martes, novembro 24, 2015

Como no resto de cidades e vilas galegas, en Ferrol, a CIG convoca concentracións, este 25N, n Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

A secretaría da Muller lanza unha campaña, con motivo do 25 de Novembro, alertando de que “Na túa empresa tamén hai violencia”

A CIG convoca concentracións, o Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, en cidades e vilas galegas. En Ferrol: ás 12 horas diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galiza.

A CIG convoca concentracións en cidades e vilas galegas contra a violencia machista, mañá mércores, día 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Unha data con motivo da que vén desenvolvendo unha campaña baixo o lema “Na túa empresa tamén hai violencia”, para chamar a atención sobre as agresións e a violencia simbólica, de abusos cotiáns, que sofren as mulleres no ámbito laboral -que foi presentada a semana pasada no marco dun encontro nacional de mulleres da CIG- e chama a participar das mobilizacións convocadas polo movemento feminista.

“Na túa empresa tamén hai violencia”


Con esta campaña a CIG pretende dar claves de identificación das múltiples manifestacións de violencia e sexismo no ámbito laboral, na propia empresa, para comezar polo máis próximo. Deste xeito advirte que “son violencia machista os achegamentos físicos excesivos por parte dun xefe ou un compañeiro de traballo” mais tamén que se poña en risco a saúde da muller ou do feto cando a empresa non adopta medidas preventivas no traballo; as diversas formas de humillación que sofren as traballadoras cando non se recoñece nin o seu traballo nin a súa valía; cando se paga menos polo mesmo traballo; cando non se promociona á muller polas cargas familiares ou cando se culpabiliza a unha traballadora que solicita unha redución de xornada por coidado creando un clima de traballo hostil “facendo crer ao cadro de persoal que teñen que traballar nun horario incómodo pola súa culpa”.

Na campaña alértase tamén dos micromachismos que se poden manifestar na propia entrevista de traballo cando á muller se lle pregunta se ten familia o seu cargo ou se ten previsto tela; cando lle quitan valor ás ideas ou opinións das mulleres minusvalorándoas ou mesmo cando se cambia unha reunión cando cadra cun partido de fútbol, mais non cando coincide con actividades extraescolares das crianzas.

Para a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral cómpre recoñecer estas actitudes para poder combatelas e é imprescindíbel incrementar o investimento público nos programas de atención e protección das vítimas, penalizando aos agresores e evitando que poidan reincidir e unha intervención directa nas causas da violencia de xénero. “Para irmos á raíz, temos que ir ás orixes, valores e condutas xerados pola cultura dos xéneros e propiciar cambios e alternativas".

SITUACIÓN ALARMANTE

Para a CIG é alarmante que en 2014 foran asasinadas 9 mulleres –oficialmente só se recoñecen 6- e que no que vai de ano 2015 xa foran asasinadas 8. Lembra que actualmente en Galiza están vixentes 7.759 ordes de protección; que o centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero atendeu, desde xuño de 2014 até decembro, a 28 persoas: 14 mulleres e 14 crianzas ou que o teléfono da Muller atendeu o ano pasado un total de 4.870 chamadas.

Unha situación que para a secretaria das Mulleres, Margarida Corralé máis que grave” e que porén non foi considera así polo goberno do PP, que aínda que incrementou este ano os recursos públicos nun 5,3% respecto do anterior, chegando aos 10.310,2 millóns de €, non chega para compensar os recortes introducidos desde 2009 cando o orzamento foi de 11.792,8€.

Corral denuncia ademais "o impacto que os recortes, en xeral, tiveron na vida das mulleres. Recortes cos que a Xunta de Galiza provocou o desmantelamento das políticas e igualdade, incidindo directamente nos dereitos humanos das mulleres". Neste sentido sinalou que "a ONU suspende ao goberno do PP en todas as áreas que, de xeito directo e indirecto consolidan a discriminación das mulleres: violencia de xénero, igualdade, saúde, emprego, dereitos sexuais e reprodutivos… e un longo etcétera”.

Tal é así que o Estado español ocupa o posto 29 dun estudo que abrangue a 142 países e que sitúa entre os dez primeiros, ademais de europeos como Islandia, Finlandia, Noruega ou Suecia, a outros como Ruanda ou Filipinas, que van 20 postos por diante.

Compostela, 24 de novembro de 2015

Gabinete de Comunicación da Confederación Intersindical Galega - CIG.

Enviado por:
CIG FERROL INFORMA
-ferrol@galizacig.net-
24 de novembro de 2015 12:36

_____________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Baixo o lema "Paremos o Feminicidio", a Marcha Mundial das Mulleres convoca en Ferrol, como noutras cidades da Galiza, actos de denuncia e reivindicación para este 25 de Novembro Día Internacional Contra a violencia Machista
_____________________

O Instituto Galego de Estatística, publica hoxe un interesante informe sobre as persoas pensionistas residentes na Galiza


O Instituto Galego de Estatística (IGE), publica hoxe un interesante informe sobre as persoas pensionistas residentes na Galiza; "Pensionistas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia - Ano 2014".


O IGE realizou unha explotación do ficheiro de pensións contributivas do sistema da Seguridade Social xestionadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e polo Instituto Social da Mariña (ISM).

Os datos que se presentan neste apartado son relativos ao colectivo de titulares de pensións contributivas do sistema da Seguridade Social xestionadas polo INSS e polo ISM, residentes na Comunidade Autónoma. Non se inclúen, aquelas persoas que teñen un sistema de previsión social distinto á Seguridade Social, como por exemplo, os funcionarios de clases pasivas.
"No ano 2014, en Galicia hai 652.477 persoas que perciben pensións contributivas da Seguridade Social, das cales o 50% son mulleres.

O 78,9% das persoas que perciben pensións contributivas teñen 65 ou máis anos. Nos homes, o grupo de idade máis frecuente é o de 65 a 74 anos (126.356 persoas), mentres que nas mulleres é o de 75 a 84 anos (102.340 persoas).

O importe medio calcúlase como a media da suma dos importes percibidos en pensións contributivas da Seguridade Social por cada pensionista. En Galicia, no ano 2014, este importe situouse en 848,05 euros, e no caso dos homes é un 37,2% superior ao das mulleres.

Ao comparar o importe medio segundo o sexo e a idade do pensionista pode observarse que os homes teñen importes medios superiores ás mulleres en todos os grupos de idade. Ademais os importes maiores, tanto para homes como para mulleres, atópanse nos grupos de idade intermedios, é dicir, de 55 a 64 anos e de 65 a 74 anos. Nestes dous grupos de idade o importe medio dos homes é un 47,4% e un 45% respectivamente superior ao das mulleres
."
Sigue sinalando no seu informe:
"No ano 2014, en Galicia, o 50% dos pensionistas, 326.238 persoas, percibiron un importe medio superior aos 634,4 euros; e o 10% percibiron menos de 404,8 euros.

