sábado, decembro 12, 2020

O Comité de Empresa reune-se coa asemblea do colectivo de pasivos de Navantia Fene


COLECTIVO DE PASIVOS DE NAVANTIA FENE


Na terceira concentración na porta de entrada ao estaleiro relacionada coa entrega dos paquetes de Nadal e a requirimento do colectivo de pasivos acudíron dous membros do Comité de Empresa que logo de escoitar a demanda de aclaracións sobre como proceder para retirar o paquete nas instalacións do Fróiz de Narón estando este concello pechado perimetralmente a consecuencia do alto nivel de contaxio que mantén na actualidade, procederon a informarlles de que mantiveran na mañá de hoxe unha reunión con representantes de Navantia da cal concluíase o seguinte:

O peche perimetral a que está sometido Narón NON fai posíbel acceder ao lugar do reparto ao persoal non residente neste concello polo cal e mentres non se proceda ao levantamento desa medida de restrición aconsellan non acudir a retirar devandito paquete, xa que contrariamente aos bulos que circulan nos últimos días a carta enviada pola empresa aos interesados NON serve como xustificante para desprazarse a ningún lugar sometido a confinamento perimetral, como é o caso.

Manifestan á súa vez que a empresa Navantia comunicoulles que ningún dos beneficiarios quedaríase sen o paquete que lle corresponde.

Ante esta información, seguen a suscitarse dúbidas ao respecto por parte do colectivo, sobre todo xurdía a pregunta de porqué a empresa Navantia non buscou unha alternativa a esta situación deixando que pase o tempo o cal fará inviábel o actual sistema de reparto.

Tendo en conta que a cadea Fróiz ten tendas en case todos os concellos outra alternativa é posible, repartir por medio da súa cadea de distribución os paquetes aos distintos lugares xa que é coñecido o número de beneficiarios que reside en cada un deles evitando así o inconveniente das pechaduras perimetrais.

Así as cousas, e ante a falta de solucións ao problema a asemblea concentración queda convocada de novo para o vindeiro xoves día 17 co compromiso da asistencia do comité de empresa para informar das novidades, si as houbera.

José Francisco Salceda Gómez
Portavoz del colectivo.

Enviado por:
José Francisco Salceda Gómez
-pepinsalceda@gmail.com-
10 de dezembro de 2020 17:32

_______

Foto de Fermín Goiriz Díaz. | Navatia Fene, 14 de novembro de 2008.
_______

Concello de Vigo e Vitrasa negan a tarxeta social ás perceptoras do Ingreso Mínimo Vital (IMV) - Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza


Levamos seis meses de Ingreso Mínimo Vital (IMV) e o Concello de Vigo aínda non foi quen de garantir que as beneficiarias desta renda accedan á tarxeta social de VITRASA. Ordenanzas e contratos sempre son difíciles de modificar cando as mudanzas supoñen novos dereitos para a veciñanza.

Neste intre, quen cobra a RISGA ou unha Pensión Non Contributiva (PNC) pode acceder á tarxeta social, mentres que as -escasas- beneficiarias do Ingreso Mínimo Vital teñen que pagar o transporte público.

Montar nun vitrasa custa 1'35€ por viaxe, 0'89€ para quen teña a passvigo. Existen bonificacións para algúns colectivos: universitarias (0'67€), estudantes (0'87€), perceptoras de subsidios por desemprego ou RAI (0'69€). As pensionistas non pagan.

Dentro do colectivo de pensionistas atopamos ás perceptoras da RISGA, así como ás beneficiarias da extinta prestación por filla á cargo da Seguridade Social que desapareceu coa chegada do IMV. Para acceder a tarxeta social as solicitantes teñen que acudir ás instalacións de VITRASA ou á casa do concello e presentar a documentación requirida. Cada ano teñen que renovar a tarxeta entregando os documentos pertinentes.

O rebumbio no lanzamento do IMV deu paso a unha chea de atrancos que apagaron as boas expectativas iniciais: demoras, denegacións, silencio administrativo, requirimentos incomprensibles, etc. O Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) recoñecía que 7.210 fogares galegos percibían o IMV, no mes de outubro, dos cales 2.278 estaban na provincia de Pontevedra. Tirando polo alto, ao redor de 2.000 beneficiarias viven en Vigo e non poden acceder á tarxeta social do autobús por mor da desidia, desinterese ou xa non sabemos como tachar a postura do goberno municipal.

A inacción do goberno de Caballero neste asunto choca co apuro que tiveron (no mes de xuño días antes da entrada en vigor do IMV) para prorrogar a concesión do transporte público durante cinco anos máis a VITRASA. Á calada e sen elaborar un novo prego que dera solución ás moitas eivas do transporte público.

Non esquecemos que quen enche a boca falando de “Vigo” está a convertela nunha cidade “friendly” para os negocios dos grandes capitais: Aqualia FCC enche os petos coa auga de todas, Servisar (do grupo Domusvi) xestiona o servizo de axuda no fogar e MOBILITY ADO xestiona o transporte público. Coller os orzamentos municipais é atopar unha relación de contratos con empresas transnacionais coas súas gadoupas en todas as concellerías.

Retomando a cuestión da mobilidade, reclamamos a urxente modificación da ordenanza. Esiximos que as beneficiarias do IMV poidan acceder á tarxeta gratuíta de autobús. Aproveitamos para reclamar que “quen non ten, non paga”. Reclamamos que este lema fágase extensivo a todas as políticas municipais: actividades deportivas, taxas, servizos...

