Achegamos a intervención do Grupo de Análise e Proposta no Pleno Extraordinario do Concello de Ferrol no que se sometía á aprobación inicial o novo Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol.
Asociacion Veciñal "Fontelonga" de EsteiroIntervención do movimento social e veciñal de Ferrol no Pleno Extraordinario do 27 de Outubro de 2008Un sector moi importante do movimento social e veciñal da cidade, que contribueu na elaboración do regulamento de Participación Cidadá e no Foro Cívico, decideu solicitar a súa intervención no
Pleno Extraordinario do Concello de Ferrol celebrado onte, luns, 27 de Outubro de 2008, intervención que lle foi concedida, sendo Xosé Miguel López Pérez, presidente da Asociación Veciñal de Esteiro “
Fontelonga ”, o encarregado de falar no Pleno en representación de nove entidades. A continuación transcribimos a declaración que se leu no citado Pleno.
Ferrol 27 de outubro de 2008. Sr Alcalde, señoras concelleiras, señores concelleiros, veciñas e veciños de Ferrol, ¡ Boas tardes ¡.
No nome das nove entidades que solicitamos intervir neste Pleno Extraordinario do Concello de Ferrol (
AV de Ferrol Vello, AV de Caranza, AV O Rosario-Inferniño, AV de Covas, AV Prioriño, AV San Pablo de Catabois, ADEGA, Ateneo Ferrolán e AV de Esteiro- Fontelonga), queremos DEMANDAR a continuidade do proceso de participación cidadá posto en marcha por este Concello de Ferrol desde a Concellería de Participación Cidadá no presente ano 2008.
Hai máis entidades que xa nos amosaron o seu apoio como a Xunta Veciñal de Doniños, AV de Valón, AV San Salvador de Serantes, AV da Zona Centro e a Asociación Cultural “Lefre de Caldereta” e outras máis o irán facendo ó longo da semana.
Non vimos a ser portavoces de ningún grupo político, non vimos a censurar nin a atacar a ningún grupo municipal, todos eles nos merecen o maior respecto.
Vimos, exclusivamente, a que se recoñeza o traballo que vimos desenvolvendo, de maneira consensuada, desde o mes de maio na elaboración dunha ferramenta de participación cidadá: O novo Regulamento, e agardamos que hoxe non sexa o día no que no
Concello de Ferrol morra ou se mate, por intereses partidarios, a participación cidadá.
DEMANDAMOS dos cinco grupos municipais o apoio ó proceso de participación cidadá e agardamos que Vostede, sr. Alcalde, faga o mesmo.
Non se converta vostede, sr Alcalde, na persoa que desde a Alcaldía de Ferrol, matou a participación do tecido asociativo da cidade na vida municipal, sería para vostede, sr Alcalde, un triste logro.
Se algún grupo municipal pretende utilizarnos no seu favor, está fondamente trabucado.
Se algún medio de comunicación, como sucedeu o sábado e o domingo, ve no noso comportamento e nas nosas demandas algún apoio á algún partido político, trabúcase moito máis.
So vimos aquí a demandar que os partidos políticos cumpran o que prometen nas campañas electorais: Gobernar para os cidadáns e as cidadás e sobre todo cos cidadáns e as cidadás.
Non vimos aquí a cuestionar a lexitimidade dos grupos municipais, nin moito menos os queremos suplantar, pero queremos que se aprobe urxentemente o
Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Ferrol, elaborado e consensuado por máis de 70 entidades asociativas e por cidadáns e cidadás a título persoal, que fomos quen, por riba das nosas moitas maneiras de ver a vida, de chegar a un documento de todos e de todas, documento que, previo informe xurídico do Secretario Municipal, foi apoiado polos grupos municipais na xuntanza que mantivemos con eles.
- Queremos que se poñan en marcha as asembleas de barrio e de parroquia.
- Queremos que se poñan en marcha os consellos sectoriais.
