domingo, novembro 18, 2018

A eurodeputada Lídia Senra apoia un informe do PE que confirma que a austeridade da UE atacou ás persoas máis vulnerábeis - O PE recoñece que a austeridade agravou a precariedade laboral, o desemprego, a exclusión social e a destrución de servizos públicos - O Instituto Europeo de Igualdade de Xénero alerta do retroceso en materia de corresponsabilidade nos coidados entre homes e mulleres


Senra apoia un informe do PE que confirma que a austeridade da UE atacou ás persoas máis vulnerábeis. | O PE recoñece que a austeridade agravou a precariedade laboral, o desemprego, a exclusión social e a destrución de servizos públicos. | O Instituto Europeo de Igualdade de Xénero alerta do retroceso en materia de corresponsabilidade nos coidados entre homes e mulleres.


A eurodeputada galega do Grupo da Esquerda Verde Nórdica/Esquerda Unitaria Europea (GUE/NGL), Lídia Senra, valorou positivamente a aprobación hoxe en sesión plenaria do Parlamento Europeo dun Informe sobre os servizos de asistencia en la Unión para a mellora da igualdade de xénero.

Se ben é certo que ten aspectos moi mellorábeis, penso que é un aceptábel documento de análise, dunha certa profundidade e, sobre todo, que incorpora á posición oficial do Parlamento Europeo cuestións para nós fundamentais, como o recoñecemento de que foron precisamente as políticas europeas de austeridade as que agravaron a precariedade laboral, a pobreza, o desemprego e a exclusión social, limitando ou mesmo eliminando os servizos sociais e públicos”, explicou.

En efecto, malia que o informe podería facer máis fincapé na responsabilidade social colectiva imprescindíbel para que a sostenibilidade da Vida deixe de recaer maioritariamente nas mulleres, nin tampouco despraza do centro da análise a produción material para outorgar ás persoas a centralidade que lle correspondería nun modelo socioeconómico realmente preocupado polo benestar social e medioambiental, é certo que pon de relevancia algunhas “verdades incómodas” da realidade europea.

Moito se lle enche a boca a algunhas persoas que critican o Feminismo dicindo que a día de hoxe a igualdade entre homes e mulleres, alomenos na UE, xa está conseguida. Pois resulta que unha institución da UE como é o Parlamento hoxe reitera, unha vez máis, que non é certo, que o  índice publicado polo Instituto Europeo de la Igualdade de Xénero no 2016 alerta de que durante os últimos dez anos a tendencia en Europa foi negativa: a proporción de tempo adicado polas mulleres aos coidados e labouras domésticas aumentou en comparación cos homes”.

Concretando esta diagnose, o informe revela que o 80 % dos coidados prestados na Unión corresponde a persoas coidadoras informais non remuneradas, un 75 % mulleres. Ademais un 27,4 % das mulleres con empregos a tempo parcial está tamén coidando de persoas con necesidades asistenciais, sexan nenas/os ou adultas/os, fronte ao 4,6 % dos homes. Esta situación, apunta o Parlamento neste texto, viuse empeorada ademais pola redución das institucións asistenciais públicas para a infancia, persoas de idade avanzada e persoas con diversidade funcional, como consecuencia dos drásticos recortes nos orzamentos sociais dos Estados membros impostos de xeito coordenado sobre a base das normas e directrices de austeridade orzamentaria da Unión, en especial logo da crise financeira.

Por último, a responsábel do GUE/NGL na Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo, Lídia Senra, tamén considerou importante que o informe aprobado hoxe redunde en pedir aos Estados membros que garantan unha boa cobertura xeral dos servizos asistenciais públicos, en particular para as persoas que habitan en zonas rurais ou afastadas. “Como temos repetido en moitas ocasións, un medio rural vivo pasa por ter persoas que habiten nel. Para iso é necesario políticas activas de apoio, que abarcan dende actuacións concretas para mellorar os servizos públicos, como apunta este informe, como tamén por unha visión macroeconómica que ten que verse reflectida nun dos maiores paquetes político-económicos da UE como é a PAC.

Estrasburgo, 15 de Novembro de 2018

*Achegamos imaxe de arquivo da eurodeputada galega Lídia Senra correspondente a unha intervención en sesión plenaria (2018)

Oficina de LÍDIA SENRA EURODEPUTADA GALEGA
Grupo da Esquerda Unitaria Europea/
Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)
Comisión de Agricultura
Comisión de Pesca
Asamblea Paritaria África, Caribe, Pacífico-UE
0034 609 845 861
Willy Brandt, 02M025 (Bruxelas)
Louise Weiss, T05018 (Estrasburgo)
lidia.senra@europarl.europa.eu
http://lidiasenra.gal/
twitter  Facebook

Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Maria Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
15 de novembro de 2018 14:27
______

En breves datas comenzarán as presentacións en distintas asociacións e centros de ensino a unidade didáctica: A pandemia de gripe en Narón en 1918



A colaboración entre a concellaría de Cultura do Concello de Narón e a Asociación Memoria Histórica Democrática, posibilitaron a publicación da unidade didáctica "A pandemia de gripe en Narón en 1918", e escrita polo Profesor e Historiador Enrique Barrera, Secretario da Asociación. Unidade didáctica que foi entregada, hai uns dias, pola concelleira María del Carmen Espada, aos integrantes da asociación Manuel Fernández, Enrique Barrera, Eduardo Ponce e Fernando Ocampo. En breves comenzarán as presentacións en distintas asociacións e centros de ensino.

www.memoriahistoricademocratica.org
http://memoriahistoricademocratica.wordpress.com
Memoria Historica Democratica
Memoria Ferrol @memoriaferrol

Enviado por:
Memoria Histórica Democrática
-memoriahistoricademocratica@gmail.com-
16 de novembro de 2018 17:35

