Hoxe venres, 25 de Maio, ás 6 da Tarde vai ter lugar a Asemblea Plenaria da Plataforma, no Local da Asociación Veciñal de Esteiro
Nota.- Prégase un esforzo de asistencia á mesma nun momento de especial gravidade para a Sanidade Pública, ademais da preparación da manifestación do 3 de Xuño en Compostela.
...
SOS Sanidade Pública convocou en toda Galiza mobilizacións en defensa da Sanidade Pública contra as medidas e recortes do PP e dos gobernos dereitistas de
Mariano Rajoy e
Alberto Nuñez Feijóo. En Ferrol a Concentración foi á 7 da tarde na Praza Amada García,
diante do Edificio Administrativo da Xunta. Interveu na Concentración o
portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria
de Ferrol.
A continuación o vídeo e a transcrición da intervención do voceiro da Plataforma e SOS Sanidade Pública,
Miguel López, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro.
http://youtu.be/bZYj8GuJNns
Boa tarde veciñas e veciños de Ferrolterra.
Moitas grazas por acudir á convocatoria da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, esta plataforma cidadá agrupa, neste momento a 44 entidades diversas: asociacións sociosanitarias, veciñais, culturais, partidos políticos, sindicatos e a Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Ferrol, entidades defensoras da sanidade pública e preocupadas polos anuncios privatizadores, de redución de orzamentos en materia sanitaria e de absoluta falla de compromiso coa Área Sanitaria de Ferrol por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
Non será esta, desgraciadamente, a última vez que nos teñamos que mobilizar en Defensa da Sanidade Pública, volveremos a facelo o día 3 de xuño ás 12 do mediodía na Alameda de Compostela. Pero estamos seguros que cada vez irán en aumento as mobilizacións de todas aquelas persoas que, votasen ó partido que votasen, non queren que se fagan recortes, se privatice e se establezan repagamentos en aquilo que en todas cantas enquisas se fan aparece como máis valorado por toda a cidadanía do Estado Español.
Estes días do Sr. Núñez Feijoo, que xa leva recortado o orzamento da Consellería de Sanidade en 300 millóns de euros desde que preside a Xunta de Galicia, fala de privatizar o que, segundo el, non sexa esencial na sanidade e fala de que esa privatización da xestión, que é o que vai facer no novo Hospital de Vigo, vai resultar máis rendible para a cidadanía.
Non di o
Sr. Núñez Feijoo que na Comunidade de Madrid a maior parte dos hospitais públicos e moitos centros de saúde, están xestionados por organismos privados que levaron á Sanidade Pública de Madrid a ser a peor do Estado Español. Iso é o que quere o
Sr Núñez Feijoo e o Partido Popular para Galicia, quere levarnos a ser a peor ou unha das peores sanidade do Estado. Non o imos consentir.
Pon como exemplo de modelo de xestión ao Hospital Povisa de Vigo, non se lembra o Presidente da Xunta dos mortos por aspergillus, non sabe que Povisa, hospital privado que ten un concerto anual de 72 millóns de euros que supoñen o 74% dos seus ingresos, é o que ten maior lista de espera de todos os hospitais do Sergas. Non sabe que a cidadanía que ten, obrigatoriamente, como Hospital de referencia a Povisa, Cangas, Moaña, etc., rexeitan ter a ese Hospital como Hospital de referencia e queren ser atendidos na Sanidade Pública.
Será un modelo POVISA por que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, pertencía a ese grupo empresarial?
Trátase diso Sr. Feijoo?
En Galicia xa tivemos un exemplo de fracaso absoluto na privatización da xestión sanitaria: Foron as Fundacións Sanitarias que promoveron os Señores Romay Becaría desde a Consellería de Sanidade e Alberte Núñez Feijoo á fronte do Servizo Galego de Saúde. As fundacións sanitarias dos hospitais de Verín, Barbanza, Salnés e Cee que tiveron que ser rescatadas, para poñelas en valor polo Sergas, hoxe son hospitais públicos. O Sr . Nuñez Feijoo non quere aprender dos seus erros e segue turrando contra o aguillón.
O que queren o
Sr Rajoy e o
Sr Feijoo amparándose na crise, provocada pola Banca e os grandes monopolios que sufrimos as clases populares, é de que as aseguradoras, construtoras, laboratorios e mesmo bancos entren a facer negocio na Sanidade Pública, non se trata de mellorar a xestión, niso estaríamos todos de acordo, non é mellor a xestión privada que a pública tampouco se trata de facer sostible un sistema que xa é sostible, do que se trata é de poñer a andar as políticas neoliberais fracasadas de
Margaret Thacher, de converter a sanidade pública nun negocio, por unha banda e por outra banda deixar unha sanidade de dúas velocidades unha de beneficencia e outra para quen poida pagarse os tratamentos.
