luns, maio 02, 2016

As Mareas en Común convocan o 7 de maio a primeira fase da Marea Viva - Principios de Mareas en Común - Como se pode asinar


Será un encontro para impulsar unha confluencia das forzas do cambio en Galicia, aberto ás persoas, partidos, entidades e movementos con desexo de recuperar as institucións para a xente

Na Marea Viva decidiranse, entre todas e de xeito participado, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno

As Mareas en Común, un proceso formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, acordaron onte en Sada fixar o 7 de maio como data de inicio da Marea Viva. Con este nome, desígnase un espazo de traballo para a construción dunha confluencia das forzas do cambio que poida gañar as vindeiras eleccións autonómicas.

Trátase dun espazo de traballo aberto, dun censo aberto ás persoas, mareas, partidos, entidades, movementos e colectivos con desexo de recuperar as institucións galegas para a xente e levar a cabo políticas que representen o ben común e os intereses do 99%.  Terá varias fases, e servirá para  deseñar, de xeito participativo e participado, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Na xuntanza de Sada, a sexta que realizan as Mareas En Común, participaron unhas 200 persoas de 30 mareas municipalistas, entre as que se atopaban os alcaldes de Sada, José Benito e da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro. Tamén acudiron para amosar o seu apoio o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e varias representantes de En Marea nas Cortes Xerais.

Neste encontro tamén se acordou unha folla de ruta rápida e directa para poder cumprir os prazos ante un posible adianto dos comicios autonómicos. De darse o caso de que as eleccións sexan antes do outono, o proceso estará preparado para contribuír á derrota das políticas do PP.


Porque Mareas en Común


No mes de maio do pasado ano agromaron por todo o país procesos municipalistas de confluencia e unidade popular. Estas mareas, desde o protagonismo da cidadanía, están a tentar mudar os modos de facer política nas institucións locais, abríndoas á máis ampla participación e procurando pór en marcha políticas que defendan o común: os dereitos básicos, unha vida digna para todos e para todas, unha economía máis xusta e solidaria, o espazo público, o coñecemento e a cultura colectiva.

Porén, e dado o momento histórico que nos toca vivir, non podemos nin queremos quedar mudas ante unha realidade no noso país que supón unha ameaza para estes obxectivos que nos demos colectivamente. Por iso hai meses decidimos traballar en común para apoiar un proceso de confluencia capaz de gañar o goberno da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas e poñer esta institución ao servizo da xente.

Un proxecto baseado nuns principios básicos que nos unen:

0. Garantía efectiva dos dereitos humanos.
1. Radicalidade democrática.
2. Transparencia e loita contra a corrupción.
3. Feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación.
4. Defensa dun modelo económico xusto que garanta os dereitos sociais e laborais.
5. Defensa da lingua e cultura galega e do noso patrimonio.
6. Protección do ambiente e o benestar animal.
7. Defensa do común.
8. Máis autogoberno e mellor vertebración territorial.


Fai Marea
Xa somos 754 asinantes dos Principios Básicos (02.05.2016)
Asina!

Máis info en:
http://mareasencomun.gal/
ola@mareasencomun.gal
https://twitter.com/mareasencomun
https://facebook.com/mareascomun


Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
1 de maio de 2016 23:44
__________

domingo, maio 01, 2016

O 1º de Maio comezo dunha primavera de mobilización e loita

AS MARCHAS DA DIGNIDADE PROMOVEN A PARTICIPACIÓN NAS MOBILIZACIÓNS QUE VAN TER LUGAR NA NOSA CIDADE


“Que as rúas se enchan de voces e vontades para rematar co sistema inxusto que nos escraviza e empobrece. Viva o 1º de Maio!”

“O 1º de Maio comezo dunha primavera de mobilización e loita”

A situación política, social e económica está atravesando un dos peores momentos dos últimos tempos... A corrupción e o latrocinio xeneralizado, o apuntalamento dun sistema que permite a inxustiza, o empobrecemento e deterioro das condicións de vida de millóns de persoas... A xeneralización do traballo escravo, precarizado e sen dereitos... A falta de perspectiva para os nosos sectores produtivos, no agro, na pesca, na industria... O deterioro do medio ambiente, a destrución das nosas rías... É urxente frear as políticas que nos afunden en beneficio das transnacionais e dos máis ricos, das persoas cobizosas que acumulan toda a riqueza e o esforzo do noso traballo. Cumpre denunciar o TTIP (Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos entre EEEUU e a Unión Europea) e esixir unha pasaxe segura para as refuxiadas e inmigrantes, denunciando a deportación e os campos de internamento. Necesitamos unha outra sociedade, xusta e equitativa que pense no benestar e na saúde das persoas. Saiamos á rúa para defender os nosos dereitos como persoas, como pobo, con dereitos, con liberdade, pan, traballo e teito.

Para as Marchas da Dignidade, este 1º de Maio é o comezo dunha primavera de loita e mobilización. O próximo 28 de Maio, en Lugo, imos construír entre tod@s unha Muralla de Dignidade. Noutras nacións, comunidades e pobos do estado van-se mobilizar ese día nun esforzo de acumular forzas contra inimigo común: as políticas do Capital transnacional e financeiro, que nos escraviza e somete.

A nivel mundial están convocadas mobilizacións anticapitalista o vindeiro 15 de Maio promovidas polos movementos #NuitDebout que ocupan as prazas en toda Francia e que se estenderon por todo o mundo contra unha democracia secuestrada por corruptos e banqueiros. Malia a violenta represión das forzas de policía e o silencio dos medios de comunicación, rapidamente contaxiouse nunhas poucas semanas, este vento de esperanza en toda Europa. Desde Madrid a Atenas e Turquía, logo de Nova York a Brasil e México, e finalmente ata Hong Kong, en todas partes, en cada praza. Este 15M ás 6 da tarde na Praza de Armas, de Ferrol, as Marchas da Dignidade promoveremos e participaremos nun acto unitario.