Por sexos a distribución dos importes medios dos homes presenta unha maior dispersión e as diferenzas acrecéntanse nos importes medios máis elevados. Así, máis do 25% dos homes perciben un importe medio superior aos 1.000 euros mentres que no colectivo das mulleres só acadan esta cantidade pouco máis do 10% das pensionistas
".
Máis información con interesantes cadros en:
http://www.ige.eu/estatico/estat.jsp?ruta=html/gl/Pensions_ResumoResultados.html

Outra información de interese sobre as pensións na Galiza:
http://www.ige.eu/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?idioma=gl&codigo=0205008

Servizo de Difusión e Información Estatística
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
Instituto Galego de Estatística
15703 Santiago de Compostela
Telf: 981 541589 de 9 a 14 horas, Fax: 981 541323
contacto: http://www.ige.eu/catalogo/peticioninfo.jsp
web: http://www.ige.eu


Información baseada na enviada por:
ige.novidades@ige.eu
-ige.novidades@ige.eu-
24 de novembro de 2015 09:58

__________

Icaria Editora presenta o interesante libro, de Ernest Cañada, sobre a outra cara do turismo, "As que limpan os Hoteis - Historias ocultas de precariedade laboral" - O primeiro paso para conseguir un dereito é a visibilidade

Icaria Editora presenta o libro, de  Ernest Cañada, sobre a outra cara do turismo, "As que limpan os Hoteis -  Historias ocultas de precariedade laboral" ("Las que limpian los hoteles - Historias ocultas de precariedad laboral"), o primeiro paso para conseguir un dereito é a visibilidade.

Praia de Palma, Mallorca, é un dos principais destinos de sol e praia no Mediterráneo. Os hoteis, que en tempada alta aloxan a miles de turistas europeos, en especial alemáns, sucédense un tras outro ao longo de quilómetros. A concentración de traballadores é tamén moi importante.

Dolores Ayas, de 57 anos, traballa para unha das principais cadeas hoteleiras de Baleares. "O máis duro é mover as camas de madeira, que son moi pesadas. Cada día son 50 camas. E os colchóns tamén pesan un morto, é horroroso. Hai días que non podo coa miña alma".

A intensidade coa que teñen que traballar é outro dos problemas das camareiras de piso. Emilia Ortega explica que "o ritmo de traballo é moi intenso, esaxerado, imos sempre a contra reloxo". Temos 4 ou 5 horas para facer 20 habitacións", explica Isabel Moreno. Con máis persoal non sería necesario forzar tanto o ritmo de traballo das camareiras, denuncia Pepi Lora: "Onde se necesitan 20 camareiras agora hai 14 ou 15". Soledad Castro expresa tamén o estado de malestar que provocan estas condicións: "Cando na mañá danche a nota de traballo, dáche de cabeza contra a parede. Xera moita frustración non poder facer ben o traballo que unha ten. E iso provoca moita tensión".

A consecuencia é que practicamente todas as camareiras acaban medicándose para poder soportar o traballo. "Estamos feitas po e traballamos todos os días a forza de pastillas. Eu tomo pastillas para o reuma, anti-inflamatorios e tamén para o corazón, porque vou moi tensa", así de contundente maniféstase Dolores Ayas.

As camareiras de piso, dedicadas basicamente á limpeza de habitacións, son un dos colectivos máis importantes dos persoais dos hoteis. Con todo, son practicamente invisíbeis para a maioría dos hóspedes. Durante a crise económica o seu traballo precarizou-se profundamente. A carga de traballo, os ritmos e as presións chegaron a extremos que están poñendo en risco o seu saúde física e psíquica.

O turismo, e en concreto a hostalaría, están xerando emprego, pero é un traballo cada vez máis precario. Hai que mellorar as condicións laborais das traballadoras e os traballadores do turismo si se quere apostar porque o turismo siga tendo unha contribución importante na economía española.


Máis información [Ir a Web]

Enviado por:
Anna Monjo
-amonjo@icariaeditorial.com-
23 de novembro de 2015 17:58

___________

Nova concentración en Barallobre para reivindicar a recuperación da ribeira da parroquia fenesa - Venres, día 27 Novembro ás 17:30hs, na contorna das antigas instalacións de Fondomar


Concentración Ribeira de Barallobre

Como ven sendo habitual, desde que comezou está loita veciñal, o vindeiro venres, día 27 Novembro ás 17:30 horas, terá lugar a unha concentración de fin de mes nos arredores das antigas instalacións de Fondomar na Ribeira de Barallobre, no concello de Fene, co obxecto de reivindicar a recuperación desta zona, como espazo público para o lecer e a rehabilitación do edificio Fondomar para usos socio-culturais e deportivos.

No transcurso da concentración dará-se conta e información a veciñanza das iniciativas realizadas por esta Comisión durante este mes, así como debater as propostas presentadas nesta mobilización.

A concentración está convocada polo Colectivo Veciñal de Barallobre.

Información baseada na enviada por:
RIBEIRA BARALLOBRE
-ribeira.barallobre@gmail.com-
23 de novembro de 2015 22:59
_____________

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Proposta veciñal para a Rehabilitació0n da Ribeira de Barallobre.
____________

luns, novembro 23, 2015

Hoxe está convocada unha nova concentración ante o anuncio da entrada dun novo buque gaseiro', cargado con gas para a ilegal e perigosa Reganosa - Na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, este Luns 23 de Novembro 2015, ás 7 da Tarde


CONCENTRACIÓN SONORA EN FERROL,
 LUNS 23 DE NOVEMBRO, ÁS 7 DA TARDE (Novo horário de Outono/Inverno)
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA
NA PRAZA AMADA GARCIA

Un novo LNG Tanker, vai descargar miles de toneladas de gas natural licuado para Reganosa. Un buque gaseiro, de grande porte, con miles de m³ de gas natural licuado (LNG / GLN), vai entrar pola bocana da Ría e cruzará o angosto, estreito, de pouco calado e de fondo rochoso canle de máis de 4.500 metros (con miles de toneladas de GNL abordo), até chegar ao pantalán de descarga do peirao de punta Promontorio, situado no termo municipal de Mugardos. Onde Reganosa coa complicidade de políticos sen escrúpulos construíu unha planta de gas que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza sempre que entra na Ría un buque destas características, cargado para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Mugardos (Punta Promontorio). No caso de entrar, Este buque faría o gaseiro número 203 que descargaría en Reganosa, desde que o fixera o "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

A recente Traxedia, ocorrida  na cidade portuaria China de Tianjin, coa explosión do almacén de substancias químicas, con 170 persoas mortas ou desaparecidas e case 800 feridas, pon en evidencia o perigo das instalacións  que, como a Planta de Gas de Reganosa, non gardan as distancias legais aos núcleos de poboación e constitúen unha ameaza para a vida das persoas.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, este Luns ás 7 da Tarde (Novo horário de Outono/Inverno), en Ferrol, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.


Pasaron xa máis de tres anos, desde que o 11 de Maio de 2012 se ditou a Sentenza polo Tribunal Supremo, onde a planta xa foi declarada ilegal, en sentenza inapelábel. O 15 de Setembro de 2014, foi admitido a trámite, polo Tribunal Supremo, o Recurso de Casación contra a decisión da Xunta de Galicia e o Concello de Mugardos que denegan a nulidade do novo PXOM en execución da mencionada Sentencia.

Tras a Sentenza do Tribunal Supremo, que declara ilegal a localización de Reganosa, esiximos o fin desta ameaza e deste malgasto de cartos públicos. Temos que esixir o seu peche definitivo.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • MÓVETE CONTRA A IMPUNIDADE !!
  • PECHE XA!!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA  !!

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
21 de novembro de 2015 10:17
_______________

'Nós' chama a "ir a Madrid para defender o que o goberno galego non defende", no 'Encontro Nacional Aberto' celebrado este domingo


'Nós' chama a "ir a Madrid para defender o que o goberno galego non defende". | Remate do 'Encontro Nacional Aberto' celebrado este domingo.