_________________

O verdadeiro Ferrol Rebelde, ... Por Celso Posada Fernández


Por Celso Posada Fernández [*]
19.11.2018


O verdadeiro Ferrol Rebelde


O Ferrol Rebelde, Obreiro, Reivindicativo, Loitador, de Esquerdas, Feminista  e que sigue na loita e resistindo con dignidade son tod@s @s activistas, mulleres e homes que saen as rúas a loitar, a defender dereitos os dereitos de Tod@s nós, a loitar fronte as inxustizas, fronte o patriarcado, fronte as violencias machistas, fronte o fascismo e neoliberalismo, fronte a xenofobia, homofobia e racismo e que se organizan en plataformas, movementos sociais na defensa das pensións públicas, do ensino público, da sanidade pública, polo dereito a unha vivenda digna, pola igualdade real entre mulleres e homes,  na defensa da nosa lingua e cultura galega, que se organizan, participan no movemento feminista, nas asociacións culturais, veciñais, fundacións, ateneos, en centros sociais en radios libres e comunitarias e que non se renden, que teñen dignidade e que son persoas solidarias, comprometidas, loitadoras que adican o seu tempo libre, a súa saúde, a defender dereitos de forma desinteresada e que non queren nin  protagonismos, nin palmadas no lombo, nin cadeiras nas institucións, nin falsos postureos, nin falso activismo de darlle a un like nas redes sociais comodamente sentado no sofá da casa ou nun bar.

[*] Celso Posada Fernández. Mestre de Educación Primaria e activista Social en diferentes movementos sociais de Ferrol e Comarca.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
18 de novembro de 2018 14:26

_______________

Outra prensa é posíbel e necesaria, ... Por Erik Dobaño - O lectorado non baixou, hai que dar con el


Por Erik Dobaño [*]
18.11.2018


Podemos confiar na política ou no Goberno como axentes de cambio social? Nestes tempos os axentes son outros, e a comunicación social é un campo de batalla central.

A disputa está aberta e nada indica que vaian gañar os de sempre: as forzas (no campo da comunicación de masas) non parecen tan desequilibradas e están mudando as regras, o espazo para a disidencia ensanchou. Internet é a ferramenta dunha democratización da comunicación social que aínda non se trasladou á esfera política, pero ese proceso xa comezou, e está producindo cambios nun sistema de medios de comunicación galego estabilizado desde a era Fraga, pero que hoxe debe responder ás mudanzas no xornalismo, e nos modelos de negocio.

Hai tres motivos polos que o público deixou de ir ao quiosque: xa non lle interesa o que lle contan na prensa, interésalle máis o que lle contan noutros sitios ou viuse na obriga de reducir o consumo e prescinde dela. Só un deles ten que ver coa economía doméstica. Nesa crise da prensa diaria en papel, convertida en sinécdoque da transformación dos medios de comunicación, non todo é culpa da situación económica ou da popularización de internet.

As vendas de xornais caen en picado desde hai dous lustros, as tarifas publicitarias abarátanse até o límite da rendibilidade, a diminución de ingresos trouxo despedimentos e deterioro das condicións laborais dos xornalistas. Encadéanse as malas noticias: a eliminación de persoal e a precariedade rebaixan a calidade dos xornais, a necesidade de dispor de fontes regulares de ingresos esixe un aliñamento firme das empresas cos poderes públicos e privados que as financian, a perda de independencia redunda no afastamento do público, e as empresas, moi debilitadas, non son quen de ocupar os espazos que seu público vai descubrindo para seguir informado mentres elas teiman en soster un modelo de negocio e un modelo de xornalismo.

Porén, a crise da prensa en papel non liquidou demasiados xornais. Na Galiza o sistema de medios de comunicación social apenas se viu alterado malia o derrube das cifras de vendas. Resisten grandes e pequenos xenerosamente alimentados con cartos públicos mentres intensifican a explotación das traballadoras e dos traballadores.

Hoxe a televisión, as redes sociais e a radio toman máis vantaxe respecto da información en papel e van minando a influencia dos xornais nas axendas políticas e cidadás. Pero a fascinación polo papel non desapareceu.

Lugares comúns

O discurso académico sobre o sistema de medios de comunicación social no país está cheo de lugares comúns. Un deses lugares comúns que dificultan unha reflexión seria sobre que é o que é este sistema mediático estabelece que as empresas de comunicación definen as súas propias estratexias empresariais e destas depende o seu éxito ou fracaso. Isto é falso, e nunca foi certo.

A estrutura galega de medios configurouse durante os gobernos de Manuel Fraga na Xunta de Galiza. É produto da adaptación dos mecanismos de propaganda e control da ditadura ás novas formas dun Estado de administración multinivel. Os medios dominantes son empresas que medraron polo sometemento ao poder das armas; as demais foron eliminadas. As subvencións públicas na era Fraga (e as achegas privadas desde o poder) definiron o éxito ou fracaso das diferentes empresas. O poder político determinou a funcionalidade dos medios. Están ao seu servizo.

O sistema de medios de comunicación social galego non é plural nin polarizado, como suxiren as definicións académicas. É homoxéneo. Non hai diferenza na xestión e execución entre os medios públicos e os medios privados, que ao fin son ferramentas de control social ao servizo dun único poder que está fóra dos medios. Non existe, en puridade, un sistema (presuporía un dinamismo que está ausente) e o que funciona é unha estrutura consolidada desde hai décadas na que os actores non compiten, senón que asumen os roles precisos cando o poder o determina.

Nunca antes vivimos unha época con tanta información en circulación nin cunha axenda de asuntos tan ampla. Entramos no campo da disidencia e as regras están mudando. O xornalismo ten que mudar, os modelos de negocio están mudando, o sistema de medios apuntalado polos poderes políticos e económicos tamén será movido.

Condicións

Non hai que facer moito máis esforzo que desprenderse de todo o que aprendemos nas redaccións e nas relacións dentro das redaccións, e nas relacións coa academia, coas asociacións de xornalistas e coas asociacións da prensa nestes últimos 25 anos, e elevarse un pouco por riba dos prexuízos que esixen un método que moitas veces oculta a verdade para responder con seguridade á pregunta tácita no titular: éo, e ademais, necesaria.

Pero os poderes que mandan nos medios non van deixar medrar nada que non se adapte á propia estrutura. A primeira condición de posibilidade desa outra prensa é nacer oculta ao poder e afastada da estrutura. Medrar cara ás raíces, cara a abaixo.

