Amosando publicacións coa etiqueta Alexandre Carrodeguas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alexandre Carrodeguas. Amosar todas as publicacións

mércores, setembro 27, 2017

O ferrocarril ao porto exterior de Ferrol: necesario?, ... Por Alexandre Carrodeguas

O Partido Popular inaugura as obras do tren polo sur ao Porto Exterior de Ferrol,
a pesar da oposición veciñal e social ao malgasto e un novo atentado contra a Ría.

Por Alexandre Carrodeguas [*]
27.09.2017


A iniciativa de levar o tren ao porto exterior de Ferrol [1] non considera cuestións fundamentais, como é a ineficiente conexión ferroviaria entre Ferrol e o resto do territorio ou  a difícil competitividade futura da terminal de contedores. Estase vendendo fume para poder facer unha obra de 123 millóns de euros que, ademais de non servir para moito, tería un impacto ambiental inasumible.

Un dos argumentos máis repetidos para xustificar a necesidade do acceso ferroviario ao porto exterior de Ferrol é que non hai porto competitivo sen acceso ferroviario, argumento difícil de soster coñecendo, por exemplo, o caso de Alxeciras, o principal porto do Mediterráneo e o terceiro en tráfico de contedores de Europa:  aínda que conta con acceso ferroviario, a práctica totalidade do seu tráfico de contedores consiste no transbordo barco-barco.

Ademais, facer unha vía dende a Malata ata o porto exterior só serviría para mover os contedores dende Caneliñas ata a estación de Ferrol. Dende alí, tendo en conta as actuais condicións das vías de FEVE e Renfe, os contedores deberían ser transportados, como hoxe, por estrada aos seus destinos. De feito, a dársena interior do porto xa conta con acceso ferroviario que practicamente non se usa.

Esta eiva non se vai solucionar nin sequera a medio prazo: o Plan de Infraestruturas, Transporte e Vivenda 2012-2024 só prevé o propio acceso ao Porto Exterior e a reposición, co actual trazado, da vía estreita entre Ferrol e Bilbao. Por outra banda un porto que mova contedores terra-mar e mar-terra precisa, para ser viable, que unha boa parte das mercadorías que mova sexan producidas e consumidas na propia área urbana inmediata. Algúns cifran esta parte nun 35% do total.

O porto de Ferrol está na periferia do sistema urbano da península. Outros portos atlánticos como  Xixón e Bilbao, ou Leixões e Sines en Portugal, ademais de estar mellor conectados co resto do mundo a través de liñas ferroviarias e aeroportos, están próximos a maiores  puntos de produción e consumo de mercadorías que o de Ferrol.  Mentres esto sexa así o porto de Ferrol sempre terá menos tráfico de contedores que o resto dos  portos atlánticos da península.

Outra cousa sería especializarse no transbordo barco-barco, como Algexiras, para o que, obviamente, non é necesario acceso ferroviario de ningunha clase.

As propias condicións da dársena tamén son un hándicap para que funcione o tráfico de contedores. A lámina de auga de Caneliñas non é moi estable, coincidindo cos refluxos de determinadas mareas. Isto é un problema pois as grúas  traballan con marxes duns poucos centímetros cando apiñan os contedores nos barcos.

Isto é unha desvantaxe competitiva en relación a outros portos como Sines, que non teñen este problema. Despois de todo, o porto exterior de Ferrol non foi ideado para acoller unha terminal de contedores, senón para unha planta de regasificación. Esa foi a súa orixe. Outra cousa é que agora se lle queira buscar outra utilidade.

Ademais, se o impacto ambiental e social da alternativa pola Malata é moi grande, o das outras alternativas é aínda maior: a afección á Fraga de Menáncaro, o volume de entullos xigantesco ou maior percorrido urbano, entre outros. Non é polo tanto lóxico que se defenda ningunha das alternativas polo seu menor impacto. Para a cidadanía de Ferrol non hai alternativa boa.

A isto xuntase o custo de oportunidade que supón non investir estes 123 millóns de euros de recursos públicos noutras necesidades, como poderían ser mellorar a conexión ferroviaria entre Ferrol e Coruña ou a rexeneración ambiental da Dársena da Malata, por exemplo.

Todo o antedito é suficiente para poñer en cuestión necesidade de contar cun acceso ferroviario a Caneliñas. Tamén explica que a solicitude de financiamento á Unión Europea, a través do programa “Conectar Europa”, fose denegada en base a “pobre relevancia das accións proxectadas”.

Cando se esaxeran os efectos que esta infraestrutura, se se construíse, chegaría a ter no emprego e na economía da bisbarra estase a enganar a cidadanía, para apoiar cegamente o negocio da súa construción con cartos públicos. Son as “megainfraestruturas” que non xeran beneficio social algún das que tanto nos fala o economista Naredo. E que unha vez construídas ninguén vai responder das expectativas creadas, nin dos estudos de viabilidade que xustificaron tanto malgasto. É necesario pois un amplo debate social sobre os custos e beneficios do acceso o porto exterior... Non hai alternativa boa.

Publicado no Diario de Ferrol o 26 de setembro de 2017.

Foto: Detalle modificado da foto de Galiciapress.

[1] As obras que se iniciaron en Ferrol,  son unha actuación que foi adxudicada á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Copasa, Ogmios e Geotunel, cun prazo de execución de 46 meses e un investimento de case 72,5 millóns de euros máis IVE. O trazado discorrerá maioritariamente baixo terra, a través dun túnel, e contará tamén cun viaduto na enseada da Malata.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol e da Plataforma pola Remunicipalización (Fonte: Ártabra 21).

Artigos de Alexandre carrodeguas en Ártabra 21| Ir á Web.

Artigos sobre o Porto Exterior en Ártabra 21 | Ir á web.

Artigos sobre o Tren a Caneliñas en Ártabra 21. | Ir á Web.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
26 de setembro de 2017 19:43

__________

Enlaces e documentación relacionada
:

Sitio da Plataforma Tren Polo Norte, formada por unha trintena de entidades que no 2010 presentaron alegacións ao trazado do porto exterior de Ferrol | Ir á Web.

O Porto Exterior de Ferrol no Plan de Ordenación do Litoral - POL (Xunta de Galicia). | Acceder/Baixar.

GeoTren - O acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | 16.Xaneiro.2014 | Ir á Web.

A Autoridade Portuaria licita as obras do acceso ferroviario ao Porto Exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 16.Abril.2016 | Ir á Web.

Fomento adxudica a redacción do proxecto constructivo do acceso ferroviario ao Porto exterior de Ferrol. | Ministerio de Fomento | 03.Xaneiro.2014. | Ir á Web.

__________________

luns, xullo 04, 2016

Ferrol cara a remunicipalización, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
04.07.2016

Estas últimas semanas está a iniciar a súa andaina, a Plataforma na defensa dos servizos públicos, pola remunicipalización. Empezamos o traballo coa denuncia da hipoteca que suporía para o Concello a adxudicación do contrato eléctrico. Isto levaría tamén a subordinación do Concello durante os próximos quince anos a intereses privados alleos a veciñanza. Como poden ser os beneficios de FCC. Na nosa man está pois reverter estes procesos de privatización para beneficiar soamente as grandes maiorías sociais tan agredidas nos últimos anos.

