Amosando publicacións coa etiqueta EU-IU. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EU-IU. Amosar todas as publicacións

mércores, maio 27, 2009

Reunión de EU co comité de empresa de Pull and Bear diante da posible deslocalización de parte da produción da empresa a Madrid

Ferrol,27 de maio de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA MANIFESTA A SÚA SOLIDARIEDADE COA PLANTILLA DE TRABALLADORAS E TRABALLADORES DE PULL AND BEAR, TRALA REUNIÓN MANTIDA CO COMITÉ DE EMPRESA
  • YOLANDA DÍAZ, VOCEIRA DO GRUPO, REXISTROU UNHA PETICIÓN PARA A CELEBRACIÓN DUNHA XUNTA DE VOCEIROS PARA ACHEGAR UNHA POSICIÓN COMÚN EN DEFENSA DA PLANTILLA NO PLENO DE MAÑÁ
  • ESQUERDA UNIDA ENTENDE NECESARIO MANTER AS LIÑAS DE PRODUCIÓN MÁIS RENDIBLES E OS POSTOS DE TRABALLO
O Grupo Municipal de Esquerda Unida mantivo esta mañá unha reunión co comité de empresa de Pull and Bear diante da grave situación que teñen as e os traballadores afectados pola política de deslocalizacións da empresa, que pon en perigo os postos de traballo e a continuación das liñas produtivas máis rendibles no polígono do Río do Pozo.

O Grupo Municipal amosou a súa solidariedade e respaldo as demandas do comité de empresa e afirmou a nosa determinación de coadxuvar, na medida do posible, a atopar unha solución que pase polo mantemento das liñas produtivas máis rendibles e polo mantemento da totalidade dos postos de traballo.

Neste senso – procurar atopar solucións e pronunciamentos que fornezan a posición das e dos traballadores -, o Grupo Municipal de Esquerda Unida rexistrou unha petición urxente para celebrar unha Xunta de Voceiros na que se poida acordar unha posición común dos diferentes Grupos Municipais – en forma de moción – para o vindeiro Pleno de mañán xoves.

Non semella aceptable que unha empresa que ten recibido axudas públicas cuantiosas ou que se instalou no Río do Pozo a un prezo irisorrio decida de xeito unilateral incumprir o sentido das axudas desmantelando a capacidade produtiva e polo tanto danando o emprego vencellado a ista.

Nun contexto de crise económica hai que avanzar cantos esforzos sexan precisos para que non se siga a danar o emprego e a cohesión social. Para acadar unha saída social e democrática á crise hai que fornecer os aspectos sociais e de dereitos dunha Unión Europea protagonista no eido económico; Unión que non se pode reducir a axeonllarse diante dun omnipotente mercado libre, o cal non deixa de ser unha construción falaz que somentes serviu para atacar neste anos as condicións materiais da clase traballadora.

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
27 de maio de 2009 16:34
Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo un Informacións do Grupo Municipal de Esquerda Unida en relacións cos traballadores e traballadoras de Pull and Bear. Grazas pola vosa atención. Un saúdo, Ramiro Marier ( Grupo Municipal de EU )

_____________

O Grupo Municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha moción a prol da lingua galega

Ferrol,27 de maio de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PRESENTA PARA O DEBATE DO VINDEIRO PLENO UNHA MOCIÓN A PROL DA LINGUA GALEGA
  • YOLANDA DÍAZ, VOCEIRA DO GRUPO, EXPLICOU O VALOR DAS POLÍTICAS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA E O VALOR COMO FERRAMENTA DE INTEGRACIÓN SOCIAL DA LINGUA GALEGA
O Grupo Municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha moción a prol da lingua galega, ao obxecto de conquerir no mes no que celebramos o Día das Letras Galegas un pronunciamento unánime do concello de Ferrol a prol da meirande creación cultural do noso pobo, a nosa lingua.

Esquerda Unida entende necesario manter e ampliar as políticas de normalización lingüística en curso - en demasiadas ocasións incumpridas - ; políticas que pretenden retellar os danos causados polas imposicións dictatoriais doutrora. As políticas de normalización son indispensables para recuperar a presenza real do galego en moitos ámbitos onde se atopa nunha situación de marxinación ou de clara desvantaxe: dende a xustiza até os medios de comunicación, pasando pola escola.

A nosa moción vai no rego que recoñece ao idioma galego como un patrimonio común do noso país e, xa que logo, ferramenta de integración social e espazo para o enriquecemento cultural.

Non podemos compartir os discursos e amezas de reducir que tentan rachar os acordos e consensos destes anos: Lei de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización Lingüística, aprobados noutrora co acordo do PP. O galego é un ben común de todas e todos nós.

Moción ao Pleno

Á ALCALDÍA DE FERROL

Yolanda Díaz Pérez, Voceira do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Na celebración que cada maio, no seu día 17, canta o valor das Letras Galegas, en lembranza da publicación na Habana, no ano 1863, da primeira publicación de Cantares Gallegos, a obra de Rosalía de Castro, que sirve para marcar de xeito convencional o comezo do noso Rexurdimento; nesta celebración, o Grupo Municipal de Esquerda Unida entende importante que o Concello de Ferrol exprese con rotundidade a súa vontade e compromiso de contribuír o avanzo e normalización do galego na nosa sociedade.

O Día das Letras Galegas expresa dende 1963, ao recoñecer e exaltar a obra e compromiso coa cultura galega desa relación de persoeiros ilustres que a partires de Rosalía de castro enxergan razóns e paixóns para afirmar o carácter universal e necesario da cultura galega e do noso idioma; diciamos que expresa a afirmación do conxunto da nosa sociedade cun valor universal da nosa cultura.

Para o Grupo Municipal de Esquerda esta celebración simboliza a determinación e consciencia da nosa sociedade para cun fito central da nosa identidade nacional como é o noso idioma. A lingua galega é unha riqueza fundamental que constitúe un patrimonio común de todas e todos os galegos, tesouro que nos permite expresar o noso estar no mundo e comunicarmos en pé de igualdade cos outros pobos, en particular achegándonos cun vencello fraternal á lusofonía.

Entendemos que o galego non pode ser empregado como arma na loita política e que vague a pena desenvolver todos os esforzos necesarios para fraguar un acordo social integrador a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma. A lingua ten que unírmonos e non ser reducida a unha arma de división, división que non se produce na convivencia social. A convivencia lingüística e o pulo ao galego son fórmulas complementarias e de xustiza.

Os procesos de normalización lingüística en curso teñen suposto avanzos innegables na restauración e valoración do galego, mais distan de ter producido os efectos desexados: a consecución da igualdade social e real do galego nunha sociedade que - cómpre lembralo – afirma no Estatuto, no seu artigo 5 – que o galego é a lingua propia de Galicia. A lei 3/1983 de 15 de xuño de Normalización Lingüística e o Plan de Normalización Lingúística aprobado polo Parlamento de Galicia con data de 22 de setembro de 2004 son elementos indispensables cos que seguir a avanzar na xeira que supoña incrementar o uso e prestixio do noso idioma.

Hai aínda espazos da vida social galega que escapan ao efecto normalizador que a legalidade que recolle o Estatuto e as leis que o desenvolven prescriben. Os incumprimentos da normativa no eido educativo ( decreto 124/207 ), o uso moi minoritario nalgunhas administracións públicas, como é o caso da xustiza, a cativa presenza do galego na xeneralidade dos medios de comunicación privados, no ámbito produtivo e nas relacións laborais no sector privado, as actitudes que tentan instrumentalizar o galego para reducilo a ferramenta de imposición etc., nos están a dicir que resta aínda un longo camiño de esforzos e traballo, de compromiso e dignidade para achegarmos o estadio que corresponde a unha sociedade reconciliada consigo mesma, coa súa cultura e identidade propias. No entanto non debemos aforrar esforzos para acadar esa arela.

Xa que logo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida propón para a súa aprobación polo Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de ACORDO:

I.- Instar á Xunta de Galicia a manter e ampliar as políticas de normalización lingüísticas en vigor ao obxecto de facer real e operativa a igualdade social do galego no noso país.

II.- Instar a manter o noso idioma como patrimonio común, ferramenta de integración social, e espazo para o enriquecemento cultural da cidadanía galega.

III.- O Concello de Ferrol desenvolverá unha campaña específica propia para afirmar o valor de uso do galego, mais cando estamos na perspectiva que fai do ano 2010 o ano na que a nosa cidade xa comprometeu esforzos para forxar na Galicia o consenso necesario para adicarlle o Día das Letras Galegas a Ricardo Carvalho Calero.

