Amosando publicacións coa etiqueta Participación cidadá. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Participación cidadá. Amosar todas as publicacións

martes, marzo 27, 2012

Asembleas de barrio previstas para a última semana de Marzo - Informa a Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá

Asembleas de barrio-Ultima semana Marzo-2012

Constitución de ASEMBLEAS DE BARRIO


A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá, órgano impulsor do propio regulamento, convida a toda a cidadanía a participar na constitución das distintas ASEMBLEAS DE BARRIO.

Animamos a todos os veciños e veciñas de todas os pensamentos, idades, persoas non asociadas que impulsen e participen de forma individual ou colectiva a formular PROPOSTAS que considere ou CANDIDATURAS para os órganos do seu barrio.

Esta Comisión de Control denuncia a esta concellaría de Participación Cidadá pola falta de publicidade diaria tanto nos medios como na páxina web do concello que necesita este proceso constituínte das distintas Asembleas de Barrio polo que acordamos que a propia Comisión de Control publicitará estas sucesivas Asembleas.

A Comisión consideramos que estas Asembleas de barrio son órganos importantísimos de Participación Cidadá polo que facemos un chamamento as entidades sociais de cada barrio ou parroquia co obxecto de fomentar e enriquecer estes foros de debate no seu ámbito territorial.

Lembramos as competencias:

Artigo 32. Competencias das ASEMBLEAS DE BARRIO;

Será competencia das ASEMBLEAS DE BARRIO:
a. Fomentar a participación directa na xestión municipal de cada barrio das persoas que o habitan e das entidades que actúan no seu territorio, establecendo a este efecto os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais.

b. Promover a colaboración entre as organizacións do barrio e entre estas e os/as veciños/as.

c. Participar na toma de decisións sobre as actuacións e investimentos que o Concello realice no ámbito territorial da Asemblea:

c.1) Debatindo e valorando os elementos dos plans de actuacións e investimentos do Concello que afecten ao ámbito territorial da Asemblea;

c.2) Informando, como mínimo anualmente, ao Concello do funcionamento efectivo e seguimento dos servizos municipais e das necesidades do territorio, con indicación e selección de prioridades para a súa posible inclusión no plan de actuacións do Concello;

c.3) Elaborando propostas para implementar proxectos e programas públicos, novos servizos, etc.

d. Solicitar información do Concello, previa petición razoada, dos temas de interese para a Asemblea.

Lembramos que as seguintes ASEMBLEAS DE BARRIO desta semana serán:
- MÉRCORES-28– Barrio Ensanche A-Inferniño ás 19,30 h. no salón de actos do Centro Cultural Municipal Carvalho Calero.

- VENRES -30 - Barrio de RECIMIL ás 19,30 h. no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

A Comisión de Control P do RPC.-

comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
27 de março de 2012 13:38

__________

xoves, marzo 01, 2012

A Participación Cidadá, os Orzamentos Participativos e a Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol

Onte, 29 de Febreiro, tivo lugar unha xuntanza no local da Asociación Veciñal de Esteiro. Trataba-se da segunda xuntanza da Comisión de Control Provisional de seguimento e desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá de Ferrol coas entidades veciñais e sociais da cidade. Foron moitas as entidades presentes, mais tamén houbo non asistencias significativas.

A xuntanza tiña o obxectivo de analizar o proceso de participación cidadá, coa constitución das asembleas de barrio como fondo, que se está desenvolvendo na cidade por iniciativa do goberno municipal (PP), desprezando, este, á Comisión de Control Provisional e sen unha normativa especifica acordada no seo de dita Comisión, transgredindo unha vez máis as Disposicións Transitorias Primeira e Segunda do citado Regulamento. Que di:

"Disposición Transitoria Primeira
As ASEMBLEAS DE BARRIO serán delimitadas e reguladas por unha normativa específica, unha vez consultada á cidadanía mediante enquisas cidadás e contrastada esta información mediante grupos de debate abertos á veciñanza.

Disposición Transitoria Segunda
1. Ate a constitución do CONSELLO DA VECIÑANZA e a posterior elección polo mesmo da COMISIÓN PERMANENTE, existirá unha COMISIÓN DE CONTROL PROVISIONAL que será elixida de entre as persoas participantes no proceso de debate cidadá para a elaboración participada deste Regulamento.
2. A proposta para a constitución da COMISIÓN DE CONTROL PROVISIONAL será formulada nunha sesión de traballo do Grupo de Análise e Proposta, conformado para o proceso participativo de reforma do presente Regulamento.
3. O proceso electoral para elixir a COMISIÓN DE CONTROL PROVISIONAL deberá porse en marcha simultáneamente á difusión do presente Regulamento".

Isto no que respecta á formulación e desenvolvemento da participación cidadá, encanto os aspectos legais acordados por unanimidade no Pleno do Concello na sesión ordinaria do 9 de Xullo de 2009, tras un proceso participativo da cidadanía e sen que se recibiran achegas e suxestións ao mesmo durante o período de exposición pública dende o 26 de Agosto até o 9 de Setembro de 2009.

E por outra banda está o que respecta ao asunto dos incumprimentos dos acordos tomados pola veciñanza e ratificados no seu momento polo propio Concello nos seus respectivos órnanos de decisión, en  referencia aos orzamentos participativos (OOPP).

A Comisión de Control realizou ao Alcalde, formalmente e por rexistro municipal unha pregunta polo grao de cumprimento dos orzamentos participativos, con data de 28 de Febreiro de 2012:

Pregunta sobre as Propostas aprobadas nos OOPP-2010

A Comisión de Control Provisional do RPC, preguntou ao goberno municipal cal era o grao de execución das propostas aprobadas pola cidadanía na última asemblea de Cidade,  mediante a presentación a esta Comisión dun Informe técnico.

Lembramos que un total de 1.258 persoas foron chamadas a votar na Asemblea de Cidade que se celebrou o sábado, 18 de decembro de 2010 no Salón de Actividades da Feira Internacional de Mostras (FIMO), na Malata, na que os veciños e veciñas de Ferrol puideron elixir aquelas propostas seleccionadas previamente nas asembleas de barrio.

O Goberno comprometeuse entón a destinar 1.650.000 € para estes Orzamentos Participativos nos nove barrios participantes no ano 2010.

A Asemblea de Cidade aprobou 25 das 56 propostas que foron presentadas entre infraestruturas, servizos ou iniciativas culturais.

Lembramos que de máis as menos votadas, as propostas que saíron adiante e que xa que logo acometeranse con cargo aos orzamentos participativos son:
  1. Continuación carril- bici ata o cruce da estrada de Lobadiz, e beirarrúas ata a estrada xeral.-145.000 €.
  2. Mellora de acceso a internet na zona rural. - 100.000 €.
  3. Melloras e cambio na pavimentación das pistas do Polideportivo do CEIP de San Xoán de Filgueira. - 65.000 €.
  4. Arranxar beirarrúas de Vila de Area á Vila da Igrexa e colocación de varandas.- 57.000 €.
  5. Colocación de puntos de luz desde paseo marítimo á Vila de Area. - 45.000 €.
  6. Acondicionamento cunetas (zona rural). - 120.000 €.
  7. Comedor social no barrio de San Pablo. - 49.500 €.
  8. Recollida e limpeza de fosas sépticas (San Xurxo-Doniños). - 156.000 €.
  9. Alumeado na estrada principal do paseo marítimo de Doniños. 58.860 €.
  10. Recollida e limpeza de fosas sépticas (Covas-Esmelle). - 180.880 €.
  11. Axilización de inventariado para recuperación de fontes, lavadoiros e camiños públicos. 7.800 €.
  12. Programas de atención ás persoas maiores. - 97.000 €.
  13. Programa de prevención da delincuencia. - 30.960 €.
  14. Parque urbano no Campo de Tiro (Catabois). - 294.000 €.
  15. Formación de monitores de tempo libre. - 5.000 €.
  16. Aparcadoiros nas Praias de Covas. - 41.020 €.
  17. Parque biosaudable (San Xoán). - 12.000 €.
  18. Realización dunha experiencia piloto de animación sociocultural na zona rural dos OP.- 106.000 €.
  19. Construción dun parque biosaudable e infantil no solar anexo ao Local Social de Covas.- 16.700 €.
  20. Posta en valor dos montes do concello: recuperación de flora autóctona. - 8.000 €.
  21. Fomento do transporte en bicicleta (Ferrol Vello-Canido). - 6.000 €.
  22. Plan de ordenación forestal da zona rural. - 23.000 €.
  23. Acondicionamento e pasarela peonil na lagoa de Doniños. - 13.000 €.
  24. Plan de limpeza de solares de Ferrol Vello. - 6.000 €.
  25. Bandas sonoras na R/Celso Emilio Ferreiro e estrada alta do porto. - 1.350 €

Preguntaron por Rexistro municipal do concello a situación actual destas aprobadas pola Asemblea de Cidadá en decembro do 2010.

