xoves, decembro 18, 2014

Asemblea Cidadá da Marea Ártabra

Marea Ártabra celebrará maña Xoves 18 de Decembro a súa IV asemblea Cidadá ás 19,45 horas no Salón de Actos do Instituto Concepción Arenal.

Aínda que a Orde do día aprobarase na propia Asemblea desde a Coordinadora da Marea Ártabra propúxose que un dos puntos a tratar sexa o a creación dunha Comisión xurídica que empece a estudar temas tan importantes para a Marea Ártabra como a forma xurídica de presentarse ás eleccións Municipais, financiamento da Marea, Código ético dos candidatas elixidos na Asemblea e incluso a confección dun regulamento de funcionamento da propia asemblea, da Coordinadora ou das Comisións temáticas, que posteriormente serán discutidas e aprobadas pola Asemblea.

O resto de puntos da orde do día, tal e como se indicou antes aprobarase na propia asemblea a proposta dos participantes en dita Asemblea.

Desde Marea Ártabra facemos un chamamento á participación da cidadanía dado que consideramos este é o momento de mudar non só a imaxe da nosa cidade senón de aportar ideas para transformar a nosa cidade.

Marea Ártabra
---
Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra[arroba]gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais:
Enlaces relacionados:

A 'Marea Ártabra' en Ártabra 21 | Acceder.
A 'Marea Ártabra' desde o buscador libre DuckDuckGo. | Ir a Web.


Enviado por:
marea artabra
-mareaartabra@gmail.com-
17 de dezembro de 2014 12:18

________________

luns, decembro 15, 2014

Concentración, diante das Subdelegacións do Goberno (A Coruña, Lugo e Ourense) e en Vigo diante da sede do PP, contra a criminalización dos movimentos sociais e a represión - Xoves 18 de Decembro - Manifesto Unitario das PAH's e STOP's da Galiza


A coordinadora galega de STOP's e PAH's, ante as continuas actuacións represivas do Goberno contra o movimento anti-desafiuzamentos na Galiza, decidimos convocar mobilizacións, diante das Subdelegacións do Goberno (A Coruña, Lugo e Ourense) e en Vigo diante da sede do PP, para denunciar a criminalización da protesta e a lexitimidade do pobo a defender o dereito humano a unha vivenda digna e adecuada. Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, como integrante da coordinadora galega, participará na concentración que vai ter lugar o vindeiro xoves 18 de Decembro, ás 11 da mañá, diante da sede da Subdelagación do Goberno na Coruña, polo que fai un chamamento á cidadanía a participar en dita concentración.

Hai tempo que as subdelegacións do goberno, perseguen ao movimento opositor aos desafiuzamentos e lanzamentos de vivenda, sen alternativa habitacional, movimento que defende o dereito a unha vivenda digna. As subdelegacións do goberno, envian á policia para defender os intereses do máis forte e intenta desfacer o movimento de solidariedade enchendo-nos de multas e sancións.  Certos de que toda persoa ten dereito a unha vivenda digna e adecuada, cando se produce unha inxustiza como é a perda da vivenda habitual, os poderes públicos teñen a obriga de garantir este dereito e non deixar ás persoas sen un teito onde morar. Mais pola contra a preocupación do poderes públicos, infectados de políticos corruptos ao servizo de especuladores, non é a procura dunha alternativa habitacional, senón que se preocupan só de botar ás persoas das súas vivendas, mesmo se son anciáns ou menores, e reprimir e criminalizar aos movimentos de solidariedade e anti-desafiuzamentos.

Hai uns días o Parlamento Español, coa maioría absoluta do Partido popular, deu un paso represivo máis, un paso de xigante, aprobando a Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá, a coñecida como Lei Mordaza. Pretenden impoñer un estado policial coa coartada da seguridade cidadá, norma que converte en sancións administrativas o que antes eran faltas incluídas no Código Penal e, xa que logo, sometidas a control xudicial previo. Mesmo contempla fortes sancións a quen impida un desaloxo no lanzamento ou despexo dunha vivenda. Pretenden castigan a solidariedade fronte a un desafiuzamento.

Non máis xente sen casa, nen casas sen xente !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!
Participa !!


NÓS NON TEMOS MEDO
MANIFESTO CONTRA A CRIMINALIZACIÓN DOS
MOVEMENTOS SOCIAIS E A REPRESIÓN


Movemento, de moverse. De non parar. De poñer a cada pouco un obxectivo máis alto que construír entre todas e todos. Soñamos alto porque temos a convicción absoluta de que imos ser libres. Isto chámase transformación social e, ollo, hai xente detrás. A cada pouco máis xente. A cada pouco máis mans a aprenderen un vello oficio: o oficio de mudalo todo.

A cada pouco máis voces. Esta é a nosa voz: unha voz múltiple, plural, aprendida paso a paso, con dificultade. Unha voz na defensa da vivenda. A vivenda é un ben básico, un dereito, dicimos, que ten que ser recoñecido de maneira universal. Co teito non se negocia. A casa non se expropia. A vivenda non se usurpa. A usura e os dereitos son dúas realidades tan irreconciliables coma o rato e o gato. Os dereitos son a nosa voz.

Eles son eles. Eles son a usura. A rapina organizada. Eles teñen a súa morea de normas que non dubidan en transgredir. Tanto lles ten, que se os dereitos humanos..., que se as resolucións do TSXE..., que se as Valedurías do Pobo..., que se a miseria popularizada ou a dramática situación de pobreza extrema de milleiros de familias... Nada disto lles importa. Só o seu Deus universal, o diñeiro.

Eles son eles. Teñen a súa morea de gobernos deseñados á medida, que fan leis para si, que adoptan acordos que nunca respectarán. Adictos á fotografía oficial, á inauguración, ao banquete febril. Adictos á especulación urbanística e financeira, á desvergoña, ao suborno, á prevariación. Cada un dos seus gobernos é un grande teatro no que agardan os nosos aplausos unha vez que se pecha o telón.

Eles son eles, e teñen o seus xuíces e xuízas. Teñen un aparello mecánico enorme chamado de "Xustiza" ao servizo de si mesmos e, por suposto, da súa venerable deidade. Teñen un exército de autómatas asinando resolucións. Estampando o seu selo nunha orde de lanzamento coas mesmas dificultades éticas coas que se decide nunhas rebaixas entre este ou aqueloutro pantalón. Teñen un corpo funcionarial que "funciona coma un reloxo", e que diante da traxedia dunha muller, un home, unha nena desafiuzada, se escusa coa formidable frase de "é o meu traballo". Un viva pola súa integridade ética e a súa innegable achega ao "interese xeral".

Eles son eles, e teñen a súa Policía Nacional. Teñen a súa forza de choque porque nos teñen pánico e seguen a pensar que quen treme de medo somos nós. Porque eles cren que as detencións, as malleiras, as identificacións arbitrarias, as malleiras outra vez, as multas desproporcionadas, as malleiras máis unha vez, van deter a marcha da historia. Pero a historia non se detén. Eles teñen medo, por iso se parapetan detrás de exércitos monolíticos, detrás das súas reformas penais, detrás das súas Leis de Patada na Porta e Patada na Boca malchamadas de Seguridade Cidadá. Así son eles, e a violencia contra a maioría social é o seu método, cren, máis eficaz. Así de patético é o triste drama da súa inminente derrota, da súa descomposición.

Criminalízannos. Píntannos cornos e orellas picudas. Ás veces rabo. Pechan os nosos locais. Rexistran as nosas sedes. Irrompen nas nosas manifestacións. Interveñen as nosas comunicacións. Trafican con millonarias sumas novas e informacións que non son tal. Crean un relato impresionante no que eles, miseria e covardía, se apresentan como os heroes dunha democracia que nunca deixaron nacer. Pero ese conto, esa bonita literatura requintada coa que durante tantos anos empreñaron os nosos ouvidos, xa ninguén a cre.

Aquí estamos nós. Sufrimos e sen embargo, sabemos bailar. Golpéannos e empúrrannos pero sempre hai unha man coa que se levantar. Expúlsannos das nosas vivendas pero sabemos defendernos cos nosos propios corpos e a cada vez somos máis persoas as que permanecemos en pé. Recórtannos e anúlannos pero é tan forte a nosa voz que nin o seu ruído mediático a consegue apagar. Agréndennos pero é tan firme a nosa convicción do noso lexítimo dereito a resistir que volvemos a camiñar. Sepárannos pero non hai pegamento mellor do que a nosa atracción pola comunidade e o ben colectivo. Pola transformación.

