Amosando publicacións coa etiqueta Movimento Obreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Movimento Obreiro. Amosar todas as publicacións

luns, maio 30, 2022

Contra a represión, solidariedade obreira - As centrais sindicais chaman a apoiar o indulto para Pintos - CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación en Ferrol o 31 de maio, ás 8 datarde, dende a Praza Amada Garcia (diante do edificio da Xunta) - Vídeo


MANIFESTACIÓN EN FERROL, EN SOLIDARIEDADE CON SUSO PINTOS, MARTES 31 DE MAIO, ÁS 8 DA TARDE, NA PRAZA AMADA GARCIA, DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA

Contra a represión, solidariedade obreira. As centrais sindicais chaman a apoiar o indulto para Pintos CIG, CCOO, UGT e CGT convocan manifestación o 31 de maio, ás 20h, dende o edificio da Xunta en Ferrol Ferrol indulto lei mordaza loita obreira persecución sindical represión Xesús Anxo López Pintos.

Ante a represión, unidade. Esa é a consigna que os responsábeis comarcais de CIG, CCOO, UGT e CGT de Ferrol lanzaron este luns para demandar o apoio de toda a clase traballadora á solicitude de indulto para o compañeiro Xesús Anxo López Pintos. Os catro representantes sindicais animaron tamén a participar na manifestación que o 31 de maio sairá ás 20 horas do edificio da Xunta en demanda de xustiza para Pintos, evitar a súa entrada no cárcere e que se consume este ataque á liberdade sindical.

Manuel Anxo Grandal (secretario comarcal da CIG-Ferrol), José Hurtado (secretario comarcal da CCOO en Ferrol), Jorge Ulla (da xestora de UGT de Ferrol) e Xaquín García (secretario da sección sindical da CGT en Navantia Ferrol) coincidiron en criticar a desmesura actuación da que foi vítima Pintos, tanto no relativo á súa detención como ao proceso xudicial posterior, valéndose da aplicación máis humillante da chamada lei mordaza, que a día de hoxe segue vixente.

"Unha vez máis temos que denunciar que se converteu a vítima en verdugo", aseverou Grandal, quen sostén que estamos ante unha "actuación teledirixida cun obxectivo claro para o Goberno naquel momento". Lembrou que na altura de outubro de 2012 había unha enorme conflitividade derivada das políticas austericidas e dos recortes de dereitos e liberdades e "esta foi unha das maneiras de exemplificar como ir contra a loita dos traballadores e das traballadoras". Porén, afirmou, "a represión non vai parar a loita obreira e menos aínda nesta comarca onde temos unha longa historia de represión".

O responsábel da CIG de Ferrol pediu solidariedade e que a cidadanía se mobilice para evitar que o compañeiro Pintos poida entrar na cadea. Unha posibilidade que cualificou de "inxusta e surrealista" e contra da que, adiantou, "chegaremos a todas as instancias que sexa necesario".

Aclarou Grandal que, tras emitirse a resolución do Tribunal Supremo que ratifica a condena da Audiencia Provincial, presentáronse as alegacións correspondentes para evitar que Pintos poida entrar no cárcere, pois aínda que foi condenado por un delito de atentado á autoridade a unha pena de seis meses de prisión, a situación do ex secretario da CIG de Ferrol agrávase porque ten pendente de execución outra condena de nove meses por defender as mariscadoras de Mugardos.

Solicitude de reunión coa ministra de Xustiza

Sobre a campaña polo indulto, explicou que a recollida de sinaturas se fará tanto nos locais sindicais, onde se poden recoller os pregos, como nos centros de traballo e tamén está prevista a colocación puntual de mesas nas rúas. Ademais, como o indulto "é unha decisión política que ten que decretar o Consello de Ministros e Ministras", as centrais sindicais van pedir unha reunión co delegado do Goberno en Galiza e audiencia coa ministra de Xustiza porque "se algún indulto se debe conceder e é de xustiza, é o de Pintos". Ademais, levaranse mocións de apoio aos plenos municipais dos concellos da comarca.

Intento de coartar a mobilización social

Pola súa anda, José Hurtado valorou que a sentenza de Pintos constitúe un ataque ao mundo sindical e un intento de coartar a resposta sindical, fronte á que chamou á unidade e á solidariedade de clase. Na mesma liña Jorge Ulla cualificou esta sentenza de "condena a todos os traballadores e traballadoras", rememorou a situación de crise na que se fixo a mobilización de outubro de 2012 e enmarcou o proceso de Pintos no contexto das "receitas de recortes" do Goberno de Mariano Rajoy. Para Xaquín García esta campaña a prol do indulto debe servir ademais como recordatorio "do que supuxo o Goberno do PP de ataque aos dereitos laborais e democráticos, que ten o máximo expoñente na lei mordaza".

NOVA RELACIONADA: Arrinca a campaña de recollida de sinaturas en apoio ao indulto de Pintos: Asina.

Ultima hora:

"A suspensión da pena é un paso importante pero cómpre que se faga xustiza co compañeiro Pintos" - As centrais manteñen a campaña polo indulto e a manifestación do 31 de maio en Ferrol | 25 de maio de 2022. | Ir á nova.


Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
26 de maio de 2022 10:53

_______

domingo, maio 29, 2022

Non hai camareiros porque o sector non cumpre coa lei e explota a traballadoras e traballadores, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
28.05.2022


"Bares, restaurantes e hoteis non atopan persoal escravo para a temporada de verán".

Coñezo, como coñece outra moita xente, persoalmente a camareiras e camareiros con contratos de media xornada traballando de 8 a 12 horas e cobrando parte dun salario de merda en negro. É o pan de cada día en hostalaría. Será por iso que ante tanta precariedade e escravitude, non hai camareiros?

Teño unha amiga que é camareira en Ferrol, cun contrato de media xornada, traballando a xornada completa, un día 7 horas, outro 8,10, ou as que o mal chamado empresario queira.

Cun salario de 500 euros ao mes en nómina mais outros 200 en negro, con só unha semana de ferias, que non sabe canto se lle van a dar, e con ningún fin de semana libre, so libra un día a metade de semana. Así son as condicións dun sector que maltrata ao traballador e á traballadora.

O que teñen que facer os hostaleiros para conseguir camareiros, é cumprir a lei, é pagar o que corresponde por convenio, como mínimo, respectar os dereitos dos seus empregados, e o "Código de Traballo" [1].

Iso é tratar a xente con respecto e dignidade.

E o goberno debe mandar inspeccións de traballo para evitar unha fraude e un abuso que xa dura demasiado tempo, que ademais representa unha competencia desleal para cos empresarios que cumpren coa lei.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
28 de maio de 2022 23:44

_______

[1] Código Laboral e da Seguridade Social  | Ir ao BOE.

Foto: Servizos de hostalaría.
_______

venres, maio 20, 2022

Éxito da cuarta xornada de folga no metal da provincia da Coruña, que xa adianta novas mobilizacións - Malia a rotunda resposta dos traballadores e traballadoras do sector, a patronal mantén o seu inmobilismo


O metal da provincia da Coruña está desenvolvendo este xoves o cuarto día de folga en demanda dun convenio digno para o sector. Esta xornada pon final ao actual calendario acordado, mais diante do inmobilismo da patronal, as centrais sindicais xa avanzaron que a folga continuará e mesmo se intensificarán as mobilizacións para esixir un convenio con dereitos e que garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios.

Nesta cuarta xornada de folga, que rexistra un seguimento similar ao dos días anteriores, na comarca da Coruña os piquetes informativos estiveron no polígono de Alvedro e diante das instalacións de Kimak e posteriormente a CIG-Industria celebrou unha asemblea de traballadores e traballadoras no edificio sindical para avaliar a folga e que camiño seguir.

Mentres en Ferrol, os piquetes desenvolvían a súa actividade dende ás 5:30 diante dos estaleiros e nos polígonos e por volta do mediodía, o persoal en folga saía en manifestación dende a porta principal de Navantia no Esteiro até a sede da Confederación de Empresarios de Ferrolterra. A este mobilización tamén se sumaron traballadores e traballadoras da empresa pública naval, que previamente tiveran unha asemblea no interior do estaleiro.

