martes, maio 01, 2018

Un 26 de abril para non esquecer, ... Por Mar Moreira - Ese gran xarro de auga fría espertou aos meus demos e fixo rexurdir o meu medo, ese que tanto traballo me custou conter


Por Mar Moreira [*]
01.05.2018


O 26 de abril será unha data que moi poucas poderemos esquecer, a data en que se fixo pública a sentenza que o tribunal de Navarra impuxera a la manada.
Miles de mulleres pasamos da incredulidade ao odio: non sentenciaran á manada, sentenciáronnos a nós.

Ese gran xarro de auga fría espertou aos meus demos e fixo rexurdir o meu medo, ese que tanto traballo me custou conter. Un empuxón contra a parede, o frío dos azulexos, o golpe, aquela masa que me premía e non me deixaba escapar, o terror, a parálises volvían ocupar a miña mente.

Coñeciámolo como Javi o dos vellos, rexentaba a cafetería do centro de día de Marín, tiñamos confianza con el.

Era o verán do 94, unha tarde como outra calquera; viñamos da praia toda a cuadrilla, parabamos alí, naquel bar que estaba xunto ao parque no que nos atopabamos a diario.

Como cada tarde, partida de cartas ou de dados mentres nos comiamos un bocadillo; como cada tarde, collemos no almacén, onde había unha pequena cociña, as cartas, cubiletes, bolígrafos... Como cada tarde, como ningunha outra tarde:

A porta do almacén pechouse tras de min, un forte empuxón golpeoume contra a parede, notaba o frío dos azulexos na miña cara, o corpo que me esmagaba impedíndome escapar daquel recuncho. O medo non che deixa pensar, non che dá marxe de manobra para poder entender o que está pasando e o pánico paralízache.

Cando logrei zafarme del e saír daquel cuarto, daquel pesadelo, o meu primeiro pensamento era que ninguén me ía a crer e que, si facíano, miraríanme con mágoa, quedaría marcada.

Unha vez fóra atopeime cunha das miñas mellores amigas, miroume aos ollos e non fixeron falta palabras: ela estaba fóra, non entraba alí, porque a ela tamén lle pasou.

Quedou como o noso segredo -existía o medo a ser acusadas, a ser marcadas, a que puxesen en dúbida a nosa palabra- un segredo que arrastrei cunha tremenda dor e coa culpa ao pensar que outra nena podería estar pasando polo mesmo ou peor.

22 anos despois, somos nós as acusadas. Non sufrimos violación porque non houbo o que estes xuíces consideran violencia: non houbo ósos rotos, nin rachos, quizais nin tan sequera considerárono abuso sexual porque non houbo penetración, quizais terei que dar as grazas a ese malnacido por seguir viva.

Os meus monstros reapareceron, unha sentenza abriulles a porta para volver campar ás súas anchas deixándonos claro, a min e a todas, que só nos queda o medo, que aos ollos da xustiza estamos desamparadas, que non nos podemos confiar, que debemos asumir que o noxo e o medo formarán parte das nosas vidas.

Condenáronnos a toda unha vida de medo, sen dereito a ser libres.

[*] Mar Moreira -Marín 1979, Colectivo Soeres. | @MarMoreira79

Enviado por:
Colectivo Soeres
-colectivosoeres@gmail.com-
30 de abril de 2018 19:56

_____________________

Documentación:

Texto integro da Sentenza 00038/2018 da sección Segunda da Audiencia Provincial de Navarra. | Procedemento sumario ordinario 0001670/2016 - 00 Xdo. Instrución Nº 4 de Pamplona/Iruña | Proc.: PROCEDEMENTO SUMARIO ORDINARIO Nº: 0000426/2016 | 371 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
______________

SQM-Galicia a Asociación de Sensibilidade Química de Galicia, fai pública unha Declaración no 1º de Maio de 2018, Día Internacional da Clase Traballadora


Vivir nunha sociedade que utiliza produtos químicos para tratar os seus alimentos, a auga, a roupa que vistes, os produtos de aseo e limpeza que utiliza, os cosméticos ou que até contamina dunha ou outra forma o propio aire que respira non é fácil.

A Sensibilidade Química Múltiple é unha enfermidade adquirida pola que se perde a tolerancia a produtos químicos diversos, estruturalmente non relacionados entre si desenvolvendo a partir dese momento, síntomas que afectan a diversos sistemas orgánicos e aparecen coa exposición a produtos químicos, a niveis moi por baixo dos límites de exposición profesional e que previamente non ocasionaban problemas.

É unha enfermidade real, emerxente e de gran prevalencia que nun mundo rodeado de produtos químicos, afecta cada vez a un maior número de persoas.

Desde SQM-Galicia queremos destacar o feito de que unha elevada porcentaxe de casos prodúcense no ámbito laboral, por fumigacións, vertidos de gasóleo nos centros de traballo ou por desenvolver este en edificios doentes, mal ventilados, deficientemente construídos ou nos que se utilizan materiais inadecuados.

Aos severos efectos que a Sensibilidade Química Múltiple orixina na vida diaria das afectadas, hai que sumarlle nos casos laborais o rexeitamento das Mutuas a consideralos como accidentes de traballo, a negativa das empresas a adaptar cando aínda é posíbel os postos de traballo ou, o empeño do INSS cando xa non poden traballar en que sigan facendo-o.

Algúns casos son aínda máis graves ao haberse producido en traballadoras de Administracións Públicas, as mesmas que deberían protexelas e non o fan, escudándose en que non poden ser sancionadas pola Inspección de Traballo aínda cando se comprobe o incumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Desde SQM-Galicia vemos con preocupación como se lles nega a incapacidade e remítese a traballar a afectados con grados III-IV da enfermidade, orixinando novas recaídas a propósito de que non existe tratamento e de que, a única medida eficaz é evitar as exposicións.

Exposicións que non só non orixinan tolerancia, senón que agravan a enfermidade, empeorando os seus síntomas e facendo aumentar o seu grado.

Nunha sociedade que debería de garantir a calidade de vida e a igualdade de oportunidades, marxínase aos afectados, négaselles a asistencia médica que precisan, non se fan estudos para coñecer a magnitude do problema e non existen estratexias sanitarias nin sociais dirixidas a diminuír a súa exposición e a da poboación xeral tamén en risco, aos produtos químicos.

Nunha sociedade avanzada, considerariamos ético administrar penicilina a unha persoa que é alérxica á mesma?.

Si a resposta é non, por que permitimos que as enfermas de Sensibilidade Química Múltiple que perderon a tolerancia aos produtos químicos, se lles síga expoñendo a eles?.

Queremos transmitir a nosa preocupación á sociedade para que comprenda e se faga consciente de que nun mundo rodeado de miles de produtos químicos, ninguén está libre de adquirir a enfermidade, especialmente as mulleres nas que é máis frecuente, simplemente porque tenden a acumular máis tóxicos ao ter máis tecido graxo e, mentres enfermamos as Institucións Públicas que deberían defendernos e axudarnos, simplemente miran para outro lado.

Xunta Directiva de SQM-Galicia

Angélica Gato, Sara Gonzalez, Amelia Paderne, Rocío Botana e Argentina Rey

Contacto:

http://www.sqmgalicia.com/

Busca-nos no twitter e no facebook.

