Non podemos permitir que volvan acontecer accións deste tipo e que a liberdade de expresión, algo que nos costou tanto conseguir, se nos negue”, dixo. A edil reclamou a necesidade de ter espazos de debate para as mulleres “fora das redes do patriarcado” e alleos á “publicidade interesada”. Tamén chamou a implementar medidas sanitarias máis humanizadas na atención ás persoas fronte á xeralización da fórmula de aumento por defecto da medicación, que non xera en absoluto un aumento da autoestima da persoa enferma. “Necesitamos máis feministas nos parlamentos e en todos os lugares onde se toman decisións”, zanxou.

Tomou de seguido a palabra María Luísa Lores, radióloga e presidenta da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, que ten estudada a medicalización e a calidade de vida das mulleres galegas. Lores comezou amosando a súa sorpresa ante a polémica xerada esta semana pola xornada. “É a primeira vez desde o inicio da miña vida profesional, que vetan unha xornada na que participo”, dixo, para advertir que “a saúde é nosa”. A experta fixo un repaso pola situación do sistema sanitario nos últimos anos, nos que asistimos ao avance e aparición de novos fármacos, novos equipos de alta tecnoloxía, historia electrónica, maior intercomunicación entre profesionais, mellor coñecemento das patoloxías para facer cirurxía máis centrada, tratamentos menos longos que permiten reducir estancias hospitalarias e cirurxías sen ingresos. “Temos moita información para saber o que está pasando, o que permite reducir as listas de espera e mellorar a calidade sanitaria, pero as tecnoloxías están pasando de ferramenta a obxectivo. As empresas andan á procura de pacientes para vender os seus produtos. Promóvense as alarmas sociais, os medios advirten da necesidade de diagnoses temperás e a tecnoloxía e os fármacos convértense en obxectos de consumo”, denuncia.

Lores denunciou que a corrupción no sistema sanitario está a determinar a saúde das persoas e reclamou a derogación da Lei de Saúde e rematar coa actual práctica na que a asistencia sanitaria se centra nos beneficios económicos e non nas necesidades. “Non é igual público que privado, dicimos claramente non a calquera forma de privatización”, remarcou.

Pola súa banda, Carmiña Mosqueira, médica-epidemióloga, especialista en saúde pública, que traballou na Consellería de Sanidade de Asturias, e ten estudado o cribado de cancro de mama por mamografía, preguntouse se o día de hoxe están xustificados os programas de cribado con mamografía, tendo en conta que as mulleres se someten a unha radiación que se vai acumulando ao longo da vida. Mosqueira desvelou que de cada tres casos de cancro que se diagnostican nos cribados mamográficos, un é unha sobrediagnose e alertou sobre os falsos positivos e os falsos negativos nas mamografías. “É fundamental fomentar o coñecemento das mulleres, con información científica e independente, para tomar as nosas propias decisións”, defendeu.

Mosqueira tamén interviu na segunda mesa da xornada, centrada na vacina do Virus do Papiloma Humano (VPH), e explicou que, segundo datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), o 80% das mulleres (as persoas) teñen contacto co VPH o longo da súa vida; o 90% de elas superan por si mesmas a infección quedando protexidas por inmunidade natural fronte a este virus. “Aprobabilidade de ter cancro de cervix é baixa (12 casos por cada 100.000 mulleres) e ten unha mortalidade baixa. Véndeno como un dos nosos maiores inimigos, pero a realidade, a infección por VPH é unha infección común, que na maior parte das veces se resolve por si mesma, e que se deriva en lesión pre-cancerosa pode revertir. No caso que se desenvolva un cancro, dispoñemos dunha proba sinxela, barata e eficiente de detección precoz, a citoloxía ou Papanicolau. O cancro de cérvix é o noveno en importancia dos cancros que podemos padecer as mulleres. O Estado español é dos países de Europa cunha incidencia máis baixa, e ademais, xa cando se tomou a decisión de implementar a vacina estaba descendendo a súa incidencia”. Ante esta situación, a doutora Mosqueirapregúntase “por que a vacina é obrigatoria e gratuíta e o preservativo e a educación sexual non?”.

Na mesma mesa, Alicia Capilla, presidenta a Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma Humano, agradeceu a “valentía e coherencia política” de Lídia Senra por seguir adiante coa xornada “a pesar da polémica previa xerada”. “Se todos os políticos do noso país tiveran a súa coherencia e determinación, outro galo cantaría”, dixo, lembrando que durante estes últimos dez anos, “houbo políticos que intentaron axudarnos e ao botárselle o lobby farmacéutico enriba recuaron”. Capilla comezou a súa intervención aclarando que “nós non somos un movemento antivacinas, xa que as nosas fillas vacináronse. É obvio que se foramos antivacinas non o terían feito”. A valenciana explicou que o que pide a súa asociación é aplicar o principio da precaución e que se estableza a moratoria na aplicación da vacina, como fixo Xapón, para investigar as afeccións producidas en algunhas persoas. Así, denunciou a situación de desamparo na que se atopan as vítimas. “Téñennos cualificado de histéricas, dixéronnos que non había afectadas pola vacina e agora chámannos antivacinas. Sentímonos discriminadas como mulleres, recibimos un trato vexatorio e reclamamos queas autoridades sanitarias actúen con responsabilidade”, explica.

Capilla lembrou que a OMS recomenda a vacina cando a incidencia é alta, pero no Estado español a incidencia é baixa. Como asociación reclaman que o Ministerio informe, dos beneficios, pero tamén dos riscos, dos efectos adversos que presenta a vacina, entre eles, dores de cabeza severos, cansazo, vértigos, mareos, visión borrosa, problemas xinecolóxicos, enfermidades do sistema nervioso, problemas dermatolóxicos, sospeitas de morte, fallo ovárico precoz, insuficiencia renal, etc. No Estado español, a incidencia de notificación dunha reacción á vacina é de 1 por mil, dez veces maior que noutras vacinas administradas en mozas da mesma idade. Segundo o informe correspondente ao último semestre da Axencia Española do Medicamento, do 1 de xaneiro a xullo do 2018 houbo 76 casos de efectos adversos no Estado español e deles, 36 graves, considerándose grave que ocasione a morte, hospitalización, incapacidade ou invalidez significativa ou persistente ou anomalía. “Son moitos casos nun semestre”, considerou Capilla, que reclama que os responsables dean a cara e digan a verdade.

