A Comisión Técnica que emanou da Asemblea de organizacións sociais, veciñais, sindicais e políticas de Ferrol contra o cobro da nova taxa de depuración e saneamento do Concello de Ferrol -imposta polo goberno municipal do Partido Popular, presidido por José Manuel Rey Varela, elaborou un modelo de recurso contra o cobro da nova taxa de depuración, documento, que xa circula pola rede. Desde Ártabra 21 queremos contribuír a súa difusión. É por iso que a continuación transcribimos o documento -que nos enviou a Marea Ártabra hai unhas horas, mas tamén publicamos os enlaces ao mesmo en diferentes formatos, para o seu fácil acceso, poder baixar/imprimir, para cubrir cos datos persoais de cada titular do recibo que nos chegou a casa; e entregalos no rexistro de Ferrol antes de que comece o mes de marzo. Tamén se poden imprimir e distribuír entre a veciñanza máis próxima ou enviar pola rede a veciñ@s coñecid@s, ou mesmo o enlace a este sitio-e.
Hoxe xoves, 19 de Febreiro, non faltar á Concentración na Praza do Concello de Ferrol, diante do Pazo Municipal [+ Info no Evento en Facebook].
MODELO DE RECURSO:
AO SR. ALCALDE DO CONCELLO DE FERROL
D/D.ª ######## ######## ########, con DNI #########, maior de idade e veciño/a de Ferrol, co enderezo que figura a seguir para os efectos de notificación:
Rúa ###################, Número: ####, ## -###, Código Postal: #####.
EXPÓN:
Que con data do 24/01/2015 recibiu unha factura da Empresa Mixta de Augas de Ferrol, SA (EMAFESA), polos conceptos de "depuración cota de servizo" e "depuración cota variable por consumo".
Que non pode estar de acordo coa devandita factura, polo que presenta recurso de reposición con base nas seguintes
ALEGACIÓNS
1. Irretroactividade das taxas. Nulidade da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración de augas residuais para o ano 2014 (Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 03/09/2014)
As taxas non se poden aplicar con efectos retroactivos.
O artigo 83.b) da Constitución española (CE) prohibe que incluso os decretos lexislativos poidan incluír normas con carácter retroactivo, a pesar do seu valor de lei, pola circunstancia de que estas normas, en definitiva, son aprobadas polo Goberno.
Así mesmo, o artigo 57.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), enumera os únicos supostos nos que cabe a retroactividade dos actos da Administración: cando se ditaren en substitución de actos anulados e cando produciren efectos favorables ás persoas interesadas.
Pola súa vez, o artigo 62.2 da LRXPAC establece a nulidade de pleno dereito dos regulamentos que estableceren a retroactividade de disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais, en liña co que determina o artigo 9.3 da CE: "A Constitución garante (...) a irretroactividade das disposicións sancionadoras non favorables ou restritivas de dereitos individuais".
O mesmo criterio se aprecia na xurisprudencia do Tribunal Supremo, en cuxa Sentenza do 22 de xaneiro de 2009 (recurso de casación 6612/2004) advirte que, salvo que expresamente o autorizar unha lei, non cabe a aplicación retroactiva das ordenanzas fiscais.
O Concello de Ferrol aprobou con data do 03/09/2014, data da publicación no BOP da Coruña da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración de augas residuais para o ano 2014, unha taxa cuxo período de liquidación se establece desde a posta en servizo e explotación das instalación da estación depuradora de augas residuais (EDAR) correspondente, feito que se produce no mes de xullo de 2014. Confirma este dato que o período de liquidación da factura emitida por EMAFESA vaia desde xullo de 2014 a decembro de 2014.
Por todo o exposto, fica claro que este acto administrativo e a norma (ordenanza fiscal) que o sustenta son totalmente contrarios a dereito, e, polo tanto, deben declararse nulos todos os recibos confeccionados por EMAFESA con base nesta ordenanza fiscal.
2. Con carácter subsidiario, para o dubidoso suposto de que se considere que a taxa non ten carácter retroactivo e, xa que logo, debe comezar a aplicarse no momento da súa publicación no BOP (como se indicou, 03/09/2014), cómpre notar que as facturas emitidas por EMAFESA son incorrectas, xa que debería ratearse a cota de servizo por depuración do mes de setembro de 2014, de tal xeito que se cobrasen tan só 26 días e non os 30 que recolle a factura.