Na citada reunión acordou-se a elaboración dun calendario de reunións informativas por barrios.

Por outra banda acordou-se pronunciar-se publicamente contra dun novo proxecto e obra da enésima remodelación da Praza de España.

Web e Contacto coa  Comisión de Control Provisional.
http://participacion-ferrol.blogspot.com/
comision.gap@gmail.com

Información baseada na enviada por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
1 de março de 2012 00:18
____________________

mércores, febreiro 29, 2012

29 de Febreiro -Mércores: Participación Cidadá no Concello de Ferrol - Xuntanza da Comisión de Control Provisional coas entidades veciñais e sociais da Cidade, para abordar a problemática xurdida polo xeito que entende o actual grupo de goberno do Concello de Ferrrol a participación cidadá e acordar unha resposta cidadá contra tal política e a lista de anomalías e incumprimentos

Convocatoria Cidadá.-

29 de Febreiro ás 8 da tarde no Local da Asociación Veciñal de Esteiro

COMISIÓN DE CONTROL PROVISIONAL PARA O DESENVOLVEMENTO DO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Este pasado día 9 de Febreiro celebramos unha xuntanza a Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá (RPC); A. Veciñal de Covas; A. Veciñal de S. Xurxo; Asociación S.C. López Bouza; A.Veciñal de Esteiro; A. Veciñal S. Pablo-Catabois; A.Veciñal O Rosario-Inferniño; A.Veciñal Prioriño; A. Veciñal S.Xoán-O Bertón; A.Veciñal Stª. Mariña; A.C. Fuco Buxán ; Colectivo Ártabra21 e outras persoas a título individuais, acordando celebrar unha nova CONVOCATORIA dirixida a todas as entidades socias, veciñais, colectivos e persoas co obxecto de manter unha reunión o vindeiro día 29 de Febreiro ás 19 h. [ADIOU-SE PARA AS 8 DA TARDE] no local da Asociación veciñal de Esteiro co fin de facer propostas e avaliar os procesos participativos.

Dende o pasado día 30 de Novembro que se celebrou un FORO CÍVICO no Centro Cultural Municipal Carvalho Calero cos resultados xa coñecidos, esta Comisión de Control decide celebrar reunións co tecido asociativo e os grupos políticos da oposición.

Outra xuntanza foi cos grupos políticos da oposición (PSOE, BNG e EU) este pasado día 16 de febreiro na casa do concello, onde realizamos unha análise da situación actual dos procesos participativos que coincidimos en cualificalos como moi grave posto que a participación cidadá tal e como a concibimos non existe. Lembramos que pedimos a intervención do Sr. Alcalde para apartar desta concellaría de Participación Cidadá ao actual titular, Sr. Vilariño.

Denunciamos a constante NEGATIVA deste concelleiro de Participación Cidadá en facilitar os informes técnicos ante os repetidos requirimentos que reclaman a Comisión de Seguimento dos OP,s-2009 e a Comisión de Seguimento dos OP,S-2010, polo que sería moi grave que o goberno suprimira, alterara ou modificara as PROPOSTAS aprobadas pola ASEMBLEA de CIDADE celebrada o pasado 18 de Decembro-2010.

Quedamos convocados/as para este vindeiro mércores día 29 facendo un chamamento ao tecido asociativo co fin de facer unha análise do actual proceso de Participación.

Saúdos

Ferrol, a 25 de Febreiro de 2012.

- A Comisión de Control Provisional do Regulamento Participación Cidadá.

---

IMPORTANTE

Adiada, até as 8 da tarde, a Xuntanza da Comisión de Control co tecido asociativo de Ferrol.

Retrasamos xuntanza de entidades veciñais e  sociais para ás 8 da tarde do mesmo mércores 29 de Febreiro de 2012.

Comision Veciñal 28 de fevereiro de 2012 21:27

Motivada a CONCENTRACIÓN EUROPEA convocada por varios sindicatos e coincidindo na mesma hora "19:00 h." 7 da tarde-, e a proposta de varios compañeiros e entidades retrasamos a XUNTANZA COAS ENTIDADES SOCIAIS sobre PARTICIPACIÓN CIDADÁ para ás 8 h. da tarde no local da A. Veciñal de Esteiro.

Saúdos

- A comisión.-
comision.gap@gmail.com
www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
28 de fevereiro de 2012 00:34
28 de fevereiro de 2012 21:27

__________________________________

Noticia de interese no Diario de Ferrol:

O Concello tan só executou o 9% do orzamento participativo do ano 2010.
Sábado, 25 de Febreiro de 2012.
Por Lorena Romero - Ferrol .
_______________________________________

martes, febreiro 21, 2012

Xuntanza Comisión de control e grupos políticos da oposición - Participación cidadá no Concello de Ferrol

Denuncian a "falta de compromiso" de Vilariño cos orzamentos participativos

Martes, 21 de Febreiro de 2012

A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá denunciou publicamente a "falta de garantías sen concrecións de cantidades económicas e compromisos do concelleiro de área destinadas aos orzamentos participativos". O colectivo analizou o modo en que se está actuando nas asembleas de barrio de carácter informativo tras manter, o pasado día 16, unha reunión con representantes de PSOE, BNG e EU no Concello.

A mencionada comisión asegura que resulta insuficiente o envío dunha carta a algúns veciños para convocalos ás asembleas de barrio, lamentando que esas comunicacións non se realicen a través dos medios e a web municipal e que non se entregue un calendario coas citas deste tipo de procesos de ámbito participativo. Ademais, o colectivo denuncia "o actual grao de intensidade de participación" que, segundo indican, "quedou reducido a un mero trámite informativo de baixo perfil activo da cidadanía". "Sería moi grave que ou goberno non respectase as propostas aprobadas pola cidadanía na asemblea de cidade do pasado ano", indican.

Respecto diso, denuncian a "constante negativa" do concelleiro de Participación Cidadá, José Manuel Vilariño, ao que reprochan o feito de que non facilite, indican, os informes técnicos "ante os reiterados requerimentos que reclaman á Comisión de Seguemento dos Orzamentos Participativos de 2009 e 2010".

Sobre o traballo a realizar nos próximos meses pola Comisión de Control Provisional, inciden en que van continuar co encomendado polo propio Regulamento de Participación Cidadá..

Diario de Ferrol
--
Publicado por Participación Cidadá de Ferrol
PARTICIPACIÓN CIDADÁ-FERROL
21.02.2012
--
comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
21 de fevereiro de 2012 14:36
_____________

sábado, decembro 03, 2011

A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadán do Concello de Ferrol solicita a distitución do concelleiro da área José Manuel Vilariño Anca - En relación coa convocatoria e desenvolvimento do Foro Cívico de Ferrol celebrado o pasado 30 de Novembro no Inferniño

PETICIÓN DESTITUCIÓN DO SR. VILARIÑO NA CONCELLARIA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ.

COMISIÓN DE CONTROL PROVISIONAL DO R.P.C.

A Comisión de Control Provisional do Regulamento de Participación Cidadá (RPC), órgano nomeado polo Pleno Municipal de Ferrol, reunida este xoves, 1 de decembro ás 19 horas con caracter urxente, analiza a celebración do mal nomeado FORO CÍVICO no Salón de Actos do Centro Cultural Municipal Carvalho Calero e convocado pola concellaría de Participación Cidadá.

Ante isto, facemos as seguintes valoracións:
1 .- A convocatoria e celebración deste mal chamado Foro Cívico non conta co necesario respaldo da cidadanía por obviar o correspondente debate, análise e propostas para decidir a propia Participación Cidadá, carecendo das características propias dun Foro, tal como se define este espazo no Regulamento de Participación Cidadá, onde o debate e a palabra dos cidadáns non tiña cabida, e moito menos a toma de decisións.

2 .- Durante o desenvolvemento do pretendido Foro Cívico a cidadanía non tivo a oportunidade de presentar alternativas ó informe presentado polo Concelleiro, negándoselle incluso o debate sobre temas tan importantes como a figura do Valedor da Cidadanía ou a implantación dos órganos do Regulamento de Participación Cidadá.