Documentación da Asociación:

Documentos oficiais da Asociación
Estatuto Asociación SQM-Galicia
Acta Fundacional SQM-Galicia

Documentación necesaria para afectadas de SQM
Tríptico SQM-Galicia
Protocolo Sanitario SQM-Galicia
Guía de Control Ambiental

NTP 557 (Nota Técnica de Prevención do INSSBT (Instituto Nacional de Seguridade, Saúde e Benestar no Traballo): Intolerancia ambiental idiopática (IAl): sensibilidade química múltiple (SQM) e fenómenos asociados. | Redactor: Jordi Obiols Quinto. | Ldo. en Bioloxía e Farmacia CENTRO NACIONAL DE CONDICIÓNS DE TRABALLO. | A aparición, cada vez máis frecuente, de casos relacionados coa Síndrome da Sensibilidade Química Múltiple, trastorno, ou grupo de trastornos, de saúde coñecido tamén con outros moitos nomes, afecta de xeito directo o ámbito da saúde laboral e da política preventiva. A dificultade do seu diagnóstico, polas limitacións dos criterios empregados ao efecto, os innumerábeis factores determinantes da aparición dos casos, e o feito de que pode afectar non soamente a traballadores que manipulan produtos químicos, senón tamén aos daquelas actividades carentes, en principio, deste tipo de implicación, convérteno en motivo de controversia científica e, á vez, amplían o ámbito de incidencia de novos casos de xeito difusa a practicamente todo o campo da actividade laboral. Na presente NTP faise unha breve revisión xeral de todos os aspectos implicados, á vez que se comentan algúns dos avances máis recentes. | Nota.- As NTP son guías de boas prácticas. As súas indicacións non son obligatorias salvo que estean recolleitas nunha disposición normativa vixente. A efectos de valorar a pertinencia das recomendacións contidas nunha NTP concreta é conveniente ter en conta a súa data de edición. | 5 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

Info baseada na enviada por:
ESTHER LORA RODRIGUEZ
-elora@icavigo.org-
29 de abril de 2018 13:02


_____________

Solidariedade coa loita das compañeiras e compañeiros de Xustiza que levan 84 días en Folga indefinida mentres, non se acade unha solución xusta e digna - #FolgaXustiza: Concentración en Ferrol - Vídeo


#FolgaXustiza: este luns 30 de abril, pasado o mediodía tivo lugar unha concentración en Ferrol, diante do Edificio da Xunta, na Praza Amada Garcia, en solidariedade coa loita das compañeiras e compañeiros de Xustiza que levan 84 días en Folga e que decidiron, en votación, manter o paro indefinido mentres non se acade unha solución xusta e digna. Convocou a CIG-Administración.

Detalle da Concentración de Solidariedade con Xustiza en Ferrol


https://youtu.be/_Bq12HYC4Wg




@alternativaxus @ComitedeFolga @folgadexustiza #FolgaXustiza

Enlace relacionado
:

#FolgaXustiza: Concentración en Ferrol, luns 30 de abril, ás 12:30hs, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta, en solidariedade coa loita das compañeiras e compañeiros de Xustiza que levan 82 días en Folga e que decidiron manter o paro indefinido mentres non se acade unha solución xusta e digna. | Ir á Web.
_______________

luns, abril 30, 2018

Há manadas e manadas, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - Négome a lle chamar manada a eses cinco especímenes cuxo único obxecto na vida é gozar co sufrimento e a dominación


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
30.04.2018


Disque os lobos van en manada. Disque algúns machos da especie humana tambén. Disque as manadas conteñen entre dous e seis lobos, e anque os humanos digan da ferocidade dos lobos nouturnos, estes endexamais serían quen de fazer o que eses cinco lle fixeron a esa moza nos Sanfermíns. Porque os lobos gozan dun ánima, son animais, eis, sensíbeis. Capaces de empatizar. E aos lobos andamos aos extinguir mentres as manadas de humanos depredadores que, con premeditación e aleivosía van á caza dunha moza para abusala e violala entre todos mentres o gravan para amosalo como unha peza de caza, van en aumento.

Négome a lle chamar manada a eses cinco especímenes cuxo único obxecto na vida é gozar co sufrimento e a dominación. A covardía non é propia de lobos, animais nobres e sociais que adoitan só pelexar ritualmente pola supervivencia ligada ao territorio.

Só unha especie destrutiva como a humana pode chegar a crueldades inconcibíbeis en calquera manada animal como é unha cruel, premeditada e exhibicionista violación colectiva. Só un tribunal humano pode emitir unha sentenza máis despiadada e non apreciar violencia ou intimidación nos feitos que nos ocupan.

A mensaxe ás mulleres é nidia. Se andamos soas, se non somos dun home, somos de todos e estamos ao seu dispor como escravas e/ou obxectos sexuais. A vella sentenza da sagrada misoxinia no simbolismo dunha festa touril demarcando unha patria. O sangue como amósega de dominio, a ignorancia como bandeira, a crueldade como pracer de machos que se autoerotizan en manada a través da sumisión imposta polo terror e a exhición da vileza burda e humillante.

Mais o máis abraiante é que a toga vexa aos fermosos lobos, capaces de oulear de amor nas noites invernais, como animais despiadados e a estes cinco só como culpabeis dun abuso que non chega a agresión nen intimidación.

[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista, articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.



Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
30 de abril de 2018 02:24

_______________

1 de maio de 2018, Galiza no 'Día da loita e da solidariedade internacional da Clase Traballadora' - En Ferrol están convocadas dúas manifestacións - Convocatorias do movemento sindical



O día da solidariedade internacional por excelencia é o 1º de Maio. Son miles as manifestacións que se celebran por todos os continentes, moitas reprimidas polas forzas policiais do poder capitalista. O día do internacionalismo proletario, é un día con historia, conmemora-se por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889.
O 1º de Maio, é o día de lembrar que estamos nun réxime de explotación capitalista mundial que condena a millóns de persoas a unha vida de penurias e sufrimento, sen traballo, sen saúde, sen alimentos, sen teito... a padecer guerras e a vivir nas lixeiras da sociedade opulenta e privilexiada.

Un Primeiro de Maio con olor a greve xeral


Galiza acollerá diversas mobilizacións polo Día internacional da clase obreira

Os sindicatos presentan lemas, motivos e mobilizacións polo Primeiro de Maio, o Día internacional da clase obreira. “Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas” é a palabra de orde da CIG, que convoca manifestacións en 13 cidades e vilas galegas. O sindicato fai un chamamento a camiñar cara a unha greve xeral “no convencemento de que é a resposta necesaria” ante a situación que estamos a vivir.

A  CIG alerta do avance da pobreza laboral da precariedade e da temporalidade, de ETTs, de empresas multiservizos, coa imposición dos falsos autónomos … Denuncia que  ter un traballo “non garante vivir en condicións dignas” e advirte de que vivimos “tempos de emerxencia nacional e social”. Por isto este Primeiro de Maio a CIG fai un chamamento a camiñar cara unha folga xeral, “conscientes do que significa”, pero no convencemento de que “é a resposta necesaria ante o que estamos a vivir”.