É máis, dado que a taxa se cobra en función do consumo de auga potable, está pagándose pola depuración da auga consumida nos meses de xullo, agosto e setembro, aplicando de novo a retroactividade da taxa.
3. Vulneración do estipulado na Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración de augas residuais para o ano 2014 (BOP da Coruña do 03/09/2014)
O artigo 8 da mencionada norma obriga a que a taxa polos servizos de recollida e depuración de augas residuais sexa xestionado mediante padrón, o cal deberá ser sometido a exposición pública coa mención expresa dos recursos a que haxa lugar e o período para exercitar o dereito aos devanditos recursos. Así o establece tamén a propia Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos no seu artigo 15.
No entanto, o Concello de Ferrol aínda hoxe non publicou o edito de exposición pública do mencionado padrón, inculcando de forma grave,non xa o exposto na súa ordenanza, senón tamén a Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que establece no artigo 213 e seguintes o dereito á revisión en vía administrativa dos actos tributarios, polo que deixa nunha clara indefensión as persoas administradas ao lles negar o dereito aos recursos que corresponderen.
4. Dupla imposición
Co establecemento desta taxa estase a producir unha dupla imposición no tocante á depuración das augas residuais no Concello de Ferrol, dado que este feito impoñible, a depuración de augas residuais, xa está gravado pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, que no seu artigo 67establece unha taxa polo servizo de depuración de augas residuais urbanas, a cal indica que será destinada ao «financiamento dos gastos de explotación e, de ser o caso, de investimento das infraestruturas de depuración que xestione a Administración hidráulica de Galicia».
5. Cobro da taxa sen se producir o feito impoñible
O Concello de Ferrol establece a taxa, tal e como se indica no artigo 2 da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración de augas residuais para o ano 2014, pola prestación do servizo de recepción obrigatoria de recollida e depuración de augas residuais. Este servizo inclúe (sic) os conceptos de «mantenemento e explotación da EDAR de Cabo Prioriño e do emisario submarino» e de «mantenemento e explotación da EBAR de A Malata, emisario terrestre de Brión, emisario submariño de A Malata, colector-interceptor cos seus bombeos intermedios, tanques de tormentas e alivios (en adiante, servizo de interceptación)».
Pois ben, o colector-interceptor cos seus bombeos intermedios e os tanques de tormenta non están finalizados nin foron recepcionados polo Concello de Ferrol, polo que a prestación do servizo de recepción obrigatoria de recollida e depuración de augas residuais non se está producindo e, polo tanto, o feito impoñible non se está a ter lugar. Así pois, a taxa non pode cobrarse, tal e como se indica no artigo 15 da citada Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, e no fundamento de dereito 4 da Sentenza do Tribunal Supremo 4106/2014, do 16 de outubro de 2014, que resolve o recurso 818/2013.
Por todo isto, D/D.ª ######## ######## ######## SOLICITA:
1. Que o Concello de Ferrol declare a nulidade da Ordenanza fiscal reguladora da taxa por depuración de augas residuais para o ano 2014 (BOP da Coruña do 03/09/2014).
2. A anulación do recibo emitido por EMAFESA con data do 24/01/2015, por ser contrario ao ordenamento xurídico tal e como foi exposto nos apartados anteriores.
3. A suspensión cautelar do pagamento da factura emitida por EMAFESA en tanto se resolva este recurso, para o que se compromete a presentar aval suficiente de acordo co establecido no artigo 224.2.C da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.
Ferrol, 20 de febreiro de 2015
Asdo.
##################
---
Enlaces onde se pode Acceder/Baixar o Modelo de Recurso en diferentes formatos:
- Modelo de Alegacións en formato pdf:
Acceder/Baixar.
- Modelo de Alegacións en formato libre odt de GNU-Linux:
Acceder/Baixar.
- Modelo de Alegacións en formato pivativo doc de microsoft-windows:
Acceder/Baixar.
Marea Ártabra
mareaartabra@gmail.com
18 de fevereiro de 2015 18:54
http://mareaartabra.blogspot.com.es/
_____________