xoves, xaneiro 18, 2018

En Ferrolterra, como noutras comarcas da Galiza, mobiliza-mo-nos na Defensa da Nosa Sanidade Pública, o mércores 24 de xaneiro cunha Concentración, ás 19,30hs, na Praza Amada García, diante do Edificio da Xunta de Galicia en Ferrol - E o 4 de febreiro Manifestación Nacional en Compostela, ás 12 do mediodía na Alameda - Vídeo Rolda de Prensa

Rolda de Prensa do 16 de xaneiro de 2018, no Centro Sociocultural de Fontiñas,
en Compostela, Moncho Veras como portavoz de SOS,
e tamén María Xosé Abuín, Rubén Cela, Juan Evaristo e Isabel Varela

En Ferrolterra, como coutras comarcas da Galiza, mobiliza-mo-nos na Defensa da Nosa Sanidade Pública, o mércores 24 de xaneiro cunha Concentración, ás 19,30hs, na Praza Amada García, diante do Edificio da Xunta de Galicia en Ferrol.  Convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol, que participa na plataforma galega SOS-SANIDADE PÚBLICA.

SOS Sanidade Pública convoca mobilizacións o 24 de xaneiro e o 4 de febreiro, en toda Galiza: PARA DEFENDER A "NOSA" SANIDADE PÚBLICA.

Rolda de prensa de SOS Sanidade Pública presentando as mobilizacións na sanidade.

O mércores 24 de xaneiro concentración en todas as comarcas, en Ferrolterra: Ás 19,30hs, na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol.

O sábado 4 de febreiro manifestación en Santiago de Compostela, con saída ás 12 do mediodía da Alameda.

O motivo: PARA DEFENDER A NOSA SANIDADE PÚBLICA. O adxectivo "NOSA" é importante, todos temos que ser conscientes do que é "NOSO" e que as políticas do goberno galego, cos recortes, privatizacións e mala xestión, están debilitando, empobrecendo e facéndonos perder parte deste patrimonio esencial para a vida como é a "NOSA SANIDADE PÚBLICA".

Facemos un chamamento á cidadanía a que se mova e participe tanto o día 24 na súa comarca como o día 4 de febreiro en Compostela, na defensa desta riqueza común que é a sanidade pública.


https://youtu.be/cpsIazGdX_c

Canle: SOS Sanidade Pública Galega. | Publicado en 16 de xaneiro de 2018. | Rolda de prensa de SOS Sanidade Pública Galega. | Presentación da convocatoria de mobilizacións de defensa da sanidade pública: concentracións comarcais o 24 de xaneiro e manifestación o 4 de febreiro en Santiago de Compostela con saída ás 12:00 da Alameda.

O proxecto do PP, de modificar a Lei Galega de Saúde, afonda no desmantelamento e na privatización do Sistema Sanitario Publico  Galego:
  • Desmantela os hospitais comarcais, dificultando o acceso á asistencia especializada da poboación rural e recentraliza o control da Conselleria de Sanidade, sobre a atención da saúde.
  • Perpetua as Estruturas de Xestión Integrada, que someten á Atención Primaria ás Xerencias Hospitalarias, en detrimento da promoción, prevención e atención cercana.
  • Privatiza a formación a investigación e a innovación sanitaria, consolidando a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, penetrada por empresas multinacionais.
  • Reduce e limita a participación social no control da Sanidade Pública Galega.
  • Favorece a creación de chiringuitos, para  laboralizar o persoal, potenciando o favoritismo e a arbitrariedade na contratación do persoal sanitario.
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área Sanitaria de Ferrol
www.plataformadspferrol.blogspot.com
plataformadspferrol@gmail.com

Información baseada na enviada por:
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública Ferrol
-plataformadspferrol@gmail.com
17 de janeiro de 2018 13:01

_________________

O Foro Galego de Inmigración, reune-se en Ferrol esta fin de semana - Sábado 20 de xaneiro ás 11 da mañá no Ateneo Ferrolán - Como se ten acordado con antelación de rotar polas diferentes comarcas da Galiza, comeza-se o ano facendo a súa xuntanza de coordinación galega en Ferrolterra


O Foro Galego de Inmigración, reune-se en Ferrol esta fin de semana, o sábado 20 de xaneiro ás 11 da mañá, no salón de actos do Ateneo Ferrolán. Como se ten acordado con antelación de rotar polas diferentes comarcas da Galiza, comeza-se o ano facendo a súa xuntanza de coordinación galega en Ferrolterra. Para tartar asuntos de tanta importancia como son: a Rede Galega en Defensa da Saúde; a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas (Actividades entorno ao día dos dereitos humanos e o día Mundial das Migracións); as actuacións sobre acceso a axudas e prestacións sociais para o colectivo de persoas (especialmente menores) en situación de irregularidade administrativa; a análise da Resposta da Consellería de Política Social e pendente a xuntanza con Educación; propostas para continuar con demandas tan importantes como a campaña de alegacións contra o borrador de decreto que regula a RISGA, lembrar que remata o prazo de recurso este 18 de xaneiro; a proposta para ir artellando o Encontro Final do Foro deste curso entorno a temática do emprego doméstico; ir avanzando nas cuestións de comunicación que queriamos ir cambiando este curso no Foro; e outros asuntos que se incorporen e sexa necesario tratar.

Día: sábado 20 de xaneiro.
Horario: De 11:00 a 13:00 horas.
Lugar: Ateneo Ferrolán, Rúa Madalena, 202-204 (Ferrol).

--
Foro Galego de Inmigración - Coordinadora de Ferrolterra
ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com

FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN
Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 - Santiago de Compostela
foroinmigracionsantiago@yahoo.es - 981-576 142
http://www.forogi.wordpress.com

Información baseada na enviada por:
Foro Inmigracion Ferrolterra
-ferrol.forogalegoinmigracion@gmail.com-
17 de janeiro de 2018 22:09

________________

martes, xaneiro 16, 2018

Concentración en Solidariedade co Delegado da CIG que vai ser xulgado por participar na concentración de protesta no Hospita Arquitecto Marcide en febreiro de 2014, ante a visita da Conselleira de Sanidade, nun momento de protestas xeneralizadas contra as políticas privatizadoras do Partido Popular - Venres 19 de xaneiro, ás 10:30hs, diante dos Xulgados de Ferrol

Concentración, o venres 19 de xaneiro, ás 10:30hs, diante dos Xulgados de Ferrol, en Solidariedade con Santi, o delegado da CIG que foi represaliado pola súa participación na concentración de protesta no Hospita Arquitecto Marcide en febreiro de 2014, ante a visita da Conselleira de Sanidade ao Complexo Hospitalario, nun momento de protestas xeneralizadas contra as políticas privatizadoras do Partido Popular.

Cómpre lembrar que, no seu momento, fora detido xunto a Rafa, outro delegado da CIG-Administración, e trasladado á comisaría para a súa identificación –onde ambos os dous permaneceron retidos preto de catro horas-, "logo de que os axentes procederan a tomar os datos a todas as persoas que estaban participando nunha protesta contra os recortes na sanidade pública ás portas do Hospital Arquitecto Marcide e que previamente foran desaloxadas do centro sanitario".

Cando ían ser xulgados, en maio de 2015, por unha falta, "a vista adiouse ao presentarase un parte de lesións a un policía"; e mentres a Rafa se lle mantivo o xuízo por faltas, a Santi que agora vai ser xulgado, dous anos despois, este venres 19 de xaneiro de 2017, por un "delito", polo que se lle piden case tres anos, acusado de provocar as lesións a un axente. Unha circunstancia que, non é certa, pois as imaxes dun vídeo da protesta vese, precisamente, "ao compañeiro coas mans nos petos sendo empurrado fóra do hospital por un policía".