En Compostela, os piquetes informativos reuníanse sobre as 8:00 horas no Polígono do Tambre para saír até as portas do concesionario de Pérez Rumbao. Contra do mediodía, os traballadores e traballadoras en folga fixeron unha manifestación polas rúas do parque empresarial reclamando un convenio digno.

Malia o rotundo éxito desta primeiro calendario de folgas, a patronal mantén o seu inmobilismo e non retomou contactos coa representación social. Ante esta falta de movementos, a CIG-Industria xa avanza que nos próximos días se reunirán os sindicatos para trazar un novo calendario de mobilizacións máis intenso, que se levará as asembleas do persoal para a súa aprobación.

Neste senso, os secretarios da CIG-Industria da Coruña, Ferrol e Compostela, Eduardo Caamaño, Vicente Vidal e Benedicto Blanco, reclamáronlle novamente á patronal que retire a súa última proposta e se aveña a negociar nos termos da plataforma sindical, “porque o sector xa deixou ben claro co seguimento masivo da folga e das mobilizacións que non vai asumir un convenio que non garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios e que recorte dereitos consolidados”.

De igual xeito, a federación de Industria da CIG advirte que hai puntos irrenunciábeis para este convenio como son a revalorización anual dos salarios referida no IPC real, ampliar o dereito de subrogación para todo o persoal sen distinción ou limitar a contratación a través de ETT, demandas estas últimas que teñen por obxectivo frear a precarización laboral do sector.

Non queda outro camiño que a loita

A CIG-Industria chama a todos os traballadores e traballadoras do siderometal da provincia da Coruña a loitar e incrementar a participación nas folgas e mobilizacións que se acorde convocar “porque só dando unha resposta contundente contra as pretensións da patronal, poderemos acadar un convenio colectivo digno e con dereitos. Non queda outro camiño que loitar”.

A Coruña/Ferrol/Compostela - 19 Maio 2022

Fonte: Avanta. | Baixo licenza Creative Commons by-nc-sa/2.5.
_______

venres, abril 29, 2022

A CIG convoca mobilizacións en cidades e vilas de toda Galiza este Primeiro de Maio - En Ferrol desde a Avenida de Esteiro e n'As Pontes desde a Praza do Hospital, ás 12 do mediodía - A central sindical reclama políticas públicas e salarios dignos para combater a pobreza


A CIG convoca 16 manifestacións para conmemorar o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, baixo o lema “Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos”. A central sindical acompaña esta reivindicación cun paquete de propostas para facer fronte ao descontrolado incremento de prezos dos produtos básicos.



MANIFESTACIÓNS

A Coruña: 12h desde a Praza de Vigo

Cee: 12h na Praza Concha Blanco.

Compostela: 12h desde a Praza Roxa

Ribeira: 12h desde a Praza do Peixe

Ferrol: 12h desde o local da CIG (Avda. de Esteiro)

As Pontes: 12h na Praza do Hospital


Lugo: 12h desde o Edificio Sindical (Ronda da Muralla)

Foz: 12h na Delegación de Facenda

Ourense: 11.30h desde a Praza Maior

Verín: 12h na Praza do Concello

O Barco: 12h na Praza do Concello

Pontevedra: 11.30h desde a Ferreiría

Vilagarcía: 12h desde a Casa do Mar

A Estrada: 12h desde a Praza do Mercado

Vigo: 12h desde a Dobrada

Cangas: 18h na Praza do Concello


Neste ano o Primeiro de Maio ten lugar no medio da crítica situación económica e social pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína. A CIG propón un paquete de medida urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares. Estas propostas, na liña das que xa se trasladaron aos Gobernos español e galego para avanzar nunha saída galega xusta da crise, requiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida dignas. Entre as medidas destacan:


Electricidade

1.- Creación dunha Tarifa eléctrica especial que, durante 24 meses, fixe o prezo de referencia entre os 10 €/MWh e os 60 €/MWh para quen teña potencia contratada igual ou inferior a 15 kW.

2.- Implantar a Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución do 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio en Galiza, tendo en conta o carácter produtor e exportador de enerxía que ten o noso país.

3.- Limpar a factura dos cargos sen relación directa co funcionamento do sistema (fomento das enerxías renovábeis, custos extrapeninsulares e déficit de tarifa, etc.) e que sexan asumidos polos Orzamentos Xerais do Estado.

4.- Retirar do mercado maiorista (pool) para fixar o prezo da electricidade as centrais hidráulicas, as nucleares e gas para conseguir unha baixada xeneralizada no prezo da electricidade.

5.- Controlar e fixar límite ao beneficio obtido polas empresas eléctricas.

6.- Crear unha Empresa Pública Galega de Electricidade.

7.- Fiscalizar as concesións hidroeléctricas. Reverter as instalacións hidroeléctricas ao sector público, destinado os beneficios da produción a abaratar o custo da electricidade.

8.- Aplicar na tarifa o tipo mínimo do IVE (4%) e eliminar do imposto á xeración (7%) que as empresas produtoras repercuten nos recibos.

9.- Esixir compromisos industriais, de emprego e de participación pública para as empresas que opten á concesión de instalacións de produción de enerxía renovábeis.

10.- Crear e pór en funcionamento en Galiza (As Pontes) o Centro para a Competitividade e a I+D+i no Almacenamento de Enerxía.

Salarios

1.- Os incrementos salariais deberanse situar nos 1.226 euros/ano lineais (87 euros/mes 14 pagas) e incremento salarial do 4,50%.

2.- Incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado.

3.- Aprobar as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade conteñan medidas reais e eficaces para rematar coa fenda salarial e outras desigualdades.

4.- Fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, que é o 60% do salario medio do Estado español, tal como recomenda a Carta Social Europea.

Emprego


1.- Prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte: descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica, desregulación da xornada, etc.

2.- As empresas para podérense acoller ao ERTE estarán ao día na actualización das revisións salariais, completar até o 100% os salarios, e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas.

Combustibles

Fixación polo Goberno dun prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha solución fiscal xusta, tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022.

Mobilidade

Reforzar os servizos de mobilidade aumentando frecuencias e ampliando horarios para facilitar os desprazamentos, así como reducir as esixencias para o acceso a maiores descontos.

Alugueiro

Conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022

1º de Maio de 2022

Confederación Intersindical Galega - CIG
https://www.cig.gal/
_______

A CGT no 1º de Maio: 'Nin nos farán crer, nin nos farán calar' - Os dereitos conquístanse loitando !!


Nin nos farán crer, nin nos farán calar

O que se prometía como a solución aos problemas da clase traballadora non supuxo máis que un novo e enorme fracaso; a nova reforma supón a definitiva lexitimación e consagración, por parte do autoproclamado goberno máis progresista da historia, daqueles aspectos máis lesivos que xa se avanzaron nas reformas laborais de 2010 (goberno Zapatero) e de 2012 (goberno Rajoy).

Entre outras cuestións, mantéñense os mecanismos que facilitaban os despedimentos (non se recuperan indemnizacións nin os salarios de tramitación), quedan as razóns intanxibles das previsións económicas (perdas previstas ou futuras) para poder levar a cabo despedimentos colectivos, ou a non intervención da autoridade laboral nos ERE.

Dos convenios de empresa, unicamente garántese a igualdade salarial, pero non o demais. E en materia de subcontratación, vai haber que loita-la nos xulgados sen dúbida, xa que non se dá unha solución clara a quen realiza igual traballo pero non reciben igual salario.

