martes, setembro 10, 2013

Saneamento si, mais non así (III), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormentas' nos parques públicos


Por Miguel Reimúndez e Alexandre  Carrodeguas [*]
10.09.2013


Nos anteriores artigos facíamos referencia ás importantes eivas ambientais e prexuizos económicos do proxecto de saneamento da marxe dereita da ría de Ferrol. A estas eivas xuntanse a irresponsabilidade no gasto público e a inadecuación do proxecto á normativa hoxe vixente.

O "tanque de tormentas" do Parque Pablo Iglesias é unha mostra da falta de calidade ambiental, económica e social que caracteriza este proxecto, elaborado dende meros parámetros "industriais", baixo a premisa de facer cadrar as cifras de auga a recoller polos "tanques de tormentas" coa capacidade de tratamento da depuradora, que xa estaba construída cando o proxecto dos colectores e os tanques  é redactado no ano 2010.


Nestes complexos cálculos, a dispoñibilidade dos terreos e a menor molestia ao tráfico foron os únicos factores a considerar á hora de decidir a localización dos "tanques de tormentas". Outros, como son a destrución duns xogos infantiis, a afección a dous mil metros cadrados de parque, ou a máis que probable molestia por emisión sonora e de cheiros desagradables aos veciños, non foron considerados. Había e hai alternativas perfectamente viables dende un punto de vista técnico para quitar do parque Pablo Iglesias o "tanque de tormentas", como son situalo en terreos militares próximos ou baixo unha vía de tráfico rodado (opción que sí se adopta noutras cidades como Barcelona ou Zaragoza), como é a Avenida de Esteiro.

Como xa acontecera no Xardín das Ranitas, o factor do interese social non foi considerado nas ecuacións dos técnicos nin dos políticos. A esta falla de sensibilidade social, habería que engadir unha grave falta de responsabilidade política, materializada no malgasto de cartos públicos.

No ano 2011 déronse por rematadas as obras de saneamento do Río do Tronco, que custaron 1,8 millóns de euros, e cuxo obxectivo era eliminar verquidos de augas residuais ao seu leito. Máis este importante investimento resultou de todo inútil: o proxecto que se está a executar prevé que as augas residuais e pluviais antes separadas sexan mesturadas de novo no "tanque de tormentas" de Pablo Iglesias. Ademais o último tramo do río servirá de cloaca-aliviadoiro do saneamento cando chova moito e o colector non dea abasto a tratar tanta auga.

Deste modo, a atractiva posibilidade de recuperar o río en superficie, tanto no parque Pablo Iglesias como na praza do Río do Tronco, que se pretende re-urbanizar proximamente, farase inviable cando rematen as actuais  obras de saneamento.

Os pregos para a licitación destas obras aprobáronse o 25 de xullo de 2012, un día antes de que entrase en vigor o novo Regulamento Marco do Servizo de Saneamento e Depuración de Galicia. Este regulamento prohibe expresamente o verquido de augas brancas (subterráneas, fontes, manantiais, correntes superficiais...) ao sistema de saneamento, ao tempo que tamén prohibe a mestura de augas pluviais e augas residuais.

O sistema de saneamento que se está a instalar vai “boicotear” as melloras ambientais que esta norma pretende. Mentres os cidadáns e empresas terán que facer caso das prohibicións do decreto, os seus esforzos faranse inútiles cando as augas cheguen ao sistema público de saneamento.

Eivas ambientais, condicións económicas abusivas para a cidadanía, incumprimento da nova directiva europea da auga en redacción, renuncia á posta en valor de millóns de euros de investimentos públicos en saneamento  (os que sistemáticamente, rúa a rúa da cidade, están a separar augas pluviais e residuais dende hai décadas), perda de calidade dos espazos públicos... Todas son razóns máis que suficientes para debater a fondo o sistema de saneamento proposto e modificar o proxecto.

Temos que ser quenes, a cidadanía de Ferrol, de ser capaces de sanear e poñer en valor a nosa  ría. De facer valer os valores de uso e de utilidade social sobre valores espúreos de rendibilidade política inmediata. O horizonte do 2015 debería ser o do saneamento "integral" da ría e non o dunha nova frustración. Con este "saneamento" moitos creemos que chegamos tarde, mal e sen resolver os males que levamos tantos anos padecendo. Non podemos aceptar un modelo totalmente obsoleto de saneamento. A calqueira prezo.

Hai dous anos unha mobilización social importante en contra do tanque das Ranitas foi quen. Estamos a tempo de corrixilo. De todos nos depende.  A ría de Ferrol merece outra cousa.

[*] Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas, membros de Verdegaia.

Enviado por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
9 de setembro de 2013 14:53

_____________

Enlaces relacionados:

Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (II), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos

Ártabra 21: Saneamento si, mais non así (I), ... Por Miguel Reimúndez e Alexandre Carrodeguas - A mantenta dos 'tanques de tormenta' nos parques públicos
___________________

Plataforma “Galiza contra a Guerra”, unha nova plataforma contra a agresión imperialista a Siria


Foi Compostela, a cidade para presentar unha nova plataforma contra a guerra. Diferentes organizacións sociais, culturais, sindicais, políticas, estudantís e cívicas do país presentaron o pasado sábado, 7 de Setembro de 2013, a 'Plataforma Galiza contra a Guerra', para denunciar a agresión imperialista contra Siria anunciada polos Estados Unidos e apoiada por varios gobernos de estados da UE e do G-20, entre os que está o Goberno do , polo de agora Reino de España, presidido por Mariano Rajoy.

Esta plataforma de recente constituciónagarda novas incorporacións nos próximos días.

Esta plataforma promove concentracións que terán lugar cada xoves, ás 20.30 horas, en diferentes cidades e vilas da Galiza co fin de demostrar "o rexeitamento social a esta acción militar anunciada".

MANIFESTO

Non á intervención imperialista en Siria. Galiza contra a Guerra

Novamente os tambores de guerra ecoan en Oriente Próximo e Medio. Á guerra que o goberno sirio libra contra os opositores armados que esixen a morte do presidente Al Assad, veñen somarse os motores dos cazas, dos portaavións e das fragatas das potencias imperialistas occidentais que avanzan polo Mediterráneo até posicións de ataque a Siria, nunha coreografía perfectamente definida, deseñada nos despachos das grandes compañías transnacionais que lucran co sector da guerra, co sector enerxético, co loxístico e co da reconstrución. Unhas empresas que neste sistema económico viciado son capaces de gobernar sobre os gobernos e decidir o destino dos exércitos. Todo á procura do maior lucro posíbel. Sen admitir calquera limite. Sen reparar na traxedia, disfrazada de "dano colateral".

Diante da inminente agresión imperialista contra o pobo sirio, inspirada por estas razóns e que nada ten a ver, polo tanto, cos alegados motivos de pacificación e instauración da democracia, as organizacións sociais, políticas, sindicais, culturais e cívicas que asinan este manifesto:
1. Rexeitamos a intervención militar imperialista en Siria e defender a negociación política para lograr a resolución dos conflitos, respectando sempre a soberanía dos pobos.

2. Consideramos que os EUA e os seus aliados están a fabricar mediante a manipulación e a propaganda unha nova mentira para xustificar o ataque, de igual xeito que con anterioridade fixeron coas supostas armas de destrución masiva no Iraq.

3. Sostemos que se trata doutra agresión imperialista que, alén diso, é totalmente ilegal ao contravir o dereito internacional, non ter autorización do Consello de Seguranza da ONU nin contar co visto e prace de ningún organismo internacional.

4. Esiximos ao Estado español que non participe nin dea cobertura á operación militar, e censuramos a falta de vontade para artellar mecanismos que posibiliten a resolución negociada dos conflitos e a convivencia dende o respecto á soberanía dos distintos pobos da rexión.

5. Demandamos a retirada dos territorio nacional das instalacións españolas e norteamericanas implicadas nas sucesivas agresións imperialistas.