Xa na mesa da tarde, abordouse o tema da violencia obstétrica, da man de Elena Gil, co-coordinadora galega de O Parto é Noso, e Iria Pinheiro, nai e actriz, protagonista de ‘Anatomía dunha serea’ de Chévere Berberecheira. Gil defendeu que só a muller pode saber o que é o mellor para ela e o seu bebé e defendeu que, con información, as mulleres tomen as súas decisións. “Debemos reclamar o dereito a decidir e a ser informadas”, dixo. Así, reclamou que se apliquen as recomendacións da OMS e se poña fin ás ameazas durante o embarazo, á infantilización e o paternalismo. “A violencia obstétrica é violencia de xénero e é un problema estrutural”, defendeu. A OMS recoñeceu no 2014 a existencia da violencia obstétrica e fai unha crítica severa á atención actual ao parto no mundo. Aviolencia obstétrica está recoñecida en lexislacións de distintos países, pero no Estado español non existe un recoñecemento legal expreso deste concepto.

Na mesma liña, Iria Pinheiro explicou o seu caso concreto durante o embarazo e parto, asegurando que a día de hoxe non se sinte vítima, senón vitoria tras toda a violencia que sufriu. “O meu parto foi como unha violación observada”, describiu, sinalando a necesidade de facer visibles e públicas este tipo de situacións para poder atallalas.

Vigo, 15 de decembro, de 2018.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://lidiasenra.gal/ https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
15 de dezembro de 2018 19:47

__________________

venres, decembro 14, 2018

Unha representación da central sindical reuniuse o mércores 12 de decembro en Madrid coa Ministra de Traballo, Magdalena Valerio - A CIG reclámalle ao Goberno Español unha nova lexislación laboral e social e a derrogación das reformas laborais e das pensións

A delegación da CIG coa Ministra de Traballo, Magdalena Valerio

CIG INFORMA - Xuntanza CIG - Ministra de Traballo, Magdalena Valerio


Unha representación da central sindical reuniuse hoxe en Madrid coa Ministra de Traballo, Magdalena Valerio.

A CIG reclama a Valerio unha nova lexislación laboral e social e a derrogación das reformas laborais e das pensións

Unha delegación da CIG encabezada polo seu secretario xeral, Paulo Carril, trasladou esta mañá en Madrid, á Ministra de Traballo, Magdalena Valerio, a preocupación da central sindical polo enorme retroceso nos dereitos individuais e colectivos da clase traballadora galega en materias como contratación, despedimento, xornada, salario ou mesmo cumprimento, ou negociación, dos convenios colectivos. A CIG, que vén desenvolvendo nos últimos anos unha campaña continuada pola recuperación de dereitos, reclamou, para iso, unha nova lexislación laboral e social, en materia de negociación colectiva, de seguridade social e de formación continua, ademais de demandar a derrogación tanto das “contrarreformas laborais” como das pensións, entre outras cuestións.

Na xuntanza -concedida logo de reiteradas peticións que non foron contestadas, da denuncia pública da actitude do Ministerio cando Valerio visitou Galiza e se limitou a convocar á patronal, CCOO e UGT e tras facer pública unha carta na que se lle reprochaba esta actitude- o secretario xeral, Paulo Carril, lembrou que “o goberno non pode seguir negando a existencia dunha realidade sindical plural,  imparábel e incontestábel” en Galiza, onde a CIG é a primeira forza sindical en representación, en afiliación, en capacidade mobilizadora e en incidencia.

Así mesmo cuestionou que se confunda, perverta e simplifique ao nocivo diálogo e concertación social, as necesarias e razoábeis relacións entre os gobernos e as organizacións sindicais.

Derrogación das contrarreformas, pór fin á fenda salarial entre homes e mulleres, xornada laboral de 35 horas, ...

A partir de aí a delegación da CIG puxo sobre a mesa as demandas da central sindical para combater a gravísima precariedade derivada das miserábeis condicións laborais que provocan que hoxe ter un traballo non sexa garantía de subsistencia e que levan, en Galiza, a miles de persoas a recorrer á economía somerxida ou a emigrar para poder sobrevivir.

Unha situación da que Carril responsabilizou aos gobernos que impuxeron as sucesivas contrarreformas laborais que afondaron na individualización e desregulación das relacións laborais facilitando e abaratando o despedimento, tanto colectivo como individual; fomentando a pobreza e os baixos salarios; impoñendo novas formas de contratación e subcontratación –como o contrato a tempo parcial, as/os falsas/os autónoma/os, as empresas multiservizos ou as axencias privadas de contratación, entre outros- e xeneralizando así a precariedade.

Unha precariedade que afecta ao conxunto da clase traballadora mais, como trasladaron, sofren especialmente as mulleres, cuns salarios un 23% inferiores ao dos homes. Unha fenda salarial que a CIG demandou combater e pór fin.

Por iso a representación da CIG -na que xunto a Carril estaban a secretaria de Organización, Susana Méndez, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío-  fixo entrega das propostas da central sindical nesta materia, nas que se que contempla un cambio de normativa para recuperar os dereitos roubados, emprego estábel, salarios dignos e un sistema público de pensións forte.

Unha normativa que debe conter, ademais da derrogación desas contrarreformas, medidas como a eliminación das cadeas de subcontratas, a reversión dos servizos privatizados ao público, a eliminación da figura do falso autónomo, así como das ETT e das axencias privadas de colocación ou a xornada laboral de 35 horas, entre outras.

Da urxencia desa derrogación das reformas puxeron como exemplo o caso de Alcoa, porque o seu mantemento deixa ao goberno sen mecanismos para frear EREs como o proposto pola empresa, e ás traballadoras e traballadores indefensos e ao pairo do que a empresa decida. Mais tamén urxiu a que se aprobe dunha vez, por Lei, o control obrigatorio da xornada laboral para rematar coa explotación laboral e coa fraude á Seguridade Social e a Facenda, na liña da Iniciativa promovida pola CIG no Congreso das Deputadas e Deputados e que foi aprobada en xuño de 2017.

Derrogación da reforma do sistema de pensións

A representación da CIG puxo tamén sobre a mesa que as reformas do sistema público de pensións -que atrasaron a idade de xubilación aos 67 anos; desvincularon o incremento das pensións do IPC; ampliaron a 25 o número de anos para calcular a base reguladora; instauraron a aplicación do factor de sostibilidade; atrasaron a idade de acceso á xubilación anticipada e eliminaron, na práctica, a xubilación a tempo parcial- provocaron un enorme deterioro das contías das pensións, que será maior para as pensións futuras, e dificultaron o acceso ás mesmas.

Xunto a isto trasladaron o malestar da CIG pola reforma da xubilación parcial con contrato de relevo que veñen de aprobar o Goberno español e os sindicatos estatais CCOO e UGT, que consideraron un novo retroceso nos dereitos da clase traballadora porque afonda na discriminación e na desigualdade entre as persoas traballadoras.

