Amosando publicacións coa etiqueta Amadeo Varela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Amadeo Varela. Amosar todas as publicacións

martes, febreiro 21, 2012

Agora xa está?, ... Por Amadeo Varela Rodríguez

Por Amadeo Varela [*]
21.02.2012


Á nosa cidade deberían cambiarlle o nome e chamarlle a cidade do “agora xa está”. Se botamos unha ollada á cantidade de trapalladas que temos sufrido, á cantidade de empresas pechadas, ou á morea de promesas incumpridas, lembraremos que en moitas ocasións, cando alguén tratou de opoñerse a algunha falcatruada, topouse coa indiferenza da xente en xeral, que en canto de loitar resignábase co conto de “agora xa está”. E nembargante en algunhas ocasións a loita dunhas poucas persoas acadou resultados que parecían imposibles.

Por lembrar algunhas das últimas, que non derradeiras, anoto o derribo das Casas Baratas, que “xa estaba feito” antes do ano 2000; o arrasamento da fraga de Menáncaro, na que xa se daba por feita unha urbanización con hotel incluído; a “palangana” da Praza de Sartaña que tamén se consideraba feita; e os edificios da Praza de España, que segundo se dixo, xa non había xeito de paralos. Mais todas estas trapalladas, foron detidas a tempo, aínda que non poidamos asegurar que sexa definitivamente, pois “os trapalleiros” son fortes e teimudos.

Hai, en troques unha moi gorda, que ata agora non se puido deter: A perigosa Planta de Gas, instalada en Mugardos, contra todo razoamento, contra toda a regulamentación e contra o máis elemental sentido da prudencia. Preto de doce anos levan un grupo de persoas denunciando esta barbaridade ilegal e sen sentido e aínda hai quen di iso de “agora xa está”. Iso é o que poderán dicir os que queden, se un día estoupa. Daquela si, pero mentres, aínda estamos a tempo de botala de aí.

Todas estas lembranzas viñéronme á memoria co gallo da manifestación do pasado domingo. Ganas déronme de dicirlles a algúns iso de “agora xa está”. Porque supoño que entre tanta xente habería bastantes que votaron PP nas últimas eleccións. Pois “AGORA XA ESTÁ”. Xa temos outra falcatruada máis enriba do lombo. E seguramente pasará o día e pasará a romaría e seguiremos dicindo que chove … Porque estamos afeitos a aturar todo o que nos botan, así que, “agora xa está”. Ou non?

Publicado no "Diario de Ferrol"

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
______________________

venres, decembro 16, 2011

Tenacidade, ... Por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
24.10.2011


Xa pasaron máis de dez anos, e o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue na súa loita de denunciar a ilegalidade da planta de gas de Reganosa, instalada no interior da ría, no concello de Mugardos. Desde entón, cada vez que un vello gaseiro aboca a entrada da nosa ría, o Comité convoca aos cidadáns nunha nova protesta con concentracións que varían en número de asistentes dependendo das circunstancias persoais daqueles que normalmente acoden á súa chamada para expresar a súa preocupación, polo perigo que supón a posibilidade dun accidente na citada planta ou nalgún dos buques cargados con tan perigosa mercadoría, cando encetan a difícil manobra de entrada.

A insistencia do Comité está lexitimada non só polo razoable da súa protesta, senón por senllos ditames do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirmou a ilegalidade da citada planta, se ben estes foron recorridos polos responsables da regasificadora, quedando agora pendente da decisión das Superiores Instancias.

Coido que semellante tenacidade é unha proba irrefutable da seguridade que esas persoas teñen da razón da súa protesta e da fe nun fallo xudicial definitivo, que libere aos cidadáns desa latente ameaza, obrigando a Reganosa a cambiar o seu emprazamento. Esa era a fe e a esperanza do Xeneral Gabeiras primeiro e de Carmelo Teixeiro, despois, na súa loita como coordinadores do Comité. Eran dous homes bos e xenerosos, que xa se foron, pero que deixaron marcada a estratexia desta carreira de fondo: esixir, insistir e resistir. Porque como alguén dixo, resistir é vencer. Eles sabían que loitaban contra poderosos intereses económicos e contra o silencio cómplice de certos medios de comunicación e dos partidos políticos maioritarios deste país, pero nunca cederon, porque estaban convencidos de que, aínda que tarde, a Xustiza ía lles dar a razón, porque de non ser así, o Estado Español perdería totalmente a súa cualificación como Estado de Dereito.