Os seguintes pasos a dar pasarían en primeiro lugar por un intenso traballo de fiscalización da parte privada de Emafesa; Socamex (división de augas do Grupo Urbaser), para en base os incumprimentos do contrato de concesión ir avanzando cara a remunicipalización. E seguro que van aparecer moitos incumprimentos. A colaboración con outros concellos que xa están a traballar nestes procesos como Ames e Compostela tamén pode axudarnos a crear as sinerxias necesarias que fagan posible avanzar cara as tan necesarias remunicipalizacións. Necesitamos que os gobernos municipais adiquen os recursos necesarios para fiscalizar os contratos actuais, recursos que nos sirvan para denunciar feitos como os que teñen acontecido na nosa cidade, como puideron ser a denominada crise da auga ou a "estafa" da taxa de depuración.

Neste novo ciclo político este tema do rescate dos servizos públicos básicos debería ser central, a idea de recuperar os subministros primordiais para garantir a transparencia e evitar que os usuarios sexamos cautivos dos monopolios das grandes multinacionais tería que ser unha das consignas fundamentais dos  que queremos unha xestión transparente e eficaz dos servizos públicos municipais. O modelo que padecemos tamén é a consecuencia da "captura das políticas públicas" por parte dos grandes monopolios económicos e empresariais. Por exemplo o grupo ACS controla en Galicia un entramado de máis de 30 compañías filiais cun volume económico moi dependente das concesións de contratos públicos (64 millóns de euros en 2013).

Tres empresas madrileñas a ACS de Florentino Pérez a través das súas filiais Urbaser e Clece; FCC do multimillonario mexicano Carlos Slim que destronou as Koplowitz  e Ferrovial da familia Del Pino a través de Cespa repártense en Galiza mais de 150 millóns de euros anuais polo negocio dos servizos privatizados nas sete grandes cidades do país. Os seis principais negocios que controlan estes conglomerados empresariais son servizos como a asistencia social, fundamentalmente pola falla de persoal nos concellos; Clece (ACS) factura mais de 6 millóns por este servizo básico. A recollida de lixo que salvo en Burela e Lalín está controlada por estas tres empresas madrileñas xera un negocio de mais de 80 millón de euros de beneficios. A auga está tamén privatizada en todos os grandes concellos salvo na Coruña; Urbaser e Viaqua respartense casi todo o negocio que xera moitos miles de euros en beneficios. Polo tanto debemos volver a recuperar a xestión pública -como se fai na maioría dos países do mundo, sobre todo na xestión da auga. Agora vemos que foron un erro os procesos de privatización dos anos noventa.

Quen están  na xestión dos servizos municipais saben que os servizos privatizados presentan uns sobrecustes que van do 22 por cento a mais do 90 por cento, respecto o servizo prestado de forma directa, con encarecementos medios do 27 por cento de promedio en recollida do lixo e 71 por cento en limpeza urbana.

As consecuencias das privatización dos servizos conleva tamén case sempre a subida das tarifas, a desinversión,  exclusión social por impago, opacidade, falta de transparencia e ausencia de participación e sobre todo a falta de control público. E non podemos esquecer como unha das consecuencias colaterais; a corrupción que conlevan case sempre este tipo de contratos, como moi ben evidenciou o chamado caso Pokemon instruído pola xuíz De Lara.

A auga, a xestión do lixo, dos servizos municipais teñen que volver a ser dereitos básicos esencias e non suxeitos a negocio privado, nin a especulación para beneficio de multinacionais monopolistas que teñan os usuarios como mercados cautivos (Agora falase que Urbaser pode ser absorvida por  un fondo de capital  especulativo chinés). Remunicipalizar os servizos básicos dos concellos e posible e necesario e vainos permitir aforrar os "subrecustes" en vez de ter que recortar servizos  pola imposición da lei Montoro. En Ferrol segundo recentes enquisas o 67 por cento dos Ferroláns apoian a remunicipalización dos servizos e mais da metade cree que así serían moito máis eficientes. Ese e o camiño. Estes días recibimos a visita do xerente de AEOPAS Luis Babiano que nos explicou o esencial que supón a remunicipalización da auga. A plataforma de Ferrol xa está empezando a recorrer este camiño, agardamos  poder acadar a sociedade decente pola que loitamos que non sería outra que aquela que simplemente non se sinta humillada nin por institucións nin por empresas indecentes. Porque pódese e débese.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol e da Plataforma pola Remunicipalización.

Foto de Rebeca Collado en Ferrol 360 |Acto pola Remunicipalización da auga no Concello de Ferrol, coa participación do alcalde da cidade, Jorge Suárez, o xerente de AEOPAS, Luis Babiano, concelleiros/a de Ferrol, Narón, Neda e Mugardos, e membros da Plataforma. | 29.06.2016

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
2 de julho de 2016 19:27
__________________

sábado, marzo 21, 2015

Estamos fartos, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
21.03.2015

E agora o mais o difícil aínda, o alcalde de Ferrol anuncia unha nova obra: "Trataríase dun complexo co auga como protagonista, este ambicioso proxecto contaría cun investimento duns 6 millóns de euros", a localizar na zona do Bertón, despois da cidade da "xustiza" no antigo Sánchez Aguilera, tócalle agora a quenda a cidade do deporte no Bertón, con mil millóns das antigas pesetas, non bastan os ascensores panorámicos, non bastan "pipicans" por aquí e por ala, agora "ao grande"; piscinas de cincuenta metros "si faifalta" que para iso estamos en Ferrol, a cidade mais rica de Galicia. E por si non fosen poucas as promesas do PP na anterior campaña electoral do 2011, recordemos; estacionamentos subterráneos en Caranza, Ultramar, praza de Armas, centro de saúde en Canido, residencias para vellos en Covas e no Bertón, e un gran centro turístico na zona portuaria con edificios novos e bares moitos bares....Agora serán un total de 8.700 metros cadrados dedicados o deporte e a auga sic.

Non sei en que cidade viviran estes gobernantes, non se dan conta ou non se queren dar conta que en Ferrol superamos o 30 por cento de paro, que o 27 por cento do pequeno comercio leva pechado xa desde o 2007, que perdemos mil habitantes ao ano e que so chegamos o 52 por cento de taxa de actividade. E que estamos sobre todo fartos moi fartos.

Con este panorama como poden os actuais mandatarios seguir con esta sarta de ocorrencias, xa sei que estamos en campaña electoral, pero non debería valer todo en campaña, non debería valer prometer un aeroporto para Ferrol, con metro incluído, non debería valer prometer unha ponte de San Francisco que cruzase a ría con dobre dirección por exemplo. Que ao paso que vamos e posible que cheguemos a tales disparates.

