venres, abril 29, 2022

CCOO e UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade, para que a clase obreira 'non pague os pratos rotos» desta crise'


UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade

UGT e CCOO convocan manifestacións en toda Galicia, en Ferrol partirá desde o Inferniño ás 12 do mediodía.

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto á secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, presentaron hoxe en Santiago en rolda de prensa o 1º de Maio que este ano vaise celebrar baixo o lema “A solución: subir salarios, conter prezos e máis igualdade”.

Segundo Amelia Pérez, "reivindicamos que o centro das políticas deste país siga sendo o factor traballo, porque é o verdadeiro elemento transformador da sociedade". Neste sentido, as políticas que se adoptan na materia "son o que ao final mellora a vida das persoas", apuntou a dirixente sindical.

José Antonio Gómez, destacou que "este 1º de Maio vai ser unha data para a celebración, orgullo polo conseguido froito da concertación e diálogo social, para defender e esixir que o conseguido se cumpra pero tamén para poñer enriba da mesa vellas reivindicacións non acadadas e novas demandas".

O Secretario Xeral de UGT-Galicia, fixo fincapé en que "a celebración deste 1º de Maio no pode escapar ó contexto, abafado pola guerra en Ucraína que está a levar a unha situación de crise económica a nivel mundial pero tamén ao sufrimento inxusto do pobo ucraíno e de moitos cidadáns rusos que están a ser perseguidos polo súa postura en contra desta inxusta guerra". Neste senso, manifestou a solidariedade do Sindicato con todos eles e con "moitos outros pobos onde celebrar esta data e mesmo facer sindicalismo no día a día é causa de represión e persecución".

A secretaria xeral de CCOO reiterou o apoio dos sindicatos de clase ao pobo ucraíno, rexeitando tanto a invasión rusa como a represión por parte do Goberno de Putin contra os manifestantes que piden a paz; tamén ao pobo saharauí, criticando o cambio de postura do Goberno de España, "que non compartimos".

Amelia Pérez, amosou a súa preocupación polo avance da extrema dereita no Estado español e en Europa: "Estase banalizando e normalizando de xeito alarmante", e puxo como exemplo a recente entrada de Vox no Goberno autonómico de Castela e León.

A secretaria xeral de CCOO defendeu a importancia de subir os salarios, debate que ten lugar cunha guerra en Ucraína e cun aumento aínda maior da inflación, que xa viña subindo nos últimos meses. "Estase falando dun pacto de rendas, que ten que ser como asumamos entre todos e todas, e non só a clase obreira, o custo da crise que se está producindo", advertiu.

José Antonio Gómez, destacou "a bagaxe positiva coa se concorre a esta edición do 1º de Maio, cos acordos en materia de pensións, o SMI, teletraballo, ERTE`s ou reforma laboral, froito todos eles do diálogo social e dunha ardua tarefa de negociación e concertación. E, precisamente, isto debe animar ós galegos e galegas a saír ás rúas para defender o conseguido".

"Pero a cara negativa deste 1º de Maio é unha conxuntura económica marcada por un IPC na contorna do 10% que se non vai acompañado dunha suba de salarios e non se garante a suba das pensións, como algúns xa están a suxerir, conducirá ó empobrecemento das familias deste país".

Finalmente, Amelia Pérez, reclamou máis igualdade, "porque iso significa máis xustiza social". Neste sentido apelou a "aproveitar os plans de igualdade e as novas normas en materia de igualdade que se aprobaron nos últimos anos para reducir os desequilibrios que se rexistran nas empresas".

O Secretario Xeral de UGT-Galicia, manifestou que "a postura da CEOE, en relación ó AENC, ten que mudar. Ten que apostar por garantir cláusulas de revisión salarial que aseguren o mantemento do poder adquisitivo das familias. O contrario vai supoñer o conflito e o país, na conxuntura actual, require de pacto e negociación. Pero a cerrazón da patronal pode conducir ó contrario porque non se pode consentir que sexan os traballadores, cos seus salarios, os que paguen as consecuencias. Xa hai a día de hoxe sectores, como o do telemarketing ou o do alimentación e comercio da provincia da Coruña que xa están nunha situación de conflito aberto ata que non se lles garanta ós seus traballadores e traballadoras o mantemento do poder de compra".

José Antonio Gómez, recoñeceu que tanto o Goberno central como o da Xunta adoptaron medidas para paliar a situación, "medidas que UGT saúda pero que considera insuficientes. Urxe un maior soporte para os máis vulnerables. Hai en España 9.500.0000 persoas con salarios de 1.000 euros ou menos, desempregados, perceptores de pensións non contributivas ou con complementos a mínimos. Cifra que en Galicia sitúase nas 500.000 persoas, que, de seguro, teñen serias dificultades para chegar a fin de mes. Por iso, urxe habilitar outro tipo de achegas para os máis vulnerables".

Na súa intervención, o Secretario Xeral da UGT-Galicia, tamén rexeitou a receita, para combater esta crise, das rebaixas fiscais que, "de seguro traerían consecuencias negativas no eido internacional e traerían consigo consecuencias moi negativas no eido do investimento público".

A secretaria xeral de CCOO envioulle unha mensaxe ao Partido Popular e á Xunta, advertíndolles aos seus dirixentes que "Galicia non pode pagar as consecuencias desta longa interinidade". A situación actual "esixe tomar medidas e as familias non poden agardar aos tempos dos partidos políticos. A Xunta ten que traballar xa", afirmou Amelia Pérez.

Finalmente, José Antonio Gómez, explicou que neste 1º de Maio vanse levar ás rúas unha serie de reivindicacións como a suba do SMI a finais de ano para que este se sitúe no 60% do salario medio do país; seguir avanzando en materia de igualdade; poñer en marcha un plan de loita contra a lacra da sinistralidade laboral; as 32 horas semanais; unha transición ecolóxica xusta; e a reforma dun ET para o século XXI.

Santiago, 26 de abril de 2022

✔ Manifesto 1º de Maio conxunto de UGT e CCOO de Galicia. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto 1º de Maio do S.N. de CCOO de Galicia. | Acceder/Baixar.


UGT Galicia
https://www.ugtgalicia.org/


S.N. de CCOO de Galicia
https://www.ccoo.gal/
_______

Boletín informativo ambiental semanal de Radio Cerna: O movemento ecoloxista consegue que se protexan 1.130 zonas húmidas de Galiza tras 15 anos de pasividade e desproteccón por parte da Xunta e do Estado ... e outras novas


Boletín informativo ambiental 29/04/22

O movemento ecoloxista consegue que se protexan 1.130 zonas húmidas de Galiza tras 15 anos de pasividade e desproteccón por parte da Xunta e do Estado. Tamén os activistas galegos lideran a o oposición estatal ao real decreto lei que simplifica a tramitación de macroproxectos eólicos e os exime de avaliación ambiental ordinais. E a fábrica de fibras téxtiles de Altri preséntase como nova amezada para o medio ambiente galego.... Esta e máis novas no eido ambiental e ecoloxista de Galiza na última semana. Escóitaas en Radio Cerna!!

