venres, outubro 17, 2014

Hoxe 17 de Outubro, concentraremos-nos para denunciar publicamente o abandono, por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo das súas responsabilidades con respecto ás familias e persoas desafiuzadas e para demandar que se cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecuada

Este, venres 17, ás 12 do mediodía acudiremos ante o Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol (Praza Amada García) para denunciar publicamente o abandono, por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo das súas responsabilidades con respecto ás familias e persoas desafiuzadas e para demandar que se cumpra o dereito a unha vivenda digna e adecuada, comezando polas persoas máis vulnerábeis e sen recursos económicos, así como para solicitar información sobre as 500 vivendas das que, segundo as medidas aprobadas pola Xunta, dispón para todo o País e que se fagan públicas e se nos facilite o parque de vivenda social baleira que hai en Ferrol, Narón e no resto dos concellos das comarcas do noroeste galego.

Ao mesmo tempo, compañeiras e compañeiros de
STOP Desafiuzamentos Compostela, STOP Desafiuzamentos Ourense, STOP Desafiuzamentos Lugo e STOP Desafiuzamentos d'A Coruña, acudirán ás sedes que o IGVS ten en cada unha destas cidades, confluíndo así na primeira acción reivindicativa sincronizada realizada por colectivos antidesafiuzamentos na Galiza.

E non é de estrañar que sexa precisamente o Instituto Galego de Vivenda e Solo o que teña a vergoñenta honra de que todas vaiamos protestar á súa porta, xa que precisamente está a ser a Xunta de Galicia a institución pública máis cinicamente inoperativa de todas cantas teñen competencias en materia de vivenda no noso País, e
o IGVS a súa ferramenta fundamental para vulnerar os máis elementais dereitos humanos.

Maio de 2012:
A Xunta de Galiza publicita un decreto “para paliar os efectos da crise” sobre as familias desafiuzadas. A día de hoxe, non sabemos de ningún caso no que se teña conseguido aplicar este decreto.

Decembro de 2012:
o presidente Alberto Núñez Feijóo en persoa anuncia un Programa de Realoxo dotado inicialmente con 500 vivendas, aprobado no Consello de Goberno do día 5.  Non se sabe de ningunha familia ou persoa á que se lle teña concedido unha destas vivendas. As solicitadas co apoio de STOP Desafiuzamentos A Coruña foron todas denegadas. Saíu publicado na prensa que se concederon 33 adxudicacións, mais non se sabe nin como, nin cando, nin a través de que procedemento.

Xaneiro de 2013:
o daquela Director do IGVS, Antonio José Boné Pina, comprométese con STOP Desafiuzamentos do Barbanza a que ningunha familia vai quedar sen dereito a unha vivenda digna. Esta mesma mentira “vendeulla” o IGVS tamén a STOP Desafiuzamentos Compostela apenas un mes máis tarde. A día de hoxe, o único exemplo que coñecemos no que o IGVS concedera unha vivenda foi no caso de Aurelia Rey. Porén, a partires de aí non concedeu vivenda a ningunha das persoas que a solicitaron apoiadas polos distintos colectivos antidesafiuzamentos galegos. Ademais, segundo datos do propio IGVS, tan só na provincia da Coruña acumúlanselle 5.000 casos de persoas baixo o limiar da pobreza e en grave risco de exclusión social ás que tampouco ten pensado atender na xestión dunha vivenda onde meterse.

Abril de 2013:  Feijoo vende fastuosamente a sinatura dun convenio entre  Xunta, Concellos e Poder Xudicial, disque para “adoptar medidas de carácter social” e “mobilizar as 500 vivendas que a Xunta ten a disposición das familias desafiuzadas”. Non se soubo máis do tema... Non temos coñecemento de ningún caso no que se teña activado este protocolo, e iso que solicitámolo varias veces.

Maio de 2013:
A Xunta de Galicia emite a Orde de 16 de maio de 2013 pola que se determina como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais ás personas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga. Non coñecemos ningún caso no que unha familia ou persoa desafiuzada fora acollida por este programa.

Mentiras e máis mentiras. Rir na cara de persoas desesperadas ás que lles acaban de arrebatar o máis elemental para ter unha vida minimamente estable, unha vivenda.  Namentras, o  feito de que estas institucións estean a incorrer nunha obscena deixadez de responsabilidades ten consecuencias dunha gravidade intolerábel.

Como xa temos informado, alegando non apreciar “singularidade” con respecto ás outras 5.000 solicitantes, na Coruña neste momento o IGVS
denégalle unha vivenda pola vía de emerxencia a unha muller enferma de fibromialxia e ao coidado da súa nai as 24hrs. do día.  O mesmo lle dixo uns meses antes a Elisabeth Sanlés, enferma tamén, con tres fillos e desafiuzada uns días antes cun custosísimo e desproporcionado operativo policial.

En Ourense, o IGVS vén de lle denegar unha vivenda a outra muller, vítima de violencia machista, diagnosticada de trastorno depresivo, ao cargo dun fillo e dúas fillas, unha delas cunha minusvalía do 38%.

En Compostela, a inasumíbel burocracia e a falta de interese do funcionariado do IGVS lograron o seu obxectivo: que a familia de Aríns integrada por seis membros -con menores de idade e unha persoa maior con mobilidade reducida- estafada por un prestamista asumira que de nada serviría pedir unha vivenda pola vía de urxencia.


A vivenda non é unha propiedade, senón un dereito básico recollido no Art. 47 da Constitución.
Pero o IGVS e a Xunta so saben dun dereito, o “dereito á mendicidade”, así que rexeitan cumprir cas súas responsabilidades e manteñen 300.000 vivendas baleiras en Galicia, e case 10 en ferrol, e 16.00 no conxunto da comarca. Para nós, a lección do Art. 47 é que os dereitos humanos só existen cando se loita por eles.

Cando o Concello, a Xunta, o Estado comercian cas nosas vidas, están a facer negocio cos nosos dereitos.


Este venres 17 concentrarémonos nas sedes do IGVS na Coruña (12:00hrs), Lugo (12:00hrs), Compostela (10.30hrs.), Ferrol (12:00hrs) e Ourense (12:00hrs), porque está claro que
diante do terrorismo institucional teremos que ser nós quen construamos e conquistemos os nosos dereitos.
Nin casas sen xente nin xente sen casa!

Saúde e vivenda Digna !
Si se pode !  #Limite24D


Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

||||||||||||||||||||

Enlaces relacionado
s:

Alegamos contra o rexeitamento do IGVS e denunciamos a súa compricidade na vulneración dos dereitos humanos. | Acceder.

Acción de denuncia e protesta, convocada para o vindeiro venres 17 de Outubro, ás 12 do mediodía, diante do Edificio da Xunta, en coordinación co resto de PAHs e STOPs de Galiza, para evidenciar a actitude do IGVS ao poñer todas as trabas posíbeis á adxudicación de vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social

| Acceder.
||||||||||||||||||||||

xoves, outubro 16, 2014

Acción de denuncia e protesta, convocada para o vindeiro venres 17 de Outubro, ás 12 do mediodía, diante do Edificio da Xunta, en coordinación co resto de PAHs e STOPs de Galiza, para evidenciar a actitude do IGVS ao poñer todas as trabas posíbeis á adxudicación de vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social


Acción simultanea e coordinada co resto de PAH's e STOP's de Galiza, para denunciar a actitude do IGVS ao poñer todas as trabas posíbeis á adxudicación de vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social e negar-se a facilitar o censo e estado das vivendas de propiedade pública baleiras.


Como no resto das cidades da Galiza, en Ferrol, vai ter lugar unha concentración de denuncia e protesta.

Data: Venres 17 de Outubro.
Hora: 12 do mediodía.
Lugar: Praza Amada García, diante do edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

Obxectivo: denunciar e protestar pola actitude do IGVS de non adxudicar vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social e negar-se a facilitar o censo e o estado das vivendas de propiedade pública baleiras nos concellos das comarcas. E presentar un escrito coas demandas no citado organismo.