No caso do xuízo de Rafa, como diciamos celebrado en maio de 2015, "a propia fiscalía sumouse aos argumentos da defensa, no senso de que non cabe ningún tipo de sanción máis, tendo en conta que xa pasou retido na comisaría para a súa identificación máis de tres horas".

Daquela, a CIG manifestaba que "estamos ante un novo caso de intento de criminalización e persecución da mobilización social, na liña das actuacións do Partido Popular que pretende reprimir por esta vía todo tipo de resposta ás súas políticas de recorte de dereitos laborais, sociais e civís”.

Fonte: Propia e Avantar.
__________________________

A Autoridade Portuaria de San Cibrao-Ferrol fai balanzo da actividade nos portos da súa competencia, sen nomear o tráfico do gas natural licuado, polo que hai que sospeitar que non son moi positivos para Reganosa


A Autoridade Portuaria de San Cibrao-Ferrol fai balanzo da actividade nos portos da súa competencia no transcurso de 2017, sen nomear o tráfico de do gas natural licuado (LNG), polo que hai que sospeitar que non son moi positivos para Reganosa, empresa que está en tramites para ampliar a súa capacidade de almacenaxe e regasificación, para o proxecto do hub europeo, proxecto a todas luces, ademais de moi perigoso, totalmente non necesario, dado que Reganosa está moi por debaixo da súa capacidade de actividade prevista.


Os tráficos da Autoridade Portuaria superan os 13 millóns e medio de toneladas en 2017

- A cifra provisional é de 13.549.787 no acumulado, o que supón un 8,24% máis respecto de 2016

- A mercancía xeral e os graneles sólidos rexistran un incremento do 3,16% e 11,11% e destacan mercancías como a madeira, os aeroxeneradores, o carbón, a pedra e o biodiesel.

- Recibíronse un total de 1.107 escalas e a cifra de pasaxeiros que pasaron pola Autoridade Portuaria ascende a 30.049

Os tráficos da Autoridade Portuaria superan os 13 millóns e medio de toneladas en 2017. A cifra provisional é de 13.549.787 no acumulado, o que supón un incremento do 8,24% respecto de 2016. É o sétimo ano consecutivo que o organismo supera os 12 millóns de toneladas, e o terceiro en superar os 13 millóns. Ademais, mantívose o ritmo de actividade esperada pola Autoridade Portuaria dun millón de toneladas por mes.

Dentro do grupo de mercancía xeral rexístrase un incremento do 3,16% respecto de 2016, con 779.030 toneladas de acumulado. Destacan mercancías como a madeira cun incremento do 25% onde, ademais das liñas habituais, levouse a cabo a exportación de madeira a Chinesa. Doutra banda, os aerogeneradores, tráfico relevante dentro das exportacións da industria da zona, superaron de novo as 100.000 toneladas.

En canto aos graneles sólidos movéronse 10.451.516 de toneladas, o que supón un 11,11% que no ano anterior. O carbón rexistra un incremento do 25%, cun total de 4.796.067 de toneladas movidas. Tamén, dentro deste apartado, en 2017 iniciouse un novo tráfico, a pedra de exportación, granito, do que se moveron un total de 79.232 toneladas.

Durante o pasado exercicio, dentro dos graneles líquidos, destaca o bo comportamento dos aceites e o biodiésel cun incremento no acumulado do 14,09% e 35,72% respectivamente.

As saídas de tráfico por ferrocarril superaron as 80 mil toneladas, o que implica un incremento porcentual do 33,41% con respecto ao ano anterior, e o tráfico ro-ro mantense cunhas cifras similares a 2016, destacando o incremento do papel nun 3,80%.

Na actividade pesqueira rexistráronse un total de 219 toneladas de capturas, cun valor de 1.696.636 euros. Noutra orde de cousas, nos peiraos da Autoridade Portuaria fornecéronse avituallamentos a buques, como auga ou combustíbeis, por un total de 20.265 toneladas, o que supón un incremento do 67,6%.

Buques e pasaxeiros

En canto a buques, entre os portos de Ferrol e San Cibrao, recibíronse un total de 1.107 escalas, o que supón un 5% máis que o ano anterior. No que se refire a cruceiros turísticos, realizaron escala en Ferrol 22 e a cifra de pasaxeiros que pasaron pola Autoridade Portuaria 30.049, incluíndo o pasaxe interior.
Desde a APFSC valóranse positivamente estes resultados, que son o reflexo dunha profesional e diversificada comunidade portuaria, e poñen de manifesto a capacidade e competividade das instalacións portuarias, que é outra das claves para poder alcanzar estas cifras.

Ferrol, 16 de xaneiro do 2018.

Fonte: Autoridade Portuaria.

Foto: Visiones de Ferrolterra
____________________

A produción de enerxía a costa da deforestación ou o acaparamento de terras non pode ser considerada “limpa” - O Palamento Europeo está a debater hoxe en sesión plenaria informes relativos a proposta conxunta da Comisión Europea en materia enerxética


A produción de enerxía a costa da deforestación ou o acaparamento de terras non pode ser considerada “limpa”. | O PE está a debater hoxe en sesión plenaria informes relativos a proposta conxunta da Comisión Europea en materia enerxética. | Senra reivindica o respecto á biodiversidade, á produción de alimentos e á sostenibilidade como eixos principais na produción de enerxía na UE.


En novembro do ano 2016 a Comisión Europea (CE) adoptou un paquete lexislativo centrado no que deu en denominar “enerxía limpa”. O Parlamento Europeo (PE) vén de dar comezo á súa sesión plenaria hoxe ás 17.00hrs. en Estrasburgo a través precisamente dun debate conxunto sobre algunhas destas propostas lexislativas, nomeadamente aquelas referidas á Promoción da utilización de enerxía renovábel, eficiencia enerxética e gobernanza da coñecida como “Unión da Enerxía”. A votación destes informes está prevista para este mércores, e o resultado será tomado en conta para dar inicio ás negociacións tripartitas CE-PE-Consello.

Lídia Senra, responsábel na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural para o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) incidiu hoxe na importancia de “garantir que a aposta polas enerxías renovábeis na UE pase ineludibelmente pola eliminación total dos agrocarburantes; as terras agrícolas unicamente deben ser empregadas para a produción de alimentos, primando sempre os modelos de produción agroecolóxicos”.

Senra reiterou que “non só o obxectivo final de obter enerxías máis limpas é o importante, a UE ten a responsabilidade de establecer tamén xeitos de chegar a elas que sexan coherentes co respecto á biodiversidade, á sostenibilidade e que axuden a avanzar nun cambio de modelo que faga fronte ao quecemento global”. Neste senso, a crecente demanda de biomasa forestal debe ser reconducida, alertou, “evitando sempre la forestación de tierras agrícolas, os monocultivos forestais e as especies foráneas e invasoras”.

Aliás, unha cuestión central a nivel comunitario debería ser precisamente “o deseño de ferramentas que axuden á redución do consumo enerxético da UE nun 20% daquí ao ano 2030”. Asemade, a nivel dos Estados membro, “urxe asumir a responsabilidade de garantir a propia soberanía enerxética en base ás enerxías renovábeis, pechando xa as centrais nucleares, e pondo fin á gravísima situación de pobreza enerxética á que se está a enfrontar unha significativa parte da poboación”.

A eurodeputada galega, que plantexou xa enmendas neste sentido para seren incorporadas aos informes relativos a enerxías renovábeis e de gobernanza enerxética, lembrou tamén hoxe que a Unión Europea debe en todo caso “decidir se realmente aposta por este tipo de enerxía de xeito colectivo, ou se cada Estado membro vai lexislar en función da forza que en cada territorio fai o lobby das empresas eléctricas”, un dos máis potentes do mundo e tamén un dos sectores que máis habitualmente incorpora ás súas filas a persoas que antes ocuparon cargos políticos que lle permitiron lexislar precisamente sobre ese sector.

