Por Xaquín Campo Freire [*]
02.12.2015
A PEPE CHAO REGO, MESTRE DE VIDA E AMIGO, COMA NUNCA, GRACIÑAS
Querido Pepe Chao: Hoxe van ser moitos os que falen e escriban de ti. Cada un farao desde o seu universo referencial emotivo. E entre todos iremos poñendo as teselas para un mosaico da túa inesgotábel personalidade e inmensa creatividade.
A miña ligazón agradecida contigo vén de moi lonxe. Setembro de 1955. Desde entón xa foi un continuum. Hoxe quero reafirmar esa fidelidade de mutua amizade “sen que a morte nos separe”.
Quero retomar algo que escribín o mércores 27 de octubre de 2010 porque, máis aló da nosa amizade persoal, isto reflicte mellor a nosa relación comunitaria vista desde Ferrol, onde traballamos xuntos tanta xente e tanto tempo. Velaquí a memoria:
“PARQUE XOSÉ CHAO REGO”. Hai datas ben ledas para toda unha comunidade. O Pleno do noso Concello aprobounos hai uns días, por unanimidade, o nome deste polígrafo para o noso rueiro oficial. Santa Mariña do Vilar e todo Ferrolterra, as letras e a cultura galegas estamos hoxe de festa. Parabéns!
Nese monumento a Pepe Chao, estará, como di el, “todo un estilo de sermos comunidade, e estaremos aí todos e cada un dos que con el traballamos, loitamos, sufrimos e esperamos”. Porque houbo de todo.
Hoxe a nosa memoria é fiel e faille xustiza a un dos bos e xenerosos. A nosa boca énchese de cancións e poesía. O noso corazón reborda de agradecementos e dos nosos ollos xorden bagoas de emoción. As palabras fican pequenas para expresarmos axeitadamente o sentido profundo desta decisión. O seu eco resoa forte e fondo. Porque o pobo é quen máis ordena.
Coidaremos deste monólito como cousa e causa nosa, como significante de toda unha etapa vivida con moita esperanza, pero tamén con sangue, suor e bágoas. Non podemos permitir que se destrúa a obra deste eminente fillo adoptivo de Santa Mariña do Vilar que tanto esforzo e estudo consagrou para dotar á parroquia de nome e honra universal e de verdadeiras obras arte. Abonda con abrir Google para comprobalo. Aí están ese mosaico de González Collado do ano 1960. O Pantocrátor de Segura Torrella na ábsida do templo. A talla da Virxe, dun verdadeiro artista, que polo seu vivir un tanto bohemio perdeuse no anonimato e do que debemos recuperar o seu nome. A fachada absolutamente orixinal, á que non lle damos o seu auténtico valor.
A nosa Igrexa Vella coas arquivoltas da porta principal cheas de signos de historia antiga. E tan antiga! O documento escrito de máis antigüidade de todo Ferrol é xustamente o que fai referencia a esta capeliña. Igrexa da que fala o Padre Sarmiento nos relatos das súas viaxes pola Galiza. Igrexa que foi queimada do 1936 e que Pepe Chao restaurou, seguindo os planos do Arquitecto Rodolfo Ucha Donate, para dedicala a servizos sociais da parroquia, porque na escola nacional nacía a auga onde os nosos nenos de daquela puñan os pés todos os días. Posteriormente serviu para introducir nas letras aos nenos xitanos que acababan de asentárense para deixar a transhumancia secular.
Hoxe, devolta de novo ao culto, o seu destino orixinario, onde algúns que aínda vivides viñestes prometer nos anos vinte o voso amor. Preguntádello a Maruja Purriños.
Mas por riba das pedras e de todo está o traballo humano de D. Xosé. A súa entrega polas persoas, a súa dedicación sen límites a todos nós, o seu testemuño de fe cristiá e a loita pola xustiza que lle custou, xunto con Vicente Couce e moitos outros, persecucións varias naqueles tempos da longa noite de pedra incluída a cadea. Pepe Chao, o noso benquerido D. Xosé, ficará así sempre connosco e para a posteridade co seu nome imperecedoiro.
Teño, como promotor principal, que mostrar agradecementos a D. Amable Dopico pola súa axuda silenciosa, eminentemente eficaz. A cantos nos ofreceron as súas incondicionais sinaturas para acompañármolas ao expediente preceptivo nestes casos. Tamén á Corporación Municipal, que unanimemente aceptou esta proposta. A D. Vicente Irisarri, o noso Sr. Alcalde que con toda honra para todos nós os veciños, presidirá, sen dúbida, o acto de inauguración.
Non teño palabras suficientes para Dona Mercedes Carbajales. Acollida, desvelos, preocupación, visitas a ese lugar, consellos, facilidades, orientacións, o corrixir erros, fallos ou defectos, o interés pola tramitación seria e rigorosa no proceder, sen pausas no tempo. Mercedes, para ti o noso inmenso recoñecemento.
A D. Javier, o Párroco actual, e a toda a parroquia de Santa Mariña, que se vos pode dicir? Tendes o corazón a flor da pel pola sorte de vivirmos este intre co noso Pepe Chao Rego e a súa dona Sari.
Queremos poder dicirlle con grito forte e sincero: GRACIÑAS, PEPE, POR TODO. AD MULTOS ANNOS VIVAS, DOMINE JOSEPH!”
Pasaron cinco anos. Hoxe, 28 de novembro de 2015, querido Pepe Chao Rego, coma nunca: GRACIÑAS, MESTRE DE VIDA E AMIGO. Encheremos a cotío de flores frescas o monumento á túa memoria, mentres che falamos desde o corazón.
Sempre teu
Mandiá-Ferrol, 28 de Novembro de 2015.
[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola e Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.
Pepe Chao (Xosé Chao Rego) - Bucador Google: Ir a Web.
Enviado por:
Xaquin Campo Freire
xaquinderoca@mundo-r.com-
28 de novembro de 2015 14:32
_________________