O pasado 8 de outubro, recebemos unha comunicación-proposta do Grupo de Stop Desafiuzamentos da Coruña, dirixido tamén ao resto de PAH's e STOP's de toda Galiza. Formulan a convocatoria dunha mobilización simultanea diante de todas as delegacións do IGVS, para "evidenciar a actitude inhumana do IGVS ao poñer tódalas trabas posíbeis á adxudicación de vivendas para persoas en situación de vulnerabilidade social, salientar que non está a cumprir ca lexislación elaborada especificamente para apoiar ca xestión dunha vivenda ás persoas en risco de desafiuzamento, e demandar que aclaren publicamente de cantas vivendas dispoñen e cales son exactamente os criterios de adxudicación, xa que parece que ninguén lles parece axeitad@ para concederlle unha vivenda, por moi dramática que sexa a súa situación". Pedían "que ese día se realicen tamén mobilizacións de denuncia contra o IGVS en tódalas cidades e vilas galegas nas que sexa posíbel, é dicir, unha especie de acción coordenada descentralizada das PAH´s e STOP´s de Galiza".

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, como a maioría de STOP's e PAH's de Galiza, decidiu secundar a convocatoria simultanea e coordenada.

Ademais das vivendas públicas municipais de Recimil, das que o Goberno Municipal de José Manuel Rey Varela, vulnera constantemente o seu Regulamento, aquí en Ferrol, hai moitas vivendas que son do IGVS das que non sabemos cantas hai baleiras. Teremos que pedir á Xunta de Galicia que informe de cantas hai e da súa situación.

En Ferrol acordamos secundar a convocatoria polo que nos imos concentrar o vindeiro venres 17 de Outubro.

Nin casas sen xente nin xente sen casa!

Saúde e vivenda Digna !
Si se pode !  #Limite24D

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

||||||||||||||||||||

Enlace relacionado:

Alegamos contra o rexeitamento do IGVS e denunciamos a súa compricidade na vulneración dos dereitos humanos. | Acceder.

_________________________

Vai ter lugar a Segunda Asemblea da Marea Ártabra en Ferrol, este xoves 16 de Outubro, ás 19:30hs, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño


O pasado 2 de Outubro, a Marea Ártabra celebraba a súa primeira, foi unha asemblea de presentación do manifesto e ideas de como comezar. Ao final da asemblea constituiu-se unha comisión coordinadora que se encargaría de preparar unha orde do día e facer a seguinte asemblea que é a que agora se convoca.

Convocatoria Segunda Asemblea de Ferrol da Marea Ártabra

Bo día,

O vindeiro xoves 16, ás 19:30 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero terá lugar a II Asemblea da Marea Ártabra coa seguinte orde do día:

1.- Proposta de Formación da mesa.

2.- Lectura da acta anterior.

3.- Cuestións organizativas da Asemblea e a Coordinadora. Grupos de traballo.

5.- Proposta de cronograma da Marea Ártabra.

6.- Calendario de Asembleas de barrio.

7.- Continuidade da comisión de coordenación, Baixas e novas incorporacións.

Na páxina www.mareaartabra.org podedes consultar ás Novas da Marea, as actas e acordos adoptados e imaxes de libre uso para a súa distribución.

Un saúdo e grazas

Grupo de Comunicación de Marea Artabra.

Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra[arroba]gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais
:
Logo da marea cidadá:

Enlaces relacionados:

A 'Marea Ártabra' en Ártabra 21 | Acceder.
A 'Marea Ártabra' desde o buscador libre DuckDuckGo. | Ir a Web.

Foto de Jorge Suárez en Ferrol 360.

Información baseada na enviada por:
Marea Ártabra
mareaartabra@gmail.com-
15 de outubro de 2014 19:42
___________________

mércores, outubro 15, 2014

XV Sesión Vermú da Rádio FilispiM, presentación 10ª grella, 2014/2015


Iniciada a décima grella de Rádio FilispiM, 93.9 FM, retomamos un dos nosos encontros clásicos coa comunidade "ferrolterráquea", a Sesión Vermú.

A XV Sesión Vermú da Rádio FilispiM, acontecerá este sábado 18 de outubro de 12:00 a 15:00 h, na traseira do Mercado de Caranza. Contaremos coa actuación do grupo de música tradicional, "Vai Rañala Meu".

Durante as tres horas emitirase un programa de radio especial ao través do 93.9 FM, donde as voces habituais da radio libre, falarán das súas propostas radiofónicas para este novo curso radiofónico. A festa da radio libre acompañarase de saborosos petiscos, cervexas, vermú, música en directo, así como dun sorteo de camisolas co logo da radio.

Como ao inicio de cada grella, o Colectivo Opaii!- Rádio FilispiM, oferece a comunidade a posiblidade de involucrarse no proxecto. As persoas interesadas deben enviar as súas propostas ao enderezo filispina@gmail.com .No apartado “Quen Somos?” do blog do Colectivo Opaíí!, atópase información sobre o ideario fundacional desta iniciativa cidadá.

No mes de agosto de 2015 Rádio FilispiM cumprirá 10 anos de emisións initerrompidas. A paixón por unha radio non convencional, autoxestionada, creativa, comprometida e con vocación local, fixeron que nestes anos pasaran polo seu estudio (primeiro no Ateneo e agora en Caranza) centos de persoas radioapaixoadas, así coma dúcias de colectivos e do tecido asociativo da nosa comarca.

Este sábado 18 de outubro entre as 12:00 e 15:00 h. da tarde, pasa pola traseira do Mercado de Caranza e toma un vermú na festa da radio libre!!

Cuña de promo


Enviado por: Rádio FilispiM 
-filispina@gmail.com 
14 de outubro de 2014 10:20

martes, outubro 14, 2014

Tres notas sobre a II Asemblea Nacional de Anova, ... Por David Rodríguez Rodríguez


Por David Rodríguez Rodríguez [*]
14.10.2014


1. Como calquera forza de creación recente Anova viviu durante estes dous últimos anos un proceso de decantación inevitable. Calquera proxecto novo encara un primeiro tempo de aluvión, confrontación e eslarecemento ideolóxico. Quen non entendeu que isto é o que se estaba a producir durante os convulsos dous primeiros anos de Anova (e xa veremos se isto rematou ou non) ten en Podemos unha moviola na que poderá asistir á repetición da película: aluvión, confrontación e esclarecemento. Por outra banda, nada hai máis absurdo que comparar a unha forza nova con outras totalmente constituídas e asentadas. Ambas teñen problemas -pois só os mortos non teñen problemas- pero trátanse de problemas diferentes; unha adoece de hiperactividade interna e contradicións agudas; as outras, de esclerose e medo, moito medo.

2. O sector que queda cunha representación residual nos órganos de dirección estaba, de facto, fóra da organización dende hai tempo. Non se identificaba co proxecto de Anova (non en van repetían, un tras outro, todos os tics propios da “cultura BNG” da que procedían) e, cando o facía, facíao dende posturas cínicas e liquidadoras de Anova como a defendida nesta AN para que Anova renunciase a presentarse ás municipais en aras dun pretendido apoio ás candidaturas cidadás; como se en todos os pequenos concellos deste país fose haber candidaturas cidadás semellantes ás das cidades. Anova é un proxecto creado para activar e ensanchar no posible a rebelión cívica contra o réxime do 78 no Estado Español e contra a ditadura económica de estruturas supranacionais tipo UE ou FMI e non para resucitar o PSG nin estúpidas dialécticas de guerra fría que hai tempo que non rexen. Unha das conclusións que cabe tirar da II AN é que Anova non vai ser o Partido Socialista polo devecía o sector hoxe nucleado por Cerna. Tampouco, obviamente, vai ser un Partido Comunista. Se Anova quere ser fiel a si mesma debería ser unha ferramenta útil para a Unidade Popular nun tempo no que a derrota de TODA a esquerda a TODOS os niveis é absoluta, e útil, tamén, para enfrontar os novos retos que a realidade empírica e material nos impón: a crise climática e os recursos limitados que fan caducar as vellas concepcións socialdemócratas e comunistas do progreso, a organización e o desenvolvemento das sociedades. A eventual reprodución fractal das leas imbéciles entre menxeviques e bolxeviques no amplo e variado espectro que hoxe ocupa a CN de Anova significará un paso seguro cara a destrución do proxecto. E unha nova proba a favor da propensión do ser humano á estulticia.