Ollade para nós. Nós non temos medo. Mirádenos de frente. Estes son os nosos rostros.  Velaquí vedes e sentides a nosa felicidade. Esta é a nosa felicidade a pesares de. A pesares da vosa desvergoña, a pesares de que nos roubedes unha e outra vez, a pesares de quen nos malledes, a pesares de que nos silenciedes. Esta é a nosa felicidade, a felicidade da xente que construímos a unha coa outra, custe o que vos custe, un mundo mellor.

Imos amodo porque imos lonxe. Nos nosos pasos non hai terror. Somos quen. Confiamos nas nosas propias forzas. Poderedes arrincar as flores pero non poderedes deter a primavera. Esta é a nosa decisión e o noso camiño e non hai cancela ou valo que o vaia parar.

Galiza, a 1 de decembro do 2014.

Plataformas de Afectad@s pola Hipoteca e Colectivos Stop Desafiuzamentos de Galiza.

-

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
Está Adherida ás PAHs e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs
Dereito a unha Vivenda Digna e Adecuada

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol
__________

venres, decembro 12, 2014

Lidia Senra denuncia que Alcoa está utilizando á plantilla como "refén" na negociación


Alcoa, non podemos consentir nin un só despido. | A eurodeputada Lídia Senra cualifica de "intolerábel" a "chantaxe" que a empresa está facendo á sociedade. | Denuncia que Alcoa está utilizando á plantilla como "refén" na negociación | A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra considera que a chantaxe que estes días estamos vivindo na Galiza e noutras partes do Estado por parte da multinacional Alcoa "pon de manifesto varios aspectos interesantes aos que debemos prestar atención".

En primeiro lugar, sinala, "demostra que as políticas de privatización só serven para traspasar empresas e recursos públicos ao gran Capital". Ese é o caso precisamente desta multinacional, que conseguiu facerse ca concesión no ano 1998 a través do  proceso de privatización de Inespal.

En segundo termo, a situación de Alcoa revela as incongruencias do recorrente mito da eficiencia, habitualmente empregado para argumentar as decisións de privatizar en base á suposta maior eficiencia da empresa privada en comparación ca xestión pública. No caso de Alcoa, observamos que, a conta do erario publico, esta empresa leva anos gastando entre o 40 e o 50% da enerxía que se consome na Galiza, pero pagándoa a un terzo do prezo de calquera usuaria normal. Polo tanto, "se Alcoa pagase a electricidade ao prezo normal perdería competitividade", sinala Senra, "é mentira que sexan máis eficientes, o que realmente sucede é que a súa eficiencia baséase en seguir sacando das arcas publicas, é dicir, de todas e todos nós".

A eurodeputada de AGEe veo claro, "estamos diante dunha nova chantaxe na que, nun momento de crise como a que estamos a vivir, Alcoa toma aos traballadores e traballadoras como reféns para chantaxear á sociedade, para que consintamos e xustifiquemos a costa de todas e todos nós o abastecemento de enerxía a prezos de ganga". De feito, co seu posicionamento Alcoa busca facernos responsábeis da decisión de pechar para irse a outros lugares; "unha decisión que con toda seguridade ten xa tomado para instalarse onde os salarios, as condicións laborais e os custos sexan moito menores que aquí", advertiu. Esta é a clave na que traballa Alcoa, o seu problema non son as perdas, senón querer gañar máis.

Dende AGEe valoramos que, a través deste conflito que vén de crear a empresa, Alcoa busca engordar os beneficios do accionariado e do gran Capital, sen importarlle os milleiros de familias que este inverno non poderán nin prender a calefacción porque os intereses dese mesmo Capital deixaronas sen traballo, sen fogar e, no mellor dos casos, baixo un teito prestado. Aliás, abondou Senra, "tampouco lle  importa a Alcoa os milleiros de PEMES e explotacións agrarias asfixiadas, entre outros motivos, debido ao custo enerxético imposto á súa actividade".

A Alternativa Galega de Esquerda, considera que a enerxía é un ben común, imprescindíbel para a vida, ao que toda a poboación e as empresas deben ter garantido o aceso. Pero para que se cumpra este axioma humano fundamental, "cumpriría que tanto os gobernos como a Unión Europea, en base ás súas competencias, non consintan nin unha soa chantaxe por parte das grandes empresas, nin coa enerxía, nin coa fiscalidade, nin con ningunha outra cousa", sentenciou.

Por iso dende AGEe demandamos a retirada inmediata do expediente de extinción de Alcoa, garantido o mantemento de todos os postos de traballo. E, no caso de que este expediente seguira adiante, "tanto a Xunta como o goberno do Estado deben esixir a devolución de todos os beneficios e diñeiro público que percibiu esta empresa,  e empregalo en xerar postos de traballo para a xente que ten empregada na actualidade".

Por outra banda, dende a perspectiva da soberanía enerxética dos pobos, Senra demandou "elaborar políticas industriais e de desenvolmento con criterios de redución de consumo e de eficiencia enerxética", así como o desenvolvemento de enerxías renovábeis "con proxectos que non ameacen o medio nin outras actividades", garantindo por exemplo que estas políticas enerxéticas "non se fagan a costa de reducir a base territorial, imprescindíbel para garantir a Soberanía Alimentar dos nosos pobos".

Por último, a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, quere trasladar ás traballadoras e traballadores de Alcoa a súa máis fonda "solidariedade e apoio" nesta loita.

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde.

Máis información:
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa-GUE/NGL |Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu |
_________________

Crónica do 11 de decembro: e Feijóo non apareceu


Desde moi cedo, furgonetas policiais de antidisturbios chegadas da Coruña, ocuparon as rúas de Ferrol. Fileiras de operarios de Navantia, de Fene e Ferrol, saían en marcha para protestar ante o desmantelamento do naval na nosa Comarca. Promesas incumpridas, miles de traballadores e traballadoras do sector en paro, agardan un aumento da carga de traballo, para ocupar un posto nos estaleiros. O remate do veto á antiga ASTANO, non levanta expectativa ningunha. O que tería que ser un feito de esperanza, ve-se como un feito desolador e se asume con resignación. A marcha polas rúas de Ferrol, de case 2.000 traballadores e traballadoras do naval, parou diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia, na Praza Amada Garcia, custodiado por ducias de policías armados, onde se concentrou a protesta do naval. Onte precisamente soubo-se que o executivo da administración e empresa pública que máis cobra do Estado é o Presidente da SEPI (Ramón Aguirre), entidade que non é capaz de conseguir un só contrato para o sector naval da ría de Ferrol.

Pola tarde, agardaba-se que o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, participara na entrega do Premio Novo Empresario de Galicia, no Teatro Jofre, mais este no apareceu polo acto de Ferrol, que inicialmente se prevía, xa que até polo de agora o Presidente da xunta apoiaba coa súa presenza a celebración do evento. No seu lugar apareceu o Conselleiro de Industria, Francisco Conde, e por unha porta lateral, non pola principal, entraba o Alcade de Ferrol, José Manuel Rey Varela.

Unha importante e sonora protesta agardaba aos mandatarios do partido da corrupción por excelencia. O Partido Popular, goberna todas as administracións que deciden sobre o noso presente e futuro, o Concello, a Deputación Provincial, a Xunta e en Madrid o Goberno Español.


Desde moi cedo agardaban na Praza de Galiza, diante do Teatro Jofre, mariscadoras e mariscadores sen regularizar que piden un permiso para poder traballar e que agardan polas promesas do Alcalde ferrolán; as mulleres da empresa concesionaria da limpeza dos edificios militares que levan en folga desde o pasado 27 de Outubro e que agora están acampadas no Cantón, pois CLEANET debe-lle varios meses de salarios (o día anterior unha manifestación percorría as rúas de Ferrol en solidariedade coas traballadoras en loita); unha representación dos estaleiros de Navantia, participaron na protesta; así como as Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Mais falta forza, falta unidade, falta convicción, para  mobilizar á maioría social agredida, desta Comarca, para poder transforma en algo bon e esperanzador, esta realidade de desemprego, desmantelamento, declive, pobreza e depresión.

Fotos. Avantar e Daniel Alexandre (Diario de Ferrol).
__________________

xoves, decembro 11, 2014

Aquele 6 de dezembro, ... Por Joám Lopes

Por Joám Lopes [*]
11.12.2014

O vindeiro dia 6 de dezembro fam-se 36 anos da aprovaçom em referêndum da atual Constituiçom espanhola.