A situación de Ferrol non dá para máis, despois das mal chamadas políticas de austeridade aplicadas polo partido popular a cidade esta a sufrir unha situación social de extrema gravidade. E o alcalde e o seu partido están a protagonizar esta farsa a modo de esperpento. Non deberían estar a xogar como están a xogar coa credibilidade da xente, como se se tratara duns vulgares trileiros. A cidade non o merece. Os veciños e as veciñas merecemos respecto e non ser humillados con falsas promesas. Merecemos un goberno municipal decente.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com
19 de março de 2015 23:31
_________

sábado, marzo 07, 2015

A necesaria unidade popular: Ferrol entre o ideal e o necesario, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
07.03.2015


As próximas eleccións municipais, como di Xosé Manuel Beiras, van a ser unhas eleccións decisivas, onde nos xogamos a descomposición recomposición do actual réxime político.

Por iso temos que facer en Ferrol todos os esforzos que estean na nosa man para acadar unha única lista de unidade que represente a ese pobo que xa non atura mais e tanto leva sufrido.

Seguro que esa candidatura non será unha candidatura ideal, seguro que estará lonxe do que moitos e moitas ansiamos. Seguro que moitos queremos que remate a corrupción, que en Ferrol se volvan a facer barcos de inmediato, que recuperemos a poboación perdida dunha vez, que a sanidade e o ensino de calidade sexan unha realidade e que vai sendo hora tamén que dunha ría limpa e saneada poidan vivir miles de mariscadores e mariscadoras. Estas serían metas en que os mais nos sentiríamos recoñecidos, ideais de moitos e moitas que seguro que ninguén negara neste tempo histórico que nos tocou padecer.

Pero entre o ideal e o posible ten que existir a imprescindible confluencia. Por iso aquí e agora non estamos en condicións de sabotar ou renunciar a unha única candidatura de unidade popular para Ferrol.

Seguro que todos e todas teremos que renunciar a algo para acadar o cambio que Ferrol tanto precisa. Pero para acadar eses mínimos non debemos poñer por diante nin patriotismos partidarios nin prexuízos ideolóxicos. Neste tempo do labirinto histórico que non acaba de morrer e tantas incertezas nos presenta cara o futuro próximo, ten que ser posible acadar a converxencia que nos una para poder construír entre todos a obra da que falaba Castelao.

Se en Pontevedra e noutras cidades teñen confluído e apoiado unha única candidatura popular, actores tan diversos como plataformas en defensa da ría, plataformas de afectados pola hipoteca, porqué en Ferrol non pode ser posible; sobre todo tendo en conta escenas coma as que se reflexan neste pasaxe de Patricia Hermida; "Na cidade coa taxa máis alta de paro, a fame tórnase visible como aqueles campanarios dos pobos mergullados por pantanos: sete homes piden esmola entre a praza de España e a praza de Armas, familias preparan os cartóns para durmir nos soportais do teatro Jofre, as colas medran ante a Cociña Económica como naquelas fotografías dos EUA na Gran Depresión".

Vimos dun proceso de confluencia que non ten acabado de callar. Pero agora temos que dar por amortizado o pasado e estar a altura das circunstancias e ser capaces entre todos de defender e esta nosa xente das que nos fala Patricia, e afrontar xa as urxencias que Ferrol tanto necesita.

Estes días andamos a recorrer os barrios de Ferrol explicando os veciños e veciñas a estafa que supón o cobro da nova taxa do saneamento. Contábame unha veciña que cobra unha pensión non contributiva, que ten que pagar pola nova taxa mais de cuarenta euros, e que non pode poñer a calefacción por non poder afrontar o pago do recibo da luz. Pensemos nela.

O que se sente é que a veciñanza xa non atura mais falsidades, mais corruptelas, mais precariedade, mais gobernos municipais que gobernan de costas a esa mesma veciñanza e que o único que quere é simplemente poder vivir decentemente. Ten que ser posible a necesaria unidade popular. Fagámola posible. Ferrol meréceo.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com
5 de março de 2015 23:28
______________

luns, febreiro 23, 2015

Saneamento obsoleto en Ferrol según a Xunta de Galicia, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]

23.02.2015

E agora resulta que o director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira declara no parlamento, segundo a a Voz de Galicia que o saneamento da ría de Ferrol non se vai poder completar porque as tecnoloxías de depuración que se están a implantar na ría "poden estar xa obsoletas". Ou sexa que os veciños de Ferrol van a ter que pagar unhas taxas abusivas durante corenta anos por unha depuración obsoleta e deficiente.

Chegamos tarde mal e arrastro a depuración da ría, fai-se-nos pagar por unhas infraestruturas que debería financiar o propio estado e encima di-se-nos que non se vai poder completar o ansiado saneamento.

Non parecen pois neste caso moi serias a actuacións das administracións implicadas, non se pode levar vinte cinco anos falando de saneamento e depuración para finalmente virnos a dicir que vai haber que ir pensando en actualizar e mellorar as infraestruturas que apenas están entrando en funcionamento.

E para mais inri o actual goberno municipal de Ferrol en vez de denunciar e subsanar estes feitos reclamando un saneamento real e integral o único o que se aplica e a cobrar un taxa inxusta por un servizo inexistente na maior parte da cidade.

Os veciños e veciñas non merecemos este trato, non merecemos unha administración que nos humille, porque unha sociedade decente e civilizada como di Avishai Margalit e aquela que non humilla as persoas suxeitas o poder público. Iso é o que reclamábamos os veciños e veciñas de Ferrol o pasado xoves na concentración contra a taxa do saneamento. Simplemente non ser humillados polas administracións.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.


Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com
20 de fevereiro de 2015 23:28
______________

martes, febreiro 17, 2015

Saneamento, Depuración e Taxa en Ferrol

O compañeiro Alexandre Carrodeguas, membro da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol e un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol, envía-nos dúas novas publicadas no xornal comarcal 'Diario de Ferrol' de moito interese.

Unha publicada hoxe martes, 17 de Febreiro de 2015, coa entrada "A plataforma contra a nova taxa de saneamento instará a recorrer os recibos"  sobre o desenvolvemento da asemblea do tecido asociativo de Ferrol, para preparar a resposta cidadá á política do Partido Popular ao fronte do goberno municipal.

A outra co titulo de "A Comisión para ou Saneamento asegura que se incumplen as medidas correctoras", comenta o comunicado da Comisión Social de Seguimento ... en Resposta á Comisión Europea á contestación da citada comisión sobre a pregunta da idoneidade do sistema de saneamento que se está a implantar na cidade por parte das institucións (Central, Xunta e Local) gobernadas polo Partido Popular.

Por último enlazamos cunha reportaxe de Marcos Pérez Pena en Praza Pública, co titulo "Crece o malestar en Ferrol pola nova taxa de saneamento". E co Comunicado de Prensa da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol, en Resposta á Comisión Europea pola contestación da citada comisión sobre a pregunta da idoneidade do sistema de saneamento que se está a implantar na cidade de Ferrol. Que se pode acceder ou baixar completo xunto coa resposta da Comisión Europea -en Inglés, datada o 12 de Xaneiro de 2015.