Proximamente van ser xulgados en Ferrol varios dos mariscadores que, coas manobras das súas embarcacións impediron a entrada na ría do primeiro gaseiro cargado. Dadas as circunstancias, o que parece máis razoable é que todos eles saian en liberdade sen cargos, pois de non ser así, e de producirse posteriormente a sentencia de ilegalidade de Reganosa, poderiamos atoparnos na esperpéntica situación duns homes castigados por defender a Xustiza.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
______________________

luns, outubro 24, 2011

Barrios, ... Por Amadeo Varela Rodríguez

Por Amadeo Varela [*]
24.10.2011


No Capítulo II do Regulamento de Participación Cidadá, fálase das Asembleas de Barrio, cuxos ámbitos territoriais serán establecidos polo Concello, “baseándose nunha enquisa cidadá, co contraste cos colectivos e entidades sociais e mediante acordo adoptado polo Pleno...”. ¿Quere isto dicir que o ámbito dunha asemblea de barrio pode exceder os límites do propio barrio? Se é así, xa non se trataría dunha asemblea de barrio. E se non é así, non será necesario establecer o ámbito territorial, que xa estaría definido polos propios límites do barrio. Por outra banda, ¿refírese a “enquisa cidadá” a unha enquisa de toda a cidadanía?

Paréceme a min que hai unha certa dose de ambigüidade que non axuda moito á comprensión deste artigo, ademais do principal problema, xa que coido que os límites dos barrios están aínda sen definir. Por exemplo, ¿onde acaba Ferrol Vello e comeza Canido?¿ Ata onde chega Esteiro, que por lóxica nunca podería traspasar as murallas de cerramento da cidade? Ou ¿é San Xoán-Bertón un só barrio?

Para comezar, poderíase formar unha comisión institucional para definir os límites de cada barrio, de xeito definitivo alí onde non se prevén cambios e de xeito provisorio onde o crecemento da cidade poda producir alteracións.

Sería imprescindible a opinión dos cidadáns dos barrios afectados en cada caso, pero cun mínimo de rigor histórico. Por suposto, o pleno do Concello sempre tería a última palabra neste importante tema.

Publicado no "Diario de Ferrol"

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
______________________

luns, setembro 26, 2011

Propaganda, ... Por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
26.09.2011


De vez en cando, os responsables da Planta de Gas de Mugardos, aparecen nos medios de comunicación acompañados de grupos de invitados, para louvar as excelencias das instalacións e dos seus sistemas de seguridade e, os beneficios que estas aportan a Galicia e a os galegos. Un día son os alumnos dun colexio, outro os compoñentes dunha coral ou rondalla, outro un grupo de profesores, ou de deportistas, ou calquera outro colectivo, que son utilizados como propaganda gratuíta, como unha demostración da bondade e eficiencia da planta. A min paréceme que toda esa “parafernalia” propagandística é froito da mala conciencia de aqueles que saben que as cousas fixéronse mal e incluso diría que ilegalmente.

Eu non entro a discutir temas dos que non teño suficientes coñecementos, pero hai detalles que non precisan de títulos universitarios para poder opinar con certas garantías. Por exemplo, se Reganosa é boa para os galegos, a min aínda non me chegaron os beneficios, aínda que si me chegou a preocupación; se alguén opina que o impacto ambiental non é negativo, ou non sabe o que é ambiental, ou cre que a xente é parva; e se alguén di que non é perigosa, que me explique por que en USA e en Italia negan os permisos para semellante industria e por que un de cada catro buques gaseiros tiveron que pospoñer a súa entrada na ría polas difíciles condicións marítimas. Por outra parte, pregunto eu: ¿A Planta de Gas fora da ría, non sería igual de boa para os galegos?

Entendo que tras toda esa propaganda agáchase un solapado intento de descualificar a aqueles que, insistentemente, fan oír a súa voz reclamando o traslado de Reganosa para fora da ría. Hai sitio mellor para poñela e eles sábeno. Polo tanto, que deixen de intoxicar á opinión pública, porque o pobo de Ferrol é apático e resignado e aguanta, como si estivese durmido todo o que lle botan, pero non é parvo e puidera ser que se canse de tanta tomadura de pelo. Claro que iso é bastante difícil, así que seguiremos dicindo que chove mentres… Oxalá que non sexa unha traxedia o que nos faga espertar.