Consagrava-se assim a segunda restauraçom borbónica, a unidade indivisível e a apropriaçom da nossa soberania nacional. Cumpre, antes de mais, aclarar que esta lei nom foi referendada pola maioria do eleitorado do nosso país. Os votos afirmativos fôrom 942.097 dum total de 2.107.613 de cidadania com direito ao voto. Ou seja, 44,7% do censo. No total do Reino de Espanha (que mantivo assim este seu nome oficial), sim foi referendada pola maioria chamada a votar. Temos logo que o ato jurídico que entregava a soberania ao conjunto do Império espanhol (terminologia que era de uso comum para os que éramos maioritários no nacionalismo de entom) foi imposto á maior parte da nossa comunidade nacional. Também nom contou com a maioria em nengumha das províncias galegas que eles mesmos instituírom como unidade eleitoral básica. Cumpriria que os espertos tertulianos constitucionalistas comentassem algumha vez tal perpetraçom dos princípios democráticos que dim defender. De seguro acudirám velozmente (só para este caso) a afirmar que o que conta é que fosse aprovada pola maioria das pessoas que fôrom votar. Questom resolvida, dirám, e a outra cousa no estado podre de raiz e conseqüentemente corrupto da grande Transaçom.

Nom necessitamos entrar, que argumentos haveria avondo, na análise de se naquele momento histórico se davam as condiçons para umha decisom livre e democrática. O regime espúrio franquista foi avaliado como ponto de partida por umha maioria dos seus maiores inimigos e o governo legítimo da II República espanhola, abandonado. Se isto foi umha imposiçom ou umha transaçom é algo que deveremos estudar com dados certinhos. A última votaçom plebiscitária com certas garantias democráticas fora a do Estatuto de 36. A II República, tam glorificada acriticamente pola esquerda espanhola, estabelecera um limite de aprovaçom incrível e com toda evidência conducente a evitar o Estatuto galego, como muito bem viu Castelao. Se a Constituçom espanhola de 78 foi aprovada só por 44,7%, o Estatuto de 36 necessitava mais de 66,6% do censo. Tivo quase 75%, ainda que pareça fora de toda dúvida que houvo que engordar muitas atas . A minha radical crítica ao processo de 78 nom oculta o facto de que o regime instaurado, se bem com imperfeçons importantes e algumha básica, supujo um grande avanço a respeito do franquismo. Permite-me mesmo publicar estas letras e gozar de algumhas liberdades que o sacrifício do meu povo ganhou.

Os partidos do Regime , basicamente quatro na altura, festejárom sem mais cerimónias o êxito decretado e passado algum tempo engadírom um feriado aos nossos calendários. A onda civilista nom chegou a tanto como para trocar o seu Dia Nacional, que seguiu a ser o dia 12 de outubro, dia evocador da conquista e do genocídio. Semelha que Espanha segue a ser um império, ainda que em estado de restos. Para Rajoi, esse grande historiador, a naçom mais velha de Europa, o orgánico-historicismo espanhol é umha verdade revelada. Será estranho que nom encomende a Wert, outro génio, que busque provas da existência de Espanha entre os achados de Atapuerca. Também seria bom que aprendesse no seu castelhano sibilante os diferentes significados no tempo de palavras como naçom ou Espanha. Já sei, é muito pedir e de seguro nom figura no Marca.

Hoje, dous daqueles partidos abandonárom, semelha que definitivamente, o chamado consenso constitucional: CIU e o que resta do PCE. Básicos por motivos distintos, para que a II Restauraçom, nom semelhasse igual de fraudulenta que a primeira. CIU, sobretodo Convergência, vai além da simples mudança de regime, e proclama a sua intençom de cooperar na instauraçom dumha república catalana independente que seria a sua segunda, depois da proclamada por Claris em 1640. O PCE, que abandonou, ou foi abrigado a abandonar, o seu ideário republicano, postula a mudança de regime e tenta fazer-se perdoar sobreatuando na carreta a toda parte da bandeira da II República espanhola, adotando com bastante êxito nisto, o nome maiestático de Bandeira da república, assim por antonomásia. Como se nom houvesse mais repúblicas que a deles (hai-nas bem perto mas, como bons espanhóis, nom as veem) ou como se outras bandeiras ao uso, coma a nossa, nom o fossem também.

Aproveito para protestar energicamente pola indignidade e desmemória histórica e fago um apelo à honradez da nossa disciplina, para corrigir a ocultaçom em determinados atos pola memória histórica da nossa bandeira nacional. Fum testemunha de tal feito num ato em Chantada há uns meses, ao pé do túmulo do Piloto, sem que a presença de todo um presidente da Real Academia Galega servisse para remedir esta felonia. A falta de rigor, por nom dizer algo mais forte é tal, que esquecemos que de nom ter triunfado o golpe militar de 36, mesmo seria a única que figuraria nos edifícios oficiais, como de facto ocorria na Catalunya. Nom tenho, para que negá-lo, nengum apreço sentimental pola bandeira da II República espanhola, mas respeito-a como símbolo antifascista e pola gente que morreu defendendo-a, pido o mesmo. O apelo às unidades só som sinceros entre iguais.Tenho alguns amigos naquela casa, som galegos e galegas trabalhadores e honrados e sei que o comprenderám e obrarám em consequência.

Nada que celebrar o 6 de dezembro e muito que protestar. Algumha gente, poda que nom muita, veremo-nos na nossa velha e linda capital. Ali perto da Almáciga onde fôrom derrotados os irmandinhos, perto de Sam Martinho onde resistírom os do 46, debaixo de Santiago convertido no Matamoros patrom de Espanha, fronte ao Paço de Rajoi, onde desgoverna um mamarracho, só eficaz para desfazer-nos.

Quero lembrar neste dia também a três herois galegos, que fôrom expulsos do parlamento galego por defenderem, entre outras, estas verdades. Bautista Álvarez, Lois Dieguez e Claudio López Garrido, defensores da soberania galega e nom da covardia, que dixérom nom juramos, que dixérom Galiza e nom Espanha, que dixérom votos populares e nom trámites cortesanos. Fôrom casos únicos no Reino de Espanha. Sei que alguns deles mudárom logo de opiniom e de atitude, mas o meu ver nom lhe resta mérito ao seu gesto. Outros quando cospem para cimae falam de "gente do comum" e de "casta", deveriam ter memória.

E vamos parando, a ONU acaba mesmo de afirmar que no Estado espanhol aumenta o uso da tortura e tenho medo, por mim, polos meus e polo meu país, Galiza umha mae velhinha e sonhadora. Castelao dizia que a vergonha é pior que a fame. Nom sei... mas haverá que combater as duas.

Aliás, penso que, pola digitalizaçom do CNI já tenho passado. Pobre jurista catalá, verdade. Muito mais pobre ainda o nosso compatriota Jimmy, convertido em culpável da sua própia morte. Onde estará a verdade?

Publicado en Diario Liberdade | 04.12.2014

[*] Joám Lopes, Narón, activista e sindicalista ferrolam. Presidente da Asociación Galega de Amizade Galiza-Vietnam. correio-e: jtavia[arroba]gmail.com.

Enviado por:
Joam Tavia
-jtavia@gmail.com-
6 de dezembro de 2012 13:33

_________ ____________________

Este sábado día 13 de Decembro, ás 12 do mediodía, a CIG organiza unha cadea humana na Ponte das Pías unirán Fene e Ferrol, co obxectivo é demandar un claro compromiso político para o sector naval e un plan de reindustrialización integral para Ferrolterra


Manel Grandal: “A comarca de Ferrolterra sen o naval non vive”. | A CIG chama a participar na cadea humana na Ponte das Pías, o 13 de decembro, en demanda de compromiso político co naval e un plan de reindustrialización da comarca.
Cadea humana en demanda dun futuro para Ferrolterra.

Nos últimos días Navantia é obxecto de grandes titulares nos que se anuncia que no estaleiro comezan a cortar a chapa dun buque da armada española. Para a CIG-Ferrol sempre é boa noticia que haxa carga de traballo para o sector naval, mais considera que isto non é máis que “un parche” que non soluciona o problema de fondo. Por iso ten convocada para este sábado día 13, ás 12:00 horas, unha cadea humana na Ponte das Pías. O obxectivo é demandar un claro compromiso político para o sector naval e un plan de reindustrialización integral para Ferrolterra, unha comarca que leva 30 anos castigada por unha crise que lle foi imposta.

É certo que vén paliar algo a falta de carga de traballo, pero non deixa de ser un parche máis” afirma o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manel Grandal, quen explica que cando se vai comezar a traballar realmente é a partir do primeiro trimestre do ano que vén. Por iso entende que “este tipo de informacións responden a manobras políticas de cara a galería” porque malia todo “vai seguir habendo unha desocupación importante, tanto entre o propio persoal dos estaleiros como no conxunto de Ferrolterra”.

