xoves, xaneiro 24, 2013

A Enquisa de Poboación Activa 2012 no concello de Ferrol - Datos estatísticos de interese e definicións para entender mellor as táboas

Enquisa de Poboación Activa no concello de Ferrol

ENQUISA DA POBOACIÓN ACTIVA POR SEXOS E EN RELACIÓN Á ACTIVIDADE ECONÓMICA.
  • Poboación de 16 e máis anos do concello de Ferrol por sexo e relación coa actividade económica.
  • Datos en miles de persoas.
  •  Espazo=Ferrol.

TAXAS DE ACTIVIDADE, OCUPACIÓN E PARO

  • Poboación de 16 e máis anos do concello de Ferrol.
  • Datos en porcentaxes.
  •  Espazo=Ferrol.

Definicións:

Poboación activa
Son as persoas que, nun período de referencia dado, subministran man de obra para a produción de bens e servizos económicos ou que están dispoñibles e fan xestións para incorporarse a dita produción. Comprende a todas as persoas de 16 ou máis anos que cumpren as condicións necesarias para a súa inclusión entre as persoas ocupadas ou paradas.
Poboación contada a parte

Poboación inactiva
Abrangue todas as persoas de 16 e máis anos non clasificadas como ocupadas ou paradas.
Os inactivos clasifícanse segundo a súa situación persoal nas seguintes categorías funcionais:
  • Persoas que se ocupan do seu fogar.
  • Estudantes.
  • Xubilados ou prexubilados.
  • Persoas que perciben unha pensión distinta á de xubilación ou prexubilación.
  • Persoas que realizan sen remuneración traballos sociais, actividades de tipo benéfico...
  • Incapacitados para traballar.
  • Outra situación. Persoas que, sen exercer ningunha actividade económica, reciben axuda pública ou privada e todas aquelas que non están incluidas en ningunha das categorías anteriores.
Poboación ocupada
Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia tiveron un traballo por conta allea ou exerceron unha actividade por conta propia, nalgunha das seguintes situacións:
  • traballando polo menos unha hora por un soldo, salario ou beneficio empresarial ou ganancia familiar en metálico ou en especie
  • con emprego pero sen traballar por razóns de enfermidade ou accidente, vacacións, festas, mal tempo ou razóns análogas
Poboación parada
Persoas de 16 anos ou máis que durante a semana de referencia estiveron sen traballo, dispoñibles para traballar e buscando emprego. Son parados tamén os que atoparon un traballo e están esperando incorporarse, sempre que se verifiquen as dúas primeiras condicións.
Segundo o Regulamento 1897/2000 da Comisión Europea, os únicos métodos de busca de emprego considerados activos son:
  • Estar en contacto cunha oficina pública de emprego co fin de atopar traballo, calquera que sexa a parte que tomase a iniciativa (a renovación da inscrición por razóns puramente administrativas non constitúe unha postura activa).
  • Estar en contacto cunha oficina privada (oficina de emprego temporal, empresa especializada en contratación...) coa fin de atopar traballo.
  • Enviar unha candidatura directamente aos empregadores.
  • Indagar a través de relacións persoais, por mediación de sindicatos, ...
  • Anunciarse ou responder a anuncios de periódicos.
  • Estudar as ofertas de emprego.
  • Participar nunha proba, concurso ou entrevista, no marco dun procedemento de contratación.
  • Buscar terreos, locais ou material.
  • Realizar xestións para obter permisos, licenzas ou recursos financeiros.
Taxa de actividade
Porcentaxe do número total de activos sobre a poboación total (poboación de 16 ou máis anos).

Taxa de ocupación
Porcentaxe de ocupados sobre a poboación de 16 ou máis anos

Taxa de paro
Porcentaxe de parados sobre o total de activos.

Nota.- Os resultados dos sete grandes concellos deben tomarse con precaución porque poden estar afectados por elevados erros de mostraxe.

Fonte: Instituto Galego de Estatística -IGE e INE.
______________

O IGE publica hoxe na súa páxina web a Enquisa de poboación activa (EPA) correspondente ao 4º trimestre de 2012

Enquisa de poboación activa (EPA) 4º trimestre de 2012.

O IGE publica hoxe na súa páxina web a Enquisa de poboación activa (EPA) correspondente ao 4º trimestre de 2012.

A Enquisa de poboación activa (EPA) é unha investigación por mostraxe, continua e dirixida ás vivendas familiares, que o Instituto Nacional de Estadística (INE) realiza dende 1964. O seu principal obxectivo é ofrecer unha clasificación da poboación en relación co mercado de traballo (activos, inactivos, ocupados e parados) e categorizar estes colectivos segundo diversas características. No 2008 o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o INE firmaron un convenio de colaboración para a duplicación da mostra no ámbito territorial autonómico. A dita ampliación permitiu realizar, dende entón, unha análise máis desagregada da poboación galega en relación coa actividade económica. Así, dende o terceiro trimestre de 2009, disponse na web do IGE de información pormenorizada sobre, entre outra, a inserción no mercado laboral da poboación xuvenil, a tipoloxía dos fogares galegos segundo o número de ocupados e parados, ou información detallada dos sete grandes concellos de Galicia.

Poden atopar máis información en:

http://www.ige.eu/web/mostrar_actividade_estatistica.jsp?idioma=gl&codigo=0204008

http://www.ige.eu/web/Controlador?operacion=ultimoscomunicados&paxina=005005&idioma=gl

Un saúdo


Servizo de Difusión e Información Estatística
Complexo Administrativo San Lázaro s/n
Instituto Galego de Estatística
15703 Santiago de Compostela
Telf: 981 541589 de 9 a 14 horas, Fax: 981 541323
contacto:
http://www.ige.eu/web/peticioninfo.jsp?paxina=005006001&idioma=gl
Síguenos en Twitter:
https://twitter.com/#IGE_Estatistica
Síguenos en Facebook:
http://www.facebook.com/INSTITUTOGALEGOESTATISTICA
web:
http://www.ige.eu

Enviado por:
IGE Novidades
-ige.novidades@ige.eu-
24 de janeiro de 2013 09:38

________________

Homenaxe a Amada García e as vítimas da ditadura, este Domingo, 27 de xaneiro, ás 12 do mediodía no Castelo de San Felipe – Ferrol


As Asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, convidan a participar na Homenaxe a Amada García e as vítimas da ditadura, este Domingo, 27 de xaneiro, ás 12 do mediodía no Castelo de San Felipe – Ferrol, lugar onde foi fusilada fai agora 75 anos.

Enténdese que, pola singularidade deste caso, a súa homenaxe é tamén a homenaxe a todas as mulleres  de Ferrolterra represaliadas pola dictadura franquista, e fai un chamamento a poboación para que acuda ao devandito acto.

Amada García era natural e veciña de Mugardos, estaba casada con Gabriel Toimil Dopico e tiña unha filla. Foi fusilada no Castelo de San Felipe o 27 de Xaneiro de 1938. Esta bastante estendida a idea de que foi fusilada por bordar unha bandeira do Partido Comunista de España, o que é falso. A realidade é que era unha muller politicamente moi activa e boa oradora, unha líder natural, polo que se granxeou as antipatías dos sectores máis conservadores da sociedade mugardesa.

Cando se produce o golpe de estado dos militares, as autoridades locais de Mugardos organizan a resistencia cos escasos medios que estaban á súa disposición. Neses días, Amada García estivo no concello dando ánimos e colaborando na medida das súas posibilidades, como moitos outros veciños.

Coa vitoria dos militares sublevados, estes deteñen e xulgan a un elevado número de veciño/as do concello (causas 42/37 e 379/37). Precisamente, unha das mulleres acusadas era Amada García Rodríguez.

Cando se dita a sentenza de morte contra Amada García, estaba embarazada, polo que retrasouse a execución a espera de que dera a luz ao seu fillo Gabriel Toimil García. O parto foi 0 31 de outubro de 1937 e tres meses despois foi fusilada xunto con Ángel Roldós Gelpi, un profesor do colexio público “O Pitieiro” e outros seis compañeiros.

Amada García non cometeu ningún delito de sangue nin participou actividades destrutivas. A véspera de ser fusilada, Amada García deixou escrita unha carta onde explicaba detalladamente as circunstancias da súa desgraza e a identidade das persoas que lle acusaron. O seu proceso está cheo de irregularidades e advírtese o afán vengativo e de despeito de certas persoas. Baste sinalar que as dúas testemuñas principais da acusación que afirmaron ouvir a Amada García tentar influír no alcalde republicano para que asasinase as persoas de dereitas que estaban detidas no concello, declararon estar fuxidos fose do pobo todos eses días. Como puideron ouvir esas supostas conversacións?, Como o Tribunal as considerou verídicas e válidas? Un dos acusadores, visitou a Amada García e quixo retirar as súas acusacións explicando as circunstancias polas que as fixo, pero foi ameazado. Dous veciños de Mugardos que eran analfabetos, protestaron ao decatarse que se lles fixo asinar unha declaración que non recollía o que depuxera no interrogatorio. A pesar de declarar que o contido do escrito non era o que se lles leu, non se tivo en conta.