[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________

mércores, agosto 31, 2011

Outra vez Recimil, ... Por Amadeo Varela Rodríguez

Por Amadeo Varela [*]
31.08.2011


Tal como se esperaba, o novo goberno municipal do PP ataca de novo contra as Casas Baratas. Aos veciños xa non nos colle de sorpresa, pois desde fai trinta anos, algúns integrantes do Partido Popular ferrolán convertéronse na "besta negra" da nosa barriada. Metéuselles entre cella e cella o da derriba e non hai xeito de facerlles respectar os seus propios acordos. Eles fan os seus cálculos e só ven o beneficio que representaría semellante operación urbanística pero, beneficios para quen? Por suposto, a veciñanza non sairía beneficiada, por máis promesas imposibles que poñan sobre a mesa. Chegaron a dicir que aqueles veciños que non quixesen comprar as súas novas vivendas -con ascensor trasteiro e garaxe- seguirían pagando o mesmo que agora. Pero claro, tíñano todo ben pensado; calculaban que a operación derrubo e construción duraría dez anos e, calculaban tamén que ese sería o ciclo vital dos veciños: "Dentro de dez anos estarán todos mortos", dixéronnos nas nosas propias barbas. Contaban con iso para realizar un negocio redondo. Saben que cada vez somos máis vellos e con menos ánimos para defender os nosos fogares, nos que moitos investimos os aforros de toda unha vida de traballo. Pero nada disto resulta novo, como tampouco é nova a serie de mentiras e verdades a medias que se utilizan para desprestixiar o barrio e os seus moradores. Repiten ata a saciedade que son edificios construídos con malos materiais, pero non din cantos e cales son eses males materiais, nin cantos deles foron substituídos xa polos propios veciños. Chegan ao colmo de utilizar á xente nas súas argucias demagóxicas: "Os pobrecitos anciáns non teñen ascensores". Pero non din que eses anciáns sobreviven con pensións de 400 euros ou menos. Iso non interesa. Din que é máis caro rehabilitar que construír, pero a min as contas non me saen. Claro que eu non son arquitecto, pero só calculando o custo da derriba destes robustos muros de pedra de granito e o transporte dos cascallos, as cifras dispáranlleme. E non falemos do custo ecolóxico e moito menos do custo social. Iso tampouco interesa. Creo que sería importante coñecer a opinión de sociólogos e economistas, pois nese aspecto, os demoledores parecen non estar moi decatados. Véxase o exemplo do Bambú Club: "Rehabilitar ese edificio é tirar o diñeiro" din. ¡Vaia home! E eu que cría todo o contrario, é dicir, tirar o diñeiro é ter nun estado lastimoso ese edificio que, unha vez rehabilitado, podería proporcionar ao Concello -ou sexa, ao pobo- uns substanciosos ingresos que agora non dá, ademais da creación dalgúns postos de traballo que antes xa había. Certamente, as opinións son respectables, pero todas. Incluídas as da Delegación Local dos Arquitectos Galegos, que dedicaron a esta barriada o Día Mundial da Arquitectura no ano 2005, argumentando que a construción das Casas Baratas foi "o fito urbanístico máis importante de Ferrol no século XX" e que "coa construción desa barriada, Ferrol entrou na modernidade urbanística". Ou como a decisión da Comisión Provincial de Patrimonio, que decidiu manter a barriada no catálogo patrimonial, "polo seu indubidable valor histórico e urbanístico".

En fin, hai tantas cousas que dicir en defensa desta barriada, que farían esta carta interminable e que ademais non servirían para nada, pois os "demoledores", nunca atenderon a razóns nin atenderían agora, por moito que presuman de dialogantes. Chegan ao extremo de violar os seus propios acordos tomados por unanimidade no Parlamento Galego e no propio Concello, nos que votaron a favor da rehabilitación. Como se pode chegar a ese extremo de impudicia política? Como pode o pobo ferrolán votar a quen amenten, enganan e insultan aos veciños neste tema de Recimil? Non cabe suporlles a capacidade de facer o mesmo en calquera outro tema? Ata cando imos ter que soportar esta praga?

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________

mércores, xuño 08, 2011

A mantenta das Eleccións Locais do 22 de Maio de 2011: "Análise", ... Por Amadeo Varela


"O pobo de Ferrol non aprobou a ningún partido de esquerdas, pero tampouco aos da dereita, e a proba son as tres cuartas partes de votantes que por algunha razón non votaron ao PP. Esas tres cuartas partes significan máis de 45 mil votos que o Partido Popular non ten". Razona Amadeo Varela no artigo que segue. Un razonamento interesante que dos 61.259 votos pośibeis o PP so acadou 14.974, foron 46.285 as persoas, cidadás  de Ferrol que non lle deron o seu apoio.

