Amosando publicacións coa etiqueta Ría de Ferrol. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ría de Ferrol. Amosar todas as publicacións

mércores, outubro 26, 2022

Barcos de Papel para Patrimonio Mundial, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
26.10.2022


BARCOS DE PAPEL PARA PATRIMONIO MUNDIAL

O concello de Ferrol acaba de facer a botadura simbóloca de 30.000 barcos de papel para promocionar a candidatura da cidade a Patrimonio Mundial da Unesco. Nada menos que treinta mil! Burro grande ande ou non ande.

E aí entra o decrecentismo como fondamente diferente das propostas da economía circular do capitalismo verde. Hai quen pensa, como a edil do ramo, que producir papel procedente de algas non máis que para facer un acto simbólico desas proporcións é unha iniciativa ecolóxica. E incluso considera a botadura como un proceso natural.

Que mensaxe de educación ambiental lle estamos enviando aos nenos desde as institucións? Que producir, amais un produto innecesario, non contamina? Que o proceso de producir é limpo e xebre e non consume, por exemplo, un ben tan fundamental como auga?.

Hai tan pouca imaxinación para pensar nunha asociación innecesaria entre Armada e Ilustración?. Tan pouco siso como para involucrar ás escolas nun proxecto Ferrol. Porto da Ilustración?

Tendo a ría máis contaminada non sería mellor proposta de candidatura sanear a ría para recuperar o ecosistema mariño implicando a mariscadores e profesionais do mar como biólogos, oceanógrafos… e facer educación ambiental co obxectivo de recuperar a ría e a economía sostivel?.

Contamos contigo, disque. Non sei convosco. Comigo, non.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com-
25 de outubro de 2022 14:38

_______ _______

xoves, xullo 21, 2022

A Ecomarcha ciclista 2022 chegou onte a Reganosa, onde se realizou un acto nas inmediacións da planta de regasificadora


A Ecomarcha ciclista 2022 chegou onte a Reganosa

Hoxe mércores 20 de xullo, una representación do Comité Cidadán de Emerxencia acudiu a Mugardos, para diante da Planta de Gas de Reganosa recibir á Marcha Ciclista de Ecoloxistas en Acción que co lema “Sempre Mais” recorre Galicia reivindicando causas sociais e ambientais.

Un representante da Ecomarcha 2022, Fixo a presentación do Informe “GNL: Ao caos climático pola vía líquida”, intervindo tamén, en nome do CCE, para salientar as irregularidades o perigo e o fraude de REGANOSA, o Coordinador Manuel Rodríguez Carballeira, o membro do mesmo Carlos Álvarez e a avogada Patricia Gabearas.

A Continuación tivo lugar un xantar de confraternización no Campo dos Carneiros.

Álbum Fotográfico (fotos de Lupe Ces e Fer OM) . Acceder/Baixar.

No actopresentou-se o Informe "GNL: AO CAOS CLIMÁTICO POLA VÍA LÍQUIDA . 10 razóns polas que o gas fósil licuado non é unha opción" | Acceder/Baixar.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
20 de julho de 2022 22:20

_______

martes, xullo 19, 2022

A Ecomarcha ciclista 2022 de Ecoloxistas en Acción, co lema 'Sempre Máis', chegará este mércores 20 de xullo a Mugardos e será recibida no Cruce da Pedreira, polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol


Mércores 20 de xullo, en Mugardos, ás 13:00hs, no Cruce da Pedreira, encontro e comida coa Ecomarcha ciclista 2022 de Ecoloxistas en Acción que está percorrendo Galiza, sinalando puntos medioambientalmente sensíbeis ou afectados por agresións contra o medio.

A Ecomarcha ciclista 2022 de Ecoloxistas en Acción, co lema “Sempre Máis”, que chega á R´ia de Ferrol, será recibida no Cruce da Pedreira, á 1 da tarde, polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e cantas persoas queiran sumarse, para marchar cara á Planta de Gas de Reganosa, onde presentarán o INFORME GNL (Gas Natural Licuado). Logo, no Campo dos Carneiros, celebrarase un xantar de confraternización coas viandas que leve cada quen.

Esta marcha ciclista que comenzou o día 9 en Pontevedra rematará o día 24 en Lugo tras recorrer Santiago, A Costa da Morte (neste próximo 20º aniversario do Prestige), A Coruña, e outras comarcas de Galicia, como a nosa, reivindicando causas sociais e ambientais, como ven facendo desde 2010.

Animádevos a participar!

Ecomarcha 2022

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
18 de julho de 2022 11:29

_______

domingo, maio 30, 2021

Foco de contaminación - A Ría de Ferrol: media vida doente e industrializada, ... Por Pablo J. Rañales Pérez - A contaminación da Ría de Ferrol ... naceu pinga a pinga, converténdose nunha enfermidade crónica que aínda perdura na actualidade


FOCO DE CONTAMINACIÓN
A Ría de Ferrol: media vida doente e industrializada

O cortoplacismo no deseño de infraestructuras, os vertidos industriais e unha inexistente depuración ata fai apenas catro anos marcan o pasado, presente e futuro de ríaa ferrolana


Por Pablo J. Rañales Pérez [*]
30.05.2021


A contaminación da Ría de Ferrol non xurdiu a partir dun proceso efervescente e de pura combustión. Ao contrario, naceu pinga a pinga, converténdose nunha enfermidade crónica que aínda perdura na actualidade. A explicación ao que sucedeu nesta unión de auga salgada e doce situada no noroeste de Galicia non é simple; non existe un responsábel único dos procesos de contaminación, senón que se constitúe como un traballo colectivo, sustentado principal e sinteticamente, como expoñen as persoas consultadas para esta reportaxe e a documentación analizada, pola non-xestión e uns intereses e necesidades con perspectivas cortopracistas.

Nun momento de posíbeis transformacións estruturais, amparadas pola chegada dos fondos Next Generation a Galicia, cobra especial relevancia o concepto de sostibilidade medioambiental. Xunto coa dixitalización, a comunidade autónoma enfróntase ao reto de transformar os modelos produtivos industriais en novas formas de organización sostíbeis a longo prazo, de face a aproveitar as sinerxías do diñeiro europeo. A sociedade galega mira ao futuro, pero tamén podería botar a vista atrás para entender que sucedeu cos seus espazos naturais.

O sábado 24 de abril, ante a planta regasificadora de Reganosa, situada na Ría de Ferrol, a terceira máis utilizada no sistema español, a Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dous Fondos Europeos concentrábase para denunciar falta de transparencia e de participación civil na asignación autonómica dos fondos Next Generation. Algúns dos lemas expostos na concentración axudan a entender a dirección das súas críticas: "Non máis diñeiro para quen contamina". Como telón de fondo deste acto, os tanques agrisados da planta de gas, pintados dun abanico de cores (azul, laranxa, amarelo, verde, violeta) e situados a un quilómetro das 65.000 persoas que viven en Ferrol. A concentración desta agrupación civil constata un feito: na Ría de Ferrol saltaron algunhas alarmas para evitar que se repitan os mesmos erros do pasado.

De face a entender mellor o contexto medioambiental da zona, Xan Rodríguez Silvar, director e fundador da delegación ferrolana da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), ademais de activista medioambiental, repasa durante unha hora e corenta e cinco minutos as grandes construcións que se realizaron na Ría. Unha a unha, compara fotos actuais con instantáneas dos 60. Nese período de tempo, pódense comprobar os cambios, as consecuencias e os efectos da contaminación. A exposición que leva a cabo Xan Rodríguez é o resultado de corenta anos de activismo, como corenta anos ten a delegación da Sociedade Galega de Historia Natural.

