Amosando publicacións coa etiqueta Mundo Obreiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mundo Obreiro. Amosar todas as publicacións

martes, decembro 28, 2021

Reforma laboral, ilusión e decepción, .. Por André Abeledo Fernández



Por André Abeledo Fernández [*]
28.12.2021


A nova reforma laboral é simplemente unha modificación sobre a reforma do Partido Popular feita ao ditado da patronal.

É unha reforma que só pode contentar aos que mandan. Ningún dos elementos máis lesivos das anteriores reformas son tocados ou derogados, é unha suposta reforma na que unha vez máis véndennos fume e tentan vendernos unha nova claudicación como unha vitoria.

Ver como dende os medios de comunicación e tamén dende a patronal, CCOO-UGT, e o goberno de "esquerdas" tentan convencernos de que na reforma laboral temos gañado todos sóame a moi antigo, como aquel anuncio de "facenda somos todos", que ao final non era verdade aínda debería.

Entre outras cousas porque non é posible que gañemos todos, posto que os intereses da clase traballadora non son os mesmos que os da patronal e tamén porque partiamos de posicións moi diferentes, de gran desigualdade e as reformas laborais anteriores tiñan pasado por enriba aos dereitos e as condicións de traballo das traballadoras e dos traballadores.

O terreo perdido non se recupera coa nova reforma en puntos fundamentais como poden ser a protección do traballador ante un despedimento, ou a indemnización en caso de despedimento.

E tampouco se avanza significativamente en algo tan importante como a conciliación da vida persoal e a laboral, a flexibilidade horaria e a falta de medidas neste sentido son ademais un problema cando falamos da baixa natalidade e do envellecemento da poboación que poñen en risco a sostibilidade do sistema de pensións.

Como vai o tema das liñas vermellas?.

Unha das liñas vermellas para a nova reforma laboral non era a indemnización por despedimento? Xa non? Só mantén liñas vermellas a dereita cando manda?.

Cando manda a dereita impón a reforma laboral para que gañe a patronal, e cando goberna a "esquerda" resulta que temos que pactar para que non perda ninguén. A mín non me sae a conta. Cando lle toca gañar a clase traballadora?.

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Delegado de persoal da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
28 de dezembro de 2021 12:24

_______

sábado, marzo 06, 2021

O 10 de Marzo, o 'Día da Clase Obreira Galega', a comarca de Ferrolterra irá unha vez máis a folga, ... Por André Abeledo Fernández



Por André Abeledo Fernández [*]
06.03.2021


A comarca de FERROLTERRA irá a folga xeral o próximo 10 de marzo

O 10 de Marzo, o DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA, a comarca de Ferrolterra irá unha vez máis a folga.

Un 10 de Marzo que na nosa comarca mantense gravado a sangue e lume, un día de homenaxe e sobre todo de loita obreira.

Un sete de febreiro de 1972 tíñase asinado en Madrid, por parte do Sindicato Vertical un convenio interprovincial dos diferentes estaleiros do país.

O oito de febreiro celebrábase en Ferrol unha asemblea de traballadores que se manifesta en contra da sinatura, e convocase unha nova asemblea para o día nove de Marzo. A resposta por parte da patronal a esta convocatoria é o despido de seis dirixentes sindicais.

O día nove de Marzo, ante o despedimento dos dirixentes obreiros os traballadores deciden parar a produción e concentrarse dentro do estaleiro ata que os seus compañeiros foran readmitidos. Ala polas tres da tarde a empresa ameaza aos traballadores co desaloxo policial. Sobre as cinco da tarde a policía entra na factoría e desaloxa aos traballadores pola forza co resultado de máis de vinte feridos.

Os enfrontamentos entre os traballadores e a policía trasládanse as rúas e durante a noite escóitanse os primeiros disparos das forzas de represión franquista.

As 7:30 da maña do día dez  de marzo de 1972 os traballadores  concéntranse ante as portas pechadas do estaleiro de Bazán, uns 4.000 obreiros que deciden dirixirse cara o outro estaleiro da comarca, Astano, para unirse a os seus compañeiros de loita.

Pero ao chegar ao cruce de As Pías atópanse coa emboscada da Policía Armada que disparan sobre os traballadores desarmados.  

Nese  momento e nese lugar foron asasinados Amador e Daniel,  os seus nomes quedan desde entón gravados a sangue e lume, Amador Rey Rodríguez e Daniel Niebla García, mártires da clase obreira galega.

Tamén  máis de 40 feridos, moitos dos cales non acudiron ao hospital por medo a ser detidos.

Durante varias horas Ferrol quedou nas mans dos obreiros, respondendo o goberno fascista cortando as comunicacións, incluídas as telefónicas, ata que logrou concentrar os efectivos necesarios para ocupar a cidade pola forza.

Nos días posteriores a solidariedade obreira estendeuse por toda a comarca e por toda Galiza, parando outras fábricas e respondendo a poboación cun forte apoio aos familiares dos represaliados.

O balance da loita foi brutal: 2 traballadores asasinados, 16 feridos de bala, decenas de feridos por outras causas, 160 despedidos, 60 encadeados e 50 multados con cifras que ían desde as 50.000 pesetas as 250.000, cantidades colosais naqueles tempos.

Nos días posteriores producíronse numerosas detencións de sindicalistas, militantes comunistas e activistas de distinto signo. Pero tamén nos días posteriores se propuxeron mobilizacións de protesta e solidariedade por Galiza, Estado Español e a nivel internacional.

Moitos traballadores organizados e conscientes de ser clase obreira, foron presos e posteriormente xulgados por un Consello de Guerra e condenados a varios anos de prisión. Outros foron sancionados con multas e 23 deles foron procesados polo Tribunal de Orden Público (TOP), no coñecido como «proceso dos 23 de Ferrol», que derivou en condenas de entre un e catro anos.

Os asasinatos e a violencia policial nos sucesos de Ferrol non derivaron en responsabilidade algunha, nin para os autores materiais ni para os responsable políticos e policiais que foron os autores intelectuais dos crimes contra a clase obreira galega.

A mellor maneira de renderlles homenaxe aos camaradas Amador e Daniel e a todos os que sufriron a represión da ditadura franquista e a patronal é seguir loitando.

Hoxe as diversas Reformas Laborais, perpetradas tanto polo PP como polo PSOE, roubaron a la clase obreira os dereitos conquistados con sangre, suor e lágrimas.

É importante e necesario aprender como se gañaron os dereitos, en loitas como a do 10 de marzo de 1972, os dereitos que nos roubaron e nos rouban, a dignidade que nos pisan, precisan dunha resposta a altura dos que loitaron por conquistalos.

O 10 de Marzo debe ser ante todo una xornada de loita das traballadoras e traballadores da Galiza, para poder honrar a memoria de quen o deu todo, ata a vida por defender a dignidade e os intereses da clase obreira.

Unha comarca que foi motor industrial e referente da loita sindical na Galiza e no Estado español, atópase hoxe agonizante despois de ser traizoada por tódolos gobernos e tódalas as administracións.

Dende a reconversión do PSOE de Felipe González que decidiu ferir de morte a industria Naval na Comarca matando a ASTANO e deixando a BAZAN gravemente ferido, ata un «Plan Ferrol» que prometía reindustrializar a nosa Comarca e que ao final quedou en practicamente nada.

Os distintos gobernos a nivel Estatal e Nacional, en Madrid e en Santiago, seguiron dándonos as costas e afondando na ferida pola que a Comarca se vai desangrando.

NAVANTIA, ENDESA, POLIGAL, NOA, GAMESA, e un longo etcétera de empresas que foron afondándose na lameira das crises que sempre pagamos a un prezo desorbitado nesta terra de loita e traballo.

Existe unha débeda histórica con Ferrolterra, unha débeda aínda máis grande dende a mirada da esquerda.

Aquí naceu o día da clase obreira galega, o 10 Marzo de 1972 a sangue de traballadores valentes que defendían os seus dereitos foi derramada, en plena ditadura franquista a clase traballadora desta comarca loitadora estivo disposta a dar a vida, como a deron Amador e Daniel, aquel día que quedará gravado na historia da clase traballadora.

Hoxe continúa a sangría na nosa Comarca, fai pouco con POLIGAL e NOA MADERA CREATIVA, agora cos despedimentos na fábrica de GALICIA TEXTIL de Xuvia, o peche de GAMESA-SIEMENS e a situación que segue a ser desesperada en NAVANTIA.

Agora máis que nunca, cun goberno que se di de esquerdas, cunha ministra de traballo nacida na nosa comarca que coñece ben a historia da comarca traizoada, da loita obreira, do noso movemento sindical, debemos reclamar xustiza para Ferrolterra.

A comarca do 10 de Marzo, do día da clase obreira galega, das folgas xerais e comarcais con suceso, das manifestacións masivas, reclama hoxe e unha vez máis xustiza e reparación.

HONOR, XUSTIZA E REPARACIÓN para Amador e Daniel, que eran obreiros e fillos do pobo galego.

Tomaremos unha vez máis as rúas na comarca de Ferrolterra para loitar polo noso presente e polo futuro da nosa comarca.


