Os exemplos de loita de Cleanet e Lantero provocaron os aplausos e a fonda solidariedade do GUE/NGL. | O GUE/NGL comprometeuse a realizar distintas accións da apoio ás loitas de Cleanet e Lantero até que se resolvan os dous conflitos. | Syriza mantivo un encontro específico cas plantillas de Cleanet e Lantero, ademais de realizar dúas intervencións de apoio na reunión do GUE/NGL.
Unha traballadora de Cleanet e un traballador de Lantero foron as responsábeis na mañá de hoxe de dar a coñecer[1] ao Grupo da Esquerda Unitaria-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) os motivos que lles levaron a loitar pola súa dignidade e dereitos laborais -e polos da clase traballadora en xeral- a través da folga indefinida.
Jesús López Rodríguez, do Comité de Folga da empresa Lantero (Vilagarcía) expuxo diante das eurodeputadas/os do GUE/NGL os detalles da acción represiva que a empresa está despregar contra os traballadores[2], e lembrou que "a día de hoxe temos cumpridos 115 días en folga polos nosos postos de traballo e na contra da aplicación dunha reforma laboral abusiva".
López tomou o exemplo da asimetría de forzas no conflito con Lantero para dar mostra das nefastas consecuencias derivadas da última reforma laboral imposta polo Partido Popular, "o desequilibrio que sempre existiu entre os traballadores e a patronal estase acentuando no Estado español ca nova reforma laboral", advertiu.
"Entendemos que dende a UE, dende esta mesma institución, debería promoverse algún tipo de iniciativa, de condea, pero non só para as empresas, que ao fin e ao cabo estanse beneficiando dunha reforma laboral que lle permite realizar estes abusos, senón tamén ao país lexislador, para que rectifique e equilibre de novo a balanza facendo valer a loita polos dereitos sociais e laborais", argumentou López.
O representante da plantilla de Lantero aproveitou tamén a súa intervención para realizar propostas concretas -iniciativa que lle foi agradecida publicamente pola propia presidenta do GUE/NGL, a deputada alemá de Die Linke Gabriele Zimmer-, solicitando que se leve adiante dende o Parlamento Europeo "algún tipo de iniciativa para abordar que o exercicio dun dereito fundamental como o dereito á folga non estea condicionado a deixar polo camiño dereitos fundamentais como o de poder manter a túa vivenda, a túa alimentación", xa que, "a día de hoxe, exercer o dereito á folga implica non ter ningún recurso para sobrevivir".
Así, plantexou o feito de que no Estado español as empresas se poidan financiar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) "a costa das cotizacións dos traballadores ao seguro de desemprego", fronte ao que reivindicou "vai sendo hora de que exista un tipo de mecanismo para que aquelas persoas que queren exercer o seu dereito á folga poidan facelo tendo garantido uns mínimos para a súa subsistencia, recorrendo por exemplo a un fondo de garantía de desemprego no que xa estiveran cotizando dende o inicio da súa vida laboral".
Pola outra parte, Begoña Ramos Díaz, en representación das traballadoras da limpeza da empresa Cleanet -en folga indefinida dende o 27 de outubro-, contrata do Ministerio de Defensa nas súas instalacións en Ferrol, salientou na súa intervención que "as políticas privatizadoras da dereita son focos de corrupción", que teñen a finalidade de "lucrar a individuos sen ningún tipo de escrúpulos á conta das traballadoras e os impostos da cidadanía".
Para as traballadoras de Cleanet, "a única solución a esta corrupción é o inmediato rescate de tódalas contratas" co obxectivo de que sexan xestionadas "directamente pola Administración pública" creando "empregos públicos e de calidade, beneficiando á sociedade fronte aos intereses privados". Asemade, denunciou tamén diante do GUE/NGL que "as responsábeis da actual crise económica que vimos sufrindo a parte máis débil da sociedade europea son as oligarquías financeiras".
Ramos proseguiu subliñando "os recortes no Estado de Benestar", poñendo como exemplo que na actualidade "hai empresas que optan a concursos públicos a costa de baixarlle o salario ás traballadoras e traballadores" e que, no caso concreto de Cleanet, "a empresa leva meses sen pagarnos os salarios pero este feito non lles está a conlevar consecuencia ningunha".