Que presenciou Xan polo camiño? O máis evidente, unha subida no ranking: a Ría de Ferrol é a segunda máis contaminada de toda Galicia, por detrás da área de Vigo, pero tamén perdeu en torno a 3.000 especies mariñas, segundo o catedrático de zooloxía mariña pola USC e director da Estación de Bioloxía Mariña da Graña, Victoriano Urgorri. De igual xeito, foi das máis sometidas a recheos e obras, con máis de tres millóns de metros cúbicos, segundo datos aportados polo xornal El País. Por haber, houbo ate galardoes, coa entrega do premio á contaminación en 2016 por parte de Ecoloxistas en Acción, baixo o marco das súas "Bandeiras Negras".

Xan Rodríguez contextualiza o inicio da contaminación de Ferrol. "Do século XVIII a mediados do XX xa existe un impacto medioambiental na zona. Pasar de mil, mil e pouco habitantes en Ferrol Vello a vinte e cinco mil" Aí xa hai vertidos a ríaa?, declara. É a denominada contaminación orgánica, produto da actividade humana nos seus fogares. Os séculos XVIII e XIX son momentos craves na expansión urbana de Ferrol, pero tamén dos estaleiros en auxe. É o Ferrol da Ilustración, porto fundamental na construción de buques para a Armada da man de Felipe V e Fernando VI.

Pero, máis aló do crecemento demográfico da zona, o verdadeiramente diferencial para alcanzar as máximas cotas de contaminación arrinca no século XX. En gran medida, a historia da Ría está interrelacionada coa expansión industrial, marcada polo franquismo en todo o territorio nacional. Atopamos unha data crave: 1953, a fundación de Megasa Siderúrgica S.L., propiedade da familia Freire, unha fábrica de aceiro corrugado en barra, en rolo salvaxe e de alambrón. A fábrica está situada no corazón da Ría, a 9 quilómetros do porto de Ferrol, unha posición xeográfica estratéxica que favorece o transporte e, tamén, as actividades da industria siderúrxica. Pero, en contrapartida ao aumento dos beneficios económicos, hai uns custos medioambientais.

"Megasa importa chatarra do mercado internacional para fabricar material de construción. Descargan a chatarra no porto interior de Ferrol, cunha uña ao aire libre, ao besta, e levan os materiais por estrada á fábrica para fundilos. O problema é que fundir chatarra xera escoria, refugallos que se teñen que xestionar", explica Rodríguez Silvar.

Ao subir a marea, a auga entraba en contacto coa escoria arroxada, segundo o director da SGHN, directamente a terra ou á ribeira. Con Megasa, e tendo en conta que a súa vida empresarial desenvólvese desde mediados da década dos 50, xa se consolida un historial longo de metais pesados industriais e residuos que deterioraban o ecosistema medioambiental da Ría.

A fábrica segue funcionando na actualidade, con discreción, parapetada tras unha fileira de árbores. Preto dela, atopamos un parque para cans, o paseo marítimo do pobo de Xuvia e vivendas civís. Unha vista rápida desde Google Maps axuda a entender mellor que hai detrás do vexetal, xusto á beira da poboación local: grandes montañas de chatarra que se someten a fortes procesos de transformación para reconverterse en aceiro. A sé dun gran imperio industrial, acubillada nas entrañas da Ría ferrolá, funciona a toda potencia coa mesma discreción que a súa familia propietaria. Os Freire, á fin e ao cabo, apareceron reiteradas veces na revista Forbes como as fortunas máis ricas de España, con cifras próximas aos 750 millóns de euros, pero apenas se expoñen ao ollo público.

Un espazo de enxeñerías low cost

O catedrático Victoriano Urgorri sintetiza para El País os tres factores craves no deterioro medioambiental da Ría, apoiados tamén pola análise de Xan Rodríguez Silvar. O primeiro, mencionado anteriormente, é a contaminación orgánica a partir dos vertidos producidos nos fogares dos ferrolterranos, non debidamente depurados ate fai apenas uns anos. O segundo factor, os vertidos industriais, consolidouse ao redor da actuación de Megasa, pero tamén con outras empresas como Forestal del Atlántico, un complexo petroquímico situado na Ría, ou os estaleiros da actual Navantia (Astano e Bazan), o símbolo da construción naval de Galicia. O terceiro gran mal desenvólvese nas obras civís realizadas na Ría, que desembocaron nunha ocupación do terreo irreversíbel, da man duns vertidos que quedaron sedimentados no fondo da Ría. Difíciles de extraer e difíciles de solucionar.

As ampliacións dos estaleiros, a reconstrución da ponte das Pías tralo choque do Discovery Enterprise, a instalación dun porto carboeiro... todas estas obras civís construídas sobre a Ría son cualificadas por Xan Rodríguez como "enxeñería low cost", destinadas a satisfacer as necesidades da forma máis barata e rápida posíbel, pero acelerando a sedimentación e impedindo o paso da auga. Con todo, de entre todas elas, hai unha que destaca por encima do resto: o porto exterior de Ferrol, 70.000 metros cadrados cun dique de abrigo de máis dun quilómetro de distancia.

Sentados na mesma terraza do peirao de Mugardos, unha vila mariñeira que non se entende sen o seu vínculo coa pesca e a Ría, pero en distintos días e franxas horarias, Evaristo Martínez e Luís Alonso, o primeiro recente mariñeiro de 23 anos e o segundo, pescador de baixura na Ría de Ferrol, falan dos seus oficios vinculados ao mar. Ambos falan, tamén, do porto exterior. E Evaristo Martínez e Luís Alonso, sentados na mesma terraza, pero en distintos días e franxas horarias, chegan á mesma conclusión: esa construción cambiouno todo.

"O porto exterior transformou o fluxo de entrada e saída do auga; antes entraba con moita máis forza que agora. Perdeuse intensidade ao estreitar a boca e non hai a mesma renovación", explica Evaristo Martínez. Tamén Xan Rodríguez, desde a Sociedade Galega de Historia Natural, corrobora as transformacións no fluxo das augas, principalmente coa construción do longo dique de abrigo sobre o que se estampan as olas e as correntes. Esta renovación é un tema central para o ecosistema dunha ría, sobre todo si temos en conta que a súa biodiversidade se fundamenta no equilibrio entre a auga salgada e a auga doce.

Este porto exterior constitúese como a obra cumio de todo un historial de construcións civís e empresas industriais dentro dunha ría angosta, pequena, 18 veces menor que a ría de Arousa: Megasa, complexos de Astano-Navantia, ponte d'As Pías, porto interior carboeiro, planta química de Forestal del Atlántico, a regasificadora de Reganosa e o porto exterior. Sete grandes intervencións, todas nunha mesma ría. E todas, en maior ou menor medida, terminaron ou ben vertendo residuos, ou ben gañando espazo, coméndollo á auga, creándo-o si non o houbese. Un impacto construtivo que pasa factura.

Desde a óptica mariñeira, tanto Luís Alonso como Evaristo Martínez coinciden en que o máis lóxico fose evitar a construción da planta de gas ou do porto exterior. Martínez conclúe que "igual deberían escoitar á xente de mar de aquí; non construír estas cousas que puideron interesar nun pasado, pero a moi curto prazo". Nas súas palabras asoma o cortopracismo e a industrialización desmedida da Ría de Ferrol.

Ao longo das últimas décadas, a sociedade civil galega tamén denunciou de xeito público e reiterada a situación á Comisión de Peticións da Unión Europea. De feito, é posíbel atopar peticións cidadás do ano 1999 e 2006, que aportaban probas sobre diferentes vertidos contaminantes, avisos constantes centrados na urxencia medioambiental das rías galegas. Este proceso de queixas tardou anos en ter algún tipo de movemento político; en 2013, unha comisión de investigación, xestionada en gran parte pola actual eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Ana Miranda, chegaba a Galiza para comprobar a solidez das denuncias da cidadanía, que achacaban a diferentes niveis administrativos nacionais e autonómicos unha falta de aplicación de Directivas europeas. A visita imbuíase dun certo simbolismo, ao atender por fin as peticións civís.