Deste xeito Senra aludiu ás trabas ao autoconsumo e aos pequenos/as produtoras cas que teñen reaccionado Estados como o español, actitude fronte a cal Senra aposta polo “establecemento dun sistema de apoios públicos para proxectos de pequena dimensión, tales como comunidades de propietarias/os, particulares, colectivos veciñais, aldeas, pequenas ou medianas explotación agrogandeiras e empresas, administracións públicas ou organismos e organizacións sociais”.

Estrasburgo, 15 de Xaneiro de 2018.

Máis información:

Lídia Senra Rodríguez. | Eurodeputada galega. | Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | Tlf: 609 845 861 | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | @LidiaSenra

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
15 de janeiro de 2018 19:27

___________________

Comentarios a 'Presos para toda a vida' de Pérez Lema, ... Por Xaquín Campo Freire - Este artigo de Pérez Lema pode resultar iluminador nun problema sempre actual, moi complexo e complicado


PASTORAL  PENITENCIARIA.
COMENTARIO A “PRESOS PARA TODA A VIDA”.


Este artigo de Pérez Lema pode resultar iluminador nun problema sempre actual, moi  complexo e complicado. Por iso me permito engadir unhas consideracións desde outros puntos de mira complementarios desde alguén que ve o cárcere, as persoas,  en contacto directo semanal e desde dentro. Tamén desde as familias dos reclusos nos intres de entrar ás visitas. Todo é unha gran pobreza. Todo e dor, na “fabrica del llanto y el telar de las lágrimas”, dixo Miguel Hernández. E fóra, as vítimas,  as grandes silenciadas. Por veces moi utilizadas. “Non será asi entre vós”, dixo Xesús de Nazaré.

Comentarios a 'Presos para toda a vida' de Pérez Lema.
Por Xaquín Campo Freire [1]
16.01.2018


Non. Non o direi eu mellor, nin con máis autoridade, nin con máis coñecemento de causa do que Xoán Antón Pérez Lema: "Se é permanente non é revisábel. Se revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semanticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade".

Os entendidos falan de porcentaxes moi altas de enfermos psíquicos, pero non só, que se lles dá como solución e oportunidade determinista o camiño do cárcere xa desde o comezo da súa existencia. E el non teremos nada que reflexionarmos a sociedade?

Abóndanos con ver quen é o que abre máis a boca coa expresión máis contundente cando xa ocorreu unha desgraza? E os medios non terán nada de que examinárense na súa función educativa do público ou no xeito de informaren?

Non. Non é por aí como vai vir a prevención e solución de tanta dor que se dá en casos tan dramáticos.

Mellorouse moito na saúde buco-dental, poño por caso. Pero que se fixo e fixemos coas enfermidades mentais, detección precoz, prevención, atención axeitada e especializada, seguimento correcto e eficaz, etc.? Que tipos de institucionalización? Estamos todos moi de acordo en que: “Manicomios, non!”.  Pero que alternativas? U-las elas?

Non chega con devolverlle ás familias os problemas. A sociedade, como tal, temos de crearmos respostas aos problemas que son de todos. Como poden seren a mesma meninxite, a diabete, o cancro, os infartos, etc. Á fin tamén todo é social.

Lembro o caso dramático, hai poucos anos, daquela veciña nosa de Narón que cansa de chamar a todas as portas a prol do seu fillo, xa maior de idade e moi violento, por estar moi enfermo, optou por procurarlle ela mesma a morte para que non puxese en perigo a vida de ninguén e logo foise mergullar ela mesma no mar da nosa costa ferrolá. Deixou unha dorida e desesperada carta, outra máis, para D. Manuel Fraga a quen nunca lle deixaran acceder en auxilio do seu desespero. Ela tamén sería unha desas que as nosas sociedades, nós, a “apodreceriamos no cárcere”. Sempre nos colocamos na parte dos “puros”, dos bos, dos xustos e, mesmo por iso, axustizamos.

Non será esa máis unha gran “asignatura pendente” que non se quere abordar en serio pola sociedade en xeral e os políticos?  E a marxinación social? Aquí, estes medios si que deben ser permanentes e revisábeis.
 
Ben seguro que non acabaría con todos os problemas. Pero tamén seguro que outros tratamentos que non só sexan as prisións permanentes, desas  que "apodrecen nos cárceres", serían ben máis eficaces, aforrarían moitas vítimas e seriamos todos menos vindicativos, (enfermos sociais), e ata teriamos algo máis de  felicidade persoal, familiar e comunitaria.

Por moito que berremos cando é tanta dor, non quer dicir que socialmente esteamos máis acertados nas diagnoses e terapias.

Outra cousa ben diferente son as familias afectadas. As vítimas. Para elas, todos os respectos e consideracións serán sempre poucas. Pero tampouco as utilicemos. Que doado é sermos demagogos.

Tamén teriamos de ver como mellor acompañar. Estámolo a facer ben? Que nos dirían os entendidos nunha verdadeira psicoloxía de auténtica calidade e actualizada? Canto camiño por andar e canto por aprender cando a vida nos golpea tan forte e absurdamente.

Mandia, 15 de xaneiro de 2018

 
Graciñas, Xoán Antón Pérez Lema. Velaquí o texto completo da súa achega valiosa e acertada, que non dubido nos permite reproducir, coñecida a súa loita por concienciármonos cara un mundo máis humanitario.


Presos para toda a vida
Xoán Antón Pérez-Lema [2]
15.01.2018

Foille abonda ao PP a súa maioría absoluta para introducir en marzo de 2015 a prisión permanente revisábel (PPR), que permite condenar ao cárcere por tempo indefinido aos que cometen delictos de asasinato no seo de organizacións criminais, asasinatos múltiples ou en serie, homicidio do Xefe do Estado, do seu sucesor ou de Xefes do Estado estranxeiros, xenocidio ou semellantes, asasinato de menores de 16 anos ou persoas especialmente vulnerábeis e indefensas e calquera asasinato precedido de agresión sexual. A permanencia no cárcere revisaríase cada dous anos logo de se cumprir 25 anos de cumprimento (cando o feito puníbel consista nunha morte) ou aos 35, cando sexan dúas ou máis.

Este último outubro o PNV propuxo e a maioría do Congreso aprobou unha proposición de lei orgánica, arestora en trámite, que derrogaría a PPR, coa oposición do PP e a abstención de C´s. Ducias de milleiros de cidadáns apoian o seu mantemento a requirimento de Rocío Viéitez, nai das nenas de Moraña asasinadas polo seu pai (primeiro condenado á PPR). A iniciativa de Rocío Viéitez é lóxica e demostra lucidez, ausencia de ánimo de vinganza e sentido cìvico.

Mais a política criminal non pode atender só ás lexítimas demandas das vítimas. Porque a indeterminación da duración da PPR atenta contra o principio de legalidade. E porque a propia pena vulnera os principios constitucionais de reinserción e resocialización, propios dos sistemas penais democráticos, ao enfrontar aos condenados, na maioría dos casos, a unha pena efectiva a perpetuidade.

O certo é que o Estado español conta cun dos sistemas penais máis ríxidos da Europa, que ten xerado altos níveis de superpoboación penitenciaria. As penas son longas (un duplo asasinato cumprirá normalmente 30 e 40 se son actos de terrorismo ou criminalidade organizada) e non admiten redención. Son excepcionais os casos de cumprimento efectivo inferior aos ¾ da pena imposta. E, malia o horror de casos como os de Moraña ou Rianxo, non somos unha sociedade onde existan altos níveis de criminalidade nin éstes empeoraron nos 23 anos de vixencia do Código Penal da democracia.

Se é permanente non é revisábel. Se revisábel non é permanente. A PPR é un xeito de branquear semánticamente o que non é senón cárcere a perpetuidade.