Coia, decembro 2020

ODS-Coia

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663 | Estamos os luns de 10h00 a 12h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

_______

Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática - Resumo Actividade 2020

Desde a A.C. Memoria Histórica Democrática, vos desexamos unhas Festas levadeiras e felices a pesar das circunstancias.

Que o vindeiro 2021 veña cheo de ánimos e de forza para, libres xa de pandemias, con unha nova Lei da Memoria e os investimentos preciso para poñela en marcha, poidamos, todas e todos xuntos, darlle un bó impulso á Recuperación da Memoria.

Engadimos un sinxelo vídeo resumo das actividades deste 2020.

Vídeo Resumo Actividade 2020

Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática

Visita as nosas páxinas web:
www.memoriahistoricademocratica.org
http://memoriahistoricademocratica.wordpress.com
en facebook: Memoria Historica Democratica
en twitter: Memoria Ferrol @memoriaferrol

Enviado por:
Memoria Histórica Democrática
-memoriahistoricademocratica@gmail.com-
12 de dezembro de 2020 13:39

_______

Folga Comarcal o 17 decembro, ante a situación de emerxencia social e económica que están a padecer as nosas comarcas - Un paro parcial xeral, entre as 10 a 14 horas, convocada polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG


Os Sindicatos CC.OO., UGT e CIG, dada a situación de emerxencia social e económica que están a padecer as nosas comarcas, tomamos a decisión de facer unha mobilización para o próximo día 17 de decembro, con chamamento a toda a cidadanía, na demanda de solucións urxentes que permitan reverter esta situación. Unha situación que se está a plasmar no día a día, co peche continuo de empresas e negocios, o baleiro que se presenta no sector naval, así como a ameaza que pende sobre Endesa e Gamesa, Sertor mariqueiro, Hostelería, Comercio, etc, coa consecuente perda de postos de traballo e recursos económicos e sociais.

- A folga será o día 17 de decembro (xoves) desde as 10:00 ata as 14:00 horas.

- Se creará unha cadea humana desde a Praza de Armas de Ferrol ata o Concello de Narón, atravesando toda a Estrada de Castela, de 11:00 a 13:00 horas.

- A convocatoria afecta a todos os sectores económicos da Comarca Ferrol-Eume-Ortegal.

- O obxectivo da folga é facilitar a todos os traballadores e traballadoras das citadas comarcas a asistencia a mobilización.

Pola Comarca!!!!!

O 17 de decembro, ás 11 horas.

Cadea humana entre os Concellos de Ferrol e Narón.

Todos e todas á Estrada de Castela.

ÚNETE!!!!

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
3 de dezembro de 2020 16:01

_______

Acto homenaxe a Carvalho Calero en Ferrol, hoxe sábado 12 de decembro, ás 12 do mediodía, ao pé da súa casa natal en Ferrol Vello, organizado polo BNG

Acto homenaxe a Ricardo Carvalho Calero

A RAG desbotou trasladar ao ano 2021 a conmemoración do ano Carvalho Calero tal e como reivindicaba o tecido cultural galego, organizacións políticas como o BNG e institucións públicas como o Concello de Ferrol ou o Parlamento de Galiza.

Esta decisión só se explica desde o interese da RAG por pechar en falso os actos conmemorativos dun autor, como é Ricardo Carvalho Calero, desprezado pola oficialidade cultural polas súas posicións políticas e lingüísticas. Neste contexto é onde tamén se explica a decisión de celebrar en Compostela os actos oficiais de homenaxe, previstos para este sábado día 12, cando nunca un autor ou autora designado para conmemorar o Día das Letras Galegas foi homenaxeado fora do seu lugar de nacemento.

Por este motivo desde o BNG de Ferrol promovemos a celebración dun acto de homenaxe e reivindicativo da figura de Ricardo Carvalho Calero na nosa cidade a celebrar o vindeiro sábado 12 de decembro ás 12 horas ao pé da súa casa natal.

O acto que celebraremos cumprindo as medidas de seguridade que nos impón a Covid -19, uso de máscaras e distancia de seguridade.

BNG Ferrol.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es

_______

venres, decembro 11, 2020

O Goberno segue dando as costas aos dasafiuzamentos - ... nos primeiros nove meses deste ano, producíronse 18.138 lanzamentos, entre hipotecas, alugueiros e en precario - #DecretoStopDesafiuzamentos Xa !


O Goberno segue dando as costas aos dasafiuzamentos

PSOE segue buscando escusas e alargando o sufrimento da xente, ante a presión dos lobbies inmobiliarios e financeiros

Como denunciamos a semana pasada, en función dos datos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, nos primeiros nove meses deste ano, producíronse 18.138 desafiuzamentos, entre hipotecas, alugueiros e en precario. Datos alarmantes en plena pandemia e a pesar do confinamento que durante 3 meses freou toda a actividade xudicial.

O sufrimento de cantas familias máis necesita un goberno, que presume de progresista e de ser o máis social da historia, para facer un Decreto Stop Desafiuzamentos que pare esta alarma social? Para que valen os compromisos políticos das forzas parlamentarias no Congreso? Ou non son eles os que gobernan?

Unha vez máis, vemos que unha solución de mínimos e de xustiza social, como é deter os desafiuzamentos e os cortes de abastecemento de familias e persoas vulnerábeis, volve intentar frearse por aqueles cuxa única preocupación é maximizar os seus beneficios, sen importarlles o custo social.

