Amosando publicacións coa etiqueta Ría de Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ría de Ferrol. Amosar todas as publicacións

domingo, marzo 21, 2021

Néstor Rego propón un Plan Industrial para os estaleiros de Ferrol - O BNG aposta por diversificar a actividade dos estaleiros coa eólica mariña flotante pero mantendo sempre a construción naval, incluída a civil, e exixe maior implicación das administracións a través dun calendario e investimento específico



O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar na cámara estatal unha Proposición Non de Lei para a creación dun Plan Industrial para a comarca de Ferrol. A través da creación dunha Mesa que promocione e diversifique a actividade dos estaleiros da ría de Ferrol, a formación nacionalista reclama eliminar todas as trabas e restricións actuais que impiden a construción naval civil en Ferrol, co obxectivo de que se permita traballar a Navantia e haxa unha implicación maior por parte das administracións.

O Plan Industrial que precisa a comarca de Ferrol é “unha promesa incumprida dos distintos gobernos do Estado español” segundo sinala o deputado nacionalista. “Mais é simple: débese permitir que Navantia poida traballar eliminando as restricións actuais e aproveitando todos os segmentos da actividade que potencialmente poida concorrer nas instalacións da ría de Ferrol” afirma Rego.

Por este motivo, o BNG presentou no Congreso unha iniciativa para asegurar o futuro da comarca de Ferrolterra. “Hai que facilitar a participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia e constituír unha mesa de ámbito galego para a promoción e diversificación de actividades nos estaleiros da ría” expón o deputado do BNG. Posibilidade prevista tanto no artigo 55 do Estatuto de Autonomía da Galiza coma no artigo 4 da Lei de Fomento do Sector Naval.

A organización nacionalista reivindica potenciar a participación de Navantia ría de Ferrol no sector da eólica mariña flotante “con recursos propios ou manténdose, cando for posíbel, como socia maioritaria nas UTE con Windar ou con calquera outra empresa ou sociedade. Así mesmo, Néstor Rego incide na necesidade de dotar a fabrica de turbinas de dirección e recursos propios para a definición de novos produtos destinados ao sector das enerxías renovábeis, en xeral, e para fomentar a súa introdución e participación nos contratos da eólica mariña, en particular”.

Alén do mais, exixen introducir na fábrica de turbinas naqueles segmentos de actividade “relacionados con novos modelos sustentábeis de mobilidade marítima” así como promover e procurar “colaboracións con centros de investigación ou empresas que fosen precisas”.

Por outra banda, Rego explica que na proposta tamén se recolle a necesidade de “concretar un plan de investimentos destinado a modernización das infraestruturas, talleres de prefabricado, diques de nova construción ou para a súa posíbel reparación”. Coa mellora das instalacións poderase atender tarefas de reparacións mentres se ten en marcha unha encarga dun novo buque, o que é imposíbel co dique actual. Na actualidade Navantia só conta cun dique que poida acoller buques de grandes dimensións, polo que o estaleiro vese obrigado a renunciar a contratos por falta de dispoñibilidade, unha media de 5 buques por ano durante os últimos 10 anos. Neste sentido, “acometer as obras para un novo dique seco específico para reparacións sería importante non só para atender a demanda xa existente, senón para poder aspirar a novos mercados por tipoloxía de buques, así como para compatibilizar eses traballos cos das grandes transformacións, e non desatender outros potenciais clientes durante todo o tempo en que se manteña a ocupación do dique”.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Ferrolterra | Web.


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
21 de março de 2021 08:43

_______

sábado, xaneiro 23, 2021

BNG presenta o proxecto de Recuperación Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 millóns de euros, un proxecto de país, de 1.096 millóns de euros de orzamento, con cargo aos fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur - Vídeo


Ana Pontón: “É un proxecto de país, con cargo os fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur

✔ Levará a proposta á Comisión parlamentaria de reactivación para obter o respaldo dos outros grupos da Cámara.

