xoves, maio 12, 2016

O 15M imos tod@s á Praza - Concentración e asemblea ás 12 do mediodía no Cantón de Ferrol, este domingo 15 de Maio


15M TOD@S Á PRAZA

Este domingo, 15 de Maio, ás 12 do mediodía, en Ferrol, no Cantón, nas inmediacións do Palco da Música. Non faltes ! Participa !

Como en moitas cidades de Europa e doutras partes do mundo, na Galiza mobilízamo-nos este 15M.

Nas sete cidades, van ter lugar concentración nas prazas. E en Ferrol tamén o imos facer, non só en apoio da convocatoria do 28M na que entraremos nas históricas murallas romanas de Lugo, patrimonio da humanidade, para conformar "Unha Muralla de Dignidade", senón que tamén nos mobilizaremos como en toda Europa na acción internacional #GlobalDebout promovida pola #Nuitdebout (Noite en Pé).
  • Ferrol no mapa mundial da accións locais na #GlobalDebout | Acceder.
  • Ferrol na wiki do evento mundial |  Acceder.
Estaremos no 5º aniversario do movemento 15M, quentando motores para construír "Unha Muralla de Dignidade", o sábado 28M en Lugo.

E non faltaremos á Acción Mundial, dende París até Hong Kong, pasando por Galiza e Ferrol, polos dereitos das persoas, dos pobos... e en defensa do medio ambiente; contra a Troika e as súas políticas austericidas que nos condenan ao paro e ao empobrecemento, contra o latrocinio das grandes corporacións transnacionais, contra o cambio climático... Un outro mundo é posíbel e necesario.

En Ferrol, convocamos á #GlobalDebout desde as Marchas da Dignidade de Ferrolterra (Integrante da Columna Galega das Marchas da Dignidade).
Acción local na mobilización #GlobalDebout
  1. Presentación da Xornada.
  2. Paneis de ideas, denuncias e propostas.
  3. Intervención dos distintos colectivos participantes. Até o de agora:
    • Marchas da Dignidade Ferrolterra.
    • Foro Galego de Inmigración de Ferrolterra.
    • STOP Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo.
    • A.C. Fuco Buxán.
  4. Asemblea aberta: debate e recollida de propostas para cambiar a situación actual.
  5. Actuación musical: Manolo Bacallao, ...
Domingo, 15 de Maio, ás 12 do mediodía, en Ferrol, no Cantón, nas inmediacións do Palco da Música.

Evento no Facebook:
https://www.facebook.com/events/527124170807967/

Pan, Traballo e Teito !
Á rúa que xa é hora!
Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto:
Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  |
Teléfono: 602 587 531 |
Blogue de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ |
Blogue Galego:http://marchasdadignidade.blogspot.com/ |
Web Estatal:http://marchasdeladignidad.org/ |
Blogue do Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica:
http://asmarchaspoloemprego.blogspot.com.es/
_______________________

martes, maio 10, 2016

Cronoloxía dunha loita desigual contra o despropósito gasista de Reganosa nunha reportaxe vídeofotográfica do Comité Cidadán de Emerxencia - Tres Vídeos


Neste mes de Maio de 2016, cúmprense 9 anos da chegada dos primeiros Gaseiros cargados de gas natural licuado (GNL) a Reganosa.

A loita da cidadanía xa comezara en 1999, encabezada polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, no que se agrupan máis de medio cento de Entidades, veciñais, ecolóxicas, culturais....

Levaba-se percorrido un longo camiño de denuncias, sensibilización pública, mobilizacións, en Mugardos, en Ferrol, en Compostela, en Madrid, en Bruxelas....

A acción cidadá na boca da ría, o 7 de maio do 2007 e os días posteriores, detendo a entrada dos Gaseiros, permitiu rachar os Muros de Silencio e poñer en evidencia a complicidade das distintas Administracións: Estatal, Autonómica e Local, con este proceso fraudulento e perigoso.

Agora, tras máis de quince anos de loita, cando tres sentenzas do Tribunal Supremo confirman os fundamentos do Comité, queremos ao fío deste aniversario, agradecer a tantas persoas que nos acompañaron e acompañan o seu compromiso na defensa da Legalidade, da Ría e da Vida.

Iniciamos hoxe a publicación duns sinxelos documentos fotográficos en lembranza daqueles sucesos.

Videosfotgráficos

1.- A chegada dos primeiros gaseiros a reganosa cargados con GNL.
Primeiro : Os antecedentes.

2.- Os días 7 e 8 de Maio 2007 (Primeiros Gaseiros a Reganosa).

3.- O día 9 de Maio de 2007. O Gaseiro entrou…

O LNG “Galicia Spirit” levaba varios intentos de acceder a Reganosa, frustrados polo peche que a cidadanía mantiña na boca da Ría.

O peirao de Coruxeiras amañeceu bloqueado. A Garda Civil no mar e a Policía Nacional na terra impediron o acceso ás embarcacións.

Houbo moitos momentos de tensión. E coa axuda do Goberno, o gaseiro entrou.


https://youtu.be/jV44OE8fkZU


https://youtu.be/KKzKoNNAVgQ


https://youtu.be/p4iW7skngeE

Descargas directamente dos arquivos do Comité Cidadán de Emerxencia:

Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
9 de maio de 2016 10:09
8 de maio de 2016 11:01
7 de maio de 2016 19:00

_______________

luns, maio 09, 2016

Neste mês das letras Fundaçom Artábria oferta variado programa de atividades

A Fundaçom Artábria oferece este mês de maio um variado programa de atividades: música, palestras, exposiçons, gastronomia, atelier de repostaria criativa para crianças...

As atividades começárom a passada sexta-feira, 6 de maio, com umha palestra intitulada "Carvalho Calero e a sua açom política", organizada pola Comissom pró Dia das Letras 2017 para o ilustre ferrolano. Na mesma, o historiador ferrolano Bernardo Maiz Vázquez trouxo-nos o Carvalho mais militante.

Também na sexta-feira, a artista ferrolana Tam Sanserif inaugurou a sua exposiçom "Olladas" no nosso Centro Social. Pode ser já visitada em horário de abertura do café-bar e até o próximo 5 de junho.

No sábado 7 decorreu a primeira atividade musical do mês. Da Corunha chegou o speed-folque dos Ulträqäns.

Na sexta-feira 13 de maio, às 20.00hs decorrerá umha palestra que leva por legenda "As Irmandades da Fala: a tomada de consciência de sermos nós" na qual intervirá a companheira Goretti Sanmartín Rei, licenciada e doutora em Filologia Galego-Portuguesa e professora titular de Filologia Galega da UdC.

No sábado 14, Joám Luis Ferreiro, biólogo da confraria de Baralhobre, explicará a situaçom da nossa ria e como repercute no trabalho das mariscadoras e mariscadores da Comarca. A palestra intitulada "A realidade da ria de Ferrol" está marcada para as 20.00hs.

Segunda-feira 16, celebraremos na Fundaçom Artábria o Dia das Letras. Desde as 19.30hs, decorrerá umha grelhada a preços populares. À noite, o cantor ferrolano Manolo Bacalhau porá música à jornada.

No dia 17 de maio, participaremos na mobilizaçom nacional que decorrerá em Compostela, convocada por Queremos Galego, na defesa da nossa língua.
20 de maio, sexta-feira, projetaremos em ecrám gigante o jogo da nossa seleçom nacional contra a Venezuela, no que é a volta da irmandinha. Será a partir das 20.30hs.

No sábado 21, daremos continuidade as atividades de comemoraçom do centenário das Irmandades da Fala com um roteiro urbano pola cidade, onde Joám Lopes, licendiado em história pola UNED e Guia turístico da Galiza, vai guiar-nos polos locais mais significativos das Irmandades em Ferrol.

