Para: artabra21@gmail.co,
Data: 27 de maio de 2008 23:11
Asunto: O BNG débelle 3,7 millóns de euros ás caixas de aforros galegas
O BNG débelle 3,7 millóns de euros ás caixas de aforros galegas
Caixa Galicia e Caixanova fixeron públicos os seus informes de goberno corporativo, nos que están obrigados a facer constar as operacións que realizan con partidos políticos e coa administración. Os partidos galegos débenlle ás dúas entidades financeiras ao redor de cinco millóns de euros. O BNG é, con diferenza, a forza cun descuberto máis importante, dun total de 3.714.000 euros, seguida a moita distancia polo PSdeG-PSOE, con 870.000 euros, e o PP, con 292.000.
Con respecto aos últimos anos, o BNG vai aumentando o seu saldo negativo coas caixas de aforros, dos 2.4 millóns que debía en 2005, aos 2.7 de 2006, até a cifra actual de 3.7. Pola contra, dende ese mesmo ano 2005 no que se produciu o cambio de goberno na Xunta o PSOE foi rebaixando a súa débeda, dende o 1.1 millóns até os 870 mil actuais. Pola súa banda, o PP sempre se moveu en cifras moi inferiores, chegando a un máximo en 2006 (672 mil euros de débeda), moi reducido doce meses despois.
Por entidades, Caixa Galicia é o principal acreedor de BNG e PSdeG-PSOE, mentres que o PP concentra a súa débeda na entidade viguesa. A parte máis importante da débeda dos partidos corresponde a cantidades arrastradas doutros exercicios, sendo o BNG a única forza que xestionou empréstitos de importancia no 2007, uns 600 mil euros con Caixanova a un ano, e 335 mil con Caixa Galicia a 24 meses.
Concellos endebedados
O Concello da Coruña é o que acumula unha débeda total máis importante coas dúas caixas galegas, sumando máis de 79 millóns de euros. A moita distancia atópase Ferrol, con 22 millóns de euros, aínda que en proporción co seu orzamento esta resulta unha cantidade importante. Na mesma situación están Pontevedra ou Lugo, con débedas de 18.3 e 15.6 millóns respectivamente. Todas estas cidades teñen negociado estes empréstitos e avais con Caixa Galicia.
Outros concellos máis pequenos que tamén deben cartos ás entidades financieiras con Carballo (4.2 millóns), Oleiros (4.2), Arteixo (3.2), Vilalba (2), Ribeira, Noia e Betanzos (1.7 cada un), A Pobra do Caramiñal (1.6) e Fene e Monforte (1.1). En canto ás restantes entidades públicas, destaca a débeda contraída pola Universidade de Santiago, que recibiu case 18 millóns de euros de Caixa Galicia.
Documentos
- Informe de Goberno Corporativo 2007 de Caixa Galicia
- Informe de Goberno Corporativo 2007 de Caixanova
Noticia publicada por Vieiros
Vieiros está baixo unha licenza Creative Commons.
______________