En teoría, esta comisión de investigación visitaría as rías d'O Burgo e Vigo e redactaría un informe consensuado, non vinculante pero crave para recibir futuros fondos europeos.

Na práctica, non foi, nin moito menos, así.

Houbo fortes discrepancias entre os membros da comisión, pertencentes a diferentes partidos. O resultado da investigación e primeira visita de eurodeputados saldouse cun texto que saía á luz con frases censuradas e rodeado de discusións. Segundo o artigo "Os vertidos disfrazados de Ferrol" de El País, o PPE (Partido Popular Europeo) manobrou para sacar á luz un informe con cambios non comunicados previamente ao resto de grupos europeos.

As frases eliminadas do texto final, recollidas pola xornalista Belén Domínguez Cebrián para El País, aludían a unha realidade preocupante, de emerxencia medioambiental e socioeconómica. Referíanse, en esencia, á enfermidade crónica da Ría, á excesiva industrialización e á mala utilización de fondos europeos.

No informe feito público, non hai referencias a ningunha enxeñería low cost, como as define Xan Rodríguez, nin ás consecuencias dos recheos e obras civís ou ao cortopracismo que critica Evaristo Martínez. Si que hai, en contraposición, un conflito narrativo constante entre os seus asinantes, unha pugna de valoracións, argumentos e contraargumentos que se desenvolve nos pés de páxina do escrito.

Que resumo pódese facer de todo isto? Que palpita por detrás da Ría ferrolana? Xan Rodríguez presenta unha tese aglutinadora: "A Ría estivo sempre, a partir do XVIII, a mercé de poderes superiores. Agora non é a coroa de España, pero pode ser Endesa".

As feridas da contaminación

Os efectos da contaminación son medioambientais pero tamén socioeconómicos. Os primeiros levaron á Ría a ser a máis contaminada en cobre e a unha gran perda de biodiversidade. Os segundos, máis complexos aínda, están relacionados co valor económico e ate cultural que ten o marisqueo na zona: a contaminación reduciu postos de emprego, capacidade de produción e a calidade laboral da pesca de baixura. Luís Alonso é tallante: "Sinceramente, os pescadores que se quedan pola zona de Ferrol non sé como viven. Non poden darlle as contas".

Por detrás da contaminación, existe un problema estrutural latente: o complicado futuro dun oficio de tradición simbólica e histórica, a pesca artesanal. Sobre a mesa, o gran reto é atopar unha posíbel substitución xeracional. Nese sentido, os vinte anos de traballo pesqueiro de Luís Alonso lévanlle a afirmar que "si volvese ter 22-23 anos, cambiaría de oficio" O seu fillo quere seguir os seus pasos pero a el non lle gusta "que vaia para o mar porque non ten futuro". "Eu buscaría outro traballo: carpintería, albanelería. Preferiríao. Nisto quedarán catro contados; o que compra un barco é para intentar vivir el, só el" di.

Con todo, aínda queda unha físgoa para a esperanza: as depuradoras locais están en funcionamento desde 2017. Iso si, calculábase que a depuración chegaría en 2009. Xan Rodríguez apunta que ate nos anos 90 xa había promesas sobre a súa construción. O saneamento tardou en chegar á Ría dez anos por encima do planeado; era a única que estaba sen depurar. Houbo décadas de marxe para que a enfermidade final, a contaminación crónica, puidese xestarse.

O Diario de Ferrol informaba en 2018 de que a área librábase das "Bandeiras Negras" de Ecologistas en Acción grazas á calidade das súas augas. A contaminación orgánica, derivada da actividade humana, ten xa un rival nas centrais de depuración. No entanto, o catedrático en zoología Victoriano Urgorri explicaba para o mesmo diario local que en ningún caso poderase volver á situación anterior: as alteracións físicas son irreversíbeis, tendo en conta que parten de grandes obras, e afectaron ao fluxo das correntes e á supervivencia de moitas das especies da Ría ferrolá.

Xan Rodríguez fala das posíbeis solucións. Non hai ningunha fácil: máis aló do saneamento integral en marcha, é complicado suprimir os recheos sedimentados no fondo da Ría ou eliminar as consecuencias directas dos vertidos industriais. Todos os plans requiren dun custo moi alto en términos económicos e de tempo. Trataríase dun "Plan Marshall de enxeñería" complicado de xestionar a medio-longo prazo.

Cabo preguntarse que papel poden xogar os fondos Next Generation no futuro da Ría de Ferrol, pero tamén na reconfiguración medioambiental de Galicia para o século XXI. A ría ferrolana ensina que é fundamental saber a quen se beneficia, para que e por que, nun intento por non repetir os mesmos erros do pasado. Nese sentido, as últimas informacións dispoñíbeis apuntan a catro grandes entes encargados da canalización dos fondos europeos en Galicia: Abanca, Reganosa (propietaria da planta de gas de Mugardos), Sogama e Xunta, a partir dunha sociedade limitada público-privada ideada polo propio goberno.

A crise da covid-19 e tamén a chegada dos fondos europeos sitúan á sociedade civil e ás administracións públicas locais ante un reto: o de facer xustiza nun espazo natural do que saíron, nalgunhas limpezas nas que participou o mariñeiro Luís Alonso, xa fai quince anos, desde rodas de automóbiles e cabinas de teléfono ate escaleiras de aluminio. A Ría foi, é e queda pendente saber si continuará sendo ese buraco negro xigantesco e tranquilo que tragou todo sen chistar, unha e outra vez, ano tras ano, e sobre o que ninguén pode calcular exactamente cando vai a implosionar.

[*] Pablo J. Rañales Pérez (Mugardos, 1999). Escritor novel. Estudante de xornalismo na USC. Profesor de escritura creativa no Círculo de Ares. | Retazosdepablook |

Fonte: CTXT.  Contexto e Acción. | 29.05.2021 | Baixo a licenza Creative Commons Attribution-NonCommercial 4.0 International License.
_______

xoves, abril 01, 2021

A sopa química de Reganosa no proceso de regasificación do GNL dun só gaseiro - Vídeos - ...2,5 millóns de toneladas de auga do mar devoltas á Ría esterilizadas, o que supón a morte das larvas, ovos, especies, placton, ... todo ser vivo


Hoxe un novo buque gaseiro (Arctic Discoverer LNG Tanker) está atracado no peirao de Mugardos. O está para arrefriar os seus tanques, logo de pasar unha tempada para reparar en carenas de Navantia Ferrol -lembrarede-o porque o ruído infernal, soltando vapor polas válvulas de seguridade, co que nos agasallou perante dous días e moitas horas, non pasou desapercibido- e saír en probas a poucas millas do golfo Ártabro, para entrar de novo na Ría. O arrefriado de tanques é un dos ganchos como estratexia de comunicación, co que os medios ben pagados, fan ligar a Reganosa coa industria naval asentada na Ría, cando a realidade é que se poden contar cos dedos dunha man os buques que arrefriaron os seus tanques logo de reparar en Navantia. Arrefriar os tanques tamén supón un aumento exponencial do perigo -que xa de por si ten a localización da planta de gas- a poucos metros dos núcleos de poboación, para a pobación da contorna da Ría.

Onte pola tarde o gaseiro "LNG Boris Vilkitsky" remataba a descarga das decenas de miles de toneladas de gas natural licuado na regasificadora de Mugardos. O GNL descargado polo buque -chega e se almacena en estado líquido nos tanques a uns -160° C e unha presión algo superior á atmosférica- hai que regasificalo para introducilo no sistema de gasodutos distribuídos pola península, para o que se vai a utilizar un sistema de vaporizadores.