A saída está marcada para às 17.30hs ao pé do palco da música, no Cantom de Molins.

Às 19.00hs, também no sábado 21, decorrerá no Centro Social um atelier infantil de repostaria criativa ministrado por Maru Alonso. Precisa-se de inscriçom prévia gratuita e há límite de assistência para 15 crianças. A atividade está programa para nenos e nenas a partir dos 4 anos.

Na sexta-feira 27, em parceria com o Beco da Língua, chega a III Luso Paparoca. Desta volta, a protagonista será a comida brasuca. Haverá um atelier prévio onde aprenderemos a fazer feijoada.

Podes apontar-te ao atelier escrevendo para correiodeartabria@gmail.comou becodalíngua@gmail.com. O preço do atelier mais o almoço é de 10 euros.

No caso de só quereres ir jantar, o preço é de 12 euros e a ementa: Feijoada, bolo de cenoura, beijinhos de coco, guaraná e água. Também haverá caipirinhas. As praças estám limitadas a 25 pessoas.

Fecharemos o mês, sábado 28, com a apresentaçom do último trabalho dosSuperoito. O concerto começa às 23.00hs e a entrada é de 4 euros, 3 para pessoas associadas.

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
9 de maio de 2016 13:35
________________

mércores, maio 04, 2016

Antón Losada este xoves 5 de Maio en Ferrol, convidado pola asociación Fuco Buxán, dentro do Ciclo "Democracia e Compromiso", o acto terá lugar no Ateneo Ferrolán - Presentará o seu último libro "Los ricos vamos ganando" e dará unha posterior conferencia

Ciclo "Democracia e Compromiso": Antón Losada este xoves 5 de maio, e vindeiros actos

Este é un dos últimos actos que estamos realizando dentro do ciclo de conferencias baixo o título "Democracia e Compromiso", e que ofreceron este ano a posibilidade de atender a actos protagonizados por importantes persoas do panorama socio-político, como Vicente Álvarez Areces, Nieves Santomé, Manolo Lago, Manuel Rivas, Juan Carlos Monedero, Manuela Carmena, Xosé Manuel Beiras...

Concretamente, este xoves 5 de maio, de 2016, contaremos coa presenza de Antón Losada no Ateneo Ferrolán ás 19:30h para presentar o seu último libro "Los ricos vamos ganando" e dar unha posterior conferencia.

Antón Losada Trabada, naceu en 1966 en Xove (A Mariña luguesa), é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, na cal é profesor titular de Ciencia Política no Departamento de Socioloxía e Ciencia Política dende 1998.

Ademais, desenvolveu unha coñecida traxectoria como articulista e comentarista en medios impresos e radiofónicos tanto do ámbito galego como estatal e, segundo o seu currículo, é autor de múltiples publicacións ligadas especialmente ao campo da ciencia política e da pesca.

Antón Losada Trabada, foi membro do BNG e secretario xeral e de Relacións Institucionais da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, cargo no cal traballou man a man con Anxo Quintana dende que este tomou posesión como vicepresidente tras as eleccións autonómicas de xuño de 2005.

Desde o seu paso pola política activa e mesmo de participación no goberno autonómico que presidiu Emilio Pérez Touriño onde cogobernaba o BNG co PSdeG-PSOE, no que se chamou o bipartito, nesa segunda lagoa de tres anos e medio dun goberno non-PP, na Galiza (a primeira fora cando o de Fernando Gozález Laxe en 1987 co chamado tripartito que presidiu a Xunta perante tres anos, logo viñeron as maiorías absolutas de Fraga até que caeu derrotado en 2005), Antón Losada continuou coa docencia, mais segue de comentarista político e tertuliano na SER e noutros medios de relevancia.

Os ricos imos gañando (Los Ricos vamos ganando)
de Antón Losada Trabada | Ediciones Deusto | Edición en Castelán. | Primeira edición: Marzo de 2015

Señores contra cidadáns na España neofeudal.
Por que eles saíron da crise e ti non?


Ao fío da coñecido frase do multimillonario Warren Buffet, segundo quen "por suposto que hai unha loita de clases e os ricos imos gando", neste libro explícase que as elites xa saíron da crise, pero a xente da rúa, é dicir, o conxunto da sociedade non, e explica os porqués.

O libro consta de 6 capítulos onde trata os seguintes temas:
  1. Non vaias cara á luz: Cinco mentiras sobre a recuperación.
  2. Os gañadores lévannos todo.
  3. Os perdedores deberían estar agradecidos.
  4. Os nosos fillos serán os seguintes.
  5. Pódense gañar unhas eleccións desde a esquerda.
  6. Pódese gobernar desde a esquerda.
Primeiro capítulo dos ricos imos gañando. | 19 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

--

ASOCIACIÓN CULTURAL FUCO BUXÁN: DIRECCIÓN: Rúa Armada Española, 32 baixo - 15406 - Ferrol (A Coruña) APARTADO DE CORREOS: 240 - C.P. 15400 - Ferrol TELÉFONO: 981325492 EMAIL:  fucobuxan@gmail.com A NOSA WEB: www.fucobuxan.net AXENDAFACEBOOKTWITTER | GOOGLE+

Sinalar que para unha asociación como a nosa supón un serio esforzo -sobre todo económico- conseguir o amable desprazamento ata Ferrol de tódolos conferenciantes.

Por este motivo, pedimos a vosa colaboración:
  • Difundindo os actos previstos
  • Facendo unha doazón: nos actos que desenvolvemos, sempre imos acompañados dalgunha das nosas producións como asociación -chapas, libros, documentais en DVD, ou o último número da nosa revista FUCO BUXÁN- coas que agasallaremos a vosa xenerosidade en función da cantidade doada. Por outra banda, tamén é posible contribuír facendo un ingreso na conta: ES75-2080-0222-8230-4001-5401
  • Seguíndonos nas redes sociais: poderás atoparnos en Facebook, Twitter e na web.
  • Inscribíndovos como socios e socias, contribuíndo ó crecemento da asociación e ó seu sostemento, tanto no económico como na súa actividade.
Información baseada na enviada por:
A.C. Fuco Buxán Fuco Buxán
-fucobuxan gmail.com-
4 de maio de 2016 07:06
__________________

As fotos de Cristóbal: O carro


Algúns Comentarios:

Pepe Lopez Soto: dáme na espiña que esta familia sabe ó oficio.. A carga non vai dianteira nen traseira, onde se produce un punto de equilibrio para que a canga non cargue ó peso sobre ó xugo e o pescozo dos bois... Os bos carros, resistían a proba de aguantarse sen fincón estando baleiros.. Unha vez cargados tiñan que conservar o mesmo punto, para que os Bois ou vacas, só tiveran que facer a acción de tirar... Todo un arte.... que non todos conseguía dominar, para pesadelo de Bois e vacas.... Sei de que falo... meu avó era un maestro, neste tema...

Rafael González Mosquera: Me gosta recordar tempos pasados,cando polos campos de Galiza, cantábanos carros a sinfonía da pobreza, e o suor dos homes do campo, e as mulleres tamén, por iso tamén me da tristura, o recordar...

Mini Rivas Cruz
: Hoxe levan máis herba seca un par de bolos. Pero non dan a mesma sensación de fartura. O que me recorda é o campo cheo de xente, o bulir de traballo, o compartir...a vida que hoxe non se ve por ningures ó noso redor.