Hai que sinalar, ademais, que o propio debate e toma de decisións xa viña negado de antemán, xa que algunhas das supostas propostas presentadas polo Concelleiro xa estaban aprobadas con anterioridade, como é o caso da distribución xeográfica das distintas zonas asemblearias

3 .- O Concelleiro de Participación Cidadá, Sr. Vilariño, se presenta ante este presunto Foro sen unha cantidade a destinar para os Orzamentos Participativos. Lembramos que na argumentación do concelleiro, fai unhas exposicións demagóxicas e enganosas aludindo dificultades económicas, polo que rebatemos esta falacia partidista xa que non hai que consignar partidas específicas e si compromisos do 5% ou 6% do presuposto anual do ano 2012.

4 .- Denunciamos a constante NEGATIVA deste concelleiro de Participación Cidadá en facilitar os informes técnicos ante os repetidos requirimentos que reclaman a Comisión de Seguimento dos OP,s-2009 e a Comisión de Seguimento dos OP,S-2010, negando o principio de transparencia imprescindible nas boas prácticas democráticas. Consideramos como moi graves e falta de democracia, alterar programas culturais aprobados pola cidadanía como “Culticipando” ou modificar algunhas Propostas aprobadas pola Asemblea de Cidade.

5 .- En maio do 2008, celebramos un FORO CÍVICO na Universidade co obxecto de abrir un debate cidadá sobre a necesidade de aspirar a ter un Regulamento de Participación Cidadá solidario e ambicioso. Entendíamos a Participación Cidadá como un espazo de encontro para a solidariedade e valores de debate e respecto entre as persoas e distintos barrios sen entrar en ningunha confrontación social.
Esta Comisión de Control non vai tolerar comportamentos impropios e insolidarios a grupos que traten de rebentar os diferentes procesos participativos.

Por todo isto;

Declaramos que o acto celebrado o mércores-30 ás 19,30h no salón de actos do Centro Cultural Municipal Carvalho Calero non se corresponde á definición de FORO CÍVICO, semellando máis unha asemblea informativa.

Esta Comisión estivo colaborando no desenvolvemento de “seis Foros Cívicos” no curto espazo de tempo de Outubro-10 a xaneiro-2011 con todas as garantías de debate e toma de decisións das persoas asistentes.

Facemos responsable ao Concelleiro de Participación Cidadá, Sr. Vilariño, de apropiarse e usurpar a Democracia Participativa, privando o desenvolvemento da Participación Cidadá e Orzamentos Participativos.

Facemos responsable ao Sr. Vilariño por fomentar a confrontación vivida neste acto e non aplicar o verdadeiro sentido da Democracia Participativa.

Expostos todos estes antecedentes, A Comisión de Control do RPC pensamos que existen bastantes argumentos para SOLICITAR:

• Convocatoria dun FORO CIDADÁ onde poidamos presentar propostas, debatelas, consensualas e decidir sobre os pasos que hai que dar para avanzar na Participación Cidadá.

• Anulación do acordo plenario referente ós ámbitos xeográficos ata o seu debate por parte da cidadanía

• Intervención do Sr. Alcalde para apartar das súas funcións como Concelleiro de Participación Cidadá ao Sr. Vilariño e nomear a outro membro do goberno para este cometido.

Ferrol, a 1 de decembro de 2011.

- Pola Comisión de Control P. de Participación Cidadá.-

- SR. ALCALDE- PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL.-

--
Publicado por Participación Cidadá de Ferrol para PARTICIPACIÓN CIDADÁ-FERROL el 12/02/2011 03:11:00 PM

--
enderezo-e: comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
2 de dezembro de 2011 16:22
__________________

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: A cidadanía quere máis participación - A mantenta do acontecido no Foro Cívico de Ferrol

Ártabra 21: Convocado o Foro Cívico de Ferrol para o 30 de Novembro no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño
_______________________

venres, decembro 02, 2011

A cidadanía quere máis participación - A mantenta do acontecido no Foro Cívico de Ferrol


Se algo quedou claro no Foro Cívico dá Cidade celebrado onte -o primeiro convocado polo actual goberno co obxectivo de "debater sobre o modelo de participación veciñal para os próximos anos"- é que os ferroláns queren máis. Tamén se deixou meridianamente de manifesto que na reunión "aberta ao conxunto da cidadanía" había dous "bandos": os que se involucraron desde o principio no proceso de participación cidadá e "os novos", claramente identificados co Partido Popular.

Durante unhas dúas horas, o concelleiro da área, José Manuel Vilariño, e os dous técnicos que o acompañaban, expuxeron pormenorizadamente en que consiste o Regulamento de Participación Cidadá, que son os orzamentos participativos e cal é o mecanismo para elixilos. As intervencións foron prolijas, pero unha vez que acabaron quedou en evidencia que os asistentes "polo menos algúns deles" non estaban moi conformes co exposto. Axiña que como se abriu en quenda de intervencións comezou o auténtico debate, que virou en torno ao foro en si e á suposta "desvirtuación" que -en palabras de varios dos intervinientes- facíase desta figura de participación. Reprochouse ao goberno que pretendese expor os seus plans sen debate nin aprobación por parte dos asistentes -o representante da Asociación Veciñal O Rosario, do Inferniño, invitou aos presentes a "seguir ou ritmo que nós marquemos e non ou que diga ou goberno"-; acusoullo tamén de haber deformado programas que xa estaban en marcha, como Culticipando e botouse en falta que non se falase da figura do Defensor dá Cidadanía, contemplada no regulamento, e que non se aclarase a canto ascenderán os orzamentos participativos de 2012, asumido xa o feito de que o actual será un ano en branco. Neste sentido, algún dos participantes criticou o exceso de partidas de "gastos diversos" nos orzamentos, cifrounos en 1,6 millóns de euros, mentres que outros recordaban que o compromiso adquirido era incrementar a contía dos orzamentos participativos ata os tres millóns.

O cariz das intervencións levou a algunha quenda de palabra que levantou bochas. Como o do que felicitou ao goberno por desenvolver nestes meses o Regulamento de Participación Cidadá -enseguida aclaróuselle que o texto comezou a redactarse en 2008 e estivo finalizado ao ano seguinte- ou o do representante da Asociación de Inquilinos, que dixo que ao longo do proceso de orzamentos participativos -que cualificou de "camelo barato"- enganouse ás entidades. A este último acusou-se-lle de non asistir a ningunha reunión ata o momento para deslegitimar a súa opinión. Ata o xefe de gabinete do alcalde, Miguel Tellado, falou para defender que o que onte se celebraba era un "foro" no estrito sentido en que o define o Regulamento de Participación Cidadá, aínda que tamén tivo resposta porque non chegou a ler a totalidade do que o texto normativo di sobre as funcións do foro, que Tellado quería limitar a un lugar de discusión. Ata Vilariño apelou á definición da palabra "foro" na RAE "é de supor que o traía preparado" porque foron precisamente as acusacións de que se estaba furtando á cidadanía a posibilidade de decidir as que centraron o debate.
O concelleiro concluíu que a opinión común que onte quedou de manifesto é a importancia de contar cun Regulamento de Participación Cidadá e asegurou que o goberno non enganou a ninguén coa convocatoria de onte: a súa intención era dar a coñecer os seus plans con respecto ao proceso. Pero sen datas, como tamén lle reprocharon.

Publicado no Diario de Ferrol, por PRC o 01.12.2011


Documento de Interese:

Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol


[Aprobado inicialmente o REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ, por unanimidade do Pleno do Concello na sesión ordinaria do 09.07.2009, tras un proceso participativo da cidadanía e os trámites oportunos, e sen que se recibiran achegas e suxestións ao mesmo durante o período de exposición pública dende o 26.08.2009 ate o 29.09.2009; publícase a continuación o texto íntegro para a súa entrada en vigor. Publicado no BOP p 2 de Decembro de 2009 BOP nº 256 Páxina 58].

Detalle do regulamento de moito interese, correspondente ao que di o regulamento respecto dos Foros Cívicos -Que son? - Como están Constituidos? - Cais son as súas competecias e funcións? :

CAPÍTULO III. FOROS CÍVICOS

Artigo 34. Definición de foros cívicos
1.    Os Foros Cívicos son órganos de reflexión e debate, de formulación de propostas e de control da execución das mesmas cando fosen aprobadas polo Concello.
2.    Os Foros Cívicos permiten a participación cidadá en cuestións que afectan a máis dunha área ou sector de actividade municipal. Son, por tanto, órganos de carácter transversal ou interdepartamental.