Non pode ser que os bancos, fondos voitre, grandes propietarios e as enerxéticas deste país continúen ditando ao suposto goberno progresista as leis que se aproben e as que non. Quedamos-nos perplexas coa noticia de que desde o Goberno non só aprazan o #DecretoStopDesafiuzamentos, senón que encima póñenlle trabas.

É hora de escoitar e dar resposta ás familias vulnerábeis que están sendo desafiuzadas e vendo as súas subministracións básicas cortadas. Hai que deixar de lado a supostos "expertos" como o BBVA (1.258 millóns de euros de beneficio ordinario só no primeiro trimestre 2020), ao Banco Santander (1.909 millóns de euros de beneficio ordinario no primeiro trimestre 2020), a Blackstone (490 millóns de euros de beneficios no segundo trimestre 2020, un 86% máis que en segundo trimestre 2019) ou a Endesa (beneficio ordinario neto ao peche de setembro 2020 de 1.700 millóns de euros, cun crecemento do 38,4%). As cifras demostran en que son expertos en realidade.

Quedamos-nos perplexas coas noticias que chegan, que desde o Goberno non só aprazan o #DecretoStopDesafiuzamentos, senón que encima póñenlle trabas. Nada xustifica que non gobernen para atender e amparar ás persoas vulnerábeis e en precario, que son desafiuzadas sen alternativa de vivenda. Nada xustifica que sigan poñendo vidas en xogo, como a da persoa falecida fai só cinco días en Collado Villalba. Vemos só parches para eludir a súa responsabilidade e compromiso, atendendo máis aos intereses de quen provocan esta situación que ao sufrimento das familias.

Sinalamos por iso a este goberno como cómplices de que se queden atrás miles de persoas, botándoas á rúa tal e como reflicten os últimos datos do CGPX e os desafiuzamentos practicados. O Goberno deber recordar que TODOS os desafiuzamentos que se están producindo nestes momentos son responsabilidade directa súa, xa que é a súa falta de vontade política para aprobar unha verdadeira moratoria o que os permite.

Xa denunciamos cando as anteriores medidas tomadas polo Goberno deixaron fóra a moratoria no pago das hipotecas, o que levará parello dentro dun ano un incremento considerábel na cifra de desafiuzamentos por este motivo, por non pago e máis endebedamento non asumíbel.

O Goberno debe empezar a estar á altura e sumarse aos esforzos diversos que, día a día, conflúen para paralizalos. Como o das 31 familias da Pobla de Vallbona (Valencia). Sen eles desaloxou-se das súas vivendas a 94 persoas: é necesario o Decreto, que non pase nin un día máis. Non se pode consentir, por exemplo, que BBVA-Divarian-Cerberus-Haxa desafiuzaren a bloques enteiros. É necesaria unha clara determinación fronte a esta confabulación superagresiva do capital, imperturbábel cos 25 menores, 3 discapacitados e unha compañeira embarazada. É momento de dar pasos, e non só este de paralizar os desafiuzamentos, senón de ofrecer alternativas: obrigar a banca rescatada, Bankia, Sareb e fondos a xerar o necesario parque público.

A estas alturas, non se entenden as dúbidas xurdidas por parte do PSOE, aínda que entran dentro da súa lóxica política e capitalista. Meses han ter para liquidar esta situación e o urxente non pode esperar máis. A todos os partidos que apoiaron o documento #DecretoStopDesafiuzamentos da PAH (Máis País, Compromís, Unidas Podemos, BNG, EH ildu, CUP, Junts per Catalunya, Esquerra Republicana de Catalunya, Nova Canarias) pedímos-lles que, como se comprometeron, condicionen a aprobación dos orzamentos á aprobación dunha verdadeira moratoria.

Tendo en conta todo o que vimos expresando, esiximos que sexa aprobado no próximo Consello de ministros, do día 15 de decembro, o #DecretoStopDesafiuzamentos e que non se queden atrás máis familias polos efectos da crise económica que está provocando a sanitaria.

A PAH estará vixiante e mobilizada e non permitirá máis atrasos nin recortes no texto xa acordado.

Fonte: A PAH | 10/12/2020.

#DecretoStopDesafiuzamentos

---
Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra - Stop Desafiuzamentos
→ Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com
→ Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/
→ No facebook
facebook Stop Desafiuzamentos Ferrol Terra

Todos os luns (menos festivos), vemo-nos en Caranza (Ferrol), entre as 5 e 7 da tarde, no local da Fuco Buxán A.C. (Local Social Tino Deibe, na Rúa Armada Española, 32 Baixo). | Se queres participar achega-te! | POLO DE AGORA MENTRES DURE O TEMPO DE CONFINAMENTO, POR MOR DO ESTADO DE ALARMA, NON HAI XUNTANZAS PRESENCIAIS. | Teléfono para asuntos urxentes: 645158113

_______

martes, decembro 08, 2020

Ante a situación do estaleiro, a Sección Sindical CC.OO. Navantia Ferrol, chama á mobilizacións e outras medidas de presión



Mobilizacións e outras medidas de presión


A sección sindical de CC.OO. en Navantia Ferrol quere transmitir o enorme descontento existente tanto entre a nosa afiliación coma no conxunto da organización, produto da falta de vontade da nosa dirección por cumprir os compromisos no relativo á transformación do estaleiro e ó futuro da fábrica de Turbinas.

O mesmo tempo denunciamos publicamente a falta de transparencia e intención construtiva nas negociacións no desenrolo do plan industrial.

Non hai ningunha negociación que non sufra o boicoteo constante por parte da dirección con falta de transparencia e ultimamente incluso con saídas de ton intolerábeis.