Por iso demandaron un compromiso do Ministerio na defensa do sistema público de pensións, a derrogación das reformas das pensións e o restablecemento da xubilación parcial aos 61 anos, para o conxunto da clase traballadora coas condicións previas á crise.

Alcoa, Long Hope, Emigrantes Retornad@s, indulto de Carlos e Serafín 

Mais tamén solicitaron da Ministra, e por extensión ao goberno, que se impliquen e leven adiante actuacións urxentes e inmediatas na defensa do futuro das fábricas de ALCOA, na resolución do conflito dos mariñeiros de Long Hope e dos emigrantes retornados e urxiron a que o Consello de Ministros aprobe dunha vez o indulto de Carlos e Serafín, que demandaron á maior brevidade posíbel.

Negociación colectiva

O secretario xeral da CIG puxo tamén sobre a mesa a preocupación da central sindical polo desmantelamento da negociación colectiva e os intentos obsesivos de centralización, de estatalización das relacións laborais, xerándose  situacións de inxustiza e producíndose funcionamentos antidemocráticos, que afastan da clase traballadora e dos centros de traballo o poder de decisión e de control sobre as condicións de traballo.

Fronte a iso defendeu propostas para que se respecte o dereito á negociación colectiva no ámbito galego, a través de  marcos normativos e de relacións laborais, nos que a clase traballadora galega teña participación, control e capacidade de incidir e decidir sobre as súas condicións laborais e sociais.

Máis información no xornal sindical Avantar.

Compostela, 12 de decembro de 2018.-

Executiva Condeferal da C.I.G

Enviado por:
Confederación Intersindical Galega
-nonresposta@cig.gal-
13 de dezembro de 2018 18:06

__________

A Rede para o Decrecemento comeza a organizar-se en Ferrol e ten previsto impulsar campañas de concieciación - A súa primeira Asemblea terá lugar o venres 21 deste mes de decembro, ás 19:30hs no Ateneo Ferrolán

Relatorxs do I Congreso da Rede para o Decrecemento,
no Ateneo Ferrolán o 6 de Outubro de 2018

A Rede de Decrecemento comeza a organizar-se en Ferrol e ten previsto impulsar campañas de concieciación - A súa primeira Asemblea terá lugar o venres 21 deste mes de decembro, ás 19:30hs no Ateneo Ferrolán, convocada pola executiva daOs membros da Executiva da Rede para o Decrecemento acordamos convocar unha reunión para o vindeiro venres 21 , ás 7,30 h da tarde no Ateneo, para empezar a organizar a Rede en Ferrolterra e impulsar campañas de concienciación. Ficas polo tanto convocada/o para o venres 21, ás 7,30 horas da tarde no Ateneo Ferrolán.

Un Saúdo

Conta no Facebook:
https://www.facebook.com/rededecrecemento/

Info baseada na enviada por:
Rede de Decrecemento Eo-Navia Galiza O Bierzo RD
-redegalegadecrescimento@gmail.com-
12 de dezembro de 2018 06:47

_______________

O luns 17 de decembro, leremos poemas da grande poeta americana Adrienne Rich, na Biblioteca Central de Ferrol ás 19:30hs, convidad@s polo Clube de Lectura e Poesía


Adrienne Rich e os seus poemas


O Clube de Lectura e Poesía de Ferrol, convida a participar no acto de lectura de poemas de Adrienne Rich.

Día: Luns, 17 de Decembro de 2018.
Hora: De 19:30 a 20:45hs.
Lugar: Biblioteca Central de Ferrol.

Leremos poemas da grande poeta americana Adrienne Rich.

Morreu o 28 de Marzal do ano 2012 a escritora estadounidense Adrienne Rich, con obra en poesía e ensaio, pioneira do feminismo e a reivindicación lesbiana. Con todo, á marxe da súa actitude social, tratábase dunha autora capaz de explicar, desde a primeira persoa do singular, a construción dunha identidade común: a das mulleres do século XXI.

Nada en Baltimore o 16 de maio de 1929, e falecida en San Francisco o 28 de marzo de 2012, Adrienne Rich deixa unha obra na que axuntou compromiso e intelixencia. Fronte á exuberancia verbal de coetáneas como Anne Sexton, e compartindo a súa opinión sobre a orixe da poesía, que se acha na vida e na experiencia propias, Adrienne Rich preferiu o camiño da claridade na linguaxe. Demóstrano títulos como Instantáneas dunha nora (1963), O soño dunha linguaxe común (1978) ou Unha paciencia indómita tróuxome ata aquí (1981).

Poeta, teórica feminista, crítica literaria... Durante as súas máis de sesenta anos de traxectoria na escritura, Adrienne Rich (que ata pouco antes da súa morte continuou impartindo conferencias e lendo en público os seus poemas) explotou incansablemente, en palabras de María Soledad Sánchez Gómez, a relación entre a poesía, a política e a historia, así como a necesidade das visións utópicas fronte á compracencia e desesperanza do noso tempo.

Eterna candidata ao Nobel, o lector en castelán pode lela en traducións de Myriam Díaz-Diocaretz (Antoloxía Poética, en Visor), María Negroni (na moi recomendable antoloxía A paixón do exilio. Dez poetas norteamericanas do século XX, en Baixo a lúa) ou a propia Sánchez Gómez (Poemas 1963-2000, en Renacimiento).

Os ensaios de Adrienne Rich (Nada de muller ou Sobre mentiras, segredos e silencios), de referencia para comprender a loita do feminismo recente, atópanse nos catálogos de editoriais como #HoraseHoras ou Icaria Editorial.

Da man de Estandarte.com despedímonos de Adrienne Rich con este poema, en tradución de Sánchez Gómez.

http://www.estandarte.com/noticias/autores/muere-la-escritora-estadounidense-adrienne-rich_1130.html

Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/791979451142559/

_______

Xurxo Souto, em Ferrol, apresenta o seu último livro 'A gran travesía de Chiruca Macalláns' esta sexta-feira 14 de dezembro - E Tanxugueiraso sábado 15 e depois foliada - Na Fundaçom Artábria, Travessa de Batalhons nº7, no bairro de Esteiro


Xurxo Souto apresenta o seu último livro "A gran travesía de Chiruca Macalláns" esta sexta-feira 14


Sexta-feira 14 de dezembro às 20.30hs. Xurxo Souto apresenta o seu livro "A gran travesía de Chiruca Macalláns" editado por Xerais. Junto a el estará Emilio Romero.