A plataforma contra a nova taxa de saneamento instará a recorrer os recibos


Representantes dunha decena de entidades -entre elas a Comisión para ou Saneamento dá Ría de Ferrol e as formacións políticas PSOE, BNG, Esquerda Unida, Marea Ártabra e Podemos, reuníronse onte na galería Sargadelos para avanzar na preparación da que esperan sexa unha gran mobilización contra a nova taxa de saneamento. A protesta está convocada para o vindeiro xoves (19 de Febreiro) ás sete da tarde na Praza de Armas e no transcurso da mesma pedirase as ferrolás e ferroláns que recorran os recibos que están empezando a chegar estes días aos domicilios das contribuíntes.

Foi precisamente esta posibilidade a que ocupou boa parte do encontro que onte mantiveron estas entidades e finalmente chegou-se á conclusión de que unha pequena comisión se ocupara de elaborar un modelo de recurso para que todas as persoas interesadas en presentalo poidan facelo de xeito máis sinxelo. Unha das propoñentes deste recurso foi a candidata á Alcaldía polo PSOE, Beatriz Sestayo, avogada de profesión, que defendeu que independentemente dos mecanismos legais que xa están en marcha contra a propia taxa en si, é posíbel presentalos tamén contra os recibos. Insistiu con todo en que non basta con deixar de abonar o recibo, senón que hai que presentar o recurso, porque pola contra córrese o risco até de embargo.

O prazo para pagar a taxa en período voluntario finaliza no mes de marzo, por iso é polo que os esforzos desta plataforma se centren en próximas datas, en lograr a presentación do maior número de recursos individuais posíbeis ao obxecto, tamén, de colapsar ou ralentizar o normal funcionamento do rexistro.

O portavoz da Federación Veciñal Roi Xordo, César Manso, insistiu en que non se pode cobrar unha taxa mentres o feito impoñíbel non sexa unha realidade e recordou, neste sentido, que as obras de saneamento aínda están en execución e só unha pequena parte das vivendas teñen xa o sistema de depuración. Apuntou ademais que hai sentenzas xudiciais que así o confirman.

Fernando Ramos (EU) fixo fincapé en que debe quedar claro que non se trata de negarse a pagar un servizo, senón de rexeitar o que cualificou de "estafa".

Outras voces manifestaron, con todo, que o percorrido desta plataforma non pode quedarse na cuestión do recibo -entre elas a do recente vencedor das Primarias de EU, Jorge Suárez, e o histórico activista Rafael Pillado, senón que ten que ir máis aló, denunciando o modelo de saneamento polo que se optou -en separación de augas pluviais e residuais- e loitando pola remunicipalización do ciclo do auga. Desde a Comisión para o Saneamento, Alexandre Carrodeguas recordou que xa está en marcha desde hai meses unha campaña de recolleita de firmas para demandar que se abra un debate en relación coa volta do servizo a mans públicas e que hai que continuar traballando nesta liña.

Pedro Fernández (BNG) quixo poñer o acento no convenio asinado no seu día para a construción dos interceptores, de onde deriva a imposición da taxa aos veciños, e instou a deixar patente o rexeitamento a este acordo, que ademais non permitiu aos Concellos tomar parte no deseño da rede de saneamento.

A importancia de que a información chegue á veciñanza, de que o alcalde dea explicacións nunha asemblea popular e de conseguir reunir ao maior número de persoas posíbel na mobilización do xoves foron outro dos temas abordados na reunión.

---

A Comisión para ou Saneamento asegura que se incumplen as medidas correctoras

O avance nas obras de saneamento da ría "o proxecto medioambiental máis importante para Ferrol e pendente desde fai décadas" non impide que as consecuencias tanto dos traballos en execución como do custo da entrada en servizo do sistema de depuración provoquen protestas entre diferentes colectivos. Desbotado e corrixido xa aquel proxecto de construción dun tanque de tormentas nos xardíns d'A Ranita, que desencadeou unha intensa mobilización cidadá en contra, as críticas ao modelo elixido para o saneamento céntranse desde 2013 noutra instalación similar, a que está en construción no Parque Pablo Iglesias.

As medidas correctoras acordadas no seu día para paliar os aspectos negativos desta obra, sobre todo desde o punto de vista estético e de dispoñibilidade de espazos de lecer, conseguiron rebaixar en certa medida as críticas, pero a Comisión para o Saneamento Integral dá Ría de Ferrol -que está integrada polas entidades Adega, Sociedade Galega de Historia Natural, Verdegaia e a Comisión do Medio da Asociación de Veciños de Recimil, segue cuestionando o proxecto. Agora fai-o aportando unha resposta da Comisión Europea á pregunta formulada en xuño de 2013 en relación coa idoneidade do sistema de saneamento que se está implantando en Ferrol.

Esta institución, aínda que aclara que non é competente para decidir o modelo nin xulgar o seu adecuación á normativa comunitaria, si suscita unha serie de consideracións con respecto á mestura de augas residuais e pluviais, que é un dos puntos nos que pon o seu énfases a Comisión de Saneamento. Así, sinala que se trata dun sistema admisible a condición de que os alivios de augas contaminadas ao medio "neste caso á ría" no momento no que se produzan choivas fortes sexan excepcionais e cumpran cos requirimentos da Directiva de Tratamento de Augas Residuais.

Engade que o mellor modo de evitar estas descargas de augas contaminadas é reducir o chan selado da cidade, diminuíndo a cantidade de auga de choiva que ten que recoller, e tratar o sistema de saneamento. Con todo, e tendo en conta que esta medida tarda un tempo en ser efectiva, a xuízo da Comisión Europea, habería que estender a rede de tratamento separativo, prever sistemas de almacenaxe de auga e ampliar a capacidade das plantas.

Os autores da pregunta sosteñen que non se adoptaron medidas como as indicadas no escrito para reducir as emisións de auga contaminada á ría e que por este motivo continuarán denunciando o uso de diñeiro público para construír "un sistema de saneamento obsoleto e prexudicial dende ou punto de vista ambiental e económico".

Tanque de tormentas

O escrito dirixido á Comisión Europea cuestionaba tamén unha vez máis o lugar elixido para o emprazamento do tanque de tormentas do parque Pablo Iglesias, tendo en conta as posíbeis afeccións derivadas da polución das augas alí almacenadas, o ruído e os cheiros que se xerarán. Os afectados denunciaban as repercusións para a saúde das persoas tendo en conta que se trata dunha instalación situada nun espazo de uso público, a apenas trinta metros dun centro de ensino e á beira dun edificio de vivendas.

En relación con esta cuestión, a resposta da Comisión é que non ten razóns para crer que o tanque de tormentas de Pablo Iglesias incumpra a lexislación europea.

Este recurso suscitouse tendo en conta que o financiamento das obras de saneamento procede nun 80% de fondos da UE.

Publicado no Diario de Ferrol | redacción ferrol | 15 e 17 de Febreiro de 2015.

Fotos de Daniel Alexandre (Fene, 1977). Fecebook.