Nós - Candidatura Galega celebrou este domingo ao mediodía no Pazo de congresos e exposición de Santiago de Compostela un Encontro Nacional Aberto que serviu para presentar os seus candidatos e candidatas ás eleccións xerais do 20 de decembro. Reivindicouse como "a única opción política 100% galega, libre de supeditacións a forzas estatais, que non se pon límites na defensa de Galiza en Madrid a partir do 20D". O acto, conducido por Xosé Lois González, o Carrabouxo, e por Isabel Risco, número dous da candidatura pola Coruña, contou coa participación de representantes de distintos colectivos sociais que levaron a cabo mobilizacións en defensa dos seus dereitos, como os estafados polas preferentes, emigrantes retornados, plataformas en defensa dos servizos públicos, entre outros. Entre as máis de mil persoas asistentes, figuraban todas as persoas integrantes da candidatura e responsables políticos das forzas que a apoian: BNG, PG, Foga, CG e PCPG.
No acto recoñeceuse o labor desenvolvido nos últimos anos polas deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila e Rosana Pérez, e tamén por Francisco Rodríguez, tamén homenaxeado
No acto, ademais, recoñeceuse o labor desenvolvido nos últimos anos polas deputadas do BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila e Rosana Pérez, e tamén por Francisco Rodríguez, tamén homenaxeado, grazas aos que "Galiza tivo voz en Madrid", segundo se destacou nas distintas intervencións. Neste senso, Olaia Fernández Dávila salientou que "o BNG foi a referencia no Congreso dos colectivos esmagados polas políticas do PP". De igual xeito, Rosana Pérez afirmou que "temos que ir a Madrid para defender o que o goberno galego non defende".

As protagonistas foron as cabezas de lista por cada circunscrición provincial: Carlos Callón (A Coruña), Carme Adán (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Noa Presas (Ourense), ademais doutras candidatos e candidatas, ao Congreso e ao Senado, que foron pasando polo escenario para intervir sucesivamente. "Como muller, moza e galega aspiro a vivir en Ourense, no interior. Como muller, moza e galega acredito nunha realidade distinta pola que loito cada día e estou aquí para defendela", destacou Noa Presas. "Imaxinade o pais no que queredes vivir, é Galiza! Sentide o orgullo de pertencer a esta terra", afirmou Olalla Rodil.

Pola súa banda, Carlos Callón subliñou que "non imos consentir que acaben co noso idioma, que o traten como un residuo tóxico" e engadiu que "non podemos permanecer impasíbeis vendo como nos rouban o noso país. Temos que deixar de ser a última carta da baralla". Finalmente, Carme Adán sinalou que "o noso futuro témolo que conquistar coas nosas mans" e destacou que a candidatura ten "a forza de homes, mulleres que tiveron soños para desexar outra Galiza". “Contra o machismo que mata, NÓS, estatuto de vítima de feminicidio, contra a falta de crédito para familias e empresas, NÓS banca galega”, explicou Adán citando parte das propostas programáticas. “Contra aqueles que non creen no país, NÓS, orgullo de país, NÓS-Candidatura Galega”, concluíu.

Redacción | @prazapublica | 22.11.2015

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.
_________

Enlaces e Contacto:
Web: http://noscandidaturagalega.gal/
Twitter: https://twitter.com/noscgalega/
Facebook: https://www.facebook.com/noscgalega/
Hashtags: #GZtenquestar | #noscandidaturagalega
Youtube: https://www.youtube.com/channel/UCfsWeujQ-LVG6s23wWSJC5g/
Correo-e: info@noscandidaturagalega.gal
________________

domingo, novembro 22, 2015

Presentación dos candidatos e candidatas de EnMarea, este domingo en Compostela


EnMarea chama a trasladar ás institucións "o que levamos anos reivindicando nas rúas". | Presentación dos candidatos e candidatas de EnMarea, este domingo en Compostela.

EnMarea, a lista apoiada por Podemos, Anova, EU e as candidaturas cidadás municipalistas, presentouse este domingo en Compostela, definíndose como "a única candidatura" que pode derrotar a Núñez Feijoo e a Rajoy. No acto interviron as persoas que encabezan as candidaturas en cada circunscrición provincial (Antón Gómez-Reino, Alexandra Fernández Gómez, David Bruzos e Miguel Anxo Fernán Vello), e as número 2 en Pontevedra (Ángela Rodríguez Martínez, 'Pam') e A Coruña (Yolanda Díaz).

Os distintos candidatos e candidatas foron debullando os obxectivos da lista, que aspira a obter os escanos suficientes para formar un grupo parlamentario galego no Congreso. Chamaron a "mudalo todo para que nada siga igual" e a "trasladar ás institucións o que levamos anos reivindicando nas rúas", como destacou Antón Gómez-Reino, Tone (Podemos). "Temos que trasladar ao Congreso a vontade de cambio que vén de hai anos", engadiu. Pola súa banda, Alexandra Fernández Gómez (Anova) salientou que "o 15M saímos ás rúas coa idea de que as solucións son colectivas", subliñando que a confluencia das distintas formas que compoñen EnMarea responde a que "temos un obxectivo común".
"Sinalaron que a lista é "a única candidatura" que pode derrotar a Núñez Feijoo e a Rajoy, situando o obxectivo non só nas eleccións xerais deste 20 de decembro, senón tamén nos comicios autonómicos do vindeiro ano"

Neste senso, Yolanda Díaz (EU) sinalou que a lista é "a única candidatura" que pode derrotar a Núñez Feijoo e a Rajoy, situando o obxectivo non só nas eleccións xerais deste 20 de decembro, senón tamén nos comicios autonómicos do vindeiro ano. Ángela Rodríguez destacou que "Son muller e estou aquí para dar a cara por todas aquelas que o fan anónimamente", pedindo o voto para EnMarea "pola democracia, pola xustiza, pola igualdade e sobre todo pola alegría".

Miguel Anxo Fernán Vello denunciou que "a política que temos marxina aos novos e resigna aos maiores" e chamou a "poñer a economía ao servizo da xente", reivindicando "a xustiza social e rescatar as persoas e non aos bancos". Así mesmo, o número un por Lugo subliñou que "En Marea nunca deixará que morra a nación das galegas e galegos". "Nacimos para mudar as cousas procurando solucións públicas, nacimos para renovar a política", engadiu. Finalmente, David Bruzos, cabeza de lista por Ourense, salientou que "o país non é só as súas cidades. Temos que apostar por potenciar o rural", engadindo que "ten que ser prioritario facilitar os proxectos que veñan do rural. Non se pode seguir vivindo de costas a eles".

Redacción | @prazapublica | 22.11.2015

Praza Pública precisa de Ti:
A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.
_________________

Enlaces e Contacto:
Web: http://enmarea.gal/
Twitter: https://twitter.com/En_Marea
Facebook: https://www.facebook.com/En-Marea-1727994870757411
Hashtag: #EnMarea
Correo: info@enmarea.gal
__________________________

Primeiro Encontro Nacional Aberto, de "Nós - Candidatura Galega", este domingo 22 de Novembro en Compostela, baixo o lema: "A Forza do Noso Pobo" - Vídeo, Enlaces e Contacto



Co lema "A Forza do Noso Pobo", Nós - Candidatura Galega, organiza o seu Primeiro Encontro Nacional Aberto, este Domingo 22 de Novembro, ás 12 do mediodía, no Palacio de Exposición e Congresos, no barrio de San Lázaro dede Santiago de Compostela.