[*] André Abeledo Fernández (Delegado da CIG no comité de empresa de Mercadona na Provincia de A Coruña).

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
6 de março de 2021 11:41

_______

martes, outubro 29, 2019

A luita obreira nom é delito! - Hoje terça-feira 29 de outubro, às 20hs, manifestaçom em solidariedade com Anxo Pintos - A Fundaçom Artábria somamo-nos à convocatória do sindicalismo ...


Fundaçom Artábria com Pintos. A luita obreira nom é delito!


Da Fundaçom Artábria somamo-nos à convocatória do sindicalismo nacional e de classe e de outros sindicatos que decorrerá amanhá, terça-feira 29 de outubro, na nossa cidade. A mobilizaçom, que partirá às 20.00hs do prédio Administrativo da Junta da Galiza, forma parte da campanha solidária com o que foi o Responsável Comarcal da CIG-Ferrol Xesús Anxo López Pintos que será julgado os próximos 13, 14 e 15 de novembro nos Julgados Provinciais da Corunha acussado de atentado à autoridade.

Os factos polos que a fiscalia pide 2 anos de prisom para Pintos remontam-se a outubro de 2012 quando umha mobilizaçom de operários de Navantia e Poligal concentravam-se diante do Hotel Almirante, onde decorria o início da campanha eleitoral do Partido Popular para as Eleiçons ao Parlamento Galego. A polícia espanhola cargava contra os e as manifestantes levando detido ao na altura dirigente da CIG e deixando vári@s ferid@s.

Todas recordamos a imagem dum Pintos com a cabeça aberta pola brutalidade policial e a posterior denuncia de torturas na Esquadra Policial.

Da nossa entidade apelamos a participar à classe trabalhadora ferrolana, com destaque para a nossa base social, a participar nesta mobilizaçom contra a repressom e a brutalidade policial.

Se tocam a umha, tocam-nos a todas!
A luita obreira nom é delito!

--
Travessa de Batalhons nº7   Esteiro
15403 Ferrol - GALIZA
Telefone:  +34 981 35 29 86
www.artabria.net

Segue-nos em twitter @fartabria e em facebook!

A Fundaçom Artábria é um projecto popular em defesa da língua e cultura nacional, os valores solidários e os direitos históricos da Galiza. Entidade de carácter sociocultural sem ánimo de lucro que está declarada de Interesse Galego e classificada de interesse cultural, com o nº 54 no registo de fundaçons da Xunta de Galicia.

Enviado por:
Fundaçom Artábria
-artabria@artabria.net-
28 de outubro de 2019 18:16

___________

xoves, xullo 18, 2019

Elinco confirmara a súa intención de aplicar un ERE de extinción para o todo cadro de persoal e ir á liquidación da empresa - Os traballadores de Elinco vítimas da política de contratación de Navantia demandan a subrogación de todo o persoal


Os traballadores de Elinco vítimas da política de contratación de Navantia de manda n a subrogación de todos postos de traballo.


O persoal instálase nas oficinas de Elinco para esixir o pago dos salarios e información sobre o futuro da empresa. | Ferrol - 15 Xullo 2019 | A compañía perdeu un contrato con Navantia polas débedas que ten coa Seguridade Social.

O persoal de Elinco concéntrase diante do Concello de Narón en demanda de solucións. | Narón - 16 Xullo 2019 | A empresa debe os salarios de xuño e a paga extra, acaba de presentar un ERE de extinción e ten problemas financeiros.

A dirección de Elinco confirma a súa intención de aplicar un ERE de extinción e liquidar a empresa. | Ferrol - 18 Xul 2019 | O persoal volveuse concentrar hoxe diante de Navantia para esixir garantías do pago dos salarios.

Fonte: Avantar.
________

martes, xuño 19, 2018

Hoxe martes 19 de xuño, en Ferrol e n'As Pontes, como noutras cidades e vilas da Galiza, van ter lugar mobilizacións - Paulo Carril: Non será posíbel recuperar os dereitos mentres non se derroguen as reformas - A CIG chama a mobilizarse, para forzar ao Goberno a cambiar as políticas que empobrecen e precarizan


Hoxe martes 19 de xuño, en Ferrol e n'As Pontes, como noutras cidades e vilas da Galiza, van ter lugar mobilizacións | Paulo Carril: "Non será posíbel recuperar os dereitos mentres non se derroguen as reformas". | A CIG chama a mobilizarse, para forzar ao Goberno a cambiar as políticas que empobrecen e precarizan.


A CIG considera que non será posíbel recuperar os dereitos mentres non se derroguen as reformas laborais, da negociación colectiva ou das pensións. Por iso chama á mobilización o vindeiro día 19 de xuño, “para forzar o Goberno e as forzas que o elixiron a cambiar as políticas que provocaron a precarización e o empobrecemento da clase traballadora”.

Así o considera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, para quen “as afirmacións da ministra de Traballo confirman que só a través da mobilización lograremos recuperar e avanzar nos nosos dereitos”.

Carril entende que “non valen escusas” e asegura que de igual maneira que houbo unha concertación de forzas políticas para dar fin ao Goberno do PP, “ten que darse coa mesma urxencia unha correlación que nos próximos meses faga posíbel a recuperación dos nosos dereitos”.

Lembra que se acusou ao PP de ter paralizadas unha chea de proposicións de lei que contemplaban a derrogación de moitas destas reformas. Por iso considera que “non é certo” que non haxa sostén parlamentario para derrogalas. “O que hai que ter é vontade”.

Respecto do pacto social advirte de que o acordo interconfederal de negociación colectiva que están negociando CCOO e UGT “en absoluto vai dar solucións para que se recuperen os salarios e pode impedir a recuperación dos dereitos lexitimando a reforma laboral, como xa fixeron coa sinatura de acordos anteriores, se se reedita nos mesmos termos que aqueles”.

Ademais asegura que calquera acordo de incremento salarial desligado do IPC e vinculado á produtividade ou o PIB “entendemos que é negativo e leva a que se asente o empobrecemento da clase traballadora, como xa vimos no acordo asinado por CCOO e UGT co goberno no relativo ao SMI, que contradí as demandas que agora se fan respecto das pensións”.

Calendario para rematar co saqueo á clase traballadora

O secretario xeral da CIG entende que o cambio de Goberno ten que levar aparellado tamén un cambio das políticas. Doutro xeito, afirma, “a moción será unha fraude se o cambio de políticos non se acompaña cun cambio de políticas”. Por iso exixe do Goberno un calendario para a derrogación inmediata de todas esas reformas que saquean e rouban á clase traballadora.

Lamenta ademais que CCOO e UGT sigan “sementando a confusión” e asegura que “non hai razóns para desmobilizar, senón todo o contrario”.

XORNADA NACIONAL DE MOBILIZACIÓNS - 19 DE XUÑO

A Coruña: Praza de Vigo, 20h
Cee: Praza 8 de marzo 20h
Ferrol: Praza Amada garcia (Diante do Edificio da Xunta), 20h
Santiago: Praza Roxa, 20h
Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h
Vilagarcía: Casa do Mar, 20h
A Estrada: Praza do Mercado, 20h
Vigo: A Doblada, 20h
Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h
Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h
Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h
Monforte: Praza de España, 20h
As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h
A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h

Fonte: Avantar.
_____________

martes, xuño 05, 2018

A CIG, diante da nova situación de cambio de goberno en Madrid, coa caída de Mariano Rajoy, vai acordar a desconvocatoria da Folga Xeral, prevista para o 19 deste mes de Xuño - Probabelmente que hoxe teña previsto face-lo público


A CIG vai anunciar a desconvocatoria da Folga Xeral que estaba prevista para o 19 de Xuño. | A decisión ten que ver co resultado da moción de censura da pasada semana que provocou a caída do goberno español de Mariano Rajoy

Aínda que anunciada con antelación nunha masiva Asemblea Xeral de representantes sindicais en Compostela, foi o pasado 25 de maio cando se rexistraba o preaviso de convocatoria, na consellaría de Economía, Emprego e Industria, a Folga Xeral para o 19 de xuño.

O secretario xeral, Paulo Carril, aseguraba que “é a nosa moción de censura” diante da situación de “emerxencia nacional” que estamos a vivir do punto de vista laboral, social, económico e político-institucional. Chamaba á mobilización para recuperar os dereitos e derrogar as reformas que provocaron o empobrecemento, a precariedade e a situación de explotación laboral que padece a clase traballadora e aseguraba que “un sindicato digno de tal nome, nun momento como este, ou dá un paso á fronte e convoca unha folga xeral ou, senón, entendemos que o seu papel é inútil”.

Mais, polo que sabemos, a decisión da CIG ten que ver co resultado da moción de censura da pasada semana que provocou a caída do goberno español de Mariano Rajoy e que o Partido Popular, non só facedor das políticas neoliberais empobrecedoras da clase traballadora, senón que corrupto até o espiñazo, pasa á ser oposición e deixar de utilizar as institucións para delinquir como o ten feito e xa sentenciado xudicialmente, mais só a punta do iceberg dos máis de 300 procesos  de corrupción nos que está implicado.