En dous días xulgáronse a 45 persoas de Ares e Mugardos e ditáronse 37 penas de morte.
Fotos de Amada coa súa filla, e doutra homenaxe hai dous anos.
Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
23 de janeiro de 2013 22:55

As Asociacións Memoria Histórica Democrática e Fuco Buxán, convidan a participar na Homenaxe a Amada García e as vítimas da ditadura.

_________________

Presentado o libro 'AGE. A Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda'


Éxito total de afluencia na presentación de 'AGE. A Emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda', dos xornalistas Manuel Darriba e Daniel Salgado. Un libro, en palabras de Manuel Martínez Barreiro, "intelixible, interesante e intelixente", no que se entrevista a Xosé Manuel Beiras, Yolanda Diaz Perez, Martiño Noriega Sánchez e Xabier Ron sobre esta "experiencia insólita".

Os resultados das eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012 debuxan un novo mapa político na sociedade galega coa súbita irrupción da plataforma electoral da Alternativa Galega de Esquerda, convertida en terceira forza no Parlamento Galego con 9 deputados.

A emerxencia de AGE como nova alianza de partidos trae tamén consigo o retorno de Xosé Manuel Beiras, nas súas palabras, “un político dun ciclo histórico que remata”, que procurou “navegar en mar de fóra” para o seu retorno á arena da cámara galega, no que el mesmo considera como o seu epílogo político.

AGE. A emerxencia da Alternativa Galega de Esquerda, terceiro título da colección xornalistas, é a crónica do proceso de conformación da AGE, dos seus como e por que e a delimitación das coordenadas políticas deste novo proxecto de alianzas na voz dos seus protagonistas. En palabras dos autores:

O contido deste libro xorde da curiosidade xornalística por un proxecto que achega novas claves á política galega, a institucional e a exercida a nivel de bases. Os autores quixemos pescudar na rebotica da AGE –pensamento político, contactos, negociacións–, o seu programa e as súas expectativas. O mecanismo elixido foron as conversas con catro líderes significados da coalición. Ao tratarse dun experimento tan recente e en permanente construción, non existen aínda elementos nin perspectiva para un ensaio valorativo, moito menos un balance, do que supón a Alternativa Galega de Esquerda. O territorio de traballo é o da crónica de urxencia. O propósito que nos guiou foi suscitar conversas sobre aspectos que no seu día quedaron fóra da cobertura xornalística, conversas nas que estiveran excluídas, na medida do posible, a corrección e a gramática partidistas. Especial interese ten o testemuño dun Beiras que proclama o final do seu ciclo, convencido de pertencer a un tempo político que remata.

Manuel Darriba (Sarria, 1973)
Traballou como xornalista en El Progreso e colaborou en medios como El Periodico de Catalunya, Expansión, El Mundo e El País. Na actualidade é columnista do xornal De Luns a Venres. Escribe guións de ficción e dirixe documentais e programas de televisión. A súa obra literaria recibiu diversos premios e parte dela está traducida para español.

Daniel Salgado (Monterroso, 1981)
Traballou como xornalista na edición galega de El País e colabora con A Trabe de Ouro, Protexta ou o Xornal da Central Unitaria de Traballadores. Como poeta, publicou títulos como Días no imperio (premio Esquío, 2004), Éxodo (Xerais, 2006) ou Ruído de fondo (Xerais, 2012). Tradutor de Allen Ginsberg para galego e de Lois Pereiro para español. É membro da banda de música electrónica Das Kapital.

http://www.20editora.com/index.php/age-a-emerxencia-da-alternativa-galega-de-esquerda.html
__________________

mércores, xaneiro 23, 2013

Abortada a entrada na Ría de Ferrol do buque gaseiro "LNG Abuja" cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para a ilegal e perigosa Reganosa - Vídeo


http://youtu.be/H-7GYkMbyPw

O gaseiro de hoxe abortou a súa entrada a Reganosa

Hoxe, de novo, un gaseiro cargado de GNL para A Planta de Gas de Reganosa ten que abortar a súa entrada na nosa Ría.

O "LNG Abuja", un vello gaseiro de 33 anos de antiguedade está agora mesmo a dar voltas e voltas diante das nosas costas, impedido, polas condicións climatolóxicas, de cruzar a bocana da ría.

Isto ocorreu a máis dun 20 % dos buques, incrementando os perigos e o custo dunha planta xa de por si deficitaria e innecesaria, sufragada cos cartos públicos (de toda a cidadanía) e ven a demostrar que a reubicación no interior da ría desta planta de gas, ilegal e perigosa, non obedeceu a ningunha razón técnica senón a razóns puramente especulativas do grupo promotor, amparadas na conivencia das administracións.

Unha representación do Comité Cidadán de Emerxencia concentrouse esta tarde, como sempre que se anuncia a chegada dun buque cargado, para exixir, unha vez máis, que se aplique a Sentenza do Tribunal Supremo que confirma a súa ilegalidade, paralizando a actividade de Reganosa.
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org



APOIO ECONÓMICO

O Comité Cidadán de Emerxencia, necesita apoio económico, para que poida desenvolver a súa actividade
CONTA DO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA
Para axudas económicas pode-se ingresar na conta corrente aberta no Banco Santander ao nome de:
Luz Marina Torrente e outros
Para ingresar desde unha oficina bancaria desde dentro do Estado:
00493315772894017995
Para ingresar desde unha oficina bancaria desde fóra do Estado:
ES 71 00493315772894017995

Información basada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
23 de janeiro de 2013 20:47

___________

Este Domingo, 27 de Xaneiro, Manifestación Nacional en Compostela - “Pola lingua que nos une”

A manifestación que terá inicio na Alameda de Santiago de Compostela o Domingo 27 de Xaneiro, ás 12 do mediodía, está convocada pola Plataforma Ciodadá Queremos Galego

Manifestación “Pola lingua que nos une” pretende trasladar ás ruas o malestar existente nun amplo abano de sectores sociais coa política lingüística da Xunta, especialmente tras as sentencias do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que derruban o decretazo contra o galego no ensino posto en marcha polo actual goberno do Partido Popular.

AUTOCARROS DESDE FERROL TERRA

Hora de saída: 10:00 hs.

Sairán buses de:

  • Ferrol – perante ao local da CIG (Esteiro). Reservas Local comarcal da CIG-981 35 87 60 ou Ana-689 39 28 61
  • Narón – perante á Casa do concello de Narón. Reservas Local comarcal da CIG-981 35 87 60 ou Ana-689 39 28 61
  • San Sadurniño: Saída ás 10 da Casa do Concello de S. Sadurniño. Inscricions: 670854329 (Suso)
Billete ao prezo  de 6€ (euros).

http://www.queremosgalego.org/
____

O Naval de Ferrol pediu a dimisión do alcalde, José Manuel Rey Varela


Os traballadores/as de Navantia e das compañías auxiliares, concentráronse hoxe na Praza de Armas, reclamando carga de traballo e a construción do dique flotante, así como para premer o goberno do PP para que despexe as dúbidas sobre o contrato coa petroleira mexicana Pemex.

Na súa intervención, o voceiro do comité de empresa pediu a dimisión do Alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, por virar as costas aos intereses do Naval de Ferrol.

Ao finalizar a lectura do comunicado os manifestantes deron unha volta arredor do Concello para mostrar a súa desconformidade co actual rexedor.

Fonte e fotos: Susete'70.

Enviado por:
suso
-susopazos@yahoo.es-
23 de janeiro de 2013 16:07

_____________

A Alternativa Galega de Esquerda -AGE, esixe a dimisión da Conselleira de Mar pola situación do salvamento marítimo e presenta unha 'Proposición Non de Lei' sobre marisqueo


Comunicado de Alternativa Galega de Esquerda en que o grupo parlamentario volve esixir a dimisión da Conselleira de Mar pola situación do salvamento marítimo e na que explica a proposición non de lei sobre marisqueo rexistrada no Parlamento e que se achega.