Aínda que Reganosa ten tamén un sistema auxiliar de vaporización de combustión mergullada (SCV), que utiliza un queimador de gas natural, esta realiza a regasificación con dous vaporizadores que utilizan auga do mar (Vaporizador de Taboleiro Aberto - Open Rack Vaporizer - ORV) que se obtén a través dun sistema de captación da auga da Ría. No proceso de regasificación do GNL descargado polo gaseiro, van-se esterilizar, a base de hipoclorito sódico -producido coa propia auga do mar por electrocloración- uns 2,5 millóns de toneladas de auga da Ría de Ferrol que logo será devolta á Ría, na enseada de Santa Lucia, despois de engadir-lle un redutor de cloro (bisulfito sódico). No proceso, a auga do mar captada cede calor, polo que se devolve ao mar a unha temperatura moi inferior, próxima aos 6°C, moi inferior á que hai no medio mariño (entre 12° e 20°C dependendo da época do ano). Eses 2,5 millóns de toneladas de auga do mar que se van a utilizar no proceso de regasificación da carga que trouxo o gaseiro "Boris Vilkitsky", serán devoltas á Ría esterilizadas, o que supón a morte das larvas, ovos, especies, placton, micro organismos ... todo ser vivo, e cos restos da reacción (Auga do mar + Hipoclorito Sódico + Bisulfito Sódico + outros posíbeis compostos químicos das reaccións), vamos unha auténtica sopa química que se lle engade á xa depauperada Ría.



Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc


Nota.-

Vídeo cedido pola Delegación Comarcal de ADEGA | Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza. |
http://adega.gal/.

Fonte: Comité Cidadán de Emerxencia e o BOE núm. 332, de 22 de decembro de 2020, páxinas 118214 a 118245.
_______

martes, marzo 30, 2021

A descarga dun novo buque gaseiro (LNG Boris Vilkitsky) no peirao de Reganosa, aumenta exponencialmente o perigo que xa de por si ten a planta de gas localizada no corazón da Ría de Ferrol


Na tarde de onte, 29 de marzo de 2021, arribaba ao porto de Mugardos o gaseiro "LNG Boris Vilkitsky" con miles de toneladas de gas natural licuado para a perigosa Reganosa. Un buque de 299 metros de eslora e 50 de manga, actualmente navegando baixo bandeira de Cyprus, construído en 2017.

Esa mesma tarde comezaba a descarga que durará ao menos unhas 24 horas. Perante ese tempo aumentará exponencialmente o xa de por si perigo que representa a planta regasificadora, localizada no corazón da nosa Ría. Ameazando a vida e seguridade das miles de persoas que moramos na súa contorna. Unha planta regasificadora construída a sabendas de que non se podía construír nesa localización de Punta Promontoiro. Localización que respondía só aos intereses económicos do Grupo Tojeiro que realizou un verdadeiro pelotazo económico [1] coas parcelas onde se asenta a planta de gas, parte da súa propiedade, e outros dos que é titular dunha concesión da Autoridade Portuaria, renovada por ducias de anos.

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol denuncia que:

<<Reganosa é un produto continuado de corrupción político-financeira. A relocalización da Planta de Gas no interior da Ría, cando estaba prevista situala no litoral exterior, supuxo para o Grupo Empesarial Tojeiro un beneficio fraudulento duns 30 millóns de euros a través das transferencias da parcela e a cesión de concesión portuaria entre empresas do mesmo propietario. Esta operación foi posíbel pola implicación do Goberno da Xunta de Galicia (PP) e do seu anterior presidente Fraga Iribarne. Resaltamos a firma dun convenio con cláusulas confidenciais, onde o seu muxidor José Orza que era, ademais de Conselleiro de Economía e Facenda, un socio das empresas do grupo Tojeiro. O citado grupo empresarial aparece nos papeis de Barcenas y Crespo, como financiador do partido popular (PP). Logo de moitos anos do comezo da nosa loita contra a Planta de gas o Tribunal Supremo ditamina a ilegalidade da localización da planta pero, malia as catro sentenzas do T.S., o Goberno de España, en consello de ministros presidido por Mariano Rajoy, decide en maio do 2016 non acatar estas sentenzas do alto Tribunal eximindo a REGANOSA da esixencia de levar a cabo a preceptiva Avaliación de Impacto Ambiental (EIA nas súa siglas en español) para obter a correspondente DIA, que a faculta para poder continuar co proxecto e construción da planta de gas. En datas posteriores ao consello de ministros outorga-lle de novo e pola vía de urxencia, unha nova autorización (as segundas) para poder funcionar "dentro da legalidade".>>

Todo unha estafa.

Mais ante o recurso do Comité Cidadán de Emerxencia contra esa resolución do goberno de Mariano Rajoy, dita-se a sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019, que anulou o Acordo dese Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos. Un logro xudicial confirmando a ilegalidade de Reganosa. Non só, senón que tamén quedaba ao descuberto a mentira á que nos estiveron sometendo por moitos anos a maioría de políticos, institucións e medios de comunicación. Xustificando en todo momento a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas e contribúe ao deterioro da Ría, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa.

Como era de agardar, o novo goberno agora progresista, non suspendeu a actividade da planta e deixou que funcionara sen os necesarios permisos legais, -na actualidade están en trámite- mesmo o de construción, tumbado por sentenza firme. Reganosa cos seus apoios políticos e económicos apurou-se en presentar a avaliación ambiental -que ate o de agora non a presentara porque sabía que a súa localización non pasaría a Avaliación de Impacto Ambiental, nin tan sequera o disposto no Rapinp (en vigor na Galiza ate 2008)- [2, 3 e 4] mais algo xa tiñan negociado coa nova administración que o novo goberno non tardou en dar o visto bon, mediante resolución o 20 de decembro do pasado ano 2020, estando neste momento tramitando as novas autorizacións administrativas (as terceiras).

Un dos aspectos máis significativos da resolución ministerial [5] coa que se lle facilita a concesión de permisos de construción e funcionamento a Reganosa co trámite de formulación de Declaración de Impacto Ambiental (DIA), é pasar como se nada houbera acontecido, sobre o fundamental da discusión, en sedes administrativas e xudiciais, a localización da regasificadora, a súa clasificación como actividade perigosa e o necesario de ser sometida esta, á propia avaliación de impacto ambiental. Dan por imposíbel unha nova localización, alegado como feito consumado a existencia da propia planta xa en funcionamento, aínda que fora transgredindo toda a lexislación medioambiental, en referencia a súa perigosidade e localización, próxima a núcleos de poboación consolidados. Foron  e son responsábeis desta situación,  políticos, funcionarios, tribunais, xornalistas e medios, ... con nomes e apelidos, que se implicaron na fraude, para "legalizar" o despropósito gasista. Ate, como xa mencionamos, existe un documento confidencial, onde a Xunta de Galicia, presidida por Manuel Fraga, compromete-se a dar e axilizar todos os "permisos" necesarios para que a planta regasificadora se puidera construír e poñer a funcionar, sen cumprir a legalidade medioambiental vixente. 

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, coñecía desde un principio a ilegalidade de situar a planta regasificadora no corazón da nosa Ría, a poucos metros de núcleos de poboación, a 80 metros de Meá e a Pedreira, a 500 do parque dos carneiros (antigo poboado das vivendas sindicais), a 800 da vila de Mugardos a 1000 metros de Navantia e o Arsenal Militar, a 1200 de Ferrol Vello, a menos de 2000 metros, das oficinas de 'La Voz de Galicia', e actuou en consecuencia.