Xunto a isto, este mesmo luns facíase público que Navantia ve expirar o prazo que se marcou para contratar importantes programas. A este respecto o secretario comarcal da CIG-Ferrol lembra que ao longo de todo 2014 desde a propia Navantia se insistiu en que neste ano se conseguiría algúns dos contratos que estaban saíndo. Porén, non se materializou ningún deles. Ao seu entender “a falta destes contratos, sexan máis ou menos importantes, pon en perigo a carga de traballo e o emprego”.

Denuncia que en Ferrol non houbo reconversión industrial nin un programa de reindustrialización e subliña que toda a economía da comarca segue dependendo da supervivencia de Navantia. Neste sentido sinala que os prazos dos contratos seguen abertos, porque os países cando fan programas militares ocupan anos, e que o 99% deles levan atrasos. “Outra cousa é que non se estean facendo esforzos políticos para conseguilos e que Navantia estivera vendendo unha moto”.

Alerta de que os contratos que hai agora mesmo enriba da mesa “escasamente dan traballo para o 60-70% do cadro de persoal principal” e matiza que isto non quere dicir que non se contrate parte do traballo “pero obviamente este estaleiro vai seguir nunha situación de desocupación das instalacións verdadeiramente escandalosa”.

Responsabiliza da actual situación tanto ao goberno central como a Xunta porque non hai ningunha aposta no futuro inmediato, malia rematar o veto en cuestión de semanas, e afirma taxativamente que “non hai ningún proxecto agora mesmo que nos poida meter na construción naval civil”. E non só iso, “tampouco houbo previsión de modernizar as instalacións para prepararas para ese momento”.

Para a CIG, este desleixo respondería á decisión política de camiñar cara un estaleiro de síntese dedicado ao tema militar “e o mercado militar é o que é”.

Cadea humana polo futuro de Ferrolterra

Precisamente por esta situación se convoca a cadea humana do vindeiro sábado. “Temos enriba a data do 31 de decembro. O veto á construción civil levántase e moito nos tememos que iso quede nun papel, porque non hai ningunha aposta no estaleiro de Fene, nin sequera para ter equipos que van estar traballando no mercado civil de futuro, porque ten futuro”.

Pero para ter futuro de verdade neste mercado, a CIG-Ferrol sabe que hai que entrar nun mercado moi competitivo no que é imprescindíbel unha posta a punto das instalacións. E está convencida tamén de que é o sector naval, eixo central da economía da comarca, o que ten que servir como punto de partida para logo encetar un plan de reindustrialización porque “agora é o único que temos”, afirma o responsábel comarcal.

Esas serán pois as reivindicacións que se poñan este sábado enriba da mesa. Esas e a exixencia de que remate dunha vez a inacción política. “Se hai interese político pódense tomar de inmediato decisións que permitirán garantir o futuro do naval, porque o diquesexa flotante ou non- só depende diso, dunha decisión política, e que non perdamos Megasa depende do mesmo, dunha decisión política canto á tarifa eléctrica. Pero ten que haber interese”.

A modo de exemplo, e para constatar esa falta de interese, lembra que desde hai anos vense reclamando que se constitúa un Clúster do naval en Ferrolterra capitaneado por Navantia. “Curiosamente si se está facendo en Cádiz, o que dá a medida de cómo funciona a Xunta de Galiza”.

A este respecto a CIG-Ferrol denuncia con contundencia a actitude do goberno central que “mira cara onde mira”, do goberno da Xunta “que mira cara o goberno central para darlle os parabéns”, dos concellos do PP desta comarca que “están exactamente igual” e conclúe que “nos atopamos que hai un deixamento absoluto con esta comarca desde hai 30 anos. Este sábado sairemos á Ponte das Pías a exixir que se lle poña fin dunha vez”.


http://youtu.be/gTSgS8HYIrY

Fonte: Avantar.
_______

mércores, decembro 10, 2014

Hoxe mércores 10 de Decembro, manifestación, en Ferrol, en apoio das traballadoras de Cleanet en folga desde o pasado 27 de Outubro


Traballadoras de Cleanet de todo o país participarán na manifestación convocada para este mércores en Ferrol. | O persoal en folga continúa coa acampada diante do Arsenal Militar.

As traballadoras de Cleanet continúan coa acampada iniciada a pasada semana no parque do Cantón de Ferrol, diante da porta do Dique do Arsenal, para esixir o cobro inmediato dos seus salarios. Dende a CIG-Servizos Ferrol chaman a solidarizarse coa loita destas traballadoras e participar na manifestación convocada este mércores, día 10 de decembro, ás 20:00, dende a Praza de España e con remate na acampada.

Na manifestación tamén participarán traballadoras e traballadores de Cleanet Empresarial que se encargan dos servizos de limpeza de diversas dependencias militares en Galiza; e que se atopan coa mesma problemática de falta de cobro.

Neste senso, Fernando Balsa, da CIG-Servizos Ferrol, destacou a solidariedade e a colaboración que as traballadoras están recibindo por parte da cidadanía, que se achega até o lugar da acampada para levarlles alimentos e bebidas quentes, e soportar así mellor as baixas temperaturas. Até a acampada tamén se teñen achegado representantes locais de diversas organizacións políticas.

En canto á resolución do conflito, Balsa apuntou que nunha reunión mantida con responsábeis do Arsenal Militar, estes comunicaron que a partir do próximo mes a administración pagará directamente a Cleanet e non a través dunha financeira, como viña ocorrendo até agora. A quebra da mencionada financeira e o bloqueo dos cartos era a escusa que estaba pondo Cleanet para xustificar os reiterados atrasos nos pagos.

Porén, critica Balsa, logo dos incontábeis incumprimentos da empresa, as traballadoras non teñen moita confianza en que este cambio sirva para regularizar definitivamente o cobro das nóminas.  Así as cousas, proseguen coa folga indefinida iniciada o pasado 27 de outubro e están dispostas a pasar o nadal na acampada se non reciben todos os salarios pendentes.

Fonte: Avantar.
________

10 de Decembro de 2014, 66 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos


O 10 de decembro de 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou e proclamou a Declaración Universal de Dereitos Humanos, cuxo texto completo transcríbemos a continuación.


Preámbulo

Considerando que a liberdade, a xustiza e a paz no mundo teñen por base o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos dereitos iguais e inalienables de todos os membros da familia humana;

Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos orixinaron actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade, e que se proclamou, como a aspiración máis elevada do home, o advenimento dun mundo en que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gocen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas;

Considerando esencial que os dereitos humanos sexan protexidos por un réxime de Dereito, a fin de que as persoas non se vexan compelidas ao supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión; Considerando tamén esencial promover o desenvolvemento de relacións amigábeis entre as nacións;

Considerando que os pobos das Nacións Unidas reafirmaron na Carta a súa fe nos dereitos fundamentais das persoas, na dignidade e o valor da persoa humana e na igualdade de dereitos de homes e mulleres, e declaráronse resoltos a promover o progreso social e a elevar o nivel de vida dentro dun concepto máis amplo da liberdade;

Considerando que os estados Membros comprometéronse a asegurar, en cooperación coa Organización das Nacións Unidas, o respecto universal e efectivo aos dereitos e liberdades fundamentais das persoas, e

Considerando que unha concepción común destes dereitos e liberdades é da maior importancia para o pleno cumprimento de devandito compromiso; A Asemblea Xeral proclama a presente

Declaración Universal de Dereitos Humanos como ideal común polo que todos os pobos e nacións deben esforzarse, a fin de que tanto os individuos como as institucións, inspirándose constantemente nela, promovan, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes dereitos e liberdades, e aseguren, por medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos, tanto entre os pobos dos Estados Membros como entre os dos territorios colocados baixo a súa xurisdición.

DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS

Artigo 1.

Todos os seres humanos polo feito de naceren son libres e iguais en dignidade e dereitos e, tendo como teñen razón e conciencia, débense comportar fraternalmente uns cos outros.

Artigo 2.

1. Toda persoa ten todos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción ningunha de raza, cor, sexo, lingua, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.

2. Ademais, non se fará distinción ningunha fundada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio do que dependa xurisdicionalmente unha persoa, tanto se se trata dun país independente, como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación da soberanía.

Artigo 3.

Todo individuo ten dereito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa.

Artigo 4.

Ninguén estará sometido á escravitude nin á servidume; a escravitude e a trata de escravos están prohibidas en todas as súas formas.

Artigo 5.

Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes.

Artigo 6.

Todo ser humano ten dereito, en todas as partes, ó recoñecemento da súa personalidade xurídica.

Artigo 7.