Daniel Salgado - Prensa de AGE


Alternativa Galega de Esquerda volve esixir a dimisión da conselleira de Mar por “antepor os beneficios dunha empresa privada ao salvamento de vidas
O deputado Juan Fajardo presenta, ademais, unha proposición non de lei para que as eléctricas non abran unilateralmente os encoros, cuxas riadas causan enormes danos nos bancos de marisco.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2013.- Alternativa Galega de Esquerda (AGE) volveu esixir hoxe, en rolda de prensa, a dimisión da conselleira de Mar e Medio Rural, Rosa Quintana. “Ante a incapacidade da conselleira para tomar decisións que soluciones as deficiencias en salvamento marítimo”, expuxo o deputado Juan Fajardo, “pedímoslle que se marche”. Fajardo lembrou a morte, o pasado mes de decembro, dunha percebeira en Oia (Pontevedra) á que os servizos de salvamento non puideron asistir a tempo. Tamén lembrou que a Xunta anunciara medidas ao respecto. “Máis dun mes despois, nada sabemos desas medidas”, engadiu, “que, para nós, significan que o salvamento marítimo volva ser completamente público”. “Non pode ser que unha persoa que antepón o beneficio dunha empresa privada [a adxudicataria dos servizos de salvamento] a salvar vidas continúe sen tomar medidas que, entre as xentes do mar, son un clamor”, sinalou.

Ademais, Alternativa rexistrou unha proposición non de lei, en que insta á Xunta a impedir que a apertura unilateral dos encoros por parte das eléctricas provoquen riadas que causan enormes danos nos bancos de marisco. O parlamentario Juan Fajardo puxo como exemplo os acontecementos do pasado decembro, cando o caudal desatado polas présas do Tambre e de Portodemouros produciron unha enorme mortalidade de moluscos nas rías de Muros e Noia. “Lonxe de se tratar dunha decisión técnica ou de seguridade, como aducen as compañías”, argúe Fajardo, “a decisión de abrir as comportas baséase no mellor prezo que pode acadar a enerxía nas datas de Nadal nos mercados europeos”. De feito, a apertura que prexudicou ás mariscadoras e mariscadores das rías de Muros e Noia ocorreu o 24 e o 25 de decembro. Onte mesmo, os dous encoros mencionados tiñan un 20% de auga ca daquela e non soltaron a auga.

Pero é que, a maiores, a Xunta e os produtores acordaron, por mor das riadas, o peche dos lombos do Ulla ao marisqueo deica o mes de outubro. Esta situación, que afecta aos mariscadores das confrarías de Carril e Rianxo, pode ocasionar perdas de 15 millóns de euros. Así, a Administración autónoma deberá pagar as prestacións dos traballadores que fiquen en paro, sen que as compañías eléctricas -causantes do peche pola apertura unilateral dos encoros- soporten ningunha carga económica por estes feitos. A proposición non de lei de Alternativa Galega de Esquerda denuncia tamén o desleixo da Xunta á hora de reclamar responsabilidades aos culpábeis desta situación.

Proposición non de Lei

Á MESA DO PARLAMENTO

O Grupo parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través do seu voceiro e a iniciativa dos seu deputado Juan M. Fajardo Recouso, ao abeiro do disposto no Regulamento da Cámara, presentan a seguinte Proposición non de lei para  o seu debate en Pleno,

Exposición de Motivos

O pasado mes de Decembro do 2012 nas rías de Arousa e Noia, unha serie de circunstancias determinaron o incremento da mortalidade dos moluscos que se extraen en ambas rías, feito que provocou un elevado prexuízo económico ás mariscadoras e mariscadores de ambas as dúas zonas, tanto de a pé como a flote.

Entre os elementos que é conveniente reseñar e que puideron influír na elevada mortalidade das especies explotadas nestas dúas rías, salientamos as riadas producidas pola apertura das comportas dos encoros do Tambre e Portedemouros respectivamente. Estes feitos non se poden considerar illados, senón que, lamentablemente, reprodúcense con asiduidade en ambas as dúas rías.

Dende Alternativa Galega de Esquerda consideramos necesario que os procesos de apertura de comportas non poidan realizarse por decisión unilateral das empresas que explotan as capacidades enerxéticas de ambos os dous encoros. Entendemos imprescindible introducir normativas que delimiten esta capacidade e obriguen ás empresas a consultar e acordar cos sectores produtivos os momentos e formas de aliviar as augas encoradas.

Lonxe de se tratar dunha decisión técnica ou de seguridade das empresas eléctricas, a decisión baseáse na demanda do mercado eléctrico e na posibilidade de acadar mellores prezos da enerxía precisamente nas datas de Nadal, debido o incremento da demanda e ao incremento dos prezos nos mercados europeos de enerxía.

Estas actuacións priorizan a rendibilidade económica dunha multinacional, que xa esquilma os galegos con abusivos prezos eléctricos e sen bonificacións malia ser Galicia produtora e exportadora da enerxía, deben ser controladas pola Administración para evitar que os intereses económicos da empresa arruínen a campaña dun sector fundamental para a economía galega, e máis concretamente das rías de Arousa e Noia.

Non podemos esquecer a repercusión que sobre a mortalidade do berberecho e a ameixa teñen ademais as obras de infraestruturas viarias e ferroviarias que se efectúan en ambas as dúas rías e que incrementan a contaminación e a turbidez da lámina de auga.

No que respecta aos lombos do Ulla, a Xunta e os produtores acordaron o peche desta zona, o que ocasionará perdas importantes para os mariscadores e mariscadoras pero tamén para a Administración. Esta terá que facer fronte os pagos das prestacións por desemprego, sen que as empresas eléctricas responsábeis desta situación –pola apertura indiscriminada dos encoros- soportasen ningunha carga económica ou responsabilidade sobre as perdas producidas á Administración ou aos produtores.

A arbitrariedade deste tipo de medidas por parte da Administración autonóma, e a deixadez de funcións a hora de esixir responsabilidades aos culpábeis ou indutores da situación, fan necesario establecer vías legais que permitan reclamar danos aos responsables. Ademais, é preciso habilitar liñas de axuda para aquelas mariscadoras e mariscadores que por esta circunstancia non poidan acollerse ás prestacións e que, sen embargo, deben continuar pagando os seguros socias correspondentes sen ningún ingreso. A maiores, a Administración debe estabelecer a posibilidade de cobro parcial das cotas cando os paros se produzan xa iniciado o mes, en igualdade de condicións cos traballadores por conta allea.

Polo exposto formulamos a seguinte proposición non de lei:
O Parlamento de Galiza insta a Xunta de Galicia a adoptar as medidas legais oportunas para evitar que se repitan riadas provocadas pola apertura de comportas de forma unilateral polas empresas que explotan os encoros galegos.

O Parlamento de Galiza insta á Xunta a arbitrar un mecanismo fluído, eficaz e obxectivable  para que os mariscadores e mariscadoras poidan utilizar os peches dos sectores produtivos cando se produzan situacións de forza maior que provoquen a baixada abusiva dos prezos ou a mortalidade das especies que se extraen.

O Parlamento de Galiza insta á Xunta a introducir unha liña de axudas para os afectados e afectadas das riadas do mes de decembro nas rías de Arousa e Noia, nomeadamente a aqueles que por condicións de tempo non poidan acceder as prestacións.
Santiago de Compostela a 23 de xaneiro de 2013


ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
Gabinete de comunicación do grupo parlamentario 
Tania Porta e Daniel Salgado
tania.porta.bujan@parlamentodegalicia.es
daniel.salgado.garcia@parlamentodegalicia.es
prensa@alternativadeesquerda.net
606 675 524

Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
-23 de janeiro de 2013 13:58

____________

Presentación en Valdoviño das Memorias Colectivas de Rafael Pillado - Este Venres, 25 de Xaneiro de 2013


Organizado pola Concellería de Cultura de Valdoviño e a Asociación Cultural Fuco Buxán de Ferrol

Presentación do libro:

O latexo da vida e da conciencia” -
Memorias Colectivas de Rafael Pillado – I

Venres, 25 de xaneiro, ás 20 hs.
Auditorio da Casa da Cultura, VALDOVIÑO

Intervirán:
  • Víctor G. Novás, Directivo da A.C. Fuco Buxán
  • José Antonio Vigo Lago, Alcalde de Valdoviño
  • Rafael Pillado Lista, autor do libro.

O libro, editado por Fuco Buxán, A.C., prologado por Santiago Carrillo e Manuel Rivas, é un volume de 480 páxinas, con máis de 80 fotografías, no que Rafael Pillado narra as súas experiencias na loita política e sindical, desde o seu nacemento en 1942 ate o ano 1976, cando sae en liberdade tras catro anos na cadea. Pero o libro é tamén as memorias colectivas dunha xeneración, as memorias da clase obreira enfrontada a unha ditadura, é un instrumento de verdade e de conciencia activa; un camiño aberto ao futuro; o exemplo dunha forma de ser e de estar no mundo para transformalo, facéndoo mellor, desde o compromiso, a xenerosidade e o sacrificio. Está escrito, co corazón e a cabeza, desde e para as masas - o colectivo, o social, o unitario... - como referencia e como guía para os novos protagonistas dun mañá ameazado, otra vez, polos "tempos sombríos"...