Artigo 35. Composición dos foros cívicos
1.    Constituirán os Foros Cívicos:
a) Coordinación: Representante da Concellería delegada de Participación Cidadá.
b) Cidadáns e cidadás a título individual que manifiesten interese na materia do Foro e sexan maiores de 16 anos, agás posibles Foros infantís, que se rexirán por unha normativa específica.
c) Representantes de entidades cidadás inscritas no Rexistro Municipal de Entidades Cidadás relacionadas co ámbito do foro ou interesadas nel.
d) Representantes de Consellos Sectoriais e Asambleas de Barrio.
e) Obrigatoriamente, representantes das Concellerías con competencias en relación co tema a debatir no Foro. Estes representantes terán voz e non terán voto; a súa función será informativa e explicativa.
f) Con rango de observadores/as, outros Concelleiros/as e técnicos/as municipais, así como profesionais ou persoas con especial coñecemento dos temas a tratar, para informar de aspectos que lles sexan consultados polo Foro.
2.    Designarase unha axuda técnica que asuma as funcións de secretaría e moderación do Foro, participando nas sesiones con voz e sen voto.

Artigo 36. Competencia dos foros cívicos
Será competencia dos Foros Cívicos:
a) Canalizar a participación directa na xestión municipal dos asuntos que afecten a máis dunha área orgánica de actividade municipal, das persoas e das entidades afectadas ou interesadas, establecendo a este efecto os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais.
b) Promover a colaboración entre as persoas e entidades vinculadas á temática que se aborda no Foro.
c) Participar na toma de decisións sobre as medidas a adoptar polo Concello na temática do Foro:
c.1) escoltando e debatindo as demandas cidadás;
c.2) elaborando propostas en forma de dictames e informes.
d) Controlar a execución, por parte do Concello, das actuacións que tivese aprobado a partir dos informes emitidos polo Foro.

Artigo 37. Funcionamento dos foros cívicos
Os Foros Cívicos cumprirán as seguintes normas xerais de funcionamento:
a) Funcionarán en Pleno e en comisións de traballo.
b) Terán continuidade no tempo a través da Comisión Permanente, que realizará as funcións de seguimento das decisións adoptadas.
c) A Comisión Permanente poderá solicitar á Concellería delegada de Participación Cidadá, a convocatoria do Foro en Plenario cando o considere oportuno.
d) A composición e número de membros da Comisión Permanente, determinaranse polo plenario de cada Foro.


_________________________

martes, novembro 29, 2011

Convocado o Foro Cívico de Ferrol para o 30 de Novembro no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño

CONVOCATORIA FORO CÍVICO - 30 NOVEMBRO-2011

Desde a concellaría de participación cidadá do concello de Ferrol convoca-se o Foro Cívico, para informar da actuación municipal no ámbito de participación cidadá: o desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá e a posta en marcha do proceso dos Orzamentos Participativos.

Foro Cívico que terá lugar o mércores, 30 de Novembro no Salón de actos do Centro Sociocultural Carvalho Calero, de 19:30 a 21:30 horas.

A Orde do día contempla as seguintes cuestións:
  1. Recepción de persoas asistentes ao Foro. 19,30 h.
  2. O desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá. 19,40 h.
  3. Situación dos Orzamentos Participativos e presentación do novo modelo. 20,00 h.
  4. Propostas de zonas asemblearias e calendario de traballo. 20.20 h.
  5. Posta en común e debate. 20,30 h.

Comisión Veciñal de Seguimento

comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision Veciñal
-comision.gap@gmail.com-
28 de novembro de 2011 18:09
________________

luns, outubro 24, 2011

Barrios, ... Por Amadeo Varela Rodríguez

Por Amadeo Varela [*]
24.10.2011


No Capítulo II do Regulamento de Participación Cidadá, fálase das Asembleas de Barrio, cuxos ámbitos territoriais serán establecidos polo Concello, “baseándose nunha enquisa cidadá, co contraste cos colectivos e entidades sociais e mediante acordo adoptado polo Pleno...”. ¿Quere isto dicir que o ámbito dunha asemblea de barrio pode exceder os límites do propio barrio? Se é así, xa non se trataría dunha asemblea de barrio. E se non é así, non será necesario establecer o ámbito territorial, que xa estaría definido polos propios límites do barrio. Por outra banda, ¿refírese a “enquisa cidadá” a unha enquisa de toda a cidadanía?

Paréceme a min que hai unha certa dose de ambigüidade que non axuda moito á comprensión deste artigo, ademais do principal problema, xa que coido que os límites dos barrios están aínda sen definir. Por exemplo, ¿onde acaba Ferrol Vello e comeza Canido?¿ Ata onde chega Esteiro, que por lóxica nunca podería traspasar as murallas de cerramento da cidade? Ou ¿é San Xoán-Bertón un só barrio?

Para comezar, poderíase formar unha comisión institucional para definir os límites de cada barrio, de xeito definitivo alí onde non se prevén cambios e de xeito provisorio onde o crecemento da cidade poda producir alteracións.

Sería imprescindible a opinión dos cidadáns dos barrios afectados en cada caso, pero cun mínimo de rigor histórico. Por suposto, o pleno do Concello sempre tería a última palabra neste importante tema.

Publicado no "Diario de Ferrol"

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
______________________

domingo, marzo 13, 2011

Constituídas as comisións de seguemento que velarán polo cumprimento dos acordos adoptados nos Foros Cívicos

CONSTITUCIÓN DAS COMISIÓNS DOS FOROS CÍVICOS.-

Constituídas as comisións de seguemento que velarán polo cumprimento dos acordos adoptados nos Foros Cívicos

Xoves, 10 de marzo de 2011

Están integradas por 64 persoas distibuídas en seis áreas: Democracia Participativa, Xuventude, Patrimonio e Medio Ambiente, Aforro Enerxético, Modelo de Cidade e Deportes

A creación do Consello de Xuventude, a racionalización do consumo enerxético, a creación dunha Oficina Municipal de Queixas ou o fomento de actividades deportivas son algundas das propostas.

As iniciativas poderán ser presentadas ao proceso de Orzamentos Participativos de 2011, ao que se destinarán tres millóns de euros.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, presidiu a constitución das Comisións de Seguimento que velarán polo cumprimento das propostas que foron acordados nos Foros Cívicos que se celebraron entre os meses de novembro e decembro de 2010.

Estes foros, nos que participaron un total de 122 persoas, foron promovidos polo Concello de Ferrol ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos, pioneiro en Galicia, como puntos de encontro abertos a toda a cidadanía nos que os asistentes puideron realizar as súas aportacións de actuacións ou proxectos relacionados con diversas temáticas:

Democracia Participativa”,  “Políticas de Xuventude”,  "Patrimonio e Medio Ambiente”,  “Aforro enerxético”,  “Modelo de Cidade” e  “Deportes”.

Da súa posta en marcha por parte da Administración local velarán un total de 64 veciños e veciños, que participarán os vindeiros 11, 15 e 16 de marzo en diferentes reunións de traballo para abordar a posta en marcha das propostas vinculadas con cada temática, previa presentación ao Concello de Ferrol.

Así pois, e respecto ao foro sobre “Democracia Participativa”, as principais propostas elixidas están relacionadas coa constitución dunha Oficina de Queixas e Suxestións, o establecemento de puntos de información nos barrios, a eliminación de barreiras burocráticas para axiliar a tramitación dos expedientes municipais ou promover o coñecemento dos dereitos de participación da cidadanía a través de diferentes órganos e espazos (intervencións nos plenos, audiencias públicas, procesos de participación, etc.).

Na área de “Xuventude”, apostouse por crear espazos de coordinación co Concello -o Consello de Xuventude-, apoiar o traballo das asociacións ou implicar ás entidades xuvenís nos procesos participativos, difundindo entre a xuventude o proceso de Orzamentos Participativos, a través do cal os veciños e veciñas teñen a oportunidade de elixir o destiño dunha partida municipal (3 millóns de euros en 2011).

Fomentar iniciativas empresarias sostibles, actualizar o inventario de bens patrimoniais, priorizar o patrimonio natural das intervencións municipais ou avanzar no saneamento integral da ría foron as propostas máis destacadas do Foro Cívico de “Patrimonio e Medio Ambiente”.

Por outra banda, e relacionado coa temática de Aforro Enerxético e Enerxías Renovables, priorizáronse as seguintes propostas: a instalacións de paneis solares en diferentes puntos do municipio, a organización de accións formativas e de sensibilización neste eido, a racionalización do consumo enerxético ou a promoción das Tecnoloxías de Información e Comunicación (TICs) para promover o consumo sostible.

No quinto dos Foros Cívicos celebrados, o relativo ao “Modelo de Cidade que queremos. Ordenamento urbanístico e compromisos sostibles coa cidadanía”, as principais conclusións acadadas están relacionadas con propostas como a unión de barrios a través de zonas verdes, continuar apostando pola rehabilitación de vivendas ou fomentar os espazos urbanos para o uso e disfrute das persoas evitando os aparcamentos no casco histórico.