Todos son iguais perante a lei e teñen, sen distinción, dereito a igual protección da lei. Todos teñen dereito a igual protección contra toda discriminación que infrinxa esta Declaración e contra toda provocación a tal discriminación.

Artigo 8.

Toda persoa ten dereito a un recurso efectivo diante dos tribunais nacionais competentes, que a protexan contra actos que violen os seus dereitos fundamentais recoñecidos pola constitución ou pola lei.

Artigo 9.

Ninguén poderá ser arbitrariamente detido, preso nin desterrado.

Artigo 10.

Toda persoa ten dereito, en condicións de absoluta igualdade, a ser oída publicamente e con xustiza por un tribunal independente e imparcial, para determinar os seus dereitos e obrigas ou para o exame de calquera acusación en contra dela en materia penal.

Artigo 11.

1. Toda persoa acusada de delito ten dereito a que se presupoña a súa inocencia mentres non se probe a súa culpabilidade, conforme á lei e en xuízo público no que se lle asegurasen todas as garantías necesarias para a súa defensa.

2. Ninguén será condenado por actos ou omisións que no momento de cometerse non fosen delitivos segundo o Dereito nacional ou internacional. Tampouco se impoñerá pena máis grave que a aplicable no momento de cometer o delito.

Artigo 12.

Ninguén será obxecto de inxerencias arbitrarias na súa vida privada, na súa familia, no seu domicilio ou na súa correspondencia, nin de ataques á súa honra ou á súa reputación. Toda persoa ten dereito á protección da lei contra tales inxerencias ou ataques.

Artigo 13.

1. Toda persoa ten dereito a viaxar libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun Estado.

2. Toda persoa ten dereito a saír de calquera país, incluso do propio, e a volver ó seu

Artigo 14.

1. No caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo, en circunstancias independentes da súa vontade.

2. Este dereito non poderá ser invocado contra unha acción xudicial realmente orixinada por delitos non políticos ou por actos opostos ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo 15.

1. Toda persoa ten dereito a unha nacionalidade.

2. A ninguén se lle quitará arbitrariamente a súa nacionalidade nin o dereito a cambiar dela.

Artigo 16.

1. Os homes e as mulleres, desde a idade núbil, teñen dereito, sen restrición ningunha por motivos de raza, nacionalidade ou relixión, a casar e fundar unha familia; e gozarán dos mesmos dereitos en canto ó matrimonio, durante o matrimonio e no caso de disolución do matrimonio.

2. Só mediante libre e pleno consentimento dos futuros cónxuxes se poderá contraer o matrimonio.

3. A familia é o grupo natural e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do Estado.

Artigo 17.

1. Toda persoa tanto ela soa como en asociación con outras, ten dereito a bens propios.

2. Ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade.

Artigo 18.

Toda persoa ten dereito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; este dereito abrangue a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifestar a súa relixión ou a súa crenza, individual ou comunitariamente, tanto en público como en privado, polo ensino, a práctica, o culto e a observación dos ritos.

Artigo 19.

Todo individuo ten dereito á liberdade de opinión e de expresión; este dereito inclúe o de non ser molestado a causa da súa opinión, o de procurar e recibir información e opinións, e o de espallalas sen limitación de fronteiras, por calquera medio de expresión.

Artigo 20.

1. Toda persoa ten dereito á liberdade de xuntanza e de asociación pacíficas.

2. Ninguén poderá ser obrigado a formar parte dunha asociación.

Artigo 21.

1. Toda persoa ten dereito a participar no goberno do seu país, directamente ou por medio de representantes libremente escollidos.

2. Toda persoa ten dereito de acceso, en condicións de igualdade, ás funcións públicas do seu país.

3. A vontade do pobo é a base da autoridade do poder público; esta vontade expresarase por medio de eleccións auténticas, que terán que celebrarse periodicamente, por sufraxio universal e igual e por voto secreto ou outro procedemento semellante que garanta a liberdade do voto.

Artigo 22.

Toda persoa, como membro da sociedade, ten dereito á seguridade social, e a obter, por medio do esforzo nacional e da cooperación internacional, habida conta da organización e os recursos de cada Estado, a satisfacción dos dereitos económicos, sociais e culturais, indispensables á súa dignidade e ó libre desenvolvemento da súa personalidade.

Artigo 23.

1. Toda persoa ten dereito ó traballo, á libre elección do seu traballo, a condicións equitativas e satisfactorias do mesmo e á protección contra o desemprego.

2. Toda persoa ten dereito, sen discriminación ningunha, a igual xornal por traballo igual.

3. Toda persoa que traballa ten dereito a unha remuneración equitativa e satisfactoria, que lle asegure, así como á súa familia, existencia conforme á dignidade humana e que será completada, en caso necesario, por calquera outros medios de protección social.

4. Toda persoa ten dereito uníndose con outras, a fundar sindicatos e a sindicarse para a defensa dos seus intereses.

Artigo 24.

Toda persoa ten dereito ó descanso, a gozar do tempo libre, a unha limitación razoable do tempo de traballo e a vacacións periódicas pagadas.

Artigo 25.

1. Toda persoa ten dereito a un nivel de vida axeitado que lle asegure, así como á súa familia, a saúde e o benestar, e en especial a manutención, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios; ten así mesmo dereito ós seguros no caso de desemprego, enfermidade, invalidez, viuvez, vellez ou outros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.

2. A maternidade e a nenez teñen dereito a coidados e asistencias especiais. Todos os nenos e nenas, nados de matrimonio ou fóra del, teñen dereito a igual protección social.

Artigo 26.

1. Toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser de balde, polo menos no que se refire á instrución elemental e fundamental. O ensino elemental será obrigatorio. A instrución técnica e profesional terá que ser xeneralizada; o acceso ós estudios superiores será igual para todos, en función dos méritos respectivos.

2. A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós dereitos humanos e ás liberdades fundamentais; favorecerá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre todas as nacións e todos os grupos étnicos e relixiosos; e promoverá o desenvolvemento das actividades das Nacións Unidas para manter a paz.

3. Os pais terán dereito preferente a escoller o xeito de educación que se lles deberá dar ós seus fillos.

Artigo 27.

1. Toda persoa ten dereito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar no progreso científico e nos beneficios que del resulten.

2. Toda persoa ten dereito á protección dos intereses morais e materiais que lle correspondan por razón das producións científicas, literarias ou artísticas das que sexa autora.

Artigo 28.

Toda persoa ten dereito a que se estableza unha orde social e internacional na que se fagan plenamente efectivos os dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.

Artigo 29.

1. Toda persoa ten deberes respecto á comunidade posto que só nela pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade.

2. No exercicio dos seus dereitos e no goce das súas liberdades, toda persoa estará suxeita só ás limitacións establecidas pola lei co único fin de asegurar o recoñecemento e o respecto dos dereitos e liberdades dos demais, e de satisfacer as esixencias xustas da moral, da orde pública e do benestar xeral propios dunha sociedade democrática.

3. Estes dereitos e liberdades non poderán, en ningún caso, ser exercidos en oposición ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo 30.

Ningunha cousa da presente Declaración se poderá interpretar no sentido de que confire algún dereito ó Estado, a un grupo ou a unha persoa, para emprender e desenvolver actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos dereitos e liberdades proclamados nesta Declaración.


http://youtu.be/u8QJsWf07aU

#29N-FerrolTerra-Foi


Ferrolterra:
http://marchas-da-dignidade-ferrolterra.blogspot.com.es/
Galego:
http://marchasdadignidade.blogspot.com/
Estatal:
http://marchasdeladignidad.org/
Redes da Columna Galega:
https://twitter.com/galizaMarcha22M
https://www.facebook.com/MarchasDignidade
https://www.facebook.com/groups/265451853621237/
https://www.youtube.com/channel/UCaOvAhPYKR43taxbOKCCreg

PAN, TRABALLO E TEITO - Á RÚA, QUE XA É HORA!!!

______________

luns, decembro 08, 2014

6 de decembro, ... Por Luís Matalobos

Por Luís Matalobos [*]
08.12. 2014


6 de decembro

A efeméride hoxe é: 78 anos e medio de franquismo. Certo é que o ditador a súa morte deixou todo atado e ben atado.