6. Denunciamos a disposición dos gobernos imperialistas da OTAN e da UE a dilapidar inxentes recursos económicos nunha nova aventura militar ao mesmo tempo que brutais recortes sociais e laborais son impostos á clase traballadora coa escusa da crise, dos déficits públicos e do aforro orzamentario.

7. Finalmente, chamamos o pobo galego a expresar na rúa a súa oposición a esta nova agresión imperialista participando nas concentracións e protestas que se convocarán por todo o país contra a intervención militar.
Asinan o Manifesto e promoven a Plataforma: Adega, Agir, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, Associaçom Galega de Amizade com a Revoluçom Bolivariana, Bloque Nacionalista Galego, Briga, Causa Galiza, Comités, Confederación Intersindical Galega, Coordenadora Continental Bolivariana- Capítulo Galiza, Federación Rural Galega, Galiza Nova, Isca!, Liga Estudantil Galega, Mar de Lumes — Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Nós-Unidade Popular, Partido Comunista do Pobo Galego, e Xuventudes Comunistas.

Fontes: Avantar e Praza Pública.
______________

luns, setembro 09, 2013

Por que EEUU espía a todo o mundo?, ... Por Fernando Báez - Moi interesante artigo que paga a pena pararse a ler

Fernando Báez [*]
09.09.2013


A información xerminou en sociedades do coñecemento, definidas pola Unesco como "redes que propician necesariamente unha mellor toma de conciencia dos problemas mundiais". Pero a perversión deste concepto é o núcleo duro de formación dun proceso dinámico de monitoreo do fluxo e refluxo dunha fisura sistemática non só económica senón de intelixencia: o 20% que saquea o 80% dos recursos da terra tamén deseñou unha visión paralela e virtual de dominio.

As 300 persoas con maior riqueza, nun mundo en recesión, aumentaron en 60% as súas ganancias e os seus caudais equivalen ao diñeiro que deberían ter 3.000 millóns de persoas. Jason Hickel, nunha conferencia na Escola de Economía de Londres, estimou que só os 200 millonarios lograron facerse con 2.7 billóns mentres 3.500 millóns de persoas, con todo o que posúen apenas chegarían a 2.2 billóns. Esta desigualdade xera moita presión e obriga a ese pequeno grupo a manter a manipulación extrema polas súas canles de comunicación, que forman parte das súas alianzas grupais.

En 1970 o número de empresas multinacionais era de 37.000. Cara a 2003 xa existían 63.000 multinacionais con 820.000 subsidiarias. En 2013, ese número creceu sen medida, pero só 147 concentran a imposición de políticas de mercadeo, e non é estraño que dous terzos sexan bancos e grupos financeiros de comportamento oligopólico. Entre as 100 economías do mundo, o 53% acapárano as corporacións. Iso si, a contaminación e a explotación humana sófreo o Terceiro Mundo que é vítima de institucións extractivas non incluintes.

No ano 2013, a revista Forbes elaborou unha lista coas compañías máis poderosas do mundo e calculou que producían 38 billóns de dólares en rendas, 2.43 billóns en beneficios declaradas, 159 billóns en accións e 39 billóns no mercado de valores, empregando a máis de 87 millóns de persoas no planeta. Das 500 corporacións da lista Forbes coñécese que producen o 65,7 % de vendas totais en comparación con outras 2000 corporacións rivais e obteñen o 74,5 % de beneficios. Fenda cognitiva, abismo económico, latifundismo comunicativo e onde hai confrontación a corrupción serviu para debilitar calquera falla.

O campo de acción do novo espionaxe é practicamente ilimitado porque todos os axentes e analistas de intelixencia están de acordo ao admitir que a guerra máis importante que se libra non se desenvolve en Kabul, Chechenia ou en Bagdad senón no ciberespacio. A ciber-guerra chegou para quedarse e non hai escrúpulos de ningún tipo para desmantelar esta estrutura senón, pola contra, afiánzanse os vellos vicios do poder e os segredos xa non se queiman senón que pasan á prohibición do anatema político e ideolóxico: os documentos prohibidos para o pobo que só unha élite manexa á súa antollo aproveitando as súas investiduras e a súa representatividade alugada polo patrocinio dos accionistas das grandes corporacións do planeta que aprenderon que sae máis barato infiltrar operadores de seguridade nas entrañas do poder que adiestrarlos.

Baste dous exemplos híbridos. Max Kelly, quen era o xerente de protección de confidencialidade de Facebook que pasou, nun total mutismo, a formar parte en 2010 da Axencia de Seguridade Nacional. Dous anos máis tarde, Mark Zuckerberg, principal socio de Facebook tocaba a campá de apertura da bolsa electrónica Nasdaq en Wall Street e desde entón creceron as sospeitas da participación de penetración de axentes nas contas desa polémica rede social. Como contrapartida Zuckerberg é un dos 20 homes con maior fortuna e a súa empresa pasou de ser unha inocente rede universitaria a ter un valor superior aos 104.000 millóns de dólares. O outro caso é Howard Schmidt, adaíl de seguridade en Microsoft, recrutado por Obama para o cargo de asesor nacional de ciber-seguridade que tivo até maio de 2012.

A Información, a data, é a base do poder. Si nos atemos á rigorosa investigación de David Rothkopf no seu libro O club dos elixidos, conformouse no século XXI unha superclase integrada por 6.000 persoas que teñen prerrogativas inconcibibles: esta panda que manexa os segredos ao seu antollo estaría integrada por xefes de estado, líderes relixiosos, militares, empresarios, emprendedores innovativos e científicos.

Para o 1% das familias máis ricas, en 1970 a renda creceu 9% e en 2007 chegou a 24%, en 2013 nin a crise golpeou a este grupo que se mantivo en 41%. Mentres peor está o mundo, máis gañan. A riqueza estimada do mundo é de 195.000 billóns de dólares onde o 20% da poboación posúe o 80% desas fortunas; apenas o 80% do restante dos habitantes ten acceso ao 30% desa riqueza mediada pola distribución corrompida dos delegados das élites.

Todo se xustifica este reino implosivo que restableceu EEUU para deixar ao carón o seu combate ao terrorismo desempoando a antiga ambición de control que definiu á humanidade desde a prehistoria fai 150.000 anos cando se emigró do sur de África. Control de familias, control de grupos, control de pobos, control de civilizacións, control cultural, control relixioso, control financeiro, control total.

O Imperio Romano rexeu, durante un milenio, territorios que abarcaban 7 millóns de km2. Os Césares e senadores debían viaxar meses para someter e destruír unha cidade como Cartago, con datos que pasaban a maior parte na fala da xente.

Hoxe EEUU pode facer o mesmo a case a velocidade de luz e preparar a intervención de calquera país que interfira cos negocios das súas corporacións en cuestión de 10 minutos e preparar unha intervención devastadora en apenas uns días como a que se programa contra Siria, para ocultar as denuncias do espionaxe e as prácticas corruptas do sector militar, industrial e político. Nunca antes na historia un proxecto de tal envergadura fora unha ameaza tan enorme como a que está en marcha nestes momentos e se cierne sobre unha comunidade cuxa rebeldía aumenta do mesmo xeito como crecen as mentiras xustificadas. De aí a urxencia das accións de EEUU por mellorar os instrumentos de detección e facer o mapa de resistencias vixentes.

[*] Fernando Báez, -1947 San Félix, Cidade Guayana, é un bibliotecólogo, poeta, ensaísta e novelista venezolano, recoñecido polos seus traballos sobre a destrución de libros e recentemente pola súa investigación sobre a destrución que a invasión de Irak de 2003 causou nas obras artísticas dese país. É o autor d'As marabillas perdidas do mundo (Oceano, 2013).

Web persoal:
http://www.fernandobaez.galeon.com/

Artigo baixo a Licenza de Creative Commons, liberdade para publicalo coa mesma licenza.
____________________________

O Recuncho, o programa radiofónico de Fuco Buxán AC en Rádio Filispim - Programa nº 154, Martes 10 de Setembro de 2013


Fuco Buxán A.C., segue emitindo o seu programa radiofónico, nas ondas (93.9 da FM) e por internet, a través de Rádio Filispim, a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos.

