Amosando publicacións coa etiqueta Sector Naval. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Sector Naval. Amosar todas as publicacións

domingo, marzo 01, 2020

Diante do conflito en Electro Rayma, CCOO Industria da comarca de Ferrol chama á constitución da Comisión Central Auxiliares Navantia


ELECTRO RAYMA e COMISIÓN CENTRAL DE AUXILIARES


CCOO Industria da comarca de Ferrol nos amosámonos totalmente en contra de que NAVANTIA lle quite traballo a ELECTRO RAYMA neste caso, como se fose a outra noutro caso, por carecer de motivos obxectivos respecto o AOR2.

Entendemos e compartimos a prioridade de realizar a carga de traballo en calidade e tempo, cualidade que identifica ao Estaleiro. Por iso agardamos que as noticias que se deslizan no sentido de quitar traballo se modulen e harmonicen pois esta empresa a día de hoxe chega aos fitos produtivos en tempo no AOR2, cunha previsión de mellora produto de comezar a traballar a tres quendas e co reforzo de persoal desprazado ao AOR1. Polo ben d@s traballadores/as de Rayma, que é o que a CCOO nos importa, agardamos tamén que Rayma mellore a súa xestión e argumente a súa planificación cara a Navantia.

Dende CCOO Industria da comarca de Ferrol apostamos polo emprego directo por parte de Navantia. E mentres a empresa segue con políticas de subcontratación descontrolada apostamos porque as empresas locais teñan a cualificación e a capacidade de dotarse de persoal, coas condicións dignas do Convenio do Metal de A Coruña complementas cos Acordos de Navantia incluídos en dito convenio firmado por CCOO.

A industria local revirte sempre en maior medida nesta comarca tan sacudida polas políticas desindustrializadoras lexisladas na reforma laboral do PP e coa Xunta de Galicia posta de perfil.

Así mesmo, dende CCOO Industria da comarca de Ferrol instamos a Navantia a que abra dunha vez a Comisión Central de Auxiliares que deriva da firma do Convenio de Navantia e en xaneiro se comprometeron a convocar canto antes. Seguimos agardando pero se non é convocada canto antes teremos que tomar medidas adecuadas ao calado do que nesa Comisión se ten que resolver para os planteis da Industria Auxiliar de Navantia.

Para a Industria Auxiliar a regulación das condicións laborais da Industria Auxiliar é primordial que se regule nas licitacións de Navantia o cumprimento do Convenio do Metal de A Coruña. Non poden poñerse de lado ante a competencia desleal baseada no convenio que vai a cumprir cada empresa, como poden ser os convenio de enxeñería, consultoría ou construción. Así como outros puntos que debemos abordar en dita Comisión.

Ferrol a 29 de febrero de 2020.



Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
29 de fevereiro de 2020 17:07

_______
Enlaces relacionados

Unión Comarcal de Ferrol:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/menu.do?O_teu_sindicato:Unions_Territoriais:Ferrol

SIndicato Nacional de CCOO de Galicia:
http://www.ccoo.gal/webgalicia/

Federación de Industria de CCOO:
http://www.industria.ccoo.es/Galicia

Confederación Sindical de Comisión Obreiras:
https://www.ccoo.es/










_________________________

xoves, xullo 18, 2019

Elinco confirmara a súa intención de aplicar un ERE de extinción para o todo cadro de persoal e ir á liquidación da empresa - Os traballadores de Elinco vítimas da política de contratación de Navantia demandan a subrogación de todo o persoal


Os traballadores de Elinco vítimas da política de contratación de Navantia de manda n a subrogación de todos postos de traballo.


O persoal instálase nas oficinas de Elinco para esixir o pago dos salarios e información sobre o futuro da empresa. | Ferrol - 15 Xullo 2019 | A compañía perdeu un contrato con Navantia polas débedas que ten coa Seguridade Social.

O persoal de Elinco concéntrase diante do Concello de Narón en demanda de solucións. | Narón - 16 Xullo 2019 | A empresa debe os salarios de xuño e a paga extra, acaba de presentar un ERE de extinción e ten problemas financeiros.

A dirección de Elinco confirma a súa intención de aplicar un ERE de extinción e liquidar a empresa. | Ferrol - 18 Xul 2019 | O persoal volveuse concentrar hoxe diante de Navantia para esixir garantías do pago dos salarios.

Fonte: Avantar.
________

xoves, abril 25, 2019

O BNG acompañou hoxe aos traballadores e traballadoras do naval na súa mobilización para reclamar carga de traballo - Iván Rivas, ao igual que Ramón Fernández ‘Mon’, insistiron na importancia de diversificar e apostar pola construción naval civil fronte á dependencia dos encargos militares


O BNG acompañou hoxe aos traballadores e traballadoras do naval na súa mobilización para reclamar carga de traballo


O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol acompañou hoxe aos traballadores e traballadoras da industria principal e auxiliar na súa mobilización para reclamar carga de traballo para os asteleiros da comarca.

O BNG quixo poñer de relevo a hipocresía das diferentes organizacións estatais que avalan plans industriais que implican un novo proceso de restructuración e xustifican o confinamento da construción naval pública ao nicho do sector militar. Para O BNG a visita pantasma no día de hoxe do candidato de Podemos non é máis cunha proba disto.

O candidato á alcaldía de Ferrol, Iván Rivas e o candidato nº3 ao Congreso pola provincia da Coruña, Ramón Fernández ‘Mon’, compareceron ante os medios antes de partir coa manifestación até a ponte das Pías para denunciar o desprezo e as mentiras que leva soportando o naval ferrolán nas últimas décadas. “A falta de carga de traballo é unha condea que levamos padecendo ao longo dos 40 últimos anos, sometidos a engano tras engano, constante e permanente. O último ten que ver cun plan industrial que vai a provocar un novo proceso de reestruturación no principal sector produtivo da cidade”, indicou Iván Rivas.

Unha reestructuración inminente. Xa se están a producir amortizacións de postos de traballo. Xente que está a saír prexubilada que non volverá á empresa mentres non hai prevista ningunha nova incorporación aos centros de Ferrol e Fene. “Puxéronnos a cenoira das F110 diante pra xustificar o desmantelamento do estaleiros en Ferrol a través dun Plan Industrial que como mínimo supón unha reducción do 25% do plantel avalado polo actual Alcalde, o candidato do PP o Sr. Rey Varela e o candidato do PSOE, o Sr. Angel Mato”, sinalou o candidato nacionalista.

Desde o BNG lembran que os acordos asinados pola empresa implican unha reposición xenérica como máximo do 75% dos postos e por tanto a empresa incorporará ao persoal que precise onde teña carga de traballo. É decir, amortizaremos postos de traballo en Ferrol que se recuperarán no Sur co aval das organizacións políticas na cidade. “É intolerable que se nos viñese aquí a vender a idea de que había que construír unhas corvetas para Arabia Saudí porque había que darlle carga de traballo a uns esteleiros que están absolutamente parados e que demostra que Cádiz conta con tres alcaldes: o de Cádiz, o alcalde de Ferrol e o ex alcalde de Ferrol, o señor Rey Varela, que tamén nos veu aquí a contar que era fundamental contratar as corvetas para Cádiz e que aquí non vamos a ver nin en pintura”, sentenciou o voceiro do BNG.

Rivas, ao igual que Fernández ‘Mon’, insistiron na importancia de diversificar e apostar pola construción naval civil fronte á dependencia dos encargos militares. “Se isto non se asume como un obxectivo prioritario, a única saída que ten esta comarca é quedar confinada a un gueto coma a construción militar e a verse convertida nunha especie de taller de reparacións e ao servizo do Ministerio de Defensa”, apuntou Rivas. “Deberiamos tomar nota do que está acontecendo no resto de Europa e apostar pola innovación, a investigación e o desenvolvemento, para competir sen restricións de carácter político”, engadiu Ramón Fernández ‘Mon’. “A sociedade galega, a sociedade da comarca de Ferrol, debe tomar nota. Veñen aí as eleccións xerais e nós precisamos como auga de maio ter representación política no congreso dos deputados para pesar alí onde se toman as decisións”, sentenciou o candidato ao Congreso.

Ferrol, 25 de abril, 2019.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.