Finalmente, no Foro de Deporte para cuxa celebración previamente se realizou un traballo para coñecer as demandas e propostas dos clubs e entidades deportivas, as propostas por cuxa posta en marcha velará a comisión de seguimento son as seguintes:

-Formación técnica a monitores e asesoramento aos clubs en aspectos administrativos, deportivos, etc; fomentar actividades deportivas no eido educativo e competicións ou publicitar os acordos do Patronato de Deportes, así como favorecer a participación das entidades deportivas na fase de planificación de eventos.

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, explicou que todas estas propostas se abordarán nas xuntanzas de traballo que se manterán coas Comisións de Seguimento de cada unha das áreas. A primeira delas -a de Xuventude- celebrarase este venres, 11 de marzo, ás 19.00 horas no Concello de Ferrol.

- Para o 15 de marzo está convocada a Comisión da área de “Deportesás 19.30 horas-

- 16 de marzo, a de “Democracia Participativa”, “Medio Ambiente e Promoción do Patrimonio” e “Aforro Enerxético e enerxías renovables” e “Modelo de Cidade”, que se constituirán en diferentes grupos.

Neste senso, o obxectivo é traballar de xeito coordinado co resto de órganos de participación vixentes na actualidade no Concello (un total de 29 entre Foros Cívicos, Comisións de Seguimento dos Foros Cívicos, Consellos Sectoriais ou os órganos de participación creados no seo do proceso de orzamentos participativos). Para iso, plantexouse a necesidade de presentar todas estas propostas saíntes dos Foros Cívicos aos Orzamentos Participativos de 2011, tendo en conta que nesta terceira edición do proceso o orzamento é de 3 millóns de euros e o ámbito de actuación amplíase á totalidade do territorio (22 barrios e parroquias) e a todas as áreas de xestión municipal.

ferrol.es

--
Publicado por Participación Cidadá de Ferrol para PARTICIPACIÓN CIDADÁ-FERROL

Enviado por:
xose manuel sanxoan
-melsanxoan@gmail.com-
10 de março de 2011 23:47
______________

venres, decembro 17, 2010

Este Venres, 17 de Decembro, vai ter lugar, en Ferrol, o 5º Foro Cívico: “O modelo de cidade que queremos" - Participa !!

Este Venres, 17 de Decembro de 2010, de 6 a 9 da Tarde, na Sala de Actividades do Centro Cultural Carvalho Calero, na Praza do Inferniño de Ferrol, terá lugar o 5º dos Foros Cívicos recollidos no Regulamento de Participación Cidadá

A democracia participativa, as políticas de xuventude, a posta en valor do patrimonio e o medio ambiente ou as novas tecnoloxías foron até o de agora algunhas das temáticas que se abordarón. Os foros son instrumentos de reflexión e participación aprobados ao abeiro do proceso de Orzamentos Participativos de 2009, proceso pioneiro na Galiza.  Acordou-se a súa realización na Asemblea Cidadá para os Orzamentos Participativos de 2009, deseñando-se en conxunto polos dous grupos de traballo dos Orzamentos Participativos e do Regulamento de Participación Cidadá. Ditos foros cívicos están contemplados no Regulamento de Participación, no que se recolle a súa función.

Permiten a participación cidadá en cuestións que afectan a máis dunha área ou sector de actividade municipal. Son, polo tanto, órganos de carácter transversal ou interdepartamental que teñen entre os seus cometidos promover a colaboración entre asociacións, persoas expertas e vinculadas ás temáticas que se aborden nos foros.

Outra das súas funcións é canalizar a participación directa na xestión municipal dos asuntos que afecten a máis dunha área orgánica da actividade municipal, das persoas e das entidades afectadas ou interesadas, establecendo os mecanismos necesarios de información, estímulo e seguimento das actividades municipais. Tamén participar na toma de decisións sobre as medidas a adoptar polo Concello na temática do foro escoitando e debatindo as demandas cidadás e elaborando propostas en forma de dictames e informes. Finalmente, controlarán a execución, por parte do Concello, das actuacións que tivese aprobado a partires dos informes emitidos polo foron.

Xa se realizaron no pasado mes de Novembro os de:
  • Democracia participativa. Promoción da participación cidadá no tecido social e administrativo. Corresponsabilidade.
  • As políticas de xuventude e a participación cidadá.
  • Posta en valor do patrimonio e o medio ambiente.
  • Novas tecnoloxías, aforro enerxético e enerxías alternativas.
Este Venres 17 de Decembro terá lugar un moi importante como é "O modelo de cidade que queremos. Ordenamento urbanístico e compromisos sostibles coa cidadanía.


Participa !!

Coordena os Foros:

Jorge Fente Balsa
Móbil: (34) 627-570943
Tfno.: (34) 981-589269
jorge.fente@cidadania.coop
____________________________

luns, novembro 01, 2010

A Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación reuniuse cos grupos políticos municipais para impulsar o seu desenvolvemento

O edil Manuel Santiago anunciou que a Comisión mantivo un encontro cos representantes políticos. A creación da figura do Defensor da Cidadanía ou da Oficina e Comisión de Suxestións e Reclamacións son algunhas das necesidades que se plantexarán na reunión

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, informou de que a Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá mantivo un encontro coas cinco forzas políticas con representación na corporación municipal. Foi no pazo muncipal e o seu obxectivo era acadar darlle un impulso ao desenvolvemento do dito Regulamento e facilitar a posta en marcha dalgunhas das figuras contempladas neste documento, tales como o Defensor da Cidadanía ou a Oficina e Comisión de Suxestións e Reclamacións, entre outras. A finalidade, tal e como subliñou o edil, é traballar en conxunto para que este Regulamento de Participación Cidadá se desenvolva o mais rapidamente posible.

E ao fío disto, o concelleiro Manuel Santiago destacou que xa se teñen dado pasos ao respecto. O último deles, a xuntanza que a Comisión Provisional de Control, integrada por once persoas do anterior Grupo de Análise e Propostas (GAP) do proceso de Orzamentos Participativos 2009 mantivo a semana pasada cos representantes municipais de Facenda e Turismo; Muller e Benestar Social; Recursos Humanos; Medio Ambiente, e Participación Cidadá. Nela adoptáronse diversos acordos como o deseño e posta en marcha dun formulario para a recollida de queixas e suxestións que estaría dispoñible na web municipal e a creación dunha carpeta (física) específica no Rexistro Xeral do Concello para tramitar as queixas e suxestións directamente co departamento de Participación Cidadá.

Así mesmo, incidiuse na necesidade de crear a figura do Defensor da Cidadanía como garante do estudo e seguimento dos problemas dos cidadáns e cidadás ante a Administración municipal. A este respecto, o edil Manuel Santiago informou de que está pendente o estudo de viabilidade da Oficina do Defensor da Cidadanía. Estes foron algúns dos aspectos que se abordarib na xuntanza que se celebrou no Concello e na que a Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá transmitiu as súas demandas e inquedanzas en relación aos orzamentos da área de Participación Cidadá aos grupos políticos municipais. Entre estas, a necesidade de incrementar o orzamento desta área para axilizar a aplicación do dito Regulamento.

A posta en marcha do Rexistro Municipal de Cidadáns para darlle á cidadanía a opción de colaborar na acción municipal a través dos órganos de participación vixentes en cada área ou o impulso dos consellos sectoriais municipais vixentes foron outros aspectos nos que fixeron fincapé os once integrantes da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá e que trasladaron aos grupos con representación na corporación. Respecto a este último punto, o concelleiro Manuel Santiago subliñou o interese da dita Comisión por darlle un pulo a estes consellos tanto en canto á frecuencia como mediante a incorporación aos mesmos tanto do movemento asociativo como de cidadáns a título individual.

Mércores, 27 de outubro de 2010
______________________________

venres, xullo 30, 2010

"Malapécora Teatro" representará "A Parábola da Ra", este Sábado 31 de Xullo en San Pablo - Vivendas Sindicais, dentro do Culticipando


[Clicar acima da imaxe para ampliar]
www.babeldesons.com

Enviado por:
BABEL de SONS
-info@babeldesons.com-
29 de julho de 2010 19:18
_________________________

Dentro do Culticipando, este Sábado 31 de Xullo en Doniños, concerto de "Se Oriente"

[Clicar acima da imaxe para ampliar]
www.babeldesons.com

Enviado por:
BABEL de SONS
-info@babeldesons.com-
29 de julho de 2010 19:18
_________________________

martes, xullo 06, 2010

Máis de 1.200 propostas cidadáns aos Orzamentos Participativos deste ano, no Concello de Ferrol


PRESENTADAS 1.217 PROPOSTAS CIDADÁS

A cidadanía presentou máis de 1.200 propostas aos Orzamentos Participativos deste ano.