Daquela, no 78, era tanto o medo que tiñamos ó derramamento de sangue entre irmáns que incluso o meu partido comunista fixo unha forza feroz para o si á Constitución; traballamos arreo. Máis moitos , que votamos tamén Non, agardabamos seguir sendo, ó día seguinte, o que eramos, comunistas na busca dunha República Social, nun Estado con verdadeira Democracia e Federal cás catro Nacións que o forman. Pero impedíronnos mexar fora do testo, tamén non nos deixaron pensar fora do Texto, o politicamente correcto significaba aceptar o mercado como locomotora da economía, aceptar a Europa que había (entón aínda con muro de Berlín que permitía negociar un Estado de Benestar), aceptar e logo xunguirse ó exército do imperio capitalista, e tamén asumir o que deixara atado o morto: a súa monarquía (aínda hoxe hai quen mantén que o abdicado monarca de Franco non tivo nada que ver co 23 F, ou incluso que o fixo ben), a súa bandeira con algún retoque, o seu colonialismo do imperio (“Una, grande y libre capital Madrid” – chamamballe eufemisticamente: “café para todos”-), e sobre todo o seu Concordato con Roma, cá sola diferencia de poñer no papel o nome de Estado Laico, que lles posibilitou, por enriba, manter intacto o seu poder de alineación (tal que o mesmo Mussolini) dende o seu control absoluto da ensinanza. Así que asumimos como normal todo isto , tan só lles quedaba, pouco a pouco, gañar terreo: a cruz na Renda, o pagarlles nós os seus catequistas na escola, a suspensión dos impostos aínda nas súas empresas de maior lucro, o poder notarial da súa palabra para inmatricular propiedades públicas e volver atrás cousas coma a Educación para a Cidadanía, o aborto, proclamar a muller na casa sumisa ó seu macho, até sacar a foto destes días, en pleno día, no centro de Madrid: unha pequena en primeiro plano saudando coma no nazismo, en compañía de adultos, coma facían moitos bispos cando levaban baixo palio ó ditador.

Hoxe se algo perdemos foi o medo o enfrentamento sanguento entre nós; ninguén propugna a violencia para conquistar o poder: imos, marchamos, mareamos cás mans en alto ou entrecollidas (a violencia, a intolerancia, a mordaza é deles), conseguimos pararlles os pés a moitos banqueiros, botar a ministros e a Esperanza que tiñan, obrigamos á Xustiza a que nos dea a razón nas cláusulas abusivas, protexemos que haxa xuízas e xuíces que se atrevan a loitar contra o franquismo e a súa corrupción, incluso a real (aínda que outros xuíces caian con condenas excesivas).

Necesitamos unha Constitución de verdade, hoxe podemos conseguilo se todas os asoballados nos xuntamos contra o inimigo común: a casta do 78.

Nota.- Artigo publicado por Luís Matalobos na súa bitácora persoal o 6 de decembro de 2014.

[*] Luís Matalobos Sobrado
, activista social, participa nas Marchas da Dignidade Ferrolterra, e é membro de Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo.

Bitácora persoal:
http://ateo-poeta.blogspot.com.es/

No twitter:
https://twitter.com/lmatalobos

Enviado por:
lmataloboss
-lmataloboss@gmail.com-
6 de dezembro de 2014 21:28

http://ateo-poeta.blogspot.com.es/
http://opoetadeinternet.wordpress.com/

______________

sábado, decembro 06, 2014

Comunicado despois de 45 días de encerro na sede comarcal de CCOO en Ferrol, en defensa da Asesoría Xurídica e en defensa da Democracia na Central Sindical


A Asemblea de Afiliados de CCOO que vimos demandando unha vía de diálogo que permita alcanzar un acordo que dea solución ao conflito xerado na Asesoría Xurídica da Unión Comarcal de CCOO de Ferrol, mediante este comunicado queremos informar do seguinte:

1.- SITUACIÓN DO CONFLITO E ENCERRO NA SÉ DA UNIÓN COMARCAL DE CCOO

Sinalar, en primeiro lugar, que se cumpren 45 días de encerro na sé de CCOO, no que veñen participando un número significativo de afiliados e afiliadas, en esixencia de que se leve a cabo unha reunión do Secretario Xeral do Sindicato Nacional cos avogados da Asesoría, o compañeiro Cartelle e a compañeira María, co obxectivo de materializar un acordo similar ao alcanzado con outros avogados do sindicato.

Ata o momento, a posición da dirección do Sindicato segue sendo o negarse a realizar a mencionada reunión, relegando á Asesoría desta comarca dos acordos que se puxeron en marcha cos avogados doutras zonas.

En devandito sentido, denunciamos unha vez máis que dita negativa só ten unha explicación e é pasar factura aos avogados desta Asesoría Xurídica pola desconformidade que manifestaron contra os despedimentos que se realizaron no sindicato no ano 2013.

Queremos destacar, tamén, o apoio mostrado por case a práctica totalidade das Asesorías Xurídicas de CCOO de Galicia mediante un escrito enviado á dirección do sindicato Nacional de CCOO de Galicia a este proceso de mobilización, requirindo á dirección do Sindicato un acordo que resolva dunha vez por todas o conflito xurdido na Asesoría Xurídica de Ferrol, así como tamén rexeitando de plano o expediente disciplinario aberto recentemente á compañeira María.

2.-POSICIÓN DA SECRETARIA XERAL DA UNIÓN COMARCAL ANTE O CONFLITO DA ASESORÍA XURÍDICA E MÉTODOS DE ACTUACIÓN

Desde o inicio do conflito vimos constatando con seguridade que Auri Vázquez Estraviz, Secretaria Xeral da Unión comarcal, vénse opoñendo radicalmente a que se leve a cabo unha reunión coa Asesoría orientada a alcanzar un acordo, así como tamén o papel determinante que xogou nas medidas adoptadas contra os avogados da Asesoría, en concreto o cese de Cartelle como avogado e o expediente disciplinario que puxo en marcha contra a avogada María.

A posición de Auri Vázquez é, sen ningún tipo de dúbida, o principal escollo que esta bloqueando unha saída dialogada que dea solución ao conflito da Asesoría Xurídica.

Queremos denunciar, tamén, que desde que Auri Vázquez asumiu a Secretaría Xeral da Unión Comarcal, estanse producindo toda un serie de actuacións preocupantes como consecuencia dunha práctica sindical sustentada na intransixencia, a prepotencia e o autoritarismo, reducindo a participación da afiliación á mínima expresión. Aplicando, así mesmo, todo tipo de presións e represalias contra persoas que polo único feito de discrepar en determinados temas son relegados das súas responsabilidades sindicais, orixinando un baleiro na actividade que viñan desenvolvendo.

3.- RECOLLEITA DE FIRMAS EN DEMANDA DA DIMISIÓN DA SECRETARIA XERAL E PASOS A SEGUIR

Como xa é coñecido, na última Asemblea de Afiliados e Afiliadas de CCOO, que alcanzou unha masiva participación que abarrotou os locais do Sindicato, acordouse por unanimidade continuar adiante co encerro e levar a cabo unha recolleita de firmas de afiliados requirindo a dimisión de Auri Vázquez como Secretaria Xeral e a apertura do procedemento estatutario correspondente para proceder ao seu substitución.

Sobre a evolución da recolleita de firmas, informar que a resposta da afiliación está sendo realmente positiva, pois en só 2 semanas levamos recolleitas máis de 300 firmas de afiliados e afiliadas, incrementándose cada vez máis a base afiliada que se incorpora a apoiar as xustas demandas que estamos suscitando cara a liquidar o actual conflito da Asesoría e reconducir e normalizar unha situación que esta orixinando unha fractura na afiliación que é necesario emendar canto antes. Evidentemente, o proceso de recolleita de firmas non finalizou e vaise a continuar con devandito proceso nas empresas.

Para rematar, dicir que en breve prazo temos previsto convocar unha nova Asemblea de Afiliad@s, así como unha gran concentración fronte á sé do Sindicato para facer entrega das firmas que levemos recolleitas nese momento e onde analizaremos novas medidas de mobilización.

Ferrol, a 5 de decembro de 2014

ASEMBLEA DE AFILIADOS E AFILIADAS DE CCOO

Enviado por:
porlademocraciaenccoo
-porlademocraciaenccoo@gmail.com-
5 de dezembro de 2014 12:46

_______________

Oito organizaçons da esquerda patriótica assinam manifesto pola independência nacional

Reproduzimos o manifesto feito  público na tarde de hoje por 8 organizaçons da esquerda soberanista galega perante o próximo 6 de dezembro.

O documento assinado por AGIR, BRIGA, Causa Galiza, Ceivar, Coletivo Nacionalista de Marim, Mulheres Nacionalistas Galegas, NÓS-Unidade Popular e o Partido Comunista do Povo Galego afirma que “a única via possível para abordar com vocaçom de superaçom definitiva as problemáticas sócio-económicas, laborais, ambientais, identitárias, etc. que aqueixam o povo galego segue a ser separarmo-nos definitivamente de Espanha e conquistar a plena soberania política”.

Eis o manifesto na integra.