CIG: cara a unha greve xeral
Convocatorias:
Pontevedra. Praza da Ferrería 11:30h
Vilagarcía. Casa do Mar 12h
A Estrada. Praza do Mercado 12h
Lugo. Edificio Sindical (Ronda da Muralla) 12h
Ribadeo. Edificio Sindical (Avda. Da Galiza) 12h
A Coruña. Praza de Vigo 12h
Cee. Diante do Concello 12h
Ferrol. Local da CIG - Avda de Esteiro 12h
Compostela. Praza Roxa 12h
Ribeira. Praza do Peixe 12h
Vigo. Dobrada 12h
Cangas. Praza do Concello 18:30h
Ourense.  Praza Maior 11:30h

CCOO e UGT: Tempo de gañar

CCOO e UXT convocan diferentes manifestacións co lema “Tempo de gañar”. Estes sindicatos indican que embora a economía española leve catro anos de medre e de que hai máis empresas con beneficios ca antes da crise, “a desigualdade e a pobreza aumentan”.

Convocatorias:
A Coruña. 12:00 horas. A Palloza
Ferrol. 12:00 horas. O Inferniño.
Santiago. 11:30 horas. Alameda.
Lugo. 12:30 horas. Ronda da Muralla.
Viveiro. 12:00 horas. R / García Doriga
Ourense. 12:00 horas. Pavillón sdos Remedios.
Vilagarcía. 12:00 horas. Praza Ravella.
Pontevedra. 12:00 horas. Ferreiría.
Vigo. 12:00 horas. Cruzamento Urzáiz e Vía Norte.

CUT: Unindo loitas cara a folga xeral

"Unindo loitas cara a folga xeral. Pan, Teito e Traballo" é o lema da CUT para este Primeiro de Maio.

Convocatorias:
Vigo- 11:00 h, Praza Fernando Católico
Ourense- 12:00 h, Ponte Romana
Coruña- 12:30 h, Praza de Pontevedra
Compostela- 19:00 h, Praza 8 de Marzo

CNT: Xustiza social e laboral

A CNT convoca manifestación en Compostela. Será ás 12:30 horas e con saída da Praza 8 de Marzo co lema ‘Avanzamos pola xustiza social e laboral’. “CNT quere manter viva a flama da protesta, para manter o pulso ao goberno da mordaza, da conxelación das pensións e salarios, as reformas laborais, a precarización dos servizos e persoal público e o machismo institucional”.

Centrais Sindicais
* Confederación Galaica da - CNT/AIT
* Confederación Intersindical Galega - CIG
* Confederación Unitaria de Traballadores - CUT
* Confederación Xeral do Traballo en Galicia - CGT
* Sindicato Nacional de CCOO de Galicia - CCOO
* Unión Xeral de Traballadores en Galicia - UGT
* Unión Sindical de Traballadores Galegos - USTG
Confederacións Internacionais
* Federación Sindical Mundial - FSM
* Confederación Sindical Internacional - CSI
* Asociación Internacional dos Traballadores - AIT
* Global Unions
* Confederación Europea de Sindicatos - CES
Outras centrais sindicais de interese
* Intersindical-Confederació Sindical Catalana - Intersidical-CSC
* Intersindical Portuguesa - CGTP
* Sindicato Andaluz de Traballadores/as -SAT
* Corrente Sindical de Esquerdas -CSI
* Coordinadora Obreira Sindical -CSI

Fonte: Propia e do Sermos Galiza, baixo licenza Creative Commons. | O 24 Abril de 2018.
____

A primavera tamén é tempo de cogumelos. Nesta nova edición das xornadas micolóxicas de Pontedeume aprenderemos a cultivar varios tipos de cogumelos en troncos e borras de café - X Xornadas micolóxicas de primavera en Pontedeume, o 5 e 6 de maio


Xornadas micolóxicas de primavera

Pontedeume, o 5 e 6 de maio de 2018

A primavera tamén é tempo de cogumelos. Nesta nova edición das xornadas micolóxicas de Pontedeume aprenderemos a cultivar varios tipos de cogumelos en troncos e borras de café. Para ter conta da xente e adaptar millor os grupos, deberás apuntarte no correo aavendoa@gmail.com ou no número que aparece no cartaz. Ademais contaremos coa actuación de Magín Blanco, dado que é unha actividade que perfectamente poden facer as crianzas. Para este concerto, ao cal podes asistir malia non ir ás xornadas, non é preciso anotarse.
Vémonos!

Evento no facebook.

Dentro das actividades do noso X aniversario, este ano tamén organizaremos unhas xornadas de primavera.

Haberà obradoiro, saìdas o monte e xantar.

Nos vindeiros dìas informaremos de toda a programaciòn definitiva.

Sàbado 5 de maio

18:00h. Obradoiro

Aprenderemos a inocular en troncos e borras de café de man dos amigos da Asociación Micolóxica Viriato. Useremos micelio de 'Pleurotus ostreatus' e 'Hypsizigus ulmarinus'.

Domingo 6 de maio

10:30h. Saìda as Fragas do eume. Estarán con nòs, Marcote e Costa da A.A.M.M. Pan de raposo de Cee e Moncho Pato. Esta ruta, sinxela pero moi rica, é apropiada para os nenos.

14:30h. Xantar no Restaurante Andarubel (prezo 25€ por persoa).

17:30h.Saída o pinar de Cabanas cos micòlogos Marcote e Costa.

18:00h.Concerto na Casa da Cultura de Magín Blanco presentando o seu novo traballo "Camiños". Para aqueles nenos que queiran descansar do paseo matutino.

PONTEDEUME
COLECTIVO TERRA
Un espazo onde facer visíbel a creatividade do país, onde preservar a nosa identidade como pobo, onde defender a língua, o noso símbolo máis internaciona...

colectivoterra.gal

Enviado por:
Colectivo Terra
-colectivoterra@gmail.com-
30 de abril de 2018 08:50

___________________

A Xunta Xeral de accionistas de Sermos chama a se subscribir ao Diario Galego - O mestre e escritor ferrolán, Antón Cortizas Amado, expresa o seu desexo de que 'O Diario Galego' destaque pola súa veracidade, rigor e profesionalidade - O Diario Galego sería un feito de normalidade para a nosa existencia como país

Persoas do grupo impulsor, representantes de diferentes organizacións e entidades do tecido económico,
social, cultural e político do país asistiron ao acto de presentación das liñas básicas do proxecto,
un xornal diario, que Sermos Galiza proxecta lanzar en 2019.

A Xunta Xeral de accionistas de Sermos chama a se subscribir ao Diario Galego


A Xunta Xeral ordinaria de accionistas de Sermos Galiza S. A. concluíu cun chamado a se subscribir ao Diario Galego, o proxecto de xornal en papel promovido pola empresa.

A xunta, celebrada este sábado, valorou moi positivamente a iniciativa desenvolvida polo Consello de Administración, ao que instou, ademais, a poñer en marcha medidas para acadar os 3.000 subscritores e subscritoras antes do 31 de xullo de 2018. É dicir, ao longo de maio, xuño e xullo. Estes son os apoios e os prazos necesarios para que o novo produto xornalístico estea na rúa en 2019.

