- ACTO PACIFISTA EN COMPOSTELA
- DOMINGO, 25 DE OUTUBRO, 12:30 HORAS
- TEATRO PRINCIPAL
PROGRAMA
Presentación
- Begoña Fontenla (TVG)
- Entrega da gaita galega que percorrerá o mundo coa Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia
- Pepe Ferreirós (Milladoiro)
- Leitura do Manifesto de Compostela pola Paz Mundial e a Xustiza, por Manuel Dios Diz (Seminario Galego de Educación para a Paz)
- Luis González Tosar
- Marilar Alexandre
- Concha Rousia
- Anxo Moure (Bicis pola Paz)
- Pepe Costenla
- Xoán Curiel
- No title (Loli e Leo)
- Emilio Rúa
- Pepe Ferreirós: Himno Galego
Manifesto de Compostela pola paz mundial e a xustiza
25 de Outubro de 2009
Con motivo da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia
Cada día morren 35,000 nenos de fame no mundo segundo a FAO. É un xenocidio de proporcións impresionantes, ao que asistimos impasibles, moitas veces sen inmutarnos. Ao mesmo tempo, calcúlase que o gasto diario en armamento é de 3.000 millóns de dólares e os subsidios agrícolas dos Estados Unidos e da Unión Europea roldan os 800 millóns diarios. Afirman que non hai fondos para o tratamento da SIDA, para acadar os Obxectivos do Milenio, para rematar coa pobreza e a miseria ... pero os Estados veñen de sair ó rescate das institucións financieiras e dos cobizosos que provocaron, coa súa ambición desmedida, o desplome da economía capitalista internacional.
Os enormes beneficios do complexo industrial bélico e militar dirixen en boa medida a economía mundial. Porque seguimos a vivir nunha economía de guerra. De feito, persisten máis de 35 conflitos armados no mundo, algúns especialmente longos e xeradores de enorme inestabilidade internacional, como é a ocupación israelíta dos territorios palestinos, a guerra de Afganistán e Iraq, ou Chechenia, por citar tan só algúns dos máis relevantes.
Derogar a guerra segue a ser un imperativo moral do século XXI.
É urxente compartir xustamente. Non hai mellor caldo de cultivo da radicalización, a animadversión e a agresividade que a humillación e a exclusión. A violencia non se xustifica, nin pode lexitimarse, pero as súas orixes deben de examinarse atentamente.
Cómpre fortalecer o multilateralismo e dotar ás Nacións Unidas dos medios e autoridade necesarios para emprender un gran plan global de desenvolvemento en beneficio de todos.
O Norte, primordialmente, séguese a enriquecer cos recursos naturais de países aos que empobrece progresivamente e cuxa cidadanía se ve forzada a emigrar en circunstancias que con frecuencia constitúen un agravio á súa dignidade e atopando na dura viaxe a hostilidade e a restrición das leis dos Estados que, curiosamente, os explotan (Directiva da Vergoña).
Non é con votos cautivos, con obediencia cega e con temor e medo como se constrúe e consolida a democracia xenuína. Non é con guerras de cobiza, con demostracións de forza, accións bélicas e invasións dirixidas por intereses económicos e enerxéticos -que xeran unha espiral de violencia, de acción e reacción, de intervención e represalia- como podemos facer fronte aos grandes desafíos e asimetrías de todo orde que presenta a situación mundial.
Os gobernantes abdicaron das súas responsabilidades políticas, substituíndo valores universais polas leis do mercado. O resultado foi a concentración da riqueza nunhas cantas mans e a ampliación das fendas sociais e económicas.
¡NON Á POBREZA!
Hai que esixir aos gobernantes, a través dun auténtico clamor a escala mundial, que dean prioridade ao cumprimento dos Obxectivos do Milenio e o remate da carreira armamentística. Chegou o momento da non resignación, da implicación persoal.
Proclamamos, unha vez máis, que non xustificamos os atentados e a violencia, veña de onde veña. Condenamos todo tipo de terrorismo: o dos grupos ocultos nas sombras e o terrorismo de Estado. Utilizouse a tortura, o trato cruel e degradante, violando reiteradamente o dereito internacional e humanitario.