Por Amadeo Varela [*]
08.06.2011


Despois das eleccións, os partidos políticos adoitan facer unha análise máis ou menos profunda sobre o desenrolo e o resultado das mesmas, atopándonos a cotío con conclusións do máis insospeitado, pois ás veces todos gañan e ninguén perde. Dos que perden, algúns están contentos porque subiron nuns poucos votos, ou porque os votos perdidos non foron moitos. Dos que gañan, algúns lamentan non ter algúns votos máis para acadar a maioría absoluta. Mais cando os votos recibidos conceden esa ansiada supremacía, sacan peito presumindo de que van gobernar porque o pobo así o quere. Estes razoamentos fan pensar naquilo que dixo o poeta, de que “todo é segundo o color do cristal con que se mira”.

En Ferrol, despois das últimas eleccións do 22 M, é necesario profundar nas causas dos resultados rexistrados, que na miña opinión debéronse a moitas circunstancias foráneas e locais. Das foráneas sinalaría a crise económica, a actuación errática do goberno estatal, e a repentina presenza do movemento “indignado”, en plena campaña electoral. Das circunstancias locais, as máis importantes puideran ser a ruptura do goberno bipartito PSOE – EU, e sobre todo, as divisións dentro dos propios partidos de esquerdas, que levaron a este desastre tanto ao PSOE, como a EU-IU e a o BNG, se ben este último está pagando aínda a súa desfeita anterior.

Dos resultados da dereita destaca a maioría absoluta conquistada sobre a base dos erros dos rivais e dunha impresionante campaña propagandística contraria á súa aposta pola austeridade. A cuestión en números, defínese así: de máis de 61 mil votos posibles, o PP recolleu pouco menos de 15 mil, o que ven sendo algo menos da cuarta parte do total. Estes números danlle o dereito a gobernar para os catro vindeiros anos, pero o que non teñen é, o dereito a presumir de seren os preferidos por o Pobo. “O pobo de Ferrol quere que gobernemos”, dirán. Pois non. O pobo de Ferrol non aprobou a ningún partido de esquerdas, pero tampouco aos da dereita, e a proba son as tres cuartas partes de votantes que por algunha razón non votaron ao PP. Esas tres cuartas partes significan máis de 45 mil votos que o Partido Popular non ten. Xa que logo, gobernarán legalmente, por dereito propio, pero non por desexo do pobo de Ferrol, senón por desexo desa cuarta parte. Velaí un motivo de reflexión para os dirixentes do PP ferrolán: unha gran maioría do pobo ferrolán non confía neles e non os quere. Máis aló de ideoloxías, é o resultado normal dunha conduta de incumprimento dos seus propios acordos.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

______________

Elecións Locais do 22 de Maio de 2011 - resultados en Ferrol

Comparativa Concello de Ferrol 2011-2007

[Clicar acima da imaxe para ampliar]
________________

martes, xuño 07, 2011

Cabreo, ... Por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
07.06.2011


Entre nós, paréceme que a palabra cabreo define moito mellor o estado anímico da xente que o termo indignación. Desde logo está moi claro que unha parte moi numerosa de cidadáns ten todo o dereito do mundo de estar cabreado e de expresar o seu cabreo, dentro dos límites legais. De feito, ultimamente unha parte da cidadanía sacou á rúa a súa protesta, “tomando” as prazas céntricas de moitas cidades españolas, para esixir “Democracia real, xa”. Tal como están as cousas, esta “movida” non pode sorprender a ninguén, mais coido que habería que facer unha pequena análise deste fenómeno social ¿espontáneo?

Por exemplo, segundo as enquisas máis recentes, a primeira preocupación dos españois é o paro. Xa que logo, penso que se podería esixir “Traballo, xa”, no canto de pedir máis democracia; por outra parte, o momento elixido para a protesta, en pleno proceso electoral, paréceme bastante sospeitoso, pois aínda que aparentemente a repulsa ía dirixida a todos os políticos, ata o participante máis inxenuo debería supoñer que este acto reivindicativo volveríase automaticamente na contra do partido no poder, fose este cal fose. De momento, o resultado das eleccións do 22 M así parece indicalo. Agora compre agardar a ver se ese movemento continúa ou se disolve como o sal na auga. E conste que eu estou a favor dunha democracia total, coa independencia dos diferentes poderes e co mesmo valor para todos os votos, cousa que actualmente non é así.