O Consello de Administración, presidido por Xoán Costa, informou ao accionariado de Sermos das “medidas específicas” adoptadas no proceso e dos contactos realizados para conformar o grupo impulsor. Tres grupos de persoas traballan xa no proxecto do Diario Galego: un deles dedicado ás tarefas de impulso e lanzamento, outro para procurar subscricións e outro na dimensión xornalística. Nos tres hai persoas da empresa e outras alleas á mesma.

A Xunta Xeral de accionistas tratou, a maiores, outros temas. As contas -por segundo ano consecutivo houbo resultado económico positivo- e o informe de xestión foron aprobadas sen ningún voto en contra. 

A xestión ordinaria da empresa -funcionamento do semanario, do portal web ou da edición de libros- foi igualmente obxecto da xunta. Como tamén a valoración da conmemoración do quinto aniversario de Sermos Galiza, ocorrida entre o 26 de abril e o 25 de xullo de 2017.
---


O mestre e escritor ferrolán, Antón Cortizas Amado,[*] expresa o seu desexo de que 'O Diario Galego' destaque pola súa veracidade, rigor e profesionalidade

Tamara Martínez Pastoriza, entrevista a Antón Cortizas.

"O Diario Galego sería un feito de normalidade para a nosa existencia como país"

Que esperas de O Diario Galego?

Duración e contaxio. Sería un feito de normalidade para a nosa existencia como país. É o máis normal ter medios de comunicación no idioma que nós inventamos.

Por que é necesario?

É imprescindíbel. A nosa maior particularidade é o idioma, e dentro del, a comunicación a través do mesmo: das noticias, do arredor, do que está pasando. Paréceme de pura necesidade e sentido común ter un medio na nosa lingua. Espero tamén que sexa un diario que destaque pola súa veracidade, rigor e profesionalidade, e sobre todo, que non estea vendido a ninguén.

Que pegada podería ter no ensino e na creación literaria?

Como toda prensa, terá un apartado dedicado á cultura e polo tanto, será divulgador da parte literaria. Haberá xente que con grande mestría na man escriba columnas e outras pezas, converténdoo nun escaparate máis para manifestar a nosa literatura e a nosa maneira de escribir. Espero que estea cheo desas palabras lindas e harmoniosas da literatura como divulgadora da mesma.
___
Nota.- Para facer de O Diario Galego unha realidade, necesitamos sumar 3 mil subscricións. | Ir á Web.

Publicado en: Sermos Galiza, baixo licenza Creative Commons. | O 29 e o 14 Abril de 2018.

[*Antón Cortizas Amado -Ferrol 1954, autobiografía, obra, videoteca, fototeca, materiais didácticos e outros... no Centro de Documentación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega -AELG. | Ir á Web.
 ______________

Fracasa a tentativa de Navantia de criminalizar a loita dos traballadores e traballadoras das auxiliares - Evidénciase que o obxectivo da empresa non era a declaración de folga ilegal senón amedrentar e desmobilizar o persoal


Fracasa a tentativa de Navantia de criminalizar a loita dos/as traballadores/as das auxiliares. | Evidénciase que o obxectivo da empresa non era a declaración de folga ilegal senón amedrentar e desmobilizar o persoal.

Este venres coñecíase a sentenza pola demanda que Navantia interpuxo contra a CIG e o comité de folga a raíz do conflito que o persoal das auxiliares levou adiante o pasado ano contra a precariedade e pola recuperación dos dereitos laborais e salariais. A resolución desestima a demanda pola falta de lexitimación activa de Navantia para iniciar un proceso de declaración ilegal dunha folga que non afectaba ao seu persoal e que, ademais, non foi impugnada polas empresas nas que si foi convocado o paro indefinido.

Fica demostrado que, tal e como defendeu a CIG, a demanda carecía de fundamento legal, quedando en evidencia que o verdadeiro obxectivo de Navantia non era conseguir a declaración de folga ilegal ou abusiva, senón amedrentar, desactivar e coaccionar aos traballadores e traballadoras que de xeito masivo e exemplar estaban a secundar a folga en defensa dos seus dereitos.

"Non nos van amedrentar"


O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que "Navantia debería pedir perdón polo seu burdo intento de deslexitimar a CIG e criminalizar o dereito á folga, pero tamén pola manipulación que fixo dos motivos que levaron á convocatoria e a terxiversación da resposta exemplar dos traballadores/as da industria auxiliar". Non cómpre esquecer que dende o inicio do conflito, Navantia, en vez de promover solucións, mantivo unha postura moi belixerante contra o persoal das subcontratas -e a CIG como organización sindical convocante-, procurando deslexitimar as súas demandas e boicotear a folga con todos os medios a súa disposición.

Carril subliña que a CIG non se vai amedrentar con este tipo de actuacións, "aínda que proveñan de empresas tan poderosas como Navantia", cando o que está en discusión é a defensa dos dereitos e acabar coa precariedade e a pobreza laboral. "Navantia ten que ter claro que seguiremos convocando as folgas que sexan necesarias ante a precariedade e o retroceso da condicións de traballo que padece o persoal das industrias auxiliares".

En igual sentido manifestábase o secretario nacional da Federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas, lembrando que, no propio día do xuízo, a central xa advertiu que, con independencia do resultado deste procedemento, "a CIG non vai abandonar a súa acción sindical, nin nos imos atemorizar".

Destaca Bouzas Aboi que a folga foi completamente legal e que a CIG estaba lexitimada polas diferentes asembleas de traballadores/as. "A folga é a ferramenta fundamental que como clase traballadora temos para defender os nosos dereitos e Navantia tomou a decisión de demandar como unha medida de forza para rematar co conflito nas auxiliares, coartar a liberdade sindical e amedrentar ao persoal para que deixaran de secundar a folga".

Falta de lexitimación


A sentenza estima as tres excepcións alegadas pola CIG: falta de lexitimación activa de Navantia para solicitar a declaración de ilegalidade dunha folga convocada e seguida por persoal que non é o seu propio; falta de lexitimación pasiva dos membros do comité de folga para ser parte nun procedemento de carácter colectivo (que ademais non persegue a solución do conflito); e falta de adecuación do procedemento.

Non entra, polo tanto, a valorar o contido da demanda, mais si deixa constancia no relato de feitos probados de que os piquetes, fronte ao defendido por Navantia, actuaron sen violencia. Algo que a resolución considera se desprende incluso da proba achegada pala propia Navantia (vídeos, testemuñas, etc.), o que abunda na falta de fundamentos da demanda.

A CIG condena que unha empresa pública como Navantia utilice a xustiza para tentar restrinxir o dereito dos traballadores e traballadoras a reivindicar non xa melloras salariais e laborais, senón a recuperación dos dereitos roubados durante estes últimos anos. Como non pode ser doutro xeito, a CIG reafirma o seu compromiso na loita pola aplicación do acordos asinados para a industria auxiliar e a súa incorporación nun marco normativo que lle dea efectividade.

