mércores, agosto 26, 2020

A plataforma Dereito ao Ensino sen Risco en Pandemia entrega 2.000 sinaturas esixindo que se permita aos pais decidir se envían ou non aos seus fillos á escola mentres non se garanta á seguridade fronte á Covid-19

A plataforma Dereito ao Ensino sen Risco en Pandemia entrega 2.000 sinaturas esixindo que se permita aos pais decidir se envían ou non aos seus fillos á escola mentres non se garanta á seguridade fronte á covid-19

Os asinantes do manifesto de DERPA reclaman á Xunta protocolos para o incidio do curso que protexan a saúde de alumnos, profesores, familias e traballadoras, e que garantan o dereito ao ensino dos nenos e nenas

As voceiras da plataforma Dereito a Ensino sen Risco de Pandemia (DERPA), formada por 750 familias de todo o país, entregarán este mércores no Rexistro Oficial da Xunta de Galicia arredor de 2.000 sinaturas recollidas presencialmente en toda Galicia esixindo ao Goberno galego que poña en marcha os protocolos sanitarios e educativos axeitados para un comezo seguro do curso escolar en Primaria e Infantil.

As asinantes esixen garantías efectivas tanto para a saúde de todos os membros da comunidade escolar (alumnado, familias, profesorado e traballadores), como o dereito ao ensino das nenas e nenos que poden verse afectadas pola segunda oleada da epidemia de covid-19 en Galicia, e polas medidas necesarias para combatila.

As esixencias de DERPA súmanse así ás das miles doutras familias de todo o país que, a través das redes sociais e de diferentes plataformas, veñen denunciando que oProtocolo da Xunta de Galicia para o retorno ás aulas incumpre o disposto no RealDecreto-lei 21/2020, de 9 de xuño de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

As asinantes da reclamación de DERPA esixen:

Que se contemple, mentres dure a epidemia, a voluntariedade da asistencia presencial ás aulas nas etapas de primaria e secundaria nos centros educativos de Galicia, sen menoscabo do dereito á educación das familias que decidan non asistir presencialmente, arbitrando os medios electrónicos que sexan necesarios.

Que se habiliten solucións electrónicas para a educación a distancia dos nenos e nenas de Infantil, mentres dure a pandemia, sen que a súa non asistencia as clases presenciais supoña a perda de praza nos centros educativos nos que a teñan asignada.

Que se consensúen os protocolos da Xunta, para que as familias que necesiten e decidan levar aos seus fillos e fillas presencialmente ás aulas, teñan garantida a máxima seguridade fronte á covid-19, sen menoscabo de dereitos.

Que se vele especialmente para non deixar a ningunha nena e neno atrás, atendendo singularmente ás necesidades educativas especiais, e aos alumnos e alumnas en risco de exclusión ou abandono escolar, para evitar que se vexan afectadas negativamente polas medidas adoptadas como consecuencia da adaptación das necesidades educativas á situación de epidemia.

Compostela, 25 de agosto de 2020.-

DERPA Galicia

Dereito a Ensino sen Risco en Pandemia

Enviado por:
Asistencia Voluntaria
-vueltaseguragalicia@gmail.com-
25 de agosto de 2020 18:21

_______

xoves, agosto 20, 2020

É o Capital, imbécil!, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
20.08.2020


É O CAPITAL, IMBÉCIL!

Chegaremos a ter que chamar socialfascistas aos socialdemócratas que nos governan, como xa os alcumaron no período de entreguerras? (Os asasinos de Rosa Luxemburgo e Karl Liebknecht). Porque de que outro modo se poden definir as políticas de exclusión que vén de aplicar o ministro de inclusión do Psoe?.

O ministro Escrivá, ese auditor fiscal que fixo carreira de banco en banco, do Central Europeo ao de Pagos de Basilea e de este ao BBVA, non ventava nada bo ao asumir a carteira dun ministerio que mutava o nome de Traballo ao de Inclusión. Ao fin e ao cabo viña de presidir o AIReF nomeado por Montoro e Rajoy. Eis a econometría ao servizo do Capital. Alguén dá máis?.

Cando apareceu no escenario a pandemia e decidiron o confinamento universal, e tantas empresas se acolleron aos Ertes e inertes e houvo un clamor desesperado pola Renda Básica Universal (RBU), o ministro Escrivá sacou da chisteira o Ingreso Mínimo Vital (IMV) gabándose de que era a política máis relevante de Inserción Social. Voilà! Tres mil millóns de euros anuais que beneficiarían a unhas tres millóns de persoas que havía tempo que perderan de vista o limiar da pobreza para entrar no da miseria. Os requisitos para acceder a ese ínfimo ingreso eran tan esixentes -e coa administración en cita previa para os poder tramitar- que serviron de selección natural. Non contentos con esta peneira e parecéndolles un despilfarro tirar tres mil millóns en persoas sen ingresos, os socialdemócratas decidiron escoitar ás cúpulas europeas e o grande empresariado, vaia a redundancia. Non lles pareceu tanto despilfarro os máis de vinte mil millóns do gasto militar nin os máis de once mil millóns para Igrexa, sen contar os douscentos oitenta e catro millóns máis de por tantos e por tontos do cadro da Renda, nin moito menos os cincocentos sesenta e un millóns e medio que nos custa cada ano a monarquía. Só o rei cobra ao día seiscentos sesenta e cinco euros nun país no que o Salario Mínimo Interprofesional (SMI) non chega aos mil.

En xaneiro, coa nova realidade, chegarán as rebaixas para o empresariado. O dous por un!. É o Capital, imbécil! Dous traballadores polo prezo de un. Alguén dá máis?. E así como os servos da gleba se devían á terra do Señor, agora os subsidiados do ingreso mínimo dévense ao señor do SEPE que pasará de ser o Servizo Público de Emprego ao Servizo Público de Explotación Estatal.

Os socialdemócratas disque crearán programas de interese social que beneficien á comunidade en actividades seica de interese social: medio ambiente, desenvolvemento cultural e asistencia social, sempre que se axusten ao perfil demandado. Supoño que ese perfil incluirá titulacións de bioloxía, ecoloxía, pedagoxía social, socioloxía, traballadores sociais... O que ninguén se explica é como é que necesitan o ingreso mínimo vital tantos profesionais e por que non se crearon antes pola vía normal non subsidiada estes postos de traballo.

Os socialdemócratas seguen coa mesma política indecente que xa viñan a desenvolver nos anos oitenta cando comezaron co eufemismo da reconversión naval e aquel bochornoso voluntariado no social, xusto naquelas profesións das que máis se nutría o paro. Por aquel entón se lle alcumava salario social e se debatía o que hoxe é unha realidade imposta con tapabocas.