✔ Inclúe medidas en materia ambiental, no ámbito da investigación científica e para a dixitalización, comercialización e transformación do sector do mar.

O BNG presenta o Proxecto de Recuperación Produtiva das Rías Galegas. É un proxecto de país, de 1.096 millóns de euros de orzamento, con cargo aos fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur.



[FONDOS NEXT GENERATION]

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou na Coruña o Proxecto de Rexeneración Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 M€, como proposta para ser financiada con cargo aos fondos de recuperación europeos. A líder do BNG salientou que se trataba “dun proxecto de país que beneficia de cheo á economía real, a un sector produtivo estratéxico e de enorme repercusión en termos de empregos e de cohesión social de norte a sur”.

A proposta ten como obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, e recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambiental, investigación científica e dixitalización, comercialización, e transformación do sector produtivo derivado das rías, explicou Pontón, quen avanzou que trasladará a proposta á Comisión parlamentaria de reactivación económica e social, para recabar o apoio das outras forzas políticas.

Trátase, indicou, dun proxecto en consonancia coas políticas definidas pola UE para obter fondos de recuperación. En concreto, encaixa en tres liñas prioritarias para acceder ás axudas: conservación e restauración de ecosistemas e da súa diversidade; preservación do espazo litoral e dos recursos hídricos e transformación e dixitalización da cadea loxística do sistema agroalimentario e pesqueiro.

O obxectivo é conseguir a recuperación ambiental integral e produtiva das rías para crear riqueza e emprego de calidade no complexo mar-industria. Todo acompañado da investigación científica oportuna e da transformación, dixitalización e comercialización da actividade marisqueira, e desde a colaboración público-privada”, explicou Pontón.

O Next Generation supón para o Estado 72.000 M€ a fondo perdido e a posición do BNG articúlase en tres premisas: Galiza debe recibir un mínimo de 12.600 M€ deses fondos, a xestión directa dos mesmos e que as axudas cheguen aos sectores máis impactados, ao tecido empresarial de pequenas e medianas empresas que sustentan o emprego e non ás multinacionais do IBEX.

As medidas no ámbito da recuperación ambiental supoñen o groso do investimento, pois absorben 950 M€ do total, e inclúen actuacións para suprimir todas as zonas C, aquelas nas que a contaminación impide o consumo do produto. Ademais, medidas para completar e modernizar a rede de saneamento en todos os concellos a carón das rías, esixencia que tamén deben cumprir as industrias.

Trátase de evitar que chegue ao mar ningún tipo de contaminación biolóxica, química ou física. Lamentablemente, as 18 rías galegas, toda e cada unha delas, precisa de actuacións en materia de saneamento, en maior ou menor medida”, salientou.

Tamén se inclúe recuperar os espazos danados por obras públicas, en particular de infraestruturas portuarias, viarias ou industrias en desuso; a rexeneración dos fondos a través das necesarias dragaxes adaptadas a cada caso, e o control dos ríos como principal fonte de auga doce e de nutrientes esenciais para a produtividade marisqueira.

Consorcio de investigación

A investigación científica é a segunda pata do proxecto cun investimento de 59 M€ , pois é a base para rexenerar e incrementar a produción das rías. Entre as medidas incluídas, a creación dun consorcio que coordine todos os centros de investigación relacionados co sector para dispoñer do maior complexo científico e tecnolóxico europeo de estudo e coñecemento do mar.

Igualmente, proxectos para a recuperación das zonas improdutivas ou de baixo rendemento, plans de explotación, crear bancos de semente autóctona para bivalvos a modo de granxas de produción de semente, desenvolvidas por un ente mixto conformado polo sector e pola Xunta. A investigación tamén pasa por un proxecto de control de doenzas e de especies invasoras así como pola reciclaxe e aproveitamento dos refugallos de bivalvos.