Polo que sabemos, aínda que persisten motivos e razóns, mais que sobrados, pois as lexislacións lesivas e as políticas neoliberais seguen o seu curso, a nova situación, coa caída do goberno do PP, ven facer variar a apreciación que, a nivel xeral, se ten da situación. Polo tanto, ante este este novo escenario político, mellor é adiar a Folga Xeral "sine die" e formular demandas concretas que cambien a situación. Mais sendo conscientes que o actual goberno, no económico, non vai desobedecer aos organismos do capitalismo transnacional que marcan a lume as políticas de recortes contra a Clase Traballadora, a favor das grandes corporacións capitalistas.
___

xoves, xuño 29, 2017

Os plenos municipais de Ferrol e Narón apoiaron ao exdirixente sindical da CIG Xesús Anxo López Pintos, diante do seu procesamento con petición de prisión na causa que leva a Audiencia Provincial e rexeitaron a aplicación da chamada Lei Mordaza

André Abeledo e  Xesús Anxo López Pintos presentaron a moción con antelación,
en rolda de prensa, o mércores día 28 de Xuño, na na Casa do Concello de Narón.

Os plenos municipais de Ferrol e Narón aprobaron, o xoves 29 de xuño de 2017, unha moción de apoio ao exdirigente sindical da CIG Xesús Anxo López Pintos, diante do seu procesamento con petición de prisión na causa que leva a Audiencia Provincial, os plenos tamén rexeitaron a aplicación da chamada "Lei Mordaza".  En Ferrol foi aprobada por FeC, BNG e PSOE e en Narón con 16 votos a favor (EU, TEGA, BNG, PSOE, ENE) e a abstención do PP.

Publicamos o audio da intervención de André Abeledo durante a defensa da Moción, no transcurso do Pleno.


Nova relacionada:

Presentación nos concellos de Ferrol e Narón dunha moción, en apoio ao exsindicalista da CIG Xesús Anxo López Pintos e contra a aplicación da Lei Mordaza - Moción promovida por André Abeledo, concelleiro de Esquerda Unida de Narón . | Ir á web.
______________

domingo, maio 01, 2016

Tres manifestacións este 1º de Maio en Ferrol e un acto n'As Pontes- Viva a solidariedade obreira, viva o internacionalismo proletario


O día da solidariedade internacional por excelencia é o 1º de Maio. Son miles as manifestacións que se celebran por todos os continentes, moitas reprimidas polas forzas policiais do poder capitalista. O día do internacionalismo proletario, é un día con historia, conmemora-se por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889.

O 1º de Maio é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe aos Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos, despois dun xuízo manipulado, pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago.

Os Martires de Chigago foron: Samuel Fielden -obreiro téxtil e Michael Swabb -tipógrafo, condenados a cadea perpetua; Oscar Neebe -comercial, condenado a 15 anos de traballos forzados; E os condenados a morte na forca: Georg Engel, -tipógrafo, Adolf Fischer, -xornalista, Albert Parsons, -xornalista, Hessois Auguste Spies, -xornalista, Georg Engel, -tipógrafo, executados o 11 de novembro de 1887, menos Louis Linng -carpinteiro que se suicidou con antelación na cela da prisión.

Mais desde entón, foron centos de miles de mártires que pagaron con millóns de anos de prisión e deixaron a vida, executados polas balas da cobiza capitalista e a represión do despotismo, do fascismo, do nazismo... . Nunha loita desigual polos dereitos laborais, sociais e políticos, as melloras no benestar e as condicións de vida da clase traballadora. Sen falar dos millóns de persoas caidas polas malas condicións laborais e de xornadas interminábeis que aínda ao día de hoxe ben sucedendo e nestes momentos da globalización e a estafa xeneralizada co acumulación da riqueza en moi poucas mans a través das grandes corporacións transnacionais, os paraísos de branqueo de diñeiro e desfalco fiscal e o crime organizado que matan pola fame e as guerras, e manteñen na miseria a millóns de persoas en todo o mundo. Mais que tamén provocan o cambio climático e a destrución do planeta contaminando-o e destruíndo os seus recursos naturais.

Hoxe é o día de lembrar que estamos nun réxime de explotación capitalista mundial que condena a millóns de persoas a unha vida de penurias e sufrimento, sen traballo, sen saúde, sen alimentos, sen teito... a padecer guerras e a vivir nas lixeiras da sociedade opulenta e privilexiada.


O Rana Plaza

Como símbolo dos centos de miles de accidentes, como consecuencia das malas condicións de traballo, para poder encher os escaparates dos grandes centros comerciais en todo o mundo (verdadeiras catedrais do consumismo e de adoración do Deus Mercado), é o momento de recordar ás traballadoras e traballadores do Rana Praza. O colapso dun edificio o 24 de abril de 2013, onde un bloque de oito pisos derrubouse en Savar, un distrito de Daca, capital de Bangladés. Foron 1.127 persoas as que morreron e outras 2.437 resultaron feridas. O edificio, que contiña fábricas de roupa (para as grandes multinacionais do textil: Benetton, The Children's Place, DressBarn, Mango, Monsoon, Inditex,  Primark, El Corte Inglés, ... ), un banco e varias tendas, derrubouse durante a hora punta da mañá. As patronais ignoraron as advertencias para evitar o uso do edificio logo das grandes fendas que apareceron o día anterior.

Situación socio-económica das comarcas

As comarcas do noroeste galego, Ferrolterra, Eume e Ortegal, conforman unha zona que esmorece económica e socialmente e en concreto os concellos da contorna da Ría de Ferrol, están padecendo de xeito significativo unha situación de paro insostíbel.

A zona rexistra uns altos índices de envellecemento da súa poboación e así como de desemprego, maiores que a media de Galiza, que son unha consecuencia, no fundamental, do declive industrial, social e económico que viven as comarcas no seu conxunto. Produto de situacións estruturais e conxunturais, tanto a nivel global, como local. Mais sobre todo das políticas emanadas das diferentes institucións europeas, estatais, autonómicas e locais que non foron capaces de solucionar a situación e menos acabar co sufrimento dunha parte moi importante da poboación.

A  cobertura económica do desemprego, non protexe a máis do 65% das persoas que están en situación de paro. Moitos mozos e mozas están aínda sen acceder ao primeiro emprego e case unha década en desemprego ou camiño da emigración.

Non son os gobernos coas súas políticas os que solucionan o problema de falta de recursos económicos das persoas en paro, senón que son en maior parte as familias a través das axudas e o acollemento, as que cargan coa responsabilidade e fan o traballo paliativo do sistema. Moitas persoas xubiladas ven-se na obriga de renunciar a gozar da súa pensión, para situar-se na precariedade ao ter que axudar aos seus fill@s.


Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica

Como din as Marchas da Dignidade de Ferrolterra, nas liñas mestres da proposta de Plan Comarcal de Choque contra o Paro, polo Emprego e a Renda Básica, a zona, das tres comarcas, necesita-se a elaboración dun Plan que non supoña só como até o de agora, destinar incentivos fiscais para empresas que contraten, ou de impulsar axudas para “promocionar” o traballo de autónomos; ou o ineficaz e fracasado pequeno apoio ao emprendemento; a desenfocada formación profesional sen planificación real das necesidades; ou subsidiar proxectos ao capital privado deitando millóns de euros a un saco sen fondo.

Necesita-se un plan de emprego real e efectivo, coa reactivación dos estaleiros e a diversificación industrial, a potenciación do sector primario co saneamento integral da Ría de Ferrol e a potenciación do marisqueo, a posta en valor do monte e a potenciación da horticultura. Potenciación do cooperativismo e da economía social e solidaria no seu conxunto. Unha renda básica universal. Medidas estruturais a nivel europeo, estatal e galego que impliquen o reparto da riqueza e do emprego. No caso das Terras de Cedeira e Cariño hai que ter en conta a súa especial relación co mar. Así o propio cos concellos rurais agrario-gandeiros. E considera que son os gobernos locais que conforman a Mancomunidade de Municipios, e nos outros que comparten servizos e estreitas relacións nesta zona do noroeste galego, os que tomen a iniciativa para que se aborde a problemática concreta de falta de emprego e prestacións económicas básicas para poder vivir con dignidade. E por último necesita-se que as centrais sindicais e o movimento asociativo en xeral reivindiquen e esixan estas ou outras medidas en beneficio da saúde e o benestar das persoas e do medio ambiente.


As tres manifestacións de Ferrol

Desde hai tempo son tres as manifestacións que se celebran en Ferrol, sede do 1º de Maio das comarcas do noroeste galego. As centrais sindicais organizan por separado o Día Internacional da Clase Obreira con tres manifestacións este primeiro domingo de Maio de 2016.

Manifestación da CIG desde Esteiro, ás 12 do mediodía, co lema "Reformas laborais e lei Mordaza, anulación xa!" , en Ferrol, desde a Avenida de Esteiro e a Praza da Paz 'José Couso', rematando nunha concentración no Cantón de Ferrol.

Manifestación de CCOO e UGT no Inferniño, ás 12 do mediodía co lema "Contra a pobreza laboral e social, traballo e con dereitos", en Ferrol, desde a Estrada de Castela no Inferniño até finalizar na Praza de Galiza, diante do  Teatro Jofre.