Ferrol, 19 de maio de 2009

Asdo. Yolanda Díaz Pérez

Voceira do Grupo Municipal de EU

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
27 de maio de 2009 16:41
Prezad@s compañeir@s: vandos dous novos arquivos en relación coa moción que mañá debatirase no Pleno a prol da normalización lingüística do noso idioma. Grazas de novo e un saúdo, Ramiro Marier

_____________

martes, maio 12, 2009

Denuncian a falla de mantemento que arrastra o lavadoiro de Canido e demandan unha actuación especial nestes espazos

INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL ESQUERDA UNIDA

Ferrol,12 de maio de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA A FALLA DE MANTEMENTO DO LAVADOIRO DE CANIDO
  • YOLANDA DÍAZ URXE UNHA ACCIÓN REPARADORA URXENTE NO LAVADOIRO E UN PROGRAMA DE MANTEMENTO ESTABLE DESTES ESPAZOS NA NOSA CIDADE
O Grupo Municipal de Esquerda Unida quere denunciar a falla de mantemento que arrastra o lavadoiro de Canido, o cal se atopa sen limpar, sucio, con restos de cristais, coas herbas a crecer polo parque, con tellas rotas e co peche de madeira roto, de xeito que quedan ringleiras de puntas ao descuberto, co conseguinte perigo nunha zona que conta cun parque infantil.

O lavadoiro atópase nunha zona privilexiada da cidade pola inmediatez coa natureza e como miradoiro cara A Malata e non se merece o tratamento desatento que reflicte o seu actual estado. Os investimentos que se fan na cidade semellan particularmente inútiles cando non contan cun adecuado mantemento, que os faga aproveitables con seguridade para a nosa cidadanía.

As instalacións do lavadoiro de Canido requiren un mantemento que non deixe aos nenos e nenas que até aí se acheguen co risco de sufrir unha ferida, ou reduzan a calidade do espazo polo descoido e falla de limpeza, que o actual estado do lavadoiro trasluce.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida demanda que dende o Goberno Municipal se faga un mantemento continuado e estable destes espazos cidadáns. Mantemento que é esixible e semella indispensable para asegurar a seguridade e a calidade para o ocio destes espazos.

Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
12 de maio de 2009 12:07

Estimad@s amig@s: vaivos no arquivo un Informacións do Grupo Municipal de EU sobre a situación de falla de mantemento do lavadoiro de Canido e a necesidade de estabelecer unha programación de mantemento destes espazos. Grazas pola vosa atención. Un saúdo, Ramiro Marier

_______________

venres, maio 08, 2009

Contido dos acordos orzamentarios entre EU-IU e o PSdeG-PSOE en Ferrol

contidos acordo orzamentario EU

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
8 de maio de 2009 12:49


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo o contido do acordo orzamentario asinado entre o PSOE e Esquerda Unida esta mañán para a vosa información. Grazas pola atención. Un saúdo, Ramiro Marier

ACORDO PARA OS ORZAMENTOS XERAIS DO ANO 2009 DO CONCELLO DE FERROL ENTRE O PSdG-PSOE E ESQUERDA UNIDA

No concello de Ferrol

Ferrol, 8 de maio de 2009

Reunidos dunha banda D. Vicente Castro Irisarri, Alcalde-Presidente do concello de Ferrol, e Dona Yolanda Díaz Pérez, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida no concello de Ferrol,

ACORDAN

I.- Sendo conscientes da importancia que ten para a cidadanía de Ferrol o poder contar coas ferramentas necesarias para enfrontar a situación de crise económica, derivada da bancarrota das políticas neoliberais da globalización capitalista, que está a afectar de xeito grave a nosa sociedade, semella indispensable acadar un acordo orzamentario que permita o desenvolvemento do conxunto de políticas públicas que contribúan a manter as actividades económicas na cidade, ao través dunha acción protagonista dos investimentos públicos, o afortalamento do gasto produtivo e social, o recurso o endebedamento e maila conxelación dos gastos de representación, dietas e publicidade.

II.- O Goberno Municipal presentou aos Grupos Municipais unha memoria de anteproxecto de orzamentos baseado no estabelecido no punto I deste acordo.

III.- Esquerda Unida presentou pola súa banda un documento orzamentario alternativo ao obxecto de procurar cumprir o referido no primeiro parágrafo deste acordo.

IV.- Froito da negociación orzamentaria entre ámbolos dous Grupos Municipais o Goberno Municipal acepta o seguinte relatorio de propostas presentadas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida:

A.- Acórdase que as bases de execución orzamentaria reflectirán que o Pleno do concello exerza as funcións orzamentarias da súa competencia, en especial no eido das modificacións orzamentarias.

B.- Acórdase que os Orzamentos Participativos ( OP,s ) terán unha experiencia piloto – a primeira das grandes cidades de Galicia – neste orzamento para o 2009, de xeito que se produza un salto cualitativo que permita introducir elementos decisivos e decisorios de democracia participativa no noso concello.

A elaboración participada dun regulamento para os orzamentos participativos no primeiro semestre deste ano irá en paralelo coa posta en marcha desta experiencia piloto de OP,s. No documento orzamentario se recollerá de xeito que no se prexuzgue a decisión veciñal que se adopte no seo do proceso dos OP,s, en relación aos ámbitos nos que se empreguen as partidas veciñais. Para Esquerda Unida semella indispensable que esta primeira experiencia piloto se poña en funcionamento de maneira inmediata á aprobación do orzamento.

A contía para os OP,s de 2009 será de 350.000 euros, que se completará até os 2.000.000 de euros no exercicio orzamentario de 2010; cantidade que permite achegar nesta primeira experiencia piloto unha vontade crible para a cidadanía do compromiso do concello de Ferrol coas prácticas da democracia participativa. Xunta a ista se consignará unha partida específica para formación do persoal do concello e da propia veciñanza.

C.- Acórdase o compromiso de continuar coa capitalización das plantillas de persoal segundo se acordara polo goberno no comezo do actual mandato municipal, o que supón dotar 33 novas prazas( 21 do 2008 e 12 do 2009, sendo estas últimas 4 para a policía municipal, dúas en urbanismos, tres no CRI, 1 en emprego e dúas en muller e 1 administrativo para Normalización Lingüístico.

O compromiso de estabilidade no emprego supón rematar coas interinidades existentes no comezo deste mandato municipal e hase materializar en novas prazas e postos de traballo dentro dun acordo cos órganos de representación das e dos traballadores no concello na Mesa Xeral de Organización. Compromiso de desenvolver a RPT.

Acórdase o comezo da política de descentralización da administración local con alomenos a creación dos puntos de atención á cidadanía en Serantes e Caranza.

D.- Acórdase cara a conquerir unha cidade accesible e anovada dentro das actuacións de meirande repercusión cara o futuro a:

i.- Dentro das catro ordes de estudo do Ministerio de Fomento, que se priorice as actuacións na avenida das Pías e ao seu enlace co Bertón.

ii.- No que atinxe as actuacións ferroviarias na cidade, pular polo retranqueo da estación do ferrocarril.

iii.- Diante do deterioro do mercado municipal de Caranza, de non se producir avances na concesión do mesmo a operadores privados, no primeiro cuatrimestre deste ano se dotará nun ámbito plurianual as aplicacións económicas precisas para proceder á súa remodelación con cargo aos cretos non utilizados do préstamo de 4,8 millóns de euros.

iv.- Acórdase consignar as partidas orzamentarias necesarias neste orzamento para as seguintes actuacións:
  • a.- Zona verde de San Francisco.
  • b.- Rehabilitación da Costa de Mella.
  • c.- Intervención na Fábrica de Lápices.
  • d.- Adquisición da casa de Carvalho Calero.
  • e.- Ampliación da Casa de Acollida.
  • f.- Intervencións na Praza de San Xoán, na Praza das Vítimas do 11 de Marzo e noutros espazos públicos dos Ensanches.
  • g.- Rehabilitación do Ateneo.
  • h.- Local Social de Ferrol Vello.
  • i.- Modificación puntual para garantir a protección integral de Menáncaro.
  • j.- Reurbanización da Praza de Sartaña.
  • k.- Adquisición do chamado Forno Bellón en Esteiro para o seu uso como centro social do barrio.
  • l.- SGHN
V.- Acórdase a inmediata constitución da Empresa Municipal de Turismo, polo que todos os cretos que figuran no orzamento de promoción Turística se transferirán a mesma unha vez entre en funcionamento. En canto sexa constituída se procederá á contratación do xerente e doutro persoal contemplado na Memoria, cumprindo o programa derivado do Ferrol da Ilustración e o Mundo Naval.

VI.- Acórdase a creación da Empresa Municipal de Vivenda, que terá como un dos seus cometidos primeiros e sobranceiros a intervención rehabilitadora no barrio de Recimil.

VII.- Acórdase a creación dunha partida orzamentaria específica para a Zona Rural, a cal terá unha dotación de 1.082.000 euros, de xeito participada

VIII.- Acórdase no eido das políticas de benestar social que o contrato para o programa de axuda no fogar importe por valor de 2.026.800 euros, cun prezo/hora de 13,50 euros. Acadar un compromiso para que a xestión do servizo sexa directo polo Concello.