Reproduzimos a mensagem de Xurxo Souto para anunciar a apresentaçom

En lembranza e homenaxe de Milín de Curuxeiras.

VIVA A VIRXE PARROCHEIRA !

En Ferrol Vello ( ou Ferrolzarra como din en Terranova), a igrexa do Socorro, xusto enriba da dársena de Curuxeiras, garda a virxe da Parrocheira. O nome procede das vendedoras do peixe, moi devotas desta imaxe, que durante moito tempo foron responsables do seu adobío.

Cun respecto absoluto cara as crenzas de cada quen, pode haber epíteto máis propio para referise á Virxe? Ademais do xogo de polisemias que a palabra parrocha permite en galego – e que resalta e pondera o principio feminino-, a identificación da Virxe coa fecundidade do mar resulta sinxelamente marabillosa. A secuencia de connotacións positivas non che ten couto: Un alimento humilde que ascende á categoría de celestial. Apólogo e homenaxe ás mulleres obreiras, traballadoras do mar, parrocheiras de Curuxeiras.

Se pasas por Ferrol Vello, aínda que non sexa o día da festa, honra –terrícola- este ritual.

Primeiro cómpre catar no Anca unhas linguas de bacallau. Deseguido, calidade suprema en peixe fritido, por suposto, parrochas no Coral.

E xa pola tardiña -cunca en alto- enche de vento para corazón e berra ben forte: Vivan as cousas bonitas ! Viva o mar de Ferrol ! Viva a virxe Parrocheira !

(Xurxo Souto, “Contos do Mar de Irlanda”)

E depois, Artábria: festa en Esteiro ! Con Emilio Romero, fillo de Milín de Curuxeiras (Galiza/Terranova), sabio maior de Ferrol Vello !


Tanxugueiras este sábado 15 na Fundaçom Artábria e depois foliada!

Sábado 15 às 22.00hs chegam à Fundaçom Artábria as Tanxugueiras. Olaia, Sabela e Aida formam este grupo de cantareiras, formado odicialmente em janeiro de 2016. O pracer de cantar e tocar a nossa música do nosso país e de recolher a tradiçom oral das avôs é o que lhes motiva dia a dia para levar avante este projeto musical que golpea com força no panorama musical galego.O nome deriva dum pequeno terreno de Fumaces, na montanha Ourensá.

O concerto dará início às 22.00hs e a entrada é de graça, posteriormente haverá foliada, assim que animade-vos a trazer o vosso instrumento e ganhas de bailare.

--
Travessa de Batalhons nº7 Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone: +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
13 de dezembro de 2018 16:52
13 de dezembro de 2018 16:41

__________________

A liberdade de expresión é un problema para a clase dirixente porque visibiliza a disidencia contra eles, os ricos, que arrasan con todo o que pertence ao pobo - Palestra antirrepresiva en Vigo: Boro (La Haine) + Saúl (La Insurgencia) Sábado 15 de decembro


Palestra antirrepresiva: Boro (La Haine) + Saúl (La Insurgencia)
Sábado 15 de decembro | 19:00 | CNT-VIGO (rúa do Príncipe, nº 22. Galerías comerciais, 1º andar, local 34)


29 MARZO 2014: "RODEA O CONGRESO". Boro LH, xornalista dos portais dixitais de contrainformación La Haine e Kaos en la Red, era detido mentres cubría a protesta. Acusado falsamente de agredir a un policía, pídenlle 6 anos de prisión: catro por un delito de lesións e dous por un delito de atentado a axente de autoridade. Previamente, dentro da "Operación Araña", desenvolvida contra internautas por tuitear, retuitear ou compartir entradas en Facebook, abríase unha causa contra el por enaltecemento do terrorismo en Twitter por escribir mensaxes de apoio á loita nas rúas ou expresarse contra a garda civil.

2 e 3 NOVEMBRO 2017: doce músicos de rap integrantes do colectivo La Insurgencia eran sometidos a un xuízo ante a Audiencia Nacional acusados pola Policía Nacional de enaltecemento do terrorismo polas súas letras críticas. A fiscalía pide para eles dous anos e un día de cárcere, multa de 4800 euros, a inhabilitación absoluta durante nove anos, a retirada do dereito de sufraxio pasivo e a retirada dos vídeos de youtube obxecto de delito.

As ideoloxías políticas (a esquerda revolucionaria e consciente) que cuestionan ao sistema e á elite gobernante son perseguidas e castigadas duramente polo aparello policial ao servizo do Estado. A liberdade de expresión é un problema para a clase dirixente porque visibiliza a disidencia contra eles, os ricos, que arrasan con todo o que pertence ao pobo. As montaxes policiais para xustificar esta represión están á orde do día, marchando campantes sobre os dereitos humanos máis elementais.

A difusión desta realidade faise fundamental para abrir os ollos fronte ao fascismo que domina a escena política e social e ser conscientes de que ninguén se salva deste brazo opresor. Pero non nos van calar!!

cntvigo@gmail.com

Enviado por:
Colectivo por la Absolución de La Insurgencia
-colectivoabsolucioninsurgencia@gmail.com-
14 de dezembro de 2018 09:54

_________________

O Café de Catro a Catro acollerá a xornada sobre saúde das mulleres que vai ter lugar o vindeiro sábado 15 de decembro en Vigo a partir das 11 da mañá - Esta xornada, de asistencia aberta e gratuíta, abordará a necesidade de transversalizar a perspectiva de xénero no ámbito da saúde


Despois do linchamento mediático da eurodeputada Lídia Senra auspiciado principalmente por "La Voz de Galicia" por unha polémica que xa fora abordada en campaña similar, en meses atrás, sobre vacinas, tirando interesadamente do contesto, a polémica da "Xornada sobre Muller e Saúde" que estaba previsto se celebrara no centro municipal "O Marco", a equipa da eurodeputada decide trasladar a realización da xornada no mesmo Vigo no "Café de Catro a Catro". Con antelación a oficina de Lídia Senra emitiu un comunicado que transcribimos na nota do rodapé [1].

O Café de Catro a Catro acollerá as xornadas sobre saúde das mulleres que van ter lugar o vindeiro sábado 15 en Vigo a partir das 11:00h. | Esta xornada, de asistencia aberta e gratuíta, abordará a necesidade de transversalizar a perspectiva de xénero no ámbito da saúde.


A xornada “Mulleres e Saúde” (PROGRAMA) prevista para este sábado día 15 en Vigo terá lugar no Café de Catro a Catro, na Rúa de Girona Nº16.

Trátase dunha xornada aberta, dirixida a todas as persoas interesadas en abordar claves de análise que permitan avanzar na transversalización da perspectiva de xénero no ámbito da saúde.