Notas.-

[1] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca], Narón 1937, é un relixioso galeguista. Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

[2] Xoán Antón Pérez-Lema, naceu na Coruña o 17 de abril de 1965, avogado, político e columnista galego. | Artigo publicado no Diario de Ferrol o 15 de xaneiro de 2018.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
15 de janeiro de 2018 15:45

__________________

luns, xaneiro 15, 2018

Foi o xuízo por desafiuzamento en Ferrol, este quedou pendente de resolución - O movemento antidesafiuzamentos acompañou a Silvia cunha concentración nas portas dos Xulgados de Ferrol, para denunciar publicamente a situación e reclamar unha vivenda digna - Só un parque público de vivenda pode solucionar a medio prazo a situación de cada vez máis familias que viven na precariedade residencial


Esta é unha imaxe que se repite co paso do tempo,  a protesta diante dos Xulgados, e os poderes públicos seguen sen responder coa celeridade que reclama a situación até que non hai máis remedio e o fan, porque se produce a denuncia pública. Hoxe touco-lle a Silvia e a súa familia. A falta de recursos económicos fixo que non puidera facer fronte ao pago do elevado alugueiro da súa vivenda habitual (325 euros) e sumar-lle gas, auga, electricidade, comunidade... O desemprego é unha ameaza constante nunha parte moi importante da poboación de Ferrolterra. Mesmo Ferrol non só é a cidade da Galiza que máis habitantes perde, senón que ten o duplo de persoas en desemprego e sen perspectivas de te-lo a curto e medio prazo, polo que provoca que unha parte importante opte por deixar a cidade, sobre todo a xuventude. Silvia nos últimos tres anos só leva traballado seis meses de xeito regulado, con seguro e contrato. O que só lle dá para que lle sexa recoñecido o dereito a un subsidio de desemprego polo mesmo tempo traballado. Na actualidade segue formando-se realizando un curso polas tardes.

O xuízo tivo lugar, hoxe ás 11 da mañá, Silvia presentou documentación e unha testemuña (A dona do 10% da vivenda) que demostra a falta de lexitimidade da rentista para alugarlle a vivenda, polo tanto para tamén desafiúza-la, que a vivenda aínda está rexistrada ao nome do IGVS e que non se podería alugar, é por iso que non había recibos, nin estaba declarada. Isto argumenta a defensa, para evitar o desafiuzamento. Agora queda a deliberación do xuíz e a posterior resolución que se saberá entre unha semana e 10 días. A avogada da rentista demandante, solicitou o pago ou o desaloxo da vivenda antes do 15 de febreiro.

O Concello de Ferrol, mediante unha nota do seu gabinete de comunicación saíu ao paso da situación, dicindo que está no asunto e que os servizos sociais están atendendo o caso.

"A muller afectada acudiu a mediados de decembro aos Servizo Sociais de Ferrol para expoñer a urxencia do seu caso, logo da denuncia do particular ao que lle tiña alugada a vivenda.

Tiña unha cita ás 12:00 deste mediodía nos Servizos Sociais de Ferrol á que non puido acudir, polo que foi adiada ao mércores 17, o mais axiña posible.

De arcordo aos datos dos que dispoñemos, é a primeira persoa da lista en optar ao bono alugueiro do IGVS, logo da intermediación do Concello e habida conta da urxencia do seu caso, no que están envorcada a Concellería de Benestar Social sempre coa dilixencia ea reserva no tratamento dos datos particulares que corresponde a estes casos, para ofrecerlle todas as axudas económicas posibles e facer os trámites pertinentes -que xa foron realizados desde o Concello nas competencias que lle son propias a esta Administración-para a súa tramitación.

A concelleira de Benestar Social, Saínza Ruiz, que acudía hoxe a concentración en apoio desta persoa, tamén se comprometeu publicamente a poñer ao seu dispor, unha vivenda de urxencia de titularidade municipal, no caso de que fose necesario no caso de que a Xunta non ofreza a solución que lle compete".

Desde o movemento antidesafiuzamentos, vemos positivo as solucións paliativas, coas que resposta o Concello e dependentes da Xunta de Galicia, mais somos conscientes de que son a moi curto prazo, que vai facer Silvia no futuro inmediato, con apenas un subsidio de desemprego (430,27 euros) dun curto período de tempo (seis meses prorrogábeis de 6 en 6 até un máximo de 21 por ter cargas familiares) e o bono de alugueiro social que cubre unha axuda de 200 euros nun período dun ano (prorrogábel até tres),  e sempre no caso de que algún particular, teña a ben alugar-lle unha vivenda. Pois segundo indican desde o Programa Reconduce de Ferrol (Xunta de Galicia), non hai vivendas dispoñíbeis que poda ofertar o IGVS, nin de adxudicación directa, nin do Programa Vivendas Baleiras, nunha cidade que ten máis de 9.000 vivendas baleiras. Non se pode chegar moi lonxe nun Ferrol deprimido social e economicamente, onde as perspectivas de atopar un emprego son mínimas e xa non digamos un emprego minimamente estábel. Só un parque público de vivenda pode solucionar a medio prazo a situación de cada vez máis familias que viven na precariedade residencial.

A demanda de vivenda social en Ferrol (VPP), a 15 de xaneiro deste ano 2018, é de 610 familias e destas 498 solicitan vivenda de alugueiro social, 100 de alugueiro con opción de compra e 12 para comprar.

Continuaremos vendo as mesmas imaxes, en moi poucos días.

Enlace relacionado:

Alerta Urxente: Concentración nos Xulgados de Ferrol, ante un xuízo de desafiuzamento dunha familia sen recursos económicos - Luns 15 de xaneiro, ás 10:45hs - Nin Casas sen Xente, Nin Xente sen Casas ! - Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada! | Ir á Web.
Lugar de Encontro e Asesoría Colectiva

---

TODOS OS MARTES (EXCEPTO FESTIVOS) VEMO-NOS EN CARANZA, POLA TARDE, ENTRE AS 17:00 E 19:00 HORAS, NO LOCAL DE FUCO BUXÁN (RÚA ARMADA ESPAÑOLA, Nº 32 BAIXO) ESTAMOS XENTE DE STOP-DESAFIUZAMENTOS E DA PAH DE FERROL E COMARCA. SE QUERES PARTICIPAR ACHEGA-TE.



Nin Casas sen Xente, Nin Xente sen Casas !
Contra o abuso bancario !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!
Si se Pode !! Saúde e Vivenda Digna !!

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

_______________

sábado, xaneiro 13, 2018

Presidente Trump chama 'países de merda' ao Salvador, Haití e países africanos - René Civil afirmou: Donald Trump é máis que un cancro para o mundo. E non só en todo o mundo, senón especialmente para a poboación estadounidense. É un presidente desestabilizador, un presidente que utiliza linguaxe vulgar, que é inaceptábel


Presidente Trump chama "países de merda" ao Salvador, Haití e países africanos


O presidente de Estados Unidos, Donald Trump, xerou indignación a nivel internacional o xoves a raíz dun comentario racista no que dixo que Estados Unidos debería limitar a inmigración desde Haití, O Salvador e países africanos para favorecer a inmigración proveniente de países con poboación maioritariamente branca. Nunha reunión con legisladores na Casa Branca, informouse que Trump dixo: "Por que queremos que veña toda esta xente de África" Eses países son un buraco de merda "deberiamos recibir máis xente de Noruega".

Trump realizou os seus máis recentes comentarios racistas xusto despois de que o seu goberno anunciase que poñerá fin ao status de protección temporal para ao redor de 250.000 inmigrantes salvadoreñas que viven en Estados Unidos polo menos desde 2001. O ano pasado, o goberno de Trump anunciou que tamén revogaría o status de protección temporal de decenas de miles de inmigrantes haitianas, nicaraguanas e sudanesas que viven en Estados Unidos.