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________

martes, abril 26, 2011

A xente debe saber, ... por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
26.04.2011


A xente debe saber
A xente debe saber … o que está a suceder.
En Ferrol temos na ría… bomba de reloxería.
Esa bomba é REGANOSA… ilegal e perigosa.
De noite e de día…esa bomba está na ría.
Nin medios de proteción… nin plan de evacuación.
En caso dun accidente… morrería moita xente.
Hai perigo moi real…dun estoupido fatal.
Se hai gaseiro cargado… o perigo está dobrado.
A vida ameazada… os que mandan non fan nada.
Reganosa está na ría… porque hai moita covardía.
Agora, sen demora… esa bomba fora.
¡¡Planta de gas… fora da ría.!!
Non tirar. Facer copias e repartir, porque…
¡¡A xente debe saber!!

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Enviado por:
amadeo

-avarela36@mundo-r.com-
25 de abril de 2011 21:40
_______________________

“Maloserá”, ... por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
26.04.2011


Estamos asistindo a unha ofensiva propagandística supostamente galeguizante, que a min paréceme contraproducente. E non quero ser malpensado, pois se o fose, entendería que a citada propaganda obedece a un solapado intento de adormecer as nosas inquietudes: “Don’t worry, que maloserá”. ¿Cómo debemos entender esta mensaxe? ¿Non te preocupes, que malo será…? Pois que ben ¿non? ¿Qué non tes traballo? Non te preocupes, que malo será… ¿Qué non podes pagar a hipoteca e che embargan o piso? Non te preocupes, que malo será… ¿Qué che poñen unha bomba como Reganosa preto da túa casa; que as listas de espera na Seguridade Social chegan a case dous anos; que os gandeiros teñen problemas; que os pescadores “van á miñoca”; que as rías están contaminadas; que sobe a gasolina; que sobe o gas; que sobe a luz; que os cartos non che chegan ata fin de mes; que…? Don’t worry, non te preocupes, que malo será…

¿É isto o que significa vivir como galegos? Pois non, comigo que non conten. Eu preocúpome moito, pois iso de “maloserá” hai que traducilo agora a “malo xa é”. E xa que logo, vivamos como verdadeiros galegos, sen renegar da gaita, das romarías e das nosas tradicións, pero loitando para acadar un futuro mellor para a nosa terra, os nosos fillos e os nosos netos. E preocupémonos tamén por se estoupa Reganosa, porque entón si que sería malo, moi malo. E como ninguén pode garantir que non estoupará, teremos que conformarnos co “maloserá”… ¡Pois non!

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Enviado por:
amadeo

-avarela36@mundo-r.com-
25 de abril de 2011 21:40
_______________________

martes, abril 12, 2011

Seguridade, ... por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
12.04.2011


Máis unha vez, a Natureza amosou a súa forza destrutiva, ante a que nada pode a máis sofisticada tecnoloxía. As catástrofes do Xapón de novo avisan de que a seguridade total non existe e que eses desastres son inevitables, por moitas medidas de precaución que se poidan aplicar. Se iso sucede nun país tan adiantado como o nipón, ¿que poderá suceder cando se engade improvisación, neglixencia e interese económicos? O accidente do Titanic foi unha especie de aviso: o buque mellor construído e cualificado como insumerxible, foi afundido polo mesmo elemento que pretendía dominar, pois non outra cousa que auga en estado sólido era o bloque de xeo que ocasionou a traxedia. Cruel ironía que debería facernos matinar.

As centrais nucleares, malia extremar as precaucións, son un referente constante ao perigo polos accidentes rexistrados. O mesmo ocorre coas regasificadoras de gas licuado, que son rexeitadas, aínda coas máximas medidas de seguridade. E se por riba, a instalación se fai en lugares non axeitados, de difícil acceso para os buques e preto de importantes núcleos de poboación, xa temos tres dos compoñentes habituais de calquera catástrofe: os intereses económicos, que influíron no improvisado cambio de emplazamento e a neglixencia dos responsables de semellante temeridade. Eis o perigo de Reganosa. O desastre está servido, en espera dese pequeno detalle que vote a andar a maquinaria destrutiva. ¿Alarmista? Non sei. Alarmado si.

Artigo publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol" o 11.04.2011

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
________________

martes, febreiro 01, 2011

Esperanza, ... por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
01.02.2011


Quero enviar a miña mensaxe de ilusión dun Ferrol mellor, que moitos non chegaremos a ver, pero que a min paréceme imparable.

Aos que daban por perdida a fraga de Menáncaro, aos que contaban que non había solución para “a palangana” de Sartaña, aos que xa daban por feitos os edificios da Praza de España, aos que dicían que non se podería tirar a muralla, aos que profetizaron que as “Casas Baratas” non chegarían ó ano 2000, e a todos aqueles que por esas e outras razóns caeron no desánimo, quero recordarlles que, aínda que eses e outros temas non estean totalmente rematados, a realidade actual é ben distinta, grazas á loita das persoas que se enfrontaron á ilegalidade e á inxustiza.