O último exemplo inasumible é o acontecido na comisión local de emprego co descarte de 4 candidatos en dúas especialidades distintas porque un psicólogo entende que non son idóneas para traballar na nosa empresa.

Por todo o anterior as CC.OO. propoñeremos o resto do comité o incremento das mobilizacións e das medidas de presión, comezando polo corte total das prolongacións de xornada e medidas de non colaboración.

Entendemos que con esta dirección non se pode chegar a acordos mentres non mude a súa actitude polo tanto propoñeremos que ate ese momento non se manteñan relacións con ela. As medidas de presión semanais contra a dirección local iran en aumento.

As mobilizacións internas e externas tamén serán máis fortes confluíndo con empresas da nosa comarca que están incluso nunha situación peor ca nosa, coma GAMESA ou a central térmica de ENDESA nas Pontes.

Xa anunciamos que de non mudar esta situación, dende as CC.OO. trataremos de confluír coas demais organizacións sindicais nunha gran folga xeral á volta do nadal.

Ferrol, 3 de decembro de 2020

Sección Sindical CC.OO. Navantia Ferrol

Enviado por:
CCOO (FE)
ccoo.fe@navantia.es
3 de dezembro de 2020 13:50

_______

O Círculo de Podemos Ferrol, o vindeiro venres 11 de Decembro, ten previsto elixir á portavocía do Círculo e ao Cosello Local


ELECCIÓN DO VOCEIRO DE PODEMOS FERROL

Este venres, 11 de decembro, ás 19;30h. o Círculo de Podemos Ferrol, convoca unha asemblea vía telemática, para elixir a súa voceiría e aos Órganos de Dirección Locais.

En Podemos, é a militancia quen decide o rumbo tanto das Direccións Locáis, coma as Estatáis. Por isto renóvanse os cargos aló onde exista un Círculo activo coa firme vontade de traballar polo municipalismo.

No caso de Ferrol, a estrutura orgánica que lle corresponde coa nova regulamentación interna, é de Plenario, no que poderá participar toda a militancia do Círculo de Ferrol.

Neste Plenario, elixirase á persoa que ocupará a Voceiría Municipal de Podemos Ferrol, con esta Orde do día:

En primeiro lugar, elección da Voceiría Local.

En segundo lugar, elección, no seu caso, do Consello de Coordinación do Círculo Podemos Ferrol.

Ferrol, a 7 de decembro do 2020.

----
Área de Comunicación e Prensa
Ana Guzmán
Podemos Ferrol
ferrol@circulospodemos.info

https://www.facebook.com/PodemosFerrolOficial/

Enviado por:
Podemos Ferrol
-ferrol@circulospodemos.info-
7 de dezembro de 2020 21:40

_______

domingo, decembro 06, 2020

Acordos incumpridos (parte 2), análise do Movemento Alternativo Sindical (M.A.S.) de Navantia Fene e Ferrol

Acordos incumpridos (parte 2)

Xa vos informabamos nun anterior comunicado dos acordos incumpridos no expediente de regulación de emprego e no rexuvenecemento do persoal. Neste segundo comunicado querémosvos relatar a situación dos investimentos en infraestruturas e en transformación dixital (Astillero 4.0) Pois ben, como xa sabedes, nos acordos asinados no Plan Estratéxico de Navantia (PEN) figuraban unha serie de investimentos en infraestruturas nos diferentes estaleiros.

En canto ao noso (Ría de Ferrol) existía, como xa sodes coñecedores, un compromiso de grandes investimentos, e así se trasladou publicamente tanto aos traballadores como a toda a cidadanía. Podemos destacar a construción dun dique cuberto cos seus correspondentes servizos, tales como guindastres, pórtico, etc. vimos como, aos poucos, este investimento estrela e imprescindible íase caendo dos discursos, tanto por parte da dirección da empresa como dos políticos que ostentan o Goberno da nación nestes momentos. Non é un esquecemento, senón unha omisión intencionada para que aos poucos salga da luz dos focos este investimento.

Xa está claro:

Goberno, a Sepi e Navantia, non teñen intención algunha de executar a obra do dique cuberto en Ferrol, malia ser unha obra clave na futura competitividade do noso estaleiro. Algúns agora creen que coa choiva de millóns de euros que non se cansan de publicitar desde Bruxelas, e desde o propio Goberno con motivo da pandemia, vanse a poder acometer os investimentos necesarios para poder ser competitivos e así volver ser referente na construción naval.

Sen dique, imos por outra dos investimentos estrela na Ría de Ferrol, o taller de subloques. Recentes cambios no proxecto inicial xa facían presaxiar que o dique non existiría. Pois bo, sen dique, estoutra obra convértese nun quero e non podo. Fabricar bloques de maiores dimensións, sen os medios de elevación adecuados, e finalmente con montaxe en grada, non se traduce nunha mellora da competitividade apreciable.