Ferrolterra, Maio 2016

Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto:
Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  |
Teléfono: 602 587 531 |
Blogue de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ |
Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ |
Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/ |
Blogue do Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica:
http://asmarchaspoloemprego.blogspot.com.es/


Enviado por:
Marchas Dignidade
-marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com-
30 de abril de 2016 20:14

__________

Tres manifestacións este 1º de Maio en Ferrol e un acto n'As Pontes- Viva a solidariedade obreira, viva o internacionalismo proletario


O día da solidariedade internacional por excelencia é o 1º de Maio. Son miles as manifestacións que se celebran por todos os continentes, moitas reprimidas polas forzas policiais do poder capitalista. O día do internacionalismo proletario, é un día con historia, conmemora-se por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889.

O 1º de Maio é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe aos Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos, despois dun xuízo manipulado, pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago.

Os Martires de Chigago foron: Samuel Fielden -obreiro téxtil e Michael Swabb -tipógrafo, condenados a cadea perpetua; Oscar Neebe -comercial, condenado a 15 anos de traballos forzados; E os condenados a morte na forca: Georg Engel, -tipógrafo, Adolf Fischer, -xornalista, Albert Parsons, -xornalista, Hessois Auguste Spies, -xornalista, Georg Engel, -tipógrafo, executados o 11 de novembro de 1887, menos Louis Linng -carpinteiro que se suicidou con antelación na cela da prisión.

Mais desde entón, foron centos de miles de mártires que pagaron con millóns de anos de prisión e deixaron a vida, executados polas balas da cobiza capitalista e a represión do despotismo, do fascismo, do nazismo... . Nunha loita desigual polos dereitos laborais, sociais e políticos, as melloras no benestar e as condicións de vida da clase traballadora. Sen falar dos millóns de persoas caidas polas malas condicións laborais e de xornadas interminábeis que aínda ao día de hoxe ben sucedendo e nestes momentos da globalización e a estafa xeneralizada co acumulación da riqueza en moi poucas mans a través das grandes corporacións transnacionais, os paraísos de branqueo de diñeiro e desfalco fiscal e o crime organizado que matan pola fame e as guerras, e manteñen na miseria a millóns de persoas en todo o mundo. Mais que tamén provocan o cambio climático e a destrución do planeta contaminando-o e destruíndo os seus recursos naturais.

Hoxe é o día de lembrar que estamos nun réxime de explotación capitalista mundial que condena a millóns de persoas a unha vida de penurias e sufrimento, sen traballo, sen saúde, sen alimentos, sen teito... a padecer guerras e a vivir nas lixeiras da sociedade opulenta e privilexiada.


O Rana Plaza

Como símbolo dos centos de miles de accidentes, como consecuencia das malas condicións de traballo, para poder encher os escaparates dos grandes centros comerciais en todo o mundo (verdadeiras catedrais do consumismo e de adoración do Deus Mercado), é o momento de recordar ás traballadoras e traballadores do Rana Praza. O colapso dun edificio o 24 de abril de 2013, onde un bloque de oito pisos derrubouse en Savar, un distrito de Daca, capital de Bangladés. Foron 1.127 persoas as que morreron e outras 2.437 resultaron feridas. O edificio, que contiña fábricas de roupa (para as grandes multinacionais do textil: Benetton, The Children's Place, DressBarn, Mango, Monsoon, Inditex,  Primark, El Corte Inglés, ... ), un banco e varias tendas, derrubouse durante a hora punta da mañá. As patronais ignoraron as advertencias para evitar o uso do edificio logo das grandes fendas que apareceron o día anterior.

Situación socio-económica das comarcas

As comarcas do noroeste galego, Ferrolterra, Eume e Ortegal, conforman unha zona que esmorece económica e socialmente e en concreto os concellos da contorna da Ría de Ferrol, están padecendo de xeito significativo unha situación de paro insostíbel.

A zona rexistra uns altos índices de envellecemento da súa poboación e así como de desemprego, maiores que a media de Galiza, que son unha consecuencia, no fundamental, do declive industrial, social e económico que viven as comarcas no seu conxunto. Produto de situacións estruturais e conxunturais, tanto a nivel global, como local. Mais sobre todo das políticas emanadas das diferentes institucións europeas, estatais, autonómicas e locais que non foron capaces de solucionar a situación e menos acabar co sufrimento dunha parte moi importante da poboación.

A  cobertura económica do desemprego, non protexe a máis do 65% das persoas que están en situación de paro. Moitos mozos e mozas están aínda sen acceder ao primeiro emprego e case unha década en desemprego ou camiño da emigración.

Non son os gobernos coas súas políticas os que solucionan o problema de falta de recursos económicos das persoas en paro, senón que son en maior parte as familias a través das axudas e o acollemento, as que cargan coa responsabilidade e fan o traballo paliativo do sistema. Moitas persoas xubiladas ven-se na obriga de renunciar a gozar da súa pensión, para situar-se na precariedade ao ter que axudar aos seus fill@s.


Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica

Como din as Marchas da Dignidade de Ferrolterra, nas liñas mestres da proposta de Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, a zona, das tres comarcas, necesita-se a elaboración dun Plan que non supoña só como até o de agora, destinar incentivos fiscais para empresas que contraten, ou de impulsar axudas para “promocionar” o traballo de autónomos; ou o ineficaz e fracasado pequeno apoio ao emprendemento; a desenfocada formación profesional sen planificación real das necesidades; ou subsidiar proxectos ao capital privado deitando millóns de euros a un saco sen fondo.