IX.- Acórdase a modificación integral dos estatutos do Padroado de Deportes mediante un procedemento participado e a elaboración dun regulamento de subvencións que garanta transparencia, obxectividade e participación.

Asdo. Vicente Castro Irisarri
Asdo. Yolanda Díaz Pérez
_________________________

xoves, abril 30, 2009

Mocións de EU ao Pleno Municipa de hoxe

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
29 de abril de 2009 14:21


Prezad@s amig@s: achegámosvos para a vosa información copia das mocións presentadas para o debate no Pleno do concello de Ferrol de hoxe [30.04.2009] pola tarde.

As mocións atenden a crear dúas oficinas de atención cidadá dentro dunha política de descentralización administrativa, nos barrios de Caranza e Serantes; a segunda demanda ao ministerio que non autorice a ampliación da capacidade regasificadora da planta de gas e someta - dacordo ás 3 sentenzas xudiciais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia - o conxunto do porxecto a preceptiva declaración de impacto ambiental.

Recibide un saúdo, Ramiro Marier ( Grupo Municipal de EU )

2009-02-27 moción planta gas, ampliación capacidade regasifica dora
2009-04-24 moción descentralización administrativa

___________________

Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL

Yolanda Díaz Pérez, Voceiro do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A ría de Ferrol supón un espazo fundamental para o desenvolvemento da vida na nosa comarca, espazo que está en permanente perigo pola instalación da planta de gas de Reganosa en Punta Promontoiro. A devandita instalación ten hoxendía unha capacidade de almacenamento para 300.000m3 de GNL ( metano ), equivalentes a 150.000 tn., que supoñen unha ameaza certa e constante para os milleiros de persoas que viven ao carón da ría. Capacidade que agora quérese ampliar o que suporía un incremento dos riscos asociados a esta instalación.

A planta de gas actual está a vulnerar a lei xa que non garda as distancias mínimas esixidas respecto as poboacións e lugares de interese natural ou público segundo recolle o artigo 12 da Directiva 92/82 CE, asemade do incumprimento das distancias mínimas de 2.000 metros cara aos núcleos poboacionais previstas no RAMINP.

A propia morfoloxía da nosa ría entrega razóns para considerar inadecuada o seu actual emprazamento. E dende a entrada en funcionamento da planta téñense producidos incidencias nas entradas dos gaseiros por mor da angostura da ría, que remata nunha boca estreita e pouco profunda.

Os recheos e a modificación do sistema de regasificación ( dun sistema de circuito pechado a outro que sendo máis económico provoca a morte de larvas, ovos, espcies, plancton, rachando a cadea trófica ) supoñen danos engadidos provocados pola planta, cuxo emprazamentos acumula até tres sentenzas contrarias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en contra da tramitación ambiental da planta. Hogaño a planta de gas adolece da declaración de impacto ambiental

O certo é que a proposta de dobrar a capacidade regasificadora supón un incremento dos perigos e danos que produce a planta cada día que pasa. Duplicar a capacidade suporía que entraría na nosa ría un buque gaseiro cada 3-4 días.

A duplicación da capacidade regasificadora non está xustificada polos consumos previstos nos grupos de ciclo combinado, nos que se manexan datos que non son reais. O consumo polas centrais térmicas de ciclo combinado de Sabón e As pontes seguindo a media estatal suporía só un consumo do 29% da capacidade actual da planta de gas de Reganosa. O consumo real dos ciclos combinados pode ser alimentado coa capacidade actual dos gasoductos que conectan coa rede estatal. Un ano de funcionamento da planta deixa en evidencia as previsións irreais.

Incumprimentos que se producen tamén no que atinxe ao proceso da aprobación previa, por canto entre os requisitos da CNE contemplábase na condición octava a posibilidade de deixar sen efecto a autorización no caso de que houbera incumprimentos nas condicións expresadas.

En resumo, semella inaceptable andar a fraccionar e alterar as condicións do proxecto para eludir unha avaliación do conxunto do mesmo. Dacordo coa xurisprudencia do TXCE hai que facer a avaliación dos conxuntos dos efectos non só singularmente da ampliación. Ampliación que supón aumentar as ameazas e riscos para a poboación que vive na contorna da ría. O estudo do CEDEX de xullo de 2006, o índice de risco con 12 accesos anuais é 70% menor que para 50 accesos; pasar a 104 accesos non deixará de aumentar o perigo. A ampliación suporía tamén un agravemento do impacto no ecosistema da ría, ao aumentar a cantidade de auga esterilizada e menor temperatura do medio. Ampliación que semella innecesaria segundo a producción actual e as previsións de consumo realistas.

Xa que logo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do Pleno do Concello de Ferrol o seguinte ACORDO:

I.- Instar o Ministerio de Medio Ambiente non autorizando unha ampliación da capacidade regasificadora da planta de gas que é innecesaria e que non deixa de incrementar os riscos asociados á planta.

II.- Someter a totalidade do proxecto – xunto coa proposta de modificación da capacidade regasificadora – á preceptiva Declaración de Impacto Ambiental consonte as sentenzas do TSXG que dan razón do carácter ilegal do actual emprazamento.

Ferrol, 27 de abril de 2009
Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Voceira do Grupo Municipal de EU


Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL

Javier Galán Pérez, concelleiro do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A consideración da cidade como un espazo central para a participación cidadá e a consideración da cidadanía como suxeito activo e protagonista na vida social cidadá esixe un esforzo decidido das administracións pública para procurar os investimentos e recursos necesarios para facilitar a participación cidadá.

A descentralización administrativa forma parte dos eixos directores que as administracións públicas teñen que desenvolver para propiciar a cercanía ás necesidades e demandas da veciñanza, para facilitar a relación entre as e os administrados e a administración.

A modernización da administración local pasa sen ningún xénero de dúbidas entre outras directrices polo achegamento dos espazos físicos da administración cara aos barrios e espazos de vida social cidadá. O desenvolvemento destes equipamentos forma parte das esixencias que ten que cumprir unha anovada administración local, que se relacione nun plano de igualdade coa cidadanía e xa non con súbditos.

A participación cidadá necesita do desenvolvemento de oficinas de atención á cidadanía que xeren unha atención integral no que atinxe a información, dereitos e deberes, dos diversos trámites administrativos e que coadxuven a pular pola intervención cidadá nas cuestións municipais. Participación cidadá que conforma o piar central para poder desplegar as políticas de democracia participativa, que fornezan a unha cidadanía crítica e esixente, cada día máis protagonista nos diferentes eidos da vida social do noso concello.

A morfoloxía e extensión do noso concello avogan tamén pola implantación destas oficinas de atención á cidadanía, que permitan atender un servizo integral no que atinxe á información municipal, e que faciliten os mecanismos da tramitación administrativa, servindo tamén como nodos de tramitación dos asuntos competenciais das administracións públicas; servizos que terán un carácter presencial, telefónico e telemático.

Xa que logo e atendendo ao referido nos parágrafos superiores, o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete a ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de ACORDO:

I.- Que o concello de Ferrol acorde a creación de dúas oficinas de atención á cidadanía nos barrios de Caranza e Serantes.

II.- Que se proceda a dotar no vindeiro orzamento do concello para 2009 as partidas orzamentarias precisas para a súa creación e posta en funcionamento.

Ferrol, 24 de abril de 2009
Asdo. Javier Galán Pérez
Concelleiro do Grupo Municipal de EU
____________________________

luns, abril 27, 2009

Rosas e roseiras

Por Yolanda Díaz
26.04.2009


Múrchase unha rosa que renunciou co xesto feo do interese persoal a continuar a escrita vermella que dende hai século e medio funda un futuro de emancipación e xustiza. Virán, están a vir xa, moitas rosas e caraveis ás ringleiras que soñan e coñecen que hai outro mundo posible e mellor que aquel o que se renden as rosas murchas que non ousan desafiar o tropismo do sol que máis quenta. Ao abeiro da refundación tecen os espazos colectivos do mañá as novas rosas que xorden das roseiras dunha tradición revolucionaria, as que se rebelan contra os que escriben un futuro pretérito de precariedade, exclusión e renuncias. No eido da esquerda son os proxectos políticos e de sociedade os que moven á militancia e ao activismo, son os proxectos elaborados en común, elaborados coa arxila poderosa do programa e a fraternidade compañeira; noutros espazos quizabes se valore a fotoxenia e os individualismos fachendosos, mais no ámbito da esquerda transformadora e polo socialismo non valen esas lerias. Na fráxil e invencible dorna da esquerda, o relevante, o que desafía as adversidades e anuncia o porvir é a roseira, non as flores. A primavera virá na constancia das roseiras, nesa fermosura colectiva que as moitas rosas da esquerda debuxan co seu traballo social e coa elocuencia das razóns que non renuncian a utopía. Adeus Rosa Aguilar.