Manifestación da CNT desde Recimil, ás 6 da tarde, en Ferrol, desde a Praza do monumento ao 10 de Marzo, co lema "Orgullo e Dignidade Obreira", entre as casa baratas e a Estrada d'As Pias, rematando no Cantón de Ferrol.

Acto n'As Pontes

Xuntos polas Pontes organizou unha homenaxe a todas as persoas que perderon a súa vida en accidentes laborais ou por enfermidades vinculadas ao traballo. A plataforma convida a toda a veciñanza ao acto que se celebrará este domingo 1 de Maio, ás 12 do mediodía. O acto terá lugar nas inmediacións do monumento á traballadora e ao traballador, situado na Canle IV (esquina Rego do Campo).

Desde Ártabra 21, chamamos a participar nas mobilizacións obreiras este 1º de Maio.

Centrais Sindicais na Galiza


  • Confederación Galaica da - CNT/AIT
  • Confederación Intersindical Galega - CIG
  • Confederación Unitaria de Traballadores - CUT
  • Confederación Xeral do Traballo en Galicia - CGT
  • Sindicato Nacional de CCOO de Galicia - CCOO
  • Unión Xeral de Traballadores en Galicia - UGT
  • Unión Sindical de Traballadores Galegos - USTG

  • Confederacións Internacionais
  • Federación Sindical Mundial - FSM
  • Confederación Sindical Internacional - CSI
  • Asociación Internacional dos Traballadores - AIT
  • Global Unions
  • Confederación Europea de Sindicatos - CES

  • Outras centrais sindicais de interese
  • Intersindical Portuguesa - CGTP
  • Sindicato Andaluz de Traballadores/as -SAT
  • Corrente Sindical de Esquerdas -CSI
  • Intersindical Canaria
  • ELA-STV / Sindicato Vasco
  • LAB / Sindicato Vasco
  • Intersindical -CSC / Sindicato Catalán
  • Confederación Intersindical

  • Foto de José Pardo, da manifestación da Folga Comarcakl do 12 de Xuño de 2013 en Ferrol.
    __________

    martes, novembro 24, 2015

    Icaria Editora presenta o interesante libro, de Ernest Cañada, sobre a outra cara do turismo, "As que limpan os Hoteis - Historias ocultas de precariedade laboral" - O primeiro paso para conseguir un dereito é a visibilidade

    Icaria Editora presenta o libro, de  Ernest Cañada, sobre a outra cara do turismo, "As que limpan os Hoteis -  Historias ocultas de precariedade laboral" ("Las que limpian los hoteles - Historias ocultas de precariedad laboral"), o primeiro paso para conseguir un dereito é a visibilidade.

    Praia de Palma, Mallorca, é un dos principais destinos de sol e praia no Mediterráneo. Os hoteis, que en tempada alta aloxan a miles de turistas europeos, en especial alemáns, sucédense un tras outro ao longo de quilómetros. A concentración de traballadores é tamén moi importante.

    Dolores Ayas, de 57 anos, traballa para unha das principais cadeas hoteleiras de Baleares. "O máis duro é mover as camas de madeira, que son moi pesadas. Cada día son 50 camas. E os colchóns tamén pesan un morto, é horroroso. Hai días que non podo coa miña alma".

    A intensidade coa que teñen que traballar é outro dos problemas das camareiras de piso. Emilia Ortega explica que "o ritmo de traballo é moi intenso, esaxerado, imos sempre a contra reloxo". Temos 4 ou 5 horas para facer 20 habitacións", explica Isabel Moreno. Con máis persoal non sería necesario forzar tanto o ritmo de traballo das camareiras, denuncia Pepi Lora: "Onde se necesitan 20 camareiras agora hai 14 ou 15". Soledad Castro expresa tamén o estado de malestar que provocan estas condicións: "Cando na mañá danche a nota de traballo, dáche de cabeza contra a parede. Xera moita frustración non poder facer ben o traballo que unha ten. E iso provoca moita tensión".

    A consecuencia é que practicamente todas as camareiras acaban medicándose para poder soportar o traballo. "Estamos feitas po e traballamos todos os días a forza de pastillas. Eu tomo pastillas para o reuma, anti-inflamatorios e tamén para o corazón, porque vou moi tensa", así de contundente maniféstase Dolores Ayas.

    As camareiras de piso, dedicadas basicamente á limpeza de habitacións, son un dos colectivos máis importantes dos persoais dos hoteis. Con todo, son practicamente invisíbeis para a maioría dos hóspedes. Durante a crise económica o seu traballo precarizou-se profundamente. A carga de traballo, os ritmos e as presións chegaron a extremos que están poñendo en risco o seu saúde física e psíquica.

    O turismo, e en concreto a hostalaría, están xerando emprego, pero é un traballo cada vez máis precario. Hai que mellorar as condicións laborais das traballadoras e os traballadores do turismo si se quere apostar porque o turismo siga tendo unha contribución importante na economía española.


    Máis información [Ir a Web]

    Enviado por:
    Anna Monjo
    -amonjo@icariaeditorial.com-
    23 de novembro de 2015 17:58

    ___________

    martes, novembro 05, 2013

    As centrais sindicais comarcais convocan unha xuntanza do movimento asociativo para presentar unha nova campaña reivindicativa que lle de continuidade ás demandas da pasada Folga Xeral Comarcal do 12 de Xuño - A reunión terá lugar o vindeiro xoves 7 de Novembro, ás 18:30hs no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño

    Despois da Folga Xeral Comarcal do 12 de Xuño pasado, que tivo un grande suceso, cunha paralización case total da actividade na Comarca e unha das maiores manifestación da historia  de Ferrol, os Secretarios Comarcais da Unión Xeral de Traballadores -UGT, da Confederación Intersindical Galega -CIG, da Unión Sindical de Traballadores de Galicia -USTG, e a Secretaria Comarcal de Comisións Obreiras -CCOO, convocan unha reunión co movimento asociativo da Comarca a celebrar o vindeiro Xoves 7 de novembro ás 18:30hs, no Salón de Actos do Centro Cultural "Carvalho Calero" do Inferniño, para presentar a nova campaña reivindicativa, co obxecto de continuar demandando solucións á grave problemática socioeconómica e laboral que padece a nosa Comarca.

    Información baseada na enviada por:
    andresrs@ustg.es
    -andresrs@ustg.es-
    5 de novembro de 2013 19:00

    _______________

    Centrais Sindicais ___________________

    sábado, outubro 12, 2013

    Os traballadores do naval concéntranse diante dos edificios da Xunta de Ferrol en demanda de solucións - O vindeiro mes os estaleiros da ría quedarán sen carga de traballo


    Os traballadores e as traballadoras do naval da ría de Ferrol protagonizaron onte, xoves, unha nova mobilización para demandar solucións políticas que permitan conseguir carga de traballo, pular pola construción do novo dique flotante, frear a sangría na destrución de emprego, recuperar os niveis de ocupación dos estaleiros públicos e, en definitiva, garantir o futuro e a viabilidade dun sector estratéxico para a economía da comarca e do conxunto do país.

    Nesta ocasión, o persoal percorreu as rúas de Ferrol dende a Avenida do Esteiro cara o edificio administrativo da Xunta, que durante o tempo que durou a protesta mantivo os accesos pechados. Alí, os máis de 2.000 traballadores/as realizaron unha concentración-sentada e unha pegada de carteis pedindo carga de traballo, o flotel e futuro para a comarca. Dende a Sección Sindical da CIG en Navantia apuntouse, unha vez máis, á responsabilidade política da Xunta e o Goberno de Madrid na gravísima crise que vive o naval da ría.

    Neste senso, Marcelino Amado, Secretario da Sección Sindical da CIG, sinalou que dende a representación do persoal estase a traballar para a próxima mobilización que terá lugar o 24 de outubro, e que dende a CIG se defende que debería confluír coa mobilización estudantil que ese día terá lugar, no marco da xornada de folga no ensino contra a LOMCE.

    Así mesmo, xa se estuda un novo calendario de protestas máis intensas e contundentes para novembro. Un mes fundamental para o sector “porque se nos remata a carga de traballo”, denunciou Amado. A este respecto, lembrou que a día de hoxe non sabe nada do construción do dique, non existe nova carga de traballo e nin sequera é seguro que Navantia vaia recibir o contrato dos famosísimos buques hoteis de Pemex, anunciado xa hai un ano polo Presidente da Xunta nunha pomposa comparecencia para os medios.

    Que se fagan os floteis cada vez perde máis credibilidade, porque o contrato non era tan firme como se vendeu dende a Xunta, nin polo tempo transcorrido dende o anuncio e porque só se conseguirán se a filial de Pemex, PMI, gaña un concurso ao concorren outras 11 compañías”, apuntou.

    Adiada a sinatura do convenio colectivo

    En canto ás negociacións para o novo convenio colectivo, adiouse unha semana máis a sinatura do mesmo, ao non aceptar UGT nin CCOO o texto do preacordo presentado pola dirección por resultar máis regresivo que a plataforma modificada sobre a que estaban a negociar, e que dende a CIG xa fora rexeitada. Neste senso, a Sección Sindical continúa a defender a plataforma de eixos básicos aprobada en asemblea de traballadores/as e amósase totalmente contraria a que se elimine do articulado do convenio, por primeira vez, a ultraactividade.