Necesita-se un plan de emprego real e efectivo, coa reactivación dos estaleiros e a diversificación industrial, a potenciación do sector primario co saneamento integral da Ría de Ferrol e a potenciación do marisqueo, a posta en valor do monte e a potenciación da horticultura. Potenciación do cooperativismo e da economía social e solidaria no seu conxunto. Unha renda básica universal. Medidas estruturais a nivel europeo, estatal e galego que impliquen o reparto da riqueza e do emprego. No caso das Terras de Cedeira e Cariño hai que ter en conta a súa especial relación co mar. Así o propio cos concellos rurais agrario-gandeiros. E considera que son os gobernos locais que conforman a Mancomunidade de Municipios, e nos outros que comparten servizos e estreitas relacións nesta zona do noroeste galego, os que tomen a iniciativa para que se aborde a problemática concreta de falta de emprego e prestacións económicas básicas para poder vivir con dignidade. E por último necesita-se que as centrais sindicais e o movimento asociativo en xeral reivindiquen e esixan estas ou outras medidas en beneficio da saúde e o benestar das persoas e do medio ambiente.


As tres manifestacións de Ferrol

Desde hai tempo son tres as manifestacións que se celebran en Ferrol, sede do 1º de Maio das comarcas do noroeste galego. As centrais sindicais organizan por separado o Día Internacional da Clase Obreira con tres manifestacións este primeiro domingo de Maio de 2016.

Manifestación da CIG desde Esteiro, ás 12 do mediodía, co lema "Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!" , en Ferrol, desde a Avenida de Esteiro e a Praza da Paz 'José Couso', rematando nunha concentración no Cantón de Ferrol.

Manifestación de CCOO e UGT no Inferniño, ás 12 do mediodía co lema "Contra a pobreza laboral e social, traballo e con dereitos", en Ferrol, desde a Estrada de Castela no Inferniño até finalizar na Praza de Galiza, diante do  Teatro Jofre.

Manifestación da CNT desde Recimil, ás 6 da tarde, en Ferrol, desde a Praza do monumento ao 10 de Marzo, co lema "Orgullo e Dignidade Obreira", entre as casa baratas e a Estrada d'As Pias, rematando no Cantón de Ferrol.

Acto n'As Pontes

Xuntos polas Pontes organizou unha homenaxe a todas as persoas que perderon a súa vida en accidentes laborais ou por enfermidades vinculadas ao traballo. A plataforma convida a toda a veciñanza ao acto que se celebrará este domingo 1 de Maio, ás 12 do mediodía. O acto terá lugar nas inmediacións do monumento á traballadora e ao traballador, situado na Canle IV (esquina Rego do Campo).

Desde Ártabra 21, chamamos a participar nas mobilizacións obreiras este 1º de Maio.

Centrais Sindicais na Galiza


  • Confederación Galaica da - CNT/AIT
  • Confederación Intersindical Galega - CIG
  • Confederación Unitaria de Traballadores - CUT
  • Confederación Xeral do Traballo en Galicia - CGT
  • Sindicato Nacional de CCOO de Galicia - CCOO
  • Unión Xeral de Traballadores en Galicia - UGT
  • Unión Sindical de Traballadores Galegos - USTG

  • Confederacións Internacionais
  • Federación Sindical Mundial - FSM
  • Confederación Sindical Internacional - CSI
  • Asociación Internacional dos Traballadores - AIT
  • Global Unions
  • Confederación Europea de Sindicatos - CES

  • Outras centrais sindicais de interese
  • Intersindical Portuguesa - CGTP
  • Sindicato Andaluz de Traballadores/as -SAT
  • Corrente Sindical de Esquerdas -CSI
  • Intersindical Canaria
  • ELA-STV / Sindicato Vasco
  • LAB / Sindicato Vasco
  • Intersindical -CSC / Sindicato Catalán
  • Confederación Intersindical

  • Foto de José Pardo, da manifestación da Folga Comarcakl do 12 de Xuño de 2013 en Ferrol.
    __________

    Podemos Galicia presenta as súas liñas de traballo de cara ás eleccións Autonómicas - O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea - E que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea


    Podemos Galicia presenta as súas liñas de traballo de cara ás eleccións Autonómicas


    Máis de 200 persoas de círculos de toda Galicia achegáronse ao longo do día a unha asemblea na que expresaron de xeito maioritario o rexeitamento á creación dun partido instrumental. | As bases apoiaron á dirección de Podemos en que o único espazo posible para a confluencia é En Marea. | Carmen Santos aposta pola participación en encontros temáticos e sectoriais para elaborar o programa electoral e afirma que “é lexitimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia pois iso é o que votaron os inscritos”.

    A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, presentou hoxe en Ames, nunha asemblea aberta a todos os círculos, as liñas de traballo de Podemos Galicia de cara a elaborar o programa electoral para as eleccións Autonómicas e artellar a mellor campaña posible.

    Santos incidiu na necesidade de abordar as principais problemáticas da nosa sociedade dun xeito verdadeiramente transversal (igualdade, emprego, vivenda, o rural, medio ambiente, etc.), coordinando entre diferentes secretarías os eidos de actuación e as propostas dos círculos sectoriais xa existentes e dos movementos cidadáns.

    A secretaria xeral anunciou que se crearán encontros de participación temáticos nestes meses que permitan un desenvolvemento moito mais amplo das propostas e mellorar as canles de comunicación cos círculos e coa cidadanía en xeral.

    Rendición de contas

    Durante a asemblea presentáronse as diferentes secretarías que conforman o Consello de Coordinación galego. Ademais, os representantes electos nas cámaras estatais que veñen de disolverse, Ángela Rodríguez, Antón Gómez-Reino e José García Buitrón, aproveitaron a ocasión para facer unha rendición de contas insistindo no valor da súa actividade parlamentaria nestes meses e expuxeron as súas impresións acerca de como encarar os vindeiros compromisos electorais.