É necesario que a Comunidade Internacional poña fin á barbarie, ás masacres. Como se establece na Carta das Nacións Unidas son os pobos os que deben decidir sobre o seu destino. Debemos sumar con rapidez voces de todos os pobos do mundo para dicir:
¡BASTA! Á GUERRA E Á VIOLENCIA.
Calamos en exceso. Agora acabouse o silencio. Os pobos elevarán a súa voz. A guerra é unha traxedia para todos. É urxente desarmar a razón armada. Hoxe máis que nunca son necesarios a capacidade de diálogo e de alianza, o compromiso de intentar a resolución pacífica de conflictos, fomentando actitudes de encontro e respecto aos demais, mediante a aplicación cotiá dos DereitosHumanos sustituíndo a violencia, a forza e a imposición pola Cultura da Paz
É necesario cambiar o curso dos acontecementos a través de accións colectivas, desenvolvendo a solidariedade entre os pobos. É urxente que os intelectuais, artistas, educadores, científicos .... abandonen a súa pasividade e pasen á acción. Só así os seus escritos e as súas palabras será cribles e poderán contribuír a sumar os seus esforzos aos de moitos outros para deter a tolemia da guerra, da confrontación e da violencia.
Chegou o momento da xente. E, sobre todo, dos mozos, dos homes e mulleres que reclaman outro mundo posible. As institucións e medios de comunicación deben axudar á cidadanía mundial para que, por fin, deixen de ser espectadores e desempeñen a súa función de protagonistas no deseño do futuro. Os gobernantes, parlamentarios, membros dos Consellos Municipais ... teñen unha especial responsabilidade neste cambio histórico.
Chegou tamén o momento das culturas e das relixións máis diversas para que, unidas pola solidariedade e o amor ao próximo que lles é inherente, se poñan a vangarda do rescate da dignidade humana.
É necesario que os pobos asuman a resistencia social, cultural, política e espiritual a través de mobilizacións, da non cooperación á violencia e inxustiza, de sumar esforzos con outros pobos e denunciar aos responsables de dominacións e da dor que afecta a humanidade.
Hai que poñerse en pé, en pé de paz e camiñar cara a novos horizontes de vida e non de morte. Malia todo, esa é a esperanza.
E a Marcha Mundial pola Paz e a non violencia é unha ocasión máis de poñernos en pé de paz e de camiñar xuntos pola xustiza, a paz e a solidariedade. E aquí estamos en Compostela organizacións moi diversas unidas polo noso compromiso inequívoco coa cultura da paz e a non violencia, para sustituír a forza pola palabra, a imposición polo diálogo, a confrontación pola negociación.
Por canto antecede, coa mirada posta nas xeracións vindeiras, facemos un chamamento a todos quen se sentan igualmente concernidos para que manifesten pacificamente, a través de todos os medios ao seu alcance, presenciais e virtuais, a súa adhesión á paz:
Neste sentido reivindicamos:
1º.- O desarmamento nuclear a nivel mundial
2º.- O retiro inmediato das tropas invasoras de tódolos territorios ocupados.
3º.- A reducción progresiva do armamento convencional.
4º.- A sinatura de tratados de non agresión entre países.
5º.- A renuncia dos gobernos a utilizar as guerras como medio para resolver os conflictos.
5º.- O rexeitamento de toda forma de violencia.
Reafirmamos hoxe o noso compromiso coa paz e a non violencia e dicimos, de novo,
NON Á GUERRA E Á VIOLENCIA!
SI Á PAZ E Á XUSTIZA!
ASINAN A PRESENTE DECLARACIÓN:
- AIS O PETO
- ASOCIACION CULTURAL WIPALA
- CC.OO DE GALICIA
- COLEXIO DE EDUCACION SOCIAL
- COLEXIO DE PSICOLOXÍA SOCIAL
- COORDINADORA GALEGA POLA PAZ
- FORO GALEGO DA INMIGRACION
- FUNDACION CULTURA DE PAZ
- INICIATIVA POLOS DEREITOS HUMANOS
- IRIMIA
- MEDICOS DO MUNDO
- MUNDO SEN GUERRAS
- OSPAAAL GALICIA
- SEMINARIO GALEGO DE EDUCACION PARA A PAZ
- UGT GALICIA
- XENEME INTERVENCION SOCIAL
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
www.sgep.org
21 de outubro de 2009 13:30
________________________