Sociedade público-privada para a comercialización

En relación á dixitalización, transformación e comercialización, o proxecto propón unha sociedade público-privada para a promoción e comercialización que poña en valor o produto das rías, -marisco, peixe fresco, conserva e produtos transformados-, tanto dentro como fora do país. Tamén, unificar as lonxas, ampliar mercados e a posibilidade da venda directa. Para estas medidas o proxecto suma un investimento de 29 M€.

Presentamos un proxecto esencial para Galiza que permitirá aproveitar os fondos europeos para a reactivación económica e social, un proxecto capaz de contribuír a saír da crise da COVID, revalorizando a nosa riqueza produtiva nun para xerar emprego nun sector estratéxico”, concluíu, nun acto no que tamén interveu o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e coa presenza da deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, do deputado Nestor Rego, e da portavoz parlamentaria de pesca, Rosana Pérez.

Enlace ao documento: Proxecto para a Recuperación Produtiva das Rías Galegas. | 12 páxinas en formato pdf.  | Acceder/Baixar.

https://www.bng.gal/

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: sedenacional@bng.gal
Teléfono: 981555850
Sigue ao BNG polo WhatsApp.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
22 de janeiro de 2021 17:47

_______

venres, outubro 23, 2020

Un novo buque gaseiro, o Christophe de Margerie LNG Tanker, está atracado en Punta Promontoiro, descargando o GNL no despropósito gasista de Reganosa, aumentando de xeito exponencial a xa de por si perigosidade da Planta de Gas, localizada no interior da Ría de Ferrol, no concello de Mugardos - Unha regasificadora que ten anulados os permisos de funcionamento e construción, por cinco sentenzas firmes do Tribunal Supremo


Onte mércores 22 de outubro de 2020, arribou a Ferrol o buque "Christophe de Margerie LNG Tanker". Agora está atracado no porto de Punta Promontoiro (Mugardos), dentro da Ría. Un  buque gaseiro construído en 2016 e navegando baixo a bandeira de Chipre, con miles de toneladas de gas natural licuado (pois ten unha capacidade de carga de 172.600 metros cúbicos de gas líquido), para a perigosa e ilegal Reganosa. Un buque de grande porte con 299 metros de eslora, por 50 de manga e un calado de 11,8 metros. Mentres se produza a descarga, perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna.

Sistema de vaporización do gas e calidade das augas da Ría

No procedemento de conversión de liquido a gas, para entrar no sistema de gasodutos da península, Reganosa utiliza vaporizadores que funcionan con miles de toneladas de auga do mar que sae arrefriada ate aproximar-se a uns 5°C [Ao baixar a temperatura da auga de mar (-4°C en 2017, -4,10°C en 2018 e -4,60°C en 2019 - segundo datos da propia Reganosa) xera o maior impacto ambiental do proceso, alterando o equilibrio ecolóxico das augas mariñas costeras, ademais da morte inmediata de calquera ser vivo que sexa succionado polas bombas] e con residuos de hipocloritos (0,033 mg/l en 2017, -0,022 mg/l en 2018 e 0,027 mg/l en 2019 - segundo datos da propia Reganosa) que se utilizan para inhibir o crecemento biolóxico no sistema no procedemento de vaporización, dunha capacidade de ate 480 t/hora (3 X 160t/hora de GN), producindo unha alta cantidade de intercambio de enerxía que require o vaporizador que é bastante alta, polo que precisa grandes cantidades e fluxos de auga de mar (millóns de m3: 29.042.650 en 2017, 29.370.211 en 2018 e 32.852.917 en 2019 - segundo datos da propia Reganosa), influíndo de xeito crítico nas condicións medio ambientais da Ría. O que con toda probabilidade, é un dos factores medioambientais que están deteriorando os bancos marisqueiros da Ría, ao ter aumentado de xeito significado o transporte e licuación de gas (LNG - GNL) na regasificadora de Mugardos, dado o aumento da produción, de enerxía eléctrica, dos ciclos combinados (Auga/Gas) de As Pontes e Sabón, en substitución da térmica de carbón, de As Pontes, que apenas funciona e a de Meirama que xa pechou. As cofradias de pescadores da Ría deberían de fixar-se neste problema medio ambiental que noutrora tiñan presente.