    Varias das persoas que asistiron ao longo do día á asemblea manifestaron aos deputados e senador a necesidade de democratizar o espazo En Marea. O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea e que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea.

    É lexítimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia, porque é o que votaron os inscritos e niso que están de acordo a maior parte dos asistentes hoxe aquí”, manifestou Santos ao remate da asemblea.

    En  Ames, 30 de Abril de 2016

    Olaya Sandoval
    Responsable de Prensa Podemos Galicia
    prensa@galicia.podemos.info

    https://galiza.podemos.info/
    facebook
    twitter
    youtube

    Enviado por:
    Prensa Podemos Galicia
    prensa@galicia.podemos.info
    30 de abril de 2016 20:44

    ________________

    sábado, abril 30, 2016

    Despois da Terceira Sentenza firme do Tribunal Supremo contra Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha Rolda de Prensa, para este lúns, 2 de Maio, ás 11,30 hs no Palacio Municipal de Ferrol coa participación de Patricia Gabeiras Vázquez, avogada e asesora xurídica do citado Comité


    ROLDA DE PRENSA,
    LUNS 2 DE MAIO, ÁS 11:30 HS,
    NO PALACIO MUNICIPAL DE FERROL


    Despois da Terceira Sentenza firme do Tribunal Supremo contra Reganosa, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol convoca unha Rolda de Prensa, para este lúns, 2 de Maio de 2016, ás 11:30 hs, no Palacio Municipal do Concello de Ferrol, entre outras persoas, participará a avogada e asesora xurídica do citado Comité, Patricia Gabeiraa Vázquez. Acto no que se fará unha análise da Sentenza 889/2016 do Tribunal Supremo que anula a Autorización de Construción da Planta de Gas de Reganosa, e se presentarán as próximas iniciativas a tomar polo Comité.

    --

    As tres sentenzas firmes do TS contra Reganosa:

    • Sentenza 889/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 25.04.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia).
    • Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia)
    • Sentenza do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Quinta. 11.05.2012| Recurso de Casación Núm. 4512/2008 | Acceder/Baixar. (Recorrían Reganosa e o Concello de Mugardos).
    Enlaces de referencia:
    Nota.-
    - Obra de María Manuela.
    - Foto de Kiko Delgado. | Unhas cinco mil persoas participaron en Ferrol na manifestación convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia contra a autorización "definitiva" para a planta de gasUnhas cinco mil persoas participaron en Ferrol na manifestación convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia contra a autorización "definitiva" para a planta de gas. |01.10.2007. Ir a Web.

    -Ría de Ferrol. | Clicar acima do mapa para ampliar.


    Comité Cidadán de Emerxencia
    para a Ría de Ferrol
    comitecidadan@gmail.com
    www.comitecidadan.org
    @ComitCEmerxenc

    Información baseada na enviada por:
    Comite Cidadan de Emerxencia

    -comitecidadan@gmail.com-
    29 de abril de 2016 19:11
    _______________

    venres, abril 29, 2016

    Conclusións IV Encontro Feministas Autónomas "Contra as Violências Machistas, Iniciativas Feministas"



    No pasado 20 de Febreiro de 2016 tiveron lugar os IV Encontro de Feministas Autónomas en Vigo co tema “Contra as violências machistas, iniciativas feministas”. Este é o cuarto dunha serie de encontros que se levan a celebrar nos últimos anos e que pretenden ser espazos de coñecemento, reflexión,  construción de estratexias e alternativas políticas feministas para vivir mellor no día a día tanto no ámbito privado como no público.

    Nesta convocatoria realizou-se unha dinámica de participación social chamada “Café Diálogo” no que as 50 persoas, maioritariamente mulleres, que participamos nela concluímos o seguinte:
    1) A maior violencia machista que sofremos na actualidade é a negación sistemática (por parte do Estado, medios de comunicación, movementos sociais e sociedade en xeral) da existencia dunha estrutura patriarcal que asigna roles de xénero imutables e represores da diversidade de identidades sexuais, culturais e políticas que realmente existe na sociedade. Un sistema que culpabiliza, autolimita, e invisibiliza particularmente ás mulleres, impedíndonos mesmo recoñecer e denunciar con claridade que o malestar que sentimos, sea cal for a súa intensidade, é violencia.

    2) A pesar do traballo feito polo feminismo e as mulleres a nivel individual ao longo da historia e en ámbitos diversos (política, cultura, saúde, activismo, etc), non sentimos, neste momento, que teñamos claras aliadas alén de nós propias e o movemento feminista.

    3) Frente a esta situación precisamos:
    a. Visibilizar de xeito transversal as violencias machistas en toda a súa dimensión, sendo nós quen definamos o que é violencia machista.

    b. Auto-organizármonos en grupos de apoio por afinidade, localidade, etc, para traballar do individual ao colectivo na toma de conciencia, educación autoestima, acción política e coidados.

    c. Tecer redes seguras e autónomas para criar estratexias e ferramentas feministas integrais, tanto na economía e praxe como no pensamento.

    d. Asumir os nosos direitos e exercelos aqui e agora a través da acción directa, autodefensa e toma de espazos de poder.
    Realizouse tamén durante este IV Encontro de Feministas Autónomas a Feira de Proxectos de Vida onde se evidenciou a riqueza, forza e enerxía que temos as mulleres para dinamizarnos a nós mesmas e á sociedade. Houbo proxectos de arte, economía, vivenda, xestión, cultura, alimentación, artesanía, radio, publicacións, sexoloxía, roupa, educación e crianzas, accións e identidade sexual, etc. Foi un primeiro paso cara a visibilización do noso potencial transformador e e materialización de iniciativas que nos sitúen nun novo camiño de construción de vidas feministas.

    Movimento de Feministas Autónomas da Galiza.

    Para mais información sobre este e pasados encontros poden consultar o noso blogue feministasautonomasgaliza.blogspot.com.