Os comentarios de Trump provocaron a inmediata condena internacional. As seguintes son as palabras do activista comunitario haitiano René Civil, desde Porto Príncipe.

René Civil afirmou: "Donald Trump é máis que un cancro para o mundo. E non só en todo o mundo, senón especialmente para a poboación estadounidense. É un presidente desestabilizador, un presidente que utiliza linguaxe vulgar, que é inaceptábel".

Os comentarios de Trump provocaron que o xornal New York Daily News publicase un titular encima dunha versión caricaturizada do emoticón de "caca", co titular "MERDA EN LUGAR DE CEREBRO, Trump lanza insulto racista desapiadado contra inmigrantes".

Visite democracynow.org para máis información sobre os comentarios racistas do Presidente Trump e para escoitar a entrevista desde Florida coa aclamada novelista haitianoestadounidense Edwidge Danticat.

12 xaneiro, de 2018

Fonte: Democracy Nnow

____________

Alerta Urxente: Concentración nos Xulgados de Ferrol, ante un xuizo de desafiuzamento dunha familia sen recursos económicos - Luns 15 de xaneiro, ás 10:45hs - Nin Casas sen Xente, Nin Xente sen Casas ! - Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!


Concentración en Ferrol por mor dun xuízo por desafiuzamento


Día: Luns 15 de Xaneiro.
Hora: 10:45 hs.
Lugar: Xulgados de Ferrol.

En Ferrolterra, non cesan as mostras de inxustizas e empobrecemento de sectores importantes da veciñanza. A falta de emprego e de perspectivas de consigue-lo a curto ou medio prazo, deprimen socialmente a unha comarca castigada pola crise con dureza. As cifras absolutas e indicadores sociais e económicos, non son cifras nun papel ou nunha pantalla, son casos reais de persoas que o están pasando mal, sen albiscar unha solución a súa crise persoal e familiar. Unha mala xestión dos recursos, ou mesmo a falta dos mesmos agravan a situación das familias que necesitan unha solución xa.

O problema da vivenda é un dos máis importantes problemas que teñen que afrontar moitas persoas acosadas polos bancos ou rentistas que non teñen piedade coas persoas empobrecidas e abandonadas a súa sorte, sen ter a onde acudir, ante uns servizos sociais mal xestionados e sen recursos, ou en parte dependentes de esmola que até está privatizada polos que dicían que ían ás institucións para cambiar as cousas.

As persoas que non teñen apoio familiar, son as principais vítimas desta situación. Nomes como Silvia, Emilia, Francisco, Elisa, Rocio, Sandra, Katerine, Paco, Iván, Mariola, Verónica, Dulce, Aurelia, María José, Carlos ... E tantos outros e outras, forman parte dunha relación de persoas con necesidades que non son máis que dereitos fundamentais vulnerados, ao traballo, á vivenda á alimentación,... a unha vida digna. Non podemos quedar calados, temos que romper o silencio e reclamar unha solución,... vivir con dignidade, parque público de vivendas, renda básica universal europea, subministros básicos garantidos (luz, gas, auga,...) ... emprego,... Solidariedade e Xustiza.

EMERXENCIA XUÍZO DESAUFIZAMENTO

Está previsto para este luns 15 de xaneiro, ás 11:00, no xulgado de instancia n°5. Un desafiuzamento por falta de pagamento do alugueiro de 325 euros, por mor de falta de recursos económicos, familia monoparental de tres membros un menor de idade. Un xuízo de desafiuzamento, por non poder pagar o alugueiro. Un xuízo contra Silvia, o seu fillo menor e a súa filla. Silvia quedou no paro sen cobertura por prestación por desemprego, o 10 de febreiro comezará a cobrar o subsidio de desemprego, uns 430 euros, por un período de seis meses. Ten solicitado vivenda social; ten solicitado bono de alugueiro social que só o puido facer desde este 10 de xaneiro, pois estaba pechada a posibilidade de face-lo desde o pasado 20 de novembro; ten posto solicitude de axuda por emerxencia social no Concello de Ferrol; estivo no Programa Reconduce de Ferrol; estivo na Oficina Antidesafiuzamentos do Concello; pasou sen nada este Nadal; xa foi a unha primeira vista de comparecencia xudicial , onde quedou adiado o xuízo que estaba previsto para o pasado 5 de xaneiro. E non chega ningunha solución, nin alternativa residencial. Só que vaia buscando vivenda, din-lle desde a Xunta, pois van tardar en cunha solución desde a administración. Nunha cidade con máis de 9.000 vivendas baleiras. Os poderes públicos non responden. Onde está o Programa de Vivendas Baleiras da Xunta, onde está se queira o inicio do parque público de vivenda prometido nos programas electorais,... Non temos máis remedio que denunciar publicamente esta situación, para o que nos mobilizamos con ese fin.

Concentración


Luns 15 de xaneiro, ás 10:45hs, diante dos Xulgados de Ferrol, concentración de denuncia e solidariedade, por unha vivenda digna. Convocada pola PAH de Ferrol e Comarca e Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra.


Lugar de Encontro e Asesoría Colectiva

TODOS OS MARTES (EXCEPTO FESTIVOS) VEMO-NOS EN CARANZA, POLA TARDE, ENTRE AS 17:00 E 19:00 HORAS, NO LOCAL DE FUCO BUXÁN (RÚA ARMADA ESPAÑOLA, Nº 32 BAIXO) ESTAMOS XENTE DE STOP-DESAFIUZAMENTOS E DA PAH DE FERROL E COMARCA. SE QUERES PARTICIPAR ACHEGA-TE.


Nin Casas sen Xente, Nin Xente sen Casas !
Contra o abuso bancario !
Polo dereito a unha vivenda digna e adecuada!
Si se Pode !! Saúde e Vivenda Digna !!

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra | Está Adherida ás PAHs (17.03.2013) e forma parte da Coordinación Galega de STOPs e PAHs.

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Páxina no facebook:
https://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Local:
Avda. Castelao S/N.
Local de Arméria Soc. coop. Galega
Traseira do Mercado Municipal de Caranza
1406-Ferrol

||||||||||||

Campaña de alegacións colectivas ao decreto da RISGA - Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade - Modelos Alegacións


A finais de ano a Xunta penduraba o borrador do decreto que desenvolve a lei da RISGA. Xunto á publicación deste documento abren un período para presentar alegacións que finaliza o 19/01/2018.

Dende a ODS-Coia elaboramosuse unha proposta de alegacións, que animamos a presentar nos rexistros da Xunta antes do 19 de xaneiro a todas aquelas persoas comprometidas coa xustiza social (só tes que encher os teus datos e asinar).

Fronte a “esmola social” da RISGA e do resto de políticas sociais propoñemos a creación dun novo dereito que supere a política vixente prestacións e axudas sociais que non eliminan nin o empobrecemento nin a desigualdade. Fronte a isto propoñemos un novo dereito: a Renda Básica das iguais que garanta, xunto a outras medidas, unha vida digna para todas as persoas. Na transición cara ese novo dereito propoñemos unha serie de medidas de urxencia que detallamos nos seguintes puntos:
  • Contía digna: ninguén cobrando menos de 890 €/mes por persoa (metade da renda per cápita da Galiza, dividida entre todas as persoas residentes no país). Así como a eliminación do IPREM que leva 6 anos conxelado.
  • Dereito para aquelas que residan na Galiza, con independencia do seu pasaporte e situación administrativa.
  • Brevidade e simplicidade na tramitación: as resolución as fai a Xunta, sen pasar polos servizos comunitarios dos concellos, e ten que estar resolta nun prazo máximo dun mes dende a solicitude.
  • Compatibilidade con axudas e prestacións (PNC, Axuda familiar, RAI...) de contía inferior mentres non desaparezan.
Botade-nos unha man enchendo a alegación que podedes descargar. Formato pdf. | Acceder/Baixar.

