CIG-Saúde pon en marcha unha campaña para alertar sobre a “GriPeP” e os seus efectos na sanidade pública
Paralizouse o Plan de Mellora da Atención Primaria, o Plan de Saúde Mental e baleirouse de contido a Mesa Sectorial
Anemia orzamentaria; adelgazamento extremo, provocado pola diminución de recursos, servizos e persoal; conxestión, patente no incremento galopante das listas de espera e malestar xeral e irritación, que se contaxia a usuarias e usuarios e profesionais, son algunhas das características da “
GriPeP”. Un mal do que alerta a CIG-Saúde e que ameaza con estenderse polos centros sanitarios públicos.
CIG-Saúde vén de pór en marcha unha campaña dirixida ao persoal sanitario e á poboación en xeral para informar das consecuencias que as políticas neoliberais que está a aplicar o novo goberno teñen sobre o sistema sanitario público e sobre a asistencia que se está prestando.
María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde -
que presentou a campaña en rolda de prensa acompañada por varios membros da executiva da federación- explicou que desde o PP estase a promover un proceso de privatización encuberto pola vía da descapitalización do sistema aplicando o “
rodillo parlamentario”. Unha descapitalización que se traduce en redución dos investimentos, redución de gastos, redución de persoal e aumento, en consecuencia, das listas de espera. Mecanismos que provocan o progresivo desprestixio do sistema e dos profesionais e que abocan aos usuarios a recorrer á sanidade privada, que é percibida, cada vez máis, como mellor.
Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, deste xeito, “
os usuarios ven como se recortan dereitos básicos que contempla a Lei Xeral de Sanidade como a universalidade e a gratuídade”, ao tempo que se favorecen os intereses dos grandes lobbys empresariais, para os que a sanidade “
é un codiciado negocio do que obter beneficios e non un servizo”.
Abuín alerta de que o PP pretende calcar en Galiza os modelos sanitarios implantados en comunidades nas que xa estaba gobernando, como Madrid ou Valencia. Comunidades nas que se tomou á súa vez como modelo o proceso de privatización que se deu en Gran Bretaña, e que tivo consecuencias nefastas. “
Ao final é un sistema moito máis caro, porque o sistema público sempre ten que ir ao rescate, e os grandes lobbys empresariais son quen o definen pero quen paga é o sistema sanitario público”, sinala.
Diminución da actividade nos centros hospitalarios
O primeiro síntoma da “
GriPeP” xa se está a advertir na diminución da actividade nos centros hospitalarios.
Manuel González Moreira, membro da executiva de CIG-Saúde asegurou que “
temos hospitais con camas baleiras, non por fata de doentes, non porque non haxa lista de espera, senón porque, por recorte do gasto, están deixando de facer actividade e polo tanto está empeorando a calidade do servizo sanitario que reciben os usuarios”.
Paralización do Plan de Mellora na Atención Primaria e do de Saúde Mental
González Moreira subliñou ademais que malia existir un acordo para a atención primaria –
Plan de Mellora de Atención Primaria-, dirixido fundamentalmente a incrementar a capacidade de resolución neste servizo, e que consistía en incrementar os profesionais para conseguir ratios de pacientes máis axeitados ás necesidades dos usuarios, esta paralizado.
O mesmo ocorre co
Plano de Saúde Mental, que era a grande esquecida da sanidade pública e para a que tamén estaba previsto incrementar os recursos materiais e humanos. “
Todos estes síntomas, xunto coa anemia orzamentaria e o adelgazamento de recursos e servizos, quen o van sufrir non somos tanto os traballadores como os usuarios. Por iso queremos que con esta campaña a información chegue a eles e que sexan eles quen tamén lle fagan fronte”.
A Mesa Sectorial e o acordo de equiparación, desaparecidos
Se ben é certo que as consecuencias das políticas privatizadoras do PP van afectar de forma especial aos servizos que se prestan, os propios traballadores e traballadoras e as organizacións sindicais xa están a padecer os primeiros síntomas da “
GriPeP”.
Xan Ramón Fernández, da executiva da CIG-Saúde lembrou que até o de agora existía un sistema de negociación que pasaba pola reunión da Mesa Sectorial, na que estaban representados traballadores/as e administración, onde se trataban todos os problemas relativos ao sistema sanitario.
Porén, “
desde que chegou o goberno PP a mesa perdeu todas as súas funcións, houbo algunhas convocatorias simplemente informativas, pero cargáronse a negociación. É un retroceso nunca visto en todos os anos que levamos de sindicalismo e de negociación co SERGAS”, lamentou
Fernández, quen engadiu que “
coa cantidade de problemas que hai enriba da mesa é imprescindíbel recuperar a Mesa Sectorial”.
En concreto, o representante da executiva da CIG-Saúde salientou, entre outros, a necesidade de negociar o sistema de traballo polas tardes para o persoal facultativo ou a suspensión do acordo retributivo que se pretende aplicar ao persoal estatutario.
Neste sentido,
Abuín matizou a intención do goberno de
Núñez Feijoo de facer pagar a crise aos traballadores e traballadoras da sanidade pública, ao non incluír nos orzamentos previstos para o vindeiro ano as partidas necesarias para garantir a súa equiparación salarial, acordada xa no ano 2008 e a aplicar nun período entre 2008 e o 2012. Un acordo salarial que no 2010 se traduciría nun incremento de retribucións dunha quinta parte do total referido ao lustro.
O acordo supuña incrementar as retribucións, en conceptos como nocturnidade, traballos en domingos e festivos ou nas noites do 24 e 31 de decembro e que en Galiza o persoal percibe moi por debaixo do que o fan os profesionais doutros sistemas de saúde.
Máis belixerantes que nunca
Desde a CIG-Saúde advirten que de manterse esta postura de intransixencia por parte do PP “
seremos máis belixerantes que nunca e intentaremos non só mobilizar aos traballadores, senón tamén á cidadanía”, para defender o sistema sanitario público, advertía
Victor Vila, outro dos membros da executiva da federación.
Unha mobilización que a CIG-Saúde entende que debe comezar pola denuncia por escrito nas unidades de Atención ao Doente das interminables listas de espera ou das probas diagnósticas que non chegan nunca e que derivará, se a situación persiste en mobilizacións na rúa.
- Acceder ou Baixar : "A NOVA PANDEMIA" - Folleto explicativo en formato -pdf- que se atopa no servidor da CIG-Saúde.
--
Enviado por:
Cig Saúde Ferrol
-cigsaudeferrol@gmail.com-
8 de outubro de 2009 00:18
CIG-Saúde Ferrol
981334566
www.cigsaudeferrol.blogspot.com
____________________________