    Até o vindeiro mércores (cando expira o novo prazo de prórroga), a Sección Sindical da CIG en Navantia vai facer un esforzo por explicar o máis extensamente posíbel ao conxunto do cadro de persoal a situación da negociación e a postura defendida pola central nacionalista. No caso de que na próxima comisión negociadora en Madrid se asine un preacordo, dende a CIG esixirase que se abra o proceso pertinente para que sexan as propias asembleas de traballadores/as as que ratifiquen ou non dito acordo. Se non se asina ningún texto, a CIG entende que se debería debater conxuntamente os pasos a seguir e aí cabería convocar unha asemblea xeral para tratar con todos/as os/as traballadores/as que facer.

    O Comité reúnese co BNG

    Na mañá deste venres, unha representación do Comité de Navantia mantivo un encontro cos voceiros do BNG, que explicaron as actuacións e xestións realizadas pola formación nacionalista no Congreso e o Parlamento sobre a situación dos estaleiros da ría de Ferrol, así como trasladar a súa visión do papel de Navantia na comarca. Neste encontro, Manel Grandal, co-voceiro da CIG de Ferrol e membro do Comité de Navantia, insistiu en que Ferrolterra se xoga o seu futuro co sector naval e criticou a política de recentralización que está a implantar a dirección da empresa.

    Fonte Avantar.

    __________________

    venres, outubro 11, 2013

    Marchas para apoiar as 100 medidas para crear emprego en Galiza - As Marchas na Comarca terán lugar o 14 e 16 de Outubro - O 19 de Outubro (Sábado), Manifestación Nacional en Compostela


    Participa nas Marchas para apoiar as 100 Medidas para crear emprego


    A CIG está a desenvolver unha campaña "SALVEMOS GALIZA" - 100 medidas para crear emprego.

    Dentro da campaña polo emprego que está a desenvolver, ten programadas marchas a pé por todas as comarcas durante a semana do 14 ao 19 de outubro, para dar a coñecer a iniciativa da central sindical e pór no centro do debate social e institucional o grave problema do desemprego e as medidas que se deberían adoptar para afrontalo. Ademais, nesta semana previa estanse a difundir na rúa, nos centros de traballo e nas oficinas do desemprego, así como outro tipo de accións polos barrios, para informar das propostas e mobilizacións da CIG. A primeira fase da campaña concluirá o sábado 19 de outubro cunha manifestación nacional, que sairá ás 12:00 horas da Alameda compostelá.

    En Ferrol

    Dentro desta campaña están encadradas dúas marchas que se celebrarán os vindeiros 14 e 16 de Outubro:

    Día 14 de Outubro (Luns): saída ás 10:00h do Pavillón de San Valentín cara Freixeiro, onde remata a marcha. Entregaran-se as Medidas nos concellos de Fene e Neda.

    Día 16 de Outubro (Mércores): saída do local FORGA no Río do Pozo, rematando na Praza de Armas. Entregaran-se as Medidas nos concellos de Narón e Ferrol.

    As Marchas noutras vilas e cidades aquí.

    PARTICIPA!!

    Confederación Intersindical Galega - CIG

    Información enviada por:
    Cig Saúde de Ferrol
    -cig-saude.ferrol@sergas.es-
    11 de outubro de 2013 09:01

    www.cig-saude.org/ferrol

    _____________

    martes, xullo 16, 2013

    Guía para vestir sen traballo escravo - As rebaixas teñen o seu lado escuro - Libro

    REBAIXAS SEN TRABALLO ESCRAVO

    As rebaixas teñen o seu lado escuro

    Unha guía para coñecer as condicións de traballo que as empresas de moda textil impoñen aos seus traballadores e traballadoras

    A morte de máis de 1.000 persoas no derrube dunha fábrica textil en Bangladesh puxo sobre a mesa outra vez unha dolorosa realidade: moita da roupa que vestimos está producida en condicións de explotación moi graves, que en moitos casos aseméllanse á escravitude.


    Guía para vestir sen traballo escravo

    Setem
    Albert Saes

    Máis Madeira, 95
    Consumo e decrecimiento
    Globalización
    Xustiza e dereitos humanos
    Relaciones Norte-Sur
    Traballo e exclusión social
    ISBN: 9788498885088
    Ano Publicación: 2013
    páxinas: 128
    PVP: 11 €

    Esta publicación quere dar resposta ás inquietudes das persoas que nos cuestionamos que se esconde detrás das etiquetas das nosas pezas de roupa. Faise moi difícil vestir-se sen ser cómplice dun sistema que non sitúa ás persoas no centro das decisións. Estas páxinas non son unha "lista branca" de tendas onde ir de compras coa conciencia tranquila, son unha análise da situación dos dereitos laborais na industria global da confección e unha lista de iniciativas que mostran que si existen outros xeitos de producir e consumir roupa. Outro mundo non é só posible senón que xa existen multitude de alternativas próximas que teñen como prioridade as persoas, o medio ambiente e o desenvolvemento sostenible.

    Esta Guía publica-se grazas aos e as 256 mecenas que colaboraron no primeiro proxecto de financiamento colectivo (crowdfunding) da Campaña Roupa Limpa. ¡Moitas grazas!

    A Campaña Roupa Limpa somos unha rede internacional de ONG, sindicatos e organizacións de consumidores que, desde principios dos anos noventa, denunciamos as condicións laborais que sofren as obreiras e os obreiros da confección. En España, a Campaña Roupa Limpa está liderada desde 1997 por SETEM, unha federación de dez ONG que denunciamos as causas da inxustiza global e construímos alternativas para unha economía solidaria.

    setem.org / ropalimpia.org

    Información Relacionada:
    http://www.icariaeditorial.com/
    _______________

    luns, outubro 29, 2012

    Respira - Vídeo moi interesante - O 14 de Novembro, unamos os nosos berros e deteñamos isto - Folga Xeral laboral, social, de consumo, cidadá


    Sanidade con intereses, persoas sen papeis, educación suspendida, cultura do baleiro, o público é deles, o xogo do diñeiro é a ruína, os desafiuzamentos con burbullas, o vivir ao ceo raso, o teu dereito non é o meu dereito se son muller, o teu dereito non é o meu dereito se son homosexual, a represión ao descuberto, a censura de tapado, o benestar se tes diñeiro, o delito de ser obreir@, a cadea é a cola do paro, a escravitude ten reformas, o xogo como solución inmediata, as leis durmindo nos casinos, a pobreza espertando en cada esquina, a tristeza de pedir xa non é un chiste, o engano é electoral, a xustiza ancorándose á política, a corrupción sen efecto nos xulgados, a inocencia non ten saldo, as nenas obrigadas a ser nais, os pequenos erros condenados a ser grandes, mamá seguirá con papá aínda que a mate, a violencia sen xénero é institucional, a xordeira dos oídos que nos deben escoitar, as risas de quen queren españolizar, as forzas armadas desfilando contra quen, máis madeira para a guerra, o almacén pode ser nuclear, a morte mantén festas patronais, os bosques recortados nacen ardendo, a natureza tratada como inimigo innato, a contaminación hiberna en nos@s fill@s, as cadeas perpetuas constitucionais, a falta de miras e de futuro, a evasión de capitais, a fuga de cerebros, mozos mirando as vías do tren que se achega, o espazo é igual á velocidade de partida, maiores mirando ao mozo sen un destino ao fondo, o futuro non é universal, é dos de sempre, competicións europeas, odios desenterrados porque ti si e eu non, todos sen tempo, ven e non me deixes sol, non vou poder loitar se non me acompañas, se non me axudas; ven para atopar aire, ven para que non nos afoguen a tod@s.

    Ven a respirar e respira.

    O 14 de Novembro, unamos os nosos berros e deteñamos isto.

    Folga Xeral laboral, social, de consumo, cidadá.


    http://youtu.be/8Y-H_KssDdk


    Publicado o 24.10.2012 por

    Fonte: Confederación Xeral do Traballo - CGT
    ____________________

    venres, febreiro 17, 2012

    O Consello Local de Esquerda Unida de Ferrol fai un chamamento a participar nas mobilizacións que o sindicalismo de clase está a convocar nestes días na defensa dos intereses das traballadoras e traballadores, da grande maioría social deste país

    COMUNICADO DO CONSELLO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA

    Ferrol, xoves 16 de febreiro de 2012

    O CONSELLO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA FERROL MANIFESTA O SEU APOIO E ANIMA Á CIDADANÍA A PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓNS DO SINDICALISMO DE CLASE NA NOSA COMARCA PARA DERROTAR O GOLPE DE ESTADO LABORAL DO PP

    “EU SE VOLCA EN DIFUNDIR A NECESIDADE DA LOITA E DA ORGANIZACIÓN DA CLASE TRABALLADORA PARA GAÑAR OS DEREITOS QUE NOS QUEREN ROUBAR O GOBERNO DOS BANQUEIROS E DA PATRONAL”, SINALA SUSO BASTERRECHEA

    O Consello local de Esquerda Unida de Ferrol quere facer pública a súa participación nas mobilizacións convocadas polo sindicalismo de clase na nosa comarca nestes días para denunciar o golpe de Estado laboral que vén de ditar o Goberno do PP. En concreto se están a suceder nestes días diferentes convocatorias dos sindicatos de clase para artellar forzas contra un ataque sen igual dende a fin da ditadura franquista, e a nosa organización vai participar e apoiar as diferentes iniciativas no convencemento que suman esforzos a prol dun obxectivo común que é xusto.