Segundo postan nos seus propios tweets:
  • A candidatura 100% galega, sen dependencia de ninguén, feita coas nosas propias mans.
  • Non pediremos créditos bancarios. A campaña pagarémola coas túa achega.
  • Non che enviaremos propaganda electoral á casa. Para que! O voto podes collelo no colexio electoral.
  • Queremos que Galiza teña voz propia en Madrid. Ninguén falará por nós.
  • O pasado foi cousa deles. O futuro é cousa delas. Galiza ten que estar!
  • Gobernemos Nós o noso mar!
  • Queremos vivir do mar. Por iso o vindeiro domingo 15 estaremos no obradoiro cxs mariñeirxs do cerco.
  • Queremos Paz para todos os pobos do mundo.
  • Somos solidarios cos pobos do mundo.
  • Comprometidxs coa nosa lingua.
  • Comprometidoxs co aborto libre e gratuíto.
  • Comprometidxs contra a violencia machista.
  • Queremos traballar na propia terra, non queremos emigrar.
  • Comprometidoxs co aborto libre e gratuíto.
  • Comprometidxs coa igualdade e a diversidade sexual e afectiva.
  • Comprometidxs coa paz para todos os pobos do mundo.
  • Comprometidxs coa sanidade pública gratuíta e universal.
  • Comprometidxs coa cultura galega.
...  e así sobre outros ...

O bosquexo de programa foi elaborado en diferentes comisóns e coa participación activa de inscritos de Iniciativa pola Unión. Despois dun proceso hai unha proposta que se someterá a votación de todas as persoas censadas nas primarias que conformaron as candidaturas de Nós - Candidatura Galega. O Luns 23 (20:00 horas) a martes 24 (20:00 horas): votación telemática do programa electoral. Acceder/Baixar proposta de Programa Electoral para o 20D (58 páxinas en formato pdf).


https://youtu.be/lUnDHrwcAfw

Enlaces e Contacto:
https://twitter.com/noscgalega

https://www.facebook.com/noscgalega/

http://noscandidaturagalega.gal/

https://www.youtube.com/channel/UCfsWeujQ-LVG6s23wWSJC5g/

info@noscandidaturagalega.gal
---

Enviado por:
Inácio Caranza
-inaciogz@gmail.com-
21 de novembro de 2015 20:07
___________

xoves, novembro 19, 2015

Colectivos de mulleres galegas trazan no Parlamento Europeo medidas para facer fronte á violencia machista





Colectivos de mulleres galegas trazan no Parlamento Europeo medidas para facer fronte á violencia machista. | Seis ponentes especializadas aportaron claves para detectar e afrontar a violencia machista estrutural presente na aplicación das políticas públicas. | Preguntas parlamentarias á CE e o rexistro dunha demanda ao Estado español a través da Comisión de Peticións do PE, seguintes accións a poñer en marcha.

Convocada dende Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), onde Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) está integrada,  a eurodeputada Lídia Senra coordinou durante o día de hoxe unha xornada dirixida a analizar o sesgo machista nas políticas, centrada nun eido especialmente sensíbel como é o da xustiza. Esta xornada terá ademais continuación co traballo parlamentario de AGEe a través do rexistro de varias preguntas dirixidas á Comisión Europea co obxecto de "poñer en coñecemento a interpretación sesgada das políticas dirixidas a afrontar a violencia de xénero no Estado español, un territorio no que, cómpre lembrar, 48 mulleres foron asasinadas por machistas, 6 na Galiza", reiterou a eurodeputada galega.

Máis dunha trintena de galegas pertencentes a varios colectivos de mulleres e menores que traballan día a día para acabar coa violencia machista achegáronse a esta xornada no Parlamento Europeo (PE) en Bruxelas convidadas por Senra. A esta cita asistiron tamén a concelleira de Políticas Sociais de Compostela, Concha Fernández, a concelleira de Igualdade e Diversidade da Coruña, Rocío Fraga e a concelleira da Marea de Vigo, Marga López.

Durante todo o día, no marco da xornada ‘O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza’, seis poñentes especializadas subliñaron as claves para detectar e afrontar a violencia machista presente nos procesos xudiciais.

A psicóloga e experta en vitimoloxía e violencia de xénero Sonica Vaccaro centrou a súa intervención no emprego da polémica[1] Síndrome de Alienación Parental (SAP) na xustiza como "outra das facianas da violencia machista"[2]. Vaccaro introduciu este concepto ideado polo psiquiatra estadounidense Richard Gardner[3] en 1985, subliñando o feito de que Gardner elaborou esta teoría considerabelmente embriagado pola  súa propia misoxinia persoal, partindo da cal deduciu que nos procesos de separación ou divorcio "as nais fan un lavado de cerebro ás fillas/os" para poñelas na contra dos pais. Gardner permítese ademais a propor a imposición de multas, perdas permanentes de custodia e prisión para as nais acusadas e, para aquelas nenas e nenos que rexeiten ser separadas/os das súas nais "levalos a un centro de detención xuvenil para que reconsideren a súa decisión"; é o que el denominou "a terapia da ameaza". O problema é que, a día de hoxe, estanse vendo procesos xudiciais nos que se está alegando a existencia desta suposta síndrome, malia a que "Gardner nunca probou nin a súa teoría nin a terapia proposta, nin está recoñecido nin pola OMS, nin polo Manual Diagnóstico dos Trastornos Mentais", reiterou Vaccaro.

Lorena Garrido Jiménez, profesora e investigadora da facultade de Dereito da Universidade Autónoma de Barcelona e integrante do Grupo de Investigación Antígona, analizou a través da ponencia "Violencias machistas e dereito androcéntrico: retos pendentes" as características xerais da lexislación do Estado español en relación á violencia machista, da cal lamentou a súa dificultade para afrontar "o problema dos neomachismos e os novos mitos estereotipos como o SAP". Garrido subliñou asemade a ausencia na lexislación estatal doutras violencias machistas, "como cando se exclúe das estatísticas os asasinatos de mulleres que teñen lugar fóra das relacións de parella", xa que non son tidas en conta na Lei Orgánica 1/2004 de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero.

Das 17 Comunidades Autónomas do Estado, só 9 dispoñen de recursos específicos para vítimas de violencia sexual”, denunciou ao tempo que destacaba a necesidade de que se trate a igualdade como dereito fundamental. Así, incidiu na situación preocupante de que os Orzamentos do Estado para Igualdade diminuíron un 49% e os destinados a violencia de xénero un 23%. “Nos xulgados especializados persisten estereotipos”, asegurou. Segundo datos do 2012 e 2013, só o 20% das mulleres asasinadas por violencia de xénero nos dous últimos anos alertaran de malos tratos, e so o 7% contaba cunha orde de protección.

Pola súa banda, a Decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza, Rosa Álvarez Prada, interveu nesta xornada facendo fincapé na necesidade de abordar a violencia machista desde o punto de vista da psicoloxía para poder realizar unha abordaxe integral e poder atallar realmente o problema. Un problema que acada visibilidade cando hai un asasinato, pero o problema empeza moito antes de chegar a esa “punta do iceberg”. “Por cada asasinato hai miles de mulleres que viven esta realidade en silencio, e hai unha parte que incluso non saben ou non recoñecen que sofren violencia”, dixo.