Información baseada na enviada por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com
12 de fevereiro de 2015 22:12
15 de fevereiro de 2015 15:08
17 de fevereiro de 2015 01:47
_____________

Moi interesante artigo de Marcos Pérez Pena en Praza Pública:

Crece o malestar en Ferrol pola nova taxa de saneamento | Movementos sociais - 12.02.2015 | De Marcos Pérez Pena en Praza Pública.

Importante Comunicado de Prensa ao que fai referencia a segunda nova do 'Diario de Ferrol':

Comunicado de Prensa da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol, en Resposta á Comisión Europea á contestación da citada comisión sobre a pregunta da idoneidade do sistema de saneamento que se está a implantar na cidade de Ferrol. | Baixa/Acceder.
_________________

Enlaces de interese:

Sitio-e da Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol:
http://augaesaneamentodeferrol.blogspot.com.es/

Sitio-e da Comisión de Medio Ambiente da Asocición Veciñal de Recimil:
http://www.cidadansversustanquesdetormentas.blogspot.com.es/

Grupo no Facebook Sobre o Saneamento e Depuración de Augas Residuais na cidade - Indignados co recibo do auga en Ferrol:
http://www.cidadansversustanquesdetormentas.blogspot.com.es/
____________________________________

luns, febreiro 16, 2015

Taxa non !, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
16.02.2015

Os veciños deberían saber que nos recibos que xa estaban a pagar a Emafesa figura o canon do saneamento da Xunta de Galicia, destinado a financiar os gastos de explotación, e as inversións nas infraestruturas de xestión, mantemento e depuración das augas residuais de Galicia.

Pois ben, mercede á complicidade do actual goberno municipal co xestor privado de Emafesa (Urbaser), en busca do maior negocio deste último, as costas da sufrida veciñanza ferrolá van ter que pagar dúas veces polo mesmo concepto: o canon de saneamento de Augas de Galiza e a taxa de depuración de Emafesa. Gravadas con unha nova taxa para financiar a explotación do sistema de saneamento e depuración, para maior beneficio desta empresa privada.

Isto debese a que o actual grupo de goberno ten asinado un convenio con Augas de Galicia onde se contempla unha encomenda de xestión na que o concello a través de Emafesa se fai cargo de todolos gastos de mantemento e xestión da EDAR de Cabo Prioriño. (Non debería poder ser que a veciñanza de Ferrol teñan que soportar todo o custo de xestión desta infraestrutura e a Xunta de Galicia a través do canon da auga, que xa esta a cobrar, non participe no financiamento da depuración da nosa ría).

Hai que ter en conta tamén que vinte mil das trinta e tres mil vivendas de Ferrol non están aínda conectadas á rede de saneamento e que van ter que pagar esta taxa igualmente.

O Concello ten anunciado que a veciñanza da zona rural e os que viven na bacía do rio Sardiña estarán exentos de pagar este novo recibo por non ter conexión á rede de saneamento. Entón porqué o resto da cidade que non ten nestes momentos conexión a rede, non fica tamén exento do pago do recibo?

O que amosa a xestión municipal neste asunto é a total supeditación do goberno aos intereses dunha empresa privada que obterá pingües beneficios a costa da cidadanía de Ferrol, nunha cidade "non o esquezamos" onde a taxa de paro, o empobrecemento, a emigración e a crise demográfica alcanzan cotas insostíbeis que poñen en perigo a supervivencia da propia cidade. E que agora por riba se vai ver gravada cunha taxa anual por fogar duns 70 euros de media.

Temos que ter tamén presente que o sistema de saneamento implantado é "obsoleto" e "custoso", que consiste basicamente nunha depuración intensiva e unitaria (mestura de augas residuais e pluviais), o que implica ademais unha depuración insuficiente e insustentábel, cuns moi altos consumos enerxéticos e custos de mantemento que teremos que soportar todos e todas.

Tódalas xentes, forzas políticas e sindicatos que loitan por un Ferrol mellor están xa a traballar pola necesaria remunicipalización do servizo de augas, porque só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia no servizo, e evitar este tipo de abusos onde se poñen os intereses empresariais por riba dos intereses de todos e todas.

O próximo xoves día 19 de febreiro temos que berrar na praza do noso Concello ben alto e claro: Taxa non!

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e da Comisión Social de Seguimento da construción da infraestrutura de depuración e saneamento da marxe norte da ría de Ferrol. E un dos promotores da iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
13 de fevereiro de 2015 19:43
____________

mércores, febreiro 11, 2015

O governo do millón de euros ou o ocaso das ideoloxías, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
11.02.2015


O concello de Ferrol parece seguir a senda daquel ministro franquista, Gonzalo Fernández de la Mora e o seu famoso libro do crepúsculo das ideoloxías, que se traducía na consigna do estado en obras.

O goberno municipal quere que os cidadáns de Ferrol ante a falla dun modelo de cidade, dunha cidade onde os nosos fillos non se teñan que ir a Namibia a buscarse un futuro, como me comentaba unha veciña, volvamos a votar a este goberno pola frenética actividade asfáltica-construtora.

Nos próximos tres meses antes das eleccións van a ser capaces de remodelar o Cantón, de poñer un ascensor panorámico na costa de Mella, de asfaltar tódalas rúas e non sei cantas obras mais. Todo elo deslabazado e improvisado; Que se un plan de tráfico dun día para outro, que se na Praza de Galicia arman un lio monumental coa parada dos autobuses, que se o antroido non se sabe se vai ou se ven etc. Publicidade a esgalla, chapuzas e improvisación. Todo elo regado con fondos Europeos do 'plan urban', destinados ademais a Ferrol vello, onde curiosamente as ruínas avanzan sen freo.

Tamén nos anuncian a colocación de dúas estatuas e non sei cantas cousas mais. Como conservadores que din ser deberían seguir os consellos das nosas nais e acordarse daquilo que nos recomendaban: Non intentes facer no último momento aquilo que non fixeches no seu tempo.

Se os nosos preclaros gobernantes pretenden en tres meses, facer o que non fixeron en catro anos van aviados. Os cidadáns de Ferrol non merecemos ser tratados como menores de idade. O que queremos é un goberno municipal decente para que os nosos fillos non teñan que emigrar a Namibia. Nada mais.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
5 de fevereiro de 2015 14:20

_______________

martes, setembro 30, 2014

Ferrol ten dereito a existir, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
30.09.2014


Os habitantes de Ferrol queremos seguir existindo, non ter que irnos da nosa cidade, e queremos tamén ter o dereito a poder desenrolarnos e ser felices no noso propio pobo. E para que iso ocorra sabemos que as cousas teñen que mudar xa, e que deberíamos axuntarnos todas e todos nun berro unánime de que xa estamos fartos e non aturamos mais esta lenta agonía; Estamos fartos de que a nosa cidade se vaia quedando valeira. De que moitos comercios teñan que pechar. Estamos fartos da pobreza que avanza e de que nos culpabilicen da nosa decadencia. Estamos fartos da destrución da nosa ría. Estamos fartos da precariedade laboral e da falla real de oportunidades.