Rafael Pillado Lista (San Cibrao -Cervo, 1942). Reside en Ferrol desde os dous anos, seguindo ao seu pai, preso no Castelo de San Felipe, pola súa militancia antifranquista.

Aos 15 anos incorpórase á Escola de Aprendices da E.N.BAZÁN, empresa onde transcorre a súa vida laboral até a xubilación. En 1960 afíliase ao PCE, desenvolvendo unha intensa actividade política e sindical. Participa na fundación das CCOO, (o seu carnet é o nº 2 de Galicia). Detido e encarcerado en varias ocasións, por mor dos sucesos do 10 de marzo de 1972 é procesado polo TOP no coñecido como Xuízo dos 23, sendo condenado a 7 anos de cárcere, dos que cumpre 4, até ser amnistiado na transición. Cofundador do PCG, militou despois na Asemblea para a Unidade dos Comunistas, Partido dos Traballadores e PSOE.

Na actualidade é membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e Vicepresidente da Asociación Cultural Fuco Buxán.

Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado por:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
23 de janeiro de 2013 13:59

____________

A Alternativa Galega de Esquerda, insta á Xunta a manifestar o seu apoio á iniciativa dos traballadores e traballadoras de Privilege, empresa localizada en Narón


AGE: insta á Xunta a manifestar o seu apoio á iniciativa dos traballadores e traballadoras de Privilege

Grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda

Alternativa Galega de Esquerda insta a Xunta a apoiar á plantilla de Privilege Advance Surface na súa iniciativa de crear unha sociedade anónima laboral para manter os postos de traballo.

A vicevoceira do Grupo Parlamentar, Yolanda Díaz, reuniuse esta tarde co Comité de Empresa para coñecer a situación que están a atravesar os traballadores e traballadoras.

Yolanda Díaz destacou que se trata dun exemplo máis da ineficacia da Xunta en materia laboral e a elocuente demostración do fracaso das actuáis políticas económicas neoliberais do goberno galego
.

Santiago de Compostela, 23 xaneiro de 2013.-  A vicevoceira do Grupo Parlamentar, Yolanda Díaz, denunciou a complicidade da Xunta de Galicia cos propietarios da empresa Privilege Advance Surface que deixaron afundir a empresa constituída no seu día con achegas públicas e instou a que apoie aos traballadores e traballadoras na súa idea de constituír unha sociedade anónima laboral para manter a empresa e con ela os postos de traballo.

A vicevoceira que reuniuse esta tarde co comité de empresa, amosou o apoio do Grupo Parlamentar aos traballadores e traballadoras na súa loita. Os traballadores informaron durante o encontro o compromiso do anterior conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, que asegurará 2,5 millóns de euros aos traballadores para que puideran poñer en marcha a súa iniciativa e salvar a empresa.

Yolanda Díaz destacou que a secuencia de destrución de emprego e de aumento do paro no noso país configura unha situación dramática, toda vez que o goberno da Xunta de Galicia teima en aplicar políticas económicas que destrúen emprego e deprimen a demanda agregada ao punto de atoparnos perante un verdadeiro plan quinquenal de destrución de emprego e depresión económica por parte dos gobernos de Feijóo. “As 350.000 persoas que a día de hoxe se atopan no paro en Galicia son a elocuente demostración do fracaso das actuais políticas económicas neoliberais da Xunta” declarou a vicevoceira do Grupo Parlamentar o que, para Alternativa Galega de Esquerda, xustifica a a urxencia e importancia non só de remudar de xeito radical as devanditas políticas, canto de propiciar por parte da administración pública galega a asunción dun papel protagonista por parte das traballadoras e traballadores de proxectos industriais que permitan darlle viabilidade a empresas en crise, xerar postos de traballo e apostar polo pulo ao tecido industrial. 

A deputada parlamentar referiuse de xeito específico a Ferrol xa que se sitúa un dos epicentros da destrución de emprego e de falla de diversificación industrial do noso país, o que debe obrigar a unha reflexión e rectificación por parte da Xunta de Galicia e á adopción de medidas de estímulo ao fomento da actividade industrial.

Un dos exemplos que amosan a ineficacia da Xunta nesta materia o constitúe a súa deixación de responsabilidade na deriva da empresa Privilege Advance Surface, empresa adicada á fabricación de taboleiros de pedra para a construcción; empresa constituída no seu día con achegas públicas e que os propietarios italianos deixaron esmorecer, tal vez coa intención de levar o proceso produtivo a Italia. Unha empresa que destacou Yolanda Díazconstituída ao abeiro dos chamados plans de reindustrialización acordados como paliativos da brutal desindustrailziación dos estaleiros públicos da ría de Ferrol, e que os seus propietarios conduciron á creba coa cómplice inacción dunha Xunta de Galicia que aínda ostenta o 40 por cento do seu capital”.

A plantilla de traballadoras e traballadores acordou constituír unha sociedade anónima laboral e semella de xustiza que a Xunta deixe de amolar con complicidades cos herdeiros dos accionistas que a afundiron e apoie de xeito franco á plantilla na súa loita por manter a empresa, os postos de traballo e un anaco de porvir social para unha comarca particularmente deprimida. "A Xunta de Galicia pódeo facer toda vez que ostenta esa participación do 40 por cento o que precisa ter a vontade de facelo en beneficio do emprego e da comarca” afirmou a deputada de Alternativa Galega de Esquerda.

O Grupo Parlamentar de Alternativa Galega de Esquerda presentou unha interpelación no Parlamento na que se insta a Xunta a que explique se vai apoiar a iniciativa dos traballadores e traballadoras de Privilege, ademáis de que expliquen qué outras iniciativas públicas agarda desenvolver este ano para pular pola reindustrialización e diversificación do tecido industrial na nosa comunidade e nomeadamente na comarca de Ferrolterra.

ALTERNATIVA GALEGA DE ESQUERDA
Gabinete de comunicación do Grupo Parlamentario 
Tania Porta (606 675 524) e Daniel Salgado (619 007 734)
tania.porta.bujan@parlamentodegalicia.es
daniel.salgado.garcia@parlamentodegalicia.es
prensa@alternativadeesquerda.net


Enviada por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
-areainterna@esquerdaunida.org-
22 de janeiro de 2013 20:43

Envío nota relativa a iniciativa presentada por AGE en apoio aos traballadores e traballadoras da empresa Privilege na súa iniciativa de crear unha sociedade anónima laboral para manter a empresa e os postos de traballo. Grazas e un saúdo. Tania Porta. Gabinete de comunicación do Grupo Parlamentar

__________

Un novo buque gaseiro, o "LNG Abuja", cargado con miles de toneladas de GNL/LNG anuncia a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Mércores 23 de Xaneiro - O Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, na Praza Amada Garcia diante do Edificio da Xunta

O "LNG Abuja", un antigo buque gaseiro de grande porte, cargado con miles de toneladas de GNL/LNG para a ilegal e perigosa Reganosa, ten anunciado a súa entrada na Ría de Ferrol, para este Mércores 23 de Xaneiro de 2013. Esta entrada dun buque cargado con gas natural licuado para Reganosa, supon xa a 134, desde que o fixera o LNG "Galicia Spirit" en Maio de 2007.

Diante do aumento da ameaza contra a seguridade e a vida, que supón a entrada do buque gaseiro, xunto á propia instalación da Planta de Gas en Mugardos, o Comité Cidadán de Emerxencia convoca unha acción de protesta e denuncia, consitente nunha Concentración Sonora, o mesmo Mércores, ás 7 da Tarde, mais desta volta a Concentración terá lugar, en Ferrol,  na Praza Amada García, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.

10 razóns para preguntar-se ... Por que Reganosa ten que saír da nosa Ría e das nosas Vidas ?.


CONCENTRACIÓN EN FERROL,
PRAZA AMADA GARCIA
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA,
ÁS 7 DA TARDE, DO MÉRCORES 23 DE XANEIRO.