Fonte Cristóbal Díaz:
https://www.facebook.com/cristobal.diaz.142240
_____________

A asemblea de Ferrol e Común acorda seguir adiante co pacto de goberno, pero establecendo novas condicións - Reportaxe de Marta Corral en Ferrol360 -29 de Abril de 2016


A continuación publicamos unha reportaxe completa da Asemblea de Ferrol en Común que tivo lugar o pasado 29 de Abril. Unha xuntanza que tiña creado expectativas, dado que se deixaba en mans dunha asemblea aberta á cidadanía, con inscrición previa até minutos antes da celebración da mesma, a continuación ou non do pacto de goberno municipal que mantén a mencionada formación política xunto ao PSdeG-PSOE. Pola importancia da mesma, publicamos en Ártabra 21 a moi boa reportaxe da xornalista Marta Corral cofundadora de Ferrol360.

A asemblea de FeC acorda seguir adiante co pacto de goberno, pero establecendo novas condicións

Acordo practicamente unánime da asemblea de Ferrol en Común para continuar a lexislatura xunto ao PSOE, pero iso si, establecendo unhas novas liñas vermellas que virán procurar a garantía de que o Executivo actúe de forma cohesionada, como propoñía o Grupo Municipal.

Anunciába-o Jorge Suárez, que lonxe de estar alí como alcalde ou como número uno de FeC, facíao como "un máis con voz propia", avanzando que esas novas condicións garanten "a continuidade do pacto, pero non a calquera prezo, cuns límites moi claros".

Aclarando que a súa formación non vai desprenderse de ningunha concellaría no novo reparto de áreas trala saída dos dous edís, Suárez avanzou que antes de trasladarlle ningún documento os seus socios socialistas celebrarán unha Coordinadora aberta que elabore a proposta firme e esa terá que ser ratificada de novo pola Asemblea.

Trátase dun paquete de medidas que, explica Suárez, "sirva para blindar o Goberno vos vindeiros tres anos, pero tendo en conta que hai liñas vermellas", anticipando que de non cumprir o PSOE o seu parte do trato, "non vai haber máis oportunidades".

Para o líder de Ferrol en Común a formación saíu "reforzada" desta "crise", xa que "quedou demostrado que aparcamos as nosas diferenzas e centrámonos non que máis únenos". Un extremo que quedaría simbolizado no abrazo que Suárez se daba con Carlos do Río, un dos máis críticos coa xestión municipal de FeC, ao finalizar o acto.

Liñas vermellas para cohesionar

As novas condicións de FeC pasan por dar máis competencias á Xunta de Goberno, sobre todo en materia de contratación, para que sexa o órgano central do Executivo e impida actuacións individualizadas. Ademais, propoñerán a creación dunha comisión de seguimento do pacto -con persoas dos dous partidos, que sirva como órgano fiscalizador e de resolución de conflitos.

A nova folla de ruta pasaría inevitablemente tamén pola renegociación de áreas partindo da base de que "dende ou grupo municipal, consideramos que ante o desequilibrio inicial do pacto, non podemos perder competencias substanciais, como Facenda".

Como colofón a estas liñas vermellas, fixan a "resolución inmediata e consensuada dos contratos de servizos, electricidade, lixo e auga, xa que a parálise está a producir un desgastar evidente, ademais de poñer en risco vos recursos municipais".

Crónica dunha asemblea máis áxil do esperada

Cun cuarto de hora de atraso comezaba a asemblea de Ferrol en Común fixada para as sete da tarde no centro cultural Carvalho Calero, con catro dos edís da formación presidindo a reunión -o concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, non puido acudir por motivos de axenda-, e un auditorio que albergou a preto de 150 persoas.

O líder da formación, Jorge Suárez, tomou a palabra en primeiro lugar para recoñecer publicamente o labor da concelleira de Facenda, Eugenia Freire, que presentaba este xoves a súa renuncia formal que non se fará efectiva ata o pleno extraordinario do próximo martes.

Leu a continuación o comunicado consesuado entre os edís na pasada reunión da Coordinadora, adiantando que "non é o momento de valorar negociacións programáticas", pero recoñecendo que o reparto de áreas de goberno entón "non acadou o equilibrio" con respecto ao resultado electoral.

Na lectura do documento recordaba Suárez que a intención de Ferrol en Común era formar un "goberno cohesionado", por iso é polo que o reparto de áreas co seu socio non convertese as concejalías en "compartimentos estancos", pero coa "lealdade e ou traballo en equipo" como compromiso mutuo.

Suárez recoñeceu que ningunha das dúas premisas deuse, alegando que "a falta de lealdade" estivo presente desde o principio e acusando aos socialistas de comunicar asuntos sobre áreas que non lle correspondían, facer públicos aspectos que "non eran reais" ou até non estaban consensuados nin programados.

Pero tamén houbo tempo para a autocrítica, posto que a cúpula do FeC recoñeceu que non ter un "modelo compacto" de partido pasoulles factura, así como a falta de reunións de coordinación, que "minaron a nosa forza".

Volveu o líder de FeC a insistir nas "trabas constantes" dos socialistas, cuxa demostración "máis palpábel" foi a presentación dos orzamentos, ou máis ben, a ausencia deles a piques de entrar no mes de maio, un extremo que, asegura, réstalles credibilidade como Executivo.

Con todo, Jorge Suárez lanzou ao aire as dúas opcións suscitadas pola coordinadora: ou romper o pacto co PSOE ou seguir, pero con "pautas e liñas de actuación fixas". De acordarse o primeiro, avanzou, espéralles un goberno difícil entre seis concelleiros "pero con respaldo social sólido que garante a aplicación dás nosas políticas".

Ao terminar Suárez, tres voluntarios subiron para moderar o debate e comezar a quenda de intervencións que se pecharía coa votación, a man alzada finalmente, dos presentes. Todo iso, cos xornalistas mirando trala porta, posto que a decisión tomada pola Coordinadora recollía que os participantes sentiríase menos cohibidos á hora de expoñer as súas opinións, un extremo que podería quedar constatado posto que a asemblea finalizou até antes da hora prevista, as 21:30 horas.

Fotos: Durante as quendas de palabra, os xornalistas tivemos que abandonar a sala e esperar 'na pecera' (foto: M.C.) | Momento da votación a man alzada que acordaba seguir co pacto (foto: M.C.). | Ferrol360.

Reportaxe de Marta Corral publicado en Ferrol360. | 29 de Abril de 2016 | Baixo unha Licenza de Atribución-Non comercial-Non derivadas 4.0 Internacional (CC BY-NC-ND 4.0).


Licencia Creative Commons
_____________

Ferrol en Común

ferrolencomun@gmail.com

http://ferrolencomun.gal

http://ferrolencomun.blogspot.com.es/

https://www.facebook.com/ferrolencomun

https://twitter.com/ferrolencomun
___________________________

Badaladas pola prevención do suicidio en Galiza



Movemento Galego da Saúde Mental

Por un Plan Galego de prohibición do suicidio xa! . | Ir á Web.

Badaladas pola prevención do suicidio


https://youtu.be/3nu0MAtTcS4

Web do Movemento Galego da Saúde Mental:
http://movementogalegosaudemental.gal/

Enlace de referencia:
Praza Pública. | Badaladas pola prevención do suicidio. | Ir á Web.

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com- 
4 de maio de 2016 00:57
https://lupeces.blogspot.com
_____________

martes, maio 03, 2016

Dúas sentenzas do Tribunal Supremo declaran ilegal a planta ferrolana e poñen fin en sé xudicial a unha loita popular histórica, co acompañamiento de Patricia Gabeiras, ... Por Raquel Rivera Fernández - Audio dunha entrevista realizada hoxe a Patricia Gabeiras en RNE


Por Raquel Rivera Fernández [*]

03.05.2016

Reganosa ou o triunfo da perseveranza e do estado de dereito. | Dúas sentenzas do Tribunal Supremo declaran ilegal a planta ferrolana e poñen fin en sé xudicial a unha loita popular histórica, co acompañamento de Patricia Gabeiras.