Rosa Álvarez destacou que no que vai de ano, en Galiza o número de mulleres asasinadas a mans de homes representa o 13% da poboación, o dobre poboacional do que representamos no conxunto do Estado. Ante esta situación, “teriamos que estar falando de terrorismo”, afirmou, “pero non se fala nestes termos porque este terrorismo non desestabiliza aos poderes nin ás institucións”. “En todos os casos de violencia de xénero, sempre existe maltrato psicolóxico: dominación, control, coerción, aillamento, ameazas, esixencia de obediencia, desvalorización,…”, engadiu, considerando que a obriga debe ser “demostrar que a violencia contra a muller é evitable e non é aceptable. É unha responsabilidade do conxunto da sociedade e non é un problema íntimo dunha parella”. Nunha enquisa elaborada polo Ministerio, o 70% recoñecen que o apoio psicolóxico é o recurso que lles parece máis importante no caso de sufrir violencia da súa parella ou ex parella. Nesta tesitura, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galiza ofrece dous programas de atención psicolóxica especializada en materia de violencia contra a muller. Sen embargo, tachounos de programas que soamente son “un parche á lei, porque a atención psicolóxica non debería estar en mans de asociacións ou de entidades conveniadas, senón que tería que formar parte dunha carteira de servizos públicos, gratuítos e garantidos". En Galiza, a asistencia psicolóxica a vítimas e agresores teñen un número de sesións financiadas limitadas. “Non existe garantía asistencial. Quen poida pagar poderá continuar coa terapia. Quen non poida, non. Esta situación anómala de non integrar a psicoloxía nunha rede pública non é so un síntoma de atraso, senón de inxustiza social”.

Rosa Fontaíña Pazos, coordenadora da Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo, centrouse nas dificultades das vítimas nos procesos xudiciais. Así, sinalou que hai múltiples aspectos que fallan, sobretodo na atención á hora de denunciar. En moitos casos, non se lles informa de que teñen dereito a ser asistidas por un/ha avogado/a e, lonxe diso, danse casos nos que “as forzas de seguridade crean desánimo nas mulleres ou lles comentan que a persoa avogada pode demorarse horas”. “É necesario ademais que se empreguen linguaxes sinxelas” e que todas as persoas poidan entender para non crear máis trabas. Xa no proceso xudicial, Fontaíña denunciou que nos chamados xuízos rápidos, é habitual que as mulleres pasen moitas horas agardando soas, sen apoio, sen poder comer nin ausentarse, o que dificulta que poidan estar “en condicións para poder realizar unha declaración”. Sería necesario evitar situacións que poñen en perigo ás mulleres, como á hora de ir recoller os seus obxectos persoais á casa do maltratador. “É imprescindible que as forzas de seguridade as acompañen”, dixo. A lentitude da xustiza nos divorcios, por exemplo, é algo a paliar.

De especial relevancia é a necesidade de que todas as persoas que desde algún ámbito profesional atenden ás mulleres vítimas de violencia (avogacía, funcionariado dos xulgados, xuízas/es) teñan unha formación específica e continuada en violencia de xénero, o que non está a acontecer. “Débese de promover a intervención integral, facilitando o acompañamento social ás mulleres en todos os trámites que necesiten, potenciando a rede social e de axuda mútua”, engadiu.

Para abordar a situación específica das mulleres labregas, dende o Sindicato Labrego Galego (SLG), Ana Eiras, labrega e coordinadora da Área das Mulleres do SLG, salientou “a dispersión xeográfica, o envellecemento da poboación, a falta de infraestruturas e servizos públicos, a escaseza de políticas de igualdade e medios económicos, a falta de intimidade vinculada ao desenvolvemento da vida diaria en círculos sociais moi próximos e a normalización da división sexual do traballo” como algunhas das realidades “que debuxan o marco das mulleres labregas a nivel de aplicación de políticas relativas á igualdade”.

A representante do Sindicato Labrego Galego citou como exemplo concreto de políticas con sesgo machista aplicadas sobre as mulleres labregas o caso da titularidade das explotacións agrarias. “Nos anos noventa iniciamos a loita pola titularidade compartida, pero non foi ata principios do século XXI cando se mudou a lei para crear unha especie de rexistro que tan só nos identificaba como 'axuda familiar'. Tivemos que agardar ata o ano 2011 para que se aprobara a Lei 35/2011 de Titularidade Compartida”. Sen embargo, malia a este avance, “é unha Lei de carácter voluntario e sen ningunha medida de acción positiva para a súa implantación, e ademais precisa a sinatura de autorización da  outra parte”.

Seguidamente, Estrela Gómez Viñas, coordenadora da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), denunciou a través da ponencia “Nenos, nenas e adolescentes en procedementos xudiciais. A negación do dereito a ser escoitadas” a estandarización dunha práctica xudicial "que imposibilita que o testemuño dun neno ou dunha nena que sofre maltrato chegue a ser válido nun proceso". Ademais, as crianzas vítimas de violencia machista, 840.000 anualmente segundo datos do CIS (2011), "non son así consideradas dende o punto de vista legal salvo casos moi graves".

Esta semana AGAMME presentará ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo unha demanda ao Estado español por incumprimento das directivas europeas en materia de violencia de xénero e menores de idade, xa "a mala praxe xudicial do Estado español produce indefensión ao obstaculizar o enxuizamento deste tipo de delitos, provocando que as vítimas de violencia de xénero e os nenos, nenas e adolescentes que sofren maltrato a mans do proxenitor sexan privados dos seus dereitos durante o procedemento".

A eurodeputada da Esquerda Plural Ángela Vallina, integrante da Comisión de
Mulleres do Parlamento Europeo, resaltou na clausura da xornada a importancia de realizar encontros como estes, nos que "mulleres con longa experiencia poñen en común a problemática e evidencian o retroceso en dereitos das mulleres e o avance do patriarcado". A deputada asturiana fixo fincapé en que "outra vez estamos en pleno auxe do machismo, polo que resulta importantísimo formar neste tema xuíces e xuízas, psicólogas/os, peritos, etc. que contribúa a limitar o sesgo machista das políticas públicas".

Bruxelas, 18 Novembro 2015.


Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
lidia.senra@europarl.europa.eu http://ageuropa.gal/
https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Notas.-
[1] Inventado polo psiquiatra estadounidense Richard Gardner, o SAP é unha falsa síndrome que non está recoñecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) nin polo Manual Diagnóstico dos Trastornos Mentais (DSM-IV). Tampouco pola Asociación Médica Americana nin pola Asociación Americana de Psicoloxía. A suposta existencia desta síndrome ten sido empregada para poñer en entredito acusacións de abusos sexuais a nenas e nenos, posto que a pedofilia é considerada por Gardner como "un modo máis de orientación sexual humana" na súa publicación “Theory About the Variety of Human Sexual Behavior", en True and false accusations of child sex abuse, R. A. Gardner, MD, 1992, Creative Therapeutics, NJ, EE.UU. Pág. 1-39.
[2] Vaccaro, Sonia, Análisis sobre las bases científicas del Síndrome de Alienación Parental de Gardner (SAP) y los riesgos de su aplicación como “trastorno médico y psiquiátrico” en los juzgados de España
[3] Gardner, R. A., “Legal and Psychotherapeutic Approaches to the Three Types of Parental Alienation Syndrome Families. When Psychiatry and the Law Join Forces”, Court Review, 1991, 28, 1, pp. 14-21.

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
18 de novembro de 2015 17:48
________________

Baixo o lema "Paremos o Feminicidio", a Marcha Mundial das Mulleres convoca en Ferrol, como noutras cidades da Galiza, actos de denuncia e reivindicación para este 25 de Novembro Día Internacional Contra a violencia Machista


25 NOVEMBRO DIA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA. | "PAREMOS O FEMINICIDIO" | MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES DE FERROLTERRA.

