Amosando publicacións coa etiqueta Eleccións Xerais 2015. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Eleccións Xerais 2015. Amosar todas as publicacións

xoves, xaneiro 21, 2016

Grupo parlamentar: a renuncia da Marea, ... Por Xosé Mexuto


Por Xosé Mexuto [*]
21.01.2016


É-me difícil de entender por que En Marea non rexistou o seu grupo parlamentar como si o fixo Compromís, por que non deu a batalla, por que acabou optando por se inserir no grupo chamado confederal de Podemos, baixo a chefía de Pablo Iglesias.

A argumentación de que a solicitude de constitución do grupo parlamentar propio estaba condenada ao fracaso pola oposición da maioría da Mesa non se ten de pé: un non pode/debe renunciar ás primeiras de cambio a unha causa que xulga xusta e que, aliás, é un compromiso eleitoral. É isto o rupturismo? É esta á rebeldía? En política os símbolos son moi importantes, os de Podemos sábeno ben. Que simboliza esta manobra? Pouca firmeza perante o muro madrileño. É esta a afouteza coa que se tenciona asaltar o búnker?

Ítem máis: ao renunciar a constituír grupo, renúnciase aínda a petar nas portas do Tribunal Constitucional. Non me vale o contra-argumento de este ser un tribunal político controlado polas elites españolas. Xa o sabemos: mais do que se trata aquí é de se se quer ou non dar a batalla política até o final, de se se mantén ou non o compromiso adquirido co eleitorado.
"Un non pode/debe renunciar ás primeiras de cambio a unha causa que xulga xusta e que, aliás, é un compromiso eleitoral"
A decisión tórnase máis incomprensíbel se cabe ao contrastar coa de Compromís. A formación valenciana, que si rexistou o seu grupo proprio, axiu como axiu pola presión política exercida no seu seno polo Bloc Nacionalista Valenciá. Eles si se ativeron ao compromiso eleitoral.

Non enredo máis con esta cuestión. Os aspectos formais de apresentación da xogada -grupo confederal, non disciplina de voto ["non me imaxino ningunha votación neste Congreso en que teñamos unha posición diferente", dixo Errejón], etc- son pura maquillaxe. En Marea insírese nun grupo de ámbito estatal e iso é todo. Do ponto de vista da súa coherencia o lóxico tería sido rexistar o grupo proprio e, logo de ter sido rexeitado, ter ido ao mixto. Iso visualizaría En Marea como unha entidade propria, non enfeudada. O BNG estivo 20 anos no grupo mixto e sempre foi percibido como unha representación xenuinamente galega. En Marea vaino ser como un apéndice de Podemos: e non só, como xa a está a acontecer, pola inmensa maioría dos mass media, senón tamén pola grande maioría da populación galega.
"O que ten que explicar En Marea agora é por que se comprometeu en campaña a algo que non estaba na súa man conseguir, a algo que dependía de actores políticos non galegos"
Amigas e amigos, parafraseando Arsenio Iglesias, a política é moi difícil. Mais ás veces non o é tanto: Carolina Bescansa xa o anunciara no mes de agosto pasado: o do grupo parlamentario galego, indo Podemos dentro, non ía ser posíbel. O que ten que explicar En Marea agora é por que se comprometeu en campaña a algo que non estaba na súa man conseguir, a algo (que se tolerase a formación dun grupo participado por deputados de forzas políticas estatais) que dependía da vontade política de actores non galegos.

Nun artigo anterior lancei a pergunta de cantos deputadxs iría ter Podemos no Congreso. Desde esta terza feira 19 de xaneiro xa coñecemos a resposta.

Publicado no Sermos Galiza | 20.01.2018 | Onde recomendamos acceder para ler os comentarios.

[*] Xosé Mexuto. Barcelona 1966, xornalista e Director de Sermos Galiza. Foi xefe de imprensa do BNG no Congreso dos Deputados no período 1996-2003.  Traballou nas redaccións de El Ideal Gallego (1987-1988) e La Voz de Galicia (1989-1996). Foi tamén correspondente da axencia Efe na cidade d'A Coruña. Ten colaborado con A Nosa Terra e Xornal de Galicia. É coautor, con Jesús Flores, de "A Historia do Deportivo" (Edicións Xerais, 1993). En Xullo de 2006 deu ao prelo "A nación galega existe. Conversas con Francisco Rodríguez" (Edicións A Nosa Terra). | Seguir a @xosemexuto | Ler outros artigos no Sermos.

Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
20 de janeiro de 2016 18:47

__

mércores, xaneiro 06, 2016

En Marea por un 2016 de cambio, para que nada siga igual!


Desde En Marea queremos trasladar, neste final de 2015, o compromiso colectivo por facer, entre todas e todos, de 2016 un ano de cambio e ruptura co vello. Un ano, polo tanto, onde fagamos da democracia, da soberanía popular e da xustiza social o centro de toda a vida política e institucional.

Queremos tamén aproveitar esta mensaxe para agradecer de novo aos centos de miles de galegos e galegas que o 20 de decembro deron o seu apoio a En Marea. Dixemos que o cambio non había quen o parara. E tras o 20D para En Marea o cambio non para. En primeiro lugar porque ficou constatado que o sistema bipartidista que leva imperando nas últimas décadas, grazas a un sistema electoral inxusto e a un pacto constitucional esgotado, que non representa a unha maioría social que nen sequera a puido votar, é xa historia. En segundo lugar porque ninguén pode negar xa que estamos inmersos nun novo ciclo político no que o diálogo e a asunción da diversidade sociopolítica existente no Estado serán os eixos fundamentais para dar resposta ás necesidades da maioría social.

Neste contexto, En Marea traballa desde xa para abrir os diálogos necesarios para consolidar un cambio fundamentado na democracia e nos dereitos sociais e, polo tanto, para tratar de evitar un goberno encabezado polo Partido Popular ou por sectores como Ciudadanos, que a todas luces son máis do mesmo: recortes, austeridade, desigualdade.

Para este cambio no Estado, as nosas coordenadas son claras. Cómpre agora saber se outras forzas, e de forma especial o PSOE, escolle mudar o rumbo das súas políticas ou pola contra permitir que o Partido Popular continúe a impoñer políticas ultraliberais en contra das maiorías sociais. É pois hora de escoller. E o PSOE debe escoller entre manterse como un dos dous partidos dinásticos para que todo siga igual ou sumarse as demandas dunha grande parte da cidadanía. Demandas que transformaron xa gobernos de grandes vilas e concellos no noso pais o 24M e que agora esixen un xiro radical no xeito de entender o goberno do Estado a vida institucional.

É intención de En Marea, pois entendémola coherente co compromiso programático establecido coas máis de 408 mil persoas que depositaron o seu voto por esta opción, cooperar activamente na configuración de calquera alternativa que recupere os dereitos sociais e políticos a prol da maioría social, que defenda os recursos e os bens comúns, que rescate a democracia e con ela a cidadanía e que asuma que tanto as persoas como os pobos teñen dereito a decidir o seu futuro, reflictíndose así a realidade plurinacional até hoxe irracionalmente negada do Estado español.

http://enmarea.gal/
info@enmarea.gal
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
05 de janeiro de 2016 15:56
________________

Catro apontamentos após o 20D, ... Por Xabier P. Igrexas

Por Xabier P. Igrexas [*]
06.01.2016


No que atinxe a Galiza, os resultados do 20D foron malos. Tanto polo feito de que o PP de Feijóo resiste ben -dado o contexto- como primeira forza, como polos resultados colleitados polo nacionalismo galego artellado arredor de Nós-Candidatura Galega. A coalición de Podemos con EU, Anova e as “mareas” das cidades, logrou dar un novo sorpasso ao PSdeG, asestando un duro golpe en núcleos como Vigo, onde pasou de primeira forza en maio (cunha inesperada e histórica maioría absoluta para Caballero) a terceira, por detrás do PP.

Mais para alén dos datos, dos resultados, da súa tradución en aritmética parlamentar, cómpre analizar o escenario político aberto após o 20D sen ollar eses comicios como unha foto fixa e isolada do seu contexto (pretérito e futuro).