No pasado, o poder tiña a capacidade de definir o espazo, as regras e os actores. Iso fixo Fraga coa herdanza do franquismo. Renovou a estrutura. No canto das armas, utilizou diñeiro. Transformou a organización local e provincial da influencia dos medios. Fraga utilizou a televisión e a radio públicas galegas para alentar unha comunicación de masas rexional. Precisaba dun medio escrito que completara o campo e atopouno en La Voz de Galicia, que foi o instrumento para adaptar o mercado de prensa ás esixencias do poder fraguista a través dun esforzo editorial sen precedentes no Estado, con edicións en todas as cidades e nas comarcas máis populosas e abundantemente subvencionado desde a Xunta de Galiza (como acredita en parte o DOG, pero só en parte) até hoxe mesmo. La Voz quedou coa metade do pastel (cartos e lectores); o resto de medios hexemónicos ficaron confinados ás áreas de influencia, locais ou provinciais, que foran conquistando mais tamén sostidos desde o poder polos mesmos mecanismos. Todos. Sen excepción. Era como volver parar o tempo. Outros corenta anos.

Aquí o relato da academia funciona mellor como retrato: un medio dominante no territorio (coa televisión e a radio públicas como caixas de resonancia… La Voz marca a axenda), medios confinados a espazos reducidos, conxunto con escasa relevancia no sistema de medios estatal, e tamén escasa penetración da prensa estatal, estabilidade, un mercado cativo (que dirían os economistas) cun público tamén preso.

O que desgasta esa estrutura non é a crise. Pode que a crise acelere o proceso. Mais o desgaste comezou hai tempo. Mesmo hoxe a estrutura perdeu parte da súa capacidade de condicionar os discursos académico e social sobre si mesma. E os lugares comúns constrúense agora na rede. O factor que desbarata a estabilidade, os futuros previsíbeis, é internet.

Contrapoder

O xornalismo alternativo (en canto penetrado por valores democráticos) na web, no audiovisual e tamén en prensa existe desde hai anos e prolifera nos espazos para a comunicación social que foi abrindo internet. O que non existen son medios alternativos masivos, salvo nalgunhas nacións do Estado con sistemas mediáticos consolidados e non subsidiarios do español.

En Catalunya hai unha prensa escrita, medios audiovisuais e dixitais escritos e falados en catalán que funcionan como contrapoder e acompañan o proceso descolonizador en marcha. En Euskadi ese mesmo contrapoder mediático sobreviviu á represión das liberdades que até hai pouco circunscribíase ao ámbito vasco e que agora se estende a todo o Estado. Estes contrapoderes mediáticos en Catalunya e Euskadi, masivos nunha medida de conxunto, teñen dúas características comúns: están creados na lingua propia e desde a esquerda política catalá e vasca. Son unha fenda no sistema.

A segunda condición de posibilidade desa outra prensa nun país como Galiza é medrar desde posicións de contrapoder en defensa da lingua e da transformación social. Cara ás raíces, cara a abaixo, até facer fenda na estrutura.

As mudanzas empezan por afectar o xornalismo e continúan polos modelos empresariais que son precisos para dar acubillo a ese xornalismo democratizador, comprometido cun oficio no que "non é a imparcialidade, senón a independencia o que realmente importa" (James Harding, ex director de The Times) e comprometido coas cuestións fundamentais do seu tempo.

E neses modelos o de menos son as plataformas, que teñen un futuro común no xornalismo alternativo, que funciona igual de ben no papel que na web ou no audiovisual. Rebaixadas as barreiras para participar da tecnoloxía, o papel é unha ferramenta máis, nin moito menos obsoleta. O seu abandono polo público non ten tanto que ver coa crise nin con internet como co primeiro dos motivos polos que se foi deixando de ir aos quiosques.

Hai máis de vinte anos preguntábanlle a Rosana Rossanda polas circunstancias que fixeran posíbel Il Manifesto. Esta foi a resposta: "Un pequeno periódico independente vive se non está menos, senón máis informado que os demais, se selecciona sen sectarismos as súas prioridades de información, se non esconde o seu punto de vista, e se acepta o debate e a crítica. Ningún dos grandes periódicos cumpre todas estas opcións".

Hoxe sabemos que non son as empresas de comunicación as axentes nos procesos de comunicación social, nin moito menos as xornalistas e os xornalistas, e xamais o foron as lectoras e os lectores. Por iso, a terceira condición de posibilidade para esa outra prensa é nacer como empresa contraria aos verdadeiros axentes da comunicación e constituírse como empresa popular, aberta, plural, na que as decisións se sosteñan no compromiso das xornalistas e dos xornalistas e no das lectoras e lectores. E estes dous planos, o da empresa de comunicación como ferramenta de contrapoder e como fórmula de comunicación desde abaixo, coinciden no eixo da democratización.

Oportunidade

Hai que atender a urxencia da oportunidade. Antes que posíbel, esa outra prensa é necesaria no país. Ten espazo, porque a tarta de lectores dos grandes medios diminuíu, pero non diminuíron os lectores. Foron abandonados. Probabelmente a perda de potencia do sistema mediático teña que ver coa súa incapacidade de ocupar todos espazos aos que se abriu internet, e neses espazos que fican baleiros está o futuro. Están o espazo da lingua e o da transformación social. O espazo da democracia, o do pluralismo, o da información veraz e o da descolonización das mentes. O espazo do feminismo e o do ecoloxismo. Son estes lugares nos que se atopan as lectoras e lectores.

Desde o punto de vista da lingua, semella que o galego anda nunha situación crítica. Os indicadores están en vermello. Pode que sexa posíbel minorizar unha lingua até o límite da extinción, mais hoxe eses espazos para a resistencia multiplicáronse. Facer comunicación en galego nunca foi máis sinxelo. Pero ollo, non se trata de facer comunicación social só polo feito de facela en galego. Iso sería limitar os espazos.