A Coordinadora Comarcal de Ferrolterrra da Marcha Mundial das Mulleres, convoca os actos de Ferrolterra, este mércores 25 de Novembro, ás 8 da tarde, en Narón, na Praza da Gándara (monumento á Muller), para "unir as nosas enerxías ás de miles de mulleres que, arredor do mundo, estarán a denunciar e a amosar o máis profundo rexeitamento ás violencias que continuamos vivindo nos nosos corpos de mulleres". Chamán á participación "para seguir denunciando a violencia machista, e para que, xunto a outras e outros, aportemos as nosas vontades para facer realidade a utopía doutro mundo que é necesario construír, libre de violencia e de inxustizas, porque non é bo continuar con tanta dor, medo e impotencia, rabia, tristeza e frustración, polas múltiples agresións que, acotío, vivimos as mulleres".

MARCHAMOS POLO DEREITO DAS MULLERES A UNHA VIDA SEN VIOLENCIA!!

Mulleres en marcha ata que todas sexamos libres!!

-- "As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
http://www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
https://twitter.com/MMMGaliza

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
16 de novembro de 2015 23:25
______________

Cataluña, Galiza e Euskadi, non son un problema, son unha realidade, ... Por André Abeledo

Por André Abeledo [*]
19.11.2015


CATALUÑA, GALIZA E EUSKADI, NON SON UN PROBLEMA, SON UNHA REALIDADE. | O DEREITO A AUTODETERMINACIÓN NON É UN PROBLEMA PARA A CLASE OBREIRA.


Cando se fala do “problema catalán”, do “tema catalán”, é sempre tentando crear a opinión na cidadanía de que o dereito a autodeterminación dos pobos non é un “dereito”, tentando de criminalizar a quen o defende.

Non existe un problema catalán, nin galego, nin vasco, existe en todo caso unha “realidade” ou “singularidade” a que temos que dar resposta política.

O dereito a autodeterminación dos pobos non debe ser visto como un perigo, nin como unha ameaza para a clase obreira.

A patria burguesa non é a mesma que a patria obreira, os oligarcas temen calquera cambio que poda afectar os seus intereses, e cando defenden centralidade, ou a independencia, o fan pensando neses intereses, e non no ben do seu pobo.

Defendo a unión voluntaria de pobos libres, de nacións que deciden camiñar xuntas, fainos máis fortes, enriquécenos esa diversidade de culturas, tradicións, e historia diferenciada.

Pero converter o estado nunha prisión de pobos é sempre unha decisión dos explotadores.

Precisamos cambiar o actual modelo de estado, herdado do nacional catolicismo, e froito dunha falsa transición, ben sexa mediante un estado Federal, ou un estado plurinacional onde cada nación, entendendo que falamos de nacións de pobos libres, poda decidir que tipo de relación quere ter co resto do estado.

Recoñecendo o dereito a decidir, poderemos construír un futuro en común.

Eu defendo que ese futuro debe ser socialista, penso que é o único xeito de ser capaces de construír entre todas e todos un futuro sen odios, unha unión de vontades onde impere a igualdade a xustiza social e o respecto a diferencia.

Parafraseando a Lenin, que resumiu a esencia do que trato de dicir nunha frase, dun xeito maxistral, "non se pode falar de liberdade, si antes non se recoñece o dereito dos pobos a separarse da súa metrópole cando o crean conveniente ".

Outra frase moi afortunada é a de Salvador Seguí, “o único inimigo que hai en Cataluña, é o mesmo que en Madrid: o capitalismo

Non consintamos que os miserables que se envolven en bandeiras para beneficio persoal, os que venden odio e mentiras, consigan enfrontar os pobos de España.

A loita é de clases, o pobo traballador ten que estar xunto para defenderse dos que so sementan miseria.

Narón, 16 de Novembro de 2015.

[*] André Abeledo Fernández, é un activista sindical, social e político de Ferrolterra; traballador e membro do Comité de Empresa de Mercadona; e coordinador de Esquerda Unida de Narón. Concelleiro por esta forza política no Concello de Ferrol, elixido nas Eleccións Locais de Maio de 2015. Contas de André no facebook e no twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
16 de novembro de 2015 23:56
______________

luns, novembro 09, 2015

O sector pesqueiro sinalou en Cangas as claves que AGE levará ao Parlamento galego e europeo


O sector pesqueiro sinalou en Cangas as claves que AGE levará ao Parlamento galego e europeo. | Esta xornada de análise articulouse en torno a oito mesas temáticas desenvolvidas por máis de quince representantes directos do sector. | A grave situación de contaminación nas rías, a merma de postos de traballo e a desigualdade de xénero, algúns dos temas abordados.


Hoxe tivo lugar a segunda das sesións da  xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro", que deron inicio onte, venres 6, no Auditorio Municipal de Cangas.

Ademais de para dar a coñecer na voz do propio sector as claves principais do marisqueo, a pesca e a acuicultura na Galiza, sinalar as principais problemáticas e debater conxuntamente na procura de solucións, esta xornada tivo o obxectivo tamén principal de funcionar como un espazo de encontro entre o sector, ca participación do deputado de AGE Juan Fajardo e a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, "co fin de artellar un grupo de traballo amplo con xente do sector para trasladar as iniciativas aos Parlamentos galego e europeo".

Na quenda de hoxe analizamos a primeira hora "O marisqueo na Galiza. Situación, retos e propostas",encetando este espazo ca mariscadora e vicepatroa da Confraría de Pontevedra, Marina Buceta, quen narrou como tradicionalmente na ría de Pontevedra "eramos case todas mulleres", mais non foi até 1999 cando comezaron a "estar aseguradas", marcando un punto e aparte o ano 2000, "no que empezamos a ter inquedanzas", xa que non contaban con elementos de xestión básicos, como as cotas ou as tallas, "vendíamos como podiamos". Foi tamén nestes inicios do século XXI cando as mariscadoras conseguiron ter unha lonxa na que poder vender, "foi un cambio radical, melloramos, logramos ter carto na man", valorou Buceta.

Sen embargo, proseguiu, "actualmente somos 400 mulleres, pero no 2000 eramos 800, moitas abandonaron". E é que o futuro, "nunca o vin tan negro". Demasiados son os ataques  ao ecosistema galego e ás actividades produtivas, froito do desleixo dunha Administración política pouco concienciada co coidado da biodiversidade do noso país: "con tanta contaminación que hai na ría, alí case non hai animal que viva, os verquidos fecais son o que máis nos afecta".

Buceta explicou que hai xa 3 anos que as mariscadoras de Pontevedra non meten berberecho, "e a ameixa tamén está morrendo, vémola toda coa boca aberta". Esta situación provocou que a día de hoxe practicamente so podan traballar en Ameixal e Combarro. "Temos moitas praias afectadas e as bateas do fondo da ría tamén o están", polo que non poden vender produto fresco. "Non podemos vivir así, gañamos no verán e no Nadal e o resto son todo meses mortos, hai xente que non pode afrontar pagar o seguro", alertou.

Pola súa banda, Rafael González, mariscador a flote na ría de Ferrol, coincidiu con Buceta en que "isto cada vez vai a peor", e exemplificou a situación sinalando que na zona das Pías, malia a abarcar medio millón de metros cadrados, "de zona produtiva haberá 200.000".  Mención a parte mereceu a ría de Ferrol, "afectada por unha contaminación bestial, recheos e lodos por todos lados". A isto engádese a presenza dunha fábrica de colas "que bota metais pesados á ría, plomo... E iso vai para o fondo e mata todo", reiterou. González esixiu solucións para a Ría de Ferrol, onde na actualidade marisquean unhas 500 persoas, "pero poderiamos chegar a ser 1000", se o se tomara en serio o coidado da ría. En relación ao controvertido porto exterior de Ferrol, Gonzalez foi contundente: "nin solución do paro nin nada. Os ecoloxistas avisaron do que podía pasar, e pasou. A ría está infrautilizada e golpeada por todos os lados".