Algúns sociólogos din que se lle mudamos o nome á realidade, parecerá outra. Voilà, outravolta. Á explotación humillante de ter que aceptar o traballo que o Estado che asigne chámanlle contrapartida. Falan con soina de recualificar e mellorar as posibilidades de inserción laboral, de incrementar a experiencia dos desempregados e incluso de evitar que se enferruxen cando é evidente que se trata dun escandaloso xeito de beneficiar ás empresas que se embolsarán as cotizacións, vacacións e pagas extras.

Si, é o Capital, imbécil! Así os socialdemócratas apagan as críticas dos empresarios que temían que a miseria do ingreso mínimo vital desincentivara a búsqueda activa de emprego (eufemismo do encadeamento ao sistema de paro permanente urdido polo sistema). Pondo ao len a evidencia dos salarios de fame que pagan. Porque só nun país onde o salario mínimo estea tan tirado pode desincentivar de buscar traballo a miseria dese ingreso mínimo vital.

Os socialdemócratas limian o socialfascismo cando falan da tarxeta social e de concederlles un selo social ás empresas que contraten a persoas vulneraveis, eis explotaveis de modo que todos lles paguemos as cotizacións.

Governo de esquerdas? É o Capital, imbécil!.

Foto: As colas da pobreza, tirada da TVE 1 - 12 Maio de 2020, reportaxe de Jessica Martín.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
19 de agosto de 2020 23:08

_______

CCOO Industria Ferrol sobre as vindeiras movilizacións pola carga de traballo para o Sector Naval


COMUNICADO: CARGA DE TRABALLO NAVANTIA

CCOO Industria da comarca de Ferrol iniciámo-lo curso co anuncio de continuar coa reclamación de carga de traballo que esta terrible situación da pandemia nos cortou. A Sección Sindical de CCOO en Navantia Ferrol na derradeira xuntanza que realizou coa afiliación xa anunciou que á volta do período vacacional retomaríamos as movilizacións, coa aprobación dun novo calendario, dentro do cal está pendente unha xuntanza co Goberno central para que de unha solución á crítica situación que temos dende xa finais deste mes con só un barco a flote para rematar e que a fin de ano se entrega, sen ningunha nova construcción ata o primeiro trimestre do ano 2022.

O calendario de movilizacións respetará por riba de todo as medidas para evita-lo contaxio do COVID-19. E adiantamos que serán acordes á situación que se nos presenta. Nestas movilizacións esixiremos un FUTURO DIGNO para a comarca con varios puntos imprescindibeis:

CARGA DE TRABALLO: A necesidade dun pedido urxente para cubrir este período sen traballo é primordial, tanto para a economía de tódalas familias que dependemos do sector naval directa ou indirectamente como para a fuga de profesionais que logo botamos en falta e orixina problemas de eficiencia na producción dos buques. CONDICIÓNS LABORAIS DIGNAS: A regulación das condicións laborais da Industria Auxiliar ten que quedar plasmada nas licitacións para evitar a competencia desleal e o descontrol, así como para cerrar o ciclo que comezamos ao incluir os Acordos no texto do Convenio da Industria Siderometalúrxica da provincia de A Coruña. Polo tanto, ese será un dos puntos máis importantes na Comisión Central de Auxiliares derivada do derradeiro Plan Industrial e Convenio de Navantia.

INVERSIÓNS: O estaleiro quedarase obsoleto se non se dota do dique cuberto que está comprometido dende o Plan Industrial. E tanto a mellora das instalacións como a modernización e dixitalización dos procesos son clave para estar á altura do que somos ata agora, un dos estaleiros punteiros a nivel mundial en construcción naval militar.

CONTRATACIÓN DIRECTA: A dificultade dos longos prazos que xeneran os concursos públicos de traballos, así como a perda de coñecemento que deriva da subcontratación desmesurada e os beneficios empresariais privados que non aportan máis valor engadido que os profesionais son causas suficientes para que Navantia tome dunha vez por todas esta opción. Para nós como traballadores é mellorar a empresa pública, manter a profesionalidade e consolidar unhas condicións estabeis para tódolos traballadores/as.

Agardamos comezar en setembro as movilizacións e que non se teñan que paralizar de novo por causa do COVID-19. Polo tanto, tratemos de ser responsabeis e tomar as medidas no ámbito laboral e no persoal para reclamar o que nos corresponde:

“FUTURO DIGNO PARA A COMARCA: ¡CARGA DE TRABALLO XA!”

Ferrol, a 18 de agosto de 2020.

CCOO Industria Ferrol

Foto: Unha parte da Executiva de CCOO Industria Ferrol (foto de arquivo)

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
18 de agosto de 2020 15:54

_______


xoves, agosto 13, 2020

LiGanDo denuncia a saída de augas fecais sen control por toda a rúa Andrés Dobarro e estendéndose xa pola rúa Doutor Rey Romalde, no barrio de Canido


 
AUGAS FECAIS NA RUA ANDRES DOBARRO

Desde a organización política LiGanDo queremos denunciar a saída de augas fecais sen control por toda a rúa Andrés Dobarro e estendéndose xa pola rúa Doutor Rey Romalde, no barrio de Canido.

Esperamos que se solvente canto antes polo fedor que supón para a veciñanza e polos problemas de Saúde Pública que pode acarrear.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-ligando.ferrol@gmail.com-
7 de agosto de 2020 11:48

_______

mércores, agosto 12, 2020

O Colexio de Xornalistas propón a Alberto Núñez Feijóo tres medidas básicas para o xornalismo galego


O Colexio de Xornalistas propón a Alberto Núñez Feijóo tres medidas básicas para o xornalismo galego

martes, 11 de agosto de 2020

O decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en representación da Xunta de Goberno, trasladoulle ao líder da forza política máis votada nas pasadas eleccións autonómicas a necesidade de afrontar tres retos para o xornalismo galego nesta lexislatura:
  1. a elaboración dunha Lei de Publicidade Institucional,
  2. a creación do Consello da Comunicación de Galicia
  3. e o desenvolvemento das disposicións pendentes da Lei 9/2011.
Francisco X. González Sarria, en representación da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), remitiu esta semana unha carta a Alberto Núñez Feijóo, quen será presumíbelmente o futuro presidente de Galicia tras a vitoria do Partido Popular nas pasadas eleccións autonómicas.

Na misiva, logo de parabenizalo por lograr de novo a confianza da maioría da sociedade galega, o decano do CPXG trasládalle ao presidente en funcións que "entre os grandes retos desta nova lexislatura deberían estar os que atinxen ao xornalismo". Para "afianzar e garantir os estándares democráticos que deben rexer a comunicación nunha sociedade moderna e europea", o Colexio de Xornalistas propón tres medidas esencias, algunhas das cales, recorda Sarria, xa foran sinaladas por Feijoo "como necesarias ao comezo ou no decurso dos seus mandatos".