O sistema é sostible xa que por cada 6 euros que no Estado Español, se dedican a Sanidade Pública, na Unión Europea dedícanse 9 euros e aínda así temos, con menos investimento, mellores resultados. Por que hai que atacar un sistema que nos beneficia a todos e todas e do que maioritariamente nos sentimos satisfeitos. A resposta é clara: Para convertelo nun negocio para uns poucos.
Se o sistema fose insostible, que non o é, do mesmo xeito que se meteron millóns de euros en socorrer á Banca Privada e se permite que os seus directivos, a pesar da súa nefasta xestión, se leven millóns e millóns de euros,
non habería que socorrer o Sistema Sanitario Público antes que á Banca Privada, antes que ao ladrillo?
Agora o Partido Popular que recortar 7000 millóns de euros máis na Sanidade Pública, será para tapar o burato de Bankia? Pensará Núñez Feijoo poñer a xestionar á Sanidade Pública Galega a Rodrigo Rato ou a algunha das empresas nas que é directivo como por exemplo CAPIO Sanidade, da que tamén é accionista Ignacio López del Hierro, marido de Dolores de Cospedal e que se están facendo coa xestión de moitos hospitais e centros de saúde en varias comunidades autónomas ?.
Acaban de aprobar o
Real Decreto-Ley 16/2012, de 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e que, como acabamos de dicir, recorta 7.000 millóns de euros na Sanidade Pública.
Mentres anuncian eses recortes, perdoan a ladróns, defraudadores, narcotraficantes e lles van permitir branquear os seus capitais, algúns deles manchados de sangue, a cambio de que paguen o 10% do defraudado.
Anuncian o incremento no repago dos medicamentos ós traballadores en activo e, por vez primeira, o repago dos medicamentos ós pensionistas, incremento no pago dos doentes crónicos, sempre esmagando ós colectivos máis desfavorecidos, e xa anuncian máis recortes, algún deles de carácter xenófobo o ir directamente contra os inmigrantes, repago de próteses e ortopróteses e tamén o repago polo transporte sanitario non urxente. E deixando fóra da prestación a maiores de 26 anos e as mulleres separadas ou divorciadas que nunca cotizasen. Deixando fóra da atención sanitaria aos inmigrantes non regularizados, colectivo en diminución pola crise, e que realiza un escaso uso dos servizos e un reducido gasto sanitario, pretendendo criminalizalos e culpabilizalos.
Tamén efectúan recortes nos cadros de persoal do Sergas que, por moito esforzo que fagan os traballadores e as traballadoras, acaban afectando á calidade asistencial que teñen dereito a recibir os doentes. Precarizan as condicións de traballo e recortan os dereitos laborais e tamén os seus salarios.
Dende o 2011 ata decembro do 2013 vanse xubilar 1.695 traballadores e traballadoras no Servizo Galego de Saúde co que unha parte do cadro de persoal fixo vaise reducir.
Hai que lembrar que a Xunta de Galicia foi a primeira en establecer un decreto de transporte sanitario non urxente que permitía cobrar ós usuarios e usuarias o Decreto 11/2011 do 20 de xaneiro, hai 14 meses. Agora di o
Sr. Feijoo que non pensa aplicalo.
Se non pensa aplicalo para que o fixo?
Ou é que non pensa aplicalo este ano por que estamos en época electoral pero despois si que pensa aplicalo?
En Galicia temos unha poboación moi avellentada, xeograficamente moi dispersa e coas pensións máis baixas do Estado.
As medidas do Partido Popular van ter en Galicia unha especial incidencia, sobre todo entre pensionistas e enfermos crónicos.
Como van pagar o trasporte sanitario pensionistas de Cedeira, Ortigueira, Mañón, etc cando vaian a recibir un tratamento de Diálise, Rehabilitación, Quimioterapia, etc no Arquitecto Marcide cando teñen unhas pensións medias que non chegan a 600 euros?
Como van a pagar o transporte sanitario non urxente cando teñan que acudir ó Centro Oncolóxico da Coruña a recibir un tratamento de Radioterapia?. Un transporte en ambulancia custa actualmente 50 euros o traxecto de ida e volta na mesma Área Sanitaria e a isto hai que sumarlle uns 50 euros se hai que ir a outra Área Sanitaria.
Canto suporá para un doente en diálise durante anos e anos? E
para un doente que teña que recibir un tratamento de Radioterapia na Coruña?
Isto é o que acaba de Decretar o Partido Popular: Perseguir a pensionistas, inmigrantes e doentes crónicos.