Pechou esta primeira mesa adicada ao marisqueo José Luís Lorenzo, representante do colectivo da navalla de Cangas, un grupo que deu inicio no ano 1996 integrado por 25 persoas. "Daquela non tiñamos nin idea, guiábanos o grupo de Fisterra que xa funcionaba. Empezamos a cegas e por presións porque a maioría eramos ata daquela furtivos". A principal preocupación nos inicios foi manter o recurso de forma sostíbel, "había que seguir as cotas, non esquilmar todo". Polo que decidiron implicarse directamente, "vixiabamos as praias... Fixemos unhas normas con sancións para a sobrepesca, o furtivismo… custou traballo e man dura", recoñeceu. Para González, un dos principais problemas aos que se enfrentan na recollida da navalla son as biotoxinas, causantes de peches cautelares na ría "dun día para outro e sen distinción de especies", o que implica semanas sen traballar e grande frustación, xa que, realizadas as analíticas, "a navalla nunca dá (positivo por biotoxinas)". Os problemas aos que se está a enfrontar o colectivo repercuten tamén ás veces en tensións internas, fronte ao que González apelou á unidade do sector, ao tempo que salientou botar en falla "asesoramento das Administracións, que nos informen de por que fan así, non simplemente ditar normas".

A sesión de tarde desta xornada de sábado deu comezo ca mesa "A invisibilidade das mulleres no mundo da pesca. As mariscadoras a pé: un modelo de organización", integrada por cinco mulleres.

Pencha Santasmarinas Raposo, muller feminista que ten asumido distintas responsabilidades na Consellería de Pesca da Xunta de Galicia -entre elas a de Xefa do Servizo de Organización no Sector Marisqueiro-, abríu a súa intervención analizando o xeito mesmo no que adoita describirse o sector: "as mulleres no  mundo da pesca eran invisibles. Cando eu cheguei á pesca, referíanse sempre aos mariscadores, cando a maioría son mulleres, mariscadoras. Nós mesmas nos invisibilizamos cando falamos de nós en masculino". Porén, o marisqueo a pé en Galiza lévano mulleres, inda que tamén elas están a ser eliminadas paulatinamente, "mariscadoras a pé había 12.000 no ano 2003, hoxe quedan 4.000 e pico; armadoras 243, redeiras 324... En total, 20.000 mulleres están relacionadas co mar en Galiza e non se fala nunca delas", sentenciou. Santasmarinas denunciou a "marxinalidade" na que se atopaban as mulleres cando ela se incorporou ao traballo na Xunta de Galicia. As mariscadoras e redeiras "son unhas namoradas desta profesión, moitas non gañaban case nada e érano porque lles gustaba, e o eran desde pequenas", daí a importancia "de loitar porque  fora unha profesión", salientou,  pola convocatoria de cursos específicos para mulleres, conseguir que percibiran a mesma retribución económica que os homes, e ir superando obstáculos. Nesa estratexia resultou fundamental fomentar "que se relacionaran entre elas". "Comezamos a crear agrupacións de mariscadoras para erradicar o furtivismo interno e consolidouse, o seguinte paso foi que as mariscadoras cotizaran á Seguridade Social", analizou Santasmarinas.

A primeira destas agrupación foi creada en Arcade que, como sinalou  Consuelo Vidal Carvajal, ex presidenta da Agrupación de Arcade, presente tamén nesta mesa na tarde de hoxe, "foi o lugar pioneiro. Empezamos a organizarnos no 94".

Logo de tantos anos de loita e experiencia, a conclusión para Pencha Santasmarinas é clara: "Hai que procurar que as mariscadoras non dependan da Administración, porque a Administración non sempre está disposta a defendelas. Teñen que elas por si mesmas saber defenderse."

Así o subscribíu punto por punto Geli Martínez,  redeira do cerco de Cangas e seguinte ponente nesta mesa. "Pasamos de ser invisibles a estar organizadas.  Comprendín que tiñamos que abrirnos e decidimos entrar na Federación, saín elixida e collín o cargo de presidenta", explicou. Agora, pelexa cada día ca diversidade de problemáticas asociadas á multidisciplinar práctica profesional das redeiras. As redeiras do palangre, apuntou, que desenvolven a súa laboura maioritariamente en Burela e Malpica , "traballan a prezos moi baixos, ademais teñen un alto  nivel de intrusismo, e aí non hai regras de ningún tipo. Traballan para efectos navais". O problema do intrusismo, lembrou, afecta tamén ás redeiras de artes menores, presentes en toda  Galiza. As redeiras do cerco, sen embargo, non padecen o intrusismo "porque o noso traballo non se pode levar para a casa", ironizou Martínez, "tes que saber e ter unha formación para facer este traballo".  Para ela, todas as redeiras deberían manexar as distintas variedades para "poder vivir de redeiras", e sinala a importancia de que esta actividade puidera contar con unha cualificación profesional. "En Cangas intentamos diversificarnos e hoxe temos tal carga de traballo que non damos feito", argumentou. O aumento desta carga produtiva levounas tamén a tomar conciencia da necesidade de prestar atención á  saúde laboral desta actividade, "temos xornadas de traballo moi grandes e monótonas, e o noso traballo lévanos a ter moitos problemas de cervicais", e de seren tomadas en conta medidas retributivas que se axusten ás características desta profesión, como "solicitar un coeficiente redutor" que estableza unha idade de xubilación axeitada.

Cangas, 7 Novembro, de 2015

Máis información: Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
7 de novembro de 2015 19:46
____________

domingo, novembro 08, 2015

A PAH de Ferrol e Comarca chama a participar na concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria que vai ter lugar o vindeiro martes 10 de novembro - O mesmo día en Compostela presentara-se polo movimento antedesafiuzamentos unha proposta de moción no Parlamento Galego


A PAH de Ferrol e Comarca convoca unha concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria que vai ter lugar o vindeiro martes 10 de novembro, ás 11:00hs nos xulgados de Ferrol, do Banco Santander contra un compañeiro da propia PAH.

A PAH vai contar coa avogada Maite Ortiz e o avogado José María Erauskin de Gipuzkoa, onde "están conseguindo parar en moitos casos aos voitres carroñeiros da banca", din desde as PAH, e que se lles solicitou apoio e sen dubidalo responderon positivamente á petición.

A PAH de Ferrol e Comarca, convidan a participar ao tecido asociativo na acción de protesta, para "que se saiba nos xulgados de Ferrol que non é un campo abonado para os bancos onde como ata agora, fixeron o seu libre albedrío". Din as compañeiras e compañeiros da plataforma antidesafiuzamentos. Manifestando que se lle dea a "máxima difusión para que se saiba que non nos imos a deixar vencer e que chegaremos ata o final na loita polos nosos dereitos. SI PÓDESE".

Desde STOP Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, non podiamos máis que amosar a nosa solidariedade e manifestar que conten con nós na difusión da acción do 10 de Novembro e que participaremos activamente na concentración que vai ter lugar o mesmo día do xuízo, diante dos Xulgados de Ferrol, ás 11 da mañá.

As Marchas da Dignidade de Ferrolterra, na súa última Asemblea decidiu apoiar a concentración de protesta diante dun xuízo por execución hipotecaria do Banco Santander contra un compañeiro da PAH.