[Esta foto foi tirada eN 12 de abril de 2008 - Por romarintyp]

Características do buque
:
O LNG ABUJA (ex”Louisiana”) Foi construido por General Dynamics Quincy MA, E.E.U.U. en 1980. Ten 93.619 toneladas de rexistro bruto, 285 metros de eslora, 46 metros de manga , cun calado de 12 metros e capacidade de 126.530 metros cúbicos. En 1999 entra nos asteleiros ferroláns para reformas, sendo rebautizado polos seus propietarios, Lachmar Corporation Inc., LNG Abuja. Está matriculado en Nassau (Bahamas) e clasificado en American Bureau of Shipping. Recientemente foi adquirido porla Nigeria LNG Ltd., e posteriormente transferido a BGT. Este buque estivo reparando en Ferrol por tres veces máis, a última en 2004. Un buque vello, de CASE de 33 anos e cun historial de numerosas intervencións no seu casco e maquinaria, muitas delas dentro desta Ría. Estivo na Ría por varias veces, tamén con GNL/LNG para Reganosa.
  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org



Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
22 de janeiro de 2013 11:47
---

APOIO ECONÓMICO

O Comité Cidadán de Emerxencia, necesita apoio económico, para que poida desenvolver a súa actividade

CONTA DO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA

Para axudas económicas pode-se ingresar na conta corrente aberta no Banco Santander ao nome de:
Luz Marina Torrente e outros

Para ingresar desde unha oficina bancaria desde dentro do Estado:
00493315772894017995

Para ingresar desde unha oficina bancaria desde fóra do Estado:
ES 71 00493315772894017995
______________________

domingo, xaneiro 20, 2013

Perigo na Rotonda de 'Alcampo' - Denuncia do Colectivo Cidadán Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos - Vídeo

A xente do Colectivo Cidadán Acción Directa de Recuperación de Espazos Públicos envia-nos un moi bon vídeo-denuncia do perigo das fochancas que hai na Rotonda de 'Alcampo'. Toda a cidade está chea de fochas, cando o PP era oposición, este era un tema estrela, unha das súas bandeiras contra o goberno municipal de Vicente Irisarri, e agora despois de case dous anos no goberno municipal, os dereitistas do PP no goberno municipal de Ferrol, non só non solucionaron o problema, senon que este agravou-se enormemente.

PERIGO NA ROTONDA DE ALCAMPO!!


http://youtu.be/sMRLOnP_3-E

Perigo na rotonda de Alcampo!!!
Chéganos este vídeo gravado na Rotonda de Alcampo, cráteres na estrada e falta de iluminación. Ben polo Concelleiro de DESurbanismo e polo Sr. Alcalde, José Manuel Rey Varela. O máis grave xa non é que un poida rebentar unha roda ou danar o coche, aquí a integridade da barbela dos condutores pode quedar no volante, e xa non digamos o dano que poden sufrir nen@s pequen@s.
Saúde.
Suso

Rotonda de Alcampo hoxe!!
Magnifico documento gráfico do que está acontecer en Ferrol
Marcos

e-mail: recuperacióndeespazospúblicos@gmail.com

Teléfonos: 620 312 992 - 637 567 497

O noso blogue: http://recuperaciondeespazospublicos.blogspot.com.es/ é un Diario que recolle a nosa traxectoria, serve de difusión de próximas accións e faise eco doutros exemplos solidarios e comunitarios que están a suceder na bisbarra.

Facebook: https://www.facebook.com/groups/444525015569821/

Fonte: Susete'70.

Enviado por:
suso
-susopazos@yahoo.es-
20 de janeiro de 2013 00:30
Marcos Meizoso
-recuperaciondeespazospublicos@gmail.com-
20 de janeiro de 2013 02:23
_______________

O veciño necesario da Comarca, ... Por Xaquín Campo Freire

Por Xaquín Campo Freire [*]
16.12.2012
VECIÑO NECESARIO DA COMARCA

Este 12 de xaneiro celebrouse na Casa Habanera de Guitiriz unha homenaxe a cantos colaboraron na loita contra da contaminación do CASÓN hai 25 anos. A proxección do vídeo: “O paso do Casón por Guitiriz”, puxo de novo bágoas nos ollos de todos nós e renovou o noxo e o arrepío contra do abuso e desprezo daqueles que en troques de defendernos mentiron  conscientemente e masacraron sen piedade.

O caso do Casón”. Hai 25 anos. Eu tamén estiven alí o tempo que puiden. A distancia na que vivo era moito máis grande do que hoxe ao non termos autovías. Pero para os nativos de alí a presenza nosa era obrigada.A nosa xente de sangue, de parentela e de veciñanza á quen lle debiamos a vida e a formación era a que estaba en perigo de vida e de morte. Aínda non sabemos hoxe que levaban eses bidóns. Nada de bo. En Fisterra morreu xente. Chorando e espavorecidos foron evacuados de noite e sen rumbo.

Quen poida ver o documento audiovisual terá sorte. Está moi ben feito. Para nada é sensibleiro nin demagóxico. O  relato fica curto. Só historia pura e dura.

Testemuños de testemuñas reais. As marcas están aínda nas propias carnes. E no máis fondo da alma latexa unha rabia profunda polo asoballamento da propia dignidade.

O veciño necesario da comarca”. Non sei aínda de quen é a frase. Con ese título de verdadeira honra, quíxose premiar o labor de todos. Porén, foi decisivo o inmediato e profético berro de rebeldía e rebelión de Alfonso Blanco Torrado quen a golpe de altofalante percorreu á présa toda a bisbarra convocando a todos a rebato, con toque de campás incluído. E logo coordinou toda a acción con liderado axeitado, con diálogo, animación, esixenza e ao mesmo tempo coa temperanza heroica e críbel. A xente fiábase del. Nunca lles fallara. Soubo exercer con todos unha terapia imprescindíbel para non deixarse sobordar dos nervos no confronto necesario sen entrar nas provocacións da sen razón que lles tendían con ameazas, abusos, malos tratos e mesmo con torturas. Era necesario non perder nunca a razón fronte aos verdadeiros delincuentes daquela panda de ineptos de arriba abaixo, que en troques de defender ao seu pobo conducíannos á miseria colectiva. Disto podo testificar porque fun testemuña directa.

Naquelas datas comprobei en carne propia o que é ser verdadeiro veciño solidario en causa grave e común. Ser cidadán e non escravo. Ser servidor do pobo e non domesticador mentireiro ao servizo dun poder podre, inxusto e abusón. É doado facer homenaxes a tempo pasado. Os riscos foron serios. Estarán volvendo eses tempos?

Aqueles días sentín o gozo de formar parte dun grupo, con fala e cultura propias, con conciencia do nós colectivo. E volvín cantar: “Collidos das mans, coas mans de todos faremos un camiño na noite e dime o corazón que algún día venceremos”.

Reafirmeime no que xa vivira con Pepe Chao Rego, Cuco Ruíz de Cortázar, Antón Aneiros, Vicenzo Couce, Anxo Ferreiro Currás, Ramón Díaz Raña e  moitos outros compañeiros en Ferrol: O que é ser crego na Galiza que nos doe. Que acertada é a  fórmula: Sermos o veciño necesario nas comarcas do rural ou no mundo proletario do meu pobo, sensíbeis e solidarios coa nosa xente que vive morrendo a cotío nas costeiras ou no traballo do mar, e coa a intelectualidade ou co traballo honrado do sector servizos.

Se son sincero sinto mágoa dunha igrexa actual tan fóra do mundo e da humanidade.

Hai unha cantiga: “Todos xuntos, xuntos todos, na mesma lingua, no mesmo chan”. Dixo Castelao: Vinde todos traballar á obra. Hai sitio para todos. Non sobra ninguén. Nin os féridos e duros. Entre todos imos facendo posíbel a redenzón da boa nazón de Breogán. Todos merecemos outra oportunidade.

Grazas, Alfonso Blanco Torrado, Veciño necesario da comarca. E a Xermolos.

[*] Xaquín Campo Freire [Xaquín da Roca],  Narón 1937, é un relixioso galeguista.Graduado social, ATS pola Universidade de Santiago de Compostela, a diplomatura en Xerontoloxía Social pola Universidade Complutense de Madrid e é licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria, pola Universidade Camillianum de Roma dende 2005. É membro do consello de redacción da revista Encrucillada así como membro ordinario da AELG. Traballou de enfermeiro no PAC de Fene e de capelán de Residencia de Anciáns. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa Mons. Araúxo.

Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@mundo-r.com-
19 de janeiro de 2013 21:58
_______________ 

venres, xaneiro 18, 2013

II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia, no Ateneo Ferrolán - Sábado 26 de xaneiro

II Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) organiza a "II Xornada sobre o maltrato á infancia e á adolescencia. A resposta institucional ao abuso sexual intrafamiliar", na que contrastados especialistas en dereito e psicoloxía infantil ofrecerán relatorios nos que se afondará nesta acuciante problemática social. As xornadas desenvolveranse o vindeiro sábado 26 de xaneiro no Ateneo Ferrolán (Rúa Magdalena 202-204, Ferrol) dando inicio as charlas ás 10.00h da mañá e rematando ás 14.00h.

Coa II Xornada sobre o maltrato a menores, AGAMME pretende sacar á luz pública unha problemática que tende a permanecer oculta e deformada por clixés e prexuízos: o abuso sexual infantil no ámbito familiar. Con estes catro relatorios introdúcense ademais os aspectos máis relevantes que dificultan a correcta atención das vítimas por parte das institucións, especialmente no que se refire á avaliación do testemuño e ao tratamento que nos máis dos casos reciben dentro do sistema xudicial.