O Comité Cidadán de Emerxencia, consciente da fatal coincidencia co ano de pandemia de todo este último proceso -por mor do COVID-19- está a elaborar novas estratexias na actual conxuntura política, social e económica, para seguir a loita contra o despropósito gasista de Reganosa, cada vez máis poderoso, convertido na actualidade nunha corporación multinacional.

Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Notas.-

[1]  27.10.2007 - CCE. | O “Pelotazo” de Reganosa : A especulación no valor dos terreos. | Continúan descubríndose datos e informacións evidenciando que non foron nin o emprego nin a xeración de riqueza as verdadeiras motivacións do Sr. Tojeiro e os seus apoios, para situar a Planta de Gas en Punta Promontorio (Mugardos). | Agora descóbrese que o principal motivo é o pelotazo económico-urbanístico. | A empresa “Forestal do Atlántico”, propiedade do Grupo Tojeiro, do chan rústico que comprara a particulares, segregou, en Febreiro de 2001, unha leira de 75.000 m2 rexistrándoa cun valor de 47.500.000 pesetas. Menos de dous meses despois, Forestal do Atlántico S.A vendeuna a Reganosa en 737.000.000 de pesetas. En menos de dous meses xerou unha plusvalía do 1.552 %. | Coa participación de José Antonio Orza, entón Conselleiro de Economía, este “pelotazo” inscríbese no marco do Convenio con cláusulas confidenciais asinado en xullo do ano 2000 polo Sr. Fraga, entón presidente da Xunta de Galicia, co Sr. Tojeiro e outros socios de Reganosa. José Antonio Orza era socio do Sr. Tojeiro na empresa Forestal do Atlántico S.A., encostada á Planta de Gas de Reganosa. | Comunicación do Comité Cidadán de Emerxencia. | Plano das instalacións.  | Denuncia ante a Fiscalía do TSXG. | Certificación do Rexistro da Propiedade de Pontedeume.

[2] RAMINP - Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o Reglamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas. | Ir ao BOE.

[3] Disposición derogatoria única, da Lei 34/2007, de 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmosfera. | Derrogación normativa. | 1. Queda derrogado o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, aprobado por Decreto 2414/1961, de 30 de novembro. | No entanto, o citado Regulamento manterá a súa vixencia naquelas comunidades e cidades autónomas que non teñan normativa aprobada na materia, en tanto non se dicte dita normativa. | Sen prexuízo do anterior, a regulación contida nos artigos 4, 11, 15 e 20 sobre emprazamentos e distancias que no Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas establécese, non será de aplicación ás instalacións de tratamento de augas, instalacións de depuración de augas residuais, instalacións desalobradoras e desalinizadoras, sempre que tal cuestión fose obxecto de análise e corrección, no seu caso, mediante as medidas procedentes con arranxo ás mellores técnicas dispoñibles ou que se axusten ao que respecto diso determine a avaliación ambiental ou, no seu caso, a autorización ambiental integrada correspondente ou título administrativo equivalente. | Ir ao BOE.

[4]  Galicia. Incidencia ambiental (actividades clasificadas). 03.07.2008 | Derrogación do RAMINP en Galicia polo Decreto 133/2008, de 12 de Xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental (DOGA nº 126, de 1 de Xullo de 2.008) | Ir á web.

[5] Resolución de 2 de decembro de 2020, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula declaración de impacto ambiental do proxecto "Planta de Regasificación de GNL de Reganosa en Mugardos (A Coruña)". | Ir ao BOE.
_______

domingo, marzo 28, 2021

A conta da descarga de GNL do último gaseiro (LNG Schneeweisschen) - No proceso de regasificación do gas que descargou o buque en Reganosa, vanse esterilizar, a base hipoclorito sódico, 2.636.920 Tons de auga da Ría de Ferrol



Na madrugada deste último venres 26 de marzo,atracaba no peirao de Reganosa o gaseiro "LNG Schneeweisschen", para descargar miles de toneladas de gas natural licuado na planta regasificadora de Mugardos.

A conta da descarga de GNL do último gaseiro

A conta da descarga de GNL do gaseiro de onte, na Planta de Gas de Reganosa, no seu proceso de regasificación, vanse esterilizar, a base hipoclorito sódico -que supón a morte das larvas, ovos, especies, placton- 2.636.920 Tons de auga da Ría que logo será devolta á mesma cunha redución de 6º C na súa temperatura.

Ademais hai que lembrar que o Complexo Petroquímico de Forestal del Atlántico, tamén do grupo Tojeiro, ten autorizado, pola Xunta de Galicia, verter á Ría máis de 27 millóns de Tons /ano, que non só afectan directamente aos bancos marisqueiros de Santa Lucia, A Barca e Noville senón ao conxunto do ecosistema, de feito que a ameixa babosa dáse por desaparecida.

Estes nocivos vertidos industriais, se non contaran co consentimento e complicidade das Administracións para efectualos directamente á Ría, deberían pasar polo proceso de depuración e pago do canon correspondente, como sucede cos que orixinamos a cidadanía do entorno.

Nunha Ría semipechada, das características da nosa, que non soporta xa máis contaminación e máis alteracións do ecosistema, non se pode tolerar un só vertido que non vaia ao colector xeneral e ao sistema de depuración integral no que tanto presuposto se invertíu.

Fotos de Gabriel Tizón. | Sopa Química de Reganosa despois do proceso de regasificación con auga do mar e hipoclorito sódico.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comite Cidadan de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
28 de março de 2021 12:18

_______

domingo, marzo 21, 2021

Néstor Rego propón un Plan Industrial para os estaleiros de Ferrol - O BNG aposta por diversificar a actividade dos estaleiros coa eólica mariña flotante pero mantendo sempre a construción naval, incluída a civil, e exixe maior implicación das administracións a través dun calendario e investimento específico



O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de presentar na cámara estatal unha Proposición Non de Lei para a creación dun Plan Industrial para a comarca de Ferrol. A través da creación dunha Mesa que promocione e diversifique a actividade dos estaleiros da ría de Ferrol, a formación nacionalista reclama eliminar todas as trabas e restricións actuais que impiden a construción naval civil en Ferrol, co obxectivo de que se permita traballar a Navantia e haxa unha implicación maior por parte das administracións.

O Plan Industrial que precisa a comarca de Ferrol é “unha promesa incumprida dos distintos gobernos do Estado español” segundo sinala o deputado nacionalista. “Mais é simple: débese permitir que Navantia poida traballar eliminando as restricións actuais e aproveitando todos os segmentos da actividade que potencialmente poida concorrer nas instalacións da ría de Ferrol” afirma Rego.

Por este motivo, o BNG presentou no Congreso unha iniciativa para asegurar o futuro da comarca de Ferrolterra. “Hai que facilitar a participación da Xunta de Galiza no Consello de Administración de Navantia e constituír unha mesa de ámbito galego para a promoción e diversificación de actividades nos estaleiros da ría” expón o deputado do BNG. Posibilidade prevista tanto no artigo 55 do Estatuto de Autonomía da Galiza coma no artigo 4 da Lei de Fomento do Sector Naval.

A organización nacionalista reivindica potenciar a participación de Navantia ría de Ferrol no sector da eólica mariña flotante “con recursos propios ou manténdose, cando for posíbel, como socia maioritaria nas UTE con Windar ou con calquera outra empresa ou sociedade. Así mesmo, Néstor Rego incide na necesidade de dotar a fabrica de turbinas de dirección e recursos propios para a definición de novos produtos destinados ao sector das enerxías renovábeis, en xeral, e para fomentar a súa introdución e participación nos contratos da eólica mariña, en particular”.

Alén do mais, exixen introducir na fábrica de turbinas naqueles segmentos de actividade “relacionados con novos modelos sustentábeis de mobilidade marítima” así como promover e procurar “colaboracións con centros de investigación ou empresas que fosen precisas”.