A primeira das accións propostas é a elaboración dunha Lei de Publicidade Institucional que fortaleza o noso sistema de comunicación coa calidade e o pluralismo como obxectivos, dado que "o sistema vixente, aínda mellorando métodos precedentes, segue a ser claramente deficiente e non ten a transparencia que debería". A carta lémbralle ao presidente en funcións que o CPXG xa elaborara no 2006 unha proposta para as axudas aos medios, que debería ser agora actualizada e revisada co consenso imprescindíbel.

O Colexio de Xornalistas insiste tamén na creación do Consello da Comunicación de Galicia como organismo arbitral, representativo, plural e independente dos poderes públicos que defenda a sociedade galega dos intentos de limitar as liberdades de expresión e de información. O decano lembra que o propio Grupo de Alto Nivel sobre Pluralismo e Liberdade de Medios de Comunicación da Comisión Europea ten destacado o papel básico deste tipo de órganos para garantir os dereitos da cidadanía.

Por último, no que fai á situación dos Medios Públicos Galegos, a misiva lembra que a nosa comunidade foi pioneira na aprobación dun modelo novo de medios públicos de comunicación audiovisual coa Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. Porén, case unha década despois da súa aprobación, aínda non se desenvolveron algunhas das súas disposicións máis importantes, polo que o Colexio de Xornalistas solicita o estabelecemento do estatuto profesional e do consello de informativos, a elección do/a director/a xeral da CRTVG por maioría parlamentaria reforzada ou a posta en marcha dunha autoridade audiovisual independente.

Como parte das funcións que lle outorga a lei, o Colexio de Xornalistas remata póndose a disposición do executivo galego para achegar toda a experiencia e o coñecemento acumulado nas súas dúas décadas de existencia en calquera asunto relativo a estes ou outros aspectos nos que se considere pertinente a súa colaboración.

CPXG

Fonte: Web Oficial do CPXG. | 11.08.2020

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).
_______

martes, agosto 11, 2020

Tres nacións que frean ao fascismo español e o tardofranquismo. Galiza, Euskadi e Catalunya, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
11.08.2020


Tres nacións que frean ao fascismo español e o tardofranquismo. Galiza, Euskadi e Catalunya.

Nas chamadas nacionalidades históricas o tardofranquismo nacionalcatólico de VOX que é o can de guerra do neoliberalismo máis salvaxe non ten cabida, non ten espazo politico, nin o pode ter.

Na Galiza gobernada polo PP de Feijóo, o seu éxito non se basea como equivocadamente pensan en Madrid en ter o PP galego un discurso máis moderado.

Se non en que o PP galego disfrazouse dende fai anos de galeguista, ata utilizou a figura dun independentista como Castelao chegando a dar premios co seu nome.

Na Galiza, si Feijóo utilizase o mesmo discurso centralista e antinacionalista que Casado, negando que Galiza é unha nación e menosprezando abertamente o noso idioma, o PP iria ao carallo como foi VOX.

Esa é unha gran diferencia entre o PP galego, e o PP de Euskadi e Catalunya, saber que tiña que disfrazarse de galego para seguir gañando eleccións.

Ademais na Galiza o independentismo e o nacionalismo són de esquerdas, non existen pardidos de deritas nacionalistas como en Euskadi ou Catalunya.

De calquera xeito a idea da "España, una grande y libre" do Franquismo, o menosprezo e a negación da existencia ao resto das nacións do Estado e dos seus feitos diferenciais, un idioma propio, unha cultura propia, e unha historia propia, xamais terán cabida na Galiza, en Euskadi ou en Catalunya.

Por ese motivo os pobos do Estado español deben sentirse afortunados de que existan estas nacións irredutíbels ante o fascismo. Porque aquí non pasarán.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de Persoal da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
11 de agosto de 2020 01:19

_______

Tributo a Moncho Reboiras no 45 aniversario do seu asasinato - Actos en Ferrol este mércores 12 de agosto de 2020

A Unión do Povo Galego (UPG) vai desenvolver como todos os anos, desde fai xa 45 anos, os actos públicos de tributo a Xosé Ramón Reboiras Noia o vindeiro 12 de agosto, cuarta feira, na cidade de Ferrol. Este ano 2020 no contexto sanitario no que nos atopamos por mor da Covid-19 e co obxectivo de priorizar a seguridade de todas as persoas que asistan aos actos de homenaxe, estes actos terán modificacións a respecto do formato no que estaban a desenvolverse nos últimos anos.

De tal xeito que a militancia e simpatizantes ficades convocados directamente ás 19:30h nos Cantóns de Molíns de Ferrol para o acto político. Para garantir os protocolos de seguranza sanitara é preciso que se confirme a asistencia enviando un correo á conta nacional do Partido upg@upg.gal. Previamente ao acto político e dentro dos actos de homenaxe, terá lugar a estrea do documental “Reboiras. Acción e corazón” dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo de estudos nacionalistas, será no Cinema Duplex (Travesía Moreno, 3, Ferrol) ás 17 h. e para asistir será preciso que merques a túa entrada na web da propia sala: https://duplexcinema.com/gl/filmes/reboiras-accion-e-corazon. Durante o mes de agosto e sucesivos a longametraxe documental será presentada en Compostela, Ourense, Lugo, Vigo, Ponteareas, Pontevedra…

Así pois o programa deste ano 2020 será o seguinte:

Ás 17 h. Estrea do documental
Cinema Duplex.
Reboiras. Acción e corazón” dirixido por Alberte Mera e producido pola Fundación Terra e Tempo. Coloquio posterior.

Ás 19:30 h.  Intervencións políticas.
Cantón de Molíns.
Iria Carreira. Secretariado da UMG. Deputada no Parlamento Galego.
Ramón Fernández “Mon”. Deputado no Parlamento Galego
Néstor Rego. Secretario Xeral da UPG. Deputado no Congreso.

Contaremos tamén coa actuación musical de Óscar Fojo.

Nestes momentos en que é máis necesario que nunca defender un proxecto político nacionalista, recollemos o exemplo do camarada Moncho Reboiras no traballo de autoorganización do povo galego e proclamamos a nosa fidelidade á causa da independencia nacional da Galiza, á que o noso camarada entregou a súa vida, e convidamos o conxunto do povo galego a participar con nós nesta homenaxe.

Fonte: Terra e Tempo. | 03.08.2020
_______

sábado, xullo 25, 2020

Hoxe: 100 anos de comemoración do Día da Patria Galega


As orixes do Día da Patria Galega

O 25 de xullo, celebrámo-lo día do noso país, en palabras de Castelao: "a festa maor de Galiza, a festa de todol-os galegos".

As orixes desta celebración remóntanse ó 1920, ano no que as Irmandades da Fala organizan o primeiro Día de Galicia como acto de afirmación da nosa identidade colectiva.