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
24 de abril de 2009 15:54

Prezad@s amig@s: enviamosvos un artigo de Yolanda Díaz sobre rosas e roseiras. Grazas pola atención prestada. Un saúdo, Ramiro Marier (Grupo Municipal de EU)
_____________

xoves, abril 23, 2009

EU ve necesario abordar a reelaboración dun novo convenio que forneza a prestación de servizo público dun albergue de transeúntes para os sen teito

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
23 de abril de 2009 15:29


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo un terceiro comunicado de prensa do Grupo Municipal de EU en relación coa necesaria reelaboración para o ano que vén do convenio co Juan Cardona para o albergue. Grazas pola vosa atención. Un saúdo, Ramiro Marier

Ferrol, 23 de abril de marzo de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA CONSIDERA NECESARIO COMEZAR A ELABORACIÓN DUN NOVO CONVENIO CO JUAN CARDONA PARA O ANO QUE VÉN
  • UN REGULAMENTO DE RÉXIMEN INTERNO, UN MEIRANDE INFORMACIÓN E A FISCALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES, EIXOS A INCORPORAR NO VINDEIRO CONVENIO
Esquerda Unida votou a favor da prórroga até decembro do convenio co Juan Cardona na comisión informativa de benestar de hoxe, xoves, 23 de abril. No actual momento económico e social, cunha durísima crise económica, semella indispensable afortalar todas as iniciativas posibles para estender e ampliar a protección social, aínda en demasía feble e insuficiente.

Sari Alabau e Roberto Artabe, membros do Grupo Municipal de EU nesa comisión, avanzaron a necesidade de abordar neste meses vindeiros a reelaboración dun novo convenio que forneza a prestación de servizo público dun albergue de transeúntes para os sen teito.

Nas intervencións dos representantes do Grupo Municipal de Esquerda Unida consignáronse outras demandas relativas a mellorar a fiscalización das actividades abranguidas polo convenio e a relevancia de dispor dun anovado regulamento de réxime interno que sirva para atender as necesidades reais dos usuarios e usuarias do albergue, caso dos horarios e condicións de uso.

No intre actual, caracterizado pola máis fonda crise económica ocorrida dende o crac do 29, semella indispensable unha actuación planificada decidida das administracións públicas para desenvolver cantas iniciativas públicas melloren e estendan a cobertura social para a poboación en situacións de extrema necesidade como acontece no caso que nos ocupa.
______________

luns, abril 20, 2009

Apoio ás demandas da A.VV. Fontelonga de Esteiro para arranxar os danos causados no barrio polos efectos do ciclón Klaus

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
20 de abril de 2009 12:16



Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo un comunicado de prensa do Grupo Municipal de Esquerda Unida en apoio das demandas expresadas pola A.VV. Fontelonga de Esteiro en relación con arranxos ligados ao ciclón Klaus e outros compromisos incumpridos. Grazas pola vosa atención. Un saúdo, Ramiro Marier

Ferrol, 20 de abril de marzo de 2009
  • O CONSELLO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA SÚMASE AS DEMANDAS EXPRESADAS POLA A.VV. FONTELONGA PARA ARRANZAR AOS DESPERFEITOS NO BARRIO E CAMPUS
  • A VOCEIRA DO GRUPO, YOLANDA DÍAZ, RECLAMA CELERIDADE PARA ARRANXAR AS DESFEITAS PRODUCIDAS E O CUMPRIMENTO DOS OUTROS COMPROMISOS CONTRAÍDOS.
O Grupo Municipal de Esquerda Unida expresa o seu apoio ás demandas da A.VV. Fontelonga de Esteiro nas que reiteran as súas demandas para arranxar os danos causados no barrio polos efectos do ciclón extratropical Klaus, que barreu a cidade o pasado na noite do 23 para o 24 de xaneiro.

Esquerda Unida critica a deixadez para non acometer dende entón a subsanación dos danos producidos polo ciclón cando van tres meses dende o seu paso pola cidade. A enumeración do que non se arranxou deixa en mal lugar a celeridade e dilixencia que requiren estas actuacións: xunto a Casa do Patín hai unha árbore arrincada e un pinsapo deitado; na Praza de Ferrándiz resta un banco rachado xunto a unha pola de grandes dimensións que aínda non se retirou; falta repoñer na Praza Carlos Casares dúas camelias e outras ao carón dos bloques III e II de Fernando VI.

As denuncias reiteradas exténdense as tapas da rede de sumidoiros nas rúas Profesor Vázquez Cabrera e Álvaro Cunqueiro. A asociación denuncia que a situación se arrastra dende hai 14 meses. Prazos inaceptables para conquerir unha resposta eficaz ás demandas da cidadanía.

Esquerda Unida nas verbas da súa Voceira Yolanda Díaz demanda celeridade e dilixencia ao Goberno Municipal para restaurar os danos producidos polo Klaus e mailo cumprimento dos outros compromisos contraídos por EMAFESA E CESPA. A nosa organización así o manifestará na vindeira Comisión de Servizos.

Xunto a isto hai outros compromisos que restan de antano e que distan de materializarse: sinalizacións e outras árbores comprometidas na confluencia con López Porta con Españoleto, no macizo central da avda. de Esteiro e entre Uxío Novoneyra e González Llanos e mías en Eduardo Pondal.
__________________

xoves, abril 16, 2009

Esquerda Unida presenta 7 alegacións ao prego de condicións da contratación do Servizo de Axuda no Fogar

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
15 de abril de 2009 18:15


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo o comunicado do Grupo Municipal en relación coas alegacións presentadas os pregos do servizo de axuda no fogar. xunto as alegacións presentadas no Rexistro do Concello. Grazas pola vosa atención. Un saúdo, Ramiro Marier

Ferrol, 15 de abril de marzo de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PRESENTA UNHA BATERÍA DE ALEGACIÓNS AO PREGO DE CONTRATACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
  • UN MEIRANDE CONTROL PÚBLICO DO SERVIZO, A MELLORA DAS CONDICIÓNS LABORAIS DAS TRABALLADORAS E O PULO NA PRESTACIÓN DO SERVIZO, EIXOS DA PROPOSTA DE ESQUERDA UNIDA
O Grupo Municipal de EU presentou no día de onte, 14 de abril, un conxunto de 7 alegacións ao prego de contratación do Servizo de Axuda no Fogar, que ao xuízo da nosa organización supoñen unha mellora certa das condicións nas que se vai prestar un servizo de especial relevancia pola súa importancia para a veciñanza de Ferrol canto pola contía que comporta a prestación deste servizo, que excede os dous millóns de euros anuais.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida entende que as achegas presentadas supoñen incrementar o grao de transparencia pública e control do contrato, buscando que xunto a isto se produza unha mellora na prestación do servizo da man da contratación de empresas con solvencia neste campo sensible das políticas de benestar social e dependencia.

As propostas do Grupo Municipal inciden en conquerir unha mellora certa das condicións laborais nas que prestan o servizo as traballadoras do mesmo.

Tamén se propoñen cautelas para que diante dun alza na contía no pago desta contratación sexa o Pleno o que autorice incrementos nunha partida que importa por riba dos dous millóns de euros.

Escrito de Alegacións:

Yolanda Díaz Pérez, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, en relación coa contratación do Servizo de Axuda no Fogar presenta as seguintes

ALEGACIÓNS:

I.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida interesa que, no punto 1 do prego de cláusulas administrativas particulares para a contratación do Servizo de Axuda no Fogar ( ( Obxecto do contrato ), se reduza o número de contratistas que nun número de até 8 contémplase para a atención as persoas que teñan recoñecido o dereito ao servizo de axuda no fogar polo Sistema Galego de Atención á Dependencia, no chamado LOTE 1 – Grupo A.

O noso Grupo Municipal pregúntase polo fraccionamento desta contratación, xa que entendemos que a unidade da contratación nunha soa podería favorecer a solvencia da empresa concesionaria, porque sendo esta maior poderá garantir unha meirande calidade no servizo e nas condicións laborais dos e das traballadoras que o presten. De feito no LOTE 2-GRUPO B a contratación recaerá nun só contratista.

II.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida interesa a modificación da fórmula recollida no punto 1º ( Obxecto do contrato ) que refire que os criterios para a asignación de persoas usuarias a cada contratista serán en primeiro lugar a elección da persoa usuaria... O Grupo Municipal de EU entende que teñen que ser as administracións públicas as que determinen de xeito obxectivo os criterios para a atención das e dos usuarios, de xeito que se evite calquera arbitrariedade ou favoritismo.