#AgoraGaliza
#AgoraBNG

#Ferrol



Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
25 de abril de 2019 14:59
_______________

venres, febreiro 08, 2019

CIG-Industria esixe a execución inmediata dos contratos das fragatas e insta a Navantia a traballar polo contrato con Barreras - Fai un chamado a organizacións sindicais e políticas para pedir, de maneira unánime, carga de traballo.


CIG-Industria esixe a execución inmediata dos contratos das fragatas e insta a Navantia a traballar polo contrato con Barreras. | Fai un chamado a organizacións sindicais e políticas para pedir, de maneira unánime, carga de traballo.

A CIG-Industria quere chamar a atención sobre a situación nos estaleiros da ría de Ferrol diante do anuncio do atraso da execución dos contratos das fragatas españolas, a perda dun posíbel contrato para a construción en Fene do casco dun ferrie e as consecuencias do Plan Estratéxico para Navantia, recentemente aprobado. Dende a central sindical faise un chamamento ás organizacións políticas, sindicais e sociais da comarca para que de maneira unánime se esixa carga de traballo inmediata para os estaleiros da ría.

A Ministra de Defensa informaba durante a botadura do BAM que a execución e formalización dos contratos para as fragatas F-110 se ían atrasar cando menos, até o mes de abril ou maio, incumpríndose así as promesas feitas polo propio Goberno español "o que suporá atrasar o inicio das obras até o ano 2021".

A consecuencia deste atraso, advirte a CIG-Industria, "durante ano e medio, no mellor dos casos, non haberá practicamente carga de traballo nos estaleiros", coa destrución de emprego que isto implica para as industrias auxiliares. Por iso, dende a central sindical demándase que de inmediato se execute o contrato das fragatas "e se comece a falar máis de adiantar prazos que de atrasalos. Temos que volver pór o foco de atención no verdadeiro problema do sector: os contratos e a carga de traballo", subliña Ramón Fernández.

Transcendencia do posíbel contrato con Barreras

Neste contexto, xera especial alarma unha noticia como a aparecida esta semana, sobre a posíbel perda dun contrato para construción co casco dun ferrie a causa de diferenzas entre a dirección de Barreras e a dirección de Navantia. Unha actitude que a CIG-Industria considera "lamentábel" tendo en conta o oportuno dun traballo destas características, tanto por tratarse de construción naval civil como polo feito de que o mercado de ferries é o que máis auxe está tendo a nivel internacional.

"Sería unha irresponsabilidade deixar escapar este contrato e, dada a súa transcendencia, a dirección de Navantia debe facer un esforzo para resolver as diferenzas que poidan existir con Barreras e que a posibilidade de que Fene constrúa o casco deste barco sexa unha realidade. E chamamos tamén a todas as organizacións sindicais para que se sumen a esta esixencia", apunta Fernández.

Neste senso, a CIG-Industria teme a que esta falta de entendemento entre direccións de empresas, responda en realidade a estratexia política contemplada no Plan Estratéxico de Navantia, que determina distintos niveis de especialización dos estaleiros,  e que mantén as instalacións de Fene como un simple taller auxiliar de Ferrol.

Necesidade de crear un Complexo Integral da Construción Naval

Fronte a esta visión, a CIG continúa a defender a necesidade de camiñar cara un Complexo Integral da Construción Naval na ría de Ferrol, que abranga a construción civil, militar, offshore e de reparacións e que funcione como unha unidade territorial autónoma, con representación da Xunta de Galiza, tanto no capital social como no Consello de Administración.

A CIG-Industria reitera o chamado á organizacións políticas, sindicais e comités para facer unha fronte común para esixir do Goberno a execución inmediata dos contratos das fragatas, reclamar a Navantia que pelexe polo contrato do ferrie e que se redobren esforzos na procura de carga de traballo que garanta o emprego na empresa principal e nas industrias auxiliares, "porque o naval segue a ser o principal e único motor económico desta comarca".

Asemblea de delegados e delegadas do naval
Precisamente, a CIG-Industria celebrou esta mañá unha asemblea de delegados e delegadas do naval para avaliar a situación do sector, analizar a situación laboral nas auxiliares e deseñar a accións sindical a desenvolver no camiño de esixir carga de traballo para os estaleiros.

Fonte Avantar. | 08.02.2019 | Ccreative Common by-nc-sa 2.5

_______________

xoves, febreiro 07, 2019

O BNG pide que Navantía Ferrol evite o monocultivo militar e aposte tamén pola construción civil - Ana Pontón reclama a Feixóo que defenda ao sector: 'Que non veña de Miami con nova foguetería electoral como pasou con PEMEX' - Rivas denuncia a falta de apoio do concello ao naval de Ferrolterra, que contrapón co papel político do goberno local de Cádiz o seu estaleiro


Tivo lugar unha rolda de prensa do BNG este mércores, 6 de febreiro de 2019, en ferrol, coa presencia de Ana Pontón e Iván Rivas.

O BNG defende un sector naval con futuro en Ferrol e comarca, e para iso propón que se aproveite todo o potencial dos estaleiros de Navantia sen limitarse á actividade militar, senón apostando tamén polo mercado civil e de reparacións.

Queremos un sector naval con futuro que non sexa dependente da construción militar porque sería irresponsable renunciar a todo o potencial do sector”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “noutras palabras, defendemos un naval que tamén aposte pola construción civil, polo desenvolvemento tecnolóxico e pola I+D+i”.

Para sacar adiante esta aposta de país só fai falta “vontade política”, como en Cádiz, que a día de hoxe ten carga de traballo civil. “Se é posible en Cádiz tamén ten que ser posible en Ferrol, e non imos aceptar vetos encubertos á capacidade produtiva deste país”, recalcou a dirixente do Bloque, “pero para iso a Xunta ten que implicarse e gobernar”.

Entre outras cuestións, Pontón instou ao presidente da Xunta a cumprir a Lei de Fomento do naval en vigor desde hai nove anos que, entre outras cuestións, incluía a participación do Goberno galego no consello de administración de Navantia “para poder participar na toma de decisións nun sector estratéxico”.

De feito, Pontón denunciou que está en risco a posibilidade de que se constrúa un ferry por encargo do estaleiro Barreras, que pretendía derivar a Ferrol unha parte da súa carga de traballo: “Parece que se queren poñer problemas para conseguir máis carga de traballo”. A isto súmase que tras o publicitado contrato das F-110, o inicio efectivo da construción se aprace ao 2021 e só cunha fragata. “Fainos temer que a carga de traballo sexa moi inferior a que se anunciou”, advirte.

A líder do Bloque denunciou o incumprimento sistematico con Ferrol, “como o famoso centro de reparacións prometido por Feixóo fai case unha década e do que nada se soubo”, síntoma do “desleixo” do Executivo do PP “que non quere aproveitar o potencial da construción naval en Galiza”.

O que non é de recibo e que, de novo ás portas dun proceso electoral, veñan vendernos moito fume que veremos en que queda”, indicou en relación ás F-110, tras lembrar anteriores anuncios en véspera de citas coas urnas que quedaron en nada.

Feixóo vendeunos o suposto contrato con PEMEX como a salvación do sector naval galego pero que quedou reducido á mínima expresión,e esperamos que agora que está de novo nas Américas non nos volva traer de Miami un novo contrato que acabe sendo foguetería electoral”, ironizou.

Pontón avanzou que o BNG vai levar ao Parlamento unha batería de iniciativas a favor do sector naval de Ferrolterra, como a creación dun centro tecnolóxico do sector naval, “capaz de establecer sinerxías entre empresas, administración e universidade”, e reclamar o cumprimento da Lei de fomento do naval.

Tomadura de pelo


Pola súa parte o portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Iván Rivas, cualificou de “tomadura de pelo” o plan estratéxico de Navantía porque suporá unha menor actividade. Rivas dixo “sentir vergoña allea” polo papel xogado por responsables políticos das forzas estatais aplaudindo un plan que implicará un 25% de despedimentos e o incremento das subcontratacións.

Lonxe de potenciar o sector naval de Ferrolterra, “a pretensión é converter Navantia nunha mera marca”, denunciou, “xogan con esta cidade embaucando con ideas como a do estaleiro 4.0 e presentando un plan que consiste en botar traballadores á rúa”.

O portavoz municipal advertiu que o obxectivo é “desmantelar o principal sector produtivo da cidade”, a diferencia do que se está a facer noutras partes do Estado. Neste sentido, parabenizou ao sector naval gaditano “por ter do seu lado ao seu alcalde e ao goberno local”, nas antípodas do que sucede en Ferrol onde prima “a submisión dos responsables políticos das forzas estatais” ante unha nova reestruturación do naval.