Por outra banda, Rego explica que na proposta tamén se recolle a necesidade de “concretar un plan de investimentos destinado a modernización das infraestruturas, talleres de prefabricado, diques de nova construción ou para a súa posíbel reparación”. Coa mellora das instalacións poderase atender tarefas de reparacións mentres se ten en marcha unha encarga dun novo buque, o que é imposíbel co dique actual. Na actualidade Navantia só conta cun dique que poida acoller buques de grandes dimensións, polo que o estaleiro vese obrigado a renunciar a contratos por falta de dispoñibilidade, unha media de 5 buques por ano durante os últimos 10 anos. Neste sentido, “acometer as obras para un novo dique seco específico para reparacións sería importante non só para atender a demanda xa existente, senón para poder aspirar a novos mercados por tipoloxía de buques, así como para compatibilizar eses traballos cos das grandes transformacións, e non desatender outros potenciais clientes durante todo o tempo en que se manteña a ocupación do dique”.

Ferrol | Web | Facebook | Twitter.


bng@ferrol.es


Ferrolterra | Web.


Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com
21 de março de 2021 08:43

_______

sábado, xaneiro 23, 2021

BNG presenta o proxecto de Recuperación Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 millóns de euros, un proxecto de país, de 1.096 millóns de euros de orzamento, con cargo aos fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur - Vídeo


Ana Pontón: “É un proxecto de país, con cargo os fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur

✔ Levará a proposta á Comisión parlamentaria de reactivación para obter o respaldo dos outros grupos da Cámara.

✔ Inclúe medidas en materia ambiental, no ámbito da investigación científica e para a dixitalización, comercialización e transformación do sector do mar.

O BNG presenta o Proxecto de Recuperación Produtiva das Rías Galegas. É un proxecto de país, de 1.096 millóns de euros de orzamento, con cargo aos fondos UE-Covid, que beneficia de cheo á economía real, con gran impacto en termos de emprego e de cohesión social de norte a sur.



[FONDOS NEXT GENERATION]

A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou na Coruña o Proxecto de Rexeneración Produtiva das Rías Galegas cun investimento de 1.096 M€, como proposta para ser financiada con cargo aos fondos de recuperación europeos. A líder do BNG salientou que se trataba “dun proxecto de país que beneficia de cheo á economía real, a un sector produtivo estratéxico e de enorme repercusión en termos de empregos e de cohesión social de norte a sur”.

A proposta ten como obxectivo a recuperación integral dun ecosistema único, xerador de riqueza e de emprego, e recolle actuacións en tres áreas: rexeneración e recuperación ambiental, investigación científica e dixitalización, comercialización, e transformación do sector produtivo derivado das rías, explicou Pontón, quen avanzou que trasladará a proposta á Comisión parlamentaria de reactivación económica e social, para recabar o apoio das outras forzas políticas.

Trátase, indicou, dun proxecto en consonancia coas políticas definidas pola UE para obter fondos de recuperación. En concreto, encaixa en tres liñas prioritarias para acceder ás axudas: conservación e restauración de ecosistemas e da súa diversidade; preservación do espazo litoral e dos recursos hídricos e transformación e dixitalización da cadea loxística do sistema agroalimentario e pesqueiro.

O obxectivo é conseguir a recuperación ambiental integral e produtiva das rías para crear riqueza e emprego de calidade no complexo mar-industria. Todo acompañado da investigación científica oportuna e da transformación, dixitalización e comercialización da actividade marisqueira, e desde a colaboración público-privada”, explicou Pontón.

O Next Generation supón para o Estado 72.000 M€ a fondo perdido e a posición do BNG articúlase en tres premisas: Galiza debe recibir un mínimo de 12.600 M€ deses fondos, a xestión directa dos mesmos e que as axudas cheguen aos sectores máis impactados, ao tecido empresarial de pequenas e medianas empresas que sustentan o emprego e non ás multinacionais do IBEX.

As medidas no ámbito da recuperación ambiental supoñen o groso do investimento, pois absorben 950 M€ do total, e inclúen actuacións para suprimir todas as zonas C, aquelas nas que a contaminación impide o consumo do produto. Ademais, medidas para completar e modernizar a rede de saneamento en todos os concellos a carón das rías, esixencia que tamén deben cumprir as industrias.

Trátase de evitar que chegue ao mar ningún tipo de contaminación biolóxica, química ou física. Lamentablemente, as 18 rías galegas, toda e cada unha delas, precisa de actuacións en materia de saneamento, en maior ou menor medida”, salientou.

Tamén se inclúe recuperar os espazos danados por obras públicas, en particular de infraestruturas portuarias, viarias ou industrias en desuso; a rexeneración dos fondos a través das necesarias dragaxes adaptadas a cada caso, e o control dos ríos como principal fonte de auga doce e de nutrientes esenciais para a produtividade marisqueira.

Consorcio de investigación

A investigación científica é a segunda pata do proxecto cun investimento de 59 M€ , pois é a base para rexenerar e incrementar a produción das rías. Entre as medidas incluídas, a creación dun consorcio que coordine todos os centros de investigación relacionados co sector para dispoñer do maior complexo científico e tecnolóxico europeo de estudo e coñecemento do mar.

Igualmente, proxectos para a recuperación das zonas improdutivas ou de baixo rendemento, plans de explotación, crear bancos de semente autóctona para bivalvos a modo de granxas de produción de semente, desenvolvidas por un ente mixto conformado polo sector e pola Xunta. A investigación tamén pasa por un proxecto de control de doenzas e de especies invasoras así como pola reciclaxe e aproveitamento dos refugallos de bivalvos.

Sociedade público-privada para a comercialización

En relación á dixitalización, transformación e comercialización, o proxecto propón unha sociedade público-privada para a promoción e comercialización que poña en valor o produto das rías, -marisco, peixe fresco, conserva e produtos transformados-, tanto dentro como fora do país. Tamén, unificar as lonxas, ampliar mercados e a posibilidade da venda directa. Para estas medidas o proxecto suma un investimento de 29 M€.

Presentamos un proxecto esencial para Galiza que permitirá aproveitar os fondos europeos para a reactivación económica e social, un proxecto capaz de contribuír a saír da crise da COVID, revalorizando a nosa riqueza produtiva nun para xerar emprego nun sector estratéxico”, concluíu, nun acto no que tamén interveu o portavoz municipal, Francisco Jorquera, e coa presenza da deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, do deputado Nestor Rego, e da portavoz parlamentaria de pesca, Rosana Pérez.

Enlace ao documento: Proxecto para a Recuperación Produtiva das Rías Galegas. | 12 páxinas en formato pdf.  | Acceder/Baixar.

https://www.bng.gal/

Bloque Nacionalista Galego
Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela
GALIZA
CIF: G32014003
Correo: sedenacional@bng.gal
Teléfono: 981555850
Sigue ao BNG polo WhatsApp.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
22 de janeiro de 2021 17:47

_______

venres, outubro 23, 2020

Un novo buque gaseiro, o Christophe de Margerie LNG Tanker, está atracado en Punta Promontoiro, descargando o GNL no despropósito gasista de Reganosa, aumentando de xeito exponencial a xa de por si perigosidade da Planta de Gas, localizada no interior da Ría de Ferrol, no concello de Mugardos - Unha regasificadora que ten anulados os permisos de funcionamento e construción, por cinco sentenzas firmes do Tribunal Supremo


Onte mércores 22 de outubro de 2020, arribou a Ferrol o buque "Christophe de Margerie LNG Tanker". Agora está atracado no porto de Punta Promontoiro (Mugardos), dentro da Ría. Un  buque gaseiro construído en 2016 e navegando baixo a bandeira de Chipre, con miles de toneladas de gas natural licuado (pois ten unha capacidade de carga de 172.600 metros cúbicos de gas líquido), para a perigosa e ilegal Reganosa. Un buque de grande porte con 299 metros de eslora, por 50 de manga e un calado de 11,8 metros. Mentres se produza a descarga, perante 24 horas, aumentará de xeito exponencial, o xa de por si perigo que ten a Planta de Gas, instalada no corazón da nosa Ría. Un potencial perigo, para todas as miles de persoas que moramos na súa contorna.