A todo isto deberíamos sumar tamén un non como o do poema de Celso Emilio.

Un non a pasividade que nos mata. Un non as solucións milagreiras que sempre chegarán o ano que ven. Un non a aceptación resignada desta lenta e pausada morte anunciada.

Teríamos que asumir as nosas propias debilidades como cidade; Certo espírito derrotista, a nosa aceptación fatalista da inevitable derrota. A nosa falla de confianza nos nosos propios medios e a aceptación resignada da dependencia madrileña.

Pero nesta encrucillada histórica na que nos atopamos ten que ter chegado o momento dos sis. Do si a un desenrolo endóxeno e autosostible. Do si a xerar economías locais propias: rehabilitando, saneando, rexenerando. Do si ao sentimento de orgullo e pertenza a este Ferrol que nos legaron os nosos ancestros. Do si a nosa xuventude que quere seguir a vivir na cidade dos seus pais.

E deberíamos xa todos afirmar solidariamente a vontade de saír desta triste situación para atopar as solucións de futuro que nos garantan o porvir. Para confiar en nos mesmos e honrar os nosos pais e nais que tanto traballaron agardando un futuro mellor.

Non. Ferrol non pode ser un parque temático da decadencia urbana.

Ferrol debe seguir vivo polos séculos futuros! Ferrol ten dereito.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Nota.- A imaxe é de Edu Pereira sobre a apocalipse que suporía un Ferrol sen o naval.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
29 de setembro de 2014 01:16
_______________

sábado, setembro 06, 2014

A taxa da vergoña, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
06.09.2014

O pasado mes o concello de Ferrol ven de aprobar o nova taxa que vai regular o cobro do saneamento, un saneamento propagandístico que se ben vai mellorar a calidade das augas da ría, non vai ser a solución definitiva, xa que é obsoleto, custoso e ineficiente. Como moi ben dí o experto en saneamento Joaquín Suarez da UDC “O saneamiento unitario non é sostenible, xera impacto ambiental e supón un elevado custo”. Non só estamos ante unha manobra política que vai entregar a xestión á iniciativa privada durante décadas, endebedando os petos da veciñanza, escravizándonos ante unha empresa privada que obterá beneficios a costa da cidadanía de Ferrol, unha cidade onde a taxa de paro, o empobrecemento, a emigración e a crise demográfica alcanzan cotas insostibles que poñen en perigo a supervivencia da súa comarca, senón  tamén que agora se vai ver gravada cunha taxa anual por fogar revisable dun promedio de 70 euros. A nova taxa tense calculado para tratar 25 millóns de metros cúbicos, mentres que EMAFESA nos 55.000 contadores contabiliza sete millóns metros cúbicos/ano. Algo totalmente opaco e pouco transparente que non se explica se non é como unha nova cesión a esta empresa controlada pola iniciativa privada.

Sr alcalde: retire a taxa, e escoite ao pobo de Ferrol, que é a quen esta a representar, e centre o seu traballo en menos cartaces publicitarios  e máis saneamento real. Vaiamos xa a remunicipalización do servizo de augas porque só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia no servizo.  E polo tanto acadar o mellor para a nosa xente. Saneamento, si, pero non así. E remunicipalicemos xa!

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
6 de setembro de 2014 00:51
__________

Foto da Estación depuradora de augas residuais de Cabo Prioriño.
____________________________

xoves, agosto 21, 2014

A ría de Ferrol e a propaganda, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
21.08.2014

O concello de Ferrol esta a levar a cabo unha campaña totalmente falsaria en relación co saneamento da ría de Ferrol. A falacia consiste en "vender" un saneamento integral da ría que non vai ser tal. O proxecto basease nunha depuración intensiva e unitaria que vai mesturar augas residuais e pluviais que en caso de choiva forte van provocar verquidos contaminantes a ría de Ferrol. Polo tanto dicirlles os veciños e veciñas de Ferrol que a partires de agora van ter unha ría totalmente saneada e faltar a verdade. E facelo con cartos públicos nestes tempos de carestía e crise e algo que contribúe a degradar mais do que xa está o prestixio das administracións públicas. O concello non debería facer campañas publicitarias demagóxicas pensando unicamente nas próximas eleccións municipais. O concello non debería de enganar a veciñanza Ferrolá sobre as virtudes dun proxecto obsoleto e desfasado que vai chegar tarde mal e arrastro. Senón que debería aplicarse en mellorar un proxecto que contemple o necesario saneamento "integral" da ría e a sua rexeneración. E asi mesmo non debería gravar excesivamente a cidadanía cos novos recibos da auga. E tempo xa doutra política non propagandista que atenda as necesidades reais da cidade.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
21 de agosto de 2014 15:00

_________________________________________

xoves, xullo 31, 2014

Auga, saneamento, abastecemento, taxas, ... entrevista a Alexandre Carrodeguas membro da Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol e da Comisión Social de Seguimento ... - Vídeo


Entrevista a Alexandre Carrodeguas membro da 'Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol' e da 'Comisión Social de Seguimento do proxecto e obras de saneamento da marxe norte da Ría de Ferrol'.

O pasado 29 de Xullo, o programa Espazo Aberto da TV local 'Televisión Ferrol', dirixido por Fernando Rodríguez, entrevistaba ao compañeiro Alexandre Carrodeguas, perante 20 minutos sobre o saneamento e o abastecemento de auga en Ferrolterra.


http://youtu.be/FKs94VRy1zU?list=UUCpDj5w-nOj3zBL4RzWlt5Q
---
Sitio na rede da Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol:
http://augaesaneamentodeferrol.blogspot.com.es/

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
__________

luns, xullo 14, 2014

O Prezo da auga en Ferrol, ... Por Alexandre Carrodeguas

Por Alexandre Carrodeguas [*]
12.07.2014


O presidente da multinacional da auga Agbar, Angel Simó nunhas recentes declaracións propon subir o prezo da auga para financiar infraestructuras hidráulicas. Estas declaracións enmarcanse na intención das grandes empresas de xestión da auga de cargar sobre os sufridos e asfixiados contribuintes, novas fases de expansión empresarial. Vemos, tamen en Ferrol, como se producen subidas desproporcionadas no prezo da auga, vemos como Emafesa (A empresa xestora) falla en trasparencia  e xestión, amparandose nun presunto dereito a confidencialidade empresarial, e vemos tamen  como se produce a perda do control efectivo por parte do concello da  xestón do ciclo integral da auga.

En Ferrol a subida do prezo da auga xustificase nos costes de mantemento e posta en funcionamento do novo saneamento da ría. Un proxecto que consiste nunha depuración intensiva e unitaria (mestura de augas residuais e pluviais), que implica ademais dunha depuración insuficiente e non sustentábel,  uns altísimos consumos enerxéticos que se pretenten cargar sobre a veciñanza ferrolá.