Ferrol: Web | Facebook | Twitter.
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
06 de janeiro de 2019 20:15

________________

martes, decembro 11, 2018

CIG-Navantia advirte que nin o convenio nin o Plan Estratéxico cumpren as decisións da asemblea xeral - Demandan a votación por separado de ambos textos - Non existe unha aposta clara pola construción naval civil na Ría de Ferrol


CIG-Navantia advirte que nin o convenio nin o Plan Estratéxico cumpren as decisións da asemblea xeral. | Demandan a votación por separado de ambos textos.

A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol advirte que tanto o convenio colectivo que vén de ser acordado como o Plan Estratéxico da empresa incumpren as decisións adoptadas pola asemblea xeral da traballadores/as. A representación da CIG demanda que a votación de ambos textos se realice por separado e non en conxunto, como pretende a empresa e están a promover CCOO e UGT.

Dende a sección sindical explican que pasado 4 de decembro déronse por rematadas as negociacións do I Convenio Colectivo Intercentros e do Plan Estratéxico de Navantia. A mesa do convenio pechouse tras 17 "maratonianas xornadas e tras un inesperado cambio de rumbo de CCOO, UGT e CSIF, que decidiron abrazar os parámetros iniciais da empresa para derrogar partes importantes do actual convenio colectivo".

Entre os dereitos en perigo co novo convenio, destacan o das asimilacións (concepto que garantía que ningún traballador/a permanecera máis de 8 anos no mesmo nivel salarial); o complemento vitalicio, que desaparece para as novas incorporacións; ou a definición dunha nova clasificación profesional que deixa no limbo a unha parte das compañeiras/os tituladas/os que poderían, na práctica, saír do convenio.

No texto tampouco se recollen os anexos das táboas salariais, que se acordarán unha vez estea asinado o convenio; e instálase unha dobre escala salarial, xa que, entre outros, elimínanse conceptos salariais para as novas incorporacións, como o de Polivalencia Básica e Dispoñibilidade Especial (que poden supor uns 2.400€ menos).

O Plan Estratéxico non recolle a taxa de reposición do 100%

No relativo á negociación do Plan Estratéxico aseguran que "simplemente non existiu". A sección sindical indica que se produciron cinco reunións, das cales, tres serviron para a exposición por parte da SEPI dos seus eixos básicos, unha cuarta para presentar as novas persoas responsábeis da SEPI e Navantia e a derradeira, convocada como trámite, para asinar a acta de finalización das negociacións.

Para a representación da CIG en Navantia Ferrol esta precipitación levou por diante algunhas das liñas vermellas da plataforma de negociación, como o feito de que non se recolla a taxa de reposición do 100%, que é unha "cuestión central da plataforma sindical para o Plan Estratéxico". Ademais, os novos ingresos non están cuantificados por factorías e dentro do 75% ao que fai referencia a acta de acordo inclúese persoal fixo e eventual.

Limítase tamén o incremento salarial e outras cuestións do novo convenio ao tomarse como referencia o acordo de 22 de marzo de 2018 para a “mellora do emprego público e as condicións de traballo”. O documento deixa lagoas na redacción das condicións coas que os traballadores/as abandonarán a empresa, non contemplando, por exemplo, que pasará coas asimilacións correspondentes. Neste liña, denuncian que se marcan dous procesos diferenciados entre quen abandone a empresa nos anos 2019/2020 e quen o faga no 2021/2022.

As inversións que precisan os estaleiros da Ría, en cuestión


Outra das eivas a destacar é que o texto acordado deixa fóra a área de negocio de Turbinas, a modernización das instalacións de Reparacións e limita a presenza de Navantia no sector das Enerxías Renovábeis. Ao tempo, non existe unha aposta clara pola construción naval civil na Ría de Ferrol.

No tocante á inversión prevista para a modernización dos centros de traballo, non se recolle cal sería o montante económico para os centros da Ría de Ferrol, con especial atención ao orzamento destinado ao novo Estaleiro 4.0. Tampouco se define un plano de capitalización da empresa "polo tanto segue en quebra técnica", alertan dende a sección sindical.

Por todo isto reiteran que "tanto o convenio como o plan incumpren as decisións da asemblea xeral", e reclaman que se voten por separado ambos documentos. Nesta liña critican que "CCOO e UGT están situando ao conxunto dos traballadores e traballadoras a mercé da chantaxe da empresa, promovendo a votación conxunta dos dous textos".

Ferrol, 10 Decembro 2018

Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
121de dezembro de 2018 21:57

_______________

venres, outubro 26, 2018

O persoal das auxiliares do naval da ría de Ferrol marchan a pé até a Ponte das Pías para esixir a inclusión dos acordos no convenio do metal - Este xoves secundan paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.


O persoal das auxiliares marcha a pé até a Ponte das Pías para esixir a inclusión dos acordos no convenio do metal . | Este xoves secundan paros laborais de dúas horas por quenda de traballo.

Miles de traballadores e traballadoras da industria auxiliar do naval marchaban a pé este xoves dende os estaleiros de Fene e Ferrol para esixir á patronal provincial que asuma a incorporación dos acordos no texto do convenio do metal. O persoal saía por volta das 10:30 da mañá das instalacións de ambas beiras da ría para atoparse na Ponte das Pías, onde realizaron unha asemblea na que se chamou a intensificar a loita.

Esta marcha enmárcase no calendario de mobilizacións que precede a reunión que o vindeiro 6 de novembro terá lugar en Compostela entre a representación social, a patronal provincial e as empresas, tras o bloqueo das agrupacións provinciais na última reunión no Consello Galego de Relacións Laborais. Nese encontro, a pesar de terse pechado un documento na Mesa do Naval de Ferrol que daba resposta aos requirimentos da patronal provincial, esta insistiu en alongar innecesariamente o conflito, impondo unhas condicións para a incorporación ao convenio do metal que a CIG-Industria cualifica de "inasumíbeis".

Declaración no Pleno do Concello


En resposta a este bloqueo, nas asembleas de traballadores/as aprobouse levar adiante un intenso calendario de mobilizacións que comezou esta semana con protestas naquelas empresas auxiliares que non están cumprindo cos acordos ou que son reticentes a ratificar o documento saído da Mesa do Naval. "Queremos saber quen está pola labor de aplicar os acordos e quen non", apuntaba o secretario comarca da CIG-Industria, Vicente Vidal, minutos antes de arrincar a marcha dende o estaleiro de Ferrol.

Na xornada de hoxe tamén están convocados paros laborais de dúas horas por quenda de traballo, que están sendo secundados masivamente polo persoal. Coincidindo coa folga da tarde, as centrais sindicais chaman os operarios e operarias a asistir ao Pleno do Concello de Ferrol, onde se solicitará o apoio a unha declaración institucional a prol da inclusión dos acordos salariais das auxiliares no convenio provincial.

Manifestación o día 31 na Coruña

Para o vindeiro mércores, día 31, operarios/as das auxiliares e de Navantia trasladaranse até a Coruña para desenvolver unha manifestación que sairá da explanada do edificio de sindicatos, percorrerá a Avenida de Alfonso Molina e rematará diante da sede da Confederación de Empresarios/as da Coruña. Dende a CIG-Industria lanzouse un chamamento á participación masiva nestas mobilizacións, dada a transcendencia social que ten para a comarca regular as condicións laborais e salariais deste colectivo formado por miles de traballadores/as e a dependencia económica de Ferrolterra do sector naval.

Xunto a isto, as organizacións sindicais teñen solicitada unha reunión co conselleiro de Economía, emprego e industria, para instar o Goberno galego a que realice as xestións precisas para acadar unha solución favorábel ao conflito.

Responsabilidade de Navantia

O obxectivo deste calendario de protestas tamén é presionar as empresas do sector para que á súa vez exerzan presión diante da patronal provincial para que acepte incorporar os acordos no convenio colectivo. "Nestes momentos, apuntan Vidal, é prioritario darlle carácter de legalidade aos acordos dentro do marco do convenio do metal, e así o entenden os traballadores/as, porque só así lograremos que teñan eficacia normativa e que sexan de obrigado cumprimento".