A xornada dará inicio ás 10.00h da mañá cunha presentación das xornadas por parte dun membro de AGAMME. Ás 10.20h a psicóloga Carolina Iglesias abrirá a charla cunha palestra sobre "O abuso sexual intrafamiliar. Mitos e realidades". A continuación, ás 11.20h, a avogada e investigadora en Dereitos Humanos, María Naredo, desenvolverá a primeira presentación en Galicia do informe "A xustiza española fronte ao abuso sexual infantil na contorna familiar. Unha análise de caso á luz dos estándares internacionais de dereitos humanos". Logo dunha pausa para o café, a xornada reanudarase ás 12.20h coa intervención da responsable de Advocacy e Campañas da organización non gobernamental Save the Children, para presentar o recente informe "Infancia e xustiza: unha cuestión de dereitos". Finalmente, ás 13.10h, o psicólogo Manolo Lopo, falará sobre "A síndrome de alienación parental, o sensentido dunha polémica".

Dende a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) agradecemos a asistencia e difusión da Xornada. No arquivo adxunto enviamos o cartel con todos os datos da mesma. Se precisan máis información ou aclarar algunha dúbida non teñen máis ca solicitala neste enderezo electrónico ou nos teléfonos 636142012 ou 616035193.

Un saúdo atento,

http://agamme.org/

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
17 de janeiro de 2013 19:24

_____________

Manifestación en Ferrol contra a Macro Estafa Organizada das Preferentes e Subordinadas bancarias


Persoas afectadas pola Macro Estafa das chamadas Participacións Preferentes e Subordinadas Bancarias, convocan unha Manifestación en Ferrol, para este Sábado, 19 de Xaneiro de 2013, con saída do Inferniño ás 11 da mañá, pasando por varias rúas de Ferrol até rematar na Praza do Concello, diante do Pazo Municipal.

O motivo desta manifestación, é o de protestar e denunciar a Macro Estafa Bancaria, organizada a persoas maiores, por parte dos bancos e o consentimento dos gobernos.

Piden estas persoas o apoio da cidadanía e a asistencia á manifestación para loitar xuntos contra esta estafa na que lles roubaron os aforros de toda unha vida, estafados dunha forma miserábel e cruel, en moitos casos agora de maiores e moitos con fill@s no paro e con moitos problemas económicos.

Necesitam a comprensión e o apoio da cidadanía.

Participa !! Solidarizate !! Axuda !!

PAPS-RIAS ALTAS
___________

Seis craves sobre o caso Bárcenas , ... Por Inacio Escolar - No país dos seis millóns de parados, o tesoureiro corrupto acaba de demostrar para que serve a amnistía fiscal: para blanquear diñeiro roubado con total impunidade

Por Inacio Escolar [*]
18.01.2013

1. Por moito que o PP pretenda hoxe disimular, Luís Bárcenas non é un señor que pasaba por alí. Falamos do extesorero e moito máis. dedicou 28 anos a traballar no partido, sempre moi preto do seu corazón: das súas contas e do seu financiamento. Antes de ser tesoureiro foi xerente, desde os tempos de Alianza Popular. levou as finanzas da dereita española con Manuel Fraga, con Hernández Mancha, con José María Aznar e con Mariano Rajoy.

2. O botín que a Audiencia Nacional descubriu nas contas suizas de Bárcenas é desmesurado; moito máis do que esperaban atopar. Son tres traxes de nada: 22 millóns de euros, 3.660 millóns de pesetas; unha cantidade que non se explica só coa Gürtel nin de casualidade. Na contabilidade da trama Correa atribúenselle só 1,2 millóns: vinte veces menos do que pasou pola conta de Suiza. E nin sequera sabemos con certeza que eses 22 millóns sexan todo o diñeiro que Bárcenas chegou a acumular. Falamos só dunha conta, no propio banco suizo din de que tiña tres máis noutras entidades. No seu perfil de risco no banco, declarou que era "entre o 20 e o 50% do seu patrimonio". Alguén coa experiencia financeira do extesorero do PP sabe dabondo que nunca hai que gardar todos os ovos na mesma cesta. É probable que apareza aínda máis.

3. O diñeiro é de Bárcenas ou son fondos do PP? É unha das grandes preguntas que a Audiencia Nacional terá agora que explicar; é unha cuestión pertinente porque o tesoureiro do partido non é un político máis. Unha persoa que traballou durante anos con Bárcenas, en Génova, ofrece dous argumentos para negar que o diñeiro poida ser do partido. O primeiro: que si fose do PP habería máis dunha firma mancomunada para dispoñer del; tal e como estaba esa conta agora, só Bárcenas pode acceder a ela (e púidose levar todo ese diñeiro oculto sen que ninguén puidese reclamar). E o segundo: que si o partido ten unha caixa B para financiarse, vale de pouco que estea en Suíza porque só serviría para algo en España; si os millóns están nun paraíso fiscal, non se pode dispoñer deles con facilidade.

4. Pero aínda que se demostre que o diñeiro é só de Luís Bárcenas o escándalo segue sendo igual de grave, tampouco diminúe a responsabilidade do Partido Popular. Esta fortuna escondida en Suíza está en calquera caso directamente relacionada coa súa actividade política, coas súas moitos lustros como xerente e tesoureiro do PP. Bárcenas non tiña mando directo en ningunha administración pública, así que calquera favor corrupto que quixese vender tiña que pasar, inevitablemente, por algunha outra persoa do partido nun posto executivo. Non puido actuar só e acumular tal cantidade.

5. Desde Génova queren presentar a Bárcenas como un ladrón e ao partido como a vítima. Aínda dando por boa esa torticera escusa "as vítimas son os cidadáns, quen pagamos sempre calquera caso de corrupción" pódese confiar o Goberno de España a uns políticos aos que lles rouban 22 millóns sen que se decaten? É que seica pasou tanto diñeiro negro por Génova como para que o que leva as contas logre 'desviar' tal cantidade?

6. Que Bárcenas traia o diñeiro de volta a España "regularizando" o seu botín grazas á amnistía fiscal é xa o colmo dun escándalo que o xoves pola mañá parecía difícil de superar. O Ministerio de Facenda logrouno pouco despois, ao asegurar que era mentira e quedar máis tarde en evidencia; o fisco non se decatou porque Bárcenas utilizou unha empresa pantalla. É un exemplo perfecto da obscena política económica do PP. No país dos seis millóns de parados, o tesoureiro corrupto acaba de demostrar para que serve a amnistía fiscal: para blanquear diñeiro roubado con total impunidade.

Publicado en eldiario.es.

Hoxe escribe un segundo e moi interesante artigo no se blogue do xornal eldiario.es sobre os pagos en negros do PP que publica El Mundo: Unha voadura controlada do caso Bárcenas.

O PP envía regularmente aos seus dirixentes un documento coas liñas argumentales do día. O de hoxe vai dedicado de forma exclusiva ao escándalo sobre o suposto financiamento irregular do partido e a conta en Suiza da súa extesorero Luís Bárcenas.

Documento: consignas do PP sobre Luís Bárcenas

[*] Ignacio Escolar -Burgos 1975, é xornalista director de eldiario.es. Fundador e primeiro director de Público. Autor de escolar.net. Analista político en radio e televisión: no programa 'En este momento' da Cadea SER ou 'Las mañanas' de Cuatro. Máis en  www.escolar.net/about.

Licenza Creative Commons
____________

O movimento opositor a Reganosa non desiste na súa loita contra o despropósito gasista instalado no corazón da Ría de Ferrol


Veciñas e veciños que viven na contorna da Ría de Ferrol, do movimento opositor a Reganosa, integrado@s no Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, recorrerán o fallo que pretende ratificar a legalidade da Planta de Gas

Veciñas e veciños que moran na contorna da Ría de Ferrol, non desisten no seu empeño de que Reganosa cese a súa actividade. O equipo xurídico do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, que desde o ano 2000 agrupa a diferentes colectivos que levaron á regasificadora aos tribunais pola súa construción no interior da Ría e pola súa proximidade aos núcleos de poboación, xa prepara un recurso de casación contra a sentenza ditada o pasado mes de novembro polo 'Tribunal Superior de Justicia de Madrid' que pretende ratificar a legalidade da planta regasificadora, localizada no corazón da Ría, no concello de Mugardos. O prazo para presentar alegacións ao fallo sobre a autorización administrativa previa da regasificadora conclúe o 19 de febreiro.

A Sentenza do 'Tribunal Superior de Justicia de Madrid' produciuse seis meses despois de que o Tribunal Supremo anulase o cambio do plan urbanístico de Mugardos que en 2003 amparou a construción de Reganosa. Unha decisión que, segundo apuntou entón o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non cuestionaba a "legalidade" da planta de gas xa que o Concello de Mugardos aprobou o pasado ano (2012) a revisión do plan xeral (PAXOM) para blindar a planta regasificadora.