3. Xosé Manuel Beiras tardou en percibir o que sucedía en Anova. Pero finalmente percibiu. A Beiras debémoslle o impulso inicial para crear unha ferramenta que puidese vogar nun fin de ciclo multinivel. Leu con grande lucidez e celeridade os cambios que estaban acontecendo na sociedade galega e española dende o estoupido do 15M, leu tamén o carácter sistémico e a gravidade real da crise económica que padecemos e leu o estancamento no que se atopaba o nacionalismo galego (ese que nega tal estancamento e ridiculiza os cambios ao tempo que convoca, tarde e a rebufo, “asembleas abertas” á última moda). A alguén tan dotado para a lectura non se lle pode escapar que un capítulo con entidade propia na crise da esquerda galega (e estatal) durante os últimos lustros ten que ver coa reprodución no seu seo da mecánica imperante a nivel xeral tendente a reducir á mocidade ben ao “peterpanismo” durante os tempos de vacas gordas, ben á precariedade -é dicir, á non emancipación- nos tempos de vacas fracas. Un quere pensar que o paso dado a prol da coportavocía é indicativo de que se é consciente de que compre rachar canto antes o tapón que freaba o acceso das novas xeracións aos postos de mando e non que se trata dunha manobra de dilación que, por outra banda, é bioloxicamente inviable.


O Funambulista Coxo
Publicado o 14 de Outubro de 2014 no blogue:
ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Inácio GZ

-inaciogz@gmail.com
14 de outubro de 2014 23:20
______________

venres, outubro 10, 2014

De fondo Reganosa: Galicia ten que pagar infraestruturas Gasistas máis caras que o almacén submarino de Castor, segundo o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol


Galicia ten que pagar infraestruturas Gasistas máis caras que o almacén submarino de Castor


O Goberno do PP ven de aprobar por decreto (03-10-2104) unha indemnización de 1.350 millóns de euros, á empresa adxudicataria do proxecto Castor ”almacén submarino de Gas” participada por ACS de Florentino Pérez. Esta indemnización que pagaremos a cidadanía a través dos recibos do gas, ven a formar parte do chamado déficit enerxético.

O almacén estaba pechado desde setembro de 2013. O Goberno veuse na obriga de paralizar a inxección de gas tralas mobilizacións veciñais despois dos máis de 500 terremotos que se produciron.

O Síndic de Greuges de Catalunya (Valedor do Pobo), anunciou que promovería as accións oportunas para impedir que a cidadanía paguemos esa factura. Tamén se pronunciou nese sentido a Generalitat de Catalunya. IU anunciou que solicitará unha investigación á Comisión Europea.

Non hai quen asuma as responsabilidades políticas de quen permitiu semellante barbaridade e o seu mantemento durante anos. Ademais, a execución da obra “triplicou” o orzamento inicial. Todo dá mostras da complicidade dos diferentes gobernos que ollaron para outro lado ou actuaron de cómplices desta situación.

Aquí, en Ferrolterra, temos o caso da planta de gas de Reganosa. Unha instalación innecesaria, ilegal (segundo sentencia do Supremo de Maio de 2012), e perigosa que ameaza a vida de miles de persoas . A cidadanía levamos pagado perto de 500 millóns de euros, e nos 25 anos de vida útil de esta planta a cifra superará os 1500 millóns de euros. Aquí nin o Valedor do Pobo, nin a Xunta adoptan medida algunha para rematar con este timo. É máis, a Xunta de Galicia como socia de Reganosa, avala o espolio ao que se somete á cidadanía, pois niso consiste o chamado Déficit Enerxético (avaliado actualmente en 28.000 millóns de euros).As empresas do ramo, coa complicidade dos gobernos veñen realizando a construción de infraestruturas enerxéticas, lonxe de calquera tipo de planificación razoable que despois deben ser pagadas polos cidadáns. Segundo estudosos do tema, o volume de beneficio do oligopolio das 5 empresas enerxéticas nos últimos 10 anos, acada os 40.000 millóns de euros.

Ferrol, a 9 de Outubro de 2014

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
18 de setembro de 2014 00:12

________________

As compañeiras e compañeiros da COG irrompen con forza nas eleccións sindicais provinciais de Mercadona, con máis do 31% dos votos


Un resultado que pode ser cualificado de histórico da COG (Central Obreira Galega) nas eleccións sindicais de MERCADONA en A Coruña.

Resultados electorais nas eleccións sindicais de MERCADONA na provincia de A Coruña:
  • UXT: 7 delegad@s (176 votos)
  • COG: 5 delegad@s (122 votos)
  • CCOO: 4 delegad@s (89 votos)
As compañeiras e compañeiros da COG queremos dar as grazas a todas e todos as compañeiras e compañeiros que confiaron na candidatura da COG, grazas a todas e todos os que creedes que outro sindicalismo é posible e necesario, grazas a todos @s valentes que asinaron e apoiaron esta candidatura dos traballadores e traballadoras.

Foi moi duro, foi moi difícil, pero conseguimos un gran resultado froito do traballo e do exemplo.

Non vos imos defraudar, seremos coherentes, consecuentes, valentes, e sempre nos teredes o voso lado. Sin vos non somos nada, xuntos somos xigantes!.

Para Contactar:

Conta no facebook como órgano de difusión de información dos traballadores e traballadoras de Mercadona organizados arredor da COG. Sindicalismo real e combativo en contra do medo.

https://www.facebook.com/pages/Secci%C3%B3n-Sindical-da-COG-en-Mercadona/951497661533900

Correo-e: cogmercadona@gmail.com


Enviado por:
COG en MERCADONA
-cogmercadona@gmail.com-
10 de outubro de 2014 00:56
__________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Cambio, valor, coherencia, solidariedade, afectos, apoio mutuo ... un novo sindicalismo irrompe cunha candidatura da COG (Central Obreira Galega) en Mercadona - Eleccións Sindicais o 9 de Outubro
________________________

xoves, outubro 09, 2014

Juan Antón Mora presenta-nos en Esmelle: "O bosque de alimentos" - Xoves 9 de Outubro, ás 6 da tarde no local social da Asociación Veciñal - Vídeo - Enlaces


Juan Antón Mora en Esmelle, este Xoves 9 de Outubro, ás 6 da tarde, en Esmelle, no local social da Asociación Veciñal, propoñendo un debate no que trataran-se temas como a soberanía alimentaria e os Bosques de Alimentos, a aplicación do deseño de permacultura noutros ámbitos, estratexias para a substentabilidade e a autoxestión nas cidades, aproveitamento de espazos comúns e públicos ou os modelos de convivencia, ...


---

Hai persoas que dedican a súa vida a intentar demostrarnos que si se quere, pódese. Juan Antón é unha delas. Desde o seu bosque de alimentos de Alzira, Valencia, Juan suscítanos a súa alternativa para paliar o fame alí onde ataque. Dámosche entrada a súa casa para que coñezas un pouco máis a unha das figuras crave da permacultura ibérica.

Na cortometraxe dirixida polo recentemente falecido artista canadense Frédéric Back "The man who planted trees / L'homme qui plantait deas arbres" (1987) un pastor anónimo decide reforestar un esquilmado val situado nos Alpes, na rexión de Provenza. Ao longo de 40 anos e tras un proceso de observación do comportamento da natureza, o pastor Bouffier continúa plantando árbores, até converter a zona, xa na súa senectude, nun exuberante bosque.