Neste senso, apuntou á responsabilidade de Navantia nesta situación, que aproveita a falta de regulación para abaratar os custes de produción a conta de rebaixar dereitos e salarios do persoal das auxiliares. "A competencia entre as empresas auxiliares ten que pasar por ofertar tecnoloxía, capacitación, homologación, etc., pero non por recortar o salario dos traballadores e as traballadoras", aseverou Vidal.

Condicións inasumíbeis da patronal provincial

Sobre a postura da patronal provincial, a CIG-Industria de Ferrol reitera que "as súas esixencias son inasumíbeis dende o momento no que pretenden que os acordos caduquen en novembro de 2019, o que suporía que a súa vixencia remata mesmo antes de que os traballadores/as poidan cobrar o 100% do plus; e porque, ademais, pretenden que as empresas locais se constitúan en patronal e negociemos un convenio de auxiliares, algo ao como CIG nos opomos radicalmente".

Neste senso, lembran que o ámbito de negociación das condicións laborais e salariais do persoal das auxiliares de Navantia é o convenio provincial. "Son traballadores e traballadoras do metal e o seu marco regulador é o convenio da provincia da Coruña, un ámbito no que somos máis fortes á hora de negociar melloras nas nosas condicións", salientan.

Folga a partir do día 7


Resolver o conflito na industria auxiliar do naval de Ferrolterra está nas mans da patronal provincial. Pero se o vindeiro día 6 non hai avances neste punto, as centrais sindicais xa advertiron que a partir do día seguinte, mércores 7, iniciarase folga no sector. Hoxe o persoal deu unha mostra de que está disposto a seguir na loita até lograr que se recoñezan os seus dereitos.

Pleno de Ferrol apoia as reivindicacións do colectivo


O Pleno do Concello de Ferrol aprobaba este xoves (coa abstención da concelleira de Cs) unha declaración a prol da inclusión dos acordos das industrias auxiliares non convenio do metal. A diferenza do que aconteceu hai un ano, cando en plena folga no sector non se permitiu a intervención do colectivo para expor as súas demandas, nesta ocasión si se puido escoitar a voz dos traballadores/as das auxiliares no pleno municipal.

O secretario comarcal da CIG-Industria, Vicente Vidal, foi o encargado de darlle lectura á iniciativa na que se pide á Corporación local que inste a patronal provincial a aceptar, dunha vez, a inclusión dos acordos de 2001 no convenio do metal da Coruña.

Fonte: Avantar. | Baixo Licenza Creative Commons. No enlace orixinal máis info e interesante e abundante galería fotográfica. Ir á web.
____________

xoves, setembro 20, 2018

Café de Arabia, ... Por Iván Rivas Rico - O debate ao redor da venda de armas a Arabia ten posto de relevo os enganos aos que nos levan sometendo durante décadas ao respecto do sector naval en Ferrol...


Por Iván Rivas Rico [*]
20.09.2018


O debate ao redor da venda de armas a Arabia ten posto de relevo os enganos aos que nos levan sometendo durante décadas ao respecto do sector naval en Ferrol por varios motivos.

En primeiro lugar porque levo anos soportando a mentira de que adicarnos ao militar é o noso futuro mentres só vexo o desmantelamento gradual dos estaleiros na ría, un silencio cómplice fronte ao veto, primeiro explícito e despois implícito á construción civil e o baleirado das gradas de construción militar desde hai máis de 10 anos.

En segundo lugar porque a pesar da agonía do sector nos últimos anos, cunha folga das auxiliares polo medio, ninguén ameazou en Ferrol coas mobilizacións que o anuncio do Estado de non vender bombas a Arabia (que non as corvetas) provocou.

En terceiro lugar porque esas corvetas non se farán en Ferrol e por tanto o argumento de “estou en contra de vender armas a estados xenocidas pero antepoño o pan dos meus fillos a este convencemento” é rotundamente falso.

En cuarto lugar porque a posterior xustificación que consiste en afirmar que hai que reclamar os contratos con Arabia porque senón teriamos que compartir a carga de traballo das F-110 demostra o que sempre se negou.

A carga de traballo en Navantia asígnase por criterios políticos e non técnicos. Por que senón teriamos que compartir as F-110 en función de se no Sur fan as corvetas ou non se tecnicamente o lóxico é facelas aquí? Co mesmo argumento deberiamos compartir as corvetas, os petroleiros, os submarinos que se fan alá.
Todo isto lévanos a dúas posturas argumentalmente racionais que non quere dicir defendibles:

A primeira reclama os contratos con Arabia e exixe a súa carga de traballo para a cidade.

A segunda rexeita os contratos e exixe a volta a construción civil.

O lóxico sería que o noso alcalde defendese unha destas posturas pero é ridículo ver como o alcalde actual, o sr. Suárez e o alcalde consorte, o sr. Rey Varela defenden a mesma postura irracional, a peor para os ferroláns. Quédanse coa peor parte das dúas opcións por submisión política e ideolóxica. Defenden vender bombas (que non as corvetas) a un estado xenocida como o Saudí e nin exixen a volta á construción civil nin a construción desas corvetas en Ferrol o que demostra que o café, aínda que arábigo, nunca é igual de amargo para todos.

[*] Iván Rivas Rico, -A Pontenova 1976, é arquitecto de profesión, concelleiro e portavoz do grupo municipal do BNG en Ferrol desde xaneiro de 2012, na anterior etapa e na actualidade. Vai ser cabeza de lista polo BNG, para as eleccións locais de maio deste 2019. Ten conta no facebook: https://www.facebook.com/ivan.rivasrico .

Artigos de Ivan Rivas no Diario de Ferrol.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciog@gmail.com-

19 de setembro de 2018 23:39
_____________

Foto Avantar.
_______________

venres, marzo 30, 2018

Navantia leva a xuízo a CIG nun intento de criminalizar a folga do persoal da industria auxiliar - A central chama a defender o dereito á folga como ferramenta fundamental da clase obreira - Concentración no xulgado: mércores 4 de abril, coincidindo coa celebración do xuízo, a CIG ten convocada concentración, ás 11:15 horas, nas portas do xulgado de Ferrol


Navantia leva a xuízo a CIG nun intento de criminalizar a folga do persoal da industria auxiliar. | A central chama a defender o dereito á folga como ferramenta fundamental da clase obreira. | Concentración no xulgado: o mércores 4 de abril, coincidindo coa celebración do xuízo, a CIG ten convocada concentración, ás 11:15 horas, nas portas do xulgado de Ferrol.


O vindeiro mércores 4 de abril vai ter lugar en Ferrol o xuízo contra a CIG e o comité de folga polo conflito que a industria auxiliar de Navantia desenvolveu o pasado ano en defensa dos seus dereitos salariais e sociais. A CIG entende que estamos diante dun intento de criminalizar a loita obreira deste persoal e chama a participar na concentración convocada para ese día, ás 11:15 horas, en defensa do dereito á folga como ferramenta fundamental e imprescindíbel da clase traballadora na defensa dos seus intereses.

Cómpre lembrar que durante 22 días o persoal da industria auxiliar estivo secundando masivamente unha folga para reivindicar a recuperación do nivel retributivo do ano 2001, que se concreta nunhas táboas salariais pactadas precisamente despois doutro conflito, e "que tiveron vixencia durante moitos anos de xeito pacífico". Porén, as empresas deixaron de aplicar unilateralmente e sen negociación esas táboas, despois da entrega dos últimos barcos para a armada australiana, e coa complicidade dos sindicatos españois e dos comités de empresa de Navantia.

Agora Navantia esixe indemnizacións millonarias á CIG e ao comité de folga nun intento de criminalizar a folga do persoal da súa industria auxiliar. A este respecto, a CIG subliña a importancia de defender, non xa os salarios, senón o propio dereito á folga como ferramenta fundamental e imprescindíbel da clase traballadora na defensa dos seus intereses.

Unha empresa "moi activa na precarización laboral"


De igual xeito, a CIG de Ferrol quere denunciar a postura de Navantia "moi activa na precarización das condicións de traballo do persoal da súa industria auxiliar", malia ser unha empresa pública "que debera exercer un papel radicalmente diferente, para ben dos traballadores e traballadoras directamente afectadas máis tamén de toda a economía comarcal".

Como tal, a central sindical reclama que o anunciado plan industrial que se vai negociar en Madrid se concrete nun outro modelo de empresa tanto no industrial como no laboral.