Desde o punto de vista da transformación social, os indicadores teñen a mesma cor. E aquí si que a comunicación social debería ser instrumental. Como ferramenta de contrapoder. Tampouco será preciso teorizar nesta argumentación respecto do sufrimento que vai aparellado á descomposición do réxime político e económico actual. A oportunidade está na urxencia.

Estas son só unhas bases para pensar na necesidade de crear novos medios que compitan de verdade contra esa estrutura mediática en declive, pero que aínda non colapsou (veremos o tempo que lle leva…).

Os públicos volverán ao papel, irán e virán, navegarán pola rede ou polas ondas do audiovisual. Elixirán en cada momento a súa plataforma. Pero o papel non morreu; son os enroques editoriais, que nada teñen que ver co xornalismo e moito co interese das empresas de manterse subsidiadas, porque é o que fixeron sempre, á calor do poder, os que provocaron a fuxida das lectoras e dos lectores.

Hai aínda unha razón máis para acreditar nas posibilidades dunha prensa galega en papel e na súa necesidade: o papel é, xa hoxe, imprescindíbel en calquera estratexia de derrubamento da estrutura mediática porque é o franco máis débil dela.

[*] Erik Dobaño Salgado, Ourense 1970. Licenciado en Políticas (Complutense, 1993) Máster en Xornalismo (La Voz de Galicia, Univesidade de A Coruña, 1994) Máster en Comunicación e Marketing Político (Universidade de Santiago de Compostela, 2014). Escribeu en xornais convencionais como La Voz de Galicia, La Región, Diario 16, ... e na actualidade participa en: adiante laduda, entrenosdigital, sermosgaliza). | No twitter. |

[Este artigo foi publicado no monográfico especial sobre medios de comunicación editado por Sermos Galiza S.A. con motivo do 17 de maio baixo o título "A necesidade de O Diario Galego"]

Fonte: Sermos - O Diario Galego. | 13 de Novembro de 2018.

_______

sábado, novembro 17, 2018

Unha nova mobilización na defensa do sistema público de pensións en vilas e cidades da Galiza e do resto do Estado, unha nova xornada de loita este luns 19 de novembro - En Ferrol está convocada unha concentración ás 5 da tarde no Cantón


Concentración en defensa das pensións luns 19 de novembro ás 5 da tarde no Cantón de Ferrol


Volvemos a concentrarnos os cidadáns e cidadás que estamos mobilizados para a defensa do sistema público de pensións.

Sendo conscientes de que se deron algúns pasos para evitar as medidas máis prexudiciais nese ámbito, e mesmo, de que se deron algúns avances para mellorar a situación das persoas pensionistas que están peor, non podemos esquecer que aínda estamos lonxe de acadar os nosos obxectivos.

Non se albiscan movementos tendentes a blindar legal e constitucionalmente as pensións e o seu poder adquisitivo.

Aínda estamos moi lonxe dos 1.040 euros recomendados polos organismos internacionais para poder falar dunhas pensións dignas que sitúen aos seus perceptores fóra do campo da pobreza.

A senda non se vai percorrer sen que a cidadanía se implique a fondo na defensa do sistema público de pensións e por iso desde a Plataforma de Ferrolterra para a defensa das pensións concordamos con todas as entidades na consigna de que goberne quen goberne as pensión se defenden.

E tamén por iso seguimos na dinámica da mobilización. Desde as rúas, coa nosa presenza activa, seguiremos impulsando políticas para a defensa dun sistema público de pensións que ten que contribuír a unha vida digna para as persoas que as perciban e a unha sociedade máis xusta na que a riqueza se redistribúa.

Por todo isto o vindeiro luns, 19 de novembro nos volvemos a concentrar no Cantón de Ferrol, ás 17:00 horas.

Para contactar coa Plataforma:

Correo-e:
plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com

Conta no Facebook:
https://www.facebook.com/DefensaPensionsFerrolterra/

Enviado por:
Plataforma Pensións Públicas Ferrol
-plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com-
17 de novembro de 2018 14:30
_____________

O domingo día 18 de novembro, están convocadas todas as persoas socias da asociación veciñal d'O Val (Narón), para elixir a nova directiva - Dende a candidatura 'Traballando polo Val' presentan programa e candidatura


A candidatura “Traballando polo Val” á directiva da A.VV.


Este domingo día 18 de novembro de 2018, están convocados os socios e socias da A.VV do Val para, entre outros asuntos escoller a nova directiva. Este ano xurdiu unha candidatura alternativa que trata de recuperar o dereito da veciñanza a tomar as súas decisións, á vista de que a actual directiva non contaba con eles e incluso dáballe as costas á veciñanza fronte a problemas como: a parcelaria, o carril-bici, rede de sumidoiros, pago das acometidas, contribución (IBI), patacas, xabarís, etc. Unha directiva condicionada porque varios dos seus membros son con militantes activos de TEGA e parecían defender ao Goberno de Narón no lugar de cos seus veciños.

Chegamos a tal situación que se está excluíndo de participar e opinar a aqueles que lles resultan incómodos, entre eles aos que deixaron parte da súa vida loitando polo Val.

A lei de asociacións recolle como criterios fundamentais a estrutura democrática das asociacións e a súa ausencia de fins lucrativos, así como garantir a participación das persoas nestas, e a participación mesma das asociacións na vida social e política.

A lei tamén esixe o rexistro da asociación e datos sobre a mesma como, por exemplo, os seus cargos. Sen embargo, o pasado mes de outubro solicitouse ao Rexistro de asociacións da Xunta de Galicia información sobre a composición da xunta directiva e respondeu que:

Dende o ano 2013 non tramitaron ante o rexistro a inscrición da modificación da xunta directiva, e tendo en conta que segundo os estatutos a duración dos cargos é de 1 ano, xa non están en vigor os que constan no arquivo.

A realidade da A.VV. do Val dista moito da democracia, os seus estatutos non recollen as regras e procedementos necesarias para a elección es substitución dos seus membros e contando incluso son artigos contraditorios e non democráticos como o que esixe una antigüidade para poder optar a un cago na directiva.