Os investimentos en modernizar a Fábrica de Turbinas, que se taxan na actualidade en 12 millóns de euros, tradúcense na práctica nun mero mantemento sen intención de ir máis aló do traballo que se realiza habitualmente. Non hai ningunha intención de modernizar a fábrica de turbinas e moito menos de darlle o impulso que necesita para acceder a novas liñas de negocio a través de I+D+I e alianzas con outras empresas. Habemos de recordar que a Fábrica de Turbinas foi un taller punteiro nas súas liñas de negocio que, aos poucos, se ha ir deixando morrer, e que na actualidade apenas conta con 100 operarios. Simplemente axústanse os operarios ás pedidos en carteira para facer cadrar números, non buscando en ningún momento ningún novo nicho de mercado. Todos os investimentos van dirixidas á Fábrica de Motores de Cartagena. Mesmo caso no departamento de Reparacións, nulos investimentos. No seu momento circulaban dous proxectos para abrir novos mercados e manterse nos actuais. Non se lle escapa a ninguén que os gaseros de nova xeración son moito máis grandes que os actuais, feito polo cal, a capacidade dos diques que temos na actualidade non será suficiente no futuro máis próximo. Neste caso os proxectos pasaban pola construción dun novo dique na dársena á beira do nº3 ou, si non era este o caso, a ampliación do existente. Ademais disto, si xa quixésemos entrar noutros mercados como a reparación de cruceiros, por exemplo, sería fundamental cubrilo. Pero máis aló da achega que faga o departamento de Reparacións ás contas de Navantia, o retorno para a comarca, por euro facturado, é maior ao de obra nova. Reparacións tamén actuou sempre como refuxio de postos de traballo e do tecido industrial da zona cando a actividade en obra nova diminuía.

En canto a Fene, solicítase un plan serio para aproveitar e dotar de actividade as instalacións, un plan de diversificación serio, e non utilizalo como un simple lugar de almacenaxe.

Non hai unha aposta seria deste Goberno pola Ria de Ferrol, e si por outras zonas xeográficas, o que nos fai espertar o recordo da pantasma da reconversión dos anos 80.

En canto a investimentos 4.0, pois bo, todos vimos vídeos que parecen máis unha realidade virtual que outra cousa, e que nos mostran un suposto futuro da construción naval. Tamén vimos a demostración dun "drone" en Reparacións, e agora prométennos o 5G de Movistar. ¡E xa! O 4.0, parece ser o "caixón de()sastre" da Dirección da Empresa. É unha máquina de xerar informes e para comer recursos en custosas licenzas que logo hai que desenvolver, provocando enormes atrasos.

Xulgar vós mesmos. Seremos competitivos no futuro? Ou é que están buscando outra cousa?

Navantia Fene-Ferrol a 04 de decembro de 2020

Movemento Alternativo Sindical (M.A.S.)
NAVANTIA (Grupo SEPI)
C/Taxonera, s/n
15403 Ferrol (Coruña)
Tel.: 981331412 / 698153978
masferrol@navantia.es
sindicatomas@gmail.com


Enviado por:
MAS FERROL (FE)
-masferrol@navantia.es-
4 de dezembro de 2020 13:44


_______

Les Coruña inaugura en Ferrol, este luns 7 de decembro, a exposición fotográfica: 'A Rede Visible' - Unha exposición na que 12 mulleres lesbianas, bisexuais e trans poñen rostro á diversidade da actualidade galega a través das fotograIas de Susana Milnes Aler


A Rede Visible é unha exposición na que 12 mulleres lesbianas, bisexuais e trans poñen rostro á diversidade da actualidade galega a través das fotograías de Susana Milnes Aler.

Mulleres emblemáticas da cultura, o deporte, a política, o mundo empresarial e sindical, a artesanía… serán as protagonistas desta mostra itinerante, que se presentará en diferentes cidades. Son mulleres diversas, que empeñan papeis fundamentais e que apostan pola visibilidade LBT como Elena Ferro, Xácia Ceive, Marta Álvarez, Lucía Trenor, Artemisa Semedo, Cristy Tojo, Marta Fernández, Andrea Nunes, Rocío Fraga, María Falcón, CrisDna Yagüe e Patricia López-Carcedo.

A exposición contará, tamén, con actividades de participación cidadá, entre elas un PHOTOCALL, no que as visitantes poderán facerse selfies e colgar a súa imaxe en redes sociais, co obxecto de buscar apoios e ampliar a rede de visibilidade LBT.

A exposición inaugurarase o luns día 7 de decembro na Praza de Armas ás 12 da mañá, e estará nesa localización até o 18 de decembro.

En Ferrol na exposición fotográfica "A Rede Visible" participara Lucía Trenor, Sec. Xral, de CCOO Servizos Galicia.

Enviado por:
ROBERTO VILLASUSO VAZQUEZ
-rvillasuso@industria.ccoo.es-
4 de dezembro de 2020 17:46

_______

Radio Cerna presenta o seu novo Boletín informativo ambiental - ... a transición ecolóxica e os proxectos estrela da Xunta volven apuntar cara unha nova eucaliptización... - Proxecto Ríos, compostaxe ou fogares verdes, #Naturalmente - Audio e Vídeo


Boletín informativo ambiental de Adega

04/12/20

Ameaza a sombra de novas mareas negras cos casos de encallamento do buque afundido no día de onte en Vigo, ou co quimiqueiro que tivo que ser remolcado ao porto exterior da Coruña, nunha semana no que se celebra o 18 cumpreanos da catástrofe ecolóxica producida polo Mar Exeo, enfronte as costas da Coruña. Alén diso, a transición ecolóxica e os proxectos estrela da Xunta volven apuntar cara unha nova eucaliptización e a implantación masiva de eólicos nos montes galegos sen ningún tipo de ordenación. Ademais destas, outras novas conforman a actualidade ambiental galega desta semana. Escóitaa en Radio Cerna!