Mentres tanto, o custo da vida segue encarecéndose a toda velocidade, sen que as rendas da clase traballadora crezan ao mesmo ritmo. Nuns casos, coa complicidade activa dos sindicatos maioritarios. Noutros, por culpa dunha estudada pasividade por parte de quen goberna. Bens de primeira necesidade alcanzan o seu prezo récord un mes tras outro. Nin os salarios nin as rendas básicas teñen unha actualización que se equipare ao encarecemento do custo da vida. En todas as frontes podemos observar o mesmo: pensións que non se revalorizan, convenios que quedan conxelados... Agora, ademais, cando apenas empezamos a pagar as consecuencias da crise do Covid 19, avecíñanse as da guerra de Ucraína. O sistema capitalista xa puxo a funcionar a súa maquinaria para que de novo sexamos as traballadoras e traballadores quen asuma os sacrificios e vano a facer como sempre, coa complicidade dos sindicatos maioritarios, que sen dúbida nos van a vender unha vez máis, como xa o fixeron coas reformas laborais, co chamado Pacto de Rendas.

Á CGT nin a farán crer nin a farán calar, por máis operacións propagandísticas que leven a cabo quen prometía asaltar os ceos. As conquistas sociais conséguense na rúa e non nas urnas. As verdadeiras conquistas sociais, as que supoñen unha verdadeira transformación, xamais xurdiron dun pacto entre oligarquías.

Os dereitos conquístanse loitando !!

1º de Maio de 2022

Confederación Xeral do Traballo

CGT Galicia
http://www.cgtgalicia.org/
_______

CCOO e UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade, para que a clase obreira 'non pague os pratos rotos» desta crise'


UGT chama á cidadanía galega a mobilizarse o 1º de Maio pola suba dos salarios, a contención dos prezos e máis igualdade

UGT e CCOO convocan manifestacións en toda Galicia, en Ferrol partirá desde o Inferniño ás 12 do mediodía.

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto á secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, presentaron hoxe en Santiago en rolda de prensa o 1º de Maio que este ano vaise celebrar baixo o lema “A solución: subir salarios, conter prezos e máis igualdade”.

Segundo Amelia Pérez, "reivindicamos que o centro das políticas deste país siga sendo o factor traballo, porque é o verdadeiro elemento transformador da sociedade". Neste sentido, as políticas que se adoptan na materia "son o que ao final mellora a vida das persoas", apuntou a dirixente sindical.

José Antonio Gómez, destacou que "este 1º de Maio vai ser unha data para a celebración, orgullo polo conseguido froito da concertación e diálogo social, para defender e esixir que o conseguido se cumpra pero tamén para poñer enriba da mesa vellas reivindicacións non acadadas e novas demandas".

O Secretario Xeral de UGT-Galicia, fixo fincapé en que "a celebración deste 1º de Maio no pode escapar ó contexto, abafado pola guerra en Ucraína que está a levar a unha situación de crise económica a nivel mundial pero tamén ao sufrimento inxusto do pobo ucraíno e de moitos cidadáns rusos que están a ser perseguidos polo súa postura en contra desta inxusta guerra". Neste senso, manifestou a solidariedade do Sindicato con todos eles e con "moitos outros pobos onde celebrar esta data e mesmo facer sindicalismo no día a día é causa de represión e persecución".

A secretaria xeral de CCOO reiterou o apoio dos sindicatos de clase ao pobo ucraíno, rexeitando tanto a invasión rusa como a represión por parte do Goberno de Putin contra os manifestantes que piden a paz; tamén ao pobo saharauí, criticando o cambio de postura do Goberno de España, "que non compartimos".

Amelia Pérez, amosou a súa preocupación polo avance da extrema dereita no Estado español e en Europa: "Estase banalizando e normalizando de xeito alarmante", e puxo como exemplo a recente entrada de Vox no Goberno autonómico de Castela e León.

A secretaria xeral de CCOO defendeu a importancia de subir os salarios, debate que ten lugar cunha guerra en Ucraína e cun aumento aínda maior da inflación, que xa viña subindo nos últimos meses. "Estase falando dun pacto de rendas, que ten que ser como asumamos entre todos e todas, e non só a clase obreira, o custo da crise que se está producindo", advertiu.

José Antonio Gómez, destacou "a bagaxe positiva coa se concorre a esta edición do 1º de Maio, cos acordos en materia de pensións, o SMI, teletraballo, ERTE`s ou reforma laboral, froito todos eles do diálogo social e dunha ardua tarefa de negociación e concertación. E, precisamente, isto debe animar ós galegos e galegas a saír ás rúas para defender o conseguido".

"Pero a cara negativa deste 1º de Maio é unha conxuntura económica marcada por un IPC na contorna do 10% que se non vai acompañado dunha suba de salarios e non se garante a suba das pensións, como algúns xa están a suxerir, conducirá ó empobrecemento das familias deste país".

Finalmente, Amelia Pérez, reclamou máis igualdade, "porque iso significa máis xustiza social". Neste sentido apelou a "aproveitar os plans de igualdade e as novas normas en materia de igualdade que se aprobaron nos últimos anos para reducir os desequilibrios que se rexistran nas empresas".

O Secretario Xeral de UGT-Galicia, manifestou que "a postura da CEOE, en relación ó AENC, ten que mudar. Ten que apostar por garantir cláusulas de revisión salarial que aseguren o mantemento do poder adquisitivo das familias. O contrario vai supoñer o conflito e o país, na conxuntura actual, require de pacto e negociación. Pero a cerrazón da patronal pode conducir ó contrario porque non se pode consentir que sexan os traballadores, cos seus salarios, os que paguen as consecuencias. Xa hai a día de hoxe sectores, como o do telemarketing ou o do alimentación e comercio da provincia da Coruña que xa están nunha situación de conflito aberto ata que non se lles garanta ós seus traballadores e traballadoras o mantemento do poder de compra".

José Antonio Gómez, recoñeceu que tanto o Goberno central como o da Xunta adoptaron medidas para paliar a situación, "medidas que UGT saúda pero que considera insuficientes. Urxe un maior soporte para os máis vulnerables. Hai en España 9.500.0000 persoas con salarios de 1.000 euros ou menos, desempregados, perceptores de pensións non contributivas ou con complementos a mínimos. Cifra que en Galicia sitúase nas 500.000 persoas, que, de seguro, teñen serias dificultades para chegar a fin de mes. Por iso, urxe habilitar outro tipo de achegas para os máis vulnerables".

Na súa intervención, o Secretario Xeral da UGT-Galicia, tamén rexeitou a receita, para combater esta crise, das rebaixas fiscais que, "de seguro traerían consecuencias negativas no eido internacional e traerían consigo consecuencias moi negativas no eido do investimento público".

A secretaria xeral de CCOO envioulle unha mensaxe ao Partido Popular e á Xunta, advertíndolles aos seus dirixentes que "Galicia non pode pagar as consecuencias desta longa interinidade". A situación actual "esixe tomar medidas e as familias non poden agardar aos tempos dos partidos políticos. A Xunta ten que traballar xa", afirmou Amelia Pérez.

Finalmente, José Antonio Gómez, explicou que neste 1º de Maio vanse levar ás rúas unha serie de reivindicacións como a suba do SMI a finais de ano para que este se sitúe no 60% do salario medio do país; seguir avanzando en materia de igualdade; poñer en marcha un plan de loita contra a lacra da sinistralidade laboral; as 32 horas semanais; unha transición ecolóxica xusta; e a reforma dun ET para o século XXI.

Santiago, 26 de abril de 2022

✔ Manifesto 1º de Maio conxunto de UGT e CCOO de Galicia. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto 1º de Maio do S.N. de CCOO de Galicia. | Acceder/Baixar.


UGT Galicia
https://www.ugtgalicia.org/


S.N. de CCOO de Galicia
https://www.ccoo.gal/
_______

martes, abril 19, 2022

A CIG convoca mobilizacións en todas as comarcas, o mércores 20 de abril, contra a carestía da vida - En Ferrol, será ás 12 do mediodía diante do edificio da Xunta de Galicia (Praza Amada Garcia) - A central sindical demanda, contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos


A CIG convoca para este mércores, día 20 de abril, asembleas e concentracións de delegadas e delegados en cidades e vilas galegas, baixo o lema “Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos”.