Así encontrámonos na práctica con que o actual proceso de elección que incumpre aspectos básicos como:

  • Impoñer una elección por candidaturas, algo que non figura nos estatutos nin na lei.
  • Fixar un número de compoñentes e cargos para a candidatura, cando os estatutos só recollen un número mínimo pero non máximo de compoñentes.
  • Non informar nin facilitar a lista e composición das candidaturas, co cal os socios descoñecen a que van a votar ata a asemblea.
  • Non publicar o censo electoral, o que non permite a libre comprobación da inscrición de socios.
  • Non acordar as regras da votación (membros da mesa, interventores, prazo de tempo para votar, etc.).
  • Esixir o carné de socio para a votación, cando debera ser suficiente o DNI, carné de conducir ou outro medio de identificación eficiente da identidade da persoa.

Ademais, prodúcense outras actitudes e comportamentos que están impedir ou dificultar os dereitos dos asociados e a súa convivencia libre e democrática que preferimos non relatar.

Queremos recuperar o espírito valexo, que aínda está entre nosoutros, que O Val volva a ser un pobo soberano e decida sobre o seu futuro.

Estamos convidando aos veciños do Val a que participen tanto na candidatura como compartindo os seus problemas a través de reunións o xoves día 15 de novembro as 8 da tarde ao Bar O Marinito, ou o sábado 17 as 7 da tarde no local social, e para que acudan a votar na asemblea do próximo domingo 18 as 10:30 da mañá.

Programa e Candidatura.-
Clicar na imaxe para ampliar o Programa e a Candidatura


Enviado por:
Diego Paz
-diegopazlopez1988@gmail.com-
16 de novembro de 2018 10:37

_____________

Pesar pola morte da compañeira Helena Sánchez - Lembranza de Xosé Lastra Muruais no seu pasamento


Helena Sánchez
,[*] veciña de Caranza, morreu na madrugada do luns 12 de novembro de 2018, aos 74 anos de idade, despois de ter sufrido un accidente de tráfico en Ferrol. A compañeira Helena formaba parte de diversos colectivos nos que participaba en Ferrolterra, como a Marcha Mundial das Mulleres que lamentaba nun comunicado o desafortunado suceso e dixeron que "lembrarán sempre a Maria Helena Sánchez, compañeira en todas as actividades en defensa dos dereitos das mulleres e contra a violencia machista". Helena participaba activamente nas convocatorias do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, contra o despropósito gasista de Reganosa e formou parte de diversas organizacións políticas, foi militante durante moitos anos do BNG e ultimamente estaba ligada a En Marea e Anova.

---

No pasamento de Helena Sánchez (1944-2018)

Por Xosé Lastra Muruais
15/11/2018

Cando polos anos oitenta cheguei a Caranza, batín cun grupo de persoas na ANPA do centro, maiormente mulleres e nomeadamente ti. Aquel barrio que nos ensinastes a amar por mor da inmensa querenza que lle tiñades. Aprendemos tanto con vós!

Lembramos nidiamente o teu devezo e a túa disposición sempre a mover o mundo, dende unha apracible afouteza. Nada che foi alleo no plano educativo, lingüístico, asociativo, político... Non houbo movemento social no que non participases dende unha posición radicalmente de esquerda e galega. Nin manifestación cultural que non te chamase: literatura, cine, música, arte... Foron máis de tres décadas de emocións e arelas compartidas.

Agora fúcheste tan de súpeto, coma un lóstrego, deixándonos orfos e sen nos dares tempo a che dicirmos, unha vez máis, canto te queremos e canto queriamos aínda compartir contigo. Vaia esta pequena homenaxe na memoria dese camiño convivido. Perdémoste e perdeute a nación soñada.

Sempre nos nosos corazóns.

[*] María Helena Sánchez López (1944-2018).
___

venres, novembro 16, 2018

Conmemoración Centenario Asemblea Nacionalista de Lugo - Domingo, 18 de novembro de 2018, no IES Lucus Augusti (Av. Rodríguez Mourelo, s/n, Lugo), onde aprobaremos a ‘Carta de Dereitos do Pobo Galego’


Conmemoración Centenario Asemblea Nacionalista de Lugo


Entre o 17 e o 18 de novembro de 1918 as Irmandades da Fala desenvolvían, no Teatro Lugo-Salón, a I Asemblea Nacionalista Galega. Neste encontro explicitaron os asistentes, e todas as agrupacións locais das Irmandades representadas, que o seu compromiso político facía que se denominaran “nacionalistas” galegos, apuntando:

Tendo a Galicia todal-as caracteristicas esenciaes de nazonalidade, nós, nomeámonos, d-oxe pra sempre, nazonalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todal-as aspiraciós nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”.

Para conmemorar o centenario daquel feito, central na reivindicación da Galiza como suxeito político e a reclamación da súa soberanía, Vía Galega, plataforma social en defensa dos direitos nacionais da Galiza, desenvolverá un completo programa de actos na cidade de Lugo.

Diante desta conmemoración, gostaríamos contar coa túa presenza de cara a participar dunha Asemblea/Encontro Nacional, o domingo 18 de novembro no IES Lucus Augusti (Av. Rodríguez Mourelo, s/n, Lugo), onde aprobaremos a ‘Carta de Dereitos do Pobo Galego’, así como no acto que desenvolveremos a seguir no paseo superior da Muralla de Lugo, con lectura de textos de activistas das Irmandades da Fala, acompañada de música e finalizando co canto do noso hino nacional.

Domingo, 18 de novembro

Programa Asemblea/Encontro Nacional

10.45h Benvida ás/aos asistentes (IES Lucus Augusti – Av. Rodríguez Mourelo, s/n, Lugo).

11-12.45h Intervencións e Lectura da ‘Carta de Dereitos do Pobo Galego’ (acto amenizado con intervencións musicais).

13h Oferenda floral no Hotel Méndez Núñez (Rúa da Raíña, 1).

13.15h Lectura de textos e acto reivindicativo na Muralla de Lugo.

14h Peche do acto coa interpretación e canto do hino nacional.