Ante este estado de cousas en Ferrol estase levando a cabo unha campaña pola remunicipalización da auga, unha campaña para que os veciños e veciñas non se convertan en simples mercados cautivos de intereses empresariais.

O pobo de Ferrol ten que ter o dereito a reapropiarse do que un día foi un servizo publico con xestión pública  e nunca debeu de deixar de selo. Animo desde aquí todos os veciños e veciñas a participar nesta campaña pola auga pública en Ferrol. Polo ben de todos.

E de xustiza. E poder podemos.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
12 de julho de 2014 15:25

_________________________________________

venres, setembro 27, 2013

Fin de ciclo: Ferrol na illa de Robinson Crusoe, ... Por Alexandre Carrodeguas


Por Alexandre Carrodeguas [*]
27.09.2013


Estamos na metáfora de Robinson Crusoe. Robinson naufraga, chega a praia e cos restos do naufraxio constrúese un cabano, para sobrevivir tirar e ir vivindo, triste sino tamén ferrolano, e sobrevive. Na bisbarra Ferrolá atopámonos o borde do naufraxio, se non temos naufragado xa, despois de mais de 30 anos  da mal chamada "reconversión", parece que estamos chegando o borde do precipicio. Estamos xa no tempo de facer crise, como nas enfermidades; ou nos decantamos pola  sanación ou polo naufraxio total.

Tense demostrado xa despois de todos estes anos, que as institucións desta democracia formal, autonómicas, centrais ou municipais ou se activan pola presión do movemento veciñal real, como elementos transformadores ou non serven  para nada. Son mortos viventes. Zombis.

Levamos moitos anos de "sobrevivencia" de zonas ZID,  ZUR e tutti quanti  temos na nosa memoria colectiva. Namentres a nosa cidade segue a deriva, agardando "acontecementos" emanados das autoridades disque competentes. Non temos xa horizonte, e seguimos como no 84 cando o xeógrafo Enrique Clemente Cuvillas escribía aquel seminal "Desarrollo Urbano y crisis social en Ferrol". Crise social, desvertebración urbana, declive demográfico etc. E seguimos e seguimos a escoitar as mesmas "arengas" por parte dos poderes públicos, mais que competentes xa definitivamente "incompetentes".

Os Feijoos de quenda; onte con fábricas italianas do vidro SIV, hoxe con Pemex e os seus floteis pantasmas; fume, fume, mentiras e cintas de vídeo, como na película... E a nosa xente máis vella,  máis escéptica e máis cansada. Agardando o non se sabe xa ben o que.  Con  20.OOO parados na comarca e co 30 por cento dos comercios pechados dende 2007, perdendo mil habitantes ao ano, e cun 52 por cento de taxa de actividade, a que  agardamos conveciños e conveciñas?. Abonda xa non?

Unha cidadanía cansada de escoitar ese rum-rum eterno de falsidades, de ver como os seus fillos e fillas seguen a emigrar aos Vigos, Londres ou París, buscando unha vida de seu, que esta nosa súa cidade non é capaz de darlles. Vendo como todo se nos cae a cachos; "se vende, se alquila, se traspasa ...". Adeus Ferrol Vello, adeus o barrio da Magdalena, adeus Canido... os predios cáense, os negocios péchanse e como diría a nosa Rosalía; Este vaise aquel vaise e tí Ferrol só quedas sen xente que te poida traballar. En fin para que seguir; a atmosfera de pesimismo e "mal fario"  todo o invade.

Estamos  como na metáfora da rá, que se esta cocendo e é incapaz de saltar para salvarse.

Ante este panorama desolador debería xa de chegar o momento de abandonar o metafórico refuxio de Crusoe. De deixar de agardar que o clima mellore e berrar todos xuntos polo futuro da nosa cidade. De iniciar a nova travesía. E xa que estamos nesta situación excepcional de catástrofe social, sería o tempo de marcarnos como horizonte un proceso que conduza a un novo escenario de creba democrática. A dimisión da actual corporación municipal. Vivimos tempos de "excepción" e non podemos continuar mais nesta situación de miseria total. Temos unhas institucións autistas que pensan mais en como perpetuarse que en resolver os problemas dos cidadáns. Temos un alcalde que non se plantexa a alternativa real de manterse partidariamente disciplinado ao partido de Barcenas ou defender a esta sufrida cidade. E parece decantarse definitivamente polo primeiro.

E temos precedentes, como ten documentado o historiador Bernardo Maiz, quen ten escrito como en 1932 ante o intento de reducir e desmantelar a construción naval militar e o despido de traballadores tomouse unha drástica decisión. O día 18 de maio do 32 as corporacións municipais de Ares, Cabanas, Fene, Ferrol, Mugardos, Serantes, .... presentaron unanimemente a súa dimisión "a causa do conflito obreiro provocado polos despidos nos estaleiros de Ferrol [...] sendo estes uns dos Concellos afectados polos paros e en solidaridade".

Debería de chegar pois o inicio deste novo "proceso constituínte", de construción dun novo Ferrol. Despois da folga comarcal do pasado día 12 de xuño; De catro plenos de "excepción" onde se escoitaron os ecos desta cidade "agonizante", non queda outra que marcarnos como horizonte a dimisión da actual corporación municipal. Deberíamos participar todos e todas. Sabemos que non podemos seguir así,  sin rumbo, sen unha luz que nos dé esperanza. Non podemos seguir desgastándonos nunha especie de "rito procesional", sen ningún tipo de efectividade, tipo Hámster, sen poder saír nunca da roda eterna. Esta "esterilidade" está a matarnos pouco a pouco. Temos que iniciar xa a travesía, outro camiño ten que ser  posible: 'Corporación municipal dimisión xa!'   Este sería a nosa divisa. O lema que marcaría a alborada.

O futuro será noso se o queremos. Fin de ciclo. Rompamos a dependencia da senda e iniciemos un novo camiño.

Podemos perecer na travesía, pero como nos diría tamén o grande Gramsci; Mais vale morrer no camiño que pararse e morrer. Botémonos xa ao mar,  veciños e veciñas. Ferrol merece seguir vivindo.

O futuro está agardando por nos!

Nota.- A imaxe é de Edu Pereira sobre a apocalipse que suporía un Ferrol sen o naval.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
27 de setembro de 2013 02:56

____________________________

martes, setembro 10, 2013

Saneamento si, mais non así (III), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormentas' nos parques públicos


Por Miguel Reimúndez e Alexandre  Carrodeguas [*]
10.09.2013


Nos anteriores artigos facíamos referencia ás importantes eivas ambientais e prexuizos económicos do proxecto de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol. A estas eivas xuntanse a irresponsabilidade no gasto público e a inadecuación do proxecto á normativa hoxe vixente.

O "tanque de tormentas" do Parque Pablo Iglesias é unha mostra da falta de calidade ambiental, económica e social que caracteriza este proxecto, elaborado dende meros parámetros "industriais", baixo a premisa de facer cadrar as cifras de auga a recoller polos "tanques de tormentas" coa capacidade de tratamento da depuradora, que xa estaba construída cando o proxecto dos colectores e os tanques  é redactado no ano 2010.