O xuízo coincide co acto de rexistro e contacto no Parlamento Galego cos grupos, para a presentación dunha Moción Parlamentaria que con carácter xeral esta-se a presentar, adaptado ás circunstancias en cada territorio, no conxunto do Estado  que é un documento de "Exisencias PAHs/STOP" que desenvolve estes cinco puntos:
1. Dación en pago retroactiva. Mecanismos de segunda oportunidade, condonación da débeda, liberar aos avales e eliminar as cláusulas abusivas.
2. Aluguer estable e asequible. Modificar a lei para que os contratos do aluguer sexan máis estables e seguros.
3. Vivenda accesible. Paralización dos desafiuzamentos e creación dun parque de vivenda público de vivenda a través da mobilización da vivenda baleira.
4. Subministros básicos garantidos. Evitar cortes e responsabilizar ás subministradoras.
5 Creación dun observatorio da Vivenda.
Estaremos ese Martes 10 de Novembro en Compostela, representando á nosa Comarca.

Moción Parlamentaria en formato pdf | Acceder/Baixar.

Si se Pode !! |Saúde e Vivenda Digna !!


Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

___________

EU Narón: A veciñanza non ten que pagar, deben recibir xustiza, no caso da Cementeira de Castro hai responsables con nomes e apelidos



EU Narón: A veciñanza non ten que pagar, deben recibir xustiza, no caso da Cementeira de Castro hai responsables con nomes e apelidos.

Dende Esquerda Unida de Narón  "sorpréndenos", aínda que non demasiado, a insistencia e vehemencia con a que o PP defende os intereses da Cementeira de Castro.

Dende o PP permítense xogar a "xuíces" ou máis ben a "adiviños" cando len o futuro e ditan a sentencia, decidindo pola súa conta quen vai pagar as costas do derribo da Cementeira.

Permítense facer “chistes” preguntándose se EU pagará unha parte, aínda sabendo que en EU Narón estamos limpos, e o carón das veciñas e veciños.

Dende o PP coas súas declaracións tentan converter as vítimas, que é a veciñanza, en culpables, polo feito de esixir xustiza, e de paso dar a imaxe de que a Cementeira é inocente, que pasaba por alí, que é un suxeito neutro neste asusto, e que non ten ningunha responsabilidade.

Neste "traballo" como avogados da Cementeira, o PP de Narón fai un fraco favor o esclarecemento da verdade, porque ten que haber culpables con nomes e apelidos, e a xustiza ten quen ser igual para todos, e necesario depurar responsabilidades.

Xa esta ben de defender a impunidade nuns casos, e a inmunidade noutros, a xustiza ou é para todos ou non é xustiza.

GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA NARÓN


Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter.
Achegate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.

Enviado por:
Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
6 de novembro de 2015 11:50
_____________

xoves, novembro 05, 2015

Xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro" - Cangas do Morrazo, 6 e 7 de Novembro


"As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da PPC: retos e propostas de futuro". | Xornada informativa e de debate sobre o sector pesqueiro. Auditorio Municipal de Cangas, venres 6 e sábado 7 de novembro. | Acuicultura, cotas pesqueiras, pesca artesanal, marisqueo, acordos de pesca da UE ou o papel das mulleres na pesca galega, temas principais.


Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) e o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) -do que AGEe forma parte no Parlamento Europeo-, desenvolverán este venres 6 e sábado 7 a xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro" [1], que terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas e será introducida polo alcalde desta vila fortemente vinculada ao mar, Xosé Manuel Pazos Varela.

Da man da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, e a través dun esquema de traballo en torno a oito mesas temáticas, abordaranse aspectos clave do sector pesqueiro galego, "procurando ao mesmo tempo propiciar un espazo de encontro e intercambio entre os distintos colectivos profesionais", apunta Senra.

Así, o deputado de AGE Juan Fajardo, encetará a xornada do venres 6 dando conta dos riscos do modelo de acuicultura que proxecta a Xunta de Galicia, entre o que podemos atopar a controvertida mudanza da actividade marisqueira en "acuicultura" a nivel lexislativo. Nesa mesma xeira, o técnico superior en produción pesqueira e acuícola, Xurxo Pérez Rodal, e o responsábel de pesca sostíbel de Anova Terra, Miguel Ángel Arís Abilleira, abordarán criticamente as estratexias de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I) no eido acuícola.

Como non podía ser doutro xeito, a problemática das cotas pesqueiras e a loita dos mariñeiros do cerco, será tamén tratada pormenorizadamente na tarde do venres a través do representante da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Andrés García Boutureira.

Será tamén neste primeiro día de xornada en Cangas cando se debata en torno á situación do sector mexilloeiro, cun relatorio a cargo de Alfonso Alcaide Núñez, do Consello Regulador do Mexillón de Galicia.

A xornada do sábado 7 articularase ao redor de catro eixos principais: marisqueo, as mulleres na pesca, a pesca artesanal e os acordos pesqueiros da UE con terceiros países.

"O marisqueo na Galiza. Situación, retos e propostas", é o epígrafe que dará cabida ás intervencións de Marina Buceta Alonso, mariscadora e vicepatroa  da Confraría de Pontevedra, quen porá sobre a mesa as claves do marisqueo a pé, e o mariscador Rafael González Ferreiro, quen dará conta da situación do marisqueo a flote na Ría de Ferrol; José Luís Lorenzo García e o patrón maior da Confraría da Pobra do Caramiñal, José Manuel Iglesias,  completarán esta mesa.

Nesta liña produtiva, a pesca artesanal contará con dous ámbitos de análise. Por unha banda, exporanse os retos e propostas deste sector, que serán trasladadas polo pescador e patrón maior da Confraría de Cangas, Francisco Javier Costa. Pola súa banda, o patrón maior da Confraría de Corucubión, José Dominguez Buitrón, exporá os principais riscos para a pesca de baixura.

A quenda de mañá pechará ca intervención "Os acordos de pesca entre a Unión Europea e países terceiros. Do papel á realidade", introducida pola eurodeputada de AGEe, Lídia Senra.

O sábado será tamén o momento de abordar a situación de invisibilidade das mulleres no mundo da pesca, salientando a situación das mariscadoras a pé e o seu modelo de organización nun espazo desenvolvido por Pencha Santasmarinas Raposo, unha das mulleres feministas máis destacada no sector pesqueiro, merecedora da Medalla Castelao 2010, e que ten asumido distintas responsabilidades na Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, entre elas a de Xefa do Servizo de Organización no Sector Marisqueiro.

Santasmarinas estará acompañada pola redeira Geli Martínez Sotelo; a patroa maior de Arcade, Rita Míguez de la Iglesia e a presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Arcade, Rosa Vilán Branco, que completarán a análise da situación das mulleres no sector pesqueiro galego.

A  posta en común das mesas temáticas será realizada a través de distintos espazos de debate ao longo dos dous días nos que desenvolverá a xornada.

A deputada de AGEe, Lídia Senra, salientou como obxectivo principal da mesma "ter a oportunidade de intercambiar puntos de vista con representantes de distintos ámbitos das pescas,  para deste xeito obtermos unha visión ampla e clara de cales son as preocupacións do sector con respecto á Política Pesqueira Común (PPC) e traballar dende AGEe para poder trasladalas no Parlamento Europeo".

Bruxelas, 5 Novembro de 2015.

[1] Adxuntamos cartaz e programa.

---

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
MONTOTO VAZQUEZ Vera
-vera.montotovazquez@europarl.europa.eu-
5 de novembro de 2015 11:22
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
5 de novembro de 2015 18:13

_____________