Dende esta primeira convocatoria, as manifestacións organizadas para conmemora-lo Día de Galiza estiveron sempre condicionadas pola situación política de cada momento, aínda que sempre tiveron como eixo central a reivindicación dos nosos símbolos e a nosa identidade coma país.

Durante a longa noite de pedra, as sociedades galegas na emigración manteñen acesa esta convocatoria e, en Galiza, o galeguismo se concéntrase ó redor da tradicional misa por Rosalía na igrexa de Santo Domingo de Bonaval.

A finais da década dos 60, as organizacións nacionalistas comezan a convocar concentracións en Compostela o 25 de xullo. É no 1973 cando se empeza a utiliza-lo termo "Día da Patria Galega", denominación que pouco a pouco se vai consolidando e que se mantén na actualidade, aínda que tamén se segue utilizando a de Día de Galicia.

Dende a instauración da democracia e a promulgación do Estatuto de Autonomía, a práctica totalidade das organizacións políticas e unha boa parte das institucións públicas programan todo tipo de actividades para conmemoraren esta data. Ás declaracións institucionais da Xunta de Galicia e do Parlamento Galego; ós bandos municipais chamando ós veciños e veciñas a celebra-lo Día e a coloca-la bandeira galega o mesmo 25 de xullo en rúas e balcóns; ás conferencias, mitins e xornadas de confraternidade que preceden ou teñen lugar o propio 25, hai que suma-las manifestacións populares de carácter reivindicativo que ese mesmo día percorren as rúas de Compostela.

Noutro novo 25 de xullo , nós queremos ,  parafraseando ás Irmandades da Fala,  "estreitar os lazos entre os galegos da metrópole e os que teñan residenza nas nosas numerosas colonias sen bandeira" e ser unha vía para amosarmos a nosa pertenza a un pobo con identidade de seu.

Fonte: Vieiros.
_______

mércores, xullo 22, 2020

Actos que co motivo da celebración do Día de Patria Galega van ter lugar na nosa cidade




ACTOS DO DÍA DA PATRIA EN FERROL

Actos que co motivo da celebración do Día de Patria Galega van ter lugar na nosa cidade e que nos que gostariamos que participases.

Ruada Patriótica

O Xoves 23 de xullo às 20 horas partirá da praza do hino galego de Ferrol, unha ruada patriótica convocada polo BNG xunto con outras entidades soberanístas da nosa comarca.

Dia da Patria Galega, sábado 25 de Xullo

O BNG acordou, no actual contexto marcado pola pandemia do COVID-19, manter a celebración do Día da Patria Galega o 25 de xullo, mais adaptando a súa realización ás circunstancias e garantías sanitarias hoxe vixentes.

As limitacións sanitarias-legais que se nos presentan obrígannos, para posibilitar unha ampla participación popular, a organizar un Día da Patria Galega “expansivo e descentralizado”, cun acto central en Compostela, e outros nas cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense, contando con todas as comarcas da nación.

O acto correspondente á nosa comarca celebraráse no Cantón, en Ferrol, ás 12 horas; e consideramos fundamental a participacion do maior número de militantes e simpatizantes.

Pendura a nosa bandeira na túa xanela ou balcón


Así mesmo, queremos facer unha chamada a pendurar das barandas e das xanelas das nosas casas a nosa bandeira. Se non tes, nós podemos facilitarche unha, pídenola.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol.



Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
20 de julho de 2020 14:02

_______

venres, xullo 10, 2020

Outra convocatoria eleitoral, pero esta, máis que ningunha, unha oportunidade para o cambio, ... Por Ramón Fernández Alfonzo (Mon)


Por Mon Fernández Alfonzo [*]
10.07.2020

Outra convocatoria eleitoral, pero esta, máis que ningunha, unha oportunidade para o cambio.

Porque hoxe somos moitos e moitas os que vimos con claridade que a crise obríganos a pasar páxina, e a repensar moitas das nosas prioridades como sociedade, poñendo o povo e a dignidade do ser humano por diante.

Feixoo e o Partido Popular, veñen de renovar os seus votos no altar dos poderes económicos coa constitución dun comité de espertos para saír da crise, onde destacan representantes de INDITEX, de REGANOSA, e do Banco Europeu de Desenvolvimento; outra maneira de ocultar as siglas do seu partido, e facerse pasar por un mero un xestor, alleo a cuestións ideolóxicas, e presentarse como a única garantía de estabilidade de cara ao futuro.

Mais o certo é que foi precisamente a acción combinada das súas políticas desde a Xunta e desde Madrid as que provocaron esta situación de crise permanente na que vivimos desde hai anos e que agora abrollou con forza.

O Partido Popular foi o campión das privatizacións do sector público. Antes que a sanidade e as residencias, foron xigantes industriais como Endesa, ou Inespal (hoxe Alcoa), con consecuencias para as nosas comarcas tremendamente duras, e sempre coa mesma xustificación: fomentar a competencia mellorará o servizo, e baixará prezos.

Non pode haber ninguén a día de hoxe que faga unha valoración positiva destas operacións. Desde logo non melloraron o servizo, non baixaron os prezos, non foron máis competitivas, non foron garantía de emprego (á vista está), nin serviron para crear unha industria complementaria nas comarcas onde se asentaban. No momento de anunciar o seu peche deixan, exactamente, nada.

O Partido Popular planificou e executou a venda das Caixas Galegas a un grupo venezolano por valor de 1.000 millóns de euros. A xustificación foi que eran practicamente insolventes. Ao ano seguinte a nova entidade, xa co nome comercial de ABANCA, gañou antes de impostos 600 millóns de euros, que despois sumaron 500 millóns máis en créditos fiscais. 1.100 millóns total. Desde aquela non hai ano que non repartan da orde de 500 millóns en beneficios. A cambio melloraron os servizos? o crédito é máis barato? os seus traballadores e traballadoras teñen mellores condicións? Todo o contrario, nunca peor estivo o seu persoal, e nunca tantas comisións pagaron os clientes.

O Partido Popular nega sistematicamente a posibilidade de constituír unha facenda galega co argumento de que sería un sistema insolidario. Pero nos territorios forais de Álava e Navarra, onde historicamente gobernou moitos anos, sempre defendeu as facendas vascas. Porque en Euskadi teñen claro, Partido Popular incluído, que esas facendas propias son a chave de bóveda de todo o seu sistema de protección social, por certo, moi por riba do noso en medios e coberturas.

O Partido Popular nega, tamén sistematicamente, calquer posibilidade de intervir no sector eléctrico galego, vetando a recuperación das concesións hidroeléctricas, e vetando, tamén, a posibilidade dunha tarifa eléctrica galega, porque segundo eles sería unha tarifa separatista que ninguén entendería en España. A cambio temos a enerxía máis cara, e miles de postos de traballo en perigo.