#GalizaPolaPaz

Queres coñecer a actualidade ambiental de Galiza? Escoita Radio Cerna!





Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo. | Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal | Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela | Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal

#RadioCerna
#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica

Foto: Lagoa de Vixán, en Ribeira | 02.02.2022 | Dirección Xeral de Patrimonio Natural - Xunta de Galicia

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
29 de abril de 2022 12:03

_______

Día Mundial da Terra: Camiñando cara a sexta extinción, ... Por Miguel Anjo González Garcia


Por Miguel Anjo González Garcia [*]
29.04.2022


O planeta Terra está a vivir un momento histórico, no que a vida nel como a entendemos desde fai milleiros de anos, está sobre pasando o límite de destrución dos seus ecosistemas, os cales son os que a diferencian do resto de planetas coñecidos, pola acción do ser humano e do seu sistema de vida, por mor do seu sistema económico. Un sistema económico que basease no consumismo como motor de crecemento da economía o cal, está a depredar os recursos naturais de xeito totalmente desbocado, co resultado que estamos a vivir (cambio climático-contaminación-desertificación- aparición de novos virus etecetera) Segundo a ONU o ano 2020 foi o máis cálido da historia desde que se teñen rexistros. O nivel do mar esta a subir máis rápido do que se esperaba así como, o quecemento e a acidificación o que esta a facer é que moitas especies mariñas emigren cara os polos. Na próxima década senón facemos algo 2/3 dos bosques tropicais desapareceran, por non poder soportar o aumento das temperaturas. Por mor da agricultura e gandería intensiva, estamos a acabar cos bosques tropicais, coa auga fresca e os sistemas de polinización o que vai traer consigo, que moitas especies vexetais e os seus depredadores estean en risco de desaparecer, alterando con isto a cadea trófica natural, ademais de por en xaque a produción de moitos alimentos para humanos. Tamén estase a comprobar que por mor do cambio climático, esta a repuntar a fame, estase a propagar certas doenzas que estaban mais ou menos controladas ademais de ter récords de concentracións de dióxido de carbono na atmosfera. Ademais da COVID, África e unha parte de Asia están a sufrir máis do que antes era normal praga de langostas co espécimes de máis tamaño do normal, que están a devorar a maior parte dos cultivos co conseguinte risco de fame negra nestes países. A destrución da natureza a nível mundial e dos servizos ecosistémicos que presta, xunto coa desaparición das especies correspondentes, esta a custar entre o 10-20% do PIB mundial ano tras ano.

Desde a asociación ecoloxista ADEGA queremos facer un chamamento ás autoridades este 22 de abril Día Mundial da Nai Terra e tamén a poboación en xeral de que se seguimos co noso sistema de vida baseado no consumismo e se non aceleramos o abandono dos combustíbeis fósiles, estamos poñendo ao planeta e sobre todo a nós mesmos, ante o inicio do que moitos científicos chaman a Sexta Extinción. Desde ADEGA-FERROLTERRA creemos que as nosas autoridades deben empezar a traballar xa en serio en temas como:

✅ A mobilidade onde a poboación coa axuda das autoridades debemos apostar por modelos sostíbeis aínda que o carro sexa eléctrico.

✅ Reducir o consumo de enerxía en todo o que sexa posíbel e camiñar cara a un modelo extensivo na súa produción.

✅ Apostar por reducir o noso consumo polo menos de unha gran parte do que sexa superfluo.

✅ Apostar polos produtos locais e feitos con materiais sostíbeis.

✅ Apostar polos produtos a granel como se fixo nunha gran parte da nosa historia.

✅ Apostar polo compostaxe esixindo as nosas autoridades municipais que o favorezan e promovan nos barrios.

✅ Apostar por produtos de mais duración e sempre que sexa posíbel volver a cultura da reparación como sempre se fixo neste país.

✅ Educar as nosas rapazas no consumo responsábel e nos perigos da obsolescencia percibida para o medio ambiente.

✅ Intentar abandonar a cultura do avión e apostar polo tren nas cortas e medias distancias etcétera.

En resumo, desde ADEGA pensamos que debemos empezar a camiñar cara outro sistema de vida acorde coa natureza, a cal é con certeza, a que nos permite vivir e sen ela, a vida dos humanos tal como a coñecemos é imposíbel.

Foto: Un día calquera na praia de Caranza (Ferrol) | 7 de Xaneiro de 2022.

[*] Miguel Anjo González Garcia, é o Coordinador da Delegación Comarcal de Ferrolterra - Trasancos da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega). E condutor do programa "Residuo Cero" en Rádio Filispim (93.9 da FM). | Artigos no Diario de Ferrol | OllaparoÁrtabra 21.

_______

xoves, abril 28, 2022

A palavra adoquinada, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Iolanda Teixeiro Rei [*]
29.04.2022


A PALAVRA ADOQUINADA

Descarbonizando a praza do Carbón, peonalizando a praza do Callao en cuxos altos loce o monumento ao almirante vigués Méndez Núñez, (un dos heroes da batalla do Callao) o governo municipal cambia os vedraños adoquíns de granito do país polo horrendo formigón. Reclama ser Ferrol Patrimonio Mundial e, a un tempo, deixa nas cobizosas mans dos construtores de tixolo e cemento o enfeitizo dunha cidade ilustrada. Na praza do Callao, da verba celta caliavo, que provén de kal, isto é pedra ou callau, praia de cantos rodados, como os fermosos pavimentos das belidas cidades portuguesas, nos Açores, Madeira ou no Languedoc francés. Como os fermosos adoquíns que loce a cidade tan premiada de Victoria, artellados alí polos canteiros artesáns pontevedreses, como Karlotti me comentava onte, un dos artelladores da Palavra Encarnada, da Poesía salvaxe, a adoquinar de versos livres as rúas e as prazas da cidade racionalista durante tres longos lustros. Na praza do Callao a verba dos arxinas que Ferreiro cantara, a pedra de granito lavrada por canteiros, o addukkín que fai das rúas espellos de ríos grisallos por onde a auga lúe sen apozar, por onde o paseante camiña sen esvarar. O empedrado ferrolán patrimonial que devera ser mimado como os abraiantes mosaicos dos irmaos portugueses. O adoquín lambonada ou carambelo. O adoquín político, torpura dos diñeiros públicos que escorregan polas arcas do formigón armado. O adoquín-cubo de xelo con azucre para as bebidas do Callao peruano. As pedras escadradas dos antigos romanos, lindas e rexas, como radiantes versos de luz ecoados nos espellos das brancas galerías. Pedra-osamenta da terra nai. Adoquín da revolta no maio francés, baixo o teito de pedra, pavimento de areais contra as cargas policiais nas primaveras. Adoquim do Brasil, zona policiada. Pedra de escândalo, Palavra encarnada, cerco de pedra en que a verba encarna para curar ao sol. Versos nas calzadas. Silenciada arma carregada de futuro. Encarnada nas tascas e mercados, entre o viño e a cebada, no mar de dentro e no de fóra, nos Ateneos abertos, entre cuncas e linguas de cor e lume, nos ancos sombrizos da cadrícula ferrolana. Pedra de amolar, para aguzar as facas. Pedra de xelo, saraiva nos cravos de abril, festexando a revolución guiada outrora por Saraiva de Carvalho.