Por ese motivo, Feijóo rexeitaba as peticións da veciñanza e organizacións sociais e ecoloxistas sobre o cese da actividade de Reganosa. Segundo aseguraba en xuño o presidente do executivo galego, hai "encaixe legal" para cumprir a sentenza do alto tribunal e manter a regasificadora na súa actual localización.

Sobre o fallo do 'TSJM', Reganosa defendeu que o permiso que habilitaba o proxecto fora outorgado polo Ministerio de Economía co informe favorábel de todos os organismos e Administracións consultados.

Para o Comité Cidadán de Emerxencia para a  Ría de Ferrol, a Sentenza do 'Tribunal Superior de Justicia de Madrid', "non prexulga" a autorización da construción da planta. Segundo consta no escrito de alegacións no contencioso contra a autorización da planta de gas, a modificación do PXOM de Mugardos co respectivo informe medioambiental ten como "único obxectivo" emendar "unhas ilegalidades que son insubsanábeis". Por iso, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol conclúe que esta "ilegalidade potencia-se" cando Reganosa, "aínda sabendo que os vicios nos que estaba incurrindo, poderían carrexar a demolición da planta, forzou a súa construción custe o que custe".


Información baseada en fontes propias de Ártabra 21, no comunicado enviado polo Comité Cidadán de Emerxencia e no artigo publicado no xornal 'La Opinión de A Coruña'.

Documentación de Interese:
  • Escrito de Alegacións, relacionadas coa Sentenza do Tribunal Supremo de 11 de Maio de 2012, pola que se declara firme a nulidade da modificación puntual Nº 3 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mugardos (PXOM).
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.

  • Sentenza do 'Tribunal Superior de Justicia de Madrid' (TSJM) Sala do Contencioso Sección Sexta, do 12 de novembro de 2012,onde deu a razón a Reganosa e desestimado o recurso interposto por varias asociacións veciñais contra a autorización administrativa previa da planta de gas. O permiso fora outorgado polo Ministerio de Economía co informe favorable de todos os organismos e administracións consultados respecto diso. Este tribunal xa se pronunciara con anterioridad validando a autorización.
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.

  • Acta da sesión plenaria onde se acordou a modificación puntual para a adecuación de usos de regasificación no solo industrial de Punta Promontorio no concello de Mugardos: aprobación provisionaL (19.04.2012).
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.

  • Sentencia do Tribunal Supremo do 11 de Maio de 2012 -Recurso de Casación nº: 4512/2008 - Dando a razón ao movimento opositor a Reganosa e ratificando a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (22.04.2008), no asunto da nulidade do Acordo do Pleno do Concello de Mugardos (31.01.2003), polo que se aprobaba definitivamente a modificación puntual nº3 do PAXOM.
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.

  • Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) 00311/2008, do 22 de abril de 2008, que declara nula a modificación puntual do Plan Xeral de Mugardos que serviu de base á construción da planta de gas de Reganosa, por carecer da Declaración de Impacto Ambiental (DIA), que foi recorrida, no seu día, por Reganosa e o Concello de Mugardos. E que o Supremo veu ratificar en Sentenza (11.05.2012).
    -Acceder ou Baixar formato en pdf nos Arquivos Ártabros.
_____________

Fotos da Concentración contra os Recortes Laborais e o Deterioro dos Servizos Publicos celebrada en Ferrol - Enlace co Manifesto Sindical Unitario


Este xoves 17 de Xaneiro de 2013, no medio dun forte temporal de vento e chuvia, na Praza Amada Garcia de Ferrol - diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, numerosas persoas, nunha importante concentración, clamaron contra os Recortes Laborais e o Deterioro dos Servizos Públicos, esixindo solucións e a devolución do saqueado ás traballadoras e traballadores públicos. Ao final da mobilización deu-se lectura ao Manifesto Sindical Unitario, asinado pola maioría das centrais sindicais e sindicatos de sector da función pública da Galiza.

Fotos de Susete'70.


Enviado por:
suso
-susopazos@yahoo.es-
17 de janeiro de 2013 23:32
________________

xoves, xaneiro 17, 2013

O Comité Cidadán de Emerxencia presenta alegacións a unha sentenza do Tribunal Superior de Justicia de Madrid sobre Reganosa

Novas accións xurídicas do Comité Cidaddán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (CCE) respecto a Reganosa

A representación xurídica do CCE presentou escrito de alegacións - incorporandoo a Sentenza do Tribunal Supremo que anulou o PXOM de Mugardos - no contencioso contra a Autorización de Construción da planta de gas de Reganosa que se sustancia no Tribunal Superior de Justicia de Madrid.

Doutra banda o equipo xurídico do CCE, está preparando un Recurso de Casación contra a sentencia do TSJ de Madrid no tema da Autorizacion Administrativa Previa, tendo de prazo de presentación do mesmo até o 19 de Febreiro.

--
No Twitter :  @ComitCEmerxenc


Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org


Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
17 de janeiro de 2013 13:01

________________

Mobilizacións en toda Galiza na defensa do sector público - En Ferrol na Praza Amada Garcia (diante do Edificio da Xunta), xovess 17 de xaneiro, ás 7 da tarde


Concentracións nas cidades galegas o día 17, ás 19:00 horas, contra os recortes laborais e o deterioro dos servizos públicos
| Convocan as organizacións sindicais con representación no sector público

As organizacións sindicais con representación no sector público, CIG, CCOO, UGT, CSI·F, CESM, OMEGA, SATSE, USAE, STEG, ANPE, USO, USTG, CGT, STAJ, SIAT e ACAIP, que integran a Plataforma en Defensa dos Servizos Públicos, convocan para este xoves 17 de xaneiro, ás 19:00 horas, concentracións en todas as cidades galegas contra as medidas que vén de aprobar a Xunta de Galiza que empeoran as condicións laborais e salariais das empregadas/os públicos/as e deterioran, aínda máis, os servizos públicos.
11-12-21 area publica 3

As concentracións previstas son:
  • A Coruña: Delegación do Goberno.
  • Santiago: Praza do Toral
  • Ferrol: Praza Amada Garcia (Diante Edificio da Xunta).
  • Pontevedra: Subdelegación do Goberno.
  • Vigo: Museo MARCO
  • Ourense: Subdelegación do Goberno.
  • Lugo: Subdelegación do Goberno.
 MANIFESTO SINDICAL UNITARIO

As OOSS con representación no Sector Público autonómico rexeitan as medidas do Goberno

Dende o inicio da crise económica, no ano 2009, os Servizos Públicos e empregados/as Públicos, vivimos un permanente acoso que pretende a fin do Estado de Benestar que construímos con permanentes loitas e conquistas que fomos conseguindo ao longo de moitos anos.

Esta agresión que os empregados/as públicos sufrimos pódese resumir nun case estado de excepción, no que se nos nega a negociación das relacións laborais sendo sometidos a un agresivo frenesí normativo que dita por decreto as nosas condicións de traballo, reducindo progresivamente os dereitos adquiridos ao longo de décadas. A salientar:
1º. Rebaixa salarial anual nunha media do 5%, en determinadas categorías de ata o 9%, no 2010 (RD Lei 8/2010), cun IPC do 2,9%. Ao tempo utilizábase como coartada que a porcentaxe de empregados/as públicos, dun 9,5%, era elevada obviando que a media da UE era do 16%, cun altísimo crecemento do emprego público dun 1% na última década, para unha poboación que medraba en 6 millóns de persoas. Tamén se esquecen que somos o país da UE que en termos porcentuais menos investimento efectúa no emprego público tal e como reflicte o elevado número de traballadores e traballadoras que son mileuristas.

2º. Conxelación salarial no 2011, que levou aparellada a conxelación de Ofertas de Emprego Público (Lei 39/2010, de Orzamentos Xerais do Estado), cun IPC do 2,4%.

3º. Supresión de dereitos e acordos sobre Xornada laboral (RDL 20/2011), e outros dereitos conseguidos.

4º. Ampliación da xornada mínima nas administracións, (Lei 2/2012, de Orzamentos Xerais do Estado), nova conxelación salarial, mantendo pagas extraordinarias reducidas e abundando na imposibilidade de incrementar as taxas normais de reposición de efectivos.

5º. Reforma Laboral, RD Lei 3/2012, que introduce o despedimento colectivo e individual do persoal laboral do sector público, por causas económicas, técnicas e organizativas. Expedientes que soamente poden ser de extinción de posto de traballo, non de redución de xornada ou suspensión temporal de contrato.