    Chamamos a participar ao conxunto da cidadanía, porque o ataque é contra a maioría social traballadora, cun especial acento na nosa comarca, a que se somete a dilacións e asfixias no tema de garantir nova carga de traballo e os novos investimentos produtivos (caso do dique flotante) para os estaleiros públicos de Ferrolterra.

    Esquerda Unida vai repartir este venres de madrugada material informativo chamando a mobilizármonos contra o golpe de Estado no mundo do traballo nos estaleiros públicos de Bazán e Astano, para alimentar unha dinámica que coidamos indispensable fornecer: a da loita e organización das traballadoras e traballadores na defensa dos nosos dereitos. Dinámica que ten que desembocar nunha xeira de mobilizacións xerais e sostidas ate derrotar este órdago do capital e os seus capataces. A Fola Xeral constitúe unha das ferramentas que nesta loita temos que empregar as clases traballadoras.

    Esquerda Unida participará nas mobilizacións do día 19 cunha faixa propia e repartirá material informativo coas nosas reivindicacións para achegar á sociedade as razóns e xustiza das mobilizacións que se convocan contra a política do Goberno do PP, Goberno de palla de banqueiros e patronal.

    A nosa organización chama a desenvolver as loitas co máximo grao de unidade para achar deste xeito as forzas suficientes que permitan derrotar este Golpe de Estado contra as clases traballadoras. Nese alento de traballo e acción unitarias, Esquerda Unida compromete o seu traballo e influencia social.

    PROLETARIOS DO MUNDO UNÍDEVOS

    Web de Esquerda Unida:
    http://www.esquerdaunida.org/


    Enviado por:
    eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
    17 de fevereiro de 2012 13:49

    _______________

    mércores, febreiro 15, 2012

    Máis mentiras ... é a guerra (laboral) , ... Por Xavier Vence Deza

    Por Xavier Vence Deza [*]
    15.02.2012

    Ou como xustificar un golpe de man no réxime laboral

    Nesta crise, coma nas guerras, a primeira que perde é a verdade. Levamos escoitado moitas nos últimos anos e calquera pode percatarse que o uso e abuso da mentira reiterada é un dos elementos clave da estratexia intoxicadora e dominadora da dereita neoliberal e conservadora, que redescubriu as técnicas máis agresivas do adoutrinamento de masas. Goebels e Orwell en estado puro. Pero as que se están a suceder para dar cobertura á radical reforma laboral impulsada polo PP son de antoloxía. Basten como botón de mostra estas da Ministra de Traballo cando o 13 de febreiro afirma que “teniamos una regulación laboral que produjo 2,7 millones de parados y había que hacer algo”. Outros igual de ousadas e abusando da ignorancia propia e allea afirman que a reforma laboral vai crear emprego e, desde logo, frear o aumento do paro. O presidente Feijóo, tan audaz como temerario no uso –e abuso- das palabras, atreveuse a dicir que era a reforma feita e pensada para favorecer aos parados, aínda que puidera requirir algún sacrificio dos que tiñan o privilexio de ter emprego (porque nesas estamos, chegamos a un portentoso modelo socioeconómico neoliberal no que ter un emprego, mesmo precario, é un privilexio case abusivo!).

    A golpe de horas e horas de pauliñas radiofónicas e televisivas imos ter que acabar crendo que a causo do escandaloso aumento do paro en Galiza ou no Estado Español non deriva da burbulla inmobiliaria e a crise da construción ou da crise financeira senón que deriva da férrea e inflexible lexislación laboral existente. Tamén imos ter que acabar pensando que nestes últimos anos todos os traballadores desfrutaban de suculentos contratos indefinidos, altos salarios e obscenas indemnizacións de despedimento. Nada de recordar que no Estado Español se veñen celebraban todos os anos máis de 16 millóns de contratos (en Galiza 680 mil), é dicir contratos temporais de meses e mesmo de días; iso non é flexibilidade suficiente e, ademais, unha indemnización de 6 días por ano traballado é excesiva. Nada de recordar que un terzo das mulleres asalariadas teñen empregos a tempo parcial (metade ou terzo de xornada); iso non é suficiente. Nada de recordar que o 45% dos traballadores cobran menos do duplo do salario mínimo, é dicir, por debaixo dos mil euros; iso non é suficientemente baixo.

    Para que seguir ... despois de catro anos de crise, recesión, estancamento, paro galopante e políticas equivocadas (ou deliberadamente pensadas para satisfacer á banca e só a ela), despois de anos en que non lles quedaba outra que admitir que o problema estivera na especulación financeira e inmobiliaria e un modelo produtivo centrado no ladrillo e nas actividades de baixo valor engadido, van ter agora o valor para darlle a volta aos argumentos e aos feitos para acabar afirmando con total descaro que o problema está no modelo laboral, na rixidez laboral, nos dereitos laborais, nos salarios excesivos e nas indemnizacións por despedimento.
    Realmente, pola desmesura e o burdas que resultan os argumentos da propaganda gobernamental e da banca/patronal que acompañan esta reforma laboral, merecen figurar como exemplo nos manuais da manipulación das conciencias e do adoutrinamento de masas. Pero así é e deben facelo bastante ben porque, de momento, parece que surte efecto.

    Vendo a capacidade de atordamento da poboación, un estaría tentado a pensar que se a presión mediática aterradora e culpabilizadora continua coa intensidade destes meses non tardaremos en ver a traballadores con contrato indefinido e salarios medios acudir aos xulgados a autoinculparse por privilexio e inmoralidade.

    O certo é que o paquete completo da reforma laboral integral aprobada polo Goberno como Decreto-Lei e que se tramitará de inmediato no Congreso, supón un cambio total de base do modelo de relacións laborais no estado español. Compre dicir con total claridade que non se trata dunha simple reforma laboral, pola contra é unha inversión total do modelo. É unha ruptura das bases do modelo instaurado despois da transición democrática e asentado na constitución, que á súa vez se situaba na lóxica dos modelos de relacións laborais da Europa da posguerra. E iso é así porque non se trata só de reducir as indemnización por despedimento ou a flexibilización interna dos cadros de persoal etc, senón que se fai unha voadura do sistema da negociación colectiva como elemento central das relacións laborais. Permite a fixación unilateral de salarios e instaura o despedimento libre e sen indemnización para a maior parte do tecido empresarial. Facilita o despedimento individual e colectivo por causas económicas en todos os casos, cuns requisitos para acreditar esas causas económicas (tres meses de perdas ou seis meses de caídas de facturación) que son facilmente “pintábeis” co sistema contábel a mercede dos intereses da dirección da empresa. Rompe a unidade da negociación colectiva supraempresarial (sectorial, provincial, autonómica ou estatal). Pon aos sindicatos fóra de xogo á hora de negociar condicións xerais para os diferentes colectivos de traballo. Os ámbitos de negociación e consenso con acordos de obrigado cumprimento parta as empresas redúcense á mínima expresión.

    En definitiva, é a voadura dun modelo laboral que, mal que ben e cunha prolongada perda de poder da parte sindical/traballadora, estaba asentado na idea dun certo equilibrio entre o poder discrecional da empresa e os dereitos individuais e colectivos do traballador. Desmonta ese modelo no que os sindicatos e a negociación colectiva eran a peza base das relacións laborais. A idea da negociación e o acordo entre partes cun poder e capacidade negociadora recoñecida, aínda que desigual, abre paso a un mundo no que as empresas teñen marxes de discrecionalidade case absoluta en materia de horarios, asignación de postos, mobilidade entre centros de traballo, fixación de salarios, decisión de despedimento, etc.

    É dicir, radicalizando a tendencia dos últimos tempos, consagra un poder absoluto nas mans do empresario e desprové aos traballadores de case todos os seus dereitos colectivos (e, en consecuencia, desarbora tamén os seus dereitos individuais ao facelos inefectivos na práctica).

    A cuestión é: e todo iso para que?, cal é o obxecto?

    O discurso orquestrado é que se trata dunha reforma necesaria para crear emprego e reducir o paro. Non é preciso, recordar aquí o que desde Keynes todos os economistas saben: que o nivel de emprego ven determinado, non polo mercado laboral, senón pola demanda efectiva e polas oportunidades de investimento, produción e vendas que esta xera. Polo tanto, non é pola reforma laboral que se vai crear emprego. De feito, cando no estado español se crearon varios millóns de postos de traballo foi con ese lexislación e réxime laboral –abondo precario- que agora se quere desmantelar –para precarizalo até o extremo-. Do mesmo xeito que o País Vasco ten unha taxa de paro que é un terzo da media española a pesares de ter un mesmo marco laboral e os salarios máis altos do estado español. A verdadeira diferenza é que o País Vasco tiña e foi consolidando a cada paso un modelo produtivo diferente, con industria, tecnoloxía e coñecemento.