As podedes enviar de varias formas:

1- Enchendo o formulario na web da Xunta onde está subido o borrador. | Acceder/Baixar.

2- Meténdo-a a través do rexistro da Xunta.

3- Achegándo-a ao noso mail (odscoia@riseup.net) e dende aí as enviamos nós.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo)


Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
11 de janeiro de 2018 22:13

____________________________

venres, xaneiro 12, 2018

O Vigo que [NON] Sorrí, é unha exposición urbana sobre a cidade que non vemos, o 13 de xaneiro na rúa Príncipe de Vigo, ás 12 do mediodía


O 13 de xaneiro en Príncipe 12.00 h

"O Vigo que [NON] Sorrí", unha exposición urbana sobre a cidade que non vemos.

Activistas de diferentes colectivos sociais portarán as imaxes desta obra itinerante que busca denunciar a exclusión social na que malviven miles de vigueses.

Unha vintena de retratos para ilustrar O Vigo que [NON] sorrí, un traballo fotográfico que trata de mostrar a outra cara da cidade, o Vigo que non vemos. Activistas de diferentes colectivos sociais portarán as imaxes desta exposición itinerante, o vindeiro sábado 13 de xaneiro ás 12 do mediodía, na rúa de Príncipe, co fin de visibilizar a exclusión social na que malviven miles de vigueses e viguesas. A partir do Luns día 15, poderá verse de forma permanente na Praza do Rei.

"Ou Vigo que [NON] sorrí mostra a dura realidade dalgúns dos nosos veciños e veciñas. As fotografías foron tomadas durante o inverno pasado en diferentes barrios da cidade. Trata de mostrar a realidade dun Vigo que non sorrí porque non ten motivos para facelo. O Vigo do non: do non teño casa, non teño traballo, non teño voz, non teño dereitos... O Vigo que non queremos ver ou que só miramos de reojo", explica Aarón Díez, autor dos retratos.

A iniciativa nace como resposta á exposición patrocinada polo Concello de Vigo, en xullo de 2016, onde se mostraba un Vigo riseiro. "Con este traballo non pretendemos criticar a boa vontade do proxecto, que quería sacar un sorriso á xente, buscamos apelar á empatía e á responsabilidade colectiva ante os dramas sociais que temos na porta de casa, aqueles que as institucións tratan de ocultar", opina o fotógrafo, que sinala que "vivimos nunha cidade fermosa pero onde hai demasiadas persoas que non a poden gozar".

As imaxes relatan a historia dunha vintena de veciños e veciñas. Por unha banda, das vítimas do desemprego, a pobreza, o maltrato ou o abandono institucional dos últimos anos. Por outro, dos activistas que loitan por un Vigo máis xusto e igualitario. O obxectivo da obra é situar no centro do debate a esa parte da cidade que queda sempre en segundo plano.

A exposición conta co apoio e a participación de organizacións sociais locais como a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, a Rede de Solidariedade Popular de Vigo, o Colectivo Acampa Contra a Pobreza, Os Ninguéns e PAH Vigo, Tui - Baixo Miño.

--
OFICINA DEREITOS SOCIAIS - COIA (ODS-Coia)
odscoia.arkipelagos.net | odscoia@riseup.net |@odscoia | tel: 696 618 732 - 679 758 663. | Estamos os luns de 17h00 a 19h00 en Coia, nos locais da parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona 9, Vigo).

Enviado por:
Oficina Dereitos Sociais - Coia
-dereitossociais@gmail.com-
12 de janeiro de 2018 09:21
_______________

Enlace de interese, fotos de Aarón Díez do 15 de Outubro de 2011, Vigo polo Cambio Global. | Ir áo Álbum.
___________________________

O Concello de Ferrol de fondo: O Xulgado Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña fallou contra Aqualia que terá que pagar 12,8 millóns ao Concello de Arteixo en concepto de indemnización pola mala xestión do servizo da auga que xestionaba ao 100% como parte privada dentro dunha empresa mixta (Aurgasa) - En 2013 o Concello acordara rescatar o servizo municipal de augas para a xestión e titularidade pública, ao detectar esa mala xestión por parte da empresa privada, agora condenada, por segunda vez


Polo que nos toca en Ferrol, ante a mala xestión de Socamex, socio privado de Emafesa co 49% da empresa mixta, mais xestor ao 100% da mesma, transcribimos a reportaxe publicada no Noticiero de Arteixo e un detalle e enlace do publicado por Antón S. Rodríguez, en La Voz, no día 11 de xaneiro de 2018, sobre a segunda sentenza que lle ven dar a razón ao Concello de Arteixo no seu litixio con Aqualia (Fomento de Construciones y Contratas) a antiga concesionaria privada do servizo municipal de augas que xestionaba ao 100% a empresa mixta de augas (Augarsa), agora remunicipalizado e de xestión pública, proceso de rescate moi interesante e de importantes ensinanzas. Mesmo este Concello aprobou uns orzamentos para 2018, onde contempla a municipalización do servizo de recollida de residuos urbanos. Polo seu interese para a nosa loita en defensa dos Servizos Públicos e pola súa (re)municipalización.


Un xulgado condena a Aqualia a pagar 12,8 millóns de euros ao concello de Arteixo polos prexuízos derivados da súa xestión da rede de auga no concello.

O concello de Arteixo ve xuridicamente avaladas así por segunda vez as súas teses sobre a responsabilidade da filial de Fomento de Construciones y Contratas no calamitoso estado na que deixou o sistema de abastecemento municipal antes de que o concello interviñese o servizo e o municipalizara...

O xulgado contencioso-administrativo número catro decretou que Aqualia terá que pagar ao Concello de Arteixo un total de 12,8 millóns de euros en concepto de indemnización pola xestión do servizo de abastecemento e saneamento que levou a cabo entre os anos 2005 e 2013, ano no que o goberno de Carlos Calvelo municipalizou o servizo ao detectar graves incumprimentos por parte da empresa privada dependente de Fomento de Construcións e Contratas.

O equipo de avogados de Aqualia perseguía conseguir unha sentenza xudicial que rexeitase as teses do concello de Arteixo, que constatara por medio de varias auditorías técnicas e financeiras as responsabilidades que tiña Aqualia no mal estado do servizo de auga. A sentenza, fechada o 28 de decembro e notificada onte, explica que Aqualia debe pagar 2,6 millóns polo incumprimento do plan de investimentos durante os oito anos que prestou o servizo; 8,7 millóns de euros pola redución do valor patrimonial da rede, é dicir, a falta de mantemento na rede de tuberías e depósitos de Arteixo; 2,8 millóns polo impago da compra de auga que Aqualia deixou de abonar a Emalcsa durante anos; 542.000 euros polos gastos de reencho de auga no depósito de Pastoriza nos anos 2012 e 2013; e 111.000 euros polos gastos que asumiu o Concello ao intervir e municipalizar a xestión de auga no 2013.

Estas cifras sumarían preto de 14,9 millóns de euros, aos que habería que descontar os 2,1 millóns que o Concello cobrou en concepto de canon cando Aqualia se adxudicou o contrato no 2005. O resultado serían 12,8 millóns de euros que o xulgado estima que debe cobrar o Concello en concepto de indemnización. Os xulgados xa habían decretado un aval de 14 millóns de euros de forma cautelar para que a empresa puidese facer fronte a posíbeis indemnizacións como a que agora lle esixe o xulgado número 4.