A Palavra Encarnada a empedrar as rúas de Ferrol. Bardos do povo, desmercantilizando a beleza, convocando a voz, compangando o pan, sementando as leiras, afiuzando na colleita e na sazón. Sen curiais nen dezmos. Poetas, pedra a pedra, erguéndose en encostas. Consagradores da pedra infernal que há corroer as nauseabundas espullas do Mercado. Pedra-adoquín, fita nas verbas, liberando a cidade dos valados.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
27 de abril de 2022 20:14

_______

Memoria Histórica Democrática, inaugurou cunha charla explicativa, no IES Blanco Amor de Culleredo, a exposición fotográfica 'A fuxida do Bou Ramón' - Galería fotográfica do acto


Memoria Histórica Democrática, inaugurou cunha charla explicativa, no IES Blanco Amor de Culleredo, a exposición fotográfica "A fuxida do Bou Ramón"

Memoria Histórica Democrática, tivemos a satisfacción de inaugurar cunha charla explicativa, no IES Blanco Amor, a nosa exposición fotográfica “A fuxida do Bou Ramón” que relata como 27 republicanos, agachados durante a guerra civil na comarca de Ferrolterra, partiron de Ares, unha noite de xullo de 1939, para chegar a Francia salvando a súas vidas e como foron as súas vivencias posteriores.

É una historia, non só de supervivencia, senón tamén de xenerosidade solidaria, de sacrificios e da loita pola dignidade dun pobo.

Agradecemos moito o seu interese ao alumnado as profesoras e a dirección do centro, que tivo a atención de agasallar a nosa Asociación cunha placa de Sargadelos, cuxo motivo é Eduardo Blanco Amor que lle da nome ao Centro, pero o verdadeiro regalo é que nos permitan levar á xuventude –ao futuro– estas leccións de Historia solidaria. A todas e todos moitas grazas.











Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática
https://memoriahistoricademocratica.org/
http://memoriahistoricademocratica.wordpress.com
en facebook:Memoria Historica Democratica
en twitter: Memoria Ferrol @memoriaferrol

Enviado por:
Memoria Histórica Democrática
-memoriahistoricademocratica@gmail.com-
27 de abril de 2022 18:59

_______

martes, abril 26, 2022

Unidas Podemos pregunta no Congreso: Cando ten previsto o Goberno outorgar o cuarto indulto a María Salmerón?


Grupo Parlamentario Confederal de
Unidas Podemos, En Comú Podem e Galicia en Común


Á MESA DO CONGRESO DOS DEPUTADOS
C.DIP 209091 11/04/2022 11:13

Ao amparo do establecido no artigo 185 e seguintes do Regulamento do Congreso dos Deputados, os deputados e deputadas que subscriben formulan as seguintes preguntas dirixidas ao Goberno para a súa resposta escrita.

En setembro de 2019, máis de 300 organizacións de mulleres e máis de 500 firmas individuais pediron ao Goberno un novo indulto para María Salmerón. Afirmaban, ademais, que este caso é un claro exemplo de violencia institucional cara ás mulleres e reclamaban a necesidade de avanzar cara a unha xustiza con perspectiva de xénero.

Trataríase do cuarto indulto que podería recibir Salmerón polo mesmo delito: a desobediencia por incumprir as visitas da súa filla co seu exmarido, condenado por malos tratos en 2008.

Desde finais de xaneiro de 2021, a execución da condena a nove meses de prisión por desobediencia á autoridade ditada en 2019, ao seguir incumprindo Salmerón a custodia compartida da súa filla co pai maltratador, está suspendida ate que sexa resolta a solicitude d o novo indulto, coa súa aceptación ou denegación.

O propio Goberno manifestou publicamente que ningunha muller debería ser condenada e entrar en prisión por protexer aos seus fillos da violencia machista e dun maltratador. É evidente que a violencia institucional cara ás mulleres non se resolve cunha medida excepcional como é o indulto, pero son os indultos gobernamentais os que conseguiron até agora que Salmerón non entre en prisión.

Con todo, a finais de marzo pasado, o xulgado do Penal nº6 de Sevilla deu por desestimado o indulto solicitado alegando que transcorreu un ano sen resposta, de tal forma que se reactiva o ingreso de María Salmerón en prisión. Por iso, é sumamente importante coñecer en que situación se atopa o expediente do indulto solicitado ao Goberno.

Cando ten previsto o Goberno outorgar o cuarto indulto a María Salmerón?

Palacio do Congreso dos Deputados

Madrid, a 11 de abril, de 2022

Miguel Ángel Bustamante Martín
Diputado GCUP-ECP-GEC

Martina Velarde Gómez
Diputada GCUP-ECP-GEC

Pedro Honrubia Hurtado
Diputado GCUP-ECP-GEC

Isabel Franco Carmona
Diputada GCUP-ECP-GEC

Juan Antonio Delgado Ramos
Diputado GCUP-ECP-GEC

✔ Documento da pregunta escrita en formato pdf. | Acceder/Baixar.

✔ Situación da pregunta na Web do Congreso do Deputados. | Ir á Web.

Enviado por:
Inacio GZ
-inaciogz@gmail.com-
26 de abril de 2022 17:41

_______

Presentación do libro 'Alejandro Viana, un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos' (Ed. Belagua) por Roberto Mera Covas, acompañado de Henrique Dacosta e Víctor García Novás - O venres 29 de abril, ás 8 da tarde, no Centro Cívico de Canido


Presentación do libro "ALEJANDRO VIANA, un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos" (Ed. Belagua) por Roberto Mera Covas, acompañado de Henrique Dacosta e Víctor García Novás.

📅 Venres 29/Abril/2022
20hs
📍 Centro Cívico de Canido

Con esta obra, o autor achéganos á historia dun “ponteaerán de película”, o Schindler galego, do que quere subliñar a súa faceta humanitaria. Na Europa ocupada polos nazis miles de exiliados republicanos devecían por chegar a América para salvar as súas vidas.