En consecuencia, a nada que sometamos a exame o proxecto político do Partido Popular veremos que ese perfil baixo de Feixoo, ese perfil de xestor, é na verdade, a capa que oculta un historial de medidas tremendamente gravosas para o noso país, e para todos e todas nós, e que nos leva camiño de consolidar unha inestabilidade e unha fraxilidade social, xa de carácter permanente.

Así que hoxe por hoxe, resulta ser a  proposta de cambio do BNG, a mellor garantía de podermos transitar polo futuro con certa seguridade.

Temos que dicir que as nosas propostas non son novas. E isto ten a súa importancia. Primeiro porque durante estes anos de inestabilidade e crise permanente provocadas polo Partido Popular, tivemos ocasión de comprobar cos colectivos máis afectados, como botaban en falta precisamente aquelas medidas, aquelas competencias, que nós defendiamos como fundamentais para un goberno poder incidir na vida económica do país. Polo tanto sabemos que as propostas contan con amplo respaldo social.

E segundo. O feito de non seren novas, danos, credibilidade social. Non son ocorrencias. Ninguén pode reprocharnos que digamos unha cosa pola mañá e outra pola tarde. Non hai improvisación. E isto é fundamental cando estamos a falar de liderar un goberno.

Unha banca pública galega, unha empresa pública de enerxía, unha facenda propia, a transferencia de infraestruturas de transporte como as autoestradas ou o tren, son ferramentas necesarias para calquer proxecto político con vocación de futuro, para controlar nós os nosos recursos, a comezar polos máis importantes, por aqueles que fan que todo se mova, que todo funcione: a facenda, a banca, a enerxía... para que dunha vez por todas os nosos aforros, a nosa enerxía, ou os nosos impostos contribúan á creación de riqueza no noso país.

Porque temos moito por facer. Precisamos dunha outra política industrial, a comezar polo sector naval, recuperando a construción civil, e apostando pola investigación e a innovación, impulsando un Complexo Integral e un Centro Tecnolóxico; unha outra política pesqueira, a comezar pola declaración de territorio altamente dependente da pesca, e pola recuperación das rías; outra xestión do noso patrimonio cultural e natural.

E sobre todo, a defensa radical dun sistema de saúde e de coidados, público, universal, e de calidade. En definitiva, facer que a democracia chegue á economía, á economía das persoas, para que sexa real, para que sexa auténtica.

Unha alternativa coma esta debe ser construída a partir de bases materiais firmes, é dicir, a partir dun proxecto de país.

Mais o que fixemos co noso autogoberno durante estes últimos 40 anos, comparado co fixeron en Euskadi e Catalunya, produce vergoña allea. Porque as enormes diferenzas  en canto a niveis de ben estar social, e de dinamización económica, teñen unha única razón de ser: o feito de eles teren un autogoberno volcado nun proxecto de país. Un proxecto de desenvolvimento social e nacional, autocentrado nas súas realidades, nas súas capacidades, e nas súas necesidades.

E non é porque nós non lle queiramos ao noso país, ou lle queiramos menos que vascos e cataláns; non é que os galegos e galegas carezamos de sentimentos nacionais. Dicía Castelao que ese sentimento que temos tan arraigado de pertenza á Terra, esa morriña tan difícil de explicar, non era outra cousa que unha forma nebulosa e sentimental de patriotismo, de amor á patria.

Para transformar estes sentimentos en progreso social e económico, temos que darlles categoría política, recoñecernos e definirnos como nación, como o que somos, e querernos nación soberana, para decidir nós, para dispoñer do noso, dos nosos recursos, e poñer o país a producir. Para impulsar entre todos e todas un proxecto de país a favor das maiorías sociais.

E quero finalizar coa seguinte reflexión: Estou convencido que moitos galegos e galegas comparten comigo a idea de que vivimos nun auténtico paraíso natural, e de que en ningún país do mundo podería promoverse unha política verde, circular e sustentable, con máis éxito que no noso.

Estou convencido tamén de que moitos galegos e galegas comparten a intuición de que detrás de todos eses barrios, castros, castelos, e mosteiros abandonados e deteriorados hai unha historia esplendorosa, que podería e debería ser fonte de riqueza.

Precisamos un goberno con iniciativa industrial, un goberno que esprema as posibilidades do noso patrimonio natural, e que impulse a recuperación e posta en valor do noso patrimonio histórico e cultural.

Non podemos permitirnos o luxo de ter unha esfinxe impasible no goberno, mentres nos rouban o futuro, mentres nos rouban o paraíso.

O 12 de xullo tócanos a nós reorientar a brúxula do goberno galego, darnos a valer, e poñer o país a producir.

PARA QUE O NOSO FUTURO SEXA NOSO, ADIANTE CO BNG!!!

[*] Ramón Fernández Alfonzo (Mon), candidato de Ferrolterra polo BNG ás eleccións autonómicas deste 12 de xullo de 2020. Activista sindical da CIG, ligado ao metal e á industria naval. Licenciado en Dereito, especialista en relacións laborais. Impulsor da alternativa da creación do Complexo Integral para a Construción Naval da Ría de Ferrol que permita superar a dependencia do sector militar á que están sometidos os estaleiros, para aproveitar todas as potencialidades das infraestruturas da industria naval de Ferrol e Fene.

https://www.bng.gal/

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
10 de julho de 2020 08:16

@lupeces
http://lupeces.blogspot.com/

_______

xoves, xullo 09, 2020

Temos que votar para botalos e poder comezar a construír unha Galiza sen caciques, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández  [*]
09.07.2020


Temos que votar para botalos e poder comezar a construír unha Galiza sen caciques.

O PP na Galiza xa nos ten acostumados a casi todo cando falamos de xogo suxo para manter o poder na Xunta.

Dende carrexar anciáns dende as residencias coa papeleta preparada, sen saber moitas veces nin o que van votar, ata que aparezan votos de xente falecida fai anos, ou repartir empanada a porta dos colexios electorais.

A moral, a ética e a estética nunca importaron, nin a Fraga, nin a Feijóo.

Agora en pleno rebrote do COVID-19 en A Mariña, Feijóo segue adiante coas eleccións.

Porque seguramente de agardar o resultado fose peor para o PP. E iso é o único que lles importa, o resultado electoral e manter o poder e o control dos seus chiringuitos.

Precisamos sacar do poder a esta xentalla que ve a Galiza como unha vaca a que muxir ata sacarlle a última gota de leite, e non como unha nai.

É necesario ter un goberno que traballe para os galegos e pola Galiza.