A CIG chama a acudir á concentración convocada para o mércores 4 de abril, ás 11:15 horas, nas portas do xulgado, para reivindicar a retirada das accións xudiciais, en defensa do dereito de folga, e dunhas condicións de traballo dignas para todo o persoal do sector naval da Ría de Ferrol.

Fonte: Avantar.

En Ártabra 21: Auxiliares Navantia.
______________

xoves, marzo 08, 2018

No Día Internacional da Loita Feminista: Na porta do Estaleiro de Navantia Ferrol, na Folga Internacional de Mulleres o 8 de marzo de 2018. Mulleres das auxiliares e da principal - Vídeo e fotos




No Día Internacional da Loita Feminista

Na porta do Estaleiro de Navantia Ferrol, na Folga Internacional de Mulleres o 8 de marzo de 2018. Mulleres das auxiliares e da principal.

Chamamento a Folga de Mulleres: O 8 de Marzo paramos Galiza! - As mulleres da Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres chamamos a secundar na Galiza o paro internacional de mulleres iniciado polas nosas irmás latinoamericanas no 2017 reclamando un mundo sen violencia e o dereito a vivirmos unhas vidas libres nunha sociedade máis xusta.| Máis Info.


https://youtu.be/Glpd8fWIojo


"8 de marzo, paralo todo. A primeira greve xeral internacional de mulleres, una convocatoria que se produce en 177 países e que nestas semanas deu pé en Galiza a todo un fervedoiro de actos, iniciativas, debates, encontros… que tiveron o seu culmen na multitudinaria manifestación do 4 de mazo en Vigo. A iniciativa vénse fraguando desde comezos de 2017 e está relacionada co paro mundial das mulleres impulsado desde Arxentina e secundado en máis de 70 estados o pasado 8 de Marzo baixo a consigna: “Querémonos vivas!”. A greve tamén está inspirada nunha iniciativa que houbo en Islandia en 1975 e que parou ese país ao ser secundada por 90% das mulleres".

"O obxectivo desta greve xeral do 8M é evidenciar que, sen mulleres, o país para e denunciar a violencia machista e o sistema patriarcal, presente en todos os ámbitos da vida. Poñer de relevo a explotación que sofre a muller pola súa condición de tal ao tempo que se dá un paso para xerar unha alternativa feminista. A greve vai ter catro vertentes: laboral, de coidados, de consumo e estudantil".

[+ Info no Sermos Galicia - Minuto a minuto...]

---
Edita Colectivo Ártabra 21

artabra21@gmail.com

https://artabra21.blogspot.com.es/

|||||||||||||

venres, outubro 27, 2017

Suspendida de forma temporal a folga indefinida en auxiliares dos estaleiros de Navantia da Ría de Ferrol, logo dos resultados da votación celebrada onde, logo de 22 días de paro, onde gañou a estratéxia da negociación sen a presión da Folga


Suspendida de forma temporal a folga indefinida en auxiliares dos estaleiros de Navantia da Ría de Ferrol, logo dos resultados da votación celebrada onde, logo de 22 días de paro, onde gañou a estratéxia da negociación sen a presión da Folga.

O persoal das auxiliares de Navantia decide a suspensión temporal da folga. | CIG-Industria subliña a forza e a determinación amosada polos/as traballadores/as nos 22 días de paro.


Tras 22 días, os traballadores e traballadoras das auxiliares de Navantia acordaron hoxe a suspensión temporal da folga nunha votación que se saldou cunha diferenza de apenas 200 votos. Os resultados foron anunciados nas asembleas que se celebraron esta tarde ás portas dos estaleiros de Fene e Ferrol, e nas que os representantes da CIG-Industria destacaron a demostración de forza, unidade e determinación que o longo destas tres semanas deu o persoal da industria auxiliar pola recuperación do seus dereitos, a pesar de ter “toda a maquinaria en contra”.

O secretario comarcal da Federación, Vicente Vidal, valorou moi positivamente o exemplo dado polos traballadores das contratas que ao longo destas tres semanas acudiron día tras día aos piquetes informativos diante das portas dos estaleiros. “Nin con presións, nin con ameazas, nin con artimañas de todo tipo puideron pasar por enriba do piquete. Estou moi orgullo de todos e todas vós, da forza e a determinación que demostrades para recuperar o que é voso”, afirmou.

Vidal subliñou que, a pesar da suspensión da folga, a loita non rematou, polo que agora toca “seguir pelexando nas mesas de negociación para evitar que se pacte nada por debaixo dos acordos salariais”. Así, está previsto que a partir de mañá comecen os contactos coas empresas para abordar a negociación de inmediato e darlle unha solución a esta problemática canto antes. Para isto, o obxectivo da CIG-Industria é marcar un calendario de negociacións intensivo.

Neste senso, Vicente Vidal recalcou que a folga non está desconvocada “senón suspendida de xeito temporal”, polo que, se as conversas se estancan “que non teñan dúbida que levaremos á asemblea a posibilidade de reactivar o paro”.

Resultado da votación

En canto á votación, celebrada en urna entre as 10 e as 14 horas deste xoves, arroxou un balance de 681 votos a favor de suspender de maneira temporal a folga e iniciar un proceso de negociación, mentres que 484 traballadores/as apostaron por manter o paro indefinido. Por estaleiros, en Fene rexistráronse 473 votos (203 pola negociación, 267 a favor de continuar coa folga e 3 brancos); e en Ferrol votaron 706 persoas, das que 478 estaban pola suspensión, 221 a favor da continuación da folga, 3 votos foron nulos e 4 en branco. En total, participaron no proceso 1.175 traballadores e traballadoras da industria auxiliar.

Sobre os resultados, Vidal apuntou que participou moito persoal de oficina que, presumibelmente era máis favorábel á suspensión da folga que o persoal de obra. Así as cousas, a interrupción do paro farase efectivo este venres, para que o persoal acceda aos seus postos de xeito normalizado.

Fonte: Avantar.
_______________

xoves, outubro 26, 2017

Auxiliares de Navantia: Con 7 votos en branco, 3 nulos, 488 a favor de continuar co paro indefinido até acadar un acordo e 681 votos a favor de deixar o paro e comezar a negociar, remataron as votacións, nos dous estaleiros da Ría de Ferrol - Tendo máis votos a favor a posición contraria a continuar coa Folga, deixar o paro e comezar a negociar

Comeza a votación en Navantia Ferrol

As traballadoras e traballadores das compañías auxiliares pronunciaron-se sobre o conflito, hoxe pola mañán nas urnas situadas nas dúas fatorías de Ferrol e Fene.

Con 7 votos en branco, 3 nulos, 488 a favor de continuar co paro indefinido até acadar un acordo (Folga) e 681 votos a favor de deixar o paro e comezar a negociar (Negociación), remataron as votación en Navantia, nas dúas factorías da Ría de Ferrol.

Totais as dúas factorías:
681 negociación
488 folga
3 nulos
7 blancos

Despois de que a dirección do estaleiro prohibira a realización da votación dentro do recinto onde se tiña previsto, e se negara a facilitar os censos, improvisou-se unha saída intermedia para que se puidera realizar o acto nas horas e día fixado.

Segundo nota do Comité de Empresa de Navantia Ferrol, foron a votar, neste esteleiro, o 53,4%, de 1322 censad@s, foron a votar 706.

Co seguinte resultado:

Navantia Ferrol
478 negociación
221 folga
3 nulos
4 brancos

En Fene, polo de agora sen datos do censo, só sabemos que votaron 473 persoas, mais os resultados da votación que nos notificaron son os que seguen:

Navantia Fene
203 negociacion
267 folga
3 blancos


Documentación e imaxes.
Corredor improvisado de entrada en Navantia Ferrol para acceder ás urnas
Información anónima que estaba nas paredes próximas ao lugar de votación
Acta que se facilitou polo Comité de Empresa de Navantia Ferrol
Datos dos resultados en Navantia Fene

___________________

A folga das auxiliares de Navantia cumpriu este mércores a súa 21 xornada de paro continuado, superando as presións da patronal, as tentativas de criminalización por parte de Navantia e os intentos diversos de boicot que levaron a momentos de tensión - Hoxe xoves 26 de outubro terá lugar unha votación vinculante e con garantías, onde o persoal decidirá sobre o conato de proposta da patronal e a continuidade ou suspensión da folga


A folga na industria auxiliar de Navantia cumpre 21 días coa vista posta na votación deste xoves. | O persoal decidirá con todas as garantías continuar ou suspender o paro.