- Queremos que se poña en marcha o Consello da Cidade e o Valedor Veciñal.
- Queremos que se poida intervir nos Plenos e nas Comisións Informativas.
- Queremos, sobre todo, no 2009 que se poñan en marcha os Orzamentos Participativos, que unha experiencia piloto nun barrio ou parroquia ou nunha área de goberno municipal poña en marcha os orzamentos participativos.
Como saberán vostedes no veciño concello de Fene, vano facer con 240.000 euros, 120.000 na parroquia de San Valentín e 120.000 na parroquia de Sillobre. En Ferrol a cantidade terá que ser sensiblemente maior.
Non dubide, sr. Alcalde, de que chegaremos a un acordo de en que barrio ou en que parroquia se fai a experiencia piloto, nós sabemos e queremos o consenso e xa o temos demostrado ó longo do proceso de elaboración do Regulamento de Participación Cidadá.
Agardamos e demandamos dos Grupos Municipais, e sobre todo de Vostede sr. Alcalde, que hoxe non se aprobe un Regulamento de Administración e Goberno do Concello de Ferrol, que vaia contra o proceso participativo, nin contra o froito dese proceso o Regulamento de Participación Cidadá, deixando baleiro de contido e convertendo en papel mollado.
Se isto sucedese, sr Alcalde, se hoxe morre ou matan a participación cidadá, saiba Vostede que o tecido asociativo non imos ficar nin mudos e moito menos imos ficar quedos.
- Nós non nos pronunciamos sobre quen ten que gobernar a cidade, non é a nosa competencia.
- Nós demandamos a continuidade da participación cidadá na vida municipal de Ferrol.
- Nós tamén formamos parte da cidade e colaboramos día a día na construción da mesma, no noso tempo libre, restandoo das nosas afeccións e roubándollo ás nosa familias, con moito esforzo e de maneira gratuíta, como non pode ser doutro xeito.
O tecido asociativo non pode ser só o río no que pescan os partidos políticos cando conforman as súas candidaturas as eleccións municipais, non somos entidades de usar e logo tirar, somos e temos vocación de ser moito mais.
Somos o tecido asociativo máis importante e máis vivo de toda Galicia e sempre que nos deixan ou nolo piden estamos dispostos a participar co noso traballo e co noso esforzo.
Non hai moitos días, sr Alcalde, e neste mesmo Salón de Plenos do Concello de Ferrol, Vostede recoñecía o importante labor desenvolvido por moitas entidades asociativas na elaboración do
Plano Estratéxico de Servizos Sociais de Ferrol, posto en marcha desde a Concellería de Benestar Social, foron moitas horas, moito traballo e moito esforzo. Que non se pretenda hoxe deixarnos mudos.
Nun sistema democrático os comportamentos ególatras, irrespectuosos e “
caudillistas”, están fóra de tempo e de lugar, Ferrol non os precisa e nós nin os practicamos nin os toleramos.
Queremos, xa para rematar,
DEMANDAR dos Grupos Municipais do Concello de Ferrol, que non aproben ningún Regulamento de Administración e Goberno, que limite, menosprece ou minusvalore a participación cidadá.
DEMANDAMOS para o exercicio do 2009 orzamentos participativos, cunha partida económica importante.
DEMANDAMOS a aprobación e posterior desenvolvemento do Regulamento de Participación Cidadá, elaborado, de maneira consensuada e sen ningún dirixismo político, polo tecido asociativo.
Agardamos que os cinco Grupos Municipais aposten decididamente pola participación cidadá e agardamos que Vostede, Sr Alcalde, faga o mesmo.
¡ Moitas grazas !
Enviado por:
Asociacion Veciñal Fontelonga -avvfontelonga@mundo-r.com- 10 de julho de 2009 17:42_____________
O Pleno aproba o novo Regulamento de Participación Cidadá de Ferrol consensuado co movimento asociativo e veciñal__________________