Cinco Sentenzas do Tribunal Supremo

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando unha vez máis a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas e contribúe ao deterioro da Ría, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa, e está última ditada en xullo do pasado ano, onde tumba a resolución do anterior Goberno Español de Mariano Rajoy, dun partido corrupto até o espiñazo, que eximiu a Reganosa de ter que someter-se a avaliación ambiental, intentando chulear deste xeito as sentenzas condenatorias que declaran ilegal, á perigosa planta regasificadora.

A sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019, anulou o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos [Sentenza].

Mais en Arxentina unha resolución xudicial federal clausura, de xeito preventivo, a regasificadora de Escobar

A regasificadora flotante de Escobar, na provincia de Bos Aires, foi clausurada de xeito preventivo, o pasado 16 de outubro, por resolución xudicial do Xulgado Federal de Campana que ordenou, o venres 16 de outubro, a clausura da terminal, onde esta localizado o buque regasificador de Gas Natural Licuado: "Polo grave perigo para a vida da cidadanía, a Xustiza Federal ordenou a clausura urxente do Porto Regasificador de Escobar, porque nunca debeu instalarse nese lugar de acordo ao estudo pericial, fai máis de 9 anos que a sociedade vive en risco permanente".

Apoios políticos, económico e mediáticos

A pesares de se demostrar a ilegalidade e a mentira coa que se construíu a planta de Reganosa, esta segue contando cos apoios económicos, políticos e mediáticos que fan que poda funcionar sen os permisos e licenzas necesarios, mesmo sen o permiso de construción, prolongando-se no tempo esta provisionalidade, mais sen perder tempo nunha campaña mediática e política, de busca de apoios institucionais, intentando facer ver o "imprescindíbel da planta regasificadora", para unha comarca en crise permanente. Un despropósito que se apoia nas miserias que nos fan padecer nunha comarca en declive industrial e socioeconómico, para que admitamos o "inevitábel deterioro da nosa Ría", a corrupción e o potencial perigo de vivir con unha enorme planta de gas coa potencial capacidade explosiva de varias bombas atómicas como as que se lanzaron en Hiroshima e Nagasaki.
---
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_______________

venres, marzo 13, 2020

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, denuncia graves incumprimentos por parte de Reganosa que incrementan a ameaza permanente contra a vida das persoas na Ría de Ferrol


O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, denuncia graves incumprimentos por parte de Reganosa que incrementan a ameaza permanente contra a vida das persoas na Ría de Ferrol

Una vez máis, o Comité Cidadán de Emerxencia, denuncia ante a Dirección Xeral da Mariña Mercante o incumprimento da normativa por parte de REGANOSA que incrementa a ameaza permanente contra a Vida das persoas na Ría de Ferrol.

O 29 de Febreiro o gaseiro Yamal Spirit entrou na ría con 3 remolcadores – cando son 4 os legalmente establecidos –e forza do vento 6, (22 a 27 KN), cando o legal é menos de 20 KN.

O día 2 de marzo, durante a descarga do gaseiro, o quimiqueiro "Imrikly" navegou a menos de 100 metros del, cando a normativa o prohibe a menos de 300 metros.


DENUNCIA

Á Dirección General de la Marina Mercante.

Rúa Ruiz de Alarcón, 28071 Madrid

Asunto: Nova Denuncia por incumprimento das Normas de Seguridade para gaseiros cargados con GNL (LNG) na Ría de Ferrol.

Referencia 1.-. Escrito desa Dilección Xeral de data 2 decembro de 2019, Nº rexistro 22360 do 04/12/2019.

Referencia 2.- O noso escrito de contestación do 23 decembro de 2019.