A folga das auxiliares de Navantia cumpriu este mércores a súa 21 xornada de paro continuado, superando as presións da patronal, as tentativas de criminalización por parte de Navantia e os intentos diversos de boicot que levaron a momentos de tensión entre os propios traballadores/as nestes dous últimos días.

De cara a evitar que unha loita exemplar marcada pola falta de incidentes remate como un conflito entre traballadores/as e saír da situación de tensión xerada, dende a CIG-Industria apostouse nesta xornada por retomar as conversas iniciadas o luns con CCOO, UGT e MAS para ver de organizar unha votación sobre o conato de proposta da patronal e a continuidade ou suspensión da folga. Mais unha consulta que sexa realizada con todas a garantías posíbeis.

Deste xeito, tras da xuntanza mantida ao longo desta tarde, as centrais sindicais acordaron realizar mañá xoves (día no que se cumpren tres semanas do inicio da folga), unha votación dentro dos estaleiros entre as 10 e as 14 horas. Colocaranse 3 urnas en Fene e 3 en Ferrol, divididas por empresas, o voto estará limitado ao persoal de obra de categoría inferior a xefe de equipo. Ademais, os censos estarán conformados polos operarios e operarias que picaron a súa entrada ás instalacións o pasado día 3 de outubro (antes do inicio da folga).

Garantías na votación

"Esta parécenos a maneira máis correcta para organizar unha votación na que quede garantido que só poderán participar os traballadores e traballadoras convocados/as á folga e afectados/as polos acordos de 2001", apuntaba Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria.

Se o resultado da votación é positivo á suspensión do paro, engade, levarase a cabo unha negociación coas empresas (que até o momento se negaron a sentar na mesa coa CIG mentres non se desconvocara a folga). Unha negociación que se busca pouco prolongada e na que entrar de inmediato a abordar a cuestión salarial. Neste contexto, os comités de Navantia en Fene e Ferrol comprometéronse a dar todo o apoio preciso ao persoal das auxiliares.

En caso dos traballadores/as apostar por continuar a folga, actuarase en consecuencia. "E mentres non se coñezan os resultados seguiremos con piquetes diante das portas", apuntaba Vidal.

Oferta sindical

Sobre as reunións mantidas o martes coas empresas, o secretario comarcal da CIG-Industria valorou que, como insuficiente a contraoferta das empresas e pouco concreta. A este respecto, CIG, CCOO, UGT e MAS chegaron a un documento de consenso para trasladar á patronal (como punto de partida para a suspensión temporal da folga) no que se solicita que as empresas asuman o custe do paro xa sexa abonando as nóminas deste mes ou ben pagando o 50% do salario e o outro 50% contabilizándoo como vacacións. Pola súa banda, a patronal asume o compromiso de minimizar os efectos na nómina a conta de vacacións ou segundo pactos por empresa.

En canto ás melloras salariais, a proposta social é que se abone o 50% da diferenza que existe entre as actuais retribucións e o recollido nas táboas salariais de 2001. Sobre aplicar a suba inmediata, as empresas defenden o compromiso de adiantar unha cantidade indeterminada a conta do acordo definitivo, e que este adianto se pactará nas primeiras reunións.

Á espera do que decidan mañá os traballadores e as traballadoras, a súa é e seguirá sendo, unha loita pola dignificación das súas condicións laborais, para rematar coa discriminación que se está a dar nestes momentos nas auxiliares e crear un marco legal vinculante que evite a competencia desleal.

Ferrol, a 25 de outubro, de 2017

Fonte: Avantar - Baixo unha licenza Creative Commos.
___________

mércores, outubro 25, 2017

Continúa a folga das auxiliares de Navantia na xornada 21 de paro - Despois de diferentes xuntanzas entre sindicatos na tarde do luns e este martes todo o día, primeiro entre sindicatos e logo coa patronal - Non houbo acordo, polo que a asemblea decidiu continuar co paro indefinido - Hoxe ás 5 da mañá nos Piquetes

Porta de Navantia Ferrol, Asemblea do 24 de outubro de 2017

 Continúa a folga das auxiliares de Navantia na xornada 21 de paro

Despois da votación do venres 20 de outubro, convocada polos sindicatos CCOO, UGT e MAS, co apoio e complicidade dos medios de comunicación, da dirección de Navantia e da patronal da industria auxiliar, para intentar deslexitimar a folga, logo dunha importante manifestación de dúas mil persoas celebrada con total suceso o día anterior, a Asemblea en Folga e a CIG, denunciaron o fraudulento da votación e decidiron continuar coa folga e os piquetes nas portas, mais desta vez redobrando esforzos e cunha forte presencia nos mesmos. Os piquetes do luns 23 de outubro, foi un feito moi importante e significativo, logo da votación cualificada de fraudulenta do venres pasado. A decisión de manter a folga, é mostra de vontade de resistencia, e ten moito valor, sobre todo ao tratar-se dunha loita contra a precariedade laboral. E os que están en contra saben-no.

Reunións cos sindicatos e coa patronal

Os sindicatos reuniron-se na tarde do luns e o martes desde as 8 da mañá, para seguir analizando posibilidades de consensuar unha saía á situación que parta da actualización e recuperación dos acordos retributivos de 2001 e a súa incorporación a un marco legal que lle dea eficacia. Posteriormente houbo reunión coa representación da patronal das industrias auxiliares, mais rematou sen acordos, a patronal só quere que se volva ao traballo e continua ca chantaxe de que con este paro están-se perdendo contratos. Realizou-se a Asemblea que estaba convocada para as 19:30hs, de onte martes, onde se explicou a situación e o enroque da patronal que non dá respostas as demandas, polo que, ante o inmobilismo da patronal e de Navantia,  se continua co acordado pola Asemblea de seguir coa folga indefinida e os piquetes nas portas dos estaleiros. Situación que creou tensión entre os partidarios e non partidarios de continuar co paro.

Detalle da info
da axencia E.P., en Galicia Confidencial [1]

 "Os sindicatos CIG, CC.OO, M.A.S e UXT pactaron unha proposta "unitaria" que presentaron aos empresarios na xornada do martes para tentar chegar a un acordo que finalice o conflito laboral.

Tras dúas reunións, unha pola mañá e outra pola tarde, a parte empresarial "non respondeu" á iniciativa trasladada polos representantes dos traballadores e "levantouse da mesa".

A proposta sindical pedía que as empresas abonasen aos traballadores o 50 por cento dos días que estiveron en folga e o 50 por cento restante en concepto de vacacións.

Doutra banda, solicitaron que as empresas que incumpren os acordos de 2001 paguen o 50 por cento da diferenza do soldo de cada traballador con respecto ao que debería estar a cobrar segundo esas táboas salariais.

O paro convocouse, precisamente, co obxectivo de que todas as compañías comprométense a abonar as táboas salariais pactadas no ano 2001 entre Navantia, patronal de auxiliares e representantes sindicais.

Na asemblea, na que interveu a CIG, tamén se produciron algúns enfrontamentos verbais entre partidarios de manter a folga e outros traballadores que pedían votar o fin do paro, proposta que o sindicato nacionalista rexeitou porque non hai proposta nin resposta da parte empresarial
".

Presións contra a Folga

Mentres os medios seguen a resaltar a perda de traballo xa contratado, falaban en concreto do buque gaseiro "LNG Excalibur" que segundo informan fontes de Navantia, vai camiño de reparar en Brest. A folga está facendo dano, mais diso é do que se trata, esta esta-lle impedindo á dirección de Navantia cumprir cos contratos e prazos, mais esta intenta trasladarlle a responsabilidade aos compañeir@s que están en folga, cando a responsabilidade é desa dirección por permitir licitacións das obras e servizos á baixa, sabendo que ía repercutir nos salarios e nas condicións laborais das traballadoras e traballadores, precarizando aínda máis esas condicións.

Unha folga acosada

A folga das compañias auxiliares de Navantia acosada polos Medios, a Patronal, Navantia e o tándem sindical  CCOO-UGT, entra nunha nova etapa nun intento de consensuar a nivel sindical unha saída digna a quen demostrou a razón e a coraxe para loitar contra a inxustiza da súa situación.

Modelo laboral imposto

Non fai falta profundar moito no proceso do conflito laboral das empresas auxiliares de Navantia, para dar-se conta que se está loitando contra un modelo laboral imposto pola vía do sufrimento a centos de traballadoras e traballadores que realizan a maioría do traballo produtivo directo nos estaleiros da Ría.