Non sempre se gañan as batallas contra a especulación e os intereses bastardos daqueles que buscan ante todo o seu propio beneficio; mais cando a xente de ben esperta e se une para loitar por uns intereses comúns, a vitoria está asegurada. O difícil é facer espertar á xente. Para iso fan falta persoas honradas, mulleres e homes, capaces de organizar, dirixir e canalizar as protestas e as xestións.

Líderes que non se sintan atados polos intereses dos partidos políticos, que saiban dicir non no momento oportuno e que poñan por diante os intereses do pobo. Xa se sabe: “o pobo unido…”. Unidos, poderemos incluso botar a Reganosa fora da ría. Eu teño esa esperanza. Si.

Artigo publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol" o 31.01.2011

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
________________

domingo, decembro 27, 2009

Sacando caretas no asunto Recimil

Estimados compañeiros: ante a imposibilidade de respostar a quen se empeña en insistir sobre a conveniencia do derribo do meu barrio (e da miña casa), envíovos algo de información, para que saibades...

TAU Promociones S. A. y Recimil

Na sección de Ferrol da “Coz de Galicia” do Sábado día 19 de decembro, aparecían dúas opinións sobre o futuro do barrio de Recimil.

Unha delas a favor da rehabilitación, correspondente á Sra. Fernández Lemos, presidenta da Delegación en Ferrol do Colexio de Arquitectos de Galicia, coherente co posicionamento desta entidade, que xa no ano 2005 dedicara a Recimil o día mundial da Arquitectura, polos seus valores histórico-urbanísticos.

A outra a favor da derruba, correspondente ó Sr.Vázquez Liaño, Director do Grupo TAU, radicado en Coruña, e que se dedica a grandes operacións de derruba e reconstrución.

Da primeira non vou facer comentario, porque a opinión dos arquitect@s ferroláns é de sobras coñecida.

Da segunda quero facer unha serie de puntualizacións, para intentar que o persoal interesado no tema, teña o maior número de elementos de xuízo.


Por exemplo:

Di o Sr. Vázquez, que os arquitectos José Fonseca e outros, proxectaron a barriada desde Madrid, “interpretando equivocadamente las teorías e ideologías que formaban parte de las directrices del Plan Pedreira de 1929”. Pero resulta que José Fonseca foi un dos máis prestixiosos arquitectos do século pasado con numerosas e importantes obras en Madrid e que non parece posible que se equivocase na interpretación das intencións do proxecto Rey Pedreira, se temos en conta o parecido case exacto con aquel proxecto.

Fai referencia o Sr. Vázquez a unha opinión da Dirección Xeral de Patrimonio, redactada do seguinte xeito:

En opinión da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non se pode afirmar que:"(...) El actual barrio de Recimil tenga los valores artísticos o antropológicos, en todo caso el valor histórico que pudiera tener es más teórico que real puesto que la propuesta original de Rey Pedreira fue desvirtuada y el valor cultural desde el punto de vista urbanístico, arquitectónico y social basado en el ideario del Movimiento Moderno se vio adulterado y trastocado en su realización y construcción";.

Aínda sen ter en conta que o paragrafo está intencionadamente cortado con ese entrecomiñado que no documento orixinal non existe, debería estar ben clara a intención dos redactores de non “mollarse”, pois se non poden afirmar que teña eses valores, tampouco os negan.

Mais este pequeno detalle non tería maior importancia se non fose que:

1).- O Grupo TAU xa tentou meterlle man á derruba do barrio no ano 1996, en contactos coa Asociación de Veciños, cun proxecto que lles puxo os pelos de punta ós técnicos que o viron. Temos os debuxos daquel proxecto, que trataremos de enviarvos noutro correo.

2).- En xaneiro do 2005, PP+IF aprobaron o “Expediente de desafección do barrio de Recimil de Ferrol”, documento no que apoiaron a súa petición á Xunta de descatalogación do barrio.

Este expediente, cheo de mentiras e verdades a medias que amosaban o descoñecemento que do barrio tiñan os autores, a máis de algún insulto para os veciños (degradación social, tráfico de drogas) foi redactado precisamente polo Grupo TAU, que seguramente era consciente da trapallada que estaba a facer, pois NON firmaron o citado Expediente, que resulta ser un panfleto anónimo, pois ningunha firma o avala.

E como soubemos que foi Tau quen o fixo? Porque temos o documento que xustifica o pago de 11.944,40 euros (15 – 12 – 2004) ó Grupo Tau Coruña S. L., como “Honorarios Expt. Desafección Barrio Recimil”.