Esta sentenza pode ser recorrida no prazo de quince días ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que xa ditara outra sentenza referida ao mesmo caso en febreiro de 2016, na que sinalaba á filial de Fomento de Construcións e Contratas como responsábel de levar a un estado calamitoso a rede de abastecemento e saneamento de Arteixo utilizando unhas deficientes prácticas empresariais nas que, como sinalaron no proceso as auditorías técnicas do concello de Arteixo, e o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia "consta acreditado o deficiente estado de mantemento e conservación das diferentes instalacións inherentes tanto ao abastecemento de auga como ao saneamento municipal, inclusive con patentes evidencias gráficas que non foron desmentidas, a máis diso apreciarse patentes pautas de contratación empresarial con prezos inclusive sensiblemente superiores aos do mercado con terceiras entidades empresariais ligadas ao mesmo grupo empresarial".

A sentenza continúa sinalando que Aqualia "tampouco cumprimentou as súas iniciais pautas de investimento". A demoledora sentenza continúa sinalando a Aqualia como unha empresa que non "consta que fixese honor aos compromisos de eficacia técnica e investimento financeiro inicialmente proclamados".

Despois de que os tribunais sinalen de forma contundente a culpa de Aqualia na situación que provocou que o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, tomase a decisión, apoiado por diversos informes xurídicos e auditorías técnicas, de disolver a empresa no 2013, agora fíxase a contía da indemnización coa que o concello de Arteixo debe ser compensado por Aqualia, un total de 12,8 millóns de euros. A empresa xa depositou no 2016, obrigada polo xulgado, un aval de catorce millóns de euros como garantía inicial para facer fronte a esta indemnización derivada polas consecuencias negativas que tivo a súa xestión do auga para o municipio de Arteixo.

Fonte: Noticiero de Arteixo.


2018.01.11 - Auga . | Remunicipalización. | O xulgado fixa en 12,8 millóns a indemnización de Aqualia a Arteixo | O Concello celebra un fallo que a concesionaria do auga poderá recorrer no TSXG. | Antón S. Rodríguez Arteixo / La Voz 11/01/2018 05:00 h. | O Xulgado Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña acaba de decretar que a empresa concesionaria da auga Aqualia terá que pagar 12,8 millóns ao Concello de Arteixo en concepto de indemnización pola xestión do servizo de abastecemento e saneamento que desenvolveu neste municipio entre o 2005 e o 2013. Ese ano, o alcalde Carlos Calvelo optou por municipalizar o servizo de auga ao detectar "graves incumprimentos" por parte de Aqualia, asina propiedade de Fomento de Construcións e Contratas. | Empresa e Concello levan preiteando desde entón, e esta sentenza, asinada o pasado 28 de decembro e feita pública onte, non será o punto e final ao litixio, xa que Aqualia ten opcións de recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). | Ir á Web.


PLATAFORMA NA DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS, POLA REMUNICIPALIZACIÓN
Alexandre Carrodeguas | Fernando Ramos | Pablo Portero |  Bernardo Rego | Lupe Ces  |
remunicipalizacion.plataforma@gmail.com | https://plataformaferrol.blogspot.com.es---

xoves, xaneiro 11, 2018

Em Janeiro, na Fundaçom Artábria, começamos o ano com umha completa programaçom que incluirá música, poesia, arte e audiovisuais - Este 2018 será o ano do XX aniversário do nosso Centro Social, vinte anos programando atividade em galego e ofertando ócio alternátivo na cidade de Ferrol e na nossa Comarca


Comezamos 2018 com um mês lotado de atividades


Este 2018 será o ano do XX aniversário do nosso Centro Social, vinte anos programando atividade em galego e ofertando ócio alternátivo na cidade de Ferrol e na nossa Comarca.

E começamos o ano com umha completa programaçom que incluirá música, poesia, arte e audiovisuais.

Eis o programa de janeiro.

Desde o dia 5 de janeiro e até o 3 de fevereiro está disponível no nosso Centro Social a exposiçom "Prints" do tatuador Joako Ayala. Pode-se visitar em horário de apertura do café-bar entre as 10.30 e 13.30 e 17.30 a 22.30.

No dia 12 o poeta begantinham Oscar de Souto apresentando o seu poemário "Carbón Querubín", um livro de autor que já vai pola sétima ediçom. O ato dará início às 20.30hs.

No sábado 13, e organizado por CGTH Records contaremos no Centro Social com os ferrolanos Schawrzenegger e os vigueses Salvaje. O bilhete som 5 euros e a hora do ínicio (pontoal) as 22.00hs.

Na sexta-feira 19 decorrerá às 20.30hs a apresentaçom do número 3 da revista de estudos galegos KALLAIKIA. Contaremos com a presença das colaboradoras de este número: Catarina Cortiças, licenciada em Geografia pola UDC e Ténica Superior em Química Ambiental; Joám L. Ferreiro Caramês, biólogo na Confraria de Pescadores de Baralhobre e Maurício Castro, docente de português na EOI de Ferrol.

No sábado 20 de janeiro desde a Corunha aterrizam em Ferrol os Ulträqäns que trazeram as suas melodias electro-folque-dance-tradicionais construídas com ladridos em semicorcheas e ouvidos de fusas e parafusa. O concerto começará às 22.30h e será de graça.

Sexta-feira 26, decorrerá a projeçom do documentário "O canteiro de Sebil: umha olhada comunal ao redor de Xoám Xesus González" producido polo Quinteiro do Umia. O documentário, é umha mirada coletiva sobre o patriota galego assassinado polo fascismo em 1936. Um trabalho de divulgaçom e de recuperaçom da nossa memória, para pôr em valor a aquelas figuras que luitarom na defesa da democria. Xoám Xesus González.

A projeçom dará início às 20.30hs e a entrada é livre.

No sábado 27, despedimos as atividades do mês com o concerto de The Brosas e os John Deeres. A entrada é de graça e a hora de início às 22.30hs.

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!
....

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.


Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
10 de janeiro de 2018 18:36

_______________

mércores, xaneiro 10, 2018

Un acto de recoñecemento e agradecemento a Bernardo Bastida Sixto - Sábado 13 de xaneiro ás 12 do mediodía, nas proximidades da Lonxa, no Peirao de Coruxeiras de Ferrol - Ofrenda Floral e Homenaxe


Homenaxe a Bernardo Bastida


O vindeiro sábado, 13 de xaneiro, ás 12 hs, nas proximidades da Lonxa, no Peirao de Coruxeiras de Ferrol.

A Confraría de Pescadores e Mariscadores de Ferrol, a Asociación Cultural Fuco Buxán e o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, farán unha Ofrenda Floral, en homenaxe a Bernardo Bastida Sixto, ExPatrón Maior da Confraría Ferrolá, socio de Fuco Buxán e colaborador do CCE, falecido onte, recoñecendo e agradecendo o seu permanente compromiso social, político e sindical.

As entidades que convocan o acto, agradecen a difusión e participación no mesmo.

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
10 de janeiro de 2018 19:46

_________________

Enlace relacionado:

Foi-se o compañeiro Bernardo Bastida, mais fica na memoria de tod@s nós. - Na mañá do martes, 9 de xaneiro de 2018, finaba o compañeiro por mor dunha enfermidade pulmonar que levaba padecendo desde había tempo - Desde Ártabra 21 queremos lembralo e reivindica-lo como un activista social, defensor da Ría e da Xente do Mar - Nota de pésame e solidariedade de Fuco Buxán do que era membro - Comité Cidadán de Emerxencia: Bernardo Bastida, sempre na nosa memoria, descanse en paz - Vídeo da manifestación do 3 de xuño de 2007 pedindo a súa liberdade. | Acceder en Ártabra 21.
_________________________

A eurodeputada galega Lidia Senra esixe á UE que deixe de amparar o espolio do Sáhara Occidental e respecte as conclusións do TXUE - Saúda que a xustiza europea se reafirme en que Marrocos e a Unión Europea non poden asinar acordos que afectan aos recursos saharauís - Lidia recorda que Marrocos non pode ser considerado como un interlocutor pola UE no relativo aos intereses do pobo saharauí - Vídeo da Intervención da Eurodeputada no Parlamento Europeo


Lidia Senra esixe á UE que deixe de amparar o espolio do Sáhara Occidental e respecte as conclusións do TXUE. | Saúda que a xustiza europea se reafirme en que Marrocos e a Unión Europea non poden asinar acordos que afectan aos recursos saharauís. | A eurodeputada galega recorda que Marrocos non pode ser considerado como un interlocutor pola UE no relativo aos intereses do pobo saharauí.

Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), recibiu con satisfacción a opinión emitida hoxe polo avogado xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), que establece que o Acordo de Pesca asinado en 2006 entre a Unión Europea e Marrocos non pode en ningún caso ser aplicado ao Sáhara Occidental nin ás augas adxacentes. “O TXUE está a darlle a razón ao pobo saharauí reiterando que este Acordo de Pesca estase a aplicar ilegalmente nun territorio ocupado, en contra do Dereito Internacional e impedindo que o Sáhara Occidental dispoña libremente dos seus recursos naturais”, recalcou a eurodeputada galega, representante suplente para o GUE/NGL na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo.

As conclusións feitas públicas hoxe polo avogado xeral da UE, paso previo dunha futura sentencia, “constitúe unha nova vitoria do pobo saharauí fronte aos acordos que a UE asina cun país ocupante como é Marrocos, acordos ilexítimos que teñen que acabar xa. É inadmisíbel que dende as institucións comunitarias se ampare e se colabore co espolio do pobo saharauí”, criticou. Senra entende que o avogado xeral da UE “é moi claro ao establecer que a explotación pesqueira por parte da Unión das augas adxacentes ao Sáhara Occidental, instaurada e aplicada polos actos impugnados, non respecta o dereito á libre determinación do pobo saharauí”.

Está previsto que proximamente comecen as negociacións para renovar o acordo de Pesca entre a UE e Marrocos, que vence nuns meses. “Que agarda a Comisión Europea para poñer fin a esta situación? A aplicación deste acordo é ilegal e a UE non pode seguir escudándose nel nin seguir tratando a Marrocos como interlocutor no referente aos territorios ocupados do Sáhara Occidental”, apremiou a eurodeputada galega.

Senra, que xa o ano pasado denunciou a explotación ilegal dos fosfatos saharauís polo Reino de Marrocos e foille impedida a entrada, xunto a outras eurodeputadas, a El Aaiún no curso dunha visita a colectivos e activistas saharauís, lembra que esta non é a primeira vez que o TXUE tumba acordos comunitarios con Marrocos por aplicarse ilegalmente ao territorio e aos recursos do Sáhara Occidental, “en decembro de 2016 unha sentencia do TXUE declarou que o Acordo de Asociación de 1996 e o Acordo de liberalización en materia de produtos agrícolas, pescado e produtos de pesca de 2012 non podían aplicarse ao Sáhara Occidental, a UE ten que deixar xa de eludir o recoñecemento ao pobo saharauí sobre os seus propios recursos naturais”.

Bruxelas, 10 de xaneiro de 2018


https://youtu.be/WscPgtecND8

Intervención da eurodeputada galega en sesión plenaria no marco do debate sobre a proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello para o establecemento de disposicións relativas á comercialización de produtos fertilizantes co marcado “CE” -modificando os Regulamentos (CE) n.º 1069/2009 e (CE) n.º 1107/2009-.

Canle de AGE en Europa. | Ir á canle.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega. | Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/     

https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
10 de janeiro de 2018 18:21

___________________

Xornada contra a mina de Touro-O Pino, este sábado 13 de xaneiro, un evento organizado pola eurodeputada galega Lídia Senra e a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, será no Hotel Bello do Pino - Participarán tamén persoas da loita contra as minas de Corcoesto, Lousame, A Terra Cha, As Encrobas e Xanceda, así como de Roitinto


Xornada contra a mina de Touro-O Pino, este sábado, para debater sobre un problema que é de todos/as. | O evento, organizado pola eurodeputada Lídia Senra e a plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, será no Hotel Bello do Pino todo o día. | Participarán tamén persoas da loita contra as minas de Corcoesto, Lousame, A Terra Cha, As Encrobas e Xanceda, así como de Roitinto

Persoas implicadas de forma moi activa na loita contra a minaría en diferentes lugares de Galiza daranse cita este sábado, 13 de xaneiro, no Pino, para intercambiar experiencias, poñer en común puntos de vista e debater sobre os efectos deste tipo de explotacións. O evento, organizado pola eurodeputada Lídia Senra, está concibido ademais para arroupar á plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, que leva meses pelexando contra o proxecto de nova mina de extracción de cobre que pretende abrir na cotorna Cobre San Rafael S.L, -empresa participada por Atalaya Mining, a mesma dona das minas de Riotinto en Huelva-, e que ocuparía unha área de 689 hectáreas, das que se extraerían 267 millóns de toneladas durante 16 anos e medio.

A xornada desenvolverase durante todo o sábado no Hotel Bello, situado no concello do Pino, con carácter aberto. Neste sentido, a europarlamentaria Lídia Senra anima a todas as persoas a achegarse. “Estamos ante un problema que, de ir adiante, nos vai afectar a todas e a todos, non só á xente que vive á beira dos terreos mineiros no Pino e Touro”, defendeu, e chamou a tomar conciencia e á mobilización en toda Galiza para frear “esta aberración que poñería en perigo a saúde das persoas, do medio ambiente, do río Ulla e afluentes, o marisqueo da ría de Arousa, as explotacións gandeiras que hai na zona, os establecementos turísticos que viven do Camiño de Santiago,…, é moito o que está en xogo”. Senra lembra ademais que xa puxo sobre aviso á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo sobre este proxecto, a través dunha pregunta parlamentaria feita por escrito o ano pasado, e a través dunha intervención no pleno europeo en Estrasburgo e dunha carta que lle remitiu ao comisario europeo de Medio Ambiente Karmenu Vella. “E non cesaremos en seguir denunciando por todos os medios posibles este proxecto mineiro ante a UE”, asegurou. “Entre todas e todos temos que paralo. Só coa presión e a mobilización social se logrará”, dixo.

A xornada comezará pola mañá a partir das 10:30 cun coloquio sobre o proxecto mineiro Touro-O Pino e as consecuencias que traerá, no que intervirán como ponentes membros da plataforma, a propia Lídia Senra e Aurora Puentes, Doutora en Bioloxía e membro da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN). Ás 12:30 horas, Miguel Ángel Collado Aguilar, doutorando en Historia da Universidade de Huelva e veciño de Nerva realizará unha ponencia con debate posterior sobre a experiencia vivida en Riotinto, que é o principal activo da mineira Atalaya Mining.

Pola tarde, a partir das 16:30 horas, terá lugar o coloquio “Galiza non é unha mina, pero hai quen pretende que o sexa”, no que se realizará un repaso ás últimas loitas galegas contra minaría e no que intervirán Braulio Amaro, voceiro da Plataforma pola defensa de Corcoesto e Bergantiños; Joam Evans, membro da Sociedade Coluna Sanfins de Lousame e ContraMINAcción; Marga Prieto Ledo, coordinadora la loita contra a minaría salvaxe do Sindicato Lagrego Galego (SLG) e representante da Comisión das minas da Terra Cha; e Mero Iglesias Dobarro, membro da Coordinadora Antiminas de Xanceda, en Mesía.

Xa ás 19:00 horas, e para rematar, terá lugar a proxección do documental “As Encrobas, a ceo aberto” e posterior coloquio do director do filme, Xosé Antón Bocixa Rei.

Santiago, 9 de xaneiro de 2018.

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada galega, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL). | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
9 de janeiro de 2018 14:04
______________________