Para o nacionalismo galego, o resultado foi moi duro, xa que supuxo a perda dos dous escanos logrados polo BNG nas anteriores eleccións e a súa exclusión do Congreso, logo de dúas décadas de inxente e vizoso traballo en defensa do país, e singularmente das súas clases traballadoras. Sei que entre as deputadas electas de “En marea - Podemos” hai persoas encadradas en forzas que tamén se reivindican nacionalistas. Porén, a principal diferenza entre Nós-Candidatura Galega e En Marea era, precisamente, que a primeira apostaba por alargar e reforzar a presenza galega ao servizo do país e da súa transformación, e a segunda aspiraba (lexitimamente) a facer a súa achega ao proxecto de reforma de España sob a lideranza de Podemos. Non son, como é obvio a mesma cousa.

Nos últimos días amoréanse as análises de urxencia, os chamados á reflexión e tamén as vellas apelacións a refundacións/reinvencións para “corrixir” o rumo do nacionalismo galego. Con certeza, esa dinámica manterase nas vindeiras semanas e meses. Non pasa nada. A cousa é que o debate sexa sereno, argumentado e que as análises superen o limiar superficial do inmediato. Cómpre pois tanto liberarse do shock post-lectoral (quen o teña) como evitarmos o ensimesmamento da paralizante adicción ao diván. A mesma noite electoral, nun deses apontamentos que apresuran as redes sociais, afirmaba que unha das tarefas era sabermos ler “coa necesaria autocrítica” os resultados do 20D. Logo reparei en que esa propia afirmación sintomatiza parte do problema, por enunciar algo que debera ser sobradamente obvio.

Esa reflexión, e o conseguinte debate, terán que ser colectivos e colexiados. As decisións que tivermos que adoptar, adoptarémolas -coma sempre- con plena democracia, practicando o asemblearismo. Mais é lóxico e razoábel que a deliberación, por a chamar dalgunha maneira, transcenda os límites orgánicos e se realice tamén a nivel público. Algo sano se se fai con responsabilidade e tranquilidade. É mesmo positivo, xa que de optarmos pola autocensura, as únicas voces e opinións que se han escoitar serán as dos benególogos, que paradoxalmente sempre coinciden (desde fóra) en que nos equivocamos, optemos por unha tese ou pola contraria. Hai algo peor que un debate mal xestionado: o silencio dos cemiterios. Esa unanimidade viscosa que impide o indispensábel contraste de posicións e de matices, sob o que calquera proxecto transformador debe formular as súas teses, análises e propostas.

Folga sinalar que esta cuestión, os resultados do 20D e -sobre todo- o novo escenario político, será un dos principais eixos sob os que discorrerán os debates que han desembocar na Asemblea Nacional Ordinaria que o Bloque realizará, previsibelmente, o vindeiro marzo. Dalí sairán as conclusións. Xaora, sen ánimo de concluír nada, hai varios apontamentos que acho preciso formular en voz alta para os termos (ou non) en conta. Os que vou enunciar deseguido.

Primeiro, o problema non era a marca BNG. Os obxectivos fixados e que fundamentaron a decisión colectiva de apostarmos nunha candidatura nacionalista de base ampla, que sobardase os límites do propio BNG, prescindindo da súa sigla como “marca electoral”, eran precisamente ampliar o apoio popular a unha proposta política nidiamente galega e en chave galega, que desde un inequívoco compromiso coas clases populares, servise de ferramenta para o noso povo ter voz (e voto) en Madrid, ampliando en consecuencia a actual (até ese momento) presenza institucional do nacionalismo galego no Congreso coa aspiración de contarmos cun grupo parlamentar galego e de obediencia galega. Cos resultados na man non se lograron ningún dos dous resultados, mais ese fracaso refuta unha das teses máis repetidas nos últimos anos: que o problema do BNG era o propio BNG. Cunha candidatura ampla, xenerosamente plural, e baixo unha nova marca o resultado foi o que foi. Iso significa que termos optado por manter a marca garantía un outro resultado? Non. Pero, visa en grande medida que de térmolo feito estes non ían ser peores. Para matinar, non cuestionando o que foi senón para pensarmos en chave de futuro.

Serva o anterior para entender, que inda non o fixer, que se ben forzas emerxentes como Podemos xogan cunha forte escenificación, alimentada a eito polos media do mainstream español, non se reducen a iso. Desde unha radical discrepancia, habemos recoñecer que a chave do éxito de Podemos en grande medida é discursiva. De contido e de narrativa/relato. Neste senso, as caracterizacións que infantilizan o povo, converténdoo en culpábel dos seus propios problemas ou mesmo en parte do problema, por optar (electoralmente) por outras escollas en troca de por nós, erran máis unha vez e non contribúen a unha análise clarificada e clarificadora. Podemos soubo facer da confluencia unha cuestión instrumental, ao servizo do seu proxecto, e non un obxectivo en si propio como algúns sectores teñen defendido aquén do Padornelo.

Segundo, o contexto (social e político) é volátil até o paroxismo. É unha derivada inherente a todo proceso de descomposición, como o que atravesa o rexime político español, en profunda crise desde hai varios anos. A dependencia de Galiza tamén atinxe o marco e a axenda política. Certo que é un feito propiciado e agravado por quen desde o país, e mesmo desde posicións “nacionalistas”, ten apostado en que o futuro da nosa nación se resolva reformando España. A democracia televisiva é unha expresión inda máis insuficiente e limitante que a propia democracia formal (burguesa) en si. Non se trata de responsabilizar apenas ás tertulias dun ou doutro resultado, e menos de empregar este factor para xustificar un revés electoral propio, mais é obxectivábel a súa importancia determinante para poder entendermos os resultados do 20D, quer na Galiza urbana, quer na rural, quer na costa, quer no interior. O nacionalismo galego apenas resistiu algo mellor o embate naqueles enclaves nos que é forza de goberno, pois ese parámetro impediu que o arrase do novo “voto útil” fose maior.

Terceiro, a Historia non é unha liña recta. Tampouco a recente. Xa que logo, resultan chocantes algunhas intervencións públicas de dirixentes da fronte afirmando que debemos analizar o devalar electoral dos últimos quince anos. Chocan, pois así afirmado parecera que non teñamos analizado nada desde o ano 2001, ou que non se acometeran correccións e rectificacións nas sucesivas asembleas nacionais. Choca, ademais por incluír implícitamente a tese de que os maus resutlados do nacionalismo en 2015 partillan exactas causas cos maus resultados de quince anos antes. Como se nada tivese mudado, no mundo, no Estado, no país e no propio Bloque.

Cuarto, e último, o proxecto non é unha mercadoría. De aí que non poidamos abordar o seu (re)deseño ou actualización atendendo ás tendencias de demanda no mercado electoral. Ese atallo está máis que comprobado que conduce sempre ao abismo da claudicación, e non é nin tan sequera garantía de éxito electoral.

Xa que logo, o 20D o nacionalismo galego perdemos. Si. Mais non nos derrotaron. Porque os proxectos de transformación poden verse freados no carreiro electoral, mais non esmorecen nel a non ser pola vía da capitulación/autoliquidación. As eleccións só son letais para propostas posibilistas a curto, para o reformismo anano.

O nacionalismo galego ten por diante a tarefa de actualizar, de anovar no sentido de profundizar, o seu proxecto estratéxico, de optimizar a proposta política na que se substancia (programa), de precisar a folla de rota sob a que se desenvolver e de fortalecerse a nivel organizativo e tamén no campo da loita das ideas. Non son tarefas novas, son os reptos permanentes que debe encarar calquera causa política que aspira a mudar radicalmente a realidade, removendo os  estreitos marcos do “posíbel”, para facer realidade os cambios precisos. Fico certo de que con ese norte no compás, acertaremos para avanzar no camiño de facer realidade o horizonte emancipador dunha Galiza ceive e sen explotación á que aspiramos os milleiros de mulleres e homes que acreditamos no  BNG. Farémolo, con autocrítica, con debate, con contraste e cos cambios precisos, si. Mais tamén desde a profunda convicción nos nosos principios, con coherencia a proba de bombas, sen renuncias, nin dilucións.

Porque a cuestión non é como agiornarmos o Bloque para que máis electorado nos vote, senón en como logramos convencer, sumar e organizar máis povo arredor da nosa proposta política, ao proxecto de liberación nacional e social de Galiza. Sabemos da dificultade dese camiño, mais tamén de que non cabe outro. Coa seguridade de que a dificultade da tarefa non a fai menos necesaria. Ao contrario.