Mobilizacións

✔ A Coruña: 12h Delegación do Goberno
✔ Ferrol: 12h, Edificio da Xunta
✔ Compostela: 12h, Praza de Galiza
✔ Ribeira: 12h, Praza do Concello
✔ Lugo: 12:30h, Subdelegación do Goberno
✔ Ourense: 11h, Subdelegación do Goberno
✔ Vigo: 12h, desde a rúa Vázquez Varela ata o Edifico da Xunta
✔ Pontevedra: 12h, Subdelegación do Goberno
✔ Vilagarcía: 12h, Oficina do INEM

Ante a crítica situación económica e social provocada pola carestía da vida na que xa viviamos, agravada polas consecuencias da guerra na Ucraína, a central sindical demanda, con estas mobilizacións que se insiren na campaña contra a carestía da vida, que se poñan en marcha toda unha serie de medidas urxentes para atallar o impacto que os altos prezos dos bens e servizos básicos están a ter sobre as clases populares. Propostas que requiren dunha decidida intervención pública e inciden en varios ámbitos para poder garantir unhas condicións de vida dignas.

A central sindical considera “indecente” que o Goberno acorde aumentar até un 2% do PIB en Defensa, sen dar solución á carestía de vida e ás graves carencias e necesidade sociais, servizos públicos e en defensa do emprego digno. Fronte a isto entende que a resposta á pobreza non poden ser máis políticas neoliberais como as que contén o chamado Plan de Resposta Económica á Guerra anunciado polo Goberno español, que busca, entre outros obxectivos,  a contención salarial, consolidando así os baixos soldos e a pobreza laboral.

Unha ofensiva que se completa co chamado Pacto de Rendas e as negociacións do acordo estatal de negociación colectiva onde, de novo, o diálogo social, UGT e CCOO, volven estar ao servizo do capital, e baixo a premisa de impor moderación salarial, imposibilitan calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios.

Publicado en Avantar. | 18 de Abril de 2022 | Baixo licenza Creative Commons (by-nc-sa/2.5).

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
18 de abril de 2022 22:07

_______

mércores, abril 06, 2022

Pintos somos todos, deso se trata, a sentenza é contra todos, ... André Abeledo Fernández


André Abeledo Fernández [*]
06.04.2022


Desde que se soubo o procesamento de Xesús Anxo López Pintos, exsindicalista da CIG, da que chegou a ser o seu Secretario Comarcal, polos feitos que sucederon no marco dunha protesta convocada polos comités de Navantia e Poligal, con motivo dun acto electoral do PP en Ferrol, no inicio da campaña das eleccións autonómicas de 2012,  sempre me manifestei publicamente en solidariedade con Pintos.

E como concelleiro en Narón promovín a presentación de mocións nos concellos da Comarca.

Tamén son sindicalista, e membro do Comité de Empresa de Mercadona, empresa na que se deu unha importante loita contra a represión patronal, polo despido dun traballador por participar na Folga Comarcal do 12 de Xullo de 2013. Ante este despedimento, desatou-se un importante movemento de solidariedade, no que Pintos xogou un importante papel,

O caso de Pintos é un exemplo do retroceso lento pero inexorábel no exercicio dos dereitos civís que se está a vivir no Estado español  e dos métodos represivos e antidemocráticos aos que a dereita neoliberal recorre para acalar aquelas voces críticas coas súas políticas de recortes.  Fronte a isto ratifícome na defensa "intransixente" do sistema de garantías e liberdades, conquista histórica do movemento obreiro. Sen un estado garantista non hai democracia.

Manifesto o meu total apoio ao compañeiro Pintos: Non é de recibo que o noso compañeiro poida entrar na cadea por participar nunha protesta unitaria onde estabamos todas e todos aqueles que defendíamos o futuro da comarca de Ferrolterra. Naquela protesta estaban representados sindicatos, comités de empresa, partidos políticos, etc. A consigna debería ser ou todos ou ningún.

Pintos non pode ser a 'cabeza de turco que meta o medo no corpo as traballadoras e traballadores que queiran facer uso a lexítima protesta na rúa.

O xuízo contra Pintos foi un xuízo contra a clase traballadora máis consciente, e supón a aplicación máis desapiadada da inxusta 'lei mordaza'. Dende a esquerda a idea de que as traballadoras e traballadores poidan pagar con cadea a súa participación en protestas é inadmisible.

Unha sentenza para asustarnos a todos, a clase traballadora. O Supremo demostra con esta condena pola carga policial na que resultou ferido o noso camarada que é unha ferramenta política de represión, que non de xustiza.

A sentenza contra Pintos é un intento de maternos a todos o medo no corpo, para conseguir o noso silencio e que o medo nos paralice.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
3 de abril de 2022 17:29

_______

luns, marzo 21, 2022

Artigos de André Abeledo - A traizón de España ao Sáhara Occidental, un acto vergoñento que pasará a história - Ucraína unha parte do taboleiro dun xogo perverso - Folga ou paro patronal?, o problema é si hai motivos e se poñen solucións


A traizón de España ao Sáhara Occidental, un acto vergoñento que pasará a historia

saharauí: Rexeitar a ocupación rusa da Ucraína e aceptar a ocupación marroquí do Sáhara Occidental. Enviar armas aos ucraínos mentres traizoamos ao pobo saharauí, abrir as portas a refuxiadas ucraínas , mentres as pechamos nos fociños dos saharauí.

O "goberno máis progresista da historia", pasará aos libros de historia, por ser o que consumou a traizón definitiva ao pobo saharauí.

O Sáhara Occidental ten sido traizoado unha e outra vez por España. Agora tense escrito un novo capítulo de vergoña "Made in Spain".

Venden que ten sido buscando a estabilidade nas fronteiras, di o PSOE, e os outros lo fan medido por rendibilidade electoral no caso de UP.

Pero nada pode tapar a vergoña de traizoar unha vez máis ao pobo saharaui e de entregar o Sáhara Occidental a ditadura de Marrocos.

A autonomía do Sáhara Occidental proposta pola Monarquía sátrapa de Marrocos, sin o dereito a autodeterminación, significa a adhesión do Sáhara Occidental por parte de Marrocos, significa deixar sin capacidade de decisión ao pobo saharauí, e pasar por enriba de todas as resolucións internacionais contra a ocupación ilegal, é un acto de TRAIZÓN e desleixo da responsabilidade histórica que o Estado español ten para co pobo saharauí.

Me ven a mente cando en Tinduf, en novembro de 1976. Felipe González dixo aos saharauís : "Vosa experiencia é a de ter recibido moitas promesas nunca cumpridas. Comprométome coa historia. O noso partido estará con vos ata a vitoria final”. Que vergoña.

Alxeria ten chamado a consultas ao seu embaixador en Madrid polo cambio de posición do Goberno sobre o Sáhara. Están "moi sorprendidos" polo apoio de España ao proxecto de Marrocos. Como nos corte Alxeria o gas ímonos cagar, ademais de traidores, son parvos de carallo.

Por outra banda hai que lembrar unha vez máis a UP que o Goberno é un, para o bo e para o malo, e cando non se pinta nada no goberno, si realmente se é un "0" a esquerda, para que estar?, polo salario ou polo sillón?. Non se pode ser e non ser parte dun Goberno a vez, cando conveña.

A nova traizón do Goberno progre ao Sáhara Occidental é unha canallada.

O goberno "progre" español traizoa unha vez máis ao Sáhara Occidental, por enésima vez.

O Sáhara Occidental foi ocupado ilegalmente e pola forza por Marrocos cando aínda era protectorado español.

Marrocos se ten pasado polo forro o dereito internacional e tódalas resolucións, e agora o Estado español únese aos EEUU e Israel para dar o visto bo a ocupación definitiva.

EEUU reitera o seu apoio ao plan de Marrocos para o Sáhara tras o respaldo español.