Fonte: Avantar. | Ferrol - 27 Abr 2018.  | Baixo licenza Creative Commons.
__________________

domingo, abril 29, 2018

#FolgaXustiza: Concentración en Ferrol, luns 30 de abril, ás 12:30hs, na Praza Amada Garcia, diante do Edificio da Xunta, en solidariedade coa loita das compañeiras e compañeiros de Xustiza que levan 82 días en Folga e que decidiron manter o paro indefinido mentres non se acade unha solución xusta e digna


Cun chamamento a toda a cidadanía, e en especial a todas as traballadoras e traballadores da Función Pública, en solidariedade coa loita das compañeiras e compañeiros de Xustiza que levan 82 en Folga e que decidiron manter o paro indefinido mentres non se acade unha solución xusta e digna. Pois gañou a votación a
Consciencia e a Dignidade, rexeitando o preacordo de CCOO, UGT, USO e CSIF coa Xunta - Gran lección de dignidade dos traballadores e traballadoras de xustiza.

Por unha solución xusta e digna

"A CIG Administración Pública da comarca de Ferrol convoca aos/ás empregados/as públicos/as e a todas aquelas persoas que queiran sumarse, a unha concentración o día 30 de abril ás 12:30 diante do Edificio administrativo da Xunta de Galiza en  Ferrol en SOLIDARIEDADE cos/as compañeiros/as de Xustiza en folga indefinida dende o 7 de febreiro. A súa resistencia e coraxe, a súa firmeza ante as presións fan necesario que lles fagamos chegar todo o noso apoio, que demandemos da Xunta de Galiza respeito diante da Negociación e do resultado das votacións dándolle solución as lexitimas reclamacións dos/as Traballadores/as de xustizas.| CIG-Administración Publica da comarca de Ferrol".

Pasaba o xoves 26 de abril

#FolgaXustiza: CIG, CUT e STAJ acusan a USO, CCOO, UGT e CSIF de “vender” aos traballadores/as- Vídeo

Denuncian que eses sindicatos rexeitaron hai unha semana o acordo que agora asinaron. Representantes na mesa de negociación da folga do sector de Xustiza da CIG, CUT e STAJ denunciaban que co preacordo asinado por USO, CCOO, UGT e CSIF coa Xunta de Galiza “consumouse a traizón á Xustiza en loita”. Cuestionan que a eses sindicatos hoxe lles sirva a mesma proposta que desbotaron hai unha semana; rexeitan que se relegue ao sector a permanecer sempre en non máis do sétimo posto, canto a salarios; denuncian que centos de traballadores/as que foron á folga quedarán excluídos e desmenten que para este ano lles vaian dar 300 euros como di o goberno, xa que as cantidades oscilarán entre os 61 e 67€ como máximo.


https://youtu.be/QR5VsiHyViU

Pasaba o venres 27 de abril

Posteriormente na votación que tivo lugar o venres 27 de abril as traballadoras e traballadores de Xustiza, rexeitaron o vergoñento acordo

#FolgaXustiza a Consciencia e a Dignidade gaña a votación, rexeitando o preacordo de CCOO, UGT, USO e CSIF coa Xunta - Gran lección de dignidade dos traballadores e traballadoras de xustiza - Fracasa a 'traizón' orquestrada pola Xunta - Unha mensaxe clara para Rueda, Feijóo e os catro sindicatos asinantes: a única proposta válida, e sobre a que hai que negociar, é a última presentada pola parte social - E van 80 días de Folga Indefinida. | Ir á Web.


@alternativaxus @ComitedeFolga @folgadexustiza #FolgaXustiza

____________

Homenaxe ao compañeiro Mel, o vindeiro venres 4 de maio, ás 19:30hs no Centro Cultural Carvalho Calero, dentro do Festival Inferniñofolk que el promovía - Onde participará a Escola de Gaitas da asociación veciñal 'O Rosario', máis o 'Grupo Berros do Castro'


Dentro da edición deste ano 2018 do Festival InferniñoFolk, vai-se realizar unha Homenaxe ao compañeiro Mel (Xosé manuel Sanxoán Caamaño), que terá lugar o vindeiro venres 4 de maio, ás 19:30hs no Centro Cultural Carvalho Calero, coa participación da Escola de Gaitas da asociación veciñal 'O Rosario', máis o 'Grupo Berros do Castro'. Coa colaboración do Concello de Ferrol, a propia  Asociasción Veciñal O Rosario - Inferniño, da cal foi cofundador e a AFC Terra Meiga (Asociación Folclorica Cultural de Ferrol).

Enlace relacionado:

Morreu o noso compañeiro Mel, activista e gaiteiro... un home bo, un bo Galego - Mel era un activista e gaiteiro, así quería que se lle recoñecera, a súa paixón pola música tradicional, a súa paixón polo social, a súa paixón polo seu traballo veciñal, a súa paixón por un Ferrol participativo... - Queremos-te compañeiro, sempre estarás con nós. | Ir á Web.
__________________

sábado, abril 28, 2018

Unha esterqueira na Porta do Sol, ... Por Xosé Manuel Galdo-Fonte - O cúmulo de escándalos e procesos xudiciais sobre corrupción, abertos contra destacados membros do PP madrileño, é de tal calibre e impacto, que esixe a celebración de novas eleccións e a dimisión de Rajoy pola súa complicidade


Unha esterqueira na Porta do Sol

Por Xosé Manuel Galdo-Fonte [*]
28.04.2018


O cúmulo de escándalos e procesos xudiciais sobre corrupción, abertos contra destacados membros do PP madrileño, é de tal calibre e impacto, que esixe a celebración de novas eleccións e a dimisión de Rajoy pola súa complicidade.

Os tránsfugas que no ano 2003 facilitaron coa súa vendetta que o PP se fixese co Goberno da Comunidade de Madrid, non só traizoaron naquel momento a vontade das urnas, senón que coa súa felonía facilitaron a institucionalización da corrupción como así o expresa a degradación incesante que desde entón e ata a actualidade acompañou a todos e cada un dos máximos Executivos que durante os últimos 15 anos non cesaron de saquear o patrimonio común da sociedade madrileña en beneficio propio e das siglas políticas de pertenza.

Tal parecer non debe entenderse como unha apreciación subxectiva deste autor, pois aínda que os directos afectados ademais de negarse a asumir o evidente, tratando de ocultar de todas as formas posibles as súas andanzas impúdicas, son os seus excesos os que saturan os xulgados, ateigan a función operativa de a Garda civil e nos medios de comunicación e plataformas sociais son cabeceira iterativa do desenfreo e a perversión política.

A complexa trama que burlando o resultado electoral cambiou a cor política do goberno de Madrid e permitiu que Esperanza Aguirre chegase á presidencia da Comunidade, foi tecida desde a cúpula do propio PP, cuxos máximos dirixentes fuxindo de  toda ética política non dubidaron en utilizar para a consecución dos seus perversos fins a dous subornados tránsfugas, conseguindo así que desde o mesmo momento da súa chegada ao poder a corrupción fose a práctica xeneralizada na súa denominada función de Goberno.

Pero co paso do tempo a ganduxada sucesión de todo tipo de prácticas delituosas mais alá de quedar en conxecturas evidenciou a todas luces que a podremia política e moral dexenerou nunha metástase que invadiu ao completo a estrutura da organización conservadora ata o extremo de consolidar un estado de corrupción sistémica e sistemática cuxo nivel de degradación alcanzou tal transcendencia que fai quimérico todo intento de rexeneración.