Este Martes, 10 de Setembro de 2013, de 17:00 a 18:00 horas, no 93.9 da FM, en Ràdio FilispiM, ou en directo en Internet. Voltara-se a repetir os domingos, ás 12 do mediodía e os xoves de 2 a 3 madrugada.

O Recuncho” nº154 , programa semanal radiofónico da A.C. Fuco Buxán, cos seguintes contidos:
  • Invitado: Eduardo Hermida, organizador de “As Meninas de Canido”.
  • 11-S: Chile 40º aniversario.
  • O “Espertar da Razón” de José Torregrosa: ”El Sr. Bárcenas y el recibo de la luz”.
  • Na “Sección Poética” de Lorena Calaza: 'Pablo Neruda'.
  • Novas e comunicados, por Fernando Ocampo.
  • Música de Chile.
Telefono para participar en directo:
981371040

Todos os programas en
:
http://recunchofuco.blogspot.com

A nosa web:
www.fucobuxan.net

Os nosos blogues:
Escolma das Razóns
http://escolmadasrazons.blogspot.com.es/
Pensamento Crítico
http://opinionsfuco.blogspot.com.es/
Nas redes sociais:
Facebook
http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749
Twitter
http://twitter.com/FucoBuxan
Google+
https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts
---
Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
29 de julho de 2013 19:03

___________________

venres, setembro 06, 2013

11 de Setembro de 1973 "Golpe de Estado en Chile" promovido polos Estados Unidos de América, o mesmo xendarme que hoxe está anunciándolle ao mundo a súa intención de soltar en Siria uns centos de milleiros de paquetes de democracia explosiva e con efectos secundarios

Por Antón Dobao [*]
06.09.2013
De aquí a uns días cumpriranse corenta anos da morte violenta de Salvador Allende, Presidente de Chile, líder do goberno da Unidad Popular, aquela Fronte Ampla derrotada por un golpe de estado que deixou mortos e mortas e desaparecidos e desaparecidas. Inspirado, financiado, promovido polos Estados Unidos de América, o mesmo xendarme que hoxe está anunciándolle ao mundo a súa intención de soltar en Siria uns centos de milleiros de paquetes de democracia explosiva e con efectos secundarios.

E, non sei por que, talvez porque nos excitan a memoria os bombardeos e os crimes masivos contra os pobos, nos que o capitalismo é un especialista de práctica viciosa, veume á cabeza esta vella canción e eses versos case finais:
Compañeiro presidente
Allende
Presente!
recollendo de Marx a súa máxima achega:
intervención
fronte á interpretación da acción
reacción, acción
Atención!


Por todos, por todas. Respecto, máximo respecto!

http://www.youtube.com/watch?v=DISHuXgSy_I

Nota.-  post de Antón no facebook.

[*] Xosé Antón López Dobao, coñecido como Antón Dobao, nado en Lugo o 16 de xullo de 1963, é un escritor, tradutor e cineasta galego. [Na Galipedia].

Enviado por:
Inácio GZ
inaciogz@gmail.com
6 de setembro de 2013 17:25

________________

Vai-se constituír unha comisión de seguimento e un grupo de traballo para velar polo saneamento integral da Ría de Ferrol - Actualizado 9 de setembro ás 13:07hs.


En proceso de constitución unha Comisión de Seguimento para realizar un control social das iniciativas levadas a cabo polas distintas administracións relacionadas co saneamento da Ría de Ferrol. Esta Comisión deberá velar para que estas iniciativas non se contrapoñan, desvíen recursos públicos ou obedezan a outros obxectivos alleos a conseguir a recuperación integral da Ría.

As asociacións ecoloxistas ADEGA, SGHN e VERDEGAIA xunto ao Colectivo Veciñal Opositor ao 'Tanque de Tormentas' no parque público 'Pablo Iglesias', e  a Comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, realizaron unha asembleia celebrada no Carvalho Calero o pasado día 3 de Setembro. Na Asemblea na que houbo unha importante representación do movemento asociativo, tamén dos grupos políticos de ámbito municipal a excepción dos que conforman o goberno da cidade, informouse e debateuse sobre o proxecto de saneamento en execución na comarca de Ferrol (Condución de augas residuais, depuración e vertido de Ferrol), aprobado polos gobernos municipal de Ferrol e Narón, acuaNorte, Aguas de Galicia e Xunta de Galicia. Que con un elevado custe pretenden levar acabo e que todos e todas teremos que costear, un custe que non vai rematar cos vertidos á Ría, e que vai hipotecar a futura rexeneración integral da mesma.

Nesta asemblea chegouse ao acordo de crear unha 'comisión de seguimento' e un 'grupo de traballo', na que se van a integrar diversos colectivos participantes na mesma, co obxecto de iniciar un proceso de debate social de formación e información coa cidadanía comarcal, para defender unha proposta de saneamento integral real da Ría, que tenda como mínimo a separación de augas fecais e pluviais, a separación de augas en orixe e a reutilización en todo o posible das augas pluviais. Que cambie un modelo de saneamento obsoleto e desfasado. Quedou claro nesta asemblea que co actual sistema de saneamento en proxecto vanse seguir producindo verquidos contaminantes a Ría. O fin último da constitución deste grupo de traballo e da comisión de seguimento será a recuperación da ría de Ferrol, patrimonio de toda a veciñanza, fonte de riqueza e lugar de lecer ao que todos e todas temos dereito.

A partires do martes 10 de Setembro, na próxima semana, comezarán as sesións do grupo traballo que queda aberto a novas incorporacións.

Nota de URXENCIA:
Xa que o martes 10 hai unha concentración en contra do ataque a Siria que coincide coa xuntanza da comisión, pospoñemos a xuntanza para o vindeiro xoves 12 de Setembro, ás 20:30h. no mesmo sitio (rúa Euzkadi, núm.6). Un saúdo a todxs.

Para contactar:
Colectivo Veciñal
cidadansversustanquestormentas@gmail.com

ADEGA
adegatrasancos@adega.info

SGHN
ferrol@sghn.org

VERDAGAIA
ferrol@verdegaia.org

Información baseada na enviada por:
Alexandre Carrodeguas
-republicadetraballadoras@gmail.com-
6 de setembro de 2013 12:44

_______________

XIV Sessiom Vermú de Rádio FilispiM [93.9FM] Comeza a Tempada! 2013-2014 - O Sábado 14 de setembro, desde as 12 do mediodía na Traseira do Mercado Municipal de Caranza


XIV Sessiom Vermú de Rádio FilispiM [93.9FM] Comeza a Tempada! 2013-2014

A radio libre e comunitaria da comarca de Trasancos anuncia nova Grella.

Todos os anos o Colectivo Opaii (Ondas Para Activazom da Informazom Independente), propotor de Rádio Filispim, organiza un acto festivo, para anunciar a nova tempada e a apertura da Grella Radiofónica 2013-2014, con antiguos e novos programas. Son 22 os programas de produción propia. Para celebra-lo organiza unha Sesión Vermut, esta é a edición XIV.

O Sábado, 14 de setembro de 2013, ás 12 do mediodía
.

Música, petiscos, rádio e bo ambiente a partir das 12 do mediodia na traseira do Mercado de Caranza (Ferrol).

O Colectivo OPAII (Ondas Para Activación Información Independente), é unha Asociación Cultural da comarca de Ferrol que pretende activar, dinamizar e comunicar as luitas sociais e culturais da comarca, servíndose para isto de diferentes
instrumentos, como son a realización de actividades, exposicións, publicacións, proxeccións, o intercambio de información… pero cunha actividade principal que actúe de elemento de aglutinante, como é a radio libre e comunitaria da comarca, Radio Filispim [+ info no Que Somos?].