Alejandro Viana, á fronte de varias organizacións humanitarias, organizou a saída de miles de refuxiados nunha trintena de expedicións marítimas. Acosado pola Falanxe e a GESTAPO, emprendeu unha fuxida e logo de once meses de anguriante viaxe por África, logrou chegar a México, xunto coa súa dona e coa certeza de que xamais podería retornar á súa terra.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
25 de abril de 2022 22:00

_______

Presentación do libro: 'Galicia 1972. A clase obreira e a cidadanía contra o franquismo', no Ateneo Ferrolán - O mércores 27 de abril, ás 7 da tarde


Presentación do libro: "Galicia 1972. A clase obreira e a cidadanía contra o franquismo"

Mércores día 27 de abril ás 19 h. no Ateneo

A Fundación 10 de Marzo e o Ateneo Ferrolán organizan a presentación do libro:

"Galicia 1972. A clase obreira e a cidadanía contra o franquismo"

Participarán:

✔ Esperanza Piñeiro (historiadora e coautora).
✔ Bernardo Máiz (historiado e coautor).
✔ Sari Alabau (militante do PCG no 10 de marzo de 1972).
✔ Ricardo Gurriarán (editor e director da Fundación 10 de Marzo).
✔ Emilio Crespo (editor e secretario da Fundación 10 de Marzo).

Publicación do libro "Galicia 1972. A clase obreira e a cidadanía contra o franquismo". Editores: Ricardo Gurriarán e Emilio Crespo. Publicado pola Fundación 10 de Marzo, 2022 - Prezo: 20 euros.

Este libro quere render un homenaxe a unha parte fundamental da nosa historia recente; unha historia que comeza cando o noso país viu como a liberdade e os dereitos se lle escapaban das mans coma a auga escorrega dun cesto. Despois chegou a escuridade; e dentro desa escuridade irrompeu a necesidade e as ganas de moitos homes e mulleres de arriscarse e loitar por recuperar os bens perdidos.

Nesta historia merece un capítulo especial o ano 1972. O acontecido naquela data selou o dicir do noso país e marcou a vida de centos de homes e mulleres que puxeron contra as cordas a ditadura, nos seus derradeiros estertores.

A vida cotiá era tan dura e intensa que parte dos e das protagonistas, ao lles preguntar se tiñan a sensación de estar participando nun fito histórico, responden moi ao xeito galego: Non, faciamos o que tiñamos que facer.

Poñer negro sobre branco todo o que estas persoas viviron ten, se cabe, máis importancia agora que se leva o de reescribiren a historia aqueles que non a protagonizaron, aqueles que a viviron desde outro prisma ou os que, co paso do tempo, prefiren aderezala pervertendo o realmente acontecido. Polo tanto, o sucedido en Ferrol, en Vigo e durante as revoltas na universidade de Santiago, a principios dese ano, son páxinas imprescindibles que contén esta obra, nacida para lembrar e non esquecer.

De aí a nosa vella reivindicación de que estes feitos deberían formar parte das ensinanzas impartidas en todos os colexios. Porque estamos ante un capítulo que mudou o rumbo da nosa historia recente e que moitos tentan terxiversar como xa dixemos ou agochar, e non recoñecer.

Hónranos dicir que en calquera das loitas actuais da clase obreira perdura o espírito do 72.

#Ateneo #SomosCultura #Libros #ClubDeLectura #Ferrol #Galiza

Ateneo Ferrolán
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)
@ateneoferrolan | Blogger | Facebook | Faite soci@ on line! | Colabora con nos!

Enviado por:
Cristina Meizoso
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
25 de abril de 2022 17:59

_______

Presentación do libro 'Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)', de Xesús Campos, no Museo do Humor de Fene - O xoves 28 de abril ás 19.30 hs, coa participación do coordinador do libro e fillo do autor, Nico Campos, e do director, produtor e guionista Marcos Nine


Presentación do libro "Estampas do mundo elegante (máis elegante ca nunca)" no Museo do Humor de Fene, edición tributo do libro de Xesús Campos (Chichi Campos). O acto terá lugar o xoves 28 de abril ás 19.30 hs e contará coa participación do coordinador do libro e fillo do autor, Nico Campos, e do director, produtor e guionista Marcos Nine.

Museo do Humor de Fene,
Avda. de Conces, 20-22 -
15500 Fene (A Coruña)
Teléfonos: 981 342 400 / 981 341 451
E-mail: museodohumor@fenecidadan.gal
museodohumor@gmail.com

--
Almudena Marcos Maroño
Coordinadora do Museo do Humor de Fene
Concellería de Cultura_Concello de Fene
Avda. Naturais de Fene, 44, entrechán dto.
Tfno. 981 342 400 // 981 340 366

Enviado por:
Museo do Humor de Fene
-museodohumor@gmail.com-
25 de abril de 2022

_______

Novas proxecións dentro do Ciclo 'Guerras' no Martes de Cine 2022 do Ateneo Ferrolán: 'Los falsificadores', de Stefan Ruzowitzky e 'Buenas noches y buena suerte', de George Clooney - Hoxe martes 26 de abril e o vindeiro martes 3 de maio, ás dúas ás 7 da tarde



Martes de Cine 2022 ás 19 h. Ciclo "GUERRAS"

Martes día 26 de abril – "Los falsificadores".

Ano: 2007 - Duración: 98 min. - País: Austria - Director: Stefan Ruzowitzky - Xénero: Drama.

Reparto: Karl Markovics, August Diehl, Devid Striesow, Martin Brambach, August Zirner, Veit Stübner, Sebastian Urzendowsky, Andreas Schmidt.

Sinopse: Berlín, 1936. Sorowitsch, o rei dos falsificadores de moeda, é un xudeu sen escrúpulos que cre que "a maneira máis rápida de gañar diñeiro é fabricar diñeiro" e non lle preocupa en absoluto o que está a suceder ao seu ao redor, nin sequera a situación dos xudeus. Con todo, cando estala a guerra, é arrestado e levado a un campo de concentración nazi, onde se ve obrigado a traballar con outros falsificadores. A súa misión: fabricar libras esterlinas e dólares americanos. A cambio, as súas condicións de vida son mellores que as dos demais prisioneiros. Con todo, esta situación exponlles a algúns un grave dilema moral: cooperar cos seus verdugos equivale prolongar a guerra e facilitar a vitoria da Alemaña nazi.

Martes día 3 de maio – "Buenas noches y buena suerte".

Ano: 2005 - Duración: 98 min. - País: Estados Unidos - Director: George Clooney  - Xénero: Drama.

Reparto: David Strathairn, George Clooney, Robert Downey Jr., Jeff Daniels, Frank Langella, Patricia Clarkson, Tom McCarthy, Matt Ross, Tate Donovan, Ray Wise, Alex Borstein, Grant Heslov, Robert Knepper.