Podería parecer que a través deste título tan clásico propoño-lles unha fábula edificante. Pero aínda que o que lle imos a contar é fabuloso non é ningún conto, senón unha historia xudicial moi real, que tras quince anos de travesía, arriba ao mellor porto; o Tribunal Supremo.

Corría o ano 2001 e a empresa regasificadora REGANOSA decidía situar unha gran planta na ría de Ferrol, ría que aínda que gozaba dunha tradicional actividade industrial derivada dos estaleiros, a súa vida comunitaria estaba envorcada cara ao océano, e del e con el, vivía-se en paz. Este equilibrio medio ambiental e económico, vería-se fortemente alterado ante un xigantesco artefacto perigoso e contaminante, que coa falsa promesa de bonanza económica para a comarca, viña en realidade a cumprir os soños de riqueza dos poderes económicos locais (caciques, conselleiros de caixas de aforros e gobernos). Estes actuaron con método, o seu propio, sempre conscientes da súa superioridade, sobre os cidadáns, e as regras que permiten o xogo pacífico entre todos eles, o Dereito e os seus procedementos.

Ante esta situación a primeira vista "goliatesca", constituíase en 2001 en Ferrol o Comité Cidadán de Emerxencia para a  Ría de Ferrol que, formado por un  grupo de cidadáns diverso de ben e presidido por un vello e nobre Xeral na reserva, o Xeneral Gabeiras, articulou desde entón unha loita asimétrica pero tenaz, pola defensa dos dereitos civís e pola defensa do patrimonio local; tanto cultural (protexendo os usos e costumes económicos das comunidades), como medio ambiental. Esta defensa polos interese locais comunitarios baseábase en algo incontestábel: a radical ilegalidade do proxecto da planta gasificadora. Deste xeito propoñíase unha loita por uns enraizados valores cunha soa ferramenta, a lei. É neste escenario no que a avogada Patricia Gabeiras sumouse á causa presidida polo seu querido pai, asumíndoa desde entón como propia, e como tal, foi realizada de xeito desinteresado desde o seu despacho.

As batallas foron moitas pero a primavera foi xenerosa e trouxo o mellor dos finais a este proceso: o Tribunal Supremo en senllas sentenzas declarou nula de pleno dereito á autorización de construción da Planta de Regasificación de REGANOSA, así como a autorización administrativa previa, esta mediante a sentenza do Supremo de 22 de marzo de 2016. O Alto Tribunal, facendo seus os argumentos do Comité Cidadán, expresa, ademais, que "a aprobación do proxecto de execución queda sen cobertura xurídica", isto é, que é radicalmente ilegal.

Chegados a este punto da historia, o procedente é que a Dirección Xeral de Política Enerxética do Ministerio do Ministerio de Economía acorde a paralización e peche inmediato da planta para o exercicio da súa actividade, a razón do establecido en Lei do Sector de Hidrocarburos. Pero isto é xa outra historia?

E en tanto a xustiza faise efectiva só recordar a todas as persoas que traballaron durante anos xunto ao Comité e que xa non están entre nós. Este éxito do Estado de Dereito será celebrado na súa memoria.

[*] Raquel Rivera Fernández, é Licenciada en Dereito, e na actualidade pertence ao departamento de comunicación do Estudo Xurídico de Gabeiras&Asociados. Investigadora en dereito da cultura no Instituto Interuniverstario para a Comunicación Cultural, docente, xestora cultural e violinista. Coordinadora do Portal Iberoamericano de Dereito da Cultura.

Fonte: Gabeiras&Asociados | 29.04.2016

Foto da cabeceira do artigo de Jorge Meis | Mugardos, a 500 metros os tanques de Reganosa | Abril de 2016.



Audio dunha entrevista realizada hoxe a Patricia Gabeiras en RNE


Entrevista, de hoxe en RNE, a Patricia Gabeiras avogada e asesora xurídica do Comité Cidadán de Emerxencia, sobre as últimas sentenzas do Tribunal Supremo en torno á ilegalidade da Planta de Gas de REGANOSA. | en formato mp3: Escoitar/Baixar.

[*] Patricia Gabeiras Vázquez, Doutora en Dereito pola UNED e a Universidade Carlos III de Madrid (2013). Licenciada en Dereito e Diplomada en asesoría de empresa pola Universidade Complutense de Madrid (1993). Profesora Asociada do Departamento de Dereito Mercantil da Universidade Carlos III de Madrid. Fundadora da Asociación de Usuarios Afectados por Permutas e Derivados Financeiros da cal tamén exerce como avogada, obtendo resultados de público recoñecemento. É a avogada do movimento veciñal, social e ecoloxista opositor a Reganosa e  leva todos os procesos xudiciais do Comité Cidadán de Emerxencia daRía de Ferrol contra Reganosa e conseguiu que o Tribunal Supremo ditara tres sentenzas firmes e inapelábeis contra Reganosa.

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
3 de maio de 2016 14:32
 http://www.comitecidadan.org/

_____________


As tres sentenzas firmes do TS contra Reganosa:
  • Sentenza 889/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 25.04.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia).
  • Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia)
  • Sentenza do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Quinta. 11.05.2012| Recurso de Casación Núm. 4512/2008 | Acceder/Baixar. (Recorrían Reganosa e o Concello de Mugardos).
A loita contra o despropósito gasista de Reganosa en Ártabra 21.
_________________

O Bloque Nacionalista Galego interpón recurso contra a decisión do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, de licitar as obras de acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol, optando pola alternativa sur que vai supor a morte da enseada da Malata e un moito maior deterioro da Ría


O BNG PRESENTA UN RECURSO CONTRA A LICITACIÓN DAS OBRAS DO ACCESO FERROVIARIO AO PORTO EXTERIOR

O Bloque Nacionalista Galego deu a coñecer, esta mañá, a interposición dun recurso potestativo de reposición contra a decisión do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, de licitar as obras de acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol, optando pola alternativa sur e censurou que máis aló das recriminacións verbais entre o Partido Popular e o Goberno Municipal desta cidade, non existe ningún tipo de decisión que permita vislumbrar algún tipo de cambio ou modificación con respecto desta decisión que vai supor a morte da enseada da Malata e vai afondar no deterioro medio ambiental e económico da ría de Ferrol.

O BNG criticou que o PP despois de desenvolver un procedimento irregular, baseándose en motivacións de carácter, exclusivamente, económico, desde a administración central e cun goberno en funcións licitara as obras do acceso ferroviario ao porto exterior sen ter en conta todas aquelas reivindicacións feitas por organizacións políticas e innumerábeis colectivos desta cidade que reclamaban unha solución diferente á proposta que contemplaba un viaduto que cruza a enseada da Malata. Así mesmo o BNG afirmou que non sabemos o que se ten feito por parte do Goberno Municipal para impedir que esto poida acontecer ou cando menos facer que isto se poida modificar, e criticou que non ten interpuxeran ningún tipo de recurso para evitar que esto aconteza como acabamos de facer por parte do BNG.

O BNG indicou en que tampouco temos coñecimento de que se teña iniciado, por parte do Goberno local, ningún tipo de denuncia nin valoración na que teñan en conta as irregularidades do procedimento que desde o BNG temos expresado de maneira repetitiva. Desde o BNG, así mesmo, nos preguntamos como é posíbel que por parte do goberno local se continúe sen facer nada, nen sen tomar ningún tipo de decisión para evitar que a alternativa adoptada pola Autoridade Portuaria sexa a definitiva para levar o acceso ferroviario ao porto exterior atravesando A Malata.