Sistema de vaporización do gas e calidade das augas da Ría

No procedemento de conversión de liquido a gas, para entrar no sistema de gasodutos da península, Reganosa utiliza vaporizadores que funcionan con miles de toneladas de auga do mar que sae arrefriada ate aproximar-se a uns 5°C [Ao baixar a temperatura da auga de mar (-4°C en 2017, -4,10°C en 2018 e -4,60°C en 2019 - segundo datos da propia Reganosa) xera o maior impacto ambiental do proceso, alterando o equilibrio ecolóxico das augas mariñas costeras, ademais da morte inmediata de calquera ser vivo que sexa succionado polas bombas] e con residuos de hipocloritos (0,033 mg/l en 2017, -0,022 mg/l en 2018 e 0,027 mg/l en 2019 - segundo datos da propia Reganosa) que se utilizan para inhibir o crecemento biolóxico no sistema no procedemento de vaporización, dunha capacidade de ate 480 t/hora (3 X 160t/hora de GN), producindo unha alta cantidade de intercambio de enerxía que require o vaporizador que é bastante alta, polo que precisa grandes cantidades e fluxos de auga de mar (millóns de m3: 29.042.650 en 2017, 29.370.211 en 2018 e 32.852.917 en 2019 - segundo datos da propia Reganosa), influíndo de xeito crítico nas condicións medio ambientais da Ría. O que con toda probabilidade, é un dos factores medioambientais que están deteriorando os bancos marisqueiros da Ría, ao ter aumentado de xeito significado o transporte e licuación de gas (LNG - GNL) na regasificadora de Mugardos, dado o aumento da produción, de enerxía eléctrica, dos ciclos combinados (Auga/Gas) de As Pontes e Sabón, en substitución da térmica de carbón, de As Pontes, que apenas funciona e a de Meirama que xa pechou. As cofradias de pescadores da Ría deberían de fixar-se neste problema medio ambiental que noutrora tiñan presente.

Cinco Sentenzas do Tribunal Supremo

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, segue denunciando unha vez máis a unha planta de gas que non só pon en perigo as nosas vidas e contribúe ao deterioro da Ría, senón que foi construída ao amparo da corrupción económica e política. Confirmado por cinco sentenzas do Tribunal Supremo en contra do despropósito gasista de Reganosa, e está última ditada en xullo do pasado ano, onde tumba a resolución do anterior Goberno Español de Mariano Rajoy, dun partido corrupto até o espiñazo, que eximiu a Reganosa de ter que someter-se a avaliación ambiental, intentando chulear deste xeito as sentenzas condenatorias que declaran ilegal, á perigosa planta regasificadora.

A sentenza núm. 1075/2019 do Tribunal Supremo, de 16 de xullo de 2019, anulou o Acordo do Consello de Ministros de 27 de maio de 2016 polo que se declaraban excluídos do trámite de avaliación de impacto ambiental aos proxectos da planta de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado en Mugardos [Sentenza].

Mais en Arxentina unha resolución xudicial federal clausura, de xeito preventivo, a regasificadora de Escobar

A regasificadora flotante de Escobar, na provincia de Bos Aires, foi clausurada de xeito preventivo, o pasado 16 de outubro, por resolución xudicial do Xulgado Federal de Campana que ordenou, o venres 16 de outubro, a clausura da terminal, onde esta localizado o buque regasificador de Gas Natural Licuado: "Polo grave perigo para a vida da cidadanía, a Xustiza Federal ordenou a clausura urxente do Porto Regasificador de Escobar, porque nunca debeu instalarse nese lugar de acordo ao estudo pericial, fai máis de 9 anos que a sociedade vive en risco permanente".

Apoios políticos, económico e mediáticos

A pesares de se demostrar a ilegalidade e a mentira coa que se construíu a planta de Reganosa, esta segue contando cos apoios económicos, políticos e mediáticos que fan que poda funcionar sen os permisos e licenzas necesarios, mesmo sen o permiso de construción, prolongando-se no tempo esta provisionalidade, mais sen perder tempo nunha campaña mediática e política, de busca de apoios institucionais, intentando facer ver o "imprescindíbel da planta regasificadora", para unha comarca en crise permanente. Un despropósito que se apoia nas miserias que nos fan padecer nunha comarca en declive industrial e socioeconómico, para que admitamos o "inevitábel deterioro da nosa Ría", a corrupción e o potencial perigo de vivir con unha enorme planta de gas coa potencial capacidade explosiva de varias bombas atómicas como as que se lanzaron en Hiroshima e Nagasaki.
---
Desde Ártabra 21 seguimos apoiando a loita do Comité Cidadán de Emerxencia.

O COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, TAMÉN NECESITA NESTES MOMENTOS AXUDA ECONÓMICA, PARA CONTINUAR COS PROCESOS XUDICIAIS E ADMINISTRATIVOS ABERTOS: COLABORA.

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

_______________

venres, marzo 13, 2020

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, denuncia graves incumprimentos por parte de Reganosa que incrementan a ameaza permanente contra a vida das persoas na Ría de Ferrol


O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, denuncia graves incumprimentos por parte de Reganosa que incrementan a ameaza permanente contra a vida das persoas na Ría de Ferrol

Una vez máis, o Comité Cidadán de Emerxencia, denuncia ante a Dirección Xeral da Mariña Mercante o incumprimento da normativa por parte de REGANOSA que incrementa a ameaza permanente contra a Vida das persoas na Ría de Ferrol.

O 29 de Febreiro o gaseiro Yamal Spirit entrou na ría con 3 remolcadores – cando son 4 os legalmente establecidos –e forza do vento 6, (22 a 27 KN), cando o legal é menos de 20 KN.

O día 2 de marzo, durante a descarga do gaseiro, o quimiqueiro "Imrikly" navegou a menos de 100 metros del, cando a normativa o prohibe a menos de 300 metros.


DENUNCIA

Á Dirección General de la Marina Mercante.

Rúa Ruiz de Alarcón, 28071 Madrid

Asunto: Nova Denuncia por incumprimento das Normas de Seguridade para gaseiros cargados con GNL (LNG) na Ría de Ferrol.

Referencia 1.-. Escrito desa Dilección Xeral de data 2 decembro de 2019, Nº rexistro 22360 do 04/12/2019.

Referencia 2.- O noso escrito de contestación do 23 decembro de 2019.

Manuel Ángel Rodríguez Carballeira, con DNI Nº **********, con domicilio a efectos de notificaciones en ********** (A Coruña), en nome e representación da "ASOCIACIÓN CULTURAL FUCO BUXÁN" co número de NIF **********,  e Luz Marina Torrente Lopez, con DNI Nº ********** e domicilio a efectos de notificaciones en, ********** (A Coruña), en nome e representación da "PLATAFORMA DE VECIÑOS CRUCEIRO DE MEHA (MUGARDOS)" co número de CIF **********, integradas no COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL poñen en coñecemento desa Dirección Xeral:

Que aínda non se recibiu contestación ao escrito da referencia 2, malia transcorrer máis de 2 meses e medio desde o seu envío.