Do mesmo xeito Juan Antón Moura (11 de Novembro de 1935) leva máis de 15 anos demostrándonos que a autonomía alimentaria é posible a través do seu bosque de alimentos situado entre os laranxais de Alzira (Valencia). Máis de 80 especies diferentes de árbores, arbustos e plantas pelexan e loitan por facerse un oco e florecer, sempre cunha única premisa: que dean un froito comestíbel. Porque para Juan "onde hai un bosque de alimentos non hai fame" e o fame é "o principal problema do mundo". Por iso cultiva todo tipo de especies, locais ou non, de tempada ou non, invasivas, trepadoras, oriundas de diferentes zonas climáticas do planeta. Porque o importantes é que fructifiquen e dean comida, así que para Juan Antón trátase de probar até atopar o equilibrio e si funciona, si un grupo de árbores parece levarse ben e prosperar, pois adiante. Para Juan a vida é acción, é facer, é crear e experimentar.

El e todo o que fai son o exemplo de que pode facerse si se quere facer, como cando logo dunha visita a Honduras onde foi a axudar a crear outro bosque comestíbel, coñeceu a un raparigo que traballaba limpando coches. Este contoulle que o que a Juan custáballe o seu paquete de tabaco diario supoñía practicamente a súa xornada de traballo e Juan non o dubidou, deixou o tabaco e comezou a aforrar diariamente o prezo do paquete e media que se fumaba. Co diñeiro que conseguiu aforrar durante anos comprou dúas hectáreas de terra no Congo e a través dunha ONG conseguiu iniciar un proxecto para crear un bosque de alimentos e unha vivenda. O proxecto non saíu como el esperaba e algunhas persoas con non moi boas intencións aproveitáronse da súa boa vontade (Juan explícao nas súas charlas conectándoo con outros conceptos sociais e de modelos de convivencia), pero el non deixa no seu empeño e a día de hoxe está desenvolvendo un novo proxecto aínda máis ambicioso e supervisado por el mesmo en Senegal, onde viaxará nas próximas datas.
Para Juan, "onde hai un bosque de alimentos non hai fame" e o fame é "o principal problema do mundo".
Nada máis entrar no bosque de alimentos de Alzira, un acórdase do gran permacultor e biólogo xaponés Masanobu Fukuoka e a súa "revolución dunha brizna de palla". Do mesmo xeito que Fukuoka, Juon Antón deixa que a natureza se mesture "ao seu aire" e limita a intervención humana ao mínimo para simplemente condicionar o resultado final de cara á optimización e o aproveitamento máximo do espazo. Para el existen dous tipos de agricultura, "a da dependencia" que nos constrinxe á utilización de produtos químicos externos para poder obter unha produción decente e a da propia natureza, que crea os seus propios alimentos e sostense sen a necesidade de intervención exterior, creando ecosistemas equilibrados. No seu bosque uno pode atopar desde plátanos até papaias, pasando por todo tipo de froitas, hortalizas e verduras de tempada e os inevitables laranxeiras, típicos na rexión.

De feito Juan Antón explica moi ben como o problema do monocultivo de laranxeiras fixo dano a toda a rexión, un campo privado dos seus propios recursos para rexenerarse logo de décadas de agroquímicos e no que constantemente deben combater as pragas con todo tipo de praguicidas. Son estas pragas recorrentes no horto de Juan? Non. Aplicando os métodos que Alwin Seifert, un paisaxista alemán , aínda que adscrito ao réxime nazi, fixo achegas de interese ao mundo da ecoloxía que expón no seu libro "Agricultura Sen Venenos" e baseándose nas súas observacións decatouse de que as propias árbores ocúpanse de extinguir as pragas perniciosas e de que a propia natureza encárgase de que sobrevivan as árbores máis resistentes e mellor adaptadas, as que teñen unha sabia máis amarga que non atrae ao pulgón, por exemplo.

Do mesmo xeito que Fukuoka, Juan Antón deixa que a natureza se mesture "ao seu aire" e limita a intervención humana ao mínimo para simplemente condicionar o resultado final de cara á optimización e o aproveitamento máximo do espazo

Juan leva anos invitando a todo aquel que queira comprobar todo isto cos seus propios ollos todo o que aquí se describe. Rara é a semana na que non recibe a algún visitante interesado polo ruído que está xerando a súa aposta decidida polos bosques de alimentos como camiño cara á autonomía alimentaria. Si estás perto de Alzira ou de paso el está encantado de recibir visitas e colaborar con quen estea disposto a sumar e a prender e, por suposto, a ensinarlle. Unha vez dentro da súa casa ao visitante tamén lle sorprenderá a variedade de especies que se aglutinan no invernadoiro ou as diferentes disposicións que en forma de hortos colgantes, maceteiros de toda índole ou enredadeiras asómanse por paredes e tellados. Pepinos, guindillas, tomates cherry teñen oco á beira dalgunha das variedades do popular kalanchoe.

Juan é en definitiva un permacultor dos pés á cabeza e un home sabio e bo que intenta axudar aos demais a través da súa experiencia, o seu coñecemento e o seu bosque de alimentos, estendendo a idea por toda a península e outras latitudes.

Unha vez dentro da súa casa ao visitante tamén lle sorprenderá a variedade de especies que se aglutinan no invernadoiro ou as diferentes disposicións que en forma de hortos colgantes, maceteiros de toda índole ou enredadeiras asómanse por paredes e tellados

Home de acción e viaxeiro incansábel son decenas os proxectos cos que colabora ou colaborou e centos as charlas e coloquios que ofreceu ou moderado.

Nese sentido, Larutanatural enorgullece-se especialmente de contar con el como un dos seus colaboradores e de poder levar o seu coñecemento xunto cos nosos compañeiros de Pumido ao Natural no val de Esmelle, en Ferrol (Galiza).

Publicado en 'La Ruta Natural'. | 04.10.2014 | Ir a Web.


http://youtu.be/AOk3am_6ewE

Enlace moi interesante | SideWays é unha webserie documental que propón episodios multimedias presentando iniciativas sociais inéditas. | A través de SideWays, queren dar a ver iniciativas positivas e orixinais, nas cales os seus creadores impulsan camiños solidarios e inovadores, a miúdo vinculados cunha utilisación intelixente da rede. |Ir a Web.

Información baseada na enviada por:
Foro Social de Ferrol Terra FSdeFerrolTerra
forosocialdeferrolterra@gmail.com-
Colectivo Pumido Natural
-pumidoaonatural@gmail.com>
7 de outubro de 2014 23:35
_______________

A deputada de AGE en Europa, Lidia Senra, estará este xoves dia 9 de Outubro en Ferrolterra - Xuntanzas de Traballo e un acto público na Casa da Cultura de Fene

A deputada de AGE en Europa, Lidia Senra, estará este xoves dia 9 de Outubro en Ferrol e Fene. Participará pola mañá coas traballadoras e traballadores do naval na mobilización convocada. Manterá ao mediodía unha xuntanza de traballo cos Comités de Navantia, e participará nun acto público ás 7 da tarde na Casa da Cultura de Fene. Este acto, e este encontro, enmárcanse dentro da dinámica que a Alternativa Galega de Esquerda en Europa - AGEe,  está elaborando para contribuír na defensa dos estaleiros públicos de Ferrolterra, a desenvolver no Parlamento Europeo. Con antelación a europarlamentaria manterá unha entrevista con membros da Plataforma Cidadá Salvemos A Malata (o tren polo trazado Norte), relacionada coa denuncia que ten interposta, a citada Plataforma, na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo.
---


lidia.senra@europarl.europa.eu

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde.
Artigos relacionados publicados en Ártabra 21:

________________

mércores, outubro 08, 2014

O Ebola Cheira a Prestige: Espallando risco


Simitudes Ebola Prestige

O Ebola Cheira a Prestige. Espallando riscos

Unha serie de similitudes fan que a traxedia da epidemia do virus Ebola póidase comparar coa catástrofe ecolóxica polo afundimento do petroleiro Prestige:
1.- Os protagonistas: O actual presidente do Goberno era no ano 2002 vicepresidente responsable de coordinar a xestión da crise do Prestige.