[*] Xabier Pérez Igrexas (Vigo 1984), activista sindical, político e social. Membro da CIG e do BNG, ocupando responsabilidades no ámbito comarcal. Participa en Sermos Galiza. Publica artigos de opinión en diferentes medios. Autor do blogue www.contradiscurso.net, en twitter @contradiscurso e no facebook.com/contradiscurso.

Publicado no Terra e Tempo.  | 04.01.2016

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
4 de janeiro de 2016 10:50

_______________

O BNG abre un proceso reflexión ata a asemblea nacional “para corrixir todo o que haxa que corrixir, ..."


O BNG cualifica de “claramente negativos” os resultados electorais do 20D pero manifesta o seu convencemento de que Galiza precisa un proxecto nacionalista autónomo e forte con vocación de ser alternativa de goberno. Para iso, abre un proceso de reflexión e análise, “serena e tranquila”, para “corrixir todo o que haxa que corrixir, e reinventar todo o que haxa que reinventar”, expresou o portavoz nacional, Xavier Vence.


Os resultados son peor do esperado e moi por debaixo das expectativas do BNG, aínda tendo en conta un contexto complexo e polarizado a catro”, indicou Vence, “é un resultado doloroso que haberá que corrixir, levantarse e repoñerse”.

Malia o resultado, o BNG considera que o proxecto nacionalista “segue a ser esencial e necesario para o futuro de Galiza”, aínda que sexa imprescindible “facer unha reflexión profunda” que se canalizará na celebración de asembleas abertas á militancia e ao conxunto da cidadanía por todo o país, que concluirá nunha asemblea nacional en marzo.

Estamos plenamente decididos a manter erguido un proxecto nacionalista que consideramos esencial para que este país teña futuro, para poder ter voz autónoma en todas as institucións, capaz de ser alternativa de goberno e de contribuír á transformación deste país”, recalcou.

Galiza segue a precisar un proxecto nacionalista autónomo, inclusivo, aberto, con vocación maioritaria e darlle a este país a forza que non van darlle as organizacións estatais”, argumentou.
Xavier Vence, portavoz nacional do BNG.

Vence asumiu que a foto post 20D “non se explican só polo contexto”, pero tamén foi claro á hora de constatar que o panorama do bipartidismo a catro “condicionou o resultado das forzas nacionalistas tamén en Catalunya e Euskadi. “É evidente que hai unha estratexia para crear un contexto político en clave netamente estatal e recentralizadora cun sistema de partidos a catro que reste protagonismo aos nacionalismos”, indicou

Da asemblea de marzo sairá unha nova dirección e, sobre todo, “a estratexia de futuro para ese proxecto nacionalista necesario”, incluíndo as decisións “para enfrontar os próximos embates electorais en 2016” e as posibles alianzas. A necesaria reflexión colectiva que agora se abre ten que ir máis aló dos resultados do 20D, para analizar “a tendencia que traemos dos últimos anos para podernos dar unha alternativa nacionalista de futuro”, indicou Vence.

Reflexión persoal

Preguntado pola súa continuidade, o portavoz nacional, salientou que estaba a transmitir a valoración da Executiva nacional reunida na tarde de onte, tras chegar de Madrid da súa comparecencia na Audiencia Nacional. “Tomarei as miñas propias decisións persoais, pero o importante neste momento e que o proceso de reflexión que agora se abre conclúa na asemblea nacional da que, evidentemente, sairá unha nova dirección”.

Vence tamén fixo unha valoración global do escenario que queda tras os comicios xerais, salientando o “fortísimo retroceso” do PP que perdería as eleccións galegas e o o retrotrae á situación de 1989, ao tempo que trasladou os parabéns a EnMarea polo resultado.

En nome do BNG, trasladou o agradecemento expreso aos centos de persoas militantes e non militantes que durante a campaña aportaron un caudal de “esforzo, xenerosidade e talento”, en apoio dunha candidatura en clave nacional e de esquerdas, así como a todos e todas as integrantes de NÓS-Candidatura Galega.

sedenacional@bng.gal
http://bng.gal/

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
05 de janeiro de 2016 15:30

________________

domingo, xaneiro 03, 2016

Matemática parlamentaria, ... Por Suso Baleato - As contas non cadran - A matemática parlamentaria desmente tanto a euforia da esquerda populista como o triunfalismo da dereita popular.


Por Suso Baleato [*]
01.01.2016

As contas non cadran. A matemática parlamentaria desmente tanto a euforia da esquerda populista como o triunfalismo da dereita popular. O trámite de constitución do grupo parlamentario galego será o primeiro test sobre a capacidade das novas formacións políticas para cumprir os compromisos adquiridos en campaña.

Nas democracias parlamentarias gaña as eleccións o partido que obtén o apoio necesario para presidir o executivo. Nos sistemas bipartidistas a presidencia adoita corresponderlle á lista mais votada, pero a regra non sempre funciona con mais de dous partidos. As dificultades que o Partido Popular experimenta para formar goberno ilustran ben o caso. De conseguir a presidencia sería ademais en minoría, lonxe de acadar a estabilidade necesaria para governar de acordo coa súa propia teoría política. Proclamar a vitoria nesas circunstancias resulta cando menos contraditorio.
"Laminada a necesaria reforma institucional, o fulgurante éxito das novas formacións políticas aseméllase mais ben a unha derrota"
A euforia das novas formacións políticas apunta a unha situación similar. O seu potencial de cambio institucional queda resumido nun algarismo: 117, os votos que impiden a formación de maiorías cualificadas no Congreso. Ao Partido Popular bástanlle os seus 123 escanos para bloquear calquera das reformas constitucionais promovidas polas forzas emerxentes. O mesmo sucede coas reformas por vía orgánica de estatutos autonómicos, lei electoral ou dereitos fundamentais, que os populares poden vetar en solitario coa súa maioría absoluta no Senado. Laminada a necesaria reforma institucional, o fulgurante éxito das novas formacións políticas aseméllase mais ben a unha derrota.

As disfuncións da algoritmia institucional deseñada na transición resultan evidentes, pero ademais de acadar un apoio numérico suficiente é preciso coñecer os mecanismos capaces de mellorar o seu funcionamento. Xorden dúbidas razoábeis sobre a capacidade dos novos actores para facelo á vista da euforia coa que celebran o seu tan meritorio como acoutado éxito electoral. Teremos tempo para comprobar si se trata da inconsciencia de quen repasou mal as contas, ou si se trata dunha fuxida cara adiante ante a evidencia de que os números non cadran para implantar as reformas comprometidas.

Precisamente Galicia protagonizará o primeiro test sobre a capacidade das novas formacións políticas para cumprir os seus compromisos. Cómpre lembrar que as cúpulas dos partidos que formaron a Marea comprometéronse a constituír grupo propio no Congreso. Tal como foi sinalado no seu momento a concorrencia xunto a Podemos vetaba esa posibilidade, mais supoñemos que a Marea identificou un mecanismo xurídico-político capaz de superar esa contradición, dado que mantivo a súa promesa. Teremos a certeza en breve.
"Cos orzamentos de 2016 xa aprobados, a troika non precisa formar novo governo para aplicar o seu programa económico durante o próximo ano"
No entanto, o verdadeiro gañador dos comicios observa distraído o ruidoso esperpento da corte madrileña. Tomar el cielo por asalto! Ante todo, estabilidade! Contrato único! Independencia! Cos orzamentos de 2016 xa aprobados, a troika non precisa formar novo governo para aplicar o seu programa económico durante o próximo ano. Ante a debilidade dos posíbeis gobernos minoritarios, basta a inercia do proceso administrativo sumada ao labor dos servizos de intelixencia para manter o status quo do Estado até os próximos comicios.

Así as cousas, o dato mais valioso sería a data de celebración das novas xerais. Resulta interesante considerar a posíbel coincidencia dos comicios galegos coas eleccións a Cortes. O adianto das autonómicas galegas é prerrogativa do Presidente da Xunta, quen tería na súa man facelas coincidir cunhas novas xerais de fracasar a consolidación dun goberno en minoría na Moncloa. Trataríase dun escenario propicio para o Partido Popular no caso de que a esquerda caera no erro de se enredar no espectáculo do desgoberno e frustrase as expectativas de cambio depositadas nas novas formacións.