O BNG decidiu desenvolver e apresentar o seu recurso, cando se cumpre un mes de aprobada esta licitación, por varias cuestións. O BNG cre que existe a necesidade de ampliar a información recollida no estudo informativo, tal e como se recollía na Declaración de Impacto ambiental e polo feito de que estas ampliacións de información supoñían de fato un novo estudo e que por tanto debería remitirse a todos aqueles colectivos que se consideraban afectados por esta decisión.

O BNG considera que debe terse en conta que este proxecto se licitou sen terse publicado a Declaración de Impacto ambiental e sen ter resolto as alegacións e por último que ao Concello de Ferrol non se lle informou sobre o proxecto definitivo, como queda evidenciado e se recolle nos informes do enxeñeiro municipal. O Concello non ten informado sobre o proxecto construtivo nin sobre a modificación substancial que se produce na delimitación de espazos portuarios que se produce no porto de Ferrol produto da elección da alternativa sur.

Para o BNG a elección da alternativa non só supón agravar o deterioro da ría de Ferrol senón que ademais ten afectacións de carácter patrimonial no barrio da Graña, en elementos que debían estar protexidos como o dique da Cabana, vai supoñer impactos que están sin resolver acústicos para o ámbito urbano desta cidade e desde o BNG queremos insistir no feito de que parece que tanto o PP como o actual goberno municipal, que forma parte do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, parece que están cómodos no ámbito, exclusivamente, das recriminacións verbais pero que máis aló destes reproches duns aos outros non se toma ningún tipo de decisión para resolver un dos grandes problemas que ten esta cidade.

Ferrol, a 2 de Maio, de 2016.

Bloque Nacionalista Galego de Ferrol
Rúa Naturalista López Seoane, 13 Baixo - 15402 - Ferrol
bngferrol@gmail.com
O BNG de Ferrol no facebook  ou no twitter.

http://bng.gal/ferrol/
http://adiante.gal/


Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
2 de maio de 2016 17:41
_____________

Imaxen de GeoTren e Google. | Clicar acima da imaxe para ampliar.

Enlaces relacionados de interese:

GeoTren - O acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | 16.Xaneiro.2014 | Ir á Web.

A Autoridade Portuaria licita as obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 16.Abril.2016 | Ir á Web.

Fomento adxudica a redacción do proxecto constructivo do acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 03.Xaneiro.2014. | Ir á Web.
___________

Unha grande manifestación a favor do galego percorrerá as rúas de Santiago o 17 de maio baixo o lema “o idioma é a vida”


Queremos Galego reivindicará cambios na lexislación que eviten decretazos como o do ensino ou sentenzas como a do TSXG. | Marcos Maceira: “Vivir en galego é un dereito, non unha concesión”. | “A escasa e limitada lexislación que ampara o galego non pode ser utilizada para atacar os espazos conquistados para a lingua pola sociedade”

Membros da xestora nacional da plataforma cidadá Queremos Galego, que agrupa a máis de 600 colectivos sociais de diversos ámbitos, compareceron esta mañá diante dos medios de comunicación para presentar a convocatoria de manifestación do 17 de maio, que congregará miles de persoas “mostrando, máis unha vez, que a inmensa maioría do pobo galego quere a súa lingua e accións políticas reais e efectivas para repola e rehabilitala en todos os espazos”.

O lema escollido para esta convocatoria é “O idioma é a vida” recollendo un verso do coñecido poema “A fala” de Manuel María, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas este ano.

O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, lembrou a participación habitual de Manuel María en todas as accións e actividades de defensa e promoción da lingua do país e o seu compromiso con moitas causas xustas, nomeadamente a da lingua galega.  Por isto “a voz e apalabra de Manuel María estará presente no acto final da manifestación que se celebrará na Praza da Quintana onde tamén contaremos coa actuación de Mini e Mero ou de Fran Amil e A Tribo Incompresíbel".

O acto final será unha mostra masiva da alegría e do orgullo que temos como pobo  por contarmos con lingua propia, que está viva grazas ao traballo e o compromiso, practicamente en solitario, da propia sociedade, malia a actitude tantas veces hostil dos gobernos da Xunta e do Estado e mesmo dos tribunais, como evidenciou recentemente o TSXG. Festexaremos, ademais, 100 anos de defensa continuada da normalidade para o galego”, sinalou Maceira, en referencia ao centenario da creación das Irmandades da Fala.

A manifestación deste ano prodúcese nun contexto no que o decretazo contra o galego, que impuxo Feixó en solitario e sen ningún apoio, está absolutamente morto e deslexitimado, como lembrou recentemente o Consello de Europa, polo que Maceira instou novamente ao presidente Núñez Feixó a que dea, por fin, os pasos necesarios para contarmos cun novo decreto para o ensino en galego, comezando por eliminar os artigos do decreto que prohiben o uso do galego.

O goberno de Feixó ten a responsabilidade de velar polos intereses de Galiza, quen ataca a lingua de Galiza, ataca os intereses de Galiza, a vida de Galiza, a súa capacidade para desenvolverse plenamente. A lingua propia une e fortalece. Feixó ten un compromiso legal coa lingua, mais tamén moral como presidente da Xunta”, afirmou o portavoz de Queremos Galego. Por iso, indicou, "ten a obriga de pechar a porta que abriu, e o TSXG, nunha sentenza ideolóxica e sumpremacista, acaba de cruzar”.

Maceira lembrou que en xullo do ano pasado o Partido Popular asinou a declaración de unidade a prol da lingua galego, asumindo un compromiso, xunto a outras moitas organizacións políticas, de combater prexuízos e aplicar todos os acordos arredor da lingua, “sen que aínda hoxe visemos nin unha soa acción favorábel ao dereito a vivirmos en galego”. Por iso considerou que “a lingua galega ten que regresar ao debate político para, entre todos, falarmos de como recuperar os espazos onde debe estar, non para o contrario”.

A Plataforma Queremos Galego salientou ademais que “todos os avances para a lingua galego foron conquistas da sociedade. As irmandades da fala foron a primeira mostra da necesidade de organizarse e mobilizarse para conseguir avances. Facemos un chamado a todas as persoas que aman Galiza, que aman a nosa lingua, que queren avances para ela, posibilidades de uso e accións públicas qeu permitan instalarse no galego con total liberdade a quen non o fala, sen estigmatización, sen desprezos”.

Santiago de Compostela, a 2 de maio, de 2016.

Queremos Galego
http://www.queremosgalego.org/


Enviado por:
Queremos Galego
-queremosgalego@gmail.com-
2 de maio de 2016 16:23
__________________

Eliximos Narón aposta por reforzar a escola rural e pide o apoio para o Programa Experimental proposto desde Sedes


Eliximos Narón aposta pola escola rural e pide o apoio para o Programa Experimental proposto dende Sedes para estudar a súa expansión a todo o rural galego.

Dende Eliximos fíxose un pequeno estudo respecto da situación entorno da escola rural para incidir na necesidade da súa defensa e apoiar a petición que se fai dende Sedes para poñer en marcha un programa experimental a implantar inicialmente nalgunhas escolas rurais galegas para posteriormente estendela a toda a escola Rural.

O programa tería dúas fases, na primeira incluiríase os dous ciclos de educación infantil e dotaríase dun servizo de comedor por cátering, mentres que na segunda desenvolveríanse programas de educación (regrada e non regrada) permanente de adultos, coma unha función e servizo público de proximidade para as persoas habitantes do rural, facilitando así a igualdade de oportunidades para acceder ós servizos públicos.

A oferta formativa de menos de 3 anos e claramente insuficiente en todo Galicia e mais concretamente en Narón, e incide na conciliación da vida familiar e laboral e, indirectamente pero de forma moi negativa na igualdade da muller e nos índices de natalidade.

É necesaria unha maior relación entre a escola e as nais dende a formación durante o embarazo á crianza dos fillos con parentalidade positiva.