Nestes complexos cálculos, a dispoñibilidade dos terreos e a menor molestia ao tráfico foron os únicos factores a considerar á hora de decidir a localización dos "tanques de tormentas". Outros, como son a destrución duns xogos infantiis, a afección a dous mil metros cadrados de parque, ou a máis que probable molestia por emisión sonora e de cheiros desagradables aos veciños, non foron considerados. Había e hai alternativas perfectamente viables dende un punto de vista técnico para quitar do parque Pablo Iglesias o "tanque de tormentas", como son situalo en terreos militares próximos ou baixo unha vía de tráfico rodado (opción que sí se adopta noutras cidades como Barcelona ou Zaragoza), como é a Avenida de Esteiro.

Como xa acontecera no Xardín das Ranitas, o factor do interese social non foi considerado nas ecuacións dos técnicos nin dos políticos. A esta falla de sensibilidade social, habería que engadir unha grave falta de responsabilidade política, materializada no malgasto de cartos públicos.

No ano 2011 déronse por rematadas as obras de saneamento do Río do Tronco, que custaron 1,8 millóns de euros, e cuxo obxectivo era eliminar verquidos de augas residuais ao seu leito. Máis este importante investimento resultou de todo inútil: o proxecto que se está a executar prevé que as augas residuais e pluviais antes separadas sexan mesturadas de novo no "tanque de tormentas" de Pablo Iglesias. Ademais o último tramo do río servirá de cloaca-aliviadoiro do saneamento cando chova moito e o colector non dea abasto a tratar tanta auga.

Deste modo, a atractiva posibilidade de recuperar o río en superficie, tanto no parque Pablo Iglesias como na praza do Río do Tronco, que se pretende re-urbanizar proximamente, farase inviable cando rematen as actuais  obras de saneamento.

Os pregos para a licitación destas obras aprobáronse o 25 de xullo de 2012, un día antes de que entrase en vigor o novo Regulamento Marco do Servizo de Saneamento e Depuración de Galicia. Este regulamento prohibe expresamente o verquido de augas brancas (subterráneas, fontes, manantiais, correntes superficiais...) ao sistema de saneamento, ao tempo que tamén prohibe a mestura de augas pluviais e augas residuais.

O sistema de saneamento que se está a instalar vai “boicotear” as melloras ambientais que esta norma pretende. Mentres os cidadáns e empresas terán que facer caso das prohibicións do decreto, os seus esforzos faranse inútiles cando as augas cheguen ao sistema público de saneamento.

Eivas ambientais, condicións económicas abusivas para a cidadanía, incumprimento da nova directiva europea da auga en redacción, renuncia á posta en valor de millóns de euros de investimentos públicos en saneamento  (os que sistemáticamente, rúa a rúa da cidade, están a separar augas pluviais e residuais dende hai décadas), perda de calidade dos espazos públicos... Todas son razóns máis que suficientes para debater a fondo o sistema de saneamento proposto e modificar o proxecto.

Temos que ser quenes, a cidadanía de Ferrol, de ser capaces de sanear e poñer en valor a nosa  ría. De facer valer os valores de uso e de utilidade social sobre valores espúreos de rendibilidade política inmediata. O horizonte do 2015 debería ser o do saneamento "integral" da ría e non o dunha nova frustración. Con este "saneamento" moitos creemos que chegamos tarde, mal e sen resolver os males que levamos tantos anos padecendo. Non podemos aceptar un modelo totalmente obsoleto de saneamento. A calqueira prezo.

Hai dous anos unha mobilización social importante en contra do tanque das Ranitas foi quen. Estamos a tempo de corrixilo. De todos nos depende.  A ría de Ferrol merece outra cousa.

[*] Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas, membros de Verdegaia.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
9 de setembro de 2013 14:53

_____________

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (II), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos

Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (I), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos
___________________

mércores, xullo 31, 2013

Por que salvamos a 'Ranita' e condenamos a 'Pablo Iglesias'?, ... Por Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos


Por Alexandre Carrodeguas [*]
31.07.2013


Cando falamos de cidades sostibles, de ecoloxía, de lugares de lecer para os nosos nenos e nenas non podemos permitir que unha das poucas zonas que temos para o seu goce se converta nunha zona degradada coa instalación dunha planta de tratamento de augas residuais e pluviais. Tendo tamén en conta que esta cidade é deficitaria en zonas verdes.

Como se sabe o "tanque de tormentas" que ía afectar o 'Xardín da Ranita' foi "relocalizado" pola confederación hidrográfica despois das protestas veciñais que reclamaban contra da súa instalación. Meses despois pretendese instalar, dentro do mesmo proxecto de saneamento, un "tanque de tormentas" aínda maior no parque Pablo Iglesias de Recimil.

A veciñanza de Ferrol Vello mobilizouse na 'Ranita' previo as pasadas eleccións municipais e conseguiron, co apoio de tódolos partidos presentes na corporación, que non se destruíra o seu Parque.

Un parque moi querido por tódolos Ferroláns.

No Parque 'Pablo Iglesias' os veciños e veciñas están tamén a loitar polo mesmo, por salvar un ben público desta cidade, para que siga sendo un espazo de lecer para o uso e goce de toda a veciñanza. O eco que están tendo estas dignas voces polo momento esta a ser ben cativo, non hai resposta positiva por parte do concello nin tampouco da maior parte do tecido asociativo da cidade.

Aínda estamos a tempo de conciliar o necesario saneamento da ría coa salvación dunha das principais zonas verdes da nosa cidade, todos sabemos que é necesario que preservemos o parque 'Pablo Iglesias' como unha zona verde entre os barrios de Esteiro-Recimil e Ultramar, máis tendo en conta que se fala de facer un 'bulevar' na avenida das Pías que deixaría unidos a estes dous populosos ensanches.

Temos que recordar que en Sevilla o Tribunal Supremo acaba de anular a construción dunha biblioteca nun parque público, baixo o argumento da prioridade da preservación da Zona verde como equipamento social básico.

O Supremo explica que as zonas verdes teñen sempre un réxime xurídico propio e peculiar, que introduce unha serie de garantías tendentes o mantemento da "intanxibilidade desas zonas", impedindo “que sexan borradas do debuxo urbanístico da cidade”.

Temos que ser capaces de modificar o proxecto e buscar localizacións alternativas que non degraden a calidade de vida de toda a cidadanía. Aínda que en Ferrol parece que sempre chegamos tarde para facer posible o necesario, sempre estaremos a tempo: Se na 'Ranita' puidemos modificar o proxecto porque non podemos salvar o noso 'Pablo Iglesias'?.

Salvemos a 'Pablo Iglesias', veciños e veciñas de Ferrol todo.

[*] Alexandre Carrodeguas, activista social de Ferrol Terra, promotor de plataformas cidadáns en defensa do patrimonio urbanístico e cultural; defensor dos espazos públicos e da rehabilitación dos cascos históricos; membro de Verdegaia e do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.





Enviado por:

Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
31 de julho de 2013 00:27
____________