6º. Supresión de días adicionais de vacacións. Reducen os días de asuntos propios (APs) que pasan a ser unicamente 3 ao ano. Supresión da paga extraordinaria do Nadal (o que significa un 7% de redución salarial anual). Supresión dos acordos e pactos de dereitos sindicais. Anúlase a posibilidade de xubilación parcial dos funcionarios, así como as melloras económicas en IT, RD Lei 20/2012, e Lei 1/2012 Galicia.

Como novo ataque aos empregados/as públicos elabórase un anteproxecto de Lei que reduce o salario nunha media dun 4% para o ano 2013, en determinadas categorias de ata o 6%,  minorando as pagas extraordinarias arredor dun 40%.

Por iso, dicimos basta, xa abonda, e rexeitamos esta nova medida en contra dos empregados/as públicos de Galicia, que sumará unha perda en tres anos de máis do 20% de salario, e convocamos mobilizacións que terán, como primeira medida, concentracións nas sete comarcas o día 17 de xaneiro as 19:00 horas.

Asinado por: CIG; CCOO; UGT; CSI·F; CESM; OMEGA; SATSE; USAE; STEG; ANPE; USO; USTG; CGT; STAJ; SIAT; ACAIP.
_________

mércores, xaneiro 16, 2013

Fuco Buxán Solidarízase con Laura Bugalho


A Asociación Cultural Fuco Buxán solidarízase coa compañeira Laura Bugalho, implicada nunha causa xudicial pola súa axuda desinteresada as persoas inmigrantes. Asume o comunicado do Foro Galego de Inmigración que a continuación se reproduce e mañán mércores día 15, as 9 horas, estará presente unha delegación de compañeiras e compañeiros acompañándoa na súa comparecencia ante o Xulgado nº 1 de Fontiñas en Santiago.

COMUNICADO DE APOIO Á LAURA BUGALLO

O Foro Galego de Inmigración  en relación coa causa aberta contra Laura Bugalho por axudar a persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa quere, en primeiro lugar, amosar a nosa  solidariedade e agarimo coa nosa compañeira, traballadora incansable na defensa dos dereitos das persoas migrantes. Amosar o noso pleno convencemento de que as súas actuacións  non perseguen un aproveitamento en beneficio propio do seu traballo coa poboación inmigrante de Santiago e Galiza. Ao contrario, Laura, ten contribuído á integración de moitas persoas inmigrantes vinculadas ao Foro Galego de Inmigración. Por iso, solicitamos de forma urxente a desestimación e arquivo da causa aberta contra a nosa compañeira.

En segundo lugar queremos manifestar que pola  propia lexislación de estranxeiría, para poder axudar a persoas migrantes en situación de irregularidade administrativa, as persoas e entidades que traballamos con este colectivo vémonos na obriga de atopar mecanismos que nos permitan superar as dificultades que o exceso e a complexidade da documentación que se lle esixe provocan. Forma parte case do noso traballo cotián e non pode ser que estas actuacións (facilitar un empadroamento ou un proceso de arraigo) se convirtan en obxecto de persecución policial contra esas persoas ou entidades.

En terceiro lugar queremos denunciar que  actuacións tan lamentables como ésta dirixida contra Laura, obedecen, unha vez máis, á criminalización da poboación inmigrante, e que se traducen na persecución sistemática cara a este colectivo na Galiza. Esta Persecución  inclue identificacións por criterios raciais en lugares públicos de uso habitual. Tamén observamos abraiad@s ás detencións domiciliarias de persoas inmigrantes, como si de delincuentes perigosos se tratase. Nestes casos as persoas son levadas aos centros de internamento de estranxeiros (CIES) de Madrid ou doutras partes do Estado, co correspondente gasto que supón esta actividade represiva. Esa actividade represiva esténdese tamén por último, como no caso da nosa compañeira, ás persoas e entidades que axudan ao colectivo de persoas inmigrantes en situación de irregularidade administrativa, especialmente aquelas que, como éste Foro e como Laura,  defenden os dereitos humanos e constitucionais destas persoas e denuncian as accións represivas intolerables que sufren por parte dos poderes públicos.

NON PODE SER QUE AXUDAR A INMIGRANTES EN SITUACIÓN IRREGULAR SEXA DELICTO. E, POLO TANTO, SOLICITAMOS DE FORMA URXENTE A DESESTIMACIÓN E ARQUIVO DA CAUSA ABERTA CONTRA LAURA BUGALHO.

Visita a nosa web: www.fucobuxan.net
Os Nosos Blogues:
Escolma das Razóns
http://escolmadasrazons.blogspot.com.es/
Pensamento Crítico
http://opinionsfuco.blogspot.com.es/
Facebook:http://www.facebook.com/pages/Fuco-Bux%C3%A1n/118931821452749
Twitter:
http://twitter.com/FucoBuxan
Google+:https://plus.google.com/u/0/108716477794009532670/posts

Fuco Buxán, A. C.
Rúa Armada Española, 32 baixo- 15406 - Ferrol
Apartado Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telefono. 981325492
www.fucobuxan.net
fucobuxan@yahoo.es

Enviado:
fucobuxan
-fucobuxan@gmail.com-
16 de janeiro de 2013 00:04

____________

martes, xaneiro 15, 2013

Constituída en Ferrol, a Asemblea Local de Anova- Irmandade Nacionalista

O pasado venres, celebrouse a asemblea constitutiva de Anova en Ferrol. Esta asemblea organizase con carácter intermunicipal. Anova de Ferrol quere constituírse nun foro de debate, formación política e acción, para criar o imaxinario colectivo dunha nova sociedade. Unha nova sociedade que vai xurdir da crise sistémica que veu para quedarse, e Anova, pretende que esa nova construción estea inspirada nos valores republicanos e teña como obxectivo a superación do capitalismo como sistema económico e o restablecimento dos dereitos nacionais de Galiza.

A actuación política de Anova de Ferrol, vai ter como un dos seus obxectivos, posibilitar que a dereita perda o goberno das institucións, e deixe de actuar coa impunidade política e ética, que lle está permitindo negar dereitos á cidadanía, empobrecer a amplos sectores sociais e deteriorar o noso territorio. Para elo axudará a compactar e organizar a vontade popular, e criar e fortalecer alianzas que o fagan posíbel.

A aportación de Anova de Ferrol ao proceso constituínte, que debe acabar coa IIª Restauración Borbónica e co restablecimento dos dereitos nacionais, vai ir acompañada do fortalecemento dunha estrutura política para a defensa dos sectores e persoas agredidas polas políticas deseñadas pola plutocracia constituída en gobernancia mundial. Esa nova estrutura de organización política pretende construírse desde novos parámetros de horizontalidade, participación, ética e transparencia.

Anova de Ferrol mostrou na súa asemblea constituínte, a vontade de comprometerse cos movementos sociais transformadores.

Nesta asemblea constituínte acordouse ademais facer públicas tres resolucións:

1- Mostrar o noso fraternal apoio e solidariedade co dirixente sindical, o compañeiro Xesús Anxo López Pintos, ao negar-lle o xuíz o amparo nun auto de sobresemento provisional da denuncia presentada no seu día polo sindicalista por malos tratos e vexacións sufridas en comisaría, logo de ser detido no marco dunha protesta convocada polos Comités de Navantia e Poligal diante dun acto electoral do PP, o mesmo día que daba comezo a campaña electoral das lexislativas galegas de outubro de 2012.

2- Mostrar tamén a nosa fraternal solidariedade e apoio, coa compañeira Laura Bugalho, activista social e sindicalista, pola criminalización que se pretende facer da súa actuación solidaria, pretenden xulgala, polas súas actividades a favor das persoas inmigrantes e o dereito humano á libre circulación das mesmas (Artigo 13. da "Declaración Universal dos Dereitos Humanos" (A/RES/217, 10 de decembro de 1948).

3- Apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular promovida por varias organizacións do movemento ecoloxista galego contra da incineración e a favor das tres erres. Para a aplicación efectiva dos principios de Redución, Reutilización e Reciclaxe de residuos en Galiza.

Foron elixidas nesta asemblea as seguintes persoas para desenvolver responsabilidades por un período de tres meses:

Coordinación: Miguel Anxo Abraira (629280565)
Comunicación: Lupe Ces (652201003)
Tesourería: Aurora Rivas

En Ferrol, a 14 de Xaneiro de 2013

ANOVA Ferrol

Asemblea Local organizada como unha asemblea de base, de ámbito intermunicipal.

Enlace coa Acta Constituinte na Rede:
https://docs.google.com/file/d/0ByIlS00I4T21azRpU1JoeURRZ2M/edit
correo-e: anovaferrol@gmail.com
Facebook: Facebook.com/AnovaFerrol
Twitter: Twitter.com/AnovaFerrol
Blogue:http://anovaferrol.wordpress.com/

Enviado por:
ANOVA Ferrol
-anovaferrol@gmail.com-
15 de janeiro de 2013 00:03
_______________