2.- Os factores de risco causais dos desastres: A falta de controis, recursos e protocolos para controlar adecuadamente aos centos de petroleiros (moitos deles ferruguentos) que navegaban xunto á costa galega explican en gran parte esta catástrofe. Algo similar á decisión de trasladar a un enfermo afectado polo Ebola desde África sen contar cos recursos e protocolos para tratalo adecuadamente e sen riscos, ao haberse pechado o único Hospital de referencia para Enfermidades Infecciosas do país (Carlos III) para aforrar gasto.

3.- A diseminación do problema por culpa da incapacidade dos administradores e políticos: Obrigouse ao petroleiro a afastarse da costa e percorrer miles de millas mariñas esparexendo a súa carga de petróleo, mentres que no caso do Ebola non se formou nin informou adecuadamente ao persoal sanitario, nin se lle someteu aos controis pertinentes. A auxiliar de enfermería afectada marchou de vacacións e estivo seis días con febre sen estar sometida a control, foi por propia iniciativa que acudiu a un servizo de urxencias convencional, o que  facilitou a diseminación do virus entre familiares, amigos ou contactos esporádicos.

4.- A ideoloxía política dos gobernos: En ambos casos os gobernos presididos por militantes do Partido Popular (Jose Maria Aznar e Mariano Rajoy) tiñan e ten unha clara orientación neoliberal de beneficiar á multinacionais a costa de eliminar as regulacións gobernamentais que garanten a protección do medio ambiente e da cidadanía,  recortando os recursos do sistema para reducir gasto público e beneficiar ao sector privado.
Parece que vai sendo hora que saian da esfera pública Rajoy e os dirixentes do seu partido como a Ministra de Sanidade Ana Mato (remedo do Enrique López Veiga entón . Conselleiro de Pesca da Xunta de Galicia e de Arsenio Fdez. de Mesa Delegado do Goberno en Galicia) pola súa incapacidade de xestionar administracións e recursos públicos.

Asociación Galega para Defensa da Sanidade Pública

Enviado por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
7 de outubro de 2014 18:51

http://www.plataformadspferrol.blogspot.com/

_________________

martes, outubro 07, 2014

Cambio, valor, coherencia, solidariedade, afectos, apoio mutuo ... un novo sindicalismo irrompe cunha candidatura da COG (Central Obreira Galega) en Mercadona - Eleccións Sindicais o 9 de Outubro


A COG (CENTRAL OBREIRA GALEGA) acaba de nacer en Mercadona. Somos a confluencia de varias sensibilidades unidas polo obxectivo de conseguir unha representación sindical que defenda de maneira real e con eficacia os dereitos das traballadoras e traballadores. Chegou o fin do pacto que Mercadona ten cos sindicatos maioritarios para alternarse na “okupación” do Comité de Empresa. Chegou o fin da esperpéntica situación grazas á que eses “sindicatos” defendían os intereses da empresa, convertidos nun apéndice do Dpto. de RR.HH. Algúns de nós sabémolo ben xa que procedemos deses sindicatos, de onde nos tivemos que marchar ante a prohibición expresa que nos impuñan de facer sindicalismo para seguir con eles.

Pedímosvos o voso apoio para que os traballadores e traballadoras de Mercadona poidamos dispoñer dun sindicato ao que acudir cando teñamos un problema ou unha dubida, ou simplemente sintamos a necesidade de sentirnos apoiadas e apoiados coa certeza de falar con sindicalistas honrados e convencidos de que defender os seus compañeiros e compañeiras é o seu deber por riba de todo.

Durante a precampaña sufrimos o ataque brutal e desapiadado dos “sindicalistas” enviados da empresa co único obxectivo de que non puidésemos montar unha candidatura. As mentiras e difamacións foron moitas. Cunha ausencia total de escrúpulos, estes suplantadores de sindicalistas intentaron desacreditar persoalmente aos candidatos da COG, a pesar de que é sabido que algúns levamos varios anos sufrindo as consecuencias da represión da empresa, só por defender a nosa dignidade e intentar mellorar as condicións laborais dos compañeiros.

Un dos seus “argumentos” máis repetitivos é que somos “radicais”. Pero, iso que significa? Nós, o que defendemos é o seguinte:
1.—Respecto escrupuloso do convenio. Non é un bo convenio, pero é que eles nin sequera se preocupan en que a empresa o aplique correctamente.
2.—Respecto do Estatuto dos Traballadores, pois ningún convenio pode estar por debaixo, só melloralo.

3.—Respecto á dignidade e aos dereitos básicos dos traballadores, incluído o de poñerse enfermo.

4.—Respecto á conciliación “real” da vida persoal e familiar coa laboral. Porque temos familia e unha vida á parte da nosa xornada laboral. Non somos propiedade de Mercadona.
5.—Respecto a liberdade sindical. Respecto á liberdade de opinión e de expresión. A ditadura xa hai anos que caeu neste país e ningún modelo de “calidade total” pode volver impoñela.
É isto ser uns radicais?

A nós nunca nos verás testificando contra un compañeiro nun xuízo, a nós nunca nos verás prometendo regalos para influír no voto, nós nunca seremos os recadeiros da empresa, nunca acudiremos aos mandos contarlles as queixas que vós nos comuniquedes revelando a vosa identidade... Na COG non vai haber liberados ao servizo da empresa. O traballo sindical realizarase entre todos, coa vosa participación, con visitas continuas, asembleas, panfletos informativos... Outros non poden dicir o mesmo.

É un momento histórico para as traballadoras e traballadores de Mercadona. Nas vosas mans esta ter, por fin, unha verdadeira representación sindical que non dependa directamente da empresa, se non de vós. O voso voto decidirá entre un “Comité da empresa e para a empresa” ou un “Comité ao servizo das traballadoras e traballadores de Mercadona”.

As votacións: día, horario, mesas, informacións, ...

ELECCIÓNS SINDICAIS (9 de outubro)
HORARIOS DE VOTACIÓN POR TENDA
—C. C. Espacio Coruña: 9:30-10:00
—Ronda de Outeiro: 9:30-10:00
—Rianxo: 10:00-10:30
—Xeneral Sanjurjo: 10:30-11:00
—Boiro: 11:00-11:30
—Fene: 11:00-11:30
—Papagaio: 11:30-12:00
—Freixeiro (Narón): 12:00-12:30
—Abesadas (Ribeira): 12:00-12:30
—Carballo: 12:45-13:15
—Noia: 13:00-13:30
—Canido: 13:00-13:30
—A Gándara: 14:00-14:30
—Bertamiráns: 14:00-14:30
—Casa do Camiño (Cee): 14:30-15:00
—C. C. Novo Milladoiro: 15:00-15:30
—Santa Marta: 17:00-17:30
—Oleiros: 17:00-17:30
—A Sionlla: 18:00-18:30
—O Seixo (Perillo): 18:00-18:30
—C. C. Marineda: 18:00-18:30
Os interventores da COG garantirán que o voto sexa totalmente confidencial e secreto.

Aínda que asinaras outra candidatura, podes votar a COG.

O reconto non se realiza por tendas. Haberá unha única urna que percorrerá toda a provincia e onde se depositarán os votos de tódalas tendas. Só se abrirá ao remate da xornada para o reconto global.

Poderás acudir votar en calquera tenda da provincia, aínda que non sexa a túa. Revisa os horarios nos que pasará a urna polas tendas.