    Encontros Feministas Autónomas
    encontrosfeministasgaliza@gmail.com

    Enviado por:
    Encontros Feministas
    -encontrosfeministasgaliza@gmail.com-
    29 de abril de 2016 09:39

    ______________________

    xoves, abril 28, 2016

    E xa son tres, as sentenzas do Tribunal Supremo contra Reganosa, con esta última, do 25 de Abril de 2016, que anula as resolucións que aprobaban o proxecto de execución de instalación da planta de gas en Punta Promontoiro (Mugardos)


    E xa son tres, as sentenzas do Tribunal Supremo, con esta última, do 25 de Abril de 2016, que anula as resolucións que aprobaban o proxecto de execución de instalación da planta de gas de Reganosa.

    Trata-se da Sentencia 889/2016 do TS Sala do Contencioso-Administrativo Sección Terceira, que falla sobre o Recurso de Casación Número 2175/2013, interposto polas entidades veciñais pertencentes ao Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, contra a Sentencia ditada pola Sección Sexta da Sala do contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, datada en 30 de Abril de 2013 no Recurso Contencioso-Admisitrativo número 966/2004, sendo partes recurridas a Administración Xeral do estado e Reganosa.

    Polo tanto a Sentencia do TS (889/2016), agora fallada, ven anular a Resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas de 13 de Febreiro de 2004, pola que se aprobaba o proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de GNL de Mugardos (Reganosa) e contra a Secretaría de Estado de Enerxía que confirmou a citada Resolución da Dirección Xeral o 13 de Decembro de 2014.

    En resumo Reganosa ten anuladas por sentenzas firmes do TS, a modificación puntual do PXOM de Mugardos sobre o que se construíu a planta regasificadora, a Autorización Previa de Instalación da Planta de Gas e por último, agora tamén, o proxecto de execución das instalacións da planta de recepción, almacenamento e regasificación de GNL de Mugardos. Polo tanto todo o despropósito gasista, non só é altamente perigoso, senón que está baseado en resolucións ilegais que foron declaras nulas de xeito irrevogábel polo Tribunal Supremo, máxima instancia xudicial que dioua sentenzas firmes e inapelábeis.


    Mañá venres, 29 de Abril, reúne-se o Comité Cidadán de Emerxencia para analizar a situación e acordar os novos pasos a dar na loita contra este despropósito gasista, construído coa complicidade de políticos sen escrúpulos que nos instalaron unha planta de gas no corazón da nosa Ría que nos ameaza todo-los días, aumentando exponencialmente esta ameaza, sempre que entra na Ría un buque, cargado con gas natural licuado (GNL/LNG) para a perigosa e ilegal planta regasificadora de Reganosa en Punta Promontoiro, encostada ao complexo petroquímico do Grupo Tojeiro (Forestal del Atlántico, Imegalsa, ...).

    As tres sentenzas firmes do TS contra Reganosa:

    • Sentenza 889/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 25.04.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia).
    • Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia)
    • Sentenza do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Quinta. 11.05.2012| Recurso de Casación Núm. 4512/2008 | Acceder/Baixar. (Recorrían Reganosa e o Concello de Mugardos).
    Enlaces de referencia:

    Comité Cidadán de Emerxencia
    para a Ría de Ferrol
    comitecidadan@gmail.com
    www.comitecidadan.org
    @ComitCEmerxenc

    Información baseada na enviada por:
    Comite Cidadan de Emerxencia

    -comitecidadan@gmail.com-
    14 de abril de 2016 00:01
    _______________

    O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha moción, que será debatida no pleno ordinario, na que pide que se esixa á Xunta de Galiza a titularidade das concesión de transporte público, e que desde o goberno se impulse a creación dunha empresa municipal de transporte


    O BNG LEVA AO PLENO A CREACIÓN DUNHA EMPRESA MUNICIPAL DE TRANSPORTE


    O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha moción, que será debatida no pleno ordinario de mañá (28.04.2016), na que pide que se esixa à Xunta de Galiza a titularidade das concesión de transporte público na nosa cidade, co fin de poder prestalo nas condicións adecuadas desde a propia administración local e que desde o goberno se impulse a creación dunha empresa municipal de transporte.

    O BNG lembra que a actual situación na que non existen limitacións concesionarias nen planificación de servizos máis aló deste ano 2016 estabelece un marco totalmente aberto e sen condicionantes para que o goberno local decida libremente unha proposta de transporte público que se adecúe ás necesidades dos veciños e veciñas.

    A sentenza do tribunal supremo que anula a prórrogas concedidas no ano 2010 ás concesións de transporte metropolitano definen un escenario totalmente aberto. É nese contexto, co horizonte do vindeiro ano 2017, desde o BNG esiximos ao goberno municipal que redefina o servizo co obxectivo de que este preste un adecuado servizo, en horarios e frecuencias que cubra as necesidades sociais dos veciños e veciñas de Ferrol tanto da súa zona urbana como da rural.

    O Plan de Transporte Metropolitano desenvólvese pola Xunta de Galiza en base a concesión das liñas de transporte a día de hoxe anuladas por sentenza do Tribunal Supremo. Polo tanto, é decisión do Concello de Ferrol de asumilo ou non nos termos nos que está redactado, e que o alcalde da cidade así o faga demostra a actitude cómplice do goberno municipal fronte á posibilidade de prorrogar a concesións ás mesmas empresas que desenvolvían o servizo na actualidade e fronte a renovación dun Plan de Transporte Metropolitano que se algo ten demostrado é a falla de adecuación as necesidade reais e económicas da cidade.

    O actual contexto permite que o Concello poida asumir a xestión das liñas urbanas coa constitución dunha empresa pública de transporte que en colaboración coa Xunta de Galiza dea servizo a unha cidade cunha poboación confinada ao uso do transporte privado e que está a sufrir ao mesmo tempo o desmantelamento dos precarios servizos ferroviarios actuais.