Evento no facebook:
https://www.facebook.com/events/629684190398372

Conta no facebook:
https://www.facebook.com/pages/Radio-Filispim-939FM/187407711297648

Podes escoitar a radio a través das ondas no 93.9 da FM ou a través de internet en:
http://giss.tv:8001/radiofilispim.ogg

Blogue do Colectivo:
http://opaii.blogspot.com.es/

________________

Comeza a cuarta edición das 'Meninas de Canido', Sabado e Domingo, 7 e 8 de Setembro de 2013


Este sábado, 7 de Setembro de 2013, comeza a cuarta edición das 'Meninas de Canido', a acción cultural, desenvolvera-se tamén o domingo 8. Foi no ano 2008 cando comezaba esta acción reivindicativa no barrio de Canido de Ferrol. "Empregando o propio barrio como soporte artístico, píntanse Meninas nas fachadas das casas abandonadas para tentar encher de cor tanta decadencia urbana. A esta iniciativa comezan a sumarse pintores durante tres edicións e actualmente unhas 180 pinturas crearon unha autentica pinacoteca nas paredes de Canido". Convertendo ao vello barrio, nun referente cultural da cidade.

A acción artística necesita un pequeno orzamento para compra de materiais que utilizan as pintoras e pintores, aluguer de equipos de son e audiovisuais, polo que quen quixer aínda está a tempo de contribuír economicamente entrando en Verkami, unha páxina web para doazóns económicas. A acción cultural, ademais da plástica, contará tamén coa danza e a música clásica.

Desde a Asociación Cultural 'Fuco Buxán', como entidade colaboradora do evento, convidan a participar nesta festa reivindicativa, colaborando e apoiando o evento.  A entidade califica o envento como un "acto cultural, festivo e reivindicativo xa perfectamente consolidado, que encherá o barrio de artistas e creadores – locais e forasteiros - do mundo das ártes plásticas, da música, danza, poesía, fotografía.... e sobre todo de cidadás e cidadáns que pretenden con este xesto salientar a importancia deste barrio emblemático de Ferrol e criticar de xeito constructivo a deixadez para con él de todas as institucións".

Información baseada na enviada por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
3 de setembro de 2013 12:49
http://www.fucobuxan.net/

________________

A humanidade atópase, unha vez máis, alarmada pola inminencia dunha nova agresión imperialista, neste caso, contra do pobo sirio ... Manifesto e convocatorias da Coordinadora Galega pola Paz


Na xuntanza celebrada onte en Compostela a Coordinadora Galega pola Paz acordou entregar mañán Xoves, 5 de Setembro de 2013, ás 12 do mediodía, no Consulado USAmericano na Coruña, (Rúa Juana de Vega, nº8) o Manifesto contra da intervención militar en Siria. Acordou-se convocar aos medios, a unha Rolda de Prensa, mesmo diante do propio Consulado. Despois de consensuar o Manifesto Unitario, acordou-se chamar á cidadanía para que se mobilice contra da intervención militar do Goberno USAmericano en Siria.

A continuación transcribimos o Manifesto consensuado entre as máis de 30 entidades que conforman a COORDINADORA GALEGA POLA PAZ (ONGs, Fundacións, movementos sociais, sindicatos, partidos políticos) así como a Axenda de mobilizacións convocadas en contra da intervención militar norteamericana contra do pobo sirio.

MANIFESTO UNITARIO

A COORDINADORA GALEGA POLA PAZ MANIFESTASE EN CONTRA DUNHA INTERVENCIÓN MILITAR NORTEAMERICANA EN SIRIA E CHAMA Á CIDADANÍA A PARTICIPAR NAS ACCIÓNS CONVOCADAS A CONTINUACIÓN.

A humanidade atópase, unha vez máis, alarmada pola inminencia dunha nova agresión imperialista, neste caso, contra do pobo sirio, como tantas outras veces no pasado, protagonizada polo exército norteamericano, de forma unilateral, e sen sequera o aval das Nacións Unidas, o que significa unha inequívoca violación do dereito e a legalidade internacional.

As consecuencias dunha intervención militar norteamericana en Siria son imprevisibles. As guerras, cando comezan, pretenden ser sempre xustas, rápidas, puntuais e cirúrxicas, co menor custe e as baixas mínimas. Sen embargo, a historia amosa, con claridade, que non sempre acontece así.

A escusa pretendida agora para intervir militarmente nun estado soberano é a da utilización de armamento químico polo réxime ditatorial de Bachar el Assad cando informes independentes veñen denunciando, desde hai varios anos, que as partes en conflito en Siria contan e usan diferente armamento químico, particularmente, gas sarín. Sen embargo, o que se silencia reiteradamente nos medios nacionais e internacionais, é precisamente quen son os fabricantes e vendedores deste tipo de armamento prohibido polas convencións internacionais, precisamente, os EE.UU e os outros membros con dereito a veto no Consello de Seguridade da ONU.

Os informes dos inspectores das Nacións Unidas, realizados sobre o terreo, confirman a utilización de gas sarín en Damasco, ó tempo que anuncian que non poden precisar a autoría dos bombardeos. EE.UU apresurouse a atribuír o uso destas armas letais e terribles ó réxime de Bachar el Assad nunha comparecencia de prensa do Secretario de Estado John Kerry que lembrou moito a aquela outra protagonizada por Collin Powell na ONU para xustificar o ataque a Iraq en 2003 pola suposta existencia dunhas armas de destrución masiva que logo comprobamos que non existían. Lembremos que Aznar e o PP votaron unanimemente a favor daquela intervención ilegal no Congreso, contra da opinión maioritaria da cidadanía.

As numerosas armas de destrución masiva que existen, repartidas polo mundo adiante, foron fabricadas e vendidas, nomeadamente, polos EE.UU, que tamén ten a triste marca da súa utilización, desde o armamento nuclear en Hiroshima e Nagasaki, ate o napalm en Vietnam ou o uranio empobrecido en Iraq.

Non podemos ignorar que Siria está situada nunha rexión fortemente incendiada pola guerra e a violencia desde hai moitos anos. Basta con fixarse nas fronteiras que mantén Siria para entender o seu papel estratéxico, particularmente, para o control territorial e dos recursos enerxéticos da zona, como paso previo de camiño a Teherán, probable próximo obxectivo militar dos EE.UU, que mantén e tolera a vulneración sistemática das resolucións das Nacións Unidas contra de Israel, o seu principal aliado na rexión, xunto coas monarquías teocráticas do Golfo.

Siria leva máis de dous anos nunha auténtica guerra civil, con forte presencia estranxeira, en recursos, financiamento e mercenarios, por ambas partes, que ten producido máis de 100.000 mortos e varios millóns de desprazados e refuxiados. A poboación civil siria, especialmente nenos, mulleres e anciáns, son as vítimas inocentes dun brutal enfrontamento alongado deliberadamente para debilitar e destruír o país, para facelo irrelevante na rexión, para facilitar os plans de control e a posterior intervención en Irán.

A cidadanía siria levantouse contra do réxime ditatorial de El Assad, hai algo máis de dous anos, reclamando, como o resto das Primaveras Árabes, pan, traballo e liberdades democráticas, co protagonismo da mocidade laica e progresista. Occidente, coa miopía que o caracteriza, decidiu non apoiar estas reivindicacións e militarizar o conflito, vendendo armas ós chamados ”rebeldes”, cada vez máis controlados por grupos yihadistas.

A intervención militar norteamericana en Siria pode desencadear consecuencias gravísimas para unha rexión xa de por si fortemente armada e con confrontacións políticas, relixiosas e armadas que se prolongan no tempo. O xogo das alianzas, como tantas outras veces, pode xeralizar a violencia máis alá daquela área xeográfica, e influír notablemente na paz e na seguridade a nivel mundial, tamén na nosa economía, tal e como teñen advertido outros actores principais en Nacións Unidas e na rexión.

A cidadanía global, a sociedade civil internacional, as persoas de ben en Galicia, en Europa e no mundo non podemos permanecer impasibles diante dun conflito que ameaza con estenderse moi perigosamente. Bombardear un país soberano, intervilo militarmente desde o exterior, pola forza e a violencia, non son as mellores fórmulas para resolver un conflito. Todo o contrario. É precisamente a presión económica, política e diplomática sobre as partes, da comunidade internacional, de forma multilateral, co protagonismo das Nacións Unidas e da Liga Árabe, as que poden impoñer un alto o fogo e abrir vías de diálogo e de entendemento, en Siria e no conxunto da rexión.