Sinopse: Ambientada en 1953, narra o enfrontamento real que, en defensa do xornalismo independente, mantiveron o famoso xornalista e presentador da CBS Edward R. Murrow (David Strathairn) e o seu produtor Fred Friendly (George Clooney) contra o poderoso senador anticomunista Joseph McCarthy, feito que determinou o final da "caza de bruxas".

--
#Ateneo #SomosCultura #Libros #ClubDeLectura #Ferrol #Galiza

Ateneo Ferrolán
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)
@ateneoferrolan | Blogger | Facebook | Faite soci@ on line! | Colabora con nos!

Enviado por:
Cristina Meizoso
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
25 de abril de 2022 13:08

_______

luns, abril 25, 2022

Zeca Afonso - Grândola Vila Morena 'Ao vivo no Coliseu'


Grandola Vila Morena "Ao vivo no Coliseu"

Jose Afonso con Octávio Sergio, Lopes Almeida, Durval Moreirinhas, Antonio Sergio,Rui Pato, Francisco Fanhais, Fausto, Julio Pereira, Janita, Serginho, Guilherme Ines, Rui Junior e Rui Castro.

"O 25 de abril de 1974, ao ritmo desta fermosa canción, o pobo portugués deu unha lección ao mundo. Grazas polo enorme legado á humanidade que contén Gradola Vila Morena: o legado de Paz, Liberdade e Democracia". (Ángel Vera desde o Ecuador).


Canle de Mario Lima.
_______

Portugal lánzase á rúa para conmemorar a revolución de abril - Portugal prepárase para conmemorar 48 aniversario da revolución de 25 de abril - As principais localidades portuguesas acollen hoxe mobilizacións e actos en lembranza do fito que devolveu a liberdade, rachou co fascismo e deu ao país unha democracia avanzada


48º aniversario
Portugal lánzase á rúa para conmemorar a revolución de abril


Portugal prepárase para conmemorar 48 aniversario da revolución de 25 de abril. As principais localidades portuguesas acollen hoxe mobilizacións e actos en lembranza do fito que devolveu a liberdade, rachou co fascismo e deu ao país unha democracia avanzada.

25 de abril é unha data gravada a ferro na memoria dos demócratas. Se os italianos lembran a caída do réxime fascista de Mussolini en 1945, portugueses, e tamén, galegos conmemoran o trunfo do movemento político e militar que puxo fin á ditadura máis antiga de Europa e abrigou posibilidades dun cambio real na Galiza e o Estado español.

Unha vez máis, as maiores cidades, como as aldeas mais pequenas, de todo Portugal volveron a encherse con demócratas para conmemorar abril. Será en Lisboa, do Marques de Pombal até os Restauradores, onde se desenvolva o acto principal. Outro tanto, acontecerá en Porto, da rúa do Heroísmo à avenida dos Aliados, que acollerá unha das maiores marchas, organizados polas comisións promotoras das Conmemoracións Populares de 25 de abril.

Movemento popular

Os concellos e o movemento asociativo están igualmente mobilizados para conmemorar o aniversario da revolución dos cravos, cun conxunto de iniciativas culturais, deportivas, sociais e tamén alusivas á paz. Só na noite de 24 para 25 de Abril decorren concertos emblemáticos no Sobral de Monte, Agraço, Seixal, Sesimbra, Setúbal ou Grándola.

A memoria da resistencia está moi presente nos actos deste anos. Así, a terza feira, 26 de abril, a Unión de Resistentes Antifascistas Portugueses (URAP) de Braga vai homenaxear os 140 antifascistas, nacidos, residentes ou estranxeiros, que naquel concello foran presos polas policías políticas durante o período da ditadura (1926-1974), coa colocación de 48 cravos, número que sinala os 48 anos de vivencia democrática.

A Fundación José Saramago prepara un programa especial para celebrar 25 de abril. Nos dias 23 e 30 de abril serán realizadas visitas guiadas pelo Roteiro Levantados do Chan, en Lisboa, formado por espazos asociados ao levantamento de 1974 e a loita contra o fascismo.

O ascenso do fascismo

O medre electoral das alternativas de extrema dereita centra boa parte do debate político en Portugal. Nesta dirección, determinadas forzas políticas están a cuestionar o carácter do movemento de abril, a dirección do modelo constitucional portugués e o sentido dos sucesos de hai 48 anos.

A deputada do Bloco de Esquerdas, Joana Mortagua, tense significado neste debate. Así, nun artigo publicado no Jornal I na quinta feira sinala que “a nosa democracia, foi construída para servir outros obxectivos: a descolonizaçión, a liberdade política, os dereitos humanos, económicos, sociais e culturais, a distribución da riqueza e a socialización da propiedade”.

Mortagua destaca que “a nosa democracia fíxose sabendo o prezo de catro décadas dunha política económica feita polas e para as elites; precedeuse de folgas e de loitas operarias históricas. A nosa democracia ollou para dentro e para fora e escolleu como camiño o socialismo, e así acreditaba quen saíu á rúa para organizar os barrios, os campos e as fábricas”.

Galiza no Portugal de abril

A revolución portuguesa de 25 abril de 1974 marcou a ducias de xeracións de galegos e abriu novas expectativas para aqueles compatriotas que loitaban contra a dictadura. A caída dunha ditadura tan lonxeva abrigou posibilidades entre os sectores da opinión democrática dun cambio semellante no Estado español e permitiu fixar unha retagarda segura ás forzas antifranquistas galegas.

O Portugal de abril acolleu unha chea de actos da oposición democrática galega. Así, en abril de 1975 presentouse publicamente en Porto a Asemblea Nacional Popular Galega (AN-PG), unha organización de masas de carácter nacionalista, cuxa formulación ideolóxica e organizativa foi a base do actual BNG. O acto, organizado polo núcleo portugués da UPG, reforzado tras a chegada do exilio francés de Carme Graña contou coa participación de Xosé Vilas Nogueira, que actuou como voceiro da nova formación.

A Facultade de Letras de Porto serviu de marco para celebración das Xornadas da Cultura Galega, coordinadas pola propia Margarita Ledo entre 19 e 22 de xuño de 1975 e celebradas baixo o lema de “Por unha cultura científica, galega e popular”. O encontro xuntou a intelectuais portugueses amigos da Galiza como Rodrigues Lapa, Prado Coelho ou Anibal Almeida e a referencias públicas do nacionalismo como Ramón López Suevos, Xosé Vilas Nogueira ou Camilo Nogueira Román. A carón das palestras programouse unha exposición do libro galego e diversos concertos a cargo membros do Movemento Popular da Canción Galega.

Publicado en Nós Diario, por Cilia Torna, o 25 de abril de 2022.