Para Contactar:

Conta no facebook como órgano de difusión de información dos traballadores e traballadoras de Mercadona organizados arredor da COG. Sindicalismo real e combativo en contra do medo.

https://www.facebook.com/pages/Secci%C3%B3n-Sindical-da-COG-en-Mercadona/951497661533900

Correo-e: cogmercadona@gmail.com


Un moi interesante Boletín Electoral de 4 páxinas, en formato pdf | Acceder/Baixar.
______________________

A negociación do Acordo Transatlántico (TTIP) a debate, o vindeiro venres 10 de Outubro ás 7 da tarde no Ateneo Ferrolán - Ao día seguinte Sábado 11 de Outubro, está convocado un Día de Acción Europea contra o Acordo - En Ferrolterra unha Concentración con Asemblea Aberta, ás 6 da tarde no Cantón de Ferrol


As Marchas da Dignidade Ferrolterra organizan unha acto público baixo o titulo "A negociación do Acordo Transatlántico (TTIP) a debate", este vai ser o vindeiro venres 10 de Outubro ás 7 da tarde no Ateneo Ferrolán, que ten como fin informar sobre o denominado Tratado de Libre Comercio e Inversións entre EEUU e a Unión Europea que se está a negociar de costas á cidadanía e sen intención de solicitar a súa aprobación en referendum. Un tratado que, de firmarse segundo as directrices das corporacións e lobbys industriais e financeiros que dirixen dende a sombra a negociación, pode supoñer unha catástrofe para as persoas e os pobos en materias como a saúde, a educación, as relacións laborais, a alimentación, o medioambiente e a economía en xeral.

Contaremos coa destacada intervención de Isabel Vilalba Seivane, labrega que traballa unha explotación de vacún de leite e fabas en Lourenzá, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego e integrante da coordinación europea da Via Campesiña e Manuel Martín, médico especialista en medicina familiar e comunitaria portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública. Presentará o acto o compañeiro das Marchas da Dignidade, Celso Posada.

Outra importante:

Ao día seguinte Sábado 11 de Outubro, está convocado un Día de Acción Europea contra o Acordo Trasnatlántico (TTIP). En Ferrolterra constituíu-se unha Plataforma Cidadá que convoca para ese día unha Concentración con Asemblea Aberta, ás 6 da tarde no Cantón de Ferrol -Diante do Palco da Música (+ info), como mellor xeito de contribuír a acción contra un tratado que se vai poñer por encima dos dereitos humanos e dos pobos, unha supra-constitución antidemocrática que antepón os intereses das grandes corporacións multinacionais, fronte aos dereitos das persoas. Non podemos deixar que se nos impoña un acordo escurantista e antidemocrático, paremos o TTIP.

Máis información en:

http://noalttip.blogspot.com.es/

http://www.stop-ttip-ceta-tisa.eu/

Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  | Blogue de apoio ás Marchas de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ | Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ | Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
 | Conta no facebook:
https://www.facebook.com/MarchasDignidade | No twitter:
https://twitter.com/galizaMarcha22M | Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/.

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!
________________

luns, outubro 06, 2014

"Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica" - Caderno da Fundación Moncho Reboiras


A Fundación Moncho Reboiras vén de publicar en formato electrónico o caderno de análise "Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica". Este traballo, do que son autores Manuel Mera (coordenador) e Xabier P. Igrexas, pretende dar resposta --con vocación divulgativa-- ás principais preguntas sobre a UE, o euro e a Troika.

Nel se explica a orixe histórica e desenvolvemento do chamado proceso de construción europea do que nacerían a actual UE e máis euro, como funcionan as institucións europeas e a súa incidencia sobre a soberanía dos Estados e dos povos, o papel internacional que desempeña a Unión, a que chamamos Troika e os denominados "rescates", así como os tratados de libre comercio trasatlántico que, arestora, está a negociar Bruxelas cos EUA e Canadá. Mais tamén se aborda que papel lle corresponde ao noso país, Galiza, dentro do marco da UE e o euro.

Todas estas cuestións forman parte do debate aberto a nivel social e político no que se formulan opcións como a saída da moeda única ou mesmo o abandono da propia Unión Europea, como fórmulas que poden permitir a recuperación (ou conquista) da soberanía política e económica como elemento indispensábel que posibilite un cambio nas políticas contra a crise.

A obra, de 32 páxinas de extesión, afastada de chaves académicas ou excesivamente teóricas, está pensada como como un instrumento que permita ao conxunto do pobo formarse unha idea xeral, con rigor mais tamén cun indisimulado enfoque crítico, de que é o que realmente se agocha tras a Unión Europea. Xa que logo, convidámosvos activamente a lelo e tamén a que o difundades na vosa contorna.

O caderno foi elaborado como parte dos traballos das II Xornadas Internacionais Comprendermos a Crise, que a Fundación Moncho Reboiras realizou coa colaboración do Concello de Pontevedra os pasados 11 e 12 de abril nesa cidade, baixo o título "Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e Unión Europea".

Enlaces:
  • Presentación do caderno na web da Fundación Moncho Revoiras | Ir a Web.
  • Caderno: "Que se agocha tras a Unión Europa? Unha aproximación crítica". |Acceder/Baixar.

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
6 de outubro de 2014 12:10

Unha aperta. Xabier P. Igrexas
www.contradiscurso.net

__________________

sábado, outubro 04, 2014

A guerra dos mundos 2012 (Versión animada), no Ateneo Ferrolán este xoves 9 de Outubro, ás 8 da tarde - Atacan a Ferrol !!! Acode na súa axuda !!!


Producións en Tránsito presenta: A guerra dos mundos 2012  (Versión animada).

Día: Xoves 9 de Outubro
Hora:  Ás 20:00hs.
Lugar: No Ateneo Ferrolán, na Rúa Madalena, 202-204.

A guerra dos mundos 2012, é un radioteatro animado onde seres extraterrestres atacan as inmediacións da cidade da cultura de Santiago.

Humor, sátira social, Ferrol como protagonista nunha produción con guión orixinal de José Torregrosa e Miguel Castro, baseado no lásico de Orson Welles, Ilustracións de Fer Ocampo M, edición de vídeo por Gil López Sánchez, música por David García. Dirixido por Miguel Castro Serantes.

Atacan a Ferrol !!! Acode na súa axuda !!!

Evento en facebook:
https://www.facebook.com/events/708866559181649/
_________________________

venres, outubro 03, 2014

Esquerda Unida considera que a actual saturación de obras públicas e colapso no tráfico e aparcadoiros é resultado dun cálculo electoral do PP - Denuncia un acordo entre Urbaser e a Alcaldía para prorrogar a vixencia da actual concesión do servizo de recollida de sólidos e limpeza viaria

Esquerda Unida considera que a actual saturación de obras públicas e colapso no tráfico e aparcadoiros é resultado dun cálculo electoral do PP. | O voceiro do grupo liga o actual caos á mesma política electoral que explica os remanentes multimillonarios: todo para os últimos seis meses.

Esquerda Unida considera de todo punto inaceptable a actual situación de caos circulatorio e colapso en aparcadoiros. Non é nada casual a concorrencia de obras que causan a actual situación no centro da cidade senón que responde a unha calculada programación que nada ten que ver coa racionalidade ou a previsión. Ten que ver, pola contra, coa práctica electoralista consistente en darlle saída á obra pública no último tramo de mandato coa finalidade de poñer a disposición do goberno do PP unha campaña electoral sufragada con cartos públicos.

Non só iso senón que ademais para o voceiro Javier Galán é de todo punto inaceptable que algunha obras acaben por finalizar un ano e medio despois do prometido no seu momento á cidadanía.

En concreto:

A rúa Irmandiños ía quedar libre de obras en febreiro de 2014 (posteriormente maio de 2014) segundo promesa do goberno municipal aos comerciante da rúa da Igrexa mobilizados no inverno pasado pola actitude escurantista e prepotente do PP. Agora a nova información é que rematarán as obras en maio do 2015.

O colapso da zona está servido se lle engadimos as obras na Costa de Mella co ascensor panorámico do señor Alcalde e de orzamento millonario.

Se a isto lle engadimos as présas que se da o concelleiro Cal en solucionar a falta de servizo de transporte público en Ferrol Vello é doado deducir a situación.

Por último e a propósito do pintado de zonas de aparcadoiro de superficie e a súa planificación e información:

A demolición das institucións de participación cidadá por parte do PP está tendo consecuencias moi graves para o futuro da cidade: unilateralmente o PP está impoñendo a súa vontade, programas e compromisos electorais a parte, por riba da opinión pública facilmente contrastable para o goberno se activase os mecanismos de participación que ten a man. Con canto de facelo desmantela todo porque todo estorba para poder exercer o goberno como se está a facer e poder facer rodar a administración como se está a facer: unha máquina de subrogar e externalizar servizos con media plantilla municipal traballando para preparar, manter e darlle lustro a unha roda infernal de contratos privados.