EEUU reitera o seu apoio ao plan de Marrocos para o Sáhara Occidental tras o respaldo español, que apoia a iniciativa de Marrocos para el Sáhara Occidental como o xeito "máis realista" de resolver un conflito de case cinco décadas. TRAIZÓN con maiúsculas mentres lambe as botas de EEUU.

A falsa esquerda tarde o cedo tense que posicionar, e cando se posiciona sae o "progre" que leva dentro, "non hai peor fascista que un burgués asustado".

A definitiva TRAIZÓN ao pobo saharaui, amosa a hipocrisía de Occidente. Ucraínos SI pero saharauís NON.

TRAIDORES!

Debemos recuperar a memoria sobre a nosa historia e entenderemos ata onde chega a nosa responsabilidade co Sáhara, este non é un conflito alleo, foi creado por España e temos o deber moral de non esquecer a un pobo irmá.

¡Goberno traidor!.

¡VIVA O SAHARA LIBRE!


Ucraína unha parte do taboleiro dun xogo perverso

Nestes días se teñen sucedido as execucións de ucraínos por "equidistantes", "prorrusos", ou "desertores", disto os medios non informan.

España e a UE solo dan asilo a mulleres e aos nenos, considerando aos homes que tentan fuxir do conflito como "desertores", participando da política da Ucraína de non deixar saír da Ucraína aos homes de 18 a 65 anos e obrigarlles a loitar senón queren ser executados por traidores.

Queren escapar da guerra.

Cruzando o monte o vestíndose de muller: así intentan fuxir da guerra os desertores ucraínos.

Os homes maiores de 18 anos que non teñan máis de tres fillos a cargo, sexan viúvos ou presenten problemas de saúde están obrigados a quedarse na Ucraína.

A todo eso como lle chamamos?.

É unha guerra que empezou en 2014 no Donbás, cuns 14.000 mortos antes do comezo da guerra entre Rusia e a Ucraína.

Unha guerra que non lle importou a ninguén ata que os nosos políticos e os medios de comunicación o decidiron.

Triste é a sucia realidade.

Os únicos inocentes son os civís mortos dende 2014 ata o día de hoxe, pero os únicos que importan a Occidente e os seus medios de comunicación son os dos últimos 20 días.

A OTAN quería esta guerra, que aos EEUU lles convén dende un punto de vista económico e xeoestratéxico.

Ucraína se ten deixado usar para desestabilizar a Rusia e agora Zelenski tenta conseguir unha terceira guerra mundial, e de facer a guerra o máis longa e cruenta posíbel.

Todo é beneficio para los EEUU, una guerra lonxe de sus fronteiras, en Europa, y dos economías que quedarán maltrechas, la de la UE y la de Rusia.

La UE será máis dependente dos EEUU, e  refórzase a OTAN como sempre teñen querido os Ianquis, os seus socios europeos poñerán agora máis diñeiro.

Ucraína é solo un escenario para a OTAN, unha parte do taboleiro xeoestratéxico onde se xoga a partida de quen vai a gobernar o mundo.

Ucraína e a UE son os parvos útiles dos EEUU.

Mentres China solo ten que sentarse a mirar, non é o seu problema e sacará beneficio tamén deste movemento no taboleiro xeoestratéxico.

China apoiará a Rusia porque é un socio necesario para próximas batallas no mencionado taboleiro xeoestratéxico e xeopolítico mundial.

Haberá un gran perdedor a Ucraína.

Zelenski segue defendendo os intereses da OTAN na rexión, sendo un monicreque .

A UE tamén pagará caro o seu vasalaxe aos EEUU e a OTAN, "paga pantas" se lles pode chamar.


Folga ou paro patronal?, o problema é si hai motivos e se poñen solucións

A folga é un dereito constitucional que non podemos permitir que se poña en entredito por parte de ninguén. Os paquetes informativos son unha ferramenta, como os sindicatos son un contrapoder para defender aos traballadores dos abusos e as ameazas da patronal.

Unha "folga" non é un "paro patronal", as "folgas" fan-nas os traballadores asalariados e os "paros" fan-nos a patronal.

Tamén hai que distinguir entre empresario e autónomo, moitas grandes empresas se aproveitan dos autónomos para poñer todo o peso dos custos sobre os seus ombros, algo que nestes tempos de crise se fai insostible para quen teñen que asumir custos de combustible ou enerxía.

O goberno quere atallar o "paro" do transporte reuníndose coas plataformas maioritarias, cando esas plataformas non teñen convocado a folga.

Algo parecido a cando consideran e venden a CCOO e UGT como os representantes de tódolos traballadores.

Como exemplo en Galiza, sindicato maioritario é a CIG, e en Euskadi CCOO e UGT tampouco son maioritarios.

CCOO e UGT cada día son vistos menos como sindicatos de clase e máis como parte de recursos humanos das empresas, cando non como parte del aparato represor empresarial cando os traballadores esixen os seus dereitos, como por exemplo ocorre en Mercadona, empresa onde son delegado de persoal da CIG.

Cando o Goberno di que se reúne cos representantes dos traballadores mente, se reúne cos sindicatos amigos da patronal, CCOO e UGT.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
18 de março de 2022 17:08
18 de março de 2022 17:32
20 de março de 2022 21:32

_______

xoves, marzo 17, 2022

A Semente das nosas loitas - Xornada para conmemorar o 50 aniversario de Marzo do 72 - Día da Clase Obreira Galega - Galería fotográfica do Acto en Sedes (Narón)


Organizado polo colectivo "Marzo 1918 - Revolta Popular", o pasado domingo 13 de marzo, de tivo lugar en Sedes (Narón), unha xornada de de Memoria Histórica e confraternidade, con motivo da conmemoración do 50 Aniversario de Marzo do 72. Comezando ás 12 do mediodía cun faladoiro, no Centros Cultural e Social coa participación de Iria Garcia, filla e neta de traballadores do naval; Francisco Rodríguez, escritor e encarcerado no 72 e Alfonso Tellado, sindicalista e encarcerado no 72. Posteriormente tivo lugar unha actuación música e o xantar popular. Rematando a xornada cunha ofrenda floral no monumento á Revolta Popular, situado na Feira do 13, no 104 aniversario da "revolta das pedradas" acaecida en esta parroquia, onde as mulleres foron as valentes que se enfrontaron ao poder, pola insoportábel carestía da vida.

Fotos de @MiguelAnjoGarcia











_______

xoves, marzo 10, 2022

Rafael Pillado, dirixente do PCG e de CCOO en 1972: 'O 10 de marzo non era só a negociación dun convenio' - Entrevista de Xacobe Ferreiro en 'Nós Diario'


Rafael Pillado Lista é un das grandes referencias do movemento obreiro galego durante a ditadura. Nado nunha familia comunista, dirixente do Partido Comunista de Galicia e CCOO e preso político nos cárceres franquistas, lembra no Día da Clase Obreira Galega os sucesos de 10 de marzo de 1972 en Ferrol.

A que reivindicacións responderon as folgas de marzo de 1972 en Ferrol?

As reivindicacións eran económicas, sociais e culturais. Isto é, xornada, salario e condicións de traballo, pero, sobre todo, aprenderamos unha cousa xa desde había anos e era esa relación entre as reivindicacións económicas e sociais e as reivindicacións políticas.

Así, na negociación do convenio, formulábase o dereito á folga, á liberdade sindical e á necesidade de liberdades políticas, que eran elementos de referencia para todos os traballadores.

O 10 de marzo non era só a negociación dun convenio. Inscríbese na batalla contra a ditadura e pola democracia, na batalla polos nosos dereitos políticos. Iso estaba moi presente e esas reivindicacións levaban moi en primeiro plano as de natureza política.

Que lembranzas garda con máis forza daquelas xornadas de mobilización de marzo de 1972?

Á volta de 1971, comeza a negociación dun novo convenio e alí xa se reclama un convenio de factoría para que a negociación se faga máis perto dos traballadores e para que se lles puidese informar do que pasaba na negociación.