A traballadora de Cleanet concluíu a súa intervención afirmando con contundencia "o único camiño para reverter o que está a pasar en Europa é a mobilización de toda a clase traballadora, culminando nunha folga europea" e pechou o seu discurso aos deputados e deputadas do GUE/NGL ca consigna "avante, sen tregua, coa loita obreira".
Ámbalas dúas intervencións arrincaron aplausos entre as eurodeputadas/os do GUE/NGL, e deputadas/os como os gregos Dimitrios Papadimoulis e Emmanouil Glezos -ámbolos dous da coalición grega Syriza-, o checo Miloslav RANSDORF -Partido Comunista de Bohemia e Moravia- ou as portuguesas Marisa Matías -do Bloco de Esquerda, coordinadora do GUE/NGL para a Comisión de Economía e Asuntos Monetarios- ou Inês Zuber -do Partido Comunista Portugués-, con quen xa mantiveran unha xuntanza na tarde de onte na súa responsabilidade como integrante da Comisión de Emprego do PE, interviñeron expresamente para agradecer a súa presenza e a súa capacidade e exemplo de loita, así como para amosar o seu total apoio.
Aliás, Syriza mantivo posteriormente unha reunión cas representantes de Cleanet e Lantero, onde lles fixeron chegar ás traballadoras da limpeza de Cleanet unha carta[3] escrita pola eurodeputada Kostadinka Kuneva[4], ex-sindicalista que desempeñou un moi importante papel na loita das traballadoras da limpeza do Ministerio de Finanzas, Administración Fiscal e Aduanas, sen dúbida unha das loitas sociais que se converteron nun verdadeiro episodio histórico para Grecia, e cuxa resolución foi unha das primeiras medidas tomadas polo novo goberno de Syriza.
A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, valourou "moi positivamente" a "importantísima posibilidade de poder traer os exemplos de Cleanet e Lantero ao GUE/NGL", se ben nestes dous intensos días "houbo momentos difíciles, como onte co representante da Comisión Europea", xa que dende esta institución "sempre alegan que non teñen competencias pero logo fan 'suxerencias' que son incorporadas polos gobernos e que acaban derivando no empeoramento das condicións das traballadoras e traballadores", "pero tamén houbo momentos fortes e de moito apoio -valorou a deputada galega- como hoxe no Grupo e na xuntanza con Syriza".
Dende AGEe e dende o GUE/NGL "seguiremos facendo accións de apoio a estes dous colectivos", concretou, e avanzando en "dar cumprimento aos compromisos asumidos na campaña, é dicir, facer chegar ao Parlamento Europeo as problemáticas e as loitas do noso país", enfatizou Senra.
Bruxelas, 4 Xaneiro 2015.
Notas.-
[1] Dispoñíbel vídeo -en baixa calidade- de ámbalas dúas intervencións. Inicia Jesús López e, a partir do 11'55'', Begoña Ramos:
https://www.youtube.com/watch?v=oZoMBIqFPqY&feature=youtu.be
http://youtu.be/oZoMBIqFPqY
[2] Nunha actitude de forte coacción do dereito á folga, Lantero Galicia contratou nos días previos a facer público o ERTE unha empresa externa de seguridade que despregou na fábrica máis dunha ducia de vixiantes de seguridade, 8 escoltas armados e dous cans de raza perigosa, aliás de abrir un "expediente sancionador contraditorio" ao presidente do Comité de Empresa que desembocou mesmo no seu despido.
[3] Adxunta (orixinal en inglés e traducida ao galego):
https://drive.google.com/file/d/0By24jKds2T1PZk1NMEJFNXVwWkkyZWs3TUdyOTlRRkhIaV9V/view?usp=sharing.
[4] Foi Secretaria da Asociación de Limpadoras e Empregadas Domésticas da provincia de Ática. No ano 2008 atacárona con ácido sulfúrico ao pé da súa casa, cando voltaba do traballo, por motivo da súa intensa loita sindical polos dereitos dos/as traballadores/as gregos/as e estranxeiros/as en empresas de limpeza. Esta é a súa primeira lexislatura como eurodeputada.
[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL). | Tlf: 609 845
861 | lidia.senra@europarl.europa.eu
Máis información en:
Máis información en:
- http://lidiasenra.com/
- http://www.europarl.europa.eu/
- https://twitter.com/LidiaSenra
- https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
- http://www.youtube.com/channel/UCJtR1TGcqGxleFqIDmKICBQ
- http://www.guengl.eu/
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
4 de fevereiro de 2015 18:27
______________