Temos que votar para botalos e poder comezar a construír unha Galiza sen caciques.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de Persoal da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
9 de julho de 2020 18:56

_______

mércores, xullo 08, 2020

Coronavirus: Cita Previa para a Ciborgvida, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
08.07.2020


CORONAVIRUS:  CITA PREVIA PARA A CIBORGVIDA

Moitas sospeitavamos que no desconfinamento non existían chanzos nen escadas. Moitas sospeitavamos que esa nova realidade enmascarada non era máis que a globalización da Cyborg Foundation, esa organización adicada a converter aos humanos en ciborgs. Sospeitavamos que, como na película Virus,  este ía servir de coartada para nos someter ao imperio das máquinas. Mais o poder non precisou de alien nen treboada. O androide xigante é o propio Estado que cos grupos do poder financeiro moven o brazo eletrónico a distancia en feitío de Cyborg 2.0. Na relixión dos smart, tiñan asegurada a tecnofilia. Por agora, non precisaron investir capital en implantes debaixo da pel nen chip RFID para o que necesitarían da anestesia local, carosa coa telemedicina na que debruzamos baixo esta liberdade vixiada. Por agora, chega coa dopaxe dos medios de comunicación.

Longas ringleiras dos antigos cidadáns, privilexiados que conseguiron unha cita previa, agardan agora horas torrados ao sol, mulleres preñadas e velliñas que viviron as longas colas da fame durante a posguerra civil, de pé, sen saber se van ficar ás portas do concello sen poder realizar as xestións de forma presencial após lles pedir a ese veciño amabel se lles podía pedir cita pois elas non tiña nen teléfono e as cabinas dos teléfonos públicos foran fusiladas da noite para a mañá.

Quen lles ía dicir a elas que o virus terían máis querencia polo funcionariado do que polos churriolos sollosos das praias, deixando sen dereito ás xestións de supervivencia (trámites para solicitar o Ingreso Mínimo Vital, becas de comedor escolar, asistencia social…) aos atecnolóxicos carentes de wifi, computadora ou móbil. Quen lles ía dicir que asistirían ao colapso da administración pública coa coartada da seguridade sanitaria en plena campaña eleitoral, pasmadas perante o silenzo de todas as organizacións sociais, sindicais ou políticas.

Camiñamos as rúas da nova normalidade procurando descubrir a seda eletrónica do prezado silicio implantado nas calugas, os códigos QR que nos enxerguen a pasividade e a resignación. Camiñamos sentindo a ledicia das terrazas desenmascaradas onde o virus, tan perigoso nas administracións, non é quen de entrar. Cos ollos fiteiros abesullando tatuaxes por ver de descubrir interfaces dixitais. Procurando as pegadas da estética transhumanista, a banca eletrónica das finanzas cíborg da especulación planetaria. Axexando, por riba das máscaras cirúrxicas dos homes-máquina, unha ollada aínda humana sen eyeborg a nos pintar un aborrecemento ou un reproche. Non precisamos de escoitar as cores da contorna se temos ollos para as albiscar. Temos de vagar con ondulacións ventureiras para despistar aos oídos biónicos desconfinados dos balcóns. E na nosa torpura ancestral simular eficiencia para non levantar sospeitas de humana ética pretecnolóxica. Camiñar cismando se o medio non será o fin. Escorregando pola fenda dixital dos apestados, dos invisibeis fracasados, dos máis vulnerabeis nun mundo de prepotencia criminosa. Furtándonos  aos insectos cíborg máis mortíferos do que as velutinas, sen comprender aos artistas de ovella electrónica e a necesidade das mentes cibernéticas para acadar unha vida merecente de tal nome.

A velocidade á que nos conectamos na era dixital a grandes distancias bate frontalmente coa lentitude forzosa coa que peregrinamos, previa cita, do INSS ao SEPE, da banca á Tesourería, nun longo proceso kafkiano, pregando por un documento que há décadas que tiña que estar accesibel sen a nosa intervención, co simple cruce de datos entre organismos.

Paul Virilio, brillante investigador especializado nas novas tecnoloxías da comunicación, estudou a dromoloxía, o estudo da aceleración con que se están a suceder as transformacións históricas e de que modo nos están afectando as novas tecnoloxías que abren un novo concepto de tempo, virtualidade, ciberespazo e novos xeitos de comunicación.

Hoxe necesitamos cita previa para todo, para facer deporte o mesmo que para retirar livros na biblioteca pública. Para a declaración da renda como para conseguir unha fe de bautismo para apostatar. E os mesmos que desprezavan o diagnóstico polo iris como seudociencia pídennos unha foto da gorxa para diagnosticar vía email.

Parece que están a analizar a sibilinina como terapia para el virus mais eu creo que o futuro está na sibilina presenza social. Aparentar nihilismo mentres seguimos á Sibila á quen os antigos atribuían o don da profecía e o coñecemento do futuro, camuflándonos aos ollos dos drons nunha sorte de refugallos humanos que xunto aos organizativos e informacionais fagamos parte das externalidades do sistema como agochados hackers prestos a inocular o virus da revolta dende todos os arrabaldos planetarios. Nunha renuncia ao carro elétrico nun chisco á neneza explotada polo silicio das baterías.

Dicía Virilio que se o tempo é ouro, a velocidade é poder. Mais se o tempo creba o patrón ouro, pode que a lentitude afortale o contrapoder. Iso ou correr con todas as nosas forzas para mantermonos no mesmo lugar, mais alonxados do cubo de refugallos ao que están condeados os do furgón de cola, como atina a describir Bauman.

[*] Iolanda Teixeiro Rei, Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
8 de julho de 2020 19:43

_______

martes, xullo 07, 2020

Protesta de Ligando polo funcionamento da atención á cidadanía no concello de Ferrol


COMUNICADO DE LIGANDO

Desde Ligando queremos amosar a nosa máis enérxica protesta polo funcionamento da atención á cidadanía no concello de Ferrol.
Nun contexto social crítico no que as persoas máis vulnerabeis necesitan da administración local, o concello só funciona baixo mínimos e con cita previa. Mentres se estabrecen prazos de entrega en asistencia de primeira necesidade como é solicitar o Ingreso Mínimo Vital, becas de comedor escolar, etc, a cidadanía vese obrigada a chamar a teléfonos que non contestan  pedindo unha cita previa para resolver xestións urxentes como son solicitudes de certificados de empadroamento,  asesoramento de traballadores sociais, becas de comedor (cuxo prazo remata este mércores, 8 de xullo) e outra moita burocracia.

Nin todo o mundo pode esperar longas colas toda a mañá sen chegar a ser atendido, nin toda a cidadanía sabe ou pode facer unha presentación telemática de documentos ou pagar unha xestoría para que llo resolva. Porque iso é privatizar a xestión pública. Non hai escusa para esta situación. Alegar seguridade cando o que se está conseguindo é afundir a administración local non é de recibo. Máis cando, con afán recadatorio, hai moito tempo que están abertas as oficinas de Emafesa, por exemplo.