    Argúese tamén por parte dos defensores desta reforma que é o que as empresas demandan para saír da crise. O certo é que cando un fala cos directivos das empresas sempre din que ese non é o seu problema neste momento, nin é iso o que lles vai resolver os verdadeiros problemas de viabilidade. Máis aínda, como evidencian os resultados da enquisa de Eurostat en vinte países da UE, as empresas produtivas españolas non ven os salarios e a lexislación laboral como unha limitación para crecer no período 2011-2013. O 87% consideran os seus problemas para crecer derivan da marcha xeral da economía e o 70% consideran que é especificamente a falta de demanda interna e externa a principal limitación.

    Non é difícil concluír que, dado que o mercado para o 98% das empresas é o mercado interno, a evolución da súa demanda e as vendas van depender en boa medida da capacidade de compra dos consumidores do país. E a inmensa maioría dos compradores finais son as familias (e o sector público), de xeito que a demanda depende do nivel de ingreso desas familias, é dicir, depende dos salarios, pensións e outros subsidios. Polo tanto, os empresarios da economía produtiva saben –que estúpidos non son- que o seu mercado e o seu futuro depende do nivel de ingresos dos traballadores. Por iso saben que unha estratexia de depresión salarial, como a posta en marcha pola UE e o estado español, conduce á ruína e peche a miles e miles de empresas. Non por culpa de salarios demasiado altos senón por culpa de salarios insuficientes.

    Pero e entón, insistimos, cal é o motivo desta reforma precarizadora e depresiva?. Pois o verdadeiro motivo é satisfacer as necesidades da banca. Si, de novo, a banca. E ademais reclama a reforma con urxencia porque quere acelerar o proceso de concentración e reestruturación bancaria. Calcúlase que ao final dese proceso de concentración bancaria van sobrar entre 20-30.000 empregados no sector financeiro. Dado que a vía das xubilacións e pre-xubilacións como mecanismo de axuste xa está practicamente esgotado, a partir de agora “non quedará máis remedio” que recorrer aos despedimentos. Para iso compre que isto sexa máis fácil e máis barato. Os cálculos que se fan no sector é que coa nova norma o sector financeiro reduce os custes, como mínimo, nun 50% con respecto á vía das prexubilacións ou os despedimentos coa lexislación actual. No canto de uns 6.000 millóns para o conxunto do sector financeiro o custe pode quedar nos 3.000 millóns de euros. Ademais, os bancos poderán reorganizar funcional e territorialmente os seus cadros de persoal con total liberdade e, sobre todo, aplicar unha drástica redución salarial para reducir os custes.

    Ese é o motivo de curto prazo para a banca. De aí, ademais, a urxencia. Pero a banca busca a deflación salarial a longo prazo no conxunto da economía por outras razóns adicionais. Por un lado, a redución de custes salariais é unha vía de que eles e as demais empresas –sobre todo as cotizadas- poidan repartir dividendos máis substanciosos no futuro, que irán aos bancos e fondos inversionistas; tamén interesa que sexan quen de soportar custes financeiros –xuros- máis elevados. Por outro lado, tamén interesa esa deflación salarial para reducir os custes do sector público e liberar a presión sobre o orzamento a fin de que os gobernos poidan facer fronte con maior soltura e solvencia aos pagos da débeda pública.

    Dado que a banca non queda atada á marcha do mercado interior habida conta da súa fluidez e mobilidade a través dos mercados financeiros globais, non se senten especialmente comprometidos coa marcha da economía produtiva do país. Si for ben perfecto pero si non vai a banca pode orientar o seu negocio cara os mercados globais máis rendíbeis en cada momento.

    Con estas claves posibelmente podemos entender mellor todo o paquete de reformas que o PP ten en marcha neste momento: a “reforma” financeira, os recortes do gastos público, a “reforma” fiscal e a propia “reforma”/golpe laboral. Todas elas confirman os paquetes centrais da radicalización neoliberal que campa polos seus repetos por toda a Unión Europea desde que se asinou o Pacto polo Euro en 2010 e que o Estado Español aplica como alumno avantaxado ou, mellor dito, castigado. É o gran proxecto da radicalización neoliberal que tenta dar a “puntilla” definitiva ao chamado modelo social europeo, unha guerra social de alcance cuxa primeira batalla empezara coa aprobación do Tratado de Maastricht e o Pacto de Estabilidade e que agora aproveita a crise para dar un paso non definitivo pero si de envergadura.

    A grande incógnita –ben incómoda, por certo- é onde están os sindicatos europeos, onde está metida a esquerda europea. É unha auténtica guerra social pero parece non haber ninguén enfronte. Obviamente, a mesma incógnita compre poñela no estado español ou noso país. Afortunadamente, a CIG ten a audacia de lanzar a convocatoria dunha folga xeral en Galiza cara fins de marzo. É unha decisión que demostra clareza de visión da fondura do desafío que están a plantexar as forzas conservadores aquí e no continente. Pero tamén é certo que a envergadura do embate obriga a pensar na necesidade doutra escala á hora de encarar ese batalla. Pero, ao igual que os gregos e portugueses non puideron agardar por ninguén tampouco nós deberiamos facelo.

    Nota.-
    Artigo publicado o 15 de Febreiro de 2012 no blogue persoal do autor ao que recomendamos acceder e difundir:
    http://xaviervence.blogspot.com/

    [*] Xavier Vence Deza (Rodeiro en 1961) é Catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, comentarista político, ... Foi director do Idega no período 1991-95. Profesor invitado en diferentes universidades estranxeiras, formou parte de diversos comités de expertos de organismos internacionais. É coordinador do grupo de investigación ICEDE e da área de Economía do Seminario de Estudos Galegos. Publicou máis dun centenar de artigos e libros en revistas profesionais de ámbito galego e internacional sobre economía da innovación e políticas tecnolóxicas, sistema galego de innovación, disparidades rexionais na UE, industria, servizos, mercado de traballo, sistemas produtivos e planificación estratéxica, desenvolvemento local ...
    ____________________

    domingo, xaneiro 15, 2012

    En Ferrol como no resto das cidades da Galiza, a CIG mobilizou-se para rexeitar as medidas económicas do Goberno Español: “Coas políticas do PP: os pobres máis pobres e os ricos máis ricos” - Vídeo

    Centos e centos de delegados e delegadas da Confederación Intersindical Galega saíron, o Xoves 12 de Xaneiro de 2012, á rúa en todo o país para amosar o seu rexeitamento ás medidas adoptadas polo Partido Popular nada máis acceder ao Goberno español porque volven cargar o peso da crise sobre a clase traballadora. O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, fixo en Vigo un chamamento á mobilización para conquistar un modelo económico e social máis xusto e solidario e adiantou a posibilidade de convocar unha nova folga xeral antes do 10 de marzo, data na que se celebra o Día da Clase Obreira Galega.


    A CIG celebrou hoxe unha nova xornada de análise e mobilización nas principais localidades do país. A primeira hora da mañá daban comezo as asembleas de delegados/as en Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Vilagarcía nas que se abordaron as medidas económicas adoptadas polo Goberno español tras a chegada do PP e o efecto que terán sobre a clase traballadora. A mobilización máis numerosa foi a de Vigo, con preto de 500 persoas que marcharon dende Coia até a rúa Lalín e manifestación, entre as que se atopaba un grupo de traballadores/as do naval, que leron un manifesto ao remate da concentración fronte á delegación de Facenda reclamando apoio ás súas reivindicacións. En Santiago a xornada reivindicativa rematou coa ocupación simbólica da sede de Banesto.

    En todas as localidades se repartiron billetes de 500 euros coa cara do presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, nos que se podía ler “Coas políticas do PP: os pobres máis pobres e os ricos máis ricos” e "Contra a ditadura dos mercados, soberanía nacional”. O primeiro dos lemas figuraba tamén nas faixas.

    O secretario xeral da central nacionalista indicou en Vigo que o cambio no Goberno do Estado español non supuxo unha mudanza nas políticas nin na grave situación que padecen os traballadores e traballadoras. Suso Seixo alertou que o recente anuncio da redución do déficit público en 40.000 millóns de euros anticipa “que aínda quedan por diante recortes moito máis duros”. Diante disto, quixo deixar moi claro que a única saída que lle queda á clase traballadora, á maioría social, é a mobilización. “As oligarquías económicas entenden a crise como un momento de debilidade dos traballadores/as e van intentar precarizar aínda máis as nosas condicións laborais”, advertiu.

    En canto ás medidas adoptadas polo PP, o secretario xeral da CIG criticou que a primeira decisión fose a de reducir o gasto público. “Volverán subir o IRPF e tamén o IVE, o que vai afectar maioritariamente á clase traballadora, pero as grandes fortunas e os bancos non os van tocar”, censurou. Tamén cargou contra as últimas propostas da patronal, como a conxelación salarial, que suporá unha perda de poder adquisitivo se temos en conta o incremento dos prezos. “O seu obxectivo último é flexibilizar o mercado laboral e darlle prioridade aos convenios de empresa”. Seixo non se esqueceu tampouco do papel que están a xogar os sindicatos españois CCOO e UGT. “Con todo o que está a caer resulta difícil de entender a súa actitude, xa que non só non se mobilizan senón que están a dicir que hai posibilidade de acordo coa patronal”.