    Na proposta do BNG tamén se pide que sexa o Concello de Ferrol, a través da empresa municipal de transporte, quen planificará de maneira conxunta cos concellos da comarca as liñas e frecuencias do transporte urbano.

    Ferrol 27 de abril de 2016

    Documentación anexa:
    • Texto da Moción do BNG relativa á creación dunha empresa municipal de transporte público presentada no rexistro | Acceder/Baixar.

    • Texto da convocatoria para o Pleno Ordinario do 28 de Abril de 2016 | Acceder/Baixar.


    Bloque Nacionalista Galego de Ferrol
    Rúa Naturalista López Seoane, 13 Baixo - 15402 - Ferrol
    bngferrol@gmail.com
    O BNG de Ferrol no facebook  ou no twitter.

    http://bng.gal/ferrol/
    http://adiante.gal/


    Enviado por:
    BNG Ferrol
    -bngferrol@gmail.com-
    27 de abril de 2016 17:33
    ______________

    Fotos 1 de Jorge Meis publicada no Diario de Ferrol. Xuño 2014.
    Fotos 2 Parte do persoal de Trnaviasconcentrouse ás portas do Concello de Ferrol (foto: R.C.), publicada en Ferrol360. Marzo2016.

    ____________________

    "A día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os Dereitos Humanos son universais", di Lídia Senra eurdiputada galega, no marco do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco, onde se presentaron as conclusións dun informe sobre dereitos humanos realizado no País Vasco


    "A día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os Dereitos Humanos son universais". | No marco do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco presentáronse esta mañá as conclusións do informe sobre DDHH en EH. | Arnaldo Otegi, presente no evento, mantivo posteriormente un encontro cas eurodeputadas Lídia Senra, Gabi Zimmer e Malin Björk.


    A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, participou esta mañá na presentación das conclusións dun informe sobre dereitos humanos realizado no País Vasco [1]. Dito documento foi elaborado a partir das informacións e testemuñas obtidas por unha delegación [2] do Parlamento Europeo integrada por sete eurodeputadas/os pertencentes a tres grupos políticos distintos [3] -entre as que se atopaba a propia Lídia Senra-, que se desprazaron a Euskal Herria (EH) no mes de febreiro.

    A recollida de información levada adiante por esta delegación parlamentaria respostou a catro cuestións de interese principal para as eurodeputadas/os: a aplicación de políticas de dispersión, a atención ineficiente a persoas presas gravemente enfermas, as restricións á aplicación da liberdade condicional en Francia e o incumprimento da Decisión marco 2008/675 / JAI do Consello (24 de xullo de 2008).

    As conclusións deste informe, indicou Senra, "articúlase en torno á premisa de que respectar os dereitos humanos das presas/os políticas/os vascas/ non e contrario ao respecto dos dereitos humanos das vítimas de ETA", un punto de partida que semella sinxelo, mais que "á vista das informacións que obtivemos durante as entrevistas mantidas en febreiro, a día de hoxe inda segue sendo necesario reivindicar que os dereitos humanos son universais e que deben ser garantidos en tódolos casos".

    Por outra banda, proseguiu, "sabemos por outras experiencias, como por exemplo a irlandesa, que tiven a posibilidade de coñecela de perto o ano pasado, que os presos e presas son sempre unha parte imprescindíbel na resolución deste tipo de conflitos; se non se quere pechar en falso, precísase a implicación de tódalas partes", polo que inda resulta máis importante "avanzar en vías que poderían ir dando pasos adiante nesta situación, como sería o achegamento das persoas presas".

    Tras a presentación deste informe, e no marco da conmemoración do X aniversario do Grupo de Amizade co País Vasco no Parlamento Europeo, o líder da esquerda abertzale Arnaldo Otegi, impulsou o relanzamento do manifesto internacional Freedom for Arnaldo Otegi. Bring Basque Prisoners Home [4].

    Antes de dar inicio a esta presentación, tivo lugar un minuto de silencio para lembrar o 79 aniversario do bombardeo de Gernika, unha emotiva lembranza realizada por todas as persoas asistentes ao evento e que "é tamén para lembrar a todas as vítimas do conflito vasco", sinalou Otegi antes de comezar a súa intervención.

    Xuntanza con eurodeputadas

    A eurodeputada galega, xunto ca Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer, e a eurodeputada sueca Malin Björk, integrantes todas elas do Grupo de Amizade co País Vasco, mantiveron posteriormente unha xuntanza Arnaldo Otegi.

    Durante este encontro as deputadas compartiron co político vasco as impresións xurdidas da súa viaxe a Euskal Herria, poñendo sobre a mesa tamén "a sorpresa de que a impresión maioritaria fora que dende o abandono das armas o proceso de paz está en certa maneira estancado, en lugar de apoiarse neste contexto para avanzar", expuxo a eurodeputada de AGEe.

    O líder abertzale fixo fincapé nas dificultades que están a atopar no proceso, pero recalcou que "a paz é unha opción que non ten estratexia alternativa" e reivindicou "a importancia das respostas colectivas para poder gañar as batallas".

    Bruxelas, 26 de Abril de 2016.