O edil Manuel Santiago avanza que 1.012 persoas inscribíronse no Rexistro de Participantes, que mantén o prazo aberto ata a celebración das asembleas de zona. O Grupo Motor manterá unha sesión de traballo en Ferrol Vello para pór en común as propostas, que pasarán posteriormente á comisión técnica municipal para o análise.

Os veciños e veciñas de Ferrol presentaron un total de 1.217 propostas ao proceso de Orzamentos Participativos deste ano, a través do cal a cidadanía terá a oportunidade de elixir o destino dunha partida de 1.650.000 euros.

Así o avanzou o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, quen compareceu en rolda de prensa para informar non só das iniciativas que suxeriron os cidadáns senón tamén do número de persoas que se inscribiron no Rexistro de Participantes: 1012 persoas. Destas, un total de 451 foron homes (o 44,57%) mentres que 561 (o 55,43%), mulleres.

Esta cifra pódese aínda incrementar toda vez que, tal e como explicou o edil, o Grupo Motor creado ao abeiro deste proceso pioneiro en Galicia decidiu manter aberto o prazo de inscrición ata a celebración, no mes de setembro, das asembleas de zona.

No acto celebrado esta mañá participou tamén a técnica de Participación Cidadá, Maica Rodríguez.

Xa polo miúdo, o concelleiro Manuel Santiago informou dos datos atendendo aos 9 barrios que este ano serán obxecto de intervención: Ferrol Vello, Canido, San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois e Santa Mariña (na zona urbana) e San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle (na zona rural).

As propostas presentadas podían ser de dous tipos: investimentos e/ou mantenemento de infraestruturas ou equipamentos e actividades ou programas sociais.

Unha vez feito o reconto final das urnas, o edil informou de que o 32% das propostas foron realizadas por veciños e veciñas de San Pablo de Catabois, Santa Mariña e San Xoán de Filgueira, que constituíron unha unidade de votación.

A integrada por San Xurxo e Doniños achegou o 27% das propostas, a de Covas-Esmelle, o 26% e a de Ferrol Vello-Canido, o 14%.

Respecto á natureza das propostas, o 32% estiveron asociadas a programas de asistencia social e saúde pública; o 18% a programas socioculturais e educativos; o 15% ao cumprimento de normativas e o 15% restante, a programas relacionados coa seguridade cidadá.

Por outra banda, e en relación ás propostas que teñen que ver coas infraestruturas, o 37% refírense ás viarias, o 18%, á xestión de residuos e o 16% restante, a infraestruturas sociocomunitarias e deportivas. Así mesmo, dentro das 1.217 propostas recibidas, 58 están aínda sen clasificar e destas, a metade son plantexadas para o conxunto da cidade ao ser propostas das que se beneficiarían o conxunto dos cidadáns e cidadás.

Entre estas, a renovación de marquesinas, formación de monitores deportivos e culturais para fomentar o emprego xuvenil, a recuperación da flora autóctona ou a apertura dun parque temático do patrimonio da zona rural mediante visitas virtuais en tres dimensións, entre outras.

En canto ao Rexistro de Votantes, Manuel Santiago destacou que a parroquia de Covas, con 258 persoas, foi a que contabilizou un maior número. Séguenlle San Pablo (173), Doniños (123), San Xoán de Filgueira (111), Canido e Santa Mariña (con 89 en cada caso), Esmelle (65), San Xurxo (54) e Ferrol Vello (27).

En total, 1.012 persoas, unha cifra que o edil de Participación Cidadá valorou moi positivamente, lembrando que no momento da celebración das asembleas de zona, previstas para o vindeiro mes de setembro, aqueles que o desexen poderán inscribirse.

O proceso de Orzamentos Participativos contempla entre as súas próximas accións a celebración dunha sesión de traballo na Praza Vella de Ferrol Vello co Grupo Motor, sempre e cando o tempo o permita.

Esta terá lugar o vindeiro xoves, 8 de xullo, entre as 19.00 e as 21.00 horas e servirá para pór en común as propostas presentadas, xa ordenadas.

Posteriormente, trasladaranse todas elas á comisión técnica municipal, unha vez codificada e clasificadas, para o estudo da súa viabilidade.


Luns, 5 de xullo de 2010.

Fonte: web Concello de Ferrol

--
comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
5 de julho de 2010 23:34
_____________________

venres, xuño 18, 2010

O Grupo Motor inicia o traballo de clasificación das primeiras propostas presentadas pola veciñanza aos Orzamentos Participativos do 2010


PRINCIPIAN OS TRABALLOS DAS PROPOSTAS VECIÑAIS

A sesión de traballo tivo lugar no Teatro Jofre e ata o 27 de xuño está aberto o prazo para achegar as propostas cidadás. Persoal técnico e o Grupo Motor participan hoxe en San Pablo e sábado en Doniños en novas accións informativas

Os integrantes do Grupo Motor iniciaron o traballo de clasificación das primeiras propostas achegadas polos veciños e veciñas de Ferrol para executarse con cargo aos 1.650.000 euros dos Orzamentos Participativos deste ano.

Así o avanzou o concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, quen informou de que esta nova xuntanza de traballo se celebrou no Teatro Jofre (cuarto andar) entre as 18.00 e as 21.00 horas.

Alí abríronse as urnas coas propostas que foron depositadas nos once puntos habilitados polo Concello ao abeiro deste proceso pioneiro en Galicia, distribuidos nos nove barrios obxecto de actuación neste 2010 (Ferrol Vello, Canido, San Xoán de Filgueira, San Pablo de Catabois, Santa Mariña, San Xurxo, Doniños, Covas e Esmelle) e mesmo na Casa Consistorial (no departamento de Participación Cidadá).

Tamén a través da páxina web municipal (www.ferrol.es). E ao fío disto, o edil Manuel Santiago fixo un novo chamamento á cidadanía, á cal invitou a sumarse a este proceso e facer chegar as súas propostas de intervención participando de xeito activo para elixir o destino desta partida orzamentaria.

O prazo finalizará o vindeiro 27 de xuño. Así as cousas, as 50 persoas que forman parte do recentemente constituído Grupo Motor empezaron a clasificar as propostas recibidas atendendo aos temas aos que fan referencia, mediante procedementos de etiquetado e codificación. Este é un dos cometidos do dito Grupo, do que forman parte veciños e veciñas a título individual e representantes de asociacións veciñais, de mulleres, comunidades de montes ou de mocidade dos 9 barrios.

Non só iso, tamén son os encargados de dinamizar os barrios e parroquias nos que se intervirá neste proceso de Orzamentos Participativos informando aos veciños e veciñas do territorio acerca de como participar no mesmo.

E neste senso, o concelleiro de Participación Cidadá lembrou que cada veciño ou veciña poderá achegar ata un máximo de dúas propostas, as cales poderán ser de dous tipos: investimentos e/ou mantenemento de infraestruturas ou equipamentos, e actividades ou programas sociais.

Só é preciso ser maior de 16 anos para poder presentalas e, para exercer o voto, estar inscrito no Rexistro de Votantes (o prazo pecharase o 27 de xuño).

Por outra banda, o Grupo Motor en colaboración coas asociacións nos barrios continúa co seu labor de difusión e dinamización do proceso nas diferentes zonas do Concello de Ferrol nas que se está a intervir co proceso.

Así, o pasado venres a entidade veciñal de San Pablo de Catabois acolleu unha charla informativa coa participación de arredor de 60 veciños e veciñas para analizar os problemas do barrio e idear propostas para presentar aos Orzamentos Participativos.

Hoxe terá lugar unha nova actividade informativa a partir das 19.30 horas na cafetería Vanessa, novamente en San Pablo, na que se contará coa participación de persoal técnico e integrantes do Grupo Motor.

O sábado ás 19,30 horas no local da A.VV. O Lago de Doniños está convocada a veciñanza desta parroquia para realizar unha dinámica de grupo.

Estas accións súmanse ás charlas informativas que ao longo do mes de maio se desenvolveron nos diferentes barrios e parroquias que serán obxecto de actuación este ano para dar a coñecer polo miúdo as diferentes fases do proceso.

Xoves, 17 de xuño de 2010

--
comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
18 de junho de 2010 00:23
________________________

A Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá somete a aprobación a normativa que regulará o seu funcionamento interno






O concelleiro Manuel Santiago presidiu o encontro deste órgano consultivo, que poderá presentar iniciativas para a súa discusión nas comisións informativa.

O Regulamento establece as súas obrigas e funcionamento, sendo os seus cometidos o control , seguimento e presentación de propostas en materia de participación cidadá.