Faite Asinante de Nós Diario

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
25 de abril de 2022 10:18

_______

As alamedas Ilustradas de Ferrol - Charla no Museo de Historia Natural de Ferrol, o venres 29 de abril - Coa artista e bióloga, María José Leira Ambrós

 



Charla coa artista e bióloga ferrolá, María José Leira Ambrós en Ferrol: "As alamedas ilustradas de Ferrol", unha historia das alamedas e a vida nos corredores verdes na cidade.

Día: venres 29 de abril.
Hora: ás 19:30hs.
Lugar: Salón de Actos do Museo de Historia Natural (Canido).
Organiza: Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

María José Leira Ambrós, gran experta que nos deleitará coa relevancia e importancia destes espazos verdes e a súa función na vida, cultura, lecer e costumes na cidade de Ferrol, e que posteriormente deron lugar a este tipo de corredores noutras cidades e vilas do país.

María José Leira Ambrós é licenciada en Bioloxía pola USC. Exerceu como profesora de Bioloxía e Xeoloxía maiormente no IES Concepción Arenal de Ferrol. Dende hai anos é autora de numerosas publicacións en forma de libros e artigos, nos que maiormente trata sobre as árbores ornamentais e dos xardíns (algúns deles foron presentados no proxecto e proposta de Ferrol, Patrimonio da Humanidade):

✔ LEIRA AMBRÓS, Mª JOSÉ. 2021. As alamedas ilustradas de Ferrol. Xerme dos corredores verdes urbanos e urbano-industriais. Deputación da Coruña. 94 pp.
✔ LEIRA AMBRÓS, Mª JOSÉ. 2018. En: BURGOA, J.J. & LLORCA FREIRE, GUILLERMO (Coords.) Memoria histórica do barrio da Magdalena. Edicións Embora. 360 pp.
 ✔ LEIRA AMBRÓS, Mª JOSÉ. 2002. Los jardines del Campus de Esteiro. Universidade da Coruña. 119 pp.
✔ LEIRA AMBRÓS, Mª JOSÉ. 1998. Árboles y arbustos ornamentales de Ferrol. Ayuntamiento de Ferrol. 175 pp + planos de ubicación de los ejemplares.
✔ LEIRA AMBRÓS, Mª JOSÉ. 1990.  Árboles y arbustos de los jardines de Ferrol. Ayuntamiento de Ferrol. 127 pp + planos de ubicación de los ejemplares.

Esta actividade vén organizada pola Delegación de Ferrol da SGHN e patrocinada pola Deputación da Coruña. O aforo é limitado e non se precisa reserva.

https://sghn.org/

Delegación de Ferrol
Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).
Casa do Coronel. Praza de Canido s/n. 15401 Ferrol.
Teléfonos: 881 931 315 – 698 141 384.
ferrol@sghn.org
_______

sábado, abril 23, 2022

Hiroshima condena a EE.UU. por novas probas subcríticas - O Reloxo da Paz de Hiroshima, que marca os días que transcorren sen probas nucleares no mundo, lanzou unha nova alarma na cidade este mércores, logo de 210 días sen noticias de exercicios nucleares



Hiroshima condena a EE.UU. por novas probas subcríticas

Xapón reiniciou o Reloxo da Paz de Hiroshima tras unha proba nuclear de EEUU

O Reloxo rexistra os días que transcorreron desde os bombardeos atómicos de Hiroshima e Nagasaki.

O Reloxo da Paz de Hiroshima, que marca os días que transcorren sen probas nucleares no mundo, lanzou unha nova alarma na cidade este mércores, logo de 210 días sen noticias de exercicios nucleares.

As últimas detonacións tiveron lugar en Nevada, Estados Unidos, entre xuño e setembro de 2021 baixo o Goberno de Joe Biden.

Con anterioridade, o reloxo tamén modificou o seu rexistro debido a ensaios realizados en 2020 durante a administración de Donald Trump.

A Prefectura de Hiroshima pronunciouse respecto diso cunha declaración de protesta enviada o mércores 13 de abril de 2022, a Biden, en expresión do temor dos xaponeses trala as alusiones ao emprego de armas nucleares durante o conflito entre Rusia e Ucraína.

"Nestas circunstancias, este informe de que o seu país estaba realizando unha proba nuclear subcrítica é unha gran decepción para as persoas de todo o mundo que desexan firmemente a abolición das armas nucleares, e é lamentable", comunicou o gobernador da prefectura de Hiroshima, Hidehiko Yuzaki.

Instó a Biden a cumprir coa obrigación que establece o Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares (TNP) de reducir e eliminar as armas nucleares.

Ademais ofreceulle unha invitación á cidade para constatar que "o uso de armas nucleares xera unha 'realidade' terrible e que o sufrimento dos sobrevivientes da bomba atómica aínda continúa".

O Reloxo da Paz de Hiroshima atópase no Parque Conmemorativo da Paz da propia cidade. Todos os días, ás 08H15 hora local, lanza o chamado: "Non Máis Hiroshimas".

O horario coincide co da explosión da bomba atómica lanzada por EE.UU. sobre esta cidade o 6 de agosto de 1945, feito que provocou unhas 129.000 vítimas.

Á súa vez, o Reloxo rexistra os días que transcorreron desde os bombardeos atómicos á urbe e á cidade de Nagasaki, o 6 de agosto de 1945, así como as xornadas transcorridas desde a última proba nuclear realizada no mundo.

Publicado en TelesurTV -  14 abril 2022.

Foto: PL | O Reloxo da Paz lanza o chamado "Non Máis Hiroshimas" todos os días, ás 08H15 hora local, momento da explosión atómica en 1945.
_______

Radio Cerna emite esta semana un novo Boletín Informativo Ambiental: Alén de celebrarse o Día da Terra, nesta semana cúmprense 15 anos desde a aprobación do Catálogo Galego de Especies Ameazadas e outras novas


Boletín informativo ambiental 22/04/22

Alén de celebrarse o Día da Terra, nesta semana cúmprense 15 anos desde a aprobación do Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Un catálogo que nacía con vocación de favorecer a conservación das especies, mais hoxe en día só unhas poucas das 200 que incorpora contan con plan de conservación e recuperación. Mais, a grande sorpresa da semana foi a do "pacto de país" dos socialistas de Galiza pola enerxía eólica, pero que non contou coas organizacións ecoloxistas nin afectadas pola actual vaga eólica. Se queres obter máis información, escoita Radio Cerna!

#GalizaPolaPaz

Queres coñecer a actualidade ambiental de Galiza? Escoita Radio Cerna!





Radio CERNA é o primeiro espazo radiofónico especializado na temática medioambiental e ecoloxista en Galiza. Está realizado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) para difundir a través da rede e das emisoras locais galegas toda a información relativa á situación medioambiental do país. O espazo dura uns 10 minutos e actualízase todos os días de luns a venres.

Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo. | Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal | Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela | Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal

#RadioCerna
#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Foto: Manifestación da plataforma "Eólica Así Non" en Santiago de Compostela. | Xoán Álvarez.

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
22 de abril de 2022 10:366

_______

Foto: Biodiversidade do Deza.
_______

A plataforma social polos dereitos nacionais da Galiza #ViaGalega convoca para este domingo ás 11:30hs unha manifestación en Compostela co lema #SomosUnhaNación.



Con este acto pretende “para crear máis conciencia nacional e reforzar a autoestima colectiva como País” ademais de lembrar a Revolución Galega de 1846

A Plataforma Vía Galega convoca a manifestación co lema “Somos unha nación” con saída o domingo 24 de abril ás 11:30 da alameda de Compostela cos obxectivos de crear máis conciencia nacional e de reforzar a autoestima colectiva como País.

Na rolda de prensa da presentación estiveron Anxo Louzao, portavoz de Vía Galega; e leron o manifesto Neves Rodríguez, comunicadora e actriz; Marta Dacosta, escritora e profesora; e Pablo Carracedo “Jasper”, músico, vocalista de Nao e profesor. Tamén asistiron en representación das máis de 60 entidades que conforman esta plataforma Paulo Carril, secretario xeral da CIG; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Belén Rodríguez, da directiva de ADEGA; Manuel da Cal, coordenador xeral de FRUGA; Manuel Agra, de Erguer; Lucia Veciño, da Fundación Galiza Sempre; María Antonia Pérez, presidenta da A.C. O Galo; e os membros membros da Coordenadora de Vía Galega Rafael Iglesias, Adrián Bravo, Olaia Chaves e Antón Laxe.

Manifesto “Somos unha nación” (pdf, 1,92 MB)

Este mes de abril conmemóranse os 176 anos daquel abril de 1846, que Manuel María denominou “abril de lume e ferro” en que se sucederon numerosos levantamentos, pronunciamentos, proclamas e a creación da “Xunta Superior do Goberno de Galiza” que xa denunciaba que Galiza estaba “convertida nunha verdadeira colonia da corte”. Esta revolución de abril de 1846 rematou, desgraciadamente, o 26 de abril, co fusilamento en Carral, dos “Mártires da Liberdade”. “Estamos ante un fito histórico que estaba colocando os alicerces do nacionalismo soberano e emancipador de hoxe”, explicou Anxo Louzao.

"Por iso, desde Vía Galega, consciente da necesidade de lembrar e recoñecérmonos na nosa historia que durante cinco séculos se nos negou, ocultou ou manipulou, optamos por, como xa o fixemos o ano pasado, por convocar manifestación nacional baixo o lema: Somos unha nación”.

Ademais de lembrar e recoñecer esta efeméride da nosa historia, é motivación fundamental desta mobilización “esixir os nosos dereitos nacionais, como nación que somos”. “Non só temos todos os trazos que definen a unha nación, senón que temos a vontade de existir politicamente; somos unha nación disposta a responsabilizarnos do noso futuro como Pobo, sen subordinación nin dependencias, e pretendemos desterrar a falacia de que somos un País subsidiado”, explicou. “Mais, o que si somos é un País oprimido, explotado e negado; e por iso, esiximos exercer o dereito inalienábel que lle asiste as todas as nacións do mundo: o dereito á autodeterminación, o dereito a decidir por nós mesmos e mesmas”, engadiu o portavoz de Vía Galega, “porque é única maneira de garantir un futuro sen emigración, maior benestar social e traballo digno para todos e todas”.

A crise que Galiza vén arrastrando desde o 2008 neste momento faise insoportábel pola escandalosa escalada dos prezos, superando en moitos produtos básicos o 50%. “A inflación non só é maior en Galiza, senón que se manifesta con maior virulencia debido a que temos uns dos salarios máis baixos do Estado español e as segundas pensións máis reducidas, cuxa media non supera os 866 euros, ao tempo que padecemos un desmantelamento industrial crónico”, expuxo.

Como sabemos, Galiza exporta o 30% da electricidade que produce, porén, non temos nin tarifa eléctrica galega, nin ningunha empresa pública do sector, tendo que pagar a electricidade a prezos desorbitados, condenando ás clases populares á pobreza enerxética”, advertiu. O máis escandaloso é que mentres isto sucede, as eléctricas ingresaron o ano pasado 2.700 millóns de euros da enerxía producida en Galiza deixándonos exclusivamente os prexuízos ambientais e sociais.

Así, considera que “cómpre sublevarse contra esta inxustiza e denunciar como os gobernos do Estado e o galego actúan como meros xestores dos intereses da oligarquía e das grandes multinacionais, sen, nin sequera, atreverse a intervir os mercados para limitar os prezos dos produtos básicos e da enerxía”.

Precisamos romper a nosa dependencia colonial para rematar co espolio das nosas materias primas e recursos naturais, da enerxía que producimos e do aforro que xeramos”, indicou. “Necesitamos total soberanía para dotármonos dun sector enerxético e financeiro público e galego, que garanta unha electricidade con prezos populares e para que o noso aforro se converta en benestar social dos galegos e galegas e non continúe expatriándose e incrementando as contas de dividendos da oligarquía financeira”, sinalou. Urxe un modelo económico autocentrado e un sistema fiscal e de financiamento propio e soberano para desenvolver o noso tecido industrial e as nosas potencialidades. “Esiximos soberanía alimentar para relanzar o sector agropecuario, recuperar superficie agraria útil e impedir a eucalitización, mais tamén, porque queremos vivir no noso idioma e na nosa cultura”, subliñou Anxo Louzao.

Precisamos combater as agresións que recibimos e a galopante españolización que diariamente padecemos e, por iso, estamos empeñados en crear máis conciencia nacional e reforzar a autoestima colectiva”, indicou. “Temos a certeza que só con soberanía, exercendo como nación libre, Galiza terá futuro e construirá unha sociedade máis democrática, máis xusta e de maior igualdade social”, explicou.

Deste xeito, realizou un chamamento a participar o 24 de abril na manifestación que baixo o lema de “Somos unha nación” percorrerá as rúas de Compostela.

Santiago de Compostela, 6 abril de 2022.

Vía Galega

https://viagalega.gal/

#ViaGalega #SomosUnhaNacion

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
18 de abril de 2022 22:07

_______

xoves, abril 21, 2022

Sobre as consultas ao persoal de Psicoloxía que traballan nas Unidades de Saúde Mental e sobre as consultas directas aos Servizos de Fisioterapia a través da Plataforma XIDE - Comentarios e denuncias da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública


Ante as recentes informacións difundidas polo SERGAS de que xs profesionais de Medicina Familiar e Comunitaria poderán solicitar directamente consultas ao persoal de Psicoloxía que traballan nas Unidades de Saúde Mental e que a poboación en xeral poderá tamén solicitar consulta directa cos Servizos de Fisioterapia do SERGAS a través da Plataforma XIDE, desde a Asociación  Galega para a Defensa da Sanidade Pública queremos informar o seguinte:

1.- Que a incorporación de especialistas en Psicoloxía e Fisioterapia aos Centros de Saúde é unha reivindicación que a nosa Asociación leva anos solicitando e é unha esixencia que expuxemos no Consello Técnico de AP de Galicia, fai mais de dous anos.