III.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera necesario que no punto tres do prego de cláusulas administrativas particulares do devandito Servizo se recolla un solo mínimo por prezo/hora que vaian percibir as e os traballadores que presten este servizo, porque na redacción actual a referencia prezo/hora fíxase nunha cantidade que non especifica as retribucións d@s traballador@s, ao incluír todos os gastos do contratista. Na actualidade abóase 4,5 euros por hora traballada a cada traballadora cando a cantidade que se recolle no prego fíxase nun caso en 13,50 e noutro, 12,00 euros. No que atinxe ao solo mínimo das retribucións por hora traballada cómpre actualizar as retribucións das e dos traballadores para mellorar as súas condicións salariais e de traballo.

IV.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida interesa unha nova redacción do parágrafo antepenúltimo do punto 3 ( presuposto máximo de licitación ) no que se compute como tempo de traballo o dos desprazamentos aos enderezos dos beneficiarios do Servizo como tempo de traballo na prestación do Servizo de Axuda no Fogar.

V.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida estima necesario modificar o número de horas da xornada mínima que o prego sitúa en 30 horas mensuais. O Grupo Municipal de EU solicita que se recolla como xornada mínima o consignado no convenio colectivo de Galicia para a actividade de axuda a domicilio, que no seu artigo 10 sinala que a xornada será de 37 horas semanais.

VI.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida interesa a modificación do punto que valora a oferta económica. No prego consígnase que a puntuación máxima para o apartado da garantía de contratación mínima de persoal será de 15 puntos. A relevancia deste apartado para garantir a calidade de servizo é de semellante importancia que ao noso entender autoriza a modificación da puntuación asignada para incrementala.

VII.- O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera necesario correxir a redacción do punto ( aboamento dos servizos ) no que se residencia na Xunta de Goberno a capacidade de aprobar incremento ou modificación algunha nas cantidades aprobadas para a atención do servizo. Esquerda Unida entende que a redacción debe facer recaer a competencia para autorizar calquera modificación no Pleno do Concello, dada a situación minoritaria na que se atopa o Goberno Municipal.
____________

domingo, abril 05, 2009

EU e a feira do Libro de Ferrol

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
3 de abril de 2009 14:45


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo un segundo Informacións sobre a proposta presentada por Esquerda Unida para a Feira do Libro e o seu rexeitamento pola concellería de cultura. Grazas pola vosa atención. Recibide unha aperta, Ramiro Marier


Ferrol, 3 de abril de marzo de 2009
  • A CONCELLERÍA DE CULTURA DESBOTOU TODAS E CADA UNHA DAS PROPOSTAS PRESENTADAS POLO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PRESENTOU XA O DÍA 11 DE MARZO UNHA PROPOSTA PARA A VINDEIRA FEIRA DA LIBRO
  • A NOSA CULTURA, A OLLADA FEMINISTA E O PENSAMENTO CRÍTICO ESTRUTURAN A PROPOSTA DE ESQUERDA UNIDA
Esquerda Unida ten que manifestar a súa crítica e pesar diante do desbotamento e non resposta das propostas feitas polo Grupo Municipal de Esquerda Unida para a Feira do Libro deste ano.

Esquerda Unida rexistrara no Rexistro do Concello, con data de 11 de marzo, unha batería de propostas para a vindeira edición da Feira do Libro na nosa cidade. A proposta de autoras e autores presentada contemplou tanto a nomes de referencia da nosa cultura, canto a creadores de fóra que posúen unha obra esixente e crítica.

A Feira do Libro semella unha grande oportunidade para interesar o público polo inesgotable mundo da escrita, quen de procurarmos coñecemento crítico e capacidade de disfrutar coa imaxinación e o pensamento acubillado

A valorización da nosa cultura con expoñentes de dúas xeracións vencelladas pola súa radicalidade crítica e o carácter vangardista da súa obra combínase coa olla crítica do feminismo pata tentar achegar unha proposta e altísima calidade, variada e atractiva para o público lector da nosa cidade.

O Grupo Municipal de Esquerda Unida achega na súa proposta os nomes de Daniel Salgado (poeta e xornalista) e Xosé Luis Méndez Ferrín (narrador e poeta e persoeiro comprometido co devir político do noso país) para os actos da inauguración e peche da Feira.

Daniel Salgado xa vai polo seu terceiro libro de poemas, Éxodo, tras Sucede e Días no imperio. Poeta arriscado tanto na temática afincada na resistencia e na loita coa realidade canto nas formas dunha escrita de vangarda. Poesía escrita sobre a terra queimada, épica desgastada contra o tempo: prácticas emancipatorias fronte a un inimigo diáfano, se ten escrito da súa obra.

De Méndez Ferrín – gloria das nosas letras – abonda con dicir que forma parte dos imprescindibles da nosa cultura, da nosa sociedade crítica e resistente. Salgado e Ferrín comparten unha ollada crítica e lúcida diante da barbarie presente.

As outras propostas para os días da Feira son : Rosa Regás, autora dunha obra rebelde: Memoria de Almator, ou a toma nas súas mans do seu destino dunha muller sempre protexida; Azul, gañadora do Nadal, cunha historia do amor e do mar; Luna lunera, historia da postguerra, premio Ciutat de Barcelona; ou o premio Planeta, Canción de Dorotea.

Contémplase – na proposta de Esquerda Unida - a presenza tamén do profesor Herminio Barreiro, cunha dilatada experiencia profesoral na USC no departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social. As súas liñas de investigación teñen orbitado no derredor da renovación educativa en España no período entre 1910 e 1936, asemade da ilustración, revolución e educación na constitución dos sistemas educativos contemporáneos. En particular os seus estudos sobre Lorenzo Luzuriaga e o movemento da escola única. Vén de publicar recentemente aínda, o ano pasado, o seu libro de recordos infantís e universitarios, Recordar doe, que podería ser presentado na nosa cidade co gallo da celebración da Feira.

Carmen Rigalt é a outra das autoras propostas a partires dos seus libros: Mi corazón que baila con espigas, finalista do Planeta, La mujer de agua ou a obra ensaística, Diario de una adicta a casi todo.
_________________

EU e o estacionamento do Inferniño

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
3 de abril de 2009 14:39



Prezad@s amig@s: achégase no arquivo Información do Grupo Municipal de Esquerda Unida clarexando o sentido do noso voto no punto do Pleno onde se acordou o cambio de titularidade do aparcadoiro do Inferniño, punto no cal o Grupo Municipal se abstivo e non votou afirmativamente como por error relata o Diario de Ferrol. Grazas pola vosa atención, recibide un sáudo, Ramiro Marier

Ferrol, 3 de abril de marzo de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA QUERE DESMENTIR A NOTICIA ERRADA DA QUE DA CONTA O DIARIO DE FERROL SOBRE O SENTIDO DO NOSO VOTO NO PUNTO DO PLENO REFERIDO AO CAMBIO DE TITULARIDADE DO APARCADOIRO DO INFERNIÑO
Esquerda Unida quere desmentir a información errada que no Diario de Ferrol recolle o voto afirmativo de Esquerda Unida ao cambio de titularidade do aparcadoiro do Inferniño.

O noso Grupo Municipal non votou afirmativamente a proposta e explicou o sentido da súa abstención na intervención da Voceira do Grupo, Yolanda Díaz. A Voceira explicou a cadea de irregularidades acontecidas neste tempo atrás na explotación do aparcadoiro e que se recollen na propia relación de feitos provinte da concellería de facenda, cadea que non se pode ignorar sen máis e que leva a nosa organización a considerar que é necesario algo máis que un cambio de titularidade.

Yolanda Díaz achegou no Pleno que o correcto sería redactar un novo prego e sacalo a concurso, facendo de novo o expediente. Para rematar afirmando que urxía conquerir unha solución global que atenda ao centro comercial onde quedan poucos locais comerciais abertos.

Aínda tras a exposición, a Voceira de Esquerda Unida avanzou que o sentido do voto neste Pleno ía ser o da abstención coa vontade de facer o posible por axudar a resolver o problema creado.
_________________

venres, abril 03, 2009

EU pedindo unha declaración institucional

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
2 de abril de 2009 17:09


Prezad@s amig@s: vanvos nos correos o escrito presentado e o seu resumo en relación coa declaración institucinal polo Día Mundial da Saúde.
Grazas pola vosa atención.
Un saúdo, Ramiro Marier

  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA DECLARACIÓN INSTITUCIONAL NO DÍA MUNDIAL DA SAÚDE
  • SEMELLA NECESARIO SUMARSE A DEMANDA DA OMS A PROL DE HOSPITAIS SEGUROS NA SITUACIÓN DE EMERXENCIAS NUNHA CIDADE AMEAZADA POLA UBICACIÓN DA PLANTA DE GAS
O Grupo Municipal de Esquerda Unida presentou hoxe un escrito no Rexistro do Concello no que solicita que o concello de Ferrol se sume e acorde unha declaración institucional co gallo do Día Mundial da Saúde, que será o vindeiro 7 de abril.