Comezará ás 11:00 horas coa apertura da mesma a cargo da propia Lídia Senra. A continuación desenvolverase un coloquio titulado “O tratamento médico das mulleres” no que participará a presidenta da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, María Luisa Lores, que ten estudada a medicalización e a calidade de vida das mulleres galegas; e Carmiña Mosqueira, que traballou como epidemióloga da Consellería de Sanidade de Asturias e actualmente está xubilada e ten estudado o cribado de cancro de mama por mamografía.

A partir das 13:00 horas, Alicia Capilla, presidenta da Asociación de Afectadas pola Vacina do Papiloma Humano (AAVP), exporá a experiencia das mulleres vacinadas organizadas nesta asociación. A activista da Marcha Mundial das Mulleres María Montenegro, encargarase de presentar a charla e de moderar o debate posterior.

Ás 14.00hrs. proporcionaranse declaracións aos medios de comunicación no mesmo lugar da xornada.

Xa pola tarde, a partir das 17:00 horas, terá lugar o coloquio titulado “A violencia obstétrica, unha realidade que hai que sacar á luz para tecer sororidade”. Nel intervirán Elena Gil Rodríguez, experta na situación actual de atención ao embarazo, parto e saúde das mulleres, co-coordinadora galega de O Parto é Noso e responsable do grupo de Vigo; e Iria Pinheiro, nai, actriz e protagonista de ‘Anatomía dunha serea’ de Chévere Berberecheira. A xinecóloga Isabel Blanco será a moderadora.

A asistencia á xornada é aberta e gratuíta, podendo participar todas as persoas interesadas nos coloquios que consideren.

Bruxelas, 13 de Decembro, de 2018.

___
Nota.-

[1] Ao respecto da cancelación da xornada “Mulleres e Saúde” por parte do Concello de Vigo queremos trasladar as seguintes consideracións:

-Ás 13.21h do día de hoxe o MARCO comunicou á oficina da eurodeputada Lídia Senra a suspensión da xornada “Mulleres e Saúde”.

-Consideramos que o feito de que as presións exercidas por un medio de comunicación sobre un Concello deriven en que este obrigue a un museo a cancelar unha xornada informativa sobre saúde e mulleres constitúe unha grave vulneración do dereito á liberdade de expresión impropia dunha democracia.

-É falso que a xornada “Mulleres e Saúde” sexa unha xornada antivacinas. Como indica o seu título, é unha xornada centrada en analizar aspectos referidos especificamente ca saúde das mulleres. María Luísa Lores e Carmiña Mosqueira foron convidadas para falar sobre o tratamento das mulleres; Alicia Capilla para falar da Vacina do Virus do Papiloma Humano e Elena Gil e Iria Piñeiro da violencia obstétrica.

-Alicia Capilla é unha nai que vacinou á súa filla ca vacina do papiloma. Resulta obvio, polo tanto, que non é unha persoa que estea en contra das vacinas. Foi convidada para explicar a súa experiencia ao respecto.

-A vacina do papiloma só se aplica a mulleres. Ese é o motivo polo cal a palestra foi incluída na xornada “Mulleres e saúde”.

-A saúde é a cuestión máis importante que existe na vida das persoas. Ese foi o motivo polo que no ano 2016 realizamos as xornadas “A privatización da sanidade na UE” e este ano a xornada “Mulleres e saúde”.

Moitas grazas pola vosa atención.

Non imos realizar máis valoracións no día de hoxe. A partir de mañá ficamos á vosa disposición.


Bruxelas, 13 de Decembro de 2018
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
lidia.senra-office@europarl.europa.eu
10 de decembro de 2018 14:12


Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
13 de dezembro de 2018 11:28

__________________

xoves, decembro 13, 2018

Campaña: Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito - Dereito cidadá e non subsidio condicionado - Recurso fronte a situación de empobrecemento - Prestación suficiente e digna


"Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito" inicia a súa andaina


Coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos Humanos, e ante a vindeira aprobación definitiva pola Xunta de Galicia do decreto da RISGA, organizacións sociais e políticas de Galicia convocamos roldas de prensa informativas simultáneas en tres cidades para presentar a campaña "Fagamos da RISGA un verdadeiro dereito". Compostela, A Coruña e Vigo foron os puntos onde celebramos roldas de prensa simultáneas diante das dependencias da Xunta de Galicia.

Logo de presentar a campaña fíxose un reparto de folletos informativos á cidadanía nas rúas destas tres cidades, como primeira das actividades que se prolongaran nos vindeiros meses:
  • Campaña de difusión nas Redes Sociais: a cal incorporará unha temática, das catro xerais do folleto, de difusión mensual.
  • Contactos cos concellos das principais cidades de Galicia: para difundir cartaz e folletos da campaña nos centros de Servizos Sociais e para achegar a campaña directamente a profesionais e persoas afectadas.
  • Charlas informativas abertas á cidadanía nas principais cidades: con participación dunha profesional cualificada dos Servizos Sociais, dunha persoa perceptora ou ex/perceptora da RISGA para contar a súa experiencia e dunha persoa da campaña. Coincidindo con esta actividade prevista para o mes de xaneiro, haberá novas difusións de folletos informativos a cidadanía.
  • A previsión da aprobación definitiva do Decreto da RISGA por parte da Xunta da Galicia entre finais do presente ano 2018 e comezos do 2019, determinará as vindeiras actividades da campaña, que continuará ante a clara insuficiencia da última proposta presentada pola administración autonómica, que entendemos será a definitiva, tendo en conta ademais que a Xunta negouse a debater a mesma con este amplo grupo de organizacións sociais e políticas.
  • A campaña pretende presentar ao conxunto da sociedade a necesidade de converter a RISGA, no vixente contexto de crecemento da desigualdade e a inxustiza, nun verdareiro dereito para o conxunto da cidadanía, incidindo na defensa dun modelo de RISGA cando menos como:
  1. Dereito cidadá e non subsidio condicionado. Fronte ás políticas de recortes e privatización dos servizos públicos básicos (educación, sanidade, vivenda, pensións…) reclamamos a protección dos servizos sociais como garantes da igualdade social nunha sociedade que segue a xerar desigualdades e sistemas de emprobrecemento xeneralizados. Reclamamos o noso dereito como cidadanía a un sistema de protección social galego inclusivo, garantista e que serva para xerar as estruturas básicas da igualdade social.
  2. Recurso fronte a situación de empobrecemento. A falta de recursos económicos derivada do desigual acceso á riqueza está a converternos nunha sociedade estruturalmente empobrecida onde a pobreza é condición na vida da meirande parte da poboación que nos encontramos sumidas en situacións de empobrecemento enerxético, laboral, de acceso á vivenda... Defendemos un sistema de protección social que atenda ás circunstancias de necesidade económica e empobrecemento da poboación de forma garantista e sen condicións subxectivas.
  3. Prestación suficiente e digna. Propoñemos a consideración de empobrecemento segundo a referencia do salario mínimo interprofesional fronte a valoración actual do IPREM de contía moi insuficiente para a satisfacción das necesidades básicas. Entendemos que non é posible satisfacer as necesidades básicas (alimentación, vivenda e gastos derivados da vida cotiá) de forma suficiente e digna cunha prestación actual de RISGA que non supón máis que o 75% do IPREM (403,38 euros/mensuais).
  • Modelo de tramitación accesible e eficaz. Defendemos un modelo de RISGA eficiente e áxil, sen burocratizacións innecesarias, co obxecto de que cumpra o seu cometido na maior brevidade posible ás necesidades económicas de emerxencia non se poden paliar con tempos de tramitación que exceden os catro e seis meses.
Organizacións asinantes do acordo colectivo de esixencia de garantías básicas no relativo ao proxecto de desenvolvemento da LEI 10/2013, do 27 de novembro, de Inclusión Social de Galicia, no relativo á tramitación da Renda de Inclusión Social de Galicia e das Axudas de Inclusión: Foro Galego de Inmigración, Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG), Asociación ONG Viraventos, Proserso, SOS Racismo, Oficina de Dereitos Sociais de Coia (Vigo), Asociación Boa Vida, Asociación Plataforma Polo Emprego, Baladre (Coordinación contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social), Colectivo de Renda Básica Universal de Compostela, Coordenadora de Crentes Galegos, Esquerda Unida, BNG, Compostela Aberta, En Marea, PsdG-PSOE e CUT.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
10 de dezembro de 2018 12:50