A partir da negativa a negociar en Ferrol, comezan dúas semanas de protestas, con concentracións diante da Dirección da empresa. Naquela altura, reclamabamos a desaparición das quendas de 12 horas e igualar o salario dos traballadores que facían 8 horas con aqueles que facían 12, como condición previa a entrar a negociar o convenio. Chegamos ao 8 de marzo e alí xa se formula que o día 12 se organizaría unha concentración de todo o cadro de persoal, pero o 9 de marzo, cando chegamos á factoría, soubemos que varios compañeiros do xurado de empresa foran despedidos e, de inmediato, paramos.

Na zona dos arsenais, fixemos un percorrido longo para rematar en Dirección. Alí, tentamos negociar o retorno dos despedidos, mais indicóusenos que de ningunha maneira, e ás 17 horas a policía desaloxounos a golpes e botounos fóra da empresa, polo que esa noite reunimos a coordinadora comarcal de Comisións Obreiras (CCOO) e acordamos que no caso de estar fechada a empresa, nos concentraríamos diante do local do sindicato vertical.

Que acontece entón o 10 de marzo?

Unha vez comprobado que a empresa estaba fechada, indicámoslles aos traballadores concentrados diante do sindicato vertical a nosa intención de marchar até Caranza, onde se unirían os traballadores de Bazán, e alí tentaríamos de agrupar os miles de obreiros da construción que estaban traballando nas obras de construción do barrio.

Xa non nos deixaron chegar. Cando pasamos da estrada de Castela e entramos na estrada das Pías, a policía baixou do cuartel, tentando cortar o grupo pola metade para disolvernos, e a xente respondeu con pedras recollidas dun vertedoiro da construción que quedaba alí perto.

Neste contexto, un mando, eu creo que con disparos ao aire, tratou de amedrentar a xente, mais cando comezou a disparar este mando, outros que levaban pistola dispararon e xa despois, dous mortos, Amador [Rey] e Daniel [Niebla], e non só os 40 ou 50 feridos por disparos de balas dos que se fala. O número superou o cento, mais a xente sabía que se a ferida non era grave non podía curarse nun centro sanitario, porque se ías a un centro sanitario quedabas apuntado.

Como foi a resposta da cidadanía á represión do réxime?

Unha vez que se coñece a resposta policial, paralízanse a cidade e as empresas da comarca e dáse unha vaga de solidariedade en toda a Galiza.

Os preámbulos de 1972

Rafael Pillado sitúa os antecedentes do conflito de 1972 nun longo proceso que arranca en 1948, cando o Partido Comunista (PC) decide pór fin á loita guerrilleira e pasa a facer "entrismo" [unha forma de intentar gañar simpatizantes] nas estruturas do sindicato vertical. Neste contexto, cunha estrutura do PC e CCOO moi fortes, na comarca de Ferrol desenvólvese a negociación do convenio de 1966. O sindicalista lémbrao da seguinte maneira: "Alí tocoume participar na negociación dun convenio en Madrid coa representación das outras factorías do grupo, isto é, de Cartaxena e San Fernando en Cádiz, e aprendín que había que reclamar un convenio de factoría pola correlación de forzas desfavorábel que existía nestes dous centros de traballo do grupo". Esta experiencia acabou por marcar a negociación do seguinte convenio, que concluíu en 1972 co asasinato de Amador Rey (nado en Trasancos, Narón, en 1933) e Daniel Niebla (nado en Ferrol en 1933) por mor dos disparos da policía.

Publicado en Nós Diario. | Xacobe Ferreiro | 10 de marzo de 2022

#diadaclaseobreiragalega

Relacionado:

10 de Marzo de 1972: O crime foi en Ferrol, ... Por Rafael Pillado Lista - Debuxos de Fernando Ocampo. | Do libro  libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)". | Ir á Ártabra 21.
_______


mércores, marzo 09, 2022

A CIG convoca manifestación nacional en Ferrol para este xoves 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega 'Somos clase, somos nación. A loita continúa', lema escollido polo 50º aniversario das loitas de 1972


En 2022, 50 anos despois, a loita continúa, coas mesmas reivindicacións nun momento crítico, como o que estamos a vivir

Este ano cúmprense os 50 anos das loitas o 1972 desde as que construímos a historia contemporánea do movemento obreiro galego, por iso nesta data celebramos o Día da Clase Obreira Galega. Con tal motivo a CIG vai realizar unha manifestación nacional de delegadas e delegados o próximo xoves, que sairá ás 12:00 horas da porta de Navantia no Esteiro e rematará no monumento ao 10 de Marzo.

Conmemoramos o 50 aniversario dunhas loitas que comezaron en Ferrol no mes de marzo, continuadas meses despois en Vigo, e que tiveron no asasinato pola policía franquista dos traballadores da antiga Bazán, Amador e Daniel, a maior expresión da represión vivida nesas datas. Son os mártires dunha loita pola dignidade e pola liberdade, contra a precariedade das condicións de traballo, por salarios xustos e por defender a negociación colectiva en Galiza.

No ano 2022, 50 anos despois, a loita continúa, coas mesmas reivindicacións nun momento crítico, como o que estamos a vivir.

A entrada en vigor da nova reforma laboral, da reforma das pensións e doutras reformas que afectan á clase traballadora, teñen lugar cando a carestía da vida chega a cifras históricas, con altísimos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos.

Son reformas nas que nin recuperamos dereitos nin avanzamos en novos dereitos. En verdade estamos ante a consolidación das peores reformas aprobadas polos Gobernos de PSOE e PP na crise financeira, as que se engaden as que están executando o Goberno de PSOE/Unidas Podemos.

A desigualdade de xénero non rematou, continúa e mesmo vai a máis, sen que os gobernos asuman a súas responsabilidades para garantir os dereitos das mulleres.

É inaceptábel que, habendo maioría parlamentaria e un manifesto clamor popular e obreiro, se aposte por enterrar os dereitos, a través do diálogo social, e non se derroguen estas leis inxustas, non se aproben novas leis coas que se remate coa precariedade, a pobreza laboral, se pare a inflación e se garantan a xeración de empregos, salarios e pensións dignas.

Todas estas políticas son novos instrumentos que veñen favorecer as nefastas políticas do PP e de Feixoo en Galiza, sendo a peor solución para poder afrontar de xeito xusto a crise social e industrial que temos en Galiza, a destrución de emprego e aumento da emigración, e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización, e que todo isto está a ter graves consecuencias na destrución de emprego e de precariedade laboral.

A solución non pode ser máis neoliberalismo, máis recortes para satisfacer as duras esixencias impostas pola UE para acceder a uns fondos europeos que están a utilizar para salvar as grandes empresas e non o conxunto das maiorías sociais.

Neste contexto, e con máis dureza, estamos a confrontar na negociación colectiva, facendo fronte a toda esta situación, así como para impedir que nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, decidindo nós de forma directa e democrática sobre as nosas condicións de traballo e non o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CCOO desde Madrid.

Hoxe, máis que nunca, reivindicamos as orixes de onde vimos, co orgullo de formarmos parte dunha historia colectiva e dunha tradición sindical de loita, que ao longo destes anos nos ten levado a ser o que somos, a primeira forza sindical en representación sindical, afiliación e iniciativa social en Galiza. Se o 10 de Marzo é sempre unha data combativa para a CIG, 50 anos despois son moitos os motivos e as razóns para que así sexa. Reforzando a mobilización nas empresas e nas rúas para aumentar a nosa capacidade de confrontar, de avanzar nunha saída galega xusta da crise e para facer real o dereito a poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra.

Publicado en Avantar. | 08.03.2022

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
9 de março de 2022 13:01

_______

mércores, marzo 02, 2022

'Lamentámolo profundamente...', comunicado da comisión para a comemoración do 50 Aniversario do Dez de Marzo de 1972


LAMENTÁMOLO PROFUNDAMENTE...