[*] Suso Baleato, europeo nacional de Galicia, é un analista especializado en tecnoloxía política. Actualmente colabora no desenvolvemento das políticas públicas tecnolóxicas de ámbito global que se promoven desde a OCDE, á vez que prepara unha tese doutoral sobre tecnoloxía política na Universidade de Konstanz (Alemania). Forma parte do grupo de investigación sobre Conflito, Comunicación e Redes desa Universidade; é investigador visitante do Instituto Federal de Investigación de Suíza en Zurich; e foi nomeado membro asociado da Martin School da Universidade de Oxford. Desenvolveu a súa actividade profesional no ámbito da enxeniería informática, área na que traballou durante quince anos desenvolvendo proxectos de software e administrando sistemas tanto no sector público como no privado. É u hacktivista na rúa e na web. | web pesrsoal, twitter e facebook.

Publicado en Praza Pública | 29.12.2015

Recomendamos acceder ao artigo no xornal dixital Praza Pública onde están postados interesantes comentarios que complementan o análise do autor.

Praza Pública precisa de Ti: A forza de Praza Pública son os seus lectores e lectoras. Praza é un medio da súa comunidade de lectores. A existencia do xornal depende das achegas realizadas por todos nós [+info]. | Licenza Creative Commons by-sa.

---

Resultados Electorais Xerais 20D do 2015 | Congreso e Senado.

Enlace de interese: Como podería un Senado do PP complicar a un Goberno doutro partido. | A última palabra tena o Congreso, aínda que a Cámara Alta toma algunhas decisións trascendentes e pode vetar unha reforma da Constitución. |  José Luis Sastre Madrid 21.12.2015 Cadena Ser  | ir a web.
_________

As mentiras do sistema para preparar a segunda transición, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
03.01.2016


Como sempre antes dunhas eleccións, o sistema pon en marcha a súa maquinaria de desinformación de masas que repiten karmas como "España vai ben", "a economía crece", "baixa o paro", "todo o malo é herdanza do pasado"...

Pero España vai ben para unha minoría e os seus intereses; a economía crece, pero o reparto da riqueza é cada vez máis inxusto; repítese a mentira sobre a baixada do paro, obviar realidades como que este ano se viron obrigados a emigrar un 30% máis do persoas que o ano pasado, que perdemos poboación, que a nosa sociedade envellece, que os traballos teñen peores condicións, que os soldos son máis baixos e as xornadas laborais asinadas, ou non, en contratos lixo son máis longas, que moitas familias traballadoras viven na pobreza malia ter emprego.

Cálase que os obreiros están desprotexidos ante a patronal e que as novas reformas antiobreras provocan máis abusos; que a lei do medo impera nas empresas; que moitas traballadoras e traballadores vense "obrigados" a traballar enfermos; que a conciliación da vida familiar e laboral é unha gran mentira ...

A única verdade é que todo isto é herdanza do pasado: herdanza das políticas neoliberais do PP-PSOE, herdanza dos gobernos vendidos ás oligarquías e os poderes económicos nacionais e estranxeiros, herdanza do sistema capitalista que se basea na explotación que a clase dominante somete á clase obreira.

Fai xa un tempo que os oligarcas déronse conta de que isto podía estalar, as rúas estaban cheas de manifestacións e protestas, contra a corrupción, contra a represión, contra a monarquía, en definitiva contra o sistema.

Nese momento os amos, eses que moven os fíos das marionetas que son os nosos gobernantes de quenda, puxéronse a traballar e coa axuda dos mamporreros do poder idearon un plan mestre, que ten como máximo obxectivo disolver, destruír, acabar coa esquerda organizada no estado Español.

Por desgraza as contas vanlles saíndo, as mobilizacións nas rúas case cesaron, a segunda restauración borbónica levouse finalmente adiante sen problemas e agora toca unha segunda transición que dea a impresión de cambialo todo para finalmente deixalo todo igual.

Para levar a cabo este plan necesitaban novos actores. Por unha banda, un que convencese á cidadanía indignada e en rebeldía de que é posible facer unha revolución nas urnas e manifestándose en Internet. E polo outro, un que convencese á xente da dereita, cansada de corrupción e desmanes, de que é posíbel unha nova dereita máis jovial, e menos corrupta, cousa imposible pois a corrupción forma parte do sistema capitalista.

Os dous apelan a que a solución aos problemas é acabar co bipartidismo e coa corrupción e os dous defenden a necesidade dunha "nova política", sen explicala, iso si negando a existencia de esquerdas e dereitas e, como non, a existencia e vixencia da loita de clases.

Neste plan para a segunda transición e o desmantelamento da esquerda os medios de "desinformación de masas" xogan un papel fundamental. Si fai moi pouco traballaban duramente para convencernos de que en España só se presentaban ás eleccións dous partidos e votábase ao azul ou ao vermello, agora os seus esforzos van encamiñados a convencernos de algo moi parecido, de que só hai catro partidos que se presentan ás eleccións, e de que con iso temos a fortuna de poder elixir entre o azul, o vermello, o laranxa ou o morado.

Cos seus debates a catro, as súas horas de televisión, a súa imaxe até na sopa, os poderes mediáticos tratan de implantar o tetrapartidismo.

Mais esta non será a solución para os problemas da clase obreira, pois ningún destes pintores coas súas cores teñen os pinceis ou o lenzo para poder pintar o futuro, eses continuarán en mans dos amos do sistema.

A verdadeira unidade popular capaz de cambiar as cousas, a única que pode pintar un futuro diferente a este presente, é a unidade da esquerda rupturista, esa que defende que o verdadeiro problema da clase obreira continúa sendo o sistema capitalista, pinten como o pinten.

Recuperemos a conciencia de clase para ser conscientes de nosa propia forza.

Publicado en elcomunista.net | 05.12.2015

[*] André Abeledo Fernández, é un activista sindical, social e político de Ferrolterra; traballador e membro do Comité de Empresa de Mercadona; e coordinador de Esquerda Unida de Narón. Concelleiro por esta forza política no Concello, elixido nas Eleccións Locais de Maio de 2015. Contas de André no facebook e no twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-@facebookmail.com-
3 de janeiro de 2016 00:39

_________________________

venres, xaneiro 01, 2016

Non haberá novas eleccións xerais: seguirá a gobernar a #Troika, ... Por Xabier P. Igrexas

Por Xabier P. Igrexas [*]
01.01.2016


Gobernará a Troika. No Estado español seguirá a mandar o grande empresariado e a banca, o capital. Eis a única certeza sobre quen ocupará a Moncloa após os resultados das eleccións xerais do 20D. O bipartidismo sistémico, PP-PSOE, retrocedeu, si. Porén, o principal cambio nese bloque é que pasa a se formular en tridente con Ciudadanos. Así a Troika continúa a ter maioría absoluta no Congreso, con 253 escanos.

O grupo de Rivera veu ocupar a estreita marxe que separaba a dereita conservadora e neoliberal (PP) do social-liberalismo (PSOE). Ciudadanos engade un toque hipster e moderno a ese eixo, unificado sob a partilla de posicións arredor de temas fundamentais: unidade (nacional e –sobre todo– de mercado) de España; pertenza á UE e o euro; aliñamento internacional imperialista coa OTAN. Os tres temas sob os que se traza a divisoria entre forzas sistémicas (incluídas as reformistas) e transformadora.
"PP, PSOE  e Ciudadanos partillan posicións arredor de temas fundamentais: unidade de España; pertenza á UE e o euro; aliñamento internacional imperialista coa OTAN"
Fronte a ese triplete sistémico, a distancia de Podemos (e compañía) desas posicións é relativa e non pasa dalgúns matices. Como na Syriza grega. A mesma distancia, escasa no substancial, que separou historicamente a socialdemocracia da dereita conservadora. Porque fica xa máis que sobradamente demostrado que non cabe transformación nin mudanza real, de non (re)mover os principais marcos que limitan a situación actual. As únicas apostas nesa dirección son os proxectos soberanistas que formulan a ruptura desde Catalunya, Euskal Herria ou Galiza. O bipartidismo a catro, era e é unha escolla entre puro continuísmo ou cambio aparente para que nada mude.

Podemos e Ciudadanos fracasaron no seu obxectivo principal: teren opcións de encabezar un goberno dun ou doutro signo. Con todo, a ausencia de maiorías absolutas e a imposibilidade dunha grande coalición á alemana entre PP e PSOE (polo rexeitamento na base votante do PSOE que o ameazaría con pasokizalo), dálles a ambas as dúas caras da ‘nova política emerxente’ un peso nada desprezábel para condicionar a conformación do executivo e, sobre todo, a axenda lexislativa.