__________

mércores, decembro 12, 2018

En Ferrol como noutras 13 cidades e vilas da Galiza e en máis de 200 do resto do territorio do Estado, está convocada unha concentración este sábado 15 de decembro, ás 12 do mediodía no Cantón, na defensa das pensións públicas, polo noso futuro


Concentración día 15/D


A Plataforma Ferrolterra en Defensa do Sistema Público de Pensións, seguindo as mobilizacións que se están producindo na Galiza e no resto do territorio do Estado, onde están convocadas máis de 200 concentracións e mobilizacións, facemos un chamamento ás cidadás e cidadáns de Ferrol e a súa comarca para o día 15 de Decembro ás 12 do mediodía no Cantón de Ferrol, participen na Concentración de Ferrol e Comarca.

Por un sistema Público de Pensións Digno, Xusto, Blindado e para asegurar o das novas xeracións.

Pola pensións presentes e futuras!!

#ONosoFuturo15D

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Conta no Facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/


Info baseada na enviada por:
Plataforma Pensións Públicas Ferrol
-plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com-
12 de dezembro de 2018 13:00

_______________

Presentación en Ferrol da obra 'Xenio indomable', a biografía de Roberto Nóvoa Santos, de Xosé A. Fraga, este xoves día 13 de decembro ás 19,30 h., no Ateneo Ferrolán


Presentación 'Xenio indomable', a biografía de Nóvoa Santos, de Xosé A. Fraga.

Xoves 13 de decembro ás 19,30 hs, no Ateneo Ferrolán

No acto intervirá tamén Eliseo Fernández (Historiador e ex-presidente do Ateneo) e o autor Xosé A. Fraga foi o 1º vicepresidente do Ateneo Ferrolán (do recuperado en 1976)

Libro para dar a coñecer o primeiro traballo elaborado sobre a vida de Nóvoa Santos do que Xosé Fraga considera como o mellor médico da historia de Galicia, falecido con tan só 48 anos pero que deixou un importante legado científico. Na obra, o investigador detalla o enfrontamento que Nóvoa mantivo co estamento académico compostelán da súa época.

Evento: https://www.facebook.com/events/591445957979201/

---
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

TWITTER: @ateneoferrolan
BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK.
Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
12 de dezembro de 2018 13:16

_________________

martes, decembro 11, 2018

CIG-Navantia advirte que nin o convenio nin o Plan Estratéxico cumpren as decisións da asemblea xeral - Demandan a votación por separado de ambos textos - Non existe unha aposta clara pola construción naval civil na Ría de Ferrol


CIG-Navantia advirte que nin o convenio nin o Plan Estratéxico cumpren as decisións da asemblea xeral. | Demandan a votación por separado de ambos textos.

A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol advirte que tanto o convenio colectivo que vén de ser acordado como o Plan Estratéxico da empresa incumpren as decisións adoptadas pola asemblea xeral da traballadores/as. A representación da CIG demanda que a votación de ambos textos se realice por separado e non en conxunto, como pretende a empresa e están a promover CCOO e UGT.

Dende a sección sindical explican que pasado 4 de decembro déronse por rematadas as negociacións do I Convenio Colectivo Intercentros e do Plan Estratéxico de Navantia. A mesa do convenio pechouse tras 17 "maratonianas xornadas e tras un inesperado cambio de rumbo de CCOO, UGT e CSIF, que decidiron abrazar os parámetros iniciais da empresa para derrogar partes importantes do actual convenio colectivo".

Entre os dereitos en perigo co novo convenio, destacan o das asimilacións (concepto que garantía que ningún traballador/a permanecera máis de 8 anos no mesmo nivel salarial); o complemento vitalicio, que desaparece para as novas incorporacións; ou a definición dunha nova clasificación profesional que deixa no limbo a unha parte das compañeiras/os tituladas/os que poderían, na práctica, saír do convenio.

No texto tampouco se recollen os anexos das táboas salariais, que se acordarán unha vez estea asinado o convenio; e instálase unha dobre escala salarial, xa que, entre outros, elimínanse conceptos salariais para as novas incorporacións, como o de Polivalencia Básica e Dispoñibilidade Especial (que poden supor uns 2.400€ menos).

O Plan Estratéxico non recolle a taxa de reposición do 100%

No relativo á negociación do Plan Estratéxico aseguran que "simplemente non existiu". A sección sindical indica que se produciron cinco reunións, das cales, tres serviron para a exposición por parte da SEPI dos seus eixos básicos, unha cuarta para presentar as novas persoas responsábeis da SEPI e Navantia e a derradeira, convocada como trámite, para asinar a acta de finalización das negociacións.

