Por Amadeo Varela [*]
02.01.2014
CARTA A ROSALÍA
Inesquecible Rosalía:
A lectura das túas poesías deixou unha profunda pegada na miña alma, non só pola harmonía da túa verba, senón maiormente pola rebeldía e a protesta social latentes nas túas composicións poéticas nas que, non só rachabas os moldes poéticos que rexían naqueles tempos, senón que rachabas tamén o corpiño cultural que atafegaba ás mulleres.
A túa obra é o reflexo fiel dunha alma galega. Nela se recollen as inxustizas e o mal trato por parte dos poderosos e dos estraños e as inquedanzas, as ansias e a dor dun pobo asoballado. Mais tamén está presente a rebeldía e a firme decisión de loitar contra a maldade, o vicio e a propia apatía das nosas xentes.
Nunha das túas composicións preguntábaste Rosalía, o por que de tanta loita se, sendo como somos de po e barro nacidos, temos de caer vencidos sen remedio, e tornar ao po e ao barro do que saímos. Coido que ben sabías a resposta, pois coñecías moi ben a alma humana, tantas veces retratada nos teus versos. Por iso, ademais da pregunta dábasnos tamén a resposta por medio da túa solitaria loita, a través da denuncia dunha sociedade inxusta e corrupta, azoutando sen piedade, co látego da túa acendida verba, a cantos desde a súa cómoda posición permitían e aínda colaboraban a perpetuar a fame e a miseria de moitos, para que uns poucos gozaran dos máis sofisticados luxos.
Malia tantos anos pasados, a túa amarga queixa por aqueles que deixaban o noso chan está aínda vixente: “este vaise i aquel vaise / e todos, todos se van …” “Adiós ríos, adiós fontes …”. Mais dentro da dor da emigración hai un alento de esperanza: “Ánimo compañeiros/toda a terra é dos homes …”. Tamén está de actualidade a discriminación que sofre a muller, discriminación que só poderá vencer “sabendo resistir”. E que dicir da avaricia, da inmodestia, da envexa? Abondan menos agora? Alguén poderá dicir que denunciaches as lacras, sen indicar solucións, mais co teu legado non só nos deixaches a importante tarefa de recuperar a dignidade da nosa terra e da nosa lingua, senón que, coa túa rebeldía e a túa carraxe, sinaláchesnos o camiño a seguir para non decaermos nesa loita, que só rematará cando xa sexamos ese po e ese barro que nos agarda. Porque de calquera xeito, o simple feito de vivir é unha loita continua.
Onde queira que esteas, Rosalía, mándoche un bico.
Publicado no Diario de Ferrol | 30.10.2013.
[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
Enviado por:
amadeo
-avarela36@mundo-r.com-
19 de novembro de 2013 15:10
_____________