PSOE

O 20D desbotou que Iglesias ou Rivera relevasen a Rajoy. O PP, malia o retroceso, ficou como primeira forza e conserva enteiros para optar a un segundo mandato. A chave está, pois, no PSOE de Pedro Sánchez.
"O aparello que dirixe o PSOE na sombra prefire que Rajoy goberne, liquidando a Pedro Sánchez"
O aparello que dirixe o PSOE na sombra, integrado pola vella guardia felipista e tamén por vellas e novas baronías, prefire que Rajoy goberne, para desta maneira limitar as consecuencias da nova aritmética parlamentar. Trátase de escoller a opción máis segura para a Troika e para a oligarquía española. O PP non terá problema en seguir a impor recortes a golpe de real decreto, mesmo fronte a oposición no Congreso. Rajoy demostrou nos últimos catro anos que o PP é impermeábel á mobilización social. Pero non o é, tanto, un PSOE cuxo voto ‘duro’ é moito máis volátil e crítico.

Outro dos atrancos na carreira de Pedro Sánchez á Moncloa é a trama interna no PSOE. O actual Secretario Xeral está xa condenado. El sábeo. Como sabe que o único salvoconduto que lle resta para se manter á fronte do partido pasa por se investir Presidente. Por iso, precisamente, Susana Díaz tenta dinamitar esa opción. A líder andaluza fai valer o seu peso determinante a nivel electoral, mais tamén no grupo parlamentar socialista (onde a maioría dos asentos son andaluces), para forzar o finiquito de Sánchez e así deixar aberta a vía pola que, máis cedo que tarde, deixar de ser a ‘tapada’ para ser ‘lideresa’.
Novos comicios

Ao marxe destas tramas palaciegas, propias de aparellos de xestión de poder, o único escenario que parece arestora desbotábel é o dunhas novas eleccións.
"Uns novos comicios só beneficiarían potencialmente a Podemos"
Uns novos comicios só beneficiarían potencialmente a Podemos. O PP podería recuperar parte do voto trasvasado a Ciudadanos. E o PSOE, con total seguridade, pasaría a terceira forza perdendo opción de alternancia e véndose condenado a apoiar ao PP ou investir a Pablo Iglesias.

Non parece, pois, que as urnas se vaian abrir de novo. A única incógnita é se o novo primeiro ministro español apelidarase Rajoy ou Sánchez. A disxuntiva perfecta para a clase dominante, pois para ela será unha vitoria segura. A banca sempre gaña, non só nos casinos.

[*] Xabier Pérez Igrexas (Vigo 1984), activista sindical, político e social. Membro da CIG e do BNG, ocupando responsabilidades no ámbito comarcal. Participa en Sermos Galiza. Publica artigos de opinión en diferentes medios. Autor do blogue www.contradiscurso.net, en twitter @contradiscurso e no facebook.com/contradiscurso.

Publicado no Blogue Persoal "ContraDiscurso" | 30.12.2015

Enviado por:
Xabier P. Igrexas
-xabiergz@gmail.com-
30 de dezembro de 2015 17:13

_______________

xoves, decembro 17, 2015

A música e as cancións nestes interesantes e curiosos vídeos electorais de "En Marea" e "Nós Candidatura Galega"


A música e as cancións nestes interesantes e curiosos vídeos electorais de "En Marea" e "Nós Candidatura Galega"

Vai chegar en marea

https://youtu.be/ahIVt_atQTE

NÓS. Porque este soño é necesario para un soño

https://youtu.be/HY8UrbCLCuk

_____________

mércores, decembro 16, 2015

O voto decisivo, ... Por Lupe Ces

Por Lupe Ces [*]
16.12.2015


Nunca foi para mim tam difícil decidir o voto. O veram arrecendia a unidade. O optimismo prendia em muitas vontades. O outono veu murchar essas esperanças e adiantar um inverno que no meteorológico nom se deixou ver ainda. Agora cumpre decidir, arranxar o coraçom partido e situar-se, cada quem como se o seu voto fosse o decisivo.

Aí intentei colocar-me eu para saber que era o que eu devera fazer este domingo. E no impulso comunicativo, coa sua pinga de arriscado exibicionismo, que impulsa todo o que escrivo, quero argumentar o que é que vou fazer nesta cita eleitoral, das mais importantes que levo vivido.

Cumha mistura de medo e vertigem, acolhim as enquisas que asseguram o êxito da candidatura En Marea, e uns moi malos resultados para NÓS Candidatura Galega. Medo a que só umha das partes que estavam chamadas a construir um processo de unidade popular acade representaçom. Vertigem ao nom ter a seguridade de que só sejamos o punto 277 [1] dum programa eleitoral. Vertigem ao nom reconhecer-me no país que querem construir comigo. Medo a desaparecer no médio dumha estratégia, que coa melhor das vontades, quere colocar-mo-nos como povo numha táboa de surf que nom colhe a onda que precisamos. Medo a que essa táboa nom tenha o suficiente contrapeso e acabemos afogando em mares alheios.

O êxito de En Marea está assegurado, contam coas camas elásticas das televisons e os lideres mediáticos. Mas eu quero que também todo o capital político, de resistência cultural, social e humano que representa NÓS Candidatura Galega, tenha umha parte no poder político que se reparte o domingo no Estado. Porque quero ajudar a impulsar todo o processo de transformaçom e novos liderados que conseguiu o nacionalismo de esquerdas neste país, o meu, e que nom está completado. Um cámbio na metodologia política, no discurso, nos programas e propostas, que nom esta rematado, e nom se pode frustrar. Um cambio generacional que assegura um jeito de vê-lo mundo que tem no epicentro Galiza, a vontade de ser e exercer como naçom. Umha oportunidade de desembaraçar-se de servidumes a poderes económicos, que souberom, em ocassons, mechar às estruturas e influir em estratégias que os beneficiavam.

Se hai algumha possibilidade de que Galiza conte cum grupo parlamentar próprio nas Cortes, e que exerça essas funçons, vai ser coa palanca da representaçom de NÓS Candidatura Galega. Ademais pensar que a representaçom que pudera acadar NÓS, facendo-lhe caso a algumha das enquisas, pudera ser a costa de sacarlhe diputados ao PP, também é umha morbosa e saudável motivaçom a ter em conta.

Quero ir votar o domingo como se o meu voto fosse o decisivo, o que marque que a candidatura de NÓS tenha representaçom ou nom. Por mim nom vai ser. Eu vou botar NÓS Candidatura Galega.

Ferrol, 15 Dezembro 2015

[1] Programa de Podemos (Punto. 277 das páginas 188 e 189 - Direito a Decidir).
---

[*] Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1958, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres e da Rede Social de Ferrol Terra. Forma parte do Consello Editorial de Altermundo e do Colectivo Ártabra 21. Participa nas Marchas da Dignidade. Blogue persoal: Caranza free opiniom.

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
16 de dezembro de 2015 11:36
____________

Relacionado:
Programa de Podemos (Punto. 277 das páxinas 188 e 189 - Dereito a Decidir, onde nin sequera se nos nomea, só a Catalunya - Galiza aparece nomeada nos puntos 368, 369 370 da páxina 249, onde se tratan tres asuntos: "Paralización de la A-57 para salvar los montes gallegos, Saneamiento de la ría del Burgo y Recuperación de la ría de Pontevedra"; e na páxina 321  para dicir que Breogán Rioboo é o Secretario Xeral Autonómico. Dun total de 322 páxinas que consta o citado Programa).
__________

venres, decembro 11, 2015

Hoje fum ver a um velho e bom amigo, ... Por Inácio Martínez


Por Inácio Martínez [*]