Os desencontros posteriores á "unidade de acción" que caracterizou desde o "tamayazo" o harmónico modus operandi do triunvirato conxurado conformado por Aguirre, González e Granados desde o 2003, é a reacción propia de quen sorprendido na súa “fechoría” tenta evadirse de culpa delatando aos seus cómplices; unha actitude confidente que entre delincuentes políticos dada a súa baixa talla moral faise mais habitual que entre a delincuencia común, e iso, en razón ao carácter de conveniencia que caracteriza a súa alianza de intereses e a nula integridade dos compoñentes que conforman estes clans delituosos.

E así a presidenta Aguirre instigadora daquel transfuguismo pestilente, que se progresou politicamente ao mesmo tempo que no seu feudo institucional cometíanse os sonoros escándalos como 'Gürtel', 'Púnica' e 'Lezo', foi vítima das súas propias prácticas ao ser a explosión dos devanditos casos, a causa que forzou que inesperadamente no ano 2012, ante a súa implicación vísese obrigada a presentar a súa dimisión como presidenta da Comunidade, aínda cando xustificaba o seu abandono aducindo como coartada a necesidade de dedicar mais tempo aos membros da súa unidade familiar.

Aquela saída forzosa, facilitou que o seu lugartenente González, tomase en substitución os bártulos do Goberno ata o final de mandato no ano 2015, que resultou ser tamén o punto final da súa carreira política pola súa implicación como beneficiario nunha turbia operación inmobiliaria como adquirente dun ático de luxo, que pasado o tempo, resultaría ser un anécdota no contexto dunha trama de corrupción de maior escala que lle conduciu ao cárcere e desatou o  proceso xudicial no que está implícito.

Foi por tanto a complicidade dos seus antecesores co mundo do hampa quen facilitou a candidatura de Cifuentes á Presidencia da Comunidade, aínda que contra todo prognóstico, aquela que se arrogaba honradez e honestidade política facendo gala da súa desvinculación co pasado e proclamaba afán rexenerador auspiciando un PP á marxe da corrupción; o certo foi que no transcurso dos últimos meses a imaxe proxectada e as expectativas creadas ao redor da súa persoa déronse de bruzos coa realidade ata o extremo que a súa enfermiza cleptomanía e os seus trastornos de mitomanía conducísena a idéntica situación que os seus predecesores acabando por situala fóra de circulación política.


Pero se o período do “tamayazo” mantén momentaneamente un "impasse" á espera de substitución da dimitida Cifuentes, a actualidade xudicial obríganos a retrotraernos ao ciclo inmediatamente anterior, ou sexa, as dúas lexislaturas que desde 1995 a 2003 ostentou Gallardón a función de Presidente da Comunidade , tendo en conta que o referido ex mandatario foi citado a declarar polo xuíz do 'caso Lezo' en condición de investigado (antigo imputado), pola súa implicación na compra presuntamente fraudulenta no ano 2001 da empresa colombiana Inassa por parte da Canle de Isabel II.

Unha turbia operación mercantil na que se albisca un presunto desfalco de varios millóns de euros, unha operación que, segundo Anticorrupción, estivo controlada por el ou por «a súa xente» e pola que imputa delitos de prevaricación e malversación; extremo que de confirmarse elevaría a 23 os anos do histórico de corrupción do PP madrileño, o que en boa lóxica, non se resolve coa substitución da Presidencia do Executivo senón coa convocatoria de novas eleccións previa expurga de candidatos concorrentes e a renuncia de Rajoy engadida pola súa condición de máximo responsable do partido.

---
Publicado no seu blogue de opinión: Que non se pare o tempo - "puntadas, pespuntes e ganduxes". | La Opinión - A Coruña. | 28 de abril de 2018.| Ir a Web.

[*] Xosé Manuel Galdo-Fonte, foi traballador de ASTANO e sindicalista, perante varias lexislaturas foi concelleiro polo BNG en Fene, dentro do Colectivo Avante, posteriormente pasou ao mundo empresarial, formando parte da Iniciativa Empresarial del Noroeste que se integrou en 2007 en IEN por Europa, da cal formou parte da súa xunta directiva. É articulista e analista político, os seus artigos están publicados en moitos dos xornais galegos, tanto impresos como dixitais. A súa última aposta política foi por Podemos Fene, na promoción da Agrupación Política de Electores Avante Fene (Grupo no Facebook).

Blogue:
http://galdo-fonte-xm.blogspot.com.es/
Conta facebook:
https://www.facebook.com/galdofonte
Conta no twitter | @galdofonte:
https://twitter.com/galdofonte
Escritos publicados no Diario de Ferrol:
http://www.diariodeferrol.com/opinion/autor/000045/xose-manuel-galdo-fonte
____________

Máis info en 'Casos Aislados':

Caso Gürtel. | En todo o territorio do Reino de España desde o ano 2007, cun coste aprox.: 201.400.000 euros, 175 implicadas | Ir á Web.

Caso Púnica. | En todo o territorio do Reino de España desde o ano 2004, cun coste aprox.: 500.000.000 euros, 145 implicadas. | Ir á Web.

Caso Lezo. | Na Comunidade de Madrid, cun coste aprox.: 23.500.000 euros, 57 persoas implicadas. | Ir á Web.

Tamayazo. | Nome que se lle dá ao caso da Asemblea de Madrid de 10 de xuño de 2003, onde os entón parlamentarios do PSOE, Eduardo Tamayo e María Teresa Sáez (supostamente foron comprados polo PP), non acudiron á votación para nomear a Rafael Simancas como presidente da Comunidade de Madrid, candidato dunha alianza entre PSOE e IU. A ausencia de Tamayo e Sáez naquela votación derivou na convocatoria de novas eleccións que, o 26 de outubro de 2003, gañou por maioría absoluta o PP, converténdose Esperanza Aguirre en presidenta da Comunidade de Madrid. | Ir ao Buscador.
_____________________

venres, abril 27, 2018

#FolgaXustiza a Consciencia e a Dignidade gaña a votación, rexeitando o preacordo de CCOO, UGT, USO e CSIF coa Xunta - Gran lección de dignidade dos traballadores e traballadoras de xustiza - Fracasa a 'traizón' orquestrada pola Xunta - Unha mensaxe clara para Rueda, Feijóo e os catro sindicatos asinantes: a única proposta válida, e sobre a que hai que negociar, é a última presentada pola parte social - E van 80 días de Folga Indefinida




#FolgaXustiza a Consciencia e a Dignidade gaña a votación, rexeitando o preacordo de CCOO, UGT, USO e CSIF coa Xunta de Galicia.


Resultados da votación que rematou hoxe, 27 de abril de 2018, ás 17.00hs



SI
NON
FERROL
49
54
A CORUÑA
237
172
COMPOSTELA
109
34
PONTEVEDRA
50
184
VIGO
112
204
OURENSE
135
102
LUGO
54
86
GALIZA
746
836

Gran lección de dignidade dos traballadores e traballadoras de xustiza. | Fracasa a "traizón" orquestrada pola Xunta co apoio de USO, CCOO, UGT e CSIF.