As asociacións veciñais, e de hostalería etc e a cidadanía en xeral que estes días acertadamente protestan e fan ouvir a súa voz, deben ser escoitadas no marco das institucións participadas ou en contactos bilaterais co goberno municipal no caso do movemento asociativo pero iso non impide que deixen de funcionar as institucións que, consonte o noso regulamento, son as que poden permitir un máximo grao de participación da veciñanza, en concreto o Consello da Veciñanza. Para asuntos como tráfico, aparcadoiros, zona azul , verde ou da cor que se queira, son, literalmente, esenciais e o goberno do PP non debería ter medo de convocalas e carearse coa cidadanía directamente... de ser un goberno ao servizo do interese xeral.


Esquerda Unida denuncia un acordo entre Urbaser e a Alcaldía para prorrogar a vixencia da actual concesión do servizo de recollida de sólidos e limpeza viaria. | O Concello aínda non pasou ao grupos municipais o estudo para o diagnóstico da situación da concesión.

A data de hoxe e entrando xa no mes de outubro, é dicir, a tres meses vista do fin da concesión coa empresa Urbaser para a recollida de sólidos urbanos e limpeza viaria, o goberno do señor Rey Varela non presentou o estudo que permita unha avaliación da situación, por lóxica elemental, previa a calquera debate sobre prego de concesións.

É dicir, cómpre coñecer e analizar todas as variables que concorren na situación de fin da concesión incluídas aquelas que conforman o histórico da concesión e que contemplan as modificacións do contrato concesional en materia de investimento e renovación. Cómpre, ademais, coñecer a conta de explotación da empresa e os seus costos de persoal e cómpre, en definitiva, dar conta das modificacións do servizo previstas, do seu impacto económico, do seu impacto no costo no equipo de persoal sen alteralo ou reasignalo e , por parar en algún punto, entrar no detalle do costo do impacto de persoal por capítulos-maquinaria. Cando menos isto que , queremos lembrar, foi o que, con certos matices de importancia, se fixo no ano 2009 a propósito da última modificación no servizo de recollida de RSU e limpeza viaria.

Pola contra o goberno do PP non só non fai nada disto senón que mesmo se entretén con cuestións alleas , en principio, á concesión como pode ser un convenio laboral que, se afirma, garante o emprego e a continuidade da limpeza viaria e recollida de lixo. O emprego das empresas se garante derrogando leis como as aprobadas polos gobernos do PP e a limpeza e recollida do lixo garántense doutra maneira: xestión pública e modernización e actualización do servizo sen mercantilización. Eis a chave da cuestión: para garantir o emprego e para garantir o servizo e a súa excelencia hai que comezar xa a poñer as cifras en claro. Se non é así o único que nos queda pensar é: vai haber unha prórroga por un ano para a actual concesionaria que lle permita ao señor Rey Varela e á empresa agochar as súas intencións e entrar en campaña electoral o máis comodamente posible en canto a lixo e limpeza viaria se refire. Para despois das eleccións novo prego con axustes de equipo e despedimentos pedra de troco para negociar o canon. Polo medio unha mingua no servizo disimulada no papel do novo prego pero evidente unha vez pase o tempo e como xa se está a ver ,agora, co novo prego para o servizo de parques e xardíns: o costo de incluír a Praza de España mantendo o canon é a costa de mingua do servizo para o resto das zonas verdes e mantemento de árbores e xardíns.

Ferrol, a 3 de Outubro de 2014

Esquerda Unida de Ferrol
R/ do Sol 124 Entrechán Esquerda
981944035

www.euferrol.org
https://www.facebook.com/esquerdaunida.ferrol
https://twitter.com/EUFerrol
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
3 de outubro de 2014 13:17
Bo día. Enviamos notas de prensa do grupo municipal de Esquerda Unida. O lamentable planeamento das obras públicas en Ferrol, coas conseguintes consecuencias para viandantes e tráfico rodado, e determinados acordos fóra do foco das institucións públicas e o control democrático son os temas que tratamos. Un saúdo e grazas pola atención. Jorge Suárez. Secretario de Comunicación.
___________________________

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública e a concesión dun tratamento por parte da Consellería de Sanidade con hormona do crecemento a un neno galego, ao que se denegou devandito tratamento fai un ano, unhas horas despois de que a súa nai recibirá unha carta da raíña

A AGDSP e o tratamento du neno tras intervencion da raiña

Ante a información de que a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, manifestou que o Comité de Expertos na materia decidiu "sen presións externas" conceder o tratamento con hormona do crecemento a un neno galego ao que se denegou devandito tratamento fai un ano, unhas horas despois de que a súa nai recibirá unha carta da raíña interesándose polo seu caso, decisión aprobada posteriormente pola Consellería, desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública queremos manifestar que
1.- Esta decisión supón unha inxerencia política inaceptable nun tema sanitario, un exemplo máis da cultura do enchufismo que pervive na Xunta de Galicia.

2.- Cuestiona as decisións dun presento Comité de Expertos que debería tomar as súas decisións sobre a pertinencia dun tratamento en función da necesidade de saúde dun neno e non de criterios de aforro ou de intervención da casa real.

3.- Novamente a Conselleira pretende enganar á sociedade e aos traballadores/as sanitari@s galegos ao informar que o cambio de criterio no tratamento nada tivo que ver coa intervención real. Parece que a Consellería cre que a opinión pública galega é parva.

4.- Esta decisión volve e mostrar a falta de equidade e de racionalidade das decisións da Administración Sanitaria Galega que adopta as súas decisións por criterios de aforro económico ou de interese político.
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

Enviado pola:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com-
2 de outubro de 2014 23:01

www.plataformadspferrol.blogspot.com

____________________

Os últimos datos do INE confirman o fracaso das medidas-parche do PP e a vulneración do dereito á vivenda


O pasado 30 de Setembro, publicáronse os datos do segundo trimestre sobre execucións hipotecarias. As cifras publicadas polo INE confirman, unha vez máis, que as medidas tomadas polo PP non fan máis que agravar a situación deemerxencia habitacional e de vulneración de dereitos humanos en materia de vivenda en todo o territorio de Estado.

Segundo os datos oficiais, no 2º trimestre de 2014 iniciáronse 32.960 execucións hipotecarias. Do total de execucións, 19.155 son vivendas, é dicir, case o 60%, e destas, máis do 50% son de vivenda habitual. Todos os datos facilitados pola administración indican que as execucións hipotecarias, lonxe de diminuír van en aumento. En total, estamos falando de que acumulamos máis de 550.00 execucións hipotecarias iniciadas desde 2007. E todo iso sen contabilizar os datos relativos ao aluguer, un drama crecente.

Antes de analizar os datos queremos denunciar, unha vez máis, que as cifras chegaron tarde e seguen sendo incompletas e insuficientes.

Os datos do INE unicamente distinguen entre persoa física e xurídica no caso de procedementos de execución hipotecaria iniciados no trimestre, en cambio non se especifica esa distinción nas cifras de desahucios.

Non se recollen datos clasificados por criterios básicos como o perfil das familias, si hai menores ou a situación laboral.

Non se inclúen tampouco estatísticas relacionadas coa pobreza enerxética ou o impacto na saúde que están sufrindo as persoas afectadas por esta constante vulneración de DDHH.

Nas PAHs levamos desde 2009 denunciando a falta de datos cuantitativos e cualitativos referentes ao procedemento de execución hipotecaria e a clara intencionalidade de facer invisíbel o drama dos desafiuzamentos e a vulneración sistemática do dereito á vivenda e os dereitos humanos por parte das administracións públicas. Non recoller datos estatísticos de calidade é unha decisión política que contribúe a que non se vexan os problemas.