Desde a última crise de carga de traballo e emprego, no outono de 2013, o persoal da industria auxiliar sufriu as consecuencias: masivo desemprego e unha importante mingua no seu salario e nas condicións de traballo, na volta aos estaleiros pasados uns anos.

Convenio frustrante e folga

Despois de 25 anos, este mes de setembro tivo lugar a mobilización do metal provincial polo seu convenio colectivo. Dez días de folga e numerosas manifestación, rematou nun convenio que a CIG non asinou, non satisfactorio, sobre todo para as traballadoras e traballadores das compañías auxiliares dos estaleiros da Ría que viron frustradas as súas aspiracións de que o convenio colectivo provincial, fose o marco legal que acollera as súas reivindicacións. Logo dun proceso asembleario a CIG co apoio da maioría do persoal que participaba, acordou a convocatoria dunha folga indefinida na industria auxiliar dos estaleiros, para conseguir o que se lles negou na negociación do Convenio Colectivo. E é así como chegamos a esta 21 xornada de Folga.

[1] Galicia Confidencial. | Ir á Web.

Mais info en:

Avantar+Navantia

Avantar+IndustriaAuxiliar

No buscador libre DuckDuckGo. | Auxiliares+Navanti+Ferrol.
___________



luns, outubro 23, 2017

O teu futuro, o noso futuro, está en xogo: luns 23 tod@s ás portas - Folga das compañias auxiliares de Navantia da Ría de Ferrol - A coincidencia entre o discurso da patronal e o de UGT e CCOO debería facerlle desconfiar a máis dun sobre se está no lugar correcto neste conflito


Quen diga que está de acordo coas reivindicacións do persoal en folga, mais en desacordo coa estratexia sindical está mentindo ou está enganado. Os autores desta frase, que veñen repetindo como un mantra, en realidade están dispostos a rebaixar as táboas salariais do 2001, ou a pactar algún sistema progresivo para chegar á súa aplicación nos próximos contratos. O que significa, de feito, consolidar unhas táboas inferiores ás do 2001, temporalmente, si, mais sen prazos coñecidos, xa que non sabemos cando poderán realizarse eses próximos contratos.

Neste asunto dáse unha coincidencia entre a postura da patronal e a do presidente do Comité de Empresa de Navantia Ferrol moi preocupante, porque asume sen disimulo un punto de partida para a negociación dos salarios que nunca antes víramos nun representante dos traballadores e traballadoras: que primeiro é vender o produto, e despois pactar os salarios. Nin falar de produtividade ou de outras cuestións. Incrible pero certo: cando se trata do salario do persoal da industria auxiliar todo vale. O persoal de Navantia (ou Acciona) nunca aceptaría semellante filosofía para negociar o seu convenio, e seguramente descoñecen (porque llo ocultan) que isto é o que realmente está a pasar no conflito das auxiliares.

De se consolidar unhas táboas salariais inferiores ás do 2001 as empresas que hoxe as pagan estarán en franca inferioridade á hora de competir, cousa que xa acontecía, mais agora será froito dunha mesa de negociación e co acordo de UGT e CCOO. Canto tempo poderán manter eses salarios? Canto tempo tardarán as empresas en reproducir esa negociación á baixa no ámbito da súa empresa e co seu comité? Non son os mesmos sindicatos os que teñen a maioría nos comités? O persoal das empresas que nunca pagaron as táboas pode agardar melloras desa mesa de negociación? O persoal técnico pode agardar melloras dunha mesa que negocia á baixa? Ninguén pode pensar honestamente que está a salvo do que se poida pactar nesa negociación, e fixar o punto de partida nas táboas 2001 é absolutamente fundamental para toda a industria auxiliar.

Estes asuntos deberían ser os que se discutiran entre o persoal da industria auxiliar, e tamén entre os sindicatos. Mais a patronal está a levantar unha nube de merda, coa axuda de UGT e CCOO, que ocultan é o que verdadeiramente debería preocuparnos. Por iso promocionou esa votación-espectáculo totalmente fraudulenta o venres 20 na que simplemente se pregunta folga si ou folga non, máis ninguén aclara que é o que se vai negociar nesa mesa de negociación, ou cando menos con que criterios. É dicir, se o persoal está disposto a negociar á baixa as táboas do 2001, ou non. Non se aclara porque non queren comprometerse publicamente a defender algo ao que xa teñen renunciado en privado (agás o presidente do Comité de Navantia Ferrol, que xa o dixo na prensa).

Unha das razóns máis importantes polas que a patronal se enroca e non cede á reivindicación, é porque ten confianza en poder dividir aos traballadores e derrotar a folga. As cúpulas de UGT e CCOO teñen un papel principal neste plan. Por iso se prolonga o conflito. A coincidencia entre o discurso da patronal e o de UGT e CCOO debería facerlle desconfiar a máis dun sobre se está no lugar correcto neste conflito. A complicidade coa patronal para derrotar unha folga debería ser unha liña vermella para calquera traballador ou traballadora.

Pero a importancia do que está en xogo non se lle oculta a ninguén, e por iso o persoal da industria auxiliar vai loitar moi duro para gañar. Porque de asumir ese discurso de primeiro vender e despois fixar salarios, podemos acabar traballando, literalmente, polo caldo.

Sabemos que a loita será dura, máis perdela é un luxo que non podemos permitirnos. Porque vivimos dese salario e por dignidade estaremos nas portas dos estaleiros o luns 23, e os días que fagan falta. A unidade non a fan as cúpulas, a unidade facémola entre todos e todas, e se estamos todos e todas gañaremos.

Sabemos onde está o noso lugar. Non te deixes enganar e acode ás portas con nós.

Unidade Obreira e Dignidade !!
Acordos Xa !!

Ferrrol, 20 de outubro de 2017
_____________

domingo, outubro 22, 2017

A CIG non recoñece os resultados da votación convocada por UGT e CCOO a instancias das empresas - A folga na industria auxiliar de Navantia continúa adiante - Comunicados do Comite de Electrorayma e da CIG Industria - Vídeo


Censos inflados con persoal que nunca traballou nos estaleiros, xente que leva máis de un ano no desemprego, xerentes das compañías, etc. Esta foi, denuncia a CIG-Industria de Ferrol, a norma para a elaboración dos censos utilizados durante este venres na "representación protagonizada por UGT e CCOO baixo guión das empresas do naval".

A Federación de Industria da comarca entende que o obxectivo desta votación é "derrotar" a folga das auxiliares, "e para iso non hai nada como dotarse dunha lexitimidade democrática, aínda que haxa que retorcela para que se acomode ás necesidades das cúpulas empresariais e sindicais que vén perigar o seu estatus, e a viabilidade dos acordos para o futuro que comezaron a argallar durante os últimos meses", denuncian.

Consideran que con este tipo de actuacións, as reivindicación do persoal de auxiliares respecto da recuperación dos seus dereitos, é dicir, das táboas salariais do 2001, son "lanzadas aos pés dos cabalos da patronal por quen debía ser garante deses dereitos".

Critican que nos 16 días que leva activa a folga, a única preocupación destas centrais sindicais e da patronal foi sementar a división entre o persoal da industria auxiliar, e sobre todo, entre aqueles traballadores/as que cobran polos acordos e quen non as percibe.

"16 días a procura de rachar a tan necesaria unidade de acción do persoal de auxiliares, veu dar nun resultado que, a parte de valoracións sobre os detalles da elaboración dos censos, as chamadas telefónicas individualmente a cada un dos traballadores/as, o feito de que nin coa carretaxe chegaron ao 50% do censo que os eles mesmo elaboraron, só deixa unha lectura incontestábel: UGT e CCOO veñen de escribir unha das paxinas máis vergoñentas da súa xa historia", asevera a CIG-Industria.

A folga segue

Neste senso, lembran que as asembleas do persoal celebradas o día anterior na porta dos estaleiros acordaron recomendar non participar "nese teatro" para non lexitimalo. Independentemente do resultado, dende a CIG xa se advertiu que a votación  non tería alcance legal, "nin capacidade de determinar as nosas decisións, que seguiremos tomando nas asembleas celebradas ás portas dos estaleiros como fixemos desde o comezo do conflito".