As Asociacións Culturais Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática iniciamos, coa rolda de prensa celebrada o  5 de Outubro pasado, toda unha serie de actividades para conmemorar este 50º Aniversario do Dez de Marzo de 1972 e das mobilizacións de Setembro en Vigo. Actividades que desde os ámbitos da Cultura, da Memoria, do Sindicalismo, o Feminismo, os Movementos Sociais, terán lugar, ao longo do presente 2022, na maioría dos Concellos de Ferrolterra-Eume-Ortegal.

Unha conmemoración que non só ten por obxecto - que tamén - o recordo daqueles feitos e o recoñecemento aos seus protagonistas, senón que busca consolidalos para o presente e para o futuro como referente dos valores solidarios, como a capacidade de loita do mundo do traballo organizado, da sociedade civil organizada, en defensa permanente das condicións laborais, da liberdade e a democracia, dos servizos públicos, da saúde, o ensino, a cultura, a igualdade, de todo o que implica unha vida máis digna e de maior calidade para toda a sociedade.

O pasado día 20, faciamos un chamamento, para este Dez de Marzo, a que os actos conmemorativos desa data fosen UNITARIOS.

Avogabamos por UNHA SOA MANIFESTACIÓN que integrase a todos os Sindicatos de clase, a toda a cidadanía.

Hoxe lamentamos profundamente que isto non fose posible e síganse celebrando - 50 anos despois - dúas manifestacións e dúas ofrendas florais.

Lamentamos profundamente que a distinción proposta para este ano, polo Grupo de Goberno do Concello de Ferrol, para Amador e Daniel, que contaba co apoio tamén dos Grupos de Ferrol en Común e do Partido Popular, non saíse adiante na Xunta de Portavoces, e queden sen ela neste 50º Aniversario.

Porque Amador Rey e Daniel Niebla, non eran, nin militantes comunistas nin membros do xurado de empresa, nin afiliados a CCOO, Amador e Daniel eran simplemente traballadores comprometidos coa causa obreira e coa urxencia de traer a democracia; eran persoas solidarias cos seus compañeiros e coa sociedade que querían cambiar, por iso estaban alí, ese día e a esa hora, correndo riscos con xenerosidade e con enteireza e por iso foron asasinados. Calquera distinción a Amador e a Daniel, o é a toda a clase traballadora e a toda a cidadanía democrática.

Lamentamos profundamente que a proposta realizada por CCOO ao Parlamento de Galicia fose vetada polo Grupo Parlamentario do BNG, impedindo, neste 50º Aniversario, conmemorar os sucesos do 10 de Marzo en Ferrol e de Setembro en Vigo,  cunha Declaración Institucional da Cámara que é o máximo órgano democrático elexido pola cidadanía galega, gústenos ou non a súa composición.

Lamentamos profundamente que acordos similares que foron posibles en pasados recentes, tamén co BNG, como para facer do 10 de Marzo o Día da Clase Obreira Galega, non sexan posibles coa actual dirección, neste momento transcendental en que se cumpre medio século daqueles feitos e a necesidade de buscar vías de unidade entre a Clase Obreira é imprescindible.

Lamentámolo profundamente e animamos a todas e a todos, por encima das estratexias conxunturais a reflexionar sobre a certeza dos nosos posicionamentos e as razóns dos demais.

Viva a Clase Obreira Galega e Universal! Viva o Dez de marzo!

Ferrol, 1 de marzo de 2022.

10 de Marzo de 1972
50 Aniversario
Memoria e Dignidade


Achegamos: Manifesto. Relación de Adhesións. Logotipo.

Contacto:
10m72.50aniversario@gmail.com

Facebook:
Dez de Marzo Cincuenta Aniversario.

Documentos:

✔ Selo Logotipo 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

✔ Apoios ao Manifesto do 50 aniversario do 10 de Marzo. | Acceder/Baixar.

[*] Contactos:

✔ Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-

✔ Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática -memoriahistoricademocratica@gmail.com-

Relacionado:


Memorábel concerto conmemorativo do 50 aniversario do 10 de Marzo de 1972 - Interpretado polo quinteto de vento metal 'Hércules Brass' - Estrea da peza sinfónica 'Ferrol 1972' - Intevencións Juán Durán, Rafael Pillado e Angel Mato - Dez de Marzo Sempre !! - Memoria e Dignidade - Vídeo e fotos. | Ir a Ártabra 21.

Enviado por:
10M72 50Aniversario
-10m72.50aniversario@gmail.com-
1 de março de 2022 10:56

_______

venres, febreiro 11, 2022

O persoal de Intasa sae á rúa para esixir o desbloqueo das negociacións do seu convenio - Concentracións: na Coruña o vindeiro 21 de febreiro e en San Sadurniño o 25


O persoal de Intasa sae á rúa para esixir o desbloqueo das negociacións do seu convenio

Concentracións:

✔ na Coruña o vindeiro 21 de febreiro

✔ e en San Sadurniño o 25 de febreiro.

O persoal de Intasa -Industrias del Tablero, S. A. (Grupo Tojeiro) sairá á rúa os vindeiros 21 e 25 de febreiro para o desbloqueo das negociacións do seu convenio. O comité de empresa, presidido por CCOO, presentou hai máis dun ano unha proposta, pero a compañía segue sen dar resposta.

Desde CCOO lembran que o cadro de persoal de Intasa está composto por 120 traballadores e traballadoras e que este silencio por parte da dirección da empresa é "intolerable".

Por esta razón, o vindeiro 21 de febreiro concentraranse de 10 a 12 horas fronte ás oficinas centrais da compañía, na rúa de Enrique Mariñas Romero (A Coruña), e posteriormente o 25 diante da fábrica (San Sadurniño), de 11 a 15 horas.

Alejandro Bello
Hábitat CCOO de Ferrol

Un saúdo.
--
Yolanda Quintía Salido
Área de Administración
Unión Comarcal de CC.OO. de Ferrol
Tfno: 981 369320    Fax: 981 350353
Tfno RPV: 71334     Fax RPV: 71104
ucferrol@galicia.ccoo.es
yquintia-ferrol@galicia.ccoo.es

Enviado por:
ucferrol
-ucferrol@galicia.ccoo.es-
11 de fevereiro de 2022 11:07

_______

xoves, febreiro 03, 2022

Reforma laboral; derrogación ou claudicación?, ... Por André Abeledo Fernández


Por André Abeledo Fernández [*]
03.02.2022


Esta reforma laboral é unha claudicación ante os poderosos, é unha concesión a patronal, é a menos boa que se podía facer, que non a mellor, é insuficiente e sobre todo non é o que prometeron.

Acordo, consenso, dialogo social, palabras valeiras que serven para esconderse e non admitir a claudicación ante a patronal e a ala dereita do goberno.

As liñas vermellas ao final estaban pintadas con xiz e non con principios. Prefiren agacharse ante a patronal que enfrontarse a ela para defender os intereses da clase traballadora, clase traballadora a quen din representar e a quen piden o voto nas eleccións.

Cando goberna a dereita impón a reforma laboral ao ditado da patronal, cando goberna a suposta esquerda apela ao diálogo social e ao pacto coa patronal, ao final perdimos 10 e recuperamos 3, a cousa queda en -7.

A reforma laboral é un acordo de trileiros para facernos crer que temos gañado, cando seguimos perdendo.

CCOO e UGT fai tempo que teñen deixado de representar a clase traballadora, cando falan do acordo dos axentes sociais están falando do Goberno, Patronal e CCOO/UGT.  Un acordo de mínimos que non cumpre co mínimo esixible.

A ansia dos medios de comunicación en mans do capital por convencernos de que a Reforma Laboral é boa xa debería de poñernos sobre aviso, porque os medios teñen amos e defenden os seus intereses, non os nosos.

A esquerda pedía unha verdadeira derrogación pero non se fixo.

Os 7 puntos que BNG, BILDU, ERC e CUP poñían sobre a mesa para apoiar a reforma laboral non foron aceptados

1. Se recuperará e establecerá a prevalencia e prioridade aplicativa dos acordos e convenios colectivos provinciais e autonómicos, así como a blindaxe xurídico dos Acordos Interprofesionais autonómicos onde efectivamente estes existan. Se recoñecerán e blindarán así os marcos laborais propios dos diferentes territorios e os acordos e convenios colectivos neles acadados.