Non falan de perseguir a fraude fiscal e mesmo a perdoan. Non falan dos 5.000 millóns e euros que tiveron de beneficio no ano 2010 as Mutuas de Accidentes de Traballo, moitos deles obtidos ao derivar á Sanidade Pública, como enfermidades comúns o que son enfermidades profesionais. Non falan de aplicar a Lei de incompatibilidades e sendo sabedores das moitas irregularidades e ilegalidades que se cometen, nesta comarca sabemos moi ben onde se fan esas prácticas fraudulentas, prefiren mirar para outro lado. Non diso non falan, prefiren perseguir a traballadores e traballadoras e a pensionistas.
A Xunta de Galicia espera ingresar coas políticas de repagamento 155 millóns de euros. Si se aplicasen medidas baseadas na mellora da eficiencia e o uso racional dos recursos, para mellorar a calidade e seguridade da atención sanitaria e os niveis de saúde da cidadanía:
Reducir nun 50% os medicamentos innecesarios. Reducir nun 50% os ingresos por reaccións adversas aos fármacos. Reducir nun 30% os efectos adversos durante a hospitalización. Reducir en 1/3 as estancias hospitalarias inadecuadas. Reducir nun 10% a frecuentación á urxencias hospitalarias que non son ingresadas. Traspasar o 25% das consultas hospitalarias á Atención Primaria. Suporía un aforro de 539 millóns de Euros. 384 millóns máis dos que se queren recadar co repago.
Debe quedar claro para todo o mundo que os recortes, privatizacións e ataques contra a Sanidade Pública non teñen nada que ver coa situación económica, non nos deixemos enganar, ten que ver cunha posición ideolóxica de querer acabar con ela e crear un imposto sobre a enfermidade e sobra a vellez, establecendo copagamento en servizos onde non o había anteriormente. Non se busca mellorar a xestión do Sistema Sanitario Público o que se busca e á súa privatización. Non van a parar e ten que ser a cidadanía na rúa que paremos a súas políticas absolutamente regresivas.
A sanidade pública é un dos piares esenciais do estado do benestar, a atención sanitaria como un dereito dos cidadáns e o acceso aos servizos ten que ser universal e gratuíto, sen ningunha restrición. O financiamento da sanidade pública debe realizarse cos impostos dos cidadáns e a prestación debe ser fundamentalmente pública e, se fose posible, totalmente pública, o sector sanitario privado será, sempre que sexa preciso, subsidiario e complementario.
A Sanidade Pública é o ben máis prezado que temos, as maiores queixas son polas listas de espera, e en épocas de crise e paro, faise aínda máis necesario. Non deixemos que o convertan nun negocio.
A resposta a esa agresión e a eses recortes é a mobilización na rúa en Defensa da Sanidade Pública, Universal e Gratuíta, financiada a través dos impostos, coas mesmas prestacións como tiñamos ata a chegada do Partido Popular o Goberno do Estado e da Xunta e incrementando as prestacións que sexa posible incrementar.
O presente da Sanidade Pública está ameazado polas políticas neoliberais do Partido Popular, que so buscan o beneficio privado en detrimento do público. O futuro da Sanidade Pública vai depender da vontade que teñamos a cidadanía. O Partido Popular ten a maioría absoluta no Parlamento, pero non ten a maioría social, esa maioría social que considera a Sanidade Pública un ben imprescindible, pero que ten que manifestalo abertamente nas rúas, temos que conquistar as rúas temos que dicirlles abertamente a
Rajoy e
Feijoo que a Sanidade Pública non se toca nin moito menos se recorta.
Hoxe estamos en Ferrol mobilizándonos e estaremos máis veces, todas as que sexan preciso, non imos a parar, temos a razón e tamén temos a forza.
O domingo día 3 de xuño as 12 da mañá estaremos na Alameda en Compostela.
A saúde non é un negocio nin é negociable.
Moitas grazas.
Ferrol a 24 de Maio de 2012.
Asdo./ Xosé Miguel López Pérez, portavoz da Pdspf.
A nova nos medios convencionais comarcais:
A concentración contra os recortes sanitarios congregou a máis de 300 persoas [ir a '
Diario de Ferrol' - 25.05.2012]
[ir a 'La Voz de Galicia' - 25.05.2012]
plataformadspferrol@gmail.com
http://plataformadspferrol.blogspot.com/
Fotos de
Susete'70.
-----
Nova de interese:
Galicia | O Sergas pecha este verán o 10 % das camas, 117 máis que o pasado
Os centros con máis recursos operativos serán os do Área da Coruña | Por Elisa Álvarez - [ir a '
La Voz de Galicia' - 25.05.2012]
_____________________