Manuel Ángel Rodríguez Carballeira, con DNI Nº **********, con domicilio a efectos de notificaciones en ********** (A Coruña), en nome e representación da "ASOCIACIÓN CULTURAL FUCO BUXÁN" co número de NIF **********,  e Luz Marina Torrente Lopez, con DNI Nº ********** e domicilio a efectos de notificaciones en, ********** (A Coruña), en nome e representación da "PLATAFORMA DE VECIÑOS CRUCEIRO DE MEHA (MUGARDOS)" co número de CIF **********, integradas no COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL poñen en coñecemento desa Dirección Xeral:

Que aínda non se recibiu contestación ao escrito da referencia 2, malia transcorrer máis de 2 meses e medio desde o seu envío.

Como confirmación da reiterada transgresión que vimos denunciando das Normas de Seguridade para a entrada, atraque, de atraque e saída de buques gaseiros cargados, por parte da Capitanía Marítima e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Ciprian, informámoslle o seguinte:

1.- En data 29 de febreiro de 2020, sobre as 18:22 inicia a manobra de entrada á canle de entrada a ría de Ferrol o LNG tanquer "Yamal Spirit", asistido polos remolcadores "Hocho", "Ramón Casas" e o "Ibaizabal Cinco". En Anexo 1, Achégase pantalla de Marine Traficc. Nese momento, as condicións de vento (segundo datos de Marine taficc para o gaseiro e os remolcadores na zona) eran forza 6 (22 a 27 KN) e mar de fondo de 4 m. As normas limitan a entrada para un límite de vento igual ou inferior a 20 KN e olas de 4 m. Estarían excedendo o límite de vento.

2.- O "Yamal Spirit" ten 294 m de eslora. Segundo as normas "Os buques de eslora comprendida entre 250 metros e 315 metros realizarán as manobras de entrada e saída da ría con catro remolcadores". Incumprinron este punto e máis irresponsábel xa que tamén estaban excedendo os límites de vento e na fronteira do de mar de fondo.

3.- Por si isto non fose suficiente, ao amencer do día 2 de marzo, o quimiqueiro Imrikly" dirixíase á estación desgasificadora de Forestal do Atlántico, que ten o peirao a continuación do de gaseiros. No transcurso da manobra navegou a menos de 100 m do costado de estribor do gasero Yamal Spirit". En Anexo 2 achégase captura de Marine Trafic. Nela, tendo en conta que a eslora do quimiquero é de tan só 105 m, pódese concluír que navegou a uns 100 m de distancia do gaseiro. Esta manobra está estritamente prohibida polas normas de navegación de gaseiros.

Para máis risco, nese momento había vento do Leste de forza 5 a 6, que podería achegar o quimiqueiro ao gasero, si coincide a racha co seu paso polo costado.

4.- As Normas de Seguridade para a entrada, atraque, de atraque e saída de buques gaseiros desenvolvéronse a partir do informe nº H3935 realizado por Marin-Delf Hydraulics do ano 2003, Punto-7 "Procedementos náuticos, resumo e conclusións". Achegáronse copias do informe no noso escrito de referencia 2.

É evidente que este informe segue sendo válido porque é o que a mesma empresa Reganosa achega en agosto de 2019 ao proxecto de construción (Volume 8 de 8), sometido a exposición pública na Delegación do Goberno, no procedemento de solicitude de novas autorizacións (administrativa e de construción).

No Punto-3.3 do informe do Punto-1 concrétase a necesidade dunha zona de seguridade durante a descarga de 300 m, en base á distancia ao Límite Inflamable Inferior, medido desde o lado do peirao.

5.- O Punto-3.3 deste informe aclara, por si houbese dúbida, que "Se advírta tamén que o tráfico que se dirixe a Forestal debe gardar esta distancia de seguridade". E engade: "Debe advertirse que cando o transporte de GNL estea descargando débense deixar libres 300 metros cara a popa do barco, non se permite ningún buque no peirao". Isto implica que mentres un gaseiro está descargando, non pode atracar ningún barco no mesmo peirao, que comparte coa empresa Forestal.