Radio CERNA
Ronda Fontiñas, 180 Entrechán. 27002 Lugo
Tlf: 982 240 299 Email: radiocerna@adega.gal
Administración:Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal

Programa #Naturamente coa UNED de Lugo

Por outra banda desde a delegación de Adega Ferrolterra presentamos o interesante o programa "NaturalMente" da UNED de Lugo con diversos proxectos de educación ambiental, como Proxecto Ríos, compostaxe ou fogares verdes.


https://youtu.be/zcTueKjSrLg

Canle de Adega| Acceder.

http://adega.gal/

Enviado por:
adegatrasancos@adega.gal
-adegatrasancos@adega.gal-
5 de dezembro de 2020 19:53

_______

Concentración do persoal pasivo de Navantia Fene ás portas do estaleiro por segundo xoves consecutivo, ante a falta de resposta tanto da Direción cono do Comité, para o vindeiro xoves día 10 de decembro, volven concentrar-se en nova Asemblea ate que se solucione a entrega, aos beneficiarios, do paquete de nadal


COLECTIVO DE PASIVOS NAVANTIA FENE

Na segunda concentración do persoal pasivo de Navantia Fene ás portas do estaleiro por segundo xoves consecutivo, o colectivo constatou o nulo interese que o problema do reparto suscita entre a representación sindical, é dicir, o Comité de Empresa de Navantia Fene, pois malia haberlles feito entrega dun escrito a semana anterior, nin se dignaron a achegarse á asemblea a informar das xestións que se realizan, supoñendo que o fixeron.

Na concentración de hoxe, xoves día 3 de decembro puidemos constatar o gran desconcerto que reina entre o colectivo, e que conste que entre os presentes só había persoas dos Concellos con pechadura perimetral, posto que os que residen en Cedeira, Valdoviño, Cabanas, San Sadurniño, Pontedeume, Miño, Bemantes, Capela, etc etc. non poden asistir por razóns obvias.

O desconcerto increméntase polo feito de que non existe en Navantia Fene ningún estamento ao que poder dirixirse a fin de informarse, e polos teléfonos que se asignan pola empresa para suscitar as dúbidas pertinentes ninguén responde.

As cartas que se envían aos domicilios dos beneficiarios do paquete non chegan a todos e as que o fan non explican en absoluto como debe proceder o persoal que reside fóra do peche perimetral, e para máis pitorreo denominan ao paquete "obsequio" cando lles consta perfectamente que non se trata de ningún agasallo.

A todo isto, dada a falta de atención que tanto a dirección de NAVANTIA, como dos nosos representantes no Comité de Empresa nos prestan queremos facer públicas as seguintes cuestións:

✔ As autoridades competentes van permitir o acceso a Narón á xente que resida fose do perímetro pechado?
✔ De ser así, e dado que é un lugar moi concorrido nestas datas, está previsto o problema que pode xurdir polas limitacións de aforo?
✔ De NON ser así, que solución nos suscita Navantia? Vannos a facilitar un "pase" especial para poder circular ata o Concello de Narón?
✔ Van dispoñer de lugares de entrega fóra do peche perimetral?
✔ Quedaremo-nos sen poder recoller o paquete, ou nolo darán xa xunto co do próximo ano?

Dado que o vindeiro luns está previsto que comece o reparto sería moi conveniente que quen armou semellante e innecesario berenxenal puxese algo de luz neste asunto pois está claro que a cousa non está nin moito menos para bromas.

Fene, a 3 de decembro, de 2020

AVISO

Quedamos convocados para unha nova asemblea para o vindeiro xoves día 10 de decembro.

Enviado por:
José Francisco Salceda Gómez
-pepinsalceda@gmail.com-
6 de dezembro de 2020 14:53

_______

venres, decembro 04, 2020

Agavida, Asociación Galega de Vítimas do Amianto en Ferrol, apoia a convocatoria da Plataforma de Ferrolterra en Defensa das Pensións Públicas, deste sábado 5 de decembro


✔ POLO PRESENTE E O FUTURO DAS PENSIÓNS !!
NON AO PACTO DE TOLEDO !!
POR UNHA BANCA PÚBLICA !!
POR UNS SERVIZOS SOCIAIS PLENAMENTE PÚBLICOS !!

Agavida únese á convocatoria de MODEPEN-Ferrolterra para a defensa das pensións públicas desde vindeiro sábado 5 as 12.00h no Cantón
.

Dende Agavida queremos mostrar a nosa unidade coa plataforma de Ferrolterra para a defensa das pensións públicas. Por iso facemos público a nosa participación no encontro deste vindeiro sábado 5 no Cantón de Ferrol.

O vencello de Agavida con esta plataforma non é novo. Xa dende o seu comezo mantemos unha liña paralela nos nosos camiños. A súa loita pola defensa das pensións públicas e pola defensa dun sistema de servizos sociais plenamente público tamén é a nosa loita. Queremos mostrar, polo tanto, non só o noso apoio nese senso de traballo senón, tamén, unir os nosos esforzos na participación do espazo público.

O motivo da concentración da Plataforma ten varios eidos:
Movémonos contra o Pacto de Toledo, que non recoñece aos pensionistas como interlocutores nen os admite como integrantes do mesmo, pese a ser a súa función debater e propor medidas relativas ao sistema de pensións públicas ditando resolucións e propostas que poden transformar radicalmente as vidas deses pensionistas, deféndese a necesidade de creación dunha banca pública e uns servizos socias plenamente públicos, oponse a un sistema no que se pretende potenciar, dende o ámbito público, os plans de pensións privados, cabalo de Troia, para laminar no medio prazo o sistema público de pensións, defendemos, ademais, o establecemento dunha pensión mínima que recolla os criterios internacionalmente aprobados para combater a pobreza.