Desde Ligando consideramos que tanto o governo Psoe de Mato como FeC e o BNG que o apoiaron, son uns incompetentes por permitir esta situación vergoñenta no concello sen ningunha xustificación e por riba, contratando uns guardas de seguridade, e  conculcando o dereito a uns servizos públicos eficaces.

LIGANDO-LGD

http://www.ligando.org/

Facebook | Twitter


Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-ligando.ferrol@gmail.com-
7 de julho de 2020 18:28

_______

martes, xuño 09, 2020

Proposta da CIG para a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas - A crise sanitaria evidenciou a necesidade de pór os coidados na prioridade das políticas


Proposta da CIG para a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas. | A crise sanitaria evidenciou a necesidade de pór os coidados na prioridade das políticas.


Desde a CIG levamos anos denunciando a situación, tanto laboral como asistencial, das residencias da terceira idade, dos centros de día, dos centros de atención á diversidade, dos servizos de axuda no fogar, etc., servizos que o goberno do PP na Xunta vén desmantelando e privatizando para facer deles un novo negocio a custo das persoas máis vulnerábeis.

A crise sanitaria derivada da pandemia do COVID-19 puxo máis de manifesto ca nunca a necesidade de poñer os coidados na prioridade das políticas públicas e, por tanto, a urxencia de investimento público en servizos de atención ás persoas.

Durante esta crise sanitaria evidenciouse a situación de debilidade dos servizos públicos de atención social e de coidados. Nos servizos de axuda no fogar ou nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade son manifestas as carencias de persoal e material, falla de protocolos homoxéneos de funcionamento nestes centros, abusos patronais e importante niveis de explotación laboral existentes.

Os servizos públicos son a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás per-soas dependentes ou con diversidade funcional, debendo asumir directamente a Administración pública galega as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia. Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos.

Ademais, estas reivindicacións son a resposta urxente e xusta ante a necesidade de afrontar unha das manifestacións máis visíbeis da realidade galega: crise demográfica, aumento constante da poboación maior, elevada dispersión dos núcleos de poboación (maioritariamente de idade avanzada) e precaria capacidade adquisitiva das pensións públicas, nomeadamente no caso das mulleres.

Servizos que debe prestar esta rede única pública

Desde a CIG propoñemos a creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas, integrado por unha única rede pública que preste os seguintes servizos:
  • Centros asistenciais e residenciais da terceira idade
  • Centros de día
  • Centros de atención á diversidade
  • Servizos de axuda no fogar
  • Outros recursos: Casas niño, Casas do/a maior, Xantar na casa, Transporte adaptado...
Condicións que debe ter o sistema
  • Estes servizos estarán dotados suficientemente tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos.
  • Dignificación das condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo.
  • Na prestación de servizos ás persoas beneficiarias, priorizarase a atención a través desta rede de recursos públicos, antes que as axudas económicas.
  • Eliminaranse todo tipo de repagamentos na atención e coidados, mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos.
  • Incrementaranse e adecuaranse os orzamentos públicos destinados a este fin, así como aqueles dirixidos á promoción da autonomía persoal e o avellentamento activo.
  • Transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.
Xestión pública galega e proceso de integración do persoal

A CIG defende a xestión directa polas administracións públicas de todos os servizos públicos. Sen entrarmos a avaliar neste momento a forma de xestión máis acaída entre as previstas na lexislación vixente, é ineludíbel e máis necesario que nunca que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza.

No que ten a ver coa reversión de servizos públicos privatizados, está clara a defensa que a CIG mantén en todo o relativo á sucesión de empresa e a subrogación dos traballadores e traballadoras, tendo en conta a lexislación e abundante xurisprudencia existente nesta materia, tanto no respecto ás condicións laborais e contractuais como a ineludíbel e preceptiva creación pola administración pública dos postos e prazas necesarios e que deberá regularse mediante convocatorias públicas e os procedementos establecidos legalmente, buscando as fórmulas que dean solución de futuro ao persoal subrogado, garantindo a prestación destes servizos máis alá das taxas de reposición de efectivos que afogan a prestación directa con persoal empregado público.

Neste sentido mantense plenamente vixente a Guía Sindical sobre remunicipalización de servizos públicos aprobada polo Secretariado Confederal o 29 de xuño de 2015. En todo caso, debemos deixar claro que os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorizada e con condicións de traballo precarias, para pasar a ser considerado un servizo esencial para a cidadanía a prestar pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.

Proposta da CIG - Folleto en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Fonte: Avantar. | Baixo Licenza CreativeCommons.

Novas relacionadas

04 Xun 2020. | Xubilados/as e pensionistas da CIG esixen un sistema público galego de servizos de atención e unhas pensións dignas .

05 Abr 2020 | O colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG demanda que non se volva facer negocio coa atención a maiores e dependentes.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
8 de junho de 2020 23:30

_______

sábado, xuño 06, 2020

Marchas Cívicas nas sete cidades da Galiza, o xoves 11 de xuño: por uns Servizos Sociais 100% Públicos, Contra a Privatización, e en Solidariedade coas Vítimas da Covid'19 nas Residencias - En Ferrol ás 12 do mediodía na Praza de Armas


Nos actos de peche das “Marchas”, intervirán familiares dos usuarios das residencias.

CONVOCATORIA DE “MARCHAS CÍVICAS”: por uns Servizos Sociais 100% Públicos, Contra a Privatización, e en Solidariedade coas Vítimas da Covid'19 nas Residencias.

O xoves, 11 de xuño, terán lugar “MARCHAS CÍVICAS”nas sete principais cidades galegas: Vigo, Pontevedra, Santiago, Coruña, Ferrol, Lugo e Ourense. As “Marchas” están organizadas polo colectivo de pensionistas “Movemento Galego pola Defensa das Pensións e Servizos Públicos” (MODEPÉN), e o grupo de “Traballadoras das Residencias Galegas” (TReGA). As “Marchas” contan co apoio de familiares de usuarios das residencias de maiores, e representantes deses familiares tomarán tamén a palabra nos actos finais das “Marchas”.

MODEPÉN, TReGA, e os familiares dos usuarios das residencias, veñen traballando xuntos desde hai case 1 ano na denuncia das precarias condicións nas que estas se atopan. O forte exceso de mortes polo COVID'19 que houbo nas residencias, sobre todo nas de xestión privada, son unha proba máis da necesidade de introducir profundos cambios no modelo de residencias actualmente existente.

Os OBXECTIVOS das “Marchas” son os seguintes:

▪ DENUNCIAR A FORTÍSIMA PRIVATIZACIÓN das residencias e demais servizos galegos da dependencia: só o 15,6% das prazas das residencias galegas son plenamente públicas, é dicir de titularidade e xestión públicas.