6.- Este mesmo informe di sobre o remolcador en espera: "A función do remolcador en espera é dobre: primeiro, impedir que os buques que pasan colisionen co buque de GNL e, segundo, asistir ao o barco do peirao en caso de urxencia". Si a primeira función é impedir que os buques que pasen poidan chocar co gasero, necesariamente debe estar nas proximidades e sen fondear, coa máquina en marcha. Dificilmente pode evitar esta posibilidade de choque si ten que arrincar máquina (supoñendo que a tripulación está a bordo, dispoñíbel e de garda co radar durante as case 12 horas de duración da descarga), desamarrar e desprazarse desde o peirao de remolcadores (en Ferrol) ate o peirao de Reganosa (a unha distancia de 0,7 millas).

7.- A ausencia deste remolcador, que xa denunciabamos no noso escrito de referencia 2, é o que permite que calqueira buque poida achegarse a un gaseiro en descarga ou carga, sen que ninguén llo impida. Como ocorreu neste caso. Estar atracado no peirao de Ferrol, con motor parado e sen tripulación, non garante de ningún xeito esta tarefa.

8.- Convén recordar que, en caso de accidente, agravado por efecto dominó entre os dous barcos próximos, a poboación afectada nun radio de 2.000 metros (Mugardos, Seixo, Ferrol) é superior a 30.000 persoas.

Recentemente vivimos o caos xerado pola varada dun quimiquero descargado na ría de Ares. Varada quizá motivada por non solicitar a tempo o auxilio dun remolcador cando quedou sen propulsión no medio dunha tormenta.

No caso de que un buque choque cun gaseiro cargado, dentro da Ría de Ferrol, non queremos pensar o caos que se pode montar.

SOLICITAMOS: Que esa Dirección Xeral actúe contra estas actuacións ilegais, xa que en caso de non facelo será tan responsábel como os que interveñen directamente.

Ferrol, a 9 de Marzo, de 2020

ANEXO 1: Pantalla e datos do "Yamal Spirit".

ANEXO 2: Pantalla e datos do "Imrikly".
--
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
12 de março de 2020 11:08

__________

mércores, abril 24, 2019

En Xuvia nun acto conxunto do BNG de Neda e Narón, na ponte peonil do paseo que une as dúas beiras da Ría, as candidatas ás alcadías dos dous concellos, Cristina Bouza e Olaia Ledo, reclamaron os fondos necesarios para acometer melloras das condicións ambientais da contorna: saneamento, lipeza e rexeneración - E que a ponte do tren e da AP9 sexa unha


En Xuvia nun acto conxunto do BNG de Neda e o de Narón, foi ás 12 do mediodía, do pasado 21 de abril, na ponte peonil do paseo que une as dúas beiras da Ría.

Estivemos onde nace a ría de Ferrol, entre Narón e Neda porque desde as cortes queremos que nos teñan en conta nos orzamentos e que, como xa historicamente reclamamos desde o BNG, a ponte do tren e da AP9 sexa unha, limpemos a ría e poñámola en valor como interese propio que ten ser parte do camiño de Santiago e co patrimonio do Mosteiro do Couto, os muíños... e tamén vivir dela como fonte de marisqueo... Neda e Narón medraron coa ría e queremos volver mirar para ela, practicar deportes e enchela de vida

Reivindicamos unha ría limpa, unha ría que conte para os gobernos: polo que é e polo que foi, por ser parte do Camiño de Santiago, por ter clubes de piragüismo e remo, por ter xente que viviron e viven dela... queremos gozar e vivir dela e por iso queremos que o estado nos teña en conta. Para iso precisamos Voz, Voz Propia.