2. Se recuperará a necesaria autorización administrativa da autoridade laboral no control dos despedimentos colectivos a través dos Expedientes de Regulación de Emprego, recuperando para elo as causas obxectivas previas a Reforma Laboral do 2012.

3. Se especificarán medidas para atallar a precariedade e as posibilidades de descolgue salarial, centrada nunha revisión e modificación das causas e procedementos do despedimento, así como dos procesos de modificación substancial das condicións de traballo baixo as causas de “perdas” previstas actualmente. Así mesmo, o descolgue das condicións laborais e salariais baseado en causas xustificadas deberá quedar condicionada ao acordo coa representación sindical.

4. Se recuperará a indemnización por despedimento improcedente, incrementando a súa contía aos 45 días por ano traballado ata un máximo de 42 mensualidades para os despedimentos declarados improcedentes. Así mesmo se recuperarán os salarios de tramitación.

5. Se recuperará a prioridade aplicativa dos convenios sectoriais sobre os de empresa. Aos convenios de empresa lles corresponderá a función de adecuación e mellora das condicións fixadas nos convenios colectivos sectoriais, que constituirán o chan mínimo das condicións  en todas as  empresas do sector.

6. Se restaurarán as limitacións das empresas para a mobilidade  xeográfica colectiva e se recuperará a necesidade  de acordo  para a regulación da xornada.

7. Se incluirán propostas  orientadas a reordenación do tempo de traballo e a redución da xornada laboral, para facilitar a conciliación da vida laboral e persoal así como o reparto o emprego e o traballo, dende a perspectiva da transformación cara un novo modelo de relacións laborais en consonancia coa transición enerxética, dixital e demográfica.

Persoalmente e como traballador subscribo os 7 puntos ao 100%. Uns puntos que como sindicalista parece-me irrenunciables para que a clase traballadora recupere realmente os dereitos que nos roubaron coa anterior reforma laboral feita ao ditado da patronal.

A palabra ou se respecta ou non se ten.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.



Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
3 de fevereiro de 2022 09:45

_______

Hoxe en Ferrol na Praza de Armas ás 12 do mediodía - A CIG convoca concentracións este xoves 3 de febreiro para esixir a derrogación das reformas laborais - Demanda das forzas nacionalistas e de esquerda que non avalen co seu voto unha lexislación que consolida a precariedade


Con motivo do debate e votación no pleno do Congreso dos/as Deputados/as do RD/lei 32/2021, a CIG ten convocadas mobilizacións de delegadas e delegados o próximo xoves, 3 de febreiro, para amosar o seu total rexeitamento á nova reforma laboral. A central insta as forzas nacionalistas e de esquerda a non validar unha normativa que consolida a precariedade e reclama unha nova lexislación que permita recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo para termos emprego e salarios dignos.

HORAS E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS

A Coruña, ás 12h, na Delegación do Goberno (Praza de Ourense).
Vigo, ás 11, diante da Dirección Provincial do SEPE.
Pontevedra, ás 12h, na Subdelegación do Goberno
Ferrol, ás 12h, na Praza de Armas
Compostela, ás 11h, na Praza de Galiza.
Lugo, ás 12h, na Subdelegación do Goberno
Ourense, ás 11h, na Subdelegación do Goberno

Con estas concentracións a CIG dá continuidade ás mobilizacións realizadas o pasado domingo 30 de xaneiro contra este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e que significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”, ao seguir dándolle a patronal todo o poder para que poida despedir fácil e barato, aplicar ERE, ERTE e modificacións substancias das condicións de traballo, baixar salarios e estender a precariedade e a pobreza laboral.

Esta reforma, pactada no diálogo social e que se quere impoñer no Congreso, é un novo instrumento que vai favorecer as nefastas políticas do PP e de Feijóo en Galiza e constitúe a peor solución para afrontar de maneira xusta a crise social e industrial que padece o noso país, a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos procesos da descarbonización e dixitalización.

Por iso, a CIG seguirá esixindo a derrogación inmediata das reformas laborais de 2010 e 2012 e reivindicando o dereito a negociar os convenios colectivos no noso país, de xeito que as persoas traballadoras poidamos decidir sobre as nosas condicións de traballo e que non sexan as cúpulas sindicais as que o fagan por nós dende Madrid.

Fonte: Avantar | 01.02.2022

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
02 de fevereiro de 2022 8:00

_______

martes, febreiro 01, 2022

Carta de Rafael Pillado anunciado que padece cancro producido polo amianto


Este domingo 30 de xaneiro de 2022, Rafael Pillado facía público que padece cancro producido polo amianto. Na súa mensaxe manifesta que non quere que a súa enfermidade quede oculta e denuncia aos responsábeis dos miles de asasinatos silenciosos que causa o amianto. Desde o Colectivo Ártabra 21, pensamos que podemos falar por todos os seus membros, sentimos con dor a noticia. Para nós Rafael sempre é unha referencia, pola súa forza, ánimo e compromiso con todas as causas xustas, non só pola súa pegada na Historia deste pobo, en particular no mundo obreiro, senón pola súa actitude de dignidade, loita e solidariedade. Aínda que non compartamos todas as súas posicións políticas, si admiramos e respectamos a Rafael, porque del emanan valores para facer o ben e evitar o mal. É unha persoa que practica a ética na acción e non nos deixa indiferentes. Construtor de pontes, creador de iniciativas, sempre no camiño de facer o ben común e compartir a felicidade coas persoas. Ánimo Rafael, admiramos a túa actitude e desexamos de corazón que venzas a enfermidade.
 
Carta de Rafael

Estimadas amigas e amigos: estes días recibín a mala noticia de que padezo cancro. Cancro producido polo amianto. Un mesotelioma que limita o meu tempo de vida.

No transcurso de ese tempo, quero pedirvos que informedes a todo o mundo. Non quero que a miña enfermidades e a de tantos afectados, sexa clandestina. Pretendo ademais que a miña reclamación sexa ocasión para denunciar aos responsables dos nosos asasinatos silenciosos. Unha ditadura fascista que tras ser financiada pola Banca March, recibiu do ditador autorización en exclusiva para importar sen límites, o amianto, e que a través de Uralita contaminou a auga, as terras, os tellados i edificacións, e mata e sigue matando a miles de persoas.

Pretendo tamén contribuír, mentres dure, a celebración do 50 Aniversario do 10 de marzo de 1972.

Aperta forte, sempre.

Ferrol, 30 de xaneiro de 2022

Rafael Pillado


[*] Rafael Pillado Lista, San Cibrao (Cervo) o 12 de xuño de 1942, xubilado de BAZAN, é Vicepresidente da A.C. Fuco Buxán e membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Foi un activista sindical e político nos anos da ditadura franquista, sen deixar nunca a súa actividade social e política. Foi condenado polo TOP (Tribunal de Orden Público da Ditadura Franquista), no chamado proceso dos 23 de Ferrol, polos sucesos de Marzo do 72, polo que foi encarcerado en Carabanchel e con anterioridade na prisión da Coruña. Foi Secretario Xeral do PCG e foi concelleiro en Ferrol co PSOE no que estivo afiliado até finais 2011. Participou no Encontro Social e na Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra e nas Marchas da Dignidade de Ferrolterra. Agora está ligado a Podemos. Escribe artigos sobre a actualidade nos medios locais. Ten escrito un importante e moi interesante libro sobre unha parte da nosa historia recente "O Latexo da vida e da conciencia - Memorias Colectivas de Rafael Pillado - I (Primeiro Volume)". E xa en decembro de 2019, publicou o segundo volume das súas memorias: "A dura luz da memoria | PALABRAS AFIADAS | Memorias colectivas de Rafael Pillado - II".

Foto: Rafael Pillado, histórico sindicalista ferrolán | Rafa Vázquez
_______