Velaí o interese do Sr. Vázquez Liaño, (“profesional das derrubas”), en arrasar as Casas Baratas de Recimil.

Asociación San Fernando - Recimil.

Enviado por:
sanfernanadorecimil
-sanfernandorecimil@mundo-r.com-
24 de dezembro de 2009 19:48

_________________________

mércores, setembro 17, 2008

Os Feitos Consumados

Continuamente, os sufridos cidadáns temos coñecemento de operacións fraudulentas nos municipios, realizadas por "políticos" desaprensivos, que aproveitando o poder que lles confire unha maioría de representantes, toman importantes decisións -aínda que só sexa por un voto de diferenza- que logo resultan ser ilegais.

O sistema empregado, con diversas variantes, adoita ser case sempre o dos "feitos consumados". Por exemplo: Nun municipio calquera, decídese nun Pleno realizar unha obra importante e contrátase para iso a unha determinada empresa. Máis adiante descóbrese a ilegalidade do asunto e páranse as obras, pero o "negocio" xa está asegurado, porque haberá que indemnizar á empresa ou empresas contratadas.

En Ferrol temos varios exemplos deste tipo de irregularidades, como a Praza de España, Menáncaro, a Praza de Sartaña, etc, que lle van a custar ao Concello -é dicir, a todos os cidadáns- un bo puñado de euros.

Ante este estado de cousas, que se adoitan atopar en numerosos municipios, a nivel autonómico e estatal, resulta incomprensible e ata case sospeitosa, a ausencia dunha lei que faga imposibles este tipo de desmáns. En efecto, se se declarasen nulos este tipo de contratos realizados por mor dunha decisión ilegal, ou se se responsabilizase economicamente aos autores desa decisión, seguramente os políticos "oportunistas" pensaríanllo mellor antes de embarcarse nese tipo de aventuras.

Por iso, é necesario pechar esa porta aberta á corrupción, co cal, posiblemente eliminaríanse da escena pública a maioría deses falsos políticos, que só buscan "o pelotazo" como medio de enriquecemento persoal.

A pregunta pois, vai dirixida aos lexisladores actuais: Para cando unha lei contra os "feitos consumados"?

amadeo -avarela36@mundo-r.com-

mércores, setembro 10, 2008

O futuro de Recimil

De: amadeo -avarela36@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data:10 de setembro de 2008 13:07
Asunto: O futuro de Recimil


O futuro de Recimil

O futuro de Recimil está tan negro como o de Menáncaro, Sartaña, etc.

O día 26 de xuño, Diario de Ferrol publicaba unha entrevista co concelleiro de vivenda e obras, Sr. Reimúndez, na que afirmaba que “después del verano comenzarán las obras en el edificio del antiguo Bambú Club” e que, “También se concretará un marco de rehabilitación en Recimil, que casi con total seguridad será un ARI”.

O longo da entrevista, se informaba do transcendental papel que xogará a Empresa Municipal de Vivenda e Solo que, ó parecer, estará en marcha en cinco ou seis meses. Segundo o concelleiro, “El valor de Recimil es altísimo y si lo administramos correctamente será una inyección importante de recursos económicos para la ciudad”.

Consultado o Sr. Reimúndez sobre este asunto, nos confirmou estas previsións, fixando para setembro o comezo das obras no edificio do Bambú e a case seguridade de solicitar o ARI para ol resto da rehabilitación do barrio.

Esta afirmación do edil de vivenda nos alerta sobre a posibilidade dun cambio ideolóxico no seno de EU/IU, sobre a cuestión das Casas Baratas, pois se antes defendía con toda firmeza o aspecto social da barriada, agora parece que se quere converter ó Concello nunha Empresa inmobiliaria a as nosas vivendas nun negocio rendible para a cidade.

É dicir, que despois de sermos estafados e espremidos cunhas rendas de aluguer carísimas nos primeiros anos de ocupación das vivendas, nos que os cartos recadados nas Casas Baratas empregábanse para outras necesidades do Concello, agora seremos os encargados de inxectar “importantes recursos” para a cidade. E mentres, perdóanselle intereses e contribucións a Navantia, Defensa, etc.
_____________________


mércores, febreiro 13, 2008

Carta perdida: A catástrofe de Reganosa

Opinión

De: amadeo -avarela36@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 7 de fevereiro de 2008 23:26
Asunto: Carta perdida: A catástrofe de Reganosa




A catástrofe de Reganosa

Algunhas cadenas de televisión nos ofrecen a cotío reportaxes documentais de graves acidentes, baixo os títulos de “Grandes Catástrofes” ou “Segundos Catastróficos”, nos que, unha vez estudiadas as circunstancias dos desastres polos especialistas correspondentes, aparece case sempre como causante a concatenación de feitos que, aisladamente resultarían inofensivos.