    Notas.-
    [1] Adxuntamos resumo.
    [2] Ver [NdP120216AGEe] Lídia Senra participará nunha delegación do PE a Euskal Herria para obter información sobre DDHH e [NdP280116AGEe] Delegación do Parlamento Europeo ao País Vasco. Dereitos Humanos.
    [3] A Presidenta do Grupo da Esquerda Verde Nórdica-Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Gabi Zimmer (Die Linke); o Vicepresidente do Grupo Verdes/Alianza Libre Europea (Verdes-ALE), Josep-Maria Terricabras (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC); e as eurodeputadas/os Lídia Serna (Alternativa Galega de Esquerda en Europa), Martina Anderson (Sinn Féin), Malin Björk (Vänsterpartiet), Tatjana Ždanoka (Latvijas Krievu Savienība) e Mark Demesmaeker (Nieuw-Vlaamse Alliantie, N-VA).
    [4] A eurodeputada de AGEe participou tamén como integrante do Grupo de Amizade co País Vasco no lanzamento da campaña Free Otegi. Free them all que tivo lugar no Parlamento Europeo o 24 de marzal do ano 2015 e contou ca presenza do músico Fermín Muguruza.
    Freedom for Arnaldo Otegi. Bring Basque Prisoners Home

    Outras info de interese:

    Persoas expertas no ámbito enerxético sinalan a necesidade urxente de mudar o actual modelo. | Lídia Senra abre a xornada ‘Presente e futuro enerxético de Galiza no contexto europeo’ organizada polo GUE/NGL e AGEe na Estrada. | A eurodeputada denuncia que non é de recibo que as políticas neoliberais se preocupen tan pouco do impacto ambiental e social | Ir á Web. | 23.04.2016


    Intercambio de opinións da Comisión de Pesca do PE co Comisario de Pesca, Karmenu Vella. | Dende onte e durante todo o día de hoxe están a ter lugar as reunións de traballo da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. | Senra esixiu a prohibición da minaría submarina, o saneamento das rías e a aplicación de criterios socioeconómicos no reparto de cotas. | Ir á Web. | 19.04.2016

    Lídia Senra
    , eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)


    Equipa de Comunicación AGEe.
    lidia.senra@europarl.europa.eu

    http://ageuropa.gal/

    twitter  Facebook

    Enviado por:
    MONTOTO VAZQUEZ Vera
    -vera.montotovazquez@europarl.europa.eu-
    26 de abril de 2016 18:19
    ___________________

    Conferencia de Xosé Manuel Beiras en Ferrol: "Un Rexime en crise terminal", no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño, este xoves 28 de Abril, ás 8 da tarde


    Conferencia de Xosé Manuel Beiras en Ferrol: "Un Rexime en crise terminal"

    Xose Manuel Beiras protagonizará unha charla baixo o título "Un Rexime en crise terminal".

    Dentro do ciclo de Coferencias:

    "Democracia e Compromiso"

    Día, xoves 28 de Abril, ás 8 da tarde.

    En Ferrol, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño

    Organizada por Fuco Buxán A. C.

    http://www.fucobuxan.net/

    _________________

    mércores, abril 27, 2016

    28 de Maio: Por unha Muralla de Dignidade, ... Por Celso Posada Fernández

    Por Celso Posada Fernández [*]
    28.04.2016


    O vindeiro 28 de Maio as Marchas da Dignidade imonos Manifestar as 12:00 horas en Lugo. Voltamos as rúas como seguimos facendo cada día a dicir alto e claro: NON o TTIP, NON os desafiuzamentos, NON a Lei Mordaza, NON a Reforma Laboral do PP, NON os recortes nos servizos públicos, na Sanidade e no Ensino Públicos, NON os recortes nos dereitos sociais e laborais. NON o infame e racista Acordo entre a UE e Turquía. As Marchas da Dignidade voltamos ás rúas en defensa dunha vivenda digna, dos servizos públicos, da Sanidade e do Ensino Públicos, dos dereitos sociais, dos dereitos da clase traballadora, dos dereitos humanos e do dereito a asilo as persoas refuxiadas. As Marchas da Dignidade facemos un Chamamento a toda a cidadanía a que acuda, participe e apoie a Manifestación do 28 de Maio en Lugo porque o Pobo ten dereito a Pan, Traballo, Teito e Dignidade. Enchemos a Muralla de Lugo de Dignidade. Os dereitos non se venden os dereitos se defenden

    [*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. Activista e Coordinador en Galicia do partido Socialista, Republicano e de esquerdas "Decide en Común" e Secretario de Ensino e de Cultura da Executiva Federal; integrante da Plataforma Somos Esquerda. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre. Foi membro do PSOE, candidato a liderar o partido a nivel provincial, até formou parte da súa Executiva Comarcal da que dimitiu. A situación socioeconómica e política, e a súa participación activa nos movementos sociais, levou-no a abandonar o PSOE e colaborar na refundación dun novo partido socialista e republicano. É membro de STOP-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, da Asociación de Mobilidade Humana para a Colaboración e o Desenvolvemento (de apoio ás persoas inmigrantes e refuxiadas) e participa nas Marchas da Dignidade e na Plataforma Cidadá de Ferrolterra contra o TTIP. Está no facebook e un blogue persoal.

    Artigos de Celso Posada en Ártabra 21.

    Enviado por:
    celso posada
    -celsoposada2006@hotmail.com-
    25 de abril de 2016 17:23
    ___________

    O Concello de Ferrol pon en funcionamento un novo espazo para a participación cidadá: "Ferrol decide" - Adiada (sine die) a Asemblea do Barrio de Caranza


    POSTA EN FUNCIONAMENTO DO ESPAZO PARTICIPATIVO "FERROL DECIDE"


    O Concello de Ferrol pon en funcionamento un novo espazo para a participación cidadá "Ferrol Decide":

    Un espazo de participación aberto para unha construcción colectiva da cidade que ten os seguintes obxectivos:
    • Contar coa cidadanía na toma de decisións sobre as actuacións municipais mais relevantes.
    • Dispor de enquisas de opinión on line sobre temas de actualidade da cidade.
    • Achegar propostas para a mellora da cidade.
    • Comentar, debater e apoiar as propostas cidadás que sexan de maior interese ou acaden un maior consenso.
    Como persoa inscrita no ficheiro da cidadanía intresada en intervir nos procesos participativos do Concello de Ferrol, a concellería de Participación Cidadá pon á túa disposición o espazo participativo "Ferrol Decide", desde o que poderás participar nos diferentes procesos abertos.