O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, presidiu no Concello a reunión da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá na que se aprobou o regulamento de funcionamento interno da dita comisión, un órgano transitorio e provisional ata a constitución do Consello da Veciñanza e posterior elección polo mesmo da Comisión Permanente para o control e seguimento dos procesos participativos.

Esta Comisión, integrada por 12 membros, na meirande parte por representantes sociais e veciñais do antigo Grupo de Análise e Propostas (GAP), é o órgano impulsor do Regualmento de Participación Cidadá e realizará funcións de control e seguemento, estudo, proposta e suxestións en materia de participación cidadá.

Así mesmo, terá como cometido activar, seguir e avaliar o desenvolvemento de obxectivos, liñas e actuacións recollidas e programadas desde o departamento de Participación Cidadá, como son os plans de accións ou cronogramas de actuación.

O regulamento aprobado recolle as funcións, facultades, integrantes e funcionamento desta Comisión Provisional de Control. Neste senso, o concelleiro Manuel Santiago explicou que esta se constituirá como un foro de debate e canle de participación e enlace coa cidadanía e tecido asociativo en materia de participación cidadá e poderá presentar iniciativas e suxestións para a súa discusión nas comisións informativas correspondentes.

Tamén colaborará e asesorá na elaboración de programas e proxectos da actuación municipal dentro da súa área, discutirá o programa anual de actuación e o orzamento na materia que lle corresponde presentando unha proposta de orzamento anual ao departamento de Participación Cidadá e establecerá canles de relación coas entidades cidadás, plataformas, organizacións e axentes sociais.

No só iso, tamén fomentará a consolidación de procesos participativos do Concello e promoverá os procesos de participación cidadá no seo das entidades cidadás e nos barrios.

A dita Comisión provisional en pleno reunirase, en sesión ordinaria, alomenos unha vez cada trimestre e con carácter extraordinario cando así o solicite a maioría absoluta dos membros.

Os acordos adoptaranse por maioría simple dos membros presentes e para que sexa válida a celebración das sesións, deliberacións e toma de acordos requerirase a presenza da metade dos membros da comisión.

Por outra banda, e para executar o seu labor, a Comisión poderá constituír grupos de traballo abertos nos que participen outros cidadáns e cidadás, persoal experto, entidades cidadás e axentes sociais. Crearanse para o estudo de temas puntuais e concretos relativos á posta en marcha do Regulamento de Participación Cidadá.

Os ditames da Comisión, ao ter esta un carácter consultivo e de control, terán unha importancia singular constituíndo directrices, co rando de recomendacións para os órganos de goberno municipais e órganos de participación.

Finalmente, o edil Manuel Santiago explicou que para o cumprimento dos seus fins e obxectivos, a Comisión Provisional servirase dos medios persoais e materiais do Concello de Ferrol.

O dito regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Na reunión abordouse así mesmo a proposta do fórumcidadán, un espazo ao que se destinará un dos edificios da superficie da superficie da Praza de España.

Este será un punto central para a participación cidadá, unha plataforma de información sobre a cidade, sobre as actividades de entidades sociais e sobre o Concello, acollendo tertulias, exposicións, concertos, teatro infantil ou comparencias do alcalde, Vicente Irisarri, e dos concelleiros.

ferrol.es

Xoves, 10 de xuño de 2010
--
comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
18 de junho de 2010 00:17
________________________

xoves, marzo 25, 2010

A Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá analizaron onte a situación do proceso de orzamentos participativos para 2010 e deu o seu respaldo á selección de barrios

A COMISIÓN RESPECTA TODOS OS ACORDOS DE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS E PIDE MELLORAR AS CONVOCATORIAS

Ferrol Xoves 25 de Marzo de 2010

Respaldo á selección de barrios para os orzamentos participativos


Un momento da reunión que se celebrou onte nas dependencias municipais
Foto: Luís Polo

REDACCIÓN > FERROL.

Os veciños que forman parte da Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá analizaron onte a situación do proceso de orzamentos participativos para 2010, despois de que a AVV de Esteiro puxese en cuestión a selección das novas zonas da cidade que se incorporan este exercicio á experiencia: Esmelle, Covas, Ferrol Vello e Canido.

A comisión deu o seu respaldo á selección, que tivo lugar o pasado 3 de marzo nunha reunión no Concello á que asistiron unha vintena de entidades, fronte ás críticas da AVV de Esteiro nas que consideraba que os barrios e parroquias beneficiadas deberían saír dun foro cívico, do mesmo xeito que sucedeu cos orzamentos participativos de 2009.

Con todo, a comisión de control si que tivo en conta a demanda da agrupación de veciños de Esteiro sobre a necesidade de mellorar a forma en que se realizan estas convocatorias, de tal forma que estas non só se fagan mediante o teléfono senón tamén por escrito.

Nesta liña, no encontro celebrado onte no palacio municipal e ao que asistiu o edil Manuel Santiago tamén se abordou a necesidade de ampliar o persoal da área de Participación Cidadá.

Regulamento -

Os membros da comisión de control demandaron, por outra banda, un maior impulso do novo regulamento de participación. Respecto diso, acordouse que tras as festas de Semana Santa intentarase pechar un borrador de funcionamento interno da comisión.

Este texto fixará a forma en que se realizarán as convocatorias de reunións e a orde do día das mesmas, así como as maiorías que serán necesarias á hora da adopción de acordos.

O regulamento de Participación Cidadá que se presentou nun acto cidadán de carácter festivo o pasado mes de xaneiro no teatro Jofre establece a creación de novos órganos, como o Valedor do Cidadán, a Comisión de Suxestións ou as asembleas de barrio, entre outros.

Desde a comisión provisional insistiuse en que pór en marcha estas entidades é un proceso longo que levará o seu tempo.

Publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol"

Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
25 de março de 2010 12:49
www.participacion-ferrol.blogspot.com
_____________________

venres, xaneiro 29, 2010

Concello e veciños avanzan na aplicación do Regulamento de Participación Cidadá coa próxima creación da Comisión de Suxestións e do Defensor do Cidadán


REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Venres, 29 de xaneiro de 2010

O edil Manuel Santiago destaca as súas funcións: defender os dereitos dos cidadáns e ser o cauce de diálogo coa Administración. Presentaron a publicación do Regulamento de Participación, do que se editaron 2.000 exemplares para distribuír entre a cidadanía

O concelleiro de Participación Cidadá, Manuel Santiago, compareceu ante os medios xunto con Xosé Manuel Sanxoán e Arcadio Ares, membros da Comisión Provisional de Control de Participación Cidadá, para informar dos seguintes pasos a dar de cara á implantación do Regulamento, así como do resultado das accións de difusión feitas a semana pasada. Neste senso, Manuel Santiago lembraba que o Concello editou 2.000 exemplares do regulamento, que se distribuirán nas vindeiras semanas entre o movemento asociativo, entidades e institucións. Así, o edil avanzou que entre as prioridades máis inmediatas figura a constitución da Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións e a designación do Defensor do Cidadán.

A primeira será creada polo Pleno e estará integrada polos concelleiros de todos os grupos políticos, de xeito proporcional, correspondendo a súa presidencia á Alcaldía, que poderá delegar nunha concellería. A súa misión, tal e como subliñou o edil, será defender os dereitos dos cidadáns e cidadás nas súas relacións coa Administración local, supervisar a súa actuación, propoñer accións de mellora e informar das queixas de conformidade co disposto no Regulamento. Así mesmo, poderá levar a cabo investigacións sobre o funcionamento dos servizos, inspeccións nas dependencias administrativas sen prexuízo das competencias atribuídas aos órganos de control do Concello. Todos os órganos de goberno e da administración municipal estarán obrigados a colaborar coa dita Comisión. Esta poderá tamén aprobar as recomendacións e suxestións pertinentes, se ben nunca poderá modificar nen anular resolucións ou actos administrativos e estas poderán ser presentadas por toda persoa física ou xurídica, con independencia da súa residencia ou nacionalidade.

Todas as suxestións e reclamacións serán rexistradas nunha Oficina que se integrará na Concellería de Participación Cidadá e examinará cada unha delas nun prazo de 10 días desde a súa presentación. As que resulten admitidas serán remitidas ao servizo municipal correspondente que, previo estudo, emitirá un informe preceptivo á Oficina de Suxestións e Reclamacións.

Pero esta non será a única ferramenta que se porá en marcha ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá. Así, tal e como anunciou o concelleiro Manuel Santiago, comenzarase a traballar tamén na definición da figura do Defensor do Cidadán, que terá como obxectivo ser o cauce de diálogo, estudo e seguimento dos problemas que viven os cidadáns e cidadás ante a Administración local. Este deberá cumprir as súas funcións con independencia e obxectividade, investigando e resolvendo os expedentes iniciados de oficio e aquelas queixas formuladas a petición da cidadanía. Será elixido polo Pleno do Concello e o seu mandato terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por outros cinco. Tal e como se recolle no Regulamento de Participación Cidadá, deberá reunir como condicións figurar no padrón municipal e ser maior de idade.