11.12.2015

Hoje fum ver a um velho e bom amigo. Chama-se Tono. Já hai anos que está jubilado. Vexo-o a miudo polo hospital, por urgências e ingressado. Os anos e a vida nom perdoam. Mas a sua vitalidade está na consciência de classe, mas também é um galego de prol. Todas as manháns para por "Toñito" o café-bar do Mercado de Caranza. Tem a funçom, nom assalariada, de levar os jornais e abrir o local para acender a cafeteira. É um costume de hai muitos anos e da-lhe acolho, pois por circunstáncias da vida passou muitos anos fazendo vida num pequeno local próximo que antes foi sede da cooperativa onde trabalhava. Cousa que eu ignorava, senom nom tivera deixado que isso passa-se. Sempre que nos vemos falamos do passado, pois muitas luitas e acçons compartilhamos. O sindicalismo e a política é o seu forte. Mas a luita ideológica cos clientes do café-bar é umha constante na sua vida, todo o mundo sabe que com el nom hai trégua que valha. Toda manifestaçom antigalega, antiobreira, homófoba, machista, xenófoba, ... vai ter umha contestaçom pola sua parte, é um reto incansável cheio de argumentos e exemplos. Todas as manháns devora os xornais e quita as suas análises e conclussons. Sabe todas as merdalhadas do PP e conhece bem quem é Ciudadanos. Falamos das últimas noticias e destaca a entrevista que sae publicada hoxe na Voz de Galicia ao poeta e candidato por "En Marea" por Lugo Miguel Anxo Fernán Vello, onde di que "Nós non é unha forza inimiga, eu ás veces digo que é unha candidatura irmá", simpatiza coa  frase e a pessoa. Onte mesmo leia que Yolanda Díaz, manifestava que iam constituir grupo parlamentário próprio com "Nós Candidatura Galega". Boa táctica eleitoral. As companheiras e Companheiros de "Nós" deveriam fazer o mesmo, nom dar pé a que os titulares de prensa recolham, em muitas ocassons, os desencontros ou as críticas à xente de "En Marea". Isso resta votos e credibilidade. Colaborar e compartilhar para construir a unidade popular é algo que demanda a maioria da gente de esquerdas neste país, sexa nacionalista ou só galega. O meu amigo, sem que eu lhe dixera nada, dixo-me "já sei que ti apoias a 'Nós' ainda despois de todas as que nos figerom, eu também som de 'Nós', mas nom tenho mais remédio que votar, a voto útil, a maioria que quere o cambio e botar ao PP do poder, vai votar a Pablo Iglesias", segue dizindo, "... mesmo a minha sobrinha comparte por todas partes, e polo WhatsApp, o último minuto do debate a quatro, que é o que entende e quere a gente. Por isso vou votar por 'En Marea e Podemos', sinto-o". Era no momento de despedir-nos. E isto fixo-me reflexionar. A el nom lhe chega a mensagem de "Nós", o apagom informativo é umha realidade, agás algumhas entrevistas e debates em horas de pouca audiência, polo demais as novas que falam algo de "Nós" som coa mensagem sesgada ou descontextualizada. Ou polo que dim outros, que nom soe ser moi positivo. A "Nós" só lhe queda activar á militáncia no boca a boca, mas bem armada de argumentos, nom de despeito contra Beiras ou contra "os outros" co nefasto argumento de "que som moi espanhois". Tenho uns dias para convencer a Tono do útil do Voto a "Nós Candidatura Galega". Mas como nom redobremos esforços o assunto está moi complicado. E o Povo Trabalhador Galego e Galiza, necessitam que "Nós" estexa presente no Parlamento Espanhol. Trabalhemos para isso, com conviçom, com força, com vontade, mas sobre tudo com argumentos. O trabalho boca a boca torna-se indispensável. Saúde e Liberdade !

---
[*] Inácio Martínez Orero, Ferrol 1955, membro do Colectivo Ártabra 21, participa em Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra e nas Marchas da Dignidade.

Enviado:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de dezembro de 2015 01:43
___________

xoves, decembro 10, 2015

Declaración institucional da Confederación Intersindical Galega ante as Eleccións Xerais do 20 Decembro

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA CIG DIANTE DAS ELECCIÓNS XERAIS DO 20 DE DECEMBRO AO PARLAMENTO ESPAÑOL.

O próximo día 20 de decembro vanse celebrar eleccións ao Parlamento español que, dependendo de cal sexa a correlación das forzas que saquen representación para o mesmo, así como da propia representación que obteña o nacionalismo galego, van afectar ás nosas vidas dunha maneira máis positiva ou máis negativa, en todo o que ter que ver coas nosas condicións económicas, laborais e sociais e tamén coa nosa capacidade reivindicativa como clase traballadora e como pobo.

Desde que estourou o forte da crise económica, a inicios do 2008, até a actualidade, temos asistido a un conxunto de políticas económicas, sociais e laborais, promovidas desde instancias europeas (CE, BCE, FMI) e executadas polo Goberno español e a Xunta de Galiza, que supuxeron un importante retroceso na calidade de vida, nos dereitos laborais e sociais e mesmo nas liberdades públicas, para a maioría da sociedade. No caso da nación galega, esta situación veu acompañada de novos recortes na nosa capacidade produtiva (naval, pesca, leite, enerxía eólica...), na perda do noso sector financeiro, no retroceso na cobertura e na calidade asistencial dos nosos servizos públicos, no recorte en políticas de igualdade, no agudizamento do fenómeno da emigración, na caída dos salarios e o incremento da precariedade laboral, na perda de poboación e no seu avellentamento, etc.

Toda esta situación, que tan negativamente nos afecta como clase traballadora, ten culpábeis. Por unha banda, un modelo económico, o capitalismo neoliberal, profundamente inxusto e antidemocrático, que fomenta a sobreexplotación da clase traballadora, as desigualdades sociais e a acumulación de riqueza e poder nunha minoría, a oligarquía financeira (os donos das grandes empresas e dos grandes bancos). Por outra banda, unhas institucións políticas e financeiras (CE, BCE, FMI,..) e unhas forzas políticas (PP, PSOE, CIUDADANOS, etc.) que gobernan por e para esa oligarquía financeira.

Esta situación pódese mudar, ten solucións e están nas nosas mans. Levamos anos mobilizándonos contra estas políticas tan antiobreiras e antigalegas, mesmo promovendo catro folgas xerais cunha importante participación en Galiza e numerosas mobilizacións nas empresas e nos servizos públicos. Agora debemos darlle continuidade a estes actos de protesta e mobilización coa acción do noso voto, impedindo que aqueles que son responsábeis desta perda de dereitos, de calidade de vida e da ruína de Galiza, podan seguir a gobernarnos, sexa coa careta vella (PP) ou coa nova (CIUDADANOS).

Pero ese cambio de goberno no Estado de pouco nos serviría a Galiza, ás súas clases traballadoras, se non conseguimos que exista, alí no Parlamento español, unha voz, como foi a do nacionalismo galego representado polo BNG nos últimos anos, que sen ataduras a estratexias españolistas, traballe, promova iniciativas e faga uso da palabra as veces que sexa preciso para defender os nosos sectores produtivos, as nosas infraestruturas, o noso medio natural, as nosas e os nosos emigrantes retornados, o dereito á negociación colectiva na nosa terra, a unhas pensións dignas, a un traballo e uns servizos públicos de calidade, a un aborto con garantías e sen restricións, a normalización do noso idioma e o dereito a exercer libremente a nosa soberanía como nación.

É o momento de actuarmos con coherencia e con dignidade. Non podemos deixar de exercer como galegos e como galegas o día 20 de decembro. Temos que votar pola nosa xente, por aquela candidatura galega que sabemos que vai estar connosco na rúa e no Parlamento español cando se trate de defender os nosos dereitos e os nosos intereses como nación galega e como pobo traballador. Depende de nós e só de nós.

Santiago de Compostela, decembro de 2015.

EXECUTIVA CONFEDERAL DA CIG
Confederación Intersindical Galega - CIG

Enviado por:
Confederación Intersindical Galega
-cig@cig-galiza.org-
10 de dezembro de 2015 19:29

________________

Acto Central en Ferrol de "Nós Candidatura Galega", este venres 11 de Decembro, às 20:00hs, no Centro Cívico de Caranza


Acto central en Ferrol de "Nós Candidatura Galega", este venres 11 de Decembro, às 20:00hs, no Centro Cívico de Caranza.

Coa participación de:
  • Iolanda Teixeiro (Activista de Iniciativa pola Unión).
  • Antonia Martínez (Secretaria Comarcal da CIG-Ensino).
  • Iván Rivas (Concelleiro de Ferrol e Portavoz Municipal do BNG).
  • Secundino Garcia Casal (Alcalde de San Sadurniño | Candidato ao Senado).
  • Suso de Toro (Escritor | Candidato ao Congreso).
  • Carlos Callón (Profesor, Activista, ... | Cabeza de Lista para o Congreso).
--
Candidaturas: Congreso | Senado.

Programa Electotral: Acceder/Baixar | Ir a Web.

Trinta Medidas para unha Galiza con futuro: Acceder/Baixar | Ir á Web.

Código Ético: Ir á Web.