Os traballadores e as traballadoras de xustiza deron hoxe unha enorme lección de dignidade rexeitando o preacordo "da traizón" asinado onte por USO, CCOO, UGT e CSIF coa Xunta de Galiza: 836 votos en contra por 746 votos a favor. Unha mensaxe clara para Rueda, Feijoo e os catro sindicatos asinantes: a única proposta válida, e sobre a que hai que negociar, é a última presentada pola parte social.

"Esta é unha vitoria importante dos traballadores e as traballadoras e unha lección de dignidade para esas catro organizacións sindicais que asinaron ese preacordo da vergoña e que deixaron tirados/as ao todo o persoal que leva máis de dous meses pelexando polos seus dereitos", valoraba o secretario nacional da CIG-Xustiza, Xesús Sánchez, tras coñecerse o resultado das votacións nas diferentes cidades.

Neste senso, lanza unha chamada de atención ao vicepresidente e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, quen dende hai semanas viña reclamando que se sometera a consideración do persoal a oferta da Xunta: "agora xa sabe que a única proposta que lles vale aos traballadores e ás traballadoras é a última oferta presentada polo comité, pero en ningún caso a que a administración trapicheou cos eses catro sindicatos de costas ao persoal".

Reitera que "a Rueda non lle queda outra que negociar con nós a nosa proposta, porque hoxe os traballadores e as traballadoras foron claras". E ironiza sobre a clase de argumentos que "inventará" agora a Xunta para seguir tentado deslexitimar a folga e as xustas reivindicacións do persoal de xustiza. Aínda que desta volta non lles vai chegar con intoxicar a través deses medios de comunicación que tan ben se prestan a facerlle o xogo ao Goberno do PP. "Querían un referendo e xa o teñen, que asuman os resultados", asevera.

Unha "traizón" fracasada

A folga da xustiza continúa adiante con forzas renovadas e serán USO, CCOO, UGT e CSIF quen teñan que dar explicacións aos empregados e empregadas pola súa "traizón". A este respecto, Sánchez subliña que, seguindo os postulados da Xunta, estas centrais sindicais nin sequera convocaron asembleas para explicar ao conxunto do persoal o contido do preacordo, senón que optaron por sometelo directamente a votación, no convencemento de que sairía o si. "Nós si fixemos asembleas en todas as cidades para explicar o que aconteceu na reunión de onte coa administración, porque esa era unha das demandas do persoal".

Sobre o proceso, Sánchez critica que non lles deixaron revisar os censos, que se permitiu a votación a todo o persoal (aínda que na papeleta se mencionaba expresamente ao persoal en folga) e que as cúpulas deses catro sindicatos estiveron presentes durante as votacións e o reconto, chegando incluso a mobilizar a delegados/as doutros sectores que nada teñen que ver coa xustiza, para controlar o proceso. Un proceder que recibiu un amplo rexeitamento por parte do persoal, que ao longo de toda a xornada amosou de maneira evidente a súa oposición ao preacordo asinado.

Queda agora un camiño por recorrer e o sector de Xustiza da CIG manterá mañá unha xuntanza de traballo para abordar as accións e propostas a desenvolver na vindeira semana, que despois trasladarán ao resto de sindicatos para unha posta en común.

Fonte: Avantar, baixo licenza Creative Commons.
____________________

Indignación na rúa pola sentenza da vergoña, pedindo a inhabilitación dos maxistrados - En Ferrol como en toda Galiza e no resto do Estado, este 26 de abril, centos de persoas mobilizaron-se contra a xustiza machista que volve golpear nos dereitos das mulleres - Vídeos e Fotos


Porque non hai xustiza posíbel nunha sociedade machista, centos de persoas saíron ás rúas en Ferrol, como en toda Galiza e no resto das nacións e territorios do Estado, nunha mobilización de protesta, diante do edificio dos Xulgados, onde quedaron as rúas cortadas, para unha vez leido un comunicado da Marcha Mundial das Mulleres, partiu unha manifestación que se achegou até a Praza de Armas, diante da Casa do Concello, onde se estaba celebrando o Pleno Ordinario de final de mes que quedou paralizado, mentres o Alcalde, concelleiras e concelleiros dos grupos do BNG, Ferrol en Común, PSOE e concelleiras non adscritas baixaron á Praza para sumar-se á mobilización. Mentres os concelleiros e concelleiras do grupo do Partido Popular e a de Ciudadanos quedaban na sala de Plenos, acatando a infame sentenza. Na mobilización tamén participou a Alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro.

A continuación presentamos os vídeos da mobilización desta tarde, do 26 de abril de 2018, contra a xustiza machista que volveu golpear nos dereitos das mulleres, unha acción que amosou a súa indignación na rúa pola sentenza da vergoña, pedindo a inhabilitación dos maxistrados da Audiencia de Navarra que xulgaron o caso chamado de "La Manada" que cualificaron a brutal violación colectiva de "abusos sexuais". En toda Galiza e no resto do Estado tiveron lugar mobilizacións similares á producida en Ferrol.


https://youtu.be/7Y-tUutuY2o


https://youtu.be/pt6b8r3WeqU


https://youtu.be/zb6PnytoOjY


https://youtu.be/YRyzaizjT1c


https://youtu.be/Kp2DBQbEapU








#querémonosvivas #feminismoparavivir #machismomata #nenunhamenos #xustizamachista

Para poñer-se en contacto coa Marcha Mundial das Mulleres na Comarca:

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
twitter.com/MMMGaliza


Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.
_________________

Documentación:

Texto integro da Sentenza 00038/2018 da sección Segunda da Audiencia Provincial de Navarra. | Procedemento sumario ordinario 0001670/2016 - 00 Xdo. Instrución Nº 4 de Pamplona/Iruña | Proc.: PROCEDEMENTO SUMARIO ORDINARIO Nº: 0000426/2016 | 371 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
______________
_________________________

xoves, abril 26, 2018

Actualización sobre a acampada #FolgaXustiza - 79 días en folga indefinida - A Xunta maniobra para romper a unidade sindical e a folga


Actualización sobre a acampada #FolgaXustiza


Os sindicatos Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ convocan ás outras catro centrais do comité de folga --SPJ-USO, UGT, CC.OO. e CSIF-- e á Xunta a unha reunión este venres, 27 de abril ás 10 da mañá, para "poñer fin ao conflito" na xustiza.


https://youtu.be/wJXLAwavp_A

Canle de Pilar Amara.