Por outro lado, neste século onde a evolución tecnolóxica é exponencial é necesario dar o apoio ao rural para que as súas xentes non queden estancadas no pasado, polo que a escola pode e debe ofrecer a formación socio-económica para persoas en idade produtiva, que lles permita adaptarse as necesidades tecnolóxicas e produtivas dos novos tempos, aínda que sen renunciar a educación non académica de adultos da que están carentes no medio rural, con metodoloxía activa, variada e próxima ás motivacións das persoas....

Eliximos Narón Electores (ENE)
Grupo Mixto do Concello de Narón
Praza de Galicia s/n – Entrechán 15570 Narón (A Coruña)
Telf.: 981337700 - Ext.: 1066 - Móbil: 673141822 /
E-mail: grupomixto_ene@naron.es
Grupo no facebook:
https://www.facebook.com/groups/Eleximos.Naron/
Web: http://eliximos.esy.es/


Enviado por:
ENE Eliximos Narón Electores
-eliximos@gmail.com-
2 de maio de 2016 21:02
_____________________

Enlace relacionado:

CRA de Narón | A túa escola, sen ir máis lonxe.
http://www.edu.xunta.es/centros/cranaron/
_____________________________

luns, maio 02, 2016

Esquerda Unida de Narón pola eliminación do "carrusel de ponys" e os espectáculos con animais das festas locais do noso concello


EU Narón pola eliminación do "carrusel de ponys" e os espectáculos con animais das festas locais do noso concello.


Dende Esquerda Unida de Narón recordamos que o Pleno do Concello declarou a Narón "Cidade Libre de Circos con Animais" o 30 de Decembro, entendemos que a utilización de animais durante as festas locais debe entenderse dentro desta normativa, e o concello debe negar o permiso para este tipo de atraccións.

Narón converteuse en “Cidade Libre de Circos con Animais” en decembro, sendo así o trixésimo primeiro concello galego en aprobar esta iniciativa que levou Esquerda Unida a pleno xunto coa asociación animalista LIBERA, e apoiada por 20.000 sinaturas recollidas dende esta asociación.

Cunha veciñanza cada día máis concienciada contra o maltrato animal o Concelleiro de EU Narón André Abeledo recibiu varias chamadas de veciñas e veciños indignados o ver que na festa do Alto do Castaño (Narón) tiñan instalado un “carrusel de ponys".

Neste tipo de atraccións os animais permanecen atados e son obrigados a xirar en circulo sen descanso, rodeados de xente, ruído, e musica, e sofren un estrés constante.

Dende Esquerda Unida defendemos que os animais non deben ser vítimas de maltrato ou violencia, como tampouco deben estar suxeitos a actos que supoñan sufrimento físico ou psicolóxico, que teñan consecuencias e tradúzanse en alteracións do comportamento. Ningún municipio debería permitir o maltrato animal como espectáculo.

Hai pasos sinxelos que cada un de nos pode seguir para eliminar a explotación de outros seres. Un destes pasos consistiría en negarnos a visitar os circos que usen animais. Cando os vexo cautivos nos circos, penso na escravitude. Os animais nos circos representan a dominación e a opresión contra as que temos loitado durante tanto tempo. Eles cargan cos mesmos grilletes e cadeas.”. (DickGregory, activista polos dereitos civís).


Grupo Municipal de Esquerda Unida de Narón

Contas de Esquerda Unida Narón no facebook e no twitter. | Concelleiro: André Abeledo Fernández | andre1474@gmail.com

Achégate xunta Nós, fagamos un novo Concello mais social, mais democrático, participativo e de Tod@s.

Enviado por:

Naron Esquerda Unida
-eu-naron@esquerdaunida.org-
1 de maio de 2016 23:18
________________

Foto: Carrusel con ponis en una feria de verano. Foto: Partido Animalista (PACMA).

Enlace relacionado:

Coa chegada do verán, proliferan as feiras populares e, nelas, unha atracción perversa: os carruseis de ponys para nenos. É perversa porque nada pode atraer máis a un neno que subirse a un pony e dar voltas sobre el. Pero a maioría dos nenos non querería facelo si soubese que ese pequeno animal, que produce tenrura e aparenta tranquilidade, está-o pasando moi mal. Si aos nenos contáseselles a verdade. | Non hai nada máis triste que os cabaliños pony. | Nas feiras populares de verán proliferan os carruseis con ponys, atraccións infantís que supoñen un severo sufrimento físico e psicolóxico para estes pequenos equinos. | Peticións impulsadas por particulares e denuncias de organizacións protectoras conseguiron que moitos municipios españois prohiban esa crueldade. | Por Ruth Toledano Follow @ruthtoledano. | publicado en elDiario.es 15.08.2014 | Ir a Web.
____________________

As Mareas en Común convocan o 7 de maio a primeira fase da Marea Viva - Principios de Mareas en Común - Como se pode asinar


Será un encontro para impulsar unha confluencia das forzas do cambio en Galicia, aberto ás persoas, partidos, entidades e movementos con desexo de recuperar as institucións para a xente

Na Marea Viva decidiranse, entre todas e de xeito participado, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno

As Mareas en Común, un proceso formado por iniciativas municipalistas das catro provincias galegas, acordaron onte en Sada fixar o 7 de maio como data de inicio da Marea Viva. Con este nome, desígnase un espazo de traballo para a construción dunha confluencia das forzas do cambio que poida gañar as vindeiras eleccións autonómicas.

Trátase dun espazo de traballo aberto, dun censo aberto ás persoas, mareas, partidos, entidades, movementos e colectivos con desexo de recuperar as institucións galegas para a xente e levar a cabo políticas que representen o ben común e os intereses do 99%.  Terá varias fases, e servirá para  deseñar, de xeito participativo e participado, un proceso de primarias, un código ético para os cargos electos, un modelo organizativo e unha forma de goberno.

Na xuntanza de Sada, a sexta que realizan as Mareas En Común, participaron unhas 200 persoas de 30 mareas municipalistas, entre as que se atopaban os alcaldes de Sada, José Benito e da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro. Tamén acudiron para amosar o seu apoio o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e varias representantes de En Marea nas Cortes Xerais.

Neste encontro tamén se acordou unha folla de ruta rápida e directa para poder cumprir os prazos ante un posible adianto dos comicios autonómicos. De darse o caso de que as eleccións sexan antes do outono, o proceso estará preparado para contribuír á derrota das políticas do PP.


Porque Mareas en Común


No mes de maio do pasado ano agromaron por todo o país procesos municipalistas de confluencia e unidade popular. Estas mareas, desde o protagonismo da cidadanía, están a tentar mudar os modos de facer política nas institucións locais, abríndoas á máis ampla participación e procurando pór en marcha políticas que defendan o común: os dereitos básicos, unha vida digna para todos e para todas, unha economía máis xusta e solidaria, o espazo público, o coñecemento e a cultura colectiva.

Porén, e dado o momento histórico que nos toca vivir, non podemos nin queremos quedar mudas ante unha realidade no noso país que supón unha ameaza para estes obxectivos que nos demos colectivamente. Por iso hai meses decidimos traballar en común para apoiar un proceso de confluencia capaz de gañar o goberno da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas e poñer esta institución ao servizo da xente.

Un proxecto baseado nuns principios básicos que nos unen:

0. Garantía efectiva dos dereitos humanos.
1. Radicalidade democrática.
2. Transparencia e loita contra a corrupción.
3. Feminización da política e loita contra calquera tipo de discriminación.
4. Defensa dun modelo económico xusto que garanta os dereitos sociais e laborais.
5. Defensa da lingua e cultura galega e do noso patrimonio.
6. Protección do ambiente e o benestar animal.
7. Defensa do común.
8. Máis autogoberno e mellor vertebración territorial.