A Coordinadora Galega pola Paz, plataforma de acción pacífica e nonviolenta, conformada por organizacións moi diversas, aberta e plural, de ONGs, movementos sociais, fundacións, sindicatos e partidos, manifesta a súa máis enérxica oposición á unha intervención militar norteamericana contra do pobo sirio,  solidarizase coas vítimas, e reclama da cidadanía e das institucións democráticas, parlamento e concellos, mocións de condena na liña do aquí manifestado.

Ademais, a Coordinadora Galega pola Paz, acorda promover as seguintes accións:
1º.- Elaborar e difundir este Manifesto entre a cidadanía galega.

2º.- Dar a coñecelo publicamente o XOVES, DÍA 5, ÁS 12:00 horas, convocando previamente ós medios, diante do Consulado norteamericano en Coruña (Juana de Vega, 8).

3º.- Convocar concentracións unitarias como Coordinadora Galega pola Paz o Martes, día 10, ás 20:30 horas, en tódalas cidades e vilas posibles, diante dos concellos, agás en Vigo, que será diante do Consulado francés (Camelias 56) e en Coruña que será diante do Consulado norteamericano.

4º.- Caso de producirse a agresión militar norteamericana sobre o pobo sirio, ó día seguinte no caso de ser pola noite, ás 20:30 horas, de novo, concentracións nos lugares sinalados no punto anterior.

5º.- Por último, as organizacións da Coordinadora Galega pola Paz darán difusión e apoiarán a iniciativa da petición de retirada do Premio Nobel da Paz a Barack Obama que está en marcha na rede a través de Change (http://www.change.org/es/peticiones/que-retiren-a-obama-el-premio-nobel-de-la-paz-nopeacenonobel).
Non á guerra!

Non no noso nome!

Sacade as vosas mans de Siria!

COORDINADORA GALEGA POLA PAZ: ADEGA, ALTERMUNDO, AMARANTE, ANOVA-IN, CCOO, COORDINADORA GALEGA DE ONGDS, EQUO GALICIA, ESPAZO ECOSOCIALISTA GALEGO, EU, FETE-UGT, FORO GALEGO DA INMIGRACIÓN, FUNDACIÓN 10 DE MARZO, FUNDACION ARAGUANEY, FUNDACIÓN BALTASAR GARZÓN, INTERED, INTERMON OXFAM, SEMINARIO GALEGO DE EDUCACIÓN PARA A PAZ, SINDICATO LABREGO GALEGO, SOLIDARIEDADE INTERNACIONAL
STEG, UGT, UNIONS AGRARIAS, VERDEGAIA, VOLUNTARIADO SOCIAL ROGAS, XUVENTUDES COMUNISTAS, XUVENTUDES SOCIALISTAS GALEGAS.

Información baseada na enviada por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
4 de setembro de 2013 16:10

Manuel Dios Diz - Presidente
Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org
Tfno: 981-554053

___________________

Arde Galiza. Un ano máis arde a nosa terra. Milleiros de hectáres dos nosos montes son pasto das lapas ... a Rede Galiza Non Se Vende fai publico un comunicado a mantenta dos lumes forestais


CONTRA A DEPREDACIÓN DO PAÍS POLOS QUE SE LUCRAN CO LUME

Arde Galiza. Un ano máis arde a nosa terra. Milleiros de hectáres dos nosos montes son pasto das lapas prendidas por pirómanos pagados por poderes económicos sen escrúpulos e consentidos polos gobernos autonómico e estatal.

Arde o país, porque existen muitas causas e moitos intereses espurios detrás dos lumes forestais:
  • Os grandes beneficios que o baixo prezo, incluso a gratuidade, da madeira queimada aporta á industria das celulosas e ás empresas madeireiras.
  • Os beneficios especulativos que esperan obter as empresas e corporacións locais, estatais e multinacionais por medio de proxectos urbanísticos, canteiras, proxectos mineiros, parques eólicos, macrocultivos forestais e enerxéticos e todo tipo de explotacións industriais localizadas en chan inicialmente catalogado como rústico protexido, e cunha taxación económica moi baixa, de cara a súa posterior recualificación e expropiación.
  • O insensible e irresponsable desprezo dos poderes públicos polos valores ambientais, culturais, sociais e económicos do monte.
  • O desmantelamento da Galicia rural e da Galicia mariñeira decretado pola unión Europea e servilmente acatado por quen se autodefinen indignamente como servidores públicos.
  • A cega e irresponsable consideración do monte como unha exclusiva fonte de grandes beneficios económicos a curto prazo, sexa pola súa ocupación urbanística ou pola súa explotación industrial.
  • A degradación intencionada do monte, calculada e programada para que o poder político teña máis doado acabar coa secular propiedade comunal, e entregar un ben natural e común nas mans do poderes económicos por medio da súa expropiación e privatización.
  • Os beneficios que o poder político pode obter do poder económico polo servizo así prestado.

O Barbanza, O Rosal, O Condado-A Paradanta, Terras de Monterrei, O Bolo, A Ribeira Sacra, Os Ancares, ... estiveron ou están a ser pasto das lapas. Á intencionalidade pirómana engádese o exceso de biomasa pirófita como combustible, produto da mala planificación xa secular do medio como recurso. e da nula xestión forestal actual, ausente en materia de prevención, cunha maioría das plantacións sin podar nin desbastar, e co monte baixo sen desbrozar. Isto afecta tanto ao monte alto como ao baixo en solo forestal, desde a costa até o interior, incluídos os espazos naturais protexidos. A Xunta e os concellos deixaron de inverter nesas labores e, por engadido, delegaron a extinción principalmente nos medios aéreos e en empresas privadas, cando quen controla e finalmente apaga os lumes son as brigadas con recursos humanos e medios terrestres a ras do territorio afectado.

E, mentras, o presidente do actual goberno do PP infravalora pública e conscientemente a magnitude cualitativa e cuantitativa dos danos producidos polos lumes até de agora, esquecendo os efectos e causas da devastadora vaga de lumes do 2006, e as de todos os anos, e obvia deliberadamente o risco que supón setembro e quizais tamén outubro, pois a vaga de calor persiste e o perigo de incendios forestais é permanente, cun chan e cunha biomasa cada vez máis secos.

A traxedia colectiva dos lumes forestais ten culpábeis individuais, os/as delincuentes que queiman, pero tamén os que obteñen cuantiosas ganancias a cambio de desertizar os montes, estragando os nosos recursos naturais, os acuíferos, os achados arqueolóxicos, a nosa historia, a nosa cultura, a flora e fauna, o medio ambiente e a atmosfera incidindo aínda máis na mudanza climática e no quentamento global e, por engadido, no incremento do risco de incendios presente e futuro dentro dunha cadea continuada e catastrófica sen ningún sentido nin saída.

Os montes poden tardar anos en recuperarse, mais algúns dos seus valores naturais, paisaxísticos e arqueolóxicos perderanse para sempre, sobor de todo nas zonas onde existe desde hai décadas unha reiteración na prenda dos lumes. E os ríos e as rías tamén sofren pola achega e sedimentación das cinzas corrosivas no contacto co auga.

Neste país a política forestal dende o franquismo, pasando por todos os gobernos da Xunta, foi sempre a mesma: plantación de especies de rápido crecemento en réxime de monocultivo, especies pirófitas e alóctonas que facilitan a propagación das lapas, privatización do territorio, concentración parcelaria e repartición dos beneficios económicos nunhas poucas empresas corporativas e multinacionais, todo en detrimento dun aproveitamento do monte social, ecolóxico e sostíbel, e dunha estrutura tradicional e milenaria, comunal e de pequena escala, baseada na relación directa da poboación humana co medio.