6D Galiza nom tem nada que celebrar | Pola independência nacional | Contra a Constituiçom espanhola | Contra a ‘Segunda Transición’.

Neste 6 de dezembro, o regime celebra na Galiza o 36º aniversário do referéndum de 1978 em que aprovara a sua Constituiçom. Justo é rememorar agora que naquela altura o povo galego virou maioritariamente as costas ao projeto, apoiando-o apenas 44% do recenseamento eleitoral. Em idêntica situaçom de ilegitimidade encontrou-se tempo após o atual Estatuto de Autonomía, que apesar de contar com a promoçom das principais forças e poderes políticos, empresariais e financeiros espanhóis, foi recebido em 1980 com umha fria abstençom geral e o voto afirmativo de tam só 20% das eleitoras e eleitores galegos.

No entanto, Constituiçom espanhola e Estatuto de Autonomía som desde entom, apesar desta congénita falta de legitimidade democrática, as pedras angulares da arquitetura institucional espanhola na Galiza.

Agora que se cumprem 36 anos da implementaçom deste quadro legal contamos com a experiência coletiva necessária para certificarmos que as prediçons que no seu dia figeram o nacionalismo e o independentismo galegos foram acertadas. O tempo verificou de modo incontestável que a operaçom político-económica baptizada como Transición Española foi umha fraude colossal contra este país e os princípios mais elementares da democracia. O seu único fim era perpetuar os traços básicos do regime chantado na Galiza com as armas e o Genocídio desde 1936, isto é, a subordinaçom político-económica ao Estado espanhol, a vulneraçom do direito de autodeterminaçom, a desmobilizaçom e desestruturaçom da sociedade galega e a preservaçom na Galiza dos privilégios da oligarquia espanhola e as suas instituiçons associadas -monarquia, Igreja Católica, Exército, etc.-.

36 anos após aquel referéndum fraudulento aprofundou-se e agravou-se ao limite a dependência do país e os sintomas negativos a ela associados: desemprego e emigraçom estruturais, empobrecimento crescente da populaçom apesar de sermos umha naçom rica em recursos, sobre-exploraçom da força de trabalho, espólio e degradaçom do território e dos recursos energéticos, biológicos e minerais, avelhentamento demográfico e éxodo da mocidade, involuiçom legal e social nas conquistas das mulheres, retrocesso permanente da presença social da língua e a cultura próprias, etc. Todo sob a manto protetor e promotor da direita neofranquista e clientelar, que fijo do extermínio do país a sua missom histórica. A experiência constatou que o genocida Francisco Franco dizia a verdade quando assegurou que o regime espanhol que o sucederia estaria atado y bien atado.

Sob este quadro constitucional, e no marco das luitas políticas e sociais dos últimos 36 anos, centenas de galegas e galegos fôrom, e som, retaliados, espancadas, multados, detidas, encarcerados e mesmo torturadas a maos das Fuerzas de Seguridad del Estado.

Hoje, com o Estado espanhol devorado pola corrupçom e submetido a umha tripla crise de modelo territorial, de modelo económico-produtivo e de legitimidade, os poderes fáticos aprestam-se para reeditar com novas modalidades a fraude perpetrada em 1978. Falam, de fato, de Segunda Transición Española. Como daquela, pretendem mudar algo para que todo continue na mesma, reproduzindo o espólio do povo e do território com as sequelas conhecidas. Contam nesta tarefa com a cumplicidade ativa, e imprescindível, da auto-denominada esquerda federalou esquerda ruturista espanhola, que igual que figeram PSOE e PCE na altura se oferecerám para dar à operaçom a necessária pátina de legitimidade. Como daquela, também, o regime reserva a repressom e a persecuçom para quem denunciem e enfrontem estrategicamente esta fraude que se prepara.

Nesta conjuntura, com umha aceleraçom dramática dos processos de exploraçom social e perda de auto-reconhecimento e capacidade de decisom como naçom, com um povo sob estado de choque e umha confusom notável na direçom do nacionalismo hegemónico a respeito do caminho a seguir, as forças políticas e setoriais independentistas galegas abaixo assinadas queremos proclamar alto e claro três questons ao do presente:

1ª Hoje, quando se fragua a Segunda Transición Española, a única via possível para abordar com vocaçom de superaçom definitiva as problemáticas sócio-económicas, laborais, ambientais, identitárias, etc. que aqueixam o povo galego segue a ser separarmo-nos definitivamente de Espanha e conquistar a plena soberania política, isto é, a independência nacional e a constituiçom do nosso próprio Estado ao serviço da maioria social do país. Toda folha de rota que persiga o “encaixe” ou a “integraçom harmónica” da Galiza em Espanha situa-se, objetivamente, ao serviço da oligarquia.

2º Qualquer quadro jurídico-político constitucional espanhol é a garantia da perpetuaçom da situaçom atual. Neste sentido, queremos explicitar que a eventualidade da participaçom de forças nacionais galegas num futuro processo de reforma da Constituiçom espanhola ou do Estatuto de Autonomía suporia retornar sobre umha via morta, que nega o direito de autodeterminaçom, e trair o processo de liberaçom nacional. Espanha é a nossa ruína, efetivamente, sabemo-lo, à margem do regime político que postule para perpetuar a nossa dependência.

3º Os setores populares nacionalistas, independentistas e soberanistas e o conjunto deste povo enfrentaremo-nos em breve, quando o regime inicie a reestruturaçom programada, a um dilema estratégico entre impulsionar a meio e longo prazo um conflito político e um processo independentista de massa rumado à definitiva rutura com Espanha, ou a cumplicidade com a sua readpataçom cosmética. As e os independentistas tendemos as nossas maos a todos os setores populares dispostos a enfrentar a fraude em curso da Segunda Transición Española e por proa sem ambigüidades, sem duplos jogos e com honestidade face a conquista da plena capacidade de decisom e a independência como povo.

Denantes mortos e mortas que escravos!

Viva Galiza ceive, socialista e antipatriarcal!

Independência e socialismo!

Agir, Briga, Causa Galiza, Ceivar, Coletivo Nacionalista de Marim, Mulheres Nacionalistas Galegas, NÓS-Unidade Popular e Partido Comunista do Povo Galego.

Enviado por:
NÓS-Unidade Popular NÓS-UP
-nosup.imprensa@gmail.com-
5 de dezembro de 2014 18:54
http://www.nosgaliza.org/
_______________

O necesario acto de contrición e espírito de enmenda da Avogacía do Estado. E non me refiro á querella contra o pequeno Nicolás, ... Por Patricia Gabeiras - De todos os casos que levei é particularmente sangrante o caso REGANOSA


Por Patricia Gabeiras [*]
06.12.2014


O corpo de Avogados do Estado é sen dúbida un dos corpos de xuristas mellor formados deste país. A eles correspóndelles, segundo a Lei 52/1997, a asistencia xurídica e a representación e defensa en xuízo do Estado.
En tanto que asesores do Estado son pezas crave na defensa do Estado de Dereito.

Moitos deles asumiron até responsabilidades de goberno e ocuparon as secretarías dos diversos organismos reguladores e das máis importantes compañías enerxéticas e financeiras deste país.

Con todo, a pregunta que desde fai tempo róldame na cabeza e que veño nesta ocasión a suscitar de "viva voz" é; cal foi o papel dos Avogados do Estado durante moi longos anos negros de corrupción sistémica que padecemos?, onde estaban moitos deles cando o noso Estado de Dereito necesitounos?

É doloroso recoñecer que en múltiples ocasións as Administracións Públicas e as grandes corporacións enerxéticas e financeiras conseguiron dar aparencia de legalidade formal a actos materialmente ilegais, servíndose para iso da intervención dalgúns Avogados do Estado que puxeron os seus coñecementos ao servizo do actuacións abusivas e antisociais.

Son moitos os Avogados do Estado que ostentan a dirección da unidade de cumprimento normativo de entidades financeiras reiteradamente condenadas polos Tribunais de Xustiza por faltar ás súas obrigacións informativas, así como os que subscribiron informes nos que se sostiñan posicións xurídicas impúdicas en beneficio deses opacos intereses político-económicos que estiveron movendo os fíos da nosa Administración durante demasiado tempo.

Sei que é duro o que digo, pero por desgraza sabemos que é certo.

Levo anos preiteando contra bancos e compañías enerxéticas e foron moitas as ocasións nas que me atopei fronte a Avogados do Estado cuxas posicións e actuacións, desde un punto de vista estritamente xurídico, non respondían a un exercicio social e responsábel do Dereito.

De todos os casos que levei é particularmente sangrante o caso REGANOSA.