Fai Marea
Xa somos 754 asinantes dos Principios Básicos (02.05.2016)
Asina!

Máis info en:
http://mareasencomun.gal/
ola@mareasencomun.gal
https://twitter.com/mareasencomun
https://facebook.com/mareascomun


Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
1 de maio de 2016 23:44
__________

domingo, maio 01, 2016

O 1º de Maio comezo dunha primavera de mobilización e loita

AS MARCHAS DA DIGNIDADE PROMOVEN A PARTICIPACIÓN NAS MOBILIZACIÓNS QUE VAN TER LUGAR NA NOSA CIDADE


“Que as rúas se enchan de voces e vontades para rematar co sistema inxusto que nos escraviza e empobrece. Viva o 1º de Maio!”

“O 1º de Maio comezo dunha primavera de mobilización e loita”

A situación política, social e económica está atravesando un dos peores momentos dos últimos tempos... A corrupción e o latrocinio xeneralizado, o apuntalamento dun sistema que permite a inxustiza, o empobrecemento e deterioro das condicións de vida de millóns de persoas... A xeneralización do traballo escravo, precarizado e sen dereitos... A falta de perspectiva para os nosos sectores produtivos, no agro, na pesca, na industria... O deterioro do medio ambiente, a destrución das nosas rías... É urxente frear as políticas que nos afunden en beneficio das transnacionais e dos máis ricos, das persoas cobizosas que acumulan toda a riqueza e o esforzo do noso traballo. Cumpre denunciar o TTIP (Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos entre EEEUU e a Unión Europea) e esixir unha pasaxe segura para as refuxiadas e inmigrantes, denunciando a deportación e os campos de internamento. Necesitamos unha outra sociedade, xusta e equitativa que pense no benestar e na saúde das persoas. Saiamos á rúa para defender os nosos dereitos como persoas, como pobo, con dereitos, con liberdade, pan, traballo e teito.

Para as Marchas da Dignidade, este 1º de Maio é o comezo dunha primavera de loita e mobilización. O próximo 28 de Maio, en Lugo, imos construír entre tod@s unha Muralla de Dignidade. Noutras nacións, comunidades e pobos do estado van-se mobilizar ese día nun esforzo de acumular forzas contra inimigo común: as políticas do Capital transnacional e financeiro, que nos escraviza e somete.

A nivel mundial están convocadas mobilizacións anticapitalista o vindeiro 15 de Maio promovidas polos movementos #NuitDebout que ocupan as prazas en toda Francia e que se estenderon por todo o mundo contra unha democracia secuestrada por corruptos e banqueiros. Malia a violenta represión das forzas de policía e o silencio dos medios de comunicación, rapidamente contaxiouse nunhas poucas semanas, este vento de esperanza en toda Europa. Desde Madrid a Atenas e Turquía, logo de Nova York a Brasil e México, e finalmente ata Hong Kong, en todas partes, en cada praza. Este 15M ás 6 da tarde na Praza de Armas, de Ferrol, as Marchas da Dignidade promoveremos e participaremos nun acto unitario.

Ferrolterra, Maio 2016

Marchas da Dignidade Ferrolterra
Contacto:
Correo-e: marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com  |
Teléfono: 602 587 531 |
Blogue de FerrolTerra: http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/ |
Blogue Galego: http://marchasdadignidade.blogspot.com/ |
Web Estatal: http://marchasdeladignidad.org/ |
Blogue do Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica:
http://asmarchaspoloemprego.blogspot.com.es/


Enviado por:
Marchas Dignidade
-marchasdadignidadeferrolterra@gmail.com-
30 de abril de 2016 20:14

__________

Tres manifestacións este 1º de Maio en Ferrol e un acto n'As Pontes- Viva a solidariedade obreira, viva o internacionalismo proletario


O día da solidariedade internacional por excelencia é o 1º de Maio. Son miles as manifestacións que se celebran por todos os continentes, moitas reprimidas polas forzas policiais do poder capitalista. O día do internacionalismo proletario, é un día con historia, conmemora-se por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889.

O 1º de Maio é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe aos Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos, despois dun xuízo manipulado, pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago.

Os Martires de Chigago foron: Samuel Fielden -obreiro téxtil e Michael Swabb -tipógrafo, condenados a cadea perpetua; Oscar Neebe -comercial, condenado a 15 anos de traballos forzados; E os condenados a morte na forca: Georg Engel, -tipógrafo, Adolf Fischer, -xornalista, Albert Parsons, -xornalista, Hessois Auguste Spies, -xornalista, Georg Engel, -tipógrafo, executados o 11 de novembro de 1887, menos Louis Linng -carpinteiro que se suicidou con antelación na cela da prisión.

Mais desde entón, foron centos de miles de mártires que pagaron con millóns de anos de prisión e deixaron a vida, executados polas balas da cobiza capitalista e a represión do despotismo, do fascismo, do nazismo... . Nunha loita desigual polos dereitos laborais, sociais e políticos, as melloras no benestar e as condicións de vida da clase traballadora. Sen falar dos millóns de persoas caidas polas malas condicións laborais e de xornadas interminábeis que aínda ao día de hoxe ben sucedendo e nestes momentos da globalización e a estafa xeneralizada co acumulación da riqueza en moi poucas mans a través das grandes corporacións transnacionais, os paraísos de branqueo de diñeiro e desfalco fiscal e o crime organizado que matan pola fame e as guerras, e manteñen na miseria a millóns de persoas en todo o mundo. Mais que tamén provocan o cambio climático e a destrución do planeta contaminando-o e destruíndo os seus recursos naturais.

Hoxe é o día de lembrar que estamos nun réxime de explotación capitalista mundial que condena a millóns de persoas a unha vida de penurias e sufrimento, sen traballo, sen saúde, sen alimentos, sen teito... a padecer guerras e a vivir nas lixeiras da sociedade opulenta e privilexiada.


O Rana Plaza

Como símbolo dos centos de miles de accidentes, como consecuencia das malas condicións de traballo, para poder encher os escaparates dos grandes centros comerciais en todo o mundo (verdadeiras catedrais do consumismo e de adoración do Deus Mercado), é o momento de recordar ás traballadoras e traballadores do Rana Praza. O colapso dun edificio o 24 de abril de 2013, onde un bloque de oito pisos derrubouse en Savar, un distrito de Daca, capital de Bangladés. Foron 1.127 persoas as que morreron e outras 2.437 resultaron feridas. O edificio, que contiña fábricas de roupa (para as grandes multinacionais do textil: Benetton, The Children's Place, DressBarn, Mango, Monsoon, Inditex,  Primark, El Corte Inglés, ... ), un banco e varias tendas, derrubouse durante a hora punta da mañá. As patronais ignoraron as advertencias para evitar o uso do edificio logo das grandes fendas que apareceron o día anterior.

Situación socio-económica das comarcas

As comarcas do noroeste galego, Ferrolterra, Eume e Ortegal, conforman unha zona que esmorece económica e socialmente e en concreto os concellos da contorna da Ría de Ferrol, están padecendo de xeito significativo unha situación de paro insostíbel.

A zona rexistra uns altos índices de envellecemento da súa poboación e así como de desemprego, maiores que a media de Galiza, que son unha consecuencia, no fundamental, do declive industrial, social e económico que viven as comarcas no seu conxunto. Produto de situacións estruturais e conxunturais, tanto a nivel global, como local. Mais sobre todo das políticas emanadas das diferentes institucións europeas, estatais, autonómicas e locais que non foron capaces de solucionar a situación e menos acabar co sufrimento dunha parte moi importante da poboación.