Dende 1950 se vén celebrando esta data, que é aproveitada pola Organización Mundial da Saúde ( OMS ) para concienciar e reclamar a atención sobre situacións específicas que precisa as diferentes estratexias sanitarias acordadas no seo da organización.

A importancia desta declaración vai da man da súa oportunidade nunha cidade que está ao carón dunha perigosa instalación gasística, que pende cunha ameaza cotián sobre as nosas vidas, ao incumprir as normativas europeas en materia de seguridade e restar nos tribunais de xustiza a súa futuro definitivo.

Os investimentos nas infraestruturas sanitarias e na ampliación e capacitación do persoal adscrito a elas son fundamentais para garantir que diante de situacións de emerxencia sexamos quen de poder respostar axeitadamente, sen que se colapse a prestación dun dereito fundamental como é a saúde.


Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL

Yolanda Díaz Pérez, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, solicita que o Concello de Ferrol emita unha declaración institucional co gallo da celebración o vindeiro día 7 de abril do Día Mundial da Saúde.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

No ano 1948, A Asemblea Mundial da Saúde propuxo que se acordara a celebración do Día Mundial da Saúde, para conmemorar a fundación da Organización Mundial da Saúde.

Deste xeito, dende o ano 1950 se vén celebrando esta data todos o 7 de abril. Cada ano se escolle para esta xornada un tema de saúde específico a fin de destacar un área prioritaria de interese para a OMS. No ano 2003 adicouse a prepara o futuro da vida; no 2004 atendeuse á seguridade vial; no 2005 a importancia das nais e os infantes; no 2006, fixo fincapé na importancia dos traballadores e traballadoras da saúde; a seguridade sanitaria internacional ocupou o ano 2007; e o ano pasado foi a saúde e o cambio climático os protagonistas.

No ano en curso, a Organización Mundial da Saúde decidiu o seguinte tema: Para salvar vidas: hospitais seguros na situacións de emerxencias. Céntrase na seguridade dos estabelecementos de saúde e a preparación do persoal sanitario que atende aos afectados e afectadas nas situacións de emerxencia. Os centros de saúde e o persoal adoitan seren vitais no caso de desastres e son fundamentais para previr lesións, enfermidades e atender ás necesidades sanitarias da poboación.

Os centros sanitarios e o persoal adscrito a eles teñen que seguir a atender nas situacións de emerxencia as necesidades cotiás, caso dos servizos de tocoloxía, inmunización e a atención as enfermidades crónicas; semellan esenciais para a atención primaria nas comunidades. Nembargantes, os sistemas de saúde que se atopan en situación precaria a miúdo perden a súa capacidade de desempeñar as labouras referidas cando acontece un desastre.

A Organización Mundial da Saúde e os seus asociados internacionais insisten no marco desta campaña a relevancia fundamental de acadar unha inversión suficiente para conquerir unhas infraestruturas sanitarias que poidan resistir os perigos e atender as necesidades inmediatas da poboación no caso de se produciren emerxencias.

Dentro da nosa ría temos a instalación da planta de gas, nunha instalación que incumpre as normativas de seguridade europeas e cuxo futuro atópase hoxendía por decidir nos tribunais de xustiza. A devandita infraestrutura expón a nosa cidadanía a un risco innecesario en troques de ren para a nosa comunidade.

Xa que logo, o noso Grupo Municipal de EU solicita que o concello de Ferrol acorda elaborar unha declaración institucional que conmemore o día 7 de abril, Día Mundial da Saúde.

Ferrol, 2 de abril de 2009

Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida
__________________

Esquerda Unida e o Regulamento do Comedor Social

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
2 de abril de 2009 16:38


Prezad@s amig@s: vanvos nos arquivos as alegacións presentadas ao regulamento do comedor social. Grazas pola vosa atención. Un saúdo, Ramiro Marier

  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA PRESENTA UN CONXUNTO DE ACHEGAS A REGULAMENTO DO COMEDOR SOCIAL
  • UN BAREMO IGUALITARIO, A PROTECCIÓN DOS DATOS DOS USUARIOS E O DEREITO A SEREN INFORMADOS, EIXOS DAS PROPOSTAS DE MELLORA ELABORADAS POR ESQUERDA UNIDA
O Grupo Municipal de Esquerda Unida vén de presentar unha batería de alegacións para mellorar a proposta de regulamento de réxime interior do comedor social que se debatiu na Comisión de Benestar de hoxe, 2 de abril.

Roberto Artabe e Yolanda Díaz participaron na devandita Comisión achegando unha serie de suxestións ao obxecto de conquerir mellorar o texto presentado.

En particular fíxose fincapé en conquerir un baremo igualitario no que atinxe a idade e vivenda, evitando as posibles distorsións da puntuación, asemade incidir no segredo da historia social e sanitaria dos usuarios do servizo segundo lexislación en vigor, a Lei de Protección de Datos.

Yolanda Díaz Pérez, Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, achega a proposta de modificacións do Grupo Municipal de EU á Proposta de Regulamento de Réxime Interior do Comedor Social, levado a Comisón Informativa de Benestar de data 2 de abril de 2009.

As engádegas que o noso Grupo Municipal achega son as seguintes:

I.- De supresión, no artigo 3º, eliminar o apartado cuarto que di: Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa.

II.- De engadido, no artigo 5º,un apartado que diga: Coñecer e cumprir as normas que rixen o funcionamento do Centro.

III.- De engadido, no artigo 5º, un novo apartado: Gardar as normas de hixiene e aseo persoal.

IV.- De substitución, no artigo 6º, o apartado que di Ao sixilio dos datos... pola seguinte redacción: Manter o segredo dos datos da súa historia social e sanitaria consonte a Lei de Protección de datos.

V.- De engadido, no artigo 6º, un apartado que diga así: A ser informad@ do funcionamento interno e da oferta de servizos.

VI.- De substitución, no artigo 13 que os baremos de idade e vivenda sexan igualitarios ou sexan retirados.

Ferrol, 2 de abril de 2009

Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Voceira do Grupo Municipal de EU
__________________

sábado, marzo 28, 2009

Demandan unha campaña municipal de limpeza de fachadas

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
27 de Marzo de 2009 14:59


Prezad@s amig@s: vaivos no arquivo o comunicado de prensa do Grupo Municipal de EU demandando unha campaña de limpeza de fachadas e de información e concienciación. Grazas pola atención prestada. Un saúdo, Ramiro Marier

Ferrol, venres 27 de marzo de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA QUE SE REALICE UNHA CAMPAÑA MUNICIPAL DE LIMPEZA DE FACHADAS
  • UNHA CIDADE QUE QUERE SER PATRIMONIO DA HUMANIDADE E DIVERSIFICAR O SEU TECIDO ECONÓMICO CO TURISMO ESIXE ESTA INICIATIVA MUNICIPAL, RECLAMOU A VOCEIRA DO GRUPO MUNICIPAL DE EU
O grupo Municipal de Esquerda Unida reclama do Goberno Municipal o lanzamento dunha campaña municipal intensiva de limpezas de fachadas, que permita recuperar a imaxe e atender o deber de conservación da nosa cidade. Campaña que tente facer cumprir a norma de disciplina urbanística, na que aténdese o deber de manter en condicións de seguridade, salubridade e ornato público as edificacións.

Unha cidade como Ferrol que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade, e que ten no eido da promoción turística un rubro importante para conquerir unha adecuada diversificación das súas actividades económicas ten que ser especialmente coidadosa coa imaxe que como comunidade transmitimos aos visitantes.

Esquerda Unida entende que esta campaña debe ter dúas fases: unha primeira que comprenda ao conxunto de edificios municipais e públicos comezando polo concello. Nunha segunda fase se atenderá ao resto das edificacións privadas. Neste segundo momento cobra unha dimensión fundamental o lanzamento dunha campaña complementaria de información e concienciación cara á cidadanía. Nesta segunda fase, cando o propietario non atenda os seus deberes, Esquerda Unida sostén que terá o concello que atendelos de xeito subsidiario, segundo se recolle na norma.

Campaña de limpeza de fachadas que ten dúas facianas: limpeza e ornato, xunto co complemento indispensable dunha campaña de información e concienciación , que incida na necesidade e valor de manter coidadas as fachadas dos inmobles da nosa cidade.