  • POR UN CAMBIO RADICAL DA POLÍTICA FORESTAL NA GALIZA
  • OS LUMES FORESTAIS SON TERRORISMO AMBIENTAL
  • INVESTIGACIÓN ATÉ CHEGAR E SANCIONAR AOS VERDADEIROS CULPÁBEIS
  • MÁIS PREVENCIÓN E MENOS EXTINCIÓN
  • MÁIS FRAGA E FRONDOSAS AUTÓCTONAS E MENOS MONOCULTIVOS FORESTAIS, PIRÓFITOS, INVASORES E ALÓCTONOS.
  • MÁIS MULTIFUNCIONALIDADE E AUTOXESTIÓN E MENOS MONOPOLIO FORESTAL
  • MÁIS PROTECCIÓN AMBIENTAL, RÚSTICA, AGROGANDEIRA, FORESTAL E CULTURAL, E MENOS ESPECULACIÓN URBANÍSTICA E INDUSTRIAL

Goberne quen goberne, o Monte non se vende.
Galiza Non Se Vende

http://www.galizanonsevende.org/

_____________________

xoves, setembro 05, 2013

Para Elisa, ... Por Lupe Ces


Por Lupe Ces [*]
04.09.2013


Os cans ladravam hoje quando mais de mil dos teus vizinhos e vizinhas achegaram-se ao lugar onde te atoparom. Á beira da estrada, a poucos metros dunha das casas que a salpicam. As lágrimas apareciam nos rostros mais afetados, silêncios e flores. E logo os comentários... A gente de idade lembrava o antigo assassinato dumha rapaza de 14 anos numha das parroquias limítrofes. Asfixiou-na um cura coa correia da moto, também mentres caminhava. E o assassinato de Vanesa Lorente, mais recente, nun concelho vizinho. A noite ia fazendo mais grises os verdes dos caminhos e miles de sombras abrirom pouco a pouco as poutas do medo.

Elisa, matarom-te quando os teus pés tomavam o caminho, possuindo o território que ti tam bém conhecias nos teus longos passeios. Elisa, matarom-te porque alguém quixo caçar e vencer o teu jeito áxil de estar no mundo. Elisa, matarom-te, e no momento da túa morte, umha rede mesta de medo e impotência abatiu a liberdade das mulheres que em Cabanas, A Capela e Fene compartilhavam os teus caminhos, corredoiras e rueiros. Elisa, matarom-te e as duvidas e a incerteza méterom-se nos zapatos de todas nós. Por ti, por todas, sacaremos a força para volver a sentir os nossos passos ligeiros, livres das gadoupas do medo, livres dos grilhetes do machismo assassino.


Para Elisa Abruñedo, assassinada no concelho de Cabanas.


[*] Lupe Ces Rioboo -Caranza Ferrol 1953, é mestra, activista social, integrante da Marcha Mundial das Mulleres e da Rede Social de Ferrol Terra. Forma parte do Colectivo Ártabra 21.

Blogue persoal: Caranza free opiniom

Enviado por:
Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
5 de setembro de 2013 00:38
____________

mércores, setembro 04, 2013

O Colectivo Terra de Pontedeume comeza as actividades da nova tempada con Mofa e Befa representando "Cociña económica"


Actividades Colectivo Terra

Xa pasaron as ferias e toca volver á actividade!!! Xa vos iremos informando dos cursos que teremos a partires de outubro (haberá novidades). Polo de agora imos comezar por duas actividades os dias 7 e 8 de setembro. Nós tamén estamos de festas!!!. O sábado  7 de Setembro, ás 21:30hs teremos a Mofa e Befa representando "Cociña económica". O espectáculo terá unha entrada de 5€ polo que se recomenda reservar entradas no correo colectivoterra@gmail.com . O domingo 8 de setembro, tamén ás 21:30, Jose Esteban, Nando Vila, Xulio Varela e máis amigos farán unha Jam session, quen queira poderá unirse e tocar.

Colectivo Terra
Boa Vista, 8 baixo
Pontedeume
http://colectivo-terra.blogspot.com.es/



Enviado por:

Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
3 de setembro de 2013 16:17
____________

Chomsky: O ataque de EE.UU. contra Siria sería un crime de guerra


O destacado académico, filósofo e lingüista estadounidense Noam Chomsky criticou o empeño do presidente de Estados Unidos, Barack Obama, de emprender un ataque bélico malia a oposición mundial. Para Chomsky EE.UU. está acudindo a un pretexto estándar para atacar Siria.

O destacado académico, filósofo e lingüista estadounidense, Noam Chomsky, asegurou este martes que un ataque por parte de Estados Unidos (EE.UU.) a Siria, sen o apoio das Nacións Unidas, sería un crime de guerra, independentemente da aprobación do Congreso do país norteamericano.

"A agresión sen autorización da ONU (Organización de Nacións Unidas) sería un crime de guerra, e moi grave, iso está moi claro, malia os esforzos forzados de apelar a outros delitos como precedentes", sostivo Chomsky nun correo electrónico enviado ao xornal The Huffington Post.

Así mesmo, destacou que a medida que o apoio internacional á decisión do presidente de EE.UU., Barack Obama, de atacar a Siria derrubouse, xunto coa credibilidade das afirmacións do Goberno, a Administración recorreu a un pretexto estándar para os crimes de guerra cando todo o demais falla: "a credibilidade das ameazas do policía autodesignado do mundo".

Mentres Obama segue adiante coa súa campaña para tratar de solicitar apoios no Congreso e conseguir a aprobación da Cámara para atacar Siria.

O goberno sirio desmentiu o 21 de agosto a través do Ministerio de Información as noticias difundidas por varias cadeas internacionais, referidas ao presunto uso de armas químicas por parte do Exército contra grupos terroristas nas proximidades da capital, Damasco, segundo apuntou a axencia oficial de noticias, SA.

Estados Unidos e outros países de Occidente acusan a Siria de usar armas químicas contra o seu propio pobo e levantaron a voz sobre unha inminente invasión militar a Siria, algo que foi rexeitado por a comunidade internacional e as Nacións Unidas.

Pese a que o goberno sirio entregou probas dos ataques con armas químicas por parte dos opositores armados, estes mesmos grupos confesaron ter este tipo de armas na súa poder e habelas usado.

Siria foi escenario dun conflito interno que estalou en marzo de 2011. Informes demostran que un alto número de mercenarios estranxeiros participa na guerra contra o Goberno sirio. Cifras oficiais da ONU confirmaron que no conflito interno, que estalou en marzo de 2011, perderon a vida máis de 95 mil persoas.

Web oficial de Noam Chomsky:
http://www.chomsky.info/

Enviado por:
Resumen Latinoamericano
-resumen@nodo50.org-
3 de setembro de 2013 19:46

http://www.resumenlatinoamericano.org/
http://resumenlatinoamericano.blogspot.com.es/

_______________

Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita


O pasado 30 de Agosto, un grupo de activistas, en representación das entidades que inicialmente asinaron o documento "Por unha Asemblea Galega contra o Lume: 10 medidas de país contra a desfeita", presentaron no rexistro xeral da Xunta, as máis de 2.500 sinaturas recollidas apoiando o citado documento. Entre as organizacións inicialmente asinantes está o noso Colectivo Ártabra 21. A continuación transcribimos o interesante manifesto e chamamos a difundir-lo e somar-se a o mesmo.

Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita

As organizacións e persoas asinantes do presente documento entendemos que os recentes lumes non foron máis que o inicio da campaña de incendios que ano tras ano esnaquizan Galiza enteira. As accións de prevención e extinción que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas. Proba disto é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben co mellores entornos ecolóxicos do noso pais como sucedeu estes días pasados en Chandrexa de Queixa espazo da Rede Natura e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza.

Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.

O monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país noso. Os incendios causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos. Seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social.

As persoas e organizacións abaixo asinantes emprazamos ao goberno da Xunta a tomar en consideracións as medidas que abaixo se enumeran. Alertamos a todos os galegos e galegas de ben para que o pobo na súa totalidade funcione como o servizo de alerta, posta en coñecemento e denuncia diante das autoridades competentes de todos os datos e informacións relativas a existencia de lumes, ás causas do inicio dos mesmos e ás posíbeis faltas de operatividade na súa prevención e extinción.