    Máis recesión

    No que respecta ás medidas que están a adoptar e propoñer os Gobernos, asegurou que non só non van favorecer a saída da crise senón que provocarán máis recesión. “O único que fan e darlles cartos e máis cartos públicos aos bancos, 500.000 millóns de euros non último meses, cando todos sabemos que nunca chegarán ás empresas nin ás familias”. Neste senso, lembrou que hai incluso premios Nobel en economía que sosteñen que a maior austeridade no gasto público maior recesión e que o que hai que facer é subirlles os impostos aos máis ricos e aumentar os salarios para fomentar o consumo, non baixalos como se pretende.

    O máximo responsábel da CIG sostivo tamén que existen alternativas a todas estas políticas, “pero non dentro deste modelo económico capitalista neoliberal que só está ao servizo dunha minoría”. Entre elas, citou o fomento do investimento público, a subida de salarios para reactivar o consumo ou a creación dunha banca pública para achegar recursos a familias e empresas. “Faise imprescindíbel un reparto máis igualitario da riqueza e maior soberanía para que as nacións que formamos parte de Europa poidamos decidir as nosas políticas económicas e sobre os nosos sectores produtivos”.

    Finalmente, lembrou que as mobilizacións de hoxe forman parte dunha campaña que a central desenvolverá nos vindeiros meses de cara a acumular forzas ante a celebración o vindeiro 10 de marzo do Día da Clase Obreira Galega. “Sen descartar a posibilidade de convocar unha folga xeral antes desa data porque os graves recortes que estamos a padecer vanse intensificar”.

    Detalle da concentración de Ferrol no recinto da axencia tributaria.




    http://youtu.be/67ZgIY7Oi9o


    Enlace:
    Galería de imaxes das mobilizacións na Galiza.

    Fonte:  http://www.galizacig.com/
    ____________________

    domingo, novembro 06, 2011

    Miles de persoas manifestaron-se en Ferrol polo Emprego, pola Ría, polo Sector Naval, pola Sanidade Pública, polo Ensino Público ... convocadas poa maioría sindical


    Pasadas as 12 do mediodía miles de persoas saían do Inferniño á altura da confluencia entre a estrada de Castela e a Avenida das Pías. Unha faixa asinada polas centrais sindicais convocantes abría a manifestación  "Polo emprego e o futuro das comarcas - O naval é fundamental - Carga de traballo xa!" e outra polos comités das compañias auxiliares e os de Navantia "Carga de traballo xa, 17.000 postos de traballo en xogo". Seguía a faixa da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, contra a privatización e os recortes "En defensa da Sanidade Pública - Contra os recortes sanitarios". Continuaba a marcha, a faixa en defensa do ensino público, portada polos sindicatos de sector e as ANPAS de Ferrol Terra "En defensa da calidade do ensino público - Non aos recortes nos centros de Ferrolterra", e a continuación, a faixa da xente do mar, manifestándo-se polo saneamento da Ría : "Non aos verquidos na Ría, depuración Xa!", "Plan de Rexeneración da Ría de Ferrol xa !". Detrás, multitude de bandeiras e cartaces na súa maioría, das centrais sindicais convocantes [CIG, CCOO, UGT e USTG]. Tampouco faltaron as partidarias do BNG e EU-Os Verdes. Houbo repartos de folletos co programa electoral dos partidos que non entran no asfixiante bipartidismo [PCPE], con presencia de concelleir@s de distintos concellos da Comarca. Tampouco faltaron activistas da Forxa e da CNT, e de GalizaNova, Briga e Nós-UP, e a denuncia de Fuco Buxán AC  demandando o rescate d@s traballadorxs, non a dos bancos, e os berros contra os  abusos bancarios, a corrupción, ... e esixindo postos de traballo na Terra, e outras faixas sen siglas que aludían a romper o acomodamento das direccións sindicais que estas recuperen a confianza na Clase Obreira, no seu poder transformador que se dean conta que se conciencien de que si que podemos que podemos gañar, que podemos transformar. Faixas de reivindicacións de traballadorxes de empresas concretas como Poligal e Privilege. Faixas da mocidade "por un futuro digno na nosa Terra" ou reclamando "Nin un paso atrás na defensa dos servizos públicos". Unha escenificación cun cadaleito, denunciando que o veto á construción naval civil e a ASTANO, é a morte do sector naval na Comarca. A Asemblea Local do Movimento 15M - #AcampadaFerrol, tamén apoiaba esta mobilización: "berrraremos por un cambio, por un futuro para a nosa comarca, para que os gobernos PP e PSOE se enteren que NON estamos de acordo co seu sistema, que NON estamos de acordo coas súas propostas, que NON estamos de acordo con eles, que NOM nos representan, que NON ... , que NON ... , que NON van ter os nosos votos, e que SI nos van ter na rúa loitando polo que e noso".

    Manifesto: "Carga de traballo xa, 17.000 postos de traballo en xogo"

    No longo manifesto lido ao final da manifestación, e que foi moi escoitado pola xente que abarrotaba a Praza do Concello, non faltou a mención á rexeneración e saneamento da Ría. A carga de traballo para o sector naval e a construción dun grande dique flotante para Navantia, ocuparon un lugar importante no discurso, mais tamén a defensa da sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos e de calidade. Tampouco foron esquecidas as esixencias de cumprimento de compromisos pendentes. Compromisos non cumpridos coa Comarca tanto por parte do Goberno Central como por parte da Xunta de Galicia. Compromisos en infraestruturas como o enlace ferroviario ao porto exterior ou a vía de alta capacidade entre San Cibrao e Ferrol. Non faltou a reivindicación do "tren de cercanías" para pasaxeir@s e mercadorías, moderno e eficaz como medio de transporte [Electrificado e de dupla vía].

    O 20N:"Eleccións Xerais"

    As eleccións xerais do 20N tiveron a súa referencia. As referencias veladas a romper co bipartidismo abafante, a romper coa alternancia dos que unha vez que están no goberno, fan políticas que lles ditan "os mercados", e que gobernan para os intereses destes, non para os das persoas. As centrais sindicais convocantes, pediron o voto para os partidos comprometidos coa Clase Traballadora; cos seus dereitos laborais, sociais, políticos e económicos; e a defensa da Sanidade, o ensino e os servizos sociais públicos.

    Sinalaron no comunicado unitario, a cobiza dos chamados "mercados financeiros", como responsábel da situación de crise. Lembrando que a nosa Comarca é unha comarca en declive, con importantes perdas de poboación como consecuencia das crises económicas e os miles de empregos que desapareceron. Os ataques ao sector público e o desmantelamento da industria naval son responsabilidade dos gobernos de Madrid e o da Xunta de Galicia, aos que cualificaron de irresponsábeis. As políticas neoliberais e os reiterados incumprimentos dos dous gobernos coa Comarca, están levando a esta a unha "situación límite". A destrución da Ría, a perda de miles de postos de traballo, o desmantelamento do sector naval, a falta de investimento, ... fan de Ferrol Terra unha comarca deprimida.

    Oportunistas na Manifestación

    Representantes da Xunta, da Deputación e do Concello de Ferrol [José Manuel Rey Varela, Diego Calvo, ...], así como deputados e representantes de partidos -PP e PSOE-  corresponsábeis desta situación, estiveron presentes na marcha pedindo un imposíbel "frente común" para esconder as súas responsabilidades, pois eles, e os seus partidos, son os irresponsábeis que aplican as políticas económicas neoliberais, dos recortes, das privatizacións, das contrarreformas laborais contrarias aos intereses da Clase Traballadora.

    Esperanza e Pedagoxía

    Mais a de hoxe foi unha mobilización de esperanza e pedagoxía. De esperanza porque as rúas de Ferrol Terra viron-se enchidas por miles de persoas dispostas a manifestar o seu descontento e defender os dereitos laborais e sociais da comarca na que viven. Pedagóxica porque foi a resposta cidadá á unidade sindical. As direccións dos sindicatos deben tomar nota desta mensaxe: "Queremos-vos unidos, e unidos en loita polos nosos dereitos". Agora queda a concienciación, a mobilización e a transformación, unha outra comarca e posíbel e necesaria, como diciamos no Foro Social de Ferrol Terra: "Outra Comarca, outra Democracia, outra Vida".

    A Galería Fotográfica é de Susete'70 e Albuns de Suso

    Chegou-nos outra interesante Galería Fotográfica desta vez da A.C. Fuco Buxán:
    Ver álbum fotográfico

    Nota do Álbum:
       Convocados polos Sindicatos, milleiros de cidadás e cidadáns de Ferrolterra encheron hoxe a Praza de Armas, rexeitando as políticas neoliberais, demandando postos de traballo e denunciando os recortes nos Servizos Público emprendidos pola Xunta de Galicia.
       A nosa Asociación tamén participou, co lema: "RESCATAR AOS (BANCOS) TRABALLADORES. Salvar os Servizos Públicos"
    .

    Enviaron-nos outro interesante Álbun fotográfico desta vez da CIG.
    __________________