Lídia Serna: "O Synn Féinn e a sociedade irlandesa están a realizar un esforzo admirábel por facer avanzar os acordos de paz". | A eurodeputada de AGEe participou durante esta semana nunha delegación de observación internacional do Proceso de Paz irlandés. | Entrevistouse en Belfast co presidente e vicepresidenta do Synn Féinn, activistas comunitarios e líderes sindicais.
Ao longo desta semana a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, estivo participando nunha delegación internacional organizada polo grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) a Irlanda, co obxectivo de afondar na situación actual e facer un seguimento do Proceso de Paz irlandés.
A través desta iniciativa, xunto a AGEe, eurodeputados e eurodeputadas da coalición grega Syriza, da formación euskalduna Bildu e do Partido Comunista Portugués (PCP) tiveron a oportunidade de coñecer mellor os avances do Proceso en Irlanda, onde malia a teren pasado xa dazasete anos dende a firma do Acordo de Venres Santo (1998) a división entre comunidades é inda palpábel, polo que "segue a haber grandes esforzos por parte do Synn Féin e distintos colectivos sociais para achegar as dúas comunidades e acadar unha verdadeira situación de convivencia", resaltou Senra, "a día de hoxe, inda hai muros que dividen as comunidades".
Dentro das actividades planificadas, as e os integrantes desta delegación internacional tiveron onte a oportunidade de se entrevistar con Declan Kearney, presidente nacional do Synn Féin, quen lles trasladou que nestes momentos, aliás de traballar por conseguir facer avanzar o Proceso de Paz e chegar á reunificación de Irlanda, unha das principais prioridades da súa formación é poñer fin ás políticas de austeridade impostas pola Troika. A delegación do GUE/NGL mantivo tamén un encontro ca Ministra Jr. Jennifer McCann, da man da cal coñeceron a Asamblea de Irlanda do Norte en Stormont, poboación que dá nome aos acordos a través dos cales dotouse a Irlanda do Norte de institucións políticas propias.
Lídia Senra desprazouse onte canda outras eurodeputadas/os a Belfast Occidental, onde mantiveron unha xuntanza con activistas comunitarios para debater sobre o impacto do financiamento da UE a proxectos que son fundamentais para seguir avanzando no achegamento de ámbalas dúas comunidades. Posteriormente reuníronse tamén con líderes sindicais irlandeses, que lles trasladaron unha análise do impacto das políticas de austeridade no eido laboral que, ao igual que está a acontecer na Galiza, estanse vendo traducidas en paro, precariedade e emigración.
A xornada de hoxe, que pon fin a esta misión de observación internacional, deu inicio cun encontro ca vicepresidenta do Synn Féin, Mary Lou McDonald e, seguidamente, tamén con John Douglas, presidente do Congreso Irlandés de Sindicatos. Marry Lou McDonald explicou ás eurodeputadas do GUE/NGL a situación na que se atopa nestes momentos Irlanda, reiterando as nefastas consecuencias da actuación da Troika. Lídia Senra interesouse tamén concretamente pola realidade das mulleres irlandesas en canto a participación política, ao que McDonald respostou que alta afiliación de mulleres ao partido estase a traducir nunha presenza cada vez maior nos órganos de dirección e cargos públicos, se ben expresou igualmente a necesidade de avanzar na loita polos dereitos das mulleres e, nomeadamente, polo dereito ao aborto.
As eurodeputadas/os do GUE-NGL coñeceron tamén de perto algúns dos temas sociais que están a ocupar a axenda de debate da sociedade irlandesa, tales como o referendo sobre o matrimonio homosexual que terá lugar o vindeiro 22 de maio, ou a loita social pola xestión pública da auga, á que se achegaron a través de integrantes da campaña irlandesa "Dereito á auga". Asemade, Senra acompañou unha entrega de firmas en demanda de liberdade para o cidadán irlandés de 19 anos Ibrahim Halawa[1], actualmente preso nun cárcere exipcio.
A eurodeputada de AGEe valorou esta misión de observación internacional moi positivamente, estimando que a posibilidade de poder coñecer máis sobre a situación tanto de Irlanda do Norte como de Irlanda, "axudará a seguir estreitando os lazos entre as forzas de esquerda do GUE/NGL", salientando que esta mutua colaboración "fará avanzar o dereito a decidir dos pobos" e axudara a "conseguir vencer ás políticas de austeridade e do Neoliberalismo".
Bruxelas, 24 Abril 2015.
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL).
| Tlf: 609 845 861
| lidia.senra@europarl.europa.eu
Máis información en:
| Tlf: 609 845 861
| lidia.senra@europarl.europa.eu
Máis información en:
- http://lidiasenra.com/
- http://www.europarl.europa.eu/
- https://twitter.com/LidiaSenra
- https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez
- http://www.youtube.com/channel/UCJtR1TGcqGxleFqIDmKICBQ
- http://www.guengl.eu/
AGEe Europa
ageeneuropa@gmail.com
24 de abril de 2015 19:09
________________