O seu lema "goberne quen goberne, as pensións deféndense" facémolo noso, de todos e de todas.

Agavida - Asociación Galega de Vítimas do Amianto en Ferrol
Rúa Papa Pío V, 8 Baixo D. - 15406 - Ferrol.
981 371 401 e 671 644 680

AVISO:
Co motivo da pandemia polo Covid-19 ten a súa sé, situada en Caranza, pechada nestes momentos, pero informa de que todas aquelas persoas que necesiten poñerse en contacto coa directiva por unha urxencia ou consulta que realizar, poden facelo a través do correo electrónico agavida@hotmail.com. Tamén poden chamar ao número de teléfono 671 644 680.
_______

O movemento en defensa das pensións públicas mobiliza-se en Ferrolterra, en toda Galiza e no resto do estado, este sábado 5 de decembro, polas pensións presentes e futuras, non ao Pacto de Toledo, por unha banca pública, ... , ás 12 do mediodía no Cantón de Ferrol


Convocatoria de concentración en Ferrol

O sábado 5 de decembro de 2020, ás 12:00h no Cantón

A Plataforma de Ferrolterra para a Defensa das Pensións Públicas convoca unha concentración na defensa das pensións públicas presentas e futuras este sábado, día 5 de decembro, ás 12 horas no Cantón de Ferrol.

A Concentración convócase contra o Pacto de Toledo, que non recoñece aos pensionistas como interlocutores, nen os admite como integrantes do mesmo, pese a ser a súa función debater e propor medidas relativas ao sistema de pensións públicas, ditando resolucións e propostas que poden transformar radicalmente as vidas deses pensionistas.

Deféndese tamén a necesidade de creación dunha banca pública e uns servizos socias plenamente públicos.

A Plataforma, oponse a un sistema no que se pretende potenciar, desde o ámbito público, os plans de pensións privados, cabalo de Troia, para laminar no medio prazo o sistema público de pensións.

Defende ademais o establecemento dunha pensión mínima que recolla os criterios internacionalmente aprobados para combater a pobreza.

Desde a Plataforma faise especial fincapé en que "goberne quen goberne, as pensións deféndense".

Enviado por:
Plataforma Pensións Públicas Ferrol
-plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com-
3 de dezembro de 2020 08:17

_______

O feminismo galego responde ao feminicidio de Gondomar con mobilizacións en todo o país - En Ferrol, como en toda Galiza, vai ter lugar unha concentración na Praza Amada Garcia, hoxe venres 4 de decembro, ás 7 da tarde, na Praza Amada Garcia


O feminismo galego responde ao feminicidio de Gondomar con mobilizacións en todo o país. En Ferrol, como en toda Galiza, vai ter lugar unha concentración na Praza Amada Garcia.

A Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra, condena o asasinato machista de Soledad Rey, de 59 anos, o mércores 2 de decembro de 2020, en Gondomar (Pontevedra) e convoca:

CONCENTRACIÓN
venres 4 de Decembro, ás 19 hs.
Diante do Edificio da Xunta
Praza Amada García - Ferrol
(con mascariña e distancias de seguridade)


CONVOCATORIAS NA GALIZA:

✔ A Coruña, 20h no Obelisco

✔ A Estrada, 20h diante do Concello

As Pontes, 20h na Praza do Hospital

✔ Ames, 20h, Praza da Maía (Bertamiráns).

✔ Barreiros, 20h. diante do Concello

✔ Cabanas, 19h diante do Concello

✔ Carnota, 20h na Praza da Pedra

✔ Catoira, 20h. no Adro de Catoira

✔ Celanova, 20.30h na Praza Maior

✔ Compostela, 20h na Praza 8 de Marzo

Ferrol, 19h na Praza Amada García

✔ Noia, 20h diante do Concello

✔  Ourense, 20h na Castañeira (Subdelegación do Goberno)

Val Miñor, 20h no cruce da Ramallosa

✔ Vigo, 20.30h no MARCO

✔ Vilagarcía de Arousa, 20h na Praza da Galiza

✔ Lugo, 20h diante do Concello

✔ Chantada, 20.30h na Praza do Cantón (Praza de España)

✔ Lalín, 20.30h Rúa Monte Faro (diante do casino)

✔ Barreiros, 20h diante do concello

✔ A Gudiña, 20h diante da Casa do Concello

✔ Sada, 20h na Praza da Peixaría

✔ Muros, 20h Praza do Concello

MAPA DOS FEMINICIDIOS NA GALIZA:

http://feminismo.info/feminismo/feminicidio/

#Feminicidio
#ViolenciaMachista
#MachismoMata

#RespostaFeminista
www.feminismo.info

"As mulleres decidimos"


Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza

Enviado pola:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
3 de dezembro de 2020 16:39
_______

luns, novembro 30, 2020

En Ferrol como noutras cidades Galegas, este 26 de novembro, tiveron lugar concentracións en apoio ao dereito de autodeterminación do Pobo Saharauí - Contra as agresións de Marrocos ao pobo saharauí, demandaron a inmediata intervención da ONU, da UE e do Estado Español





As cidades galegas mobilízanse contra as agresións de Marrocos ao pobo saharauí. | Demandaron a inmediata intervención da ONU, da UE e do Estado español


Con mobilizacións nas sete cidades, convocadas pola SOGAPS e a Delegación Saharauí para Galiza -apoiadas pola CIG-, centos de persoas manifestaron o seu rexeitamento ás agresións de Marrocos contra a soberanía do Sáhara occidental. Ademais reclamaron unha actuación inmediata da ONU, da UE e do Estado español para frear o conflito armada e a convocatoria do Referendo de Autodeterminación, xa acordado, para acadar a independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

Ao remate das concentracións deuse lectura a un manifesto no que se lembra que o pasado mes de outubro, o Consello de Seguridade aprobou a súa Resolución 2548 (de 2020), a renovación do mandato da Misión das Nacións Unidas para o Referendo do Sáhara Occidental (MINURSO). “Mais, dita Resolución, non contempla accións concretas que permitan á MINURSO cumprir ese mandato que lle foi encomendado no ano 1991, a celebración de dito Referendo sobre a Libre Determinación do Sáhara Occidental”.