Para a representación da CIG en Navantia Ferrol esta precipitación levou por diante algunhas das liñas vermellas da plataforma de negociación, como o feito de que non se recolla a taxa de reposición do 100%, que é unha "cuestión central da plataforma sindical para o Plan Estratéxico". Ademais, os novos ingresos non están cuantificados por factorías e dentro do 75% ao que fai referencia a acta de acordo inclúese persoal fixo e eventual.

Limítase tamén o incremento salarial e outras cuestións do novo convenio ao tomarse como referencia o acordo de 22 de marzo de 2018 para a “mellora do emprego público e as condicións de traballo”. O documento deixa lagoas na redacción das condicións coas que os traballadores/as abandonarán a empresa, non contemplando, por exemplo, que pasará coas asimilacións correspondentes. Neste liña, denuncian que se marcan dous procesos diferenciados entre quen abandone a empresa nos anos 2019/2020 e quen o faga no 2021/2022.

As inversións que precisan os estaleiros da Ría, en cuestión


Outra das eivas a destacar é que o texto acordado deixa fóra a área de negocio de Turbinas, a modernización das instalacións de Reparacións e limita a presenza de Navantia no sector das Enerxías Renovábeis. Ao tempo, non existe unha aposta clara pola construción naval civil na Ría de Ferrol.

No tocante á inversión prevista para a modernización dos centros de traballo, non se recolle cal sería o montante económico para os centros da Ría de Ferrol, con especial atención ao orzamento destinado ao novo Estaleiro 4.0. Tampouco se define un plano de capitalización da empresa "polo tanto segue en quebra técnica", alertan dende a sección sindical.

Por todo isto reiteran que "tanto o convenio como o plan incumpren as decisións da asemblea xeral", e reclaman que se voten por separado ambos documentos. Nesta liña critican que "CCOO e UGT están situando ao conxunto dos traballadores e traballadoras a mercé da chantaxe da empresa, promovendo a votación conxunta dos dous textos".

Ferrol, 10 Decembro 2018

Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
121de dezembro de 2018 21:57

_______________

sábado, decembro 08, 2018

As pinturas murais da igrexa de San Vicenzo dos Vilares (S.XII) en Guitiriz da autoría do Mestre de Parga e con máis de 500 anos de antigüidade en serio risco de desaparición definitiva - O xoves 31 de xaneiro de 2019 no salón de grao do Campus Universitario de Ferrol no barrio de Esteiro, dentro do Máster de Estudos Avanzados de Museos, Arquivos e Bibliotecas da UDC, unha moi interesante conferencia sobre os 'Frescos d'Os Vilares, cinco séculos de Nós'


Conferencia sobre os FRESCOS DOS VILARES - V SÉCULOS DE NÓS no Máster de Estudos Avanzados de Museos, Arquivos e Bibliotecas (MAB) da UDC no Campus Industtial de Ferrol impartida pola museóloga Sonia Enca, a restauradora Uxia Aguiar e o presidente da Asociación Sociocultural Lareira de soños Antón de Guizán baixo a coordinación da profesora Raquel Díaz Seijas. Será o xoves 31 de xaneiro de 2019 no salón de graos.

V SÉCULOS DE NÓS
FRESCOS D'OS VILARES


As pinturas murais da igrexa de San Vicenzo dos Vilares (S.XII) en Guitiriz da autoría do Mestre de Parga e con máis de 500 anos de antigüidade en serio risco de desaparición definitiva.

Os frescos foron descubertos no ano 1991 sendo párroco o actual Deán da Catedral de Santiago, don Segundo Pérez cando se realizaban obras no interior. Desde aquela, as humidades, rodamentos do bancos e o paso do tempo foron degradando estas importantes pinturas localizadas en dúas das paredes máis antigas do templo e das que da unha grande información un estudo do profesor Monterroso Montero no caderno n° 8 de Estudos Mindonienses.

A Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia ten aprobado en decembro de 2017 un acordo para iniciar conversas con outras administracións que leven á salvación definitiva dos frescos. Neste tempo, Patrimonio ten encargado xa un proxecto definitivo e só faltaría a decisión política de habilitar os fondos necesarios para proceder aos trámites de contratación dos traballos. O proxecto foi elaborado pola restauradora Uxía Aguiar coa colaboración da museóloga Sônia Engroba, ponentes destas xornadas.

A Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares leva casi un lustro reclamando a sua restauración para evitar que se perdan estas importantes pinturas renacentistas.

Participa no evento no facebook.

OS FRESCOS DOS VILARES NA UDC
Campus Industrial de Ferrol.
Xoves, 31 de Xaneiro de 2019 ás 18:00hs.
Campus Universitario de Ferrol - Esteiro.

Os Vilares, lareira de Soños:
https://www.facebook.com/dosvilares/

#‎salvemososfrescosdosvilares‬

Enviado por:
Antón de Guizán
__________________

venres, decembro 07, 2018

A eurodeputada galega Lídia Senra edita a publicación gratuíta ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’, en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal, con textos de 15 persoas expertas nesta materia na UE - Chamamento a retirar o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais e a blindar no Estado e na Galiza servizos sociais suficientes, non de subsistencia


Lídia Senra edita a publicación gratuíta, en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal, con textos de 15 persoas expertas nesta materia na UE. | Chamamento a retirar o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais e a blindar no Estado e na Galiza servizos sociais suficientes, non de subsistencia.


A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acompañada pola portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e integrante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), Victoria Portas, e polo escritor e economista Xabier Pérez Davila, presentaron este venres pola mañá na Libraría Couceiro de Santiago o libro ‘O futuro das pensións. Galiza, Estado español e Europa’. A publicación, cuxa versión impresa se repartirá e forma gratuíta por toda Galiza e cuxa versión dixital está xa dispoñible na páxina web da eurodeputada,[1] recolle textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do Estado español e doutros países da UE, que participaron no pasado mes de setembro nunha xornada organizada por Senra en Compostela sobre esta cuestión. [2]

Na rolda de prensa desta mañá, a europarlamentaria incidiu na importancia de facilitar que estes textos saian á luz e criticou a “dobre moral” da UE e dos Estados membros: A UE di que non ten competencias en materia de Seguridade Social para blindar os sistemas de pensións públicos e dignos, á vez que ameaza aos Estados membro para que recorten o gasto orzamentario en materia social e impulsa o Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PEPP) e os Estados din que reducen os investimentos nos servizos públicos e nos sistemas de pensións públicos porque están condicionados pola UE. “Estanse impoñendo reformas de pensións que conlevan o desmantelamento do sistema público tal e como o coñecemos, en detrimento de establecer mecanismos que garantan que as persoas cando se xubilen non entren na pobreza como xa está acontecendo”, denuncia Senra.