Polo tanto, reiteran que non se lle recoñece validez ningunha e que a CIG non desconvoca a folga. "A recuperación das táboas salariais do 2001 debe ser a día de hoxe a principal preocupación do persoal das auxiliares, o contrario será consentir que aqueles traballadores e traballadoras que actualmente as cobren se convertan nunha segunda escala salarial dentro do recinto de Navantia e que se pacte unha terceira para o resto do persoal", alertan.

Clicar acima do comunicado para ampliar
Clicar acima do comunicado para ampliar


https://youtu.be/CZbA7pIk_Wo

_____________

venres, outubro 20, 2017

Pola Recuperación dos dereitos laborais, marcharon máis de duas mil persoas en Ferrol, este xoves 19 de outubro en apoio das traballadoras e traballadores en folga das compañias auxiliares de Navantia que dende o pasado 5 de outubro manteñen unha folga indefinida en demanda do cumprimento dos acordos salariais de 2001 en todas as empresas e súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia


Miles de persoas marchan en Ferrol en defensa dos dereitos dos traballadores/as das auxiliares


"Non queremos que o persoal estea condenado á eventualidade e a unha merma permamente dos salarios"

Miles de persoas marcharon esta tarde polas rúas de Ferrol en defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar de Navantia, que dende o pasado 5 de outubro manteñen unha folga indefinida en demanda do cumprimento dos acordos salariais de 2001 en todas as empresas e  súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia.

A manifestación, que saíu da porta principal do estaleiro de Ferrol e rematou na praza de España, contou coa participación do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', que quixeron trasladar o seu apoio ao persoal das auxiliares.

Carril subliñou a necesidade da mobilización para lograr a recuperación dos dereitos e cualificou de "exemplar" a loita dos traballadores e traballadoras das contratas de Navantia "por rachar coa pobreza e a explotación nun momento como o que estamos a vivir". Destacou que a mobilización obreira está  a demostrar a capacidade e o potencial que ten "vencendo a pesar de desenvolverse contra todas as adversidades posíbeis".

Unha folga pola recuperación dos dereitos

Ao inicio da manifestación, o secretario comarcal de Industria en Ferrol, Vicente Vidal, valoraba que, logo de 15 días, a folga "segue a ser un éxito", pondo o acento na ausencia de incidencias durante todo este tempo  e o compromiso dos traballadores e traballadoras que cada día acoden aos piquetes informativos nas portas dos estaleiros a reivindicar os seus dereitos.

Na outra beira, rexeitaba a actitude das empresas e a dirección de Navantia que dende o inicio da folga, "o único que fixeron foi intentar torpedear a folga e xerar unha información falseada para a cidadanía co obxectivo de transmitir a idea de que estes traballadores/as están loitando por conseguir, a través da folga, unhas melloras que son uns privilexios".

Pero a realidade, subliña Vicente, é todo o contrario: buscan recuperar unhas condicións que xa tiñan no ano 2001 "e que lle quitaron as empresas coa complicidade de Navantia". É dicir, recuperar o nivel retributivo e determinar un marco salarial vinculante para todas as compañías que evite a competencia desleal a base de tirar os salarios.

Por iso, insistiu, a finalidade da folga é "evitar as discriminacións que se dan entre operarios/as das distintas contratas, que se sigan facendo xornadas abusivas mentres Navantia mira para outro lado, e que os traballadores/as non teñan que regalar horas ás empresas, como pasa agora en moitos casos". "Se a patronal e Navantia están dispostas a levar o conflito máis aló, as consecuencias serán unicamente a súa responsabilidade, e de quen llo consinte, léase SEPI (goberno central) e Xunta", afirmou.

Bloqueo das negociacións

O responsábel comarcal da CIG-Industria criticou o bloqueo das negociacións por parte da patronal e de Navantia, sustentándose na estratexia de deslexitimar socialmente a folga. "Un traballo, lamentou, para o que contan coa complicidade de UGT e CCOO como vén de quedar de manifesto coa convocatoria dunha votación para este venres" sobre a continuidade ou suspensión do paro.

Estes sindicatos, engade Vidal, lanzan a convocatoria ao público "para que despois as direccións das empresas podan chamar individualmente aos traballadores/as para que vaian votar".

Nesta estratexia, a CIG-Industria entende que tamén xoga un papel principal o feito de non abordar o modelo de relacións laborais que se quere implantar e da disposición a asumir de que se instalen tres escalas salariais diferenciadas no estaleiro. "Non queremos traballadores e traballadoras da industria auxiliar basicamente eventuais e condenados a unha merma permanente dos salarios".

"O que lle pedimos a CCOO, UGT e MAS é que veñan ás asembleas que se fan diante das portas dos estaleiros e que expliquen cal é a súa proposta para esas negociacións coa patronal para sexan os propios traballadores/as quen a poidan valorar. Porque a día de hoxe a única que puxo unha proposta clara enriba da mesa foi a CIG, nin a patronal formulou unha proposta concretar, nin os outros sindicatos dixeron que pretenden quitar desa negociación".

Fonte: Avantar - Baixo unha licenza Creative Commos.


|||||||||

mércores, outubro 18, 2017

Cando van 12 días de folga, as traballadoras e traballadores das auxiliares de Navantia manifestaran-se polas rúas de Ferrol, en defensa dos seus dereitos laborais roubados, este xoves 19 de outubro desde a Porta Principal de Navantia, ás 7 da tarde - Fan un chamado a participar á veciñanza de Ferrolterra


Traballadoras e traballadores das compañías auxiliares de Navantia en folga, manifestaran-se polas rúas de Ferrol, en defensa dos seus dereitos laborais roubados, para recuperar acordos e dereitos incumpridos, este xoves 19 de outubro desde a Porta Principal de Navantia, ás 7 da tarde. Fan un chamado a participar á veciñanza de Ferrolterra.

O día que se cumpre a 12 xornada de folga nas auxiliares do naval de Ferrol, a CIG-Industria saíu ao paso das afirmacións lanzadas nos últimos días tanto polas empresas do sector como pola propia Navantia. Nunha rolda de prensa que contou coa presenza de centos de traballadores e traballadorasas, Ramón Alfonzo aseveraba alto e claro "a folga é lexítima, a reivindicación é xusta e é necesario, ademais, estabelecer ese marco para evitar a competencia desleal a conta de tirar os salarios á baixa"...

Máis info en: Avantar.
_____________

sábado, setembro 09, 2017

Futuro para o Naval, futuro para a Comarca - O movemento obreiro na rúa... posibilita acadar os obxectivos para un Futuro na Comarca, di Esquerda Unida de Narón


Futuro para o Naval

FUTURO PARA O NAVAL, FUTURO DA COMARCA.

Ante a situación do Naval na Comarca e a proximidade a datas clave para un Plan de Futuro, dende EU Narón cremos que o comezo de calquera negociación (Convenio ou Plan) debe partir do cumprimento dos acordos vixentes. Os traballadores non poden confiar nunha empresa que non cumpre o III Convenio, nin trala sentenza do Tribunal Supremo como para chegar a novos acordos.

E por iso mesmo a presión mediática do movemento obreiro na rúa é a única que posibilita acadar os obxectivos para un Futuro na Comarca.

#RecuperarOArrebatado como é:

- Acadar un digno Convenio do Metal, ás portas da forte carga de traballo dos próximos anos cos AAOR para a Mariña Australiana.

- Eliminar/derogar o teito de gasto dos Orzamentos Xerais do Estado que non permiten cumprir convenios, e coartan a negociación colectiva.

Con premisas básicas para partir de cero entendemos que a prosperidade do Sector Naval será a recuperación das comarcas na medida en que melloren as condicións laborais e se establezan medidas para fortalecer o futuro do Naval, que é o motor da Comarca, como:

- Rexuvenecemento de plantillas extendida no tempo, co traspaso de coñecementos.

- Incremento de persoal garantindo a construcción propia nos procesos habituais do Sector Naval, eliminando as subcontratas e os seus marxes de beneficio, garantindo así condicións estables e dignas para tódolos traballadores.

- Plan de Modernización dos estaleiros.

- Plans de Formación para desempregados adecuados ás necesidades para traballar no Sector Naval.

- Por ser Sector Estratéxico, dotar de medidas e aliñación dos Ministerios necesarios para a actividade comercial.

Recuperaremos o arrebatado.

GRUPO MUNICIPAL DE EU NARÓN

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
8 de setembro de 2017 22:04

_________________