⏩ A nova no xornal comarcal 'Diario de Ferrol'. | "O BNG reivindicou onte na pasarela peatonal de Xuvia o valor da ría de Ferrol como motor económico da zona. As candidatas nacionalistas de Narón, Olaia Ledo, e Neda, Cristina Bouza, reclamaron das administracións os fondos necesarios para acometer melloras nas condicións ambientais da ría e potenciar así as posibilidades que ofrece a súa contorna natural. Fixérono colgando unha pancarta co lema: A nosa ría é vida. Queremos vivir e gozar dela". | Ir á Web.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Olaia Ledo Díaz (Candidata á Alcaldía de Narón). | Twitter | Facebook.

Cristina Bouza Bellón (Candidata á Alcaldía de Neda). Twitter | Facebook.

Narón | Web | Facebook | Twitter.

Neda | Web | Facebook | Twitter.

#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Narón
#Neda

BNG - Ferrolterra | Facebook | Twitter.
ferrolterra@bng.gal

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
24 de abril de 2019 15:48

__________

mércores, setembro 27, 2017

O ferrocarril ao porto exterior de Ferrol: necesario?, ... Por Alexandre Carrodeguas

O Partido Popular inaugura as obras do tren polo sur ao Porto Exterior de Ferrol,
a pesar da oposición veciñal e social ao malgasto e un novo atentado contra a Ría.

Por Alexandre Carrodeguas [*]
27.09.2017


A iniciativa de levar o tren ao porto exterior de Ferrol [1] non considera cuestións fundamentais, como é a ineficiente conexión ferroviaria entre Ferrol e o resto do territorio ou  a difícil competitividade futura da terminal de contedores. Estase vendendo fume para poder facer unha obra de 123 millóns de euros que, ademais de non servir para moito, tería un impacto ambiental inasumible.

Un dos argumentos máis repetidos para xustificar a necesidade do acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol é que non hai porto competitivo sen acceso ferroviario, argumento difícil de soster coñecendo, por exemplo, o caso de Alxeciras, o principal porto do Mediterráneo e o terceiro en tráfico de contedores de Europa:  aínda que conta con acceso ferroviario, a práctica totalidade do seu tráfico de contedores consiste no transbordo barco-barco.

Ademais, facer unha vía dende a Malata ata o porto exterior só serviría para mover os contedores dende Caneliñas ata a estación de Ferrol. Dende alí, tendo en conta as actuais condicións das vías de FEVE e Renfe, os contedores deberían ser transportados, como hoxe, por estrada aos seus destinos. De feito, a dársena interior do porto xa conta con acceso ferroviario que practicamente non se usa.

Esta eiva non se vai solucionar nin sequera a medio prazo: o Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda 2012-2024 só prevé o propio acceso ao Porto Exterior e a reposición, co actual trazado, da vía estreita entre Ferrol e Bilbao. Por outra banda un porto que mova contedores terra-mar e mar-terra precisa, para ser viable, que unha boa parte das mercadorías que mova sexan producidas e consumidas na propia área urbana inmediata. Algúns cifran esta parte nun 35% do total.

O porto de Ferrol está na periferia do sistema urbano da península. Outros portos atlánticos como  Xixón e Bilbao, ou Leixões e Sines en Portugal, ademais de estar mellor conectados co resto do mundo a través de liñas ferroviarias e aeroportos, están próximos a maiores  puntos de produción e consumo de mercadorías que o de Ferrol.  Mentres esto sexa así o porto de Ferrol sempre terá menos tráfico de contedores que o resto dos  portos atlánticos da península.

Outra cousa sería especializarse no transbordo barco-barco, como Algexiras, para o que, obviamente, non é necesario acceso ferroviario de ningunha clase.

As propias condicións da dársena tamén son un hándicap para que funcione o tráfico de contedores. A lámina de auga de Caneliñas non é moi estable, coincidindo cos refluxos de determinadas mareas. Isto é un problema pois as grúas  traballan con marxes duns poucos centímetros cando apiñan os contedores nos barcos.