Un pedazo de ferro aparentemente inofensivo, esquecido nunha pista dun aeroporto, ocasionou o desastre dun “Concord”: Un neumático do tren de aterraxe estalou, a llanta da roda ó tocar no chan fixo saltar chispas que, dalgún xeito, prenderon lume nun depósito de combustible.

Nunha cidade de Norteamérica, o contacto entre dúas tuberías de distintos materiais provocou unha pequena corrosión teóricamente imposible. A corrosión perforou a tubería de combustible, que durante moito tempo espallou gas polo subsolo da cidade; o cheiro alertou ós cidadáns, mais ninguén atopou a causa. Un día de moito calor produciuse unha serie de explosións que case borraron do mapa á cidade enteira.

Un inestable vaso plástico de café, verteu o seu líquido nos controles dun gran avión: O inofensivo café filtrouse polo medio dos conductores eléctricos e fixo curtacircuito entre dous terminais, provocando o sinal erróneo de avaría nun dos motores, inducindo ó piloto a desconectalo. Pouco despois, sucedeu o mesmo co segundo motor, o que obligou ó piloto a desconectalo tamén e tentar unha aterraxe de emerxencia que rematou en desastre total.

Noutro avión, algún operario esqueceu un pedazo de cinta plástica utilizada para protexer os sensores nas operacións de limpeza. Os sofisticados circuitos electrónicos, faltos da sinal dos sensores, transmitiron informacións erróneas e contradictorias de altitude e velocidade. Os pilotos estiveron voando practicamente a cegas durante certo tempo, e o desastre foi o resultado final.

Despois dos minuciosos estudios para averiguar as causas destes e outros accidentes, a conclusión final establece como desencadenante dos feitos a estupidez humana e moitas veces os intereses económicos.

Segundo estas conclusións, un desastre na estación regasificadora de Reganosa no pode tardar, tendo en conta que xa se produciron os primeiros fallos debidos á estupidez humana: o emplazamento da planta, pola teimosía de Fraga e Tojeiro; o consentimento das Autoridades e dos Políticos, polos intereses económicos; a apatía resignada dun pobo afeito a aturar todas as desgracias que lle botan enriba.

A cadea de despropósitos xa comezou. É cuestión de tempo que se vaian engadindo os seguintes elos: unha válvula atascada, unha tormenta imprevista, unha “agulla rocosa” no canal…

¿Pesimista? Non. Hai cousas que se ven vir.

Amadeo Varela Rodríguez
avarela36@mundo-r.com
______

sábado, xullo 28, 2007

Carta de Amadeo Varela ao Presidente da Xunta

De: amadeo -avarela36@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 27 de Julho de 2007 10:36
Asunto: Ría de Ferrol - Planta de Gas

Para: secre.presiden@xunta.es

Sr. D. Emilio Touriño.

Presidente da Xunta de Galicia:

Sr. Presidente:

Como ferrolán e como galego, quero expresarlle a miña rotunda condena a ese goberno da Xunta, no asunto da Planta Regasificadora instalada na ría de Ferrol, que como vostedes saben moi ben, non reune as mínimas condicións de seguridade e respecto ó medio ambiente.

Vostedes saben que non garda as distancias esixidas; vostedes saben que non é o lugar axeitado; vostedes saben que moi preto, hai un emplazamento ideal para esa Planta; vostedes saben que esa Planta significará a morte da Ría, co perxuicio económico para moitas familias. Xa que logo, vostedes non deberían autorizar un proxecto imposto de xeito fraudulento polos mesmos que durante vinte anos estiveron a afundir a Galicia.

Vostedes saben tamén, que o pobo galego votou polo cambio. Mais trabúcanse se pensan que só quixemos cambear os gobernantes. O cambio quere ser de actitudes e polo tanto, hai que cambear o que está mal.

Se vostedes non cambian a Planta de Gas do seu emplazamento actual, vostedes e o PSOE, sufirán as consecuencias como xa as sufriu o BNG. Non se deixen cegar polo seu trunfo nas últimas eleccións. Gañaron vostedes, porque os ferroláns non tiñamos a quen votar.

Prégolles que escoiten o clamor popular de toda a nosa bisbarra. Só están calados, os que teñen intereses incofesabeis neste asunto.

Respetuosamente, Amadeo Varela Rodríguez.