Do mesmo xeito, quedamos emprazados e emprazadas, como Asemblea Galega Contra o Lume, para esixir das distintas administracións con competencia as medidas correctoras necesarias nas políticas de prevención e extinción que se están a aplicar, para rematar dunha vez por todas coa lacra dos incendios que ano tras ano producen o dano ecolóxico máis importante ao territorio galego, e empregando se fose preciso a mobilización dos galegos e das galegas para a consecución deste fin.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES

1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.

2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.

3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.

4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.

5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.

6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.

7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.

8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.

9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.

10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.

CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.

Sinaturas:

ADEGA, ALTERMUNDO, AMARANTE, ANAGACI, ASOCIACION PETÓN DO LOBO DE CORCOESTO, COLECTIVO ARTABRA 21, FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA, FORO SOCIAL DE CANGAS, FUCO BUXAN, PLATAFORMA FRAGAS DO EUME, PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS, SLG, VERDEGAIA

A petición en change.org, dirixida ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, por unha nova política forestal que evite os incendios.
___________________

EQUO Galicia denuncia a tardanza no informe da UE sobre a situación das Rías Galegas

Ría de Ferrol

EQUO-Galicia denuncia a tardanza e falta de consenso na redacción do informe  final sobre o estado das Rías de Vigo, O Burgo e Ferrol que a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo ten pendente, trala petición de varias entidades ecoloxistas e plataformas galegas ante a degradación das rías e falta de saneamento destas augas.   

Lembramos que o pasado 12 e 13 de Febreiro, durante a visita oficial desta Comisión de Peticións foi informada por distintas asociacións e grupos de cidadáns, que presentaron estas denuncias en Bruxelas, como a Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo, a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, as confrarías de pescadores e mariscadores de Ferrol, Barallobre, A Coruña, ou o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol. Esta  delegación parlamentaria estaba composta polo eurodeputado conservador francés do PPE, Philippe Boulland, a austriaca do Grupo ALDE Angelika Werthmann, a letona do Grupo Verdes/EFA Tatjana Zdanoka. Acompañaron, ademais, os eurodeputados españois Francisco Millán Mon (PPE), Carlos Iturgaiz (PP), Antolín Sánchez Presedo(PSOE-PSdeG); a eurodiputada do BNG, Ana Miranda e Willy Meyer de IU.

Os eurodeputados desta comisión tiveron a oportunidade de comprobar o lamentable deterioro das rías de Vigo, O Burgo e Ferrol, chegando a detectar sedimentos e lodos contaminantes de máis dun metro de espesor nas súas ribeiras, como así comentaba o Xefe da delegación e representante do PPE, Philippe Boulland aos membros do Comité de Emerxencia da Ría de Ferrol.

A Delegación visitou a Planta de Gas de Reganosa dentro da Ría de Ferrol, nas inmediacións das vivendas da Vila de Mugardos, denunciada dende hai 13 anos polo Comité de Emerxencia por ser innecesaria, ilegal e perigosa. EQUO Galicia coincide co Comité en que esta Planta de gas é unha verdadeira aberración política por representar unha constante ameaza a poboación civil da comarca de Ferrolterra.

 Consideramos que un retraso de seis meses na redacción do informe final e conclusións a presentar ante a Comisión Europea e as propias entidades galegas denunciantes e a falta de consenso da Comisión de Peticións, foi roto polo eurodiputado do PPE, Philippe Boulland,  obedecendo a unha clara estratexia política coa intención de ocultar a falta de políticas medio ambientais do Partido Popular de Galicia e quedar cuestionados ante esta falta de dilixencia de ecoloxía política e aplicacións da normativa europea. pensamos que esta falta de consenso por parte do eurodeputado do PPE , Philippe Boulland

Non entendemos un pacto de excluír á Ría de Ferrol deste informe, como apunta o eurodeputado do PPE, Carlos Iturgaiz. Confiamos na eurodiputada do grupo VERDES, Tatjana Zdanoka que denuncia a degradación da Ría de Ferrol como un  dos principais problemas a resolver. A eurodeputada liberal Angelika Werthmann defenderá tamén esta inclusión no informe final.

A pesar de transcorrer xa seis meses da visita a esta Rías, o informe está bloqueado polo que a presidenta da Comisión de Peticións da eurocámara, a eurodeputada popular italiana Erminia Mazzoni, propuxo aos servizos xurídicos da cámara varias propostas, votacións  e amendas , estas foron rexeitadas.

Dende EQUO Galicia esperamos o desbloqueo e a presentación neste vindeiro mes de setembro dun Informe final fiel a situación real das Rías de Vigo, O Burgo e Ferrol, baixo o criterio medio ambiental que esixe a normativa europea.

Correo-e:
equogalicia@proyectoequo.org

Web:
http://equogalicia.proyectoequo.org/

Equo nas redes sociais:
Facebook     EQUO Galicia
Twitter         @EQUOGalicia
Google+       EQUO Galicia
______________________

martes, setembro 03, 2013

Capitalismo Zombie, ... Por Andrés Piqueras - Interesante Vídeo publicado por attac.tv

Por Andrés Piqueras [*]
03.09.2013


"Fai xa case 30 anos que a Socialdemocracia non ten ningunha resposta para esta nova dinámica de acumulación capitalista baseada en todos os principios contrarios aos que se construíu o capitalismo con rostro amable keynesiano...suicidouse"

Nesta entrevista, Andrés Piqueras analiza a evolución do capitalismo no último século e analiza a súa situación de dependencia do partenariado EEUU-Chinesa.

Aborda así mesmo cuestións como a desafección política no, polo de agora, Reino de España e a situación actual de Europa.


http://youtu.be/_qfudNb0md0

[*] Andrés Piqueras, é sociólogo e membro do Observatorio Internacional da crise.

Publicado en attac.tv | 02.09.2013
_____________

luns, setembro 02, 2013

Siria: ataque militar, decisión tomada - Moi interesante editorial do xornal mexicano 'La Jornada'

O presidente estadunidense, Barack Obama, declarou onte que xa tomou a decisión de lanzar un ataque militar contra Siria e afirmou que as forzas armadas que encabeza "están listas para atacar cando o decidamos". O mandatario agregou que, aínda que cre ter a autoridade suficiente para ordenar unha incursión semellante sen autorización do Lexislativo, pedirá o aval do Congreso para que as accións resulten "máis efectivas".

Tales palabras non só constitúen un atropelo á legalidade internacional senón que representan unha grave desviación da substancial lóxica democrática esencial de separación de poderes: o que o titular do Executivo dea por feito que o Lexislativo apoiarao e que asuma a petición de autorización como un mero formulismo, algo así como un xesto de cortesía. Trátase, polo tanto, dun erro político perverso no desempeño de Obama como mandatario, ademais dunha groseira contravención do principio de representatividade, tendo en conta que, segundo enquisas e sondeos, a maior parte da sociedade estadounidense oponse a unha nova incursión bélica do seu país no medio Oriente.

Máis aló das formas, a actitude é, nos seus contidos, insostíbel por varias razóns. A primeira é que, aínda que existen elementos de xuízo dispoñibles que indican que a semana pasada tivo lugar unha acción con gases tóxicos nos arredores de Damasco, non existen probas de que tal feito, sen dúbida condenábel e criminal, sexa da autoría do goberno de Bashar Assad. Até agora, este e os rebeldes que o combaten con apoio occidental -de Washington e os seus aliados, en primeiro lugar- acúsanse mutuamente de estar detrás de tal acción, e non hai á vista, até agora, ningunha proba que permita dar a razón a un ou aos outros.

Por outra banda, antecedentes históricos demostran que as incursións militares occidentais en países de Medio Oriente e Asia central -con ou sen a etiqueta de "humanitarias"- non só non resolven os conflitos internos ou externos habidos senón que os agravan, multiplican os sufrimentos das poboacións e complican un taboleiro xeopolítico de seu turbio.

O caso máis claro deste patrón é Iraq, unha nación que segue sumida nun baño de sangue desde fai unha década, a raíz da invasión lanzada polo antecesor de Obama na Casa Branca, George W. Bush, co pretexto de que o réxime por entón imperante posuía unhas "armas de destrución masiva" que, ao cabo, resultaron ser unha mentira fabricada por Washington para xustificar a agresión bélica. É inevitable recordar ese antecedente cando agora a Casa Branca sinala, sen probas, ao goberno de Damasco como o autor do bombardeo de civís con armas químicas.