Isto é unha desvantaxe competitiva en relación a outros portos como Sines, que non teñen este problema. Despois de todo, o porto exterior de Ferrol non foi ideado para acoller unha terminal de contedores, senón para unha planta de regasificación. Esa foi a súa orixe. Outra cousa é que agora se lle queira buscar outra utilidade.

Ademais, se o impacto ambiental e social da alternativa pola Malata é moi grande, o das outras alternativas é aínda maior: a afección á Fraga de Menáncaro, o volume de entullos xigantesco ou maior percorrido urbano, entre outros. Non é polo tanto lóxico que se defenda ningunha das alternativas polo seu menor impacto. Para a cidadanía de Ferrol non hai alternativa boa.

A isto xuntase o custo de oportunidade que supón non investir estes 123 millóns de euros de recursos públicos noutras necesidades, como poderían ser mellorar a conexión ferroviaria entre Ferrol e Coruña ou a rexeneración ambiental da Dársena da Malata, por exemplo.

Todo o antedito é suficiente para poñer en cuestión necesidade de contar cun acceso ferroviario a Caneliñas. Tamén explica que a solicitude de financiamento á Unión Europea, a través do programa “Conectar Europa”, fose denegada en base a “pobre relevancia das accións proxectadas”.

Cando se esaxeran os efectos que esta infraestrutura, se se construíse, chegaría a ter no emprego e na economía da bisbarra estase a enganar a cidadanía, para apoiar cegamente o negocio da súa construción con cartos públicos. Son as “megainfraestruturas” que non xeran beneficio social algún das que tanto nos fala o economista Naredo. E que unha vez construídas ninguén vai responder das expectativas creadas, nin dos estudos de viabilidade que xustificaron tanto malgasto. É necesario pois un amplo debate social sobre os custos e beneficios do acceso o porto exterior... Non hai alternativa boa.

Publicado no Diario de Ferrol o 26 de setembro de 2017.

Foto: Detalle modificado da foto de Galiciapress.

[1] As obras que se iniciaron en Ferrol,  son unha actuación que foi adxudicada á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Copasa, Ogmios e Geotunel, cun prazo de execución de 46 meses e un investimento de case 72,5 millóns de euros máis IVE. O trazado discorrerá maioritariamente baixo terra, a través dun túnel, e contará tamén cun viaduto na enseada da Malata.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol e da Plataforma pola Remunicipalización (Fonte: Ártabra 21).

Artigos de Alexandre carrodeguas en Ártabra 21| Ir á Web.

Artigos sobre o Porto Exterior en Ártabra 21 | Ir á web.

Artigos sobre o Tren a Caneliñas en Ártabra 21. | Ir á Web.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
26 de setembro de 2017 19:43

__________

Enlaces e documentación relacionada
:

Sitio da Plataforma Tren Polo Norte, formada por unha trintena de entidades que no 2010 presentaron alegacións ao trazado do porto exterior de Ferrol | Ir á Web.

O Porto Exterior de Ferrol no Plan de Ordenación do Litoral - POL (Xunta de Galicia). | Acceder/Baixar.

GeoTren - O acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | 16.Xaneiro.2014 | Ir á Web.

A Autoridade Portuaria licita as obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 16.Abril.2016 | Ir á Web.

Fomento adxudica a redacción do proxecto constructivo do acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 03.Xaneiro.2014. | Ir á Web.

__________________

venres, xuño 17, 2016

O saneamento da Ría de Ferrol entra en campaña electoral, da man do BNG - Nós Candidatura Galega, este sábado 18 de Xuño, ás 12 do mediodía no Cantón


Coa participación do parlamentario galego Francisco Jorquera e o concelleiro e Iván Rivas, o BNG - Nós Candidatura Galega, teñen programado un Acto público, con propostas para o saneamento da nosa ría. O Acto terá lugar o sábado 18 de Xuño, as 12 do mediodía na Praza da Constitución do Cantón.

http://paratervozpropia.gal/

Enviado por:
BNG
-bng@ferrol.es-
16 de junho de 2016 14:28
______________