Manifesto: Ir a Web.

Pode-se seguir a información sobre Nós - Candidatura Galega que de aquí até a celebración das Eleccións Xerais do 20D se publique, na súa web así como nas redes sociais:

WEB  |  TWITTER  |  FACEBOOK  | YOUTUBE


As axendas das e do cabeza de lista de NÓS-Candidatura Galega botan fume. Ao atoparen un anaco para realizaren a enésima entrevista a respecto das súas propostas, tanto Carlos Callón (A Coruña) como Carme Adán (Pontevedra), Olalla Rodil (Lugo) e Noa Presas (Ourense) admiten que teñen por diante un reto que é calquera cousa menos doado. Enfróntanse, afirman, a unha campaña con menos recursos materiais que outras forzas e, ademais, a un "apagón mediático" que, aseguran, suplen con "ilusión" e "traballo". As listas da plataforma que auspicia o BNG xunto a outras forzas soberanistas, din, son a "única garantía" neste 20-D para un cambio en clave "de esquerda", pero tamén en clave de país.

"O fundamental é que Galiza estea presente e, se NÓS non está, Galiza non vai estar", asegura Callón, que tras moitos anos de activismo coida que chegou a hora de presentar "directamente" nas institucións as propostas que ata agora formulaba como membro de diferentes colectivos sociais. El, afirman algunhas análises, está a ser unha das revelacións da campaña con imaxes como o vídeo co que a candidatura quixo facer visible a súa aposta pola diversidade afectivo-sexual. O rebumbio causado por esa gravación é a mellor mostra, afirma, de que reivindicacións coma esa seguen as ser "necesarias" ao carón do resto de propostas programáticas.

Esas propostas, asegura o candidato, serán as que estean sobre a mesa se chega ao Congreso e ten a oportunidade de decidir se lle dá o seu voto ou non á persoa candidata para presidir o Goberno de España. "Imos negociar en base a medidas de esquerda e de defensa do país, pero tendo unha cousa moi clara: para nós é fundamental que o derradeiro desafiuzamento sexa o de Mariano Rajoy na Moncloa", resume. | Moi interesante artigo e entrevista completa en Praza Pública | Ir á Web.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de decembro de 2015 21:50
___________

mércores, decembro 09, 2015

Quero compartilhar este anuncio eleitoral contigo, ... Por Inácio Martínez - Vídeo e enlaces


Por Inácio Martínez [*]
009.12.2015


QUERO COMPARTILHAR ESTE ANÚNCIO ELEITORAL CONTIGO
.

Quero que saibas que a minha opçom era umha candidatura única da esquerda nacional, mas nom puido ser.

Participei co "Encontro Cidadá por unha Marea Galega" desde um princípio, e logo também no seu momento e simultaneamente, com "Iniciativa pola Unión", sempre co ánimo de buscar e pular pola unidade, o momento o demandava e o Povo Trabalhador Galego também. Mas as cousas nom saírom como queríamos a maioria, sairom como queriam as cúpulas e lobys políticos. Tanto num bando como noutro, havia quem trabalhava para que nom se dera a unidade e assim quedou como quedou. Moitas destas actuaçons desestabilizadoras e contrárias à unidade, forom públicas e outras quedarom no anonimato, mas nom é difícil deduzir como trabalharom os fontaneiros, para acadar os seus obxectivos em favor dos seus interesses e carreiras políticas.

Mas, umha vez que nom foi possível a unidade, a decissom nom era difícil. No meu caso nom se trata de apostar por cavalo ganhador. Trata-se de coerência política. No seio do Encontro, manifestei que o passo dado polo BNG era histórico, coas reservas correspondentes, mas algo moi importante, e que havia que aproveitar está onda e nom perdê-la. Mas o resultado já o sabemos tod@s. Polo que decidim apostar polo cavalo nosso, o da casa, ao que lhe temos mais carinho, ao que vemos todos os dias, quando abrimos as xanelas, o que leva anos trabalhando com nós, pola língua, polos nossos sectores produtivos, pola nossa cultura, polo campo, polo mar, polo nosso futuro como Povo, polos direitos das mulheres, pola Paz, pola Solidariedade, ... o cavalo que viche nascer, que foi potro, que cometeu erros, mas que está ai, é o nosso.

Em definitiva, o que agora vem recolhido nas "Trinta medidas para umha Galiza com futuro".

Porque Galiza tem que ter voz própria sem ataduras. Porque supeditar a nossa representaçom a outros interesses (aínda que sexa só em parte) nom é bom para o nosso Povo. Outra cousa é que cheguemos a acordos que compartilhemos decisons e luitas, mas temos que ser soberanos, autónomos e independentes. Nom só parece-lo, senom que hai que se-lo de verdade.

Pablo Iglesias sempre presumiu da paternidade do que se cozinhava na Galiza e mesmo que ía levar o seu apelido, mas estes dias Alberto Garzón já o avisou, que nas listas de Catalunya (En Comú Podem) e Galiza (En Marea Podemos), também estava esquerda unida, que já falariam de como se organizava o assunto logo das eleiçons. Eu nom duvido da boa vontade da maioria das pessoas que estam comprometidas com "En Marea", mas o dito nom deixa de ser um dato moi importante a ter em conta o aquí exposto. Despois do 20D tod@s aledaremo-nos dos bos resultados de "En Marea", de Podemos e mesmo de UP-IU, e por suposto de HE-Bildu, ERC, Compromís-Podemos, ... e como nom, a pesar do apagom informativo, agardemos que "Nós Candidatura Galega" obtenha representaçom, Galiza e o Povo Trabalhador Galego necessitam-no.

Agora nom vai ser o momento do processo constituinte, penso que as forzas vivas do sistema tenhem planificada umha segunda transiçom, para que desde o "para que todo cambie", só cambiem umhas poucas cousas que nom o ponham em questiom. Isto só vai ser um novo processo eleitoral, nom vai ser para nada um novo processo constituinte, os processos constituintes vem-se antes nas rúas que nos parlamentos. Só vai ser umha nova restruturaçom da correlaçom de forças no espectro político-eleitoral. Pode que a situaçom socioeconómica e medio ambiental, faga virar a situaçom política, a favor da esquerda, que se deam outras condiçons objectivas propícias para o cámbio, mas tudo dependerá das condiçons subjectivas que se criem, do grado de organizaçom popular acadado e da deriva que tome o sindicalismo, e demais organizaçons sociais e populares, que estam anquilosadas num sistema que soubo assimila-las para a sua superstrutura.

Para mim agora, cumpre apoiar a "Nós Candidatura Galega", nom só por todo isto, senom também, porque puidem participar numhas primarias, para elegir @s candidat@s, porque puidem participar na elaboraçom do programa, ... e porque levamos a quatro cabeças de lista moi boas, e elegidas por toda a xente que quixo participar, e do melhor que nos podia tocar: Carme Adán Villamarín, Olalla Rodil Fernández, Noa Presas Bergantiños e Carlos Callón Torres. E para o Senado, mesmo os nossos "Mini" e Secundino Garcia Casal (Alcalde de San Sadurninho), sem desmerecer ao resto das pessoas que formam parte das listas.

Por todo isto vou apoiar e votar o vindeiro 20D a "Nós Candidatura Galega".

Saúde e Liberdade!

Ferrol, a 8 de Decembro de 2015


https://youtu.be/e1vQuA3B7QA

Pode-se seguir a información sobre Nós - Candidatura Galega que de aquí até a celebración das Eleccións Xerais do 20D se publique, na súa web así como nas redes sociais: WEB  |  TWITTER  |  FACEBOOK  | YOUTUBE

---
[*] Inácio Martínez Orero, Ferrol 1955, membro do Colectivo Ártabra 21, participa em Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra e nas Marchas da Dignidade.

Enviado:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de dezembro de 2015 01:43

_______________

martes, decembro 08, 2015

Acto central de "En Marea", en Ferrol, este mércores 9 de Decembro, às 20:00hs, no Teatro Jofre Ferrol


#RutaEnMarea chega a Ferrol

Acto central de "En Marea", en Ferrol, este mércores 9 de Decembro, às 20:00hs, no Teatro Jofre Ferrol (Praza de Galicia, s/n).

Maio foi só o comezo, o cambio non se para. Este Mércores, volvemos ao Teatro Jofre, agora desde os gobernos, para lembrar que as cidades tamén nos xogamos moito nas eleccións do 20 de Decembro.