2.- O SERGAS, lonxe de responder a estas demandas, adoptou unha decisión que só podemos cualificar de cínica e destinada a enganar á poboación e aos profesionais sanitarios de ap, dado que estas medidas non van acompañadas da creación das novas prazas necesarias, nin do incremento orzamentario necesario para a súa creación.

3.- No caso da Psicoloxía Clínica o cociente de  especialistas por 100.000 habitantes en Galicia é de 3,5, fronte a 5,7 no resto do Estado e de 18 na Unión Europea. A media de agarda, antes da pandemia, era de máis de tres meses, cifra que se multiplicou tras a mesma (coa nova medida do SERGAS, sin orzamento, crecerán de forma exponencial). Unha de cada tres consultas en Atención Primaria teñen que ver coa saúde mental.

4.- En Fisioterapia o cociente actual é de 1 por 8.300 habitantes, cando a Organización Mundial da Saúde indica que debería ser 1 por cada 1.200. As listas de agarda oscilan entre 2 e 8 meses (coa medida anunciada serán de anos). O envellecemento da poboación, condiciona que entre o 30% e o 40% das consultas de Atención Primaria precise dalgún tipos de tratamento fisioterapéutico.

Desde a  AGDSP ademais de denunciar este engano, esiximos ao SERGAS un incremento orzamentario do 11,9% actual ao 25% do total sanitario, para dotar realmente destes recursos aos Centros de Saúde, realizar xa o cumprimento acordado nas 15 Comisións Técnicas do Consello Técnico de AP de Galicia, sobre a dotación de novas categorías profesionais aos equipos e un calendario para a súa entrada en vigor.

É necesario desmasificar as consultas  médicas e os Centros de Saúde, acabar coas inaceptables listas de agarda e atender as lexítimas e necesarias demandas de atención psicolóxica e fisioterapéutica da poboación.

19 de abril de 2022

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

Enviado por:
PLATAFORMA FERROLTERRA
-plataformasosanidadepublica@gmail.com-
20 de abril de 2022 13:12

_______

Presentación do poema 'Maxia' un poema visual e 'Arquivos de realidade' un texto dramático sobre a memoria histórica - No Ateneo Ferrolán o venres día 22 de abril ás 8 da tarde


Venres día 22 de abril ás ás 8 da tarde no Ateneo Ferrolán
 
Presentación de "Maxia" un poema visual que edita Julio Fer e mais Paco Oti. Tamén presentarase "Arquivos de realidade" un texto dramático sobre a memoria histórica de edición bilingüe castelán-galego con prólogo de Armando Requeixo.

#Ateneo #SomosCultura #Libros #ClubDeLectura #Ferrol #Galiza

Ateneo Ferrolán
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 | Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)
@ateneoferrolan | Blogger | Facebook | Faite soci@ on line! | Colabora con nos!

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-secretaria@ateneoferrolan.org-
20 de abril de 2022 12:02

_______

mércores, abril 20, 2022

AGAMME solicita ao goberno que conceda o indulto a María Salmerón - Que se realice un recoñecemento oficial ao valor da súa loita e o da súa filla, e do beneficio que a mesma supuxo para a sociedade - E que a Fiscalía inicie un procedemento de investigación da violencia institucional sufrida por ámbalas dúas


Este martes, 19 de abril de 2022, a Asociación Galega contra ou Maltrato a Menores (AGAMME), en relación á petición de indulto presentada por María Salmerón Parrilla e o recente requirimento do xulgado para a súa próxima entrada en prisión, fixo chegar ao Presidente do Goberno; á Sra. Ministra de Xustiza; á Sra. Ministra de igualdade; á Sra. Ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030; ao Defensor do Pobo (España) e á Fiscalía Xeral do Estado, un escrito pedindo que se lle conceda o indulto solicitado. Escrito que transcribimos a continuación.

Como asociación de dereitos de infancia consideramos un deber político, moral e de xustiza a concesión do indulto a María Salmerón. Como trasladamos noutras ocasión ao goberno, é necesario evitar a prolongación da violencia que sofre Salmerón a mans do seu ex marido, primeiro de forma directa (da cal queda constancia pola condena de prisión que o violento nunca chegou a cumprir por non ter antecedentes penais) e durante máis de dúas décadas de forma indirecta a través da continua querulancia contra a vítima que a xustiza no se preocupou por deter. Así pois, consideramos que María Salmerón é tamén vítima dunha sorte de violencia vicaria por medio da cal o agresor se vale dos instrumentos do estado para seguir causando dano tanto a ela como á súa filla. En consecuencia, no só é necesario, imprescindible, deter o dano que se lle está provocando dende as institucións do estado ao prolongar os procedementos contra ela, obviando a súa condición de vítima (da nai e da filla), senón que ao mesmo tempo debe iniciarse un proceso de reparación de dito dano.

María Salmerón non é un perigo para a sociedade, non existe risco de reincidencia, pois a súa filla é agora maior de idade. María Salmerón é un exemplo de valores, de tesón e de valentía. A sociedade beneficiouse da loita que ela emprendeu hai máis de dúas décadas, agora ninguén pon en dúbida que os fillos e fillas de mulleres que sofren violencia de xénero son tamén vítimas e recentemente aprobouse unha lei que converte este principio nun dereito de protección para os nenos e nenas.  Polo tanto é deber das institucións do Estado recoñecer a súa enorme valía e impedir que o agresor siga perpetuando a súa violencia contra nai e filla. A filla de María Salmerón é agora maior de idade pero sufriu durante toda a súa infancia e adolescencia os prexuízos creados por unha xustiza anticuada, non formada para responder de forma efectiva contra a violencia de xénero, e que non soubo protexela ante a violencia, esqueceuna entón e continúa esquecéndoa agora. Todo dano que se cause á súa nai será un dano causado a ela e temos o deber de impedilo.

SOLICITAMOS:

💜 A aprobación da concesión do indulto a María Salmerón Parrilla no próximo Consello de Ministros.

💜 Que a Fiscalía inicie de oficio un procedemento de investigación da violencia institucional sufrida por María Salmerón e pola súa filla.

💜 Que se realice un recoñecemento oficial por parte do goberno do valor da loita de María Salmerón e da súa filla e do beneficio que a mesma supuxo para a sociedade.



Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].

Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
19 de abril de 2022 18:04

_______