Así, asegura que as institucións europeas parten do recoñecemento de que as pensións públicas son cada vez menores e máis insuficientes e ante iso, en lugar de poñer medidas que solucionen e corrixan esta situación, poñen en marcha o PEPP que vai favorecer os intereses do capital por riba dos das persoas. “Para nós este PEPP debe ser retirado. Facemos un chamamento para que cando chegue ao pleno do Parlamento Europeo se rexeite por maioría e no seu lugar se poña en marcha unha normativa europea para garantir pensións dignas públicas para todas as persoas”.

Na mesma liña, Victoria Portas destacou que o libro que hoxe se presentou “chega nun bo momento”, xa que non está chegando información veraz á poboación sobre o que está acontecendo co desmantelamento do sistema público de pensións no Estado español e do resto da UE. Ante esta situación, o libro aspira a poder informar á xente para que a cidadanía poida valorar a situación e mudar os acontecementos. Portas denunciou que na Galiza o soldo medio galego rexistra unha fenda do 27% con respecto á media estatal e se falamos das pensións, as galegas son un 38% inferiores con respecto á media no Estado. “Precisamos uns orzamentos sociais a nivel galego e tamén estatal”, reclamou a portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, que lle advertiu á Xunta que ten competencias suficientes para poder complementar a normativa do Estado español na materia e mellorar a situación. “O que pasa é que Feijóo non quere facelo”, dixo. Así, reclamou levar a cabo outra política e ter moi en conta que o país non se crea sobre pobreza e miseria. “Reclamamos uns servizos sociais que sexan suficientes, non de subsistencia”, dixo, ante a situación actual na que se está impoñendo a perda dos servizos sociais públicos para beneficio da banca privada.

Xabier Pérez Davila fixo referencia a como no ano 1994 o Banco Mundial publicou un relatorio no que propoñía substituír o sistema público de pensións por modelos privatizados e vaticinaba o colapso do mesmo. Desde aquela, non hai trimestre no que non se publiquen vaticinios catastrofistas, que sen embargo non se cumpren. Por que se fai isto? O obxectivo é amedrentar á xente nova, considera o economista. “Queren gravar a lume nos cerebros da mocidade que non van cobrar unha pensión e nós queremos dicirlles que si que a cobrarán se a defenden, que non é un problema económico, senón político”, asegura.

Pérez Davila explicou que a día de hoxe máis da metade das horas extra non se pagan e non cotizan á Seguridade Social e que a reforma laboral de 2012 baixou os salarios en 42.000 millóns de euros. Esa reforma rouboulle aos traballadores e traballadoras 42.000 millóns de euros, que se cotizaran á Seguridade Social compensarían unha parte importante do déficit. Polo tanto, o que hai que mudar é o deseño da política económica actual, que responde aos intereses dos bancos, que queren aproveitarse do nicho que supoñen os fondos de capitalización, defendeu. A recadación fiscal no Estado español é moi baixa. A media da UE é do 55% do PIB e no Estado español é do 37%, uns 80.000 millóns de euros, que serían máis que suficientes para compensar, dixo.

O libro será presentado en diferentes actos públicos por librerías e outros locais de toda Galiza nas vindeiras semanas.

Santiago, 7 de decembro de 2018.

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu. | http://lidiasenra.gal https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Notas.-

[1]A versión dixital do libro pódese consultar aquí:

https://lidiasenra.gal/wp-content/uploads/2018/11/Libro-O-futuro-das-pensions-na-Galiza-Estado-espa%C3%B1ol-e-Europa.pdf

[2] Aquí información sobre a xornada que tivo lugar en setembro:

[https://lidiasenra.gal/alianza-europea-desde-galiza-na-defensa-dos-sistemas-de-reparto-que-financian-as-pensions-publicas/]
_______

XIX Festiva Treme a Terra en Pontedeume,sábado 8 de decembro, co pop-rock de Bule, a música tradicional deTanxugueiras, o punk rock fusión de Bastards on Parade e o punk-rock sueco de The Baboon Show


XIX Festival Treme a Terra
Pontedeume, 8 de decembro de 2018

Chegou o tempo das cicloxénes explosivas, das alertas vermellas por temporal e do Festival Treme a Terra. Como cada ano por estas datas, alonxadas da oferta cultural do verán, o Colectivo Terra organiza un festival que suma con esta 19 edicións. A data elexida é o sábado 8 de decembro, no aparcadoiro do IES Fragas do Eume. Desfrutaremos das actuacións de Bule, un grupo eumés que mistura o pop e o rock con melodías divertidas e pegadizas; Tanxugueiras, unha auténtica homenaxe á música tradicional galega; Bastards on Parade, que presentan novo disco e que fusionan as nosas raíces celtas co punk rock. E The Baboon Show, unhas criaturas salvaxes chegadas dende Suecia cun punk rock escandaloso baixo o brazo. Para as máis pequenas, e as que non o son tanto, ese mesmo sábado 8 de decembro poderemos gozar coa actuación de Pakolas, co seu espectáculo As Parábolas de Pakolas. Dende as 19:00h na Casa da Cultura. O 16 de decembro, tamén dentro da programación do festival, contaremos co espectáculo de Paco Nogueiras e a súa Radio Bule Bule. Será ás 12:00h na Casa da Cultura.

E si, xa van 19 edicións. Desta volta centrado na loita obreira dos asteleiros da ría de Ferrol. Nesta terra non somos periféricas nin fin de nada. As heroicas resistentes dos nosos estaleiros non eran pobres obreiras. Simples vítimas do sistema que se amedrentaron ante a presión gubernamental e policial. No S.XX houbo en Galiza numerosas expresións de loita obreira. A imaxe de submisión ou inactividade da sociedade galega é un mito que se foi construíndo ao longo dos anos. Nada máis lonxe da realidade. Nas súas batallas derramaron sangue e na memoria quedan Amador e Daniel. E tantos outros heroes da resistencia obreira. Vai por elas este traballo. Tamén por todas ás que o amianto lles secuestrou os pulmóns e a vida. Editamos con este festival un libreto onde damos conta dos acontecementos máis salientábeis desta etapa da nosa historia, cos centos de paros, folgas e conflictos que precederon ao estourido revolucionario de 1972, sen esquecernos do papel xogado polas mulleres, loitadoras e traballadoras que non respondían ao perfil de “mulleres domésticas” que quería vender o franquismo. Sodes semente revolucionaria.

Benvida ao Festival Treme a Terra.


http://www.colectivoterra.gal/

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
7 de dezembro de 2018 09:11

_______