O noso concello conta cunha máquina especial para a limpeza das fachadas, máquina que supuxo un desembolso oneroso para o noso concello e que ten que ser aproveitada e amortizada cun uso dilixente da mesma.
______________

xoves, marzo 26, 2009

Esquerda Unida denuncia a situación de irregularidade na que se atopa a día de hoxe o estacionamento da Praza do Concello e outras denuncias

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
26 de março de 2009 13:35



Estimad@s amig@s: no arquivo vai un pronunciamento do Consello local de Esquerda Unida diante do tratamento difamatorio que o xornal da Voz de Galicia lle procura dada onte por Esquerda Unida en rolda de prensa. Grazas pola vosa atención. Asdo. Ricardo Ledo Suárez Secretario Organización Consello Local EU Ferrol

  • ESQUERDA UNIDA DENUNCIA UN USO IRREGULAR DO APARCADOIRO DA PRAZA DE ARMAS
  • "LA VOZ DE GALICIA" DIFAMA O QUEFACER PÚBLICO DE ESQUERDA UNIDA
O Grupo Municipal de Esquerda Unida denunciou onte, nunha rolda de prensa, a situación na que se atopa o aparcadoiro da Praza de Armas, que está a funcionar en mans do antigo concesionario sen contrato algún que o ampare, toda vez que a concesión por 50 anos extinguiuse e se lle aboou un importe de 2.411.173 euros do erario público.

A denuncia feita por Esquerda Unida se ampara nun informe elaborado pola Secretaría do Concello, que nese documento di de xeito literal:

... unha vez cumpridos todos os trámites para a extinción da concesión esta se extingue, incluído o aparcamento anterior, non obstante e mentres non se inicien as obras se poderá formalizar un contrato, non de concesión, pero sí de arrendamento en base a razóns de interese público co actual concesionario.

Contrato que cómpre dicilo na actualidade non existe, de xeito que a situación actual do aparcadoiro carece de amparo legal algún.

Esquerda Unida denuncia entón a situación de irregularidade na que se atopa a día de hoxe o aparcadoiro da Praza de Armas, sen contrato algún e cunha situación de facto que semella inaceptable. Tras pagarlle ao concesionario o rescate da concesión, o Goberno Municipal está a consentir esta situación, e a permitir que o antigo concesionario continúe a enriquecerse a costa da cidadanía.

A nosa organización entende inaceptable o tratamento que o xornal da Voz de Galicia lle procura á denuncia feita polo Grupo Municipal de Esquerda Unida, tratamento informativo no que se acusa á nosa organización de manipular o informe público elaborado pola Secretaría do Concello. O xornal di literalmente:

IU rompe su acercamiento al PSOE y manipula un informe técnico para criticar el proyecto de Armas

O tratamento difamatorio da Voz de Galicia obríganos a adoptar cantas medidas sexan necesarias para restaurar un tratamento obxectivo e veraz da noticia descuberta por Esquerda Unida. A nosa organización non vai deixar de facer notar de tódalas maneiras posibles que non se pode vulnerar a deontoloxía profesional de xeito impune como ten acontecido neste caso.

Nin se rompeu nada, nin por suposto houbo manipulación algunha do Informe elaborado pola Secretaría do Concello; informe onde queda recollido de xeito claro que non hai contrato vixente e que hai que formalizar un, como non deixa de aceptar nas súas declaracións o concelleiro de Facenda cando anuncia que o contrato que se vai facer será con carácter retroactivo.

Esquerda Unida fai un chamamento á cidadanía para que exprese a súa repulsa a un xeito de entender o xornalismo envilecedor e que conculca os principios de obxectividade e veracidade. Unha sociedade democrática necesita dun xornalismo afincado neses principios de obxectividade e veracidade, principios que basean todo quefacer ético.

Comunicación do Consello Local de EU Asdo. Ricardo Ledo Suárez Secretario de Organización do Consello Local
________________

Esquerda Unida e o Convenio con Defensa

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
26 de Marzo de 2009 12:40


Prezad@s compañeir@s: achégase no arquivo nota de prensa sobre a renegociación do convenio con defensa para gañar Monteventoso.
Grazas pola difusión.
Un saúdo, Ramiro Marier

Ferrol, xoves 26 de marzo de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DEMANDA A RENEGOCIACIÓN DO CONVENIO DE DEFENSA PARA ENGADIR MONTEVENTOSO
  • MONTEVENTOSO É UNHA OPORTUNIDADE PARA ESTA CIDADE E O MINISTERIO NON O PODE REDUCIR A MERO NEGOCIO
O grupo Municipal de Esquerda Unida reclama do Goberno Municipal unha iniciativa decidida do Goberno Municipal que permita a renegociación do convenio de defensa para incorporar a parcela de Monteventoso. A nosa postura de sempre é realizar unha negociación en pé de igualdade, ambiciosa, que permita recuperar os espazos públicos que supoñen unha riqueza para a cidade e unha oportunidade para mellorar a nosa calidade de vida e prestación de servizos públicos para a cidadanía.

Esquerda Unida entende inaceptable o comportamento do Ministerio – e censurable a pasividade do Goberno Municipal –, que apenas pretende outra cousa que facer negocio, gañar cartos, coa parcela de Monteventoso.

A Voceira do Grupo Municipal de EU, Yolanda Díaz, en congruencia co defendido xa cando Esquerda Unida estivo no Goberno, vai soster a xustiza e interese de gañar nesa renegociación o espazo de Monteventoso, o cal é unha oportunidade para esta cidade, xenerosa dabondo con Defensa, como para que a cobiza do Ministerio e a resignación do Goberno Municipal nos impida conquerila de xeito gratuíto, toda vez que Defensa non a necesita.

Esquerda Unida chama á unidade de todas as forzas políticas da cidade para manter unha posición de forza nas negociacións para que este espazo retorne á propiedade municipal.

A nosa organización sí entende que por outra banda o Goberno Municipal ten que axilizar os trámites que lle cómpre facer para que o devandito convenio entre en vigor, caso do PERI do Sánchez Aguilera.
________________

venres, marzo 06, 2009

EU sobre a Praza de España e negociaicón orzamentaria

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de março de 2009 14:33


Estimad@s compañeir@s: vanvos dúas notas en relación a Praza de España e a negociación orzamentaria.
Un saúdo, Ramiro Marier

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA ENTENDE URXENTE RETOMAR A NEGOCIACIÓN SOBRE OS VINDEIROS ORZAMENTOS
YOLANDA DÍAZ RECLAMA FACER DOS ORZAMENTOS UNHA FERRAMENTA DE BENESTAR E COHESIÓN SOCIAIS AO SERVIZO DA CIDADANÍA

O Grupo Municipal de Esquerda Unida considera indispensable e urxente retomar as negociacións orzamentarias para conquerir que a nosa cidade non perda a oportunidade de acadar uns orzamentos ambiciosos no eido social, na participación cidadá e no que atinxe aos investimentos.

En reiteradas ocasións ao longo destes meses o Grupo Municipal de EU ten comunicado de xeito público a necesidade de non paralisar a negociación orzamentaria en atención o valor central que posúen os orzamentos como ferramenta para o desenvolvemento das políticas públicas xeradoras de emprego e prestatarias de servizos públicos. Aínda o 16 de febreiro, rexistrouse un escrito dirixido á concellería de facenda notando esta relevancia e urxencia.

Esquerda Unida mantén unha total disposición a acadar un acordo co PSdG-PSOE que permita recualificar os orzamentos e convertelos nesa ferramenta para gañar benestar e cohesión sociais para a cidadanía que está a reclamar Yolanda Díaz, Voceira do Grupo Municipal.

Nese sentido, Esquerda Unida entende que a emenda á totalidade presentada contempla aspectos fundamentais no eido da dotación orzamentaria para desenvolver a primeira experiencia de orzamentos participativos, para atender as necesidades específicas da zona rural, para acadar un volume significativo dos investimentos e a súa priorización para poder recuperar sobranceiros espazos públicos, ou para xerar emprego estable e con dereitos no eido dos servizos públicos de benestar social dependentes do concello; sen esquecer a relevancia das nosas achegas no que atinxe o capítulo I do orzamento, en materia de persoal.

Cabe destacar que acadar un acordo entre as forzas progresistas e de esquerdas da cidade cobra importancia diante do acceso ao poder na Xunta de Galicia da expresión política da dereita, do PP. Xa que logo, o noso Grupo Municipal insta ao Goberno Municipal a retomar as negociacións que permitan acadar un orzamento social e inversor para este exercicio.


Yolanda Díaz Pérez, na súa condición de Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida, en relación ao proxecto para o subsolo da Praza de España manifesta o seguinte:

A Praza de España , a súa configuración final, é un problema herdado de dous mandatos atrás e o cal pola súa relevancia e urxencia urxe que a actual Corporación lle dea unha resposta pública e pronta. Herdanza na que Esquerda Unida quere subliñar que non ten ningunha responsabilidade.

A Praza de España amosa un exemplo flagrante do peor urbanismo, o xurdido da improvisación e que supuxo para a nosa cidade un serio atranco ao inutilizar un espazo público de enorme relevancia asemade das complicacións derivadas para o tráfico viario.