Coa intención de paliar esta información cortada, as PAHs presentaron o ano pasado o Informe de Emerxencia Habitacional no Estado español a partir das enquisas realizadas pola xente afectada. Novamente, un paso por diante das institucións e con moi poucos recursos, desde as PAHs e o Observatorio DESC estamos realizando unha enquisa centrada no impacto en saúde e infancia do procedemento de execución hipotecaria que toda a xente afectada pode reencher.

Analizando os datos publicados hoxe -conxuntamente cos datos do CGPJ e do Banco de España- podemos concluír que 7 anos despois do estalido da burbulla inmobiliaria, a emerxencia habitacional no Estado Español lonxe de diminuír, aumenta. As cifras constatan o incremento dos desafiuzamentos e do número de execucións hipotecarias, e que nada do que fixo o Goberno mellorou a situación. As súas medidas-parche son un insulto e unha falta de respecto ás persoas afectadas.

Cunha aval de máis de 1,5 millóns de firmas da cidadanía que dan apoio ás demandas das PAHs non nos cansaremos de esixir unha e outra vez que se aprobe a ILP ante os oídos xordos do goberno do Partido Popular. A ILP é democracia e garantía de dereitos. Así mesmo, desde a Plataforma de Afectados pola Hipoteca tamén queremos denunciar a falta de transparencia por parte do Goberno en canto a datos de execucións hipotecarias refírese.

Mentres o Goberno mira para outro lado e protexe ás entidades financeiras somos a cidadanía organizada a que estamos autotutelando o dereito á vivenda, parando desafiuzamentos, arrincando dacións, condonacións e alugueres sociais ás entidades financeiras e producindo datos de calidade para dar luz ao drama das execucións hipotecarias. Até que non se faga efectivo o dereito á vivenda e as nosas medidas de mínimos non estean reguladas, as PAHs continuará nos xulgados, nos Concellos, nas rúas e onde faga falta.

¡Si se pode!

Estatística sobre Execucións Hipotecarias publicadas polo INE, do 2º  trimestre 2014. | Acceder/Baixar.

Enviado pola web estatal das PAHs a Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, o 30 de Setembro de 2014
---

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Sitio-e:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol
_________________________

xoves, outubro 02, 2014

Lévame a aquela fonte cristaiña... Por Iolanda Teijeiro Rey

Por Iolanda Teijeiro Rey [*]
02.10.2014


"Lévame a aquela fonte cristaíña onde xuntos bebemos as purísimas augas que apagaban sede de amor e chama de deseios..." A inmortal Rosalía falándonos do amor, o máis prezado da vida, coma unha fonte de augas cristaíñas. Porque Rosalía vivía nunha Galiza onde non había saneamento nin tratamento das augas. As fontes e lavadoiros eran os lugares da muller onde o amor mozo tiña o seu escenario natural. Ao rumor das augas namorábanse os mozos. Sempre no fresco segredo das augas. Era duro ter que ir á fonte, traballo de mulleres. Pero alomenos a auga era de todos, un ben común!. Mais cando os concellos deron en sanear e levar ás casas a auga houbo vellos que se negaron. Parecían ignorantes que desprezaban un ben social. Hoxe, dende a distancia histórica, parecen sabios coñecedores da picaresca municipal!.

Levar a auga ás casas tiña un custe que había que pagar. Pero, inxeis de nós, criamos que sería un custe razoábel, non un abuso. Asolagaron As Forcadas. Eu coñecín unha muller idosa que vivía hai tempo na rúa do sol que fora desprazada daquel seu val, terra vizosa e cultivada. Viña dunha cidade asolagada para facer o encoro que abasteceu de auga a Ferrolterra. E despois din que son lendas as das cidades asolagadas coma Lucenza!. Daquela eu fora contratada temporalmente por Dragados e Construccións para actualizar o censo de auga de Ferrol. Lembro que trouxeran un Enxeñeiro de Camiños que non era de aquí e non tiña nin ideia do plano de Ferrol para distribuirmonos polas zonas. Coidaba que Caranza podía actualizarse nunha semana. Entón decateime da chapuza da política de augas municipal. Había pisos que non pagaban auga porque o concello non os deixaba xa que non existían oficialmente. Lembro uns que a partires do cuarto andar xa non existían. Era e segue a ser, supoño, a política urbanística dos piratas. Había obxectores comerciantes que non pagaban a auga porque lles parecía abusiva a taxa, e o era. Pagaban unha barbaridade máis cos fogares cando o consumo era mínimo. Axuda isto a conservar os postos de traballo dos pequenos comerciantes?. Entrementres os pisos dos militares non pagaban nada. Avisábannos que xa non foramos por alí. Eu non podía acreditar nestes privilexios dos mellores tempos do franquismo. Imaxino que os templos tamén estarían exentos. Cando o gasto de auga é moito maior onde hai bautizos acotío e xarróns de froles matrimoniais. Naqueles tempos non se pagaba por consumo porque os contadores non funcionaban, non se tomaba lectura. Algúns estaban agochados no fondo das lacenas ou pendurados das fiestras e só accesíbeis aos montañeiros ou contorsionistas circenses.

Mais agora que somos europeos xa nos cobran a taxa de auga por consumo. O malo que o mínimo consumo, o cero, dunha vivenda na que non abres a billa porque non vives alí é de vinte e pico euros. Hai que ir de liorta a cada pouco a Emafesa, a empresa privada que a xestiona porque che suben a taxa sen avisar a tempo. Menos mal que non o temos domicialiado!. Seica se o contador non se move Emafesa coida que é porque o contador está averiado.  Non caen na conta que pode ser porque non vive ninguén alí. Se te das de baixa aínda así tes que pagar o lixo, anque non o xeres e tamén a reciclaxe para outra empresa privada, Sogama, obsoleta, que aínda con grandes beneficios, sube outra vez as taxas. Cantas familias haberá hoxe en Ferrol que viven sen auga porque non poden pagala? Onde está o xornalismo de investigación para destapar este atentado á cidadanía? Nin fontes teñen onde beber unha auga que se ten por un recurso natural, por un dereito humano universal!. A guerra pola auga ía ser a guerra do futuro nas películas de ciencia-ficción pero xa é a guerra do presente!.

E agora ven o señor alcalde a vendérmonos o saneamento unitario! Expertos coma Joaquín Suárez da UDC alértannos de que non é sostíbel, que xera impacto ambiental e amais supón un elevado custe. Mais isto é o que interesa, a chapuza do elevado custe para encher as sacas da empresa privada. Se xa nos custaba pagar a taxa actual da auga agora recárgannos cunha taxa anual de 70 euros de promedio por familia. E con moitos menos millóns de metros cúbicos (7 no canto de 25) dos que nos taxaron. Transparencia? Non hai nada máis opaco ca auga deste concello!.

Lemos estes días que Arteixo vén de remunicipalizar o servizo de auga e parece que debido a isto baixará un 8,5 % o recibo de auga e saneamento. Por outra parte uns cidadáns exemplares andan a recoller sinaturas a prol de que en Ferrol se faga o mesmo. Remunicipalizar! Porque o público sempre é máis barato có privado. Cae de caixón. As empresas non son ONG e ao abeiro dos concellos fan bo negocio para eles e pésimo para nós, os cidadáns. Remunicipalizar os servizos para que volvan ser íntegramente públicos evitaría, ademais, as corruptelas ao mellor estilo Gürtel e Pokémon. Así que animo dende aquí a todos os cidadáns que se impliquen nesta loita por un bo servizo público de xestión e saneamento da auga en Ferrol. Como pouco asinando a Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento.

"Que onte á mañán na devesa a iauga se tornou roxa cando me fun lavar nela; Que en baixo dos meus peíños íñanse murchando as herbas..." Ai Rosalía, canto razón non tiñas!.

[*] Iolanda Texjeiro Rei,  Pedagoga Social. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. Pertence á Asociación Hun Yuan Tai Chi Chuan. | Artigos no xornal comarcal 'Diario de Ferrol': Acceder. | Artigos no Sermos Galiza: Acceder. | Conta no facebook: Acceder. |

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
1 de outubro de 2014 15:28

__________________________