Comezamos a Caravana de "En Marea" na nosa cidade, no que participarán:
- Antón Gómez-Reino, Cabeza de lista pola Coruña.

- Yolanda Díaz, Nº2 da lista de En Marea pola Coruña.

- Martiño Noriega, alcalde de Santiago.

- Jorge Suárez, alcalde de Ferrol.
O acceso é libre ata encher o aforo.

Acompáñasnos?

#AgoraEnMarea

Enlaces e Contacto:
Web: http://enmarea.gal/
Twitter: https://twitter.com/En_Marea
Facebook: https://www.facebook.com/En-Marea-1727994870757411
Hashtag: #EnMarea
Correo: info@enmarea.gal
---


Os procesos municipalistas de toda Galicia manifestaron o seu apoio a En Marea, unha aposta polo proceso de cambio iniciado nas eleccións municipais de maio e que chegue ao Congreso “a onda de ilusión das mareas e a avanzada dos nosos gobernos rebeldes”.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
08de decembro de 2015 21:50
___________

20 de Decembro: Está en xogo o noso futuro, ... Por Celso Posada Fernández

Por Celso Posada Fernández [*]
08.12.2015

O Vindeiro 20 de Decembro son unhas eleccións xerais moi importantes nas que a cidadanía debemos ser conscientes do poder e da importancia do noso voto, xa  que nos xogamos os nosos dereitos, o noso futuro, os servizos públicos, a Sanidade e o Ensino Públicos, e poder vivir con dignidade.

Estes últimos catro anos de lexislatura e de goberno de Rajoy e do PP foron catro anos de políticas austericidas, neoliberais, antisociais, clasistas e de salvaxes recortes ideolóxicos que empobreceron salvaxemente a maioría social que incrementou salvaxemente as desigualdades sociais, o paro, a débeda, a precariedade laboral mentres unha minoría privilexiada aumentaba máis e máis as súas ganancias, os seus privilexios e as súas fortunas.

A lexislatura de Rajoy e do PP foi a lexislatura dos recortes salvaxes  nos dereitos sociais, laborais, civís, nos servizos públicos, no Ensino e na Sanidade Públicas, en dependencia, nas becas, da clasista, segregadora, privatizadora e neoliberal lei Lomce que recortou salvaxemente o Ensino Público, que atacou brutalmente tanto a Universidade Pública como os/as fillos/as da clase traballadora pra que so poidan estudar na Universidade os/as fillos/as dos/as ricos e das persoas con recursos económicos, da infame Amnistía Fiscal a Rato, os ricos e os amiguetes do PP, da corrupción sistémica dos dirixentes e dos/as ex dirixentes do PP (Bárcenas, Rato, Granados, caso Púnica, etc), da criminalizadora e represora Lei Mordaza que ha recortado salvaxemente os dereitos sociais, a liberdade de expresión, as liberdades democráticas e os dereitos civís e que criminaliza a protesta social e os movementos sociais, do infame rescate a banca e as autopistas con diñeiro público mentres desafiuzábase salvaxemente a moitas familias das súas casas, da reforma laboral antisocial, lesiva e neoliberal que precarizou salvaxemente o emprego, que incrementou salvaxemente o paro, as desigualdades sociais, que acabou coa negociación colectiva, que recortou salvaxemente os dereitos da clase obreira e traballadora, que converteu os/as traballadores/as en traballadores/as pobres, que obrigou a xuventude o exilio económico e a emigración forzosa.

O 20 de Decembro é fundamental derrotar e vencer nas urnas a Rajoy e o PP e as súas políticas neoliberais, clasistas e antisociais o servizo da Troika, dos grandes banqueiros, das grandes multinacionais, da banca privada, da patronal (CEOE), das grandes empresas e dunha minoría privilexiada, así como  recuperar as institucións pra xente, democratizar a economía pra poñela o servizo da maioría social e do Ben Común, democratizar a democracia pra que sexa verdadeiramente participativa e sobre todo, o máis importante, é  o protagonismo e o empoderamento da cidadanía, pra que a cidadanía faga política, pra defender os seus dereitos e a súa dignidade porque se a cidadanía non se empodera, se non loita e se non fai política pra defender os seus dereitos e a súa dignidade, outras persoas farán política por ela e contra ela e roubaranlles os seus dereitos, a súa dignidade, a democracia e hasta a carteira.

[*] Celso Posada Fernández, nado en Ferrol o 16 de Xullo de 1980. Activista e Coordinador en Galicia do partido Socialista, Republicano e de esquerdas "Decide en Común" e integrante da Plataforma Somos Izquierda. Diplomado en Maxisterio de Educación Primaria pola Universidade da Coruña e Monitor de Tempo Libre. É membro de STOP-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra , da Asociación de Mobilidade Humana para a Colaboración e o Desenvolvemento (de apoio ás persoas imigrantes e refixiadas) e participa nas Marchas da Dignidade e na Plataforma Cidadá de Ferrolterra contra o TTIP.

Blogue Persoal:
http://celsoarticulos.blogspot.com.es/

Conta Facebook:
https://es-es.facebook.com/celso.posadafernandez

Conta Twitter:
https://twitter.com/celsoposada

Enviado por:
celso posada
-celsoposada2006@hotmail.com-
7 de dezembro de 2015 20:31

________________

xoves, decembro 03, 2015

Aprobados por unha moi ampla maioría, o Programa Electoral e o Código Ético de "Nós - Candidatura Galega" - Programa, Trinta Medidas, Código Ético e Candidaturas


Aprobados por unha moi ampla maioría, o Programa Electoral e o Código Ético de Nós - Candidatura Galega


Foron aprobados por unha moi ampla maioría, o Programa Electoral e o Código Ético de Nós - Candidatura Galega. Xunto ás candidaturas, "con este programa e este código ético colaborativos, feitos a man, entre todas e todos, non podemos ficar nos gústames, no rechíos ou na visión dos vídeos xa virais" din desde a candidatura galega.

Un chamamento ao apoio e ao compromiso, manifestando "Saiamos fóra, fagámonos voluntarias, poñamos o noso grao de area, a nosa forza, o noso sonriso, a nosa ilusión, a nosa enerxía no proxecto de todas as que queremos exercer de galegas, sermos galegos non só de nacemento, de dereito, senón de lei, de compromiso".

Lanzan tres formulacións, para activar as bases da esquerda nacionalista e ao activismo galego, para que colaboren na candidatura de base cidadá:
"NÓS CANDIDATURA GALEGA non pedirá un só crédito bancario, mais precisa das achegas de todas nós. Aquí está o peto das nosas achegas: http://noscandidaturagalega.gal/achega-economica/.

NÓS CANDIDATURA GALEGA precisa de todas as mans para que o 'feito coas nosas mans' sexa o máis colectivo e plural posíbel. Aquí podes apuntarte para ser unha máis: http://noscandidaturagalega.gal/faite-voluntari/.

SEXAMOS REDEIRAS DUN MUNDO MELLOR. Nas rúas e nas redes; precisámonos activas. Botemos a man ao móbil, ao rato ou ao que faga falta para que Galiza sexa viral. Fagamos campaña na rede: http://noscandidaturagalega.gal/fai-campana/
".
Rematan o seu chamamento cun "Grazas a todas e todos polo traballo en común feito en todo o camiño que levamos feito xuntas. Desde o Día da Patria aos maiores procesos de participación política dunha candidatura de base nacional, plural, aberta; pasando polo Banquete de Conxo e a creación da Iniciativa Pola Unión. Fixemos moito, mais podemos facer aínda moito máis".

"Agora é o treito final do camiño. Catro semanas nas que todo depende de Nós. De NÓS CANDIDATURA GALEGA".

Candidaturas: Congreso | Senado.

Programa Electotral: Acceder/Baixar | Ir a Web.

Trinta Medidas para unha Galiza con futuro: Acceder/Baixar | Ir á Web.

Código Ético: Ir á Web.

Resultado das votacións on line do programa electoral e o código ético de Nós - Candidatura Galega | Acceder .

Pode-se seguir a información sobre Nós - Candidatura Galega que de aquí até a celebración das Eleccións Xerais do 20D se publique, na súa web así como nas redes sociais:

WEB  |  TWITTER  |  FACEBOOK  | YOUTUBE

Información baseada na enviada por:
Iniciativa Pola Unión
-primarias@polaunion.gal-
28 de novembro de 2015 19:04

__________