A  cobertura económica do desemprego, non protexe a máis do 65% das persoas que están en situación de paro. Moitos mozos e mozas están aínda sen acceder ao primeiro emprego e case unha década en desemprego ou camiño da emigración.

Non son os gobernos coas súas políticas os que solucionan o problema de falta de recursos económicos das persoas en paro, senón que son en maior parte as familias a través das axudas e o acollemento, as que cargan coa responsabilidade e fan o traballo paliativo do sistema. Moitas persoas xubiladas ven-se na obriga de renunciar a gozar da súa pensión, para situar-se na precariedade ao ter que axudar aos seus fill@s.


Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica

Como din as Marchas da Dignidade de Ferrolterra, nas liñas mestres da proposta de Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, a zona, das tres comarcas, necesita-se a elaboración dun Plan que non supoña só como até o de agora, destinar incentivos fiscais para empresas que contraten, ou de impulsar axudas para “promocionar” o traballo de autónomos; ou o ineficaz e fracasado pequeno apoio ao emprendemento; a desenfocada formación profesional sen planificación real das necesidades; ou subsidiar proxectos ao capital privado deitando millóns de euros a un saco sen fondo.

Necesita-se un plan de emprego real e efectivo, coa reactivación dos estaleiros e a diversificación industrial, a potenciación do sector primario co saneamento integral da Ría de Ferrol e a potenciación do marisqueo, a posta en valor do monte e a potenciación da horticultura. Potenciación do cooperativismo e da economía social e solidaria no seu conxunto. Unha renda básica universal. Medidas estruturais a nivel europeo, estatal e galego que impliquen o reparto da riqueza e do emprego. No caso das Terras de Cedeira e Cariño hai que ter en conta a súa especial relación co mar. Así o propio cos concellos rurais agrario-gandeiros. E considera que son os gobernos locais que conforman a Mancomunidade de Municipios, e nos outros que comparten servizos e estreitas relacións nesta zona do noroeste galego, os que tomen a iniciativa para que se aborde a problemática concreta de falta de emprego e prestacións económicas básicas para poder vivir con dignidade. E por último necesita-se que as centrais sindicais e o movimento asociativo en xeral reivindiquen e esixan estas ou outras medidas en beneficio da saúde e o benestar das persoas e do medio ambiente.


As tres manifestacións de Ferrol

Desde hai tempo son tres as manifestacións que se celebran en Ferrol, sede do 1º de Maio das comarcas do noroeste galego. As centrais sindicais organizan por separado o Día Internacional da Clase Obreira con tres manifestacións este primeiro domingo de Maio de 2016.

Manifestación da CIG desde Esteiro, ás 12 do mediodía, co lema "Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!" , en Ferrol, desde a Avenida de Esteiro e a Praza da Paz 'José Couso', rematando nunha concentración no Cantón de Ferrol.

Manifestación de CCOO e UGT no Inferniño, ás 12 do mediodía co lema "Contra a pobreza laboral e social, traballo e con dereitos", en Ferrol, desde a Estrada de Castela no Inferniño até finalizar na Praza de Galiza, diante do  Teatro Jofre.

Manifestación da CNT desde Recimil, ás 6 da tarde, en Ferrol, desde a Praza do monumento ao 10 de Marzo, co lema "Orgullo e Dignidade Obreira", entre as casa baratas e a Estrada d'As Pias, rematando no Cantón de Ferrol.

Acto n'As Pontes

Xuntos polas Pontes organizou unha homenaxe a todas as persoas que perderon a súa vida en accidentes laborais ou por enfermidades vinculadas ao traballo. A plataforma convida a toda a veciñanza ao acto que se celebrará este domingo 1 de Maio, ás 12 do mediodía. O acto terá lugar nas inmediacións do monumento á traballadora e ao traballador, situado na Canle IV (esquina Rego do Campo).

Desde Ártabra 21, chamamos a participar nas mobilizacións obreiras este 1º de Maio.

Centrais Sindicais na Galiza


  • Confederación Galaica da - CNT/AIT
  • Confederación Intersindical Galega - CIG
  • Confederación Unitaria de Traballadores - CUT
  • Confederación Xeral do Traballo en Galicia - CGT
  • Sindicato Nacional de CCOO de Galicia - CCOO
  • Unión Xeral de Traballadores en Galicia - UGT
  • Unión Sindical de Traballadores Galegos - USTG

  • Confederacións Internacionais
  • Federación Sindical Mundial - FSM
  • Confederación Sindical Internacional - CSI
  • Asociación Internacional dos Traballadores - AIT
  • Global Unions
  • Confederación Europea de Sindicatos - CES

  • Outras centrais sindicais de interese
  • Intersindical Portuguesa - CGTP
  • Sindicato Andaluz de Traballadores/as -SAT
  • Corrente Sindical de Esquerdas -CSI
  • Intersindical Canaria
  • ELA-STV / Sindicato Vasco
  • LAB / Sindicato Vasco
  • Intersindical -CSC / Sindicato Catalán
  • Confederación Intersindical

  • Foto de José Pardo, da manifestación da Folga Comarcakl do 12 de Xuño de 2013 en Ferrol.
    __________

    Podemos Galicia presenta as súas liñas de traballo de cara ás eleccións Autonómicas - O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea - E que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea


    Podemos Galicia presenta as súas liñas de traballo de cara ás eleccións Autonómicas


    Máis de 200 persoas de círculos de toda Galicia achegáronse ao longo do día a unha asemblea na que expresaron de xeito maioritario o rexeitamento á creación dun partido instrumental. | As bases apoiaron á dirección de Podemos en que o único espazo posible para a confluencia é En Marea. | Carmen Santos aposta pola participación en encontros temáticos e sectoriais para elaborar o programa electoral e afirma que “é lexitimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia pois iso é o que votaron os inscritos”.

    A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, presentou hoxe en Ames, nunha asemblea aberta a todos os círculos, as liñas de traballo de Podemos Galicia de cara a elaborar o programa electoral para as eleccións Autonómicas e artellar a mellor campaña posible.

    Santos incidiu na necesidade de abordar as principais problemáticas da nosa sociedade dun xeito verdadeiramente transversal (igualdade, emprego, vivenda, o rural, medio ambiente, etc.), coordinando entre diferentes secretarías os eidos de actuación e as propostas dos círculos sectoriais xa existentes e dos movementos cidadáns.

    A secretaria xeral anunciou que se crearán encontros de participación temáticos nestes meses que permitan un desenvolvemento moito mais amplo das propostas e mellorar as canles de comunicación cos círculos e coa cidadanía en xeral.

    Rendición de contas

    Durante a asemblea presentáronse as diferentes secretarías que conforman o Consello de Coordinación galego. Ademais, os representantes electos nas cámaras estatais que veñen de disolverse, Ángela Rodríguez, Antón Gómez-Reino e José García Buitrón, aproveitaron a ocasión para facer unha rendición de contas insistindo no valor da súa actividade parlamentaria nestes meses e expuxeron as súas impresións acerca de como encarar os vindeiros compromisos electorais.

    Varias das persoas que asistiron ao longo do día á asemblea manifestaron aos deputados e senador a necesidade de democratizar o espazo En Marea. O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea e que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea.

    É lexítimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia, porque é o que votaron os inscritos e niso que están de acordo a maior parte dos asistentes hoxe aquí”, manifestou Santos ao remate da asemblea.

    En  Ames, 30 de Abril de 2016

    Olaya Sandoval
    Responsable de Prensa Podemos Galicia
    prensa@galicia.podemos.info

    https://galiza.podemos.info/
    facebook
    twitter
    youtube

    Enviado por:
    Prensa Podemos Galicia
    prensa@galicia.podemos.info
    30 de abril de 2016 20:44

    ________________