Como confirmación da reiterada transgresión que vimos denunciando das Normas de Seguridade para a entrada, atraque, de atraque e saída de buques gaseiros cargados, por parte da Capitanía Marítima e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Ciprian, informámoslle o seguinte:

1.- En data 29 de febreiro de 2020, sobre as 18:22 inicia a manobra de entrada á canle de entrada a ría de Ferrol o LNG tanquer "Yamal Spirit", asistido polos remolcadores "Hocho", "Ramón Casas" e o "Ibaizabal Cinco". En Anexo 1, Achégase pantalla de Marine Traficc. Nese momento, as condicións de vento (segundo datos de Marine taficc para o gaseiro e os remolcadores na zona) eran forza 6 (22 a 27 KN) e mar de fondo de 4 m. As normas limitan a entrada para un límite de vento igual ou inferior a 20 KN e olas de 4 m. Estarían excedendo o límite de vento.

2.- O "Yamal Spirit" ten 294 m de eslora. Segundo as normas "Os buques de eslora comprendida entre 250 metros e 315 metros realizarán as manobras de entrada e saída da ría con catro remolcadores". Incumprinron este punto e máis irresponsábel xa que tamén estaban excedendo os límites de vento e na fronteira do de mar de fondo.

3.- Por si isto non fose suficiente, ao amencer do día 2 de marzo, o quimiqueiro Imrikly" dirixíase á estación desgasificadora de Forestal do Atlántico, que ten o peirao a continuación do de gaseiros. No transcurso da manobra navegou a menos de 100 m do costado de estribor do gasero Yamal Spirit". En Anexo 2 achégase captura de Marine Trafic. Nela, tendo en conta que a eslora do quimiquero é de tan só 105 m, pódese concluír que navegou a uns 100 m de distancia do gaseiro. Esta manobra está estritamente prohibida polas normas de navegación de gaseiros.

Para máis risco, nese momento había vento do Leste de forza 5 a 6, que podería achegar o quimiqueiro ao gasero, si coincide a racha co seu paso polo costado.

4.- As Normas de Seguridade para a entrada, atraque, de atraque e saída de buques gaseiros desenvolvéronse a partir do informe nº H3935 realizado por Marin-Delf Hydraulics do ano 2003, Punto-7 "Procedementos náuticos, resumo e conclusións". Achegáronse copias do informe no noso escrito de referencia 2.

É evidente que este informe segue sendo válido porque é o que a mesma empresa Reganosa achega en agosto de 2019 ao proxecto de construción (Volume 8 de 8), sometido a exposición pública na Delegación do Goberno, no procedemento de solicitude de novas autorizacións (administrativa e de construción).

No Punto-3.3 do informe do Punto-1 concrétase a necesidade dunha zona de seguridade durante a descarga de 300 m, en base á distancia ao Límite Inflamable Inferior, medido desde o lado do peirao.

5.- O Punto-3.3 deste informe aclara, por si houbese dúbida, que "Se advírta tamén que o tráfico que se dirixe a Forestal debe gardar esta distancia de seguridade". E engade: "Debe advertirse que cando o transporte de GNL estea descargando débense deixar libres 300 metros cara a popa do barco, non se permite ningún buque no peirao". Isto implica que mentres un gaseiro está descargando, non pode atracar ningún barco no mesmo peirao, que comparte coa empresa Forestal.

6.- Este mesmo informe di sobre o remolcador en espera: "A función do remolcador en espera é dobre: primeiro, impedir que os buques que pasan colisionen co buque de GNL e, segundo, asistir ao o barco do peirao en caso de urxencia". Si a primeira función é impedir que os buques que pasen poidan chocar co gasero, necesariamente debe estar nas proximidades e sen fondear, coa máquina en marcha. Dificilmente pode evitar esta posibilidade de choque si ten que arrincar máquina (supoñendo que a tripulación está a bordo, dispoñíbel e de garda co radar durante as case 12 horas de duración da descarga), desamarrar e desprazarse desde o peirao de remolcadores (en Ferrol) ate o peirao de Reganosa (a unha distancia de 0,7 millas).

7.- A ausencia deste remolcador, que xa denunciabamos no noso escrito de referencia 2, é o que permite que calqueira buque poida achegarse a un gaseiro en descarga ou carga, sen que ninguén llo impida. Como ocorreu neste caso. Estar atracado no peirao de Ferrol, con motor parado e sen tripulación, non garante de ningún xeito esta tarefa.

8.- Convén recordar que, en caso de accidente, agravado por efecto dominó entre os dous barcos próximos, a poboación afectada nun radio de 2.000 metros (Mugardos, Seixo, Ferrol) é superior a 30.000 persoas.

Recentemente vivimos o caos xerado pola varada dun quimiquero descargado na ría de Ares. Varada quizá motivada por non solicitar a tempo o auxilio dun remolcador cando quedou sen propulsión no medio dunha tormenta.

No caso de que un buque choque cun gaseiro cargado, dentro da Ría de Ferrol, non queremos pensar o caos que se pode montar.

SOLICITAMOS: Que esa Dirección Xeral actúe contra estas actuacións ilegais, xa que en caso de non facelo será tan responsábel como os que interveñen directamente.

Ferrol, a 9 de Marzo, de 2020

ANEXO 1: Pantalla e datos do "Yamal Spirit".

ANEXO 2: Pantalla e datos do "Imrikly".
--
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
12 de março de 2020 11:08

__________

mércores, abril 24, 2019

En Xuvia nun acto conxunto do BNG de Neda e Narón, na ponte peonil do paseo que une as dúas beiras da Ría, as candidatas ás alcadías dos dous concellos, Cristina Bouza e Olaia Ledo, reclamaron os fondos necesarios para acometer melloras das condicións ambientais da contorna: saneamento, lipeza e rexeneración - E que a ponte do tren e da AP9 sexa unha


En Xuvia nun acto conxunto do BNG de Neda e o de Narón, foi ás 12 do mediodía, do pasado 21 de abril, na ponte peonil do paseo que une as dúas beiras da Ría.

Estivemos onde nace a ría de Ferrol, entre Narón e Neda porque desde as cortes queremos que nos teñan en conta nos orzamentos e que, como xa historicamente reclamamos desde o BNG, a ponte do tren e da AP9 sexa unha, limpemos a ría e poñámola en valor como interese propio que ten ser parte do camiño de Santiago e co patrimonio do Mosteiro do Couto, os muíños... e tamén vivir dela como fonte de marisqueo... Neda e Narón medraron coa ría e queremos volver mirar para ela, practicar deportes e enchela de vida

Reivindicamos unha ría limpa, unha ría que conte para os gobernos: polo que é e polo que foi, por ser parte do Camiño de Santiago, por ter clubes de piragüismo e remo, por ter xente que viviron e viven dela... queremos gozar e vivir dela e por iso queremos que o estado nos teña en conta. Para iso precisamos Voz, Voz Propia.

⏩ A nova no xornal comarcal 'Diario de Ferrol'. | "O BNG reivindicou onte na pasarela peatonal de Xuvia o valor da ría de Ferrol como motor económico da zona. As candidatas nacionalistas de Narón, Olaia Ledo, e Neda, Cristina Bouza, reclamaron das administracións os fondos necesarios para acometer melloras nas condicións ambientais da ría e potenciar así as posibilidades que ofrece a súa contorna natural. Fixérono colgando unha pancarta co lema: A nosa ría é vida. Queremos vivir e gozar dela". | Ir á Web.

Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/

Olaia Ledo Díaz (Candidata á Alcaldía de Narón). | Twitter | Facebook.

Cristina Bouza Bellón (Candidata á Alcaldía de Neda). Twitter | Facebook.

Narón | Web | Facebook | Twitter.

Neda | Web | Facebook | Twitter.

#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Narón
#Neda

BNG - Ferrolterra | Facebook | Twitter.
ferrolterra@bng.gal

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
24 de abril de 2019 15:48

__________