Non debe pasar inadvertida, para rematar, o escandaloso paradoxo de que o político afroestadunidense, ao que se entregou o premio Nobel da Paz, estea agora forzando a marcha para intervir militarmente nun escenario nacional alleo ao seu que o último que necesita é máis violencia e destrución e ante o cal as potencias terían que intensificar os esforzos por conducir o conflito interno polas canles do diálogo e a negociación.

Públicado en 'La Jornada' | 01.09.2013

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
28 de agosto de 2013 12:32

_________________

O Comité Cidadán convoca unha nova concentración de protesta ante o anuncio de entrada na Ría do LNG 'Arctic Aurora', cargado con gas natural licuado para a ilegal e perigosa Reganosa, para o Martes 3 de Setembro


CONCENTRACIÓN EN FERROL,
NA PRAZA DO INFERNIÑO
DIANTE DO PALCO
ÁS 8 DA TARDE, DO MARTES 3 DE SETEMBRO

O LNG 'Arctic Aurora', un buque gaseiro de grande porte, pois ten 288 metros de eslora por 44 de manga e un calado de 11,60 m, cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para a ilegal e perigosa Reganosa, ten anunciado a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Martes 3 de Setembro de 2013. Esta entrada dun buque cargado con gas natural licuado para Reganosa, supón xa a 153, desde que o fixera o LNG "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, consistente nunha Concentración Sonora, o mesmo Martes, ás 8 da Tarde, mais desta volta a Concentración terá lugar na Praza do Inferniño, diante do Palco.


Características do buque.-
Nome.- Arctic Aurora, Bandeira.- Islas Marshall, Eslora.- 288 m, Manga.- 44 m, Puntal.- 19.70 m, Calado.- 11.60 m, Capacidade.- 155.000 m³ de GNL.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.
  • QUE SE CUMPRA A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPREMO XA! 
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA  !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA  !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA   !!
10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas ?

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Información baseada na enviada por:

comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
1 de setembro de 2013 22:48

O Sistema de Saneamento da Ría de Ferrol - O vindeiro Martes 3 de Setembro, terá lugar unha Asamblea Cidadán Aberta, de información e debate


O saneamento da Ría de Ferrol que non hai que confundir coa súa recuperación integral, xa que o saneamento é só un paso previo á mesma, non só é unha obriga moral coa natureza; unha débeda coa auga, a terra e o mar que nos dá a vida e benestar; unha necesidade para a nosa saúde e a do resto dos seres vivos, senón que tamén é unha obriga legal. As leis e as directivas europeas esixen-no e deron prazos concretos, sempre incumpridos pola mala administración. Hai máis de 15 anos que o sistema de saneamento tiña que estar a pleno funcionamento (remataba o prazo o 31 de Decembro de 1998).

Trala visita, fai máis de seis meses, dunha delegación de eurodiputad@s para comprobar in situ a situación das rías galegas, e tendo pactado non incluír no informe a Ría Ferrol, deron-se conta de que non tiñan mais remedio que informar da grave contaminación da zona. Isto causo unha grande controversia na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que despois de varios adiamentos aínda a día de hoxe non consensuaron os dous informes emitidos, polo que quedou aprazada a súa votación sine die , por presións do Partido Popular que prefire seguir ocultando a grave situación que vivimos.

O problema é tan evidente que xa existe unha consciencia colectiva de que a situación da Ría de Ferrol é insostíbel e que require dunha recuperación integral. A contaminación da Ría afecta de xeito directo á saúde das persoas, pois consumen-se peixes e mariscos que se extraen a diario e mesmo hai moita xente que se baña nas praias, aínda que estexan clasificadas non aptas para o baño (e a calidade das augas sexa insuficiente). Tamén afecta a todos os seres vivos tanto mariños como da contorna terrestre, e como non, é a ameaza que pende sobre os centos de postos de traballo que dependen do sector marisqueiro.

Na actualidade a Ría é un sumidoiro e un vertedoiro onde botamos de todo (residuos urbanos, verquidos incontrolados, refugallos industriais, ...). As organizacións ecoloxistas veñen demandando, dende que existen, unha recuperación integral da Ría e polo tanto un sistema de tratamento integral das augas pluviais e residuais que permita a recuperación das augas pluviais non contaminadas, para usos de utilidade pública ou para a súa chegada natural á Ría. Demandan un sistema de saneamento integral, pois a Ría non permite un verquido máis. A Ría esta declarada como 'zona sensíbel' que require un tratamento especial e o grado máis alto de depuración. Non é de recibo pois, que o Sistema de Saneamento previsto contemple verquidos contaminados de forma sistemática e non só como algo extraordinario, por forza maior.

O sistema de saneamento da marxe esquerda (Sur) da Ría, está practicamente terminado. O da marxe dereita (Norte) que vai desde Xuvia (Neda), pasando polos concellos de Narón e Ferrol, até Prioriño Chico, leva moito tempo conformando-se. Xa están construídos: o emisario terrestre A Malata - EDAR de Cabo Prioriño, cruce e impulsión da Malata, e o EDAR e emisario submarino de Cabo Prioriño. Mais  apenas deron comezo as obras, denominadas "interceptores xerais da marxe dereita da ría de Ferrol", de reparación e construción de colectores e inicio de construción dalgúns tanques de tormenta, .... Prevé-se máis de tres anos de obras segundo consta no 'Pliego de Prescripcións Técnicas' e no 'Pliego Cont... Execución Obras...'.

Non se pode entender que se, aproximadamente o 80% das edificacións en Ferrol teñen feita a separación de augas residuais das pluviais, como así ordena o PXOM vixente (Art. 178. Rede de saneamento), e mesmo que haxa pouco tempo que rematou unha actuación de case 4 millóns de euros para sanear e recuperar uns tramos dos ríos do Tronco e Inxerto, entre outras actuacións, separando as augas pluviais das residuais,  este novo proxecto de sistema de saneamento, non contemple este grande esforzo económico e medio ambiental, feito pola cidadanía de Ferrol. O modelo que se decidiu construír é o sistema de saneamento unitario, descartando o máis sustentábel: o sistema separativo.

A voz crítica ante este proxecto deu-na un colectivo veciñal que vive nas inmediacións do Parque Público 'Pablo Iglesias' e que son usuarios habituais do mesmo. Decataron-se do ilóxico da construción dun enorme 'tanque de tormentas' -o Esteiro 2, no mesmo parque público (moi concorrido), cando podía ser instalado perfectamente ao lado do Esteiro-1, que está previsto construír pola parte de fóra do recinto militar, mesmo á beira da porta do almacén de subministros da armada (dentro do recinto militar hai espazo máis que suficiente onde pode ser instalado). Ante a negativa do concello e a empresa acuaNorte de contemplar outra posibilidade de localización do 'tanque' que non fose o parque, a veciñanza comezou a mobilizar-se e investigar sobre o sistema de saneamento proxectado, detectando un sistema non conforme cos expectativas de saneamento integral da Ría, que vai verquer sistematicamente augas contaminadas,  cunha manutención moi custosa, que non contempla a separación de augas pluviais das residuais, non sustentábel e en poucos anos obsoleto.

Por todo o exposto, as organizacións Sociedade Galega de Historia Natural -SGHN, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza -Adega, e a Asociación Ecopacifista Galega Verdegaia -Verdegaia, xunto  ao Colectivo Veciñal Opositor ao 'Tanque de Tormentas' no parque público 'Pablo Iglesias', e a comisión de Medio Ambiente da Asociación Veciñal de Recimil, decidiron convocar, para o vindeiro martes  3 de Setembro ás 19:30hs unha Asemblea Cidadá Aberta, de información e debate, para tratar o proxecto de saneamento que se está levando acabo na Ría de Ferrol. A Asemblea terá lugar no Centro Cultural Carvalho Calero, do Inferniño.

__________