▪ EXIXIR UNS SERVIZOS SOCIAIS 100% PÚBLICOS: precisamos residencias, servizos de atención no fogar, centros de día, ..., de titularidade e xestión plenamente públicos, e caracterizados por ser universais, centrados nos coidados no domicilio, e de calidade. Debemos superar o modelo actual de servizos públicos para os maiores e dependentes marcado pola súa enorme privatización, prezos moi caros, e calidade de atención moi mellorábel.

O dereito ao correcto coidado no solpor da vida debe ser garantido polos poderes públicos, como sucede nos países nórdicos; e como xa sucede no caso do ensino ou a sanidade pública.

▪ SOLIDARIZARSE COAS VÍTIMAS DA COVID-19 NAS RESIDENCIAS e demandar xustiza e reparación para as mesmas.

A HORA E LUGAR DE saída das “Marchas”, serán as seguintes:

▪ VIGO: ás 20:00 horas, no cruce de Rosalía de Castro con García Barbón

▪ OURENSE: ás 20:30 horas, na Praza Maior

▪ SANTIAGO: ás 20:00 horas, na Alameda

▪ PONTEVEDRA: ás 12:00 horas, na Praza da Peregrina

▪ CORUÑA: 12:00 horas, no Obelisco

FERROL: 12:00 horas, na Praza de Armas

▪ LUGO: 12:00 horas, na Praza do Concello,

Nos actos de peche das “Marchas”, intervirán familiares dos usuarios das residencias. Coa denominación de “MARCHAS CÍVICAS”queremos facer fincapé nos seguintes aspectos:

▪ As marchas só se realizarán se contan con todos os permisos legais preceptivos nestes tempos da Covid'19;

▪ Pedímoslle a todos e todas as participantes nas marchas que se organicen en ringleiras mantendo a distancia de seguridade de 2 metros entre as persoas, que leven máscaras de protección, e que sigan as instrucións do servizo de orde;

▪ As persoas do servizo de orde irán con chaleques identificativos, levarán máscaras de protección, disporán de solucións hidroalcóholicas para hixiene de mans, e repartirán entre os participantes cintas de 2 metros para axudar a manter a distancia de seguridade.

▪ En cada unha das 7 marchas, haberá unha única pancarta inicial co seguinte texto: “Contra a privatización e por uns servizos sociais 100%públicos”;

▪ Solicitámoslle a todas e todos os participantes nas ‘Marchas’ que respecten o seu carácter plural e transversal, e non utilicen faixas ou bandeirolas específicos dos colectivos dos que poidan facer parte;

▪ Pedímoslles a todas as persoas que estean de acordo cos obxectivos das ‘Marchas Cívicas’ que participen nelas, e esa petición estendémoslla tamén a todos os colectivos sociais, veciñais, sindicais, políticos, profesionais... que tamén os compartan.

01/06/2020

Plataforma Ferrolterra en Defensa das Pensión Públicas

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Conta no Facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/



_______

En Ferrol, como nas sete cidades da Galiza, a CIG convoca marchas que sairán desde diferentes puntos, para confluir na Praza de Armas, onde se realizará unha Asemblea, o martes 9 de xuño, ás 11 da mañá


A CIG convoca marchas e asembleas de delegados/as en todas as comarcas para o martes 9 de xuño. | As columnas sairán de varios puntos e confluíran nunha praza de cada cidade ás 11h


A CIG ten convocadas marchas de delegadas e delegados en todas as comarcas para o próximo martes, 9 de xuño, para esixir dos Gobernos español e galegos políticas que permitan unha saída xusta e galega á crise económica, laboral, industrial e social que atravesamos. As marchas realizaranse dende distintos puntos de cada unha das sete cidades e confluirán nunha praza onde se celebrará unha asemblea para avaliar a situación actual, as medidas aprobadas dende o inicio da pandemia e as alternativas da central sindical.

Con estas accións, explica o secretario xeral da CIG, "continuamos o proceso recuperación da mobilización social, chamando á reactivar a acción nas rúas, mais sempre atendendo ás medidas de seguridade que corresponde á situación sanitaria". Lembra Carril que, malia as limitacións propias do estado de alarma e o confinamento da poboación, a central foi dando resposta ás insuficientes e inxustas medidas aprobadas polo Goberno español, ao deixamento de funcións practicado pola Xunta de Feixoo e aos abusos patronais, demandado protección para a clase traballadora, garantías dos ingresos e do emprego e medidas de seguridade nos centros de traballo.

Accións como a cazolada dende as fiestras do 10 de abril contra o decreto 8/2020, a demora no cobro do paro ou demandado control sobre as medidas de seguridade; as protestas diante de edificios da administración estatal do 23 de abril; as concentracións do 28 de abril coincidindo co Día Internacional da Seguridade e Saúde Laboral; as accións do 20 de maio, diante de edificios da Xunta, para denunciar as nefastas políticas económicas, industriais e laborais do Goberno de Feixoo; ou as do 27 de maio, coincidindo coa aprobación no Congreso do decreto que prorroga os ERTE, convertido nunha sorte de nova reforma laboral.

Asembleas en céntricas prazas

As marchas do próximo martes (9 de xuño)partirán dende distintos puntos de cada unha das sete cidades e cada unha das columnas estará integrada por arredor dunha trintena de delegados e delegadas que, por volta das 11:00 horas, confluíran na Praza de Pontevedra na Coruña; Praza de Armas en Ferrol; Praza da Quintana en Compostela; Praza de Santa María en Lugo; Praza Maior en Ourense; na Alameda en Pontevedra; e diante do Marco (Rúa do Príncipe) en Vigo.

Os recursos públicos, en favor dos intereses das maiorías sociais

Un dos obxectivos destas accións é visibilizar a necesidade de retomar a mobilización para forzar o necesario cambio de políticas que permita que a saída a esta crise non recaia novamente sobre a clase traballadora. Fronte ás inxustas medidas de corte neoliberal e recentralizador aprobadas nestes meses, a CIG reclama a derrogación inmediata da reforma laboral de 2010 e 2012, da reforma das pensións de 2011 e 2013 e da negociación colectiva; e políticas públicas que concentren todos os recursos existentes en favor dos intereses das maiorías sociais.

De igual xeito, unha política económica e industrial creadora de emprego digno e con salarios xustos, que defenda o tecido industrial e promova proxectos que completen todas as fases produtivas en Galiza, facendo así que todo o valor engadido quede aquí; o dereito a termos unha verdadeira transición enerxética; así como reforzar os servizos públicos, construíndo un verdadeiro sistema público galego para a atención e coidados de todas as persoas, desterrando as privatizacións dos servizos públicos e dos servizos sociais.

Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
6 de junho de 2020 19:00

---