Por outra banda, Manuel Santiago avanzou a celebración dunhas xornadas de formación e intercambio de boas prácticas en experiencias de orzamentos participativos antes do verán, así como a continuidade do traballo do proceso dos orzamentos participativos relativo non só á elección dos novos barrios que serán obxecto de intervención desta experiencia pioneira en Galicia, senón tamén ás asembleas de barrio e sesións de traballo como a prevista en datas próximas co Grupo Motor, a Comisión Provisional de Control e as Mesas de Traballo. Neste encontro avaliarase o proceso levado a cabo no ano 2009 e idearanse as pautas a seguir no 2010, un reto para o que o edil de Participación Cidadá pediu a colaboración de toda a cidadanía.

A ela referiuse tamén Xosé Manuel Sanxoán, membro da Comisión Provisional de Control de Participación Cidadá, quen animou ás entidades e colectivos, así como aos cidadáns a título individual, a participar neste proceso e facer realidade o contido do Regulamento de Participación Cidadá, así como a posta en marcha dos organismos contemplados nel. Respecto a este, o concelleiro informou esta mañá de que se editaron 2.000 exemplares para difundir o seu contido entre a cidadanía. Os primeiros deles repartíronse no acto cidadán da súa presentación celebrado o pasado 23 de xaneiro e o resto distribuiranse nas asociacións inscritas no Rexistro Municipal, en todos os centros educativos, sindicatos, entidades culturais, etc.

O edil de Participación cidadá agradeceu a colaboración prestada polo Colexio Profesional de Politólogos e Sociólogos de Galicia na elaboración do glosario de termos sobre democracia que se incorpora na publicación do Regulamento, desde a óptica da Administración local e especialmente ligados á Área de Participación Cidadá. O seu coordinador e membro do dito Colexio Xaime Subiela Pérez, explicou esta mañá o traballo realizado no marco do convenio asinado co Concello de Ferrol e trasnsmitiu as súas felicitacións polo desenvolvemento desta “experiencia de innovación democrática” que está a ser observada moi de preto por cidadáns e cidadás de toda Galicia.

En canto á publicación, Subiela explicou que á elaboración deste glosario de termos se incorporou o saber de expertos coñecedores dos procesos de participación cidadá e das relacións entre as Administracións públicas e a cidadanía, así como en dinámica de grupos. Todo o vocabulario está moi vinculado ao proceso da participación cidadá e moitos dos termos se están incorporando pouco a pouco no noso vocabulario, como é o caso de “empoderamento” ou “tranversalidade”, entre outros, que se están empezando a empregar e dos que se explica o seu signficado. En total, 162 termos.

enderezo-e: comision.gap@gmail.com

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
29 de janeiro de 2010 12:24
_____________________

sábado, xaneiro 23, 2010

Acto Festivo no Teatro Jofre con motivo da presentación do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol


Estimad@s veciñ@s,

O próximo sábado 23 de xaneiro ás 20,30 horas no Teatro Jofre terá lugar o Acto Cidadán para a presentación e difusión do Regulamento de Participación Cidadá. Remito, de novo, o esquema da actividade, que durará aproximadamente 1 hora e media:
  • Entrega a todas as persoas asistentes da publicación do Regulamento de Participación Cidadá cun glosario de termos sobre democracia.

  • Presentación do acto, xornalista Raúl Salgado. Explicación da cronoloxía do proceso participativo.

  • Intervencións en clave de comedia, coa actriz e monologuista Cristina Moreira. Ferrol como cidade de conflitos.

  • Grupo de jazz-tango "Tiempo4".

  • Intervención de Mapi Venancio, veciña participante do grupo de traballo que conformou o GAP (hoxe membro da Comisión Provisional de Control de Participación Cidadá).

  • Karlotty e Guillermo Ferrandez, poesías baixo a temática da participación cidadá.

  • Pechará as intervencións o Alcalde, acompañado polos membros da Comisión Provisional de Control de Participación Cidadá.

  • Finaliza o acto coa actuación de 72 músicos/as da Banda Municipal de Concello de Ferrol e da Banda do Tercio Norte.

Dada a previsión de asistencia de numeroso público, é preciso que retiredes as convidacións no Teatro Jofre, en horario de taquilla, de 11,00 a 13,00 horas e de 18,00 a 20,00 horas.

Apertas,


Área de Participación Cidadá E DEPORTES
Maica Rodríguez Freire, técnica en Participación Cidadá
Praza de Armas, s/n. 1º andar. 15402 Ferrol
Tel.: 981.944.015 / Móbil: 696.112.691
participacion@ferrol.es
--
ASOCIACION VECIÑAL O ROSARIO- INFERNIÑO
CIF-G70006473
avvorosario@gmail.com
orosario-inferninho.blogspot.com


Enviado por:
asociacion Veciñal O Rosario-Inferniño
-avvorosario@gmail.com-
22 de janeiro de 2010 01:08
________________________

A Participación Cidadá en Ferrol presenta o seu Regulamento nun acto festivo


Este Sábado 23 de Xaneiro de 2010, pola tarde, celebrara-se un Acto Viciñal-Institucional para presentar o recentemente aprobado Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, todo un suceso participativo co movimento viciñal como protagonista. E se sumamos todo isto ao inicio do proceso dos orzamentos participativos, podemos dicir que na cidade encetou-se un camiño moi importante para o movimento cidadá ferrolá. Neste pasado ano asentaron-se uns alicerces sociais que se continúan a súa andaina poden garantir un futuro máis esperanzador para a poboación ferrolá, con máis saúde, democracia e benestar.

A Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá, remite-nos a transcrición do Limiar do Regulamento onde se recolle a esencia e filosofía que inspirou o mesmo. Tamén achegamos o enlace ao Blogue onde se van colgando actividades, convocatorias e un importante relatorio de asuntos relacionados coa participación cidadá no Concello de Ferrol.


PREÁMBULO DO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ DO CONCELLO DE FERROL

LIMIAR

O vixente Estatuto de Autonomía de Galicia asígnalles aos poderes públicos galegos a responsabilidade de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra, sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

As diferentes institucións internacionais así coma a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e Recomendacións do Consello de Europa fomentan a Democracia Participativa e promoven o fomento e implicación da cidadanía nas decisións publicas.

A veciñanza do municipio de Ferrol, a través dos grupos de análise e propostas e comisións de traballo, presentamos este Regulamento de Participación Cidadá despois de ser aprobado por unanimidade polo Pleno Municipal o pasado día 9 de xullo do 2009, que ten como destinatarios esta mesma cidadanía co fin de fortalecer a democracia participativa.

Este punto de partida iniciouse un 28 de maio do 2008 e a posterior convocatoria dun FORO CÍVICO onde estivo presente un amplo sector do tecido asociativo da cidade de Ferrol coa participación de máis de 70 entidades e organizacións culturais, veciñais, deportivas e sociais para aspirar a ter un verdadeiro e ambicioso Regulamento de Participación Cidadá.

Este regulamento invita a toda á veciñanza a participar na política local desde a democracia participativa de forma individual, colectiva, vinculante e compatible coa democracia representativa.

Pensamos que a intervención activa da cidadanía nas políticas públicas da Administración local enriquece e dignifica a democracia representativa mediante os orzamentos participativos, asembleas de barrio, foros cívicos, consellos sectoriais, comisións de reclamacións ou a figura do Valedor/a Veciñal.

Entendemos que a participación cidadá debese ampliar á aquelas decisións importantes que afecten a toda á cidadanía como as ordenanzas municipais, o respecto dos espazos públicos e medio ambiente, defensa das institucións públicas ou as políticas sociais.

A garantía deste Regulamento de participación cidadá radica na forte presenza asociativa ferrolá que, como todos e todas sabemos, ten un amplo e diverso tecido socio-cultural, polo que estamos seguros de manter viva a súa vixencia e aplicación.

Comisión Provisional de Control do Regulamento de Participación Cidadá

Enderezo do Blogue da Comisión Viciñal:

www.participacion-ferrol.blogspot.com

Enviado por:
Comision veciñal
-comision.gap@gmail.com-
23 de janeiro de 2010 01:12
____________________________

Lembrade que este sábado 23 de Xaneiro de 2010, ás 20:30 horas, terá lugar no Teatro Jofre o Acto de presentación do Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, con diversas actuacións e intervencións.
________________________________