Máis info sobre Vía galega na súa web:

http://viagalega.gal/

---
Detalle do Manifesto da ‘Asambleia Nazonalista de Lugo’


__________________

Palestra com Jorge Linheira en Ferrol: 'A cultura como reserva india', esta sexta-feira 16 de novembro, ás 20:30hs na Fundaçom Artábria - Na Travessa de Batalhons nº7 de Esteiro


Palestra com Jorge Linheira


Sexta-feira 16, decorrerá a palestra "A cultura como reserva india" com Jorge Linheira onde fará um percurso polas políticas culturais desenvolvidas na Galiza nos 35 anos de governos da Junta da Galiza. A conferência dará início às 20.30hs

--
Travessa de Batalhons nº7 Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!
 
A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
15 de novembro de 2018 02:49

____________________

mércores, novembro 14, 2018

Política Social da Xunta de Galicia provoca un novo desafiuzamento en Ferrol - De novo as políticas dos gobernos castigan a pobreza


(Actualizada 15.11.2018 15:19)

As normas arbitrarias e inxustas  da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, á hora de aplicar o RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia), provoca un novo desafiuzamento en Ferrol. | De novo as políticas dos gobernos castigan a pobreza.


Trata-se de María[1], unha nai divorciada de mediana idade con dúas menores que apenas chegan aos 10 anos. Traballadora en desemprego que percibía unha pequena prestación procedente da RISGA, á cal se lle retrae a pensión de 150 euros que percibe da súa ex-parella en concepto de manutención para as nenas, e con axudas da familia, para poder vivir.

Tivo a mala sorte que un día lle comentaron que podía renovar a súa demanda de emprego a través de internet,[2] cousa que fixo ou ao menos intentou. E un incumprimento en formación. Mais isto valeu-lle unha sanción da Consellería de Política Social, suspendendo-lle a prestación económica da RISGA, por seis meses, sanción que finaliza o mes de decembro.

María vive nunha vivenda alugada a través dunha inmobiliaria, unha vivenda que foi no seu momento propiedade do INVIED[3]. A renda da vivenda son de 300 euros mensuais, ao que hai que somar-lle os gastos xerais entre as que están luz e auga, facturas ás que non pode acceder á bonificación que lle correspondería porque están ao nome do propietario e non soubo como soluciona-lo. Porque nunca tivo unha copia do contrato do alugueiro até que lle chegou anexado á demanda de desafiuzamento. Sinalada a vista xa para o 30 deste mes de novembro e o desafiuzamento para o 27 de decembro.

María ten cita hoxe cos servizos públicos antidesafiuzamentos que por mor da nosa loita teñen constituídas tanto o Concello como a Xunta (Oficina de Vivenda e Reconduce). Ao abeiro do Convenio asinado entre a FEGAM, Poder Xudicial e Xunta, eses servizos das administracións teñen que solicitar ao Xulgado un adiamento do desfiuzamento. A María e ás súas nenas, hai que conseguir-lles unha alternativa residencial antes de ser despexadas da súa vivenda. E levantar-lle a inxusta sanción que lle privou, durante estes meses, da mingua prestación económica que percibía.

O goberno de España, foi condenado pola ONU no seu momento por permitir o desafiuzamento dunha familia con menores en situación de vulnerabilidade, e advertido en varias ocasións polo mesmo comité de Nacións Unidas o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais (Comité DESC), en aplicación do Pacto Internacional sobre eses dereitos. Polo que María non pode ser desafiuzada sen que haxa unha alternativa residencial facilitada polos poderes públicos, nunha cidade onde hai 10.000 vivendas baleiras.[4]

Desde Stop Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrolterra, demandamos unha solución xa, polo que non imos permitir que se produza o desafiuzamento, e que se lle restituían a María os seus dereitos. Os poderes públicos non están para castigar á persoa vulnerábel, senón para protexe-la.



Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

forosocialdeferrolterra@gmail.com

http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

@StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

Notas.-

[1] María non é o nome real, é ficticio. Polo de agora quere gardar a súa intimidade.
[2] A renovación da demanda de emprego por internet, pode-se facer: A través da Oficina Virtual (Oficina Virtual do SPEG); a través da aplicación para dispositivos móbiles MOBEM (Aplicación Mobem) e tamén se pode facer a través dos Puntos de Información (Terminais) que hai en Concellos e Oficinas de Emprego. | Ir á Web.
[3] Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamentos da Defensa - Invied. Este instituto puxo á venda en Ferrol e Narón, centos de vivendas militares, feitas con diñeiro público procedente dos impostos que pagamos, mais foron vendidas mediante concurso (subasta+algún criterio) como se dunha inmobiliaria privada se trata-se, mais dirixida a un número limitado de persoas, contradicindo toda normativa sobre vivenda pública, entregando, pasados tres anos, un patrimonio público ao mercado especulativo. Onde tiñan que rexer unhas bases sociais con criterios garantistas e iguais para todas as persoas, para o que non había outra alternativa que entregar ese parque de vivendas ao IGVS da Xunta de Galicia que é o que ten transferida a competencia en vivenda. En Ferrol hai máis de 600 persoas que demandan alugar unha vivenda social. Hai uns meses o Inved de Ferrol recoñecía que tiña 77 vivendas baleiras. | Ir á Web.
[4] Instrumento de Ratificación de España do Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, feito en Nova York o 19 de decembro de 1966. | Ir ao BOE.

_______________

luns, novembro 12, 2018

O Sindicato de Estudantes, xunto co colectivo Libres e Combativas convoca para este mércores 14 de novembro unha folga xeral estudantil co lema 'Fóra o machismo das nosas aulas' - Manifestación desde a Praza Amada Garcia até o Cantón, desde as 12 do mediodía - Apoio da Plataforma de Ferrolterra para a Defensa das Pensións Públicas á mobilización do estudantado


O Sindicato de Estudantes, xunto co colectivo Libres e Combativas convoca para este mércores 14 de novembro unha folga xeral estudantil co lema “Fóra o machismo das nosas aulas”. As principais manifestacións en Galiza terán lugar ás 12 da mañá na Coruña, Ferrol,(Diante do Edificio da Xunta- Praza Amada Garcia), Vigo e Lugo.