_____________

Porque non hai xustiza posíbel nunha sociedade machista, hoxe 26 de abril saímos ás rúas, en Ferrol, como en toda Galiza e no resto das nacións e territorios do Estado, terá lugar unha mobilización de protesta, ás 20:30hs, diante dos Xulgados - Contra a xustiza machista que volve golpear nos dereitos das mulleres


[ Mobilizacións ] HOXE 26 DE ABRIL / Contra a xustiza machista que volve golpear nos dereitos das mulleres. Porque non hai xustiza posíbel nunha sociedade machista, hoxe saímos ás rúas en todo o país. #querémonosvivas #feminismoparavivir #machismomata #nenunhamenos #xustizamachista

MOBILIZACIÓNS PREVISTAS PARA HOXE XOVES 26 DE ABRIL:
  • Vigo, 20.30h no Marco
  • Bertamiráns, 19.30h Praza da Mahía
  • Compostela, 20h Praza 8 de marzo
  • Lugo, 20.30h ás portas do Concello
  • A Coruña, 20h no Obelisco
  • Pontevedra, 20h na Audiencia Provincial
  • As Pontes, 20.30h ás portas do Concello
  • Ourense, 20h na Castañeira
  • Noia, 20h ás portas do Concello
  • Ferrol, 20.30h nos xulgados
  • Vilagarcía, 20h ás portas do Concello.
  • Cangas, 20h ás portas do Concello.
  • Vilalba, 20.30h na Praza do Concello
  • Cee, 20h na Praza 8 de Marzo
  • Teo: 19.30h. Concello
  • Viveiro: 20h. Praza Maior
  • Burela: 20.30h. Praza do Concello
  • A Estrada: 20.30 h. diante do Concello
  • Monforte:  20h. Praza de España
  • Sarria: 20h. Concello
  • O Barco:  20.15 h. Concello
  • Redondela: 20.30h. diante do xulgado
  • Ribadeo: 21h Praza 8 de Marzo
  • Ponteareas: 20h. diante dos xulgados
_________

Documentación:

Texto integro da Sentenza 00038/2018 da sección Segunda da Audiencia Provincial de Navarra. | Procedemento sumario ordinario 0001670/2016 - 00 Xdo. Instrución Nº 4 de Pamplona/Iruña | Proc.: PROCEDEMENTO SUMARIO ORDINARIO Nº: 0000426/2016 | 371 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.
______________
______________________

mércores, abril 25, 2018

A revolta das mulleres e a soberanía alimentar, ... Por Iolanda Teixeiro Rei - As crises alimentarias ou de subsistencias, acompañadas das cíclicas pestes, foron unha constante na historia das sociedades clasistas agudizadas co capitalismo e a desposesión dos territorios e a vida comunitaria.


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]

25.04.2018

A REVOLTA DAS MULLERES E A SOBERANÍA ALIMENTAR

A iniciativa dos nacionalistas, vimos de comemorar en Trasancos, no pasado marzal, o centenario da coñecida como Revolta das Pedradas ou Revolta das Mulleres, pois elas foron as protagonistas principais dos feitos. Ao que parece, os días 8 e 9 de marzo de 1918 iniciouse a primeira protesta na feira de Xuvia ao proibir o governador a saída de trigo para a bisbarra o que encareceu o pan e fixo que as mulleres iniciasen as protestas perante os negocios e comercios dos acaparadores. A única resposta foi a represión armada. Artéllanse o 10 as comisións de mulleres que, como protesta, coutan o suministro de alimentos e materias a Ferrol mirando a un tempo de negociar co governador mentres arremesan as pedradas contra os comerciantes responsabeis das persoas feridas. Axiña, os días seguintes, únense as mulleres de Ferrol e Serantes que sitian Ferrol cortando todos os accesos polas rúas, o porto e os camiños de ferro. Somando o apoio dos obreiros do estaleiro  e o arsenal que convocan un paro xeral. Pechan os comercios e ao berro de Temos fame! Abaixo os acaparadores! (lema tristemente actual) maniféstanse polas rúas. A represión con disparos fai que morran un neno e un mozo. Como di Francisco Rodríguez, seguen dez días de axitación e de represión sanguenta. En Maniños, as mulleres asaltan un comboio de fariña quitándolle toda a carga e repartíndoa. A escaseza e altos prezos dos alimentos básicos como a fariña, o trigo e o pan, motivada pola especulación dos acaparadores en plena guerra mundial, levaran ao povo de Trasancos a unha situación de desesperación e fame de tal calibre que as mulleres, responsábeis da subsistencia das familias, víranse abocadas a revoltarse contra tamaña inxustiza social. As forzas caciquís foron o albo das súas xustas reclamacións. E unha vez máis, como hoxendía, as pedras do povo erguéronse contra as balas do poder. O que despois aconteceu está a dispor de todos grazas á recuperación da memoria histórica de tales feitos divulgados en palestras, na hemeroteca e na estupenda monografía que nos brindou Sermos Galiza.

Mais tralo louvabel relato do pasado e os diversos actos de homenaxe por todo Trasancos, bótase en falla unha actualización de comparanza do acontecido na Revolta das Mulleres con miras no presente e proxeción de futuro.

Porque a Revolta das Pedradas ten certos paralelismos de ocupación colonial coa Intifada palestina nos territorios ocupados polo Estado de Israel. E non só polo feito de vermos o arrebolamento dunha pedra contra unha bala. Símbolo acaso lucidío do desmedido da inxustiza e da afouteza dun povo desesperado que non se rende.

As crises alimentarias ou de subsistencias, acompañadas das cíclicas pestes, foron unha constante na historia das sociedades clasistas agudizadas co capitalismo e a desposesión dos territorios e a vida comunitaria. A progresiva perda da soberanía alimentar está detrás de todas estas revoltas. Xa en 1892 o comunista libertario Piotr Kropotkin escrevía A conquista do pan amosando cómo o feudalismo e o capitalismo creavan miseria e escaseza no povo para privilexiar o engorde das clases nobre e burguesa, respectivamente. El defendía a necesidade dun sistema económico descentralizado baseado na axuda mutua e a cooperación voluntaria. Algo moi coñecido no sistema minifundiario galego rural se non fora polo acoso do poder e a globalización capitalista dos mercados.

Mais que ocorrería hoxe se, de sócato, por un suceso incontrolavel nun mundo hiperdependente da globalización selvaxe do Capital, pecharan hoxe os portos, as estradas e os camiños de ferro?. E se no canto de as mulleres revoltármonos contra a miseria á que hoxe nos sumeten os actuais acaparadores especulativos (banca e transnacionais) fora un colapso enerxético quen fixera inviabel o tráfico de mercadorías de primeira necesidade. E se ás grandes superficies deixaran de chegar as froitas tropicais, as peras chilenas, as laranxas mexicanas, os polbos marroquinos, os cereais alleos, e un longo etcétera de alimentos que deixamos de producir os galegos por térennos expropiado o territorio para lucro das transnacionais. Porque hoxe perdimos a nosa soberanía alimentar!. E só fica un ermo eucaliptal non comestivel. As hortas botáronse a perder co éxodo rural políticamente programado, coa especulación urbanística e coa política das grandes superficies que son o reino dos Monsanto, dos Novartis, dos DuPont, dos Advata...que nos impoñen selvaxes tratados de livre comercio como o TTIP e dirixen as políticas públicas alimentarias de todo o planeta. Adónanse das sementes e incluso dos recursos hídricos. Secuestrando o suministro mundial de alimentos, como moi ben aponta Vandan Shiva en Colleita roubada. Así que se hoxe fixeramos unha revolta das mulleres, contra quen arremesariamos as pedradas?.

[*] Iolanda Teixeiro Rei -Ferrol, activista ecoloxista e decrecentista, articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Sermos Galiza.



Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
20 de abril de 2018 11:16

_______________