Por iso denunciouse que esta falta de acción, xunto coa actitude observada na propia MINURSO en todos estes anos, máis de complicidade co estado ocupante, que de posta en marcha do proceso acordado, “foi mermando progresivamente a paciencia da poboación, que comezou a manifestarse pacificamente en todo o territorio, e de xeito especial na franxa ilegal que Marrocos instaurou na zona de Guerguerat, a carón do muro da vergoña que fractura o territorio Saharauí”.

Ruptura do Alto o Fogo

Diante destas lexítimas protestas, O Reino de Marrocos, sabedor da impunidade da que está a gozar ata o momento, irrompeu co seu exército e xendarmería nesa zona, para reprimir as protestas, o que supuxo unha clara violación das cláusulas do Acordo Militar nº 1 e, polo tanto, a ruptura do “Alto o Fogo”, tal e como proclamou o Presidente da República Árabe Saharauí Democrática (RASD), Brahim Gali, na Declaración do pasado día 14 de novembro.

Estes feitos supoñen, tal e como se denunciou, un paso máis na escalada de inxustizas que o pobo saharauí vén soportando dende hai anos. Un pobo que leva vendo as súas terras ocupadas ilegalmente dende hai xa 45 anos, forzando a grande parte da súa poboación e varias xeracións a vivir lonxe do seu territorio, nos campamentos de refuxiados/as de Tinduf. Un pobo que padeceu 16 anos de guerra, que leva sufrindo represión, masacres como a de Zemlaou a desaparición de Basiri, con incontables mártires e persoas mutiladas polas minas de Marrocos, que foi bombardeada con Napalm e fósforo branco (ámbolos dous ilegais).

Un pobo que vén de sufrir as constantes violacións dos dereitos humanos, de desaparicións forzadas, de detencións e xuízos “farsa” contra os presos políticos torturados que seguen na cadea, ou de observar a construción nas súas terras dun muro de 2.720 quilómetros. Vendo como calquera misión independente era boicoteada por Marrocos. Anos observando como os seus recursos seguen a ser explotados polo estado colonial, a pesar de haber xa ata dúas sentenzas que condenan estas prácticas por parte de tribunais europeos.

Os fosfatos das súas minas, os seus produtos agrarios ou o polbo que se vende como galego polo mundo adiante son explotados ilegalmente por Marrocos e empresas europeas, mentres os seus donos lexítimos teñen que vivir da Solidariedade.

Por iso proclamaron que “Marrocos é culpábel", si, pero hai máis organismos e institucións responsables desta situación:

En primeiro lugar, a ONU, que non cumpriu co seu cometido de facer que a MINURSO levara a cabo obxectivo polo que foi creada, e vén actuando en conivencia co estado incumpridor dos acordos.

En segundo lugar, a Unión Europea e, moi especialmente, algún dos seus Estados, que non respectan as decisión dos seus propios tribunais, nin están interesados en resolver o problema, ao antepoñer os seus intereses comerciais ou de control da emigración desde África, que teñen acordado con Marrocos, ante os dereitos soberanos do pobo saharauí.

E o principal culpábel é o Estado Español, potencia administradora do territorio logo da descolonización, e os seus sucesivos gobernos durante todos estes anos. Comezouse polo total esquecemento e o abandono á súa sorte deste pobo, por parte dun rei agora fugado por corrupción, cando a Marcha Verde e, seguiron os gobernos alternativos do PP e do PSOE, e agora, tendo un goberno autodenominado “progresista e conformado por algunhas forzas políticas que se teñen pronunciado a favor da causa saharauí, adopta unha incomprensíbel actitude de silencio e inacción, incluso diante da gravidade que supoñen os últimos acontecementos”.

Inmediata intervención


Desde Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), xunto con todas as organizacións que apoian estas demandas na Galiza, fixeron un chamamento á ONU, á Unión Europea e, por suposto, ao Goberno de España; para que interveñan de inmediato pola vía diplomática e poñan unha xusta solución a este conflito:

1º) Instando a Marrocos a que retire de inmediato as súas forzas militares e policiais dos terreos ocupados.

2º) Esixindo o escrupuloso respecto polos dereitos humanos para a poboación saharauí, incluíndo a inmediata liberación de todos os presos políticos.

3º) Que se poña fin á explotación ilegal dos recursos do Sáhara Occidental, e por riba do coñecemento e acordo da Fronte Polisario, representante lexítimo do pobo saharauí.

4º) Que, en definitiva, se poña en marcha dunha vez por todas, o Referendo de Autodeterminación do Sáhara Occidental, tal e como está contemplado nos acordos asinados no 1991, e que culmine coa Independencia da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

GALIZA CO SÁHARA!

SÁHARA LIBRE!

Fonte: Avantar.

Manifesto 26 de Novembro de 2020, por un "Sahara Libre". | Acceder/Baixar.
_______