Dende a organización, esixen “a posta en marcha inmediata dunha materia de educación sexual inclusiva, avaliable e obrigatoria” que se imparta en todos os centros de estudo, tanto públicos coma privados, e orientada para o ensino primario, secundaria, bacharelato e formación profesional.

Esta materia, explican, tería o obxectivo de “educar en liberdade, contra o machismo, os malos tratos e a cultura da violación, contra a homofobia e a transfobia”.

Ademais, demandan ao goberno de Pedro Sáncheza creación dun Decreto Lei que elimine de maneira inmediata calquera normativa interna dos centros de estudo referente á forma de vestir e que recolla explicitamente o respecto á liberdade sexual de todas as persoas”.

Por último, defenden que “non botamos ao goberno de Raxoi para que todo siga igual” e avogan pola derrogación inmediata da LOMCE, a revogación de todos os recortes educativos e a gratuidade do ensino público dende infantil até á universidade.
Apoio da Plataforma de Ferrolterra para a Defensa das Pensións Públicas á mobilización do estudantado do 14 de novembro

A Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións decidiu manifestar publicamente o apoio á convocatoria e sumarse ás mobilizacións do estudiantado.

É por iso que a Plataforma de Ferrolterra para a Defensa das Pensións Pública optou tamén por coordinar os seus esforzos cos do Sindicato de Estudiantes para convocar esa xornada de loita.

Chamamos a todas as organizacións de Ferrolterra, a todo o estudiantado e a todas as persoas, xubiladas ou non, que estean a prol da defensa do sistema público de pensións a sumarse á convocatoria e a apoiala.

O vindeiro 14 de novembro, mércores, as 12:00 horas sairá unha manifestación desde a praza Amada García (fronte ao Edificio da Xunta en Ferrol) que finalizará no Cantón.

A Plataforma de Ferrolterra para a Defensa das Pensións Públicas participará activamente nesa manifestación, estando presente na pancarta que a encabece e lendo un manifesto ao final da mesma.

Achegamos xunto con este comunicado o Manifesto de apoio da Coordinadora Estatal e o cartaz da convocatoria do Sindicato de Estudiantes.

Fonte: Sermos Galiza. | https://www.sermosgaliza.gal/

Info baseada na enviada por:
Plataforma Pensións Públicas Ferrol
-plataf.pensionspublicas.ferrol@gmail.com-
12 de novembro de 2018 08:31

________________

sábado, novembro 10, 2018

As trabas do PP e Cidadáns ás remunicipalizacións son anticonstitucionales - Onte 8 de novembro de 2018, o Tribunal Constitucional dá a razón ao grupo parlamentario confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea e ditaminou que as Disposicións Adicionais contra as remunicipalizacións do Partido Popular e apoiadas por Cidadáns nos Orzamentos Xerais do Estado de 2017 son anticonstitucionais


O Tribunal Constitucional dá a razón a
o grupo parlamentario confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea e ditaminou que as Disposicións Adicionais contra as remunicipalizacións do Partido Popular e apoiadas por Cidadáns nos Orzamentos Xerais do Estado de 2017 son anticonstitucionais.

O Partido Popular foise de Moncloa, pero os orzamentos de Montoro quedáronse. Neles podíase atopar as Disposicións Adicionais, eses anexos que van ligados aos Orzamentos Xerais do Estado (PGE). Dous delas, a vixésima sexta, apartado un, a) e b ), e a trixésima cuarta, apartado dous, tiñan unha intención clara: imposibilitar que as administracións públicas puidesen remunicipalizar servizos antes privatizados prohibindo o traspaso dos empregados do servizo privatizado á empresa pública.

Pero para o grupo parlamentario confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, estas disposicións era anticonstitucionais por tratarse dunha vulneración dos artigos 66.2 e 134.2 da Constitución Española (CE), xa que son unha regulación allea ao contido propio das leis de orzamentos. Onte, 8 de novembro, o Tribunal Constitucional deulles a razón e declarou anticonstitucional ditas disposicións dos PGE17 presentadas polo Partido Popular e apoiadas polo partido de Albert Rivera.

A disposición adicional vixésima sexta tiña como obxectivo evitar que as administracións públicas poidan considerar como empregados públicos nin poidan incorporar en devandita condición a unha administración pública aos colectivos de traballadores que se atopen en determinadas circunstancias. Esta regulación tería como finalidade impedir a incorporación (por subrogación) dos traballadores de empresas remunicipalizadas. De igual forma, a disposición adicional trixésima cuarta, apartado dous, limita a incorporación de persoal laboral ao sector público en supostos de cambio de modalidade de xestión indirecta a directa de servizos e obras públicas.

Desde o grupo parlamentario confederal denunciaban que esta regulación non garda unha relación económica directa cos ingresos ou os gastos, ao non supoñer incremento ou minoración dos ingresos das administracións públicas que se vexan afectados, nin tampouco determina unha subida ou diminución dos gastos en materia de persoal. Tampouco existe unha relación orzamentaria directa, pois as disposicións impugnadas non axudan a entender mellor o contido propio das leis de orzamentos nin facilita o seu execución. Polo que, segundo Unidos Podemos e a sentenza do Tribunal Constitucional, vulneraban os artigos 66.2 e 134.2 da CE.

Artigo Relacionado:

A oportunidade para remunicipalizar a xestión da auga en Llerena e Arroyo da Luz. | O próximo ano cumpre o prazo da concesión a empresas privadas da xestión do servizo público de abastecemento de auga potable en Llerena e Arroyo. Outras localidades como Plasencia ou Don Benito tamén esgotan os prazos desta concesión proximamente, o que abre unha oportunidade para recuperar a xestión pública directa. | El Salto Extremadura - @ElSalto_EXT - 2018.10.24 | ir á Web.

Fonte: @OSaltoDiario. - Yago Álvarez @Econocabreado (De "El Salmón Contracorriente". | 2018.11.09 - Baixo Licenza Creative Commons.
_____________

venres, novembro 09, 2018

IV Xornada da Asociación Galega de Saúde Mental - Contrastes - Ferrol, 16 de novembro de 2018


IV Xornada da Asociación Galega de Saúde Mental

Contrastes

Venres, 16 de Novembro de 2018
08:30 – 20:30hs.