    Para acceder, primeiro debes activar o teu usuario neste enlace:
    http://www.ferrol.es/decide/activarUsuario.aspx

    Unha vez activado recibirás no teu correo electrónico unha contrasinal coa que poderá entrar na web "Ferrol Decide".

    http://www.ferrol.es/decide






    --

    COMUNICACIÓN SUSPENSIÓN ASEMBLEA DE BARRIO DE CARANZA


    Por mor do suceso acaecido na mañá de onte en Telleiras, suspéndese a celebración da asemblea de barrio de Caranza prevista para mañá mércores 27 de abril de 2016.

    Unha vez dispoñamos dunha nova data será debidamente comunicada.

    Un saúdo.

    Álvaro Montes Celeiro
    Concelleiro de Participación Cidadá

    Nota.-
    O resto das Asembleas seguen o seu curso normal: Calendario de Asembleas.

    ________________________________
    CONCELLO DE FERROL - PARTICIPACIÓN
    Casa do Concello, 2º andar
    Tf.: 981 944 015 / 981 944 219

    Enviado por:
    participacion
    -participacion@ferrol.es-
    27 de abril de 2016 13:51
    26 de abril de 2016 10:53
    ___________________

    Enlace relacionado:

    Ártabra 21: Iniciado o proceso de Asembleas de Barrio para elixir as vicepresidencias das mesmas e a representación no Consello da Veciñanza do Concello de Ferrol - Regulamento de Participación Cidadán - Orzamentos Participativos - Axenda 21 Local de Ferrol | 19.04.2016.

    A Participación Cidadá en Ártabra 21.
    ____________________________

    Festival Musical en conmemoración dos 40 anos da Refundación do Ateneo Ferrolán. Venres día 29 ás 21,30 h. na Sala Super8.


    Este venres 29 de abril de 2016, Festival Musical en conmemoración dos 40 anos da Refundación do Ateneo Ferrolán

    Ás 21:30 horas na Sala Super 8.

    Participan:


    Presenta Cristina Moreira.

    E despois pinchada con Disque Toca DJ´s de Radio Filispim.

    Entrada solidaria máis participación en sorteos, 5 euros.

    Ven e colabora co Ateneo Ferrolán!!!


    -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- -- 
    Un lugar de encontro para a cultura.Ateneo Ferrolán, fundado en 1879.

    e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.:  +34 981 357 970 Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza) 


    Para axudas e aportacións económicas:
    CC en Cajamar Cooperativa. Titular Ateneo Ferrolán.
    ES72-3058-6402-9527-2000-5350






    Panorama estatístico actualizado dos sete grandes concellos galegos - Territorio, poboación, movemento natural da poboación, traballo, vivenda e pensións contributivas da Seguridade Social


    Panorama dos sete grandes concellos galegos

    Introdución

    O obxectivo do Panorama dos sete grandes concellos é por a disposición pública aquela información dispoñíbel sobre os sete grandes concellos de Galiza que se poida desagregar a nivel de distrito ou sección censual. En todos os apartados ofrécese :
    • Información para o total municipal
    • Información por distritos censuais
    • Información por seccións censuais
    Esta actividade estatística acompaña-se dunha aplicación que permite visualizar en mapas toda a información inframunicipal dos sete grandes concellos de Galiza.

    Información por temas:
    Acceso ás táboas de datos | Ir á Web.

    ---
    Servizo de Difusión e Información Estatística
    Complexo Administrativo San Lázaro s/n
    Instituto Galego de Estatística
    15703 Santiago de Compostela
    Telf: 981 541589 de 9 a 14 horas, Fax: 981 541323
    contacto: http://www.ige.eu/catalogo/peticioninfo.jsp
    web: http://www.ige.eu

    Foto parcial de Ferrol (Arsenal e Estaleiro Navantia)

    Información baseada na enviada por:
    Servizo de Difusión e Información Estatística
    -ige.novidades@ige.eu-
    26 de abril de 2016 09:20

    _____________

    Importante éxito da Sanidade Pública: o PP rectifica, abandona o proxecto privatizador do Hospital Monte Carrasco, e o Sergas ampliará o Hospital Montecelo


    IMPORTANTE ÉXITO DOS DEFENSORES DA SANIDADE PÚBLICA EN PONTEVEDRA


    O PP rectifica, abandona o proxecto privatizador do Hospital Monte Carrasco, e o SERGAS ampliará Montecelo.

    Alguén pensa que isto tería sucedido sen a presión cidadán?.

    Alguén cre que isto sucedería sen as importantes mobilización que promoveu a Plataforma “SOS Sanidade Pública” de Pontevedra?.

    Os defensores da sanidade pública debemos ter claro que a mobilización e a unidade foron e son a clave para que sexa posíbel que Hospital Único e Público de Pontevedra, mediante a ampliación de Montecelo, chegue a ser unha realidade.

    A nova nalgúns medios convencionais:

    Voz de Galicia, 22/04/2016 | O PP rectifica e aposta seis anos despois pola ampliación do Hospital Montecelo. | Ir á Web.

    Diario de Pontevedra, 21/04/2016. | A Xunta prevé que o novo Montecelo poida estar operativo en 2020. | Ir á Web.

    Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol
    www.plataformadspferrol.blogspot.com
    plataformadspferrol@gmail.com


    Foto 1: Feijóo na presentación da maqueta do novo hospital, celebrada en 2010. | R. Fariña.
    Foto 2: Mobilización en Pontevedra  | Setembro 2014 | Avantar.


    Enviado por:
    Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
    -plataformadspferrol@gmail.com-
    25 de abril de 2016 20:10

    _________________