Son xa trece os anos que levo preiteando prol bono, en nome do Comité Cidadán de Emerxencia daRía de Ferrol, polo peche da planta de regasificación de gas natural licuado que a empresa REGANOSA incrustou no interior da Ría de Ferrol; no epicentro da comarca de Ferrolterra. Unha zona densamente poboada e que, ademais, conta con moi importantes recursos naturais.

REGANOSA, como ben di o lema da plataforma veciñal que pugna polo9 seu peche, é unha instalación "ilegal e perigosa", cuxa construción é froito da corruptela política e económica que imperou durante décadas no noso país.

Na actualidade REGANOSA é unha planta que, ademais de ilegal e perigosa, é absolutamente ineficiente e que, tal e como vaticinamos nos nosos primeiros recursos, mantívose, desde a súa apertura, baixo o mínimo técnico de actividade; porque nin Galicia necesitaba de semellante instalación, nin existía consumo suficiente fose da Comunidade Autónoma que a xustificase.

O máis grave é que, malia as escuras orixes de REGANOSA e de que era e é inviábel desde un punto de vista técnico e financeiro, segue percibindo esa famosa retribución fixa que tanto encarece o noso "sistema enerxético"; esa retribución fixa que non fai senón engordar o déficit do gas que crece de xeito exponencial ano a ano e que finalmente asumimos os cidadáns.

En definitiva, a construción de REGANOSA non serviu para nada máis que para enriquecer a uns poucos, isto é, aos seus sucesivos socios; prebostes como a Xunta de Galicia, a alxerina Sonatranch, Caixa Galicia -hoxe Abanca- Endesa, Unión Fenosa, Gas Natural e, como non, ao por entón cacique local (sempre, sempre hai un cacique local).

E mentres uns poucos se enriquecen, outros moitos -a poboación enteira de Ferrolterra- queda sometida de xeito innecesario a un perigo real e se empobrece ao conxunto dos españois, que han de pagar centos de millóns de euros a través dos recibos mensuais da luz por razón dunhas instalacións que naceron pervertidas, no fondo e na forma.

Con todo e malia o seu inviabilidade orixinal por razóns de seguridade, medio ambientais e técnico-financeiras, REGANOSA conseguiu todas e cada unha das autorizacións que tiñan que lle outorgar as respectivas, sucesivas e bicolores administracións (local, autonómica e estatal) de tal modo que, finalmente, tras esquivar todos os obstáculos formais, REGANOSA foi construída e posta en funcionamento para total sorpresa da poboación que a viu erixirse na marxe esquerda da Ría de Ferrol.

E a este despropósito contribuíron, sen dúbida, algúns Avogados do Estado.

Porque. Onde estaban os Avogados do Estado do Ministerio de Medio ambiente cando este sostivo no seu día que a instalación non requiría de Declaración de Impacto ambiental algunha?; Onde os Avogados do Estado que permitiron que a Comisión Nacional da Enerxía, non advertise da ilegalidade da instalación e que consentiron que este organismo, que se supoñía regulador, dese o seu preceptivo visto bo á instalación contribuíndo ao vergonzante sobredimensionamento e ineficiencia da que adoece o noso sistema enerxético?; Que papel xogou a Abogacía do Estado do Ministerio de Industria que, así mesmo, deu o seu beneplácito ao outorgamento das Autorizacións de instalación e construción malia que lles constaba que nin se habían avaliado ex ante os moi elevados riscos para a poboación que implica este tipo de instalación, nin o Ministerio de Medio ambiente había avaliado o seu impacto ambiental? ; e, para rematar, que papel xoga a Avogacía do Estado e os Avogados do Estado de xeito individual e impenitente opuxéronse nos Tribunais ás nosas lexítimas pretensións, ben en representación da Administración, ben en representación das grandes corporacións enerxéticas e financeiras ás que se debían? Obrigando deste xeito a que, en casos como o de REGANOSA, as plataformas cívicas sen recursos financeiros haxan ter que chegar até o Tribunal Supremo para defender non só os seus dereitos civís, senón tamén ao Estado de Dereito, cuxa defensa en principio correspóndelles precisamente a eles.

É desolador observar como moitos Avogados do Estado situáronse, de xeito sistemático, en contra da cidadanía e da legalidade vixente á que á fin e ao cabo todos nos debemos. E aínda cando algúns pretendan defender a súa posición invocando o ámbito interpretativo da lei e/ou unha hipotética dependencia da Administración-cliente que lles obriga á súa defensa, habemos de recordarlle que aínda que as leis son interpretábeis non son, nalgún caso, un chicle maleábel a vontade pola Administración de quenda e que á Avogacía do Estado tampouco lle é de aplicación a eximente da obediencia debida, porque precisamente o control do acto antixurídico é o obxecto mesmo da súa competencia.

Os Avogados do Estado non poden actuar de xeito laxa ante actuacións administrativas executadas en fraude de lei, nin deben contribuír a que a Administración de Xustiza se atope saturada co enxuizamento de preitos que nunca deberon de iniciarse e que con case toda probabilidade acabarán cunha sentenza condenatoria para os seus "clientes", xa sexa o Estado, xa a corporación de quenda.

Por outra banda, a Avogacía do Estado ten unha posición no control preventivo e vixilancia do cumprimento e aplicación das leis por parte das Administracións Públicas que é vital nun Estado de Dereito e é por iso que deben reflexionar sobre o papel que queren xogar nun futuro e sobre os cambios que teñen que afrontar para garantir o exercicio responsábel da súa profesión e para contribuír á rexeneración democrática deste país.

Mentres tanto, e en tanto esa reflexión non se produza, continuaremos confiando en que sexa o Tribunal Supremo o que cumpra en último término co control final da legalidade en casos como o de REGANOSA, unha planta que é sen dúbida "ilegal e perigosa" e que a Avogacía do Estado se concentre en algo máis produtivo e máis necesario para o fortalecemento do Estado de Dereito que a querela contra o pequeno "Nicolás".

[*] Patricia Gabeiras Vázquez, Doutora en Dereito pola UNED e a Universidade Carlos III de Madrid (2013). Licenciada en Dereito e Diplomada en asesoría de empresa pola Universidade Complutense de Madrid (1993). Profesora Asociada do Departamento de Dereito Mercantil da Universidade Carlos III de Madrid. Fundadora da Asociación de Usuarios Afectados por Permutas e Derivados Financeiros da cal tamén exerce como avogada, obtendo resultados de público recoñecemento. É a avogada do movimento veciñal, social e ecoloxista opositor a Reganosa e  leva todos os procesos xudiciais do Comité Cidadán de Emerxencia daRía de Ferrol contra Reganosa e conseguiu que o Tribunal Supremo ditara Sentencia firme e inapelábel contra a planta de gas localizada no concello de Mugardos.

Publicado inicialmente no sitio-e de EJABOGADOS. | 03.12.2014 | Acceder.
---

Axuda economicamente ao CCE mercando Lotería de Nadal. Que vai tocar !


O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE ERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org



Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-

4 de dezembro de 2014 22:13
Interesante artigo de Patricia Gabeiras, avogada do Comité Cidadán de Emerxencia, en torno aos Avogados do Estado e Reganosa, no blog ejabogados.
___________

Gas, ... Por Amadeo Varela


Por Amadeo Varela [*]
16.08.2014


Seica vai en serio a idea de usar o gas natural licuado para a navegación dos buques mercantes. E unha outra vez, faise unha louvanza da estratéxica situación de Navantia e Reganosa. De novo preséntase a situación da planta de gas dentro da ría como un acerto dos responsables de semellante falcatruada, acerto que só estivo para algúns no descarado negocio especulativo que o proxecto supuxo. Mais o que non poden agachar é o acerto que suporía situar a planta no porto exterior, de xeito que os buques poderían descargar mercadoría e cargar combustible á vez, co conseguinte aforro de tempo e cartos para os armadores e un considerable aforro de riscos, por non ter que entrar cargados no perigoso canal da nosa ría. E por suposto, Navantia seguiría a ter as mesmas oportunidades de construción e reparacións. A cousa semella moi clara, se pensamos coa cabeza. Pero hainos que pensan cos petos e eses non caeran da burra doadamente, senón que haberá que tiralos. Coa lei na man, claro.

Publicado no Diario de Ferrol | 03.12.2014.

Foto: Navantia e enfrente Reganosa, a pouco máis dun quilometro.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

---

Axuda economicamente ao CCE mercando Lotería de Nadal. Que vai tocar !


O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE ERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org



Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-

3 de dezembro de 2014 12:43
Interesante artigo de Amadeo Varela, publicado hoxe en Diario de Ferrol.
_______________