Salón de actos do Hospital Naval de Ferrol

Organizamos estas IV Xornadas en Ferrol co obxectivo de proporcionar un espazo de encontro e reflexión que actualice os coñecementos no ámbito da Saúde Mental. Nas distintas meses se procurará o diálogo, a reflexión, a analise e a discusión de ideas. E neste contexto aberto e directo, poder compartir experiencias e presentar abordaxes innovadoras no campo da saúde mental. En concreto se plantexará:

Actualizar os coñecementos da clínica internalizante na infancia.

Afondar na ética da practica clínica no contexto da relación paciente profesional paciente.

Abordar a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da saúde mental.

Dar a coñecer a evolución da asistencia á Saúde Mental en Ferrolterra.

Incorporar ferrramentas dende as neurociencias á practica asistencial.

Dar a coñecer modelos de intervención alternativos.

Evento no Facebook. | Ir ao Evento.

Están solicitados créditos de formación continuada para as profesións sanitarias.

Non esquezades facer a inscrición en http://www.agsm-aen.org/inscripcions.php

Díptico das xornadas. Agradecemos que colaboredes na súa difusión. E non esquezades facer a inscrición en http://www.agsm-aen.org/inscripcions.php

Atentos ás normas para as comunicacións póster na xornada:

NORMAS PRESENTACIÓN POSTERS

1. Data de entrega: os resumos deberán estar na secretaría técnica do congreso antes do día 26 de outubro de 2018

2. Os resumos deberanse remitir por correo electrónico ó seguinte enderezo: xornadas@agsm-aen.org

3. A secretaría técnica notificará a recepción de tódalas comunicacións que reciba, comunicando posteriormente a decisión de admisión ou rexeitamento por parte do comité científico.

4. Admitiranse só comunicacións tipo póster.

5. Contido do resumo:

Título: en negriña e maiúsculas. Non se permite o uso de abreviaturas, e recoméndase un máximo de 120 caracteres.

Datos dos autores: Admítense un máximo de seis autores. O primeiro autor deberá estar inscrito nas Xornadas. Escribiranse os apelidos e nomes de tódolos autores.

Resumo:

- Non será superior a 250 palabras e estará estruturado cos seguintes apartados:
- Xustificación.
- Obxectivos.
- Material e Métodos/Descrición da experiencia.
- Resultados/ Conclusións.
_________________

Entrevista a José María Euraskin, despois de que o Pleno da Sala Terceira do Tribunal Supremo acordara a favor da Banca no conflito sobre quen paga o Imposto da Hipoteca - Vídeo


De novo unha entrevista con José María Euraskin (Advogado de Stop Desafiuzamentos Gipuzkua), mais desta vez, despois de que o Pleno da Sala Terceira do Tribunal Supremo acordara a favor da Banca, no conflito sobre quen paga o Imposto da Hipoteca (Actos Xurídicos Documentados). Entrevista feita, vulneración de los artículos 66.2 y 134.2 de la Constitución Española por Nerea de Cecilia e Xabier Bermúdez, no Canle Txingudi.

Como sempre, a nova entrevista foi moi didáctica, sobre a Sentenza dos Impostos da Hipoteca, que resolveu de forma insólita, despois de dúas xornadas, celebradas os pasados 5 e 6 de novembro, o Pleno da mencionada Sala Terceira (Co asistencia de 28, dos 31 maxistrad@s) a súa eficacia xurisprudencial a favor dos intereses do sector financeiro do IBEX35. Unha clara inxerencia da banca na xudicatura, amosando a falta da independencia xudicial e a faciana quebrada da democracia formal, dominada polo poder do diñeiro e a doutrina neoliberal.

Nota xurídica moi breve da sala de comunicación do Poder Xudicial:

"O Pleno da Sala III, tras dous días de deliberaciones, acordou por 15 votos a 13 desestimar os recursos suscitados e volver ao criterio segundo o cal o suxeito pasivo do Imposto de Actos Xurídicos Documentados nos préstamos hipotecarios é o prestatario. O texto das sentenzas coñecerase nos próximos días." [1]
Entrevista a José María Eurasquin, feita o 8 de novembro de 2018, co título: "Vergonza de Tribunal Supremo - Os magistrados ás ordes da Banca?"


https://youtu.be/L5wyj7BTEns

A sentenza que xa non senta xurisprudencia logo da resolución do citado Pleno: Sentenza STS n.º 1505/2018 | 50 páxinas en formato pdf. | Acceder/Baixar.

[1] Nova xurídica do Gabinete de Comunicación. | Ir á Web.

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra forosocialdeferrolterra@gmail.com
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/ @StopDesafiuzamentosDeFerrolTerra

_______________

xoves, novembro 08, 2018

Taller de construción de monicreques para nenos e nenas, no Ateneo Ferrolán, este Venres 16 de novembro de de 6 a 8 da tarde


Taller de construción de monicreques para nenos e nenas

Venres día 16 de novembro de 18 a 20 h.

Apúntate antes do 14 de novembro, no Taller de construción de monicreques para nenos e nenas, de dúas horas de duración. Para idades comprendidadas entre 6 a 12 anos (máximo 30 alumn@s por taller).  O taller é de materiais rápidos de utilizar, como esponxas, cartolinas e demais. 12 € por persona (engade os materiais para o taller).

Cancelar a subscrición aos correos electrónicos relacionados coas publicacións novas deste blog.
--
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055
Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK:

Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
6 de novembro de 2018 13:24

______________________

Concerto com o grupo viguês Grima e os ferrolanos Turbo Kraks esta sexta-feira, 9 de novembro, na Fundaçom Artábria - Travessa de Batalhons nº7 Esteiro


Grima + Turbo Kraks esta sexta-feira na Fundaçom Artábria

9 de novembro, sexta-feira, às 22.30hs concerto com o grupo viguês Grima e os ferrolanos Turbo Kraks. A entrada é de balde.

+info:
https://damosmuchagrima.bandcamp.com/
https://turbokraks.bandcamp.com

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
8 de novembro de 2018 02:38

________________