Herdanza problemática mais resoluble. Esquerda Unida xa manifestou en reiteradas ocasións a súa vontade de acadar unha solución de compromiso que sen satisfacer o cento por cento a ninguén sirva para arranxar unha problemática que lastra o desenvolvemento da cidade e gravita pesadamente sobre a propia imaxe da cidade na nosa cidadanía.

Esquerda Unida quere manifestar a súa satisfacción xa que se acadou – no tempo do goberno conxunto co PSdG-PSOE – o compromiso de que non habería en superficie ningunha construción consonte os compromisos programáticos contraídos nas pasadas eleccións municipais.

Esquerda Unida entende que é indispensable resolver con celeridade a configuración de futuro da Praza de España. Nolo demanda a todos os Grupos Políticos a cidadanía, nolo demanda o benestar da cidade de Ferrol. Demandas que pesan na determinación de Esquerda Unida para contribuír de xeito decisivo a arranxar esta problemática.

O proxecto presentado non é – e queremos subliñalo – o de Esquerda Unida, mais a nosa determinación de exercer unha acción política pegada aos intereses xerais da cidadanía, das cidadás e cidadáns críticos e lúcidos que nos entregaron a súa confianza leva ao noso Grupo Municipal a estra en disposición de respaldar un proxecto que alomenos conteña as seguintes características:
  • I.- Consideramos ínfimo o canon da concesión e, xa que logo, interesamos que alomenos se incremente nun 10% a aboar en anualidades nas que se incremente segundo a taxa de inflación para evitar a desvalorización do importe do canon.
  • II.- Como xa manifestamos en reiteradas ocasións entendemos que as instalacións deportivas do subsolo teñen que estar o dispor de toda a cidadanía, sen que valan tratos preferenciais para entidades e asociacións, as cales xa contan con outras instalacións onde se dispensa ese tratamento.
  • III.- Semella necesario que o emprego que se xere sexa estable e con dereitos.

Ferrol, 6 de marzo de 2009

Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Voceira do Grupo Municipal de EU
_________

EU sobre o día da Muller Traballadora

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de março de 2009 14:25



Prezad@s compañeir@s: achégovos nota de prensa en relación co Día Internacional da Muller Traballadora. Grazas pola vosa atención. Un saúdo, Ramiro

Ferrol, venres 6 de marzo de 2009

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA CHAMA A PARTICIPACIÓN DAS FERROLÁS E FERROLÁNS NA MANIFESTACIÓN POLO DÍA MUNDIAL DA MULLER TRABALLADORA
SARI ALABAU RECLAMOU O PROTAGONISMO DAS MULLERES PARA CONQUERIR O AVANCE CARA A IGUALDADE REAL

A concelleira de Esquerda Unida, Sari Alabau,responsable comarcal de Esquerda Unida, diante da celebración o vindeiro 8 de marzo do Día Mundial da Muller Traballadora, quere facer un chamamento no nome de Esquerda Unida ás mulleres da bisbarra e a cidadanía ferrolán para participar na manifestación que organiza a Marcha Mundial de Mulleres co gallo da devandita celebración, o vindeiro domingo ao mediodía.

Esquerda Unida reclama diante desta data a loita polos plenos dereitos para conquerir a plena igualdade.

Sari Alabau reclamou unha decidida acción para gañar o empoderamento, esto é, a alteración radical dos procesos e estruturas que reproducen a posición subordinada das mulleres como xénero. Conquerir que as mulleres sexan as protagonistas do seu devir.

A actual crise derivada da bancarrota das políticas económicas neoliberais da globalización capitalista ameaza en particular os colectivos máis febles na súa inserción sociolaboral: as mulleres: Crise no mercado laboral e desmantelamento dos servizos públicos a o través da falla de orzamento e das privatizacións supón unha agresión sobre as mulleres e as políticas integrais a prol da igualdade de xénero.

As cifras que temos no noso país acerca de maiores taxas de dsemprego e precariedade ademáis dunha diferenza media salarial a igual traballo e categoría que se mantén entre o 20-30% respecto dos seus compañeiros dan conta do longo traballo que resta por conquerir no ámbito da produción para achegarmos á igualdade. Un plan de emprego que atenda de xeito específico a problemática de xénero semella indispensable para enfrontar esta situación.

O afortalamento dos servizos públicos ( das escolas infantís até o desenvolvemento con carácter público das previsións recollidas na lei da dependencia ) supón un requisito para superar a dobre carga que recae sobre as mulleres para atender as tarefas vencelladas o eido reproductivo.

Queremos salientar a necesidade de garantir no proceso de reforma da lei do aborto unha lei que protexa o dereito das mulleres a decidir, xunto coa total despenalización do aborto e a creación dun amplo marco lexislativo que garanta os dereitos reprodutivos e sexuais das mulleres no ámbito da sanidade pública.
_________

venres, febreiro 27, 2009

Esquerda Unida sobre Consello Sectorial de Turismo

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
27 de Fevereiro de 2009 12:00


Estimad@s compañeir@s: achégase no arquivo nota de prensa. Grazas pola atención. Un saúdo, Ramiro Marier

Ferrol, venres 27 de febreiro de 2009
  • O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA DO GOBERNO MUNICIPAL A CONVOCATORIA DO CONSELLO SECTORIAL DE TURISMO
  • A VOCEIRA DO GRUPO MUNICIPAL DENUNCIA A PARÁLISE QUE SOFRE A POSTA EN FUNCIONAMENTO DA EMPRESA MUNICIPAL DE TURISMO
O Grupo Municipal de EU reclama do Goberno Municipal a convocatoria do Consello Sectorial de Turismo, ferramenta creada en marzo do ano pasado pola anterior responsable da concellería como instrumento de participación cidadá, dos axentes sociais e económicos para a proposta, consulta, seguimento e información.

O Grupo Municipal Esquerda Unida estima que o Consello Sectorial de Turismo ten que xogar un papel animador neste eido, ao través das súas achegas en forma de estudos, propostas e suxestións.

Xunto a elo o Grupo Municipal manifesta a súa preocupación polo atraso que acumula a posta en funcionamento da empresa municipal de turismo, dende a expulsión dos edís de EU do Goberno Municipal. Non cabe cualificar senón dun fondo desinterese a xestión destes meses no eido turístico polo que toca ao Goberno Municipal, subliñou a Voceira do Grupo Municipal de Esquerda Unida.

Yolanda Díaz reclamou atención, recursos económicos e vontade política para desenvolver unha acción pública, en colaboración co sector privado, que mellore a estratexia turística da nosa cidade e os produtos turísticos asociados a ela.

Yolanda Díaz fixo fincapé no valor como elemento motriz de dinamización económica, e fonte de emprego que pode representar o turismo para a nosa cidade e polo tanto o Goberno Municipal ten que aprtoveitar para o ben xeral da cidade esta oportunidade.
________________

xoves, febreiro 19, 2009

Denuncian os atrasos nos pagamentos dos salarios que se están a producir con respecto ao personal que atende os comedores escolares públicos

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org 18 de fevereiro de 2009 13:41
Prezad@s compañeir@s: vaivos no arquivo un comunicado de prensa do Consello Local de Esquerda Unida acerca dos comedores escolares. Grazas pola atención. Un saúdo, Ramiro Marier

Ferrol, mércores 18 de febreiro de 2009

O CONSELLO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA OS ATRASOS NOS PAGAMENTOS DOS SALARIOS DAS TRABALLADORAS DOS COMEDORES ESCOLARES PÚBLICOS

ESQUERDA UNIDA ENTENDE QUE É NECESARIO UNHA MELLORA SUSTANCIAL DO CONVENIO VIXENTE NO QUE ATINXE A HORARIOS E REMUNERACIÓNS

O Consello local de EU quere denunciar os atrasos nos pagamentos dos salarios que se están a producir con respecto ás traballadores e traballadores e monitores dos comedores escolares públicos, e monitores de actividades extraescolares, nunha situación que reproduce a que aconteceu no remate do ano pasado e que semella inadmisible.

Esquerda Unida lembra a importante tarefa social que cumpren as traballadoras dos comedores e máis os monitores escolares e os monitores das actividades extraescolares. O ensino público precisa dunha oferta de servizos complementarios que a faga atractiva para atender as necesidades sociais de hoxendía. As condicións nas que as e os traballadores prestan o servizo afectan á calidade do mesmo e, xa que logo, teñen que ser especialmente coidadas polos responsables públicos do servizo.

Para o Consello local supón unha situación en extremo preocupante e que nos leva a reclamar unha actuación inmediata do Goberno Municipal que permita aboar os salarios e garantir que non se repitan os atrasos.

O Consello Local demanda tamén do Goberno Municipal unha revisión das condicións laborais das traballadoras, no canto de conquerir unha mellora dos horarios laborais e das retribucións, circunstancias ambas manifestamente mellorables.
____________